Archives

A Xunta defende o baleirado sanitario para facer fronte á tuberculose bovina

A Consellería do Medio Rural defende o recurso ao baleirado sanitario, incluíndo o sacrificio de animais sans, ante a detección de positivos por tuberculose bovina nas explotacións gandeiras.

En concreto, e tras a manifestación de hoxe convocada en Ourense polo Sindicato Labrego Galego en protesta polo baleirado sanitario dunha gandería de Manzadena na que se detectaron positivos de tuberculose, o departamento que dirixe José González fai un chamamento a “non facer demagoxia nin lanzar declaracións irresponsables” e subliña que “dende a Xunta cumprimos escrupulosamente coa normativa para protexer o sector, a sanidade animal e a saúde pública”, lembrando que a tuberculose bovina “é unha enfermidade transmisible ás persoas”.

Neste sentido, dende Medio Rural inciden en que “o sacrificio é obrigatorio, segundo establece a normativa, unha medida de control contemplada no programa nacional de erradicación da tuberculose bovina”, precisando que “traballamos para atallar o foco, ofrecer unha viabilidade futura á explotación e protexer ás restantes libres desta doenza”.

No caso concreto da gandería de Manzaneda, dende Medio Rural aseguran que “os Servizos Veterinarios da Consellería facilitaron ao titular da explotación toda a información sobre o motivo do baleiro sanitario, o proceso para levalo a cabo, o contido da normativa e as liñas de compensación ás que se poderá acoller”.

E no relativo ás compensacións ás ganderías afectadas por un baleiro sanitario por tuberculose bovina, a Xunta recorda que “ademais da indemnización establecida polo Goberno central, en Galicia, financiadas con fondos propios, hai dúas liñas complementarias: para compensar o lucro cesante e para a reposición dos animais sacrificados”.

Ademais, recordan que “os gandeiros tamén perciben o valor da carne dos animais sacrificados, así como os importes dos seguros agrarios subscritos -no caso de que cubran os sacrificios realizados con motivo das campañas de saneamento, tamén subvencionadas polas administracións públicas-. “E a limpeza e desinfección das instalacións é asumida pola Xunta”, engaden.

Concentración en Ourense para esixirlle á Xunta que non sacrifique as vacas sans nas ganderías con positivos por tuberculose

Esta mañá tivo lugar diante ante a Delegación da Xunta de Galicia en Ourense unha concentración en apoio á granxa de vacún de carne de Manzaneda á que a Xunta obrigou a enviar ao matadoiro 46 animais sans tras detectar un positivo por tuberculose. A concentración, convocada polo Sindicato Labrego Galego, tamén serviu para a protestar polo que consideran “indemnizacións de miseria” ás ganderías afectadas por un baleirado sanitario, unha situación que aseguran está vinculada á declaración de Zona de Prevalencia 0 de Tuberculose no territorio galego . A secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, cualificou de “barbaridade que, dende que no 2021 se declarou a Galicia zona libre de tuberculose, a Xunta para manter este estatus sanitario cando aparece algún positivo nas probas de laboratorio nunha granxa de vacún todos os animais sans tamén obriga a envialos ao matadoiro”. “É unha situación inxusta para as ganderías galegas, porque noutras Comunidades con tasas de tuberculose algo máis elevadas que as de Galicia, se pasara este caso a administración autonómica non realizaría baleirado sanitario, senón que seguiría facendo probas para comprobar que non aparecen máis positivos”, engadiu. Por último, Isabel Vilalba advertiu de que “co baleirado sanitario tampouco se garante que se erradica a enfermidade, pois hai reservorios da enfermidade na fauna silvestre e nada impide que as novas vacas que entren se podan volver contaxiar”.

