Archives

A Xunta oponse ao rexistro obrigatorio dos galiñeiros de autoconsumo

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, participou esta tarde por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Nesta reunión, a Xunta volveu trasladar ao Ministerio o seu rexeitamento ao rexistro obrigatorio dos galiñeiros de autoconsumo, “imposto pola normativa estatal”. Así, o conselleiro do Medio Rural en funcións sinalou que “para o Goberno galego esta obriga forma parte dun proceso estéril e que non redunda en ningún tipo de beneficio para a poboación”. Por iso, indicou González, “a Xunta está traballando da man dos propietarios dos galiñeiros e das tendas de venda de aves para minimizar no posible as trabas que provoca este trámite” -facilitando a compra dos animais mostrando o DNI do titular- e reclama, ao tempo, que “o MAPA dea marcha atrás nesta cuestión, xa que o rexistro carece de xustificación e que se abra a modificar o Real Decreto que regula esta materia”. Neste mesmo sentido, o conselleiro advertiu que con esta medida se están “matando moscas a canonazos” e, para reforzar esta argumentación, avanzou que “na actualidade xa son máis de 52.000 os galiñeiros de autoconsumo rexistrados en Galicia”, remarcando ademais que “non se poden equiparar estas pequenas explotacións -que son moi numerosas en Galicia- coas profesionais”. Nesta liña, José González lembrou tamén que “a Xunta presentou ata 40 alegacións a este texto legal ao longo da súa tramitación, insistindo en que deixara fóra de aplicación ás explotacións avícolas de autoconsumo”. A Xunta considera que esta medida “é completamente errónea e que os únicos requisitos esixibles para os donos dos galiñeiros deberían ser os relacionados coas condicións mínimas hixiénico-sanitarias e de benestar animal, así como permitir os controis oficiais e estar suxeitos ao réxime sancionador, no seu caso”.

Modificación do Pepac 2023-2027

Polo demáis, o goberno da Xunta ve insuficiente a proposta de modificación do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027 remitida o venres pasado polo Goberno ás comunidades autónomas. Este documento “non se axusta ás nosas necesidades”, tal e como trasladou esta tarde o conselleiro do Medio Rural en funcións no seo do devandito Consello Consultivo. González volveu reclamar ao ministro Planas “unha maior amplitude de miras e ambición” na modificación, tal e como insistiu Galicia nas reunións técnicas celebradas nas últimos días. Neste contexto, o conselleiro insistiu en demandar unha maior flexibilidade na aplicación da PAC, tal e como seguen esixindo tamén agricultores e gandeiros “e así se puido ver de novo esta pasada fin de semana en Madrid”, aseverou. Na mesma liña, José González recordou o traballo que se vén mantendo coas organizacións profesionais agrarias e coas comunidades da Cornixa cantábrica para reclamar a adaptación do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) á realidade do territorio galego en particular e da España húmida en xeral.

Sector do viño

Por outra banda, en relación co viño, o conselleiro advertiu que en Galicia o uso de fondos do Programa de Apoyo al Sector Vitivinícola Español (Pasve) para as medidas de colleita en verde ou destilación de crise ten un impacto moi reducido. Por iso, solicitou unha compensación a través dunha maior asignación de fondos para a reestruturación de viñedos e para investimentos en adegas, co obxectivo de que non queden proxectos viables sen asignación de subvención.

Obrigas de redución de emisións e novas medidas de bioseguridade e manexo en granxas avícolas a partir do 1 de xaneiro

Estado das instalacións dunha granxa avícola antes da entrada dunha nova camada de polos O vindeiro 1 de xaneiro entran en vigor algunhas das disposicións establecidas no Real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas.  Para as explotacións existentes antes da entrada en vigor do Real Decreto (29 de xullo de 2021), os requisitos en materia de bioseguridade, hixiene, infraestruturas, equipamento, manexo e condicións hixiénico-sanitarias, así como os relativos a redución de emisións, recollidos na norma aplicaranse a partir deste 2024:
  • optimización do uso da auga e a enerxía
  • control da calidade da auga
  • almacenamento de pensos
  • sistema de xestión de medicamentos
  • minimización de olores e ruídos
  • mellores técnicas disponibles para a redución de emisións
  • separación efectiva de animais silvestres en aves que saian ao exterior
  • limpeza, desinfección e desratización das instalación
  • tempo de espera de 12 días entre ciclos de produción
  • roupa e calzado de uso exclusivo na explotación
Estas granxas disporán dun prazo de 6 meses para comunicar á comunidade autónoma os datos necesarios para a actualización da información esixible ao respecto. Cambios na normativa europea Desde Bruxelas estase a impulsar unha nova Normativa Europea Reguladora do Modelo de Produción de Carne que prevé a prohibición das xaulas na produción de coello, porco e polo e a redución da densidade da poboación de polos de engorde até un máximo de 11 kg/m2, o que suporía unha diminución da capacidade produtiva das granxas actuais.
Alertan de que a carne de polo podería chegar a triplicar o seu prezo para los consumidores
En consecuencia, desde organizacións agrarias como COAG alertan de que a aprobación desta norma suporía para os produtores a necesidade de realizar importantes investimentos e reformas nas súas instalacións, ademais dun aumento dos custos de produción, e para os consumidores un encarecemento de prezo destes alimentos, que poderían chegar a triplicarse no caso da carne de polo.  

