Archives

Que se pode facer para reducir o estrés por calor nas vacas de leite?

As altas temperaturas adoitan ocasionar problemas nas vacas de leite provocándolles unha situación de estrés que afecta á súa alimentación, produción ou mesmo á reprodución. Aínda que os animais en produción son os que máis acusan os efectos da calor tamén as vacas secas ou os becerros sofren deste estrés que afecta ó seu desenvolvemento. Algunhas das claves para abordar esta problemática detallounas o profesor do Departamento de Ciencia Animal da Universidade de Florida, Albert De Vries, nunha videoconferencia da rede europea de gandeiros de vacún de leite, EuroDairy. O experto incide en que ás vacas resúltalles doado regular a súa temperatura corporal mentres a temperatura do aire sexa inferior á súa, que adoita situarse nun valor medio de 38,5 graos centígrados. Tamén cómpre que a humidade sexa baixa, así como que poidan protexerse da radiación directa do sol ou que durante as noites refresque. Cando algún ou todos estes factores, nos casos máis extremos, se ven alterados, a vaca centra boa parte da súa enerxía en tentar regular a súa temperatura corporal. Valores de temperaturas e humidade que poden provocar un estrés nas vacas.

Consecuencias da calor nas vacas leiteiras

Cando as vacas acusan unha situación de estrés pola calor reducen a súa inxesta de materia seca o que se deriva nunha menor produción de leite e este contén menos graxa. Tamén hai un menor crecemento e prodúcese unha perda de peso e unha redución da condición corporal. Ademais, tal e como sinala o profesor De Vries, tamén adoitan darse máis trastornos de saúde como a retención de placenta, increméntanse as coxeiras, as metrites e as mastites.
Coa calor, a fertilidade dos animais baixa e non se recupera ata un mes despois de que as temperaturas arrefríen
A estas consecuencias engádense outros efectos directos da calor centrados na reprodución do animal. A calor provoca unha diminución da lívido, a fertilidade e increméntase o risco de perder o embrión. Os problemas derivados do estrés por calor non só afectan ás vacas senón ós xatos, xa que é habitual que as xestacións se acurten varios días e os becerros nazan máis febles e aumente a mortaldade das crías. “Moitos gandeiros non son favorables ós partos no verán e buscan programalos para épocas máis frescas sobre todo en zonas como Florida onde durante 4 ou 5 meses as temperaturas están por encima dos 30 graos”, indica De Vries . De feito, o experto apunta que a calor provoca que a fertilidade dos animais baixe e non se recupere ata, alomenos, un mes despois de que as temperaturas arrefriasen.

Recomendacións nutricionais

Para atallar os efectos da calor a curto prazo unhas das maneiras nas que se pode incidir é no manexo e na alimentación do gando. O experto recompila unha serie de medidas que poden reducir o estrés dos animais e conseguir mitigar as consecuencias que este lle provoca: -Darlle a maioría da ración pola mañá cedo ou á tarde xa que son as horas nas que as vacas están máis activa. -Tratar de alimentalas coa maior frecuencia posible para proporcionarlle unha alimentación o máis fresca posible. “Aínda que isto non sexa un pasto, procuraremos que se asemelle o máximo posible ofrecéndolles comida fresca”, compara o profesor. -Increméntase o risco de acidose ruminal polo que é fundamental incrementar a fibra de calidade na ración. “A xente pensa que as súas vacas están comendo menos e o que fai é subir o contido enerxético da ración pero cómpre incrementar o aporte de fibra”, sinala De Vries. O experto avoga por incrementar desde un 28-30 a un 31 -34% a fibra na ración segundo a Neutral Detergent Fiber (NDF). -Se a calidade da forraxe é un problema, ás veces pode substituirse o amidón con fibra altamente dixestible como as cascas de soia. -Incluír algunhas graxas na ración, ata un máximo do 3%, pode incrementar a inxesta de enerxía posto que a enerxía do animal baixa co gasto que lle produce regular a calor. “En dietas cun alto contido en fibra aportar máis graxa pode axudar a manter a enerxía e mellorar a eficiencia pero cómpre ter coidado co aporte de graxas insaturadas”, explica De Vries. -Empregar fermentos ou un cultivo de fermento tamén pode mellorar a inxesta cando vai calor. -É preciso asegurar a inxesta de minerais claves para a vaca como o potasio, o sodio e o magnesio polo que se recomenda incrementar as doses: Potasio: ata un 1,5% de carbonato de potasio Sodio: ata un 0,5% de bicarbonato sodio Magnesio: ata un 0,35% na dieta. -Aínda que é unha recomendación básica, o experto lembra a importancia de que cada animal dispoña de auga suficiente xa que é clave para garantir a supervivencia do animal. Ademais de proporcionarlle auga limpa, fresca e abundante, De Vries apunta que é recomendable que cada vaca teña un bebedeiro con entre 12 e 15 centímetros de profundidade de auga. -Á hora de combater a calor é importante proporcionarlle espazos con sombra cando o animal esta no pasto.  Sacalas vacas comer fóra en comedeiros con cubertas para xerar sombra, unha vez muxidas, pode favorecer a regulación da temperatura.

