Archives

Mención especial a Sinergias Sostenibles Resiforest polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e da súa valorización

Sinergias Sostenibles Resiforest tivo unha mención especial no marco do III Foro de innovación produtiva do sector agrario, celebrado o pasado mes de marzo. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, entregou esta distinción polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e valorización do material extraído. Este proxecto centrouse no traballo con tres masas arbóreas sen valor comercial, unha de eucalipto afectada por un incendio, outra de piñeiro que presentaba un crecemento moi reducido e unha terceira ocupada por unha especie invasora como a acacia. Un dos seus propósitos era tratar de dar valor aos produtos obtidos en ámbitos como o enerxético, a través da caracterización realizada nos laboratorios e na planta piloto da EE Forestal. Alén das súas posibilidades neste eido, os investigadores da UVigo comprobaron tamén que é posible xerar biochar con este tipo de biomasa, nunhas probas realizadas cun forno pirolítico de deseño propio, baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado polo catedrático do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Luis Ortiz. O resultado foi a xeración dun “produto cunha gran capacidade de absorción”, do que o investigador Juan Castro puido constatar as súas posibilidades á hora de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro do xurro xerado nas explotacións gandeiras. En canto á entrega, fíxose efectiva na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, situada no campus de Pontevedra. A UVigo colaborou nesta iniciativa, xunto co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), entre outras entidades. O acto de entrega da mención complementouse cunha visita de campo na localidade coruñesa do Pino, na que se está a desenvolver o proxecto.

Presentación do proxecto Aproavi, unha iniciativa para xerar biogás e fertilizante a partir de residuos avícolas

Onte presentouse de forma oficial o proxecto ‘Aproavi: Aproveitamento integral da polinaza para a mellora da sustentabilidade e competitividade do sector agrícola’, nun evento online que organizaba a Asociación de Empresarios, de Gandeiros e Agricultores da comarca da Limia (ADEGAL), e que estaba dirixido ao sector agrícola. Esta iniciativa extenderase do 1 de xullo de 2022 ata o 1 de outubro de 2024, e ten como obxectivo mellorar a competitividade das explotacións avícolas a través da valorización do esterco, xunto con outros refugallos orgánicos, promovendo a súa conversión en enerxía renovable (biogás e gas de pirólisis) e en fertilizantes baseados no dixestato e en biochar. Para a consecución deste obxectivo, exponse os seguintes obxectivos específicos: 1. Identificar e establecer as características dos principais residuos orgánicos xerados na comarca da Limia e Baixa Limia. 2. Maximizar a produción de biogás mediante a diminución do efecto inhibitorio do nitróxeno presente na polinaza no proceso de dixestión anaerobia, mediante a codixestión con refugallos agrícolas abundantes na zona de estudo. 3. Establecer o efecto da temperatura da pirólisis, sobre a formación de biochar e sobre as súas propiedades principais. 4. Comprobar a efectividade dos produtos obtidos a partir do dixestato e biochar como fertilizante, en dous cultivos tipo: a pataca e o trigo. A investigación desenvólvese entre ADEGAL, o Centro Tecnolóxico EnergyLab, e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) e Silvares Group S. Coop Galega, e conta coa financiación do procedemento de axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (procedemento MR331B), ao amparo da Resolución do 30 de decembro de 2021(DOG nº 18, do 27 de nero de 2022), en réxime de concorrencia competitiva, e cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). 

Agroamb impulsa a creación dun polígono agroambiental en Castro de Rei

Alfonso Rueda, acompañado de directivos das empresas impulsoras, nas instalacións de Agroamb en Castro de Rei.

A empresa Agroamb, especializada na produción de biofertilizantes a partir da reciclaxe de distintos tipos de residuos orgánicos, impulsa a creación en Castro de Rei dunha planta de biogás que producirá ao ano 107 GWh de biometano, equivalentes ao 11% do consumo de gas dos fogares da provincia de Lugo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este venres as instalacións de Agroamb para coñecer de primeira man o proxecto de desenvolvemento deste polígono agroambiental e garantiu o apoio da Xunta a este proxecto, declarado Iniciativa Empresarial Prioritaria, que suporá un investimento de 20 millóns de euros e a creación de 40 postos de traballo.

As tres empresas prevén investir neste proxecto 20 millóns de euros e crear 40 postos de traballo

Rueda resaltou o apoio do Goberno galego ás iniciativas privadas respectuosas co medio ambiente e destacou este tipo de proxectos estratéxicos que combinan innovación e sustentabilidade coa posta en valor dos piares tradicionais da economía galega. “Cremos que o interior de Galicia ten moito que achegar á consecución dun próspero porvir”, afirmou Severiano Ónega. 

Empresa pioneira na fabricación de biofertilizantes

O presidente da Xunta loou a figura do fundador de Agroamb, unha empresa que agora continúa nas mans dos seus herdeiros e que hai máis de dúas décadas comezou a comercialización de fertilizantes a partir dos residuos orgánicos das granxas.

Hoxe Agroamb é unha compañía punteira que quere dar un paso máis no eido da economía circular coa creación dun polígono agroambiental da man de Enagás Renovables e Genia Bioenergy. “Son grandes empresas que están unindo as súas forzas e estamos convencidos de que o resultado vai ser moi bo”, indicou o presidente da Xunta, quen animou tamén a aproveitar “o gran potencial” que Galicia ten na industria agraria.

Agroamb busca dar un paso máis no eido da economía circular nas súas instalacións de Ponte de Outeiro

Alfonso Rueda fixo fincapé no apoio que Agroamb tivo sempre da Administración autonómica e confirmou ese compromiso resaltando que a planta de biometano, que é o primeiro piar do proxecto agroambiental da empresa ubicada en Ponte de Outeiro, conta xa coa declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria por parte do Consello da Xunta. “En Galicia temos moitas posibilidades coas enerxías renovables e os primeiros que o fagan irán con vantaxe”, subliñou.

Pendente a lei galega de xurros

Alfonso Rueda destacou as boas prácticas que xa se están aplicando no agro galego, coa posta en marcha a nivel autonómico de medidas que buscan unha xestión sustentable e eficiente das dexeccións gandeiras “sen perder nunca a perspectiva das particularidades do noso campo”, indicou.

Na procura dunha xestión sustentable das dexeccións gandeiras, a Xunta ten previsto aprobar unha lei autonómica para regular os residuos agrarios 

Entre esas medidas figura a futura lei galega para regular as dexeccións gandeiras, as axudas da Consellería do Medio Rural para a adquisición de cisternas con novos sistemas de aplicación de xurros ou melloras na xestión da superficie agraria útil a través da aprobación da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia.