Rexistro obrigatorio de explotacións avícolas para autoconsumo

O Real Decreto establece que os titulares das explotacións existentes con anterioridade á súa entrada en vigor (29 de xullo de 2021) deberán comunicar os datos necesarios para a súa inscrición nun Rexistro autonómico no prazo máximo de 18 meses. Esta obrigatoriedade afecta a calquera persoa que queira ter galiñas, polos, pavos, patos, perdices, pombas, etc. sempre que sexan para autoconsumo e non para venda. Segundo o Real Decreto, todas as granxas avícolas, incluídas as de autoconsumo, deben estar inscritas no Rexistro xeral de explotacións gandeiras. As especies de aves de curral, segundo a citada norma, son galiñas (inclúe polos), pavos, pintadas, parrulos, ocas, paspallás, pombas, faisáns e perdices. Tamén son aves de curral as aves corredoras (avestruces) pero unha explotación con esta especie non pode ser de autoconsumo.
Afecta aos galiñeiros cun máximo de 30 galiñas poñedoras ou 50 polos de engorde sempre que non se comercialicen ovos, carne ou outros produtos
Estas explotacións de autoconsumo non poderán, en ningún caso, comercializar os animais, carne, ovos ou outras producións. Enténdese como explotación de autoconsumo aquela que teña como máximo 30 galiñas poñedoras ou 50 polos de engorde. Cálculo máximo de animais O Real Decreto indica que as explotacións de autoconsumo non poden superar a capacidade de 0'15 Unidades de Gando Maior (UGM). Segundo unha táboa de equivalencias entre número de animais e UGM que figura no Anexo I do Real Decreto, 1 UGM son 0'005 galiñas poñedoras, 0'003 polos de engorde ou 0'005 pavos de engorde. A cifra de 0'15 UGM equivale a 30 galiñas poñedoras ou 50 polos de engorde, pero ese límite aplícase sobre todas as aves, de xeito que poderá haber varios tipos delas sempre que a suma total non supere as 0'15 UGM. Por exemplo, 10 poñedoras (0'05 UGM) e 20 polos de engorde (0'06 UGM) supoñen 0'11 UGM, polo que tampouco supera o límite de 0'15. Sen embargo, 20 poñedoras e 40 polos de engorde serían 0'1+0'12=0'22 UGM, que superaría este límite, polo que non sería posible clasificar a explotación como de autoconsumo. Comunicación para inscribir nun Rexistro da Xunta os galiñeiros para autoconsumo Para levar a cabo este rexistro será necesario acceder á páxina da Xunta e cubrir o modelo MR501A . Pode presentarse de forma telemática (se se dispón da Chave 365), ou ben de forma presencial na oficina de Extensión Agraria correspondente.

Os avicultores de carne e a industria avanzan nun contrato tipo que asegure a sustentabilidade do sector

As organizacións profesionais agrarias ASAJA, COAG e UPA, así como AVIANZA, (Asociación Interprofesional Española de Carne Avícola) levaron a cabo negociacións desde o pasado verán, coa única finalidade de pór en marcha un Contrato Tipo de integración que asegure o cumprimento efectivo da lei da cadea alimentaria, en especial por parte da distribución O obxectivo é consolidar un acordo no primeiro trimestre do 2024. Desde o sector lembran que "a produción agrogandeira atópase nun contexto socio-económico crítico desde hai case 3 anos, que necesita un diálogo continuo por parte de todos os axentes, incluídas as empresas da distribución".  "Atopámonos -engaden- ante un sector que, a pesar da redución xeneralizada da produción e o consumo de carnes, mantén unha tendencia positiva, que debe verse reflectida na renda de toda a cadea de valor deste alimento, desde a produción, as empresas integradoras e todas as industrias de servizos asociadas (.....), cunha repartición equilibrada do valor económico entre todos os axentes, e neste aspecto, as empresas da distribución teñen e deben asumir un papel fundamental". Neste sentido, en abril de 2023 constituíuse de forma oficial o Comité Executivo de Integración, que ten como obxectivo a revisión e actualización das Bases do Contrato Tipo de Integración, que establece as principais garantías e o marco de actuación para a regulación da actividade entre as empresas produtoras (integradoras) e os seus integrados (granxas avícolas), actualizando e mellorando as condicións da produción, e estandarizándoas a nivel nacional. Este Comité Executivo de Integración é un instrumento operativo para o debate construtivo e a negociación proactiva da relación entre as empresas integradoras e os granxeiros dedicados á produción de carne avícola en España. En España prodúcense cada ano máis de 1.6 millóns de toneladas de carne avícola -o segundo produtor a nivel da Unión Europea-, correspondente a 793 millóns de aves, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en 2022.

Que tendencia de produción e prezos seguirá a gandería na UE ata 2035?

Menos vacas e menos produción de leite, pero con máis valor engadido, da man de lácteos funcionais e sostibles. Tamén un menor consumo de carne de vacún e porcino, compensado por un aumento da demanda da carne de ave. Son algunhas das tendencias que se marcan nun informe que acaba de elaborar a Comisión Europea sobre as perspectivas agrarias para 2035. Como é habitual, é un informe suxeito a numerosas incertezas, como se pode comprobar con anteriores informes, que envelleceron peor que o leite por factores económicos, ambientais ou xeopolíticos. Gandería de leite: produción e prezos A produción de leite crecerá a nivel mundial un 1,6% anual na próxima década, pero por contra, na UE espérase unha redución de entregas cada ano dun 0,2%. O sector verase limitado na UE por estritas políticas ambientais e de benestar animal, se ben un elemento positivo é que é esperable a produción de leite con maior valor engadido para as granxas, procedente de sistemas extensivos, liñas ecolóxicas ou con menores insumos externos. A cabana de vacas de leite espérase que se reduza un 13% no período 2023-2035, aínda que a produción apenas se resentirá porque se espera un aumento medio de rendementos dun 0,9% anual por vaca. En canto a prezos, tras os picos de prezos de 2022 e 2023, a previsión é que o valor do leite no campo siga a liña da inflación na próxima década coa inflación, polo que en realidade o valor real do leite espérase que se manteña plano. Produción e consumo de lácteos O consumo interno absorberá na próxima década ao redor dun 88% da produción e espérase que se manteña estable, cunha baixada de só un 0,1% anual. A peor parte, segundo a previsión, lévana os produtos lácteos frescos (-0,7% anual) e o leite líquido, así como o leite enteiro en po. Na parte positiva, espérase un aumento da produción de queixo e soros, en boa medida polo tirón das exportacións de ambos os segmentos. A manteiga tamén ten boas perspectivas, igual que o leite en po desnatado. Para o ioghurt, entre tanto, prognostícase estabilidade, quizais con lixeiros incrementos, da man de produtos funcionais (por exemplo os proteícos) ou de consumo cómodo (bebibles). A tendencia a produtos funcionais e segmentados tamén se deixará notar no leite líquido, onde se espera que o envellecemento da poboación fortaleza as liñas de leites con vitaminas e minerais engadidos. É previsible tamén que os consumidores máis novos se decanten por produtos con menos graxas e azucres, así como adaptados a intolerancias, como as gamas sen lactosa. Exportacións lácteas A UE consolidou nos últimos anos a súa posición como líder mundial en exportacións lácteas, en empate técnico con Nova Zelandia, sumando a UE e Nova Zelandia case a metade das exportacións mundiais. Na próxima década, as exportacións continuarán sendo importantes na UE e representarán ao redor dun 12% da súa produción. Con todo, é de destacar que o mercado mundial do leite se desacelerará pola esperada redución da demanda chinesa. En parte, compensarase con maior demanda doutros países, como os do Sueste asiático ou norte de África, aínda que estas rexións tamén é previsible que aumenten a súa produción interna na próxima década.

