Archives

Como facilitar o relevo xeracional e o acceso á terra a persoas alleas ao sector agrogandeiro

O Grupo Operativo TERRACTIVA vén de publicar unha recompilación de experiencias inspiradoras a nivel europeo sobre como facilitar o acceso á terra agraria tanto a novos/as entrantes (persoas alleas ó sector agrario con intención de incorporarse ao mesmo) como a explotacións existentes que non contan cun relevo garantido. "A compilación de experiencias demostra o carácter estratéxico deste grupo de agricultoras/es emerxentes ao tempo que ratifican a necesidade de xerar ferramentas que faciliten a abordaxe dos principais desafíos que enfrontan", salientan desde este grupo operativo, do que forman parte entre outras a EFA Fonteboa, o GDR das Mariñas, a Fundación Juana de Vega, a cooperativa Horsal e o Laboratorio do Territorio da USC. Dende o Reino Unido, pasando por Austria ou Galicia, detállase como cada rexión desenvolve unhas ferramentas propias motivadas polas distintas realidades que enfrontan. Así mesmo, recolle tamén os distintos instrumentos de mobilidade e de xestión e recuperación de terras que actualmente existen en Galicia, así como un breve resumo da situación actual deste perfil a nivel galego.

Facilitar o acceso de persoas alleas ao sector

Este será o derradeiro ano de traballo para o Grupo Operativo TERRACTIVA. O proxecto comezou a andar a finais do ano 2022, centrado na facilitación da entrada no sector agrario de persoas alleas, as chamadas novas e novos entrantes, finalizando na actualidade co desenvolvemento de diferentes guías especialmente enfocadas no apoio a persoal técnico das distintas entidades de acompañamento e asesoramento no eido agrario (GDRs, Oficinas Rurais, Cooperativas, diversas asociacións e fundacións, etc.). Nos vindeiros meses publicaranse outros recursos cos cales o grupo pretende xerar unha base metodolóxica e orientadora que as entidades dispostas deberán “aterrar” no seu territorio para poder traballar segundo o método proposto. Paralelamente, o grupo desenvolverá unha serie de talleres para o achegamento das ferramentas ao persoal obxectivo que poida estar interesado no emprego das mesmas. Terractiva é un proxecto beneficiario das axudas para a execución de proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A publicación está dispoñible na web de Terractiva: Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Experiencias inspiradoras.

A Xunta defende o seu modelo de mobilización de terras mentres que a oposición critica a falta de medidas concretas no rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, compareceu na mañá deste martes día 11 de abril no pleno do Parlamento galego para abordar a recuperación da terra agraria en Galicia. Sobre este asunto, apuntou que desde o ano 2020 se teñen mobilizado arredor de 35.000 hectáreas mediante figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais ademais de concentracións parcelarias. José González defendeu a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, vixente desde o 21 de maio de 2021, como fundamental na loita contra o abandono do territorio e o despoboamento do rural e facer fronte aos incendios forestais. González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización. Outro obxectivo é reducir a complexidade da estrutura de propiedade en Galicia de cara á viabilidade económica das explotacións ampliando a súa base territorial. O conselleiro destacou que esta norma traballa da man da Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia, mediante a que se seguen a decretar e rematar concentracións parcelarias. Uns obxectivos, apuntou, que tamén contaron co visto bo do propio Parlamento e dos axentes sociais, tales como as organizacións agrarias, as asociacións do sector primario e diferentes colexios profesionais.
González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización
Para conseguir ditos obxectivos, explicou o titular de Medio Rural, leváronse a cabo unha serie de análises encamiñadas a localizar tanto a demanda como a oferta de terra agraria. Unha vez identificada a demanda, buscáronse e identificáronse as zonas preferentes de actuación e desenvolver diferentes instrumentos de mobilización de terras. Instrumentos de mobilización e recuperación de terras O conselleiro José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo, que buscan poñer en marcha actividade económica orientada á produción de calidade, sempre desde o criterio da sustentabilidade social, económica e ambiental. Esa recuperación do territorio permite exercer a planificación preventiva do mesmo, freando así a afectación dos incendios forestais a través desa actividade agrogandeira. Un escudo natural que no pasado verán se puido comprobar cos lumes que pararon nas aldeas modelo de Parada dos Montes (Pobra do Brollón) e de Osmo (Cenlle). Tamén se busca rehabilitar de forma integral o núcleo das aldeas, de maneira respectuosa cos criterios de arquitectura tradicional. Estes plans nacen de cooperacións públicas e privadas. González lembrou que tamén se aposta polas “aldeas intelixentes”, coa conectividade dixital, a autosuficiencia enerxética e a s últimas tecnoloxías nas explotacións agropecuarias que as integran.
José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo para poñer en marcha actividades económicas orientadas á produción de calidade
Outro tema foron os polígonos agroforestais, sobre os que González matizou que son unha ferramenta decisiva para a recuperación de terras. Estas figuras permiten actuar en zonas de grande extensión e con diferentes características, actuando preferentemente nas concentracións parcelarias que presentan un abandono superior ao 50%. A Consellería tamén puxo en marcha un Plan de pastos de Galicia, mediante o cal se están a levar a cabo pastos e obras de infraestruturas asociadas co fin de poñer en valor terreos que poidan ser empregados para a actividade gandeira. A Consellería súmalle ademais o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, coa recuperación de soutos tradicionais, estreitamente ligado á posta en valor destas áreas. A figura legal para o desenvolvemento das ferramentas de recuperación de terras será o Banco de Terras. O Banco de Explotacións porá en contacto titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira. Tamén teñen unha gran relevancia no marco da Lei de recuperación as permutas de especial interese agrario. Así, o conselleiro indicou que xa hai en marcha un proxecto piloto en Friol, ao que se lle prevé dar continuidade noutros puntos de Galicia. BNG, o rural galego ten nome propio: abandono O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas respondeu á intervención do conselleiro de Medio Rural que “sobran textos legais” e falta “proxecto de país” para impedir que as explotacións agrarias continúen pechando. Rivas cualificou de “insuficientes” as 10 mil hectáreas mobilizadas e denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo. Xosé Luís Rivas criticou as políticas agrarias do Partido Popular desde a reforma da PAC do 92. Estas levaron “a este país ao abandono da actividade agraria e a unha dependencia alimentaria e produtiva suicida”. Isto levou a que actualmente “Galicia xa non produce cereal” para facer o pan porque as comarcas cerealistas están “a toxo e matogueira”. O voceiro do BNG recordou o breve pero aleccionador periodo de tres anos e medio do goberno bipartito. Durante ese tempo apostouse pola mobilidade de terras coma prioridade urxente e comezou o labor cunha lei que activaba as terras infrautilizadas e as unidades conxuntas de xestión do monte. Un goberno, que difundiu todos os activos humanos e económicos “ás aldeas para promocionar e darlle vida a un rural”, cousa que “o Partido Popular se empeñou en esganar”.
O BNG denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo.
Segundo o representante nacionalista, a Xunta “leva 13 anos agrandando a desagrarización e o caos e despois do desastre de outubro do 17, presentan un texto legal pola porta de atrás” para promocionar as aldeas modelo. “Unha propaganda moi cara en investimentos e con escasos resultados” que non reverte a situación do rural en Galicia. Rivas apuntou informes parciais que vaticinan que en Galicia a porcentaxe media de terra agrícola abandonada nos próximos 10 anos será do 35%. Mentres que os informes globais, “os que facemos todos os días reflicten que cada ano pechan explotacións porque a recuperación non existe, e as súas políticas son maquillaxe barata que non leva a ningures”. Á parte, o deputado nacionalista destacou que o texto legal defendido polo conselleiro José González, ten un problema de horizonte porque non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos. Os grandes beneficiarios serán grupos empresariais e agrogandaría industrial. “Tres consorcios internacionais de capital estadounidense que controlan o 28% do rico territorio ucraíno. Dezasete millóns de hectáreas en mans de Cargill, Dupont e Monsanto”. O deputado do BNG urxiu a iniciar unha reestruturación da propiedade marcando dinámicas considerando a “propiedade agraria coma un ben social”. Mentres Galicia conta co 23% de SAU, en Bretaña alcanzan o 60% e en Irlanda, o 65%. Esas serían as porcentaxes ás que debería aspirar Galicia segundo Rivas. Por outra parte, tamén insistiu en que o rural galego ten un nome, abandono. “Abandono da actividade agrogandeira, abandono poboacional, caos forestal por exceso de biomasa e falta de relevo xeracional nas explotacións”.
O deputado nacionalista Xosé Luis Rivas destacou que o texto legal defendido polo conselleiro non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos
Na súa opinión, este abandono pode ser freado a través doutras políticas porque “sobran leis e falta un proxecto de país” para dotar as OACs de persoal formado, recursos financeiros ao Plan Integral, medidas cara un horizonte de soberanía alimentaria e recuperar poboación. Para todo isto, volveu a dicir o nacionalista, é necesaria “vontade política e non vender o noso país”. O grupo socialista denuncia: “Galicia ten 900.000 hectáreas abandonadas” O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta. En resposta á comparecencia do conselleiro do Medio Rural, Martín Seco denunciou a “falla de xestión, de programación, de persoal e de orzamento” para cumprir esta norma aprobada en 2021. A norma “podería quedar en nada” se o goberno galego continúa reducindo orzamentos, medios materiais e humanos e coa falta dun cronograma de actuacións para o cumprimento da Lei, apuntou Seco. O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria. O plan, segundo Seco, vén “sen ningunha novidade relevante co banco de terras, que segue a estar infrautilizado”, sen recursos nin persoal. Seco apuntou unha serie de puntos sen cumprir por parte de Medio Rural como non desenvolver o banco de explotacións, non elaborar o mapa de usos agroforestais e a falta de conclusión do catálogo de solos agropecuarios e forestais. Martín Seco engadiu ademais que “non se vai solucionar o problema de falla de superficie agraria útil con pequenas actuacións de recuperación de núcleos abandonados coas aldeas modelo”.
O PSdeG criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta
O deputado do Grupo Socialista lembrou que aínda non se enviou o informe de avaliación bianual que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural debera enviar ao Parlamento, ao Consello de Xestión da Terra Agroforestal e á Comisión de Seguimento. Ademais, esta última Comisión segue sen estar constituída dous anos despois da aprobación da Lei, co que “demostran que non queren que o seu traballo teña unha avaliación independente”. O parlamentario socialista criticou atrasos na normativa de ordenación territorial e a “ausencia de iniciativas” sobre a mellora da estrutura das terras agrarias. Sobre isto, apuntou unha xestión caracterizada polos retrasos nos traballos de concentración parcelaria, con apenas 450.000 hectáreas, unha terceira parte do obxectivo.
O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria
Martín Seco finalizou a súa intervención denunciando o “bloqueo sistemático” da Lei de Montes Veciñais do goberno do socialista Laxe ou da Lei do Banco de Terras elaborada polo goberno de Touriño. Advertiu que hoxe Galicia ten 900.000 hectáreas de terra abandonada, das cales 400.000 poderían ter rendemento, e outras 50.000 son de alto valor agrario, pero, dixo, “en Galicia perdéronse case 9.000 hectáreas agrarias en 2020”.