“Cada vez máis os fertilizantes van ser un limitante importante para a produción de alimentos”

O profesor emérito de Edafoloxía Felipe Macías A fertilidade é a capacidade do chan para fornecer ás plantas os nutrientes básicos que estas necesitan. Trátase dun conxunto de entre 17 e 20 elementos esenciais para que a planta poida cubrir o seu ciclo vital. Pero “os chans envellecen e perden a súa fertilidade natural”, advirte o profesor emérito de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Felipe Macías, que propón algunhas solucións para mellorar a fertilidade dos chans en Galicia. A alteración mineral libera nutrintes das rochas e vólveos biodispoñibles. “A drenaxe é o motor da alteración, por iso a choiva en Galicia xoga un papel fundamental”, indica Felipe, que participou recentemente nunhas xornadas sobre fertilización organizadas por SEIAF na Escola Politécnica de Lugo.
A drenaxe é o motor da alteración mineral dos chans, por iso a choiva en Galicia xoga un papel fundamental
Pero este experto alerta de que a fertilidade natural dos chans non é infinita, senón que os solos envellecen e esgótanse, necesitando achegas extra de nutrintes. Pero advirte: “Cada vez máis os fertilizantes van ser un limitante importante da produción de alimentos”. Por iso, di, é necesario buscar alternativas complementarias ao abonado que pasen pola remineralización natural dos chans e a reciclaxe de residuos con finalidade agrícola. Tecnosoles A Edafoloxía é a ciencia que estuda os chans e os seus factores de formación, incluíndo ao home. Por tanto, é unha ciencia que permite coñecer o valor dos elementos químicos, os compoñentes minerais, o humus, e as súas interaccións, a diversidade de tipos e procesos de formación de solos e as propiedades que se presentan en cada estadio evolutivo e contexto climático. A evolución natural dos chans no tempo orixina perdas e ganancias de determinados elementos e desequilibrios no seu comportamento físico-químico. Se a iso lle engadimos os efectos producidos polas actividades humanas, os solos poden presentar alteracións moi variadas das súas propiedades. Coñecer estas deficiencias ou limitacións é a primeira parte dunha posible actuación correctora, que pode chegar ata facer chans “á carta”, para substituír solos perdidos, ou recuperar chan degradado, corrixindo as limitacións e as consecuencias negativas dos contaminantes.
Gran parte dos materiais que acaban hoxe nun vertedoiro poderían ser valorizados e incorporados ao chan
“Son o que chamamos Tecnosoles á carta ou Tecnosoles a medida, que poden facerse con multitude de materias primas, residuos ou subproductos adecuados reciclados”, explica Felipe. “Gran parte dos materiais que hoxe acaban nun vertedoiro, onde son inútiles e producen efectos nocivos para o aire e a auga, poderían ser valorizados por esta vía bioxeoquímica que imita á natureza”, asegura. Aplicación en agricultura Aínda que ata o momento a maior utilización dos Tecnosoles levouse a cabo para recuperar e rehabilitar chans e ecosistemas afectados por actividades mineiras, industriais ou de obra civil, tamén poden usarse en agricultura, considera Felipe. “O que moitas veces se fai con substratos ou emendas, faríase moito máis efectivo e eficaz con chans á carta, deseñados especificamente para corrixir as deficiencias”, afirma.
Un chan recuperado adecuadamente pode volver producir alimentos, gañando desta forma superficie agraria
Con Tecnosoles adecuados, tanto os contaminantes inorgánicos, como os orgánicos, poden ver limitada a súa acción negativa. Pódense inertizar compostos de arsénico, selenio, metais pesados ou hidrocarburos e Tecnosoles deseñados para o efecto poden impedir ou retardar a oxidación de sulfuros, sulfoarseniuros e a lixiviación e mobilización de metais, poden reter ións tóxicos de forma moitas veces pouco reversible (oclusión, absorción específica), etc. Escasos avances en Economía Circular na UE Para o profesor emérito da USC, as decisións a nivel de economía circular da UE son excesivamente tímidas e chegan escasamente á práctica polas múltiples regularizacións, que moitas veces impiden ou atrasan a aplicación dos novos coñecementos científicos e técnicos. “Unha proba diso é a enorme proporción de materiais residuais que van á entulleira en España, máis do 50%”, exemplifica. “A UE aplica un principio excesivo de precaución que bloquea os avances científicos e a aplicación dos coñecementos”, considera.
A natureza tende a converter en chan case calquera material que queda na superficie
Para Felipe, o depósito de residuos en vertedoiros debería ser a última solución e non unha práctica habitual. “A natureza tende a converter en chan case calquera material que queda na superficie. Imitando o seu exemplo, deberiamos avanzar en como podemos recuperar e mellorar as funcións ambientais e produtivas dos chans a través da correcta incorporación de materiais recirculados adecuados”, insiste. Perda preocupante de materia orgánica O chan debe tratarse para mellorar a súa función recicladora e manter a súa circularidade. “Existe un gran descoñecemento do que é o chan e das funcións que realiza, tanto en sentido produtivo, fornecéndonos alimentos e fibras, como ambiental, mantendo unha elevada biodiversidade e actividade biótica, mellorando a calidade da auga e secuestrando carbono”, describe. Por iso, considera preocupante o feito de que os solos agrícolas en España perdesen entre un 40 e un 90% do seu contido en carbono natural. “Iso reduce a súa estabilidade estrutural e incrementa os riscos de erosión”, explica.
O chan ten un certo poder de amortiguación, que é limitado, fronte aos impactos externos
A pesar de que é posible o cultivo en solos con pouca materia orgánica, a perda deste compoñente fundamental do chan faille perder moitas das súas propiedades máis relevantes, como o secuestro de carbono, a capacidade de retención de auga e a protección fronte aos contaminantes. A proposta do Goberno francés, numerosos países, entre eles España, asinaron o compromiso de incrementar un 0,4% o contido en carbono dos chans agrícolas, a coñecida como iniciativa 4 por mil. Aproveitamento de xurros e lodos de depuradora Galicia é a comunidade autónoma española con maior concentración de materia orgánica nos seus chans. Segundo distintas medicións, estímase que os solos galegos teñen de media, nos primeiros 30 centímetros de profundidade, un 7,4% de materia orgánica, aínda que en chans ocupados por cultivos descende ata o 1,7%. A nivel estatal, o 50% da superficie española contén valores de materia orgánica no chan por baixo do 1%.
Os chans con maiores concentracións de COS sitúanse en zonas húmidas e frías do norte peninsular, destacando Galicia, con valores que en ocasións chegan a 200 Mg C/ha
A concentración de materia orgánica nos chans de uso agrícola é ata un 38% menor que nos chans ocupados por bosques, confirmando que os chans agrícolas foron os que máis cantidade de carbono orgánico perderon debido fundamentalmente a prácticas asociadas ao laboreo intensivo. Varias son as prácticas agrícolas que teñen a capacidade de reverter esta tendencia, cambiando a dinámica de carbono no chan, ben sexa incrementando as entradas ou retardando as saídas por redución da mineralización da materia orgánica, contribuíndo deste xeito a aumentar os stocks de carbono e o efecto sumidoiro do solo. Prácticas que incrementan as entradas de carbono no chan serían: sementeira directa, cubertas vexetais, agricultura ecolóxica, aplicación de lodos de depuradora, aplicación de compost, aplicación de residuos gandeiros, aplicación de residuos agrícolas, utilización de cultivos entre liñas, utilización de cultivos de raíces profundas. As prácticas que reducen as saídas de carbono no chan en forma de emisións céntranse fundamentalmente naquelas baseadas na redución ou supresión do laboreo, como a sementeira directa e as cubertas vexetais.
O 50% do esterco producido en España procede do gando bovino e o 30% do porcino
Practicamente a metade do esterco producido en España procede do gando bovino, seguido do porcino, e entre os dous supoñen o 80% do total. No que se refire ao contido en materia orgánica, as dexeccións de bovino achegan o dobre de materia orgánica que as de porcino. A reutilización de lodos de depuradora en chans agrícolas é moi controvertida, xa que aínda que teñen un gran potencial fertilizante (son ricos en fósforo, nitróxeno e materia orgánica), tamén poden posuír concentracións elevadas de metais pesados e microorganismos patóxenos presentes nas augas residuais.  

