Archives

Estes son os 13 Augardentes e Licores galardoados coas Distincións Gallaecia 2022

A Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia deu a coñecer o veredicto da súa cata de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia deste ano. Nesta edición participaron 17 empresas con 50 mostras amparadas nas Indicacións Xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Das 50 referencias presentadas a este certame anual, un total de 13 superaron a puntuación de 86 sobre 100, sendo recoñecidas coas Distincións Gallaecia 2022. O panel de cata formado por 10 expertos outorgou o galardón a dous destilados Bagazo de Galicia; dous Bagazo de Galicia Envellecido; un Augardente de Herbas de Galicia; catro Licor de Herbas de Galicia; e 4 Licor Café de Galicia. Desde a asociación de catadoras valoraron moi positivamente o alto nivel de calidade dos destilados presentados a esta edición. Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo, quixo agradecer á asociación de catadoras o seu gran labor na posta en valor da calidade dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia mediante estes recoñecementos anuais.

Destilados premiados

Desagregados por Indicación Xeográfica e tipo de produto, os Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia que recibiron as Distincións Gallaecia 2022 son os seguintes:   1) Orujo de Galicia a) Orujo de Galicia Pazo Pondal (Pazo Pondal S.L.) Tamtum (Orujos y Licores Augavella S.L.) b) Orujo de Galicia Envejecido Fillaboa (Bodegas Fillaboa S.A.) Mosteiro de Xagoaza (Bodegas Godeval S.A.T.) 2) Aguardiente de Hierbas de Galicia Viña Armenteira (Lagar De Fornelos, S.A.) 3) Licor de Hierbas de Galicia Marqués de Marialva (Nor Ibérica De Bebidas, S.L.) Mosteiro de Xagoaza (Bodegas Godeval, S.A.T.) Pazo de Valdomiño (Pazo De Valdomiño, S.A.) Terras de Lantaño (Viña Cartín, S.L.) 4) Licor Café de Galicia Fonte do Frade (Pazo de Valdomiño S.A.) Lúa de Costeira (Viña Costeira, S.C.G.) Tamtum (Orujos y Licores Augavella, S.L.) Terras de Lantaño (Viña Cartín, S.L.)

Distincións Gallaecia

As Distincións Gallaecia son uns recoñecementos anuais da Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia que valoran mostras de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, así como viños das cinco Denominacións de Orixe da comunidade autónoma. A asociación está integrada por máis de cen catadores das catro provincias galegas. Unha das principais accións que desenvolve é, precisamente, este concurso que xa vai pola súa vixésima edición e que cada vez conta con maior número de mostras participantes.

Listaxe dos mellores augardentes e licores de Galicia

A Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia deu a coñecer o veredicto da súa cata de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia deste ano. Das 61 referencias presentadas a este certame anual, un total de 21 recibirán tras o verán as Distincións Gallaecia 2019. A valoración dos destilados presentados a concurso desenvolveuse o pasado 22 de xullo nas instalacións da aula do Club Servino, na Coruña. Un total de 11 catadores -10 do propio panel de cata de Gallaecia e un externo, o director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribera del Duero, Alberto Tobes- encargáronse de valorar as mostras. O presidente da asociación Gallaecia, Aurelio Vázquez, destacou a “altísima calidade de todos os destilados presentados. As Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia están a incrementar notablemente a súa calidade. Parece que xa empezan a deixar de ser un subproducto vinícola, a diferenza de anos precedentes, e todo isto pasa por seguir apostando pola calidade do produto”, asegurou.

Destilados premiados

Desagregados por Indicación Xeográfica (IX) e tipo de produto, as Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia que recibirán as Distincións Gallaecia 2019 son os seguintes: 1) IG Orujo de Galicia (24 referencias presentadas a concurso) a) Orujo de Galicia (21) -Bocabajo, de Adegas Castrobrey -Fonte do Frade, de Pazo Valdomiño -Pazo de Mince, de Dismark Products -Pazo de Señoráns, de Bodegas Pazo de Señoráns -Pazo de Valdomiño, de Pazo de Valdomiño -Segrel, de Bodegas Pablo Padín b) Orujo de Galicia envellecido (3) -Cebeiro Envejecida, de Bodegas Pablo García Cebeiro -Fillaboa, de Bodegas Fillaboa 2) IG Augardente de Herbas de Galicia (1 referencia a concurso) -Pazo de Señoráns, de Bodegas Pazo de Señoráns 3) IG Licor de Herbas de Galicia (18 mostras) -Bocabajo, de Adegas Castrobrey -Felipe Saavedra, de Nor-Ibérica de Bebidas -Marqués de Marialva, de Nor-Ibérica de Bebidas -Porta do Miño, de Bodegas Terras Gauda -Quenza, de Customdrinks -Terras de Lantaño, de Bodegas Viña Cartín 4) IG Licor Café de Galicia (18 mostras) -Abadía da Cova, de Adegas Moure -Bacabajo, de Adegas Castrobrey -Fonte do Frade, de Pazo de Valdomiño -Pazo, de Bodegas Viña Costeira -Pazo de Galegos, de Bodegas Pablo García Cebeiro -Ximonde, de Aguardientes de Galicia O Concurso Distincións Gallaecia, organizado pola asociación de catadoras do mesmo nome, cumpre a súa vixésima primeira edición. Ademais das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, tamén valoran mostras de viños do cinco Denominacións de Orixe da comunidade autónoma. Os recoñecementos entregaranse tras o verán. A Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia está integrada por máis de cen catadores do catro provincias galegas. Unha das principais accións que desenvolve é, precisamente, este concurso que cada vez conta con maior número de mostras participantes.