O consumo de carne seguirá á baixa

O consumo de carne de vacún na UE experimentou unha diminución en 2023 debido aos elevados prezos, a escasa oferta e unha crecente preocupación pola sustentabilidade. Proxéctase que esta tendencia á baixa manterase, levando a unha redución no consumo per cápita de carne de vacún, que dos actuais 10 Kg./ano pasará a 9,5 kg, representando unha diminución do 6,9%. Estas cifras, aínda que diferentes, levan o mesmo ton en termos produtivos: estímase que a produción de carne de vacún na Unión Europea diminuirá un 9,2% en comparación coa media dos anos 2021-2023. En canto á carne de porcino, o informe da Comisión Europea manifesta que cuestións como as preocupacións ambientais e sociais, ou a composición relativamente máis graxa da carne de porco afectarán o seu consumo. É por iso que se proxecta un menor consumo per cápita de carne de porco na UE, coa previsión de que diminuirá anualmente a razón dun 0,7%, alcanzando oa 29,7 kg en 2035. Esta cifra representa unha caída significativa do 7% en comparación cos xa baixos niveis rexistrados no período 2021-2023. Por último, aínda que se prevé que o ritmo de crecemento do consumo de aves de curral na UE se desacelere, a tendencia á alza seguirá a razón do 0,3% anual de aquí a 2035, situando o cociente anual per cápita en 24,9 kg, en comparación cos 23,7 kg actuais. A Comisión Europea explica o repunte co prezo relativamente alcanzable, a imaxe máis saudable da carne de ave en comparación con outras carnes (especialmente a de porco), a facilidade de preparación e a ausencia de restricións relixiosas asociadas ao consumo de aves de curral.

Aberta a consulta pública a nova normativa sobre comercialización de aves e ovos

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inicia hoxe sábado e, até o 28 de outubro, o procedemento de consulta pública da normativa para a aplicación en España do marco europeo de comercialización de carne de aves e ovos, que se desenvolverá mediante dous reais decretos específicos para cada un dos produtos mencionados. A tramitación en España destes dous reais decretos está motivada pola decisión da Comisión Europea de revisar a normativa comunitaria de comercialización de ambos os produtos, mediante a elaboración duns regulamentos que se atopan nas últimas fases de tramitación e cuxa publicación se espera para as próximas semanas. Esta normativa aplica os principios establecidos na Política Agraria Común (PAC) para a comercialización de aves e ovos, co obxectivo de contribuír a manter a unidade de mercado e a transparencia e lealdade nas transaccións comerciais, ademais de mellorar a información aos consumidores. Desta forma, regúlanse aspectos tan importantes como as definicións e denominacións de venda dos produtos, a súa clasificación de acordo coa súa calidade e tamaño e as condicións para a etiquetaxe voluntaria e obrigatoria, onde se inclúe o uso de mencións reservadas facultativas relativas á forma de cría ou a alimentación das aves. Aínda que a normativa comunitaria é de directa aplicación en todo o territorio da Unión Europea, existen determinados aspectos que requiren da regulación e o control dos Estados membros, para o que é necesario desenvolver normativa nacional para a súa aplicación. Entre os aspectos máis destacables da normativa nacional de comercialización de ovos atópase a regulación de excepcións para os requisitos xerais relacionados co marcado dos ovos; novos requisitos en materia de etiquetaxe -incluída en etiquetaxe dos ovos con mencións facultativas adicionais ás obrigatorias-; mellorar a coordinación e intercambio de información entre as autoridades competentes e regular os procedementos de control necesarios para garantir o cumprimento da norma. Pola súa banda, no sector da carne de aves prevese a mellora da transparencia do mercado a través da inclusión de novas definicións e cortes e novos requisitos en materia de etiquetaxe, incluídos as etiquetaxes facultativas. Tamén se quere fomentar a coordinación e intercambio de información, e mellorar os procedementos de control, especialmente no relativo ao control do contido de auga en cortes e despezamentos de carne de ave. Os textos das consultas previas pódense consultar nas seguintes ligazóns:

Comercialización de ovos

Comercialización de aves de curral

 

 