Protesta o martes en Ourense contra o sacrificio de todos os animais en explotacións con algún caso positivo por tuberculose

Protesta o pasado martes na explotación gandeira de Manzaneda afectada por un caso de baleirado sanitario O vindeiro martes 26 de marzo terá lugar ás 11:30 horas diante da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense unha concentración de protesta "fronte ao sacrificio obrigatorio de centos de animais e as indemnizacións de miseria vinculadas á declaración de Zona de Prevalencia 0 de Tuberculose no territorio galego". No ano 2021 Galicia foi declarada libre de tuberculose ou zona de Prevalencia 0. Esta clasificación permítelle á Xunta “flexibilizar” as medidas de loita contra esta doenza, por exemplo reducindo o saneamento anual a un saneamento cada tres anos, pero nas granxas implica que cun único positivo en laboratorio son sacrificados todos os animais (baleirado sanitario).
Cun único positivo en laboratorio son sacrificados todos os animais da granxa, procedendo ao seu baleirado sanitario
Contraditoriamente, se unha granxa na que se identifican positivos está nunha comunidade que non teña declarada a prevalencia 0, as probas repítense aos 45 días e non matan todos os animais. Por iso, desde o Sindicato Labrego Galego denuncian o carácter "discriminatorio e desproporcionado" destas medidas, que supoñen, din, "unha ruína para as persoas gandeiras que se podan ver afectadas" por elas.
Animais doutras comunidades con máis tuberculose, nas que non obrigan a facer estes baleirados sanitarios, entran a diario no noso territorio
"Esta situación é aínda máis inxusta se cabe se termos en conta que, malia a cualificación de prevalencia 0, animais doutras comunidades con máis tuberculose, nas que non obrigan a facer estes baleirados sanitarios, entran a diario no noso territorio. Ademais, está cientificamente demostrado que a tuberculose bovina se mantén en reservorios silvestres, como as poboacións de corzos, cérvidos en xeral ou xabarín", argumentan desde o SLG. O caso dunha granxa afectada en Manzaneda Nas últimas semanas o SLG fíxose eco do caso dunha granxa de Manzaneda, á que por tres positivos van proceder a sacrificarlles 40 animais, redundando nunha perda económica superior aos 30.000€, así como en dous anos como mínimo de ausencia de beneficios económicos (o tempo medio estimado de recuperación desta unidade produtiva). "Pero esta situación vense repetindo dende fai tempo: o ano pasado obrigaron a matar 400 animais dunha granxa da Terra Chá", engaden no Sindicato Labrego. "A situación é grave. Foron solicitadas varias xuntanzas urxentes e trasladada unha batería de medidas, máis até o de agora non obtivemos resposta. Consideramos unha absoluta irresponsabilidade que a Consellería do Medio Rural non estea mantendo un diálogo co sector a fin de abordar esta realidade", conclúen. 

