Archives

Axudas da Xunta para mellorar a paisaxe agraria e a biodiversidade

A Xunta de Galicia ven de convocar 2,8 millóns de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade, tanto da Rede Natura 2000 como dos sistemas agrarios de alto valor natural. Estas axudas poden solicitarse até o 27 de febreiro. O obxectivo desta orde de axudas é financiar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional. Poderán optar a esta convocatoria bianual de axudas os concellos incluídos total ou parcialmente na rede Natura 2000 de Galicia, as persoas físicas, as asociacións sen ánimo de lucro e as comunidades de montes veciñais en man común. Os beneficiarios poderán recibir o 100 % do custo subvencionable cun importe máximo de 30.000 euros no caso dos concellos e de 15.000 euros no resto dos casos. Entre as actuacións subvencionables, inclúense iniciativas para preservar os hábitats ou ecosistemas naturais como, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas como zonas importantes para a flora e a fauna acuáticas ou terrestres.

Axudas para a restauración de cercas e muros ou rehabilitación de cabaceiros, fontes ou muiños

Ademais, poderán recibir financiamento actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas. A maiores, tamén serían subvencionables actuacións dirixidas á rehabilitación de elementos históricos ou culturais como hórreos, milladoiros, cabanas, fontes, alvarizas, muíños ou fornos tradicionais. A Rede Natura 2000 é un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. En  Galicia está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA), que abarcan máis de 100.000 hectáreas, e 59 zonas especiais de conservación (ZEC), que ocupan preto de 375.000 hectáreas.

Enlace á orde de axudas

As granxas ecolóxicas galegas aproban en biodiversidade

José Luis Cabarcos, xunto a Paco López e os autores do estudo sobre a biodiversidade das granxas ecolóxicas O Estudo de cuantificación dos baremos cualificativos da biodiversidade nas explotacións de produción ecolóxica de bovinos de leite e carne, impulsado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e presentado este xoves en Lugo, defende que se debe poñer a biodiversidade que caracteriza a produción ecolóxica en Galicia como “eixo da diferenciación e valoración das producións gandeiras de bovinos”. “Non sería malo poder expresar estas características nas certificacións de valor medioambiental das explotacións”, conclúe. “A cuantificación dos espazos xeradores de biodiversidade das granxas analizadas reflicte unha realidade biolóxica de alto valor”, aseguran José Luis Cortiñas e Juan A. Pérez, que foron os responsables de elaborar este estudo, que se centra nos conceptos de agricultura e gandería ecolóxicas e na biodiversidade que xeran estas explotacións. Analizáronse e comparáronse catro granxas de produción ecolóxica de bovinos, dúas de carne e dúas de leite: A Cernada (Palas de Rei, Lugo), María Elvira Diéguez García (Montederramo, Ourense), Bernardino González Pena (Monfero, A Coruña) e Casa de Vázquez (O Corgo, Lugo).
Analizouse a biodiversidade en dúas ganderías ecolóxicas de produción de leite e dúas de carne
Os datos obtidos durante a fase de investigación para a realización do estudo permiten concluír que “estes espazos produtores de alimentos son ao mesmo tempo grandes reservorios de biodiversidade”. Expresada en hectáreas de biodiversidade por hectárea de cultivo, as 4 explotacións superan o umbral mínimo de 0,5 ha de biodiversidade por ha de SAU.
Ser positivos coa biodiversidade non nos fai máis ineficientes desde o punto de vista da sustentabilidade económica ou social
O peso da superficie de pradeira nas explotacións de ecolóxico axuda a acadar estes niveis positivos. Con todo, existe marxe de mellora nas sebes e peches vexetais das parcelas. “A dimensión das sebes é moi inferior a outras zonas gandeiras de Europa. O reparto da terra en Galicia non admite esas dimensións de sebes, pero favorece a conexión dos espazos de biodiversidade entre sí”, aseguran sen embargo os autores do traballo. Sen competencia polos recursos entre o gando e o ser humano O estudo incide en varios aspectos clave que constitúen os piares básicos nos que se sustenta a gandería ecolóxica (calidade ambiental e desenvolvemento sustentable, saúde e benestar animal, e calidade de produtos) e en varias das normativas que inflúen directamente neste tipo de explotacións. Destaca que as catro explotacións analizadas “basean a alimentación do seu gando en fibras non asimilables polo ser humano”, polo que non se dá “competencia polos recursos entre gando e persoas”.
As explotacións analizadas reflicten o papel positivo que exerce o gando no territorio
“O gando, cun manexo correcto, mantén a durabilidade do chan axudando á calidade das augas. As explotacións analizadas reflicten o papel positivo que exerce o gando no territorio. A actividade gandeira xera e preserva os hábitats e os recursos alimentarios para a fauna, ademais de ser imprescindible para moita flora”, conclúe o estudo encargado polo Craega. Pola súa banda, Francisco López Valladares, presidente do Craega, indicou que “a produción de gando ecolóxico representa unha alternativa á progresiva intensificación da produción animal convencional” e o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, clausurou o evento destacando na súa intervención a evolución positiva da agricultura ecolóxica en Galicia nos últimos anos (na última década a superficie ecolóxica medrou en Galicia un 198%, pasando de 15.242 ha no ano 2012 a 45.626 ha no ano 2022), así como a importancia da Lei da Calidade Alimentaria para o futuro do sector.