Medidas a longo prazo

Nun horizonte a máis longo prazo, á hora de procurar solucións para os animais fronte á calor, o experto ten claro que se deben combinar catro elementos para conseguir resultados: sombra, ventilación, auga e tempo. “O mellor método para reducir a radiación solar é a sombra e para combater a perda por evaporación o mellor é combinar o remollo e a ventilación”, explica De Vries. Cando as vacas están en pastoreo, é fundamental procurarlle espazos con sombra. As zonas de arbolado adoitan cumprir esta función pero é preciso ter en conta que deben contar tamén con auga fresca e limpa e valorar que estes espazos poden rematar contaminados polos excrementos dos animais afectando mesmo ás augas. Emprego de aspersores para o rego de pradeiras e refrescar o gando en zonas de Norteamérica. En ganderías de pastoreo de Florida, aínda que non son moi habituais, os gandeiros colocan grandes aspersores nos prados para que á par que regan o campo tamén vaian arrefriando as vacas. Mentres, nas granxas optan por combinar distintos elementos como fixeron na granxa coa que conta a Universidade de Florida, cunhas 500 vacas. Neste caso dispoñen de ventiladores sobre as camas programados para que funcionen unha vez que a temperatura supera os 20º. “É habitual que en Florida, os ventiladores acaben funcionando arredor de 8 meses ó ano”, detalla o experto.
Ó combinar a ventilación e os aspersores pode reducirse máis dun grao a temperatura corporal das vacas
O experto incide en que para conseguir un funcionamento óptimo dos ventiladores é preciso dotar as instalacións de maquinarias potentes para conseguir unhas correntes de vento de 8 quilómetros por hora na dirección do vento predominante. Ademais, deben colocarse o máis baixos posible, fóra do alcance dos animais, persoal ou maquinarias. “É importante asegurar o mantemento e limpeza axeitada dos ventiladores porque senón redúcese a súa capacidade de ventilación ata nun 40%”, sinala o experto que tamén recomenda dispor destes equipos nos espazos de espera antes do muxido. Nesta granxa da universidade, ó igual que en boa parte das do estado, contan con aspersores sobre as liñas de alimentación que mollan á vaca durante 1 minuto e permanecen apagados 5 minutos. “O desperdicio de auga que se fai é moi importante xa que se precisa arredor de 3 litros de auga por minuto de remollo e boquilla”, concreta o experto. A combinación do uso de ventiladores e aspersores reduce en maior medida a temperatura dos animais. Hai tamén outros sistemas de arrefriamento dos animais que se centran en crear túneles de aire no canto de mollar ós animais pero que tamén combinan o rego e a ventilación. Trátase de manter o vento en movemento dentro das granxas, creando correntes de aire que combinan con aspersores para que este vento sexa máis fresco. Nestes casos empregan distintos peches parciais das granxas para conseguir manter unha ventilación nas instalacións. De Vries incide na importancia de reducir o uso de auga e electricidade á hora de mitigar a calor para conseguir granxas máis sostible cunha pegada ambiental o máis reducida posible. A longo prazo tamén se valora xa outras razas de animais que poidan soportar mellor a calor, como unhas vacas procedentes do Caribe, as Slick, que teñen un pelo moito máis curto que as frisonas. Estas vacas teñen unha produción menor, aínda que iso non condiciona que xa comecen a ofertarse pola súa resistencia térmica.

