Archives

“Hai que buscar un punto de equilibrio entre produtividade e benestar animal para que a granxa sexa rendible”

Nina Vázquez, nunha explotación leiteira en ecolóxico da provincia de Lugo A certificación de benestar animal está a converterse nos últimos anos nunha esixencia para moitas explotacións lácteas por parte das industrias que lles recollen o leite. Welfair, o selo impulsado polo IRTA de Cataluña, é o estándar máis comunmente aplicado. Coñecemos en que se basea da man da veterinaria e auditora Nina Vázquez. “O concepto de benestar animal empezou a desenvolverse desde o punto de vista ético, dos dereitos dos animais, e hoxe en día a lexislación está a presionar introducindo novos requisitos ás granxas”, recoñece Nina. O Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas (Real Decreto 1053/2022) esixe a todas as ganderías de vacún un Plan de Benestar Animal, que o Ministerio pospuxo a 2027 como consecuencia das recentes protestas de agricultores e gandeiros.
O Ministerio acaba de aprazar a 2027 a obrigatoriedade de contar cun Plan de Benestar Animal en granxas de vacún
Pero aspectos como a eliminación dos emparrillados, a prohibición de explotacións trabadas, o acceso dos animais a patios exteriores, o aloxamento en grupo dos tenreiros ou as condicións de separación das súas nais ao naceren serán cuestións que as ganderías deberán abordar nos próximos anos. Demanda dos consumidores O nivel de benestar animal que logra a explotación, medido segundo os criterios aplicados na certificación, incide no prezo de venda do leite, xa que a maioría de empresas aplican primas de diferentes contías en función da puntuación obtida que poden chegar a 1 céntimo por litro. Pero máis aló deses incentivos ás granxas, o benestar animal está a converterse nun criterio de selección; nun argumento para coller ou deixar ganderías por parte das industrias, de forma que só aquelas granxas que poden ser certificadas son consideradas explotacións de porvir polas empresas lácteas, mentres as que non superan os test teñen cada vez menos opcións a quen entregar o leite.
A certificación de benestar animal converteuse nun argumento das industrias para coller ou deixar explotacións
As industrias alegan que se trata dunha esixencia das cadeas de distribución, que á súa vez aseguran facerse eco da demanda dos consumidores neste sentido. “O consumidor pouco sabe sobre como se crían os animais e estamos nun momento no que miran con lupa o que facemos nas granxas”, asegura Nina. O último Eurobarómetro sobre benestar animal, elaborado pola Comisión Europea hai un ano, denota esta preocupación crecente dos consumidores. Os resultados desta enquisa entre a poboación, con máis de 26.000 entrevistas en 27 países da UE, indican que o 84% dos cidadáns europeos e o 80% dos españois cre que se deberían mellorar os niveis de benestar actual dos animais de granxa.
O 48% dos consumidores españois estaría disposto a pagar máis por produtos procedentes de sistemas respectuosos co benestar animal
Ademais, 6 de cada 10 europeos din que lles gustaría saber máis sobre as condicións nas que se crían os animais e o 60% dos europeos e o 48% dos españois estaría disposto a pagar máis polos produtos procedentes de sistemas respectuosos en benestar animal. “Isto é importante, porque o benestar é caro ao ser necesarios investimentos e esforzos de manexo, e deberíanse pagar máis eses produtos”, afirma Nina. A definición de benestar O benestar animal designa, segundo a Organización Mundial de Saúde Animal (OIE), “o estado físico e mental dun animal en relación coas condicións nas que vive e morre”. É dicir, detalla Nina, “que un animal estea san, cómodo, ben alimentado, que poida expresar o seu comportamento innato e que non padeza estados desagradables”. As directrices que guían á OIE en materia de benestar dos animais terrestres inclúen tamén as «cinco liberdades», enunciadas en 1965 e universalmente recoñecidas, para describir os dereitos que son responsabilidade do home, é dicir, que os animais vivan:
  • libre de fame, de sede e de desnutrición;
  • libre de temor e de angustia;
  • libre de molestias físicas e térmicas;
  • libre de dor, de lesión e de enfermidade;
  • libre de manifestar un comportamento natural.
“Hai que atender a cinco dominios ou aspectos fundamentais para que exista benestar animal: Nutrición, Saúde Física, Confort, Conduta e Emocións. Pero para chegar ao quinto apartado temos que ter controlados os catro anteriores”, afirma esta veterinaria especialista na materia, que resume en tres grandes bloques as necesidades a cubrir por parte do gandeiro en relación aos seus animais: Funcionamento biolóxico (onde se incluirían cuestións relativas a nutrición ou instalacións), Comportamento natural (por exemplo o acceso a pasto) e Emocións. “Até o de agora falabamos de emocións negativas (ausencia de sede, dor ou angustia) pero agora empezamos a falar de que haxa un balance entre emocións positivas (por exemplo, os cepillos) e negativas”, explica. Equilibrio entre benestar e rendibilidade É xa unha idea comunmente estendida tanto entre veterinarios como entre gandeiros que mellorar en benestar animal supón aumentar a produtividade do rabaño. Nina insiste nesa afirmación, pero admite que “hai que buscar un punto de equilibrio entre produtividade e benestar animal para que a granxa sexa rendible”. “Mellorar o benestar custa ás veces moito diñeiro, sobre todo se implica a necesidade de facer grandes investimentos en instalacións. Por iso hai que buscar o máximo de benestar posible dentro da rendibilidade”, argumenta.
Temos que buscar a máxima produtividade posible pero sen prexudicar o benestar
“Mellorar o benestar supón gañar en produtividade do rabaño pero ás veces lograr 40 litros é menos rendible que producir 30, porque os custos son maiores, e esa presión hormonal vai tamén en contra do benestar”, asegura. Ademais, benestar e medio ambiente están intimamente relacionados. “En termos xerais, mellorar o benestar da vaca mellora a súa eficiencia produtiva e reduce a cantidade de residuos (metano, nitratos, etc) por unidade de produto. A maiores, o benestar inflúe positivamente desde o punto de vista sanitario e unha boa saúde aumenta a lonxevidade e reduce a necesidade de recría, o que tamén contribúe a aminorar a intensidade das emisións da granxa”, evidencia Nina.

Formación do persoal: curso de 20 horas ou 3 anos de experiencia

O Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas esixe unha formación mínima en benestar animal de 20 horas tanto para os titulares de explotación como para os seus empregados, aínda que esta formación mínima pode acreditarse mediante os anos de dedicación profesional ao sector (mínimo de 3 anos traballando con gando e coñecementos sobre manexo, benestar e tratamientos biocidas). A maiores, será necesario levar a cabo cursos de reciclaxe e actualización de coñecimientos cando menos unha vez cada 5 anos e cunha duración mínima de 10 horas. 
O Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas esixe unha formación mínima en materia de benestar animal de 20 horas tanto a titulares de explotación como a empregados
“A figura do gandeiro e do persoal da granxa é fundamental porque tanto en sistemas intensivos como semiextensivos o gandeiro é o que controla case todas as necesidades do animal: o alimento, o acceso á auga, o espazo que lle damos, o confort para o descanso, os agrupamentos sociais que facemos”, enumera Nina, que destaca, máis aló das instalacións ou a comida, aspectos como formación, manexo, coñecemento da vaca e motivación como claves para lograr niveis óptimos de benestar animal nunha granxa. No caso da detección precoz de enfermidades, que causan dor e estrés aos animais, “é esencial coñecer a especie coa que estamos a traballar para poder identificar os problemas canto antes e poñerlles solución tamén canto antes”, insiste.

Verica S.C.: Confort animal e benestar laboral

Os tres socios de VERICA SC: Verónica, Carolina e Enrique Verica S.C., situada no concello de A Pastoriza, é unha granxa de vacún de leite que centra a produción do rabaño de máis de 280 vacas holstein en conseguir altas porcentaxes de graxa e proteína. Do mesmo xeito, a calidade de vida é fundamental para os 3 socios desta gandería, que reparte as tarefas diarias en dúas quendas de traballo.  Esta sociedade situada no lugar de Os Poles, na parroquia de Aguarda, é unha das moitas explotacións que sitúan a Pastoriza como o segundo concello en canto a vacún e produción de leite en Galicia. E é que a gandería é a principal actividade económica deste municipio, como en boa parte da comunidade.

Buscando maior calidade de vida o traballo organízase en dúas quendas 

No mes de xullo 2015 chegaron as primeiras vacas ás novas instalacións, logo da unión das dúas explotacións que Verónica e Enrique levaban de xeito independente. No momento de constitución da sociedade sumaron un terceiro membro, Carolina, dando lugar a Verica S.C. O cadro de persoal actualmente está formado por estes 3 integrantes máis 2 empregados, repartindo as tarefas en dúas quendas de traballo, desde as 6:30 e ata as 21:30 que remata o segundo grupo.  A pesar da xuventude desta sociedade, debido ao progresivo aumento de animais, xa foi necesaria unha ampliación das instalacións, con 28 cubículos a maiores e alugando unha granxa próxima para albergar parte da recría. “Comezamos coas vacas que tiñamos máis unhas 45 que fomos comprando e a dia de hoxe estamos en 280 animais en total, unhas 152 en muxidura e 20 secas”, explica Enrique sobre a evolución da sociedade.  A cabana gandeira está dividida en varias naves. En primeiro lugar, as vacas en produción están nas instalacións novas que á súa vez se dividen en dous lotes, separando ás vacas de primeira lactación nunha á da nave e o restante na outra. Esta construción tamén alberga á recría ata o momento do destete, cunha zona de boxes individuais e dúas zonas colectivas nas que permanecen ata cumprir 2 meses de idade, momento no que acadan un peso en torno aos 90 quilos. Nesta construción hai unha zona para partos. Unha vez as tenreiras son destetadas pasan por dúas naves en alugueiro ata o momento do parto no que regresan á nave principal, chegando cunha media de 22 meses de idade.  Para a alimentación é preciso realizar diariamente 5 carros, dos que se encarga unha empresa externa. Dous para a recría, un para as secas e outros dous para as vacas en lactación. Esta última mestura está formada por 30 quilos de silo de millo, 14 de silo de herba, 2 de alfalfa e 12 de concentrado. Ao longo do día achégase varias veces a ración cun arrimador autopropulsado para que sempre haxa a disposición alimento fresco.

