Archives

Abren axudas para fomentar a utilización de madeira na construción de vivendas

A Xunta de Galicia publica as bases das axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen madeira como elemento estrutural na construción, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros. Como novidade, inclúe unha partida específica destinada ás promocións de construción en altura, onde tamén poderán entrar edificacións con uso residencial dun mínimo de tres plantas. Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como as persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto. Ademais, como novidade, poderán beneficiarse por primeira vez dunhas axudas destas características as comunidades de montes veciñais en man común. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas para a anualidade de 2024 (os gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro) finalizará o 15 de outubro; mentres que o prazo de xustificación para a anualidade de 2025 (aqueles gastos realizados entre o 15 de outubro e o 30 de xuño) rematará o 30 de xuño.
A edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo
Con todo, a execución da obra non terá que estar rematada no momento de xustificación da solicitude de axuda, sempre que o obxecto de dita axuda é a redacción do proxecto de execución de obra e/ou a compra e instalación do material madeira. Actuacións subvencionables Serán subvencionables as accións vencelladas coa redacción de proxectos e a utilización de produtos de madeira nestas actuacións. No caso de pemes, comunidades de montes, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións ou entidades sen ánimo de lucro, a solicitude de axuda deberá ser para nova construción, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, e sempre que cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto correspondan a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída súa colocación) que serán utilizados cunha finalidade estrutural, sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados, excluíndose para dito computo o uso da madeira nas carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabados interiores. Ademais o uso da edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo. A Axencia Galega da Industria Forestal aconsella que, no caso das vivendas en altura, o soto e planta baixa deberán ter estrutura en formigón, sendo utilizada a madeira de forma estrutural, na primeira planta e superiores.

“Din que nos axudan, pero ao final todo son trabas e impedimentos”

