Archives

Cursos para a incorporación á agricultura e gandería ecolóxica en Monforte, Sarria e Chantada

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a firma Beealia organizan esta semana un Curso para a incorporación á agricultura e gandería ecolóxica que se impartirá en Monforte, Sarria e Chantada. En concreto, o curso proporciona unha aproximación á normativa, requisitos e sistemas de produción e novas estratexias produtivas. Nel abordarán tamén os trámites para dar o paso á produción ecolóxica, así como os prazos para solicitar axudas. O primeiro curso terá lugar este mércores, día 17, no centro cívico e social de Monforte. Ó día seguinte, o xoves 18, a mesma formación celebrarase na Casa da Cultura de Sarria. O último destes cursos impartirase o venres 19 na Aula Cemit de Chantada. Tódolas accións formativas desenvolveranse en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas. As persoas interesadas poden solicitar máis información, así como formalizar a inscrición, chamando ó 635 013 323 ou enviando un email a beealia@gmail.com.  

Gandaría ovina e caprina, un sector en retroceso en Galicia, pero con grande potencial

O sector caprino e ovino en Galicia está a sofrer unha forte desestruturación. Nos últimos 20 anos, aínda que o mercado e o volume do cabrún mantívose bastante estable, o sector ovino non parou de descender. No ano 1999, segundo os rexistros da Xunta, en Galicia había máis de 350.000 cabezas censadas. A día de hoxe, a cantidade viuse reducida a menos da metade. Agora, o censo está por debaixo das 150.000 cabezas. No sector cabrún, houbo un descenso censual do 17% entre o ano 2019 e o 2020. Para contrarrestar esta situación e divulgar as potencialidades das ganderías de ovino e cabrún, Joan Alibés, fundador de Beealia e presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, hai anos que está a desenvolver cursos formativos por toda Galicia. "Para entender a desestruturación do sector hai que poñer atención a dous factores fundamentais. Por unha banda, está o envellecemento da poboación, que aínda que no resto do Estado tamén acontece, en Galicia é máis acusado. Non temos relevo xeracional e a maiorías das explotacións son pequenas e de autoconsumo", explica Alibés. Fonte: Xunta de Galicia "Por outro lado, temos o desleixo absoluto por parte das institucións. A falta total de axudas á promoción do sector. O exemplo perfecto son as axudas para paliar os danos económicos por causa da COVID. Para acceder a elas precisas moito volume de animais. É delirante para a situación real que vivimos en Galicia. Ese tipo de explotacións non representa nin o 1% do sector", argumenta o produtor de Beealia. "As axudas son demasiado poucas", remata. Alibés tamén ironiza coa influencia do Brexit sobre o mercado europeo: "Nós case preferiamos un Brexit duro para ver se, daquela, podiamos fomentar a nosa gandaría e deixar a un lado a Gales como máximo exportador para a Unión Europea". A realidade galega neste sector é, cando menos, paradóxica. Galicia é a primeira comunidade autónoma do Estado en número de granxas cunha enorme diferenza co resto. Porén, o censo cabrún e ovino non representa nin o 2% do conxunto español. Segundo os datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a media de animais por explotación galega é de 10.   Para comprender ben o funcionamento do negocio ovino e caprino en Galicia, cómpre atender ao xeito de estruturárense que teñen as granxas galegas e os seus volumes individuais. Segundo os mesmos informes que desenvolve o goberno galego, a inmensa maioría dos profesionais que están presentes no sector, contan con rabaños de menos de cen cabezas de ovellas e cabras. Aproximadamente o 98% das granxas están nesa situación. No 2% sobrante atoparíanse o grupo das gandarías con máis de 100 cabezas e unha pequena minoría con máis de 250. O desglose estrutural do sector en canto a volume de animais quedaría así:
  • 19.500 gandarías con menos de 100 ovellas e cabras
  • 252 gandarías con máis de 100  ovellas e cabras
  • 57 gandarías con máis de 250 ovellas e cabras