“Interésannos as calidades, temos unha produción con 4.27% de graxa e 3.67% de proteína” 

Froito desta alimentación e dunha coidada selección xenética, a produción diaria por animal sitúase en 36 litros cunhas calidades de 4.27% graxa e 3.67% de proteína, realizando a muxidura dúas veces ao día. “Vendemos o leite a unha queixería que demanda sólidos polo que é nesa liña na que centramos a nosa produción e non nos preocupamos unicamente por ter litros. Xenéticamente sempre seleccionamos seme positivo en calidades pero sen descoidar volume, ubre, patas ou lonxevidade”, explica Enrique acerca do seu rabaño.  A necesidade de redución de antibióticos fai que as explotacións estean a traballar en prevención. Neste sentido, en Verica S.C. explican que “temos un protocolo de vacinación tanto das xatas ao nacer como das vacas en lactación para reducir problemas e, deste xeito, o uso de antibióticos. Para o secado, na maioría de casos empregamos un tapón e puntualmente facemos tratamento naquelas vacas con maior reconto celular”. 

A pasada campaña de millo foi de récord con preto de 70 mil quilos de media 

A parte agrícola da explotación xira en torno a dous cultivos principais, raygrass en inverno e millo no verán. “Traballamos unhas 70 hectáreas nas que facemos rotación de millo con herba. Progresivamente, co aumento de gando fomos aumentando as terras a millo e a día de hoxe estamos nunhas 50 hectáreas. Este é o cultivo principal e sacamos bos rendementos en canto a produción e calidades. A campaña 2023 foi moi boa, sacamos preto de 70 mil quilos de media por hectárea e vainos sobrar pero preferimos ir con algo de marxe. A superficie restante permanece a prado e cada ano quedan en descanso diferentes fincas. Facemos un único corte de herba a finais de abril para sementar canto antes porque, aínda que nesta zona temos dias de néboa e nubes no verán, deste xeito o cultivo sufre menos a seca”, explica Enrique.  Para o traballo agrícola, ao igual que para a elaboración da mestura diaria, en Verica S.C. contratan gran parte dos traballos agrícolas para axilizar en momentos clave do ano. Enrique encárgase de “sementar a herba, xuntar ou gadañar boa parte das fincas, pero despois o groso do traballo das terras contratámolo a empresas de servizos agrícolas. Teriamos que facer un forte investimento en maquinaria para encargarnos nós de todo o traballo das terras ademais do tempo que require”, recoñece.  O futuro desta sociedade pasa por “adaptarse aos tempos pero valoramos moito ter calidade de vida. Non consideramos aumentar en gran medida ou facer cambios estruturais sempre e cando non sexan necesarios para a viabilidade da empresa. Dende fai un ano organizámonos en dúas quendas de traballo, rotando de xeito semanal.” explica Enrique coa mirada posta no futuro. Esta organización permite que calquera problema se identifique inmediatamente ao haber alguén na explotación durante máis horas ao día. Dende as 6.30 que entra o primeiro quenda ata as 21.30 hai alguén traballando en Verica S.C.  Nave coa recría

“A Administración ten que favorecer o traballo no agro, non obstaculizalo”

As mobilizacións convocadas hoxe en toda a Cornixa Cantábrica polas organizacións agrarias contaron con dez concentracións en Galicia, nas que se xuntaron arredor de 3.000 produtores e uns 600 tractores, segundo os datos das organizacións agrarias. As principais mobilizacións desenvolverónse en Santiago e nas capitais provinciais de Lugo, A Coruña e Ourense, xunto a protestas máis locais na Gudiña (Ourense), Pedrafita e Ribadeo (Lugo), Ortigueira e Vimianzo (A Coruña), e Lalín (Pontevedra). As protestas, que seguen a liña das que se están desenvolvendo a nivel estatal, poñen o foco na burocracia e nas esixencias que xeneran as novas normativas. Tractores na concentración da Coruña. “Son obrigas que nos impoñen burocracia e aumento dos custos de produción, pero que non xeneran ningún beneficio nin para os animais nin para os alimentos que producimos. É seguir ofrecendo o mesmo produto, co mesmo benestar animal, pero con máis gastos e máis papeleo”, resume José Manuel Liste, un gandeiro de Trazo que atendeu ós medios de comunicación na concentración de Santiago.
"As novas esixencias non introducen melloras nin a nivel de benestar animal nin da calidade dos alimentos que producimos. É facer o mesmo con máis gastos e máis papeleo" (José Manuel Liste, gandeiro)
En Santiago, concentráronse arredor da Xunta medio cento de tractores chegados da comarca compostelana e Ordes. As organizacións agrarias convocantes, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga (Asaja), aproveitaron para entregar un escrito coa taboa reivindicativa na Xunta, igual que se fixo nas subdelegacións do Goberno en Ourense e Lugo e na Delegación do Goberno na Coruña. Mobilización dos produtores en Compostela, ante a Consellería do Medio Rural. O decálogo de demandas do sector resúmense en catro puntos principais:
  • Prezos que cubran custos de produción. As organizacións convocantes apelaron á creación de observatorios de prezos que marquen uns custos de produción mínimos, por baixo dos cales non poidan baixar os prezos.
  • Eliminación dos decretos de nutrición sostible de solos, de ordenación de granxas e do caderno dixital. Este último xa se comprometeu a modificalo o Ministerio, no sentido de convertilo en voluntario. En canto ó decreto de nutrición de solos, as organizacións agrarias reclaman que se volva permitir a aplicación de xurros con plato. “A actual normativa non está pensada para Galicia nin para a Cornixa Cantábrica. Reflicte un profundo descoñecemento da nosa realidade e dispararía os custos da maquinaria”, valoran.
  • Cambios na PAC e dos ecoesquemas, para axeitalos ás necesidades da Cornixa Cantábrica. “É necesaria unha PAC para as persoas, non para os territorios”.
  • Control dos acordos de libre comercio e esixencia ós produtos importados dos mesmos requisitos que se lle piden ós de aquí.
  • Concentración ante a subdelegación do Goberno, en Lugo.
Valoracións das organizacións agrarias O sentir común do sector é que existe unha burocratización que está creando problemas onde non existían. “A Administración ten que favorecer o traballo no agro, non obstaculizalo”, resumía Félix Porto, de Unións Agrarias. Por parte do Sindicato Labrego, Xulio Fernández tachou de “moi agresiva” a nova normativa e sinalou que os trámites administrativos están aumentando os custos. Como elemento principal, tanto Félix Porto como Xulio Fernández apelaron á creación de índices autonómicos de custos de produción, de xeito que eses índices permitan fixar un solo dos prezos agrarios. “É certo que o Ministerio e Europa teñen a maior responsabilidade nas novas normativas, pero a Xunta ten transferidas as competencias en agricultura e ten capacidade de facer máis”, valora Félix Porto.
"En Galicia hai que permitir o abonado de xurros con prato, a actual normativa non ten sentido"
Por parte de Asaga, integrada en Asaja a nivel estatal, Francisco Bello insistiu en reclamar tamén prezos e políticas xustas: “Pero o máis importante é defender a dignidade de vivir no rural e producir alimentos. É moi fácil lexislar desde os despachos, pero a cidadanía debe coñecer a verdadeira situación na que estamos. O futuro da agricultura e da alimentación está en grave risco en Europa e a UE ten que replantexarse as súas políticas. Esta non é a PAC que necesita Galicia, que está asfixiando a miles de explotacións”, concluíu. En Lugo, o sector percorreu a pé o treito da Delegación da Xunta á subdelegación do Goberno. Reunión europea o 26 de febreiro Ás protestas de hoxe, espérase que lle sigan novas convocatorias en próximos días. O 26 de febreiro celébrase unha cita trascendente a nivel europeo, onde os ministros de Agricultura de tódolos países debatirán sobre a situación e posibles medidas. En función do que suceda ese día, o sector tomará decisións.
José González. Conselleiro do Medio Rural

“A UE ten que facer unha reflexión a nivel estratéxico”

O conselleiro de Medio Rural, José González, pronunciouse hoxe en apoio ás demandas dos produtores, en especial por “todas as normativas que veñen derivadas de Europa e que o Ministerio aplicou, como a do veterinario de explotación ou o decreto de nutrición sostible de solos”, sinala González. “Desde a Xunta estamos ó carón das reivindicacións dos agricultores e gandeiros e levamos tempo manifestándolle ó Ministerio que estas lexislacións son inasumibles. Onte mesmo emprazamos ó ministro a que pida unha moratoria de toda esta lexislación a nivel europeo, pois é preciso facer unha reflexión a nivel estratéxico que teña en conta a soberanía alimentaria da UE e o papel de agricultores e gandeiros na xestión do territorio”, conclúe González.
Tractores ante a Delegación do Goberno, na Coruña. https://www.campogalego.gal/lalin-sae-rua-para-defender-ao-sector-agrogandeiro/