Aterra, unha iniciativa na Limia e Arnoia que activa a oferta de terras para o agro

Aterra.gal é un proxecto do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia para dar resposta á demanda de terras, tanto agrarias como forestais, nos 25 municipios das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova. Esta iniciativa actúa como ferramenta para conectar ás persoas demandantes, que procuren a creación ou ampliación dun proxecto agrícola ou gandeiro, con persoas propietarias de terras en abandono e que estean interesadas nunha cesión, aluguer ou venda. Para iso, desenvolveuse o proxecto Aterra.

En que consiste Aterra?

“Esta é unha iniciativa pensada para solucionar as demandas de terra existentes. Temos un territorio de 25 Concellos con moita terra en desuso e dispoñible para a produción agraria”, explica a coordinadora do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia Eva González. Para activar a oferta de terra e conectala coa demanda, o proxecto conta co equipo humano do GDR e, especialmente, con toda a rede de axentes locais. A iso úneselle unha web, Aterra.gal, que actúa a modo de banco de terras dixital, cun visor xeográfico no que se poden consultar as parcelas ofertadas.
“Aterra é unha iniciativa pensada para solucionar as demandas de terra existentes, así como para darlle novos usos ás superficies que están en abandono parcial ou total” (Eva González)
“Nas comarcas que abarca o Grupo de Desenvolvemento Rural hai realidades moi distintas, pero a inicios deste ano, cando elaboramos a estratexia do 2022, démonos de conta de que a reactivación de terra agraria en abandono era un asunto capital para tódolos concellos das nosas comarcas”, detalla Eva. Nos 25 municipios que comprenden a iniciativa, “existen dúas realidades, unha centrada principalmente na Limia, caracterizada pola concentración de actividade agrícola, e outra, na que se engloba a superficie restante, que está nunha situación comparable á de gran parte de terras do interior de Galicia, isto é, en abandono parcial ou en desuso. Por iso, tanto na Limia como entre produtores do resto do noso territorio é moi probable que exista xente que teña necesidade de ampliación ou que demande terra, e aí intervén a nosa iniciativa, para conectar ambas partes ”, detalla a coordinadora.

Sistema de traballo

A iniciativa Aterra complementa as estruturas tradicionais do ‘boca a boca’ , que ademais considéranse claves para o éxito da iniciativa, coas novas tecnoloxías. “Pensamos en idear un visor xeográfico dixital que fose un punto de encontro entre o demandante e o ofertante, pero sen romper eses métodos tradicionais existentes para alugar, mercar e vender terreos”, amplía Eva González. Por ese motivo, o proxecto Aterra está conformado por catro pezas fundamentais: asesoramento técnico do GDR, contacto cos diferentes axentes sociais das comarcas, comunicación e novas tecnoloxías.
“Pensamos en idear un visor xeográfico que fose un punto de encontro entre o demandante e o ofertante, pero mantendo ademais o sistema tradicional do boca a boca” (Eva González)
A iniciativa abarca tanto a xestión de superficies agrarias como forestais. Neste sentido, Aterra pode incluír terreos dispoñibles de comunidades de montes, así como calquera propiedade forestal particular. Para a dinamización da oferta de terras, a coordinadora do GDR Limia – Arnoia precisa que o proxecto pode botar man das ferramentas que aporta a Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia, como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as aldeas modelo, “comprometéndonos tamén coa conservación e fomento da biodiversidade”, agrega Eva González. O GDR é optimista sobre a potencialidade do servizo. ”Está pensado para darlle resposta ao relevo xeracional, posto que tódolos anos temos nas nosas comarcas unha serie de profesionais do agro a piques de xubilarse e Aterra pode ser unha opción para buscarlle unha continuidade a esas producións agrícolas e gandeiras. En paralelo a esa situación, “temos persoas que están buscando ampliar a súa actividade agraria e que precisan maior superficie, unha demanda á que pretendemos dar resposta”, explica a coordinadora do GDR.
“Queremos impulsar o relevo xeracional, posto que hai moitas persoas profesionais do agro a piques de xubilarse” (Eva González)

Como funciona? Pasos a seguir

Partindo dunha análise do uso, ocupación e aptitude do territorio rural, Aterra achega un visor dispoñible na web, deseñado a medida para a comarca. “Trátase dunha ferramenta visual e sinxela, pensada para que poida ser empregada por unha maioría de persoas usuarias. A tecnoloxía permitirá conectar de maneira simple ás persoas demandantes de terra coas que ofrecen terras ou proxectos agrarios en marcha”, sinala Eva González.
“O visor de Aterra.gal trátase dunha ferramenta visual e sinxela, pensada para que poida ser empregada por unha maioría de persoas usuarias” (Eva González)

Oferta

Os propietarios interesados en ofertar as súas parcelas en cesión, aluguer ou venda poden poñerse en contacto co GDR para indicarllo. Esas parcelas en oferta que se vaian sumando á iniciativa aparecerán no visor xeográfico, de xeito que as persoas que busquen terras poidan valoralas.
Outra opción é que os propietarios poñan directamente no visor xeográfico un aviso de oferta nunha parcela concreta.
“A situación ideal sería a dun funcionamento fluído do sistema, de xeito que vaian aparecendo demandantes para as terras ofertadas. No caso de que non sexa así, somos nós os que, coa referencia do terreo, procurariamos buscar unha persoa interesada. En calquera dos casos, a cesión, aluguer ou venda sempre vai pasar por nós”, explica González. Neste sentido, o Grupo de Desenvolvemento móstrase coma un acompañante en todo o proceso, sendo “soporte e á vez garantía para aquela xente que teña certas dúbidas. Sempre imos funcionar a través dun contrato escrito, que pode ser de cesión, venda ou aluguer, para aportar garantías xurídicas”, asegura a coordinadora.
“Sempre imos funcionar a través dun contrato que pode ser de cesión, venda ou aluguer, para aportar garantías” (Eva González)

Demanda

As persoas interesadas nunha parcela poderán indicalo a través do propio visor xeográfico da web, ou ben poderán chamar por teléfono ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) ou enviar un email. “A partir dese primeiro contacto, se o demandante se manexa ben coa tecnoloxía do visor, recibirá indicacións de como crear un aviso de demanda”, explican. En caso de que unha persoa estea buscando terras e non atope no visor ningunha parcela que lle encaixe ou non dea contactado co propietario de terras que lle interesan, tamén pode transmitirlle ó GDR as súas necesidades: “Nese momento, a maquinaria do GDR poñerase en marcha, tirando man da rede de contactos establecida cos axentes locais implicados, ata darlle resposta a esa demanda”, concreta a coordinadora. Así mesmo, “axudaremos ás persoas emprendedoras , asesorándoos sobre a posibilidade de apoios a través do GDR, das oficinas agrarias e doutras entidades públicas ”, amplía Eva González. “En definitiva, esta iniciativa representa unha aposta moi importante que fai o GDR da Limia na liña da Lei de Recuperación de Terra Agraria”. "O noso obxectivo é potenciar un sector agrogandeiro forte nas comarcas, xa que é a base para a diversificación da actividade do noso territorio. Buscamos que a xente teña facilidades para asentarse nun rural activo”, reivindica a coordinadora do GDR, Eva González. Aterra representa un dos eixos centrais da estratexia de desenvolvemento local que está deseñando o GDR Limia-Arnoia para o período 2023-2027. “Nós queremos que a terra se poña a producir e que sexa a través dun contrato. Démonos de conta de que en Galicia a porcentaxe de aluguer de terras é altísima, e unha vez fixemos a proposta ao resto de axentes relacionados, comprobamos a boa acollida que podía ter”, afirma González. “Aterra é un primeiro paso, e á vez, unha iniciativa que pode ser clave para todas as comarcas galegas”, avanza González. As posibilidades do proxecto para replicarse no resto de Galicia son amplas, simplemente “tería que adaptarse ao contexto e aos usos do solo de cada zona, pero podería haber un ‘Aterra’ para calquera parte do territorio”, desexa.

Máis información: 

Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia Sede Xinzo da Limia T. 988 688 779 / administracion@limia-arnoia.gal Sede Celanova T. 988 43 16 54 / tecnico@limia-arnoia.gal Sede Allariz T. 988 442 535 / coordinadora@limia-arnoia.gal Visor xeográfico coas parcelas dispoñibles: https://aterra.gal/visor/

Créase un ‘banco de terras’ dixital para 25 concellos da Limia – Arnoia

O proxecto Aterra é unha iniciativa posta en marcha polo Grupo de Desenvolvemento Rural Limia - Arnoia que ten como obxectivo recuperar unha parte da produción agraria abandonada e facilitar o acceso á terra agraria. Deste modo, é así o primeiro proxecto de xestión de terras a nivel comarcal que se implementa dende a base. A súa presentación terá lugar o vindeiro día 30 de novembro ás 12.30h no salón de actos do concello de Sarreaus. Ca súa posta en marcha crearase unha plataforma -aterra.gal-para conectar ás persoas que demanden terra para a creación ou ampliación dun proxecto agrícola ou gandeiro con aquelas persoas que propietarias de terras ou empresas en funcionamento interesadas nunha cesión, aluguer ou venda. En definitiva, o que se pretende é frear o abandono dos proxectos agrícolas e poñer en contacto ás persoas que demandan terreos coas que os ofertan. O ámbito de actuación de Aterra son os 25 municipios da provincia de Ourense que forman parte do territorio GDR Limia Arnoia e que pertencen ás comarcas de Allariz- Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova. Nesta iniciativa participan tamén oficinas agrarias comarcais, asociacións agrarias profesionais e universidade. O programa da presentación do proxecto é o seguinte: 12:30h: Benvida. Marian Novoa (GDR Limia-Arnoia) 12:33h: Presentación e introdución ao GDR e á problemática do acceso á terra. Gumersindo Lamas Alvar, Presidente do GDR Limia-Arnoia 12:45h: Mesa de experiencias ‘O acceso á terra no territorio Limia Arnoia en proxectos subvencionados polo Leader’. Modera X.M. Puga (GDR Limia Arnoia) e intervirán: - Carmen de Ecoleia. 30 anos de aproveitamento do monte comunal para a produción de leite ecolóxica. Allariz - Isabel Santos, de Cooperativa Bustelo - Ivén Cubillas, de A Vaquería en Baltar - Tonecho, de Gandería Balín de Verea 13:05h: Presentación e demostración da iniciativa Aterra

A Xunta anima aos gandeiros e agricultores galegos a ampliar a súa base territorial para saír máis beneficiados na nova PAC

A Xunta anima aos agricultores e gandeiros galegos a apostar polos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para así optar á axuda básica á renda da reserva nacional da Política Agraria Común (PAC) do próximo período 2023-2027. Dende Medio Rural destacan que “a instancias precisamente do Goberno galego, o borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda prevé que poidan solicitar estes dereitos superficies acollidas a ferramentas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta”. Cabe apuntar que estes dereitos de axuda básica á renda da reserva nacional substituirán no novo período da PAC aos actuais dereitos de pagamento básico, permitindo aos beneficiarios percibir a axuda básica á renda para a sustentabilidade e, no seu caso, as axudas complementarias redistributivas e para mozas e mozos. Para poder recibir estas axudas directas, cada dereito deberá xustificarse con 1 hectárea subvencionable, é dicir, con 1 ha de superficie agraria da explotación. Galicia vén sendo deficitaria en dereitos de pago, tanto no período de pagamento único 2007-2014 como no de pagamento básico de 2015-2022. Isto quere dicir que conta con máis hectáreas de superficie agraria útil aproveitada polas explotacións galegas que con dereitos de pago que permitan percibir axudas directas por esa superficie.