“Cos aportes de serríns de granito temos unha ferramenta barata para mellorar os solos en Galicia”

Os chans son un intermedio entre a rocha e o sedimento que interacciona coa auga, o aire e os organismos vivos mediante un conxunto de reaccións bioxeoquímicas. O lavado, a drenaxe e a erosión poden conducir de novo a un chan á infertilidade, necesitándose novas achegas minerais para recuperala. A enorme variedade de solos naturais, con propiedades extremadamente variables que hai no mundo, así como distintos sistemas de intervención implantados, constitúen modelos a imitar. “En Brasil están a levarse a cabo programas de remineralización dos chans, do mesmo xeito que en México, Arxentina ou Escocia”, explica Felipe. A actuación humana pode axudar a rexenerar os solos mediante achegas de nutrintes, materia orgánica ou fragmentos minerais que permitan recuperar a fertilidade química.
É necesario ter un sistema que recicle a fertilidade natural dos chans
“Necesitamos remineralizar os nosos chans e esta remineralización pode levarse a cabo a través de serríns de rochas oceánicas que, se son básicas, como no caso dos granitos, serven ademais para capturar carbono. Sabemos que a alteración mineral é o maior elemento de secuestro de carbono. Estímase que unha rocha básica dunha tonelada pode absorber de 1 a 2 toneladas de anhídrido carbónico do aire”, detalla. Felipe propón remineralizar os chans en Galicia con achegas de serríns de granito procedentes de canteiras e marmorerías. Sería unha forma de aproveitamento eficaz dun refugallo con propiedades beneficiosas para os chans agrícolas. Zonas privilexiadas: os depósitos mundiais de loess “A fertilidade natural deriva do ciclo xeolóxico interno. Un factor esencial é a redución do tamaño de partícula. E o ciclo xeolóxico externo xera zonas privilexiadas de fertilidade”, asegura Felipe. Chile, México, Filipinas ou Xapón basean a súa fertilidade na remineralización volcánica. Outra forma de redistribución importante dos nutrintes é a provocada polos ríos.
O loess é un material sedimentario formado principalmente por po moi fino de rocha arxilosa ou calcárea, que se orixina en rexións áridas e é transportado polo vento
“O loess entrou en Europa central a través das concas dos ríos Rhin e Danubio, pero na península ibérica non nos tocou nada. Iso explica a enorme produtividade de cereais de Centroeuropa, onde son habituais producións de trigo de 12.000 quilos por hectárea”, detalla. Os principais depósitos mundiais de loess sitúanse no centro de EEUU, a Pampa arxentina, na zona centroeuropea ata Ucraína, a zona sur de Australia ou a contorna do río amarelo en China, áreas que se vinculan ás principais zonas de produción de cereais do mundo. Biochar Pero o chan non depende só da rocha orixinaria, senón que ademais dos elementos de partida súmase a materia orgánica engadida con posterioridade. “Na cultura humana foise asociando a cor negra do chan cunha elevada fertilidade debido á cantidade de materia orgánica que contén. O aproveitamento da biomasa a través da calor (biochar) pode servir para mellorar as características dos chans”, asegura Felipe.
O biocarbón ou biochar é un carbón particulado con pH elevado xerado a partir de residuos vexetais
O biochar é un material sólido obtido da pirólise ou conversión termoquímica de biomasa nun ambiente de osíxeno limitado. A materia orgánica sofre unha carbonización que produce unha reorganización dos átomos de carbono para dar estruturas parecidas ao grafito. Aínda que as súas características dependen do material de partida, algunhas propiedades comúns ao biochar serían o seu alto contido en carbono e baixo en nitróxeno, o seu pH alcalino e a súa alta porosidade e capacidade de retención hídrica. A utilización de biochar como mellorante de chans está a espertar gran interese da comunidade científica, que atopa certas similitudes coas coñecidas como Terras Pretas, unha práctica ancestral utilizada polos indíxenas da Amazonía brasileira para xerar chans fértiles duradeiros.

“A cuncha de mexillón podería empregarse para encalar as terras e os montes”

Vertedoiro de cunchas de mexillón (www.iPacuicultura.com) Os solos en Galicia son ácidos, o que provoca un menor aproveitamento dos nutrintes por parte das plantas e cultivos. Para correxir a acidez, utilízanse habitualmente distintos produtos comerciais existentes no mercado elaborados a base de calizas. Pero nas leiras das zonas de costa galegas utilizábanse tradicionalmente cunchas de moluscos e crustáceos para subir o pH do solo. Por iso, a catedrática do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinadora da unidade de xestión ambiental e forestal sostible UXAFORES propuxo nunhas recentes xornadas organizadas por SEIAF na Escola Politécnica de Lugo a utilización de cunchas de mexillón como emenda agrícola.
A principios do século XX as calizas comerciais empezaron a substituir ás cunchas e ás cinsas como produtos encalantes tradicionais
Galicia é a segunda produtora mundial de mexillón, despois de China. É, xa que logo, un residuo mariño abundante que é rico en carbonato de calcio e, polo tanto, con propiedades beneficiosas tanto para os solos agrícolas como forestais. Economía circular Nas 3.300 bateas distribuidas polo litoral galego prodúcense unhas 270.000 toneladas de mexillón ao ano e o seu procesado na industria conserveira xera uns residuos de perto de 90.000 toneladas de cunchas. O mexillón cultivado desde os anos 70 nas costas galegas pertence á especie Mutilus Galloprovincialis e a cuncha representa aproximadamente un terzo do peso do molusco.
A composición da cuncha de mexillón está formada en máis dun 95% por carbonato cálcico
En ocasións, estes residuos acumúlanse en zonas poco acondicionadas e crean un efecto visual e olfativo indesexado, con graves prexuizos desde o punto de vista ambiental, polo que a súa valorización agrícola entraría dentro das actuais estratexias de economía circular fomentadas desde Europa. Desde o punto de vista normativo, as cunchas de mexillón catalóganse como subprodutos animais non destinados ao consumo humano (SANDACH), o que plantexa certas dificultades e limitacións legais para a chegada ao mercado de produtos derivados. Uso en pradeiras, viñedos e montes A profesora da Politécnica Esperanza Álvarez Un equipo universitario da Escola Politécnica Superior de Lugo (EPS) dirixido pola profesora Esperanza Álvarez Rodríguez, analizou hai xa 15 anos o potencial das cunchas de mexillón como emenda en solos tanto agrícolas como forestais. “Poderían empregarse para encalar”, asegura. É un material de baixo custo, pero require dun procesamento previo para a súa utilización nas terras. “Fixemos ensaios con distintas mesturas en parcelas de raigrás da Pastoriza con cuncha moída en tamaño de 0,25 a 0,30, xa que a que se comercializaba machacada ten problemas nas fosas de purín”, explica Esperanza.
Analizouse a produción tanto en pratenses como en millo tres anos despois do encalado
Ademáis deste uso agrogandeiro, tamén tería utilidades en parcelas de viñedo que están recibindo sulfatos de cobre para o tratamento de enfermidades fúnxicas, indica. A cuncha de mexillón é un material composto, cunha fase mineral constituida por carbonato cálcico (95 a 99% do peso da cuncha) e pequenas cantidades de outros elementos, tales como nitróxeno, azufre, fósforo, potasio ou magnesio. No proceso de valorización utilízaronse tamén outros materiais, como lodos de depuradoras ou cinsas de biomasa, que melloran as propiedades físicas da mestura final coas cunchas. 
Existen xa no mercado diversos abonos que inclúen cuncha de mexillón
Existen xa diversos produtos no mercado elaborados a partir de cunchas de mexillón, desde un abono a base de algas e cunchas de mexillón (Celtacal), fabricado por Ecocelta, a pastillas fertilizantes e un complemento alimenticio para aves producido por AbonomarA acidez, un factor limitante da produtividade forestal Outro dos posibles usos deste subproduto da industria mexilloeira sería a nivel forestal. Aínda que os montes galegos teñen unha elevada produtividade, un dos factores limitantes para algunhas especies é a acidez do chan e as altas concentracións de aluminio. “Son solos ácidos, polo que van ter baixa dispoñibilidade de nutrintes básicos e de molibdeno, cun aluminio que pode estar saturado e en niveis de toxicidade. Sen embargo, non existe tradición de encalado de solos forestais”, explica Esperanza.
En ocasións hai problemas de crecemento pola saturación de aluminio
Nun ensaio levado a cabo en 128 parcelas forestais distribuídas por toda Galicia, con distintos tipos de solo, analizouse a produción de pinus pinaster. “O granito ten unha saturación de aluminio moi alta e o máis tóxico é o Al3+. As especies forestais, como o piñeiro, ás veces poden tolerar altas saturacións de aluminio sen sufrir toxicidade, pero outras veces hai problemas de crecemento pola saturación de aluminio. Se queremos cultivar eses solos temos que recurrir ao encalado para reducir a toxicidade por aluminio e aumentar a dispoñibilidade de nutrintes”, argumenta.

