Archives

Consellos para mellorar a xestión da auga nas ganderías de leite

Daniel Sánchez explica o funcionamento do sistema de auga durante a visita dos alumnos e alumnas de Fonteboa Alumnos e alumnas da EFA Fonteboa de Coristanco visitaron esta semana a gandería Devesa Langueirón SL, situada no concello coruñés de Ponteceso, para coñecer de primeira man as medidas que adoptaron para mellorar a xestión da auga nesta explotación. A parte teórica da formación foi impartida por Juan Castro Insua, do CIAM, que detalla algúns aspectos clave do uso da auga nas ganderías de vacún de leite para facer unha boa xestión dos recursos hídricos. Un bo mantemento das infraestruturas, tales como captacións e conducións de auga, bebedoiros, billas e outras instalacións hidráulicas, con revisións periódicas, sería a premisa básica para evitar perdas e fugas que nos fagan desperdiciar auga.

 Separar e aproveitar a auga de chuvia

Outra medida fundamental nun lugar con elevada pluviometría como é Galicia pasa por separar a auga da cuberta das naves, ben para recollela e reaproveitala, ben para canalizala, nun estado de limpeza axeitado, cara a un cauce de auga.  
É unha cantidade enorme de auga a que nos cae nos tellados. É un recurso que está aí para aproveitar nunha seguinte fase
“Hai que recoller a auga do tellado de forma separada, é auga limpa á que podemos dar un uso na granxa ou que pode ir directamente para o prado ou un regato. O problema é se a mesturamos con efluentes de silo ou da esterqueira ou acaba na explanada pola que están pasando os tractores”, indica Juan.

Mantemento dos canalóns e baixantes

Para evitar que a auga de chuvia se contamine, resulta fundamental un bo mantemento dos canalóns para que non reborden, así como a limpeza das baixantes e que estas non estean rotas ou danadas por golpes.
Os canalóns e baixantes hai que limpalos periodicamente porque se enchen de follas no outono ou rompen con frecuencia por algún golpe
A segunda fase, despois de recoller de forma separada a auga de chuvia, sería facer balsas no entorno da explotación para aproveitala. Unha cuberta de 2.500 metros cadrados como a da gandería Devesa Longueirón recollería uns 3.250 metros cúbicos de auga ao ano (resultado de multiplicar a superficie pola media de precipitacións anual, duns 1.300 litros). “Unha vaca bebe 3,6 metros cúbicos de auga ao ano, polo que poderiamos dar de beber a 900 vacas”, compara o investigador do CIAM.

 Almacenar auga para os periodos de seca

Juan é partidario de facer pequenas infraestruturas de almacenamento de auga nas explotacións porque, di, “cada vez máis hai maiores oscilacións nas precipitacións e menor regularidade na choiva, con máis periodos de seca e escaseza prolongada e outros de treboadas e fortes chuvias”.
Cada vez hai máis oscilacións e menor regularidade na choiva, con máis periodos de escaseza e outros de treboadas
Como exemplo, saca os datos de Meteogalicia deste ano, que indican que na zona de Santa Comba “nestes últimos 15 días van acumulados 500 litros por metro cadrado mentres no mes de xullo prácticamente non choveu nada”. Por iso, recomenda ás explotacións adaptarse a esta consecuencia do cambio climático e regular as súas reservas hídricas con actuacións de recollida de augas. “Hai que facer balsas e depósitos para poder gardar auga dos momentos chuviosos para os periodos de seca. En Galicia temos que empezar a pensar nestas cousas”, asegura.
Hai que facer balsas e depósitos para poder gardar auga para os periodos de seca
Coa nova regulación normativa, recollida no Regulamento Hidráulico, sinálanse uns máximos de auga que se poden reutilizar de choiva de 7.000 metros cúbicos ao ano en cada predio.  “Temos que empezar a traballar nestes temas, como xa se está facendo noutras zonas de España, ben sexa para rega, para beber os animais ou para outros usos como a limpeza”, indica.

Non competir coa auga da traída

Gran parte da auga que se emprega nas explotacións galegas vén de fontes e pozos propios. Isto permite non competir no verán coa auga das traídas municipais ou comunitarias que se empregan para beber a poboación. Do mesmo xeito, ao non teren que pagar pola auga, o custo para as ganderías é menor que se a tivesen que mercar.
Gran parte da auga que se emprega nas explotacións galegas vén de fontes e pozos propios
“Cada vez máis vai haber recursos hídricos limitados e hai que procurar que o gando non compita coa auga de beber a xente, sobre todo en periodos críticos como o verán”, defende Juan Castro. “Nos bebedoiros ten que ser auga limpa, pero non ten por que estar clorada ou potabilizada e para limpar o patio de espera sería absurdo usar auga clorada. A auga dunha baixante, con filtros ou decantadores adecuados, serviría perfectamente”, engade.

Protexer o perímetro dos mananciais

Nunha captación de auga, non só importa a cantidade, senón a calidade desa auga. Por iso, o investigador do CIAM é partidario de protexer os perímetros de protección desas fontes de auga, evitando, por exemplo, aplicar purín para evitar a súa contaminación por nitratos. “Neste momento hai un baleiro legal, porque non se pode aplicar purín nas faixas de protección dos cauces fluviais (5 metros), pero non é así ao redor das captacións de auga”, explica Juan.
Neste momento hai un baleiro legal arredor das captacións de auga
É unha situación que podería mudar en breve a nivel autonómico. “No novo plan hidrolóxico Galicia-Costa vaise facer fincapé na protección a mananciais de captación e abastecemento humano de carácter público, por exemplo os municipais”, detalla. Dependendo do volumen da captación, o perímetro de protección sería de 200 metros para unha vila ou cidade e de 35 metros para unha casa particular, pero hai moi poucos perímetros de protección establecidos. “Os dos balnearios son os únicos que están establecidos”, aclara.

Xestionar ben a auga de limpeza  

En Devesa La dengueirón SL reciclan a auga de lavar a sala de muxido para baldear a sala de espera do gando A nivel de granxa poden adoptarse tamén outra serie de medidas de aproveitamento da auga que son sinxelas de implementar. Por exemplo, xestionar ben a auga de limpeza. Para baldear os patios, corredores ou a sala de espera pode reutilizarse da propia choiva, da recollida dos tellados, ou da sala de muxido.
É importante separar a auga procedente do lavado da sala de muxido e non mandala para o pozo do purín
“A limpeza da leitería  e a sala de muxido, por normativa hixiénica, ten que facerse con auga potable, pero a da sala de espera non”, explica Juan. Para non desperdiciar auga é importante ter un solo que sexa doado de limpar e que permita facelo no menor tempo posible e co menor consumo de auga posible. “Hai que procurar que o formigón non teña fendas ou non estea desconchado para que non acumule suciedade, ou que os azulexos ou o chan da sala de muxido estean en bo estado, para gastar a menor auga posible na súa limpeza”, exemplifica.

Cubrir a fosa de purín  

Fosa de xurro cuberta da granxa, con capacidade para 5 millóns de litros Entre feces e ouriños unha vaca excreta uns 60 litros de auga ao día. A iso habería que engadir entre 13 e 15 litros de auga de limpeza, polo que o volumen de auga que vai á fosa do purín diariamente é de entre 73 e 75 litros por UGM. “É importante telo en conta para dimensionar axeitadamente a fosa, en función do número de animais e o tempo que vai estar ese purín almacenado, pero independentemente da capaciade non se debe mandar para a fosa auga innecesaria”, recomenda Juan. Nun lugar coma Galicia tapar as fosas do xurro preséntase coma unha medida axeitada. “Se a fosa está descuberta perdemos capacidade de almacenamento que ocupa a auga da chuvia e rebaixamos o poder fertilizante do purín, porque o único que imos facer é transportar auga e perder o tempo e o gasóleo, que é un dos insumos que máis subiu, e estaremos emitindo máis CO2 nas viaxes que damos co tractor”, argumenta.
Se fas números cubrir a fosa é un investimento rendible que enseguida se amortiza
“Investir na cuberta e dimensionamento da fosa axuda a ter tranquilidade ao gandeiro e a poder xestionar mellor a aplicación do xurro, para botalo nas terras no momento en que o cultivo o require e non cando a capacidade do pozo o determina. Se fas números é un investimento rendible que enseguida se amortiza”, asegura Juan. Xurro con máis materia seca Ter a fosa cuberta permite contar cun purín máis concentrado e uniforme. “Se quitamos a auga da chuvia imos ter un purín máis estable na súa composición, que é máis doado de dosificar porque non varía. Sempre é convinte tapar a fosa e logo engadir ou non auga en función da necesidade. É absurdo arriscarse a ter a fosa rebordando e vai en contra das boas prácticas agrarias”, asegura Juan.   A gandería Devesa Langueirón ten unha fosa cuberta de 5 millóns de litros cunha rampa para baixar coa cisterna a cargar. Iso permite ter un purín con menos humidade ca noutras explotacións con outro tipo de pozo, porque “o límite vaino poñer a capacidade de aspiración da bomba da cisterna e tamén o cultivo que fagamos”, indica o investigador do CIAM.
En Devesa Langueirón, o pozo, de 5 millóns de litros de capacidade, está cuberto e ten unha rampa para cargar coa cisterna
Normalmente a humidade media do xurro está nun 7%, pero en función do cultivo que se vaia abonar, pode incrementarse considerablemente a densidade do purín. “Cando botamos o millo podemos facer unha gran utilización de xurro o máis gordo posible, ata un 15% ou 16% de materia seca, que é o máximo que podemos manexar coa cisterna. Pero se temos pradeiras de longa duración ese purín gordo non nos serve, porque crea unha costra e non infiltra”, aclara.
O purín gordo no millo pódese enterrar, pero na pradeira queima a herba, crea unha costra e non infiltraría
Na gandería Devesa Langueirón manexan unha superficie agraria de 200 hectáreas. Na maior parte delas botan millo, que rotan con raigrás. A aplicación de purín, contando o millo e a herba, é de 60 metros cúbicos por hectárea. “A boa xestión da auga vai repercutir no valor nutricional do purín como recurso propio. Calculado nesta explotación, o valor do purín na fosa sería de 235.000 euros, aos prezos de hoxe en día dos abonos”, asegura Juan. Fonte: Balance de Nitrógeno de la Agricultura Española; MAPAMA 2019 Unha vaca de alta produción, de entre 11.000 e 12.000 litros de leite, xera un valor de 500 euros sumando o nitróxeno, fósforo e potasio que produce ao ano: 125 kg de nitróxeno (N), 42kg de fósforo (P2O5) e 100kg potasio (K2O).
O purín é un recurso e non debe pensarse como un residuo
“As explotacións de vacún que temos en Galicia, a diferencia das explotacións intensivas sen terra, poden facer economía circular. Para elas o purín nunca é un residuo. Non podemos dicir que temos un exceso de puríns en Galicia cando estamos gastando 36.000 toneladas de nitróxeno mineral ao ano, segundo os datos publicados polo Ministerio nos balances de nitróxeno e fósforo. Polo tanto, non hai un problema de exceso de xurro, senón de mala xestión”, insiste.  

En Galicia cómpranse cada ano 36.000 toneladas de nitróxeno mineral, que ao prezo que ten hoxe supón 100 millóns de euros

“Galicia podería ser autosuficiente en abono facendo unha xestión eficiente dos abonos orgánicos. O valor económico que se podería aforrar anualmente sería de 100 millóns de euros, ao prezo dos abonos químicos actuais. Ademais, tendo en conta que para facer 1 kg de N mineral se necesitan 16,15 KWh de enerxía, utilizando ben o abono orgánico en Galicia, poderíamos aforrar anualmente 577 GWh de enerxía, que traducido a gas natural serían aproximadamente 49 Hm3, ou tamén a enerxía producida anualmente en Galicia por aproximadamente 270 muiños de vento de 0,81 MW”, detalla Juan Castro.