Bayer e adegas Mar de Frades presentan un proxecto para mellorar a biodiversidade e a sustentabilidade dos seus viñedos

A agricultura enfróntase a enormes desafíos, como é o cambio climático, a escaseza de recursos naturais e a necesidade de producir máis alimentos para unha poboación en crecemento exponencial.

Fronte a estes desafíos Bayer, en liña co seu compromiso coa sustentabilidade, presentou este martes en Rías Baixas un proxecto de fomento da biodiversidade nas adegas Mar de Frades, un dos referentes nesta denominación de orixe.

A responsable de vendas de Bayer en Galicia, Montse Vázquez, presentando o proxecto nas adegas Mar de Frades

A iniciativa busca contribuír á biodiversidade nos seus viñedos. Para iso o proxecto conta coa colaboración de técnicos de campo de Mar de Frades, un grupo de expertos en biodiversidade dunha consultora ambiental – Biodiversitynode-, o distribuidor local Agroquimicos Carballa e a responsable de vendas de Bayer en Galicia, Montse Vázquez.

Neste sentido, Reinaldo Pereira, responsable de activación de campañas de Bayer en Portugal e Galicia, destaca que “con estes proxectos baixo o concepto Baydiversity podemos avanzar con medidas efectivas que realmente poidan preservar e fomentar a biodiversidade en explotacións agrícolas garantindo a sustentabilidade ambiental, a sustentabilidade económica do agricultor e a sustentabilidade social do medio rural”.

Máis concretamente, unha das accións que se está realizando ao abeiro deste proxecto ten lugar no viñedo Pazo do Monte, e consiste en fomentar a presenza de quirópteros (morcegos) con dous obxectivos: Mellorar a calidade e biodiversidade do hábitat e realizar un control biolóxico de dúas pragas que sofre o viñedo, como son o mosquito verde e a couza do acio.

Ademais, o proxecto contempla tamén a restauración do propio pazo que, se se fai axeitadamente, pode servir como refuxio de diferentes especies de morcegos.

“Outra medida de gran importancia sería recuperar a cuberta vexetal en lindes e camiños para reducir a erosión por escorrentía superficial e atraer insectos polinizadores, así como outros insectos que sexan inimigos naturais do mosquito verde e da couza do acio. Tamén se contempla a instalación de ramplas antiafogamento na balsa de rega do viñedo, unha instalación onde se produciron mortes de raposos e xabarins”, avanza o representante de Bayer.

Estes son algúns dos exemplos de medidas que se están implementando nos viñedos das adegas Mar de Frades co obxectivo innovar na forma de producir uva, promovendo a fauna e a flora, para lograr así unha viticultura en perfecto equilibrio co medio ambiente. “Unha restauración ecolóxica e paisaxística da contorna que permite mellorar a saúde de ecosistema e, ademais, facer fronte a pragas no viñedo”, conclúe Reinaldo Pereira.

