Archives

Reunión este mércores en Castroverde con explotacións con axudas de incorporación

Na área de Servizos Agrarios de Lugo están a realizarse reunións cos titulares de subvencións para informar respecto a a presentación de solicitudes de pago de expedientes de axuda para explotacións agrarias e incorporación de mozas pertencientes aos períodos 2022 e 2023, na súa fase de certificación dos investimentos e compromisos previstos. Así, realizouse unha primeira reunión no Edificio Administrativo de Lugo, o día 21 de marzo e posteriormente na Casa de Cultura de Sarria, o día 17 de Abril e para o día 24 de Abril, está prevista unha reunión na Sala da Oficina Rural de Castroverde, ás 12 da mañá. O obxectivo das charlas é informar e lembrar os prazos de certificación, posibles prórrogas de execución, documentación a presentar, formalidade de facturación, baremo de puntuación que afecta os expedientes, e así evitar posibles incumprimentos que teñan como consecuencia o decaemento total ou parcial do dereito para cobrar a axuda. Recoméndase que ante a dúbida, pasen a consultar con suficiente antelación a evolución da execución dos expedientes, nas Oficinas Rurais dependentes da Consellería do Medio Rural.

Publicada a prórroga ata o 22 de abril para solicitar as axudas de incorporación e plans de mellora

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se amplía o prazo ata o 22 de abril -un mes máis do previsto inicialmente- para solicitar as axudas de apoio os investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos. Deste xeito, os interesados disporán de máis tempo para tramitar estas subvencións, que teñen unha gran importancia no agro galego. A convocatoria destas achegas publicouse o pasado día 22 de xaneiro no DOG, cunha dotación económica de 47 millóns de euros. Estas subvencións pertencen ao Plan estratéxico da política agraria común (Pepac) de España 2023-2027. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Mediante estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ademais, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Reparto de partidas

En particular, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 28 millóns (27 para as explotacións e 1 millón, en concreto, para as de pequeno tamaño); para a incorporación de mozos ao agro destínanse 16 millóns de euros, aos que se lle suman 3 millóns dunha nova liña destinada para persoas de entre 41 e 55 anos.

Ligazón á publicación no DOG

Plans de mellora e axudas de incorporación: A Xunta amplía ata o 22 de abril o prazo de presentación de solicitudes

A Xunta decidiu ampliar ata o vindeiro día 22 de abril -un mes máis- o prazo de presentación de solicitudes das axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos. Deste xeito, os interesados disporán de máis tempo para tramitar estas subvencións, que teñen unha gran importancia no agro galego. O prazo inicial era de dous meses e a súa ampliación publicarase en vindeiras datas mediante a correspondente disposición no Diario Oficial de Galicia (DOG). A convocatoria destas achegas publicouse o pasado día 22 de xaneiro no DOG, cunha dotación económica de 47 millóns de euros. Estas subvencións pertencen ao Plan estratéxico da política agraria común (Pepac) de España 2023-2027. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Reparto de partidas

En particular, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 28 millóns (27 para as explotacións e 1 millón, en concreto, para as de pequeno tamaño); para a incorporación de mozos ao agro destínanse 16 millóns de euros, aos que se lle suman 3 millóns dunha nova liña destinada para persoas de entre 41 e 55 anos.

Cambios para facilitar a solicitude das axudas de plans de mellora e incorporación

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se aproban dous cambios para facilitar a solicitude das últimas axudas para plans de mellora e incorporación de mozos ao agro. En concreto, ata o de agora non era posible presentar unha solicitude para as axudas de mellora e incorporación mentres a anterior convocatoria non se tivera resolto. Un requerimento que estaba a obstaculizar o acceso de moitos agricultores e gandeiros a unha liña de apoio público fundamental para as explotacións e o tecido socioeconómico do rural no seu conxunto. Con este cambio axilízanse os trámites administrativos co obxectivo de facilitar a xestión aos potenciais beneficiarios dunha liña cuxa actual convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro día 22 de marzo. Modifícase a letra g) do número 1 do artigo 26 da convocatoria de axudas, que queda redactado como segue: «g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión fose notificada, sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde». Asemade, modifícase a letra g) do número 1 do artigo 32, que queda redactado como segue: «g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, cuxa resolución de concesión fose notificada, sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde».