“A auga é un recurso máis, que se debe aproveitar ben”

Sistema de auga quente da gandería Devesa Longueirón SL, ubicada en Ponteceso O ciclo da auga na gandería Devesa Langueirón SL comeza nun manancial propio, situado a un km e medio da explotación. “Temos un manancial e temos un pozo para usar en caso de emerxencia, pero co manancial amañamos. Este verán non tivemos problema a pesar da seca”, explica Xusto Sánchez, un dos socios da gandería.   A auga desta captación propia é conducida até a granxa, onde se somete a un tratamento con peróxido de hidróxeno (auga osixenada), que serve para eliminar a posible contaminación bacteriolóxica. “Antes empregabamos cloro para garantir a estabilidade, pero xa hai tempo que o cambiamos por peróxido”, explica Xusto.  
En Devesa Langueirón un manancial propio abastece á granxa
Unha vez estabilizada, tratan de facer unha xestión o máis eficiente posible da auga, porque a consideran “un recurso máis”. “Facemos cousas que son lóxicas e que fomos implantando para tratar de aproveitar mellor a auga, reducindo o seu consumo”, indica. Para iso, resulta imprescindible ter control dos distintos consumos, con medición de cada un dos procesos que se levan a cabo na granxa nos que a auga é necesaria. Consumo: 200 litros por vaca e día A explotación precisa duns 100 metros cúbicos de auga ao día, a metade para os bebedoiros. Cada vaca bebe uns 100 litros ao día e contan neste momento con 480 vacas adultas (a recría está externalizada), polo que só para o consumo do gando equivale a uns 50.000 litros diarios. Outros 50 metros cúbicos destinaríanse ao enfriamento do leite e á auga de limpeza tanto da sala de muxido como da sala de espera e corredores. A refrixeración do leite faise con auga. Empregan para iso entre 2 e 3 litros de auga por litro de leite. Por medio de intercambiadores, traspasan o calor do leite á auga, que sae a 22 grados. “É un recurso que temos aí e que poderiamos meter nos bebedoiros”, explica Xusto. Reutilización da auga de limpeza da sala de muxido A agua de lavar o circuito da sala de muxido, que leva os produtos de limpeza, vai para o pozo do purín. A de lavar os tanques de frío tamén, pero a de lavar a propia sala recupérana e reutilízana para lavar a sala de espera. “Temos un pozo con dous compartimentos e cunha bomba dámoslle presión para lavar a sala de espera. É un depósito que leva uns 30.000 litros que funciona como un tanque de decantación cun filtro básico que deixa os sólidos separados”, detalla.
A auga de limpar a sala de muxido recupérase para empregala despois na limpeza da sala de espera do gando
Precisan diariamente uns 6.000 litros de auga (6 metros cúbicos)  para a limpeza da sala de espera, que se baldea tres veces ao día, unha vez remata cada unha das tres muxiduras que realizan. Unha vez baldeada, a auga da limpeza da sala de espera do gando, que leva bosta e ouriños, acaba no pozo de xurro. “A sala de espera está na cabeza dos pasillos da nave e despois de lavala a auga vai para a fosa a través da arrobadeira”, indica Xusto. Esa auga da limpeza que vai para o pozo do purín representa menos de 15 litros por UGM ao día. Filtro verde antes de verter ao río A auga dos tellados está toda canalizada directamente e vai ao río. Tamén a auga empregada para arrefriar o leite que entra ao tanque de frío vai por esta mesma condución. Antes de chegar ao cauce fluvial teñen un pequeno filtro verde, con pedras e vexetación natural, como por exemplo espadanas, que axudan a acabar de depurar a auga antes de vertela ao río. “Non temos impacto ningún no río, non observamos alteración de ningún tipo pola auga que nós aportamos”, asegura Xusto.

Obradoiro sobre uso sustentable da auga nas explotacións gandeiras

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña) organiza na segunda quincena deste mes de outubro un obradoiro de "Tecnoloxías para un uso sostible da auga", que inclúe unha parte teórica e outra práctica, con visitas, entre outras, a unha explotación gandeira que aplica boas prácticas de xestión da auga na granxa. A formación está dirixida a estudantes e docentes de formación profesional das familias agrarias e de industrias alimentarias, así como a profesionais que exercen a súa actividade nestes sectores. Para inscribirse chamar aos seguintes teléfonos: 981 733 051 ou 665 294 194

“Garantimos un auga desinfectada para o gando, sen biofilm e a un menor custo para o gandeiro”

Lograr unha auga para o consumo humano ou animal libre de patóxenos, sen presenza de biofilm e mediante unha tecnoloxía que ademais xera un produto, o ácido hipocloroso, que pode utilizarse para mellorar a hixiene de muxido e de desinfección das instalacións gandeiras. Estas son as grandes innovacións de Anolytech, un sistema de desinfección da auga que conta cunha ampla implantación en gandarías ou industrias agroalimentarias do norte de Europa e que agora tamén chega a España.

Entrevistamos a Beatriz Calviño Vázquez, directora técnica e responsable de I+D en Anolytech España, que nos explica as claves desta tecnoloxía innovadora e as vantaxes que achega ao sector primario.

Sodes pioneiros en España na introdución da tecnoloxía de Anolytech para a desinfección de auga. Como xurdiu o voso interese por esta tecnoloxía?
Somos pioneiros e os únicos distribuidores en España. O noso interese nesta tecnoloxía xorde hai moitos anos cando empezamos a coñecer as solucións que achega a múltiples sectores e para diferentes áreas de traballo. A partir dese momento decidimos especializarnos nela, pois tiñamos claro que era e é a alternativa tanto para os procesos de desinfección convencionais, como para o avance en medidas de bioseguridade tan necesarias hoxe en día.

Cales son as principais innovacións de Anolytech respecto dos sistemas de desinfección estándar?
A principal innovación é que se trata dun produto de desinfección completamente natural, xa que provén de sustancias naturais como son a auga, o sal e a electricidade xunto coa baixa toxicidade que presenta fronte a calquera dos sistemas de desinfección estándar utilizados na actualidade. Ademais de evitar e reducir tanto os residuos plásticos como perigosos.

Poderías explicar como é o proceso de funcionamento do equipo?
O funcionamento do equipo é moi sinxelo: a solución salina entra ao equipo e coa axuda dunha pequena cantidade de corrente eléctrica, dá lugar ao proceso de electrolise, o que permite que se produzan unha serie de reaccións que dan como resultado unha solución de ácido hipocloroso (HClO) e outra de hidróxido de sodio(NaOH). A primeira, o ácido hipocloroso, utilízase tanto para a desinfección da auga, así como produto desinfectante en si mesmo.

Nunha granxa ou industria agroalimentaria, que requisitos son necesarios para poder instalar o equipo?
Simplemente se necesita unha toma de auga e un pequeno espazo que conte con ventilación para a súa instalación e acceso a un desaugadoiro.

Que capacidade de desinfección teñen estes equipos? Están adaptados a grandes explotacións?
Existen diferentes modelos dependendo das necesidades de produción de desinfectante de cada explotación. Os equipos máis pequenos que temos son para unha produción de 50l/día até os máis grandes que chegan aos 400l/día.

Os litros de auga desinfectada que se xeren van depender de diferentes factores como son a cantidade de animais con que conte a explotación, o consumo medio por animal e, o máis importante, a cantidade de ácido hipocloroso (HClO) que se dosifique en cada momento, pois ao principio será necesario aplicar unha dose maior para eliminar o biofilm das tubaxes.

Por exemplo, nunha granxa de 200 vacas adultas, estimando un consumo medio diario de 100 litros por animal (sumamos o que beben, e a auga necesaria para limpeza de sala de muxido e baldeo) , e cunha dosificación do 0,7% de HClO, podemos calcular un consumo diario duns 20.000 litros de auga e unhas necesidades de ácido hipocloroso duns 140 litros, un produto hixienizante que xera a propia máquina de Anolytech e que vai dosificando na auga para a súa desinfección.

Funcionan igualmente segundo o tipo de auga (máis ou menos alcalina)?
Si, os equipos funcionan independentemente do tipo de auga de partida. O propio equipo a través de diferentes parámetros de operación encárgase de equilibrar o pH da auga de entrada, para optimizala e ter sempre unha disolución de ácido hipocloroso (HClO) dun pH neutro.

 “Garantimos unha auga libre de bacterias e sen presenza de biofilm que repercute en mellora de rendemento e aforro de custos”

Cales son as principais vantaxes que destacarías de Anolytech para a súa utilización no sector gandeiro?
Sen dúbida a seguridade extra que achega a unha explotación o ter un sistema propio de desinfección para garantir sempre unha auga libre de bacterias, así como un sistema de distribución sen presenza de biofilm. Se lle sumamos a baixa toxicidade que presentan fronte a calquera outro desinfectante convencional utilizado e a redución de envases perigosos, todos estes motivos supoñen un aumento nas medidas de bioseguridade das explotacións e consecuentemente unha mellora do benestar animal e do seu rendemento.

Que usos pode ter o ácido hipocloroso (HClO)?
Se nos centramos na agricultura e a gandaría, o principal uso do ácido hipocloroso (HClO) é a mellora da calidade da auga da explotación. Asegurando un aprovisionamento libre de bacterias e a eliminación do biofilm en todo o sistema de distribución de auga da explotación, incluído nos bebedoiros dos animais, evitando así a contaminación cruzada. Isto permite reducir o risco de enfermidade nos animais. Tamén é útil como desinfectante para superficies, material de traballo, botas, sala de muxido, etc, asegurando a eliminación de virus, bacterias e fungo cunha eficacia do 99,999%.

É importante sinalar que a eficacia do ácido hipocloroso (HClO) está avalada por diferentes normas como a EN 14476 e diferentes estudos de gran interese hoxe en día, nos que se indica ao ácido hipoclorosos (HClO), como unha das alternativas máis seguras e eficaces para combater os brotes de gripe aviaria e os problemas derivados desta.

“O ácido hipocloroso é un desinfectante seguro e eficaz, que se pode utilizar para a hixiene do muxido e desinfección de sala, o que tamén reduce custos”

Que destacarías sobre a súa utilización para para a desinfección da sala de muxido?
A utilización do ácido hipocloroso (HClO) é un perfecto complemento á utilización doutros produtos que veñen empregando tanto para a hixiene do muxido.

Así, os nosos equipos supoñen o mellor complemento para garantir unha desinfección óptima da sala de muxir, xa que asegura que a auga coa que se fai o enxague final do proceso de limpeza é unha auga libre de bacterias e evita nova contaminación das superficies. Tendo en conta as vantaxes que un tratamento intelixente da auga pode reportar, é fácil concluír que este non é gasto senón un investimento en bioseguridade que resulta esencial para garantir a rendibilidade das explotacións gandeiras a curto, medio e longo prazo.

Á marxe das vantaxes directas que reporta un bo tratamento de hixienización da auga, hai que engadir outras vantaxes adicionais como, por exemplo, a influencia de mellora na calidade dos produtos alimentarios da explotación, o aforro que supón en canto ao descenso de enfermidades, así como a redución da mortalidade.

En canto ao subproducto residual (hidróxido de sodio) Pódese descargar directamente da máquina ao desaugadoiro?
Si, é un produto que se pode refugar polo desaugadoiro sen ningún problema por estar moi diluído e, por tanto, non entraña ningún risco.

Equipo de Anolytech

Os equipos de Anolytech instálanse en forma de renting. Explica como funciona Anolytech Agrorent… Que servizos e garantías inclúe?
Establecemos unha cota mensual moi asumible, que varía en función do tipo de equipo que necesite a instalación gandeira. O noso servizo inclúe o mantemento do equipo, soporte técnico e asistencia técnica durante todo o tempo que dura o contrato.

 “Temos unha ampla variedade de posibilidades de aluguer dos equipos, que vai desde os 160 euros ao mes”

Cal sería o custo medio dun equipo de Anolytech para unha granxa, por exemplo, unha de 100 vacas en muxido?
Os prezos fíxanse en función duns parámetros, o tipo de equipo a instalar, o número de bombas ou a duración do renting. Unha ampla variedade de posibilidades que vai desde os 160 euros ao mes para os equipos máis pequenos e os contratos a longo prazo.

Se o cliente é unha industria agroalimentaria e opta pola compra, os nosos equipos pódense acoller ás axudas da Xunta de Galicia para a transformación e comercialización de produtos agrarios. Ademais, nós encargámonos de toda a tramitación da axuda.

Canto tempo se tarda en instalar e entrar en funcionamento o equipo desde que se fai o pedido?
Desde que se fai o pedido o tempo estimado de entrega e posta en funcionamento é de aproximadamente 1 mes, dependendo sempre do número de pedidos que teñamos nese momento.