As Pontellas SC: “Ao pasar a ecolóxico reducimos moito estrés e gañamos calidade de vida”

José Antonio e Ana xunto ao seu fillo Luis, incorporado á granxa familiar Na parroquia de Candai, en Outeiro de Rei, ubícase a gandería As Pontellas SC, unha granxa de produción de leite ecolóxico que rexentan José Antonio López Corredoira e Ana Rodríguez Íñiguez e á se está a incorporar o seu fillo José Luis. A historia desta gandería familiar remóntase a fai máis de 40 anos, cando o pai de José Antonio montou varios cebadeiros de becerros para comercializar a coñecida como carne branca (carne de tenreiros alimentados exclusivamente con leite e sacrificados antes dos 4 meses), cunha produción en cadea duns 700 animais. Debido á caída na demanda deste tipo de xatos, unha das naves construídas para albergar o cebadeiro foi reconvertida despois, fai uns 35 anos, para meter vacas de leite. “Daquela estabamos en convencional e tiñamos medias de 32 litros diarios”, conta José Antonio. Pero aquel sistema tan intensivo non o convencía. “Era moito estrés porque había que estar todo o día pendente das vacas se querías ter esa produción”, recoñece.
A nosa granxa hoxe é un relax. Cando estabamos en intensivo non era así, era un estrés continuo, había que estar todo o día pendente das vacas
Buscando un punto de equilibrio entre litros e horas de traballo, nun primeiro momento decidiron extensificar a produción a través do pastoreo en convencional pero logo xa optaron por pasar a ecolóxico. “Hai uns 15 anos que estamos en ecolóxico, pero antes de pasarnos a ecolóxico xa levabamos 7 ou 8 anos facendo pastoreo”, lembra. Co cambio de sistema de produción cambiou tamén o nivel de dedicación necesario. “Hoxe a nosa granxa é un relax. Levantámonos ás 9 da mañá, ás 9 e media da mañá chegamos á granxa e ás 11 e media xa temos todo listo. Logo botamos as vacas ao pasto e ata as 7 da tarde non volvemos a vir para aquí”, conta José Antonio. A clave, a xestión do pasto Pero malia o sinxelo que semella o sistema produtivo que teñen adoptado, é necesario facer unha xestión axeitada das pradeiras. “O ecolóxico é moito máis complicado do que parece; non consiste só en botar as vacas a pacer”, di.
Producir en ecolóxico é moito máis complicado do que parece; non consiste só en botar as vacas a pacer
Para lograr un mellor aproveitamento do pasto, raciónano en función da súa calidade e dos suplementos forraxeiros aportados no pesebre. “Abro ás vacas en función da herba que haxa na parcela, as veces ábrolles dúas veces ao día para que teñan pasto fresco e non pisen tanto”, explica. Dificultades para aumentar á superficie Dispoñen en total de 54 hectáreas, polo que precisan acadar altas producións tanto de pasto como de forraxe para depender o menos posible das compras externas fóra da explotación. “De superficie estamos moi xustos, pero aquí non hai máis terreo dispoñible”, admiten.
Nesta zona plantouse moito eucalipto e non hai xa moitas máis fincas para coller
“Por esta zona plantouse moito eucalipto e case todo o que queda a prado xa o levamos nós”, engaden, polo que a falta de superficie agraria dispoñible limita a capacidade desta explotación para seguir medrando. Entre becerras de recría, xovencas, vacas secas e vacas en produción, As Pontellas ten neste momento unhas 100 cabezas, das que a metade son animais en lactación. “Para ter máis vacas teriamos que ter máis terreo e non hai”, lamenta José Antonio. Resementeiras sen arar a terra Maquinaria para estender as bostas das vacas e resementar as pradeiras Até agora a estratexia que seguían para aumentar a produtividade das fincas era a de ir renovando unha media de 6 hectáreas cada ano para ir mellorando deste xeito a produción e a calidade da herba, pero a finais do ano pasado adquiriron maquinaria para resementar as praderías sen necesidade de aralas. “A máquina que mercamos permite distribuir as bostas e ao mesmo tempo botar semente. O que facemos é pasala cando saen as vacas da finca e logo botamos unha capa de purín por enriba, así imos implantando as variedades de herba que nos interesa sen necesidade de abrir o terreo”, explica José Antonio. Unha encamadora para repartir o silo Coa mecanización da maior parte dos traballos buscan facer máis levadeiras as tarefas diarias da granxa e ter que traballar menos horas. Dispoñen por exemplo dunha encamadora que empregan tamén para repartir o silo e a herba seca tanto no lote de vacas en produción como no de vacas secas.
Temos maquinaria de todo tipo para facer o traballo o máis cómodo posible
“É unha máquina moi polivalente, que nos vale tanto para estrar como para a alimentación. Metemos o rolo enteiro de silo ou de de herba seca dentro da encamadora e pasamos con ela polo pasillo de alimentación. A encamadora encárgase de ir desfacendo o rolo e repartíndoo polo pesebre. Para o silo ten ademais outra vantaxe, xa que o deixa moi esponxoso e cómeno moi ben”, asegura. Entre 15 e 19 litros de media de produción ao longo do ano Sala de muxido da explotación, de 12 puntos, onde moxen ás 9 e media da mañá e ás 7 e media da tarde O pasto e as forraxes producidas na explotación son a base da alimentación do gando. “O consumo de penso na nosa granxa é mínimo, estamos nos 4 quilos por vaca de media”, conta. O concentrado subminístrallelo a cooperativa asturiana Campoastur. “Levo con eles, mercándolles o penso, desde que empecei en ecolóxico”, lembra José Antonio. As 100 cabezas só consomen uns 6.000 kg de penso ao mes xa que suplementan o pasto sobre todo con silo e herba seca. A pasada primavera fixeron uns 800 rolos de silo e uns 200 de herba seca, pero o verán foi seco e tiveron que empezar a suplementar xa no mes de xuño. “Esta é unha zona na que as fincas acusan a seca e por iso reduciuse moito o pasto”, explica.
Levamos con Campoastur desde que nos pasamos a ecolóxico. Só con pasto chegar a 20 litros é difícil
A produción media de leite da granxa sitúase nos 15 litros por vaca e día nos meses de verán e inverno, subindo a 18-19 litros na primavera. José Antonio recoñece que “só con pasto e silo de herba é difícil chegar a 20 litros”. Pero está convencido de que a rendibilidade dunha explotación como a súa vén polo aforro de custos. “Trátase de ter os menos gastos posibles, dar o menos penso posible e usar a maquinaria tamén o menos posible para que a maior parte do que se ingresa quede libre”, xustifica.
Este ano fixeron uns 800 rolos de silo de herba e uns 200 de herba seca
A estratexia de alimentación en épocas de pouco pasto pasa por suplementar con forraxes propias e unha pequena cantidade de concentrado. “Pola mañá dámoslles entre 2 e 3 quilos de penso e despois, antes de sacalas ao pasto, intentamos meterlles bastante comida, tanto herba seca como silo de herba, para que cando chegan ao prado leven xa no estómago e non necesiten pacer tanto, porque eu notaba que no inverno se saían moi baleiras botaban todo o día pacendo e iso facía que baixaran á produción porque non se deitaban en todo o tempo e as vacas para producir leite necesitan descanso”, afirma. Teñen tamén un autocargador con segadora co que traen ás veces herba das fincas que están máis alonxadas para que as vacas a coman no pesebre.  
Estamos nun 4,10% de graxa e un 3,35% de proteína e en 110.000 células somáticas
A media de calidades móvese arredor dun 4,10% de graxa e un 3,35% de proteína. Desde que se pasaron a ecolóxico entregan o leite a Lactalis; antes, durante os anos que fixeron pastoreo en convencional, venderon tanto a Larsa como a Leyma. Neste momento o prezo final xa con IVE e sumando as primas por calidades e por benestar (nivel excelente), sitúase nos 73 céntimos. Teñen contrato até marzo, asinado no mes de setembro e José Antonio confía en que os prezos se manteñan de cara á renovación. “Europa está tirando cara este modelo de produción, se queren fomentar isto e animar a máis xente a pasarse a ecolóxico non tería sentido que nos baixasen o prezo”, razoa. Protexer as vacas das inclemencias meteorolóxicas Nave para vacas secas, que teñen cama quente de palla e saída ao pasto Unha das máximas de manexo que utilizan nesta gandería é a do benestar animal. “Nós non temos as vacas fóra nin cando chove moito nin con moito sol. Ter ás vacas á auga os días de inverno para min non é benestar animal, e igual nos días de sol no verán. As vacas o calor lévano mal, e o calor para elas é a partir de 25 grados”, matiza José Antonio.
Nin chovendo nin con moito sol temos as vacas fóra. Eu miro polo seu benestar porque tamén é o meu
Por iso no verán, os días que vai moita calor, botan as vacas a pacer pola mañá e recóllenas nas horas centrais do día, para que estean cando aperta o sol a cuberto no establo, para volver botalas pola tarde de novo a pacer. “Dá máis traballo, pero penso que as vacas están mellor. Por un lado evítaslles as horas de máis calor e minimizas riscos de mamite transmitido pola mosca”, asegura.   Para levalas e traelas ao pasto manexa el só o rabaño, coa axuda do seu can. No entorno da granxa teñen 10 hectáreas de terreo e para o resto das fincas, algunhas delas a quilómetro e medio de distancia, van por camiños de terra sen asfaltar.
Para iren ao pasto levámolas por camiños de terra, as nosas vacas case non pisan o asfalto
“Moitos deles eran camiños que estaban pechados de maleza, pero desde que botamos as vacas fóra volvéronse abrir”, explica. Estes vellos camiños de servizo evitan que o rabaño teña que ir polas pistas. “O alcatrán ás vacas non lles fai nada ben, moitas coxeiras danse por culpa das areas”, di José Antonio.