Unións Agrarias destaca que é un logro da organización 

Precisamente, a organización Unións Agrarias mantivo este xoves un encontro con representantes da Consellería do Medio Rural, no que lle anunciaron esta modificación. “Trátase dunha petición que Unións Agrarias levaba tempo realizando co obxectivo de facer estas achegas máis sinxelas, accesibles e operativas; e que o secretario técnico de Medio Rural se comprometeu a facer efectiva de inmediato, como publica hoxe o DOG”, destacan dende UUAA.

O SLG denuncia que segue sen abonarse a PAC do 2023 a moitos beneficiarios

O Sindicato Labrego Galego calcula que a día de hoxe hai varios milleiros de granxas que inda non cobraron absolutamente ningún dos importes e anticipos da PAC anunciados pola Xunta en novembro pasado, de igual xeito que tamén están sen pagar as contías asociadas aos ecorrexímenes. "Non se deron pagado en decembro porque a Administración non fixo os trámites requeridos para proceder aos mesmos e a 24 de xaneiro inda non cobrou ninguén", denuncia o SLG.  "Esta situación de incerteza económica na que se atopan milleiros de granxas galegas débese á mala organización da Consellería do Medio Rural, polo que esiximos que dote ao Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) de persoal e medios dabondo para poder tramitar os expedientes en tempo", solicita Ana Rodríguez, economista do SLG especialista en políticas agrarias.  Retrasos nas resolucións de plans de mellora e incorporacións O Sindicato Labrego tamén denuncia que seguen pendentes de publicación pola Consellería as resolucións das axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións do ano 2023 cando este luns se publicou no DOG a convocatoria destas axudas para 2024.
Vén de publicarse a convocatoria do 2024 cando aínda están pendentes de resolución das solicitudes de plans de mellora e axudas de incorporación do 2023
Este feito implica consecuencias negativas directas para as granxas solicitantes, xa que, por unha banda, "aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2023 o proceso de instalación inicial contando con obter esta axuda, perderán a posibilidade de solicitala, ao seren xa titulares de granxas, precisamente por térense tomado o traballo de ir arrancando xa o proxecto", denuncia Ana Rodríguez.  Ademais, as persoas que teñan posibilidades de obter a axuda na nova convocatoria publicada, perderán varios días ou semanas do prazo establecido para a mesma, aberto desde o pasado 22 de xaneiro, ao notificárselle a denegación do 2023 coa nova convocatoria xa en marcha.
É necesario que o prazo para solicitar as axudas de incorporación á actividade agraria estea aberto todo o ano
"Queremos chamar a atención sobre a irresponsabilidade da Consellería ao reincidir nunha cuestión que prexudica un aspecto socialmente tan sensible como é a incorporación de novas persoas labregas á produción de alimentos. A tendencia ao despoboamento do medio rural é patente, e prevese que 6 de cada 10 persoas que se adican arestora á produción de alimentos estean xubiladas no ano 2030", alerta o SLG. Para dinamizar a incorporación de persoas mozas á actividade agraria, desde o Sindicato Labrego reiteran á Xunta de Galicia a demanda de que o prazo de solicitudes de axudas de incorporación estea aberto durante todo o ano, non unicamente durante dous meses, tal como está establecido neste momento.

Axuda de incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos: Claves para solicitala

A Consellería do Medio Rural publicou este luns a convocatoria de axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas -os coñecidos como plans de mellora-, así como para a creación de empresas de agricultores mozos, para o desenvolvemento de pequenas explotacións e, como novidade, para a incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos. Esta última medida, á que se destina un orzamento de 3 millóns de euros, tamén a aprobou este ano a veciña comunidade de Asturias. O seu obxectivo é intentar paliar a grave falta de relevo e de activos nun sector estratéxico para a sociedade, como é o da produción de alimentos. Ampliar as axudas de incorporación máis alá dos 40 anos é unha vella reivindicación das organizacións agrarias e beneficia especialmente a persoas que se incorporan dende outras actividades profesionais, moitas veces na busca dun traballo con maior estabilidade, en contacto coa natureza e que permita conciliar mellor a vida laboral e familiar. Resumimos a continuación as claves desta nova liña de axudas:

Quen a pode solicitar?