Para as persoas, interesadas en España, como poden recibir máis información?
Poden porse en contacto connosco a través do correo electrónico info@anolytechspain.es ou a través dalgún do noso teléfono: 981 072 234 645 869 017

Anolytech, líder en desinfección sostible da auga para granxas, presente en Feiradeza

Anolytech empresa líder en desinfección gandeira, presenta a partir de hoxe en FEIRADEZA en Lalín a tecnoloxía que vai a revolucionar a desinfección e o tratamento de augas nas granxas galegas. Os equipos deseñados pola empresa sueca Anolytech en base o ácido hipocloroso supón unha revolución no coidado de animais estabulados, xa que non usa produtos tóxicos para a desinfección de auga, que poidan presentar un risco para os animais, como si ocorre a longo prazo co emprego de outro tipo de produtos como hipoclorito sódico (lixivia).

O ácido hipocloroso (HClO) é unha substancia natural que xera o noso propio organismo e que ten contribuído á existencia da vida no Planeta grazas á súa defensa contra os patóxenos que nos atacan. A súa síntese nos equipos Anolytech prodúcese a partir de auga, sal e electricidade, e ten unha eficiencia do 99,999% na eliminación de bacterias e virus con só unha pequena porcentaxe de concentración nunha solución activa, o que permite uns custos de produción moi baixos e unha taxa de toxicidade practicamente nula.

O ácido hipocloroso ataca as proteínas da membrana celular que envolve os microorganismos patóxenos e imposibilita a supervivencia destes. Ten un pH neutro de 6,5 e é un dos métodos de desinfección máis eficaces dos que se dispón na actualidade. Ao mesmo tempo, é un produto ideal para un futuro sostible, xa que nos leva a un emocionante proceso circular no que reenchemos os envases para eliminar a proliferación de refugallos de plástico.

A desinfección de maquinaria, naves e purificación de auga mediante o uso de ácido hipocloroso é o procedemento empregado en todas as granxas con estándares altos de benestar animal e certificacións ecolóxicas. Así mesmo, na limpeza e desinfección resultou ser o recurso máis usado polos equipos na loita contra a Covid19 en países como Alemaña, Suíza, Suecia ou Noruega.

Está certificado pola normativa da Unión Europea (EN13624, EN13697, EN13610, EN17272 e EN13727) para a produción ecolóxica e para proporcionarlles ás granxas unha subministración de auga libre de bacterias e biofilmes, que mellora o rendemento da produción agropecuaria. O ácido hipocloroso tamén está aprobado pola UE para o seu uso de acordo co artígo 95 do inventario de biocidas da ECHA para a área de tipos de produto (PT) 1-5.

A planta do Grupo Lactalis en Vilalba reducíu o seu consumo de agua e a pegada de carbono en 2020

A planta que o Grupo Lactalis ten en Vilalba, Lugo, dedicada á produción de leite, incrementou a súa produción un 2,7% entre 2019 e 2020, pero grazas a unha rigorosa xestión dos recursos e a mellora da eficiencia enerxética logrou reducir o seu consumo de auga en case un 1% e, tamén, a súa pegada de carbono.

Cun consumo inferior a 1 litro de auga por litro de leite producido, a planta galega, na que se fabrica a nivel nacional a nova Puleva Vita Defensas, entre outros tipos de leite, ten unha dos mellores cocientes da industria láctea a nivel internacional e logrou converterse nun exemplo de boas prácticas en materia de sustentabilidade ambiental. A fábrica, que canaliza os seus esforzos en manter e mellorar estes indicadores, seguiu reducindo o seu cociente de consumo de auga por tonelada de produto producido: un 3,5% en 2020.

Malia o incremento da produción, a fábrica tamén mellorou outros indicadores como o consumo de enerxía térmica que o baixou nun 11.5%.

Reducir o impacto ambiental é un dos principais compromisos corporativos do Grupo Lactalis. Unha das principais liñas de traballo a nivel industrial, é alcanzar o maior aforro posible de recursos naturais e a máxima eficiencia enerxética, o que se consegue a través do investimento financeiro, a formación e a sensibilización dos empregados.

Redución da pegada de carbono

“Un dos nosos principais obxectivos é o de reducir a pegada de carbono en todos os chanzos do ciclo de produción dos nosos alimentos: desde a granxa, colaborando cos gandeiros para detectar áreas de mellora, até o transporte e, moi especialmente, na nosa actividade industrial a través da mellora constante da eficiencia enerxética e o uso, cada vez maior, de enerxías renovables”, explica Leopoldo Cabrera, coordinador de Enerxía e Medio Ambiente no Grupo Lactalis Iberia.

A compañía calcula que en 2021 reducirá as súas emisións de CO2 á atmosfera un 10%, aforrando nun ano a emisión de 26.950 toneladas de CO2 ao ano, o que equivalería a retirar máis de 11.000 vehículos da circulación.

En 2020 a planta de Vilalba xa reduciu as súas emisións de CO2 en máis dun 4% con respecto a 2019, o que significa 420 toneladas menos.

A día de hoxe, o Grupo Lactalis está a explotar novas vías para seguir traballando na descarbonización progresiva da súa actividade industrial a través de instalacións fotovoltaicas nas cubertas ou terreos das súas plantas de Villarrobledo, dedicada á elaboración de queixos nacionais (cun consumo de 2,3 MWp), e de Granada, dedicada á produción de leite (cun consumo de 3,13 MWp).

A pesar da complexa loxística que entraña a súa actividade, a compañía traballa constantemente na optimización das súas rutas de transporte, cun dobre obxectivo: reducir as emisións de CO2, ademais de ser economicamente eficiente. Coa utilización de megatrucks e camións alixeirados propulsados con gas licuado, entre outras iniciativas como un Transport Management System, Lactalis conseguiu en 2020 aumentar a capacidade transportada por viaxe, cun cociente de 63 litros de leite transportado por cada quilómetro e reducir a súa pegada de carbono, co aforro de 800 toneladas de emisións de CO2 á atmosfera.

A aposta pola economía circular

Lactalis inviste importantes recursos en I+D+i para mellorar constantemente a sustentabilidade e o proceso de reciclaxe dos seus envases, esenciais para garantir a seguridade alimentaria e preservar a calidade dos produtos. Actualmente, traballa na incorporación progresiva de PET reciclado nas botellas de leite co obxectivo de que antes do ano 2025 teñan, como mínimo, un 30% de material reciclado, así como tamén de plásticos reciclados nos seus films de agrupación de leite e queixos. Hoxe xa teñen un 30% de plástico reciclado e a compañía comprometeuse a chegar ao 50% en 2021.

Lactalis potencia, cada vez máis, a liña de iogures e sobremesas en envase de vidro, un material circular e infinitamente reciclable.

Outras iniciativas destacadas son a migración dos briks a bio-based, un envase de cartón 100% reciclable elaborado con materias primas de orixe vexetal (86%) e renovable e a incorporación de tapóns atados en todos os nosos briks e botellas para evitar que estes non se reciclen adecuadamente e evitar así o impacto ambiental, especialmente o producido nos océanos.

Ademais, Lactalis traballa de maneira continua na substitución do plástico de fonte fósil nos tapóns de leite, por outros materiais, como a cana de azucre, o que contribúe a unha redución das emisións de CO2 nun 18%. Grazas a estes esforzos, Lactalis conseguiu aforrar 275 toneladas de plástico e 170 de papel entre 2016 e 2020.

Sobre o Grupo Lactalis

Fundada en Francia nos anos 30, o Grupo Lactalis é unha empresa familiar desde fai tres xeracións. Líder mundial dos produtos lácteos, o Grupo conta con 85.000 colaboradores, opera en máis de 266 centros de produción en todo o mundo, está presente en 94 países e o seu propósito é ofrecer a diario produtos saudables e saborosos que nos unen. En España, o Grupo Lactalis conta con 8 fábricas e 2.400 empregados. Ademais, adquire leite a nivel nacional a máis de 2.200 gandeiros. Entre os seus produtos atópanse marcas como Galbani, Président, Puleva, Lauki, RAM, O Castelo, Gran Capitán, Flor de Esgueva, El Ventero ou Chufi. 

Como combinar o desenvolvemento das granxas de leite cunha maior sustentabilidade ecolóxica?

As granxas de leite galega enfróntanse a unha serie de desafíos medioambientais que se poden encadrar en catro puntos principais: terras, xestión de xurros, calidade das augas e fauna salvaxe. Sobre eses catro elementos xirou un debate organizado polo Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo no marco do proxecto europeo ‘Dairy for future’. O primeiro obxectivo do debate foi analizar os desafíos ós que se enfrontan as granxas galegas de leite en materia de medioambiente. A segunda cuestión abordada foi a de como enfrontar eses retos sen mermar o desenvolvemento económico das explotacións e a súa competitividade no contexto europeo. Para dar resposta a ambas cuestións, participaron no debate unha vintena de profesionais do sector, entre eles gandeiros, técnicos, representantes de cooperativas e organizacións agrarias, investigadores e persoal da Administración. Resumimos a continuación, en vídeo e texto, as principais conclusións do debate, que aportou unha visión da situación galega no ámbito do proxecto ‘Dairy for future’, que é o espazo atlántico europe, onde se atopan as principais rexións produtoras de leite de Europa.

1) A singularidade galega: menos dispoñibilidade de terras para alimentar ó gando

Galicia sitúase no “top ten” das rexión produtoras de leite de Europa, pero ten un claro hándicap, en comparación coas demais rexións, para poder seguir medrando de forma sostible: a falta de terras para producir forraxes e cereais cos que alimentar ao gando. Concentración do vacún leiteiro no territorio Na comunidade, o sector lácteo foi desaparecendo dun número cada vez maior de concellos, quedando concentrado nun reducido número de comarcas. De xeito paralelo, o número de explotacións é cada vez menor, mentres que a produción de leite foi aumentando. Intensificación do sistema produtivo As granxas foron medrando en superficie agraria, pero non ao ritmo que medran en número de animais. Iso implica un aumento de carga gandeira e unha maior dependencia dos alimentos mercados. Dificultades para extensificar a produción. - Non hai territorio apto para facer pastoreo, motivado pola pequena dimensión e distancia das parcelas ás cortes. -As marcas de pastoreo da industria non se perciben como realmente de pastoreo. A maiores, obsérvase que é un sistema do que só se benefician as industrias, sen repercutir a penas nas granxas. - Tal e como están planteados ata o de agora na nova PAC os ecoesquemas ligados a pastos e sega, moitas granxas de leite non poderían acceder a eles, entre outras cuestións por unha carga gandeira superior á esixida. - Existen problemas nas declaracións da PAC no caso dos pastizais das comunidades de montes, o que vén motivado pola falta de plans de ordenación dos montes. Superficie agraria útil das grandes rexións europeas produtores de leite. / Fonte: Eurostat. Plantacións forestais en terras agrícolas As plantacións forestais en terras agrícolas compiten polo escaso solo de aptitude agraria que temos en Galicia. Autorizacións de granxas sen terra (porcino, aves) Están autorizándose ganderías “sen terra” de porcino e aves, que compiten polo solo agrícola, pois precisan esas terras para cumprir cos plans de xestión de xurros.

Que se pode facer para mellorar a base territorial das granxas?

  • Ordear o territorio, cunha visión de mosaico.
  • Cartografiar, clasificar e protexer os solos de aptitude agraria de Galicia por ser estratéxicos para a soberanía alimentaria do pais.
  • Protexer zonas aptas agronómicamente para a producción de leite en base a forraxes
  • Recuperar terras abandonadas, por exemplo, o Val de Lemos.
  • Ordear conxuntamente o solo agrario para todos os tipos de explotacións (granxas de aves e porcos).
  • Deslocalizar granxas de zonas onde a carga gandeira xa é elevada.
  • Incentivar a implantación de granxas en zonas cun número baixo de granxas.
  • A terra que estea sen utilizar debería pasar ao Banco de Terras.
  • Modificar a Lei de herdanzas para priorizar o uso agrario das terrras e a súa non parcelación.
  • Limitar o tamaño das explotacións por aspectos medioambientais (macrogranxas).

2)¿Sobran xurros nas granxas de leite?

