Archives

Pode ser o piñeiro taeda unha alternativa ao radiata en Galicia?

Monte de piñeiro taeda en Texas, nos Estados Unidos / FOTO: Ronald F. Billings (Texas A&M Forest Service) A banda marrón segue a facer estragos nas masas de piñeiro radiata en toda a cornixa cantábrica, tamén en Galicia. Outras comunidades como Asturias ou País Vasco están xa a introducir en monte especies alternativas ó piñeiro radiata, ante a magnitude da situación, se ben ese plantexamento en Galicia está nos seus inicios. No País Vasco apóstase tanto polo piñeiro do país, o'Pinus pinaster', (sobre todo en Biscaia) como pola Cryptomeria japónica (máis na zona de Gipúzcoa), mentres o Goberno do Principado de Asturias anunciou a principios de abril que autorizará as repoboacións con seis novas especies de coníferas (Pinus taeda, Crytmoneria japónica, Cedrus líbani, Cedrus atlántica, Sequoia sempervirens e Sequoiadendron giganteum) para dar alternativas de repoboación aos propietarios forestais de montes de piñeiro radiata afectados pola banda marrón.
O Principado comezará este mesmo ano a repoboar con piñeiro taeda os montes públicos danados
Dentro do seu plan contra a enfermidade, o Goberno asturiano quere fomentar as replantacións daquelas masas que haxa que cortar por estaren máis afectadas. O novo catálogo autonómico de coníferas é o resultado dun estudo encargado polo departamento de Medio Rural ao Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (Cetemas). Coa mirada posta no piñeiro taeda En Galicia a busca de alternativas ao piñeiro radiata resistente a enfermidades como a banda marrón e o nematodo está centrada tanto en especies de coníferas locais, como o Pinus pinaster, como foráneas, como a Cryptomeria japonica ou a Sequoia sempervirens. De todas elas, o piñeiro taeda (tamén coñecido como piñeiro amarelo ou Pinotea) está a espertar moito interese e a centrar xa os esforzos dalgúns viveiros da comunidade. Por exemplo, Viveiros Franco, de Abadín, comercializa desde fai 4 anos taeda procedente de Francia e Viveros Mañente, de Foz, está comezando a seleccionar e ensaiar variedades procedentes de EEUU.
O piñeiro taeda é quizais o que máis se adapta ás necesidades da industria, por ser unha variedade intermedia, en canto a crecemento e calidade, entre o pinaster e o radiata 
Malia que existe pouca experiencia sobre o seu cultivo, máis aló dalgunhas plantacións existentes na comarca de Bergantiños ou en Frades, desde o sector forestal hai grandes expectativas postas nas posibilidades do taeda como especie substituta do radiata, coa cautela que supón sempre traballar con material vexetal a 25 ou 30 anos vista. Existen tamén outras experiencias no País Vasco, que contaba no ano 2022 con 194 hectáreas de taeda, e en Navarra, con repoboacións levadas a cabo en Goizueta no ano 2016 con planta de procedencia da rexión atlántica francesa. Ecoloxía e características Orixinario do surleste dos EEUU, o piñeiro taeda esténdese por unha ampla zona que abrangue unha ducia de Estados, desde Texas a Virxinia, chegando a Florida polo sur. O clima varía entre continental, atlántico temperado e tropical húmido. A resistencia ao frío invernal depende da procedencia, aínda que polo xeral trátase dunha especie sensible ás xeadas temperáns do outono. Pode medrar en solos de diversa natureza, aínda que prefire os solos profundos e húmidos, que reciban suficiente aporte de auga (800mm repartidos ao longo de todo o ano), aínda que non tolera os solos encharcados.
O piñeiro taeda require de ambiente húmido e tolera mal a seca e as xeadas
Medra mellor en solos moderadamente ácidos, e as súas condicións óptimas de crecemento son veráns longos con abundantes precipitacións e solos fértiles. Nesta situación manéxanse turnos de corta de 25 anos, semellante ao do piñeiro radiata. A súa utilización como especie forestal gañou peso en zonas adecuadas de Sudáfrica, Australia, Brasil ou Arxentina. En canto ás propiedades da madeira, ten elevados valores de resistencia ao desgaste e trátase dunha madeira semilixeira e estable, características que a converten na madeira estrela en construción nos EEUU, moi apreciada para uso estrutural, carpintería interior e recubrementos decorativos. Tamén se fai taboleiro contrachapado e pasta de papel.

“Estamos falando unicamente de cambiar unha especie foránea de produción por outra; é unha vía que vale a pena explorar”

Jacobo Feijóo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal de Galicia (Asefoga), non ve problema a “cambiar unha especie foránea de produción de madeira por outra” e lembra que o radiata (tamén coñecido como piñeiro de Monterrei) “tamén veu de América”. “É unha vía que vale a pena explorar se con iso se resolve o problema actual das enfermidades fúnxicas do piñeiro”, di. Pero insiste na necesidade de facer ensaios non só de crecemento, senón tamén de resistencia efectiva a enfermidades. “É necesario contrastalo coas outras pragas como a procesionaria e o perforador do piñeiro e ver como se comportan as distintas procedencias porque a epixenética interfire co ambiente”, indica. “Na súa zona base o piñeiro radiata desenvolvía moi pouco, era como un arbusto, pero unha vez sacado de alí empezou a desarrollar 30 metros de altura”, lembra.
Hoxe en día hai técnicas alternativas á propia plantación como estudos in vitro ou probas de marcadores xenéticos que poden adiantar os resultados
“O piñeiro insigne é unha especie moi mellorada desde o punto de vista xenético e moi adaptada ás nosas condicións ambientais, con crecementos de 25 a 35 metros cúbicos por hectárea ao ano en parcelas da zona centro de Lugo. No caso do taeda non existe base de coñecemento para tomar unha decisión e iso leva tempo”, recoñece. Avoga por empezar liñas de traballo para ir adiantando algúns datos e asegura que hai resultados que se poden adiantar in vitro e tamén probas de marcadores xenéticos. “Hoxe en día hai técnicas alternativas á propia plantación e espera e iso permite acurtar tempos, pero ao final as parcelas de ensaio de produción son as que permiten testar en condicións reais as distintas procedencias”, afirma.  
Cambiar o piñeiro radiata polo taeda non supón problema algún para a industria asentada en Galicia
En canto a características como tamaño de fibra ou resistencia, Jacobo ve compatible a madeira de taeda coa industria actual asentada en Galicia e os usos principais que se dan ao piñeiro na comunidade, principalmente para táboa aserrada e para taboleiro. Non esquecerse do pinaster,  unha “superespecie” O secretario xeral de Asefoga propón tamén seguir mellorando o piñeiro do país. “O pinaster é unha super especie, resistente á seca e ás enfermidades; agás fronte ao lume, pode con todo”, asegura. “O pinaster é moi plástico, dáse en zonas atlánticas e mediterráneas; co taeda pasa un pouco o mesmo, polo que tamén pode haber diferenzas importantes de produción en función das zonas. Para o pinaster a media de idade sitúase nos 32 anos, chegando aos 40 en función da calidade do solo, de se está en zona de costa ou de interior e da altitude (a partir de 900-950 metros recoméndase sylvestris)”, explica.
O radiata aporta máis produción e maiores grosores, o que permite ir a outros usos de maior valor engadido
Pero co pinaster, di, “podemos andar na metade de produción con respecto ao radiata, uns 15 metros cúbicos/hectárea, 300 toneladas no final de turno, fronte ao radiata, que nun turno de 25 anos aporta máis produción e maiores grosores, o que permite ir a outros usos de maior valor engadido”, destaca.

“Temos plantacións de taeda na parte baixa de Bergantiños e en Frades nas mesmas ubicacións que o radiata”

Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia, destaca que “o taeda está estudado e experiemntado como unha das especies de conífera que presenta maior resistencia ás bandas”.  “A especie máis afectada é o piñeiro radiata pero tamén hai masas afectadas de pinaster e pseudotsuga, aínda que son máis resistentes ao patóxeno, polo que as medidas preventivas se centran neste momento no radiata”, explica. En Galicia existen xa algunhas plantacións de taeda na parte baixa da comarca de Bergantiños ou en Frades, aínda que non está clara a súa procedencia. Trataríase de masas de taeda e radiata nas mesmas ubicacións, que permiten comparar ambas especies.  
Hai que importar sementes das estacións máis similares a Galicia e facer estudos de aclimatación
“Paréceme que é unha especie moi interesante pero hai que facer estudos de aclimatación en Galicia e analizar ben a procedencia. E isto non o temos e ese é o risco, porque o taeda é pouco resistente á xeada, porque son de zonas subtropicais ou tropicais”, salienta o director da AFG. “Está moi mal estudada a ecoloxía do taeda no seu lugar de procedencia. É un dos piñeiros amarelos do surleste dos EEUU, pero é unha zona moi ampla onde hai moita variabilidade, tanto clima de media montaña como case tropical. Hai que importar a semente das estacións máis similares a Galicia”, indica.
O taeda ten unha madeira moi similar aos nosos piñeiros, é resistente ás bandas e tamén ao nematodo
O taeda é un piñeiro de crecemento rápido, cun turno de corta como o radiata ou lixeiramente inferior. Non existen polo momento cortas comerciais de taeda na comunidade pero a madeira sería semellante á das especies de piñeiros xa existentes. Outras alternativas Francisco Dans salienta que o piñeiro taeda non sería a única alternativa existente para substituír ao radiata, senón que hai outras coníferas con presenza xa en Galicia que son resistentes ás enfermidades fúnxicas. “O pinaster é máis tolerante ás bandas que o radiata pero ten o problema do nematodo, aínda que temos xa unha serie de familias resistentes ao nematodo que nos permite ser optimistas”, valora.
Coa banda vermella levamos convivindo 40 anos, preocúpame máis a banda marrón
“A pseudotsuga é bastante tolerante tamén e témola xa en Galicia. O problema é que medra máis lento que os nosos piñeiros e é mais exixente coa estación. A secuoia tamén é resistente, pero esixente en canto a solos”, describe. “Posibilidades temos pero entre que un planta e hai madeira pasan moitos anos, polo que hai que ir tratando e conservando o que temos e despois pensando en todas estas posibilidades”, conclúe o presidente da AFG.  