Centos de persoas impiden o baleirado sanitario dunha granxa de Manzaneda

Arredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna xuntáronse este venres nunha concentración de apoio aos gandeiros afectados por un posible baleirado sanitario da súa granxa, ubicada na aldea de Palleirós (Manzaneda), onde estaba prevista a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia. Finalmente a marcaxe foi impedida, adiándoa o servizo veterinario da Xunta de Galicia para o vindeiro martes 19 de marzo. Durante a concentración tamén se aprobou unha batería de medidas urxentes a esixir á Consellaría do Medio Rural.  “Queremos denunciar que se quere sacrificar animais totalmente sans, simplemente por criterios propios dos Servizos Veterinarios Oficiais, simplemente por sospeitas de que poderían conter a enfermidade de tuberculose e sen mais criterios que a sua propia intuición. Pídese dende eiquí e agora a toda Administración que se esgoten todas as medidas previas de análise, estudios, etc.. antes de adoptar unha medida tan gravosa para unha explotación gandeira como é o baleirado sanitario”, demandou o responsábel do Sindicato Labrego Galego na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa. “Malia que a Administración galega ten marxe dentro da legalidade para facer as probas que determinen que animais está contaxiados ou non, malia as reiteradas solicitudes, a Consellaría do Medio Rural nunca quixo acceder a realizar máis análises e estudos que concretasen a existencia de propagación da enfermidade”, explican o representante do SLG. “Por tanto, a día de hoxe -engadiu- non sabemos se está de forma latente na cabana gandeira da propia explotación ou explotación lindeiras, se pode provir doutras especies distintas de vacún ou se está presente na fauna salvaxe, como o xabarín, o corzo, o teixugo, etc.. Denunciamos esta falta de rigor por parte dos Servizos Veterinarios Oficiais, que semellan preferir adoptar medidas que non impliquen máis esforzo que asinar papeis”. Por outra banda, advertiu Pérez Rúa, “non nos vale a escusa de que teñen que seguir os protocolos que lles impón o Ministerio, porque estes protocolos tamén din que permiten que se esgoten outras vías antes de adoptar medidas tan drásticas como o baleirado sanitario. Ademáis, cómpre tamén sinalar que esta medida enmárcase na catalogación de prevalencia 0 na Galiza, pero, ao contrario do que sería lóxico, se esta granxa estivera noutras zonas do Estado onde si hai declarada prevalencia, só serían sacrificadas as que deron positivo”. “Se esta explotación estivese a uns kilómetros de eiquí, en Zamora por exemplo, tan só se sacrificarían aos animais enfermos e aos animais sans fáiselles un seguimento pormenorizado. Polo tanto non se entende que con mellores niveis sanitarios, teñamos medidas moito máis drásticas e prexudiciais para os intereses das explotación. O lóxico sería que aquelas comunidades que non cumpren coas prevalencias mínimas tivesen medidas máis drásticas para chegar ao baremos medios sanitarios e neste caso ocorre xustamente o contrario. O mundo ó revés. Debemos de ser os tontos da película nas reunións sectoriais co Ministerio”, criticou o representante do SLG. Ademais, lembrou que malia que os propios servizos veterinarios oficiais estiman en 800 euros as perdas por animal sacrificado, estase percibindo unha media de só 600 euros por animal: “No intre de marcar aos animais por motivo dun sacrificio obrigatorio, que se van comercializar para consumo humano, os intermediarios aprovéitanse e vanse malvender”. “De tódolos xeitos, os 500 euros máximo por vaca que subvenciona a Xunta para repoñer a vaca sacrificada por un sacrificio obrigatorio son claramente insuficientes no contexto actual, que para comprar unha vaca os prezos superan os 2.000 euros”, concreta Pérez Rúa. En canto ao lucro cesante, se ben o período medio de inactividade das granxas e de arredor de dous anos, a indemnización da Xunta só cubre 6 meses. Canda o cumprimento das medidas recollidas no acordo asembleario de onte en Palleirós, o representante do SLG-CCLL pechou a súa intervención apelando tamén dun trato máis humán por parte da Consellaría para cas gandeiras e gandeiros cando se decreta un baleirado sanitario: “E por último e non menos importante, pídolle a todos os funcionarios da Administración unha maior sensibilidade, porque en todo este proceso que eu mesmo seguín, notei unha falta de empatía e unha frialdade absoluta con que se lles notifica un proceso tan doloroso tanto económico como emocional como é un vacío sanitario”.

O Sindicato Labrego demanda medidas de apoio para as granxas que teñan que facer un baleirado sanitario