“Hai que coñecer ben o solo para poder manexalo correctamente e evitar así a súa perda”

As características do solo dependen, en primeiro lugar, da rocha da que procede. “En función da rocha que teñamos imos ter un tipo de solo ou outro. Por iso os solos que temos en Galicia son diferentes, aínda que fundamentalmente ácidos”, indica Esperanza. Botando unha ollada ao mapa das propiedades do chan de Galicia, obsérvase que a fachada atlántica está dominada polo granito, seguida dunha faixa interior onde os xistos son predominantes, mentras na provincia de Lugo as protagonistas son as lousas. En Ourense, mestúranse zonas graníticas con zonas de lousas e xistos. 
Tan só temos pequenas zonas de rochas calizas de sedimentación en Meira, Mondoñedo, Triacastela ou Ourense; en Galicia son unha excepción
"Os materiais de partida van influir moito no solo e na súa fertilidade", afirma Esperanza, que fai fincapé nun correcto manexo e laboreo á hora de traballar as terras. As rochas ácidas, a partir de granito, por exemplo, van dar texturas máis permeables, con menos retención de auga e máis risco de seca, con saturación de aluminio e pouca retención de nutrintes.
Os solos graníticos son máis propensos á seca mentras as terras con arxila e limo sofren problemas de encharcamento
Pola contra, as rochas básicas da zona da Capelada, Bergantiños, Santiago, Melide, Lalín, Arzúa ou As Mariñas son solos profundos con alto contido en arxila e facilidade de encharcamento. As pizarras e cuarcita da Fonsagrada dan solos limosos e en zonas como Monforte, A Limia, Verín, Sarria, Quiroga ou As Pontes son habituais tamén os encharcamentos. As ensinanzas do 'Dust Bowl' dos anos 30 en EEUU “Hai que coñecer ben o solo para poder manexalo correctamente e evitar así a súa perda”, concluíu Esperanza, e puxo o exemplo das grandes tormentas de polvo dos anos 30 nos Estados do centro de EEUU, un período coñecido como Dust Bowl. Entre 1930 e 1939 sucedéronse tormentas de po que converteron as Grandes Chairas estadounidenses nun deserto. Foi o desastre ecolóxico máis perigoso da historia de Estados Unidos e debeuse en boa parte á acción do home, debido á transformación das praderías en terras de cultivo de cereal, que a prolongada seca e a acción do vento se encargaron de erosionar. O Dust Bowl afectou a 400.000 km cadrados en Estados como Oklahoma, Colorado, Kansas, Texas ou Novo México. Calcúlase que tres millóns de persoas abandonaron as súas granxas e máis de medio millón emigrou a outros estados. As tormentas de po acrecentaron os efectos da Gran Depresión na zona, provocando 5 millóns de mortos como consecuencia da fame.

Biofertilizante de alta calidade a partir do bagazo de uva

A viticultura rexenerativa é a nova aposta da adega Terras Gauda cun proxecto de economía circular que ten como fin producir biofertilizante de alta calidade para o viñedo a partir do bagazo, que é sometido a un proceso de vermicopostaxe. Para iso, conta cun innovador vermireactor, deseñado e desenvolvido en exclusiva para a adega, que procesa in situ este subproduto da vinificación transformándoo en vermicompost con propiedades bioestimulantes, biofertilizantes e biopraguicidas. A súa aplicación en viñedo proporciona un amplo abanico de efectos beneficiosos ao sistema solo - planta. Isto é debido ao seu elevado contido en nutrientes, facilmente asimilables polas cepas, a súa alta capacidade de retención de auga e a comunidade microbiana que xera. “Subimos un chanzo máis no noso empeño por conseguir unha maior sustentabilidade ambiental no viñedo, interactuando coa contorna de forma ética e responsable, abordando a conservación, rexeneración e respecto da biodiversidade”, explica o director enolóxico de Terras Gauda, Emilio Rodríguez Canas. Desde que hai pouco máis dun ano, Terras Gauda activou o seu propio modelo de vermireactor, valorizou máis de 50 toneladas de bagazo mediante un proceso coñecido como biooxidación, no que as lombrigas de terra interactúan de forma intensa cos microorganismos deste subproduto da vinificación, que dá como resultado o biofertilizante de gran calidade. En canto aos resultados, a adega xa comprobara co proxecto de investigación Vitalver os beneficios da utilización do vermicompost no viñedo, a vide e o viño. Agora incorporouno tanto en forma sólida como líquida e o equipo técnico está observando unha resposta moi positiva nos viñedos, tanto a nivel da microbiota do chan e da mellora na estrutura e porosidade deste, como na saúde e a produtividade das cepas. Tamén ao aplicalo en vides novas, plantadas recentemente, cuns resultados excelentes.

Xornadas de formación sobre o uso cosmético da cera de abella

A Consellería do Medio Rural organiza unha xornada sobre o uso cosmético da cera de abella que terá lugar nos concellos de Becerreá e As Pontes. O programa inclúe nocións sobre os materiais procedentes da colmea que poden empregarse para a elaboración de cosmética natural, ademais de prácticas para levar a cabo xabón ou xampú líquido a base de produtos da colmea. Nesa liña, abordaranse os procedementos para elaborar tamén tinturas, tónicos, cremas ou protectores labiais botando man do mel, de própoles, de xelea real ou da cera de abellas. O curso da localidade lucense terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal o próximo 16 de setembro, en horario de 9,00 a 15,00 horas. Mentres, o do concello coruñés será o día 17 na Casa do Mel de Goente, das 16,00 ás 22,00 h. O obxectivo que se persegue coa celebración de senllas xornadas é o fomento da eficiencia dos recursos apícolas, e a procura da sustentabilidade da economía rural. Nesta páxina poden atoparse os referidos cursos, e así mesmo, o acceso á preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. A coordinadora porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 370, ou enviarse un correo a mercedes.fra.perez@xunta.gal.