#BayDiversity

Os cambios no manexo das bestas poden limitar os seus efectos positivos sobre a biodiversidade

Un artigo derivado do proxecto ‘Life in Common Land’, publicado na revista ‘Biodiversity and Conservation’, afirma que os cabalos salvaxes son indispensables para a biodiversidade das montañas galegas. Esta peza, asinada por Laura Lagos e Jaime Fegúndez, investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC, conclúe que os cambios nos sistemas de manexo destes herbívoros “poden limitar o seu efecto positivo sobre a biodiversidade e mesmo podería desembocar nun problema ambiental de gran magnitude”, sinalan os investigadores. O informe científico destaca que “os espazos abertos das montañas de Galicia están cubertos, en gran parte, por hábitats naturais recoñecidos pola Unión Europea e a súa existencia e pervivencia depende da presencia do cabalo salvaxe”, á vez que destaca o potencial destes animais debido “á súa adaptación para o aproveitamento de brezais e turbeiras”. Laura Lagos e Jaime Fagúndez explican que “a través da dieta, o cabalo salvaxe limita o desenvolvemento da vexetación e favorece que sobrevivan especies de plantas sensibles”. Entre as novas prácticas que están alternado o comportamento dos grupos de herbívoros están “a construción de peches que limiten en exceso o uso libre do espazo, así como a rotación forzada para intensificar o aproveitamento, ou a transformación da vexetación natural en pradarías de pasto melloradas”, avanzan Lagos e Fegúndez. Isto xera consecuencias como “o maior tamaño dos animais fronte a unha menor ocupación da superficie de campeo, e o desequilibrio na organización espacial das manadas, provocando un solapamento entre elas e aumentando a presión por herbivoría”, destacan. Este proxecto tivo unha duración de cinco anos, desenvolvéndose no espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, no norte da provincia de Lugo. O traballo tamén presenta datos recollidos no marco do proxecto do Grupo Operativo de Innovación Soluciones innovadoras para a xestión e valorización do sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, que se desenvolveu nos Montes de Sabucedo, en Pontevedra. En total, os científicos marcaron 29 eguas, aproveitando a captura dos animais que realizan os seus propietarios nos curros anuais.

A nova PAC e a biodiversidade: oportunidades para os agricultores e gandeiros galegos

Para facer fronte á enorme perda de biodiversidade, a nova PAC debe contribuír a alcanzar o obxectivo global de asignar a esta cuestión o 7,5 % do gasto anual no marco do marco financeiro plurianual (MFP) no 2024 e o 10% no 2026 e 2027. Por isto, é necesario que os Estados membros expliquen nos seus plans estratéxicos da PAC como están a amosar esa maior ambición para a consecución dos obxectivos ambientais fixados pola Unión para o 2030, establecidos na Estratexia da granxa á mesa e na Estratexia de biodiversidade da UE.

Redución de fertilizantes e fitosanitarios

A estratexia da granxa á mesa establece a obriga de reducir a dependencia de dous produtos químicos, como fertilizantes e pesticidas artificiais, para frear e reverter o descenso das poboacións de insectos e aves.

Importancia da superficie forestal

O novo Regulamento da PAC salienta o valor da superficie forestal para a fixación do carbono, a regulación do ciclo hidrolóxico e tamén a biodiversidade, sobre todo cando ese uso é predominante na paisaxe, como ocorre na Galiza, salientando a relevancia que ten realizar “plans de ordenación forestal sostible que presten a debida atención ao almacenamento de carbono e á súa absorción da atmosfera, ao tempo que reforzan a protección da biodiversidade”.

Fortalecer a biodiversidade

Galicia tamén destaca por ter unha paisaxe en mosaico, con usos agrícolas mesturados con outros aproveitamentos forestais (vexetación fluvial de ribeira, liñas arbóreas nos peches das fincas), pero tamén sebes, muros de pedra, marxes, etc. que proporcionan uns hábitats variados para unha rica biodiversidade, sen necesidade de habilitar “marxes floais sen cultivar” que non teñen sentido en Galicia, pero si noutras zonas do Estado español.

Estes servizos ecosistémicos que presta a paisaxe galega non deben penalizar aos agricultores, tal e como establece o novo Regulamento comunitario, que establece a obriga de prestar unha “axuda específica para compensar as desvantaxes derivadas da implantación da Rede Natura 2000, e da Directiva 2000/60/CE. Marco da Auga”.