A posibilidade dun baleirado sanitario é unha das cuestións que maior preocupación xera na meirande parte de persoas gandeiras. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estima unha perda de 800€ por cada animal sacrificado, e fai fincapé “non só na perda económica senón no impacto emocional” polo que reclaman “un maior apoio da administración nestes casos”. “Como visibilizamos fai un mes, estamos seguindo de preto e proporcionando apoio a unha granxa do concello de Manzaneda (Ourense) que se atopa ás portas dun baleirado sanitario previsto para finais desta semana.  A calquera granxa lle pode pasar e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixiénico-sanitarias. No caso por exemplo da tuberculose, a doenza está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenvolvemento”, sinalan desde o SLG. No caso desta granxa de Manzaneda as perdas previstas ascenderán a uns 32.000 euros, “e as axudas prometidas de reposición e lucro cesante non cobren a perda total da explotación, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento. É dicir, toda a ilusión e aforros dunha vida invertidos nesta explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaeceranse nun abrir e pechar de ollos”, expresan. “Ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento”, detallan desde osSindicato. Segundo a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a doenza da tuberculose bovina está totalmente controlada, cunha prevalencia do 0,1%. Neste sentido, dende o SLG  lembran que “cando se produce un destes casos, nas comunidades autónomas próximas á Galicia adoptaron dende hai tempo medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, prefirindo manter unha cualificación sanitaria inferior, e deste xeito eliminar tan só aos animais afectados e evitar a morte innecesaria dos animais sans, provocando unha perda económica menos gravosa e emocionalmente máis levadeira”. “Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a Xunta de Galicia debería activar medidas de apoio as gandeiras e gandeiros afectados que permitan repoñer os animais sen custo para estes, e que deste xeito se recuperen o máis rápido posible evitando no posible os prexuízos causados”, reclaman. Á súa vez, tamén reclaman “unha maior sensibilidade e empatía por parte da Administración para facerse cargo do duro que é para as gandeiras e gandeiros recibir unha notificación de baleirado sanitario, persoas que se ven soas e impotentes, coa perda de todos os animais que forman parte da familia dende hai moitos anos e que lles vai a supor unha perda económica moi importante que pode comprometer as súas vidas”.

O Sindicato Labrego suxire definir alternativas fronte ó baleirado sanitario por tuberculose

En Galicia, a tuberculose bovina considérase controlada, cunha prevalencia do 0,1 %. Pero cando se detecta un caso, declárase o baleirado sanitario da correspondente granxa, unha situación "dura para as ganderías afectadas" -valora o Sindicato Labrego-, que apunta o impacto económico e emocional desta medida, que leva ó sacrificio de todo o rabaño. A organización agraria suxire concretar alternativas para Galicia. Cando se produce un destes casos, algunhas comunidades autónomas adoptaron medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, explica o Sindicato Labrego en nota de prensa. Así, prefiren manter unha cualificación sanitaria inferior para esas granxas e elimínanse tan só os animais afectados, evitando así a morte dos animais sans. Isto provoca unha perda económica menos gravosa. A Xunta de Galicia, pola súa banda, malia ser consciente de que non existe a total eliminación da doenza da tuberculose, ordena un baleirado sanitario”, destacan dende o Sindicato. Granxa de Manzaneda Dende o Sindicato exemplifican cun caso dunha granxa de Manzaneda, que nestes días están a sufrir esta situación. “Toda a ilusión e os aforros dunha vida invertidos nunha explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaécense nun abrir e pechar de ollos”, cuestiona a organización agraria. O cálculo dun baleirado sanitario de toda a explotación supón un prexuízo económico importante, estimándose unhas perdas de 800 euros por cada animal sacrificado. No caso desta granxa de Manzaneda ascenderán a uns 32.000 euros, e as axudas prometidas "non cobren a perda total da explotación" -valora a organización, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento. A organización agraria engade que ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento. Este tipo de situacións, subliña o SLG, contribúe a incrementar o abandono da actividade agrogandeira e desalenta o relevo xeracional.

Convocadas as axudas da Xunta por sacrificio obrigatorio do gando

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que regula neste 2021 a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades. En concreto, o orzamento da convocatoria para este exercicio ascende aos 800.000 euros. Poderán beneficiarse destas achegas os titulares con gando vacún, ovino ou cabrún deba sacrificarse por padecer ou convivir con reses afectadas pola tuberculose, brucelose, leucose ou lingua azul. Tamén os que teñan animais sacrificados, mortos ou destruídos por encefalopatías esponxiformes transmisibles, os que conten con aves sacrificadas dentro dos programas nacionais de control de salmonela, por un foco de influenza aviaria ou por enfermidade de Newcastle e os que teñan porcos sacrificados ou mortos por peste porcina. A maiores, poderá indemnizarse a morte ou sacrificio de animais como consecuencia dunha resolución ou de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, así como por tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico. Para ter dereito a estas axudas é imprescindible que a explotación estea correctamente inscrita no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) e cumprir a normativa en vigor sobre sanidade e identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal. Tamén será de obrigado cumprimento estar ao día dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais e que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio ordenado pola Consellería do Medio Rural. O prazo de presentación das solicitudes prolongarase dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no DOG, ata o 30 de novembro de 2021. Os órganos xestores tramitarán, ademais das indemnizacións correspondentes ao ano 2021, todas as solicitudes que quedasen pendentes do exercicio anterior.