Renovación da xunta de goberno do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia (Coetfg) vén de renovar a súa xunta de goberno, que tomou oficialmente posesión dos cargos este pasado 18 de xuño, tralo proceso electoral realizado en maio. Desde o Colexio destacan que a nova xunta “integra experiencia e destreza cunha visión renovada e cargada de ilusión e confianza”. Sinalan asímesmo que o equipo está conformado por “profesionais en activo que exercen dende áreas moi diversas e configurando deste xeito un equipo multidisciplinar e cun amplo foco cara a profesión”.

A nova Xunta de Goberno está formada por:

  • Santiago García, en calidade de Decano. Enxeñeiro Forestal e Técnico Superior en prevención de riscos laborais, que actualmente desempeña funcións de Coordinación de Seguridade e Saúde en obras relacionadas coas Enerxías Renovables. Promotor da constitución do COETFG e socio cofundador deste colexio profesional; liderou a entidade dende o cargo de Decano durante distintas etapas, participando ademais noutros cargos ao longo da vida do Colexio.
  • Mercedes Rois, en calidade de Secretaria. Enxeñeira Forestal, Doutora Enxeñeira de Montes, colexiada do COETFG dende 1999, conta cunha ampla experiencia profesional no Instituto Forestal Europeo, con sede en Finlandia, e actualmente exerce a profesión en Galicia como consultora independente no eido da bioeconomía forestal.
  • Anxos Corral, en calidade de Tesoureira. Enxeñeira Forestal colexiada dende 2004, con experiencia profesional no ámbito da consultoría forestal no eido da construción en madeira e execución de obra. Actualmente compatibiliza a súa actividade profesional no eido dos seguros coa labor docente. En distintas ocasións ten participado activamente na organización e deseño de distintas actividades postas en marcha polo colexio.
  • Beatriz Carrera, en calidade de Vogal. Enxeñeira Forestal e Enxeñeira de Montes, colexiada dende 2006, exerce a profesión libre dende unha consultaría técnica centrada no eido da Topografía. Colaboradora activa en numerosas actividades do COETFG.
  • Francisco Javier Turrillo, en calidade de Vogal. Enxeñeiro Forestal, promotor da constitución do COETFG e socio fundador deste colexio profesional. Dende fai mais de 25 anos desempeña a profesión na Administración Pública Galega, e actualmente no cargo de Xefe de Área Técnica do Servizo de Actuacións Preventivas da Subdirección Xeral de Prevención, na Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural.

O equipo directivo do COETFG, composto pola Xunta de Goberno, está apoiado no traballo profesional da Xerencia, a cargo de Patricia González, que conta cunha traxectoria de máis de 20 anos no desenvolvemento da entidade. Outra das patas do Colexio é a Asesoría Xurídica. encabezada por Simón Carballal. con participación tanto na constitución da entidade como na súa traxectoria.

O Colexio apunta como retos máis inmediatos da nova xunta o de consolidar e reforzar a entidade, incrementar a súa presenza e liñas de colaboración con distintas administracións e entidades representativas do sector e acadar unha maior implicación do colectivo.

Outro dos eixos centrarase en avanzar na defensa da profesión , en áreas como son as atribucións profesionais, a defensa de condicións de emprego dignas, fomentar vocacións, acadar unha igualdade real no desempeño da profesión en calquera das súas áreas, así como a adecuación e adaptación dos servizos colexiais ás novas demandas e a nova realidade tecnolóxica.

Por último, o Colexio lembra que todo isto “sería imposible sen a confianza e o apoio do colectivo de Enxeñeir@s Forestais, que no seu día a día realiza unha labor encomiable en defensa da profesión, ademais das aportacións e colaboración que continuamente achega ao seu colexio”.

Difusión da cultura forestal en centros educativos

A Asociación Galega de Calidade Alimentaria e a Federación de Aserradorios e Rematantes de Galicia veñen de asinar un convenio para a organización de actividades de divulgación forestal dirixidas a centros educativos. Esta colaboración suporá a celebración, ata o 31 de outubro deste ano, de sesións de contacontos e de charlas divulgativas sobre a bioeconomía circular, e sobre a aportación da industria forestal.

A Xunta colaborará a través do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, entidade encargada do contacto cos centros escolares, e da elaboración dun calendario de visitas. Ademais, o CIF proporcionará os elementos necesarios para as charlas divulgativas, e garantirá a presencia do persoal necesario para a correcta celebración das diferentes sesións.

Pola súa parte, Fearmaga será quen organice os contacontos centrados no conto dos tres porquiños, co título ‘Maruxa, Xaquín e Fuco difunden a bioeconomía circular’, dirixido aos escolares de educación infantil e primeiro ciclo de primaria que visiten o xardín botánico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Tamén garantirá a difusión das sesións de contacontos que se realicen de xeito virtual.

Así mesmo, organizaranse charlas divulgativas sobre a bioeconomía circular e sobre a aportación da industria forestal dirixidas aos escolares de educación secundaria, centradas na importancia dos bosques dende unha perspectiva social, medioambiental e económica. Cabe engadir que tanto os participantes nas actividades como o profesorado contarán con todo o material necesario para asegurar a correcta divulgación.

A Xunta destaca que esta iniciativa enmárcase na revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ‘Cara á neutralidade carbónica’, que aposta por levar a cabo un programa de divulgación e comunicación da cultura forestal, concretamente neste caso, con visitas de colexios ou institutos a centros de formación e experimentación forestal, entre outras accións.

Foro esenciais en Bioeconomía, 3 e 4 de marzo en Santiago

A Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, organiza o Foro Esenciais en Bioeconomía os próximos días 3 e 4 de marzo. As xornadas celebraranse no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

Neste encontro abordaranse distintas áreas nas que a madeira está a ser unha alternativa no marco do modelo de bioeconomía, como no sector téxtil ou na construción, así como na elaboración de envases presentes no día a día. Ademais tamén se debatirá a importancia do rural como palanca de cambio cara ese modelo de economía máis sostible.

As persoas interesadas en asistir ó foro poderán formalizar aquí a inscrición nas xornadas. O prazo para anotarse remata este xoves 24 de febreiro. Por causa da pandemia e para cumprir coas medidas de prevención de Covid-19, o aforo será limitado polo que é imprescindible inscribirse.

Detallamos a continuación o programa das dúas xornadas:

Xoves 3 de marzo

09:30 horas Recepción de asistentes

10:00 horas Benvida

Presenta: Mar Cabra, Forbes Top 50 Awarded Spaniards 2021, Premio Pulitzer de Periodismo.

10:10 – 11:30 horas. Moda

Como nos vestimos?
Kirsi Terho, directora de Contas, Infinited Fiber.
Pia Qvintus, directora de Desenvolvemento Comercial, Spinnova
Ioncell® – Fibras sostenibles a partir de residuos téxtis e madeira.
Marja Rissanen, investigadora, Aalto University.
Modera Ana Belén Noriega, secretaria xeral PEFC España.

11:30 / 12:00 horas PAUSA CAFÉ

12:00 – 13:00 horas. Hábitat

Como son os espazos que habitamos?
Estrutura de eucalipto no Museo de Arte Contemporáneo Americano (MACA).
Vanesa Baño, codirectora en OAK Ingeniería.
Desafíos da madeira como material do S.XXI. Cazú Zegers, fundadora e directora de Estudio Cazú Zegers Arquitectura.
Modera Silvia Gómez Fernández, responsable de oficina técnica, Madera Pinosoria.

13:00 13:30 horas. Consumo

Que mercamos?
Iniciativa de produtos sostibles: o papel dos envases a base de fibra.
Kai-Yee Thim, directora de produtos e seguridade de produtos, Swedish Forest Industries.
A madeira no noso día a día.
Elsa Grille, xerente PEFC Galicia.
Montserrat Rodríguez, directora de innovación, Axencia Galega da Industria Forestal.