Segundo o Balance de Nitróxeno da agricultura española, publicado polo Ministerio de Agricultura, dedúcese que nas explotacións galegas empréganse aproximadamente 17.000 toneladas de abono mineral nitroxenado, que podería practicamente aforrarse cunha boa xestión do xurro. Existe, por tanto, unha ampla marxe de mellora para cumprir sen problemas coas esixencias medioambientais de Europa, en especial coa estratexia ‘Da granxa á mesa’, que busca reducir as perdas de nutrientes nun 50% para o ano 2030, e co Acordo de París, polo que se pactou a diminución das emisións ligadas ó cambio climático. A reutilización de xurros como abono na propia explotación é un claro exemplo ademais de economía circular, que pon en valor a gandería ligada a terra, como é o sistema de produción do vacún na España húmida. A utilización de xurros contribúe tamén a aumentar a materia orgánica no solo, o que potencia o papel da agricultura como sumidoiro de carbono. No marco da iniciativa ‘4 por mil’, preténdese aumentar anualmente un 4 por mil o contido de carbono no solo. Valoracións sobre o volume de xurros nas granxas galegas
  • O xurro non é un residuo, senón un abono orgánico que non sobra nas granxas de vacún de leite, o que se comproba porque se seguen utilizando unha gran cantidade de abonos químicos.
  • Confúndese a miúdo o exceso de xurro nas explotacións coa falta de capacidade de almacenamento das fosas, que é o factor que pode provocar a mala xestión dos xurros a o seu uso a deshora. O ideal é que os xurros se apliquen no momento oportuno no que o precisan os cultivos, na primavera fundamentalmente.
  • Moitas fosas están aínda sen cubrir, polo que se perde capacidade de almacenamento, facendo menos eficiente a súa xestión. Auméntase o gasto de gasoil e o tempo no transporte.
  • Por estas razóns, as plantas de tratamento de xurro non se perciben como necesarias para as explotacións de leite galegas.
  • As granxas galegas en xeral teñen capacidade de aplicar na súa base territorial todo o xurro que producen.
Nitróxeno dispoñible no xurro por hectárea de superficie agraria. Galicia (en cor diferencial) é dos que menos ten. Encabezan o ránking Cataluña, Navarra, País Vasco e Andalucía. Á cola están Galicia, Asturias e Castilla y León. ¿Cales serían os efectos da prohibición do prato aspersor? - Moitas granxas poderían desaparecer, sobre todo as mais pequenas, debido á necesidade de cambiar de cisterna, e en moitos casos tamén de tractor, para poder incorporar os novos apeiros de aplicación. - Poden xurdir problemas de desgaste dos trituradores-distribuidores nas granxas que usan camas de area.

Que se pode mellorar na xestión dos xurros?

  • Aproveitar posibles apoios públicos para o redimensionamento das fosas existentes, xestión comunitaria e a cubrición das fosas. En especial cómpre ter en conta as axudas previstas no Real Decreto polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas estatais destinadas á execución de proxectos de inversión dentro do Plan de Impulso de la Sostenibilidad y Competitividad de la Agricultura y Ganadería (III), no marco do “Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia”.
  • Facer obrigatorias estas medidas de redimensionamento e cubrición das fosas ás explotacións cunha certa dimensión (nº de UGMs) e dependendo da pluviometría da zona. Terase que ter en conta tamén a idade dos titulares das granxas para valorar os problemas de amortización que se puideran ocasionar.
  • Aproveitar a nova PAC para crear medidas de asesoramento para a óptima xestión do xurro como abono, tal e como se contempla no borrador de ecoesquema de plan de xestión de nutrientes.
  • Nese sentido, o proxecto ministerial de Real Decreto sobre a Nutrición de Suelos Agrarios percíbese como unha ameaza, xa que o Real Decreto imporía en España unhas condicións obrigatorias que noutros países son subvencionadas como “medidas agroambientais”. Así, por exemplo, en Irlanda, a aplicación do xurro con apeiros de baixa emisión está subvencionado con 1, 25 euros por m3 aplicado.
  • Desde a entrada en vigor do Real Decreto, ademais, anularíase a posibilidade de obter fondos do ecoesquema de nutrición sostible.
  • A prohibición do prato debería ir ligada ás granxas de maior dimensión e carga gandeira, para que a medida sexa “proporcional”.
  • Habería que contemplar a posibilidade do uso do prato invertido nas granxas que fagan unha boa xestión do xurro, de maneira integral e ligada á base territorial.
  • Existen outras prácticas agrarias, tanto ou máis efectivas que os aparellos de baixa emisión, adaptadas ás granxas da España húmida. En todo caso de nada vale mercar eses aparellos se as fosas non están dimensionadas suficientemente ou cubertas, xa que seguiríamos botando o xurro en épocas inadecuadas.

3) Calidade das augas

Galicia é a única rexión entre as 80 primeiras produtoras de leite de Europa que non ten zonas vulnerables declaradas pola contaminación de nitratos procedentes de fontes agrarias. En todo o Estado, ademais de Galicia, son Asturias e Cantabria as únicas comunidades que non teñen zonas vulnerables. É un escenario diferencial da España húmida, en comparación coas zonas adicadas á gandería intensiva, tal como se pode visualizar no seguinte Mapa de Zonas Vulnerables publicado en España. Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España. A paisaxe da España húmida caracterizada pola estrutura en mosaico, de pequenas parcelas irregulares, onde se intercalan sebes, árbores, muros de pedra ou vexetación de ribeira coa superficie agraria, ten un gran valor ecolóxico para o control da erosión, regulación do ciclo hidrolóxico, filtración de nutrientes e calidade da auga. Algúns países e rexións europeas produtores de leite, contemplan incluso “medidas agroambientais” para estes elementos da paisaxe, como é o caso de Irlanda; • Marxes de vexetación de ribeira sen cultivar (euros por metro): a) 3 metros: 0.90 euros b) 6 metros: 1.20 euros. c) 10 metros: 1.60 euros. d) 30 metros: 3.60 euros. • Mantemento de peches tradicionais de pedra: 0.70 euros.

Os bosques de ribeira, unha oportunidade perdida na actual PAC

Os elementos característicos da paisaxe da España Húmida, anteriormente mencionados, non están recollidos na lexislación española da PAC, e si nos demais países nos que son considerados como “Superficies de elevado valor ecolóxico” (SIES), contemplados no regulamento europeo da PAC. Por tanto, a regulación española da PAC perxudica ao mantemento de elementos da paisaxe que contribuirían e mellorar a calidade das augas. Capa de recinto considerado como non admisible (forestal), cando é claramente vexetación de ribeira (SIE) que protexe as augas do río Anllóns. / Imaxe do Sixpac.

A difícil convivencia coa fauna salvaxe

O debate da mesa de fauna salvaxe centrouse maioritariamente en dous animais, o xabaril e o lobo. O xabaril é un animal que causa grandes perdas ano tras ano aos gandeiros de vacún de leite, causando estragos en leiras sementadas a millo, tanto cando o millo é pequeno (obrigan aos gandeiros a resementar) coma cando xa está espigado. Tamén ocasiona grandes danos en prados e pradeiras, tanto despois de sementalos como nos xa establecidos. A maiores, o xabaril pode ocasionar problemas sanitarios, pois é un vector da tuberculose. Se chegase a España a peste porcina africana, a situación convertiríase en moi preocupante para o sector porcino. Por outra banda, o lobo pode ocasionar problemas, sobre todo ás gandarías que teñen as xovencas de menos dun ano fora, xa que pode atacalas. En menor medida, falouse doutros animais, coma o corvo, que causa estragos no millo, tanto arrincando e comendo os graos cando están saíndo como comendo as mazarocas despois. Tamén dos corzos, que poden ser vector de tuberculose, ou dos pombos, que cando entran nos aloxamentos gandeiros/silos, poden causar estragos e/ou transmitir enfermidades coas súas dexeccións.

Propostas para afrontar os danos

  • Facer un censo actualizado do número de animais (e mantelo actualizado). Cos censos actualizados xa se poden deseñar, dende Galicia, plans transparentes de xestión integral das poboacións, tanto de xabarís coma de lobos.
  • A financiación de peches perimetrais, pastores eléctricos e o seu mantemento, axudaría á convivencia co xabaril e o lobo. No caso do lobo, tamén serían adecuadas axudas para mercar e alimentar mastíns. Isto podería articularse a través do Plan de Desenvolvemento Rural.
  • Despois de invertir en xestión e prevención, os danos que non se consigan evitar, deberían ser abonados pola Xunta como responsable civil subsidiaria.
  • Apuntouse a idea da creación dun fondo da Xunta que garanta o pago de axudas a aquelas granxas que sufran danos pola fauna salvaxe, este fondo garantiría o cobro destas axudas, e non tería que estar supeditado a contía da liña orzamentaria aprobada cada ano.
  • Xa que os gandeiros que viven en zonas onde hai poboacións de xabarís e lobos soportan unha carga económica e de traballo extra, podería ser adecuada unha compensación pola convivencia con estes animais.

Xornada de Delagro sobre “Tratamento de augas en vacún de leite”

A cooperativa DELAGRO organiza para mañá mércores unha xornada de formación online sobre “Tratamento intelixente da auga no sector do vacún de leite: As claves do éxito”, que será impartida por María Somolinos Lobera, veterinaria especialista en Bromatoloxía, Sanidade e Tecnoloxía dos Alimentos e xestora de produto da empresa de tratamento de augas OX-CTA. A formación impartirase de 16:30 a 17:30 horas. As persoas interesadas en asistir poden enviar un correo a joseramon.dieguez@delagro.org e seguila a través desta ligazón de Google Meet https://meet.google.com/khg-bbti-kug Na xornada abordarase a importancia da calidade da auga na bioseguridade, os puntos de control críticos, os tratamentos dispoñibles e a súa efectividade (hipoclorito sódico, dióxido de cloro, peróxido de hidróxeno e outras alternativas), entre outras cuestións.

Ganderías de Rois e Lousame que apostan polas boas prácticas ambientais

Rexeneración de bosque de ribeira. O coidado do medioambiente no agro ten unha repercusión nos valores naturais e paisaxísticos do territorio, pero o agro plantéase tamén ese coidado como unha tendencia competitiva. As esixencias ambientais da Comisión Europea aumentan en cada ciclo da PAC e tamén se trata dunha cuestión valorada polos consumidores. Facemos un repaso do traballo de tres ganderías das comarcas do Sar e Barbanza, en Rois e Lousame (A Coruña), e recollemos valoracións de diversas entidades que operan na zona. Este artigo, de autoría múltiple, foi elaborado coa colaboración das granxas participantes, da cooperativa Clun, Augas de Galicia, o Fondo Galego de Garantía Agraria, o Concello de Rois e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. As comarcas do Sar e Barbanza caracterízanse pola súa proximidade á costa, o que lles permite un clima suave e frecuentes precipitacións. Contan con vales a baixa altitude, xunto a terras que soben ata a 600 metros sobre o nivel do mar. Trátase de terras de gran fertilidade, propicias para os sistemas agroforestais, e que presentan unha gran riqueza paisaxística. É por isto que desde o sector agrogandeiro e desde as institucións se aposta por iniciativas como o coidado do patrimonio natural ou a conservación dos bosques de ribeira, no marco das boas prácticas agrarias. O obxectivo é desenvolver unha estratexia de sustentabilidade e competitividade que poida ter apoio das políticas europeas e recoñecemento do consumidor.

Finca Varela SC (Rois)

“O benestar animal e o coidado do medioambiente repercutirán en certificacións en orixe das nosas producións”

Finca Varela é unha granxa familiar adicada á producción de leite desde fai máis de 16 anos, situada na parroquia de Augasantas, no Concello de Rois. Neste momento conta cunha cabana gandeira de 470 cabezas, das cales 240 son en muxido. “Queremos defininir estratexias baseadas no benestar animal, o coidado do medioambiente e a sostibilidade local, de xeito que repercuta en certificacións en orixe das nosas producións”, explican. “Son cuestións que inflúen no valor de marca e que repercuten positivamente nas percepcións do producto que ten o consumidor, pois podemos aportar valores como o benestar animal. Nós situamos a seguridade alimentaria como pilar básico da produción e buscamos unha maior rendabilidade”. No eido ambiental, a gandería traballou nos últimos anos en dúas liñas para reducir os seus impactos e mellorar a biodiversidade no seu entorno.
    Inxectores de aplicación de xurro da granxa.
  • Instalación de dúas fosas de xurro telladas, cun total de 3,2 millóns de litros de capacidade xestionada, e a aplicación por inxección de xurro. Estas medidas permítenlles unha aplicación periódica do abono, nos momentos máis axeitados, cun uso máis eficiente do xurro e con menores efectos ambientais.
  • Progresivo mantemento das marxes dos cauces, con 5 metros sen laborear, co fin de acadar unha integración máis eficiente das actividades agrogandeiras. Con esta medida, protéxese o solo e a auga do entorno do cauce, mellórase a biodiversidade e auméntase a masa forestal, que xera beneficios como a captura de dióxido de carbono da atmósfera.
Franxa sen traballar na zona de servidume de augas nunha finca de Gandería Varela.