As persoas que desexen acceder ás axudas para o establecemento de persoas agriculturas novas deberán cumprir os seguintes requisitos: a) Ter entre 41 e 55 anos de idade, ambos incluídos. b) Cumprir coas condicións necesarias para ser xefe de explotación por primeira vez ou tela cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude da axuda. c) A explotación en que se promove a instalación debe alcanzar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia. d) Posuír o nivel de capacitación profesional mínimo de 150 horas no prazo máximo de 36 meses desde o momento do establecemento.

Que documentación hai que presentar?

e) Presentar un plan empresarial co seguinte contido mínimo: a. Unha descrición da situación inicial da explotación agraria, indicando as fases e os obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación. b. Unha descrición da situación unha vez realizado o plan de empresa, incluíndo, polo menos, os seguintes datos: i. Superficie da explotación, especificando a superficie dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva. ii. Maquinaria, equipamentos, melloras territoriais e edificacións. iii. Composición e dedicación da man de obra. iv. Plan de produción, que incluirá información relativa á produción bruta de cada actividade produtiva, aos gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación. v. Análise económica do proxecto. Esta análise incluirá: previsións económicas, estrutura de financiamento e rendibilidade. vi. Actuacións que se van realizar. c. Un plan de investimentos (información detallada sobre investimentos e prazos), se é o caso, en que indiquen as melloras que se van realizar, establecendo o seu impacto no cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación), que inclúa medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo auga eficiente, etc., e no cal figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea-estatal-autonómica así o require, prestando especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000. d. Información detallada, se é o caso, sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agraria, incluíndo as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos. f) Permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda. g) Participar no programa de titorización ás persoas agricultoras novas que presta a Consellería do Medio Rural. O proceso de incorporación deberá ser tutelado polo persoal técnico agrario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural do ámbito territorial da área comarcal onde se localice a explotación agraria. h) Non ter recibido axuda por primeira instalación, nin considerarse instalado.

Contía máxima da axuda:

1. O importe da axuda será de 25.000 euros, que poderá incrementarse ata os 55.000 euros en función da aplicación dos seguintes criterios: a) 10.000 euros por ser muller. b) 10.000 euros por explotación localizada en zonas con limitacións naturais de montaña. c) 10.000 euros por explotación de agricultura ecolóxica. d) 10.000 euros por titularidade compartida. No suposto de que se instalen varias persoas simultaneamente na mesma explotación, os incrementos establecidos nas alíneas b), c) e d) repartiranse a partes iguais entre as persoas que se instalen. 2. No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 25.000 euros.

Para máis información contacte aquí coa súa oficina agraria comarcal

Convocadas as axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e de persoas maiores de 41 anos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos, e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que contan cun orzamento total de 47 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no DOG. Estas subvencións pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural. En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) será en 2024 de 27 millóns de euros; para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 16 millóns de euros, aos que se lle suman 3 millóns dunha nova liña destinada para persoas entre 41 e 55 anos, e, por último, para pequenas explotacións haberá 1 millón de euros.

Link á orde no DOG

Anúnciase un aumento de 6,5 millóns de euros no orzamento para Plans de Mellora no 2024

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión deste xoves destinar 47 millóns de euros en 2024 “ás axudas para promover a incorporación de profesionais ao agro e mellorar as explotacións”, cun incremento de 6,5 millóns de euros na partida destinada á modernización das granxas. En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como Plans de Mellora) será o vindeiro ano dun total de 27 millóns de euros; para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 16 millóns de euros, aos que se suma por primeira vez unha nova liña destinada para persoas entre 41 e 55 anos (dotada de 3 millóns de euros). Por último, haberá achegas para pequenas explotacións (1 millón de euros).
O orzamento para Plans de Mellora pasa de 20,5 millóns de euros en 2023 a 27 millóns en 2024; mentres as axudas de incorporación pasan de 16,5 a 16 millóns
Estas subvencións pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural. Primarase o uso de madeira estrutural nos establos e naves Nas axudas para investimentos nas explotacións agrícolas, subvencionarase o uso de madeira estrutural nas infraestruturas que se inclúan dentro dos plans de mellora, na liña da aposta da Xunta polo emprego deste material na construción. Ademais, tal e como indicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, poderán usarse as achegas para “comprar maquinaria, reformar as instalacións ou adquirir novos terreos”. No caso das axudas para pequenas explotacións, a axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio, que terá unha duración de 24 meses.