“Apostamos por estudar moito antes de dar unha solución definitiva, porque a consecuencia de equivocarse é a frustración”

Monte de piñeiro taeda / FOTO: Chris M. Morris (CC BY 2.0) Viveiros Mañente é un dos viveiros galegos que está “a traballar para dar nunha alternativa ao problema das bandas”, avanza Enrique Candia, que sen embargo é cauto á hora de adiantar resultados: “estamos a traballar con material vexetal e é unha situación moi complexa”, xustifica. Nas súas instalacións de Foz, na Mariña, Mañente está a empezar a cultivar piñeiro taeda de distintas procedencias coa intención de realizar parcelas de ensaio nas que testar a súa aclimatación a Galicia e analizar resultados. “Apostamos por estudar, o mesmo que fixemos co eucalipto nítens para obter o Max Verde, resistente á mycosphaerella. Vimos dunha frustración que é o piñeiro radiata e non debemos meternos nunha nova frustración, polo que se non o tes claro segue estudando porque a consecuencia de equivocarse é a frustración”, argumenta.
É unha situación moi complexa porque estamos a tratar con material vexetal
Os responsables de Viveiros Mañente levan varios meses viaxando por EEUU en busca de procedencias que poidan adaptarse ás características edafoclimáticas galegas. “Cando traes unha procedencia ten que vir dunhas condicións similares ás túas. E o leste de EEUU é unha zona amplísima e con moitas variacións. A temperatura media anual de Galicia é de 15,80 graos centígrados, a de Virginia é de 13 graos pero a de Florida é de 25, xa case tropical”, explica Enrique.
Estamos a traballar con xenetistas de referencia en piñeiro taeda tanto de EEUU coma doutros países para realizar campos de ensaio. Xogar a unha soa procedencia é perigoso
Ademais de estar a traballar cos principais xenetistas do piñeiro taeda a nivel mundial, apostan por estudar distintas sementes en función das calidades de estación presentes en Galicia. “Para a zona de Lugo ten que ir unha procedencia pero para Pontevedra terá que ir outra; xogar a unha soa procedencia é perigoso, entre outras cousas porque estás reducindo a resistencia ao fungo”, indica. O taeda, que procede de EEUU pero está presente tamén en Europa en países como Francia, non resiste a todas as bandas, aclara Enrique. “Nós estamos nunha latitude diferente a Francia, alí non teñen problemas de bandas, pero non teñen nin a climatoloxía nin o chan para o radiata tampouco”, aclara. “Hai plantacións en Galicia de taeda con 30 anos que están a ir ben, pero as procedencias non están claras”, matiza.
A cryptomeria japónica adáptase ben ao monte, pero non vale para a industria
Viveiros Mañente iniciou hai anos, antes mesmo de que a banda marrón chegase en Galicia, a produción doutras especies de coníferas, como a cryptomeria, unha especie endémica de Xapón pola que se apostou de inicio en Euskadi como alternativa ao radiata, aínda que Enrique rebaixa as súas expectativas. “A cyptomeria adáptase ben ao monte pero non vale para a industria”, sentenza.

“A alternativa non é tanto buscar outra especie de piñeiro como diversificar as masas e plantacións”

Xabier Bruña, responsable do distrito forestal IX (Lugo-Sarria), un dos que conta con máis piñeiro radiata en Galicia e que se está a ver afectado de cheo polas enfermidades causadas por fungos, pon o foco na ordenación forestal máis que na simple substitución dunhas especies de piñeiro por outras. “Con enfermidades como a banda marrón estamos a ver de novo a importancia de ter diversificadas as masas. O radiata é o máis sensible e se tes masas continuas de radiata estás favorecendo a propagación do fungo. O que logras coa diversificación das masas é que non se espalle, xa que fragmentando o territorio minimizas o avance da enfermidade”, argumenta.
Non solucionamos nada cambiando todo o radiata por taeda, porque tarde ou cedo aparecerá unha praga. Xa nos pasou co eucalipto glóbulos e co piñeiro insigne. Non caiamos no mesmo erro outra vez
“Os parámetros climáticos están cambiando e iso favorece a aparición de pragas. Non solucionamos nada cambiando todo o radiata por taeda, porque tarde ou cedo volve a aparecer a mesma situación de pragas ou doenzas. Pasounos co eucalipto glóbulos e co piñeiro radiata. Non caíamos no mesmo erro outra vez. Diversifiquemos desde o principio”, defende. “A alternativa non é tanto buscar outra especie como diversificar. Coa incerteza que hai o mellor é buscar unha estrutura variada, tanto en especies como en idades. Iso é complicado en superficies particulares moi pequenas, pero si é posible en comunidades de montes e é o que recomendamos ás CMVMC que teñen convenio coa Administración”, explica.
É difícil artellar solucións desde o minifundismo forestal
Xabier defende as vantaxes da diversificación do monte desde distintos puntos de vista: “economicamente para ter distintas saídas ao mercado, medioambientalmente para loitar contra o lume e tamén para que as masas se defendan mellor destas enfermidades emerxentes, intercalando bandas de frondosas, por exemplo, que provocan unha rotura dende o punto de vista territorial”, salienta. Saída ao mercado Aínda que en montes do distrito Lugo-Sarria estanse probando xa outras alternativas por parte de particulares, “queda definir cal podería ser a especie idónea”, considera Xabier. En zonas con mellor solo e cunha boa calidade de estación unha opción válida podería ser o taeda, admite. “Tería un turno de corta parecido ao radiata. No País Vasco é unha das alternativas que dan, xunto coa cryptomeria. Estase traendo de Francia”, explica, “pero temos que ver como se desenvolven aquí. Non temos datos. Sería interesante probalas”, recoñece.
De momento temos que ser cautelosos á hora de recomendar unha cousa ou outra, porque non existen evidencias ou datos
E engade outro factor relevante: “Cando se proban outras especies tamén hai que ter en conta a saída a mercado. Poden ir ben no territorio pero hai que ter a industria preparada. Pasou co pseudotsuga (piñeiro de Oregón), onde fallou a comercialización. Son dúas cousas que deberían ir parellas e ver coa industria como abordamos un posible cambio de especie”, defende. Repoboacións con pinaster e sylvestris “De momento temos que ser cautelosos á hora de recomendar unha cousa ou outra, porque non existen evidencias ou datos. Por iso nas plantacións públicas estamos optando por poñer pinaster ou sylvestris”, explica Xabier. “O pinaster é sensible á banda pero deféndese mellor. Débese incorporar planta de boa calidade e mesmo optar por sylvestris en determinadas zonas con solos máis pobres. No caso do radiata, outra posible vía sería a da pranta mellorada xeneticamente para que poida defenderse dos fungos foliares; en Chile e Portugal están avanzando por esta liña”, asegura.
https://www.campogalego.gal/bandas-pineiro-estendense-pola-humidade-e-altas-temperaturas-da-primavera/

As bandas do piñeiro esténdense pola humidade e as altas temperaturas da primavera

Piñeiros afectados polas bandas a primavera pasada en montes de Lugo As enfermidades fúnxicas defoliadoras, en especial a banda vermella e a banda marrón, están causando estragos este ano nos piñeirais galegos. As condicións ambientais de humidade e altas temperaturas desta primavera favorecen a explosión dos fungos e a súa propagación, con efectos visibles sobre todo en montes da provincia de Lugo, pero tamén en zonas do interior da Coruña ou do sur de Pontevedra. Os danos máis graves afectan ao piñeiro radiata, pois o piñeiro do país ('Pinus pinaster') ten unha susceptibilidade escasa a estes fungos. No piñeiro insigne ou radiata, a enfermidade seca as acículas, empeorando a circulación do zume e repercutindo, ademais de no crecemento, no estado sanitario xeral da árbore, que pode chegar a secar. “Cando a afectación nunha árbore chega ao 25-30%, que é cando vemos que está decolorada, prodúcese unha perda de crecemento e cando esa afectación chega ao 70% pode producir xa mortandade, porque o piñeiro empeza a ter problemas vexetativos graves pola falta de densidade das follas”, explica Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia.
Co inverno e a primavera que tivemos, con tempo cálido e húmido, os fungos están moito máis activos
Noutros casos, coa chegada do verán e as altas temperaturas, a actividade do fungo decae e a pranta pode recuperar parte das acículas no outono se non vén tempo moi chuvioso e caluroso que reactive a presenza da enfermidade. Por iso desde a Administración recomendan agardar a ver como evoluciona a situación nos vindeiros meses, antes de tomar decisións precipitadas de cortas. “Hai reservorios e activáronse polas condicións ambientais existentes. A iso se debe a explosión desta primavera. As condicións deste ano son propicias para os fungos foliares”, recoñece Xabier Bruña, enxeñeiro forestal e responsable do distrito Lugo-Sarria, onde o piñeiro insigne é a especie maioritaria. Avance da enfermidade cara ao interior de Lugo O avance da enfermidade en Galicia desde a súa entrada pola parte oriental fai 5 anos, procedente de Asturias, está a ser imparable. “Na parte que é colindante con Castroverde xa tivemos que facer cortas sanitarias por bandas fai dous anos, tanto na zona de Teixeiro como na de Meda, en rodais que estaban completamente secos”, explica Xabier.
Na zona de Teixeiro e Meda xa tivemos que facer cortas sanitarias fai dous anos en rodais que estaban completamente secos
Ademais da Fonsagrada, os montes de Baleira e Castroverde, así como os da comarca de Meira están entre os máis afectados, pero os males esténdense xa a outras zonas do centro de Lugo, A Terra Chá ou A Mariña. “O avance vén motivado polas condicións climáticas, que son propicias para que se espalle, este ano máis ca outros, porque co inverno e a primavera que tivemos, con tempo cálido e húmido, os fungos están moito máis activos. Na zona máis pegada á montaña é máis evidente; noutras áreas a presenza é máis difusa”, detalla Xabier. A nivel galego, Francisco Dans tamén recoñece que “a situación é moi variable e non responde a un patrón común en toda a comunidade”. “Hai zonas de Galicia moi afectadas, especialmente na parte oriental de Lugo, tanto de media montaña como máis ao norte, e tamén algunhas zonas do interior, pero outras curiosamente non teñen danos. Esta situación non obedece a un criterio lóxico establecido, descoñecemos aínda bastante da bioloxía desta especie de fungo”, recoñece. Tratamentos con sales de cobre Tratamento contra a banda marrón en Trasmonte (Friol), na primavera de 2021 Desde a Asociación Forestal de Galicia comezarán na vindeira semana e até mediados de maio unha campaña específica de tratamento sobre unhas 500 hectáreas de monte propiedade dos seus socios e á que se unirá tamén Finsa cos seus montes. Serán tratadas masas de radiata na comarca de Vigo e do Rosal, en Dozón, Lalín e Vilasantar e tamén no entorno de Santiago (Ames, Boqueixón, Negreira, Brión). O tratamento repetirase nestas mesmas parcelas a mediados de setembro, de cara a un posible rebrote no outono.
As aplicacións de cobre matan as esporas e impiden que se transmitan polas acículas e polo zume
 “A clave é protexer as follas, tanto as que quedaron do ano pasado como as que van saír novas este ano”, explica Francisco, que pon énfase en que “é necesario coller a enfermidade a tempo porque enfrontarse a masas adultas xa moi afectadas é difícil, porque recuperan pouco”, recoñece. Preocupación na industria O avance da banda marrón preocupa aos propietarios forestais e tamén á industria de transformación. Jorge Souto, que xestiona xunto ao seu irmán Alberto o aserradoiro Hijos de Ramón Rubal SL, a referencia para a madeira de piñeiro na comarca da Mariña, asegura que a enfermidade “vai agravar o problema de subministro de materia prima de cara ao futuro, porque ameaza con deixar a Galicia sen piñeiro insigne en 10 anos”. “En Asturias están a ter que cortar plantacións de futuro, ladeiras enteiras, e en zonas da Mariña ou a Terra Chá está a levarse por diante tamén as plantacións novas, secando os piñeiros que levan tres anos plantados”, conta, polo que “está a desanimar aos propietarios a facer repoboacións con piñeiro radiata”.

