Archives

Desaparece a Axencia Galega da Industria Forestal

O cambio de Goberno autonómico está a trastocar non só as caras visibles nas distintas consellerías e postos intermedios, senón o propio organigrama da Xunta de Galicia. O Goberno autonómico decretou hoxe a extinción da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, un organismo que se puxera en marcha no 2017 para dar resposta a unha aspiración histórica de toda a cadea forestal madeira. A decisión da Xunta de extinguir a actividade de XERA inclúe outra medida adicional: traspasar as súas competencias, en materia de industria forestal, da Consellería de Medio Rural á Consellería de Economía. A partir de agora, a interlocución da cadea da madeira será a Secretaría xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético. Os cambios están a causar esta mañá preocupación no sector forestal e da madeira, que non era coñecedor da decisión da Xunta. A medida interprétase como un importante paso atrás nas políticas públicas ligadas co monte e coa industria da madeira, pois non só se suprime XERA, senón que se dividen as competencias da cadea forestal - madeira en dúas Consellerías. Estratexia forestal e da madeira Se na anterior lexislatura, se perfilara un Plan Forestal, e ligado a el, estaba deseñándose un plan estratéxico para a industria da madeira, esta lexislatura encamiñábase a poñer en marcha políticas para avanzar cara os obxectivos sinalados en ambos plans. Unha das liñas de traballo xa definidas era a de impulsar a construción pública en madeira, un compromiso que asumira a Xunta o pasado outono, coa idea de que a iniciativa pública servise de exemplo á privada á hora de estender os novos usos da madeira. Que vai ser dese compromiso e das liñas de traballo de XERA en apoio á industria forestal – madeira son agora unha incógnita. Sobre a mesa de Medio Rural queda tamén pendente a posta en marcha do Rexistro galego de carbono, unha iniciativa que estaba sendo liderada por XERA e que se esperaba para este ano. Preocupación no sector A sustitución do conselleiro saínte, José González, por María José Gómez, xa encendera luces de alerta en todos os sectores produtivos do agro, tanto nos gandeiros como nos forestais, pois distintas entidades consultadas nos últimos días aseguraban non entender como, tras 6 anos de González executando a planificación estratéxica do agro, con medidas como o Plan Forestal ou a Lei de Recuperación de Terra Agraria, se lle apartaba da Consellería xusto cando se esperaba que nesta lexislatura se plasmase todo ese traballo previo. A supresión de XERA afonda na sensación que viña transmitíndose no sector nos últimos días, de ‘borrón e conta nova’ na Consellería, na que se agarda un perfil máis baixo, con menor acción executiva.

Presentan un parqué de madeira maciza elaborado con nogueira e cerdeira de Galicia

Bosques de madeiras nobres plantados en Galicia convértense en parqués de luxo, pechando o ciclo con rastrexabilidade e sustentabilidade. Este é o proxecto ecoinnovador que realizou a marca Woodna e que se presentou este xoves na súa finca de Boimorto. Na presentación douse conta do traballo realizado con apoio da Axencia Galega dá Industria Forestal, dentro da súa liña de axudas aos investimentos da industria que desenvolven solucións ecoinnovadoras baseadas na madeira. Finca de Woodna en Arzúa. Froito deste proxecto, preséntase un parqué de madeira maciza de alta gama, que está formado por lastras cortadas a testa. É un parqué extremadamente duro para chans de alto tránsito e con alta condutividade para calefacción radiante-refrescante. A súa alta resistencia ao impacto e á abrasión aseguran a súa durabilidade con 30 anos de garantía. Trátase dun produto natural que une a dureza da pedra e a calidez da madeira, e que ofrece a máxima rastrexabilidade e sustentabilidade, en liña coas demandas dos mercados internacionais máis esixentes. Parqué de madeira maciza de nogueira e cerdeira. Woodna é unha marca da empresa Bosques Naturais S.A., que xestiona máis de 1.000 hectáreas de bosques plantados de nogueira e cerdeira en varios lugares da Península. Está a desenvolver un plan de expansión comercial en España e Latinoamérica, aliado coa potente marca internacional Drakkar, centrada na canle contract de alta gama e as obras singulares e de luxo.

