Archives

Sanidade do castiñeiro e da castaña

O castiñeiro sempre foi un elemento clave na economía rural galega, pero desde o século XVIII foi fortemente ameazado por diferentes doenzas, que nalgunha época case o levaron á extinción. Nos últimos 40 anos asistimos a un rexurdimento do castiñeiro a nivel mundial, derivado principalmente da revalorización do consumo da castaña en fresco e do desenvolvemento da industria de transformación, que está impulsando a creación de novas plantacións en Galicia e no resto do mundo. A profesora da Universidade de Santiago Fina Lombardero incide en que, neste contexto, é importante que os produtores se baseen no coñecemento e na experiencia para non repetir erros do pasado. Fina Lombardero. Poderíanse resumir os principais problemas sanitarios do castiñeiro e da castaña en cinco: dúas son especies nativas e tres son introducidas, froito da globalización e falta de control nas importacións. As tres especies introducidas son a tinta, o chancro e a avespiña. As dúas autóctonas son a antracnose e o ‘Xyleborus’. Por último están as pragas que afectan á castaña e non ao castiñeiro.

A tinta

A tinta foi a primeira gran doenza dos castiñeiros, é causada por unha especie moi complexa, “pois hai pouco pensabamos que era un fungo, pero agora entendimos que está máis perto das algas que dos fungos pola composición e comportamentos. Agora é considerado un pseudofungo”, sinala Lombardero. Hai indicios de que se orixinou cerca de Papua Nova Guinea e no sudeste asiático. Na península Ibérica, foi detectada en Portugal no século XIX, pero xa na Serra de Gredos, no século anterior, se perderan moitos castiñeiros cos mesmos síntomas descritos posteriormente. En Galicia, estímase que desapareceron preto do 60% dos castiñeiros só na provincia de Lugo por culpa da tinta, un pseudofungo que vai matando ás árbores pouco a pouco. Recoñécese o seu ataque polo decaemento e amarelado da copa, e afecta a moitos vexetais, non só aos castiñeiros. Prevención Como técnicas preventivas, hai que ter en conta unha serie de cuestións á hora de comezar unha nova plantación. En primeiro lugar, empregar plantas libres de patóxenos. Tampouco se deben plantar castiñeiros en zonas que encharquen, que podan ter asolagamentos no solo, pois é un medio moi favorable para a propagación da tinta para infectar ás plantas. En caso de ter algún tipo de asolagamento, deberíase drenar o antes posible. Outra recomendación principal é a de empregar xenotipos tolerantes, como híbridos de castaños europeos con xaponeses ou chineses, o sistema máis común en Galicia desde 1926, se ben non todos os híbridos se adaptan igual. Cómpre ter en conta ademais que canto máis subimos na montaña e fai máis frío, temos menos riscos, especialmente cando ao longo do ano non hai temperaturas mínimas por debaixo de 3º. En casos de risco, recoméndanse técnicas culturais, como a colocación no solo de mantiños ricos en celulosa, que axudan a degradar a tinta, pero implican o perigo das clamidosporas, uns fungos que poden aparecer e xerar problemas. Tratamentos Non existen funxicidas autorizados para o seu uso en campo, pero sí en viveiro, o Fosetil-Al. Para aplicación en campo, estase investigando nun organismo que combata a tinta, como o ‘Trichoderma’, un fungo depredador de fungos, empregado en control biolóxico, que polo de agora non está autorizado no castiñeiro, aínda que si noutros cultivos, nos que xera unha película arredor das plantas que impide a penetración das esporas da tinta.

O cancro ou chancro

A seguinte especie en entrar cronolóxicamente en España e en danos ocasionados, é o fungo responsable do cancro do castiñeiro, o Cryphonectria parasitica, descrito por primeira vez no 1904 en New York, pero orixinario de Asia, desde onde se desprazou debido ao movemento de castiñeiros infectados. O cancro deixou o castiñeiro americano funcionalmente extinto, matando 4.000 millóns de árbores en 50 anos. En Europa detectouse no 1938 en Italia, pero espallouse rápidamente por toda Europa, citándose en Galicia no 1972, aínda que é posible que estivera xa presente no 1938 en Vilamartín de Valdeorras. Os productores, con medo da tinta, comezaron a traer castiñeiros asiáticos inmunes á tinta, pero ao facelo trouxeron o chancro. “Temos a sorte de que o castiñeiro europeo é un pouco máis resistente que o americano, do contrario podería terse extinguido”, subliña Lombardero. A enfermidade recoñécese porque aparecen pólas mortas e a cortiza hincha e adquire unha coloración alaranxada, comezando a rachar. O fungo precisa dunha vía de entrada na árbore como feridas de podas, danos mecánicos, fisuras naturais, etc. A árbore non é capaz de combatir o fungo, o que remata causando a súa morte. Prevención A mellor prevención pasa por desinfectar as ferramentas de poda, eliminar as pólas afectadas e destruir os restos de podas. “Ás veces expandimos o fungo ao podar”, advirte Lombardero, se ben o maior problema son os castiñeiros abandoados que están morrendo e botando esporas. Outro sistema de prevención pasa pola xenética, con cruces híbridos resistentes, vía seguida por Europa. Ou a través de cisxenia e transxenia, introducindo xenes resistentes doutras especies, vía pola que opta Norteamérica. Tratamentos Como método curativo, é posible aplicar cepas hipovirulentas pertencentes ó mesmo grupo de compatibilidade vexetativa (ECV). Son cepas do fungo afectadas por un virus, con cancros superficiais de crecemento lento. Con estas cepas hipovirulentas, en Galicia existe un programa de control biolóxico experimental levado a cabo por Medio Rural, no que, dependendo do tipo de grupo de compatibilidade vexetativa, inocúlanse as cepas hipovirulentas.

A avespiña

A avespiña do castiñeiro é un insecto orixinal de China que se converteu na principal praga do castiñeiro a nivel mundial. Detectouse en Europa no 2002, en España no 2012 e en Galicia no 2014. Ataca a todas as especies e híbridos do castiñeiro, é moi fácil de recoñecer polas bugallas nas follas, estípulas, flores e xemas, adquirindo aspecto transparente. Causa reducións na produción de castaña entre o 40-80%, reducións do crecemento e predisposición a outras patoloxías. A súa abundancia non é homoxénea, existindo puntos críticos e puntos sen actividade. Canta máis calor e menos chuvia, máis a atopamos. Cando chega a un souto, vai facendo grupos, parece que comeza colonizando as árbores máis altas e despois vai pasando ás anexas, sen importar a especie ou híbrido, iso si, existen 7 xenotipos de híbridos (os clons comerciais números 3, 88, 89, 110, 324, 334 e 90.025) nos que os ovos non medran ben, polo que se consideran inmunes á praga. Isto débese á reacción hipersensible da árbore, pola interferencia hormonal da planta cos ovos do insecto, facendo que a planta, nunha sorte de acto autoinmune mate as partes con ovos, o que fai que os ovos non sobrevivan e os castiñeiros queden marcados estéticamente con partes necrosadas, pero que non afectan á saude xeral da planta. As avespiñas non teñen preferencia polos castiñeiros con cancro, pero é certo que é un problema que adoita favorecer o crecemento das avespiñas debido ao maior nivel de taninos na planta, substancia que nutre ao insecto e é un síntoma do cancro. Sistemas de control A mellor forma de controlar a avespiña é destruindo bugallas infectadas se non houbo solta de parasitoide. Se este foi liberado, como xa ocorreu en toda Galicia, haberá que manter as ramiñas finas de poda na parcela cas bugallas vellas para permitir a emerxencia de ‘Torymus’, e por suposto evitar mover partes de zonas infectadas a zonas sas. Actualmente, os danos e a poboación do insecto están en descenso e hai motivos para pensar que estes niveis van seguir baixando. As dúas especies nativas: ‘Antracnose’ e ‘Xyleborus dispar’.

Antracnose

A Antracnose do castiñeiro é un fungo que se considera secundario, pero que en anos de humidade pode causar danos importantes. Tamén afecta aos carballos e frondosas. Recoñécese fácilmente polas manchas necróticas nas follas, rodeadas sempre dunha mancha amarela, que van crecendo coa expansión do fungo, pasando a ser follas non funcionais para a planta. Os anos chuviosos e temporados favorecen a súa aparición e propagación, así como a pouca ventilación de copas. Prevención O mellor sistema de prevención é que as masas estean dispersas e ventiladas, pois iso reduce a infección das follas novas e acelera a descomposicion de follas no chan. Tamén se recomenda recoller e queimar as follas caídas afectadas ou compostalas. Non existe ningún produto rexistrado para o tratamento desta enfermidade.

‘Xyleborus dispar’

O ‘Xyleborus dispar’ pertence a un tipo particular de insectos escolítidos. Aparecen en coníferas, pero máis en frondosas. Facil de recoñecer, fai uns orificios moi pequeniños na árbore, xeralmente de cor escura, polos que sae un serrín blanco moi fino, casi como fariña, e se levantamos a madeira veremos as galerías de cor escura. Se aparece é que pasou algo nesa planta, xeada, seca, encharcamento, danos mecánicos, mal inxerto… O insecto detecta unha situación de estrés na planta e aprovéitaa. Prevención As mellores técnicas preventivas consisten en favorecer o vigor da masa, manter os solos húmidos durante os picos de voo do insecto, eliminar plantas susceptibles de ser infectadas ou cortar e destruír ramas ou árbores afectadas, retirando a madeira cos individuos no interior. Funcionan tamén moi ben as trampas con alcohol ao 50%. Con dúas trampas por hectárea pode chegar como prevención, pero se queremos reducir a poboación, teríamos que ir ata 8 trampas por hectárea. O insecto ten tamén inimigos naturais e nunca se recomenda un tratamento químico, xa que está no interior da árbore ou voando a maioría do tempo.

Pragas da castaña

Entre as pragas da castaña, destacan tres mariposas e dous escarabellos, existindo gran descoñecemento sobre os fungos que tradicionalmente atacan a castaña. Nos últimos anos obsérvase unha gran diversidade de danos. Repasamos algúns dos problemas principais.
  • Cydia splendana’, larva blanquecina e alongada de mariposa que estraga o froito. Presenta unha xeración anual, voan entre agosto e outubro e poñen os ovos na cara das follas. As larvas penetran no froito e desenvólvense en tres semanas, saindo por un orificio de saída de menos de 2 mm e enterrándose no chan, onde se transforman en adultos. A mellor prevención é limpar o solo, retirando os ourizos atacados antes de que o insecto se enterre (o antes posible desde que os ourizos caen da planta ao chan, pois en tres semanas os vermes pasan do froito ao chan). Non existen productos químicos rexistrados contra esta especie, pero si unha trampa con feromona sexual sintética que pode reducir as poboacións.
  • Curculio elephas’. É un insecto, non mariposa, que ten un comportamento moi similar, pero a larva é curvada en forma de C, sen patas, máis ancha, e o orificio de salida é maior de 2 milímetros. As medidas de control son as mesmas que para ‘Cydia’, pero sen as trampas con feromonas.
  • A ‘Gnomoniopsis’ é un fungo que está presente en varios países de Europa, Asia, Australia e América, pero non se coñece moito sobre esta especie de ascomiceto, que causa podremia dos froitos e do endospermo , cancros e necrose nas pólas, con danos de importancia variable. Existen técnicas de calor para combatilo, pero deteriora a calidade do froito.

Ciclo de conferencias Luis Asorey sobre o castiñeiro

As XXXIV Xornadas Luis Asorey son un foro de divulgación científica celebrado no salón de actos da Deputación de Lugo, do 13 ao 22 de novembro. Están conformadas por unha serie de charlas, que se ofrecen de 19 a 21h, e este ano pódense seguir por streaming a través de YouTube. Estas xornadas están coordinadas por Antonio Rigueiro, do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias.

Loita biolóxica ‘made in Galicia’ contra a avespiña do castiñeiro e o gorgullo do eucalipto

Os danos que provocan as pragas no castiñeiro e no eucalipto son unha das principais ameazas que enfrentan as masas forestais. Para combatir o gorgullo do eucalipto, que está presente en Galicia desde inicios dos anos 90, e a avespiña do castiñeiro, que entrou con forza nos últimos anos, case a única vía pasa pola loita biolóxica, é dicir, pola solta de insectos que parasitan ás pragas.