As cifras do sector da carne en Galicia

Que cifras de produción e volume de negocio manexa o sector cárnico galego? Son competitivas as industrias cárnicas galegas? Cales son os subsectores máis competitivos e con maior presenza? Estas son algunhas das preguntas expostas durante a VII Reunión Casal de Armán - Foro Económico de Galicia, que congregou a empresarios, investigadores e profesionais do sector. Durante o evento, coordinado pola Fundación Juana de Vega, o director da entidade, José Manuel Andrade Calvo, expuxo as conclusións da Estratexia do sector cárnico de Galicia 2022 -2030, elaborada pola entidade por encargo da Consellería do Medio Rural. As cifras presentadas pola entidade amosan como os principais motores do sector cárnico galego son o vacún e o porcino, aínda que as ganderías de aves e as cunícolas tamén teñen gran importancia. En Galicia contabilízanse un total de 19.537 ganderías de vacún de carne con 430.000 animais. En concreto, as ganderías de vacún teñen de media uns 22 animais e xestionan algo máis de 11 hectáreas. Sacrifícanse unhas 381.000 canais de vacún, cun peso medio de 250 quilos canle, o que deixa unhas 95.000 toneladas de carne en 2020, segundo os datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural.
Case a metade das ganderías de vacún que hai en Galicia están adheridas ao selo Ternera Gallega
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega acapara o 55% do volume da carne que se comercializa en España baixo este selo de calidade. “Case a metade das ganderías de vacún que hai en Galicia están adheridas á IXP”, explica José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega. Así, baixo este selo atópanse unhas 7.266 ganderías e 389 cebadeiros activos. A comarca de Deza e o sur da provincia de Ourense son as principais zonas de produción porcina en Galicia. Na comunidade contabilízanse un total de 2.591 granxas porcinas que teñen 1.500.000 prazas. De media, cada granxa de porcino conta cunhas 591 prazas. Sacrificáronse 1 millón de exemplares, o que deixa unha produción dunhas 91.600 toneladas de carne. Porén, desde o ano 2009, a produción de carne de porcino experimentou unha caída significativa.
A produción de carne de porco e de ave concéntrase na comarca de Deza, a Terra Chá e o sur da provincia de Ourense
Xunto coa gandería de porcino, boa parte das 1.075 ganderías de aves que se contabilizan en Galicia tamén están situadas na comarca de Deza, a Terra Chá e o sur da provincia de Ourense. Cóntase con case 25 millóns de prazas instaladas e cada gandería dispón de media dunhas 23.000 prazas. Estas granxas xestionan unhas 4.744 hectáreas, segundo os datos extrapolados da PAC. Galicia é a terceira rexión produtora de carne de coello de España, cun total de 179 explotacións distribuídas no territorio galego, que acumulan 619.000 prazas e que xestionan unhas 300 hectáreas. De media, cada gandería cunícola conta cunhas 3.461 prazas. Dende 2017 rexistrouse un descenso da produción que obedece á caída xeral que se está producindo neste sector. “Entre 2001 e 2019 reduciuse a produción de carne de coello nun 34% a nivel mundial, unha tendencia que se está vendo tamén a nivel nacional”, detalla Andrade Calvo.
Galicia é a terceira rexión produtora de carne de coello en España, con case 180 ganderías repartidas polo territorio
En termos de volume de produción de carne, tanto o caprino e ovino como o sector equino manexan cifras mínimas de volume de negocio en comparación cos outros subsectores. Aínda que, en canto ao número de ganderías, as primeiras representan case catro veces máis. En total, contabilízanse 15.783 ganderías de caprino e ovino, que congregan uns 165.000 animais. De media, cada unha conta con 10 animais e xestiona unhas 3,44 hectáreas. En canto ao sector equino, en Galicia contabilízanse un total de 4.314 ganderías, con case 18.000 animais, situadas boa parte delas no norte da provincia de Lugo. É un sector, no que caeu notablemente tamén a produción de carne.

Preocupación pola falta de remuda xeracional

Algúns dos factores que limitan o crecemento do sector da carne a nivel mundial son as limitacións de tipo ambiental. Tamén hai certa preocupación polas dificultades que poderán supoñer as novas normativas relacionadas co ambiente e con respecto ao benestar animal. Sen dúbida, outro dos desafíos reside en atallar a crecente caída do consumo de carne nalgunhas sociedades, debido aos novos hábitos de alimentación.
“Evidénciase un grave problema de sucesión e continuidade da actividade, dada a elevada idade de boa parte dos produtores en activo”: José Manuel Andrade, Fundación Juana de Vega
En Galicia, un dos principais retos que se presentan ao sector é a elevada idade media dos titulares das ganderías de carne e a falta de substitución que afecta a todos os subsectores centrados na produción de carne. “Evidénciase un grave problema de sucesión e continuidade da actividade, dada a elevada idade de boa parte dos produtores en activo”, señala José Manuel Andrade. No vacún de carne, a media de idade dos produtores é de 57 anos, aínda que no 49% destas granxas os titulares teñen xa 62 anos de idade, segundo os datos presentados dende a Fundación Juana de Vega. Entre os titulares de granxas de porcino, a media de idade redúcese aos 52 anos, mentres que os máis novos son os produtores de granxas de aves, cunha media de 49 anos. Nunha situación semellante atópase o sector cunícola, onde os produtores teñen de media 51 anos. Os gandeiros de equino sitúanse nos 54 anos de media.
Os produtores de ovino e caprino son os máis maiores, cunha media de idade que se sitúa nos 60 anos
Mentres, sen dúbida o sector onde a media de idade é máis elevada e a continuidade está máis en xogo é o ovino e caprino, xa que boa parte dos produtores están xa nos 60 anos. Outro dos retos da produción de carne é a volatilidade dos prezos das materias primas para alimentar o gando, o que lastra a competitividade das ganderías. Neste sentido entra en xogo o acceso a terras, que permita incrementar a produción propia de forraxes nas ganderías. “A nova Lei de recuperación da terra agraria abandonada aprobada en Galicia abre unha nova oportunidade a acceder a terras para estas ganderías”, recorda Andrade.