“Gran parte do licor e augardente que se vende como galega non o é”

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia acaba de presentar os seus datos de 2018 que confirman o seu lento pero imparable ascenso: 385.000 litros de produto certificado o pasado ano, un 16% máis que en 2017 e un 78% máis se que compara cos datos de 2011. Porén, estas boas cifras ven embazadas por uns prezos baixos en relación á calidade do produto -”temos unha augardente en Galicia da mesma calidade cando non mellor que os italianos ou o portugueses pero que se vende a un prezo 4 veces inferior”, lamenta- e sobre todo a fraude estrutural con centos de miles de litros de augardentes e licores que se venden como galegos pero que non o son. Tanto en litros certificados como en contraetiquetas o crecemento do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia é imparable. A que o atribúe? É certo que temos un crecemento sostido, pero hai que lembrar que partiamos de cifras de cualificación moi baixas e seguimos en cifras moi inferiores ao que debería estar certificado baixo a IXP Orujo de Galicia.
“O licor de herbas galego con IXP ten un enorme mercado en España”
Os medios do Consello Regulador son limitados e centrámolos en realizar unha labor continuo de divulgación, tanto entre a restauración, distribución e entre os consumidores en xeral de que mercar unha augardente ou un licor coa etiqueta da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia é a única garantía de que proceden de uvas galegas e de que son produtos de calidade, algo que para nada se garante cos chamados licores caseiros, que ademais dunha fraude fiscal supoñen en moitos casos un claro risco sanitario. En que denominacións vitivinícolas galegas certificades máis augardente e licores? Sen dúbida na Denominación de Orixe Rías Baixas, onde se concentra o 90% do produto amparado pola IXP, quizais debido a que a mentalidade destas adegas é máis empresarial e son conscientes de que na súa carta de produtos, xunto a uns bos viños, teñen que ter unhas augardentes da máxima calidade. ¿Que porcentaxe do augardente galego está certificado pola IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia? É difícil coñecer o dato exacto pero a porcentaxe aínda é demasiado baixa. Boa parte do bagazo galego é destilado en Galicia, pero non todo serve para elaborar augardentes amparadas pola IXP, que esixe altos estándares tanto do punto de vista físico-químico (contido de etanol...etc) como organoléptico. En resumo, para poder levar a contraetiqueta da IXP a augardente ou licor non debe ter ningún defecto. ¿En que produto detectades desde o Consello Regulador máis posibilidades de crecemento? O licor café é unha bebida que se vende fundamentalmente en Galicia e no pasado 2018 experimentou un pequeno incremento na certificación; a caña ou augardente branca descendeu lixeiramente e onde se concentrou o incremento foi no licor de herbas, que é onde detectamos un maior potencial de crecemento e que representa a maior parte da produción certificada. Trátase dunha bebida que se consume en toda España e onde o produto galego amparado pola IXP ten un potencial de crecemento enorme. Neste sentido, animaría ás empresas a que realicen un esforzo comercializador porque hai un gran mercado. ¿Nótase esta evolución positiva das certificacións nos prezos? Lamentablemente non. Unha grappa italiana ou mesmo unha bagaçeira portuguesa pódense vender a 90 euros a botella de 1 litro, mentres que o galego está na contorna dos 18 euros. Calquera augardente amparado polo Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia ten unha calidade como mínimo, igual, aos italianos ou portugueses, pero o seu prezo é 4 ou 5 veces inferior.
“As nosas augardentes galegas teñen a mesma calidade que un italiano ou portugués, pero un prezo 4 veces inferior”
¿Como diferenciar unha augardente galega certificada da que non o está? A maior garantía sen dúbida é a etiqueta da IXP, pero mesmo nunha cata a cegas nótase a diferenza enorme de calidade. Na última edición do Salón de Gastronomía Xantar, en Ourense, organizamos desde o Consello Regulador unha cata, e ao finalizar unha traballadora da hostalaría achegóuseme para dicirme que era a primeira vez nos seus anos de traballo en que catara un licor de herbas que lle resultara agradable e lle sentara ben. Pasounos tamén casos de prescriptores estranxeiros aos que lles serviron no restaurante unha augardente galega supostamente caseira e resultáralles resultado infame. Pero cando veñen ás adegas e proban unha amparada pola IXP quedan sorprendidos pola súa calidade. ¿Segue sendo a gran materia pendente a loita contra a augardente que se venden como galega pero que non o é? Sen dúbida, e onde máis se comete a fraude é nos propios bares e restaurantes galegos, que tiran pedras contra o seu propio tellado. Deberiamos estar orgullosos como galegos dos nosos produtos e teriamos que lembrar que é moi difícil que vendamos fóra o noso cando non o defendemos e consumimos na nosa terra.
 “O problema coa fraude témolo en casa: son galegos os que o elaboran e galegos os restaurantes que o venden”
É inconcibible que nos restaurantes che regalen o chupito de augardente, no que te xogas a súa saúde se é ilegal, e che cobren o café, cando por 2 euros podes tomar un chupito dunha augardente legal, certificada pola IXP, e da máxima calidade. Como mostra de como está a situación, hai adegas galegas que se negan a vender as súas augardentes e licores en Galicia porque logo énchenlles as botellas para facelas pasar como súas. En canto aos elaboradores, en Galicia hai destilerías que elaboran licores e augardentes con bagazo galego, pero tamén con moito augardente que traen de fóra e ás veces mesmo mesturándoo con alcol. Eses produtos, por moito que paguen impostos a Facenda, están a se servir do nome de Galicia na etiqueta para vender un produto que non é galego 100%, nunha práctica que bordea a legalidade e que constitúe un engano ao consumidor. O problema témolo na casa: a maior parte das empresas que venden augardentes e licores pseudogalegos ou pseudocaseiros son galegas e a administración non pode mirar para outro lado. ¿A administración está a cumprir as súas obrigas? Até hai pouco o mercado galego estaba asolagado de augardentes e licores ilegais, constituíndo un problema de saúde pública, algo que só pasa en países poucos desenvolvidos. É algo que como sociedade deberíanos avergoñar e obrigar a actuar con firmeza. É certo que a Consellería de Sanidade realizou inspeccións e impuxo centos de sancións en locais de hostalaría das provincias da Coruña e Pontevedra, pero en Ourense só impuxo 2 ou 3, cando é suficiente con darse unha volta para comprobar que circulan amplamente estas augardentes e licores ilegais. ¿Por que non actúa a Xunta?