Fauna Útil, unha empresa de Tomiño (Pontevedra), está especializada desde o ano 2000 na produción e comercialización de insectos parasitoides das pragas. A súa liña de traballo tradicional enfocouse na produción de ‘Anaphes nitens’, o insecto parasitoide do gorgullo do eucalipto, pero nos últimos anos afrontou tamén a produción e comercialización de ‘Torymus sinensis’, o insecto parasitoide da avespiña do castiñeiro, unha vez que a partir do ano 2020 o Ministerio de Agricultura liberalizou a comercialización de ‘Torymus’.

Deste xeito, comunidades de montes e propietarios forestais poden xestionar a loita biolóxica nos seus terreos, como complemento ó esforzo de loita biolóxica que vén realizando a Xunta en toda a comunidade. A oferta de Fauna Útil para a loita biolóxica é a seguinte:

• Eucalipto: Bolsa de malla con 50 – 60 ootecas parasitadas por ‘Anaphes nitens’.
A súa colocación no monte recoméndase nos periodos de posta de ovos do gorgullo, que son principalmente a primavera, desde mediados de marzo ata finais de maio, e o outono.

Este ano percíbese un aumento da praga do gorgullo.

Unha vez que os ‘Anaphes’ emerxen das ootecas (depósitos de ovos), buscarán novas postas de ovos do gorgullo do eucalipto para parasitalas.

“Coa bolsa de 50 – 60 ootecas parasitadas cúbrese unha hectárea de terreo, se ben para zonas moi afectadas, recomendamos dúas bolsas por hectárea”, explica María López, a xerente de Fauna Útil. De cara a aumentar a efectividade das soltas e economizar o investimento, aconséllase que os propietarios colindantes se poñan de acordo para xestionar soltas conxuntas, sempre que sexa posible facelo en tempo.

Desde o outono, estase a detectar en toda a comunidade un repunte da praga do gorgullo, que nos últimos anos estivera baixo control. Segundo os datos da Xunta, esta primavera a provincia da Coruña presenta as zonas de maior afección. En puntos de mostreo como Laxe detectouse un grao de defoliación do 20%, en Vimianzo foi do 15% e en Ordes do 10%.

Castiñeiro. Dez tubos con 220 individuos de ‘Torymus sinensis’ (150 femias e 70 machos).
É a solta recomendada para unha hectárea de souto. O momento das soltas é na primavera, nas primeiras fases de brotación do castiñeiro, cando as novas bugallas da avespiña do castiñeiro están máis brandas e son máis penetrables polos Torymus.

Viais de ‘Torymus’ preparados para o seu envío.

“En xeral, as soltas que fixo a Administración xa permitiron asentar unha primeira poboación de ‘Torymus’ en toda a comunidade, pero en zonas de especial impacto, con presenza de bugallas secas do ano anterior, é positivo un reforzo das soltas por parte dos propietarios”, valora María López.

Tanto no caso do ‘Anaphes nitens’ como dos ‘Torymus sinensis’ suministrados por Fauna Útil, o prazo de entrega é de dous días .

A maiores das liñas de loita biolóxica para o combate de pragas forestais, Fauna Útil ten en fase de rexistro un produto de interese para os soutos afectados polo fungo que causa o chancro do castiñeiro. Trátase dunha pomada a base de cepas hipovirulentas do fungo, que é o único tratamento aconsellado para frear o chancro en castiñeiros.

O parásito da avespiña do castiñeiro aséntase con éxito nos soutos galegos

A Xunta constata o asentamento nos soutos galegos do parasito Torymus sinensis, empregado desde o 2015 para o control biolóxico da praga da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus). Así, unha vez analizados 1.200 puntos de recollida de mostras de bugallas tras as soltas de 2021, a Consellería do Medio Rural informa de que recuperáronse 8.803 exemplares de Torymus, fronte aos 3.158 recollidos en 2020 e os 4.551 do período 2016-2020. En concreto, nas análises de bugallas de 2021 recuperáronse Torymus sinensis en practicamente a totalidade dos puntos de mostraxe (95%), cun grao de parasitación superior ao 10% en case todas as cuadrículas, chegando a porcentaxes mesmo do 92%. En comparación co ano anterior, a media de Torymus sinensis recuperados por punto de mostraxe aumentou dos 2,63 exemplares no 2020 ata os 7,33 no ano 2021 (case o triplo), “o que supón que a poboación de Torymus está xa establecida e que a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro está a dar resultados”, subliñan dende a administración galega. Con estas cifras sobre a mesa, a pasada primavera soltáronse 1,2 millóns de individuos de Torymus sinensis. Estas soltas -para as que se consignou un orzamento de preto de 1,7 millóns de euros- realizáronse en masas continuas de castiñeiro e concentrouse o número de individuos con respecto a anos anteriores, co fin de establecer poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas. As soltas de Torymus sinensis realizáronse na rede de puntos de solta fixada no ano 2020 (7.394 puntos repartidos en 141 cuadrículas que cobren o total da comunidade). Para a distribución dos parasitos en cada unha das cuadrículas e puntos, tívose en conta o resultado dos inventarios de bugallas dos anos anteriores. Así, en xeral, cubríronse con maior intensidade os puntos onde aínda non se recuperaron Torymus nos dous últimos inventarios, axustando segundo o número de individuos recollidos en 2020 e 2021, de maneira que se intensificou a solta nos puntos con recuperacións de menos de tres parasitos e diminuíu naqueles puntos con maiores recuperacións de individuos. Deste xeito, priorizáronse un total de 5.630 puntos. Ao contarse este ano con 5.715 caixas con 210 individuos cada unha, isto quere dicir que quedaron dispoñibles 85 caixas para realizar reforzos ou mangas para o establecemento do Torymus nas zonas de gran valor produtivo, segundo as necesidades detectadas.

Soltas para o 2023

Para o ano 2023 manterase un reforzo de 359.940 individuos, nos puntos nos que non se recuperaron Torymus sinensis neste ano, nas cuadrículas que presentan unha baixa parasitación e nas zonas nas que se observe a presenza de moitas bugallas na campaña de recollida deste outono. Nesa liña, a prioridade na apertura das bugallas, que realiza a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, será comezar polas dos puntos con poucas recuperacións no 2021, precisamente para poder realizar a planificación de soltas de cara ao ano 2023. Cómpre engadir que nas primeiras aperturas destas bugallas estanse atopando Torymus sinensis.

Oito anos de loita biolóxica

Dende o ano 2015 que se comezou con este sistema natural, a Xunta liberou uns 7 millóns de individuos de Torymus sinensis por toda a xeografía galega, o que supuxo un investimento de preto de 10 millóns de euros. Arestora trátase do único método existente para loitar contra a avespiña do castiñeiro. A produción de castaña en Galicia, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos, o que supón preto duns 50 millóns de euros anuais unha vez comercializado o produto.

Curso sobre produción de castaña

O concello lucense de Outeiro de Rei acollerá o vindeiro 1 de outubro unha xornada técnica adicada á produción de castaña. O curso desenvolveráse durante todo o día na Casa da Cultura da localidade e participarán especialistas de distintas zonas de España onde se produce castaña (Galicia, Asturias, Castela e León) así como de Portugal. Entre os contidos que se abordarán están os tratamentos e manexo dos soutos, a tolerancia das plantas de castiñeiro a enfermidades como o chancro ou a avispiña ou a adaptación ao cambio climático. As inscricións para participar nesta xornada formativa poden facerse a través do email campolabsl@gmail.com ou do whatsapp 654142938.

Programa completo: 

Aséntase nos soutos galegos o parásito que combate a praga da avespiña do castiñeiro

O Toryumus sinensis, o parásito que se está a empregar dende o 2015 para loitar contra a avespiña do castiñeiro, está a asentarse nos soutos galegos, o que é un indicador do seu éxito para frear esta praga que reduce notablemente a produción de castaña. Así se constata nun informe presentado este xoves no Consello da Xunta, no que se informa de que unha vez analizados preto da metade dos puntos de recollida de mostras de bugallas tras as soltas de 2021 (569 puntos do total de 1.200 puntos de mostraxe), recuperáronse 3.314 exemplares de Torymus, o que xa supera todo o recollido nas mostras de 20 20 (3.158) e supón máis do dobre do que se recuperou en todo o período 2016-2019 (1.393 individuos). Arestora, continúase coa análise do resto dos puntos de recollida. En concreto, nas análises de bugallas de 2021 recuperáronse Torymus sinensis en 523 puntos dos 569 analizados ata o de agora (isto é, no 92%). E comparando as recuperacións por cuadrícula nos primeiros 307 puntos en que se conta con estes datos, as recollidas xerais de individuos do ano pasado son case o quíntuplo das de 2020 e case se quintuplica tamén a porcentaxe de parasitación. Con estas cifras sobre a mesa, esta primavera (entre abril e maio) a Consellería do Medio Rural procederá a soltar 1,2 millóns de individuos de Torymus sinensis. Estas soltas - para as que se consignou un orzamento de preto de 1,7 millóns de euros - realízanse en masas continuas de castiñeiro e concéntrase o número de individuos con respecto a anos anteriores, co fin de establecer poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas. Desde o ano 2015 que se comezou con este sistema natural, a Xunta liberou uns 5,7 millóns de individuos de Torymus sinensis por toda a xeografía galega, o que supuxo un investimento superior aos 8 millóns de euros. A estas cifras hai que sumarlle o previsto neste exercicio, que elevará o orzamento conxunto a preto de 10 millóns e o número de parasitos soltados aos 7 millóns.

Os fungos e a avespiña botan por terra a campaña da castaña en Galicia

Todo apuntaba a que a de 2021 podía ser unha boa campaña da castaña, logo de anos de malas e escasas colleitas. Mesmo se cumprira o dito popular de que “a castaña quere arder en agosto e beber en setembro”, meses nos que as vagas de calor e as chuvias frecuentes permitiran manter as esperanzas. Porén, as últimas semanas tumbaron por terra tódalas previsións e parece que as castañas serán escasas e tamén se verá resentida a calidade do froito. Os contrastes de temperaturas, frío e calor intensos, e a incidencia de fungos como a antracnose está a deixar danos importantes nos castiñeiros das zonas máis altas. “Pensamos que iamos ter unha campaña moi boa, pero nos últimos 20 días torcéronse bastante as previsións. Os castiñeiros están quedando sen folla e os ourizos non chegan a poder criar as castañas, que caen sen ter madurado”, indica Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia.
"Pensamos que iamos ter unha campaña moi boa, pero nos últimos 20 días torcéronse bastante as previsión" (Jesús Quintá, IXP Castaña de Galicia)
“A antracnose xa ten aparecido outros anos, pero non acordamos danos tan importantes como os de agora, o que tamén se pode deber a que os castiñeiros estean máis febles pola incidencia da avespiña (Dryocosmus kuriphilus)”, valora Quintá. Nalgunhas zonas a campaña está a vir con certo atraso, o que xera ademais inquedanza tanto ós produtores como para os comerciantes e empresas especializadas. Así, nestes momentos o mercado atópase bastante desabastecido. Os prezos mantéñense á alza para a castaña de calidade, o que tamén é difícil lograr, dado que os fungos tamén afectan á sanidade da castaña e obrigan a seleccionar moi ben o produto. Facemos un percorrido por algunhas das principais zonas produtoras de castaña en Galicia para coñecer de man de produtores e empresas especialistas a situación esta campaña:

Na montaña ourensá: Preocupación non só pola baixada da produción senón pola sanidade dos castiñeiros

Unha das zonas que máis están a acusar unha baixada importante da produción son os soutos máis orientais da provincia de Ourense, principais produtores de castaña en Galicia. Nas últimas semanas, os castiñeiros da Gudiña, A Mezquita ou Riós presentan severos danos. Produtores e compradores están preocupados non só pola baixada da produción senón polo estado sanitario dos castiñeiros. Preto do 80% dos castiñeiros están xa sen folla, segundo apuntan os produtores. “Os castiñeiros están moi debilitados pola avespiña e houbo distintos factores que lles están a afectar”, indica Xosé Manuel Guerra, un dos produtores de castaña da Gudiña. Nos seus soutos en poucos días os castiñeiros de variedades como a Famosa quedaron fortemente afectados. Tamén apunta a que as xeadas que se deron xa durante varias noites na zona son un dos factores que ocasionou danos nas árbores, xunto ós fungos. “Estiven coidando neles, regándoos e abonándoos. Todo apuntaba a que ía ser bo ano, pero en dúas noites quedaron sen follas”, comenta. No seu caso tamén conta con algúns castiñeiros híbridos, clons do 90044 que están a resistir á avespiña e se manteñen máis vigorosos. “Polo de agora foron resistindo e teñen unha castaña bastante grande, aínda que por debaixo do calibre das variedades galegas. Con todo, aínda non sabemos como vai funcionar esta variedade no mercado”, reflexiona o produtor.
Os mercados están faltos de castaña e isto está a motivar que se estean a manter prezos competitivos
Aínda que xa caeron moitas castañas das variedades de cedo non están a xuntarse quilos e hai moitas castañas que caen sen acabar de criar.“As castañas de cedo teñen un calibre pequeno e hai moi pouca cantidade. Haberá que ver como veñen outras variedades máis tardías como a Longal ou a Xudía”, apunta o produtor, que tamén recoñece que de continuaren as xeadas a campaña rematará axiña e será moi mala. Os mercados están faltos de castaña e isto está a motivar que se estean a manter prezos competitivos. En función da calidade e a variedade está a se pagar entre 1,60 ata preto dos 2 euros o quilo de castaña.