Cambios na nova PAC

Porén, no borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda, grazas ás observación feitas dende a Xunta, está prevista para o novo período da PAC unha ferramenta que contribuiría á diminución do referido déficit. Así, co obxecto de evitar o abandono de terras, poderán solicitar dereitos á reserva nacional os agricultores cuxas explotacións se atopen acollidas a programas de reestruturación relativos a algún tipo de intervención pública regulada por unha norma autonómica de rango de Lei para ese fin, tales como bancos de terras ou instrumentos de mobilización como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas. "Deste xeito, está previsto que poidan recibir dereitos da reserva nacional as explotacións galegas incluídas nalgunha das figuras da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, así como as que dispoñan de hectáreas subvencionables en réxime de arrendamento mediante o Banco de Terras de Galicia, unha razón máis para que os gandeiros e agricultores aposten por estas iniciativas", destacan dende Medio Rural.

En marcha a creación do mapa de usos agroforestais de Galicia

Medio Rural está dando pasos para unha nova ordenación dos usos da terra, tal e como estaba previsto na Lei de Recuperación da Terra Agraria. A primeira medida é a creación do Mapa de usos agroforestais de Galicia, que suporá a revisión informatizada de algo máis de 11 millóns de parcelas catastrais. Para a súa elaboración tómanse datos do Sixpac, do inventario forestal continuo de Galicia (en elaboración) e do sistema de información sobre a ocupación do solo en España. Tamén se incorporarán datos doutras fontes, como o rexistro de explotacións agrarias de Galicia ou o rexistro vitivinícola. Ese mapa de usos actuais da terra será a base para a ordenación posterior, que se acometerá a través da creación de Catálogos de solos agropecuarios e forestais. A posta en marcha do mapa abordouse este martes na primeria xuntanza do Consello de xestión da terra agroforestal, un órgano consultivo da Administración no que participan os colectivos representativos do sector. A Consellería do Medio Rural destacou no encontro que o mapa servirá de base para a planificación das actuacións públicas en todo o relativo á ordenación e xestión do uso das terras agroforestais. A elaboración do mapa de usos agroforestais xa se completou en 24 concellos, segundo avanzou a Xunta. Na catalogación de usos actuais, estase tamén incluíndo a catalogación de sistemas agrarios de alto valor natural, nos que a Administración entende que, en paralelo á actividade produtiva, os sistemas agrarios están dándolle soporte á conservación da biodiversidade. Mapa histórico Xunto co mapa de usos actuais, Medio Rural está elaborando un mapa de usos históricos da terra a partir do voo cartográfico do ano 1957, complementado de xeito puntual con fotografías dos anos 1946-47. O obxectivo é apreciar a evolución dos usos da terra nos últimos 65 anos. O mapa histórico xa está completado en 85 concellos, segundo apunta a Xunta.

Novidades para arrendar leiras do Banco de Terras de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia, unha novidade que busca mellorar a eficiencia e axilidade do procedemento ao tempo que se adapta ás modificacións introducidas pola Lei de recuperación da terra agraria.

A orde regula o formulario e o xeito de presentación de acordo coas regras de arrendamento de predios (número de solicitudes, criterios de concorrencia e puntuacións, duración dos arrendamentos, etc.) aprobadas por Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural o pasado 20 de abril.

Así, establécense dous períodos anuais para a presentación de solicitudes de arrendamento. O primeiro comezará o día 1 de maio de cada ano e o segundo, o 1 de novembro, ambos cunha duración de 15 días hábiles. Deste xeito, o próximo 1 de maio abrirase o primeiro período de arrendamento de parcelas do Banco de Terras adaptado á Lei de recuperación.

En virtude da orde publicada hoxe, as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía telemática a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) ou desde a páxina web do Banco de Terras de Galicia (https://sitegal.xunta.gal/sitegal). A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, os traballadores autónomos e os representantes dalgún dos anteriores. O resto de interesados poderán optar pola vía electrónica habilitada ou ben presentar as solicitudes acudindo en persoa a calquera dos lugares e rexistros establecidos.

Máis novidades

Cabe apuntar que nos novos períodos de arrendamento se incorporará un novo criterio para priorizar as operacións enmarcadas en instrumentos de posta en valor da terra (aldeas modelo, polígonos agroforestais e actuacións de xestión conxunta) e establecerase a duración máxima dos arrendamentos en función do estado actual do predio e dos aproveitamentos produtivos e melloras propostos para a parcela.

Con todo, a principal novidade incorporada pola Lei de recuperación neste procedemento é que a concorrencia competitiva só se aplicará unha vez a cada parcela. Así, as parcelas que no procedemento de concorrencia competitiva non tivesen ningunha solicitude válida ou cuxas eventuais solicitudes resultasen resoltas negativamente, poderán ser arrendadas, sen procedemento de concorrencia competitiva, a aquela persoa que faga unha solicitude que se axuste aos requisitos fixados na Lei. No caso de presentación de varias solicitudes, darase preferencia á orde de presentación. Estímase que con esta modificación se poderá reducir ata tres veces o tempo medio necesario para o arrendamento.

Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220427/AnuncioG0426-200422-0001_gl.html

“O vacún de carne equivale a unha multinacional con 50.000 postos de traballo directos en Galicia, pero non se nos valora”

Samuel Formoso Salgado acaba de converterse no novo responsable do sector da carne de vacún no Sindicato Labrego Galego. Este gandeiro de Vilar de Barrio (Ourense) tomou o relevo na gandería familiar hai uns 25 anos. Daquela, deixaba o traballo nun almacén de agasallos de Ourense para retornar á aldea e apostar pola gandería. Ademais de gandeiro, Formoso é presidente dunha comunidade de montes e concelleiro do BNG neste concello de pouco máis de 1.800 habitantes do Macizo Central. Abordamos con el temas como a caída dos prezos, a xestión do lobo ou a reforma da nova PAC, ó tempo que coñecemos a súa gandería e forma de traballar.  -Como afrontas este novo labor como responsable de Vacún de Carne no Sindicato Labrego? Que te levou a dar o paso? -Dende que me incorporei á gandería sempre estiven vinculado ó Sindicato Labrego, tanto na directiva da carne como na dirección nacional. Nos últimos anos, tiña menos dispoñibilidade por temas familiares. Agora para renovar a directiva, aínda que hai moita xente máis nova ca min e moi preparada, querían unha persoa que tivera experiencia, propuxéronmo e non souben dicir que non. A verdade é que eu estou metido en tódalas guerras onde non se gañan cartos. -Cales son as prioridades máis inmediatas? -O máis urxente son os prezos, xa que coa crise do Covid-19 estamos atravesando unha época moi complicada cunha baixada dos prezos do quilo en canal nos becerros entre 50 e 70 céntimos, o que supón máis de 100 euros por animal. A isto súmase que xa arrastrabamos prezos de hai 30 ou 40 anos, posto que nunca pasamos dos 5 euros por quilo en épocas boas, e agora estamos en pouco máis de 4 euros. Ningún produtor debería de cobrar por debaixo dos prezos de produción, debería de estar regulado tamén en beneficio do propio consumidor. Cada vez valórase menos os produtores non só de carne senón ó agro, pese ó peso que teñen. En Galicia, só os produtores de vacún de carne supoñen uns 50.000 postos de traballo directos, xa que temos case 20.000 granxas ás que se suman unhas 500 ganderías mixtas. Cómpre ter en conta que, na maioría destas ganderías traballan alomenos 2 persoas. Estamos ó nivel de multinacionais coma Inditex ou Citroën en volume de postos de traballo, pero non se nos valora como tal. Nesta época de crise, onde a creación de postos de traballo é tan importante, debería terse en conta que nas ganderías estanse mantendo.
“Temos que facer fronte ós tratados de libre comercio que utilizan a carne como moeda de cambio”
-Que liñas de acción deberían seguirse para frear estas caídas de prezos? -Un dos temas que debe abordarse é o dumping que nos producen os tratados de libre comercio que utilizan a carne como moeda de cambio para poder vender outros produtos en terceiros países. Utilizan a nosa carne para facer tratados con Mercosur ou con Canadá, de xeito que se importa carne a baixos prezos, procedente, moitas veces, de zonas que foron deforestadas no Amazonas para a produción desta carne, unha realidade que non lle contan ó consumidor. Esta carne compite nos limiares coa carne de calidade que se produce en Galicia, onde a maioría son ganderías en extensivo. Politicamente tamén se debería incidir en fixar uns prezos mínimos para que ninguén produza por debaixo dos custos de produción, para que a xente se manteña nesta actividade e que a xuventude vexa a gandería e o rural como algo atractivo, para evitar que isto sexa un deserto. Cada vez máis, os grupos que comercializan a carne son máis potentes e repártense en 5 ou 6 grupos que fixan os prezos para gañar eles máis. Estase vendo cos prezos actuais da carne: mentres ós produtores nos baixaron o prezo, o consumidor segue pagando o mesmo no supermercado que hai un ano. Mesmo en épocas de crise hai quen se está aproveitando para gañar cartos. -Cada vez máis produtores están optando pola comercialización directa, que perspectivas de futuro lle ves? -Non é unha alternativa para a gran maioría. Creo que en zonas puntuais, sobre todo naquelas ganderías próximas ás cidades, é unha vía para ter mellores prezos, producindo calidade e menos cantidade. Ademais permite estar preto do consumidor, de maneira que se logra unha confianza que no maiorista non se ten. Cada vez hai máis xente que opta por iso, que diversifica con outras producións como de polos ou horta. Agora estamos vendo como a cada paso hai menos matadoiros comarcais, e isto tamén está limitando moito este tipo de iniciativas. En Ourense xa só temos un matadoiro comarcal. Con todo, no campo estanse facendo iniciativas moi interesantes, aínda que moitas veces non se chegan a coñecer como deberan. Creo que debemos apostar máis polos pequenos produtores. É preferible que haxa 10 produtores con 50 vacas que un só que teña 1.000 ,como está pasando no Macizo Central, onde quedan cada vez menos ganderías. -Dende o Sindicato Labrego levades anos reclamando maior transparencia nas pesadas dos matadoiros cun sistema de control por parte da Xunta, segue a ser un problema nos principais matadoiros de Galicia? -É algo que levamos reclamando dende sempre. Hai a desconfianza de que nos pesos os matadoiros non son todo o transparentes que deberan. Tampouco é unha cuestión que afecte só o vacún de carne, senón que se reclaman básculas en moitos sitios e sectores por esa desconfianza. A Administración debería facer uns controis e que as pesadas sexan transparentes. -Nos últimos tempos tamén volveu a reactivarse o debate sobre a presenza do lobo, que opinión tes ó respecto? -A maioría dos gandeiros mozos non están en contra do lobo, o que non queren é que o custe de manter especies como o lobo ou o xabaril nos montes recaia sempre sobre o gandeiro. A presenza desta fauna no monte supón un beneficio para toda a sociedade, pero non pode ser só a poboación rural, e en especial os gandeiros, quen asuman o custe a base de perdas nas súas ganderías. Ademais, seguimos arrastrando problemas como a burocracia que supón os ataques para os produtores, mentres seguen demorándose os pagos e sendo insuficientes para compensar os danos. Fauna si, pero o custe non pode ser só para a xente que vive no territorio, senón que debe corresponder a toda a sociedade.
“Cada persoa que se xubila é unha gandería que pecha, non hai remuda xeracional porque ós mozos non lles resulta atractivo adicarse á actividade agraria ou gandeira”
-Dise que o sector da carne de vacún é un dos motores contra a despoboación, velo así coa túa gandería e na túa zona? -Por suposto. Cando me incorporei, no meu pobo había unhas 15 ganderías cunha media de entre 15 e 20 vacas de carne, hoxe quedamos 4, a miña é unha das de maior tamaño e o resto arredor dunhas 20 vacas. Cada persoa que se xubila é unha gandería que pecha, non hai relevo xeracional porque ós mozos non lles resulta atractivo adicarse a actividade agraria ou gandeira. Hai múltiples causas para iso, entre as que se atopa o desmantelamento dos servizos que se está vendo. Ninguén valora os beneficios que aporta para a sociedade que siga habendo xente que viva en zonas como o Macizo Central, polo mantemento e conservación da biodiversidade que fan desta zona ou a contribución na loita contra os lumes forestais e ningunha subvención valora esta contribución e os sacrificios que están a ter que asumir pola falta de servizos. A PAC debería de recoller as achegas destas ganderías á sociedade. Calquera administración debería de primar o rural. Están moi ben iniciativas como as aldeas modelo, pero é imprescindible que se sigan mantendo os servizos básicos que xa había no rural e que son tan importantes para mantelo vivo, como as liñas de tren ou autobús que se foron suprimindo, os médicos ou escolas do rural que foron pechando... -Como é a túa gandería? Cóntanos como traballades. - Somos dos poucos que quedamos na Limia como gandeiros en extensivo. Parte do gando téñoo na antiga Lagoa de Antela, unha zona que estamos a recuperar, xunto coa Sociedade Galega de Historia Natural. Estes terreos eran comunais e pertencen á parroquia de Bóveda. Cando se desecou a lagoa, dividiuse en dous, un deles pertence ó pobo de Bóveda e foi plantado de piñeiros, e outro é do pobo de Vilar de Gomareite. Neste último, cando se fixeron as concentracións parcelarias eses terreos quedaron ocupados por un vertedoiro de cascallos e agora dende a Comunidade de Montes estamos colaborando para recuperalo. Grazas a subvencións estamos retirando o plástico e os cascallos que alí se verteron para que quede un mosaico do que era a antiga lagoa. Eu teño unha gandería duns 93 animais de raza Rubia Galega, logo a miña muller ten outra gandería a uns 20 quilómetros onde chegamos a ter 24 vacas. Traballamos en semiextensivo, unha parte do rabaño téñoo no monte e outra pastorea máis próxima da gandería. Este gando traioo para a granxa á noite para evitar que fagan estragos nas leiras de patacas e cereais que se cultivan nesta zona. -Como comercializas a carne? -Os xatos están coas nais ata os 7 meses, como esixen dende Ternera Gallega, e logo comercialízoos ós 9 meses a través dunha pequena cooperativa de Maceda coa que estamos asociados a unha cooperativa de Monforte de Lemos, o que nos permite comercializar a carne a través da cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros.