Medra un 16% a certificación de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia certificou un 16% máis de destilados amparados durante o ano 2018. De acordo cos datos provisionais presentados hoxe polo organismo, “certificáronse ao redor de 385.000 litros de produto, o que supón un incremento en algo máis de 50.000 litros con respecto ao exercicio anterior”, asegurou o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijoo. Tamén positiva é a cifra de incremento no número de contraetiquetas expedidas durante 2018. De acordo con Feijoo, “esta é a cifra máis fiable, xa que representa aquelas botellas que as empresas teñen previsto vender, mentres que a certificación de destilados en si pode variar moito dun ano para outro”. Neste caso, o aumento rexistrado foi un 5% con respecto a 2017, pasando das 548.234 contraetiquetas a ao redor de 578.000. “Estes datos son provisionais, xa que se teñen que realizar as últimas comprobacións dos rexistros”, aclarou o presidente do Consello Regulador, quen se mostrou satisfeito co “crecemento continuado rexistrado na produción das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia nos últimos anos”. “Aínda que non medramos todo o que nos gustaría, o certo é que mantemos un incremento constante no tempo”, subliñou.

Desde o 2011 medrou un 78% a produción certificada

Deste xeito, desde 2011 até 2017 a produción incrementouse un 53,42%, unha porcentaxe que ascende até o 78% se se teñen en conta os datos provisionais de certificación de produto de 2018. Pola súa banda, o número de contraetiquetas expedidas polo Consello Regulador ao longo dos últimos anos tamén rexistraron un notable incremento. Así, desde 2011 e até 2017, o número de contraetiquetas expedidas polo Consello Regulador rexistrou un incremento total dun 61,2%. Se se toman os datos provisionais de expedición de contraetiquetas do pasado ano 2018, a porcentaxe incrementaríase até o 70%. O presidente do Consello Regulador destacou que esta tendencia á alza “ratifica un crecente interese polos destilados galegos con selo de calidade e orixe, o que nos permite ser moderadamente optimistas de cara ao futuro. Unha circunstancia á que cabe unir que, paseniño, o sector da hostalaría está a empezar a incorporar os nosos produtos amparados ás súas cartas de destilados, á vez que se está reducindo a comercialización de destilados ilegais”. Na actualidade, o Consello Regulador conta con máis de 270 empresas inscritas nalgún do seu catro rexistros: produtores de bagazo, destiladores, elaboradores do produto final e comercializadores.