“Temos masas mixtas de pinaster e radiata e vese claramente a diferenza”

Voo feito o 13 de agosto de 2023 na Sofor Santa Juliana, onde se aprecia a diferente afectación entre radiata (coas copas secas) e pinaster nunha masa mixta / Imaxes: Galca Agroforestal. Esther Sanchez Barreiro é presidenta da SOFOR Santa Juliana, da parroquia de Cereixido, na Fonsagrada, formada por 19 propietarios e 198 hectáreas de monte. Contan cunhas 25 hectáreas de piñeiro pinaster e outras 20 de radiata, que se atopan moi afectadas. “O pinaster aguanta mellor a día de hoxe, aínda que non quere dicir que non lle afecte, pero as masas de radiata, tanto as que están repoboadas como as que están máis avanzadas, en estado de latizal, están moito peor. Temos incluso unha masa mixta na que se ve claramente a diferenza”, explica. Nesta SOFOR da Fonsagrada trataron xa dúas veces as súas plantacións de radiata pero non lograron salvalas. “Tratámolas fai dous anos pero nada, dá pena velas. E non nos valen moito para cortar aínda, porque terán uns 10 ou 15 anos; faltaríanlles aínda outros 10”, indica Esther.
Seguramente teñamos que cortar o piñeiro radiata, pero non sabemos que imos plantar no seu sitio
Os 19 veciños propietarios do monte de Cereixido están convencidos de que acabarán tendo que cortar a maior parte da superficie afectada, coa incógnita de non saber que plantar de novo. “O que non sabemos é que imos plantar no seu sitio”, recoñece. Axudas para repoboacións por motivos sanitarios José Fernando Enjamio Gándaras é o enxeñeiro técnico forestal da empresa Sortegal que asesora á SOFOR Santa Juliana e reclama unha implicación maior por parte das Administracións. “A Administración ten que empezar a tomar medidas, como tomou no seu momento co nematodo, porque o problema non é pequeno", asegura. “O radiata fóra da súa estación óptima está a sufrir moito, pero incluso en zonas da Terra Chá estano a pasar mal. Notas que a enfermidade vai avanzando; de día en día ves que van empeorando e desde fai un mes é cando os ves máis amarelos”, indica.
As árbores que están afectadas sofren a maiores da enfermidade o estrés da poda
As podas e clareos que se levan a cabo, di, ás veces mesmo son contraproducentes cando as masas xa están afectadas. “Estamos a ver que os tratamentos selvícolas non lles están vindo nada ben a masas xa coa enfermidade, porque sofren o estrés da poda a maiores do da propia enfermidade”, afirma. De cara a substituír, por motivos sanitarios, as repoboacións afectadas por novas plantacións, Fernando pide unha modificación nas ordes de axudas da Consellería. “Neste momento, as repoboacións que se financian son superficies rasas ou que non tiveran arborado nos últimos 5 anos. Este tipo de repoboacións non entrarían”, lamenta. “A alternativa é o cambio de especie. Hai que ver cal se adaptaría mellor en función da zona, pero o 'pinaster' é unha alternativa clara. Os modelos selvícolas non están desenvoltos para que podamos introducir outras especies a día de hoxe”, asegura.

Medidas culturais preventivas

“O nivel de afectación dos fungos foliares depende das condicións climáticas e do estado da masa, por iso é moi importante a aireación, é dicir, que as plantacións estean podadas e clareadas, reducindo a espesura da masa e a presenza de combustible, para que non se dean condicións axeitadas para os fungos e non teña reservorios”, explica Xabier.
A xente descoidou os tratamentos no monte e temos masas de piñeiro radiata sen podas desde fai moitos anos
Para tratar de poñer coto ao intercambio de esporas, Francisco propón tamén outras medidas como “desinfectar as ferramentas e vehículos cando imos dun monte de radiata a outro” e que a planta que sae dos viveiros veña tratada, o que serviría para protexela durante o primeiro e segundo ano. “É algo que non se fai, pero que sería barato”, razoa. Adiantar as podas e reducir a densidade Unha vez no monte, desde a Asociación Forestal de Galicia recomendan aumentar o marco de plantación. “En Lugo estamos poñendo de 830 a 600 pés por hectárea de inicio. Iso ten varias vantaxes, porque favorecemos a aireación da masa desde un inicio e deste xeito ademais os traballos de plantación e poda son moito máis baratos”, di Francisco.
Hai que facer intervencións máis precoces. As masas teñen que estar podadas e manter baixas densidades
Outra das claves na prevención da banda vermella e da marrón é precisamente facer intervencións máis precoces, con podas xa desde os primeiros anos. “As esporas soben desde o material que está no chan á árbore desde o solo a través das ramas baixas, polo que canta maior distancia haxa ao solo máis estaremos evitando a expansión do patóxeno”, evidencia. “Non é unha enfermidade letal se se toman as medidas de prevención axeitadas e se levan a cabo as medidas selvícolas idóneas, que coinciden ademais coas que hai que facer para obter madeira de calidade”, argumenta.
É necesario coller a enfermidade a tempo; enfrontarse a masas adultas xa moi afectadas é difícil, porque recuperan pouco
Outro factor que incide na maior ou menor afectación das masas de piñeiro radiata é a propia elección do lugar de plantación. “A afectación da enfermidade é máis evidente en zonas cunha mala calidade de estación (combinación de solo e clima) ou un ambiente forestal pouco propicio para o piñeiro radiata (pouca profundidade de solo, encharcamentos, escasos procesos de micorrización)”, salienta Francisco.

As bandas de piñeiro en Galicia: Tratamento e perspectivas da evolución

Trala explosión de enfermidades de bandas das acículas dos piñeiros que se viviu nos últimos anos en Euskadi e noutras zonas da Cornisa Cantábrica, os propietarios galegos miran con preocupación a evolución do avance dos fungos cada primavera. Aínda que esta afección nos piñeirais galegos leva sendo habitual durante moitas décadas nos fondos dos vales, montañas con alta densidade de árbores ou espazos cunha alta humidade ambiental, o cambio das condicións climáticas provocou que se estendese a outras zonas. En Galicia, a maior parte das masas afectadas no 2022 rexistraron danos da banda vermella, provocada principalmente polo fungo Dothistroma septosporum e por Dothistroma pini, segundo os datos da Consellería de Medio Rural. Tamén houbo piñeirais, aínda que en menor medida, con danos pola banda marrón, ocasionada polo fungo Lecanosticta acicola e que afecta en especial ó Pinus insigne. A entrada da banda marrón preocupa, pois causa danos máis serios que os provocados pola banda vermella. “En territorios coma Euskadi, onde a maioría dos piñeirais eran de radiata, a banda marrón causou grandes estragos”, recorda Belén Reboreda, enxeñeira técnica forestal e directora técnica da firma Galca, especializada en servizo agroforestais de asesoramento e actuacións sobre masas forestais. “Non é só que a banda marrón sexa máis agresiva, senón que o Pinus insigne é menos resistente ás enfermidades e naquelas zonas onde predomina o cultivo desta especie, coma no País Vasco, provocou importantes danos”, detalla a responsable de Galca, unha firma que estivo facendo en Galicia tratamentos contra as bandas nos últimos anos. Lugo é a provincia que acumula máis riscos en Galicia, pois é a que ten a maior porcentaxe de piñeiro insigne ('Pinus radiata'), a especie máis sensible a estes fungos. Nas masas de piñeiros galegas está a rexistrarse non só afección da banda marrón e vermella senón que tamén se producen danos por outras enfermidades, como a diplodia e a cyclaneusma, causadas por fungos e cuxos danos a simple vista resultan moi parecidos ós das bandas. “No monte está habendo un conglomerado de fungos cuxos efectos e síntomas sobre os piñeiros son semellantes e que se coñecen como os vermellos criptogámicos ”, apunta Reboreda.
As masas de piñeiros de A Pontenova e Meira seguen sendo das máis afectadas polas bandas das acículas
Este ano, os piñeirais máis próximos a terras asturianas seguen a ser os que máis danos das bandas das acículas dos piñeiros amosan. “As masas forestais máis afectadas atópanse na zona de Lugo máis próxima a Asturias, en concellos como A Pontenova e Meira”, detalla Reboreda. Mentres, na zona central de Lugo e na Coruña parece haber unha redución da afección. “En montes de Lugo e A Coruña onde fixéramos varios tratamentos e chegáramos a tratar case tódalas masas en crecemento, estamos vendo que polo momento non hai danos de banda”, explica Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia. “Parece que a situación é un pouco mellor que a de anos pasados e que se equilibrou de novo a situación trala explosión sufrida hai un par de anos”, valora Reboreda. Con todo, tal e como coinciden en sinalar ambos expertos, é aínda cedo e poderían verse máis danos conforme avance a primavera e se rexistre unha humidade relativa alta, que favorece a aparición dos fungos. “Os piñeiros están vigorosos, pero pode haber aínda un repunte de praga”, explica Dans.

Tratamento contra as bandas

Para tratar as masas de piñeiro afectadas polas bandas das acículas hai xa dispoñible de xeito permanente un sulfato cuprocálcico, un caldo bordelés, que se pode aplicar todo o ano, a diferenza das restricións que houbo nos dous últimos anos, onde se estaba utilizando de maneira excepcional óxido cuproso e previa autorización do Ministerio. Este novo tratamento debe aplicarse sempre de xeito terrestre, xa que están prohibidos os tratamentos aéreos con este produto, salvo que de novo o Ministerio procedera a autorizar dita actuación.
Este ano por primeira vez autorizouse o uso dun caldo bordelés para o tratamento das bandas durante todo o ano, sen ser necesario o permiso expreso do Ministerio para a súa aplicación
O tratamento debe realizarse cun moi baixo volume e tentando facer un bo reparto da superficie, evitando á vez as escorrentas cara ó solo, tal e como sinala Reboreda. É recomendable facer dous tratamentos ó ano, ó comezo da primavera e a comezos do outono. O prezo de contratar unha empresa para aplicar este tipo de tratamentos sitúase arredor dos 50 euros por hectárea, ó que se suma o prezo do produto. “De ter que escoller facer só un tratamento é preferible realizalo nos meses de primavera”, apunta a enxeñeira. Para asumir parte destes custos, a comezos deste ano volveu a habilitarse por parte da Consellería de Medio Rural unha liña de axudas para financiar ata nun 80% estes tratamentos, tal e como xa se fixera por primeira vez o ano pasado. A convocatoria, que está xa pechada resultou de tramitación complexa, o que desanima ós propietarios forestais a presentar as solicitudes, segundo valoracións do sector. Así, estímase que se aplicarán poucos tratamentos por parte de propietarios privados e que a maioría deles se fagan en montes xestionados pola Administración.

Recomendacións para reducir a incidencia das bandas

Á marxe da aplicación de tratamentos, para reducir a incidencia das bandas nos piñeirais, o máis efectivo é manter as masas ventiladas. Coas árbores podadas evítase que haxa contacto das acículas do solo á árbore. Ademais é recomendable empregar modelos silvícolas de baixa densidade, coa realización de clareos naquelas masas máis densas, como son boa parte dos piñeirais galegos. Nas novas plantacións e para reducir o risco de contaxio das bandas é recomendable baixar a densidade, xa que favorece a aireación da masa e o descenso de humidade, co que hai menor incidencia do fungo. Dende a Asociación Forestal de Galicia están empregando un marco de plantación de 4x3, é dicir, unhas 833 plantas por hectárea, co obxectivo de manter a ventilación das masas. Mesmo chegan a reducir estas cifras a 600 plantas por hectárea naquelas plantacións iniciais nas que dispoñen de planta e terreo de moi boa calidade.
Realizar clareos e baixar a densidade das novas plantacións son dúas das medidas efectivas para manter as masas ventiladas e reducir o risco de incidencia da praga
“Buscamos ter unha planta de moita calidade e unha boa selección xenética, o que nos permite reducir a densidade inicial, sempre e cando contemos cun terreo cunhas boas condicións. Deste xeito diminúe tamén o risco de afección por pragas e hai que facer menos gastos silvícolas, menos podas á vez que se reducen tamén os gastos da plantación. Este é o modelo que estamos empregando en terreos bos e cando dispoñemos de boa planta en zonas de afección de bandas, o que nos permite ter bos exemplares e reducir tamén a quenda de corta”, explica Francisco Dans.