Jónathan Cives, diante das novas instalacións do seu cebadeiro en Mazaricos O sector agrogandeiro protesta desde fai semanas por toda Europa. Unha das queixas unánimes: a burocracia. É unha palabra denostada pero á que ás veces custa poñerlle rostro. Jónathan Cives e a súa muller Silvia Domínguez son cotitulares de Gandería Melenas SC, unha explotación familiar na parroquia de Corzón, en Mazaricos. Adícanse a cebar becerros, uns 300 ao ano, a maioría animais marcados co selo da IXP Ternera Gallega. Jonathan fíxose cargo da explotación do seu pai no 2016, cando el enfermou, e en setembro de 2020, tras faceren os dous o curso de incorporación, el e a súa muller constituíron Melenas SC, garantindo deste xeito o relevo xeracional na granxa.
O único que pretenden é dar a entender que se axuda a todo o mundo cando non é certo
Na teoría, ao tratarse de dúas persoas menores de 40 anos, unha delas muller, deberían ter garantidos os apoios existentes destinados a facilitar o asentamento de mozos e mozas no rural, así como aquelas outras liñas de axuda destinadas a garantir a rendibilidade da explotación, máis tendo a consideración de prioritaria, como é o seu caso. Pero na práctica, di, a realidade é outra ben distinta. “O único que se pretende aquí é dar a entender que se axuda a todo o mundo, cando á hora da verdade son todo trabas, impedimentos e burocracia”, quéixase Jónathan. Un terzo menos no Plan de Mellora Logo de incorporárense, Jónathan e Silvia pediron un Plan de Mellora para faceren un novo establo con capacidade para 600 animais. En xaneiro do 2021 presentaron a solicitude da axuda, sobre un orzamento total de 358.000€. No mes de xullo veulles aprobada, cunha subvención concedida de 161.000€. Puxéronse mans á obra e fixeron a nova nave, na que acabaron gastando máis do orzamentado inicialmente pola suba dos materiais. "Todo o que se fixo no 2022 foi moito máis caro. De feito, a Xunta ao ano seguinte subiu os importes dos distintos módulos, pero a min colleume antes diso", quéixase. Cando a obra xa estaba rematada e certificada veulle unha inspección. Había un problema, pero non co obxecto da subvención e o destino dos cartos, nin coa construción realizada, senón co mantemento do emprego declarado na solicitude.
Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois
O traballador que tiña contratado marchou no mes de febreiro e non foi quen de reemprazalo até o mes de agosto. "É complicado atopar man de obra para traballar nunha granxa", xustifica Jónathan, que segue mantendo esa UTA a día de hoxe (a obriga era conservala cando menos 5 anos despois da certificación da obra). Pero nas bases da convocatoria establecíase que non podían pasar máis de 3 meses en caso de substitución do traballador e ao final o resultado daquel expediente foi que perderon 53.000 euros, un terzo do importe total concedido. “Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois e mentres non nos ingresaban os cartos cada 3 meses tiñamos que pagar 800 euros de intereses”, lembran. Denegación das axudas PEL Despois de rematar a obra da nova nave, Melenas SC precisaba incorporar algunhas melloras en canto a equipamento, entre outras un taximilk para dar o leite aos becerros e unhas arrobadeiras que facilitasen a limpeza automática do establo e o benestar dos animais. Para iso, quixeron aproveitar as axudas PEL para autónomos da Deputación da Coruña, con varias liñas, entre elas unha para investimentos en bens inventariables e outra para contratación de persoal. “O ano pasado, cando saíu a convocatoria de subvención para maquinaria, solicitámola, pero veunos denegada porque a empresa non podía ter máis de 5 anos de antigüidade e aínda que eu a herdei da miña nai fai 3 anos, como xa existía antes dixéronnos que non cumpriamos coas bases”, denuncia Jónathan. Pero non foi o único “chasco” que se levou coas axudas PEL. O ano pasado pediron tamén a liña de contratación de persoal e concedéronlles 15.700€, pero veulles aprobada no mes de setembro, sen tempo material para gastar eses cartos en só tres meses, polo que renunciaron á subvención.
Non é lóxico que ás granxas nos poñan un límite de 20.000 euros e para o resto de empresas sexa de 100.000
Pero contrataron igualmente a un traballador e cando saíu a convocatoria deste ano volveron solicitar a axuda da Deputación destinada a fomento do emprego, coa "sorpresa" de que desta volta só lles concederon 4.300€, alegando a existencia dun tope máximo por beneficiario de 20.000€ en 3 exercicios e computando neste cálculo os 15.700€ aos que renunciaron no ano anterior. “É un absurdo”, di Jónathan, porque esa axuda non a cobramos. Ademais, quéixase de que para gandería o límite estea fixado nos 20.000 euros cando para o resto de empresas o tope máximo está establecido en 100.000, “cando moitas granxas temos feito investimentos moito máis elevados que calquera comercio e afrontamos gastos moi superiores na maioría dos casos”.     

“Prefiren devolver os cartos a Bruxelas antes que dárnolos aos produtores de aquí”

Melenas SC ceba uns 300 becerros ao longo do ano, a maior parte dentro da IXP Ternera Gallega Jónathan considera “unha trampa e un engano” a maioría das axudas e subvencións anunciadas polas distintas Administracións para apoiar ao sector. Como exemplo, di, a que sacou a Xunta este ano destinada aos produtores amparados pola IXP Ternera Gallega. No seu caso, corresponderíanlle 36€ por animal sacrificado o ano pasado baixo o selo de Ternera Gallega, pero quéixase que de non será así, pois esta liña de subvencións tamén está sometida ao réxime de mínimis, polo que limita a 20.000€ en tres exercicios (o actual e os dous anteriores) o importe máximo de axudas públicas percibidas. “É dicir, se recibes a da Deputación non podes optar á da Xunta porque te pasas da limitación de mínimis”, argumenta. No seu caso, tamén computarían os intereses dun crédito ICO que solicitou fai 3 anos.
Enganan á xente, se é unha axuda extraordinaria por xato sacrificado para compensar o baixo prezo da carne non debería estar sometida á normativa 'de mínimis'
“Enganan á xente, porque a Consellería anunciou esta axuda xusto antes das eleccións para gañar votos, pero á hora da verdade moitos gandeiros non a imos poder cobrar; a maioría de gandeiros están contando con eses cartos pero non saben aínda o que implica unha subvención de mínimis. Se fixeche algunha obra no establo con subvención, xa non a cobras por que te pasas”, di Jónathan, que considera que esta axuda excepcional para compensar os baixos prezos da carne en orixe, que se dá polo número de animais sacrificados por cada explotación, “debía estar fóra de todo isto”. Trala súa experiencia co Plan de Mellora, unha axuda que convoca a Xunta pero que se financia a través dos fondos da PAC, así como co resto de subvencións dependentes doutras Administracións e que tamén se financian en boa parte con fondos comunitarios, Jónathan redefine o concepto de burocracia como “burrocracia”. “Ao final prefiren mandar os cartos de volta a Bruxelas antes que darllos a un gandeiro de aquí que produce alimentos, crea emprego e coida o territorio”, conclúe.