Gran Despensa, novo impulso á tradición dos monxes da Abadía de Samos

As receitas que durante séculos conservaron os monxes benedictinos do mosteiro de Samos seguen vivas a poucos metros da abadía, nunhas instalacións que están a ser modernizadas para acoller novos produtos que queren manter esa mesma filosofía de calidade e elaboración artesá dos mosteiros medievais. Hai ano e medio, o dentista coruñés Augusto Loroño mercou unha empresa que esmorecía, Gran Despensa Real Abadía de Samos, coa intención de que o seu fillo Augusto, que estudou nun dos mellores centros de formación de hostalaría de España, a escola Hofmann de Barcelona, puidese poñer en marcha un proxecto propio. Desde entón catro persoas, asesoradas por prestixiosos expertos a nivel estatal no mundo da queixaría e a pastelaría, traballan na elaboración e posta a punto de novos produtos que sacar ao mercado para diversificar o agromar da nova empresa, que aposta por dúas patas fundamentais: os queixos de autor, ademais dos da Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro que xa se facían nas instalacións; e a repostería, con doces de todo tipo, vinculados moitos deles ao Camiño de Santiago, que pasa a escasos metros da nave onde se fabrican. Fuxindo de distribuidores e levando directamente o produto que acaban de facer ao punto de venda (sobre todo tendas delicatesen ou tendas especializadas en queixos) como xeito de valorizar un produto artesán de calidade coma o que se elabora nestas instalacións de Viladetrés, pretenden potenciar tamén o nome de Samos, que os suevos deron a este lugar, e, vinculado á historia do mosteiro e á ruta xacobea, abrir mercado dentro e fóra de Galicia. Innovar cos queixos do Cebreiro Gran Despensa Real Abadía de Samos é unha das cinco queixarías que están dentro da Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro. Nas instalacións de Viladetrés elaboran diariamente, de luns a venres, queixo fresco do Cebreiro en pezas de 300 e de 500 gramos. A materia prima procede do propio concello, xa que todas as mañás van buscar o leite do primeiro ordeño que produce a gandería González, na veciña parroquia de Vilachá. Queixos da Gran Despensa. A partír de aí, Adriana Fernández e Luis Pérez Guitián, que son os que se encargan da queixaría, comezan co proceso de fabricación do queixo, que se inicia co pasteurizado do leite, o callado na cuba e o escurrido en sacos de tea. O traballo na pastelaría e na queixaría está totalmente diferenciado, con persoal propio para cada tarefa e mesmo horarios de traballo distintos. Adriana e Luis adaptan o seu horario ao proceso e aos tempos de fabricación dos queixos. Con paciencia monacal, neste caso franciscana, agardan a que a masa estea no momento óptimo para o amasado á man, do mesmo xeito que se enchen os moldes, e proceder logo ao prensado. Na actualidade procesan uns 1.900 litros de leite á semana pero queren chegar en breve até os 3.000 litros semanais. "A idea é facer 500 quilos de queixo fresco á semana", conta Adriana. Na Feira do queixo do Cebreiro deste ano, celebrada coma sempre en Semana Santa, obtiveron o segundo premio por detrás de Castelo. Adriana e Luis, na queixería da Gran Despensa. Ademais do tradicional queixo fresco do Cebreiro, Gran Despensa comercializa tamén queixo do Cebreiro curado en pezas de 500 gramos e 2 quilos, amparado tamén baixo a denominación de orixe con 45 días de curación. O queixo do Cebreiro curado, que até entón só elaboraba Carlos Reija na queixaría Santo André, de Castroverde, leva no mercado desde comezos deste ano, despois dun ano de probas, e está a ter boa aceptación. Un mes despois que o queixo curado saía o Tizón, un queixo propio de Gran Despensa á marxe da Denominación de Orixe. É un queixo madurado de 20 días de duración cunha corteza comestible de cinza vexetal que o envolve mercada por esta fábrica de Samos a unha empresa de Francia. O Tizón foi desenvolvido grazas ao asesoramento de maestros queixeiros coma o francés Patrick Anglade ou José Luis Martín, que tamén axudou a outras queixarías galegas, como por exemplo a Airas Moniz, de Chantada. O desenvolvimento de novos tipos de queixo á marxe da Denominación de Orixe do Cebreiro é unha das apostas desta empresa de Samos na súa nova andadura. "Neste momento todo o queixo que facemos é con leite pasteurizado, pero a idea é facer tamén queixo con leite crú para diferenciarse no mercado", explica Adriana. Outro dos cambios importantes é a aposta pola maduración e curación dos queixos, para o que están a introducir melloras tecnolóxicas nas cámaras "para que os queixos desenvolvan a flora óptima na súa corteza comestible", indica. Ese é un dos aspectos fundamentais que terán os novos queixos de Gran Despensa, que se venden xa nas Prazas de Abastos de Santiago e de Lugo e en tendas especializadas en distintas cidades. "Ademais da materia prima e a elaboración, unha parte importante do resultado final está na evolución que teñen na cámara durante a maduración", explica Adriana. Turróns da Gran Despensa de Samos. Amplia gama de doces e tartas Ao igual que acontecía en moitos mosteiros, a repostaría será outra das partes fundamentais do novo proxecto afincado en Samos. Como cos queixos, a intención é innovar con novos produtos tamén neste campo partindo da tradición. Marga Rivas, con 18 anos de experiencia en repostería en distintos obradores artesáns de Lugo e Augusto Leroño, formado en Barcelona, comezaron en setembro pasado a traballar na docería e os resultados xa se poden ver en tendas delicatesen de Galicia e en varios puntos de venda de Madrid ou no mesmo mosteiro de Monserrat, en Barcelona. "Imos apostar pola repostería en paralelo aos queixos e aos licores", anuncia Marga, a encargada da parte de pastelaría. Os sinais de identidade dos doces elaborados no obrador de Viladetrés son unha vez máis a calidade da materia prima, coa améndoa e a manteiga como protagonistas, a elaboración artesá e a ausencia de conservantes. "Duran menos que os industriais pero o sabor non ten nada que ver e as tendas nas que nós vendemos prefiren menos vida no produto pero que sexa o máis natural posible", di. Marga Rivas, encargada da repostería da Gran Despensa de Samos. Con esa filosofía e en menos dun ano, lograron encher a súa parte da despensa cunha ampla variedade: Santiaguiños (tartas de améndoa de pequeno tamaño); bombóns artesáns; galletas de queixo curado e de fariña de espelta integral; pastas de améndoa, chocolate, nata e manteiga; tellas de améndoa; pedras de chocolate negro, coco con chocolate branco e de chocolate dulcey; na época de Nadal turróns de mazapán con noces, de café, de xema de ovo, de arroz inflado e de láminas de améndoa con chocolate negro e con chocolate con leite; catro tartas que están a punto de saír de améndoa, améndoa con chocolate, cabelo de anxo con améndoa e tofe con froitos secos; e repostaría fresca por encarga, por exemplo cañas de hoxaldre. Os resultados e a variedade falan por si sos. "Na pastalaría aproveitamos outros dos produtos de Gran Despensa, como o mel, o licor ou o queixo curado", conta Marga, que explica que "só usamos améndoa española, que é máis cara pero de moita máis calidade, non a mesturamos con fariñas de trigo e sempre empregamos manteiga, nada de margarinas". A maioría das elaboracións son propias, pero baseadas na tradición monacal. No facebook, como se fosen as campás da abadía, anuncian novas creacións e comparten receitas cos seus fieis.

Un licor para lograr a paz interior

Pasear polas grandiosas dependencias da abadía de Samos, por dentro de edificios que viron pasar o gótico, o renacemento e o barroco, polos seus dous fermosos claustros ou pola impresionante biblioteca destila paz interior. É a sensación que desprenden os monxes benedictinos que aínda hoxe (desde o século X) atenden as instalacións e tamén os peregrinos que buscan acubillo de camiño a Santiago. O emblema dos produtos elaborados durante séculos no mosteiro de Samos era o coñecido como licor Pax, ao que se atribúen propiedades dixestivas e que a mediados do século XX era unha marca recoñecida e comercializada en todo o Estado. A fórmula segreda para a súa elaboración, na que se empregan ducias de plantas aromáticas e froitos secos, foi custodiada durante máis de 500 anos polos monxes benedictinos da abadía e segue viva agora como un dos principais activos desta empresa. O licor orixinal, que ten máis de 5 séculos de historia, era logrado mediante destilación e tiña 42 grados. Era elaborado polos propios monxes, que se encargaban tamén de lacar e etiquetar cada botella. Co aumento da demanda pasou a facerse mediante maceración, tal como se segue facendo hoxe, e a graduación baixou até os 34 grados. Na actualidade, ademais do licor Pax, baixo a fórmula segreda que custodiaron os monxes, Gran Despensa fai tamén licor café e licor de arandos. A augardente de todos eles, igual que os arandos, é de orixe galega. Vida, morte e resurrección A licoraría funcionou durante séculos dentro do propio mosteiro até que o 24 de setembro de 1951 un incendio orixinado nesta parte da abadía destruiu a destilaría. Logo de dúas décadas sen produción, o 4 de outubro de 1971 o mosteiro inauguraba no lugar de Viladetrés, en terreos pertencentes á propia abadía, unhas novas instalacións onde elaborar o seu licor Pax. A construción foi posible grazas ao financiamento aportado por Luis Núñez R. de Larramendi, que era oblato do mosteiro. Un busto seu preside a entrada ás instalacións. Bombóns e doces da pastelería. Neste novo emprazamento os monxes benedictinos seguiron facendo o seu licor até o ano 1996 cando unha serie de factores, entre eles a baixada das vendas, a suba dos impostos ao alcol e a redución no número de monxes en Samos, fixo que o mosteiro interrumpise de novo a produción. A nave, duns 400 metros cadrados e ubicada no lugar onde a abadía noutrora tivera vacas e gando porcino, quedou abandonada e sen uso algún até que en 2013 o prior José Luis Vélez e unha serie de empresarios locais apostaron por recuperalas, montando unha empresa para a produción de licores, tartas de Santiago e queixos do Cebreiro. As instalacións foron rehabilitadas creando tres zonas diferenciadas para cada unha das ramas de negocio e a iniciativa botou a andar en 2016 baixo o nome de Gran Despensa Real Abadía de Samos. Pero as boas perspectivas iniciais non se cumpriron e, tras varios cambios, a empresa afronta agora unha nova etapa.