“O prezo do piñeiro leva medio ano ameazando con caer pero de momento non pasou nada”

Miguel Vázquez, coa cortadora de cizalla que Maderista Souto ten para a corta de madeira nos montes Malia a súa xuventude, Miguel Vázquez, fíxose nos últimos 5 anos un oco no sector da madeira en Galicia. A súa empresa, Maderista Souto, está especializada en corta de piñeiro, unha especie sobre a que Miguel ve un incerto futuro, pois está ameazada por enfermidades fúnxicas como a banda vermella e a banda marrón. A evolución da enfermidade, sobre todo na provincia de Lugo, está a restar interese ao piñeiro insigne nas repoboacións e compromete a competitividade futura das empresas dedicadas a este sector. “Seguir plantando piñeiro insigne neste momento é arruinar o futuro forestal de Galicia. Hai que plantar especies que teñan viabilidade a longo prazo”, sostén Miguel. “Sinceiramente, eu ao piñeiro neste momento non lle auguro un bo futuro como especie para as repoboacións forestais, porque por un lado está a banda marrón e polo outro o nematodo. Ao final o piñeiro está condenado”, afirma.
As empresas forestais que nos adicamos ao piñeiro dentro de 20 anos non teremos que cortar
Coa vista posta no acontecido no País Vasco, que sufriu primeiro a praga das bandas e reduciu drasticamente as plantacións de piñeiro radiata, a especie predominante historicamente nos montes vascos, Miguel considera un “erro” a decisión da Xunta de “obrigar” aos propietarios forestais a repoboar con piñeiro aquelas parcelas nas que se corta esta especie como consecuencia da moratoria decretada ás plantacións de eucalipto. “Obviamente non se pode plantar todo con eucalipto nitens, pero haberá que buscar unha especie que sexa viable, porque plantar con insigne a día de hoxe é condenar a plantación e perder o investimento, porque en 25 anos que tarda en medrar o piñeiro a banda marrón vai seguir avanzando e chegará a todos os montes. Habería que buscar outras opcións ou plantar outras especies. O piñeiro do país, por exemplo, é bastante resistente á banda marrón, aínda que non ao nematodo. De plantar piñeiro, habería que plantar pinaster e non radiata”, considera.
En Galicia estanse tomando decisións equivocadas e dentro de 30 anos pagaremos as consecuencias
As decisións de plantación non son unha cuestión baladí, asegura, posto que está en xogo a supervivencia do sector. “Grazas a que os propietarios plantaron hai 30 anos piñeiro e eucalipto en Galicia hoxe hai moitas empresas que podemos vivir disto e moitas familias que teñen uns aforros moi importantes no monte”, asegura. “Galicia é hoxe unha potencia forestal porque naquel momento se tomou a decisión correcta, pero agora estanse tomando decisións equivocadas e dentro de 30 anos pagaremos as consecuencias diso. As empresas forestais adaptámonos, pero o importante é que haxa madeira que cortar nos montes”, di. Os prezos mantéñense altos “O mercado do piñeiro leva seis meses tratando de baixar o prezo e con redución da demanda, pero ata o momento sigue tendo saída, aínda que é certo que a demanda se freou como consecuencia da suba dos tipos de interese”, explica Miguel. A cotización media segue estando por enriba dos 45 euros, “que é un bo prezo”, di. “Nos 5 anos que levo eu no sector pasouse de pagar as mellores rollas a 30 euros a pagárense agora por enriba de 50 e a media de todo o piñeiro a 45 euros”, detalla.
A madeira é unha montaña rusa e nunca sabes o que vai pasar
“A miña experiencia é que a madeira é unha montaña rusa e nunca sabes o que vai pasar, e máis nestes últimos tempos, hai moita inestabilidade desde a demanda ao prezo. O prezo do piñeiro leva medio ano ameazando con caer pero de momento non pasou nada. O prezo do eucalipto baixou nos últimos días 4€ en tonelada, o piñeiro segue igual pero ameazante”, di. Suba dos custos A actividade das empresas do sector forestal estase a ver condicionada de forma importante pola inflación e a suba dos custos de produción. “Subiu todo moitísimo. A maquinaria, desde que eu a merquei hai 3 ou 4 anos a hoxe encareceurse por enriba dun 30% e o custo do gasóleo duplicou o prezo. O custo das furgonetas e todoterreos tamén subiu moitísimo, os custos laborais igual e para acabar de redondear a situación, tamén os intereses. Os custos de facer a madeira encarecéronse en total uns 3 euros en tonelada”, calcula.
Os custos de facer a madeira encarecéronse uns 3 euros en tonelada
“Iso repercúteselle, obviamente, ao propietario, aínda que se ve diluído polo incremento tamén no prezo da madeira, pero o problema está en que no momento en que a madeira baixe eses custos vanse manter, non van diminuír”, indica. Inestabilidade no mercado “É todo unha cadea e nós estamos no medio, entre o propietario e as empresas transformadoras e apértannos polos dous lados. Este negocio sempre foi así, só que agora é moi inestable”, di. “Eu sei ao prezo ao que vou a vender a madeira mañá, pero non dentro de 3 ou 6 meses, nós non temos ningún tipo de seguridade, polo que é necesario asumir o risco que iso supón”, indica.  Esta situación de incertidume está a levar ás empresas do sector a reducir os seus stocks de madeira no monte.
As empresas forestais reducimos moitísimo os nosos stocks de madeira no monte, agora mercamos e cortamos para diminuír os riscos
“Parouse de mercar a longo prazo, hoxe mercamos e cortamos no momento para reducir no posible os riscos. Antes podías ter a madeira comprada no monte máis de seis meses, hoxe procuramos non tela máis de dúas semanas. Nos casos nos que dependes dos permisos, esa madeira ou a pagamos menos ou non a compramos directamente”, explica. A situación actual de volatilidade do mercado obriga a negociar día a día. “Nós non temos contratos a longo prazo, é todo ao día. Traballamos con distintas empresas e distintas fábricas en función do tipo de madeira que se trate e da súa calidade. Vendemos tanto para Portugal como para varios lugares de España; o abano de venda do piñeiro é moi amplo, non así no caso do eucalipto”, recoñece. Diversificar a transformación Miguel considera que “falta por desenvolver aínda a industria de transformación forestal en Galicia”. “Vai moito piñeiro e moito eucalipto para fóra de Galicia e era ben que quedara e se transformara aquí”, defende. Pero para iso, di, “fan falla máis fábricas de eucalipto que fagan outras cousas, e tamén de piñeiro, aínda que se o piñeiro que hai enferma e o hai que cortar esa madeira non valería para transformar, unicamente serviría para moer, e eu non sei en 10 anos vista canto piñeiro san haberá”, insiste.
Plantas de biomasa como a de Teixeiro ou a de Ponferrada están queimando puntal de piñeiro
A escaseza de madeira de calidade é unha das eivas existentes para desenvolver a industria de transformación en Galicia. “Para moer vale todo, para o resto non. Para biomasa tamén, e neste momento está indo puntal de piñeiro para queimar, aínda que o prohibe a normativa Europea. No inverno non hai ramas e compénsano con iso”, asegura. Iso foi en parte o que subiu os prezos, afirma, porque a madeira “mala” ten agora máis alternativa que a da industria do taboleiro e “iso xerou un aire novo e refrescante no sector”, opina Miguel, xunto co incremento por arriba da demanda de madeira boa para usos como o estrutural, o que desencadeou unha “inflación brutal” dos prezos da madeira. “Cortar frondosas é inviable” A maioría das empresas forestais presta pouca atención ás frondosas. Miguel asegura que “resulta inviable”. “Hai pouca saída e coa limitación de cortar unicamente o 30% das frondosas existentes na parcela non compensa, porque habería que facelo á man e hoxe os motoserristas non abundan”, explica. “O propietario de frondosas está desamparado. Para poder cortalas póñenlle todo tipo de trabas. Que eu non digo que lle haxa que poñer eucalipto a iso, pero haberá que permitir cortar e volver poñer frondosas”, defende.
As frondosas non serven para péllets e para leña páganse pouco
“O que non pode ser é que eses montes queden totalmente abandonados, como sucede hoxe”, considera. “O que provoca os incendios é que estea o monte descoidado. En Ourense arde todos os anos e alí non hai eucalipto. Nas zonas onde máis produción de madeira hai non é onde máis arde, porque a xente coida o monte”, argumenta. Para poder conservar aquelas zonas forestais de valor ambiental ou que formen parte de espazos de Rede Natura, Miguel propón “compensar dalgún xeito a eses propietarios”. “O que non se pode facer é que a Administración embargue de facto esas fincas aos seus donos sen pagarlles nada a cambio. Hai que deixarlles facer algo con elas ou compensalos”, di.

“Hoxe a burocracia máis grande que hai na madeira é a certificación forestal”