Macizo Central: As castañas non criaron ben e a calor de outubro tampouco axudou a que sexan de calidade

En Manzaneda, en pleno Macizo Central, a campaña comezou a finais desta mesma semana. “Ata o de agora non se levarán apañados nin 50 quilos”, indica Óscar Freire, un dos membros de Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, entidade centrada na recuperación de antigos soutos e na transformación da castaña para xerar valor engadido. Recoñecen que en agosto parecía que habería unha boa campaña, pero non está a ser así. “Hai moitas teorías, pero o caso é que as castañas non criaron ben e a calor de outubro tampouco axudou a que medraran e sexan de calidade”, explica Freire. Na cooperativa prevén unha colleita semellante á do ano pasado, na que finalmente recolleron un 20% do que viña sendo habitual. A incidencia da avespiña tamén está a contribuír a estes nefastos resultados. “O ano pasado foi o primeiro que tivemos unha incidencia importante de avespiña na zona”, recorda Freire. Ó longo dos últimos meses estivéronse a facer soltas por parte da Xunta de Torymus sinensis, o depredador natural da avespiña. “Vimos moita avespiña durante a floración, pero logo tanto a candea e os ourizos ían bastante ben”, apunta. Xunto con outros factores como a calor do mes de outubro, tamén responsabilizan á avespiña da escasa produción e da pouca calidade da colleita, ó debilitar os castiñeiros e quedar febles para sacar adiante as castañas.
É o segundo ano que a campaña da castaña se ve lastrada pola avespiña ou polas súas consecuencias
En base ó acontecido noutras zonas afectadas pola avespiña e nas que se realizaron soltas de Torymus, estiman que aínda lles agarda outras dúas campañas que poidan verse lastradas polo efecto da avespiña, xa que, polo xeral, ata o terceiro ano non comeza a mellorar a situación e recuperarse a produción. Nesta zona a recollida arranca nas datas habituais e estímase que será unha campaña curta, de 2 ou 3 semanas. “Algún ano por Santos aínda non recolléramos castañas”, recorda Freire en canto ós tempos de recolleita. En Amarelante levan dende o 2013 apostando pola transformación da castaña para lograr maior valor engadido. Así, boa parte da produción comercialízana en seco, ben como froito pelado ou como fariña ou bica de castaña, o que lles fai estar menos suxeitos ós prezos da castaña en fresco e ás variacións do mercado. Logo de varios meses de investigacións, agora están a piques de sacar ó mercado uns flocos de castaña e preparan tamén unha bebida vexetal elaborada con este froito.

Sureste de Lugo: A campaña chega con 15 día de demora con respecto doutros anos

En Quiroga (Lugo), esta semana aínda están a caer as primeiras castañas. “Este ano vén con moito atraso, case con 15 días con respecto doutros anos”, explica Verónica Núñez, da firma Caurelor, especializada na comercialización da castaña e na elaboración de produtos a base deste froito. Noutros anos, a estas alturas de outubro atopábanse en plena recollida da castaña, tal e como comenta a produtora. Nos soutos que xestionan non detectaron danos importantes polo momento nos castiñeiros, pero apuntan que tampouco será unha campaña de grandes producións, aínda que agardan poder ter mellor colleita que a do 2020, na que non puideron coller apenas castañas pola gran incidencia da avespiña do castiñeiro.

No sur de Lugo: Menos árbores afectadas, pero castaña de peor calidade e calibre

Nos soutos de Taboada e Chantada a campaña de recollida tamén está empezando e aínda que a situación non está a ser tan crítica coma nas zonas altas, tamén se resentiu a calidade e a cantidade de castaña. En Castañas Naiciña, unha da industrias asentada en Chantada e que recolle castaña por todo Galicia están a percibir unha forte caída da produción de castaña. “Na zona de Chantada non hai tanta porcentaxe de árbores afectadas como nas montañas orientais ourensás, pero estase vendo máis danada a castaña, sendo de peor calidade e calibre menor. Había unha carga importante de ourizos que non chegaron a criar”, detalla Miguel Areán, xerente da firma. Detrás destes danos de novo as variacións térmicas das últimas semanas, que propiciaron néboas favorables para a aparición de fungos, con impacto especialmente nos castiñeiros máis debilitados pola avespiña. Na zona centro de Galicia a campaña trae certo atraso, pero como recoñece o empresario estanse a recuperar as datas tradicionais para a caída deste froito. “Cómpre ter en conta que os últimos anos a campaña viña moi adiantada. É certo que este ano vén con algo de atraso, pero está nas datas tradicionais dos anos 90”, concreta. De feito, en Alibós, outra das principais industrias de castaña en Galicia agardan comezar co forte da campaña nuns días. “Imos con certo atraso con respecto doutros anos”, indica Jesús Quintá, responsable da firma. Esta campaña chega despois de dous anos lastrados para a produción de castaña en Galicia.“Os últimos dous anos foron moi malos no que se refire a calidade da castaña, e este parecía que ía encamiñado a ser bo, pero dende hai 3 semanas fastidiouse a campaña, non só pola caída da produción senón pola calidade do produto”, concretan dende Castañas Naiciña, firma especializada na comercialización da castaña en fresco e sobre todo en seco, cunha aposta clara pola valorización da castaña, xa que foron a primeira empresa en elaborar fariña de castaña na Península Ibérica, unha transformación coa que comezaron en 1998. “Aínda que temos instalacións para xestionar unhas 2.000 toneladas de castaña, nas últimas campañas non estamos chegando a esas cifras porque estamos primando calidade fronte a cantidade”, especifica Areán. A aposta pola posta en valor da castaña da firma de Chantada fixo que sexa a empresa cunha cadea de valor máis longa da Península Ibérica, aínda sen ser a que máis volume de castaña xestiona. A castaña en fresco comercialízana principalmente nas cadeas de distribución estatais, así como en Europa; e a maior parte da produción destínana á castaña pelada que se conxela, para logo empregar na elaboración doutros produtos de maior valor engadido.
Piden a profesionalización dos produtores para garantir a supervivencia do sector e a súa competitividade fronte a outros mercados como Portugal
Dende a firma reivindican a importancia de seguir apostando por un sector que factura entre 15 e 20 millóns de euros ó ano, cunha produción centrada en zonas do interior das provincias de Lugo e Ourense. “Levamos tempo insistindo na necesidade de profesionalizar ós produtores, como están a facer en Portugal, para que a castaña galega non quede atrás”, valora Areán. Ó mesmo tempo, o empresario tamén reclama maior control por parte da Administración para acabar con prácticas irregulares na recollida da castaña, que aínda se manteñen e dan lugar á especulación. “Precísase poñer fin a esas furgonetas que seguen recollendo de xeito clandestino a castaña e que non contribúen a que haxa un control”, reclama, á par que incide na importancia de contar con censos actuais que axuden a tomar decisións na xestión dos castiñeiros.

Amarelante, a cooperativa que está a revitalizar a produción da castaña en Manzaneda