Cinco claves para cumprir cos requisitos das axudas de incorporación de xente moza

As axudas de incorporación de xente moza ó agro están a ser unha das liñas destacadas tanto polo número de beneficiarios, que o ano pasado ascendeu a 353, coma pola contía da achega, que pode acadar os 70.000 euros. No procedemento para optar a estas subvencións establécense unha serie de prazos a cumprir que se volven decisivos para percibir a axuda ou evitar penalizacións parciais. “Ter moi en conta as datas marcadas é fundamental polas consecuencias que pode supoñer á hora de recibir a subvención”, apunta Pablo Gómez Casas, xefe de servizo de explotacións e asociacionismo agrario da Consellería de Medio Rural,que recentemente falou sobre a incorporación nunha xornada da feira Cimag Gandagro.

Fitos principais das axudas de incorporación

Dende a Consellería de Medio Rural destacan 5 fitos a ter en conta á hora de tramitar ou xustificar este tipo de axudas, xa que incumprir algún destes aspectos pode supoñer quedar sen a subvención ou ter unha penalización. Repasámolos a continuación:

1_ Control efectivo da explotación.

Para poder optar a estas axudas debe xustificarse que o solicitante se instala e asume os riscos que supón esta actividade empresarial. No caso de que o interesado figure na explotación como persoa física abonda con que teña o rexistro da da actividade, como xustificante de que asume o risco de xestión que supón. Mentres, no caso das ganderías nas que se figure como persoa xurídica é preciso xustificar a participación da persoa que solicita a axuda. Deste xeito, o solicitante debe ter un capital igual ou maior que a persoa que maior participación teña na explotación. Se non se cumpre, pode denegárselle a axuda. Se por algún motivo ó longo do plan empresarial que dura 24 meses, o solicitante deixa de ter o control efectivo da explotación as penalizacións varían, en función de se é no primeiro ou segundo ano, e poden chegar a ser do 20 ou 40% da axuda.

2_ Proceso de instalación.

O proceso de instalación iníciase cando se completa algún dos seguintes trámites: - Alta na Axencia Tributaria. -Alta na Seguridade Social. -Alta do Reaga. -Subscribirse e desembolsar o capital social, de ser o caso. O proceso finalízase cando se completan todos estes trámites. Neste apartado cómpre ter presente as seguintes datas, xa que son decisivas para a concesión das axudas: -Data de establecemento. É a data na que se realiza ou completa a primeira acción relacionada co proceso de instalación. Se é anterior a 24 meses da solicitude é motivo para denegar a axuda. -Data de instalación. É a data en que se dá por finalizado o proceso de instalación. Se a data de instalación é anterior á data de solicitude non se recibirá a axuda. Se a data de instalación é posterior ó límite de 9 meses seguintes á concesión da subvención tamén se cancela a axuda.

3_ Agricultor activo e profesional.

Un dos requisitos mínimos para poder acceder a este tipo de axudas é que o titular sexa un agricultor activo e profesional. Esta definición supón que debe exercerse a actividade agraria, asumir o risco que esta representa e o 50% da renda total ten que proceder desta. Debe dedicar polo menos a metade da súa xornada laboral a esta actividade. Estas condicións deben cumprirse como mínimo nos 18 meses seguintes dende a data de instalación da explotación, xa que é un incumprimento excluínte, co que se retira o 100% da axuda.

4_ Capacitación profesional.

Para poder optar a estas axudas é preciso dispoñer dunha capacitación profesional da actividade agraria ou gandeira. Esta capacitación xustifícase acreditando algunha destas formacións: -Titulación académica. -Curso de capacitación de 250 horas. -Curso de 250 horas homologados. É preciso contar con algunha desta formación nos 36 meses seguintes dende a data de instalación. De incumprirse, a penalización varía e pode chegar a perderse a totalidade da axuda se non se acredita a formación. Se non se acada o 50% dos módulos, hai unha penalización de entre o 20 e o 40% da axuda. Se acada o 50% dos módulos pero non se ten programado o resto, esta penalización é de entre o 5 e o 10% e se se ten programado o resto redúcese a un desconto do 1 ou 2% da axuda.

5_ Plan empresarial.