Sen esquecer as vacas secas

Aínda que adoita ser habitual centrar os esforzos en mitigar a calor dos animais en produción, De Vries insiste na importancia de prestar atención tamén ás vacas secas xa que os efectos da calor poden verse a máis longo do prazo do que inicialmente puidera parecer. De feito, o experto insiste en que se se arrefrían as vacas tan pronto como comezan a producir leite conséguese un incremento de ata 5 quilos máis de leite na lactación. Ademais, atendendo ós xatos, o peso dos animais e a súa inmunidade é menor cando a vaca está estresada pola calor na xestación. Pero, ademais, no caso das becerras isto pode traer efectos mesmo dous anos despois como unha menor produción de leite e dificultades na reprodución. Efectos do estrés por calor nas vacas secas. Segundo recolle De Vries, estímase que en Florida, as perdas por calor nas vacas secas poderían chegar ós 233 dólares por vaca e ano. Mentres, noutras zonas onde a época de altas temperaturas ronda os 3 meses estas perdas acadan os 68 dólares por vaca ó ano. Ó igual ca nas vacas secas, o manexo dos xatos tamén debe axeitarse para mitigar a calor. No caso das ganderías que teñan os animais en cubículos exteriores, é fundamental proporcionarlle sombra por encima deles así como permitir que os becerros teñan espazo para moverse para que eles mesmos poidan buscar sombra. Tamén é preciso maximizar os fluxos de aire nestas zonas e proporcionarlle auga abundante e alimento fresco e limpo.

“Tratar a auga para as vacas non é un gasto, é un investimento moi rendible para o gandeiro”

