Archives

“Os socalcos do río Bibei é dos mellores lugares de Galicia para producir viño”

Xiana Domínguez Álvarez é unha moza viticultura da aldea de San Fiz, no concello ourensán da Pobra de Trives, que no ano 2009 decidiu tomar o relevo na súa adega familiar, Chao do Couso. Na súa conversa transmite o orgullo e a paixón polo seu traballo e pola súa terra, onde as viñas experimentan dende as crúas nevaradas do inverno e un clima mediterráneo no verán, o que permite producir uns dos viños máis singulares e con tradición histórica de Galicia De onde procede o teu apego pola viticultura? Aquí, na aldea de San Fiz, na Pobra de Trives, toda a vida houbo viñedo e adegas, en cada casa había unha adega familiar e viño para consumo propio. Os meus pais, Pío e Luisa, no ano 1998 decidiron modernizar a adega tradicional dos meus avós e construíron unha adega nova e restructuraron os viñedos, empezaron a recuperar castes autóctonas. Para eles era unha segunda ocupación, porque tiñan o seu traballo na administración, pero enfocaron a adega como un negocio e plantaron máis viñedo. Como era o viñedo dos teus avós? As viñas todas están en socalcos, repartidas por todo o val do Bibei. O meu avó, Alberto, contábame que tiñan viñedos que chegaban ata a beira do río, onde a uva acadaba maior graduación alcohólica. Daquela a viña traballábase ao xeito tradicional, cavándoa a man. De feito o meu avó Alberto sae nun programa de Un País en la Mochila, de José Antonio Labordeta, dando sulfato nunha viña e presumindo de que o seu viño era o mellor. As variedades que cultivaban daquela eran sobre todo Jerez, porque daba moita cantidade, e en menor medida Mencía, Dona Branca, Chabacana....etc. O xerez non está amparado pola DO Ribeira Sacra e a maior parte arrancouse, e recuperamos variedades propias. Agora mesmo teño sobre todo Mencía e Godello, e logo algo de Treixadura, Dona Branca e Brancellao. Enn total traballo sobre 5 hectáreas de viñedos repartidas en 12 parcelas, cada unha delas cunha historia detrás e que producen un tipo diferente de uva: O Buraco, A Costa, a da Bibei, A Fonteguá, a Viña do Julio, a Completa, a Aragonesa, San Cibrao, Costela....etc. En altitude van dende as que están ao carón do río, a 500 metros, ata sobre 700 metros de altitude. E como decidiches continuar coa adega familiar? Cando era pequena viña cos meus pais á viña e xogaba ca miña irmá. Recordo que prendían lume, puñan unha tella enriba, e alí cocíamos pan e asábamos chourizos. Cando era máis grandiña axudáballes e lembro que arabamos a viña co burro e eu levaba o burro e o meu pai guiaba o arado, ou dar sulfato e axudarlle coas cántaras..etc. Despois do bacharelato marchei estudar Enxeñería Agrónoma a Lugo, aínda que como primeira opción gustábame máis filosofía, pero encareino a seguir coa adega familiar. Cando rematei estiven traballando en Valencia de técnica de calidade nunha cooperativa de viño e noutra de laranxas. E decidín volver para a miña casa, coincidindo que ao meu pai lle diagnosticaran unha enfermidade. Voltei no 2009 e encantada de estar aquí e dedicarme ao viñedo. Como era a viña e a adega cando te incorporaches? Tiñamos menos viñedo e dende aquela plantamos varias viñas máis, sobre todo con castes minoritarias. Daquela o meu pai facía un viño, o Alcouce, que aínda manteño, e logo empezamos a elaborar tamén o Xiana, mentres que parte das uvas véndoas a outras adegas. Alcouce é o barrio de San Fiz na que se criou a miña nai nos seus primeiros anos. Aquí enténdese que un alcouce é un lugar agarimoso para o cultivo. Hoxe quédome sobre 6.000 quilos e nun ano bo vendo sobre 30.000 kilos de uva. Vendo uva a Dominio do Bibei e Á Corga, dúas adegas do Bibei. É unha boa opción, porque o viño costa máis vendelo que a uva, que por lei che pagan ao mes da vendima. E no viño hai moita máis competencia, o mercado digamos que é especial. A uva véndoa ben pero porque é boa (ri) . Os rendementos dependen da finca e do ano, varían moito. Nos últimos 4 anos foron bastante malos, pola saraiba, choivas en primavera, xeadas, treboadas no verán...etc. Este ano a colleita agárdase por fin como moi boa, con boa cantidade e unha calidade da uva excelente. Os viñedos do val do Bibei son dos máis descoñecidos pero tamén dos máis sorprendentes e con maior tradición histórica de Galicia. ¿Como definirías esta zona para a viticultura? Moitos enólogos que veñen de fóra din que este val do Bibei é a mellor zona para producir viño. Para min é expectacular polo clima e polo tipo de solo: Estamos na montaña pero temos clima e vexetación mediterránea e a estas viñas dálles o sol case todo o día. Os invernos son de ter neve nas viñas, con temperaturas moi baixas pero os veráns son calurosos. O gran problema son as treboadas de xullo e agosto.