Manexo do territorio

Outro dos aspectos fundamentais das ganderías de carne galegas é que boa parte delas conservan un manexo en extensivo, de maneira que á marxe do beneficio económico que supón esta actividade, contribúen de maneira activa á xestión do territorio e actúan en moitos casos como auténticos mecanismos de protección e redución do risco de incendios forestais ao reducir a biomasa dos bosques. Os produtores de carne xestionan máis 300.000 hectáreas de superficie en Galicia, case a metade da superficie agraria útil. Así, por exemplo, boa parte das ganderías de bovino sitúanse en zonas de montaña de Lugo e Ourense, onde son escasas as alternativas para a xestión deste territorio que non estean vinculadas a esta actividade. Estas ganderías xestionan unha superficie agraria útil dunhas 214.000 hectáreas.
As ganderías de vacún de carne xestionan unha superficie agraria útil dunhas 214.000 hectáreas
Tamén é significativo o labor que realizan as ganderías de ovino e caprino, que manexan unhas 54.000 hectáreas ou as ganderías de equino, que xestionan unha superficie de 36.195 hectáreas.

Tecido industrial da carne en Galicia

O sector cárnico en España é o principal subsector dentro da industria alimentaria. Ten unha cifra de negocio de 31.700 millóns de euros e proporciona un valor engadido de 5.500 millóns de euros. Este sector emprega en España a máis de 110.000 persoas. O destino da produción nacional está centrada no mercado interno, xa que case o 80% consómese en España e ao redor dun 13% expórtase á Unión Europea. En Galicia, a industria cárnica está integrada por 192 industrias, que dan emprego a 5.800 persoas, que facturaron no 2019 un total de 1.350 millóns de euros, que achegaron un valor engadido á economía galega de 296 millóns de euros. A industria cárnica representa o 4% do emprego da industria manufactureira galega. A produción cárnica representa o 34% da produción agraria e está formada 43.000 explotacións cárnicas de todos os subsectores.
A produción cárnica representa o 34% da produción agraria e está formada 43.000 explotacións cárnicas de todos os subsectores
Comparando a industria cárnica galega coa española e a europea detéctase un déficit en produtos elaborados. Galicia ten un maior peso na carne de bovino e ave fresca e refrixerada. Só na carne de bovino, o 25% comercialízase en fresco, mentres que esta cifra no conxunto de España redúcese a un 9% e se se mira en Europa elévase ata un 13%. En canto á carne de ave, en Galicia o 30% comercialízase en fresco, sen transformación industrial, mentres que esta cifra en España é do 11% e o 12% na UE.
O sector porcino galego destaca polo seu maior nivel de transformación industrial con respecto á industria española
Ocorre o contrario coa produción de porcino, onde Galicia destaca polo maior nivel de transformación industrial con respecto á industria cárnica española ou europea.

O tamaño das empresas importa

A Fundación Juana de Vega realizou tamén unha análise económica-financeira na que analiza máis de 2.000 industrias do sector cárnico en España entre os anos 2015 e 2020. O estudo permite ver a rendibilidade do sector e a principal conclusión é que as empresas cárnicas galegas teñen un baixo nivel de desempeño en canto á rendibilidade económica con respecto das españolas.
As industrias cárnicas máis rendibles en Galicia son as empresas de mediano tamaño, seguidas das pequenas
“As industrias cárnicas españolas sitúanse cunha marxe de resultados de explotación superior ás galegas. Resulta relevante como a galega ten uns maiores niveis de rotación, pero ao traballar con menor marxe non é capaz de compensar esa rendibilidade. O efecto do volume con marxe baixa non lle permite obter a rendibilidade económica da industria cárnica española, e iso explícase en certa medida polo déficit de produtos transformados que hai na galega”, valora Andrade. Hai unha clara correlación entre maior tamaño e rendibilidade das industrias españolas, mentres que no caso galego o comportamento é completamente diferente. Así, as industrias cárnicas máis rendibles en Galicia son as empresas de mediano tamaño, seguidas das pequenas empresas. Mentres, as grandes empresas e as microempresas sitúanse en igualdade de rendibilidade.

As cifras da produción de carne en España e Europa

España, cunha produción de 7,5 millóns de toneladas no ano 2020, é un dos principais produtores de carne de Europa, por diante sitúase só Alemaña, que ten unha produción de 7,9 millóns de toneladas. A produción de carne en Europa tivo un crecemento constante desde 2014, aínda que se rexistrou unha caída das cifras en 2020, coincidindo coa saída da UE de Reino Unido con motivo do Brexit, xa que en terras inglesas prodúcense uns 4 millóns de toneladas.
Galicia é a terceira en canto a vacún, aves e produción cunícola e apenas representa case un 2% da produción porcina española
En España o porcino é o principal subsector de produción en millóns de toneladas, seguido das aves. En terceiro lugar sitúase a produción de carne de bovino e de maneira residual sitúanse tanto o ovino como caprino. Cataluña é o principal produtor de carne en España, con 2,5 millóns de toneladas (33%), seguida de Aragón, Castela e León e Andalucía. Galicia ocupa o oitavo lugar, cun 5,45% da produción cárnica nacional. “Galicia sendo a oitava rexión a nivel nacional, é a terceira en canto a vacún, aves e produción cunícola, mentres que apenas representa un 1,83% da produción porcina española”, explica Andrade.