"En que me beneficia a min meterme en 250 vacas?"

Están a muxir neste momento 50 vacas e non teñen previsto aumentar moito o número de cabezas As Pontellas ten o relevo xeracional asegurado. Luis, o fillo de José Antonio e Ana, vai cumprir 20 anos e está a facer a incorporación á explotación. O que o convenceu para tomar a decisión foi a calidade de vida que ve que teñen os seus pais. “Aquí non fai falla levantarse ás 6 da mañá nin traballar unha chea de horas”, di. Por iso, coa súa incorporación Luis non pensa dobrar o establo ou o número de cabezas, unha práctica común en moitas explotacións intensivas cando se incorpora o fillo. “Como moito eu meterei 10 vacas máis, pero non teño previsto medrar ao tolo, nin aproveitar as axudas para iso, porque en que me beneficia a min meterme en 250 vacas?”, pregunta.
Non quero dobrar o número de cabezas; quero calidade de vida
“Iso suporía facer unha nave nova, ter que mercar un tractor máis grande, buscar máis terras, contratar un ou dous empregados, en definitiva, moito máis traballo para gañar o mesmo a fin de mes e perder calidade de vida”, razoa.    “O que queremos é baixar ao traballo mantendo os ingresos e a viabilidade da granxa; non aumentar ao traballo. Non quero dobrar ao número de cabezas; quero calidade de vida”, di convencido. Traballo familiar Nesta gandería familiar repártense as distintas tarefas a realizar para atender tanto o gando coma o traballo agrario sen necesidade de man de obra externa. “Facemos nós todo, desde abonar ou ensilar a atender aos animais”, explican. A recría é unha das tarefas que lles rouba tempo. Destetan aos tres meses e completan o proceso noutro establo, onde teñen as xovencas. No caso das vacas secas, contan cunha instalación con cama quente na que teñen ademais acceso libre ao pasto. Animais de recría, que destetan aos tres meses A lonxevidade nas súas vacas é moi elevada e a reposición que necesitan para cubrir as baixas é realmente pequena, aínda que ao querer medrar algo están a recriar algún animal máis dos necesarios. “Aquí con media ducia de xovencas ao ano amañariamos, temos vacas con 12 anos dando leite perfectamente”, conta José Antonio. A saúde xeral do rabaño é moi boa, o que reduce gastos en medicamentos. “Aquí o veterinario é moi raro que veña”, conta José Antonio. “Partos atendemos tamén moi poucos, un ou dos ao ano. Normalmente amáñanse soas para parir, e levamos 15 anos sen problemas de patas e sen ter que recurtar cascos”, explica.
Nós con recriar media ducia de xatas ao ano amañamos; temos vacas con 12 anos dando leite perfectamente
As Pontellas dispón de animais moi rústicos que se adaptan ben ao pastoreo. Comezaron cruzando as vacas holstein puras que tiñan con touros de razas como a roja sueca, a jersey, a montbeliard ou a parda alpina, en función das características da vaca. Para o segundo cruzamento usaron seme fleckvieh en todas as xovencas e na actualidade están volvendo a poñer frisón para incrementar a capacidade produtiva. “Para min a vaca que mellor nos funciona é o cruce de frisón con rojo sueco; é unha vaca que ten corpo, que dá leite e que é moi resistente”, asegura José Antonio.

Que cambios supoñerá ter que contar cun veterinario de explotación?

Entre o paquete de normativas en materia de sanidade animal aprobadas nos últimos meses desde a Unión Europea para as ganderías, un dos cambios significativos é a obrigación de contar cun veterinario de explotación. Este foi precisamente un dos temas tratados na última edición dos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva, en Lalín, debido ás dúbidas que suscita este requisito da normativa. “Moitas das ganderías galegas xa están a cumprir boa parte dos requisitos que se esixen agora coa figura do veterinario de explotación”, apunta Ignacio Arnáiz, responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), durante as xornadas celebradas na capital dezá. Aínda así, ter que incorporar un veterinario de explotación supoñerá trámites burocráticos específicos e cambios para boa parte das ganderías.
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa” (Gloria Martínez, coordinadora de Xundeva)
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa, podendo ver todos os informes dos distintos profesionais que traballen na gandería”, exemplificaba a veterinaria Gloria Martínez Sanz, veterinaria e coordinadora dos servizos veterinarios da ADS Xundeva. Gloria Martínez e Ignacio Arnáiz na presentación realizada nesta edición dos Encontros Gandeiros de Xundeva.

Obrigacións para os gandeiros e os veterinarios

Aínda que está por concretar por parte da Administración, estímase que as ganderías deban de dispoñer deste veterinario de explotación a partir do 15 de maio do 2024, xa que esta foi a data provisional que se fixo pública coa aprobación da norma. Estas son algunhas das obrigacións que se lle presentan ao titular da gandería ao ter que incorporar esta figura de veterinario de explotación: -Este veterinario de explotación debe ser un profesional ou empresa que dispoña de servizos veterinarios para todas as especies da gandería. “Pode contarse cun só veterinario da granxa que xestione todas as especies ou poden nomearse varios veterinarios de explotación para as distintas especies”, indica Martínez Sanz. -Será o titular da gandería quen deba acreditar que conta con este profesional ou empresa mediante un modelo de declaración responsable. -O titular da granxa deberá comunicar a designación ou cesamento deste veterinario de explotación. Para iso dispón dun prazo de 7 días hábiles. -No caso de cesamento do veterinario de explotación, o titular da granxa dispón dun prazo de 3 meses para designar a un novo profesional para o cargo e de novo terá que comunicalo á Administración. -O propietario da granxa debe proporcionarlle ao veterinario ou facilitarlle que obteña no seu nome a información necesaria sobre a situación epidemiolóxica da súa gandería. -O titular da gandería tamén debe asegurarse de que todas as persoas que traballen na granxa co gando teñan unha formación adecuada e suficiente. Así, deberán acreditar unha formación mínima de 20 horas nun prazo de 6 meses contados desde o comezo do seu traballo na granxa. Estes cursos xa se impartiron en distintas Oficinas Agrarias Comarcais e está previsto que sigan ofertándose. Estarán exentos de recibir esta formación aqueles traballadores que acrediten un mínimo de experiencia práctica de 3 anos no manexo de gando bovino. Tampouco deberán tomar esta formación mínima os traballadores que xa teñan un título técnico de Produción Agropecuaria ou o título técnico superior en gandería e asistencia en sanidade animal. Pola súa banda, o veterinario de explotación comprométese a cumprir unha serie de funcións na granxa: - Todas as ganderías, independentemente da especie que sexa, deberán contar cun Plan Sanitario Integral (PSI) en formato dixital ou papel que debe elaborar o veterinario de explotación, o persoal veterinario da ADS ou a integradora ou entidade asociativa á que se pertenza. -Este Plan Sanitario Integral debe incluír actuacións sanitarias, de hixiene, bioseguridade e o uso racional de antibióticos. “É fundamental que o PSI estea adaptado á especie e ás características da gandería”, apunta a veterinaria Gloria Martínez Sanz.

Como debe ser o Plan Sanitario Integral (PSI)

Un dos requisitos imprescindibles que se pedirá ás ganderías e que está asociado á figura do veterinario de explotación é o Plan Sanitario Integral (PSI). Este Plan debe adaptarse ás diferenzas existentes entre os distintos tipos de granxas e responder ás necesidades e características de cada gandería. Así, dependerá de cada especie, tipo de explotación, sistema produtivo, situación epidemiolóxica e características particulares da gandería. “No caso de que convivan na mesma gandería diferentes especies, pode establecerse un plan sanitario único ou ben propoñerse plans sanitarios específicos para cada unha delas e baixo a responsabilidade de máis dun veterinario”, explica a veterinaria Martínez Sanz. Ademais, no caso das ganderías pertencentes a unha ADSG que teña asignado un veterinario de explotación distinto do veterinario da ADSG, o Plan deberá contemplar como mínimo un programa sanitario da ADSG.
O Plan Sanitario Integral debe actualizarse cada 5 anos ou cada vez que haxa cambios destacados na granxa
Este Plan debe actualizarse polo menos cada 5 anos e sempre que se modifiquen substancialmente as instalacións ou as prácticas de manexo na gandería. Debe estar asinado tanto polo veterinario da explotación como polo propietario. Ademais, é o propietario da gandería o responsable de que se cumpran as medidas que se recollen neste Plan.