"Cada reforma da PAC pónnolo máis difícil ós pequenos produtores. É unha aberración que se pague por superficie no canto de por produción"

- A redución de base territorial para as ganderías en extensivo é unha das problemáticas que arrastra o sector dende hai anos, como valoras a situación actual? -É un tema que estamos vendo no día a día, sobre todo coas plantacións en terreos agrarios que se están facendo con eucalipto nos últimos tempos. Temos unha ferramenta como o Banco de Terras que non está a funcionar, con importantes atrasos na súa xestión, mentres que a Consellería se empeña en poñer en marcha unha nova lei para mobilizar as terras no canto de poñer a funcionar ben o Banco de Terras. Agora mesmo hai zonas cun importante problema de falta de terras e noutras, como é o caso do Macizo Central están quedando en mans de 3 ou 4 que lles interesa telas para poñelas na PAC, o que fai que tampouco haxa terra dispoñible para a xente nova que se quere incorporar. -No Congreso da Carne tamén abordastes a nova PAC, como credes que vos afectará as ganderías de vacún de carne? -Cada reforma da PAC pónnolo máis difícil ós pequenos produtores, faise só mirando ós grandes terratenentes. É unha aberración que se pague por superficie no canto de por produción, así a xente quere acaparar terra aínda que logo produza unha cantidade mínima. Ademais, con cada reforma increméntase a burocracia.
"Tanto os gobernos como a Unión Europea van ter que volver mirar ó seu sector produtivo e comezar a valoralo como debe"
-E no caso dos fondos New Generation, vedes unha oportunidade tamén para o sector da carne? -É unha das batallas que estamos tendo dende o Sindicato para evitar que estes fondos rematen nas mans duns poucos e que son os que acaparan sempre estas partidas, xa que estes fondos poden servir para fixar poboación no rural con inversións necesarias e que revitalicen estas zonas. -Que perspectivas de futuro ves para o sector? -Son optimista. Nos últimos anos xa afrontamos moitos problemas (Vacas tolas, gromos de Brucelose, arrastramos os prezos baixos, agora a Covid-19 ...) e seguimos resistindo. Eu son dos que pensa que a medio prazo a alimentación volverá dar un cambio, xa que volverá incrementarse o prezo dos carburante e os insumos, como a soia ou millo, que chegan dende Latinoamérica, e certas ganderías terán dificultades para resistir, mentres que outras máis ligadas ó territorio resistirán mellor. Tanto os gobernos como a Unión Europea van ter que volver mirar ó seu sector produtivo e comezar a valoralo como debe, xa que traer comida doutros países resultará máis caro e non ten sentido ter parte do territorio abandonado no canto de producir o que se precisa.

“Pedín fincas ao Banco de Terras para instalar colmeas e tardaron dous anos en contestarme”

Púxolle ao seu mel o alcume que conserva Osorio Gutiérrez e reproduciu na etiqueta os gravados do seu sarcófago En só 10 anos converteuse nun dos maiores produtores de mel da comarca da Mariña e cos seus núcleos e raíñas está axudando a medrar a outros produtores. Adrián Del Campo, un rapaz que chegou a Lourenzá no ano 2015, é un exemplo do relevo xeracional que se está a producir no sector apícola galego.  El incorporouse no ano 2011 na súa Maceda natal xunto a un amigo seu. “Eu estaba acabando de estudar e as perspectivas laborais eran as que eran e Carlos, o meu amigo, estaba máis ou menos coma min. Comezamos con 5 colmeas por probar. Ese foi o noso primeiro contacto coas abellas. No 2013 xa mercamos unhas colmeas a un veciño e puxémonos con 40 ou 50. Logo saíron as axudas de incorporación e montamos cadansúa explotación con 250 colmeas cada un. Era o momento de arriscar”, asegura. Xa con cada un montado pola súa conta, Carlos e Adrián seguiron compartindo, iso si, o material de extracción, porque “é algo que se usa só 15 días”, di.
O seu primeiro contacto coas abellas tivo lugar no 2011 e en só 10 anos converteuse nun dos maiores produtores de mel da comarca da Mariña
Pero no 2015 Adrián trasladouse a Lourenzá, de onde é a súa parella, así que decidiu desdobrar a súa explotación e a día de hoxe conta cunhas 700 colmeas, a metade en Maceda e a outra metade en Lourenzá, o que o converte nun dos maiores produtores de mel da comarca da Mariña. Manter as abellas en dúas ubicacións distantes 200 quilómetros multiplica o traballo e os desprazamentos, pero tamén permite obter produtos diferentes, cada un coas características propias do lugar. Deste xeito Conde Santo pode ofrecer un mel escuro de interior, o producido en Ourense, e un mel máis claro, o producido na Mariña.
Para profesionalizarse e vivir disto hai que diversificar
En Maceda Adrián mantén 5 colmeares situados entre os 600 e os 900 metros de altitude, onde predomina o breixo ou o castiñeiro, mentres que en Lourenzá conta con outros 4 colmeares con predominancia de eucaliptos e silveiras. Malia estar preto da costa, nas abellas que ten na Mariña tamén hai diferenzas de altitude, desde os 50 metros sobre o nivel do mar do colmear situado máis abaixo aos 500 metros do ubicado no alto. Diferenzas de manexo e de matices Ademais das diferenzas en canto aos matices e ás propiedades que as distintas floracións aportan ao mel, existen importantes diferenzas en canto ao manexo no interior e na costa, tanto á hora de realizar traballos como colocación de alzas ou reproducir colmeas, como á hora de aplicar tratamentos. Tamén hai notables diferenzas en canto á loita contra un dos maiores inimigos actuais da apicultura: a vespa velutina. No interior de Ourense polo de agora a afección é moito menor que na Mariña, que foi a zona de entrada da praga e onde está moito máis extendida. “A velutina en Maceda non é aínda problemática. No 2020 case non houbo, pero no 2019 si que se retiraron bastantes niños, aínda que nada que ver coa costa. En Lourenzá si que causa problemas, sobre todo a partir de agosto, cando debemos preparar as colmenas para o inverno para que entren con boa poboacion. Eu vou esquivando como podo o problema con trampas enriba das colmeas e creo que é un método que me funciona máis ou menos ben porque non é o mesmo ter 10 colmeas que 80 , a presión tamén se reparte. As arpas a min non me convencen por como teño montados os apiarios e a miña forma de traballar e non as vexo cómodas tampouco para un número elevado de colmeas, porque é outra cousa da que estar pendente”, considera.
Para un numero elevado de colmeas non vexo cómodas as arpas eléctricas contra a velutina porque é outra cousa da que estar pendente
Outra diferenza entre Maceda e Lourenzá está tamén na súa consideración para as axudas da PAC, que son importantes sobre todo en anos de pouca produción para asegurar a rendibilidade económica das explotacións apícolas. O concello de Lourenzá non conta nin como lugar desfavorecido nin como espazo de montaña para as axudas agroambientais. Diversificar coa cría de raíñas e a venda de enxamios Nos últimos anos a produción de mel baixou e iso déixase notar tamén nos ingresos dos apicultores. “Até o 2016 eran colleitas aceptables e daba para pagar o investimento, pero nos últimos anos as colleitas foron malas e dan só para ir mantendo a explotación, sen moito beneficio”, recoñece.
A culpa é sempre do apicultor, pero o tempo é o que che marca o manexo
Adrián recoñece que a inestabilidade climática fai que a produción de mel se volva moi variable, aínda que non lle bota a culpa ao tempo. “A culpa é sempre do apicultor, pero o tempo é o que che marca o manexo”, asegura. No 2018 Adrián atopou na Administración un traballo máis estable que a produción de mel, polo que desde entón adícase ao pluriemprego, compatibilizando as dúas actividades. Pero desde a súa experiencia até agora considera que “para profesionalizarse e vivir disto é necesario diversificar e gardar dos anos bos para os malos”. No seu caso está a apostar tanto pola cría de raíñas e a venda de enxamios como pola venda de mel. Este ano fará entre 300 e 400 núcleos tanto para repoñer baixas como para poder vender tamén algún.
Eu reviso durante todo o inverno por se hai mortandade e a finais de marzo comezo a facer os núcleos
Adrián forma parte da Agrupación Apícola de Galicia, que lle recomendan os tratamentos anuais contra a varroa. “O sistema de apicultura tradicional en Galicia era ter unhas colmeas para ter mel para a casa porque non daban traballo, pero agora xa non é así”, asegura. Unha vez aplicado o tratamento de outono, continúa revisando as colmeas durante todo o inverno para comprobar a súa efectividade. “Reviso en días bos ao mediodía por se hai mortandade e ver cando se pode empezar a facer os núcleos, porque co cambio e luz xa empezan a criar e a finais de marzo xa empezamos a facer os núcleos”, explica. Os problemas do lume Unha das consecuencias que tivo este ano de confinamento e de restricións de movemento por mor do coronavirus foron as dificultades para manter o plan de traballo anual nos apiarios. “Eu sempre andaba no coche dun lado para o outro, a cabalo entre Maceda e Lourenzá, para poder atender as abellas pero con isto vou menos porque non me poido quedar aló na casa dos meus pais e ir e volver no día xa son 6 horas soamente de coche”, explica. Por iso, as colmeas que ten máis preto da casa, en Lourenzá, están máis vixiadas e cun modo de produción máis intensivo.
No 2017 ardeume algunha colmea en Ourense e tiven que cambialas de sitio porque a zona quedou sen vexetación
O desbroce e limpeza dos colmeares é un deses traballos que é necesario facer. Adrián, que traballa no servizo de extinción de incendios da Xunta en Vilalba, coñece ben as consecuencias que os lumes provocan, non só a nivel forestal, senón tamén para os ecosistemas e os apicultores. Sufriuno nas súas propias carnes. “No 2017 ardeume algunha colmea co lume en Ourense e tiven que cambialas de sitio porque a zona quedou sen vexetación”, explica. Aínda que neste caso non por culpa do lume, tamén na Mariña buscou novos emprazamentos onde ubicar apiarios a medida que ía aumentando o número de colmeas, unha tarefa que ás veces non resulta doada. “Pedín fincas do Banco de Terras en Lourenzá e tardáronme dous anos en dar razón. Facía falta algo máis de axilidade nesas cousas”, evidencia.