Albagueira SC (Hermedelo, Rois)

“Queremos impulsar experiencias cara un modelo sostible de agricultura”

José Manuel, de Albagueira SC. Albagueira SC é unha gandería familiar de leite situada no lugar de Hermedelo, no Concello de Rois. Conta na actualidade cunha cabana de 136 cabezas. Sobre o coidado do entorno, a granxa destaca que as estratexias ambientais poden darlle carácter ó produto final, reforzando a súa marca nun mercado cada vez máis competitivo. Entre as medidas ambientais que adoptou a granxa nos últimos anos, figuran as seguintes:
  • Ampliación das instalacións con criterios de calidade, baseados sobre todo no benestar animal e na busca da maior seguridade alimentaria.
  • Adopción de criterios de sostibilidade ambiental, que cada vez cobran máis protagonismo para caracterizar ó produto que chega ós consumidores. A gandería separa 5 metros os traballos agrícolas das marxes dos cauces, como referente climático que supoñen os bosques de ribeira e como aposta pola “reconstrucción" da paisaxe agraria. Outro aspecto no que traballan é na delimitación e conservación de zonas húmidas dentro dos terreos de producción.
  • Protección de augas soterradas e mellores prácticas de abonado. A gandería conta cunha fosa de xurro de 1,5 millóns de litros, o que lle permite secuenciar ou espaciar os abonados, evitando innecesarias sobrecargas nas aplicacións.
Zona húmida conservada nos terreos de Albagueira SC.

Concello de Rois

” Revalorizar antigos sendeiros con valor histórico é unha alternativa eficiente na conservación das paisaxes fluviais”

Roberto Agrelo, técnico do Concello de Rois. Un exemplo de conservación do patrimonio natural e cultural por medio dunha iniciativa recreativa é a Ruta das Penicias, que foi deseñada e restaurada no ano 2018 por parte do Concello de Rois. Para a inauguración, o concello organizou unha ruta de sendeirismo dentro da programación das Festas Patronais do San Isidro Labrador (15 de maio). A ruta é circular e conta con 8,5Km de percorrido, saíndo do Campo da Festa de San Mamede e chegando ao mesmo lugar. O seu itinerario transcorre polas parroquias de S. Mamede de Rois (Infesta, Casas do Porto e Rois) e parroquia de San Xoán de Buxán. Os camiñantes poden disfrutar de corredoiras cheas de árbores autóctonas, camiños antigos, sendeiros, muiños e incluso pódese observar a fauna propia destas zonas, ademáis de hórreos característicos e cruceiros destacados. O Concello deseñeu esta ruta para regular o fomento do uso público dos espazos naturais, coma un aspecto fundamental que contribúe ao desenvolvemento local, mantendo o seu trazado natural, no cal se respectaron en todo momento os camiños e os sendeiros utilizados polas persoas desta zona desde moitos anos atrás. Deste xeito, fronte a agresivas pavimentacións nas marxes dos ríos, antigos sendeiros cunha grande significación histórica convírtense en alternativas eficientes na revalorización e conservación das paisaxes fluviais.

Gardería Fluvial de Augas de Galicia

“As boas prácticas na agricultura e na gandeiría deben reconquistar a paisaxe agraria”

Eloi Rodríguez, garda fluvial de Augas de Galicia. Historicamente, en terras agrarias temos diferenciados tres valores naturais determinantes nas condicións climatolóxicas locais, que fortalecen posicións contra cambios climáticos agresivos.
  • Alonxando as actividades e ocupacións das marxes un mínimo de cinco metros desde a beira dos ríos, renovarase a vexetación de ribeira, o que ten un impacto inmenso na biodiversidade e é necesario para manter a temperatura e un caudal constante das augas. Ese cinturón verde é ademais un potente filtro contra contaminantes nitroxenados, de ata o 90 por cento.
  • As zonas húmidas son apoios e reservas constantes de auga, que reducen temperaturas cercanas en 5º centígrados, elevando as superficies produtivas a un estado microclimático óptimo.
  • Manter as lindes supón recuperar parte da paisaxe do rural. Son un soporte contra a erosión e unha resposta na mellor producción agraria, abrigando dos fortes ventos e solanas excesivas. As boas prácticas permitirán tamén a presenza de polinizadores nas marxes, contribuíndo así á loita biolóxica contra as pragas.
Estes tres elementos en conxunto potencian un enorme corredor fluvial integrado na paisaxe agraria que non podemos abandonar. Son figuras a ter moi en conta, fronte a outras políticas ambientais que poden ser máis esixentes. Temos que saber e defender que o papel da agricultura e da gandeiría é ”parte da solución” a problemas como o cambio climático, a conservación da auga e a reducción da erosión. Así mesmo, o panorama rural debe debuxarse cunha paisaxe, a da distribución arquitectónica e a adaptación a elementos naturais, cunha xestión que sexa un modelo real de sostenibilidade. Pero para iso, debemos retroceder ao pasado, revivir as boas experiencias e tomalas como referencia nas accións do presente, coma solucións e viabilidades que xa non están cuestionadas.

Sat Santa Lucía (Val de Xestoso, Lousame)

“Buscamos a armonización do noso traballo co entorno natural”

Zona de separación entre os cultivos e un cauce fluvial en Sat Santa Lucía. Sat Santa Lucía é unha explotación de vacún de leite de Lousame formada por catro socios: Eladia,Sofia,Moncho e Manolo. Está situada na Serra do Barbanza, en concreto no Val do Xestoso, na cabeceira do río Traba. “A nosa explotación xurdiu no ano 2000 da fusión de tres explotacións de réxime semiextensivo, pasando a formar unha nova con 140 vacas en muxido e de carácter intensivo.O cambio de modelo productivo a intensivo fíxonos ver a necesidade dunha boa xestión das nosas prácticas agrarias e do benestar animal”, contan. Foxa de xurro cuberta de Sat Santa Lucía. “Asi é que temos unha fosa de xurro tellada de 4 millóns de litros, que nos garante poder ter un purín de calidade, e permítenos espaciar as aplicacións dúas veces o ano, para minimizar o consumo de abonos químicos”, explican. A adaptación a boas prácticas agrarias é outra cuestión que coidaron, “afastándonos 7 metros da beira do río, respectando así a vexetación de ribeira que fai de barreira natural, moi importante para o ecosistema do propio río”. “A tendencia é perseguir a armonización do noso traballo co entorno natural, na liña de traballo de explotacións agrarias familiares que queremos ter produtos cunha orixe e un valor diferenciado, á vez que colaboramos á mellora dos ecosistemas”, sinalan.

Jorge Piñeiro. Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)

“Os aspectos medioambientais da PAC cada vez son mais importantes”

Desde o Fogga lembran que no ámbito da condicionalidade das axudas da PAC, é necesario manter unhas franxas de vexetación co obxecto de protexer os cauces de augas. O Fogga sinala que nunha marxe de 5 metros a partir da ribeira dos ríos non pode existir produción agrícola (salvo cultivos leñosos que xa estean implantados) nin se poden aplicar produtos fertilizantes e fitosanitarios no chan. “Esta redución de superficie de cultivo é necesaria para recibir as axudas da PAC e cabe sinalar que se paga toda a superficie do recinto, incluído a franxa de protección dos 5 metros”, subliñan. O non cumprimento desta obriga -advirten- supón unha penalización en todas as axudas da PAC, incluídas as de FEADER SIXC, en función da gravidade, o alcance e a persistencia do incumprimento.

Rafa García. xefe de servizos agrogandeiros de Feiraco

“A parte forestal ligada a moitas das nosas explotacións, coa correspondente fixación de C02, debería ser un valor a restar da pegada de carbono de producción de leite ou carne”

Non cabe dúbida que Galicia é un verxel dentro da Europa continental, unha das zonas que mellores condicións ten para a produción de forraxes dende o punto de vista medioambiental, e por tanto para a produción de leite e carne. Debemos tratar de facer un uso razoable da terra e pola en valor para poder diferenciar as nosas producións no mercado de produtos alimentarios. Galicias hai moitas, pero dende o punto de vista climático, as condicións que se dan nas franxas de ata 80 km terra adentro pegadas o mar, son únicas en Europa, cunhas condicións de horas de sol e chuvia que fan que poucas zonas produzan tanto sen necesidade de rega no verán. Por outra banda, a alta carga de fixación de carbono dos nosos solos fainos únicos dentro da xeoloxía europea, sendo unhos dos solos que máis carbono conteñen. A parte forestal ligada a moitas das nosas explotacións, coa correspondente fixación de C02, debería ser un valor a restar da pegada de carbono de producción de leite ou carne, en contrapartida coa case ausencia de arbores de Holanda ou certas zonas cerealistas de Francia. O entorno paisaxístico non é menos importante e deberiamos respectalo, tal e como demanda unha sociedade cada vez máis concienciada en relación á natureza. E por último, deberiamos pór énfase na calidade e abundancia de auga de Galicia, mirando polos seus cauces e respectando as normas de boas prácticas para poder seguir contando que as nosas augas son as únicas do top 10 de rexións productoras de leite de europa que non están contaminadas por nitratos. Todo isto e máis ofrécenos esta nosa terra, para ter unha bonita historia que contar detrás de cada produto, solo temos que intentar coidala e pola en valor para o consumidor.

Como manexar as terras da ribeira de regatos e ríos para evitar sancións?

Pódese traballar unha finca ata a beira dun regato?, é posible rozar unha silveira que está ao pé dun cauce fluvial?, pódense cortar ameneiros ou salgueiros nas marxes dun río?. Todas estas prácticas convertéronse nos últimos anos nun foco recurrente de conflictividade no agro, con periódicas sancións ou requerimentos a gandeiros e agricultores. Tras consultar con Augas de Galicia, repasamos a normativa que se debe respetar para evitar problemas. A cuestión é que todo cauce fluvial, lagoa ou encoro está suxeito a un dominio público hidráulico que inclúe unha zona de servidume e unha zona de policía. A zona de servidume ten unha anchura de 5 metros de uso público, a contar desde o punto de máxima crecida das augas, mentres que a zona de policía abarca 100 metros de ancho. Nas zonas de servidume, hai unha maior restricción da actividade, cunha lexislación que busca a protección dos ecosistemas fluviais e a facilitación do paso peonil público. Boa parte das actuacións en zona de servidume requerirán de autorizacións ou da presentación dunha declaración responsable. Detallamos a continuación caso por caso.

Rozas de mato

O Decreto 1/2015, que regula a planificación en materia de augas, establece que a roza de mato na zona de servidume é un traballo menor de mantemento, sempre e cando non implique a corta de árbores. Para a execución de rozas, Augas de Galicia, que xestiona a demarcación hidrográfica de Galicia Costa, require a presentación dunha declaración responsable, que haberá que entregar cando menos 15 días antes da execución dos traballos. Se non houbese indicación en contra, poderase realizar o traballo. Augas de Galicia precisa tamén que nas limpezas haberá que empregar medios mecánicos lixeiros. Recente denuncia dos axentes ambientais por unha roza de mato á beira dun regato. Quedan excluídas desta declaración responsable as zonas ubicadas en espacios naturais protexidos (Rede Natura, Parques naturais), onde sempre haberá que solicitar unha autorización. Tamén será preciso solicitar unha autorización nas zonas administradas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (Ourense, centro e sur de Lugo, sureste de Pontevedra), así como naqueles puntos da zona noreste da comunidade controladas pola Confederación Hidrográfica do Cantábrico. Pódense consultar as instrucións das Confederacións Hidrográficas para actividades agrícolas e forestais neste documento, onde se precisa que o prazo de resolución das solicitudes é de seis meses, pero se pasado ese prazo non houbese comunicación, en ningún caso se entenderá como aprobada por silencio administrativo.