Decálogo do Plan Sanitario Integral

O Plan Sanitario Integral debe contar cun contido mínimo para asegurar as medidas sanitarias imprescindibles na gandería. A continuación recóllese un decálogo de accións para incluír no devandito Plan: 1. Medidas de hixiene e bioseguridade. Neste apartado inclúense todas as accións preventivas que teñan que ver co control de acceso de animais á gandería ben sexa recría, reposición externa, animais alleos á granxa, animais en corentena… Tamén se contemplan as medidas de prevención en relación ao persoal da granxa e alleo a ela, así como vehículos. Neste apartado deben figurar tamén medidas que contemplen un control sobre a hixiene e a bioseguridade da alimentación do gando, así como á subministración e calidade da auga. Inclúense ademais, medidas específicas sobre o manexo dos animais. “Deben figurar protocolos para a separación do gando enfermo ou en corentena”, especifica a veterinaria. Neste apartado deberán aparecer ademais as medidas que adopta a granxa con respecto da xestión dos residuos sanitarios, así como a revisión periódica de certos aspectos das instalacións ou a recollida e almacenamento dos cadáveres, entre outros aspectos. 2. Plan de vixilancia e control de parasitos internos e externos dos animais. 3. Protocolo de vixilancia do estado sanitario dos animais. “A detección temperá é fundamental, xa que tratar de forma rápida marca a diferenza”, explica a veterinaria. 4.Programa de mostraxe rutineira fronte ás enfermidades obxecto de control na granxa. “Deben incluírse tamén os animais de nova incorporación á gandería”, detalla Martínez Sanz. 5. Plans de vacinación que se realicen na granxa. 6. Plan dun uso racional dos medicamentos. “Nas ganderías está a facerse xa un uso moi controlado dos medicamentos”, apunta a veterinaria. 7. Plan de cumprimento e control de hixiene do leite nas ganderías. 8. Plan sanitario da ADSG, se o veterinario de explotación designado é distinto ao da ADS. 9. Plan sanitario en relación coas enfermidades de declaración obrigatoria ou que sexan de interese para a propia gandería, a comarca, provincia ou comunidade autónoma. 10. Visitas zoosanitarias. O veterinario da explotación debe realizar de maneira presencial o seguimento sobre as medidas recollidas no propio PSI e o Plan de Benestar animal da granxa. “O veterinario emitirá as recomendacións que considere oportunas á persoa titular da gandería sobre as deficiencias que observe ou o uso de antibióticos na granxa”, explican os técnicos. As visitas zoosanitarias realizaranse unha vez cada 6 meses nas ganderías cun risco alto, cada ano nas granxas de risco medio e cada 18 meses nas que teñas un risco baixo. “A autoridade competente será a que determine o nivel de risco para cada gandería”, apuntan.

”En España contrólase de forma exhaustiva o benestar animal no transporte, pero non no resto da cadea”

Pedro Martínez, Secretario Xeral da recentemente constituída Confederación Española de Transporte de Animais Vivos (CETM Animais vivos) , así como da Asociación de Transportistas de Animais e Alimentación animal (ASTRAYA) Recentemente quedou constituída a Confederación Española de Transporte de Animales Vivos (CETM Animales vivos) da que forma parte FROET xunto con outras 24 asociacións provinciais e ASTRAVI. A Confederación estableceu a súa sede en Madrid e a Secretaría Xeral e a súa dirección técnica recae en Pedro Martinez. Falamos con el sobre os obxectivos desta nova entidade e sobre a situación do sector de transporte de animais vivos en España. -Por que decidistes crear a asociación CETM Animaless Vivos dentro da Confederación Española de Transporte de Mercadorías? CETM é a asociación de maior representación a nivel nacional e un deses motivos é a mellora ano tras ano dos seus servizos. É por iso que se creou esta especialidade, para ampliar a cobertura de servizos aos seus asociados. -Cal é o grao de representatividade da asociación dentro do sector do transporte de animais vivos? Actualmente CETM Animais vivos ten un total de 300 empresas e unha frota de máis de 2000 vehículos que abarcan o transporte de animais vivos, alimentación animal e SANDACH. Isto tradúcese en que somos a asociación con maior representatividade. Dar unha porcentaxe de representación é difícil xa que o MITMA e o MAPA non teñen unha base de datos que identifique claramente a esta especialidade do transporte de servizo público, pero si podemos dicir que as grandes empresas do sector están dentro de CETM e que facilmente esteamos preto do 55%.
“Os próximos cambios normativos relacionados co benestar animal son os que máis preocupan ao sector”
-Cales son as principais problemáticas ás que se enfronta neste momento o voso colectivo? Os próximos cambios normativos relacionados co benestar animal son os que máis preocupan ao sector, xa que estamos a falar dunha posible redución de horas de viaxes dos animais ou a limitación das exportacións a terceiros países, onde o transporte rodado ten un activo moi importante a nivel económico. Outras problemáticas que ten o sector son: -A introdución de animais non aptos por parte das explotacións, onde a administración responsabiliza ao transportista e sanciónao. Débese traballar coa administración para que realice un baremo sancionador equitativo entre todos os intervinientes da cadea loxística. -O escaso número de centros de centros de limpeza e desinfección, como a deficiencia nas súas instalacións en gran número deles. -O transporte ilegal. Unha problemática que é moi acusada en equino, gando bravo e ovino. -Tempos de espera excesivos en matadoiros nacionais e nos portos para a exportación a terceiros países. -A implantación das 44 Tm e os 4,5 m de altura. Esta medida é necesaria para certas especies como o bovino ou as porcas de desvelle. -A escaseza de condutores. -A nivel normativo e de regulación, que lle demandades ás administracións? As nosas principais reclamacións son: -Un baremo sancionador equitativo que avalie a responsabilidade de cada membro da cadea loxística. -Axudas para as renovacións de frota dos colectores. - Facilidade para a realización por parte dos profesionais dos cursos de BA no transporte. -Que a administración avalíe o impacto económico que levarían certos cambios normativos no transporte animal. Por exemplo, a altura mínima do piso para cada especie nos colectores; se se implantasen as recomendacións da EFSA, preto do 70% da frota actual quedaría obsoleta. - Ferramentas que garantan que as operacións de carga e descarga son realizadas polo persoal das explotacións e os matadoiros. - Implantación dunha rede de centros de limpeza e desinfección cuns estándares mínimos de calidade. -Cal sería a especie ou o tipo de animais máis esixente e complexa á hora de realizar o seu transporte? Cada especie ten un manexo e unhas especificacións distintas. No transporte de animais xogamos con distintos factores como é a temperatura, os tempos de viaxe dos animais e a densidade de carga. Por todo iso é difícil avaliar que animal é o máis problemático a transportar. Vehículo con sistema de ventilación transversal -E en canto ao benestar animal, coa vosa experiencia, cales son as claves para reducir o estrés dos animais de abasto durante o seu transporte? Esta claro que a redución das horas de viaxe, evitar as temperaturas extremas, a densidade de carga e facer as cargas e descargas áxiles son puntos clave para reducir a tensión animal. Tamén hai que destacar que hai que respectar unhas horas mínimas de viaxe para que os animais non sufran un alto nivel de estrés, aínda que este varia segundo a especie. No caso do porcino é conveniente manter un mínimo de 2 a 3 horas de viaxe para que os animais non acumulen a tensión da carga e descarga.
 “É prioritario concienciar a gran parte dos cargadores para que respecten o benestar animal e a actual normativa”
-En que áreas vedes marxe de mellora neste último apartado? Hai moitísimas cousas que mellorar tanto a nivel practico como normativo, pero o primeiro, é concienciar a gran parte dos cargadores en respectar o benestar animal e a actual normativa. -As áreas de desinfección son claves para a bioseguridade no transporte. Como valorades a situación actual nesta área e que cambios vedes necesarios? Os centros de limpeza e desinfección son escasos e algúns deles precarios. Hai que mellorar substancialmente e facer un seguimento máis exhaustivo destes centros. Tamén cabe destacar que os matadoiros dispoñen do seu propio centro de limpeza e desinfección, pero no 90% dos casos non están dimensionados para dar servizo a todos os vehículos que necesitan para manter o seu nivel de sacrificio, creando esperas prolongadas aos transportistas.
“Os centros de limpeza e desinfección son escasos e algúns deles precarios”
Hai que mencionar que o MAPA sacou a ferramenta RECELIDE que facilita a procura destes centros e a futuro (abril de 2024) será obrigatorio o rexistro das limpezas e desinfeccións na plataforma. Vehículo de transporte de gando vacún con sistema de ventilación convencional -A normativa española de transporte de animais vivos é máis restritiva que a francesa ou a portuguesa? Se falamos de restricións en países europeos quen leva o premio é Alemaña e Países Baixos polas súas limitacións de transporte no verán, pero tamén hai que destacar que a súa administración fai un control rigoroso in situ durante as cargas e descargas.
 “En España contrólase de forma exhaustiva o benestar animal no transporte, pero non no resto da cadea”
En España o problema que temos é que a administración leva un control exhaustivo do transporte animal, algo que é correcto, pero que non evita que se incumpran as normas de benestar animal por non ter medios suficientes para controlar as cargas ou outras operacións. Desde CETM cremos que a administración debe levar este control, pero entendemos que se debe crear un baremo sancionador que castigue de forma proporcional a todos os integrantes da cadea loxística para reducir substancialmente o número de incidencias no transporte. Isto levaría a sancionar de forma máis severa aos cargadores ante animais non aptos e aos organizadores se realizan mal os itinerarios das viaxes.   -No caso do transporte de gando vacún, lévase reclamando desde o sector que se incremente a altura do remolque de 4 a 4,5 metros, tal e como se está autorizado en Francia, para mellorar a competitividade e o benestar animal. Compartides esta reclamación, tedes información sobre cambios normativos respecto diso? É necesaria esta medida por benestar animal. A nivel normativo a Lei 3/2022 xa contemplaba este cambio, de feito íase a implantar xunto ás 44 Tm pero o adianto das eleccións xerais bloqueou a medida que estaba a piques de aprobarse de maneira oficial co consecuente cambio na norma da DXT. Actualmente está parado e xa veremos cando poderemos retomar este tema. Doutra banda, tamén a Comisión Europea ten previsto realizar cambios normativas no que son as masas e dimensións dos vehículos de transporte de animais vivos. -Estades a lograr repercutir en nos portes os incrementos do prezo do gasóleo? O sector subiu o prezo dos portes, pero aínda así non se repercutiu toda a subida. Hai unha parte do prezo por km que foi absorbido polos transportista e outra parte polo cliente, aínda así creo que isto ocorreu en gran parte dos sectores, non só no noso. Vehículo con sistema de ventilación convencional

O sector cunícola comeza a utilizar o selo B+

A Interprofesional para impulsar o Sector Cunícola, Intercun, xa comezou a autorizar a entidades de certificación para realizar auditorías de Compromiso Benestar Animal BACI (Benestar Animal Cunícola INTERCUN), o que permitirá o uso do selo B+ nos produtos de carne de coello procedentes de granxas e industrias certificadas. Este é o selo común das seis interprofesionais gandeiro-industriais do sector cárnico, que se uniron para garantir aos consumidores e usuarios un alto nivel de excelencia en canto a benestar animal e trazabilidade nos produtos identificados co B+.