 
As socias e socios de Amarelante, á sombra dun dos castiñeiros dos que obteñen a súa materia prima Amarelante Sociedade Cooperativa Galega é o nome dun proxecto que busca revitalizar o rural a través da castaña. A iniciativa colle o nome da principal variedade de castiñeiros que hai na zona de Manzaneda e foi impulsada por cinco familias da comarca que apostaron por recuperar os soutos como unha vía de futuro. Sonia, Óscar, Marcos, Natalia, Félix, Davide, Iria, Lito e Luz integran a cooperativa, pero a súa Xunta Directiva é feminina, formada só polas mulleres, ao fin de dar visibilidade ao traballo das mulleres no rural, moitas veces tapado e pouco valorado, o mesmo que producións complementarias como eran a da castaña.
O proxecto foi impulsado por cinco familias da comarca que atoparon na castaña unha vía de futuro no rural
Manzaneda, que conta cun castiñeiro de máis de 1.100 anos que está declarado patrimonio natural, e unha zona historicamente de moita produción de castaña e de castaña de moi boa calidade e a cooperativa leva o nome precisamente da principal variedade que producen os castiñeiros que hai neste municipio, onde tamén se dan outras como a negral.
A cooperativa leva o nome da principal variedade de castaña que se dá en Manzaneda
Amarelante naceu nun contexto de crise económica nunha comarca afectada desde hai décadas tamén pola crise demográfica e os lumes que ano tras ano afectan aos montes do macizo central ourensán, como ben sabe Davide, que loita contra eles desde a súa profesión de bombeiro forestal. "O obxectivo era crear unha cooperativa de explotación comunitaria da terra para aproveitar os soutos en desuso. Nós tiñámolo claro porque a materia prima tiñámola nos nosos montes, só que estaba abandonada", destaca. Loita contra o abandono e creación de emprego Un dos soutos con castiñeiros centenarios recuperados por Amarelante Amarelante é un proxecto plural, trátase dunha aposta polo rural a través da castaña e do cooperativismo, unha iniciativa que recibiu no 2015 o premio á Promoción do Cooperativismo convocado pola Consellería de Traballo e cuxa labor na recuperación dos soutos tamén lle valeu para que fose galardonada no ano 2019 cos Premios Agader de Desenvolvemento Rural na categoría de loita contra o abandono e a prol da mobilidade de terras.
Galicia conta con 38.000 hectáreas de soutos pero o 50% non están a producir
Os socios de Amarelante iniciaron a actividade mantendo en paralelo outros empregos, aínda que a medida que o proxecto foi medrando e requerindo de maior adicación foron creando postos de traballo estables. Neste momento contan cunha persoa contratada a tempo completo e outras dúas a media xornada e o resto de socios colaboran nos traballos estacionais de mantemento dos soutos e recollida das castañas en función da súa dispoñibilidade, adicándolle en moitos casos as fins de semana ou as vacacións. Vivir no rural, non sobrevivir Labores de envasado e etiquetaxe da fariña de castaña nas instalacións da cooperativa Así resumían nas redes sociais, o pasado 8 marzo, cando se cumprían 8 anos do proxecto Amarelante, o seu traballo: "Recuperamos soutos que levaban anos abandonados, compramos unha nave e a maquinaria necesaria para secar castañas e facer fariña. Seguimos dándolle voltas á cabeza e xurdiu a bica de castaña. Pelexamos coa burocracia, a avespiña e a seca. Vivimos castañais moi bos e outros que foron ruíns; momentos de alegría e outros de agonía nos que non saían as contas. Gañamos o premio Agader e participamos en varios proxectos de investigación. Fomos de feira en feira, impartimos charlas e formámonos para seguir mellorando. Resumir nunhas simples frases esta particular aventura é bastante complicado. Porén, como dicimos sempre: seguimos a soñar nos soutos, porque só o que se soña se pode facer realidade. Queremos vivir do rural, non sobrevivir. Seguimos!!!".
Pelexamos coa burocracia, a avespiña e a seca
Toda unha declaración de intencións dun grupo de xente que quere desenvolver o seu proxecto vital de maneira plena no rural, sen necesidade de marchar de Manzaneda para gañarse a vida ou poder disfrutar de momentos de lecer. "Estamos convencidos de que o noso proxecto pode ser unha ferramenta de transformación social que vai moito máis aló de recoller castañas", din.
Estamos convencidos de que o noso proxecto pode ser unha ferramenta de transformación social que vai moito máis aló de recoller castañas
A experiencia destes anos así o demostra. Amarelante favoreceu que un grupo de xente nova se asentara e permanecera en Manzaneda, tamén como revulsivo demográfico para unha localidade, coma moitas outras da provincia de Ourense, pouco sobrada de cativos. Deles coida Iria na súa casa niño O Bicarelo, un servizo máis dos que necesita o rural e que reivindica Davide, que acabou sendo alcalde do seu pobo. El e Marcos eran tamén guitarrista e percusionista dos Cuchufellos, igual que Óscar segue a tocar en Coanhadeira, así que con varios músicos no grupo a festa está asegurada cando os traballos na cooperativa rematan. 
Cando ao principio fomos ao banco a pedir os cartos dábannos para mercar un coche cada un pero non nos daban 35.000 euros para mercar a nave e a maquinaria para poñer en marcha un proxecto produtivo entre 5 familias
A filosofía coa que naceu Amarelante é clara: manter os soutos, poñer en valor a súa produción facéndoa rendible e fixar poboación a través dun modelo que aposta pola cooperación. De aí a súa implicación social e o interese en colaborar tamén con outras asociacións do seu entorno para a posta en marcha de iniciativas que contribúan ao desenvolvemento do municipio. Saben en carne propia o que custa poñer a andar un proxecto coma o deles, saben dos atancos, da falta de apoios e da burocracia.
Urxen iniciativas que ofrezan opcións reais para asentar poboación nos concellos do rural
Nas súas instalacións reciben tamén visitas de todo tipo, desde asociacións a colexios, aos que amosan o seu proxecto e os valores dos soutos dende o punto de vista económico, social e ambiental, tratando de presentar en positivo o minifundio desta zona fronte a plantacións industriais de ducias de hectáreas pero que nada teñen que ver so sistema produtivo tradicional de Galicia.  Aposta polo modelo cooperativo Visita de alumnado do IES do Ribeiro ás instalacións de Amarelante para coñecer o seu proxecto O proxecto xurdiu a raíz dunhas xornadas sobre cooperativismo no rural que se celebraron a nivel local e tomou forma definitiva en marzo do 2013 coa constitución da cooperativa, outra das súas razóns de ser. "Cando puxemos en marcha Amarelante tiñamos moitas dúbidas. Algunhas aínda seguen, porque non hai fórmulas máxicas. Sen embargo, se houbo algo que sempre tivemos claro foi o modelo de xestión polo que apostariamos. Unha cooperativa é moito máis ca unha empresa. Significa colaboración, igualdade, democracia, solidariedade", defenden.
Unha cooperativa é moito máis ca unha empresa. Significa colaboración, igualdade, democracia e solidariedade
Desde Amarelante Sociedade Cooperativa Galega reinvindican o papel clave deste tipo de entidades para ofrecer "un modelo económico máis xusto no que prime a cooperación e non o rendemento económico a calquera prezo". "Ademais de traballar para vivir, tamén intentamos poñer en valor a cultura e os produtos da nosa zona, colaborando con moitos outros negocios locais e organizando actividades culturais e educativas. Porque en esencia, unha cooperativa é iso: cooperar, non só entre nós, senón tamén coa nosa contorna. E isto debería ser a base da nosa sociedade", argumentan.
Ademais de traballar para vivir, tamén intentamos poñer en valor a cultura e os produtos da nosa zona, colaborando con moitos outros negocios locais e organizando actividades culturais e educativas
Amarelante é, pois, un proxecto colectivo, no que as socias e os socios comparten tarefas como o coidado dos soutos ou a recollida da castaña, e no que tamén se complementan, porque cada unha e cada un deles, pola súa formación ou polo seu traballo, focaliza a súa labor naqueles aspectos que máis domina. Por exemplo, Marcos atende o almacén e os pedidos e fai as reparacións na nave, Sonia leva o papeleo e pelexa coas administracións, Félix é un apaixoado dos tractores e a maquinaria agrícola, Luz actualiza a web e as redes sociais coa axuda de Natalia, que fai as fotos ... e así até completar as distintas tarefas que require un proxecto que integra produción, transformación e comercialización. Contratos de alugueiro ou cesión Comezaron alugando soutos e pagando un prezo por castiñeiro ao ano. “Un dos grandes valores desta zona é o castiñeiro e falando entre nós, vimos que todos queriamos vivir no rural e que todos tiñamos castiñeiros. Con esa base, comezamos a falar con xente que non podía atender os seus soutos para mirar de que nolos alugara ou cedera”, explican sobre os comezos do proxecto. "Ao principio non foi doado por desconfianza a que os colleramos e non os coidaramos por non ser rendible, pero levamos xa uns anos nos que hai moitos veciños que nos ofrecen os seus soutos gratuitamente coa única condición de que llelos coidemos coma os outros que temos, pero non temos xa capacidade para seguir aumentando a base territorial por falta de tempo", recoñecen.
Comezaron pagándolle a cada veciño que lles alugaba os soutos un prezo por castiñeiro ao ano
Amarelante conta neste momento con 600 árbores en produción. De ano en ano, a cooperativa foi aumentando terreo, ata as 7,5 hectáreas que xestiona na actualidade, nas que fan os traballos de mantemento precisos para garantir unha boa produción e tamén a conservación do entorno, tanto desde o punto de vista da fertilidade do chan e a biodiversidade, como desde o punto de vista paisaxístico e de protección contra incendios forestais. Limpeza, poda e sinalización Traballos de desbroce nun dos soutos xestionados pola cooperativa O primeiro que fan cando lles ceden un souto, logo de buscar os lindes e marcos da parcela, unha tarefa que non é doada moitas veces, é identificalo colocando un cartaz no que manteñen o nome co que era coñecido no lugar: o Souto do Rei, Trabazos, As Regadas ... "Conservamos os seus nomes porque para nós cada un deses castiñeiros é moito máis que un número, son un auténtico patrimonio natural do que nos responsabilizamos para que poidan chegar até futuras xeracións", din. Coa información do Sixpac inscriben despois eses castiñeiros dentro da IXP e do Craega.
Ate o 2015 Amarelante foi só produtora e comercializadora de castaña fresca
A labor de recuperación continúa despois cun traballo de desbroce e limpeza das fincas e de poda dos castiñeiros. Os rastrollos e maleza miúda queímana e as ponlas da demouca empréganas para a caldeira coa que alimentan o secadeiro das castañas, nun exemplo de economía circular que evita así empregar combustibles fósiles. Recollida á man O minifundio, as pendentes e os camiños estreitos dificultan a mecanización dos traballos tanto para o coidado do soutos como para a recollida da castaña. O traballo de apañado esixe unha selección do froito, o que os levou a decantarse pola recollida manual. “Probamos a máquina de mochila, que aspira a castaña separándoa do ourizo, e vimos que axiliza o traballo no souto pero que dá despois máis traballo para seleccionar as boas", contan.
Probamos a máquina de mochila, que aspira a castaña separándoa do ourizo. Axiliza a recollida pero dá despois máis traballo para seleccionar as boas
A comercialización habitual da castaña que fan a maioría de produtores en Galicia é por venda en fresco a través de intermediarios. Esa é tamén a vía que utilizou Amarelante nos seus inicios, aínda que comezou a explorar de xeito progresivo outras posibilidades. Parte da castaña recollida séguena vendendo en fresco durante a tempada de recollida, sobre todo os calibres grandes, e a outra sécana, unha alternativa que aumenta o periodo de conservación do produto e que permite ademais unha boa saída para a castaña pequena, que ten peor comercialización en fresco. "Neste momento xa secamos moita máis da que se vende fresca", explica Sonia. Lograron deste xeito invertir o modo de comercialización dos primeiros anos en favor do produto transformado, menos dependente das oscilacións de prezos. Secado e transformación da castaña Marcos e Óscar clasificando a castaña A cooperativa puxo en funcionamento no 2015 unha nave de secado na que investiu 170.000 euros que lle permitiu iniciar de xeito progresivo a transformación do produto e reducir deste xeito a súa venda en fresco a través de intermediarios. O centro de conservación e transformación está nunha antiga nave textil que pertencera a Adolfo Domínguez e conta con maquinaria específica, como unha criba que separa por calibres, unha peladora e a propia secadora, que puxeron a funcionar no seu terceiro ano de andadura, permitindo o secado dos froitos de mediano e pequeno tamaño, o que aumenta o tempo de conservación e abriu novas liñas de mercado, como a da produción de fariña de castaña.
A posta en marcha de instalacións para a conservación e transformación do produto permitiulles revalorizar a castaña
Aínda que se trata dun sistema industrial, o mecanismo de funcionamento e tratamento da castaña é o mesmo neste secadeiro industrial que nos sequeiros tradicionais. O secadeiro está equipado dunha caldeira de madeira na que queiman a leña das podas que suministra aire quente a presión para o secado das castañas, que quedan preparadas en pouco máis dunha semana, fronte ós máis de 20 días que eran habituais nos secadeiros tradicionais. Castañas no secadeiro, onde pasan uns 9 días Neste proceso a castaña perde a auga, polo que, transcorridos 9 días, os 9.000 quilos de castaña en fresco que teñen de capacidade na secadora, quedan reducidos uns 3.000, descontadas as mermas polo deshidratado e a pel, xa que logo do secado, a castaña pasa por unha peladora que fai ao mesmo tempo unha selección para desbotar as que romperon no proceso. Quedaría entón xa lista para a súa comercialización.
O secado aumenta o tempo de conservación e mellora a saída para a castaña pequena
Na cooperativa levan anos apostando por transformar a castaña para evitar a dependencia dos mercados en fresco e neste momento xa secan boa parte da produción para comercializala logo ó longo do ano. Ademais de catañas secas e fariña de castaña, 100% natural e apta para celíacos, que moen nun muiño de pedra e a partir da cal fan tamén bica de castaña. A busca de mercados para o produto transformado foi o seguinte reto ao que se tivo que enfrontar Amarelante, habitual en moitas feiras das que se celebran pola xeografía galega e que vende os seus produtos en tendas de toda Galicia e tamén de Madrid e Euskadi.
Un alimento que foi base do sustento de moitas familias galegas no pasado foi perdendo pouco a pouco ese lugar predominante nas casas até recuperar agora o seu prestixio na alta cociña
Amarelante produce baixo a garantía da IXP Castaña de Galicia, un selo que serve para distinguir tamén os seus produtos no mercado. A castaña galega, que destaca pola súa calidade, é un produto cada vez máis demandado, tanto en repostería como en alta cociña e mercados importantes a nivel internacional, como os países centroeuropeos, Estados Unidos, Brasil ou Xapón mercan cada vez máis castaña producida na nosa comunidade. Novos produtos e oportunidades A cooperativa leva case dende os seus comezos impulsando a transformación da castaña para reducir a dependencia do mercado en fresco e da subministración para outras industrias. Nesta liña, están a impulsar varios proxectos en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, e o Centro Tecnolóxico da Carne, ubicado en Ourense.
Están a desenvolver unha bebida vexetal, copos e un snack a partir de castaña
Trátase dun proxecto piloto sobre tres novos produtos elaborados a base de castaña: leite vexetal, copos e un snack elaborado coa castaña xa precociñada. “Nós probamos a elaboración de todos eles de modo caseiro, pero agora precisamos que nos concreten que procedementos e maquinaria precisaremos para facelo a maior escala e poder comercializalo”, apuntan. Estas investigacións prolongaranse durante os próximos 2 anos.

Tratamentos contra o chancro e a avespiña

Solta do antídoto natural da avespiña, o Torymus Sinensis, en castiñeiros xestionados por Amarelante Galicia segue a ser a principal produtora e exportadora de castaña de España, pero factores climáticos ou problemas sanitarios como o chancro ou a avespiña fixeron caer nos últimos anos a produción desde os 20 millóns de quilos até os 12 millóns. Na comarca de Manzaneda e o macizo central ourensán a praga da avespiña está a facer estragos, danando tanto a produción como a propia saúde dos castiñeiros, que acusan os danos coa falta prematura de folla. Amarelante chegou a recoller nalgún ano 40.000 quilos de castaña, unha cifra da que quedaron moi lonxe nas últimas campañas.
Amarelante chegou a recoller 40.000 quilos de castaña, unha cifra da que quedaron moi lonxe nas últimas campañas
O concello de Manzaneda está tamén moi afectado pola enfermidade do chacro, o que os obrigou a vacinar todos os castiñeiros contra este mal. Nas árbores nas que o chancro estaba xa moi avanzado acabaron secando pero lograron salvar o resto, que empezaron a cicatrizar as feridas ao cabo duns tres anos do tratamento. Castañas da variedade amarelante, que destacan polo seu tamaño e bo aspecto Outra das enfermidades tradicionais dos castiñeiros era a da tinta, que hoxe afecta menos, xa que se transmite polo chan (non por esporas, como o caso do chancro) e ao parar de arar os soutos (tradicionalmente facíase para botar cereal) a súa incidencia tamén diminuiu, explican.
Os mercados de fresco estiveron parados o ano pasado pola covid e estívose pagando a castaña a prezos de hai 20 anos
Malia a caída da produción que se está a dar nas últimas campañas por mor de cuestións como o da avispiña do castiñeiro, o prezo da castaña non aumentou. De feito, o mercado en fresco resentiuse no último ano pola crise sanitaria e a caída da demanda, polo que a baixada dos prezos nalgunhas variedades foi notable. "Os mercados de fresco estiveron todos moi parados o ano pasado ao non haber magostos nin celebracións polo Samaín por causa da covid-19 e estívose pagando a castaña case como hai 20 anos”, lamenta Óscar.