"Envasar e comercializar dá moito traballo, a maioría do mel aínda o vendo a granel"

Adrián leva 5 anos inscrito como produtor na Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e un como envasador, aínda que compaxina comercialización directa coa súa propia marca e a venda a granel. Aínda que de momento a maioría aínda o vende a granel, a súa aposta de futuro pasa por aumentar a distribución da súa marca, á que dá saída na pastelería Cabaleiros de Lourenzá e noutros pequenos comercios e tendas da zona.
Conde Santo ten un mel escuro de interior e un mel claro de costa
Co selo da IXP Conde Santo pretende acreditar a calidade do seu mel nas súas distintas variedades, tanto multifloral como monofloral. A floración do eucalipto, maioritaria na Mariña, fallou na última campaña pero, a cambio, houbo unha moi boa floración das silveiras entre o 15 de maio e o 15 de xuño, o que lle permitiu obter este ano un mel monofloral de silva. O seu mel multifloral de montaña vén de lograr un recoñecemento na cata que cada ano organiza Mieladictos entre produtores de España e Portugal e onde o mel de Conde Santo colleitado en Maceda quedou en primeiro lugar xunto a outro produtor leonés na categoría de meles escuros. Un mel milagreiro coma o personaxe do que colle o nome O mel que Adrián colleita en Lourenzá non fai milagres pero case. É bo para os catarros ou para as dores de gorxa. Os seus beneficios para a saúde non son pequenos, pero nada comparable coa capacidade sanadora que a tradición popular lle outorga a Osorio Gutiérrez, de onde colle o seu nome. Osorio Gutiérrez, o Conde Santo, personaxe da nobreza galega do século X que loitou contra os musulmáns e despois de peregrinar a Terra Santa se fixo enterrar nun sarcófago de mármore gris con estríxilos, non sospeitaba que eses motivos que decoran o seu sepulcro, unha valiosa peza paleocristiá que se conserva nunha das capelas do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, se convertirían co paso dos séculos na imaxe do mel que se produce neste municipio.
O que non queira ter catarro no inverno pode recurrir ao mel Conde Santo, pero para cousas maiores, tipo resurreccións, din que rezando directamente a Osorio Gutiérrez
Adrián fixouse neses gravados e reproduciunos na etiqueta que levan os botes de mel que producen as súas abellas, un produto saudable e curativo, como milagreiro di a tradición popular que foi a vida de Osorio Gutiérrez. Teñen tamén outra cousa en común: detrás do mel que produce Adrián hai moita fe nun sector que está a vivir un relevo xeracional en Galicia nos últimos anos. 

“Terra para quen a queira traballar”

A loita contra o abandono da terra agraria ten que ser un obxectivo fundamental de calquera política pública nunha comunidade autónoma como a galega, caracterizada pola extraordinaria riqueza da súa terra. Recuperar a terra agraria e, dende o máximo respecto a os seus propietarios, poñela en valor pola vía da súa posta a disposición das persoas que a queiran traballar dando sempre prioridade ás explotacións xa existentes. Ordenar o territorio rural e fixar poboación nel. Estes son os grandes obxectivos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento autonómico. Con esta norma trátase de apoiar, axudar e fomentar a quen desexe aproveitar a terra e darlle valor. Apoiar, axudar e fomentar que poida facelo coas maiores garantías. Unha seguridade xurídica que se estende, tamén, tanto ao titular dos terreos como a quen queira sacarlles partido mediante o seu aproveitamento agrogandeiro ou forestal. Así, estamos diante dunha lei moi “garantista” porque -no primeiro caso, para os propietarios- a Administración (neste caso a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) asegura o pago malia que o arrendatario non o satisfaga. Ademais, a futura norma permitirá actualizar o catastro e, dentro do posible, o rexistro da propiedade. A maiores, en segundo termo -para o que vai aproveitar as terras- esta axencia garante o arrendamento, a cesión ou a venda. É unha norma, sen dúbida, “ambiciosa”, coa que pretendemos levar a cabo unha verdadeira -e moderna- “reforma agraria”, no sentido de activar terras abandonadas ou infrautilizadas para darlles unha nova vida. Para xerar riqueza e emprego, en definitiva. Pero sen ambición non hai vitoria, e o rural galego merece o maior dos éxitos. Porque sabemos -un estudo da USC e da Universidade de Vigo así o avala- que a recuperación da terra ten a súa recompensa: a mobilización de arredor de medio millón de hectáreas en situación de desuso ou abandono suporá un impacto total sobre a economía galega de arredor de mil millóns de euros, así como un incremento do emprego superior aos 15 mil postos de traballo, segundo as conclusións do referido informe. Polo tanto, con este texto legal queremos revitalizar social e economicamente o noso rural, traballando así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e, ao tempo, pola anticipación aos lumes forestais. É unha norma que completa e desenvolve, ademais, o marco lexislativo actual e que culmina un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, coñecida como Metaga, coa que continuaremos decretando novas reestruturacións parcelarias. As reestruturacións son un bo instrumento, pero esta lei completa a caixa de ferramentas con outros mecanismos imprescindibles. Esta lei vai moito máis alá deses procesos de reestruturación e representa, de feito, unha clara aposta por unha axeitada ordenación do territorio rural e pola súa posta en valor mediante novidosos instrumentos, algúns dos cales xa demostraron a súa eficacia sobre o terreo (nunca mellor dito). Falamos das aldeas modelo, dos polígonos agroforestais ou das agrupacións de xestión conxunta. Todos eles son mecanismos voluntarios, baseados nos arrendamentos, nas cesións, nas transmisións da titularidade das parcelas ou na xestión conxunta. Buscando sempre que as parcelas teñan o tamaño suficiente para garantir a rendibilidade da súa posta en valor. Imos máis alá aínda, establecendo o procedemento de declaración de abandono ou infrautilización de predios e fomentando a investigación da propiedade, tan necesaria nun territorio como o rural galego no que hai moitas parcelas nas que non se dá localizado ao seu titular. Coa información que aporte a investigación, traballaremos para actualizar o Catastro en Galicia, notificando ao Goberno central, que ten as competencias na materia, os resultados dese labor. Atendemos así unha tradicional reclamación da xente do rural. Porque todos queremos ter ben plasmado nun documento o que é noso. Outro dos grandes obxectivos é garantir o futuro e a continuidade do noso agro. Para iso, a lei crea un Banco de Explotacións, que mediará entre os donos de granxas que abandonan a actividade e os interesados en traballalas. O que se persegue é non só fomentar a remuda xeracional, senón tamén aproveitar unhas terras que, de non existir recambio, poderían quedar abandonadas. Todo isto, tamén, con incentivos tanto financeiros como fiscais, estes últimos nunha dobre vertente. No que atinxe a impostos que xestiona a propia comunidade autónoma e propoñendo ao Estado, tamén, melloras tributarias nos impostos que dependen del. Nos impostos da nosa competencia imos incentivar, por exemplo o investimento en empresas agrarias, a adquisición de vivendas nas aldeas modelo, a compra ou arrendamento de fincas rústicas ou a transmisión, arrendamento ou cesión temporal de terreos incorporados á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. No que se refire á tributación estatal, imos propoñer incentivos en impostos como os da renda cunha finalidade semellante. Farase para favorecer o arrendamento das parcelas rústicas ao Banco de Terras, así como das parcelas rústicas que se incorporen aos polígonos agroforestais, aos proxectos de aldeas modelo ou ás agrupacións de xestión conxunta. Tamén, para incentivar os promotores destas figuras de mobilización de terras. En canto á procura do consenso, cómpre lembrar que esta lei, entre outras cousas, é froito das reflexións dos comparecentes na Comisión de Estudo sobre a política forestal posta en marcha tras os lumes do 2017. Polo tanto, con esta norma dámos cumprimento ao mandato do Parlamento galego, xa que incorpora as conclusións do Ditame da devandita comisión, que, lembremos, saíu adiante co respaldo maioritario dos seus deputados. Pero tamén resposta ás demandas da xente do rural que como Custodia, veciña de Infesta (Monterrei), unha das primeiras aldeas modelo de Galicia, queren que desaparezan as mimosas e a maleza dos antigos socalcos que rodean a súa aldea e que só traen incendios e fauna salvaxe á porta das casas, para que volvan encherse de hortas, cepas, oliveiras ou froiteiras, entre outros cultivos. Estamos, en definitiva, diante dunha estratexia normativa orientada á dinamización e posta en valor do noso rural, unha teima na que seguimos traballando con intensidade. Para fixar poboación, activando o territorio sobre o que se asenta; para promover a actividade nos seus tres usos: agrario, gandeiro e forestal; para recuperar a demografía co asentamento da poboación e para mellorar a calidade de vida das xentes que viven “no” e “do” rural. Tamén, por suposto, para anticiparnos aos lumes forestais, mediante a prevención activa e a implantación de actividade agraria. Actividade na terra, unha terra para quen a queira traballar.