O sector avícola español crea o Comité Ejecutivo de Integración

Os representantes das principais organizacións agrogandeiras nacionais, ASAJA, COAG e UPA, e AVIANZA, a asociación empresarial maioritaria do sector español da avicultura de carne, que representa a máis do 90% das compañías vinculadas ao sector da carne ave, constituíron de forma oficial o Comité Executivo de Integración. Este comité terá como obxectivo a revisión e actualización das Bases do Contrato Tipo de Integración, que establece as principais garantías e o marco de actuación para a regulación da actividade entre as empresas produtoras (integradoras) e os seus integrados (granxas avícolas). Para ese efecto, os seus representantes formalizaron tras a reunión mantida o pasado 14 de abril de 2023 en Madrid, unha declaración conxunta. Na devandita declaración apúntase a creación do Comité Executivo de Integracicón como instrumento para o debate e a negociación entre empresas integradoras e os granxeiros avícolas de España. Os asinantes consideran importante a unión do sector para enfrontar novos retos, tanto desde unha posición de defensa dos dereitos de todos os integrantes da cadea de valor. como de respecto cara á achega de cada un dos piares do mesmo. Este Comité fórmase como unha voz común para fortalecer o sector, sobre todo nas zonas da “España baleirada”. Pide ter en conta os máis de 2.500 millóns de euros achegados ao PIB español e os máis de 40.000 postos de traballo directos e indirectos.
Os asinantes consideran importante a unión do sector para enfretar novos retos
A crise provocada pola COVID aparece cando en España estaba a realizarse “un dos maiores esforzos en modernización, profesionalización, capacidade de produción e de comercialización xamais realizados”. Isto colocaría ao sector avícola español no terceiro posto de produción avícola en Europa e con proxección internacional. Con todo, desde 2020, o sector avícola español viuse “sometido a un contexto permanente de presión e asfixia” que reduciu a súa capacidade de produción e rendibilidade, e por conseguinte, a súa viabilidade económica. O aumento de prezos en materias primas, enerxía e demais insumos, ademais da inflación, levaron ao sector ao momento en que se atopa hoxe. Todo iso “nun sector que polas súas características ten ciclos moito máis curtos de produción que outros análogos, e que lle converten nun dos máis vulnerables”.
Pide ter en conta os máis de 2.500 millóns de euros achegados ao PIB español e os máis de 40.000 postos de traballo directos e indirectos
Os asinantes lembran o alto grao de resiliencia do sector e cumprir coa súa responsabilidade. É por iso que esixen corresponsabilidade aos integrantes da cadea de valor para que os produtos avícolas teñan prezos alcanzables para a maioría da poboación. Por iso pediuse á Distribución adaptar contratos de comercialización aos custos de produción. A resposta, para os asinantes, chegou tarde provocando o peche de granxas. Aínda así, o diálogo construtivo entre as principais organizacións agrogandeiras e as compañías de integración, coa intermediación de AVIANZA, permitiu progresivos acordos de actualización dos custos, que aínda que seguían sen ser correspondidos coa Distribución, permitían actuar de forma solidaria ao sector de produción de carne avícola.
Por iso pediuse á Distribución adaptar contratos de comercialización aos custos de produción.
Lembran ademais, a aplicación de “novas ameazas”. como son as obrigacións en benestar animal. O sector considéraas excesivas e que, ademais, reducirían a capacidade produtiva das granxas e o aumento de custos. No caso de que as novas medidas se volvan “máis duras” sobre a produción avícola europea, a consecuencia máis inmediata sería a importación de carnes procedentes doutros lugares e que non cumprirán os estándares que marca a UE. Piden ao Goberno de España que defenda o sector de carne avícola español ante as administracións supranacionais para evitar o declive e peche de explotacións en territorio nacional.

Camper, a gama de pensos de Nanta para a cría artesanal de galiñas, polos e coellos

Coñecedores das esixencias da cría caseira de aves e coellos, en Nanta desenvolveron unha liña específica de pensos, Camper, que se consolidou durante a última década como referente para a crianza artesanal de galiñas, polos, pavos e coellos. Trátase dunha gama elaborada 100% con materias primas nobres e extractos naturais, sen uso de aditivos químicos.

Camper caracterízase pola súa excelente palatibilidade e dixestibilidade, o que permite que aves e coellos expresen todo o seu potencial produtivo, cunha óptima calidade de canle e ovos.

A base de extractos naturais de plantas e aceites vexetais, a gama Camper destaca polo seu Plan Extract. É un innovador concepto nutricional que asegura o equilibrio da flora e a saúde dixestiva das aves e coellos, permitindo o seu adecuado desenvolvemento e crecemento, e garantindo o seu benestar.

A gama de Camper desenvolveuse nos últimos anos coa incorporación de produtos especializados e funcionais, como o Camper Functional, un alimento premium para galiñas de posta reforzado con Omega 3, cos beneficios asociados que isto supón non só para elas, senón tamén para o consumidor, que logra ovos enriquecidos en Omega 3, ácidos graxos cardiosaudables.

A gama de Camper inclúe tamén CamperCuni, un alimento 100 % vexetal para os coellos; Camper Aves Starter, para o correcto arranque de todo tipo de aves (poliños, pavos, perdices); CamperBroiler para o engorde tradicional do pito campero, CamperBroiler Iniciación, para o primeiro mes de vida dos poliños, e CamperPuesta, para as galiñas poñedeiras caseiras. Así como os suplementos vitamínicos e minerais para aves e coellos, CamperVit e CamperFort, respectivamente, para aqueles momentos de maiores requirimentos nutricionais.

Acerca de Nanta

Nanta é a compañía líder na fabricación e comercialización de pensos compostos na península ibérica. Comezou a súa actividade no 1968 e desde entón o alto grao de compromiso cos seus clientes e o mundo da produción gandeira en xeral, a tecnoloxía empregada e os seus programas de I+D+i e calidade supuxeron un auténtico motor de avance para este sector industrial. Unha clara vocación e aposta pola innovación que a compañía mantén e manterá no futuro.

Englobada dentro da multinacional Nutreco, Nanta conta con 22 centros de produción dotados de tecnoloxía punta e todos eles certificados na norma ISO 14001 de medio ambiente e ISO 45001 de prevención de riscos laborais.