Axudas para a segunda transformación da industria forestal – madeira e para o contract

Está aberto o prazo para solicitar as axudas para a valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e para a dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract. O prazo das axudas está aberto dende hoxe ata o 9 de marzo e o prazo de xustificación será, para a anualidade do 2024, ata o 15 de outubro de 2024 inclusive, e para a anualidade do 2025 ata o 15 de abril de 2025. Estas axudas contribúen á consolidación das pequenas e medianas empresas que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental. Poderán beneficiarse destas axudas aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas persoas autónomas, da industria forestal e do contract que utilicen madeira e os seus derivados (resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios), como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Tamén poderán beneficiarse aquelas empresas que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. Novidades da convocatoria A diferencia das anteriores convocatorias, a de 2024 contempla actuacións relacionadas coa dixitalización, a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto ou de xestión integral especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade, ate implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Neste sentido, fai referencia a sistemas de captura de datos, automatización ou supervisión remota, entre outros. A liña de achegas vencellada coa ecoinnovación, dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén ten como obxectivo impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais ou a introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.
Unha das liñas da subvención financia a compra de maquinaria vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario,
Así mesmo, establécense seis liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. A primeira está centrada a cuestións vencelladas coa competitividade e valorización e subvencionará actuacións como a compra de maquinaria, as obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto da subvención, entre outros. A liña número dous refírese ao mobiliario, o contract e construción. Financia tamén a compra de maquinaria, neste caso a vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e de elementos para a construción. A maiores subvencionará outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto. As certificacións, os ensaios e os informes son outra das liñas contempladas nesta convocatoria. Teñen como obxectivo a implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental. No relativo á seguridade e saúde na contorna laboral, financiaranse servizos para a implantación e certificación do estándar en seguridade; para a creación, mellora e expansión de servizos de prevención mancomunados e medidas orientadas á minimización do risco de orixe e propagación de incendios, entre outros.

Axudas para biomasa e paneis fotovoltaicos en vivendas do rural

A Axencia Instituto Enerxético de Galicia sacou dúas liñas de axudas novas para ámbitos non urbanos, é dicir, rurais. Unha delas é para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial e a outra e para proxectos de enerxía fotovoltaica, tamén no sector residencial. En ambas farase selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión. No caso das axudas para renovables de uso térmico, o prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 29 de febreiro de 2024. Por outra banda, o prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de febreiro de 2024 ás 9.00 horas (Inicio do período subvencionable) e rematará o 21 de marzo de 2024. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV). No caso das axudas a enerxías fotovoltaicas o prazo finalizará o 30 de setembro de 2024. Axudas para proxectos de uso térmico O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras de biomasa, bombas de calor ou solar térmica en aplicacións residenciais. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 2.000.000 € e redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo. Serán subvencionables: o equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira de biomasa); resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento de sistema; o custo de montaxe e conexionado e no caso da enerxía xeotérmica e hidrotermia, o sistema de captación do recurso, sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubos etc Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Axudas para enerxía fotovoltaica O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso da enerxía solar fotovoltaica. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía solar fotovoltaica en aplicacións residenciais. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 1.500.000 €. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Os investimentos subvencionables son: os paneis solares fotovoltaicos; o acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cableado, equipamentos de medidas, etc.), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.) e sistema de acumulación con baterías de litio; o resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema; o custo da montaxe e o conexionado e a dirección de obra e o IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.