  Sistemas de produción en Galicia Os sistemas de produción de gandaría ovina e caprina son, principalmente dous: o semiextensivo e o extensivo. No caso do semiextensivo o xeito de actuar é cun pastoreo rotativo coa presenza constante de pastor ou pastora. Esas rotacións de zona de pasto varían, fundamentalmente, dependendo do lugar e máis da época do ano. A particularidade deste xeito de manexo é que durante o día os animais están no exterior e durante a noite dentro das cuadras. En exteriores aliméntanse a través de pasto libre e pola noite os granxeiros facilítanlles o alimento dentro das instalacións. Ademais, tanto os partos como o cebo acontecen nas cuadras. "O traballo neste tipo de explotacións é incesante. A cuadra é o centro de operacións, a instalación principal de traballo", explica Alibés. Nestas granxas, os xeitos de comercialización principais son a venda directa con sacrificio na propia gandaría e a relación con pequenos tratantes.  Nos sistemas de produción extensivos que existen en Galicia o pastoreo é bastante libre e sen apenas presencia de pastores. A rotación de pastos adoita facerse con pastores eléctricos e peches perimetrais cos que conducir aos rabaños. Xa que logo, os animais están tanto de día coma de noite no exterior e soamente facilítanlle a alimentación cando o pasto escasea. Por suposto, os partos e máis as crías sucédense nas pradeiras e o xeito de comercialización é similar ao outro sistema de produción. A profesionalización das canles de comercialización En Galicia hai, a día de hoxe, catro vías fundamentais para a comercialización de produtos do sector cabrún e ovino. A venda local a particulares, moi presente no caso dos cabritos pola ausencia de grandes canles; a venda a pequenos tratantes; a venda a grandes compradores, que exixen volumes mínimos de animais; e a recentemente desenvolvida venda por internet ao consumidor final. "Unha das consecuencias deste abandono institucional é a progresiva desaparición do mercado. Os cordeiros si que van atopando saída polas catros vías de comercialización, pero os cabritos a penas teñen compradores, quizais algún esporádico, pero nada máis. Sen dúbida os gobernos poderían fomentar o seu consumo con divulgación e sensibilización", explica Joan Alibés. "No caso do cabrún nin sequera hai tratantes nin canles serias de distribución. Non hai cabrito nos lineais. Segundo as enquisas do Ministerio de Agricultura ese baixo consumo ben propiciado, principalmente, pola dificultade de acceso dos consumidores. Se conseguimos colocar o produto nos supermercados, o consumo aumentaría dun xeito exponencial", engade.
Se as políticas dos últimos 20 anos favoreceron esta caída sen precedentes, nos próximos 20 estaremos nunha situación aínda peor
Para o fundador de Beealia, o futuro do sector a curto e longo prazo é desolador: "Se as políticas dos últimos 20 anos favoreceron esta caída sen precedentes, nos próximos 20 estaremos nunha situación aínda peor. Eu non vexo que as políticas cambien, así que non hai ningún factor que nos leve a pensar nunha posible recuperación".  Malia a situación de precaridade na que viven este tipo de granxas, Alibés non dubida do enorme potencial galego: "Eu empecei de cero e foi moi sinxelo. O orzamento necesario para arrincar este tipo de proxectos é moitísimo menor ao que se necesitaría, por exemplo, para montar unha explotación de vacún de leite. É menos arriscado e necesitas menos cartos. Ademais, temos moita dispoñibilidade de terras e o tipo de gandaría é moi adaptable ao ecosistema. Na miña zona, os veciños están encantados de que lles limpen as fincas", explica. O certo é que o pastoreo de cabras e ovellas xa se demostrou útil e barato para manter as zonas rurais de Galicia limpas: "A transformación do mato que produce o pastoreo cabrún é extremadamente eficiente. Non só é unha alternativa para repoboar o rural, tamén é un xeito de reducir os incendios forestais. Que pasaría se deses 150 millóns que adica a Xunta á extinción e prevención de incendios deixase unha parte para unha sega natural con gando?", propón o tamén presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

O mercado cabrún e ovino na Galicia de hoxe

Un dos datos máis relevantes que difunde Joan Alibés nas súas formacións é o do consumo de carne ovina e caprina en Galicia. Traballando sobre os datos da Xunta e máis do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, extraeu reflexións moi clarificadoras. O consumo anual deste tipo de carnes en Galicia é de 3.475.576 kg, mentres que a produción galega só chega aos 729.600 kg. Isto quere dicir que o autoabastecemento só acada 21% do consumo total, algo que tamén se reflicte nas case inexistentes cifras de exportacións. "Teño constancia de que hai moitos gandeiros con ganas de ampliar os seus rabaños e de profseionalizarse. Nos meus cursos vexo interese na xente, pero síntense abandonados. Necesitamos pulo das institucións rexionais, estatais e europeas, se non, o futuro preséntase moi escuro para os que nos adicamos a este tipo de explotacións", remata Joan Alibés.