Convocadas as axudas da Xunta por sacrificio obrigatorio do gando

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería do Medio Rural que contempla as compensacións complementarias por inactividade (lucro cesante) e as axudas para a reposición de gando bovino, ovino e cabrún en explotacións afectadas polo sacrificio obrigatorio de animais por mor de programas oficiais de erradicación de enfermidades. A partida orzamentaria consignada para este ano 2020 ascende a 300.000 euros.

No caso das achegas por lucro cesante, poderán solicitalas os titulares de explotacións de gando bovino, ovino e cabrún nas que se ordenase o sacrificio de forma preventiva da totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial. Así, compensarase a perda de ingresos pola inactividade da explotación ata que se autorice a compra de novos animais.

No caso das axudas destinadas á reposición de gando, poderán beneficiarse os titulares que teñan que mercar cabezas de gando como consecuencia dun sacrificio obrigatorio dun ou máis animais existentes na súa granxa, debido ao diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou por mor dunha actuación sanitaria oficial.

Importes

O importe das compensacións complementarias por lucro cesante determinarase segundo os cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, tendo en conta o período de inactividade desde o día seguinte en que sexa efectivo o seu baleiro sanitario.

No que atinxe á reposición de gando, os importes serán de 500 euros por animal adquirido da especie bovina e 50 euros por animal comprado das especies ovina ou cabrúa (houbese ou non baleiro sanitario na explotación). Estes importes por animal serán incrementados nun 10% se a explotación pertencía a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) no momento da execución das probas sanitarias.

Ademais, poderase conceder unha contía adicional por cada animal bovino comprado, nos casos en que os bovinos que se sacrificaron pertencesen a explotacións incluídas en núcleos de control leiteiro oficial, ou fosen dunha raza pura cárnica e estivesen inscritos no libro xenealóxico da raza.

As solicitudes de axudas de compensacións complementarias por inactividade ou para a reposición de gando poderán presentarse dende mañá mércores ata o 30 de novembro de 2020. Deberán consignarse de xeito obrigatorio por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

Convocadas as axudas por sacrificio obrigatorio de animais

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural das axudas para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades para o ano 2019, cun orzamento de 750.000 euros.

Os beneficiarios destas achegas serán os titulares de explotacións gandeiras correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de que de forma obrigatoria por orde da consellería (autoridade competente en sanidade animal) tivesen que sacrificar gando por mor da aplicación de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades animais.

Para ter dereito a estas indemnizacións é imprescindible cumprir a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal. Ademais, tamén será de obrigado cumprimento estar ao día dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais; que as explotacións gandeiras estean correctamente rexistradas; e que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio dos animais, ordenado pola Consellería do Medio Rural.

Poderanse solicitar ata o 29 de novembro

O prazo de presentación das solicitudes será desde mañá ata o día 29 de novembro de 2019, ambas datas incluídas no cómputo do prazo. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2019. Os órganos xestores tramitarán, ademais das indemnizacións correspondentes ao ano 2019, todas as indemnizacións que quedasen pendentes do exercicio anterior.

Unións advirte que só 3 de cada 100 vacas sacrificadas por tuberculose deron positivo en matadoiro