13:30 / 15:30 horas. Xantar

15:30 -17:00 horas. Bioeconomía

Por que somos esenciais?
Potencial de substitución por produtos derivados da madeira.
Mariana Hassegawa, investigadora do Programa de Bioeconomía, Instituto Forestal.
Cambios estructurais no sector forestal: Leccións a partir do Estudo de Perspectivas do Sector Forestal (FAO).
Galina Churkina, profesora e doutora, Instituto de Ecoloxía, Universidade Tecnolóxica de Berlín.
Modera Genoveva Canals, coordinadora de Unemadera.

17:00 – 18:30 horas. Comunicación

Si somos esenciais… Como o contamos?
O bosque é a nosa casa. 
Sara Fernández, escritora e ilustradora.
Sonia Roig, profesora do departamento de sistemas e Recursos Naturais da UPM.
Wood for Good: campaña para a industria madeirera de UK.
Sarah Virgo, directora de campaña, Wood for Good*.
Ser parte da cultura: caso Gadis: “Vivamos como galegos”.
Cristina Varela, strategic planning, BAP&Conde.
Laura Vallejo, operaria forestal e motoserrista, Influencer forestal.
Modera Pilar Valbuena, consultora internacional en xestión da información e comunicación forestal.

Venres 4 de marzo

09:30 horas. Recepción de asistentes
10:00 horas. Benvida

10:00 – 10:40 horas. Retos

Innovar e romper o teito de cristal
Arancha Martinez, Forbes Top 50 Awarded Spaniards 2021, Premio EU women innovator 2020, Premio Princesa de Girona Social 2018, Fundadora de It-willbe.org, co-fundadora e CEO de The Common Good Chain.

10:40-12:00 horas. Oportunidades

O rural coma palanca de cambio
María Gafo, xefa de Unidade Adxunta, Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Comisión Europea.
Marta Corella, alcaldesa de Orea.
Inés Santé, directora da Axencia Galega do Desenvolvemento Rural, Xunta de Galicia.
Nuria Sotelo, bailarina e directora artística, emprendedora rural, A Casa Vella.
Modera Adela Trassierra, consultora forestal, alcaldesa de Fuentelfresno.

12:00 – 12:10 horas. Clausura

 

-Consulta aquí o programa completo.

A industria galega da madeira ante o reto da bioeconomía

‘Conversas sobre bioeconomía’ é unha serie de entrevistas en vídeo que realizamos nos últimos meses para a Asociación Forestal de Galicia, no marco do proxecto Biotecfor. O obxectivo da iniciativa é amosar áreas de bionegocio tradicionais ou innovadoras que poden representar unha oportunidade para o sector forestal.

Como mellorar a rendibilidade do monte para os propietarios?

Portugal enfronta retos forestais similares a Galicia, como o minifundio, a falta de xestión do monte, as pragas ou os incendios forestais. É un escenario que dificulta a rendibilidade para o propietario forestal e que tamén supón unha traba para a industria, que carece de suficiente oferta de madeira de calidade. Como mellorar a situación?. Un debate organizado na feira portuguesa Agroglobal (Santarém) analizou os desafíos para o monte cos directores executivos de catro das principais empresas forestais do país veciño: Rui Correia, de Sonae Arauco, unha competidora internacional da galega Finsa no sector do piñeiro; Antonio Redondo, de Navigator Company, unha pasteira con plantacións e compras de madeira en Galicia; José Pina, de Altri, a outra gran pasteira lusa; e Antonio Amorim, da Corticeira Amorim, o principal grupo produtor de cortiza a nivel mundial. O encontro abordou a oportunidade que representan para o sector forestal os fondos europeos destinados á recuperación económica pola Covid, que parten cun enfoque verde que debería beneficiar ó agro e a cadea monte – industria.
"Queremos que o propietario vexa o piñeiro como unha árbore rendible, cun retorno equiparable ó doutras especies" (Rui Correia, Sonae Arauco)
“Hai dúas cuestións importantes para impulsar a competitividade do sector forestal” -valora Rui Correia, de Sonae Arauco-. “En primeiro lugar, xestionar mellor o monte, con prácticas silvícolas axeitadas, con formación para os propietarios e con esquemas de certificación forestal. En segundo lugar, identificar as especies e plantas máis produtivas, adaptadas ó noso clima e necesidades. No eucalipto, iso é un tema que está traballado desde hai tempo, pero no piñeiro non”, lamenta. Como exemplo do que se pode facer en mellora xenética, Correia apunta o traballo que xa está desenvolvendo a súa empresa: “En Sonae Arauco importamos hai un ano de Chile sementes de 136 familias de piñeiro insigne e sementámolas nos nosos viveiros. Este ano xa están no monte, co obxectivo de identificar as familias máis interesantes para as condicións existentes en Portugal. Esas plantas multiplicaranse e poranse a disposición dos propietarios forestais". "O obxectivo final -continúa Correia- é lograr maiores crecementos das árbores en monte e máis rendibilidade. Queremos que o propietario vexa o piñeiro como unha árbore rendible e cun retorno comparable ó doutras especies”, valora en alusión ó eucalipto.
"Importamos sementes de 136 familias de piñeiro insigne de Chile co obxectivo de identificar as familias máis interesantes para as condicións portuguesas" (Rui Correia, Sonae Arauco)
O piñeiro insigne (Pinus radiata), cun turno de corta menor que o piñeiro do país (Pinus pinaster), ten en países como Nova Zelanda ou Chile un desenvolvemento xenético avanzado, uns resultados dos que agora se quere beneficiar Portugal. En Galicia, onde o sector forestal tamén está a investir na mellora xenética do piñeiro, valorouse este ano a importación de sementes de piñeiro insigne, pero xa non foi posible, ao expirar os prazos permitidos pola normativa, polo que o sector orientarase a unha mellora xenética a partir das masas de piñeiro insigne que xa hai en Galicia, como xa se fixo e se continúa a facer no caso do piñeiro do país. Reducción dos piñeirais en Portugal Portugal perdeu no último medio século a metade dos seus piñeirais, en parte por incendios e abandono, e en parte polo aumento de superficie dos eucaliptais. Desde o 2017, os eucaliptos teñen vetado o seu crecemento en superficie, unha restricción que implantou tamén Galicia o pasado verán. É unha normativa que en teoría debería favorecer a recuperación do piñeiro. Rui Correia recoñeceu que Sonae vese obrigada a importar madeira pola falta de materia prima en Portugal e criticou que a madeira de piñeiro se estea a queimar para usos enerxéticos. “Hai que dicilo claro, quéimase madeira, non se queima biomasa. Quéimase madeira que podería ter outros aproveitamentos de maior valor”, cuestionou. A conclusión do director executivo de Sonae Arauco é que a rendibilidade para o propietario forestal pasa por aumentar a produtividade do monte e a calidade da madeira que obtén. “Se se espera que a industria pague máis (pola actual madeira), non vai haber industria. Toda a cadea ten que ser competitiva a nivel global. No 2020, o prezo da madeira que adquiriu a planta de Sonae Arauco en Alemania foi un 60% do custo que pagamos en Portugal, se ben tamén é certo que Alemania ten salarios máis altos”, comparou Correia, que nada comentou sobre a escalada de prezos da madeira do piñeiro a nivel global nos últimos meses. Eucalipto O director xeral de Navigator, Antonio Redondo, avogou tamén por mellorar o traballo en monte para lograr maiores produtividades. “Precisamos protexer os montes dos incendios e das pragas e mellorar en produtividade” -defendeu-. “Dentro dunha mesma rexión en Portugal, con similares condicións de solo, hai produtividades moi distintas en función da planta empregada e da xestión forestal do monte”, subliñou.
"A rolla de eucalipto á porta da fábrica en España e Portugal é a máis cara do mundo" (Antonio Redondo, Navigator)
Xunto coa mellora das prácticas silvícolas, Redondo considera preciso afondar na certificación forestal, unha esixencia crecente dos mercados, que demandan produtos cos selos FSC ou PEFC, garantes da sostibilidade ambiental dos aproveitamentos. “Fomos a primeira empresa do mundo en pagar un ‘plus’ na compra de madeira certificada. Ese é o camiño para o propietario”, valorou. “A rolla do eucalipto á porta da fábrica en España e Portugal é a máis cara do mundo. Outros países cos que competimos teñen un custo moi inferior, polo que existe escaso marxe de manobra” -argumentou Redondo-. “Estamos nun mercado global onde o produto final das pasteiras é unha commodity con prezos que marca o mercado”, lembrou. Sobreiras A extracción de cortiza para sobreiras é un sector potente en Portugal, principalmente na zona centro e sur do país veciño. É unha cadea forestal que a moderadora do debate definiu como a “irmá boa do sector”, pois ten unha imaxe máis positiva entre a opinión pública que as cadeas do eucalipto ou do piñeiro. Antonio Amorim, o director executivo da Corticeira Amorim, a maior empresa mundial de cortiza, expuxo no debate algúns dos desafíos de futuro dos sobreirais do país veciño. “Teriamos a potencialidade de plantar 40.000 ou 50.000 novas hectáreas de sobreiras en dez anos. O noso obxectivo deben ser as sobreiras con regadío, que poden acurtar o tempo da primeira saca de cortiza de 25 anos a 10 anos” -explicou-. “Quizais o Plan de Recuperación Económica, que ten unha vida de poucos anos, non poida afrontar ese cambio estrutural na cadea da sobreira nin outros cambios estruturais no resto do sector forestal, pero si se poden dar uns primeiros pasos na dirección correcta. Un obxectivo para o Plan podería ser a plantación de 7.000 hectáreas de sobreira con regadío nos próximos tres anos”, apuntou Amorim.
"Se plantamos 7.000 hectáreas de sobreiras con regadío nos próximos tres anos, teremos dado un primeiro paso na dirección correcta" (Antonio Amorim)
O director executivo da Corticeira avogou tamén por unha maior mecanización dos aproveitamentos, o que reduce os custos e permite aumentar a rendibilidade para os propietarios, así como por avanzar en novas aplicacións da cortiza e por remunerarlle ó propietario as externalidades ambientais que aportan os sobreirais.