En Galicia, o país dos dous “mil ríos”, existe unha gran superficie de vexetación de ribeira, onde non se pode cultivar, que o novo regulamento PAC sinala claramente como un aproveitamento beneficioso para a calidade da auga, e para a biodiversidade. Nesta mesma liña, o novo Regulamento da PAC obriga a ter, como mínimo, o 4% da superficie agraria dedicada a usos non agrícolas (sebes, muros de pedra, lindes arbóreos/vexetación de ribeira, brañas, charcas, etc, (Boa Condición Ambiental 8 da nova “condicionalidade reforzada”).

O novo Sixpac e a biodiversidade de Galicia

Ante esta nova regulación da PAC, existe un auténtico reto técnico para identificar os centos de miles de recintos agrarios que contan con estes “elementos da Paisaxe (EP)”, dada a extraordinaria parcelación da superficie que temos en Galicia.

Este reto técnico debería ser considerado “non como un problema”, senón como un patrimonio natural e cultural exemplar, que debe ser conservado polo seu valor para proporcionarlle á sociedade en xeral servizos dos ecosistemas, como evitar a erosión do solo, fixar carbón ou filtrar o nitróxeno, o fósforo e outros produtos químicos para evitar a contaminación das augas. Ademais cumpren unha función na biodiversidade e na calidade paisaxística, o que redunda no maior atractivo turístico que ten Galicia.

A nova condicionalidade reforzada e a biodiversidade

No ANEXO III do novo Regulamento e dentro do ámbito específico da biodiversidade, podemos destacar, pola súa relevancia en Galicia:

BCAM 4 Creación de franxas de protección nas marxes dos ríos.

BCAM 8 Porcentaxe mínima de polo menos o 4% da terra de cultivo das explotacións agrarias dedicada a superficies e elementos non produtivos.

Ecorréximes

Establécese unha lista de posibles ámbitos de actuación, dos que destacamos en materia de biodiversidade os seguintes:

• Mellora da protección da biodiversidade: especies e hábitats de interese para a Comunidade, destacando as especies de polinizadores silvestres.

• Mellora da prestación de servizos relacionados cos ecosistemas: porcentaxe de terreos agrícolas cubertos con elementos paisaxísticos.

• Aumento da agrobiodiversidade nos sistemas de cultivo.

Ecorréximes deseñados en España

Pola sua relevancia para Galicia, e dentro do aspecto da mellora da biodiversidade, destacan estes eco-réximes, cas súas correspondentes prácticas:

• Agricultura de Carbono e Agroecoloxía: Pastoreo extensivo, sega e biodiversidade nas superficies de pastos húmidos

P1: Pastoreo extensivo

P2A: Illas ou espazos de biodiversidade

P2B: Sega sostible

• Agroecoloxía: Espazos de biodiversidade en terras de cultivo e cultivos permanentes

P5: Espazos de biodiversidade (TC e CP);

De que xeito está a contribuír o agro á conservación da paisaxe e á biodiversidade?

Reforzar a protección do medio ambiente é un dos obxectivos principais para a nova PAC, que entrará en vigor o 1 de xaneiro do 2023. Unha das vías para conseguilo é preservar a biodiversidade, de aí que pasen a incluírse novas esixencias neste senso para as explotacións agrarias. Así, tanto nas Boas Condicións Agrarias e Medioambientais (chamadas BCAM) coma nos ecorréximes resérvanse diferentes porcentaxes da superficie manexada polas ganderías para favorecer a biodiversidade.

As Boas Condicións Agrarias e Medioambientais forman parte da condicionalidade da PAC a partir do 2023, polo que as explotacións terán que cumprir cos seus principios para evitar penalizacións nas axudas.

BCAM 1. Mantemento dos pastos permanentes (a nivel de rexión agrícola). A UE verificará anualmente que non se reduzan en máis dun 5%.

BCAM 2. Protección de zonas húmidas e turbeiras, que non se poderán rozar.

BCAM 3. Prohibición de queima de residuos vexetais na superficie afectada pola condicionalidade, excepto por razóns fitosanitarias.

BCAM 4. Creación de franxas de protección de 5 metros nas marxes dos cursos de auga, nas que non se poderán aplicar fertilizantes, fitosanitarios nin segar.