Control en todo o sector

Tal e como explican desde Intercun, a certificación BACI contou para a súa elaboración coa Sociedade Española de Protección e Benestar Animal (SEPROBA), e foi coidadosamente analizada por un comité científico multidisciplinar. “Esta certificación engloba requisitos baseados en criterios científicos e técnicos máis esixentes que os recollidos na normativa europea, así como na nacional”, explican desde Intercun. Ademais, esta certificación contempla todos os elos do proceso de produción de carne de coello. Establece requisitos que afectan ó benestar animal e á rastrexabilidade desde a maternidade ata o cebo ou os centros de sacrificio e controla a cadea de custodia dos produtos no resto de industrias relacionadas coa carne de coello.

As explotacións gandeiras deberán dispor de plans de benestar animal nun prazo máximo de dous anos

As explotacións gandeiras teñen de prazo até 2025 para contar cun plan de benestar animal que deberá ser supervisado por persoal veterinario. Así o explicaron os expertos que participaron na XXV Xornada da Fundación Instituto Tecnológico del Pienso (FITP) “Estratexias de mellora de saúde e benestar animal” que reuniu o pasado venres en Santiago de Compostela a máis de 150 representantes do sector agroalimentario e gandeiro galego. A medida forma parte das novidades introducidas polo Goberno para velar polo benestar da cabana gandeira e inclúen, ademais, a modificación dos reais decretos sobre protección de animais nas granxas relativos ás condicións xerais e á cría de tenreiros, galiñas poñedeiras, porcos e polos de carne para adecualos á normativa da UE. Na súa aposta por reforzar o coidado e garantir o benestar animal, a FITP, entidade creada pola Asociación Galega de Fabricantes de Pensos Compostos (Agafac), abordou as novidades máis destacadas da lexislación, cambios que afectan a aspectos tan importantes como a alimentación, a densidade máxima de animais nas granxas ou as súas condicións de alimentación e que deberán formar parte dos plans de benestar animal de cada granxa.

Os becerros de máis de 8 semanas non poderán manterse en recintos individuais

Na súa intervención, a responsable da área de benestar animal de producións gandeiras e cinexéticas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Pilar León Arnaiz, realizou un percorrido polas novidades que en maior ou menor medida deberán ser unha realidade en tres datas clave: 2025, como é o caso dos plans de benestar individuais, e nos exercicios 2028 e 2030. Dispor de lugares permanentes de descanso, "con chan uniforme, camas cómodas, secas e limpas", que garantan o confort do gando, con auga e alimento "de calidade e en cantidade suficiente para cubrir necesidades", instalacións con ventilación e temperatura axeitadas e ter dispoñibles equipos e materiais para previr lesións de ubres e contaminación do leite son, por exemplo, algunhas das características que terán que cumprir as explotacións bovinas, onde os tenreiros de máis de oito semanas non se manterán en recintos individuais, salvo recomendación veterinaria. O director da FITP e xerente de Agafac, Bruno Beade, abriu a xornada, que contou con destacados expertos en benestar animal. Así, Odón Sobrino Abuja, da Sociedad Científica de Veterinaria de Salud Pública y Comunitaria disertou sobre a importancia da microbiota na saúde dos animais.

Formación e dixitalización

Pola súa banda, Pedro Medel, director de Innovabiotics, impartiu a conferencia "Estratexias nutricionais para o fomento da saúde intestinal e da fisioloxía dixestiva", mentres que Concepción Gafo, xefa de área da subdirección xeral de Medios de Produción Gandeira do MAPA abordou como o novo regulamento de deforestación afectará o sector da alimentación animal. "Benestar animal: aspectos claves en granxa para a súa certificación", foi o título do relatorio de Ana López, experta independente en auditorías de benestar animal e tras a súa intervención celebrouse un debate coa participación dos relatores. O acto de clausura correu a cargo de José Luís Rey, presidente da FITP e Agafac, que destacou a aposta do sector por procurar o benestar animal e a sustentabilidade nos procesos. Así mesmo, fixo fincapé na necesidade da formación continua, non só nestes ámbitos, senón tamén na dixitalización, para ser "eficientes e eficaces" para afrontar o futuro.

Xornada en Lugo sobre benestar animal en vacún de leite en ecolóxico

Agronovo Ecoloxía e a Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia organizan o vindeiro día 27 de outubro en Lugo unha xornada formativa sobre benestar animal en vacún de leite en ecolóxico. A xornada é gratuíta e está financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A formación contará cunha sesión teórica impartida pola veterinaria especializada en Benestar Animal Nina Vázquez Viader. Posteriormente, impartirase un taller práctico para o cal se desprazarán a unha granxa situada en Outeiro de Rei. A sesión teórica será impartida na sala de exposicións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da vicepresidencia da Deputación de Lugo. Máis información e inscricións no teléfoo 698 956 453 ou a través do correo aplegalicia@gmail.com

Pisos esvaradíos, cubículos e corredores reducidos, eivas de benestar animal nas granxas luguesas de vacún de leite

A tese de doutoramento da veterinaria Sonia Verdes Gil demostra que a rendibilidade das explotacións de vacún na provincia de Lugo pode verse reducida por carencias no benestar animal. Entre os elementos detectados estarían as reducidas dimensións da estabulación animal ou chans incómodos. A afectación directa sería sobre a saúde e produción. A tese da doutora Sonia Verdes, 'Benestar animal nas granxas de vacún de leite da provincia de Lugo e as súas implicacións na produción', sinala os defectos apuntados como causantes de impactos negativos na produtividade e nos ciclos de reprodución, por tanto, na rendibilidade das explotacións. Para este traballo, recolléronse datos relativos a instalacións, manexo, saúde dos animais e capacidade reprodutiva e productiva en case 200 explotacións. Sobre a avaliación cuantitativa do nivel de confort derivado das instalacións e manexo, a investigación constata unha diferenza de 33 puntos entre as granxas con mellores características e as peores. As granxas con mellores puntuacións destacan pola calidade do material das camas e o seu óptimo mantemento e limpeza, o que redunda en animais máis limpos e mellores taxas produtivas e de reprodución. Pola contra, nas explotacións peor cualificadas advírtense reses cunha hixiene deficiente nas patas e no ubre, unha menor taxa de detección de celo e unha produción de leite inferior.
Detéctase case un 20% de vacas con coxeira, unha lesión ligada a reducidas dimensións de cubículos e a alta densidade de animais
Asemade, a investigación asocia a limpeza das áreas de descanso e corredores cunha menor incidencia de enfermidades dos cascos e de mamites nas vacas, ao tempo que correlaciona unha alta incidencia de coxeiras coas reducidas dimensións dos cubículos e dos corredores, así como coa elevada densidade de poboación. A coxeira é unha tipoloxía de lesión que presenta case o 20% das vacas das explotacións obxecto da investigación. O tribunal que avaliou a tese doutoral de Sonia Verdes estivo composto pola profesora do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Zaragoza Mª Lidia Gil Huerta, que presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Sonia Verdes Gil. O xestor de vendas en ABS España - Genus PLC, Juan Manuel Caínzos Cagiao, e o profesor na Facultade de Veterinaria da USC Rodrigo Muíño Otero completaron un comité que outorgou á investigación de doutoramento a máxima cualificación de sobresaliente cum laude.

Radiografía sobre o sector porcino: retos e cifras das granxas de porcos

“Dise que o porcino é un sector estratéxico. Nós así o cremos, pero é certo que cada vez botamos máis en falta o apoio da Administración”, recoñece Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Productores de Ganado Porcino (Anprogapor) ao comezar a analizar a situación que atravesa o sector de porcino español. O colectivo de criadores participou este ano no XXV Monográfico de gando porcino, celebrado en Silleda (Pontevedra) no que compartiu cos participantes unha análise sobre os principais retos do sector a curto e medio prazo. O sector experimentou grandes dificultades para trasladar ao consumidor o incremento de prezos que se rexistrou nos custos de produción derivados do aumento de custos das materias primas e enerxía por mor da guerra de Ucraína. “Non fomos capaces de trasladar o incremento real dos custos de produción ante o medo á caída do consumo”, recoñecen desde Anprogapor. Así, tanto o gandeiro como as industrias estiveron asumindo ese incremento dos prezos”, valoran na asociación.
“Aínda que nos últimos meses esteamos con prezos bos arrastramos perdas tanto do 2022 como do 2021”: Miguel Ángel Higueira, Anprogapor
Nos últimos meses estivéronse rexistrando prezos moi bos, unha tendencia que xa se demostraba no mes de marzo, cando se rozaban os 2 euros por quilo antes de Semana Santa, unha data que adoita marcar diferenza. “Aínda que agora esteamos con prezos bos arrastramos perdas tanto do 2022 como do 2021”, apunta Higuera. Así, lembraba como en 2021 se rexistraron unhas perdas de 20 euros por porco ou a comezos do ano pasado cifrábanse unhas perdas de entre un 30 e 10%. “Estes fluxos de tantos cambios afectan dunha forma moi significativa ás economías dos gandeiros”, explica. Miguel Ángel Higuera, director de Anprogapor durante a súa participación nas xornadas de porcino en Silleda (Pontevedra).