O sindicato Unións Agrarias ve necesario actualizar o protocolo de detección de casos de tuberculose nas explotacións galegas, que se derivan das campañas de saneamento gandeiro, debido ao que cualifica de “altísimo número de animais sacrificados que logo non deron resultados positivos nas análises post morten nos matadoiros”. Galicia conta cun dos mellores ratios –só superado polas illas Baleares- de prevalencia de animais enfermos por tuberculose, 40 en 2016 sobre unha cabana de 829.696, grazas ao traballo do corpo de veterinarios de sanidade pública que levan anos vixiando as granxas. Sen embargo, o sindicato advirte que “a cruz destes bos datos sitúase no altísimo número de vacas que son sacrificadas innecesariamente, (1.287 en 2016), por ter reaccionado ao test de tuberculose, pero que nas análises feitas en matadoiro, só 40 foron confirmados como tuberculose”. Cambios no protocolo de saneamento gandeiro Ante esta situación, Unións Agrarias lembra que solicitou unha reunión con conselleira do Medio Rural “para propoñer un novo modelo que sen baixar a garda sobre a vixilancia, evite sacrificios innecesarios, que ademais de provocar perdas nas explotacións, elevan o risco de contaxio ao suplir as vacas mortas por reses adquiridas noutras comunidades autónomas con menores índices de eficiencia sanitaria”. Os datos do MAPAMA indican que a incidencia da tuberculose na cabana galega é cada vez mais limitada e caeu en picado nos últimos 5 anos pero o número de sacrificios por motivos sanitarios segue manténdose. Así, se en 2011 foron sacrificadas 1015 vacas das que se confirmaron 424 casos, en 2015 foron sacrificadas 1.581 reses das que se confirmaron 172.
"O índice positivo por animais sacrificados en España foi do 74% mentres que en Galicia foi do 3%"
Neste sentido, o sindicato lembra que a media en España en 2016 foi de 35.345 animais sacrificados para 26.090 positivos, o que supón un índice do 74.17%, mentres que en Galicia nese ano apenas se superou o 3%. Ademais, o dato de prevalencia en explotación (índice moi importante a hora de valorar a situación sanitaria dun territorio) sitúase nun 0.04%, moi por debaixo do que presentan as outras CCAA. “Está claro que o modelo de procedemento non resulta efectivo en niveis de afectación moi baixos, polo que desde UUAA incídese en que se procure un mecanismo que teña o centro de actuación nas análises de matadoiro e que desde eses resultados se actúe sobre as granxas onde se poidan detectar algún tipo de problema. Máxime nas explotacións de leite onde a rotación de animais permite unha detección case inmediata”, conclúen dende Unións.

Convocadas as axudas de compensacións por inactividade e para reposición do gando

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para compensacións complementarias pola inactividade (lucro cesante) e reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades. A partida orzamentaria para este ano 2018 ascende a 250.000 euros.

Estas achegas están dirixidas a pequenas e medianas explotacións localizadas en Galicia. No caso das axudas por lucro cesante, poderán beneficiarse delas as persoas titulares deste tipo de explotacións nas que se ordenase o sacrificio de forma preventiva da totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial, compensándose a perda de ingresos pola inactividade da explotación ata que se autorice a compra de novos animais.

No caso das axudas á reposición de gando poderán beneficiarse os titulares que teñan que mercar cabezas de gando como consecuencia dun sacrificio obrigatorio dun ou máis animais existentes na súa granxa, debido ao diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial.

Contía das axudas

Para as axudas por lucro cesante, o importe das compensacións complementarias será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, tendo en conta o período de inactividade desde o día seguinte en que sexa efectivo o seu baleiro sanitario.

Para as axudas á reposición de gando, os importes serán de 500 euros por animal adquirido da especie bovina e 50 euros por animal comprado das especies ovina ou cabrúa (houbese ou non baleiro sanitario na explotación). Estes importes por animal serán incrementados nun 10% se a explotación pertencía a unha ADSG nun determinado momento en relación coa execución das probas sanitarias nela.

Ademais, poderá concederse unha contía adicional para cada animal bovino comprado, nos casos en que os bovinos que se sacrificaron pertenceran a explotacións incluídas en núcleos de control leiteiro oficial, ou ben se fosen dunha raza pura cárnica e estiveran inscritos no libro xenealóxico da raza.

Prazo solicitudes: ata o 30 de novembro

As persoas interesadas en presentar as solicitudes para estas axudas poderán consultar os requisitos esixidos na orde que publica o DOG. O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 30 de novembro de 2018 e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

Porén, para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens (CB), sociedades civís (SC) e sociedades agrarias de transformación, SAT) deberán presentalas obrigatoriamente de forma electrónica.