Campaña de control dos augardentes de ‘garrafón’

O Consello Regulador dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia mantivo unha reunión coa Consellería de Sanidade para abordar a colaboración de ambos organismos no control da comercialización de destilados ilegais. Entre outras cuestións, desde o Consello Regulador ofrecéuselle formación específica ós inspectores de Sanidade encargados das visitas a locais de restauración e mercados O presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijoo, trasladoulle a Sanidade a situación na que se atopa o sector de bebidas espirituosas, “moi afectado pola comercialización dos mal chamados augardentes e licores caseiros”, indicou o presidente do Consello. Feijoo alabou tamén a campaña emprendida pola Consellería para controlar a presenza de augardentes de ‘garrafón’ en locais de hostelería. A normativa prohíbe expresamente a venda de licores non etiquetados. En concreto, o Real Decreto 167/2014 di o seguinte: “(…) queda(ndo) expresamente prohibido el trasvase o rellenado en los establecimientos de venta, mayoristas, detallistas, cafeterías, bares, tabernas, restaurantes u otros establecimientos de consumo colectivo. En los establecimientos de distribución, las etiquetas y precintos permanecerán adheridos a los envases y se dispondrá de los documentos legales que justifiquen las existencias de aquellos productos”. Para o Consello Regulador, os licores de ‘garrafón’ representan un risco sanitario, ademais dun “descrédito para Galicia e os produtos aquí elaborados”, polo que animaron a Sanidade a continuar as campañas de control e ofrecéronlle colaboración en tódalas cuestións que sexan precisas.

Premiados nas Catas de Galicia

Cambados acolleu na tarde deste luns a entrega dos premios da Cata de Viños de Galicia 2017. Participaron no acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Esta foi a lista de galardonados: - Acio de ouro mellor viño tinto de Galicia: Lagariza Finca Millara (Finca Millara Viñedos y Bodegas. DO Ribeira Sacra). - Acio de ouro mellor viño branco de Galicia: Paco&Lola (Cooperativa Vitivinícola Arousana. DO Rías Baixas). DO Ribeiro - Acio de ouro branco: Pazo Casanova. - Acio de prata branco: Mauro Estévez. - Acio de bronce branco: 4F. Catro Ferrados. DO Valdeorras - Acio de ouro branco: Godeval. - Acio de ouro tinto: D’Berna. DO Rías Baixas - Acio de ouro branco: Pazo de Villarei. - Acio de prata branco: La Trucha. - Acio de bronce branco: Namorio. DO Ribeira Sacra - Acio de ouro tinto: Adega Vella. DO Monterrei - Acio de ouro branco: Quinta das Tapias. Colección 2016 Godello. - Acio de ouro tinto: Setembro 16. Viños espumosos - Acio de ouro: Sensum Laxas (DO Rías Baixas). Viños de colleitas anteriores - Acio de ouro: Son de Arrieiro (Ribeiro). - Acio de prata: Tasdovento (Monterrei). - Acio de bronce: Priorato de Razamonde 2015 (DO Ribeiro). Viños de elaboración con madeira - Acio de ouro: Peza do Rei Barrica 2015. (DO Ribeira Sacra). - Acio de prata: Celme do Souto (DO Ribeiro). - Acio de bronce: El nido del cuco (DO Ribeira Sacra). Viños de colleiteiro e pequenas adegas - Acio de ouro tinto: Vía Arxentea (DO Monterrei). - Acio de ouro branco: Lagar da Cachada (DO Rías Baixas). - Acio de prata branco: Finca Teira (DO Ribeiro). IX Augardente de Galicia - Pote de ouro: Pazo de Señoráns. - Pote de prata: Vedra del Ulla. - Pote de bronce: Ximonde. IX Licor Café de Galicia - Pote de ouro: Fonte do Frade. - Pote de prata: Bouza do Rei. - Pote de bronce: Da Fada. IX Licor de Herbas de Galicia - Pote de ouro: Porta do Miño. - Pote de prata: Ximonde. - Pote de bronce: Mosteiro de Xagoaza.