Miguel Vázquez ten 32 anos e montou a empresa hai 5. “Empecei de cero cando tiña 27 anos. Non tiña nada que ver co sector forestal nin estudara nada relacionado con iso, pero gústame o monte e vin que era un negocio viable desde o punto de vista económico”, explica.   Recoñece que lle custou facerse un oco no sector, algo que logrou a base de seriedade, un dos aspectos que destaca Maderista Souto na súa páxina web, onde detalla os seus servizos. “As empresas forestais temos fama de gañar moito, pero en realidade traballamos con marxes moi pequenas e hai que facer as cousas moi ben para abrirte camiño”, recoñece. “Ao principio non tiña maquinaria propia e traballaba con autónomos aos que contrataba os traballos de corta e saca da madeira do monte pero agora é toda maquinaria da empresa e o persoal tamén é da casa, tanto os motoserristas como os que operan as procesadoras ou os autocargadores. Entre os que miden, os que cortan, os motoserristas, os condutores e o persoal da oficina somos máis de 20 persoas”, conta.
As empresas adaptámonos, o importante é que haxa madeira nos montes
Dispoñer de maquinaria e persoal propios é tamén unha garantía de subministro para os seus clientes. “Sen maquinaria propia o problema que tes é que xa non das cumprido nas fábricas co compromiso de entrega de madeira, porque dependes de outros”, explica. Tres millóns de euros en maquinaria Maderista Souto fixo nestes 5 anos un importante investimento en adquisición de maquinaria propia, cun desenbolso económico de case 3 millóns de euros. Teñen unha cortadora de cizalla, catro procesadoras de cadeas, tres da marca Doosan e unha Hitachi, e tres autocargadores John Deere modelo 15-10.
A máquina máis vella que temos ten 4 anos; hoxe é imposible competir e ser eficiente no monte sen ter maquinaria
É toda maquinaria nova e de última xeración, o que lles permite rapidez e eficiencia nos traballos de corta e saca da madeira dos montes. “Nós non mercamos ningunha parcela onde non entre a maquinaria a traballar. Hoxe sae moito máis caro cortar á man que con estas máquinas”, indica. Por iso, di, as fincas pequenas e con malos accesos estanse a converter en “inviables” para a produción forestal. “Esas parcelas dependían de motoserristas á man e cada vez hai menos. Se unha finca normal de piñeiro se paga de media a 45€ a tonelada, nesas parcelas págase a 20€. Eses propietarios están condenados a malvender a madeira a non ser que se poñan dacordo para vender”, di. Estabilidade nos postos de traballo As dificultades para dispoñer de man de obra é una das dificultades coas que se atopan as empresas do sector. Ofertar condicións atractivas é a clave para poder conseguir e reter aos traballadores, defende Miguel, que busca estabilidade nos postos de traballo. “Non teño queixa niso, pero aínda así é menos da que me gustaría”, admite. “Para motoserra practicamente non hai outra cousa que non sexa persoal inmigrante, é un traballo duro que ninguén de aquí quere facer, pero os postos de maquinistas forestais no noso caso están cubertos por xente galega, aínda que hoxe é difícil de atopar para calquera posto”, explica. Madeira certificada O persoal da oficina, ademais das tarefas administrativas, tramita todos os permisos de corta e a certificación da madeira. “Hoxe a burocracia máis grande que hai na madeira é a certificación forestal. Nós temos cadea de custodia e todo iso conleva moito papeleo, pero é algo que hai que ter. Hoxe máis do 90% dos montes que cortamos son certificados”, afirma Miguel. Maderista Souto traballa coas dúas principais certificacións, tanto FSC como PEFC. A empresa corta entre 60.000 e 70.000 toneladas de madeira ao ano e está sobre todo enfocada ao piñeiro, aínda que corta tamén outras especies, como eucalipto. “Compramos de todo, pero máis do 70% do que cortamos é piñeiro”, explica Miguel. Para cubrir mellor o territorio galego teñen unha oficina en Mos e outra en Lugo. “Cortamos en todas as provincias de Galicia, pero sobre todo na de Lugo, e tamén algo en León e en Asturias. Movémonos bastante; o traballo é moi variable”, di.
  • Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Madeirista Souto
https://www.campogalego.gal/o-prezo-eucalipto-baixa-pola-caida-mercado-de-pasta-de-papel/

“Coa chegada de novos propietarios que pasan de todo, unha das solucións é agrupar os montes”

En Galicia a superficie de monte arborado ocupa 1,4 millóns de hectáreas, practicamente o 50% da superficie total da comunidade. Nos últimos 20 anos aumentou en 400.000 hectáreas, a mesma superficie arborada total coa que conta o País Vasco en todo o seu territorio. A pesar das diferenzas, Galicia e Euskadi comparten similitudes, como o crecente afastamento dos novos propietarios forestais do medio rural. Aitor Oraindia (Durango, 1976) é enxeñeiro forestal e director técnico da Fundación Basoa (Bosque en euskera), a principal organización de selvicultores do País Vasco. Creada hai 20 anos, é o resultado da unión das tres asociacións de propietarios forestais de Áraba, Guipúscoa e Biscaia.
Euskadi conta con 400.000 hectáreas arboradas, menos dun terzo das que ten Galicia
Entre as 3 suman máis de 3.500 socios e unha das súas preocupacións é a desconexión social das novas xeracións co monte e a súa función produtiva. “A idea era ir á sociedade para falarlles dos beneficios da xestión dos montes porque había un público urbano que non era propietario do monte que mesmo vía mal a xestión forestal. En Euskadi hai movementos que pretenden que só haxa bosques non xestionados”, explica Aitor, que recentemente estivo en Galicia para participar nunhas xornadas sobre valorización de frondosas autóctonas. – Cales son as principais actividades da Fundación Basoa? – Temos dúas funcións claras: unha é a divulgación e concienciación social, na que falamos á sociedade dos bosques e as súas funcións, así como da propia xestión forestal. Traballamos tamén cos que van ser xestores, propietarios forestais fundamentalmente, para explicarlles como mellorar a súa xestión e como introducir técnicas innovadoras de xestión, e o mesmo tratamos de inculcar nas escolas de FP que temos no País Vasco no ámbito forestal, para que despois eses propietarios forestais poidan dispoñer de técnicos ou persoal forestal cualificado e formado que lles poidan dar servizos nesas novas técnicas ou usos do monte.
En Euskadi hai movementos que pretenden que só haxa bosques non xestionados
Pero despois tamén temos unha parte de proxectos, sobre todo proxectos de innovación, nos que exploramos outras formas de traballar o monte ou outros usos que se poden dar ao bosque para poder saírnos da sota, cabalo e rei da xestión forestal que se realiza hoxe en día. – Cal é o perfil de propietario forestal que tedes en Euskadi? – Sobre todo persoas maiores de máis de 60 ou 65 anos que en moitas ocasións ou pertencen aínda ao mundo rural ou descenden del. Cada vez abunda máis este segundo grupo, é dicir, xente que xa está a vivir en contornas urbanas e traballan na industria ou no sector servizos pero arrastran esa herdanza rural. E ese contacto hai que recalcalo, porque aínda que eles non teñan idea de xestión forestal, si que manteñen aínda ese agarimo ao herdado e ás propiedades familiares. Pero cada vez hai máis descoñecemento, ata o punto de non saber nin sequera o que se ten. Hai xente que herdou terreos dun caserío que pertenceu ao avó pero que non saben nin onde están nin que facer con eles ou que usos se lles poden dar. Está a ocorrer cada vez máis iso. – Existe minifundio como en Galicia? – Si, pero hai como dous grupos: o 50% da propiedade forestal son pequenos donos nos que a propiedade habitual oscila entre 2 e 5 hectáreas; pero logo está o outro 50%, que son propietarios máis grandes de entre 20 e 30 hectáreas. No País Vasco un propietario grande, que pode ter por exemplo 65 hectáreas, significa que ten unha chea de anacos diferentes de entre 2 e 5 hectáreas; é difícil ver pezas grandes, aínda que pode chegar a haber algunha. – E en canto á propiedade, é maioritariamente privada ou existen figuras de xestión conxunta? – Hai unha gran diferenza entre a vertente cantábrica, onde o monte é máis privado individual, e a zona de Áraba, onde se mantiveron bastante máis os concellos e as xuntas administrativas que xestionan todos os montes, aínda que na parte cantábrica tamén hai algúns municipios que teñen montes públicos e mesmo algunhas confrarías, aínda que non moitas, que son entidades comunais similares ás comunidades de montes veciñais galegas. No País Vasco ata o momento eramos poucos propietarios e mal avidos, aínda que había una certa unión para facer pistas para poder sacar a madeira, xa que temos unha orografía complicada, porque aínda que non hai montañas moi altas si que temos unha chea de montañas pequenas. Esas unións para facer as pistas foron o xerme para despois poder facer outras cousas e mesmo chegar a unha xestión conxunta. Pero nos últimos anos, coa chegada de novos propietarios que pasan de todo, unha das solucións é agrupar as propiedades e ceder a súa xestión a un órgano único, o que permite tomar decisións non parcela a parcela senón en conxunto. E ese tipo de cooperativas ou agrupacións si que se están dando. – Que superficie forestal tedes? – Un total de 400.000 hectáreas de superficie forestal arborada. Delas, nestes momentos unhas 100.000 serían de piñeiro radiata. Estes últimos anos tivemos grandes problemas sanitarios co piñeiro radiata e iso fixo descender moito a superficie de piñeiro radiata porque se cortou moito, primeiro pola enfermidade, pero despois tamén porque o mercado estivo tirando moito, pero estas superficies cortadas non se substituíron por plantacións novas de piñeiro radiata. Por tanto, quita e non pon, acábase o montón. Foron crecendo outro tipo de plantacións, como o eucalipto, pero nestes momentos en todo Euskadi hai unhas 20.000 hectáreas de eucalipto, non máis. Deuse unha guerra tremenda con iso, pero realmente o incremento non foi tan grande.
Nestes momentos en todo Euskadi hai unhas 20.000 hectáreas de eucalipto, non máis
A nosa superficie forestal é moi pequena comparada con Galicia. A industria está a impulsar a especialización en piñeiro radiata, pero se nos concentramos niso practicamente non hai sitio para outras producións. O noso prototipo é o bosque mixto atlántico, plantacións de piñeiro radiata con carballo, castiñeiro ou amieiros, porque o piñeiro nas súas etapas iniciais deixa pasar moita luz e moita auga e permite que aparezan outras especies.
Nas últimas décadas aumentou moito un tipo de bosque que procede do abandono
O que aumentou moito tamén nas últimas décadas, nos últimos 50 anos, foi un tipo de bosque que procede do abandono, ou ben do abandono rural, leiras agrícolas que se deixan de arar ou campas que se deixan de pastar e transfórmanse en bosques porque van nacendo distintos tipos de árbores; ou ben do abandono forestal, de antigas plantacións de coníferas que se cortaron e non se volveron a plantar. Todo iso o que che dá é un popurrí dunha mestura de especies que é ao que chamamos bosque mixto atlántico e que aumentou moito. Agora mesmo temos un pouco máis de 40.000 hectáreas deste tipo de bosque. – Como se xestiona ese tipo de monte mixto con varias especies? – A xestión deste bosque é complicada, porque non coinciden as quendas de curta, pero eu quero recalcar que é complicada pero non imposible. Estamos a tentar desde a Fundación Basoa dar por unha banda un abanico de diferentes tipos de xestión a poder realizar e por outro un abanico de distintos usos que poder dar, para poder ter diferentes saídas.
No bosque mixto hai especies que crecen máis lento que outras e iso dificulta tanto a xestión forestal como a comercialización da madeira
Pero iso ten unha gran dificultade, porque hai especies que crecen máis lento que outras e iso dificulta tanto a xestión forestal como a comercialización posterior da madeira obtida, xa que son aínda masas novas e nas intervencións necesarias a realizar neses montes obtés un tipo de madeira en canto a tamaños que a día de hoxe ten pouca saída, pero poderíase mellorar ese aspecto. As densidades de masas de frondosas que veñen do abandono de parcelas agrarias ou forestais están arredor dos 400 pés por hectárea, cando nas plantacións de Centroeuropa parten de 2.000 pés por hectárea para ir reducindo a base de podas e clareos.
A día de hoxe os servizos ecosistémicos non están a ser compensados; que houbese outros ingresos máis aló da venda de madeira axudaría
Unha cousa importante é que a día de hoxe os servizos ecosistémicos non están a ser compensados. É outro factor para ter en conta, porque se non só é a madeira a que xera os ímputs no monte e o propietario empeza a ver que hai outros ingresos, iso axudaría. Por exemplo a fixación de carbono ou da auga. Un aspecto que hai que ter en consideración é que neste tipo de bosque aínda que a densidade de árbores non é moi grande, a presenza de plantas si, polo que só pola evaporación e a traspiración está a perderse moita auga, porque hai competencia por esa auga que está no chan. Se ese bosque estivese xestionado con rozas e claras, a cantidade de auga que chegaría aos ríos sería maior, pero iso non se paga.