A cadea forestal continúa no 2022 en cifras récord de facturación

As cifras da cadea monte – industria de Galicia seguen no 2022 en topes históricos, segundo o avance que se vén de presentar no informe da cadea forestal 2022, elaborado pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo). O conselleiro do Medio Rural, José González, que clausurou a presentación do informe, destacou que as estimacións apuntan a que este ano se superarán os 2.500 millóns de facturación do 2021, que xa foran récord. A nota dominante do ano foi un encarecemento dos prezos ó longo de toda a cadea, desde o monte ata os produtos finais. “Tivemos un 2022 con prezos altos dos produtos, pero tamén con altos custos de produción, en especial os loxísticos, pola suba dos combustibles”, precisa o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, coordinador do informe. Os datos estimados para o 2022 presentan unha mellora das cifras de facturación en tódolos subsectores da cadea. O principal subsector é o de taboleiros e pasta de papel, cuns ingresos previstos duns 1.160 millóns de euros, se ben haberá que agardar ó peche do ano, pois tanto taboleiros como pasta de papel experimentaron unha ralentización no segundo semestre. No caso da celulosa, a baixada da facturación do segundo semestre débese ó parón de Ence Pontevedra a partir de xullo, cando a seca deixou á planta sen dispoñibilidade de auga suficiente e tivo que parar a actividade. Estes días precisamente Ence está a reiniciar a fabricación de pasta, tras catro meses de parón. A factoría pontevedresa agarda entrar en ritmo normal de produción a inicios de decembro. Tras taboleiros e pasta de papel, o seguinte subsector en facturación é o da segunda transformación (mobiliario, contract), que chegou ós 650 millóns de euros e representa xa un 22% das exportacións en valor. Séguenlle en facturación rematantes (529 millóns de euros), serradoiros (492 millóns de euros) e biomasa (86 millóns de euros). O conselleiro do Medio Rural, José González, que clausurou o acto xunto co director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, destacou igualmente outras fortalezas do sector: “suma 24.500 empregos directos e representa un 12% do emprego industrial galego”, subliñou. Iniciativas para o 2023 De cara ó próximo ano, Medio Rural avanzou a súa intención de presentar un plan estratéxico da industria forestal – madeira, a fin de aliñar o Plan Forestal de Galicia, enfocado na planificación do monte, coas necesidades da industria. No terreo da xestión forestal, o conselleiro avanzou que no primeiro trimestre do ano publicarase a orde que regula as agrupacións de xestión conxunta, un instrumento que considera clave para mobilizar os terreos forestais dos pequenos propietarios. “É unha das asignaturas que temos pendente”, recoñeceu González, que tamén se amosou preocupado polos grandes incendios forestais vividos este verán.
"O futuro para loitar contra os incendios forestais pasa pola xestión do territorio, gandeira, agrícola e forestal. O maior perigo que temos é o abandono" (José González, conselleiro do Medio Rural)
“O futuro para loitar contra os incendios forestais pasa pola xestión do territorio, con tres patas: gandería, agricultura e forestal”, valorou González, que avogou por unha estratexia de planificación do territorio que inclúa a creación de discontinuidades nas masas forestais. “Non estou de acordo cos que propugnan que o mellor é deixar que o monte se xestione a si mesmo” (o chamado ‘rewilding’). “O enemigo do rural é o abandono, que aumenta os riscos derivados dos lumes. Se alguén tiña algunha dúbida, xa se lle quitaría despois do sucedido este verán”, concluíu. Nova normativa de montes veciñais Doutro lado, a deputada popular Elena Candia anunciou onte no Parlamento que a Xunta está a traballar no borrador do Libro branco dos montes veciñais, que recollerá a nova normativa que regulará ás comunidades de montes. Este Libro branco seralle trasladado ó Consello Forestal de Galicia no primeitro trimestre do 2023, a fin de iniciar un “proceso participativo” co sector para pechar a nova normativa, segundo sinalou a deputada popular. https://www.campogalego.gal/saca-da-madeira-queimada-arrefria-o-mercado-de-pineiro-en-tanto-o-eucalipto-mantense-estable/

Jacobo Aboal, nomeado novo director da Axencia Galega da Industria Forestal

O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento de Jacobo Aboal como novo director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), un organismo que trala chegada á presidencia de Alfonso Rueda, pasa a estar adscrito á Consellería do Medio Rural, abandonando o paraugas da Consellería de Economía. Jacobo Aboal, que estaba ata agora ligado a cargos técnicos e directivos na Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal (Consellería do Medio Rural), sustitúe no cargo a Ignacio Lema, que cesa a petición propia, segundo informa a Xunta.