Nor-Ibérica de Bebidas, licores ‘premium’ para o gran público

Nor-Iberíca de Bebidas (Maside, Ourense), especializada na elaboración de augardentes e licores de Galicia, é unha das firmas do sector que aposta por prestixiar os destilados galegos. A súa oferta ten como referencias de calidade dúas marcas amparadas polo Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galicia, Felipe Saavedra e Marqués de Marialva, que tamén obtiveron o pasado ano o selo Galicia Calidade. A elaboración dos licores comercializados con ambas marcas caracterízase polo coidado do produto. A base é augardente de bagazo de uvas galegas, que se macera en frío ata 90 días, ben con café natural 100% Colombia, no caso do licor café, ben cunha combinación de 36 herbas, obtidas na zona de Allariz (Ourense), no caso do licor de herbas. O azucre, cun mínimo de 100 gramos por litro, de acordo coa normativa do Consello Regulador, completa os preparados e apórtalles o seu característico sabor doce.
"O problema no estranxeiro é que non coñecen os nosos produtos. A grappa italiana ten un posicionamento do que nós carecemos"
Ao fronte de Nor-Ibérica de Bebidas está Juan Carlos Saavedra, que traballa no sector do viño de denominación de orixe desde mediados dos anos 80, unha faceta que complementa desde hai máis dunha década coa elaboración de destilados. “Nor-Ibérica de Bebidas podemos definila como unha licorería industrial que fai un coidado artesanal do produto”, valora. Volumes A empresa manexa un stock de arredor de 200.000 litros, dos que un 10% corresponde a produtos amparados pola Indicación Xeográfica Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. “Son licores que teñen unha gran aceptación, sobre todo nas comunidades da Cornisa Cantábrica, e dos que podemos presumir pola súa calidade excepcional”, destaca Saavedra. Gama de licores 'Marqués de Marialva'. Fóra de España, Nor-Ibérica de Bebidas sondeou mercados como o alemán, o suizo ou o xaponés, con asistencia a feiras internacionais e con investimento en traballo comercial, se ben os resultados son polo de agora limitados. “O problema no estranxeiro é que non coñecen os nosos produtos. A grappa italiana, por exemplo, ten un posicionamento internacional do que carecemos nós, pero é a pescadilla que se morde a cola. Non vendemos no estranxeiro licores amparados polo Consello Regulador porque non se fai promoción, pero tampouco hai cartos para esa promoción porque non vendemos”, explica o xerente de Nor-Ibérica de Bebidas. A mesma situación afecta tamén en parte ó mercado español, no que os licores galegos teñen que competir por prezo en boa parte das comunidades, co caso paradigmático de Madrid, en tanto un licor de herbas alemán, o Jägermeister, suma arredor de 1,5 millóns de litros vendidos ó ano en España, cun posicionamento orientado a ambientes nocturnos e a un público menor de 40 anos.

“Chegará un día no que o consumidor pedirá un licor café polo nome da marca”

Un dos grandes problemas ó que se enfrontan as empresas de licores galegas está na proliferación de bebidas sen etiquetar. “Gran parte da mercancía que se despacha na hostelería está sen etiquetar”, recoñece Juan Carlos Saavedra. “É unha inconsciencia, tanto por parte do consumidor como por parte do hosteleiro. Estase vendendo un produto, aínda que sexa coa mellor vontade, sen que se saiba o que hai dentro da botella. Non hai control sanitario sobre eses licores”, cuestiona. O camiño para trocar a situación pasa por mentalizar á hostelería, segundo a valoración de Saavedra. “Hai uns anos, cando ías a un restaurante ás veces ofrecíanche viño da casa sen etiquetar. Esa situación hoxe en día dáse de xeito moi residual e o mesmo rematará por pasar cos licores”, opina o xerente de Nor-Ibérica. “O consumidor final quere produtos de calidade e ten curiosidade por probalos. Chegará un día no que o consumidor pida un licor café ou un licor de herbas polo nome da marca”, pronostica.

Campaña contra as augardentes e licores caseiros e de ‘garrafón’

O Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia mantivo un encontro coa conselleira de Medio Rural no que lle trasladou a súa preocupación polo comercio ilegal de bebidas sen etiquetar. A titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou Destilerías do Salnés (Ribadumia) e Pazo de Señoráns (Meis), tras o que mantivo unha reunión de traballo co Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. O Consello Regulador expúxolle á conselleira que a situación das destilerías galegas que traballan no marco das IXPs está “moi castigada” polos produtos sen etiquetar. Eses produtos, sobre os que hai un nulo control sanitario, a miúdo comercialízanse na hostelería como 'caseiros', cando en realidade trátase xeralmente de bebidas de dubidosa procedencia. O presidente do Consello, José Antonio Feijoo, fíxolle entrega nese sentido a Ángeles Vázquez dunha copia do artigo 10 do Real Decreto 164/2014, que é claro sobre os requisitos que deben cumprir as bebidas espirituosas, xa que “prohíbe o trasvase ou reenchido das botellas”. “Se un licor é caseiro, non se pode vender”, conclúe José Antonio Feijoo, que tamén advirte da dificultade de controlar os 5.000 alambiques que hai censados na comunidade. A procedencia escura doutros licores que se comercializan sen etiquetar e como caseiros na hostelería, pero que teñen unha orixe industrial, tamén preocupa no sector. IXPs En Galicia, hai actualmente catro indicacións xeográficas protexidas incluidas dentro do Consello Regulador: Augardente de Galicia, Augardente de herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia. As catro IXPs engloban a 161 produtores e destiladores, así como a 41 elaboradores e envasadores. A conselleira, Ángeles Vázquez, que visitou onte dúas das principais destilerías do Salnés, Pazo de Señoráns e Destilería do Salnés, comprometeuse a buscar vías de colaboración para “poder tomar cartas no asunto”, segundo indica o Consello Regulador. Destilería do Salnés A Destilería do Salnés ten unha facturación anual de 533.481 euros. Comezou a funcionar no 1943 en Betanzos como Destilaría Candamio e no 1998 estableceuse no Salnés. Nas súas instalacións recibe 1,2 millóns de quilos de bagazo ao ano, cos que elabora 200.000 litros de augardente, incluídos licores pouco usuais como o de mel. Pazo de Señoráns Doutra banda, o Pazo de Señoráns, liderado por Marisol Bueno, é unha empresa que con 16 traballadores chega a unha facturación de máis de dous millóns de euros. Pertence ao Grupo Señoráns 2009 SL, unha sociedade familiar que iniciou a actividade coa elaboración de viño albariño no 1989 e que agora suma tamén a produción de destilados.