BCAM 5. Xestión do laboreo para evitar a erosión. Non se poderá labrar no sentido da costa en terreos que superen o 10% de pendente.

BCAM 6. Cobertura mínima do solo en períodos e superficies sensibles.

BCAM 7. Rotación de cultivos.

BCAM 8. Porcentaxe mínima (4%) da superficie agrícola adicada a superficies ou elementos non produtivos.

BCAM 9. Prohibición de converter os pastos permanentes de importancia ambiental en zonas de Rede Natura.

BCAM 10. Fertilización Sostible.

Neste novo marco, como sinalan desde o sector da investigación, Galicia pode saír beneficiada, dadas as propias características da ordenación tradicional do territorio na comunidade. Nunha rexión cun importante minifundismo, aínda presente en boa parte dos municipios, e con gran diversidade de solos e paisaxes en mosaico, as políticas que buscan conservar esta identidade poden converterse nun aliado para os produtores, mediante a “remuneración dun servizo ecosistémico” do mantemento da paisaxe e a biodiversidade.

“En Galicia estamos perdendo, polo abandono e por usos indebidos do solo, a sabedoría que tiña a paisaxe tradicional, que ofrecía unha maior resiliencia contra os lumes, erosión e pragas (fauna útil), incluíndo unha maior biodiversidade” (Juan Castro, investigador do Ciam)

“En Galicia tiñamos unha paisaxe que estaba á vangarda en biodiversidade, tal e como xa recolleron expertos coma o xeógrafo francés Abel Bouhier nos anos 70, dando conta da variedade da paisaxe galega, que inclúe dende agros, socalcos ou zonas húmidas…”, detalla o investigador Juan Castro, que traballa no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam).

Accións que favorecen a biodiversidade

Á hora de preservar a biodiversidade, gandeiros e agricultores, como xestores activos do territorio, teñen a oportunidade de incluír prácticas que favorezan unha maior presenza de fauna e flora diversa. Un exemplo de posibles accións son as que recolle a Guía para a conservación da biodiversidade agraria de Galicia (Xunta), cuxa elaboración dirixiu o investigador Juan Castro. Entre as medidas que propón a guía, algunhas das principais a ter en conta son as seguintes:

• Manter unha adecuada carga gandeira, de xeito que se evite esgotar os recursos naturais.

• Contar con árbores autóctonas dispersas na zona de pasto. É unha práctica que ata o de agora penalizaba á hora de tramitar a PAC, pero no novo ciclo da PAC hai a oportunidade de incluír estas árbores como elementos singulares da paisaxe, de xeito que contabilicen dentro das superficies non produtivas (BCAM 8).

• Conservar as sebes e os peches tradicionais son tamén acubillo para a fauna, ó servir de refuxio para réptiles, polinizadores ou paxaros.

O investigador Juan Castro incide en que as sebes son unha alternativa para mellorar a biodiversidade nas proximidades das ganderías de vacún intensivo, que en comparación coas de pastoreo, teñen máis dificultades para incorporar este tipo de prácticas. Así, a colocación de sebes vexetais nas proximidades das fosas do xurro ou a modo de peche dos patios do gando pode favorecer a presenza de maior fauna, así como protexer ó gando do vento.

• Respectar as marxes dos cultivos, con franxas sen traballar.

• Dispoñer de charcas ben xestionadas.

Guía de boas prácticas para fomentar a conservación da biodiversidade.

Ganderías que traballan xa tendo presente a importancia da biodiversidade

En Galicia, asesores e gandeiros levan anos apostando dun xeito activo pola conservación da biodiversidade, de forma parella á actividade agraria que desenvolven. As boas prácticas introducidas adoitan ser estratexias de ‘gañar – gañar’, pois moitas das accións supoñen melloras para as ganderías, a parte de favorecer ó medio ambiente. Coñecemos a experiencia de técnicos e entidades que colaboran na materia con explotacións agrarias, así como exemplos de boas prácticas.

Custodia agraria do territorio en ganderías de Lugo

A Asociación de Custodia do Territorio colabora activamente con gandeiros de diversas comarcas de Lugo para promover este tipo de accións, con proxectos adaptados á realidade do campo. Un exemplo son as iniciativas que desenvolven con Joan Alibés, técnico e gandeiro de ovino e caprino, e con Quico Ónega, tamén gandeiro de ovino e investigador na Universidade de Santiago.