O novo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, é enxeñeiro técnico forestal e enxeñeiro de montes, titulado en ambas disciplinas pola Escola Politécnica Superior de Lugo, da USC. A maior parte da súa experiencia laboral estivo vinculada á Administración Forestal, tras un breve paso pola empresa privada como técnico forestal.

Así, ocupou cargos na Dirección xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, destacando o de subdirector xeral de Recursos Forestais. Realizou estancias internacionais de coñecemento (Universidade de New Brunswick , Canadá) e entre outros labores participou na elaboración da Lei 7/2012 de montes de Galicia, do Plan Forestal de Galicia 2021 -2040 e axudou a impulsar o sistema de certificación forestal nos montes xestionados pola Consellería do Medio Rural, segundo informa a Xunta.

No ámbito académico, ten impartido diferentes cursos sobre o marco normativo forestal e relacionados con outros ámbitos da xestión forestal, todos eles na Escola Galega de Administración Pública. No apartado de publicacións, ten realizado preto dunha quincena de artigos e relatorios.

Xornada sobre o impulso da construción en madeira estrutural

O Proxecto Interreg SUDOE EGURALT, que tenta promocionar a construción estrutural en madeira, vén de celebrar o seu segundo taller interregional. Nesta ocasión, os socios encargados de organizar o evento foron a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e Baskegur (co-organizadores), que propuxeron unha xornada nas instalacións de Madeiras Besteiro. O programa conseguiu reunir a máis de 20 persoas provintes de Galicia, Navarra, Castela e León, Portugal e Francia.

A xornada organizouse nas instalacións fabrís como recoñecemento a unha industria que é “referente e innovadora, cun papel importante no impulso a novos materiais e ao uso da madeira na construción”.

O curso contou coa participación dos 8 socios do proxecto e puidéronse diferenciar tres partes ao longo do taller: posta en común e valoración de boas prácticas, discusión do catro grupos de traballo (promoción e políticas públicas, formación, estratexia empresarial do sector e I+D+i) e catro visitas de estudo que incluíron Madeiras Besteiro, Centro Social Lamas de Prado, o edificio público Impulso Verde (Lugo) e Xilonor

Segundo os organizadores, “o taller foi moi prolífico en canto a ideas e temas tratados”. No referido ás boas prácticas, destacaron aquelas relacionadas coa educación, a vivenda social e novas técnicas de construción en madeira. Pola súa banda, no que concirne aos temas de discusión, puxéronse enriba da mesa asuntos de vital importancia para o futuro do sector madeireiro como a necesidade dun cambio de paradigma que afecte verticalmente a todo o sector, desde a educación, a investigación de novos procesos de elaboración e construción até unha nova forma de difusión mediante políticas públicas favorables.

Finalmente, o director de XERA, José Ignacio Lema Piñeiro, foi o encargado de pór o broche final á formación. “A madeira é un material vivo e proxectos como EGURALT son necesarios para un mellor funcionamento do planeta. Se conseguimos mellorar esta industria, melloraremos o mundo”, concluíu Lema.

Visitas de estudo

Paralelamente ao taller, XERA organizou catro visitas de estudo; as propias instalacións de Madeiras Besteiro, o Centro Social Lamas de Prado, Impulso Verde e Xilonor. Unha combinación de lugares de transformación madeireira con outros de construción “moi representativos” do que EGURALT persegue: intercambio de coñecementos, experimentación con novos procesos e produtos e capitalización de coñecementos.

Construción naval en madeira para impulsar unha industria forestal sustentable

O presidente de Agalcari (Asociación Galega da Carpintería de Ribeira), Ramón Collazo Mosquera, defende que a construción naval en madeira “debería ser un proxecto de país”, xa que “o incentivo á construción destes barcos favorece unha silvicultura sustentable nos montes galegos, ao tempo que impulsa dous sectores estratéxicos para Galicia como son a industria forestal e a industria do mar”.

Na curta documental recén estreada e que podes ver máis abaixo, Bateeiros de madeira, un exemplo de bioeconomía circular, Fearmaga e a asociación Agalcari explican as vantaxes da construción de embarcacións en madeira, así como o coñecemento que gardan os carpinteiros de Ribeira no deseño e construción destas embarcacións.