Os solicitantes destas axudas tamén están obrigados a presentar un plan empresarial realizado por un técnico no que se detallen cuestións como a situación inicial, as fases e obxectivos, as actuacións previstas (medioambientais, eficiencia de recursos, investimentos, formación, asesoramento). Este plan debe abarcar os 24 meses seguintes dende a data de instalación. No que se refire ó plan empresarial, os solicitantes poden perder a axuda se non se dedica polo menos a metade da xornada laboral a esta actividade, se non se acada unha Renda Unitaria de Traballo (RUT) do 35% ou se non se acada a dimensión física mínima. Tamén pode haber unha penalización do 50% se se cambia a orientación produtiva das instalacións e esta penalización pode reducirse a un 20% se a pesar de facerse o cambio as instalacións son compatibles, por exemplo se se cambia dunha gandería de vacún leite a unha de carne.

Compromisos

Ó recibir estas axudas, o solicitante tamén ten uns compromisos ó longo dos cinco anos seguintes. Así, para as convocatorias do 2022 debe manterse a actividade ata o 26 de xaneiro do 2028 e contar co correspondente seguro agrario. Ademais, naqueles casos onde se percibira axuda pola creación de emprego, debe manterse eses postos e o material e maquinaria adquirido con esta subvención.

As cifras das axudas de incorporación na convocatoria 2022

As axudas de incorporación de xente moza ó agro en Galicia mobilizaron na última convocatoria preto de 14 millóns de euros. En concreto, dos 15 millóns destinados para estas partidas procedentes de fondos europeos repartíronse un total de 14.989.000 euros, segundo indicaron dende a Consellería de Medio Rural. Nesta convocatoria presentáronse 546 solicitudes, das que 117 foron desestimadas e outras 33 foron rexeitadas por non cumprir cos requisitos. Mentres, un total de 43 solicitudes quedaron excluídas pola falta de fondos. A denegación de axudas suscitou malestar no agro, que critica á Consellería, en tanto Medio Rural pronostica que na convocatoria 2023 non haberá eses problemas. A maior parte das solicitudes foron presentadas por homes (60%) aínda que como sinalan dende a Consellería está a incrementarse o número de peticións realizadas por mulleres.
Increméntase o número de solicitudes procedentes de ganderías de vacún de carne
A maior parte das solicitudes foron por axudas básicas, de 30.000 euros. Mentres, un 12% optaron pola contía máxima, de 70.000 euros, onde é preciso aportar unha xustificación detallada. Outro 11% tramitaron a axuda dos 50.000 euros. A maioría das solicitudes proceden de ganderías de vacún de leite (35%), pero nesta convocatoria sitúanse parellas as peticións para granxas de vacún de carne. Así, un 30% das solicitudes procedían deste tipo de ganderías.

O SLG pide a ampliación do prazo de tramitación das axudas de incorporación

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, vén de dirixirse á Consellaría do Medio Rural para denunciar múltiples incidencias na convocatoria da orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, para o apoio a investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións e se convocan para o ano 2023, que conta cun mes de prazo para a súa solicitude. "O proceso de tramitación por parte do persoal técnico do SLG está a evidenciar numerosos obstáculos que afectan directamente ás posibilidades de acceso das persoas agricultoras mozas", denuncian. Por unha parte, constátanse problemas no funcionamento do MELLES, a aplicación informática para a súa tramitación, que afectan por exemplo á xeración de documentos como o Anexo VII. Por outra, o propio texto da orde está a resultar problemático, ao presentar erros que afectan ás fórmulas para o cálculo dos módulos de certos investimentos, dificultando o asesoramento aos solicitantes e a elaboración dos estudos económicos. Tamén se realizaron modificacións nos criterios de cálculo económico do plan empresarial, o que obriga a refacer e repensar expedientes que xa estaban en proceso.
O SLG non entende as trabas á incorporación de mozos e mozas, cando as estatísticas vaticinan que 6 de cada 10 profesionais do sector estarán xubilados no ano 2030
Canda estas incidencias e variacións, chama a atención a modificación dos criterios para a selección dos beneficiarios. Por exemplo, o artigo 31.1., relativo aos requisitos das persoas beneficiarias, indica a necesidade de "ser titular dunha explotación agraria inscrita, polo menos cunha antigüidade dun ano, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, excepto para as persoas mozas que soliciten nesta mesma convocatoria a axuda para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, ou que se produza unha fusión entre diferentes explotacións". "Este cambio de redacción con respecto á convocatoria pasada deixa fóra destas axudas granxas de nova creación que terían que agardar un ano para consolidar o seu proxecto de incorporación", denuncia o SLG. 
Aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2022 o proceso de instalación inicial contando con obter este ano un plan de mellora perden agora a posibilidade de solicitalo
Ademais, a orde deste ano especifica que as persoas solicitantes da axuda de incorporación xunto coa axuda de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas da anterior anualidade, non poderán agora solicitar de novo a axuda de apoios aos investimentos nas explotacións agrícolas (plan de mellora), tanto se teñen esta liña aprobada na anterior anualidade como se non. "Ademais de resultar totalmente inxusto que se retire este apoio ás persoas mozas que deciden iniciar un proxecto agrogandeiro, a prohibición deste aspecto non fica recollido como tal na orde", denuncia Isabel Vilalba. Á vista destas numerosas incidencias, dende o Sindicato Labrego Galego veñen de solicitar formalmente á Consellaría do Medio Rural a ampliación do prazo de presentación das solicitudes de axuda e que se permitan solicitar plans de mellora aos beneficiarios da axuda de incorporación na campaña anterior.