Podas e retirada de árbores mortas no cauce

A retirada de árbores mortas que obstrúan o cauce é considerada por Augas de Galicia tamén como unha actuación menor, pero esixe igualmente a presentación dunha declaración responsable. Do mesmo xeito, o organismo autoriza cunha declaración responsable a poda de pólas de árbores de ribeira, sempre e cando poidan afectar ó cauce ou dificulten a servidume de paso. Non está permitida, en cambio, a retirada de tocóns vellos, pois poderíase facilitar a erosión ou provocar un arrastre de terras ó cauce fluvial.

Cortas e plantacións de árbores

Con carácter xeral, os aproveitamentos forestais en zona de servidume están vetados, en tanto a corta puntual de árbores precisa dunha autorización previa do organismo de conca, ben de Augas de Galicia, ben da Confederación Hidrográfica correspondente. As plantacións de árbores precisarán tamén de autorización previa. Permítense de xeito puntual, sempre que non deterioren o ecosistema fluvial.

Laboreo e sega de terras agrarias

O reglamento público hidráulico establece que os propietarios das zonas de servidume “poderán libremente sementar e plantar especies non arbóreas, sempre que non deterioren o ecosistema fluvial ou impidan a servidume de paso”. O manexo agrario das terras de ribeira está, por tanto, permitido. Respecto á sega de herba ata a beira dos cauces, non hai prohibición. A única indicación ao respecto corresponde a unha recomendación do Código de Boas Prácticas Agrarias de Galicia, que aconsella manter as marxes das ribeiras con herba.

Aplicación de xurros, abonos ou fitosanitarios

Augas de Galicia interpreta que non está permitida a aplicación de xurros, abonos nin fitosanitarios na zona de servidume dos cauces fluviais, é dicir, nunha franxa de 5 metros desde a ribeira. O organismo sinala que a aplicación de xurros e nutrientes debe facerse respetando á normativa vixente relativa á protección das augas contra a contaminación de nitratos agrarios (Real decreto 261/1996). Recomenda asimesmo seguir as pautas do Código galego de boas prácticas agrarias. O cumprimento do Código é voluntario, pero Augas de Galicia precisa que dada a súa posible incidencia na Lei de Augas (Lei 29/85) e no Regulamento do dominio público hidráulico, é aconsellable a súa posta en práctica. En relación á aplicación de xurros e abonos, o Código galego recomenda deixar unha franxa de entre 2 e 10 metros sen fertilizar xunto a tódolos cursos de auga. De cara a reducir o risco de contaminar augas subterráneos, os xurros deberán gardar con pozos, fontes ou perforacións que suministren auga unha distancia mínima de 35 – 50 metros.

O caso do requerimento de Augas de Galicia para plantar freixos e ameneiros

Gandeiros de distintos concellos da provincia da Coruña, como Mazaricos, Santa Comba ou Rois, recibiron o pasado ano requerimentos de Augas de Galicia para plantar freixos e ameneiros na zona de servidume de cauces fluviais, de xeito que os 5 metros da zona de servidume quedasen sen actividade agraria. O caso foi daquela criticado por Unións Agrarias, que advertira de que ningunha normativa impide labores como a sega da herba ata o borde de regatos e ríos. Os funcionarios de Augas de Galicia que emitiron os requerimentos entendían que a actividade agraria na zona de servidume podía provocar o arrastre de terras tratadas con fitosanitarios ós cauces fluviais. É unha interpretación que se cuestiona desde Unións Agrarias, que recurriu caso por caso os requerimentos dos que tivo constancia.
"A aparición de árbores nas ribeiras é normalmente consecuencia do abandono. Pódese comprobar na evolución dos mapas do Sixpac" (Óscar Pose)
“En Galicia, a herba dos prados sempre se aproveitou ata a beira dos cauces fluviais” -defende Óscar Pose, de Unións Agrarias.- É unha práctica tradicional que está permitida. Calquera que mire no Sixpac a evolución das terras agrarias co paso dos anos, pode comprobar como nas ribeiras onde agora non hai árbores, xa non existían hai décadas. É máis, a aparición de árbores é normalmente consecuencia do abandono”, sinala. Sobre os requerimentos que Augas de Galicia lle trasladou a gandeiros dalgunhas comarcas da provincia da Coruña, Pose sinala que foron recurridos, pois cre que non hai normativa que ampare eses requerimentos. “O cambio que planteaba Augas de Galicia era incluso un cambio ilegal de uso agrícola a forestal, que non está permitido pola lexislación”, cuestiona.

Agroxaqui, unha gandería onde priman as rutinas de hixiene e a calidade da auga

Na Gandería Agroxaqui, situada na parroquia de Pedroso (Rodeiro), unha zona cunha gran actividade agrogandeira, Luis Fernández ten claro que as rutinas de limpeza e hixiene nunha granxa de vacún de leite en intensivo son un dos aspectos que hai que coidar no día a día, xa que contribúen tanto ó benestar dos animais como dos gandeiros. “É preferible esmerarse e facelo ben tódolos días a ilo deixando pasar”, apunta.

Baixo esta filosofía tamén optou hai xa case 2 anos por previr problemas derivados da contaminación puntual da auga que rexistraba na granxa, dada a importancia que ten dispor dun caudal de auga con garantías sanitarias para o gando. “Cada certo tempo algunha das analíticas que se viñan facendo saían contaminadas e decidimos atallar eses problemas”, comenta o gandeiro.

Decidiron comezar a potabilizar a auga con Acuadex C para garantir a calidade do abastecemento.

Para potabilizar a auga empregan unha solución proposta pola empresa Proquideza, Acuadex C, un tratamento de auga a base de cloro co que reducen a posible contaminación e garanten un subministro potable. “É un tratamento preventivo co que ademais aforras gastos e problemas. Son moitas as vantaxes que proporciona cun custo moi asumible na gandería”, concreta. Ademais de garantir o subministro de auga potable para o gando, Luis detalla que esta medida foi unha das claves para reducir a incidencia de mamites na gandería.

Luis tamén utiliza na granxa outros produtos da firma lalinense como o limpador Derman, co que consegue garantir a limpeza e a hixiene na sala de muxido. “Gústame traballar nun ambiente limpo para min e para os animais, por iso a sala de muxido é un dos espazos que máis coidamos”, explica. Coas 50 vacas que ten en produción, acada unha media de entre 35 e 40 litros por vaca, cunhas calidades de 3,6% de graxa e 3,20% de proteína.

Na limpeza da sala de muxido utilizan Derman, unha solución para a hixiene en superficies.

Na rutina de muxido, é outro dos ámbitos nos que o gandeiro opta por utilizar produtos de Proquideza como a escuma hixienizante Hygi-Foam, previa ó muxido, ou o baño de tetos Lactox, a base de dióxido de cloro, dermoprotectores e aloe vera. Nos meses de inverno adoita utilizar o selador de tetos Yodesp, elaborado principalmente de iodo e co que consegue unha prolongada protección contra os xermes entre cada muxido. “Os produtos de Proquideza ofrécennos uns bos resultados con prezos módicos, por iso estamos traballando con eles”, recoñece o gandeiro, que ademais valora o feito de que sexa unha empresa local, que crea postos de emprego na zona.

Outro dos aspectos que Luis ten en conta para garantir o confort dos animais é a limpeza diaria das camas do gando, que teñen en colchoneta cunha capa a base de carbonato cálcico e serraduras de madeira. “Somos moi conscientes da importancia de que as camas estean limpas e secas, aínda que coa colchoneta é difícil conseguilo”, comenta.

Nas camas do gando contan con colchonetas cunha mestura de carbonato cálcico e serraduras de madeira.

Na granxa tamén tentan coidar ó máximo as condicións do corredor de alimentación. “Sempre procuramos ter esta zona o máis limpa posible, para garantir as condicións da alimentación das vacas”, concreta. No seu caso, este mantemento diario cobra vital importancia no inverno, xa que esta zona está na entrada principal da granxa e conta cun amplo espazo aberto en todo o lateral da granxa. “Cando construímos a granxa tiñamos claro que queriamos un espazo aberto, pero tamén ten os seus inconvenientes”, recoñece.

Bagazo no canto de millo

Na alimentación do gando, Luis dispón, dende hai 4 anos, de carro mesturador propio. “Xa levabamos 11 anos traballando cun carro comunitario, pero adquirir un carro propio marcou un antes e un despois na granxa”, apunta. Agora a ración prepárana polas tardes, antes de muxir e bótana pola noite. “Procuramos facer bastantes arrimados da comida polo día para que estea nas mellores condicións para o gando”, concreta.

A granxa dispón de amplos espazos abertos nos laterais para permitir unha maior ventilación e a entrada de luz.

A ración para as vacas en produción está composta a base de 30 quilos de silo de herba, 11 quilos de bagazo, 12 quilos de penso e 1,2 quilos de palla. “A ración complementámola punteando para aquelas vacas con maior produción”, indica o gandeiro. Tanto o silo como a herba seca prodúcena nas fincas da granxa, mentres que o bagazo mércano procedente de Oporto (Portugal).

Decidiron abandonar a produción de forraxe de millo e centrar a ración no silo de herba, o bagazo e o penso

Hai anos que optaron por abandonar a produción de forraxe de millo. “Nesta zona é difícil conseguir boas producións de millo, estabamos nos 25.000 quilos por hectárea, e botamos conta que nos saía máis rendible optar polo penso e o bagazo”, concreta o gandeiro.

Nas 35 hectáreas que xestiona a gandería, a metade delas alugadas, producen tanto as forraxes para o rabaño como excedentes de herba seca que acaban vendendo a outras ganderías da zona. Teñen sementado Ray Grass inglés polos bos resultados que lles dá este tipo de herba, no canto doutras variedades coas que traballaron hai anos como Westerwold. “Renovamos moito menos as pradeiras e conseguimos forraxes de calidade”, indica o gandeiro. Precisamente para garantir a calidade dos silos, Luis emprega Aciensil S, un conservante específico para manter as condicións do frontal do silo.

A recría sempre fóra

Xunto ás vacas en produción, teñen arredor dunhas 10 vacas secas e outras 40 xovencas. A recría téñena nas antigas instalacións, situadas a uns 2 quilómetros, co que durante os 3 primeiros días aliméntanas con calostro pero logo pasan ó leite en po.

A recría está nunha parcela próxima ás antigas instalacións.

Cando as becerras acadan entre 110 e 115 quilos, arredor dos 90 días, destétanas e pasan a alimentalas a base de penso e palla ata os 9 meses. Neste tempo xa están todo o día fóra, nunha parcela colindante coa antiga granxa e que ten unha superficie dunhas 2 hectáreas, con zonas de pasto e arborado.

A xovencas comezan a inseminalas cando acadan os 400 quilos, arredor dos 14 meses, e dependendo da dispoñibilidade que teñan na granxa trasládanas xa para esas instalacións ou agardan ós días previos ó parto.

O porcino como garante

Á marxe da gandería de vacún de leite, Luis ten varias granxas de cebo de porcino, unha actividade que xa realizaban seus pais xunto coa gandería de vacún de leite, pero que nos últimos anos foi transformando. Antes as granxas estaban dedicadas á cría de nais e agora as tres están dispostas como cebadeiros cunhas 2.200 prazas.

Ademais da gandería de vacún, teñen 3 naves dedicadas ó cebo de porcos.

No último ano afrontou a renovación dunha das granxas de porcino, que agora conta con teitos de madeira, maior ventilación e entradas de luz, entre outras melloras, para proporcionar un maior confort ós animais. Nestas granxas un dos aspectos que coidan é a calidade da auga, para o que empregan unha solución de peróxido, que tamén lle proporciona Proquideza, e coa que garantir a desinfección da auga e evitar contratempos na cría dos animais.

“Para nós o porcino é fundamental, porque a granxa das vacas soa non dá”

“Para nós o porcino é fundamental, porque a granxa de vacas soa non dá. Tal e como está o prezo do leite e os custos de produción eu non creo que poida chegar a xubilarme coa granxa das vacas”, recrimina o gandeiro. Xunto cos baixos prezos do leite e as estratexias abusivas das industrias, Luis responsabiliza tamén á administración da situación de abandono que atravesa o agro galego. “Son moitas as trabas que che poñen as distintas administracións no canto de brindar apoio ás pequenas explotacións que son as que fixamos poboación e mantemos vivo o rural”, reivindica o gandeiro.