Publicadas novas axudas para as medidas preventivas contra o lobo

A Consellería de Medio Ambiente sacou dúas liñas de axudas para subvencionar as medidas preventivas contra o lobo. Unha delas é para os custos derivados da instalación de valados fixos como medida de prevención dos danos. A outra é para a contratación de persoas coidadoras do gando, tamén como medida preventiva ante o lobo.

Instalación de valados
Nas axudas de instalación de valados fixos, subvenciónase a adquisición e a incorporación dos valados que se instalen. Poderanse acoller ás axudas as persoas titulares da explotación gandeira do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino de raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

No caso dos valados fixos electrificados, subvencionarase un cercado por cada rabaño de entre 15 e 30 reses de gando menor ou de entre 5 e 10 reses de gando maior, e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número de ditas reses. O importe máximo da axuda será de 3,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 1.750 € por valado, IVE excluído.

No caso dos valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica, subvencionarase un cercado por cada rabaño de entre 25 e 50 reses de gando menor ou entre 10 e 20 reses de gando maior, e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número das ditas reses. O importe máximo da axuda será de 4,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 4.500 € por valado, IVE excluído.

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Debe tramitarse de xeito electrónico. Conta cunha contía de 500.000 euros.

Contratación de persoal

Nas axudas para a contratación de persoas coidadoras subvencionarase o investimento para a contratación de dito persoal, como elemento preventivo dos danos que poida ocasionar o lobo. Como requisito, o pastoreo exercerase sobre as reses da explotación gandeira e nos terreos destinados ao pastoreo do gando da persoa beneficiaria. Poderán acollerse a estas axudas, na primeira liña, os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro do 2024 ata o 30 de novembro de 2024; a segunda liña destínase para o mantemento, desde o 1 de xullo de 2024 ata o 30 de novembro de 2024, do posto de traballo indefinido creado ao abeiro das liñas de axudas do ano 2023. Tamén será obxecto de axuda a actividade de pastoreo que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.

A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 18.000 euros de axuda por persoa beneficiaria. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 9 €/hora efectivamente traballada.

O prazo de presentación da solicitude tamén será dun mes a partir de que se publique no DOG. Esta liña de axudas conta cun importe total de 400.000 euros.

Convocadas as axudas para as asociacións de control leiteiro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde mediante a que se convocan 750.000 euros nunha nova liña de axudas para financiar o labor que desenvolven as entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia. Poderán beneficiarse destas axudas as entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma e terceiros para a realización do control leiteiro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá. As actividades subvencionables para realizar polas entidades beneficiarias serán todas aquelas actuacións destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais. Esta achega ten como finalidade compensar en parte os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.

Convocadas as axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan este ano un total de 30 millóns de euros en axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Así, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.  O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Mentres, o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 29 de marzo deste ano. Porén, os solicitantes terán un prazo de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes. 

Posibles beneficiarios

Poden optar a estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.  Do mesmo xeito que en pasadas convocatorias, concederáselle a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

Enlace á convocatoria 

Aberto o prazo de solicitude de axudas para o fomento de razas autóctonas galegas

Hoxe publicáronse no Diario Oficial de Galicia as axudas para o fomento de razas autóctonas galegas, polo cal, queda aberto o prazo de solicitude un mes. Concederanse 220.000 euros a organizacións e asociacións de criadores de razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia. Serán subvencionables a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos, e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza.  As entidades que se poderán beneficiar son aquelas oficialmente recoñecidas para a xestión do Libro Xenealóxico das razas bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa; a ovella galega; a cabra galega; o porco celta; o cabalo de pura raza galega e a galiña de Mos. O investimento total procede dos orzamentos xerais tanto da Xunta, como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).  Os obxectivos que se perseguen con esta convocatoria de axudas son acadar unha explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade; a recuperación da variabilidade xenética das razas autóctonas de Galicia, e a súa potenciación de ser o caso; a diversificacións das  actividades económicas no medio rural e favorecer a fixación de rendas complementarias a través da produción con estas razas; o aproveitamento dos recursos naturais e o apoio e difusión da mellora xenética destas razas. Segundo o censo oficial, con data do 31 de decembro de 2022, en Galicia hai 6.029 vacas de raza cachena, 2.958 de vianesa; 1.626 de caldelá; 1.577 de limiá; 947 de frieiresa; 5.385 exemplares de ovella galega; 1.342 de cabra galega; 4.173 de porco celta; 2.098 de cabalo de pura raza galega; e 21.466 exemplares de galiña de Mos.