“Unha primeira acción nas dúas ganderías foi a de habilitar pequenas charcas de rega, un elemento moi propio da paisaxe tradicional galega, pero que coa gandería intensiva e o abandono se foi perdendo”, explica Martiño Cabana, biólogo colaborador da Asociación. Así, no caso da gandería de Quico, optaron por recuperar unha antiga charca, proporcionando ó mesmo tempo unha zona para que as ovellas puideran beber e un espazo idóneo para a recuperación de anfibios.

Na gandería de Joan Alibés non dispuñan de antigas charcas, polo que optaron pola súa construción, de xeito que se trata tamén dunha poza de maior profundidade, que serve de hábitat a outras especies, ó tempo que fai de reserva para outros pequenos encharcamentos próximos.

Outra das accións que levaron a cabo é a construción ou recuperación de sebes, ben sexan con vexetación, ben antigos muros de pedra de xunta seca. “Dáselle moi pouca importancia, pero as sebes e os muros tradicionais son moi relevantes para a conservación da biodiversidade, xa que permiten habitar unha gran variedade de especies”, concreta o biólogo.

Este tipo de accións da Asociación Galega de Custodia do Territorio adoitan complementarse con iniciativas paralelas, como a colocación de niños e caixas refuxio para aves e morcegos. Ambas son medidas que favorecen a presenza de depredadores naturais para moitas das pragas que afectan directamente ás pradeiras, co que o beneficio é de novo mutuo: para o medio ambiente e para a gandería.

A colocación de caixas refuxio e niños favorece a presenza de aves. / Imaxe: Juan Castro.

Impacto da PAC

As prácticas das ganderías en custodia agraria do territorio cumpren así xa con moita parte dos requisitos ambientais mínimos que marca Europa, a chamada condicionalidade reforzada da PAC (conservación de zonas húmidas e de marxes fluviais, mantemento de sebes, etc.). Alibés percibe tamén axudas agroambientais da PAC polo mantemento dos pastos permanentes nas súas terras.

Desde o sector sinalan que sería interesante que zonas húmidas, sebes ou marxes fluviais se poidan detallar nas solicitudes da PAC de cada explotación, a fin de que poidan entrar no cómputo dos elementos non produtivos, que teñen que sumar un mínimo do 4% da superficie (BCAM 8).

“Para que os elementos singulares da paisaxe se poidan incluír nas solicitudes, terían que aparecer na cartografía do Sixpac. Debería existir ou ben un sistema para incluílos, ou ben que aparecesen mapeados por defecto no Sixpac” -valora Joan Alibés-. A outra alternativa sería a presentación de alegacións ó Sixpac por parte do produtor interesado en incluír eses elementos.

Marxe fluvial recuperado. // Imaxe. Eloi Rodríguez.

Coidado das marxes fluviais en comarcas agrarias da Coruña

Outro caso de introdución de boas prácticas ambientais no agro é o que vén desenvolvendo nos últimos anos o garda fluvial Eloi Rodríguez en colaboración con ganderías das comarcas agrarias da Barcala, Xallas ou o Sar, na provincia da Coruña.

O mantemento de marxes de ribeira sen traballar é unha práctica que Eloi reivindica como moi beneficiosa para a biodiversidade.

Este tipo de manexo, que xa viñan desenvolvendo algunhas granxas, formará parte desde o 1 de xaneiro do 2023 da condicionalidade reforzada da PAC, que obriga ós produtores a deixar unha franxa de 5 metros sen traballar desde as marxes fluviais.

Eloi Rodríguez valora como positivo ese cambio acordado por Europa, pero apunta que sería preciso que veña acompañado de modificacións en Galicia na delimitación dos recintos PAC, pois ata agora as marxes fluviais computábanse como forestais, de xeito que eran superficies que non se incluían nas solicitudes da PAC das explotacións.

Do mesmo xeito que nas marxes fluviais, a recuperación de zonas húmidas como brañas, que en ocasións sofren transformacións coa actividade agrogandeira, é outra das boas prácticas que Eloi trata de fomentar, pois as brañas, a parte de favorecer maior biodiversidade, representan unha fonte de recarga de auga para os acuíferos e capturan carbono atmosférico.