Son sostibles ambientalmente as granxas de vacún de leite galegas?

Na procura dunha produción con menor impacto ambiental, as ganderías de vacún de leite estanse a implicar en ser máis sostibles en aspectos como a pegada de auga e de carbono. Estas foron dúas das principais cuestións sobre as que se centrou un estudo realizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Os resultados doestudo, iniciado no 2018, foron presentados en Santiago de Compostela nunha xornada sobre sostibilidade, pegada hídrica e de carbono na produción láctea. No proxecto, que ten unha duración de 3 anos, estudáronse 96 ganderías dun tamaño variado que abrangue dende granxas con 13 a 520 animais e con sistemas de produción moi dispares. Trátase de ganderías da zona centro de Galicia, a comarca do Deza e a comarca do Xallas.
Produción do penso, emisións dos animais e cultivo de herba e millo, procesos críticos na pegada de carbono das granxas
No estudo analizáronse e cuantificáronse tanto os gases de efecto invernadoiro (pegada de carbono) como a pegada de auga, é dicir, o impacto derivado do consumo de auga. “A pegada de carbono e de auga son só dous indicadores que se consideraron, pero hai outros factores para avaliar o impacto ambiental que a produción gandeira de leite xera”, explica Mario Fernández, técnico do departamento de Enxeñaría Sustentable de Agaca. A recompilación de datos amosa que a pegada de auga, o consumo de agua medio na gandería, se sitúa nos 120 metros cúbicos por metro cúbico de leite producido. Mentres, a pegada de carbono media das granxas analizadas é de entre 1.660 e 440 quilogramos de CO2 equivalente por metro cúbico de leite. “A produción de penso, o cultivo de herba e de millo, así como as emisións directas son os procesos críticos de impacto ambiental na granxa”, apunta Antonio Cortés, enxeñeiro de ciencias ambientais do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, que participou no proxecto.
“Acadar a sostibilidade ambiental tamén adoita implicar un aforro económico”, Mario Fernández, Agaca
Dende Agaca, Fernández insistiu en que máis que facer unha comparativa entre granxas, “estes datos teñen que servir á propia gandería para reducir o impacto ambiental que ten para conseguir ser máis sostible, sen esquecer que esa sostibilidade ambiental tamén adoita implicar un aforro económico”.

Manter a produción e reducir o impacto ambiental

No marco deste proxecto, á par da recollida de datos, tamén levaron a cabo un asesoramento ás ganderías para tentar reducir a súa pegada de carbono. Así, este ano realizarán de novo unha recollida de datos nas ganderías participantes para, ademais, poder avaliar xa se algunhas das recomendacións e cambios que introduciron nas ganderías para conseguir reducir o seu impacto ambiental chegaron a dar resultados. “Con este proxecto procúrase que as granxas poidan manter a súa produción, pero consigan reducir os seus consumos e impacto”, especifica o enxeñeiro Antonio Cortés. Fronte ós datos recollidos, no proxecto estipúlanse unhas simulacións de acordo a criterios de sostibilidade. A comparativa entre estas granxas ‘virtuais’ cos parámetros recollidos nas ganderías tamén dá conta da marxe de mellora. Pode chegarse a unha redución do impacto ambiental dun 11%, mentres que a pegada de auga pode ser un 22% menor e o gasto en gasóleo podería reducirse nun 34%.
36 das granxas analizadas xa acadaron a eficiencia e só 2 se atopan nun valor por debaixo da metade do fixado para ser sostibles
Actualmente, 36 das granxas que participaron no estudo xa acadaron a eficiencia e só 2 das ganderías se atopan nun valor por debaixo da metade do estipulado para ser sostibles ambientalmente. O estudo tamén amosa que ás granxas de maior tamaño lles pode resultar máis doado acadar esa sostibilidade en materia ambiental polo volume de litros de leite que producen, porén como apunta o investigador, cómpre ter en conta tamén outros factores á hora de avaliar os modelos de produción. “Unha gandería pequena e familiar pode ser máis contaminante a nivel de pegada de carbono, pero pola contra ser eficaz noutros aspectos que agora non somos capaces de medir, aínda que poden ser moi importantes para o agro, como a fixación de poboación, a loita contra os incendios forestais ou a preservación da biodiversidade”, concreta Cortés.
"Hai que ter en conta outros aspectos que aínda non somos capaces de medir, como o papel das granxas na fixación de poboación, na loita contra incendios ou na conservación da biodiversidade"

As emisións por sectores

Nesta mesma liña, Juan Castro, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), insistiu en que a eficiencia ambiental debería enfocarse para cada un dos sistemas produtivos gandeiros. “Habería que buscar a estratexia máis eficiente para cada un deles posto que afrontan realidades diferentes”, concreta. O investigador tamén incidiu no paradoxo de que, sendo o porcino o sector que máis emisións de amoniaco efectúa en España (44% en 2016), é tamén un dos que menor redución (9%) debe acadar no 2040 para cumprir o Programa nacional de control da contaminación atmosférica. O vacún de leite, pola súa banda, logo de ter en conta a aplicación de xurro como fertilizante, emite un 9,9%; segundo o Programa e debe reducir emisións nun 45%.
"O xurro mesmo chegou a considerarse un residuo cando é un subproduto dun gran valor para a economía circular das ganderías", Juan Castro, investigador do Ciam
Castro recordou o valor do xurro dentro das ganderías, que “mesmo chegou a considerarse un residuo cando é un subproduto dun gran valor para a economía circular. O abono orgánico é máis beneficioso para o solo a longo prazo, pois nutre máis do que o fan os fertilizantes químicos”, concreta Castro.

O Pacto Verde e a Economía Circular

Na xornada tamén se abordou o chamado Pacto Verde, aprobado hai 6 meses en Europa, para lograr a chamada neutralidade climática, é dicir, que o balance de emisións de cara a 2050 sexa de cero. Gumersindo Feijóo, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, apuntou que “o Pacto Europeo Verde é unha grande oportunidade para o sector galego de produción primaria, tanto agrario coma pesqueiro, porque estamos ben colocados para poñer en valor os nosos alimentos no mercado, de acordo cos obxectivos internacionais de pegada de carbono e de pegada hídrica".
"Galicia está preparada para poñer os seus alimentos no mercado de acordo cos obxectivos internacionais de pegada de carbono e hídrica"
Tamén no contexto das esixencias marcadas por Europa, abordouse a Economía Circular e a estratexia que a Xunta de Galicia aprobou a finais do ano pasado. Samuel Prieto, técnico da Xunta, detallou algúns dos ámbitos de incidencia nos que a administración autonómica conta con 60 medidas, que abranguen tamén a produción de alimentos. A xornada rematou cunha mesa redonda na que participou o público, conformado en grande parte por profesionais do sector lácteo. Higinio Mougán, director xerente de Agaca, incidiu en que malia que o cambio climático non é producido polo agro, este vai “adaptar as prácticas produtivas e non ser un problema, senón unha parte clave da solución”.
"O agro vai adaptar as súas prácticas produtivas. Non será un problema, senón unha parte da solución" (Higinio Mougán, Agaca)
Mougán insistiu en que “ás cooperativas gustaríanos dar unha resposta de sector: dende a economía circular e aplicando as prácticas atenuantes de emisións de gases que pasarán a formar parte dos custos de produción a compensar. Debemos procurar un enfoque coherente que integre a diversidade de modelos produtivos de Galicia”. Mougán tamén incidiu en que cumprir os obxectivos ambientais requiridos pola PAC, o Pacto Verde e diversos acordos a nivel nacional supón incrementos nos custos de produción. Entre as liñas de traballo a acometer, mencionou a enerxía renovable e a eficiencia enerxética, a protección dos sumidoiros forestais, a fertilización sustentable, o uso de recursos de proximidade, a protección da biodiversidade e a polinización.

Claves para optimizar os sistemas de rego programado

Os sistemas de rego automatizados e programados son unha das ferramentas indispensable para moitos cultivos ou para a instalación de xardíns. Representan unha inversión importante para produtores e instaladores, polo que é necesario que se tenda a optimizar ó máximo os gastos nestas instalacións. Porén, como sinalan dende o sector, un aforro inicial pode tornarse en máis gastos derivados dun mal funcionamento, que se traduce tamén en perdas de produción. Contar cunha instalación optimizada reducirá os gastos por perdas de auga e a baixada de produción que pode derivarse dunha mala rega.
“É preferible unha inversión inicial maior e que se reduzan os problemas no rego”, indica Andrés Graña, enxeñeiro técnico agrícola
“Moitas veces non se ten en conta que é preferible unha inversión inicial maior pero que logo se reduzan os problemas no rego. Isto non só afecta ós regos dos cultivos, hai concellos que non se preocupan de enmendar as deficiencias dunha canalización deficitaria e hai casos en Galicia que están supoñendo enormes perdas de auga”, apunta o enxeñeiro técnico agrícola Andrés Graña, que organizou recentemente un taller formativo sobre os materiais e instalacións de sistemas de rego no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (A Coruña), onde imparte clases.

Deseño, calidade e montaxe profesional

Para unha optimización dos sistemas de rego, Graña apunta que é preciso ter en conta tres aspectos básicos que determinarán a eficacia da instalación: -Bo deseño. Contar cun plantexamento axeitado pode reducir en boa medida tanto os gastos de auga como da instalación. -Materiais de calidade. Aínda que inicialmente a escolla duns materiais de calidade poida incrementar o prezo, a longo prazo a inversión pode saír máis rendible.
Os sistemas máis empregados están fabricados por diferentes tipos de plásticos e apenas existen alternativas máis sostibles
Polo momento, os sistemas máis empregados están fabricados por diferentes tipos de plásticos, xa que apenas existen alternativas máis sostibles que poidan empregarse para estes sistemas. “Aínda que alguén propoña facer encanamentos de materiais como o bambú, hai moitas limitacións como a durabilidade ou as pezas de conexión intermedias para empregalas por agora”, recoñece o enxeñeiro. -Montaxe profesional. “Á hora da montaxe destes sistemas, contar con persoal especializado neste campo é moi importante para conseguir bos resultados”, concreta Graña. De novo, unha das principais vantaxes é que se conseguen reducir as perdas de auga se se encargan deste labor profesionais na materia. Sistema para instalacións hidráulicas con presión, fabricado en 2 capas de polietileno PE 100 RC, resistente ao crack, libre de halóxenos, e 100% reciclable.

Novas tubaxes

Un dos elementos fundamentais nos sistemas de rego automatizados seguen a ser as tubaxes. Aínda que este é un campo no que non se produciron grandes transformacións nos últimos anos, unha das maiores innovacións afectou ó deseño de tubaxes, onde cada vez hai un abano máis amplo de posibilidades. Na actualidade atópanse no mercado tubaxes de deseño, tubos multicapa cunha gran resistencia a calquera tipo de ácidos, líquidos corrosivos ou con elementos abrasivos. “Cada vez atopamos máis tubaxes resistentes a augas máis ácidas ou alcalinas, que eran un dos maiores problemas para estes sistemas”, explica. A diversidade de tubaxes e a súa resistencia permiten un aforro dos custos na instalación. Así, distintas marcas contan con tubos que permiten suprimir as camas de area que adoitan empregarse para asentar os tubos e como mecanismo de protección para evitar roturas e perforacións. Nas tubaxes é habitual unha clasificación básica entre os tubos de uso alimentario, ás que se lle asociaba unha maior calidade, e os de uso agrícola, calificativo que recibían moitos tipos de tubaxes, mesmo algúns que non cumprían as normas de calidade.
A resistencia dalgúns tubos posibilita mesmo suprimir as camas de area que se usaban a modo de protección para evitar roturas
Cada vez máis, a tendencia das casas comerciais é a recomendar o uso de tubos de mellor calidade para cumprir cos estándares, aínda que como recoñece o enxeñeiro, os tubos de calidade de uso alimentario adoitan valer case o dobre dos agrícolas, pero a longo prazo saen moito máis baratos, xa que cumpren os estándares de calidade e garantizan a súa durabilidade.