Malia que unha vaca necesita beber polo menos 3 litros de auga para producir 1 litro de leite e a pesar do seu baixo custo, moi poucas granxas realizan un tratamento da auga, o que redunda nun maior risco de enfermidades e de descenso da produción. O tratamento da auga, do mesmo xeito que xa realizan outras producións gandeiras como porcino ou avicultura, é por tanto unha materia pendente para a gandaría de vacún de leite. Así o destaca nesta entrevista María Somolinos Lobera, veterinaria especialista en Bromatoloxía, Sanidade e Tecnoloxía dos Alimentos, que pronunciou unha conferencia sobre tratamento intelixente da auga nas recentes Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de SERAGRO. ¿Por que é tan importante tratar a auga nas gandarías de vacún de leite? A auga forma parte do concepto global de alimentación. En termos xerais, os animais consomen o dobre de auga que de alimento sólido. Nos animais produtores de leite, a importancia da auga é aínda maior, xa que a auga é o compoñente maioritario do leite. Cando a temperatura ambiental é de 15-20ºC, unha vaca en produción necesita polo menos 3 litros de auga para producir 1 Kg de leite, e se a temperatura ambiental increméntase é necesario aumentar a inxesta de auga. Por tanto, as vacas beben unha gran cantidade de auga cada día, polo que, se esa auga non é de boa calidade, o risco é moi alto. Neste escenario, é fácil comprender que o tratamento da auga é esencial para garantir a correcta nutrición dos animais, previr e minimizar patoloxías, e obter un máximo rendemento produtivo. ¿Cales son os principais riscos aos que se expón o gando no caso de que a auga non estea tratada? Vía auga poden chegar bacterias de interese sanitario e zootécnicos (Coliformes), virus (Enterovirus, Rotavirus), protozoos (Acanthamoeba), parasitos (Coccidios), algas (Prototheca), etc. Estes axentes microbianos poden chegar aos animais vía auga desde a orixe (pozo, traída, rede municipal), desde o biofilm existente no interior de tubaxes e depósitos, ou por contaxio horizontal en bebedoiros. Por tanto, todos os animais da explotación son susceptibles nun momento dado de inxerir os devanditos microorganismos mediante a auga de bebida cando esta non está convenientemente tratada. ¿Como valorarías a calidade da auga nas gandarías de España? ¿Existen importantes diferenzas segundo o sector e a rexión? En xeral, a calidade de auga nas gandarías españolas é aceptable, existindo aínda unha gran marxe de mellora. Existen moitas diferenzas en relación ao sector, xa que por exemplo, en ámbitos como o avícola, o habitual é instaurar na granxa un sistema de tratamento e xestión da auga.
“En avicultura é habitual tratar a auga, non así en vacún de leite, cos riscos que isto supón”
Porén, no sector vacún leiteiro moitas veces atopámonos que os animais beben auga non tratada, co risco que iso leva desde o punto de vista da bioseguridade e do rendemento da explotación. En relación ás zonas de España tamén hai diferenzas. Por norma xeral, en Galicia a auga tende a ter un pH máis baixo que no resto de España, o que sen dúbida marca a súa calidade físico-química. En calquera caso, o aconsellable sempre é implantar un tratamento intelixente da auga que se adapte ás necesidades e requirimentos de cada explotación, e para iso resulta fundamental contar coa colaboración de persoal especializado neste ámbito. ¿Cales son os fallos máis comúns que detectas en canto ao saneamento da auga nas gandarías españolas? Os fallos máis habituais consisten en pensar que o risco está controlado co simple feito de utilizar auga da rede municipal ou dun pozo ou traída natural que no seu momento xa foi analizada. A este respecto, dicir que a auga da rede municipal moitas veces cando chega á explotación gandeira xa non ten un residual de cloro que permita garantir a súa correcta hixienización.
“A auga do pozo pode ser de boa calidade pero contaminarse nas tubaxes e depósitos”
Ademais, o hipoclorito sódico, que é o biocida utilizado habitualmente na hixienización da auga de uso nos municipios, non se mantén en presenza de materia orgánica, nin a temperaturas superiores a 20ºC, e non elimina o biofilm. Por iso, a auga da rede municipal non evita o contaxio horizontal en bebedoiros, xa que nestes puntos habitualmente non chega residual de cloro. Ademais, tampouco controla a contaminación que pode chegar desde o biofilm. Doutra banda, cando se utiliza unha fonte natural de auga (pozo, traída, etc.), moitas veces execútase unha análise de auga no punto inicial do sistema hídrico, e con sorte, dicha analítica revela unha calidade óptima da auga. Pero hai que ter en conta que se a auga non se trata, esta pode recontaminarse co biofilm existente no interior de tubaxes e depósitos, e ademais, de novo o risco de contaxio horizontal en bebedoiros seguiría sen estar controlado. Por tanto, o idóneo, é implantar sempre un tratamento intelixente de hixienización da auga, mesmo cando se utiliza auga de rede municipal ou dun pozo ou traída que en orixe ten unha calidade aceptable.