Nor-Ibérica de Bebidas conta xa co certificado Galicia Calidade

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, entregaron hoxe en Maside (Ourense) o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa Nor-Ibérica de Bebidas, especializada na elaboración de augardentes e licores de gran calidade de forma artesanal. A compañía, fundada no ano 2004 en Maside, pode incluír na súa etiquetaxe o selo de garantía Galicia Calidade para os augardentes brancos, de herbas, licor café e licor de herbas, comercializadas coas marcas Felipe Saavedra e Marqués de Marialva. O selo Galicia Calidade, con validez para o próximos tres anos, permitirá a Nor-Ibérica de Bebidas incluír o distintivo nas etiquetaxes dos produtos certificados, así como nas diferentes accións para a súa promoción. Sol Vázquez eloxiou a aposta pola calidade desta empresa, que elabora licores tradicionais galegos, de forma artesanal, con bagazos controlados polo Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Segundo relatou, esta defensa da calidade é “o mellor exemplo do compromiso das empresas galegas coa innovación e a aposta polo recoñecemento nos mercados internacionais”. A directora xeral de Comercio explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que na actualidade suma xa máis de 300 produtos certificados e 79 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario e da hostalería. Neste senso, Sol Vázquez apuntou que os establecementos turísticos (hoteis e restaurantes) que conseguen o selo Galicia Calidade teñen a obriga de ofrecer viños e licores tradicionais certificados pola denominacións de orixe galegas ou indicacións xeográficas correspondentes. “Trátase de ofrecer aos usuarios dos establecementos turísticos produtos de calidade certificada”, engadiu. Elaboración tradicional Nor-Ibérica de Bebidas naceu no ano 2004 en Maside (Ourense), despois de contar con máis de 20 anos no sector vitivinícola, co obxectivo de elaborar augardentes e licores de gran calidade de forma totalmente artesanal. Cun coidadoso proceso de selección das materias primas, os augardentes están elaborados partindo de bagazos controlados polo Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, o que permite comercializar un produto de máxima calidade e de recoñecemento internacional.

Augardentes e Licores de Galicia aumenta un 16% os litros cualificados

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas (CRIIGG) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia cualificou o pasado ano un total de 276.458 litros de destilados. Esta cifra supón un incremento dun 16% con respecto ao ano anterior. Os datos de contraetiquetas emitidas tamén rexistraron unha subida con respecto ao ano anterior, sendo de preto dun 4%. Mentres que en 2014 emitíronse 400.425 etiquetas, en 2015 foron 415.482, un novo máximo no últimos cinco anos. O presidente do CRIIGG das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijóo, explicou que estas cifras “apuntan a unha leve mellora nun sector que foi moi azoutado pola recesión económica. Ademais, a isto hai que sumar a venda ilegal de produtos non etiquetaxes, que segue sendo noso gran inimigo a bater”, afirma.
As contraetiquetas aumentaron un 4%
Feijóo tamén indicou que “o rexistro máis fiable é o de contraetiquetas emitidas, xa que os litros varían moito dun ano para outro, e son as que conforman unha imaxe máis fiel do produto que as empresas teñen previsto vender”, concluíu. Así, dentro das catro Indicacións Xeográficas incluídas no Consello Regulador (Bagazo de Galicia, dentro da que se atopan o augardente de bagazo e o augardente de bagazo envellecido-, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia), o Licor de Herbas foi do que se emitiron máis contraetiquetas (177.916), sendo tamén o produto que rexistrou un maior incremento durante o pasado 2015. Séguenlle o Licor Café, con 128.306, e o Augardente de Bagazo, con 101.691. Pechan a listaxe o Augardente de Herbas e o Augardente Envellecida, con 4.339 e 3.230 contraetiquetas, respectivamente. Importante aumento do Augardente de Bagazo Envellecido e do Licor de Herbas Entre os maiores incrementos en litros certificados cabe destacar o de Augardente de Bagazo Envellecido que recuperou a produción con respecto ao ano anterior chegando ata preto de 900. Tamén destacable é o incremento no Licor de Herbas (un 18,5%), en detrimento do Augardente de Herbas, que viu reducida a súa produción. No resto de Indicacións Xeográficas, as cifras mantéñense con respecto ao exercicio 2014. José Antonio Feijóo valorou positivamente “o progresivo incremento” de contraetiquetas rexistrado nos últimos anos. “Chegamos á mellor cifra do último lustro”, afirmou, á vez que destacou que estas cifras reflicten que “aos poucos vaise tomando conciencia da importancia de apostar polos destilados amparados. Ademais, somos os únicos que podemos garantir ao 100% a orixe galega destes produtos e as súas condicións sanitarias óptimas para o consumo”. Este tipo de conceptos son os que se transmiten nas diferentes accións informativas desenvolvidas polo CRIIGG. “Consideramos imprescindible transmitir á poboación a importancia de consumir destilados etiquetaxes e desde este Consello Regulador non podemos deixar de empeñarnos en adherir novas empresas, censurar as prácticas ilegais e de implicar a todos os axentes do sector na defensa destes produtos”, concluíu Feijóo. Neste sentido, un dos principais obxectivos segue sendo a concienciación non só entre os consumidores, senón tamén nos sectores da hostalería e da alimentación.