As cifras de produción en Europa

As crises dos últimos anos provocaron unha baixada xeral da produción de porcino en Europa. En concreto, produciuse unha redución do 4% do censo no número de nais no último ano e dun 5,2% no número total de animais. As cifras dos principais países produtores tamén demostran esa caída das cifras do porcino. Así, en Dinamarca produciuse unha redución do 12% do censo total de animais. En Alemaña foi do 10% e en Polonia do 6%.
España é un dos países onde menor caída da produción de porco se rexistrou, cunha baixada do 1%, mentres que en países como Alemaña foi do 10%
Mentres, España foi un dos países onde esta baixada do censo total de animais foi máis contida, apenas un 1% no censo total e só un 0,9 % no número de nais. Cabe lembrar que España sitúase como o primeiro produtor de Europa, con practicamente o 20% da produción total. “Dentro do contexto europeo, España é un dos países que mellor está a aguantar”, valora Higuera. A situación de España está a xerar incluso certo rexeitamento nalgúns países de Europa aos que está a chegar carne de porco española a un prezo moi competitivo, o que limita o crecemento e que os propios produtores deses países poidan incrementar o seu prezo. “Estamos a atoparnos inimigos dentro do noso sector en países aos que exportamos a carne de porco. A nosa competitividade está a conquistar moitos mercados”, apunta Higuera.
“A competitividade do sector porcino español está a conquistar moitos mercados”: Miguel Ángel Higuera, Anprogapor
Tamén hai países onde os datos de Eurostat reflicten un destacado crecemento, como ocorre con Italia, que experimentou un aumento do número de nais de case un 25%, contando con 141.000 nais máis nun ano. Aínda que os datos italianos crean certa suspicacia entre o sector, debido a que Italia é un dos países onde xa se rexistraron casos de Peste Porcina Africana (PPA), o que adoita levar parello unha caída do número de animais, debido aos sacrificios que se derivan desta infección. Algunhas fontes apuntan a que este incremento pódese deber a un cambio no rexistro estatístico.

Os retos a curto prazo

O sector afronta a curto e medio prazo retos significativos que están a xerar certa preocupación pola viabilidade de moitas granxas, xa que afectan a distintos piares da actividade. A entrada en vigor de novas normativas en 2027 e a limitación á creación de novas granxas está a poñer en xaque a continuidade e renovación do sector, tal e como coinciden en sinalar tanto desde Anprogapor como desde a Federación Galega de Porcino (Fegapor). A alimentación dos animais, as esixencias en cuestións ambientais e de benestar animal ou os riscos sanitarios por ameazas como a peste porcina son as principais dificultades ás que o sector busca facer fronte.

Alimentación animal

Unha das maiores preocupacións é a dificultade para conseguir pensos e cereais para alimentar aos animais a un prezo competitivo. Ademais das consecuencias derivadas da guerra de Ucraína que afectaron ós prezos e fluxos de cereal mundial, a nova normativa europea que quere poñer coto á entrada de produtos procedentes de zonas deforestadas pode ter un impacto directo no sector, xa que a entrada de soia pode verse afectada e traer consecuencias tamén para o abastecemento desta materia prima, fundamental na dieta dos porcos.
Preocupa que a soia poida verse afectada polas novas limitacións europeas aos produtos procedentes de zonas deforestadas e ter un impacto significativo nos pensos dos porcos
Témese que as limitacións postas por Europa leven a que grandes produtores de soia como Brasil ou Arxentina se centren en exportar a países como a China, onde non existen limitacións neste sentido, tendo en conta ademais que o mercado europeo supón menos do 20% das súas exportacións. Así, conseguir soia a prezos competitivos pode resultar difícil e ademais podería ter un efecto rebote tamén nos custo doutros cereais.

Medio Ambiente

As novas normativas impulsadas desde Europa no marco das estratexias do Pacto Verde e da Granxa á Mesa, que perseguen a neutralidade climática para 2050, supoñen tamén novos desafíos para o porcino. O sector presentou xa unha folla de roteiro ao Ministerio de Transición Ecolóxica na que se inclúen unha serie de medidas para chegar a cumprir ese obxectivo na devandita data. Está a poñerse o foco en temas como a calidade do aire, onde reducir as emisións de amoníaco é unha das claves, xa que as cifras manexadas por España sitúanse aínda por encima do baremo estipulado por Europa para lograr a neutralidade climática.
“Seguimos sumando certificacións que ao final non retornan valor algún ao gandeiro, mentres que supoñen presións indirectas por parte da distribución”: Anprogapor
Cuestións como a xestión dos estercos ou a redución de consumo de recursos hídricos e de carbono son temas que tamén haberá non só que cumprir, senón que demostrar mediante certificacións. “Preocúpanos ter que seguir sumando certificacións que ao final non retornan valor algún ao gandeiro, mentres que supoñen presións indirectas por parte da distribución, como xa estamos a vivir agora”, matiza Higuera.

Benestar animal e novas normativas

Xunto co medio ambiente, as novas normativas en materia de benestar animal tanto a nivel nacional como europeas supoñen tamén desafíos significativos. Unha das últimas normas españolas que entrou en vigor estipula cambios no espazo dos animais, esixindo unha redución da densidade das granxa. “A nivel estatal perderase un 7% das prazas e esperemos que nos concedan dous anos de moratoria para a súa entrada en vigor”, apunta Higuera. A redución da densidade e a mellora do benestar animal é ademais unha esixencia europea vinculada á PAC, o que condicionou que se tramitase este Real Decreto con tanta celeridade, segundo explican desde Anprogapor. Mentres, Europa prepara para finais deste ano unha actualización da normativa de benestar animal, o que deriva na aprobación de 4 normativas que poden afectar a gran parte da cadea. Así, prevese que haxa novas esixencias para os animais en granxa, con regulación para cada unha das especies, actualizacións na regulación do transporte de animais, os procedementos no sacrificio e a etiquetaxe da carne.
Solicitaron que as granxas actuais poidan ter un período de transición de 15 anos para axustarse aos cambios que se barallan nas novas normativas de benestar animal
Aínda que vaian coñecéndose as esixencias a finais deste ano, estímase que ata o 2027 non entrarán en vigor. “Está a pedirse que as granxas actuais poidan ter un período de transición de 15 anos para axustarse aos cambios que se barallan, pero as novas instalacións deberán cumprir coa normativa desde o 2027”, explica Higuera. Desde Anprogapor, así como desde outras organizacións do sector, recriminan que as recomendacións de expertos en materia de benestar animal non teñen en conta o impacto económico que estas medidas teñen no sector e que pode orixinar unha maior concentración das empresas e a eliminación das granxas de menor tamaño que non poden facer fronte aos investimentos que supoñen estas esixencias.

A ameaza da peste porcina

En materia de seguridade animal tamén haberá cambios a curto prazo. Un dos máis inmediatos é a entrada en vigor en xaneiro do 2024 do Real Decreto 306/2020 que supón incrementar as medidas de bioseguridade das granxas. Nelas inclúese desde contar cun valado perimetral das instalacións, incluídas as balsas de esterco que se sitúen fóra das instalacións da granxa, así como arcos de desinfección, vestiarios con diferenciación de zonas, control de visitas, entre outras. Outro dos aspecto a nivel sanitario nos que se pon o foco é a redución de antibiótico, que supón non superar en 2023 os 110 mg/PCU en España. Aínda que se procedeu xa a unha redución significativa, pasando dos 400 a situarse en 159 mg/PCU, aínda debe seguirse coa diminución. Tamén preocupa a nivel sanitario o avance de infeccións como a Peste Porcina Africana, en especial polo incremento da poboación de xabaril, un foco de contaxio da enfermidade.

Un estudante do Campus Terra de Lugo desenvolve un sistema para mellorar a ventilación e controlar o amoníaco en granxas de porcino

A procura de modelos de explotación gandeira máis sostibles e respectuosos co medio ambiente e apropiados para a progresiva mellora do benestar animal centra a temática da tese de doutoramento desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra por Eugenio Losada Vázquez, baixo a dirección dos profesores da área de Electrotecnia do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Rodríguez Rodríguez e Dolores Fernández Rodríguez. A investigación de doutoramento presentada por Losada Vázquez, que está estruturada en tres artigos de investigación publicados en revistas de impacto, abrangue un gran número de variables produtivas, ambientais e enerxéticas, cuxa interacción harmónica incide directamente no funcionamento das instalacións de climatización presentes en explotacións porcinas de transición para a cría de leitóns (6-20kg p.v.), nas que conviven ventilación e calefacción para o acondicionamento do aire. “As explotacións deste tipo localizadas en áreas de clima oceánico teñen que adaptarse a grandes variacións das condicións ambientais óptimas dos leitóns a medida que medran, o cal require gran elasticidade dos sistemas de control ambiental, así como demandas enerxéticas importantes”, sinala o investigador, que considera de vital importancia a predicción fiable de parámetros relacionados coa temperatura ou coa concentración de amoníaco e aire. Daquela, Eugenio Losada define nesta tese novas estratexias de baixo custo que se poden implementar facilmente en explotacións convencionais en aras a lograr un máximo rendemento co menor uso posible de recursos centrándose no benestar animal e a eficiencia produtiva. Logo do estudo e medición previa de variables ambientais (humidade, concentración de CO2, concentración de NH3, velocidade e renovación do aire; produtivas (peso dos animais, consumos de penso e auga) e enerxéticas (consumo de sistema de calefacción e de ventilación), a investigación relaciona este abano de parámetros coa súa adaptación ao crecemento dos leitóns ao longo do seu ciclo vital. Os resultados destas pescudas indican que unha ventilación eficaz que controle os niveis de humidade relativa mellora o ambiente interior e reduce os consumos enerxéticos entre o 33% e o 47% por kg de leitón producido. Outra das cuestións abordadas nesta tese de doutoramento afecta ao aforro enerxético. Neste caso, Losada Vázquez valida un modelo de media móbil integrada autorregresiva (ARIMA) para a predición da temperatura interior na zona animal dunha explotación porcina de transición convencional.Así, logo de 292 días de estudo, o investigador conclúe que a aplicación do modelo predictivo en sistemas de climatización permite reducir o consumo enerxético, coa consecuentes melloras ambiental e económica.