Cursos sobre manexo de pastos, prevención fronte ó lobo e xestión de ganderías de ovino e caprino

Ó longo dos próximos meses, desenvolverase en diversas vilas de toda Galicia un programa de 3 cursos formativos centrados no manexo de pastos, as ganderías de ovino e caprino e a convivencia e prevención do lobo. As accións formativas están incluídas dentro do Plan de Formación ao Agro Galego 2020, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería de Medio Rural. O primeiro dos cursos arrancou esta mesma semana en Mondariz (Pontevedra) e ata o mes de novembro hai programadas 15 accións formativas máis. Todas elas serán impartidas por persoal da empresa de asesoramento e xestión de ganderías Beealia. No caso dos curso de prevención do lobo tamén intervirán expertos como Luis Llaneza, biólogo da empresa Arena; ou Laureano Parada, da firma Trafogal, especializada na realización de peches para o gando e que se encargará de ofrecer unha sesión teórica e práctica sobre os peches. Detallamos, a continuación, as datas e lugares previstos para os tres tipos de cursos e algúns dos temas que se abordarán nas sesións.

-Curso de iniciación e mellora de gandería de ovino e caprino

As sesións formativas están orientadas tanto a gandeiros como a aquelas persoas que estean pensando en iniciarse nesta actividade. Trátase dunha formación personalizada na que se abordará en detalle a gandería ou proxecto de cada un dos participantes, polo que se tratará de facer grupos reducidos. Os organizadores buscan ofrecer claves concretas nas que incidir para mellorar as ganderías. Datas e lugares: - 24 ó 27 de agosto. Concello de Mondariz (Pontevedra). Duración 24 horas en 4 xornadas. - 19 ó 22 de outubro. GDR Mariñas –Betanzos en Abegondo (A Coruña). Duración 24 horas en 4 días. - 4 de novembro. Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte (Lugo). Duración 10 horas. Está previsto realizar outro curso na Pobra de Trives (Ourense) cunha duración de 24 horas ó longo de 3 xornadas, aínda pendente de concretar a data e o lugar de celebración.

-Curso de manexo e recuperación de pastos

Nestas sesións abordaranse cuestións como a fertilización ou o manexo do gando para optimizar o aproveitamento das pradeiras. Tamén se aportarán claves sobre ferramentas como os peches e pastores eléctricos ou procedementos como a realización de analíticas de solo. As sesións están orientadas tanto para ganderías en extensivo como en ecolóxico. Datas e lugares: - 5 de novembro. Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte (Lugo). Duración 10 horas. Está previsto realizar outro curso na Pobra de Trives (Ourense) cunha duración de 8 horas, pero polo momento está pendente de confirmación a data e o lugar de realización.

-Curso de convivencia e prevención de ataques de lobo á gandería

A formación procurará ofrecer claves que permitan unha convivencia do lobo sen que as ganderías rematen tendo perdas por ataques. Trataranse aspectos como as medidas preventivas a adoptar polos gandeiros. De feito, naqueles cursos cunha duración de 3 xornadas, incluirase unha parte práctica na que se levará a cabo a colocación de peches para protexer ó gando do lobo. Datas e lugares: - 24 de setembro. Oficina Agraria Comarcal de Vilalba (Lugo). 8 horas. - Do 28 ó 30 de setembro. Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte (Lugo). 24 horas repartidas en 3 xornadas. - 6 de novembro. Concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña). Duración de 8 horas. - 2 de outubro. Oficina Agraria Comarcal das Pontes (A Coruña). 8 horas de duración. - 9 de outubro. Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (Bergondo, A Coruña). 8 horas de duración. - Do 26 ó 28 de outubro no Instituto de Mondoñedo (Lugo). Duración de 24 horas repartido en 3 xornadas. - 8 de outubro na Oficina Agraria de Viana do Bolo (Ourense). - 14 ó 16 de outubro. Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa (Coristanco, A Coruña). Duración de 24 horas, repartido en 3 xornadas. - Do 16 ó 19 de novembro en Meira (Lugo). 24 horas en 3 días. Está pendente de confirmación das datas un curso de 24 horas na Pobra de Trives (Ourense).