¿Que cambia co aumento das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais?

O Consello de Ministros aprobou aprobou este venres, a proposta do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, un Real Decreto polo que se incrementan as porcentaxes de indemnización por sacrificio obrigatorio de animais no marco dos programas nacionais de loita, control e erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e caprina, lingua azul e encefalopatías esponxiforme. A nova norma, publicada este sábado no Boletín Oficial do Estado presenta os seguintes cambios con respecto á normativa de 2011: -En gando vacún actualízanse as contías para percibir polos gandeiros titulares das explotacións afectadas, incrementándose do 75% ao 85% do valor de mercado dos animais. -Mantense o baremo será do 100 por cen en caso sen carga sanitario. A contía resultante en cada caso incrementarase nun dez por cen nos casos de pertenza da explotación a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Engádese que “a contía tamén se incrementará un cinco por cento adicional se se trata de razas autóctonas, sempre que se trate de animais inscritos no correspondente libro xenealóxico. Non obstante o anterior, as comunidades autónomas poderán limitar a contía final a percibir nun máximo de 1.500.000 euros por explotación”. Por outra banda, o goberno tamén modifica o Real Decreto 82/2015, do 13 de febreiro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións para a repoboación da explotación en caso de baleirado sanitario. En concreto:

-Repoboación.

Mantense que “a primeira introdución de animais das especies vacúa, ovina ou cabrúa nunha explotación gandeira, tras o baleirado sanitario da mesma e ata a constitución do rabaño, que non poderá superar o prazo de 12 meses desde a autorización de entrada de animais seguindo as instrucións ditadas para o efecto pola autoridade competente”. Con todo, a nova norma engade que “non obstante, baixo as condicións que estableza a Autoridade Competente da Comunidade Autónoma onde teña lugar o baleirado sanitario, a repoboación poderase efectuar nunha explotación distinta da que tivo lugar este, sempre que polo menos ambas as explotacións pertenzan ao mesmo titular e estean situadas na mesma Comunidade Autónoma”.
Elévase de 75.000 a 100.000 euros o importe máximo das axudas en caso de baleirado sanitario

-Contía das axudas.

A nova norma tamén modifica o artigo 6 relativo ao importe máximo das axudas en caso de baleirado sanitario, que pasa de 75.000 a 100.000 euros por titular, e do 75 por cento do valor dos animais sacrificados ao 85%. En concreto, a nova lexislación establece que: “A contía máxima da axuda será a resultante de restar ao custo total de adquisición ou arrendamento con opción de compra, dos animais, as contías percibidas en concepto de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio dos animais, o valor percibido no matadoiro ou industria cárnica polos mesmos, e o do correspondente seguro en caso de cubrir a póliza o mesmo obxecto e finalidade que o das axudas reguladas neste real decreto. Así mesmo, a axuda limitarase ao valor do 85 por cento dos animais sacrificados. A estes efectos, para determinar o valor dos devanditos animais, poderá acudirse ao que lles corresponda en cada caso en función do seguro aplicable no Plan de Seguros Agrarios Combinados anual. En todo caso, o importe máximo por explotación será de 100.000 euros”.

Axudas por sacrificio obrigatorio do gando

O Ministerio de Agricultura acaba de convocar as subvencións para a repoboación da explotación en caso de baleirado sanitario no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e caprina, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles.

De acordo coa normativa da Unión Europea, unha vez convocada a axuda polas comunidades autónomas, poderán acollerse á mesma as explotacións que realicen a repoboación por baleirado sanitario desde a publicación da convocatoria, e aquelas que o levaron dentro dos tres anos anteriores. As axudas deberán pagarse no prazo que prevexa a normativa aplicable das comunidades autónomas, e que, en todo caso, non poderá ser superior a 4 anos a partir da data da repoboación

A Xunta de Galicia publicou o día 24 de febreiro a convocatoria de axudas complementarias ás de sacrificio obrigatorio, tanto para lucro cesante durante o período de corentena e os tres meses posteriores como para a compra de gando para a reposición. 