Segundo explica Ramón Collazo nesta colaboración con Fearmaga, os barcos bateeiros son “a última aportación de tipoloxías de embarcacións que realizaron os carpinteiros de Ribeira ao riquísimo patrimonio marítimo flotante de Galicia”. Ademais, “son barcos cunha pegada de carbono moi preto de cero e non presentan problemas para o despezamento, xa que o 100% das pezas son reciclables”, subliña.

 

O 70% das pezas dun bateeiro proceden dos montes galegos

En base aos datos cos que traballan na Agalcari, nun barco bateeiro de madeira o 70% das pezas proceden dos montes galegos e o 30% da importación. As cadernas do barco, coñecidas como “costelas”, fabrícanse, habitualmente, en madeira de carballo. No interior da estrutura do barco utilízase o eucalipto para varios reforzos lonxitudinais, unha viga central que vai encabillada á quilla e ás cadernas e tamén nos palmexares (pezas encargadas de reforzar a estrutura en forma de costela da embarcación).

A estrutura externa do bateeiro vai forrada de madeira, dende o varadoiro cara abaixo o bateeiro vai recuberto de piñeiro do país, “porque se comporta moi ben coa salinidade da auga e resiste o paso do tempo”, explica Collazo. 

Unha aposta audiovisual para visibilizar o sector

Esta é a última peza audiovisual promovida por Fearmaga coa que se pretende difundir as diferentes etapas da construción dun barco de madeira dende o monte ata o mar. O primeiro, Mulleres na industria forestal: construíndo unha silvicultura moderna repasa con Sandra Vázquez Agra o traballo nunha explotación forestal que aplica un modelo Xestión Forestal Sustentable para obter madeira de calidade para a construción de embarcacións.

Na segunda reportaxe audiovisual, Serradoiros para construir barcos de madeira, os creadores acompañan a José María Suárez Tuñas, da empresa galega Hijos de Vicente Suárez, no proceso de selección e aserrado das pezas para o barco. 

Esta iniciativa da Fearmaga foi desenvolvida en colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), adscrita á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende interésesvos dous serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai 40 anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector. Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa o 75% das rematantes de madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais en Galicia.

Apoios para a segunda transformación da madeira e o sector do ‘contract’

A Consellería de Economía, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha convocatoria de axudas para apoiar os procesos industriais no ámbito forestal. A liña está dirixida ás pemes e micropemes que realicen segunda transformación da madeira e ó sector ‘contract’, especializado en proxectos de mobiliario e decoración de cadeas de establecementos. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de xuño.

As axudas contan cun presuposto total de 2 millóns de euros. Espérase que se poidan beneficiar arredor de 40 empresas do sector, con apoios ata para un 50% dos investimentos e cun máximo de 200.000 euros por beneficiario. Os proxectos terán por obxectivo aumentar a produtividade; a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados, ou implantar procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

A través desta convocatoria, apóiase a compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de produción da empresa e de secado da madeira, así como as obras e instalacións necesarias para a súa correcta instalación e funcionamento; a implantación de tecnoloxías da información e da comunicación, e outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo.

Ademais, tamén se poden obter apoios para a implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, de normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial. Como novidade, os proxectos desenvolveranse durante dúas anualidades para facilitar a execución do investimento polos beneficiarios.

Entre os criterios de valoración, prímase a creación de emprego e os postos de traballo indefinidos e para colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, e inclúese, entre outros aspectos, puntuación adicional se a empresa dispón do marcado CE para algún dos produtos que fabrique; se dispón de sistemas de xestión da calidade e se a xerente é unha muller.

Axudas para formación
Neste ámbito, Xera tamén ten en marcha unha nova orde de axudas por 500.000 euros para a celebración de cursos de formación específicos con asociacións, fundacións e colexios profesionais do sector forestal, que prevé celebrar 130 accións formativas e chegar a 2.000 profesionais. O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria permanecerá aberto ata o próximo 15 de xuño.