Anúncianse axudas de 1,5 millóns de euros para o sector apícola, que se abrirán o 8 de xaneiro

A Consellería do Medio Rural anuncia que sacará unha orde de axudas destinada ao sector apícola galego cun orzamento de case 1,5 millóns de euros. A finalidade destas axudas é mellorar a competitividade do sector a través da modernización e a optimización de equipamentos. Tamén busca loitar contra a perda de poboación das abellas e outros insectos polinizadores como consecuencia da expansión de patoloxías, o incremento de especies inimigas, como a vespa asiática, ou o cambio climático. O orzamento total para estas axudas é de 1.457.810 euros para actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, período da campaña apícola. Entre os gastos subvencionables desta orde de axudas están os servizos de asesoramento e asistencia técnica; os tratamentos contra a varroase; a adquisición de produtos para incrementar a vitalidade das colmeas en estados de risco para a supervivencia da colonia; a renovación e acondicionamento de ceras; a adquisición de material necesario para a captura, eliminación, disuasión e control da avespa velutina ou doutras especies exóticas invasoras; ou os investimentos en equipamentos que permitan a adaptación a fenómenos climáticos adversos das explotacións apícolas, para a cría e adquisición de raíñas ou para a mellora de maquinaria. Ademais, tamén se inclúen aquelas accións destinadas a mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade, facendo maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización; e sobre a posición dos apicultores na cadea de valor. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura estima que dos 100 cultivos que proporcionan o 90 % da alimentación mundial, 71 deles dependen da polinización de abellas e a produción de certas froitas, sementes e froitos secos, que podería decrecer en máis do 90 % sen a presenza dos insectos polinizadores. En Galicia, a actividade das abellas ten un grande efecto na produción de cultivos de polinización entomófila, como a maceira, a cerdeira ou o tomate, de aí a importancia de apoiar este sector, valora a Xunta. Os fondos procederán nun 50 % do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga), cunha achega de 743.905 euros, e o restante repartirase a partes iguais con fondos procedentes do Ministerio de Agricultura e da Xunta, con 371.952,5 euros. A orde de axudas do 2024 publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 8 de xaneiro e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte a que sexa recollido no DOG.

Convocadas axudas para elaboración e comercialización de viño

A Consellería do Medio Rural vén de publicar as bases das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. As persoas interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro para facer a súa solicitude. Os posibles beneficiarios destas achegas son as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, as organizacións interprofesionais e as organizacións profesionais. Serán subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4 % dos custos subvencionables totais da operación. Tamén serán subvencionables a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas. Orzamentos e obxectivos Trátase dunhas axudas anuais que se convocan por un importe de 4.500.000 euros, co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). Farase con cargo dos orzamentos xerais para o ano 2024 cunha dotación de 2.000.000 euros, e para o ano 2025 cunha dotación de 2.500.000 euros. Con esta convocatoria búscase fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario. Tamén impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos. Outro dos eixos é fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Entre os obxectivos tamén está favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións.