“A causa das enfermidades, nestes momentos o piñeiro radiata está sendo substituído por outras especies, como a cryptomeria e a secuoia”

Piñeiral afectado por banda marrón no País Vasco A chamadas banda vermella (causada polo fungo Dothistroma pini) e banda marrón (Lecanosticta acicola) son dúas enfermidades que nos últimos anos se estenderon por toda a cornixa cantábrica ata chegar a Galicia. Euskadi, onde o piñeiro insigne era a especie predominante, é unha das zonas máis afectadas de toda a península e a alta incidencia provocou cambios no manexo do monte e as repoboacións. Pero ademais dun shock a nivel produtivo, a afectación dos montes tamén demostrou a desconexión da sociedade co mundo forestal. “Coa enfermidade do piñeiro o que ocorreu é que á sociedade deulle igual”, asegura Aitor. – Como está a situación a día de hoxe das enfermidades fúnxicas do piñeiro: a banda vermella e a banda marrón? Están máis controladas? – Si, pero aínda están moi presentes. A enfermidade estendeuse moito porque hai varios factores que lle afectan, pero un deles é que as primaveras se alonguen e sexan húmidas e a medida que esas circunstancias se dean haberá ese problema, porque estás a manter unhas condicións óptimas para que eses fungos se desenvolvan. E ese tipo de primaveras estamos a telas. O cambio climático no País Vasco non está afectanto tanto á choiva como á humidade relativa, que é máis do 80% ata finais de agosto durante practicamente todos os días. Pero xusto este ano foi moi seco e iso notouse.
O cambio climático está a deixarnos condicións óptimas para que os fungos se desenvolvan, con primaveras que se alongan e humidade relativa superior ao 80% ata finais de agosto
Tamén se están facendo algúns tratamentos e estase vendo que ese pode ser outro factor para que a afectación minguase un pouco. As esporas dos fungos Lecanosticta acicola (banda marrón) e Dothistroma pini (banda vermella) forman carpóforos que se aprecian a simple vista. A choiva e a humidade rompen estes depósitos de esporas, e o vento trasládaas a outros piñeiros. Esas esporas póusanse sobre as follas e polos estomas penetran cara ao interior, onde se produce a xerminación, que dura varios meses (2-3 na primavera e 5-6 no outono).
As esporas do fungo viaxan polo aire ata as acículas da árbore; cos tratamentos reduciuse o contaxio
As podas e entresacas, que incrementan a distancia entre as árbores, dificultan a transmisión entre exemplares e, ao aumentar a circulación de aire e provocar un descenso da humidade, tamén axudan a evitar que o fungo se estenda tan facilmente. – Comentábasnos que o piñeiro radiata era tradicionalmente a principal especie forestal no País Vasco. Cal foi a resposta do propietario forestal ante a enfermidade, séguese plantando radiata ou introducíronse novas especies? – A primeira resposta fronte á enfermidade das bandas foi cortar. Non necesariamente é unha enfermidade que mata; é un pouco como un catarro. A folla colle un fungo e non fai a fotosíntesis ben pero esa árbore pode ter reservas e seguir vivindo. Pero se se mantén no tempo pode chegar a morrer, que é o que pasou nalgúns sitios. E entre as cortas neses lugares e o medo noutros, moitos propietarios decidiron tamén cortar. Entre o 2018 e o 2019 cortáronse moitas árbores e iso fixo baixar os prezos no mercado. Pero xusto veu unha forte demanda de madeira de conífera por parte de China e EEUU que fixo subir os prezos, o que fixo que se seguise cortando.
Hai un gran impulso por parte da industria para que se plante con piñeiro marítimo
Pero esas superficies non se volveron a plantar con piñeiro radiata. A industria segue tirando polo piñeiro, e se non é radiata por culpa da enfermidade, pois marítimo, e hai propietarios que o fixeron así. Pero outros propietarios seleccionaron outras especies que de seguro que non se verán afectadas pola enfermidade pero que se adaptan ben ás condicións do País Vasco. E aí a Cryptomeria japónica e a Secuoya sempervirens viuse que medran ben e estanse plantando moito. En Guipúscoa, por exemplo, a criptomeria e a secuoya gañaron 825 hectáreas no último ano e consolídanse como as principais especies da repoboación forestal na actualidade, con 3.100 hectáreas plantadas sobre todo nos últimos 3 anos, nos que non se plantou nada de radiata. Así, o piñeiro insigne ocupa actualmente o 22% da masa arborada de Guipúscoa, cando fai tres anos era o 35%.
O piñeiro insigne ocupa actualmente o 22% da masa arborada de Guipúscoa, cando fai tres anos era o 35%
A incerteza con estas novas especies vén en canto ao uso da madeira. Noutros sitios si que se está utilizando, porque se imos a Xapón veremos que a cryptomeria é moi utilizada. Por exemplo, o estadio olímpico dos últimos Xogos estaba construído nun 60% de Cryptomeria japónica, porque aínda que non se utilice en elementos estruturais de suxeición do edificio, si que se utiliza moito noutros usos. E coa secuoya en California pasa o mesmo. Pero outra cousa é o axuste que estas novas especies poidan ter coa industria actual do País Vasco, aínda que a nosa forma de velo é que ata a corta desas plantacións recentemente realizadas e as que poidan vir no futuro, temos aí unha marxe de 30 ou 40 anos para actualizar esa industria e desenvolver e xerar unha nova. Pero unha cousa é compra e transformación e outra o uso, a saída que poida ter despois. – En Euskadi consómese madeira local km0? – A sociedade vasca demanda bosques autóctonos e de frondosas pero despois non fai uso desa madeira local. Temos unha empresa no País Vasco, Grupo Gamiz, que está en Áraba e dedícase a facer laminados con frondosas. Traballan con madeira de frondosas autóctonas, pero o seu mercado está fóra. O 95% do que producen expórtano a outros países europeos.
A gran contradición da sociedade vasca é o que demanda e o que consome
Hai unha gran presión social que non che permite intervir nesas masas. Hai dificultades para facer pistas, por exemplo. A protección do alimoche, unha especie de paxaro, prohibe facer ruído no monte na primavera e verán, que é a época na que se deberían facer determinados traballos forestais, porque non é o mesmo facer podas de formación no verán ou en outubro. Para ben ser deberíanse facer entre xuño e xullo. Hai aspectos sociais que hai que ter en conta e tamén determinadas regulacións. Na reserva da Biosfera de Urdaibai, por exemplo, non se permite vender a madeira de frondosas, aínda que si usala para consumo propio, para quentarse na casa, por exemplo. – Cal é o nivel de sensibilización social no País Vasco en relación ao valor do monte? – No País Vasco non temos unha Facultade de Forestais. A formación universitaria está ligada á bioloxía, polo que cando se fala desde o ámbito científico e investigador do monte sempre se fai desde o ámbito da bioloxía da conservación, que é necesaria, pero non desde o ámbito da produción de madeira e a xestión forestal.
No País Vasco temos unha Facultade de Bioloxía coa especialidade de Ecoloxía Forestal, pero non unha Facultade de Enxeñería Forestal
Coa enfermidade do piñeiro o que ocorreu é que á sociedade deulle igual. A sociedade non estaba preocupada por que os piñeiros estaban enfermando e morrendo. A xente non pensaba vou quedar sen o material para construír ou para facer o valo, ou sen unha zona de monte na que pasear, dáballe igual. A súa preocupación era se ese vermello era feo ou bonito e se era o momento de optar por non facer ningún tipo de xestión forestal. Esa era a discusión, pero en ningún momento a problemática do abastecemento, porque en xeral as necesidades da sociedade vasca están nutridas con materiais non renovables. En Euskadi séguese usando moito formigón, moito aceiro e moito plástico, e cando é madeira, dá igual se vén de fóra ou non. – Pois sorprende que digas iso, a pesar de que tedes unha importante conciencia do propio. – Dámoslle moita importancia á txapela e ao pastel vasco, pero a ese outro aspecto non. En xeral ao vasco dálle igual se é madeira ou non, se esa madeira é local ou non e se é de especies autóctonas ou non. De feito, se é dunha especie autóctona, que é máis cara porque tarda máis en desenvolverse ou porque necesita máis xestión, o vasco, salvo excepcións e polo xeral, o primeiro que fai é descartar esa madeira por ser demasiado cara, porque o primeiro que inflúe na decisión de compra é o prezo.

Comunidades de montes beneficiarias polas axudas da Xunta para previr enfermidades fúnxicas no piñeiro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás axudas aprobadas para levar a cabo accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, especialmente a banda vermella e a marrón. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, estas achegas contaron cun orzamento de 500.000 euros para acadar unha superficie de actuación de arredor de 6.000 hectáreas. Trátase da primeira convocatoria deste tipo de achegas, malia que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal levou a cabo anteriormente actuacións neste eido -concretamente durante os exercicios de 2020 e 2021-, no marco do seu Programa de saúde e vitalidade forestal. Así, estas axudas teñen como finalidade acometer tratamentos preventivos de danos producidos por enfermidades fúnxicas en masas estables de piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) de idade inferior a 25 anos e con defoliación inferior ao 75%. Deste xeito, beneficiaranse destas axudas un total de 8 solicitantes, que inclúen Comunidades Veciñais de Montes en Man Común (CMVMC), Comunidades de bens, Sociedades e particulares. Os importes económicos das axudas varían entre beneficiarios, con importes que van dende algo menos de 900 euros ata os case 7.000 das solicitudes con maior prioridade. Enlace á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220608/AnuncioG0426-200522-0001_gl.html

Amplíase ata o 29 de abril o prazo para solicitar axudas para tratamentos silvícolas

Plantación nova de piñeiro insigne afectada pola banda marrón O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifica a convocatoria de 2022 das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. En virtude desa modificación, amplíase o prazo de presentación de solicitudes ao estenderse a toda Galicia unha das posibilidades de subvención. En concreto, a novidade da orde de achegas publicada no DOG o pasado 24 de febreiro, que permitía financiar accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, especificamente en exemplares de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra), amplíase agora ás provincias de Pontevedra e Ourense. Como consecuencia desta modificación, o prazo de presentación de solicitudes amplíase ata o vindeiro 29 de abril.
Por primeira vez, este ano financiaranse as accións silvícolas encamiñadas á prevención de danos causados en piñeirais pola banda vermella e da banda marrón
Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, estas axudas para accións silvícolas contan cun orzamento de 13,12 millóns de euros (1,33 millóns asignados a este ano e 11,79 millóns para o 2023), que permitirán actuar nunhas 7.000 hectáreas de superficie. Esta bianualización do presuposto asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal xa que, segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo.  Dúas liñas de axudas A convocatoria contempla dúas liñas de achegas. Por unha banda, subvencionaranse tratamentos silvícolas como rozas, desmestas, rareos e podas para previr incendios incluíndo, por primeira vez, as rozas en masas de coníferas que inclúan o aproveitamento de resina, dirixidas á creación de descontinuidade tanto horizontal como vertical. Tamén se financiarán as referidas accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Por outra banda, haberá axudas para realizar rareos, desmestas, podas, cortas de formación ou rozas, e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. Nesa liña, subvencionaranse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 30 centímetros e a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 50 pés/ha.