Estratexia Forestal Europea, montes produtivos e protectores

O debate sobre a compatibilidade de aproveitamentos produtivos no monte coa conservación ambiental foi un dos principais puntos abordados no debate. Entre os responsables das principais empresas portuguesas do sector, houbo consenso en afirmar que non serían posibles as áreas protectoras, orientadas á conservación, se non houbese áreas produtivas. “O monte produtor ten que ser xestionado e coidado. Non sería posible se non houbese un monte produtivo que compensase ó propietario”, valorou Antonio Amorim. Os empresarios foron críticos coa Estratexia Forestal Europea, na que perciben unha “ideoloxía ecoloxista”, e incidiron na importancia de diferenciar os montes públicos das propiedades privadas. “Hai países en Europa nos que a metade do monte é público, pero en Portugal só é un 2%”, analizou Antonio Redondo, que cuestiona a lexitimidade das políticas públicas que queren intervir no monte. Tamén o director executivo de Altri, José Pina, sinalou que é partidario de “menos intervención pública e máis colaboración”. Os empresarios apuntaron a importancia de actualizar o Catastro en Portugal, de cara a potenciar o asociacionismo e poñer en produción áreas abandonadas.

Como os residuos agroforestais galegos se transforman en produtos industriais de valor

“Cada vez que nos últimos anos falaba dos novos materiais derivados da madeira e das súas posibilidades en distintas industrias, tiña que poñer imaxes de exemplo de pezas feitas nos países nórdicos. Desde agora non volverá ser así porque xa temos novos materiais e produtos feitos en Galicia”. Quen así explica o proceso de innovación ligado á madeira galega é Francisco Pedras, técnico do CIS Madeira (XERA, Axencia Galega da Industria Forestal), que vén de participar na presentación dos resultados do proxecto ‘Valor Nature’.

O proxecto ‘Valor Nature’, impulsado por centros tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, deixa unha primeira conclusión clara. O futuro xa está aquí. Os conceptos teóricos de bioeconomía forestal ou economía circular comezan a plasmarse na práctica en cadeas industriais como o téxtil, a automoción ou os mobles.

Os compostos madeira – plástico

Unha das posibilidades de novos materiais que máis se está explorando a nivel internacional desde hai anos é a dos ‘composites’, compostos de madeira e plástico. En Galicia, é pioneira no seu uso Faurecia, unha industria do automóbil do Porriño que elabora acabados interiores dos automóbiles.

A compañía galega xa sustitúe parte dos plásticos do interior dos vehículos (portas, cadros de instrumentos, etc.) por composites nos que se mesturan materiais forestais e plástico.

O proceso industrial para avanzar no uso de distintos composites foi estandarizado polo Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (Ctag) no marco do proxecto Valor Nature. O centro probou con éxito distintos materiais naturais, combinados nunha porcentaxe do 30-40% con plásticos. Restos de poda (viña, kiwis, oliveiras), restos forestais de cortas ou toxos e xestas foron algúns dos materiais cos que experimentou o Ctag, xunto a residuos como conchas de mexillón ou micas procedentes da minería.

O sistema comeza coa peletización dos materiais en pelets de baixa densidade, que despois se combinan cos materiais plásticos para facer unha inxección conxunta nos moldes. “A tendencia que percibimos no sector é que os fabricantes da automoción queren acabados interiores nos que se perciban produtos naturais de verdade, non só en apariencia, senón no tacto”, explica a responsable de innovación de materiais do Ctag, Raquel Ledo.

Composites rotomoldeados.

Rotomoldeo de produtos
A elaboración de produtos finais con ‘composites’ de plástico e madeira probouse de xeito eficaz con distintas técnicas que se demostraron eficaces. É posible proceder ó fundido e inxección dos composites, pero tamén é posible o rotomoldeo en forno, o que é de interese para produtos de maior tamaño, como contedores e envases de certa dimensión, ou a extrusión, proceso co que se obtiveron produtos finais como pavimentos.

Mobiliario

Os composites madeira – plástico son tamén unha opción para certas gama de mobiliario, como as cadeiras de hostelaría que ata agora se elaboraban só de plástico. Ikea xa produciu cadeiras con composites en Centroeuropa e trátase dunha opción explorada tamén en Galicia no marco do proxecto.

Cadeira elaborada cun ‘composite’ e patas de bidueiro

“Elaboramos unha cadeira cun composite de madeira de eucalipto nitens, previamente triturada, e plástico, que combinamos cunhas patas de madeira de bidueiro elaboradas por unha artesá da Estrada, Atalanta” -explica Francisco Pedras-.