Amoníaco

O amoníaco ambiental nas granxas de gando porcino non se adoita controlar, a pesar de que presenta unha dobre vertente como elemento nocivo ou contaminante, dada a súa influencia tanto no benestar animal e na saúde dos propios traballadores, como na contaminación atmosférica. Esta problemática levou a diversos autores a establecer límites para estas concentracións, pero a súa medición é custosa e require equipos con elevada demanda de mantemento para un funcionamento aceptable. Diante desta realidade, a investigación desenvolvida por Eugenio Losada propón a determinación de niveis de concentración ambiental de amoníaco (NH3) a través doutras variables de máis fácil medición e baixo custo. Para iso obtivéronse os patróns diarios da concentración NH3 na zona ocupada por animais dunha explotación de transición convencional e a súa relación coa temperatura de consigna definida nos sistemas de climatización. Mediante estes patróns, explica Losada Vázquez, a concentración de NH3 pode incorporarse en sistemas de control convencionais coa temperatura como variable de entrada única aplicando un algoritmo sinxelo baseado nas variables utilizadas polo sistema de climatización.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da USC Francisco Maseda Eimil presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Eugenio Losada Vázquez. O profesor da Universidade de Oviedo Pedro Álvarez Álvarez e o tamén docente da Universidade Politécnica de Madrid Fernando Ruiz Mazarrón completaron a composición dun xurado que outorgou a esta tese de doutoramento a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

O Goberno aproba un real decreto que desenvolve a figura do veterinario de explotación

O Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto que establece as bases de desenvolvemento da normativa da Unión Europea (UE) de sanidade animal, no relativo ás obrigacións de vixilancia dos titulares das explotacións gandeiras e ao plan sanitario integral destas. O novo real decreto desenvolve a figura do veterinario de explotación, recolle o contido mínimo do plan sanitario integral das explotacións gandeiras e establece a frecuencia mínima das visitas zoosanitarias. Esta norma aplicarase en todas as explotacións gandeiras, fóra das granxas de autoconsumo, así como determinadas explotacións en función do seu tamaño consideradas de baixo risco. Segundo establece o real decreto, o veterinario de explotación levará a cabo unha supervisión sanitaria e de benestar animal da explotación gandeira de maneira presencial e de forma regular. Ademais, a frecuencia das visitas zoosanitarias estará baseada no risco que presente a explotación e incluirán a supervisión dos aspectos recolleitos no Plan sanitario integral. Nas devanditas visitas, o veterinario realizará as recomendacións pertinentes para emendar as deficiencias que observe, incluídas aquelas destinadas a conseguir un uso sostible de antibióticos. De igual forma, o veterinario asesorará ao gandeiro en materia de bioseguridade, rastrexabilidade, alimentación, detección temperá e resposta rápida ás enfermidades e sobre a importancia das resistencias antimicrobianas. Dado que a saúde e o benestar dos animais están intimamente relacionados, e que a valoración do benestar dun animal só pode levar a cabo co adecuado coñecemento da súa situación sanitaria, o veterinario de explotación tamén será o encargado de deseñar o Plan de benestar animal e supervisar o seu cumprimento. O contido deste plan atópase na súa normativa específica. Pode consultarse aquí o novo decreto que desenvolve a figura do veterinario de explotación.

Limpeza de chans e cascos para un maior rendemento e produción en vacún de leite

O Lely Collector e o Lely Meteor son dous sistemas que se entenden por separado, pero que xuntos logran a mellor dos dous mundos para a saúde das vacas. Mentres o primeiro ocúpase de manter os chans limpos e busca unha menor acumulación de esterco, o que favorece que as vacas teñan menos dermatite, o segundo céntrase en que os cascos estean sempre perfectos e que por tanto as vacas estean moito máis sas.

Cada día máis gandeiros pensan no benestar animal e en ter ás súas vacas nas mellores condicións posibles, tanto de limpeza como de saúde. Estas dúas solucións da compañía holandesa, Lely Collector e Lely Meteor, son as ferramentas perfectas para conseguir un maior confort nas granxas de leite, e aínda que actúan por separado, a súa combinación é unha mestura tremendamente efectiva para que non teñamos problemas de patas nos animais, e que as dermatites poidan desaparecer.

Unha vaca sa é sempre moito máis produtiva que unha que non o é, por iso Lely pensa en todos os detalles para que as vacas teñan o maior benestar as 24 horas do día e teñan moitas menos interferencias, tales como o baño de patas ou as incómodas arrobadeiras.

Lely Collector

O Lely Collector é a solución para a limpeza de chans lisos nas granxas de vacas. O Discovery Collector 120 é un revolucionario robot equipado coa última tecnoloxía que permite a limpeza do chan da nave succionando o esterco.

O robot recolle o esterco grazas á súa bomba sen carga, e almacénao dentro do seu depósito, en lugar de empuxalo, obtendo un gran resultado de limpeza. Ademais, o Collector utiliza auga para unha maior limpeza e agarre, que se expulsa desde a parte dianteira e a traseira grazas aos seus dous depósitos. Pulverizar desde a fronte dá como resultado unha mellor succión de esterco, e pulverizar desde a parte posterior deixa un piso mollado para un agarre adicional. Máximo resultado e seguridade.

Se a nave está toda ao mesmo nivel, corredores de cruzamento incluídos, o Collector fará a súa función limpando a totalidade do chan, conseguindo unha mellora na saúde das patas das vacas e unha maior limpeza que co sistema tradicional de arrobadeiras. Cando o tanque do depósito está cheo, un sensor de nivel máximo apaga as bombas sen carga e de auga, ata que se dirixa á estación de descarga para o seu baleirado, e así despois poida continuar coa limpeza.

O robot limpador conta cun frontal en ángulo recto que permite unha limpeza máis precisa de todas as esquinas. A parte traseira do Collector presenta unha forma redondeada para maximizar a superficie de limpeza ao virar. O Collector non require cables nin canaletas. Isto asegura un ambiente de vida máis seguro para as vacas. Ademais, grazas ao seu deseño compacto, o Discovery pode circular facilmente entre as vacas.

O Collector é capaz de seguir as rutas programadas sen necesidade de realizar ningunha modificación na corte. Grazas aos seus ultrasons, o xiroscopio e un software de avanzada tecnoloxía, a navegación faise moi fiable, o que posibilita sacar o maior rendemento á máquina. Ademais, coa aplicación Lely Control Plus, as rutas e os horarios pódense axustar facilmente ao ritmo diario da explotación e dos animais.

Un chan limpo nunha granxa mantén os cascos, as patas, os ubres e a cola máis limpas, o que reduce os problemas sanitarios relacionados coa hixiene. Unha vaca sa ofrece aos gandeiros unha maior produtividade e por tanto máis litros de leite.

Lely Meteor

En canto ao Lely Meteor, este é un sistema para o tratamento preventivo dos cascos. É un rociador automático, que se instala no robot de muxido Lely Astronaut, xusto por onde entra a vaca. O que fai o Meteor é lavar as patas traseiras das vacas e posteriormente, cando desexe o gandeiro, aplicar un tratamento para os cascos. Este sistema quita traballo sen retardar o noso sistema de muxido robotizado.

Isto sucede sempre en dúas fases. A primeira fase é antes do muxido, e nela os cascos lávanse co rociador de lavado Lely Meteor. A segunda é despois do muxido, e consiste en que os cascos trátanse co rociador Lely Meteor. Ningún destes rociadores emprega produtos agresivos, e por tanto non irritan a pel do animal.

Este sistema reduce o índice de enfermidades dos cascos, tales como a enfermidade de Mortellaro, o que fará aumentar a produtividade e benestar dos animais. Ademais, conseguiremos que as vacas non teñan ningún problema de medos nin á saída do robot, lugar onde moitos colocan o baño de pés, nin en ningún patio de cruzamento, polo que xeraremos moita menos tensión da habitual, xa que as vacas sentirán máis libres dentro do establo e haberá moitos menos problemas.

A adopción dunha estratexia integral cun tratamento correctivo e preventivo como este, mellorará a saúde dos cascos de todos os animais da explotación e por tanto o benestar de todo o rabaño. O tratamento correctivo do Lely Meteor aplícase baixo unha política de tolerancia cero, cada casco de cada vaca verifícase e sométese a tratamento ata que sanda. Por iso, a mellora na saúde dos cascos de toda a explotación adoita notarse xa en tan só tres semanas desde a instalación do Meteor, conseguindo vacas con con cascos sans, que son vacas máis produtivas e que necesitan moita menos atención.