Convocadas as indemnizacións para compensar os danos ocasionados polo oso pardo

A Xunta de Galicia volve abrir unha convocatoria de axudas para indemnizar os danos ocasionados polo oso pardo. Esta nova liña segue á anterior na que se concederon apoios de máis de 15.000 euros a sete produtores afectados polos danos do animal na montaña de Lugo. As novas axudas comprenden os danos ocasionados polo oso entre o 1 de outubro e o 30 de setembro de 2024. Poderán ser beneficiarias as persoas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia. No caso de danos ás colmeas, estas deberán cumprir cos requisitos establecidos en materia de rexistros, identificación e programas de control e vixilancia de enfermidades obrigatorios, de acordo coa normativa de aplicación. No resto dos casos, deberase cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras, así como estar identificados, de acordo coa normativa de aplicación. No prazo máximo de tres días hábiles desde que se produza o dano, as persoas beneficiarias deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente. Deben facelo mediante unha chamada ao teléfono 012, na que se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. Para os danos constatados entre as 17.30 horas dos sábados e as 8.00 horas dos luns, a comunicación da constatación do ataque realizarase nas vinte e catro horas seguintes contadas desde as 20.00 horas do domingo. É importante non manipular o escenario para non obstaculizar o labor do persoal da escala de axentes facultativos ambientais que se desprace ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. O importe das compensacións dos danos establecerase en función das contías fixadas na orde, por animais e por danos causados. O importe asignado é de 38.000 euros. Poderá ampliarse en función das dispoñibilidades orzamentarias. Para os danos que fosen comunicados entre o 1 de outubro de 2023 e a data de publicación desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde. Para os danos ocasionados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano realizado.

Ábrese a convocatoria de axudas para plantas de biogás, ás que poden optar industrias agroalimentarias

A Consellería de Economía abre a convocatoria de axudas destinada a impulsar proxectos integrais de gases renovables. Poden ser beneficiarias destas axudas as empresas do sector transformación e comercialización agrícola, pero non granxas nin explotacións de produción primaria. A convocatoria, de concorrencia competitiva, terá aberto o prazo de solicitudes ata o 21 de febreiro. Trátase da primeira vez que Galicia conta cunha convocatoria específica para esta tipoloxía de iniciativas enerxéticas, que teñen un gran potencial e un importante carácter innovador. Conta cun orzamento de 7,5 millóns de euros co obxectivo de mobilizar ao redor de 15 millóns de euros. As axudas están dirixidas a empresas e autónomos que queiran realizar proxectos consistentes na produción de hidróxeno de orixe renovable ou de biogás e biometano para o seu aproveitamento en centros de demanda situados en Galicia, co que se pretende favorecer o uso racional de enerxías renovables. No caso do biogás e biometano, as axudas inclúen sistemas para a obtención de biogás mediante dixestión anaerobia; sistemas de almacenamento e tratamento do biogás para a obtención de biometano; sistemas de pretratamento dos residuos; sistemas de compresión para o seu transporte e almacenamento; sistemas de abastecemento; instalacións de valorización para a produción eléctrica ou térmica; sistemas de inxección á rede de gas (se existe contrato de venda cun consumidor localizado en Galicia); equipos que empreguen biogás e biometano como combustible; sistemas auxiliares e de control; obra civil asociada; instalación e posta en marcha; proxecto técnico e de legalización. A axuda máxima por proxecto será de 2,5 millóns de euros, no caso de proxectos de hidróxeno renovable, e de 2 millóns de euros para os de biogás e biometano con intensidades de axudas entre o 45 e o 65 %, dependendo do tamaño da empresa. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable ao autoconsumo enerxético.

Os produtores de Galicia recibiron menos do 30 % do anticipo de axudas directas da PAC