Convocadas as axudas para tratamentos silvícolas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan neste 2022 as axudas para tratamentos silvícolas. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, contan cun orzamento de 13,12 millóns de euros (1,33 millóns asignados a este ano e 11,79 millóns para o 2023), que permitirán actuar nunhas 7.000 hectáreas de superficie.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados desde este venres
Canto aos beneficiarios, poderán solicitar estas axudas as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de subvención, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas,sociedades de fomento forestal e agrupacións forestais de xestión conxunta, así como propietarios particulares. No que respecta ás accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, tamén poderán ser beneficiarias as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados desde este venres, día seguinte ao da publicación desta orde de axudas no DOG. Novidade en masas con aproveitamento de resina A orde publicada establece dúas liñas de axuda. Por unha banda, subvencionaranse tratamentos silvícolas como rozas, desmestas, rareos e podas para previr incendios, incluíndo, por primeira vez, as rozas en masas de coníferas que fagan o aproveitamento de resina, dirixidas á creación de descontinuidade tanto horizontal como vertical. Tamén como novidade, financiaranse accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, especificamente en exemplares de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) nas provincias da Coruña e Lugo. Mellora de bosques de frondosas caducifolias Por outra banda, en masas de frondosas caducifolias haberá axudas para realizar rareos, desmestas, podas, cortas de formación ou rozas, así como plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. Nesa liña, subvencionaranse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 30 centímetros e a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 50 pés/ha.

Balance: máis de 2.500 beneficiarios nos últimos 5 anos

A Xunta repartiu preto de 67,2 millóns de euros entre os anos 2016 e 2021 no marco destas axudas da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Este investimento público, distribuído entre 2.621 beneficiarios, permitiu actuar en 36.653 hectáreas de terreo con accións silvícolas. A bianualización do presuposto, sinala a Consellería, asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal. Segundo os datos que manexa a Xunta, a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo.

Axudas para tratamentos preventivos de danos por enfermidades fúnxicas en piñeiros

Piñeiral afectado pola banda vermella na provincia de Lugo O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan en 2022 as axudas para levar a cabo accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, estas achegas contan cun orzamento de 500.000 euros para acadar unha superficie de actuación de arredor de 6.000 hectáreas.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir deste martes
Trátase da primeira vez que se convocan este tipo de achegas, malia que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal levou a cabo anteriormente actuacións neste eido, concretamente durante os exercicios de 2020 e 2021, no marco do seu Programa de saúde e vitalidade forestal. Tratáronse tanto de actuacións directas como de tratamentos en coordinación coa Fundación Arume. Masas de coníferas con idade inferior aos 25 anos Este ano, as novas axudas teñen como finalidade acometer tratamentos preventivos de danos producidos por enfermidades fúnxicas en masas estables de piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) de idade inferior a 25 anos e con defoliación inferior ao 75%. Só se destinan a piñeirais das provincias de Lugo -onde xa se detectaron danos os dous últimos anos- e da Coruña. Non entran nin Ourense nin Pontevedra.
Poderán beneficiarse das subvencións os propietarios individuais ou as agrupacións, as asociacións forestais, as SOFOR e as CMVMC
En concreto, poderán beneficiarse destas subvencións as persoas titulares individuais, as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (SOFOR), as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego e as asociacións e agrupacións de propietarios formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Tamén as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá martes, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Os tratamentos deberán aplicarse entre o 1 de abril e o 29 de xullo. Procesionaria e banda vermella e marrón No marco do Programa de saúde e vitalidade forestal, recóllense tanto medidas silvícolas de xestión que redunden nunha correcta prevención de problemas sanitarios importantes como as medidas de seguimento e control dos problemas cando estes aparezan, co obxectivo da conservar o estado fitosanitario dos bosques, así como o aumento da resiliencia das masas de coníferas con accións dirixidas a combater as perturbacións causadas por axentes bióticos e abióticos. Indícase tamén que se terán especialmente en conta axentes como a procesionaria do piñeiro e os fungos foliares dos piñeiros (banda vermella e banda marrón). Ademais, deberase considerar especialmente a aplicación dos plans de continxencia relacionados con organismos de corentena que actualmente afectan en Galicia, o nematodo da madeira do piñeiro e o Fusarium circinatum.

Tratadas máis de 2.400 hectáreas de piñeiro contra os fungos das bandas en montes de Lugo

Nos últimos dous anos leváronse a cabo actuacións nun total de 2.465 hectáreas de monte da provincia de Lugo para frear o avance da incidencia dos fungos das bandas marrón (Lecanosticta acicola) e vermella (Dothistroma pini), que causan defoliación no piñeiro e rematan por debilitalo de xeito serio. O avance das pragas, que afecta especialmente ó piñeiro insigne (Pinus radiata), motivou que se autorizaran actuacións puntuais con tratamentos fitosanitarios. Tamén se executaron tratamentos con bioestimulantes e houbo axudas para traballos silvícolas cos que mellorar a ventilación das masas de piñeiros, o que contribúe a frear a expansión do patóxeno. Os datos das actuacións realizadas fíxoos públicos o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, durante a súa comparecencia na Comisión de Agricultura do Parlamento, como anticipo do informe que o departamento ultima. Nestes dous últimos anos leváronse a cabo tratamentos en preto de 700 hectáreas de montes de xestión pública, cun custo de 270.000 euros, así como noutras 1.765 hectáreas en mans de distintos propietarios. En concreto, aplicáronse tratamentos en 679 hectáreas de 121 particulares, así como en 763 hectáreas pertencentes a 21 comunidades de montes veciñais en mancomún e noutras 323 hectáreas xestionadas por 15 sociedades cooperativas. En total, actuouse en 22 concellos da provincia de Lugo, onde está centrado o plan de emerxencia, entre eles A Pastoriza, A Fonsagrada, Becerreá, Baralla, Lugo ou Ribeira de Piquín. “Houbo un maior número de solicitudes para tratamentos, pero algunhas delas non cumprían os requisitos para levarse a cabo por estar próximas a marxes fluviais ou ter outras limitacións”, concretaron dende Medio Rural. Tal e como indicou Chan Rodríguez, para a xestión e organización dalgunhas das fases de control deste plan de continxencia contra a banda marrón contaron coa colaboración de persoal técnico das entidades que integran a Fundación Arume, tendo en conta que boa parte dos traballos se realizaron en época de risco de incendios na que o persoal dos distritos forestais tiña unha maior carga de traballo, segundo xustificou Chan. Os traballos de aplicación dos tratamentos foron realizados por unha empresa galega cunha ampla traxectoria no tratamento destes fungos noutras zonas afectadas da cornixa cantábrica.
Están realizando ensaios con abonos foliares para mellorar o estado sanitario do piñeiro e conseguir unha maior resistencia á incidencia das bandas
No marco deste plan de actuacións fronte ós fungos das bandas dos piñeiros tamén se levaron a cabo analíticas para ter maior información sobre a situación sanitaria e a incidencia destes patóxenos. Estas analíticas amosaron que polo momento non hai presenza da banda marrón e o que atoparon foi un cóctel fúnxico principalmente de banda vermella, que é asidua do monte galego cando coinciden temperaturas temperás e humidade. Xunto cos tratamentos, tamén están a levar a cabo outras accións para frear o avance dos danos das bandas. “Dende o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán están a traballar para incrementar a resilencia das masas de piñeiros tanto ás bandas como a outros retos derivados do cambio climático”, indicou Chan. Ademais, ante os ataques da banda vermella xa fixeron ensaios con abonos foliares que melloran a situación das árbores.

Axudas para a silvicultura

Unha das actuacións para combater a banda da marrón, tal e como recordou o José Luís Chan Rodríguez durante a súa comparecencia, son os tratamentos silvícolas. Neste senso, Chan incidiu nos 8 millóns de euros destinados a traballos de silvicultura este ano. Tamén anunciou que no 2022 prevén dedicar unha partida de 12 millóns de euros para accións silvícolas. “Mesmo o piñeiro radiata, se está nunha localización axeitada e se mantén cunha silvicultura axeitada, tamén pode ser bastante resistente fronte ás bandas”, explicou Chan. Pola súa parte, durante a Comisión de Agricultura, o grupo socialista, quen solicitara información sobre a afección da banda marrón en Galicia, insistiu na necesidade de adaptar os modelos silvícolas para reducir a incidencia dos fungos, uns cambios que aínda non se consideraron precisos por parte da Consellería. Os socialistas tamén pediron que se elabore un mapa de danos por parte da Administración e unha maior implicación e xestión directa das actuacións para frear o avance das bandas, sen delegar a responsabilidade noutras entidades ou nas administracións locais.

Medio Rural anuncia un plan de acción para impulsar a plantación de piñeiro

O piñeiro está na liña de saída dun proceso de recuperación en Galicia. Logo de dúas décadas de forte declive en monte, as coníferas galegas ven a luz ó final do tunel. Os prezos da madeira de piñeiro están disparándose a nivel mundial, da man dunha demanda que todo apunta a que será moi superior á oferta ao longo das próximas décadas. Ese escenario únese ó impulso que a Fundación Arume, conxuntamente coa Consellería do Medio Rural, trata de lograr para as plantacións de piñeiro en monte. Desde a crise do 2008, cando o prezo do piñeiro se desplomou, os piñeirais galegos pasaron por unha travesía do deserto. A especie perdeu atractivo económico para os propietarios e un cúmulo de factores sumouse en contra. Disparáronse as plantacións de eucalipto nitens, unha especie máis adaptada ó interior galego que o eucalipto globulus; e no sur da comunidade os lumes e a chegada da praga do nematodo á provincia de Pontevedra mermaron as perspectivas de futuro da especie. O panorama agora está a cambiar, non só pola moratoria a novas plantacións de eucalipto, senón polo atractivo económico que comeza a ter de novo o piñeiro para os propietarios particulares e comunidades. Os retos para o piñeiro no monte céntranse en tres puntos, segundo expuxo hoxe o presidente da Fundación Arume, José Carballo, na reunión do Padroado da entidade: mellora xenética, sanidade forestal e apoio á silvicultura. A esas tres demandas respondeu na clausura da reunión do Padroado o conselleiro do Medio Rural, José González, quen anunciou un plan de acción a partir de setembro para promover a plantación de coníferas e frondosas no monte. Ese plan, segundo detallou o conselleiro, incluirá apoios á mellora xenética e á sanidade forestal. En canto ás axudas ós propietarios, a Xunta quere reformulalas e que o financiamento privado gañe tamén protagonismo. Intervención do conselleiro de Medio Rural, José González, na reunión do Padroado da Fundación Arume.

Mellora xenética

Galicia perdeu o tren da mellora xenética fronte a outras grandes rexións do mundo produtoras de coníferas. É unha realidade que afecta tanto ó piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) como ó piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) e ó piñeiro silvestre. O sector ten ante si o desafío de lograr plantas con mellora xenética que ofrezan maiores produtividades e calidades, menores turnos de corta e garantías sanitarias fronte a enfermidades e pragas. Preocupa en especial o nematodo do piñeiro, xa presente na zona sur de Pontevedra. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán logrou seleccionar piñeiros do país con maior resistencia fronte ó nematodo, pero agora toca transferir esa planta ó monte. A vía máis áxil é a obtención de planta clonal, se ben iso require un importante esforzo económico e tecnolóxico. Para lanzar a mellora xenética do piñeiro en Galicia, a Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea do piñeiro de Galicia, deseñou un proxecto de 4,6 millóns de euros que opta a fondos Next Generation. Entre tanto, o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe participou na reunión do Padroado da Fundación Arume, anunciou a inminente sinatura dun convenio con Arume por importe de 200.000 euros para iniciar accións de mellora xenética dos piñeiros de Galicia. Outra das eivas en xenética que se quere afrontar de xeito prioritario é a mellora do piñeiro insigne. Ante as dificultades administrativas para importar sementes dos grandes países produtores de piñeiro insigne, como Nova Zelanda ou Chile, con xenéticas máis avanzadas, o camiño a tomar apunta a desenvolver a mellora a partir das masas implantadas en Galicia de piñeiro insigne.