Denegación de axudas de incorporación e plans de mellora: Medio Rural lembra que son por “concorrencia competitiva” e destaca que as de 2023 contarán con máis orzamento

A Consellería do Medio Rural responde ás críticas pola denegación de axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións da convocatoria 2022, lembrando que estas achegas son por “concorrencia competitiva”, ao tempo que destaca que as de 2023 contarán con máis orzamento. En concreto, e en resposta a Campo Galego, o departamento que dirixe José González lembra que” como se especifica na orde de axudas, estas achegas son por concorrencia competitiva”. “É dicir, como acontece coa práctica totalidade das convocatorias, hai un orzamento pechado e distribúense as axudas en función da puntuación acadada segundo os criterios de baremación”, engade.  No caso de incorporacións de mozos ao agro, dende Medio Rural destacan que as 353 axudas por un montante total de 15 millóns de euros, “supoñen un aumento dun 28% do número de solicitudes aprobadas con respecto á última convocatoria, a de 2020, pola que se concederan 278 achegas por 10,3 millóns”. Por último, dende a Xunta lembran que “os interesados poden solicitar axuda atendendo á convocatoria deste ano actualmente aberta, que incrementa o orzamento global ata os 38,8 millóns de euros, dos que 20,5 millóns irán destinados a plans de mellora, 16,5 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 1,8 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións”.

Queixas polas numerosas axudas de incorporación e plans de mellora denegadas por Medio Rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria 2022 das axudas de plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións. Tanto o Sindicato Labrego Galego como Unións Agrarias denuncian as numerosas solicitudes denegadas por Medio Rural debido á insuficiente dotación presupostaria, un problema que advirten que se vai agravar aínda máis na convocatoria deste ano. En concreto, nas axudas de incorporación de mozos ao sector agrogandeiro, para as que había un orzamento de 15 millóns, a Consellería concedeu 353 solicitudes pero denegou 76; para os plans de mellora, que contaban cun orzamento de 20 millós, resolvéronse positivamente 485 pero denegáronse 180 solicitudes, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que tiñan asignado un orzamento de 2,5 millóns, a Consellería do Medio Rural concedeu 166 e denegou 67 solicitudes.

Sindicato Labrego: “Denéganse a axudas a pequena e medianas granxas que cumprían os requisitos”

Dende o Sindicato Labrego Galego advirten de que “unha vez máis, e ao igual que aconteceu recentemente cas axudas complementarias ao sector cárnico ou á produción ecolóxica, a Xunta de Galicia voltou denegar estes apoios económicos públicos a pequenas e medianas granxas que cumprían cos criterios establecidos nas mesmas”. A organizacion critica “a absoluta irresponsabilidade da Administración galega, que nun contexto de tendencia ao despoboamento do medio rural e no que a previsión é que 6 de cada 10 persoas que se adican arestora á produción de alimentos estea xubilada no ano 2030, deixa sen apoio económico público a 74 novas granxas galegas”. Ademáis, lembran que “a resolución do 2022 chega unha vez que xa se iniciou o prazo de solicitude da nova convocatoria 2023, procedemento que non só non se axusta aos prazos de resolución establecidos pola Administración, senón que implica consecuencias directas negativas para as granxas solicitantes”. En concreto, advirten de que “por unha banda, aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2022 o proceso de instalación inicial contando con obter esta axuda, perden agora a posibilidade de solicitala, ao seren xa titulares de granxas, precisamente por terse tomado o traballo de ir arrancando xa o proxecto, pero ademáis as persoas que teñan posibilidades de obter a axuda nesta nova convocatoria, perderon varios días do prazo establecido para a mesma -aberto actualmente-, ao enterarse hoxe da súa denegación”. Neste senso, dende o Sindicato Labrego reiteran a súa demanda á Xunta de Galicia de que “a solicitude de axudas de incorporación á actividade agraria estea aberta durante todo o ano, non unicamente durante o prazo dun mes establecido arestora, a fin de adecualo á realidade das necesidades da produción agroalimentaria do noso país”.