José González Vázquez Conselleiro do Medio Rural Xunta de Galicia

Claves prácticas da Lei de Recuperación da Terra Agraria

A futura Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia pasou estes días polo Consello Agrario e polo Consello Forestal, nos que se constituíron sendos grupos de traballo coas organizacións do sector para facer achegas ó documento. Falamos con Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga e Asociación Forestal de Galicia sobre as súas valoracións e propostas. Repasamos tamén as principais claves do proxecto de lei.

1) Catálogo de usos da terra

A Xunta impulsará un Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. Será un instrumento marco para a ordenación do territorio, de carácter vinculante, e prevalecerá sobre calquera planeamento urbanístico ou cartografía vixente. Entre outros tipos de solo, o catálogo identificará e diferenciará os solos de alta produtividade agropecuaria e forestal, que adquirirán a condición de solos rústicos de especial protección agropecuaria -con uso exclusivo agrario-, ou forestal. O Catálogo definirá ademais os usos permitidos, prohibidos ou autorizables en cada tipo de solo. Este é un asunto de debate, pois mentres organizacións como o Sindicato Labrego ou a Fruga son partidarias de establecer unha alta protección sobre os solos agrarios, a maior parte do sector forestal considera que carece de sentido vetar usos forestais, que poden ser reversibles nun futuro.
"A dispoñibilidade de terra é clave para as explotacións agrarias activas e para as persoas que queren emprender no agro" (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)
A clave vai estar en ata que punto se protexen solos como de uso exclusivo agrario ou se opta por unha clasificación máis aberta que permita usos forestais en parte dos solos agrarios. Na actualidade, as plantacións forestais están moi restrinxidas en terras agrícolas e sempre limitadas a frondosas caducifolias, pero o sector forestal aspira a modificar esas regras de xogo. Isabel Vilalba (Sindicato Labrego): “Temos unha superficie agraria útil que representa arredor do 20% do territorio de Galicia e que está en descenso. É unha porcentaxe inferior á da maioría de rexións agrarias europeas. A nosa proposta é que un 33% do territorio de Galicia sexa protexido como solo de alto valor agropecuario” -defende a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “A dispoñibilidade de terra agraria é clave para as explotacións activas e para persoas que queren poñer en marcha novas iniciativas. Tamén hai que ter en conta que a falta de ordenación actual está detrás de problemas como a chegada dos lumes forestais á porta de vivendas e granxas”, valora.
"Se o propietario non percibe rendibilidade nos usos da terra que se lle impoñan, abandonará as fincas. Preocúpanos unha excesiva rixidez no catálogo de usos do solo" (Francisco Dans, Asociación Forestal de Galicia)
Francisco Dans (Asociación Forestal de Galicia): “Preocúpanos que se propoña unha excesiva rixidez na clasificación de usos da terra. Unha das vantaxes do sector agroforestal galego é a flexibilidade na adicación do solo a distintas actividades. É falso que haxa intereses encontrados entre o ámbito forestal e o agrícola, xa que con frecuencia trátase dos mesmos propietarios. Hai que recoñecer que nunhas zonas existe maior demanda de terras para uso agrogandeiro e noutras demanda para uso forestal. Se aplicamos unha excesiva rixidez no catálogo de usos, a consecuencia será o abandono se o propietario non percibe rendibilidade nos usos que se lle impoñan” -valora Dans-. “Este é un posicionamento que ten un apoio maioritario entre as organizacións que estamos no Consello Forestal”, conclúe.

2) Instrumentos para a xestión conxunta de terras

A futura Lei establece tres instrumentos para a xestión conxunta de terras, como vía para a recuperación de terras abandonadas e para lograr maiores superficies de uso, cunha menor fragmentación. Son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta e as aldeas modelo.

Polígonos agroforestais

Os polígonos agroforestais poderán ser promovidos por iniciativa publica ou privada co obxectivo de recuperar terras en estado de abandono. En ambos casos precísase dispoñer dun acordo maioritario das persoas titulares, que representarán un mínimo do 70% das terras incluídas no polígono agroforestal. Exceptúase desa obriga o polígono cortalume, un tipo de iniciativa orientada á prevención de incendios e que só poderá ser de promoción pública. En xeral, para a promoción dun polígono agroforestal, polo menos un 50% das terras deberán estar en abandono ou infrautilizadas. Se se trata dunha iniciativa privada na que entre unha explotación agraria activa, para o cálculo non se contabilizarán as terras traballadas desa explotación que se inclúan no perímetro. De cara a reducir o minifundio das parcelas, nos polígonos agroforestais poderán levarse a cabo proxectos de reestruturación da propiedade para asegurar un tamaño mínimo de parcelas. Tamén será posible executar infraestruturas de uso común, para o que se deducirá superficie de parcelas que poida ter o Banco de Terras ou de parcelas propiedade do axente impulsor do polígono.
"Hai 32.000 hectáreas de concentracións parcelarias abandonadas que deben ser zonas prioritarias para impulsar polígonos agroforestais públicos" (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)
Nos polígonos de iniciativa privada, a Administración fixará uns prezos mínimos de transmisión ou arrendamento, para facilitar a negociación entre propietarios e axentes promotores. Poderanse producir arrendamentos, compravendas ou permutas. No caso dos polígonos impulsados por iniciativa pública, haberá unha adxudicación do uso das terras nun proceso por concorrencia competitiva. Se algún dos propietarios que está no perímetro do polígono non quere participar no proxecto, está obrigado a manter o uso produtivo das súas parcelas. A superficie mínima de actuación será de 10 hectáreas, se ben poderán levarse a cabo polígonos para perímetros de menor superficie, de existiren circunstancias de índole ambiental, agroforestal ou socioeconómica que así o xustifiquen, especialmente cando contribúan a reforzar a base territorial das explotacións existentes. Desde o punto de vista do sector, pode ser unha figura útil, dependendo da financiación pública dispoñible e das zonas de actuación que se impulsen por parte da Administración. Jacobo Feijoo (Unións Agrarias): “O prioritario para nós é dinamizar as zonas de concentración parcelaria. Hai 32.000 hectáreas de concentracións parcelarias abandonadas que é fundamental poñer a producir. Tamén temos 36.000 hectáreas en proceso de concentración, que hai que axilizar. En todas esas terras hai oportunidades claras de dinamización e de que o Banco de Terras asuma un papel protagonista en poñer terras a disposición do sector agrario”.

Agrupacións de xestión conxunta agrarias ou forestais

Poderán ser promovidas por asociacións sen ánimo de lucro, cooperativas, sociedades civís, Sat, sociedades mercantís ou Sofor (no caso das agrupacións forestais). As agrupacións agrogandeiras de xestión conxunta deberán dispor da xestión dunha superficie mínima de 10 hectáreas. O obxectivo é facilitar o aproveitamento conxunto das parcelas, sen facer unha reestruturación da propiedade. Deberase acreditar a disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 por cento da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa

Aldeas modelo

Os concellos interesados na declaración dunha aldea modelo no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude acompañada dunha proposta de perímetro e da documentación xustificativa de que dispoñen do acordo dos 70% dos propietarios do perímetro proposto. O obxectivo é dinamizar a actividade agraria arredor dos núcleos de poboación, de xeito que esas terras actúen de cortalumes en caso de incendio forestal.

Investigación da propiedade

A Administración investigará a propiedade das terras de titular descoñecido que queden dentro do perímetro de instrumentos de xestión conxunta. É un proceso no que se lle queren ofrecer as máximas garantías ós propietarios de terras, de xeito que aquelas parcelas de titular descoñecido poidan ser reclamadas nun futuro por vía administrativa, cun trámite sinxelo. Hai consenso no sector agrario e forestal en que se lle ofrezan as máximas garantías e seguridade xurídica ós propietarios.

Acaparamento de terras

A Lei establece que se limitará a porcentaxe de propiedade dun mesmo axente promotor dentro do conxunto de polígonos de iniciativa pública desenvolvidos, de xeito que nunca supere o 10% das terras, a partir de que haxa dez proxectos en execución.
"A verdadeira finalidade da Lei é a de facilitarlle terra ós sectores especulativos para que poidan implantar os seus proxectos empresariais" (Fruga)
Para organizacións agrarias como o Sindicato Labrego ou a Fruga é esencial “impedir a especulación coa terra”. “Os proxectos deben orientarse a ampliar a base territorial de explotacións existentes ou a facilitar a instalación de persoas mozas ou emprendedoras que fagan unha actividade directa. En ningún caso, isto pode ser un instrumento para fondos de investimento ou empresas que fagan unha grande ocupación”, valora Isabel Vilalba. Desde o punto de vista da Fruga, “resulta curioso que no caso dos polígonos agro-forestais públicos figure un artigo específico para evitar o acaparamento, en tanto esta referencia desaparece cando se fala dos polígonos privados. A verdadeira finalidade que persegue esta lei é facilitar o aceso á superficie de terra abandonada ou sen propiedade perfectamente identificada aos sectores especulativos, de xeito que poidan implantar os seus proxectos empresariais sen ter de se enfrontar a actual fragmentación da propiedade, que non a fai atractiva para estes sectores”.