Cabe destacar sobre todo a certificación de seguridade alimentaria FSSC 22000, garantía da seguridade e a calidade dos produtos da compañía. No seu portfolio de máis de 200 produtos atópanse alimentos para porcino branco e ibérico, para cunicultura e avicultura, para vacún de carne e de leite, ovino e caprino, e para a alimentación de cans, gatos e cabalos.

Os premios Figan 2023 de Excelencia distinguen a 4 granxas polas súas innovacións

A Feira Internacional para a Produción Animal (Figan) comeza a pechar todos os detalles da súa próxima edición, que se celebrará en Zaragoza do 28 ó 31 de marzo. A falta de mes e medio para o certame, a organización xa deu a coñecer os premios Figan 2023 á Excelencia, que distinguen a 4 ganderías. Os premios buscan amosarlle ó sector elementos innovadores e que resalten aspectos como a innovación, a trazabilidade, a sostibilidade, a proxección de futuro e o compromiso co sector. Estas foron as empresas premiadas: • Na “categoría ovino” foi recoñecida co Premio Excelencia FIGAN 2023 a Granxa de Desenvolvemento AGM Ovino (Olmedo, Valladolid). Presenta diversos premios anteriores que demostran o seu alto investimento en I+D+i e a súa actividade resalta en aspectos como sustentabilidade, bioseguridade, redución dos antibióticos e, ademais, pon en valor o sector de ovino de leite. O xurado avaliador tamén quixo destacar que, como explotación pecuaria, ten propiedade industrial. • Na “categoría porcino” recibiu a distinción o Complexo Millán- Millán 6 (Poboa de D. Fadrique y María, Granada y Almería). A documentación presentada acredita un esforzo no control do benestar animal, así como a optimización do manexo animal, o xurro, xestión de xurros e control de emisións GEI e do gasto enerxético. Ademais, o xurado destacou que pode ser un exemplo de como unha granxa de elevada dimensións pode responder ós principios da excelencia desde unha perspectiva zootécnica. • Na “categoría avícola”, Granxa Finet (Arbeca, Lérida) foi a explotación premiada. Dita empresa demostrou un esforzo en incorporar as mellores tecnoloxías dispoñibles nas súas instalacións, en mellorar a eficiencia enerxética dos seus procesos, sendo unha granxa autosuficiente (97%), e en redución de produción de nitróxeno, benestar animal e aproveitamento da auga, converténdose por todo iso nunha “explotación excelente”, segundo declaracións do xurado. • Por último, o Premio Excelencia na “categoría equino” foi para o Centro Militar de Cría Cabalar de Zaragoza. Trátase dun sistema modelo público de referencia en varias especies particulares e cun funcionamento global en canto a a xestión de residuos, economía circular, alimentación e reprodución. Destaca o seu valor na conservación das razas equinas, asnais e caninas. O xurado quixo apuntar o esforzo que fixo a explotación para adaptarse aos novos sistemas e técnicas aplicándoo de forma eficiente e eficaz con visión de futuro. O certame Figan ten xa confirmadas máis de 950 marcas participantes en 77.000 metros cadrados de exposición. A feira contará ademais con 850 cabezas de gando de diversas especies. Haberá representación de 10 razas de vacas, 12 de ovellas, 5 de cabras, 1 avícola e 10 equinas, procedentes de máis de 100 ganderías distintas. Todos estes datos convirten á Figan na feira gandeira de referencia na Península Ibérica.

Só o polo resiste o descenso do consumo de carne

O consumo mundial de carne seguirá crecendo ó longo da próxima década, pero en Europa a tendencia irá en sentido contrario, pois espérase unha diminución do consumo de 1,5 Kg. por persoa, ata situar o consumo total en 66 Kg. ó ano. A reducción, debida en parte ó envellecemento da poboación europea, será máis acusada no porcino e na carne de vacún, en tanto a carne de ave (polos e pavos) beneficiarase dun aumento de consumo a nivel europeo. Evolución do consumo de carne (Kg. por persoa e ano) en porcino (pigmeat), aves (poultry), vacún (beef) e ovino - caprino (sheep). As previsións corresponden ó informe de perspectivas agrarias 2022-2032 que vén de presentar a Comisión Europea. O documento de análise do mercado agrario, que se elabora de xeito anual, mantén similares pronósticos a pasados anos. A Comisión Europea apunta como factores clave a ter en conta a preocupación dos consumidores polo medioambiente e pola súa saúde. Vacún En vacún, a perspectiva é que os condicionantes ambientais e a baixa rendibilidade leven a reducir un 9,1% o tamaño total da cabana gandeira en Europa na próxima década, en especial en zonas marcadas pola intensificación, como pode ser en España o caso de Cataluña. Os apoios da PAC a producións máis sostibles poden axudar a soster a produción, pero non evitarán o descenso, segundo a Comisión. O prezo espérase que evolucione á baixa e que logo repunte lixeiramente, para estabilizarse no 2032 en torno a 4 euros por Kg. O sector manterá un mercado de exportación, se ben é previsible que as esixencias de benestar animal dificulten o actual comercio do Mediterráneo con animais vivos cara os países árabes. De xeito paralelo, espérase un progresivo aumento da chegada de importacións. Europa recoñece que ese aumento de importacións introduce un contrasentido, pois se a UE reduce parte da súa produción por motivos ambientais e aumenta importacións, producirase o que chama unha “fuga de emisións” cara outros países, ou dito doutro xeito, unha maior importación de emisións. A Comisión Europea valora en paralelo que a preocupación dos consumidores polo medioambiente e o cambio climático levarán a unha maior atención á orixe da carne, ao seu sistema de produción e á súa pegada ambiental. Porcino O consumo de porcino espérase que baixe un 0,4% anual durante a próxima década (-1,3 Kg. por persoa ó ano no 2032). Esa baixada vén motivada pola tendencia europea a reducir o consumo de carne de porco, principalmente por motivos sanitarios, e tamén pola probable redución de exportacións a China, que está recobrando a súa capacidade de produción tralos brotes de peste porcina. Os prezos espérase que baixen ata o 2025 e que despois se estabilicen en torno a 1,5 euros / Kg. Avicultura A produción e consumo de carne de ave espérase que siga medrando a un ritmo do 0,2% anual, cun crecemento menor que na última década, pero mantendo bo consumo interno e boas opcións de exportación. O prezo, segundo o informe europeo, evoucionará á baixa, pero manterase por riba de niveis pre-Covid, no entorno dos 2 euros / kg. Ovellas e cabras A produción de ovellas e cabras, que é escasa a nivel da UE, aumentará lixeiramente durante a próxima década, cun consumo interno estable e boas perspectivas de exportación ó Magreb e Oriente Medio. Alternativas vexetais e carne de laboratorio Sobre as alternativas de proteína vexetal, a Comisión Europea prevé que sigan medrando, pero sinala que continuarán a ter unha cota de mercado pequena. Outras opcións, como a carne producida en laboratorio a partir de células nai, non se espera que se consoliden no mercado na próxima década por cuestións regulatorias e posiblemente por prezo e falta de aceptación entre os consumidores. https://www.campogalego.gal/europa-preve-que-o-prezo-leite-no-campo-siga-por-riba-dos-40-centimos-toda-decada/