A Xunta anuncia axudas para empresas de explotación forestal e para a industria do moble

A Consellería de Economía vén de anunciar tres programas de axudas dirixidos á cadea da madeira, un para empresas de segunda transformación (carpinterías, moblerías, empresas de ‘contract’), que se beneficiarán dunha liña de 2 millóns de euros; outra para empresas adicadas á explotación forestal, biomasa e primeira transformación da madeira, que contarán con 8,6 millóns de euros; e un terceiro programa orientado a promover actividades formativas, que estará dotado de 500.000 euros. Estas tres liñas de axudas convocaranse ó longo do mes de febreiro, segundo se anunciou onte no Consello da Xunta. A Consellería de Economía, que fará as convocatorias por medio da Axencia Galega da Industria Forestal, prevé que as subvencións para investimentos beneficien a arredor de 130 empresas, en tanto que as actividades de divulgación que apoiará acadarán a unhas 1.700 persoas, segundo as previsións iniciais. Industria do moble O programa de apoios dirixido e pemes e microempresas que realicen segunda transformación da madeira (carpinterías, moblerías, empresas do ‘contract’) estará dotado de dous millóns de euros e convocarase na segunda quincena de febreiro. A Administración prevé apoiar arredor de 40 proxectos, que mobilizarán un investimento total duns seis millóns de euros. As axudas acadarán ata 200.000 euros por beneficiario, cun máximo do 50% do investimento. Con esta liña, a Axencia da Industria Forestal prevé subvencionar iniciativas que teñan como fin aumentar a produtividade, implantar técnicas para obter novos produtos ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. En concreto, as axudas oriéntanse á compra de maquinaria, implantación de procesos de calidade como a cadea de custodia da madeira certificada, e plans de melloras de xestión e dos procesos produtivos (xestión Lean ou similar), así coma investimentos en tecnoloxías e en obra civil relacionados cos puntos anteriores. Explotación forestal e primeira transformación As axudas previstas para as pemes e micropemes adicadas á explotación forestal, xestión da biomasa e primeira transformación da madeira ascenden a 8,6 millóns de euros. Prevese beneficiar con elas a arredor de 90 empresas, que farán un investimento total duns 26 millóns de euros. Apoiarase a posta en marcha de plans de xestión e implantación de certificacións forestais e de cadea de custodia, maquinaria nova de explotación forestal, de xestión da biomasa e de primeira transformación da madeira, entre outros puntos. As subvencións suporán un 40% dos investimentos e cubrirán ata 150.000 euros por beneficiario. En ambas convocatorias, dáse puntuación adicional nos supostos de mulleres xerentes e cando as iniciativas supoñan a creación de emprego fixo para mulleres e persoas en risco de exclusión social, primando tamén a estabilidade laboral. Estratexia formativa A estas iniciativas sumarase na segunda quincena de febreiro o programa para impulsar actividades formativas e divulgativas, no marco da Estratexia de formación da industria forestal. Cun orzamento de 500.000 euros, abrirase unha convocatoria dirixida a asociacións do sector, colexios profesionais e fundacións. Prevense apoiar máis de 160 accións centradas nos ámbitos máis demandados pola industria, chegando a arredor de 1700 persoas.

A cadea da madeira logra un novo récord en exportacións

Os números que se avanzan para a cadea galega da madeira no 2018 confirman a recuperación dos últimos anos, tras a crise que atravesou o sector no periodo 2008-2015. O monte galego pechará previsiblemente esta campaña cun novo récord de cortas e as empresas que permanecen no sector superarán tamén as facturacións pre-crise da cadea. Outra das boas novas é que as vendas ó exterior aumentaron arredor dun 12% nos primeiros dez meses do ano, o que anticipa un novo récord de exportacións cos números completos do 2018. O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salienta o positivo cambio de estrutura que experimentaron nos últimos anos as vendas galegas ó exterior. “As empresas que continúan facturan máis en exportacións e fano en produtos de maior innovación e que xeran maior valor engadido”, subliña Lema, que incide ademais no impacto social da cadea da madeira. “Todo o valor que xera a cadea ten un alto impacto social. Durante o pasado ano tivemos 111.000 solicitudes de cortas de particulares, que recibiron ingresos do sector. É difícil atopar unha cadea que xere tanto beneficio colectivo”, valorou.
"É difícil atopar un sector que xere tanto impacto social como a cadea da madeira" (Ignacio Lema, Xera)
A mellora das vendas ó exterior vén motivada principalmente pola suba das exportacións de mobles e produtos para o canal ‘contract’, orientado a servir a cadeas colectivas de establecementos. Nos primeiros dez meses do ano, a cadea galega da madeira exportou por importe de 771 millóns de euros, fronte ós 800 millóns de todo o ano 2017. A cifra acadada ata outubro representa un aumento dun 12,5% en relación ó mesmo periodo do pasado exercicio, que concluirá cunha cifra récord de vendas ó exterior. Nos números do 2017, destacou o bo comportamento amosado polo sector do moble e do ‘contract’, que chegou a copar 27% das vendas ó exterior, fronte ó 10% que representaban no ano 2000. As manufacturas de madeira representaron outro 37%, a pasta de papel un 25% e a madeira en rolo un 11%.