Contía das axudas

A contía máxima da axuda -repartida ao 50% entre Ministerio e Xunta de Galicia- será a resultante de restar ao custo total de adquisición ou arrendamento con opción de compra, dos animais, as contías percibidas en concepto de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio dos animais, o valor percibido no matadoiro ou industria cárnica polos mesmos, e o do correspondente seguro en caso de cubrir a póliza o mesmo obxecto e finalidade que o das axudas reguladas neste real decreto.

Así mesmo, a axuda limitarase ao valor do 75 por cento dos animais sacrificados. En todo caso, o importe máximo por explotación será de 75.000 euros.

Os animais que no momento do seu sacrifico sexan maiores de 96 meses de idade en gando bovino de aptitude cárnica, maiores de 72 meses de idade en gando bovino de aptitude leiteira ou maiores de 5 anos en gando ovino ou caprino, e os animais menores de 12 meses de idade en gando bovino ou menores de 6 meses de idade en gando ovino ou caprino, só poderán ser obxecto de subvención ata un 5 por cento do total destes animais.

Elévase a 75.000 euros a indemnización máxima por baleirado sanitario de explotacións de vacún

O Consello de Ministros aprobou hoxe un Real Decreto que actualiza a normativa sobre a concesión de subvencións para a repoboación das explotacións gandeiras que teñan que sacrificar obrigatoriamente todos os animais das especies vacuna, ovina ou caprina, ante a sospeita ou a confirmación de enfermidades como a tuberculose ou a brucelose bovina, a brucelose ovina e caprina, a lingua azul e as encefalopatías esponxiformes transmisibles.

O Real Decreto incorpora a normativa comunitaria sobre compatibilidade das subvencións con outras axudas de Estado, e contempla entre as súas novidades o incremento do límite da subvención por explotación, que pasa de 60.000 a 75.000 euros. 

Para recibir estas axudas, establécese o compromiso dos titulares das explotacións para manter os animais obxecto de axuda, durante un período mínimo de dous anos, e non proceder á repoboación ata que non transcorra un período mínimo de corentena de 3 meses, con animais que proveñan de explotacións cualificadas sanitariamente.

As axudas, financiadas polo Ministerio, serán xestionadas polos órganos competentes da Comunidade Autónoma onde se presente a solicitude. Eles serán os encargados de realizar a convocatoria das subvencións, instruír o procedemento, resolver e notificar as resolucións e proceder ao pagamento das axudas.

Cambios nas axudas ás ADS gandeiras

Por outra banda, o Goberno tamén aprobou hoxe un Real Decreto polo que se modifica a normativa vivente sobre subvencións estatais destinadas ás Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADGS), para actualizar as súas bases reguladoras e adaptar o seu contido ás novas normas da Unión Europea nesta materia.

Estas axudas teñen como obxectivo compensar os custos das actuacións de prevención, control, loita ou erradicación de enfermidades dos animais, incluídas en programas sanitarios.

Estas subvencións, deberán destinarse a financiar a execución, por parte das Agrupacións, dos programas sanitarios comúns relacionados coa lista de enfermidades animais e zoonoses da Organización Mundial de Sanidade Animal e das enumeradas polo Parlamento Europeo e o Consello.

Tamén cubrirán os controis sanitarios, as probas diagnósticas, as análises de laboratorio, a compra e administración de vacinas, medicamentos veterinarios, biocidas e outros produtos zoosanitarios, incluídos os gastos da actuación profesional dos veterinarios das Agrupacións.

Outros conceptos posibles para a súa aplicación son o sacrificio de animais ou a destrución de colmeas, e os gastos ocasionados pola destrución de produtos de orixe animal, así como a limpeza e desinfección da explotación.

En canto á concorrencia de axudas, unha das novidades da nova norma é a clarificación da compatibilidade das subvencións cos seguros agrarios. 

A xestión destas axudas correrá a cargo dos órganos competentes das Comunidades Autónomas, que se encargarán de realizar a convocatoria das subvencións, así como de instruír o procedemento, conceder as axudas, notificar as correspondentes notificacións e realizar os pagos.