Convócanse as catas de viños, augardentes e licores de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural e do Mar da convocatoria dos concursos correspondentes á XXVII Cata dos viños de Galicia, á XVII Cata das augardentes de Galicia, á IV Cata dos licores de herbas e de café de Galicia e das augardentes de Galicia envellecidas e a II Cata das augardentes de herbas de Galicia, e se dá publicidade ás súas respectivas bases. Todos estes certames terán lugar no vindeiro mes de xuño, sendo o prazo de presentación das solicitudes de participación de sete días a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Tal como establecen as citadas bases, as solicitudes relativas aos viños con denominación de orixe e ás augardentes e licores presentaranse na sede do consello regulador correspondente. Para o caso dos Viños da Terra enviaranse á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, sita en Santiago de Compostela (Avda. do Camiño Francés, 10). As persoas interesadas en participar poderán atopar as bases, xunto cos correspondentes boletíns de inscrición, na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar, nesta ligazón.

Beber licor de herbas con moderación, beneficioso para a saúde

Son moitas as comidas copiosas que acaban cun chopo dalgún licor de herbas, confiando nunha capacidade dixestiva outorgada normalmente por tradición. Sen embargo, unha investigación da Universidade de Vigo en colaboración co Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galicia acaba de demostrar “que o seu consumo moderado pode achegar características beneficiosas para a saúde a través das materias primas das que parte”. Así o asegura Raquel Rodríguez, que na súa tese de doutoramento abordou por primeira vez o proceso de elaboración de bebidas derivadas da augardente dende os seus ingredientes ata o produto final para atopar a combinación de herbas máis axeitada a cada receita. Grazas a esta investigación, as empresas dedicadas ao eido das augardentes e licores poden facerse unha idea de que características achegar á bebida final que se pretende elaborar “reducindo custes e tempo”. Por iso, a tese inclúe unha serie de fichas coas propiedades sensoriais e medicinais de cada unha das plantas do estudo que poden ser moi útiles para saber que compostos vexetais empregar en función do que se queira achegar ao produto comercial, que especie de carballo ou que grao de tostado sería máis axeitado en función das características que “lle queiramos dar á bebida final sabendo as propiedades de partida da nosa augardente”. O fiúncho pode ser canceríxeno Este estudo, levado a cabo ao abeiro do grupo de Biotecnoloxía Alimentaria do campus de Ourense, serve para coñecer o que cada unha das plantas utilizadas achega aos licores xa que, aínda que a maioría van acompañadas de propiedades aromáticas e medicinais con efectos positivos como antioxidantes, algunhas levan compostos “pouco beneficiosos para a saúde humana en elevadas concentracións”.
"Hai que ter coidado co fiúncho e co eucalipto"
  É o caso do aceite esencial ou do extracto de folla de eucalipto, que debido ao seu composto químico máis abundante, o eucaliptol, non se debe superar un límite de inxestión diaria, ou de fiúncho, que presentou como principal quimiotipo o estragol, un composto considerado como canceríxeno. Nos laboratorios do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) ourensán, esta química partiu da análise das plantas aromáticas coas que se fabrican os diferentes licores de herbas e augardentes, estudando a composición volátil e fenólica do aceite esencial ou do extracto empregado por medio de diferentes técnicas tradicionais e actuais. O estudo céntrase nas 12 plantas permitidas ata 2012 na elaboración destas bebidas, ano no que se autorizou o uso de calquera especie complementaria, e sabendo que é obrigatorio o uso de polo menos tres plantas para obter o selo do Consello Regulador. Rodríguez caracterizou os aceites esenciais e os extractos destas plantas mediante técnicas cromatográficas e espectroscópicas. Desta análise concluíuse que “distintas familias de plantas achegan diferentes características á augardente e ao licor final e que, aínda que dentro da mesma familia a achega de compostos é parecido, a súa proporción cambia segundo sexa o seu quimiotipo principal”, dando pé a distintas propiedades. “Se queremos obter un licor con diferentes características teremos que utilizar compostos vexetais de distintas familias, pero se buscamos un licor con características similares escolleremos plantas da mesma rama”, asegura. A concentración da planta, o que máis inflúe Dentro da tese de doutoramento, dirixida por Sandra Cortés e José Manuel Domínguez, a investigadora quixo tamén analizar o proceso de elaboración dos licores e augardentes, avaliando a influencia de parámetros como a concentración do composto vexetal na bebida, a porcentaxe de etanol e mesmo o tempo de maduración. Para a maceración, Rodríguez escolleu as flores da manzanilla, as folla do eucalipto, as semente de coandro e raíz de regalicia para analizar o contido fenólico total, parámetros de cor e quimiotipo. Os resultados demostraron que os parámetros que máis influían de forma xeral eran “en primeiro lugar a concentración da planta seguido da porcentaxe de etanol no augardente empregado, mentres que o tempo de maceración foi unha variable sen apenas influencia”. Rodríguez levou a cabo o mesmo proceso co envellecemento acelerado da augardente, empregando labras de madeira, que actualmente non están permitidas para este proceso pero que “poden ser de utilidade para avaliar que especia de barrica ou que tostado é o máis axeitado en función das características que se busquen”. E fíxoo con dúas especies de carballo (o Quercus petraea e o Quercus alba) e con distintos graos de tostado (fresco, lixeiro, medio e alto). Os resultados reflicten que, para obter maiores achegas de whiskey lactona e de vainilla como compostos con importancia sensorial procedente da madeira en contacto, de fenoles e de parámetros de cor hai que aumentar a concentración da planta empregada e apostar “por labras da especie petrae e o tostado medio”. Analizando produtos comerciais A investigación rematou co estudo do produto final a través da análise de licores e augardentes comerciais e envellecidos en barricas de Quercus alba, Quercus petraea e Quercus robur das rexións de Limousin e Galicia e a mestura de ambas. Como resultado obtívose a potencialidade do carballo galego debido ao maior extracto de compostos fenólicos con características antioxidantes, ademais de recibir a maior puntuación por parte do panel oficial de Oruxo de Galicia na cata levada a cabo en todas as mostras. Ademais, as mostras analizadas presentaban valores dentro intervalo legal marcado polo Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galicia, o que corrobora “unha boa elaboración destas bebidas durante todo o proceso”.