Curso de iniciación e mellora de gandería de ovino e cabrún en Mondariz

O concello de Mondariz (Pontevedra) acollerá este mes de agosto un curso de iniciación e mellora para as ganderías de ovino e cabrún. A formación está orientada tanto para gandeiros que xa conten con rabaños destes animais como para aquelas persoas que estean interesadas en comezar a traballar con este gando. O curso terá unha duración de 24 horas lectivas e celebrarase os días 24, 25, 26 e 27 de agosto. A acción formativa está incluída dentro do Plan de Formación ao Agro Galego 2020, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería de Medio Rural. A formación será impartida por persoal da empresa de asesoramento e xestión de ganderías Beealia. A dinámica dos cursos busca propiciar a participación dos asistentes, para que poidan aplicar os contidos que se aborden dun xeito directo e práctico ás súas propias ganderías ou ós seus proxectos. Inicialmente, as sesións estarán centradas nas ganderías de ovino e cabrún de carne, aínda que tamén se poderán abordar as de leite en función dos intereses dos participantes. Deberá haber un mínimo de 10 inscritos para que se imparta a formación. As prazas serán limitadas para garantir a seguridade dos asistentes por mor do Covid-19 e dada a dinámica das sesións, cun carácter participativo. As persoas interesadas poderán tramitar a súa inscrición ou solicitar máis información no teléfono 986 664 306 ou no correo electrónico info(arroba)concellodemondariz.com.

Próximas edicións

Este será o primeiro curso doutros tres que ten programado impartir Beealia ó longo dos próximos meses. Así, está previsto que esta mesma temática se aborde en Abegondo (A Coruña), do 19 ó 22 de outubro, en Monforte de Lemos (Lugo) o 4 de novembro e na Pobra de Trives (Ourense), en data por confirmar. Ademais, dentro do Plan de Formación ao Agro Galego, Beealia tamén se encargará de impartir varios seminarios sobre a convivencia da gandería co lobo e sobre a xestión dos pastos. Estes cursos celebraranse ó longo dos próximos meses e por toda Galicia.  

Nace a primeira marca de calidade para o cordeiro e o cabrito galegos

A empresa que agrupa a dúas ganderías de ovino e cabrún, Beealia, presentará as súas marcas de calidade CORDEIRO e CABRITO ATLÁNTICO este xoves 5 de marzo ás 14:15 en Xantar -Salón Internacional de Turismo Gastronómico- de Ourense. A presentación será da man de Alvaro Villasante, cociñeiro do Grupo Nove. Trátase da primeira marca de calidade existente en Galicia para o cabrito e o cordeiro criado no país. O xerente de Beealia, Joan Alibés, salienta que “a carne de Cordeiro e Cabrito Atlántico é saudable, sostible e próxima. Isto é así porque conta con máis vitamina E, menos graxa e mellor perfil de ácidos graxos esenciais omega 3 e 6; é respectuosa e boa para a súa contorna polo sistema de produción en base a pasto e próxima pola relación directa co produtor”. E é que a venda faise directamente do gandeiro ao consumidor a través da páxina de Beealia. Esixencias do selo Cordeiro e Cabrito Atlántico As exicencias da marca Cordeiro e Cabrito Atlántico, Beealia son as seguiintes: animais criados en liberdade e dun xeito sostible e cordeiros e cabritos alimentados en base a pasto e leite, e posto directamente e de inmediato a disposición do consumidor. “Controlamos a nosa carne, asegurando a súa calidade e trazabilidade, dende os pastos ata que chega ós nosos clientes”, asegura Joan Alibés. A presenza de Álvaro Villasante, cociñeiro do restaurante Paprica de Lugo e integrante do Grupo Nove, neste showcooking invita a descubrir as posibilidades culinarias das carnes de Cordeiro e Cabrito Atlántico.