O viño Xiana 2017 recibiu o gran ouro no concurso ViniEspaña
Aquí case todo o traballo é manual, porque nos bancais non podes meter un tractor e iso sobe moito os costes de produción. De feito, plantei dúas viñas en dous lameiros e son as únicas nas que se pode traballar co tractor. Como definirías aos dous viños que elaboras: o Alcouce e o Xiana? O Alcouce é un mencía con crianza en barrica de carballo. Sacouno o meu pai e Luis Buiturón, o noso enólogo, que leva con nós toda a vida, dende que abrimos a adega, e xa é un membro máis da nosa familia. O “Xiana” tamén é un tinto de Mencía, pero foi outra historia. En Trives un viño de crianza para poñer nos bares sáese de prezo, e a xente pedíanos un viño novo. Comenteillo ao meu pai e ao enólogo, estiveron de acordo e pensamos nun nome e na etiqueta e sacámolo no 2015, un ano complicado pola saraiba. Púxenlle o meu nome como homenaxe á miña persoa (risos) e a etiqueta permite que a persoa que o compre imaxine a paisaxe que me rodea e quen son. Unha amiga deseñadora de Chantada fíxo o debuxo e a etiqueta de Alcouce é obra de Marta Conde, de Conxenia. Do Xiana vendemos unhas 4.000 botellas cada ano e do Alcouce unhas 2.000. A acollida foi unha pasada. Levei unha botella do “Xiana” aos bares e restaurantes de Trives, e a xente enseguida me empezou a pedir caixas, e de feito vendo case todo na vila. Nos bares escoito “Ponme un Xiana!!” e é un orgullo. A xente que o proba valora moito os aromas intensos, que sexa un viño fresco e de sabor afrutado. O Alcouce véndoo tanto aquí en Trives, como no resto de Galicia e de España. Tanto un como o outro xa levan recibido varios premios, o último o Xiana do 2017, que recibiu a gran medalla de ouro no concurso Viniespaña, que organiza a Federación Española de Asociacións de Enólogos. Para mercar os meus viños poden seguir o Facebook ou a web da adega Chao do Couso. Como ves o teu futuro como viticultora? Digo que xogo ao cupón da Once e se me toca o cuponazo a metade do monte que hai por aquí plantaríao para recuperar os bancais abandonados. A maior ilusión miña sería plantar máis viñedos e que isto estivera menos abandonado. O feito de ser muller marcouche algunha diferencia á hora de incorporarte á viticultura? Non supuxo para min ningún atranco ser muller e nunca tiven ningún problema . Ao contrario, á xente parécelle que é admirable e anímanme. Teño a Trives moi concienciado e todos os veciños acórdanse de min cando hai unha inclemencia meteorolóxica. Que lle pedirías á administración para recuperar do abandono os viñedos do Bibei? Para que a xente nova quede a vivir aquí é imprescindible manter os servizos públicos. O que non pode ser é que un pediatra só veña unha vez á semana e o resto do tempo teñamos que ir a Ourense, a case unha hora. E o mesmo no ensino, non se poden pechar os coles no rural.
“No futuro gustaríame seguir recuperando bancais abandonados”
Polo demáis, a viticultura é un traballo moi bonito para quen lle guste o campo e estar ao aire libre. É certo que cando ven un ano malo dáche moita rabia, pero hai momentos cando o ano che ven bo que compensan. Ou vir unha mañá e esta aquí tranquila co rechochío dos paxaros é impagable. Ademais, na aldea todos nos coñecemos e nos pagamos un café e os nenos poden xogar seguros. Se o rural non existe as cidades non comen, hai que deixar de menosprezar á xente do campo. Algunha anécdota que che acontecera cos teus viños? Unha profesora que veu este ano ao instituto da Pobra de Trives cando ma presentaron díxome que andaba a buscar o meu viño para regalarlle a unha amiga súa, que se chama Xiana. Tamén a dun señor de Sevilla que veu á Ribeira Sacra e probouno en Icatú. Gustoulle tanto que insistiu para que lle enviaran unha caixa. E á semana seguinte díxolle que xa o remataran, e iso que estaban traballando. Ou de estar nun bar en Trives, que en cliente pida un Xiana, e que o camareiro lle diga “¿A cal: ao viño ou á dona?”.