Unións Agrarias: “”Hai unha clara falta de previsión por parte de Medio Rural”

Dende Unións Agrarias o seu secretario de Servizos, Óscar Pose, asegura que estas denegacións “se deben á clara falta de previsión por parte da Consellería de Medio Rural que non consignou o orzamento necesario para atender as solicitudes”. Unha falta de orzamento que se agravou, no caso das axudas de incorporación, polo cambio de criterios na convocatoria das axudas: “Até agora esta axuda só se podía destinar á posta en marcha da explotación, destinándose básicamente á compra de gando, pero na convocatoria 2022 Medio Rural elevou o tope da axuda a 70.000 euros por solicitude e ampliouna a calquera investimento, como maquinaria..etc, co que moitos solicitantes aos que non lle cubría a axuda do plan de mellora meteron o investimento na axuda de incorporación”. Ademáis, Óscar Pose advirte de que na convocatoria deste ano vaise repetir a situación, “xa que o orzamento é o mesmo é ás solicitudes de novas incorporacións e plans de mellora deste ano vánselle sumar as das persoas que viron a súa denegada o pasado ano”. “Hai unha clara falta de presuposto da Xunta para apoiar a tan necesaria incorporación de xente nova ao agro e de modernización das explotacións”, conclúe.

A Xunta anuncia 38,8 millóns de euros en 2023 para axudas de plans de mellora e incorporación de mozos ao agro

O Consello da Xunta vén de coñecer hoxe a próxima orde de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que contarán en 2023 cun orzamento de 38,8 millóns de euros, unha cifra lixeiramente superior aos 37,5 millóns de euros que se destinaron neste ano. Estas subvencións pertencen ao Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A liña de incorporación de mozos está integramente financiada co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), mentres que as outras dúas liñas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 20,5 millóns de euros; para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 16,5 millóns de euros e, por último, para o desenvolvemento de pequenas explotacións haberá 1,8 millóns de euros.

Exención da achega de garantías para os beneficiarios das axudas de incorporación

Ademais, no marco desta orde de axudas para o 2023, o Consello da Xunta tamén aprobou a exención da achega de garantías para os beneficiarios da liña correspondente á creación de empresas para as persoas agricultoras mozas. Así, os solicitantes que reciban axuda para incorporarse á actividade agraria só estarán obrigados a verificar a conformidade do seu plan empresarial, sen ter que presentar unha garantía do 100 % do importe a aboar no pagamento a conta nin verse sometidos a controis a posteriori. Así, a axuda terá carácter de pagamento a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 24 meses.

Amplíase ata o 15 de outubro o prazo para presentar licenzas e permisos para plans de mellora e axudas de incorporación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía nun mes -ata o 15 de outubro- o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes ás axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións.

A ampliación do prazo decídese, un ano máis, ante as peticións de diferentes colectivos e tendo en conta o elevado número de solicitudes e a complexidade urbanística e sectorial dos expedientes de solicitude de licenza ou permiso administrativo que dificultan a finalización dos procedementos de autorización. A orde entra en vigor mañá, día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

O orzamento da convocatoria de 2022 -encadrada no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020- chega aos 37,5 millóns de euros. En concreto, 20 millóns irán destinados a plans de mellora, 15 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 2,5 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Ademais e como novidade nesta convocatoria de axudas, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal, no marco da Lei de recuperación da terra agraria.

Ao abeiro da última convocatoria -a de 2020- un total de 715 beneficiarios recibiron axuda para acometer plans de mellora, 278 mozos e mozas obtiveron subvención para incorporarse ao agro e 213 persoas solicitantes conseguiron achega para a creación de pequenas explotacións.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220914/AnuncioG0426-120922-0002_gl.html