Edición de catálogos propios das empresas especializadas en ‘contract’

O despegue experimentado nos últimos anos polas empresas galegas do canal ‘contract’, especializado no suministro a cadeas empresariais (hoteis, establecementos comerciais, etc.), afronta nubarróns de cara ó futuro. Factores como o declive dos centros comerciais e o aumento das vendas online preocupan no sector, pois está a descender a demanda procedente de establecementos comerciais de ‘retail’.
"As empresas do 'contract' teñen capacidade para entrar en novos segmentos de produción e competir por ser líderes" (Ricardo González)
Para afrontar este novo escenario, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia anuncia un plan de traballo no 2019 co obxectivo de reposicionar ás empresas galegas que están traballando no ‘contract’. A prioridade céntrase en que estas empresas, que adoitaban traballar a demanda dos clientes, afronten a elaboración de produtos propios e editen catálogos para chegar a novos nichos de mercado. “Son empresas cunha gran capacidade de produción e adaptadas a entornos altamente competitivos” -valora o xerente do Clúster, Ricardo González-. “Maioritariamente, teñen capacidade para entrar en novos segmentos de negocio e competir por ser líderes. O obxectivo do Clúster sitúase en colaborar coas empresas para axudalas, por exemplo, por medio da edición de catálogos propios que as reposicionen no mercado” -sinala González-. “Está claro que non lle dicimos a ningunha empresa o que ten que facer, pero si as acompañamos nos seus obxectivos”, conclúe. O mercado do ‘contract’, non obstante, continúa presentando boas perspectivas en sectores como as cadeas hoteleiras ou mesmo os buques de pasaxeiros, polo que desde a Axencia Galega da Industria Forestal considérase tamén que é posible reducir a súa dependencia dos establecementos ‘retail’ de venda ó público.
Agroalimentación A presentación do avance de resultados da cadea da madeira no 2018 realizouse no marco dunha rolda de prensa da Consellería de Economía para valorar o conxunto das exportacións galegas neste ano. A ese respecto, Juan Cividanes, director do Instituto Galego de Promoción Económica, destacou o bo comportamento do conxunto da economía galega nas súas vendas ó exterior, que aumentou un 16% nos primeiros 10 meses do ano. No tocante ó sector primario, a agroalimentación subiu un 7% nas súas vendas ó exterior, con destaque de sectores como a conserva e a carne, e con presenza crecente tamén do lácteo, un mercado tradicionalmente pouco exportador na comunidade.

Axudas para investimentos en tecnoloxías forestais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para investimentos en tecnoloxías forestais por parte de microempresas e pequenas e medianas empresas. Os apoios, con cargo á Axencia Galega da Industria Forestal, serán dun total de 8,1 millóns de euros nos anos 2018 e 2019. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40% dos gastos, cun máximo de 150.000 euros por solicitante. O prazo de solicitude remata o 28 de maio.

As axudas poderán financiar os seguintes investimentos:

– Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo e comercialización de produtos forestais non madeireiros e non alimentarios (biomasa e outros). No caso dos produtos forestais alimentarios (castañas, cogomelos), só se apoirán investimentos de recollida e manexo en monte.

– Maquinaria específica que permita un aproveitamento comercial da biomasa forestal: asteladoras, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

– Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.

– Procesadoras, autocargadores, arrastradores forestais e outros equipos de corta ou saca de madeira.

– Equipos tractocargadores completos e implementos forestais destes.

– Rozadoras.

– Instrumentos de medición de masas forestais.

– Maquinaria e instalacións para procesamento de biomasa forestal para producir enerxía.

– Maquinaria e instalacións de primeira transformación de madeira.

Non se subvencionará a compra de maquinaria usada nin a simple sustitución de equipos. Neste sentido, non se considera simple sustitución cando o novo investimento acade un aumento de produción ou potencia de alomenos un 25%. En calquera caso, só se subvencionará o diferencial de custo entre o novo equipamento e o que vai ser sustituído.

Esta é a primeira convocatoria de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, pois ata o pasado ano a convocatoria dos apoios ás empresas forestais correspondía á Consellería do Medio Rural.