3) Banco de explotacións

As persoas interesadas no arrendamento ou compra dunha explotación poderán solicitar do Banco de explotacións a intermediación coas persoas titulares daquelas que estean incluídas no Banco. Os posibles acordos estarán sempre sometidos ó principio de autonomía de vontade dos interesados. As explotacións que abandonen a actividade e que queiran entrar no Banco, poderán estar dispoñibles no mesmo un máximo de 2 anos desde a fin da actividade. A Lei establecerá tamén mecanismos para incentivar as permutas. Sinálase ademais a conveniencia de negociar co Goberno central melloras fiscais para agricultores, gandeiros e silvicultores activos.

Acceder á terra, entre os maiores obstáculos para a incorporación de mozos ao agro

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de publicar na súa páxina web o "Estudo sobre o Acceso á Terra. Documento final do Grupo Focal de Acceso á Terra", que profunda no coñecemento das oportunidades e as posibles solucións prácticas que existen para facilitar o acceso á terra e a incorporación de mozos profesionais ao sector. O estudo afonda na detección e orixe das barreiras que atopan os agricultores para acceder á terra, así como na identificación das oportunidades e iniciativas de éxito coñecidas para, a partir de aí, abordar posibles solucións prácticas a unha situación complexa. A elaboración deste informe enmárcase nos traballos de definición do futuro Plan Estratéxico nacional para a aplicación en España da Política Agraria Común (PAC), dentro do Obxectivo Específico 7 dedicado a atraer aos novos agricultores e facilitar o desenvolvemento empresarial nas zonas rurais. Nos devanditos traballos identificouse que a mellora do acceso á terra constitúe unha das principais necesidades para a incorporación dos mozos ao medio rural, e facilitar así a substitución xeracional.  Por iso, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación impulsou a creación do Grupo Focal de Acceso á Terra, un equipo multidisciplinar, integrado por máis de 30 expertos, que ao longo de 2020 analizou a problemática do acceso á terra e os seus efectos sobre a substitución xeracional agrario, cuxos resultados se publicaron neste estudo. Os expertos avogan por modificar e actualizar os procedementos e o marco normativo de acceso á terra para conseguir un impacto alto e duradeiro no campo. Tamén inciden na importancia de contar con melloras fiscais e de acceso ao financiamento como unha ferramenta clave para facilitar o acceso dos mozos á terra. O acompañamento, asesoramento e a formación destes mozos é outro dos aspectos no que poñen o foco, á vez que inciden na importancia de contar con información do mercado da terra e axustar a oferta e a demanda. O estudo preséntase como un elemento de apoio para o deseño das actuacións que se desenvolvan en España a favor dos novos agricultores, en particular no Plan Estratéxico nacional da PAC para impulsar a substitución xeracional.

- Consulta aquí o estudo detallado.

‘Benvidas as novas ferramentas de ordenación da terra, pero sen esquecer a concentración parcelaria’

No anterior artigo publicado neste mesmo espazo polo grupo de opinión “O Rural Importa”, facíamos un breve repaso da evolución da concentración (ou reestruturación) parcelaria dende a lei estatal de 1952 ata a autonómica de mellora da estrutura territorial de Galicia de 2015. Como diciamos nel, cos seus defectos, ata a data ningún outro instrumento se amosou tan efectivo na ampliación do tamaño das parcelas de cultivo, e de recuperación da superficie agraria útil (SAU). Mediante as leis 7/2007, de 21 de maio, do Banco de Terras de Galicia, e 6/2011, de 13 de outubro, de mobilidade de terras, buscáronse fórmulas para aumentar a base territorial das explotacións que non implicaran a modificación da propiedade e ademais, obrigaran aos propietarios absentistas a arrendar as parcelas en estado de abandono. O Banco de Terras pasou a xestionar a oferta e demanda das parcelas que os propietarios poñen voluntariamente á súa disposición, ademais das masas comúns resultantes dos procesos de concentración parcelaria. Constatándose a demanda real de superficie agraria, o Banco de Terras atópase de novo co problema do minifundismo, resultando de superficie insuficiente para as necesidades das explotacións actuais a maior parte das parcelas ofertadas.
O Banco de Terras atópase co problema do minifundio, pois a maior parte das parcelas ofertadas carecem de dimensión suficiente para as necesidades das explotacións actuais
De acordo co que se adianta dende a Consellería do Medio Rural, a futura lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias que está a ultimar o goberno autonómico, vén a reforzar o papel do Banco de Terras e engade dúas novas ferramentas de ordenación rural: os polígonos agroforestais e as aldeas modelo. Aínda que varios proxectos destas últimas estanse a desenvolver aplicando a Lei 6/2011, de mobilidade de terras, a nova lei pretende mellorar os mecanismos de declaración de abandono, xestión de parcelas de propietario descoñecido e incorporación de predios ao Banco de Terras, así como regular o procedemento. Os proxectos de aldeas modelo están destinados á recuperación de terreos abandonados ou infrautilizados ao redor de núcleos de poboación, coa dobre finalidade de eliminar a acumulación de biomasa e o conseguinte risco de incendio, e favorecer unha actividade económica neses núcleos que evite o seu despoboamento. Polo tanto, os proxectos de aldeas modelo concíbense como actuacións destinadas a un problema concreto que en Galicia preséntase principalmente en varias zonas da provincia de Ourense e sur da de Lugo, podendo converterse nunha ferramenta moi útil para fixar poboación nesas zonas.
"Os polígonos forestais e as aldeas modelo son válidos para zonas de Galicia nas que existe abandono de terras agrarias, pero non para as zonas agrarias produtivas, nas que non hai abandono"
O outro instrumento que introduce a lei son os polígonos agroforestais. Trátase de poñer en produción superficies con potencial agrario ou forestal, que presenten un determinado grao de abandono. Iniciaranse sempre que exista un promotor, que presente un proxecto viable e que estea comprometido a realizar os investimentos necesarios en infraestruturas. Para desenvolverse, precisarán do acordo da maioría dos propietarios e contarán cos mesmos mecanismos que as aldeas modelo para a inclusión no proxecto de parcelas en estado de abandono e de propietario descoñecido. Incluso contempla a posibilidade de reestruturación parcelaria conforme á lei 4/2015, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, no interior do polígono. Esta ferramenta facilitará que agricultores ou inversores que precisen superficie para o desenvolvemento de proxectos de produción agraria poidan realizalos, conseguíndose así unha nova vía de investimentos no rural. Os proxectos de aldeas modelo e polígonos forestais son dúas ferramentas que poden ser moi útiles nos casos concretos nos que son aplicables, é dicir, nas zonas nas que existe abandono de terras agrarias, e sempre que se priorice a recuperación de SAU. As zonas agrarias produtivas de Galicia seguen a necesitar incrementar a base territorial das explotacións para garantir a súa rendibilidade. Nestas zonas non existe mais abandono que o das parcelas que polas súas características non son rendibles coas técnicas actuais de cultivo. Para estas zonas, a reestruturación parcelaria segue a ser a ferramenta que, ademais de reunir a súa propiedade en fincas de maior tamaño, permite ás explotacións comprar ou arrendar fincas dun tamaño suficiente que faga viable o cultivo.
"É un feito contrastado que moitas explotacións están dispostas a percorrer quilómetros para sementar millo ou herba, pero sempre que se trate de parcelas de varias hectáreas"
É un feito contrastado que moitas explotacións gandeiras están dispostas a percorrer varios quilómetros para ir a outras parroquias ou concellos a sementar millo ou herba para forraxe, sempre que se trate de parcelas de varias hectáreas. Nas zonas gandeiras de Galicia, as concentracións parcelarias rematadas rexistran maior mobilidade de terras que as non concentradas ao aumentar a oferta de fincas de máis extensión e, consecuentemente, máis rendibles. Sería moi necesario rematar as zonas de concentración pendentes e, ao menos, decretar unha nova zona por cada unha que se peche. En conclusión, aldeas modelo, polígonos forestais e reestruturación parcelaria son tres ferramentas complementarias destinadas a incrementar a rendibilidade do medio rural e, dese modo, mellorar as súas condicións de vida, frear o seu despoboamento e manter a biodiversidade.