DoSouto, unha iniciativa que lle dá valor engadido ás castañas e froitas de tempada

Milagros, diante do seu obrador, con algúns dos produtos que elabora O pequeno núcleo de casas de Vilar de Aldixe, na parroquia de Vilaragunte, está rodeado de soutos. Pero como pasa en moitos lugares de Paradela e doutros concellos do interior de Galicia, non hai quen os traballe e acaban no abandono. É o que lles pasaba aos castiñeiros da familia de Milagros López Díaz. O seu irmán ten unha gandería de vacún de leite que foi medrando e non dá o tempo para atender tamén os castiñeiros.
Na casa había moitos castiñeiros, pero ao ir ampliando o número de vacas da gandería, fóranse deixando de recoller as castañas
Pero Milagros, que estudou enxeñería agrícola aínda que non exerce profesionalmente diso, propúxose recuperar aqueles soutos e poñelos de novo a producir. Esa decisión foi o punto de partida de DoSouto, un proxecto máis amplo que ademais de servir para recuperar a produción de castaña serviu tamén para recuperar o patrimonio rural agrario e apostar pola transformación.  Sala de elaboración, onde a materia prima é seleccionada e procesada para facer as conservas Empezou recuperando os soutos pero como unha cousa sempre leva a outra, pensou nun xeito de aportar valor engadido a aquela materia prima, así que acabou recuperando tamén unha vella palleira ao lado da casa e acondicionándoa para montar nela un obrador onde poder elaborar conservas. "A miña idea inicial era recuperar os soutos e o primeiro ano limpeinos, apañei a castaña e vendina, pero logo dixen hai que darlle máis valor", lembra. 
Transformou unha vella palleira en obrador de conservas e marmeladas, tanto de castaña como doutros froitos
No 2014, un par de anos despois de empezar a recuperación dos soutos, comezou a transformar as castañas en tres produtos elaborados a partir delas: crema de castañas, crema de castañas con chocolate e castañas en almíbar. Froitas de tempada producidas na zona Gama de produtos DoSouto, que inclúe derivados de castaña e marmeladas de froitas A gama inicial a base de castañas foise ampliando pouco a pouco a outros froitos producidos na zona. "A castaña é un produto moi específico que, ou gusta ou non gusta. Así que pensei en aproveitar as instalacións que xa tiña e transformar tamén nelas froitas que puidera recoller directamente eu ou ben mercar a produtores desta zona", explica.
A miña idea inicial era recuperar os soutos pero logo dixen hai que darlle máis valor á castaña
Comezou mesturando castaña con mazá, unha confitura que fai máis suave o sabor da castaña. Tamén é de colleita propia a cabaza, que cultiva ela mesma para facer despois tamén marmelada. Kiwi, cereixa, laranxa, arandos, framboesa ou moras son outros dos sabores dispoñibles. Sen espesantes nin conservantes En todos os casos os produtos DoSouto son feitos con froita de tempada, recollida no momento óptimo de maduración. "Eu elaboro en tempada, non conxelo a froita. A nosa marmelada de mora faise só no tempo da mora, a da cereixa igual e así todas", conta Milagros. A froita é a base principal, á que non se engade conservante químico ningún. "É só froita, azucre ecolóxico e zume de limón", destaca. A manipulación da froita tamén se reduce ao mínimo. A única maquinaria da que dispón DoSouto no seu obradoiro é unha marmita que fai ao mesmo tempo as funcións de autoclave.
Non conxelo a froita, a marmelada de mora faise só no tempo das moras e a da cereixa no das cereixas
O resto do proceso é todo artesán. "Merquei 3 ou 4 modelos para sacar o óso ás cereixas pero o único que me funciona é o sistema manual. Pero para iso fan falta horas e gañas de traballar", di. A cantidade de azucre é mínima porque a froita vai madura e xa aporta os seus azucres naturais. Tampouco usa aditivos. "A marmelada espesa só a base de coción", indica. Unha "romántica" do rural A palleira recuperada como sala de elaboración dos produtos Milagros declárase "romántica do rural, o silencio e a tranquilidade". "Estiven fóra estudando pero dinme conta de que onde mellor me atopaba era nos sitios pequenos", recoñece. Valora a liberdade que lle dá o feito de poder "traballar ao teu ritmo" ("recollo eu a froita, cozo e envaso", destaca) e está convencida do potencial que hai en Galicia para iniciativas como a súa, que son un xeito de diversificar o sector primario e atopar un futuro para a xente moza máis aló da gandería de vacún de leite ou de carne.
No 2013 comecei a darlle voltas á idea e a finais do 2014 comecei a producir
Ela soubo ver esas posibilidades. "O gusto pola cociña e as conservas venme de pequena. Xa era eu a que facía a salsa de tomate na casa cando sobraba produción na horta. Xuntei esa afección coa idea romántica de recuperar os soutos da casa", di.
De pequena xa era eu a que facía a salsa de tomate na casa cando sobraban na horta
Para facer o obrador, quixo conservar tamén a palleira tal como fora construída polos seus antepasados, mantendo a pedra e a madeira como materiais principais, aínda que Sanidade obrigouna a tapar a pedra na zona de elaboración.

"A avispiña está a provocar unha redución da produción dos castiñeiros do 40 ou 50%"

Un dos soutos con castiñeiros centenarios onde Milagros apaña a materia prima para os seus preparados Os soutos nos que Milagros recolle a castaña para os seus preparados están certificados dentro da IXP Castaña de Galicia, o que garante a procedencia e o cumprimento de determinados parámetros de calidade, como calibre, porcentaxe de hidratos de carbono e humidade da materia prima que emprega. O resultado é tamén que cada bote resultante vai etiquetado cun número de serie único.
A súa produción está amparada pola IXP Castaña de Galicia
Tras conseguir sacar do abandono e o esquecemento os castiñeiros da familia e poñelos a producir, esta rapaza estase a atopar nos últimos anos cun grave problema que impide obter deles todo o rendemento. "Aquí está a afectar moito a avispiña, houbo castiñeiros que me secaron e o ano pasado recollín só 1.000 quilos, cando antes pasaba dos 2.000. Está habendo unha redución da produción do 40 ou 50%", asegura. Milagros vende en feiras de alimentación e artesanía, tendas de produtos gourmet e delicatessen e tamén pola internet. Tanto as elaboracións con castaña como as marmeladas teñen múltiples aplicacións. Por exemplo, "a crema de castaña combina moi ben con queixo do Cebreiro", di.
A crema de castaña combina moi ben con queixo do Cebreiro
Prepara encargos á carta para poder usar a modo de agasallos en celebracións e tamén cestas personalizadas. Ao contar cunha gama ampla de sabores hai para todos os gustos ou, como ela prefire dicir, "para gustos, mermeladas".

A Xunta inicia a solta de 1,6 millóns de parásitos para loitar contra a avespiña do castiñeiro

A Consellería do Medio Rural vén de iniciar a solta de 1,6 millóns de individuos do parasito Torymus Sinensis para consolidar a súa loita contra a avespiña do castiñeiro. A Xunta investirá máis de 2,2 millóns de euros en 2021 para combater a praga con este método natural. En concreto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal comezou estes días a realizar as primeiras soltas nas comarcas da Coruña e Pontevedra, onde as condicións meteorolóxicas permitiron que os castiñeiros xa brotasen. Nas vindeiras semanas, os traballos acadarán tamén as provincias de Lugo e Ourense. Nesa liña, cómpre sinalar que o momento da solta depende de cando comezan a medrar as follas dos castiñeiros e, por tanto, as bugallas. Así, cando hai un número suficientes de bugallas nun souto procédese á solta dos parasitos. Cabe destacar que o número de Torymus sinensis a soltar depende da superficie de soutos e plantacións de castiñeiro existentes, co obxectivo de que o parasito comece de forma natural a súa expansión e protexa así estes enclaves naturais. Para levar a cabo os traballos, Medio Rural volve contar este ano coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e de distintas cooperativas e asociacións relacionadas co manexo dos soutos e a produción de castañas, que facilitan os datos do momento en que brotan as follas dos seus soutos para optimizar as soltas dos parasitos.

Efectividade do sistema

Dende o ano 2015, cando se comezou con este sistema natural, liberáronse un total de 4,1 millóns de individuos do parasito Torymus Sinensis por toda a xeografía galega, o que supuxo un investimento da Xunta de máis de 5,8 millóns de euros. “Arestora trátase do único método existente para loitar contra este organismo e o resultado das soltas amosa a efectividade da medida, que está sendo un referente noutras comunidades autónomas e, incluso, noutros países”, destacan dende Medio Rural. Neste senso, cabe sinalar que, na campaña 2019/2020, as parasitacións obtidas acadaron de media un 3% nas zonas de maior superficie de castiñeiros e, polo tanto, de produción de castañas (zonas de soutos do interior de Lugo e de Ourense), o que garantiu o establecemento de poboacións estables do parasito. Con todo, nalgúns dos puntos analizados a parasitación chegou ao 20% e, puntualmente, ao 44%. “Tendo en conta estas cifras do asentamento do Torymus, constátase que a Xunta comeza a gañar a batalla contra a avespiña do castiñeiro a través da loita biolóxica”, conclúen dende a Consellería.

Traballos a ter en conta nos soutos

Para asegurar a supervivencia dos parasitos soltados do Torymus sinensis, e que se poida asentar a súa poboación, é moi importante ter en conta algunha recomendación á hora de realizar os traballos nos castiñeiros. Neste senso, non se deben empregar insecticidas para a erradicación da avespiña porque, aínda que non entra na bugalla, si pode afectar aos parasitos naturais da avespa do castiñeiro e mesmo ao propio Torymus. Tampouco se deben eliminar nunca as bugallas secas, porque é onde permanece o parasito ata a súa emerxencia na seguinte primavera. Finalmente, é preciso evitar as rozas preto dos castiñeiros na primavera, xa que os Torymus aliméntanse do néctar das flores do souto, mentres se aparean e poñen os ovos nas bugallas frescas. Pola contra, pódense podar os castiñeiros pero non queimar ou eliminar os residuos, xa que o Torymus pode vivir dous anos dentro das bugallas secas, antes de emerxer para parasitar bugallas frescas. Ademais, recoméndase regar durante o verán para prolongar o período de crecemento de gromos novos -así estes quedan fóra do período de posta da avespa- así como fertilizar para incrementar o vigor das árbores e que poidan resistir mellor o ataque da praga.

Coñecemos ben as variedades de castiñeiros dos soutos galegos?