“Tratar a auga para as vacas non é un gasto, é un investimento moi rendible”
¿Que é o biofilm e por que é tan importante eliminalo e que non sexa inxerido pola vaca? O biofilm defínese como unha comunidade de microorganismos que medran embebidos nunha matriz de exopolisacáridos e adheridos a unha superficie. O biofilm constitúe un dos principais factores de risco en materia de calidade microbiolóxica da auga, xa que esta capa de materia orgánica que recubre o interior dos elementos do sistema de distribución de auga (depósitos, tubaxes, etc.) contén unha alta carga de microorganismos. Ademais, demostrouse que os microorganismos que se desenvolven no biofilm poden ser máis resistentes aos desinfectantes químicos que os microorganismos de vida libre. Por tanto, para realizar unha xestión intelixente da auga, débese ter en conta non soamente a carga microbiana que a auga pode traer desde a súa orixe, senón tamén o risco que presenta a posible existencia de biofilm na instalación. Por iso, débese asegurar que a sistemática de traballo implantada é capaz de eliminar a contaminación microbiana que a auga contén desde a súa orixe, e ademais, nun primeiro momento eliminar o biofilm existente, e a longo prazo evitar que este volva formarse. E todo iso, garantindo sempre un residual de produto biocida constante nos bebedoiros e outros puntos finais do sistema de distribución de auga. ¿A canto pode ascender o gasto medio por vaca para garantir unha auga en boas condicións para os animais? En termos xerais estímase que para executar un tratamento óptimo da auga requírese un quilo de produto biocida (dióxido de cloro ou peróxido de hidróxeno) por animal ao ano. Por tanto, o custo é moi baixo. O tratamento intelixente da auga non é un gasto, é un investimento tremendamente rendible a medio-longo prazo. Para unha gandaría de vacún de leite de 100 vacas en muxido e 200 animais en total, e pozo propio. ¿A canto pode ascender o investimento para garantir o saneamento total da auga? No caso que expón, habería que afrontar nun primeiro momento un investimento fixo inicial para custear os equipos de dosificación. O custo dos devanditos equipos depende enormemente do tecnoloxicamente avanzados que sexan os sistemas que se desexan instalar e dos requirimentos da instalación (diámetro de tubaxe, etc.). Por tanto, non podemos indicar un valor exacto, pero si que se pode afirmar que hoxe en día hai sistemas que permiten garantir un control idóneo a un prezo moi alcanzable. Doutra banda, hai que afrontar o custo de produto biocida. Neste sentido, indicar que en termos xerais estímase o consumo de 1 kg de produto (dióxido de cloro ou peróxido de hidróxeno), por animal ao ano. Por tanto, no exemplo que expón habería que estimar un custo anual de 200 kg de produto biocida. Por iso, o custo anual do tratamento da auga sería menor do que nos adoitamos gastar nun café ao día..
“O hipoclorito sódico non é recomendable para tratar a auga”
En canto aos produtos que se utilizan para tratar a auga, ¿Abonda con utilizar cloro? O hipoclorito sódico é o produto que historicamente se utilizou para o tratamento da auga. Sen embargo, ten as súas grandes desvantaxes: evapórase a temperaturas iguais ou superiores de 20ºC, combínase coa materia orgánica e non permanece constante en bebedoiros, a súa eficacia depende dos parámetros fisco-químicos da auga, existe risco de xeración de subprodutos tóxicos, non é biodegradable, non elimina o biofilm....etc. Por tanto, na actualidade o habitual é utilizar produtos biocidas alternativos tales como dióxido de cloro e peróxido de hidróxeno. Biofilm nunha tubaxe Entre os produtos alternativos ao cloro atópanse tamén o ozono e os raios UV.  ¿Son recomendables? ¿Cales son os últimos avances? Os sistemas que vostede indica non son recomendables no caso de gandarías de vaca de leite, xa que ningún deles permite o control dos dous puntos críticos fundamentais neste caso: biofilm e contaxio horizontal en bebedoiros. O ozono a presión ambiente é un gas, por tanto, non permanece estable en bebedoiros, así que non sería unha alternativa idónea para o sector da vaca de leite. No caso dos sistemas de luz ultravioleta, poderían chegar a hixienizar a auga cando esta pasa polo feixe de luz, pero non evitarán que a auga se recontamine co biofilm existente en depósitos e tubaxes, nin controlará o devandito biofilm, nin poderá exercer ningún control para evitar o contaxio horizontal de microorganismos a nivel de bebedoiros. Por tanto, este sistema tampouco sería de elección para o sector de vaca de leite. En canto ao dióxido de cloro, ¿Cales son os seus proles e contras? O dióxido de cloro, de forma xeral asúmese que presenta un maior efecto biocida que o hipoclorito sódico, e a súa eficacia non é tan dependente do pH e a temperatura da auga. O dióxido de cloro ten un amplo espectro de acción biocida, fóra dos protozoos. A súa acción biocida é moi rápida, observándose o seu nivel máis alto de desinfección antes dos dous