Vacas de Chandeiros SC, as cachenas cortalumes do Incio

José Armesto é unha persoa con iniciativa. Nada máis poñerse a falar con el saen un cento de proxectos nos que desde fai anos pon todo o seu empeño para sacalos adiante. O último no que está a traballar é en facer realidade unha das primeiras aldeas modelo de Galicia, a nova ferramenta de xestión do territorio coa que a Xunta de Galicia quere combater os incendios forestais. José foi clave para convencer aos veciños para que cederan as súas leiras, moitas delas abandonadas desde hai anos, para este proxecto que está a piques de ser unha realidade. Os traballos de peche das 14 hectáreas avanzaron nos últimos días e José agarda poder botar as vacas nas vindeiras semanas para que empecen a facer o seu traballo de desbroce. "É unha zona moi bonita pero moi difícil de traballar pola forte pendente que ten, se non é con gando sería imposible de domesticar e de manter limpa. No mes de marzo pasáronlle a desbrozadora a todo e no outono volve ter xa maleza. Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando", considera.
Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando
En Trascastro van meter cachenas. Desde fai nove anos son xa as encargadas de limpar todas as fincas que hai desde o pobo até o alto de Chandeiros e a partir de agora ampliarán os seus dominios para pacer tamén as leiras que rodean as casas polo outro lado, a zona que pola parte baixa desemboca no río Cabe. Deste xeito Trascastro quedará completamente rodeado de pastizais e protexido contra o lume, que é o que José persegue coa súa iniciativa, para a que encontrou tamén a total implicación do Concello. "O obxectivo principal é ter a aldea limpa e protexida dos incendios e ao mesmo tempo crear riqueza no pobo a través do gando", di. Moito papeleo A aldea modelo exténdese cara ao río. Pola outra parte de Trascastro xa pacen as vacas de José desde o 2011 José considera que a idea das aldeas modelo pode ser "unha ferramenta moi útil para o rural" pero recoñece que se trata dun instrumento legal "moi difícil de arrincar". "A que imos poñer en marcha en Trascastro son máis de 200 fincas de máis dun cento de propietarios diferentes para só 14 hectáreas. Resulta moi complicado dar con todos os propietarios, xa que moitos deles teñen paradoiro descoñecido, polo que en moitas fincas hai que facer investigación para chegar ao dono", explica.
A aldea modelo é unha ferramenta moi útil para o rural pero é difícil de arrincar porque ten moito papeleo e moita burocracia
Pero unha vez localizado vén outro problema: "ten moito papeleo e moita burocracia, os propietarios das fincas teñen que asinar papeles e documentos unha ducia de veces e iso asusta moito á xente, porque en moitos casos trátase de xente maior que se bota para atrás por iso", engade. Por iso José avoga simplificar no posible os mecanismos legais establecidos para facer máis áxil a agrupación das fincas ou, do contrario, teme que sexan poucas as aldeas modelo que se logren constituír en Galicia, do mesmo xeito que outras ferramentas para a xestión conxunta do territorio, como as SOFOR no caso dos montes, demonstraron unha limitada eficacia. 10 anos agrupando fincas As parcelas, nas que antigamente se sementaba cereal, estaban a toxos e xestas desde facía anos O xerme da que será unha das primeiras aldeas modelo de Galicia en rematarse é a explotación gandeira que José puxo en marcha no ano 2011 xunto a outro veciño, José Casanova, e que conta na actualidade cun cento de cabezas de gando de raza cachena. Leva o nome de Vacas de Chandeiros SC, o alto no que conflúen as 70 hectáreas de superficie que foron xuntando nestes anos.
O futuro da gandería pasa por xuntar fincas e gañar superficie, non hai outra maneira
Para a xestión da aldea modelo vaise constituír unha nova empresa, na que vai entrar o seu fillo Adrián, pero será tamén unha gandería en extensivo de vacas cachenas. "A aldea modelo non dista moito do que fixemos nós estes anos a nivel privado pero empregando a ferramenta que ten agora a Xunta para iso", argumenta José. O proxecto de Vacas de Chandeiros arrincou hai case dez anos para poñer a producir fincas en desuso dos veciños. "Eran terreos nos que se botaba cereal para pan pero levaban xa ben anos a xestas. Empezamos amansando o terreo e desbrozando o mato que había de toxo e xestas. O tractor de 200 cabalos non se vía no medio delas", lembran. Fan venda directa dos becerros e recrían as femias para vida, tanto para eles como para outras explotacións Os dous socios suman arredor dunhas 20 hectáreas en propiedade e pouco a pouco foron apezando outras parcelas, mediante acordos cos veciños, aos que lles pagan unha renda anual, até xuntar as actuais 70 hectáreas, que se incrementarán en 14 máis co proxecto da aldea modelo.
Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer
"Neste momento temos 70 hectáreas todas enlazadas, pertencen a parcelas distintas que fomos xuntando e unificando co acordo dos veciños. Moitas eran fincas pequenas de 500 metros e hoxe a parcela máis pequena ten 8 ha e a máis grande 35. O futuro da gandería pasa por iso, hoxe non hai outra maneira de facelo, eu non poido estar todo o día gardando as vacas coma antes nin cambialas a diario dun lado para outro. Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer", opina. Produción en ecolóxico Fixeron uns comedeiros especiais nos que só entran os becerros para poder cebalos nas pradeiras A explotación conta hoxe con 70 nais reprodutoras e un touro, máis os becerros de cebo e as xatas de recría nacidos neste ano. "Empezamos con só 6 cachenas, que fomos buscar ao Xistral. A partir de aí fomos recriando e comprando apostando sempre por esta raza. Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos", xustifica.
Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total
Desde o comezo están en produción ecolóxica e tratan de facer venda directa para lograr maior rendibilidade. "Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total", defenden. Só sacrifican os machos, xa que as femias van para vida. "As xatas van todas para recría, parte para nós e parte para outras explotacións que nos queren comprar", explica José. O cebo dos becerros faise con cereais e pensos ecolóxicos, sobre todo millo e unha mestura triturada de trigo, millo e cebada. Entre 750 e 950 metros de altitude Para cambialo de finca José chama polo gando e este ven tras del. Mesmo o touro lle espera a man No alto de Chandeiros fai vento todo o ano e a invernía déixase notar con forza. Por iso, aínda que o gando está sempre fóra, en extensivo, tratan de adaptar o manexo á climatoloxía da zona. "O punto máis alto está a 950 metros de altitude e as fincas de máis abaixo, as que están máis preto das casas da aldea de Trascastro, están a 750 metros. O que facemos é que a medida que vai vindo o inverno ímolas baixando desde as fincas máis altas cara as de máis abaixo, porque se no alto a neve aguanta unha semana abaixo dura só un día", explica José.
Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos
"O inverno forte son tres meses, os de decembro, xaneiro e febreiro, logo dura un pouco máis, pero xa é máis suave", engade. Suplementan con forraxes recollidas nas propias parcelas para garantir a súa procedencia ecolóxica e aos becerros téñenlles comedeiros adaptados para que só eles poidan entrar a comer o penso. Están unidos a unha tolva e vanos movendo co tractor a medida que cambian o gando de parcela, posto que todos os animais, unhas 100 cabezas, están nun único lote. "Traballamos cunha única manda que imos cambiando de finca a medida que se vai esgotando o pasto. Son parcelas desiguais e en función do seu tamaño, da cantidade de pasto ou da época do ano están máis ou menos tempo. O manexo é sinxelo, para cambialas eu chego a xunto delas, chámoas e veñen detrás miña, para iso de vez en cando doulles algún que outro premio en forma de penso", revela José.
Traballamos cunha única manda que imos cambiando de parcela a medida que se esgota o pasto
Todas as fincas teñen bebedeiro, que se subministran desde unha balsa que recolle a auga da chuvia e máis dunha fonte situada na parte alta. "A lona veu de Italia, mercámola por internet e instalámola nós mesmos, igual que os comedeiros dos xatos, que tamén fixemos nós adaptados ás nosas necesidades", explican. Balsa de auga que subministra aos bebedeiros, con capacidade de almacenaxe para dous meses no verán

Diversificar no rural

Trascastro está formada por uns 20 veciños pero moitos dos seus habitantes son persoas maiores ou xente que vén só as fins de semana. "Con gando só quedamos José Casanova e máis eu", aclara o seu tocaio José Armesto. Por iso sobre eles dous recae case en exclusiva o mantemento das fincas da parroquia. "Eu antes non tiña vacas, o meu socio si, xa tiña vacas rubias", conta.
Non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso
José comezou montando en Trascastro unha casa de turismo rural, que leva por nome A Niñada, e está convencido de que as posibilidades do rural son múltiples pero sempre baixo unha premisa fundamental: "non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso", di.
Hoxe é unha explotación viable pero durante os primeiros cinco anos foi todo investir
Hoxe Vacas de Chandeiros é unha explotación rendible, pero José aínda lembra que os comezos foron difíciles. "Durante os primeiros cinco anos foi todo investir: comprar dereitos, mercar gando, acondicionar e pechar as fincas. Tes que dispoñer de diñeiro para poder empezar, senón é imposible, e logo agardar tres ou catro anos para empezar a producir e recuperar o investimento se a cousa vai ben. A día de hoxe é unha explotación viable, eu confiaba no proxecto e sabía que a longo prazo ía funcionar, pero non deixa de ser de moito risco. Para iniciativas destas tiñamos que ter moito máis apoio, algo que cando comezamos nós non tivemos", recorda. Unir e motivar á xente Rodeando os terreos da aldea modelo a Comunidade de Montes recuperou unha ruta de sendeirismo Malia non ser nativo de Transcastro, como el di, (José é natural de Valdruz, pertencente tamén ao Incio), adaptouse tan ben que hoxe é o verdadeiro activista e animador da vida deste pobo, onde preside a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes. "Non hai quen se queira poñer, pero eu xa necesitaba vacacións urxentes", bromea.
Levar a cabo proxectos colectivos teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente, por iso a aldea modelo non é máis que o comezo de grandes cousas
Por iso, para José a posta en marcha da aldea modelo non é máis que o comezo doutros proxectos e iniciativas para poñer en valor as potencialidades da súa parroquia. "Unha cousa leva a outra e levar a cabo proxectos colectivos coma este teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente", destaca. Como complemento á aldea modelo os veciños de Trascastro recuperaron un antigo camiño, pechado desde facía anos, que vai dar a un entorno a carón do río Cabe onde se conservan dous muíños, unha serrería e unha vella central hidroeléctrica. Esta ruta de sendeirismo, coñecida como Ruta do Pozo da Ola, duns 12 quilómetros de lonxitude, une Trascastro e Airela e pasa pola Ferrería do Incio, onde había tamén un antigo balneario.
Polo bordo da aldea modelo, a carón do río Cabe, discorrerá unha ruta de sendeirismo para o disfrute da poboación local e o aproveitamento turístico
"Con actuacións coma esta fas unha dobre función: por un lado recuperas un antigo camiño para o pobo e por outro creas un atractivo a nivel turístico", defende José. A recuperación da ruta foi acometida pola Comunidade de Montes co apoio da Deputación. Pola súa banda, a Asociación de Veciños encargouse de lograr a cesión dun edificio abandonado, un antigo inmoble usado polos Peóns Camineros, para rehabilitalo como local social da parroquia.

"Todos os anos nos afecta o lobo pero dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún"

Teñen as 70 hectáreas pechadas con cercas eléctricas con tres aramios alimentadas con pastores solares As 70 hectáreas nas que pacen as cachenas de Vacas de Chandeiros están pechadas con cercas eléctricas conformadas por tres fíos, que suman máis ou menos un metro de altura, e que están conectadas a pastores eléctricos alimentados por placas solares. "De todas as marcas o que máis temos é Ion, porque fabrican en Lugo e están cerca. Decantámonos por eles pola comodidade que iso supón en canto a mantementos e reparacións", destaca José. Pero malia ao bo estado e o mantemento continuo que fan nos peches estes non logran impedir a entrada da fauna salvaxe, un dos maiores problemas cos que se atopan a día de hoxe as explotacións en extensivo. "Nesta zona hai bastante ataque de lobo, todos os anos nos afecta, e o xabarín destrózanos as pradeiras, fainos tamén moito dano, pero no caso do porco bravo as indemnizacións son razonables, non coma no caso do lobo", quéixase.
Eu quérolle moito ao lobo, pero quérolles tamén moito aos meus animais
"Dos danos de lobo é moi difícil que se fagan cargo porque os mecanismos que teñen non son adecuados ás circunstancias das explotacións en extensivo en terreos de monte ou que manexamos grandes superficies porque se non aparece o xato non cho pagan. Nós dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún, nin eu nin outros gandeiros colindantes, por unha cousa ou por outra sempre che vén denegado. Non podes manipular o cadáver, así que non tes maneira de protexer os restos e ti chamas hoxe e eles veñen mañá á mañá, pero nesas horas os restos o máis normal é que desaparezan, porque nunha noite dun becerro destes non queda nada e se ao día seguinte non está a columna vertebral xa non cho pagan", explica.
A Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia
"A min o lobo é un animal que me encanta, porque velo e estás vendo ao xefe do monte, pero aínda que eu lle quero moito ao lobo, quérolles moito tamén aos meus animais. Nós nesta zona sempre convivimos co lobo pero antes sempre ía un pastor co gando, agora non, así que a Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia", asegura. Unha burra e dous mastíns conviven a diario co gando para defendelo do lobo Para tratar de minimizar os danos nesta gandería teñen unha burra para detectar o perigo e poñer as vacas en alerta e dous mastíns para defendelas. Pero "o lobo é moi listo", di José, e "acaba aburrindo aos mastíns". "O lobo sábeas todas e ten todo o tempo do mundo para vixiar e atacar cando ten a presa a tiro. Fai 4 ou 5 anos tiñamos unha invasión de lobos nesta zona, había unha manda moi grande", lembra.