Galicia sitúase na cola dos anticipos de axudas directas da PAC que as Comunidades Autónomas deberían facer efectivo antes de finalizar o mes de novembro. Se se comparan as cantidades que anticiparon as administracións autonómicas cos pagos realizados directos na pasada campaña, os agricultores e gandeiros galegos recibiron menos do 30 % dos abonos. Así o denuncia a organización Unión de Uniones, que constata que o anticipo anunciado do 70 % de axudas directas da PAC quedouse ao redor dun 41 % de media en toda Esaña, polo que a maior parte das rexións sitúase moi por baixo desa porcentaxe. A Comisión Europea autorizou aos Estados membros a realizar o devandito anticipo ante as dificultades da presente campaña. Este anticipo podía facerse efectivo entre o 16 de outubro e o 30 de novembro, data na que os organismos xa poden realizar os pagos ordinarios. O anticipo debería chegar a supor o adianto duns 3.350 millóns de euros aos agricultores e gandeiros, segundo a estimación do Ministerio de Agricultura. Con todo, as solicitudes de prefinanciación das Comunidades Autónomas xa rebaixaron inicialmente esa cifra ata os 2.759,4 millóns de euros, o que xa suporía algo menos do 58 %.
Só Castela e León e Navarra se aproximaron ao 70 %, mentres que Asturias, Cataluña e Cantabria non realizaron ningún pago
Segundo os datos de pagos do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA), a data de 26 de novembro, as Comunidades Autónomas abonaran só 1.952,6 millóns de euros, o que representa un escaso 41 % das axudas directas. "Anuncian o anticipo do pago da PAC do 70 % aos catro ventos e logo queda ao final en pura propaganda", critican desde a organización. As únicas rexións que se aproximaron ao 70 % son Castela e León e Navarra. Pola contra, Asturias, Cantabria e Cataluña non realizaron ningún pago. No vagón da cola sitúanse, xunto coa comunidade galega, Baleares, Estremadura, Madrid, Comunidade Valenciana e Murcia, que realizaron abonos por baixo do 30 %. A Rioxa, Castela A Mancha, Aragón e País Vasco estarían nunha marxe do 30 ao 40 %, mentres que Andalucía anticiparía preto dun 50 %. Cabe destacar que, segundo Unión de Uniones, a maior parte das cantidades abonadas correspóndense con adiantos da axuda básica, a redistributiva e o complemento a mozos. En moi poucas Comunidades Autónomas (Castela e León, Comunitat Valenciana, Navarra, fundamentalmente), se pagaron anticipos sobre os ecorrexímenes ou as axudas asociadas. Desde a organización explican que as administracións se escusan en que o período de solicitude se ampliou ata o 30 de xuño e deixou menos prazo para que se fagan os controis necesarios para o pago. "Con todo, o que non din é que, en moitos sitios, aínda que a fiestra se abrise oficialmente o 1 de febreiro, non se puideron presentar expedientes ata mediados de abril", lembran. Engaden que os prazos foron os mesmos para as que pagaron e para as que non. Unión de Unións considera que é unha cuestión de previsión, de axilidade administrativa e de vontade política.

Importes provisionais das axudas asociadas á gandería da PAC 2023

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar os importes unitarios provisionais das axudas asociadas á gandaría, correspondentes á campaña da PAC 2023. O pago das axudas realízase en dous períodos: un anticipo do 16 de outubro ao 30 de novembro do ano de solicitude da axuda, e posteriormente efectúase o pago do saldo, entre o 1 de decembro ao 30 de xuño do ano natural seguinte ao de solicitude. Para a campaña 2023, o pago do primeiro saldo a partir do 1 de decembro poderá alcanzar até o 90% do importe total da axuda. Para as axudas ás que se poderá abonar o primeiro saldo a partir do 1 de decembro, as asignacións financeiras do mencionado anexo XXI para a campaña 2023 son: - Axuda asociada para os gandeiros extensivos de vacún de carne: 186.610.000 euros - Axuda asociada para a produción sustentable de leite de vaca: 122.000.000 euros - Axuda asociada para os gandeiros extensivos e semiextensivos de ovino e caprino de carne: 131.620.000 euros - Axuda asociada para a produción sustentable de leite de ovella e cabra: 44.680.000 euros - Axuda asociada para os gandeiros extensivos e semiextensivos de ovino e caprino sen pastos á súa disposición e que pastorean superficies de rostroballos, barbeitos e restos hortofrutícolas: 20.000.000 euros Os importes unitarios provisionais revisados para o pago do primeiro saldo quedan fixados en: Con posterioridade, a partir da nova información que remitan as comunidades autónomas correspondente ao número total de animais subvencionables tras os controis para o cobro das axudas en abril do próximo ano, establecerase o importe unitario definitivo, co cal se poderá realizar o segundo pago do saldo das axudas ao 100%.

Descarga aquí a nota informativa do FEGA