Unha das liñas que están a desenvolver no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) en materia de mellora xenética do castiñeiro pasa pola identificación das distintas variedades existentes nos soutos galegos. Trátase dun traballo que, aínda que se iniciou hai xa varias décadas, está a retomarse nos últimos anos con novas investigacións sobre o terreo. “Para lograr materiais destinados á produción de castaña nós estamos seguindo unha estratexia centrada en identificar variedades ben definidas presentes nos soutos galegos”, explica Josefa Fernández, coordinadora do programa de mellora do castiñeiro no centro. Un destes proxectos estase a levar a cabo no Courel (Lugo) e con el pretenden mellorar a descrición varietal dos soutos. “Boa parte destas variedades recolléronse hai xa 30 anos, pero agora estamos abordando o xenotipado dun bo número dos individuos presentes nestes soutos”, detalla Fernández.
Nos montes do Courel xenotiparon uns 200 castiñeiros para mellorar a descrición varietal dos soutos e conseguir exemplares que poidan empregarse na produción de castaña
Polo momento, nos soutos do Courel xenotiparon xa uns 200 castiñeiros elixidos con diferentes criterios. Nesta zona tiñan descritas só dúas variedades importantes, que se atopan incluídas entre as 23 variedades rexistradas e con presenza en Galicia. Por unha banda, atópase a variedade De Presa, a máis abundante nos soutos desta zona, que produce unha castaña grande e temperá. “No pasado, o interese por esta variedade foi para o aproveitamento da madeira, debido á súa calidade, e segue a selo”, detalla a experta. Esta é tamén unha das variedades máis antigas, presente principalmente nos montes do Courel e tamén localizada en zonas contiguas de León. A outra variedade que tiñan identificada ata o momento nesta zona é a Rapada, cunha castaña dun calibre máis pequeno, doce, saborosa e ideal para o secado. Xunto con estas variedades, os traballos de xenotipado permitíronlles identificar 12 variedades máis, aínda que algunhas delas teñen unha presenza anecdótica. Trátase, en parte, de variedades que xa están dadas de alta con outros nomes noutras zonas, o que lles está a simplificar o traballo de identificación e catalogación. “Este traballo estanos permitindo coñecer sinonimias dunha mesma variedade en diferentes lugares”, detalla a especialista. Entre estas variedades que identificaron na zona do Courel atópase a Vérdea, unha caste tardía que produce castañas de pequeno calibre e moi presente nestes soutos. “Con estes traballos puidemos concretar que é unha variedade que aínda está sen rexistrar, o que faremos proximamente”, explica Fernández.
“Agora hai unha demanda e un interese por coñecer as variedades de produción de castaña que temos en Galicia”
Xunto cos traballos que realizaron no Courel, o ano pasado estiveron a traballar en soutos dos Ancares e A Fonsagrada (Lugo). Tamén realizaron xa esta catalogación en soutos de Viana do Bolo (Ourense), onde localizaron variedades cunha presenza anecdótica, pero que son as que está a demandar agora o mercado, debido ó seu tamaño. “Agora hai unha demanda e un interese por coñecer as variedades de produción de castaña que temos en Galicia, dende que rexurdiu o aproveitamento da castaña”, apunta. As actividades sobre recursos xenéticos do castiñeiro están contribuíndo tamén á creación de tres importantes coleccións de xermoplasma. Unha das coleccións inclúe unhas 45 variedades para castaña, tanto galegas como outras de interese (portuguesas e francesas). Outra colección é a de árbores superiores para madeira, cuns 150 individuos. A terceira é a colección de híbridos interespecíficos entre o castiñeiro europeo e o xaponés, así como híbridos con castes orientadas á produción de madeira, castaña e de dobre aptitude. O programa de recursos xenéticos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán parte da consideración de que as variedades produtoras de castaña a recomendar van ser as variedades tradicionais que interesen polas súas características. Por outra parte, os patróns e os clons para madeira procederán do programa de mellora que busca adaptación e tolerancia á tinta, cancro e avespa (Phytophthora cinnamomi, Chryphonectria parasitica e Dryocosmus kuriphilus), compatibilidade ó enxerto no caso dos patróns e calidade forestal nos clons para madeira.
Ensaios nos invernadoiros do CIF Lourizan sobre a avespiña do castiñeiro.

A resistencia a enfermidades

Lograr castiñeiros resistentes ás principais afeccións, como son a tinta (Phytopohthora cinnamomi) o cancro (Cryphonectria parasitica) e máis recentemente á avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) é outra das liñas fundamentais en materia de mellora xenética no CIF Lourizán. “Os nosos esforzos dende hai 10 anos tamén están encamiñados a crear novos xenotipos controlados, de calidade, adaptados ás condicións climáticas e, sobre todo, que sexan resistentes á tinta, que é o maior problema dos castiñeiros galegos”, concreta a investigadora. No caso do cancro e da avespiña a loita biolóxica está a ser unha opción para mellorar a afección, segundo indica a especialista, polo que están a manter especial interese en mellorar por resistencia á tinta. “Hai anos, zonas da montaña de Lugo e Ourense mantíñanse libres de tinta, pero na actualidade estase detectando a incidencia tamén nestes soutos”, detalla.
“Hai anos, zonas da montaña de Lugo e Ourense mantíñanse libres de tinta, pero na actualidade estase detectando a incidencia tamén nestes soutos”
Dende Lourizán están optando por buscar a resistencia á tinta tanto nas poboacións autóctonas cunha mellor resposta, como na hibridación con exemplares xaponeses, que amosaron ter resistencia. Nesta última opción levan anos traballando, procurando ter clons adaptados ás condicións climáticas galegas, posto que as variedades asiáticas amosan problemas para resistir á seca e ás xeadas. Así, tentan conseguir xenotipos cun compoñente europeo máis importante e ó mesmo tempo consigan ser resistentes. Neste eido xa lograron clons das variedades orientadas á produción de madeira con cruces de Garrida ou De Presa. “Os híbridos que estamos obtendo agora teñen un 25% da variedade asiática, son os coñecidos como retrocruzamentos a Castanea sativa, e teríamos que ir a unha xeración máis, de modo que esta porcentaxe se vira máis reducida, para conseguir plantas máis resistentes fronte a xeadas e secas”, concreta Fernández.
Nos últimos 2 anos plantaron un ensaio en catro localizacións, con entre 300 e 500 exemplares en cada un, para seleccionar híbridos máis adaptados á climatoloxía galega e resistentes á tinta
Nos últimos 2 anos levaron a cabo un ensaio en catro sitios con 300 a 500 exemplares por sitio, repartidos en parcelas situadas en Lourizán, Vilariño de Conso (Ourense), O Corgo (Lugo) e Allariz (Ourense) para comparar os novos retrocruzamentos con híbridos F1 ( 50 % de C.sativa e 50 % de xaponés), os creados a mediados do século XX que se propagan e venden nos viveiros. “Nestes ensaios estamos tendo moi bos resultados, aínda que polo momento só teñen 2 anos e neste tipo de estudos é preciso agardar polo menos a evolución de 4 ou 5 anos, aínda que pode que consigamos ir sacando ó mercado xa mesmo antes algúns híbridos que amosen bos resultados”, explica.

A loita contra a avespiña

Algúns dos híbridos asiáticos empregados para obter resistencia contra a tinta, como son o 90044, o 125 ou a variedade francesa Bouche de Bétizac, xa demostraron ser totalmente resistentes tamén contra a avespiña do castiñeiro. “O problema é que en zonas de montaña, están a presentar problemas coa seca estival, o que fai que sexa preciso a rega, sobre todo nos primeiros anos; así como coas xeadas, xa que agroman moi cedo”, apunta. En concreto, a metade dos 30 híbridos F1 avaliados resultaron totalmente resistentes á avespa, entre eles están 3 dos 8 patróns que están en pleno proceso de aprobación para incluír no Rexistro de Variedades Comerciais. Trátase dos híbridos Q-125, Q-392 e Q-90044. Dende hai 4 anos están realizando un estudo con exemplares da plantación situada en Boqueixón (Sergude, A Coruña) para coñecer as variedades máis sensibles ó ataque da avespiña. “Os resultados estanse a repetir ano tras ano e amosan que variedades como Ventura, De Presa, Famosa ou De Parede teñen unha menor tolerancia”, detalla. Pola contra, a Rapada do Sil, Rapada, Negral, Branca ou Longal presentan unha maior resistencia fronte á avespiña. Das 28 variedades tradicionais avaliadas, 5 delas amosan unha maior resistencia fronte ó ataque da avespiña. “Aínda que nestes momentos non se opte por plantar as variedades máis sensibles, cómpre non tomar decisións a longo prazo baseadas só nestes datos, posto que a resposta que se está tendo coa loita biolóxica, como xa aconteceu en países coma Francia, está a ser moi boa e nuns anos podemos lograr unha incidencia moito menor da avespiña nos soutos galegos”, conclúe a investigadora.

Campaña da castaña 2020: escasa colleita e con prezos á baixa

A campaña de recollida da castaña comezou este ano máis cedo do habitual e está a ser máis curta do agardado debido á escasa cantidade de froito. Así, cando nalgunhas zonas como no sureste da provincia de Ourense, un dos principais espazos de produción, a campaña debía estar comezando, nestes días apuran xa a recollida, que está a piques de rematar. A incidencia da avespiña está reducindo a cantidade de castaña, ó tempo que afecta á súa calidade. En canto á comercialización, a crise sanitaria por mor do coronavirus deixa pegada neste sector ó verse reducido o mercado en fresco, o que provoca unha baixada dos prezos ante a escasa demanda. Coa campaña por rematar, as previsións que manexan afástanse das cifras que se acadaron en Galicia en anos pasados, cunha produción próxima ós 20 millóns de quilos nos mellores casos, ou ós 15 millóns, unha franxa que adoitaba acadarse habitualmente. “Faltan por recoller aquelas zonas máis tardías, pero con todo agardamos quedar bastante por debaixo da media habitual, estaremos entre os 12 e os 13 millóns de quilos”, concreta Jesús Quintá, presidente da Indicación Xeográfica de Galicia (IXP) Castaña de Galicia.
“Está a ser unha campaña moi complicada pola pouca castaña que hai e pola baixada do consumo en fresco” (Jesús Quintá, IXP Castaña de Galicia)
“Esta campaña está a ser moi complicada tanto pola pouca castaña que está habendo como pola caída do consumo a causa das restricións do Covid-19”, explica Quintá. A incidencia da avespiña estase a notar nos soutos galegos, polo que dende a IXP valoran moi positivamente as soltas do parasitoide Torimus sinensi, que se están a realizar para controlar bioloxicamente esta praga. “Con todo o que nos está afectando a avespiña aínda non chegamos a unha situación tan preocupante como á que chegou hai anos Italia, onde a colleita se reducira a un 10% da habitual, ou en Ronda (Málaga) onde as perdas chegaron a ser do 60%. Temos que seguir traballando porque a avespiña veu para quedarse e temos que protexer os nosos soutos”, valora Quintá. Coa caída da demanda en fresco reséntense tamén os prezos. Aínda que é habitual unha baixada das cotizacións segundo vai avanzando a recollida, marcando os máximos coas primeiras castañas, así como que haxa importantes diferencias entre as variedades, en boa parte das zonas produtoras acusaron prezos inferiores ós doutras campañas. “Os prezos en fresco esta campaña foron máis baixos pola falta de demanda, cos asadores e restaurantes pechados polo coronavirus. A industria está respondendo mellor porque ten expectativas de que o consumo se recupere”, detallan dende a IXP. Este ano nas mellores variedades os prezos estiveron entre 1,80 e 1,50 euros e no resto movéronse entre 1,30 e 1,10 euros. Repasamos con recolectores e cooperativas das principais zonas produtoras de Galicia o balance da campaña de recollida da castaña neste 2020:

Oriente ourensán

Nos soutos máis orientais da provincia de Ourense, unha das principais zonas produtoras de castaña de Galicia, a campaña está case para rematar, cando outros anos por estas datas aínda estaban comezando. “Empezou moi cedo, hai 15 días caeron as primeiras castañas e agora nunha semana xa remataremos”, explica Xosé Manuel Guerra, un produtor de castaña da zona da Gudiña. No seu caso, agarda recoller uns 600 quilos, fronte ós 2.400 quilos que apañara o ano pasado. “É unha plantación nova, aínda que ten algúns castiñeiros centenarios, pero no canto de ir en aumento este ano a produción reduciuse moito pola avespiña”, detalla.
A produción de castaña nalgunhas plantacións foi catro veces menos que hai un ano por causa da  avespiña
Na zona da Gudiña e Riós a produción veuse moi reducida por esta causa, tendo en conta ademais que a maior parte da castaña producida nestes soutos é da variedade Famosa, unha das máis afectadas pola avespiña. “En zonas da Mezquita e contra Portugal tiñan mellores perspectivas, pero xa estamos a unha altitude de máis de 800 metros e predominan outras variedades coma a Ventura ou Longal”, concreta o produtor. As podas e o saneado dos castiñeiros máis vellos tamén poden ser un aliado para incrementar a produción, tal e como indica Guerra. O prezo da castaña nestas zonas estivo en 1,60 euros a comezos da campaña e agora ronda 1,30 euros o quilo.