Curso de formación en Lugo para traballar en granxas avícolas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto desenvolver unha acción formativa en Lugo sobre capacitación para o persoal de granxas de gando avícola. O obradoiro impartirase ao longo de catro días no edificio administrativo da Xunta en Lugo a partir do vindeiro venres 25 de novembro. O obxectivo desta formación é que os alumnos adquiran as competencias necesarias para o traballo profesional no sector avícola, incluíndo aspectos tanto prácticos como teóricos dos novos sistemas produtivos, as medidas de bioseguridade nas explotacións ou a xestión do esterco. O curso está dirixido á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. A inscrición pode facerse online na seguinte ligazón: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 988, ou enviarse un correo a oscar.cacharron.mojon@xunta.gal

Xornadas de formación en Sarria e Castro de Rei sobre bioseguridade nas granxas avícolas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto realizar a semana que vén na provincia de Lugo senllas xornadas sobre a bioseguridade nas explotacións avícolas. A primeira, prevista no Centro cultural de Sarria o mércores 16 de novembro, centrarase na produción de pavos; mentres o xoves 17 haberá outra na Oficina Agraria Comarcal de Castro de Rei, en Castro Ribeiras de Lea, sobre a produción de polos. Ambas en horario de 16,00 a 21,00 horas, teñen como obxectivo mellorar a competitividade das explotacións avícolas, completar a formación dos avicultores e preparalos para afrontar a loita contra as novas emerxencias sanitarias, así como actualizarlles conceptos sobre prevención e seguridade. Nesa liña, o programa inclúe nocións sobre a normativa actual, sobre conceptos de bioseguridade estrutural e operacional, sobre alertas sanitarias, sobre redución de uso de antimicrobianos e sobre auditorías e certificacións internas. Esta formación está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. A inscrición pode realizarse onlie no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 988, ou enviarse un correo a oscar.cacharron.mojon@edu.xunta.gal

Sete casos de gripe aviaria en aves mariñas localizadas na costa galega

A Consellería do Medio Rural detectou sete casos de gripe aviaria en aves silvestres localizadas en diversos puntos da costa galega. A pasada semana comunicáronse dous e no día de onte comunicáronse cinco novos contaxios. Trátase de individuos de mascato (alcatraz común ou atlántico, ‘Morus bassanus’), recollidos en Ares, Doniños (Ferrol), Riazor (A Coruña), O Barqueiro (Mañón) e Meira (Moaña), que xa foron sacrificados. O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e do que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou mesmo tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio para invernar cara a Mauritania e o Golfo de Guinea. Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades sanitarias veñen notificando numerosos casos de Influencia Aviaria de Alta Patoxenicidade nesta especie. Aínda que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, a Consellería recomenda reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares, especialmente aquelas medidas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres. Así mesmo, aconsella intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou da Consellería de Medio Ambiente.

A Xunta anuncia unha partida de 17 millóns de euros para apoiar a gandería de carne

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai mobilizar máis de 17 millóns de euros en axudas directas para apoiar ao sector cárnico ante a actual crise de prezos, agravada pola guerra de Ucraína. Estes apoios son complementarios dos 11,8 millóns de euros xa comprometidos polo Ministerio para as explotacións galegas de vacún de carne, ovino, cabrún, avicultura e coellos. As explotacións galegas poderán solicitar ata o 15 de setembro o anticipo da axuda autonómica na súa entidade financieira, en virtude dunha orde publicada o 29 de xullo pola que a Consellería se facía cargo dos gastos financieiros derivados dos anticipos de axudas da PAC e de desenvolvemento rural. Unha vez recibida a petición, o banco consultará co Fondo Galego de Garantía Agraria a contía que lle corresponde á explotación e fará o correspondente ingreso. A convocatoria das axudas en sí chegará previsiblemente no 2023, segundo informa a Consellería, pero aquelas explotacións que soliciten un anticipo antes do 15 de setembro xa as percibirán previsiblemente este mesmo mes. Os datos anunciados pola Consellería apuntan a que unha explotación de vacas nodrizas percibirá ata 135 euros por vaca coa axuda autonómica. A esta cantidade haberá que sumar os arredor de 60 euros correspondentes á axuda do Ministerio de Agricultura. Do total de 17 millóns de euros das axudas autonómicas para o sector da carne, 14,6 millóns de euros corresponden ó vacún de carne e os restantes 2,4 millóns ó ovino, cabrún, avicultura e granxas de coellos. Rueda anunciou estes datos nunha visita que realizou esta mañá a unha explotación de vacún de carne de Trazo.