“Os composites teñen numerosas vantaxes. En primeiro lugar, pódense empregar residuos agroforestais que ata agora non tiñan outro uso, en especial restos de poda de viña, de kiwi ou de oliveiras (habituais no norte de Portugal). Na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal hai 75.000 toneladas aproveitables de biomasa de restos de poda de viñedo, tendo en conta só as comarcas nas que calculamos que é posible implementar unha lóxistica de recollida”, explica Pedras.

O destino habitual dos restos de poda era ata agora a súa queima na propia parcela, o que ademais vén xerando un problema de emisións e periódicos problemas por queimas que se escapan. “Hai claras vantaxes de reciclaxe e de aumento da sostibilidade, pero ademais o factor prezo tamén é favorable, pois estariamos sustituíndo ata un 40% de plástico, que ronda os 1.700 euros / tonelada nunha das gamas máis habituais, por un material máis barato, que só tería o custo loxístico de recollida e procesado”, valora Pedras.

Envases de restos agroforestais para a cosmética galega

A marca galega de cosmética Kooch (Tui) comezou a empregar envases elaborados con composites de restos agroforestais por medio do proxecto Valor Nature. É un dos primeiros usos en Galicia dos composites en produtos de pequeno volume.

Pavimento de Pvc e fibras de eucalipto

Un fabricante portugués xa ten no mercado un pavimento elaborado cun composite de Pvc e fibra de eucalipto. É unha posibilidade que tamén se traballou con empresas galegas da madeira.


Simbiose da madeira con fibra de carbono

Outra das opcións exploradas no marco do proxecto foi a combinación da madeira con outros materiais que lle dean un valor engadido ó produto final, ben a nivel de funcionalidade ou de estilo. A fibra de carbono, pola súa resistencia mecánica e maior rixidez, foi un dos materiais elixidos.

Vigas de madeira e fibra de carbono

En colaboración con Exfopino (Rois), o proxecto Valor Nature deseñou vigas ás que se lles engadiron láminas de fibra de carbono en zonas concretas do exterior. O obxectivo é aumentar a resistencia e rixidez das vigas, reducindo o seu peso e as necesidades de madeira. “É un proceso que tamén sería replicable en traballos de restauración de edificios nos que haxa vigas que precisen un reforzo para ser validadas”, apunta Francisco Pedras.


‘Skates’ ou fusiles submariños de madeira e fibra de carbono

A elaboración de monopatíns con madeira combinada con fibra de carbono é outra das posibilidades exploradas no proxecto. En Corrubedo, había xa unha empresa, PaulaSub, que utilizaba esa combinación nos seus fusiles submariños. O proxecto ‘Valor Nature’ aportoulle tamén a posibilidade de empregar outra fibra natural, a fibra de liño, que presenta unhas propiedades de resistencia inferiores á fibra de carbono, pero que resulta de interese para determinadas aplicacións.

O reto da fibra de carbono verde

Sobre a mesa está a posibilidade de que a medio – longo prazo se chegue a obter fibra de carbono verde, a partir da lignina, o que revolucionaría o sector. “Chegamos a un proceso intermedio na obtención de fibra de carbono verde. Sería un logro que permitiría asentar na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal unha cadea industrial de alto valor engadido que producise pezas para o sector metal, da automoción ou o aeronáutico”, valora Bruno Pereira, director do proxecto Valor Nature.

“A obtención de fibra de carbono verde é unha investigación que se está producindo a nivel global. Sabemos que é posible lograla, pero outra cuestión son os custos de obtención que teña esa fibra ou que as súas propiedades mecánicas sexan equiparables ás da fibra de carbono convencional. É un reto a medio ou longo prazo”, precisa Francisco Pedras.

“O obxectivo de Ikea Industry é empregar un 50% de materiais reciclados no 2030”

A compañía escandinava Ikea, unha das maiores fabricantes mundiais de mobiliario, cun total de 40 unidades produtivas, ten unha das súas factorías no norte de Portugal, en concreto en Paços de Ferreira, nas proximidades de Porto. É unha planta de 47 hectáreas que dá emprego a 1.700 persoas e que produce 15 millóns de pezas de mobiliario ó ano. Adriana Duarte, ‘development manager’ de Ikea Industry Portugal, estivo onte en Santiago, na presentación das conclusións do proxecto ‘Valor Nature’, para explicar as claves coas que traballa o fabricante nórdico.

A empresa, que elabora mobiliario tanto con madeira sólida como con taboleiros, diagnostica un escenario de dificultades para proveerse de materia prima. “Teremos limitacións pola falta de abastecemento local. As masas de piñeiro están reducíndose no monte, en tanto o prezo da madeira aumenta” -detalla Adriana-. “Temos tamén dificultades para proveernos de madeira con certificación FSC (que garante unha xestión ambiental sostible)”, explicou a executiva de Ikea.

“Débese promover a transformación dos residuos forestais en novos materiais. Só se deben queimar aqueles que non teñan outro uso” (Adriana Duarte, Ikea Industry)

Con ese escenario sobre a mesa, Ikea Industry aposta pola economía circular e os “materiais rexenerativos”. “O obxectivo para o 2030 é que o 50% da nosa produción sexa feita con materiais reciclados, se ben é un obxectivo complicado a día de hoxe, pois na actualidade non hai no mercado taboleiros MDF/HDF elaborados con materiais reciclados”, valorou.

Sobre a política forestal a aplicar nos montes, Adriana Duarte incidiu na necesidade de transformar tódolos residuos forestais posibles en materia prima. “Débese promover a valorización dos residuos forestais a novos materiais. Só se debe destinar á queima (pelets, estelas, enerxía) aqueles que non poidan ter outro uso”, defendeu.

En canto ós residuos xerados por Ikea, como os de madeira, serrín ou cartón, a compañía está igualmente enfocada na reciclaxe e reaproveitamento de todos eles.


O caso de Adolfo Domínguez

A presidenta executiva de Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez, amósalle ó conselleiro de Economía, Francisco Conde, unha prenda elaborada con tencel lyocell.

A cadea ourensana Adolfo Domínguez, con máis de 300 tendas en todo o mundo, exemplifica a liña de sostibilidade e de economía circular pola que se está adentrando o sector téxtil. Foi unha das primeiras firmas de moda en España en apostar nas súas coleccións polo tencel – lyocell, unha fibra téxtil elaborada a partir da madeira, e desde a súa orixe mantén tamén o uso do liño, obtido en cultivos sostibles en países do Norte.

“O algodón é un cultivo que nos preocupa polo seu impacto” -recoñece Adriana Domínguez, presidenta executiva da marca-. “Agora mesmo temos xa un 20% de todos os nosos produtos con selos de certificación sostible. É un proceso complexo porque os nosos proveedores non estaban acostumados a traballar con esas esixencias”, explica.

A danza da terra: “Vístete de árbol”

Perchas recicladas
No marco do proxecto ‘Valor Nature’, Adolfo Domínguez buscou unha segunda vida para perchas de plástico de antigas coleccións. Esas perchas trituráronse e o plástico volveuse inxectar en moldes de novas perchas. É ademais un proceso de reciclaxe industrial que pode continuar, pois esas perchas volverán triturarse nun futuro para reutilizar os materiais.

Conexión de dous sectores estratéxicos de Galicia: forestal e automoción

‘Conversas sobre bioeconomía’ é unha serie de entrevistas en vídeo que realizamos nos últimos meses para a Asociación Forestal de Galicia, no marco do proxecto Biotecfor. O obxectivo da iniciativa é amosar áreas de bionegocio que poden representar unha oportunidade para o sector forestal.