Macizo Central

Na comarca de Manzaneda, a avespiña está tamén a causar estragos danando tanto a produción como a propia saúde dos castiñeiros, que acusan os danos coa falta prematura de folla. “Este ano hai pouca castaña e moita dela aínda queda no monte porque non está moi sa”, indica Óscar Freire, produtor da cooperativa Amarelante. As previsións apuntan a unha campaña moi reducida, lonxe dos case 40.000 quilos que chegaron a recoller algúns anos na cooperativa. “Non creo que cheguemos ó 60% do que se colleu o ano pasado, que xa recolleramos só a metade do que tiñamos habitualmente”, explica o produtor.
“Os mercados de fresco están parados a causa do Covid-19 e a castaña estase pagando case como hai 20 anos”
Tamén o prezo está a ser un problema para moitos produtores este ano. “Os mercados de fresco están todos parados ó non haber magostos nin celebración de Santos por causa do Covid-19 e estase pagando a castaña case como hai 20 anos”, valora Freire. A campaña comezou pagándose a 1,5 euros o quilo e agora está xa dende mediados de semana a 1 euro o quilo. “Non hai máis que ver os camións que marchaban estes anos para mercados de fresco como Mercamadrid e o pouco deste ano para darse conta do que afectou o coronavirus”, explica. Na cooperativa levan anos apostando por transformar a castaña para evitar a dependencia dos mercados en fresco, polo que secan o 90% da produción para comercializala logo ó longo do ano. “Xa case temos o sequeiro completo, quédanos unha remesa máis de secado e con iso agardamos ter para todo o ano”, detalla.

Novos produtos, novas oportunidades

A cooperativa Amarelante leva dende os seus comezos impulsando a transformación da castaña para reducir a dependencia do mercado en fresco e da exportación para outras industrias. Nesta liña, este ano están a impulsar varios proxectos en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico da Carne. Trátase dun proxecto piloto sobre tres novos produtos elaborados a base de castaña: leite vexetal, copos e un snack elaborado coa castaña xa precociñada. “Nós probamos a elaboración de todos eles de modo caseiro, pero agora precisamos que nos concreten que procedementos e maquinaria precisaremos para facelo a maior escala e poder comercializalo”, apunta Freire. Estas investigacións prolongaranse durante os próximos 3 anos.

Caurel

Este outono, a avespiña deixou os soutos de moitas zonas do Caurel sen apenas castañas. “Levamos 4 anos perdendo produción, este ano xa nin empezamos a campaña de recollida porque non houbo castaña que apañar”, explica Verónica Núñez, da empresa Caurelor, situada en Quiroga (Lugo) e especializada tanto na comercialización da castaña como na elaboración de marmeladas.
“Este ano xa nin empezamos a campaña de recollida porque non houbo castaña que apañar”, (Verónica Núñez, de Caurelor)
“Xa nin puidemos abrir a venda electrónica porque a avespiña non deixou nada de castaña”, comenta a produtora. Atrás quedan anos nos que chegaba a recoller uns 4.000 quilos de castaña nos soutos que xestiona. “Os pobos das zonas da alta montaña este ano están moi afectados, case non houbo castaña”, indica Núñez.

Os Ancares

Máis ó norte, nos soutos dos Ancares onde predomina a castaña da variedade Parede, unha das máis afectadas pola incidencia da avespiña as perdas son do 90% con respecto doutras campañas. “Colleremos un 10% do que colliamos habitualmente. Xa o ano pasado foi unha campaña moi mala e esta aínda está a ser peor”, valora Román Sánchez, xerente da cooperativa A Carqueixa. Ademais do escasa que está a ser a campaña, tamén está a resentirse a calidade da castaña, tal e como apuntan os produtores. Nesta cooperativa toda a produción destínana para a venta á industria e os prezos estiveron entre 1,5 e 1,35 euros, aínda que prevén baixadas nestes últimos días de recolleita.

No Deza

Nas comarcas do centro de Galicia a campaña da castaña este ano tamén chegou moi adiantada. Xa a mediados de setembro comezaban a apañarse as primeiras castañas na comarca do Deza, co que tamén rematará antes. Mentres o habitual nestas zonas era que se prolongase ata principios de novembro, algúns almacéns deixaron de recollela antes pola escasa demanda que estaban a ter. Nos comezos da campaña tamén detectaron que a castaña estaba moi danada, unha situación que foi mellorando conforme foi avanzando o outono. “A campaña foi algo mellor que o ano pasado, pero viuse moi afectada polo coronavirus, que paralizou o mercado”, detalla Patricia Hermida, que colabora na xestión dun dos almacéns que recollen castaña en Lalín (Pontevedra) e que recolle uns 150.000 quilos ó longo de toda a tempada a produtores da comarca do Deza. En plena campaña, neste almacén do centro de Lalín envían uns 13.000 quilos de castaña ó día para distintas fábricas tanto galegas como de Portugal. Tamén os prezos se resentiron coa baixada da demanda. “Aquelas castañas cun calibre e calidade moi bo chegaron a 1,30 euros, aínda que o prezo se instaurou arredor de 1 euro ou 1,10 euros por quilo”, detalla Hermida. Xa no final da campaña caeu ata os 0,70 euros cando os principais compradores comezaron a deixar de pedila.

A colleita de mel redúcese, afectada pola seca estival e as chuvias da primavera

Este ano, as previsións dos abelleiros e as primeiras esmelgas xa realizadas, sobre todo en zonas de costa, fan prever unha menor colleita de mel, ademais de resultar moi dispar. Unha primavera cunha meteoroloxía moi irregular deixou consecuencias nos apiarios, cunha redución tanto do mel coma da produción de polen. A seca dos últimos meses tampouco contribuíu a mellorar as previsións, posto que floracións como a do castiñeiro ou da silva foron escasas en moitas zonas da montaña, o que condicionará a colleita de mel. No sector tamén se apunta a que a produción será este ano moi irregular. Así, algúns apicultores teñen boas previsións de colleita, pola contra outros están a ver reducida a súa produción de xeito moi notable.

Baixa produción na costa

“Na costa colleuse moi pouco mel e no interior a seca está reducindo moito a produción”, resume Xesús Asorey, portavoz da Asociación Galega de Apicultura (AGA). A meteoroloxía cambiante dos primeiros meses da primavera provocou, segundo explica Asorey, que moitas colmeas comezasen a traballar moi cedo naquelas zonas do litoral centradas, sobre todo, no mel de eucalipto. “O mal tempo que lles veu despois fixo que moitas colmeas xa non puidesen volver recuperar. Así é que na costa hai moitos apicultores que non teñen case ningún mel”, detallan dende AGA.
“Na costa colleuse moi pouco mel e no interior a seca está reducindo moito a produción”: Xesús Asorey, AGA
A mesma opinión comparten dende a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. “A previsión xeral é que sexa unha colleita menor que a doutros anos, aínda que nalgúns casos puntuais pode lograrse boa produción”, valora Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador Mel de Galicia. A meteoroloxía cambiante da primavera condicionou en gran medida non só a produción de mel de eucalipto na costa, senón mesmo a supervivencia dos apiarios. “As chuvias do mes de abril pillaron a moitas colmeas moi avanzadas na produción de mel, pero cando volveu o bo tempo xa non conseguiron recuperarse, porque xa rematara a floración. Houbo moitas colmeas que comeron toda a produción que tiñan e mesmo algunhas chegaron a morrer de fame”, detalla Ordóñez.
“Houbo moitas colmeas que na primavera comeron toda a produción que tiñan acumulada”: Esther Ordóñez, Mel de Galicia
Tamén coinciden nestas valoracións dende Mieles Anta, a maior produtora de mel de Galicia. A pesares de que a maioría das súas colmeas se atopan na montaña lucense, tamén contan cunha pequena parte da produción na costa, onde este ano as previsións de colleita son máis baixas. “Nas colmeas da costa está a haber moi pouca cantidade de mel. No resto, aínda que non é unha das mellores colleitas con respecto dos anos máis abundantes, agárdase ter mesmo un 10% máis de produción que o ano pasado”, concreta David Iriso, xerente de Mieles Anta. Cunha produción anual dunhas 300 toneladas de mel, a empresa lucense comezou a finais de xullo coas primeiras esmelgas, logo de rematar a recollida de polen, que lles resultou mellor que a campaña pasada. “Este ano acadamos unhas 7 toneladas de pole de castiñeiro, pero a avespiña está a afectar moito e redúcese a recollida ó non botar ou ter menos flor os castiñeiros”, detalla Iriso.

A seca, un dos condicionantes

Mentres na primavera foron as chuvias, a baixada de temperaturas e a inestabilidade as que condicionaron a colleita, nas zonas de interior e na montaña a seca prolongada dos últimos meses tamén influíu directamente na produción. Así o poñen de manifesto dende a Asociación Provincial Lucense de Apicultores. “Non é un dos peores anos, pero en xeral parece que vai haber menos produción”, explica Pablo Piñeiro, presidente do colectivo e apicultor. Nos seus apiarios, situados na zona da Pontenova (Lugo), xa realizou a esmelga en días pasados e a produción foi bastante boa, porén indica que moitos abelleiros da zona do interior e da montaña de Lugo están notando os efectos da seca. “Nas zonas máis próximas á costa as floracións de castiñeiro e silva van case cun mes de adianto, co que as abellas puideron aproveitalas moi ben. Tamén para eles o comezo do ano, coa flor do eucalipto, resultou boa, pero na montaña esta seca fixo que esas flores non foran tan produtivas”, detalla Piñeiro.
"É moi importante ter coidadas e fortes as colmeas para que poidan superar malas condicións meteorolóxicas": Román Cid, Abellas Nais
Na provincia de Ourense, a situación é moi irregular, con apiarios onde as perspectivas están a ser boas e outros nos que xa contan cunha baixa produción, segundo explica Román Cid, promotor da Asociación Abellas Nais. Así, na zona Verín, Ourense ou A Veiga, algúns dos socios constatan que está a ser un ano frouxo de mel. Porén, no Carballiño ou en Celanova, algúns dos apicultores asociados apuntan a que terán producións de entre 30 ou 40 quilos por colmea. Nesta provincia, cunha importante produción de mel, os recentes incendios en concellos como Cualedro ou Monterrei tamén deixaron danos nos apiarios. "Cada ano vémonos afectados polos lumes nas colmeas, nunha época na que non só perdemos as nosas abellas senón tamén a produción de mel",valora Cid. Dende a Asociación Abellas Nais inciden en que, a pesar do papel fundamental que xoga a meteoroloxía para a colleita do mel, tamén os coidados dos abelleiros son determinantes. “É moi importante ter coidadas e fortes as colmeas e preparadas para que poidan superar as malas condicións meteorolóxicas. O manexo que se fai do apiario é determinante”, explica Cid, ó tempo que recomenda optimizar o apiario e optar por un menor número de colmeas ben xestionadas e coas que garantir unha maior produción.

Adianto da esmelga

Nas últimas tempadas, tamén se está detectando un adianto da esmelga, que nalgúns casos mesmo chega a ser dun mes. Mentres que hai anos, a cata das colmeas adoitaba realizarse en setembro, sobre todo naquelas zonas de montaña e interior de Galicia, agora estes traballos realízanse, en moitos apiarios xa a finais de agosto ou mesmo no mes de xullo, máis aínda cando se trata das zonas costeiras. Un dos motivos que está detrás deste adianto é a presenza de vespa velutina. “Os apicultores prefiren recoller antes o mel e protexer as abellas contra o ataque da velutina, que é máis intenso nos últimos meses do verán”, explica Asorey. A posibilidade da venda directa do mel ós turistas e visitantes é outro dos motivos que apuntan dende o sector para querer realizar a esmelga máis cedo e aproveitar a maior presenza de clientes nos meses de estío.