Declaración dunha emerxencia sanitaria para axilizar a prevención da banda marrón e vermella

A enfermidade das bandas marrón e vermella foi outro dos focos de debate na reunión do Padroado da Fundación Arume. No País Vasco e en menor medida noutras comunidades da Cornisa Cantábrica, como Asturias, o piñeiro insigne sofre nos últimos anos serios problemas coas bandas marrón e vermella, uns fungos que provocan a defoliación das árbores e en último termo, a súa morte. No oriente de Galicia, xa se detectaron este ano zonas de Fonsagrada e Baleira afectadas polas bandas, o que levou a Medio Rural a intensificar as medidas de prevención en montes conveniados, con tratamentos fitosanitarios, podas e rareos. O segundo obxectivo da Consellería céntrase en incentivar as medidas de prevención nas propiedades particulares e montes veciñais non conveniados. Para iso, o conselleiro anunciou hoxe a inminente declaración dunha emerxencia sanitaria, unha figura coa que se quere axilizar a adopción de medidas. González precisou que contará coa colaboración da Fundación Arume, a fin de que se implique na organización dos traballos e coordinación cos propietarios. Na reunión do Padroado da Fundación Arume celebrada hoxe, o subdirector xeral de Recursos Forestais, Jacobo Aboal, aportou a boa noticia de que a Galicia aínda non chegou a banda marrón -a máis perigosa-, se ben espérase que acabe por chegar. Os casos de bandas que se detectaron nos últimos dous anos no oriente de Lugo correspóndense coa banda vermella, un fungo que causa en principio un menor impacto nas masas. En calquera caso, Medio Rural considera imprescindible acometer á maior brevidade tratamentos, podas e sobre todo rareos nas masas de piñeiro insigne, principalmente en Lugo.

Apoios ós propietarios e restauración de montes

Reunión do Padroado da Fundación Arume. O terceiro piar do plan de acción que a Fundación Arume trata de impulsar, conxuntamente con Medio Rural, é o apoio ós propietarios na plantación de coníferas, así como na restauración de montes degradados por incendios ou pragas. Para a restauración ambiental de montes, unha vía que se está comezando a empregar é a participación de empresas privadas interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de carbono. É un mecanismo que xa permitiu a restauración de montes afectados por incendios nos últimos anos, como é o caso das comunidades de montes de Saiar e de Paradela, no monte Xiabre (Caldas de Reis). A Fundación Arume aspira a fondos Next Generation para cofinanciar ese proceso de restauración con fondos públicos. En concreto, o obxectivo é plantar 12.000 hectáreas nos próximos 5 anos, 7.000 de piñeiro do país, 3.000 de piñeiro insigne e 2.000 de frondosas. A idea é que 5.000 desas hectáreas se implanten en zonas afectadas polo nematodo e con planta que presente maiores resistencias fronte á praga. Ao respecto das frondosas, o conselleiro do Medio Rural anunciou hoxe tamén a súa intención de impulsar un plan específico para promover a silvicultura do carballo, a parte do plan xa anunciado para o castiñeiro. Balance das liñas de axudas De cara a promover a plantación de coníferas e frondosas en monte, a Consellería proxecta continuar coas liñas de axudas dos últimos anos, pero anúncianse cambios. A cuestión é que se está constatando que esas axudas non funcionan correctamente. O subdirector de recursos forestais, Jacobo Aboal, presentou hoxe no Padroado da Fundación Arume unha análise dalgunhas das principais eivas que se detectan nas liñas de axuda á plantación de coníferas e frondosas. Un punto analizado é que son axudas que a penas chegan ós propietarios forestais particulares, pois as grandes beneficiadas adoitan ser comunidades de montes veciñais. Chama a atención ademais que sistematicamente os montes veciñais de Ourense aparecen entre os grandes beneficiarios das axudas, pero sen embargo o volume de cortas de piñeiro é residual nesa provincia desde hai anos. O problema radica en que gran parte das plantacións non chegan a turno de corta por mor dos incendios forestais.
Medio Rural anuncia un plan piloto no 2022 na comarca de Verín para crear polígonos forestais cortalumes
É unha cuestión que a Consellería pretende afrontar con maior esforzo en prevención. González anunciou hoxe que o Distrito Forestal de Verín – Monterrei acollerá no 2022 un plan piloto para a creación polígonos forestais cortalumes. “Nesa comarca temos máis de 50.000 hectáreas de montes veciñais en convenio e trátase dunha zona na que nos preocupa o impacto dos incendios”, explicou o conselleiro. Os polígonos forestais cortalumes son unha das figuras de agrupación que aparecen na nova Lei de Recuperación da Terra Agraria. No marco da Lei, o conselleiro considera imprescindible que os propietarios forestais se impliquen na posta en marcha de agrupacións de xestión conxunta para reducir o minifundio e impulsar traballos silvícolas e de prevención conxuntos. A Consellería anuncia que porá énfase en priorizar as axudas destinadas a propietarios que participen en figuras de xestión conxunta. Na Consellería, por último, preocupa tamén a escasez de parcelas con certificación forestal PEFC ou FSC en Galicia. “Temos arredor dun 8% da superficie forestal certificada. En Alemania están no 70% e en Francia case no 50%” -comparou Jacobo Aboal-, que advertiu que “sen certificación non se chega ós mercados”.

A banda marrón do piñeiro entra en Galicia pola zona oriental de Lugo

A banda marrón do piñeiro, un fungo que debilita ás coníferas e que pode causar a súa seca, está a entrar en Galicia por concellos do oriente de Lugo como A Fonsagrada ou Baleira. A chegada da enfermidade ás masas galegas de piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) próximas a Asturias era previsible, pois no occidente da comunidade veciña rexistran unha incidencia en aumento do fungo desde o 2018, cando tamén o problema das bandas marróns e vermella estoupou no País Vasco. A entrada en Galicia da banda marrón do piñeiro é un motivo de preocupación para os propietarios forestais, pois o fungo pode afectar a masas de piñeiro insigne que aínda se atopan lonxe da súa quenda óptima, obrigando a cortas prematuras. A ameaza do fungo desincentiva ademais as plantacións de piñeiro insigne, a especie máis susceptible á enfermidade e que en Lugo é a principal conífera. Menos susceptible é o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), a conífera dominante en Galicia, en tanto o piñeiro silvestre, que só se atopa en zonas de alta montaña, considérase resistente á enfermidade. “Vendo o impacto que está a ter a banda marrón na comarca de Oscos – Eo (Asturias), aquí ninguén pensa en plantar piñeiro insigne. Os piñeirais do occidente de Asturias están xa moi afectados e aquí na Fonsagrada desde hai dous anos vai a máis”, explica un propietario forestal que contactou con ‘Campo Galego’ para advertir do problema. As zonas máis afectadas sitúanse polo de agora en partes altas dos montes, por riba dos 600 metros, como A Vacariza ou A Fontaneira (Baleira). “Os piñeiros afectados comezan a poñerse marróns pola parte baixa e logo o problema vai subindo e extendéndose, ata o punto de que algunhas árbores rematan por secar. Outras recupéranse na seguinte primavera, pero estamos vendo que o problema vai en aumento”, sinala. É un impacto que confirma tamén outro propietario e técnico da Fonsagrada consultado, José María Álvarez, que advirte das dificultades fitosanitarias que enfrontan os montes. “No meu caso particular, as parcelas de monte que temos a castiñeiro están moi afectadas por distintas enfermidades e pragas, tanto pola tinta como polo chancro e pola avespiña, que está pegando forte. Co piñeiro insigne, o temor que hai é á expansión do fungo porque temos masas ás que aínda lles faltan anos para entrar en turno de corta e nas que xa fixemos varias podas e desbroces”, explica. Impacto desde 2018 Os fungos da banda marrón e da banda vermella, presentes desde hai tempo nos montes da Cornisa Cantábrica, saltaron de nivel a partir do 2018, cando, coincidindo cunha primavera cálida e húmida, calcúlase que arredor dun terzo dos piñeirais do País Vasco se viron seriamente danados. Un problema similar rexistrouse tamén nos últimos anos no Occidente de Asturias, se ben nun principio Galicia non se vira afectada. Daquela, desde o sector forestal galego avogábase por evitar o alarmismo, pois os impactos que está a causar a banda marrón no País Vasco ou en Asturias non implican que Galicia poida ter unha afección similar. “No 2019, fixemos unha viaxe técnica ó País Vasco e a Asturias para ver o impacto que estaban tendo as bandas marrón e vermella, pero daquela en Galicia non se apreciaban aínda piñeirais afectados”, lembra o director da Asociación Forestal de Galicia (AFG), Francisco Dans. Desde a AFG teñen prevista unha próxima ronda de visitas ós piñeirais insigne dos seus socios para valorar a situación na actualidade. Medidas preventivas Para encarar a chegada da enfermidade a Galicia, Dans sinala que as principais medidas a ter en conta son preventivas. “O problema da banda marrón agudízase en montes sen boa silvicultura, sobre todo en masas densas nas que non se fixeron claras. A falta de aireación aumenta o impacto da enfermidade”, explica o director da Asociación Forestal, que recomenda os rareos, as podas e os desbroces como mellor vía para reducir os riscos. Existe tamén a posibilidade tratamentos terrestres con produtos fitosanitarios, como o óxido cuproso, e Neiker, o instituto vasco de investigación agraria, está facendo ensaios complementarios con bioestimulantes e con produtos naturais. Accións en montes de xestión pública Desde a Xunta, a Consellería do Medio Rural lembra que os propietarios teñen a súa disposición as ordes de axudas para accións silvícolas que convoca cada ano a Xunta, “pois este tipo de traballos aumentan a circulación do aire nas masas e reducen as condicións que favorecen a aparición da enfermidade”, subliña. Nos montes de xestión pública ubicados nas áreas de risco, a Consellería sinala que xa se está a encargar de realizar estas accións silvícolas, así como tratamentos fitosanitarios, liñas coas que se consegue “aumentar a fortaleza e resistencia das masas tratadas”, destaca.
Plantación nova de piñeiro insigne afectada pola banda marrón.

Especies alternativas?

O problema da banda marrón do piñeiro insigne afecta a unha das zonas nas que máis incidencia vai ter a prohibición de novas plantacións de eucalipto. Na actualidade, gran parte dos piñeiros insignes que se cortan no interior de Lugo sustitúense por eucaliptos, principalmente polo atractivo económico da especie. A inminente moratoria do eucalipto deixará agora ós propietarios de piñeirais con poucas alternativas. Outras coníferas menos susceptibles á banda marrón, como o piñeiro do país, poden representar unha opción, se ben cun turno de corta lixeiramente maior que o piñeiro insigne. No País Vasco, Neiker está a traballar na obtención de piñeiros insigne resistentes á banda marrón e tamén está facendo un estudo sobre as especies de interese comercial que se poden adaptar a cada zona, mapeando as características de solo e clima presente e futuro. O obxectivo que teñen é diversificar as masas forestais, facéndoas máis resistentes a patoloxías. Entre tanto, para evitar unha conversión xeralizada de piñeirais a plantacións de eucalipto, a Deputación Foral de Guipúzcoa, con competencias na provincia en materia forestal, decretou recentemente a prohibición de plantacións con turnos menores de 25 anos.