primeiros minutos de contacto. Ademais, é capaz de eliminar o biofilm. Porén, debe terse en conta que o dióxido de cloro é unha materia química difícil de estabilizar. Por iso, o ideal sería xeralo in situ na explotación. Sen embargo, os equipos necesarios para realizar esta xeración in situ son altamente custosos, e deben estar supervisados por persoal cualificado que asuma os riscos en materia de prevención de riscos laborais que leva a súa manipulación. Tamén pode comprarse como un produto líquido xa estabilizado, pero neste caso a súa vida útil é limitada. Ademais, hai que ter en conta que segue sendo un produto clorado, polo que resulta complicado que garanta un residual de biocida constante nos bebedoiros de maneira uniforme, e ademais, a súa utilización pode xerar subprodutos tóxicos.
“O peróxido de hidróxeno é a mellor alternativa para tratar a auga en vacún de leite”
Por tanto, ¿É o peróxido de hidróxeno a mellor alternativa para o tratamento da auga? ¿Por que motivos? Desde logo, no sector vacún leiteiro é a alternativa que en termos xerais ofrece unhas condicións máis vantaxosas. O peróxido de hidróxeno presenta unha alta eficacia biocida e ademais é capaz de eliminar o biofilm existente, e evitar que este volva formarse. Neste sentido, cabe sinalar que non todos os produtos en base a peróxido de hidróxeno son iguais, xa que a estabilización desta materia prima é un factor diferenciador de gran importancia. Recoméndase o uso de produtos rexistrados que estean estabilizados sen utilizar metais pesados. Cando un produto en base a peróxido de hidróxeno se atopa perfectamente estabilizado presenta unha gran eficacia independente dos parámetros físico-químicos da auga e permite controlar o risco de contaxio horizontal en bebedoiros, xa que non se evapora a temperatura ambiente e permanece estable mesmo en presenza de materia orgánica. Ademais, este tipo de produtos son 100% biodegradables, non corrosivos e non alteran as propiedades organolépticas da auga. ¿Que aconsellaría á hora de elixir un sistema de dosificación? En canto ao sistema de dosificación, existen equipos moi sinxelos e outros moi avanzados tecnolóxicamente. En calquera caso, o importante é utilizar un sistema economicamente viable que se adecúe ás necesidades e os requirimentos concretos de cada instalación. Por iso, para optimizar o sistema de dosificación e regulalo de forma adecuada resulta esencial contar coa colaboración de persoal especializado na materia. A este respecto, desde a empresa OX-CTA pómonos a disposición de todo aquel que estea interesado. Ademais, resulta importante establecer un método de autocontrol fiable, económico e sinxelo, por exemplo, as tiras reactivas colorimétricas. Unha boa hixiene e un correcto material dos bebedeiros son fundamentais ¿Por que é tan importante unha boa hixiene dos bebedoiros e a elección dos materiais? ¿Que pautas aconsella seguir neste sentido? No sector vacún de leite uno dos puntos críticos á hora de expor o tratamento da auga é elixir un sistema que permita controlar o risco de contaxio horizontal en bebedoiros. Con iso referímonos a que se un animal é portador dun axente microbiano, ao beber, pode contaminar co devandito axente o bebedoiro. Por iso, outro animal san, ao beber auga no devandito bebedoiro, contraerá ese axente.
“De nada serve utilizar un produto biocida de última xeración se os bebedoiros están sucios ou obsoletos”
Por tanto, o ideal é instaurar un sistema que permita garantir un residual constante de produto biocida nos bebedoiros. Pero para que calquera sistema sexa efectivo hai que partir da base de que se mantén unha hixiene correcta en bebedoiros. De nada serve utilizar un produto biocida de última xeración se os bebedoiros están sucios ou obsoletos. Por iso, recoméndase limpar os bebedoiros frecuentemente e elixir materiais inertes (por exemplo aceiro inoxidable), que permiten un maior control do biofilm. Ás veces considérase que os produtos de saneamento son demasiado caros, así como o gasto de funcionamento da bomba. ¿Que lles diría a estes gandeiros? Como xa indicamos anteriormente, a execución dun tratamento intelixente da auga é asumible (falamos de menos diñeiro do que custa tomarse un café ao día), e permite controlar microorganismos de risco para a saúde dos animais, así como microorganismos de interese desde o punto de vista do rendemento da explotación. Por exemplo, demostrouse que a implantación dun tratamento eficaz da auga contribúe á optimización dos índices reprodutivos e permite o control dunha importante porcentaxe de mamites. Por iso, o retorno do investimento (ROI) do tratamento da auga é moi beneficioso, quedando sempre demostrado que o tratamento da auga, lonxe de ser un gasto, é un investimento moi rendible a medio-longo prazo. A todos aqueles que opinan que o tratamento da auga é un custo moi elevado, pediríalles que o pensasen dúas veces, xa que con que só se eviten unha mamite, xa pagarán o investimento inicial, e o resto de mamites que se eviten serán beneficio.