Medio Rural iniciará a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro a finais de abril

A Consellería do Medio Rural proxecta este ano iniciar a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro na segunda metade de abril. Para elo, adquiriu unha cifra de insectos parasitoides similar ó ano pasado, 1,6 millóns de unidades do ‘Torymus sinensis’. As soltas de Torymus arrancarán nas comarcas costeiras das provincias de Coruña e Pontevedra, así coma en vales quentes de Lugo e Ourense. O momento da solta depende de cando comezan a medrar as follas dos castiñeiros e, por tanto, as bugallas. Cando haxa un número suficiente de bugallas nun souto, procederase á liberación dos parasitoides. Polo momento, estanse facendo mostreos da situación de brotación dos castiñeiros en toda a comunidade, pois cómpre afinar o momento da solta, xa que se se retrasa máis do debido, a bugalla pode estar endurecida e resultar impenetrable para o insecto parasitoide. Este ano, a Consellería salienta que conta coa colaboración da IXP Castaña de Galicia e de cooperativas e asociacións de produtores, que lle trasladan información da situación en monte á Administración. Traballos a ter en conta nos soutos Para asegurar a supervivencia dos parasitos soltados do ‘Torymus sinensis’, e que se poida asentar a súa poboación, Medio Rural lembra que é moi importante ter en conta algunha recomendación á hora de realizar os traballos nos castiñeiros. Neste senso, non se deben empregar insecticidas nos castiñeiros para a erradicación da avespiña, porque aínda que non entran na bugalla, si que poden afectar aos parasitos naturais da avespa do castiñeiro e mesmo ao propio Torymus. Tampouco se deben eliminar nunca as bugallas secas, porque é onde permanece o parasito ata a súa emerxencia na seguinte primavera. Finalmente, é preciso evitar as rozas preto dos castiñeiros na primavera, xa que os Torymus aliméntanse do néctar das flores do souto, mentres se aparean e poñen os ovos nas bugallas frescas. Pola contra, pódense podar os castiñeiros pero non queimar ou eliminar os residuos, xa que o Torymus pode vivir dous anos dentro das bugallas secas, antes de emerxer para parasitar bugallas frescas. Ademais, recoméndase regar durante o verán para prolongar o período de crecemento de gromos novos, así estes quedan fóra do período de posta da avespa. Tamén abonar para incrementar o vigor das árbores e que poidan resistir mellor o ataque da praga.

“En seis anos, a loita biolóxica pode resolver o problema da avespiña do castiñeiro”

En Italia, a avespiña do castiñeiro chegou a causar perdas na produción de castaña de arredor dun 80% da colleita. A praga deixou os soutos italianos moi debilitados a comezos do século XXI, pero na actualidade a recuperación chegou ata tal punto que desde o 2016 xa non se fan soltas en Italia de ‘Torymus sinensis’, o insecto encargado de combatir a praga. Este é o escenario que describe Alberto Alma, un investigador italiano especializado na loita contra a avespiña e que participou hoxe nunha xornada sobre a praga organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán. “A solta de ‘Torymus sinensis’ é moi efectiva. A cuestión é que hai que darlle tempo” -expuxo Alma en Lourizán.- “En 6-8 anos desde as primeiras soltas, os ‘Torymus’ van resolver o problema”, pronosticou en base á experiencia italiana. O investigador da Universidade de Turín puxo como exemplo a imaxe dun souto case sen follas, infestado por completo por bugallas da avespiña no 2005, e o mesmo souto totalmente recuperado no 2012 tralas soltas de ‘Torymus’. A praga da avespiña do castiñeiro caracterízase pola súa expansión meteórica, pois cada avespiña pon arredor de 150 ovos por tempada. O seu inimigo natural, o ‘Torymus sinensis’, ten un arranque máis lento, pois leva un tempo consolidar poboacións naturais no monte a partir das soltas, pero unha vez que se logra o establecemento das primeiras poboacións, o seu desenvolvemento é “imparable”, en palabras de Alberto Alma. En Galicia, onde o primeiro ano de soltas masivas pode considerarse o 2018, con arredor de 700.000 ‘Torymus’ liberados, o traballo dos parásitos en monte está na súa fase inicial. Este ano, nunha prospección de campo que consistiu na recolección de entre 5 e 10 bugallas en 4.400 puntos de solta do ano pasado, conseguíronse recuperar ‘Torymus’ en 53 puntos, cun total de 146 individuos.
A taxa de parasitismo dos 'Torymus' liberados no 2018 foi dun 3%, con menos dun 10% dos puntos de solta con parasitoides confirmados
Hai, por tanto, menos dun 10% dos puntos de solta que se mostrearon con ‘Torymus’ confirmados e un grao de parasitismo dun 3,09%, segundo os datos expostos hoxe en Lourizán por Martel Muñoz-Cobos, do departamento de Saúde e Vitalidade Forestal de Medio Rural, pero para Alberto Alma a cifra de parasitismo dun 3% é esperanzadora. “A partir dese 3%, o crecemento será exponencial e incontrolable. Pasará o mesmo que cando se tira unha pedra a un estanque. Os ‘Torymus’ iranse expandindo en ondas concéntricas e chegarán a toda Galicia”, pronosticou. En Italia, na actualidade o grao de parasitismo das bugallas da avespiña oscila entre o 70 e o 90%, sen que nos últimos anos se tivesen que facer soltas de ‘Torymus’, que xa ten consolidadas as súas poboacións no país transalpino.

Tres recomendacións prácticas para os soutos con soltas de ‘Torymus’

Para aqueles soutos nos que se estean facendo soltas de ‘Torymus’, Alberto Alma detallou algúns consellos prácticos a ter en conta polos propietarios, a fin de facilitar o asentamento dos insectos. 1) Os ‘Torymus’ pasan o outono e inverno nas bugallas aparecidas na última primavera, polo que hai que evitar destruír esas bugallas. Débense evitar as podas que eliminen as bugallas verdes, aínda que si se poderían eliminar pólas con bugallas secas de anos anteriores. 2) Os adultos de ‘Torymus’ aliméntanse do pole e néctar das flores, polo que é boa idea manter zonas con flores nos prados que rodeen ós soutos e no entorno das árbores. “As flores son fundamentais para os ‘Torymus’ e para outros insectos, pero a avespiña do castiñeiro non se alimenta delas”, explicou. 3) O abonado orgánico dos soutos que estean moi afectados pola praga é un xeito de revigorizar ás árbores, evitando que se debiliten máis. “Normalmente as árbores non morren só coa praga da avespiña, pero se hai unha presenza doutras enfermidades, como o chancro, si poden morrer”, advertiu.
O escenario en Galicia apunta á necesidade de soltas importantes de ‘Torymus sinensis’ alomenos durante un ou dous anos máis. Para o 2020 a Xunta repetirá o volume de soltas do 2019, con 1,6 millóns de ‘Torymus’, e introdúcese a novidade de que en teoría, calquera propietario forestal poderá mercar ‘Torymus’ no mercado para soltalos nos seus soutos, se ben na práctica, as catro empresas xa autorizadas polo Ministerio para producir ‘Torymus’ en España non terán capacidade de comercializalos ata dentro duns anos. Queda sobre a mesa a posibilidade de importacións doutros países.
A xanela das soltas é moi pequena, pois en canto a bugalla se endurece, o 'Torymus' non pode penetrala
Unha cuestión a ter moi en conta nas soltas é o intre das mesmas, pois o periodo de tempo durante o que o ‘Torymus’ pode penetrar nas bugallas da avespiña é moi pequeno. Pasado ese tempo, a bugalla endurécese e o insecto parasitoide xa non poderá facer o seu traballo. As soltas en Galicia, que se están acometendo a través de Seaga, fanse nun periodo de dous meses, desde finais de marzo, nas zonas costeiras, ata finais de maio, cando remata a brotación nos soutos de montaña. O proceso de solta é dobremente complexo, pois non só hai que ter en conta as diferencias climáticas entre comarcas, senón tamén as diferencias entre variedades de castiñeiros de cedo e de tarde. Os produtores presentes nas xornadas reclamaron unha maior interlocución da Administración cos propietarios para coordinar as soltas, a fin de lograr afinar o momento da solta, así coma maior información nas zonas de produción de castaña. Por parte da Administración, púxose un correo electrónico a disposición dos propietarios para trasladar suxerencias e incidencias: sanidadeforestal.cmrm (arroba) xunta.gal.

As variedades de froito máis resistentes á avespiña confirman o seu bo comportamento

Xunto coa loita biolóxica, a outra vía para enfrontar a avespiña do castiñeiro pasa polo emprego de variedades de castiñeiro resistentes á praga en novas plantacións. O Centro de Investigación de Lourizán ten identificados unha serie de clons híbridos que presentan unha resistencia total á praga e que poden ser utilizados como portaenxertos. Entre as variedades tradicionais de froito, non hai ningunha que quede libre de bugallas, pero os traballos do Centro en campo e en insectario permitiron confirmar que hai variedades que presentan unha moi baixa infestación.
As variedades Rapada, Branca e Longal son as que menor impacto presentan da avespiña do castiñeiro
Entre as variedades de froito con mellor comportamento, destacan a Rapada, a Branca e a Longal. En menor medida, tamén a Amarela, a Negral e a Parada de Sil. No outro extremo, as variedades con maior afección foron a De Parede, a De Presa, a Ventura e a Famosa. As conclusións das infestacións controladas e de campo observadas no 2019 permiten confirmar boa parte dos datos publicados por Lourizán no 2018, que se poden revisar nesta información. “Entre as variedades máis sensibles e menos sensibles á praga non hai a penas cambios, pois confirmáronse os datos. Entre as variedades intermedias, hai pequenos cambios no ranking, pois algunhas este ano amósaronse algo máis sensibles ou menos á praga”, explica a investigadora Beatriz Míguez. Lourizán publicará en breve novas táboas dos resultados obtidos sobre o comportamento de variedades e clons híbridos. Este ano, en lugar de catro niveis, as variedades clasificaranse en tres niveis de tolerancia, pois comprobouse que entre os dous intermedios prodúcense intercambios de ranking en distintos anos. De cara ó futuro, o traballo do Centro de Investigación oriéntase a obter portaenxertos que sexan resistentes á avespiña e adaptados ó medio das zonas galegas produtoras de castaña. En canto ás variedades de froito, a investigadora Beatriz Míguez chama tamén a non desbotar as que se están amosando como máis sensibles á praga. “Son variedades adaptadas ó clima de cada zona, polo que son interesantes a pesar da praga, pois é previsible que a avespiña se poida controlar nuns anos coa loita biolóxica”, subliña.
Mesa redonda con representantes das comarcas produtoras, IXP Castaña de Galicia e Medio Rural.

Informar e implicar á poboación, unha materia pendente

A xornada celebrada en Lourizán concluíu cunha mesa redonda na que participaron tres representantes de distintas comarcas de castaña de Galicia, Román Sanchez, da cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo), que confirmou a alta sensibilidade da variedade De Parede á praga nos Ancares lucenses; Óscar Freire, da cooperativa Amarelante (Manzaneda, Ourense); e José Manuel Guerra, técnico da Asociación A Castaña (A Gudiña, Ourense). Xunto a eles interviu tamén un representante da IXP Castaña de Galicia, e Martel Muñoz-Cobos, de Medio Rural. Unha cuestión que se deixou patente desde o sector produtor é a necesidade de informar e implicar ós propietarios dos soutos sobre a loita contra a avespiña do castiñeiro. “Hai que involucrar á poboación, explicar que soltas se están facendo e que se pode facer e que non nos soutos onde hai ‘Torymus’ liberados”, sinalou Óscar Freire, que lamentou que arredor do 70% dos castiñeiros de Manzaneda estean abandonados, tendo en conta o seu potencial de xeración de rendas. Por parte de José Manuel Guerra, de A Castaña, tamén se puxo de manifesto a importancia de que se conte cos propietarios a nivel local para coordinar e colaborar nas soltas, pois son os propietarios os que mellor coñecen cando abren as distintas variedades en cada zona. Desde Medio Rural, reiterouse que están dispostos a manter unha vía de comunicación cos propietarios, se ben tamén se plantexou a dificultade de quedar cos veciños para facer as soltas, dada a premura coa que hai que acometelas a nivel de toda Galicia. “Este ano tivemos semanas de máis de 300.000 Torymus liberados, a razón de 155 exemplares por punto de solta”, explicou Martel Muñoz-Cobos. Portaenxertos adaptados á montaña Outro asunto que se abordou na xornada é o das dificultades de adaptación que presentan os portaenxertos híbridos en zonas de media montaña ou montaña de Ourense e Lugo. A ese respecto, Josefa Fernández, responsable do programa de mellora xenética do castiñeiro en Lourizán, destacou que se está a traballar en portaenxertos compatibles coas variedades tradicionais e adaptados ás condicións climáticas da montaña galega. Josefa incidiu ademais en que nun futuro, dado o aumento de temperaturas que se está a dar, haberá zonas actualmente libres de tinta que probablemente se vexan afectadas pola enfermidade, polo que os portaenxertos resistentes á tinta aumentan o seu interese.