Novos avances

Graña apunta que os sistemas de montaxe foi unha das áreas nas que máis se mellorou nos últimos anos, contando con pezas que axilizan os procesos. “Agora temos pezas para enlazar os tubos de polietileno sen necesidade de desmontalos e iso fai que a montaxe sexa moito máis rápida”, concreta o enxeñeiro. Enlace non desmontable. As pezas de enlace do rego habituais constan de 3 partes interiores (xunta de goma, xunta de plástico ríxida e unha peza troncocónica) que ata hai pouco facían que se tivese que desmontar para ensamblalas. Os sistemas de montaxe dispoñibles actualmente permiten que non sexa preciso abrir a peza de enlace e só haxa que afrouxalas, encaixar o tubo a presión e rematar cerrando a rosca da unión. Os chamados colariños con sistema de engache con clic na abrazadeira están a facilitar moito a montaxe dos sistemas de rego, xa que posibilitan a colocación de difusores, regadores e aspersores dun xeito máis cómodo, rápido e sinxelo, ó non precisarse xa o uso do trade.

Regadores mellorados

Hai melloras nos regadores que están a permitir optimizar os sistemas de rego, reducir sectores e automatismos e, polo tanto, conseguir un aforro considerable. Trátase das boquillas de regadores que permiten colocar nun mesmo sistema de rego aspersores e difusores. Ata hai pouco evitábase que no mesmo sector coincidiran estes dous elementos, posto que empregaban diferentes presións e caudais de auga, que o fai incompatible.
Cos novos sistemas pode colocarse nun mesmo sector tanto aspersores como difusores, polo que se reducen custos
“Con estas boquillas especiais reduces os sectores de rego, o número de electroválvulas. Isto permite instalar programadores de menos estacións o que revirte tanto na economía da montaxe como na eficiencia do rego porque se consegue axustar cada regador ao alcance que se precisa”, apunta o enxeñeiro. Outra das melloras que propoñen as casas comerciais refírense ás tubaxes de goteo, nas que empregan placas de cobre que ao reaccionar coa auga do solo impiden o desenvolvemento das raíces, evitando que os goteiros se atasquen. Esto permite facer a instalación de rega con tubaxes de goteo enterradas, con maior durabilidade a longo prazo, o que posibilita que se usen para facer regas en xardíns onde as cubertas vexetais teñen maior permanencia que os cultivos frecuentes de horta. Estes sistemas de rega enterrada son interesantes na xardinería pública porque se evita mollar as zonas de tránsito tanto peonil como rodado e eliminan as perdas de auga por evaporación existentes nos sistemas de rega con difusores e aspersores. Ademais, á hora de optimizar o rego destacan os sistemas de filtración nos cabezais de rega, sobre todo cando se utilizan sistemas que manexan caudais reducidos e imprescindibles cando falamos de fertirrigación.

Axudas para comunidades de augas, asociacións veciñais e de mulleres rurais

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas dirixidas a financiar obras ou a adquisición de equipamentos por parte de comunidades de augas e asociacións de veciños ou de mulleres rurais. As obras subvencionables atinxen ós inmobles de propiedade das entidades ou sobre os que teñan cedido o dereito de uso, así como ás traídas de augas veciñais.

Entran tamén entre os gastos subvencionables os equipamentos precisos para o funcionamento da entidade, como mobiliario e equipos informáticos, audiovisuais ou de oficina. Pola contra, non se subvencionan gastos correntes coma alugueiros, facturas de luz, auga e teléfono. Tampouco elementos decorativos.

A partida total destinada ás axudas é de 2,5 millóns de euros. A axuda poderá acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.

“Logramos aumentar a produción de kiwi un 30% e ser máis sostibles”

Jaime Piñeiro tomou hai 6 anos o relevo de seu pai na xestión das dúas plantacións de kiwis que a familia ten no sur da provincia de Pontevedra dende hai máis de 30 anos, coñecidas como San José de la Levada. Foron dos primeiros en decidirse por plantar kiwi, cando este froito resultaba exótico e rendible. “Cando meu pai plantou a primeira finca, cada kiwi pagábase a 100 pesetas”, apunta Jaime. Hoxe o cultivo popularizouse en Galicia e fortaleceuse de man da agrupación de produtores Kiwi Atlántico, á que pertencen e da que tamén foron socios fundadores. “O kiwi dáse moi ben en Galicia, posto que temos un clima similar ó de zonas como Nova Zelanda, que son dos principais produtores, pero as nosas producións aínda están lonxe das que se acadan nesas zonas”, concreta o produtor.
Na parcela de Tomiño logran obter 40 toneladas por hectárea, logo de incrementar a produción nun 30% tralos cambios
Así é que nas principais zonas do mundo produtoras de kiwi acádanse entre 35 e 65 toneladas de froita por hectárea, mentres que en Galicia o habitual é que estean arredor dunhas 30 toneladas. “Se eles o están conseguindo, nós tamén o temos que intentar”, apunta Jaime, que dende que se encarga da xestión das fincas familiares busca non só lograr este incremento, senón que o seu cultivo sexa máis sostible co medio ambiente. Xa está obtendo os primeiros resultados na finca situada en Tomiño, onde realizou cambios nos últimos anos co gaio de lograr ambos obxectivos. De feito, na actualidade acada uns rendementos de 40 toneladas por hectárea nunha parcela de 10 hectáreas, 9 delas cultivadas. “Cos cambios que fomos facendo conseguimos incrementar a produción nun 30% nos últimos anos”, indica Jaime.

No camiño dunha produción máis sostible

Esta parcela de Tomiño, situada a escasos metros do río Miño, do que se abastece de auga, plantárona no 1986. É unha finca obtida mediante un convenio coa comunidade de montes desta zona. Daquelas xa plantaran outra parcela, dous anos antes, en Mosende, no Porriño, nos arredores dunha propiedade coroada por un pazo. Naquela parcela optaron por aproveitar os bancais dos que xa dispuña para plantar unhas 5 hectáreas de kiwi. Esta disposición en socalcos motivou que os cambios se probaran na finca de Tomiño e que agora estean pendientes de implementarse en Mosende.
Nos últimos anos mudaron o sistema de suxeición e atado das plantas e deixaron de empregar herbicidas
En ambas parcelas plantouse a variedade Hayward, posto que foi a primeira que comezou a distribuírse para o seu cultivo. Hoxe, tanto de variedades verdes como amarelas, diferénciase un amplo abano de posibilidades, pero prefiren seguir apostando por esta, ó ir coñecendo cada vez mellor o funcionamento da planta. A finca de Tomiño conta cunhas 5.850 plantas distribuídas nun marco de plantación de 4 x 4,5 metros e cada 5 femias disponse, en diagonal, un macho que permita a fecundación das plantas. Cada unha das plantas estaba suxeita a un poste de maneira individual, no sistema T- bar, o que facía que se mantivese ergueito o tronco principal e colgasen o resto das ramas ata o chan. Vista da plantación co novo sistema de parra para a suxeición das plantas. Un dos principais cambios introducidos na plantación por Jaime foi o cambio neste sistema de suxeición da planta. Logo dun proceso de experimentación nunha pequena parcela, decidiu ir colocando as plantas nun emparrado, de maneira que as ramas non toquen o chan e vaian colocadas pola parra. “Conseguimos que debaixo se xere un microclima, a planta estea máis ventilada e se incremente a produción”, explica Jaime. Este cambio levou parello tamén outras modificacións como o sistema de atado, que supuña agora máis carga de traballo e resultaba máis laborioso co sistema tradicional que levaban empregando dende o comezo, a base de cordelas de plástico, que ademais tiña un importante impacto ambiental na finca. “Hai restos deses cordeis que teñen máis de 20 anos e seguen aparecendo, xa que non se degradan. Non queriamos seguir con este problema”, comenta Jaime. Adoitan traer as gomas para o atado directamente dende Portugal. A solución chegou ó empregar os restos das gomas téxtiles dos calcetíns para realizar estes atados. “Ademais de ser biodegradable, este tipo de gomas permítenos ser máis áxiles no atado e eficaces”, concreta o produtor. Parello a estes cambios, Jaime tamén deixou de empregar herbicidas para eliminar a herba das cubertas. O cambio de suxeición das plantas permite acceder cun tractor debaixo da parra e proceder ó desbroce da herba. Á par de aforrar uns 300 euros en herbicidas e facer a plantación máis sostible, tamén conseguiu un aforro na auga que consume, posto que o solo ten así unha maior capacidade de retención. Pasaron de empregar uns 100 litros por planta no mes de agosto a utilizar entre 40 e 50 litros. Para a rega da plantación de Tomiño dispoñen dun sistema automatizado que realiza o aporte de auga polas noites por microaspersión en cada planta. Contan cunha balsa cunha capacidade de 16.000 metros cúbicos que lle permite regar a plantación durante unha semana. Xunto á balsa, contan con varias colmeas de abellas que favorecen a polinización das plantas de kiwi, aínda que tamén están a sufrir o asedio das vespas velutinas. Ademais aproveitan o sistema de rega para aportar os abonos químicos que vaia precisando a planta. Aínda que nalgún tempo tamén empregaron xurros diluídos na auga, agora optan por distintos aportes químicos en función das análises, da época do ano e o estado das plantas. Dilúenos na auga ou aplícanos de xeito foliar.

O ciclo de produción do kiwi

O kiwi ten un ciclo de produción anual que leva parello unha importante carga de traballo non só na recollida, que comeza no mes de novembro, senón tamén na poda, que se realiza a finais de ano, así como no atado. “É unha planta con moita rama polo que as labores de poda implican tamén moito traballo e esténdense durante 3 ou 4 meses”, concreta o responsable. Estos restos de poda tamén os trituran, de maneira que serven de aporte para os solos. “Temos uns 10 ou 15 centímetros de terra moi negra, cun alto aporte de materia vexetal”, comenta. Na finca de Tomiño contan con dous traballadores fixos durante todo o ano. Precisamente durante a poda das plantas toman precaucións para reducir os riscos fitosanitarios e empregan tanto auga osixenada para a desinfección das ferramentas como para a cicatrización dos cortes co gaio de evitar contaminacións por bacterias como a PSA. Esta afección céntrase só na planta e non afecta ó froito e, aínda que non existe tratamento para ela, a planta pode convivir con ela durante tempo. De feito, conta con arredor dunhas 400 plantas afectadas por PSA. Tamén empregan sulfato de cobre para tratamentos puntuais contra botrite. A floración do kiwi prodúcese no mes de marzo e abril e durante o verán proceden a realizar podas en verde para manter controlada a planta. “É unha planta que rexenera moi ben e se non fas moita poda medra demasiado”, explica Jaime. De feito, para os labores de poda e atado das plantacións, adoitan encargarse entre 8 ou 10 persoas, que se suman ás 2 persoas fixas que ten contratadas todo o ano. Nestas fincas, os kiwis acadan un peso medio de 88 gramos. A maior carga de traballo desenvólvese coa recollida do froito cando o plantel se incrementa ata contar con 20 traballadores durante 1 mes. Neste tempo levan a cabo tanto a recolleita da parcela de Tomiño como a de Mosende. A recolleita realízase cando as plantas acadan o grao de azucre óptimo, que se sitúa en 6,5 graos. Isto tradúcese en froitos que acadan un peso superior a 65 gramos, peso mínimo para a súa comercialización. Na plantación, a media sitúase en 88 gramos e chegan a producirse 60 quilos por planta. O proceso de recollida realízano con petos deseñados a modo de mochila para evitar, na medida do posible, que o froito se golpee. Deposítanos en grandes caixóns cunha capacidade de 350 quilos, que logo se encarga de procesar a planta de Kiwi Atlántico.

Kiwi Atlántico

Jaime recoñece o papel que ten na comercialización da súa produción Kiwi Atlántico, comercial integrada por varios produtores galegos, e na que a súa familia participou dende o comezo. Hoxe é o maior distribuidor de kiwis en España, de xeito que máis da metade do kiwi que se produce no estado é comercializado por Kiwi Atlántico.
Kiwi Atlántico produce en torno a 9.000 toneladas de froito e o 95% da produción comercialízase en España
Aínda que adoita haber variacións dependendo da campaña, Kiwi Atlántico produce en torno a 9.000 toneladas de froito e o 95% da produción comercialízase xa no mercado estatal. Mentres, as exportacións localízanse en países do centro de Europa e Latinoamérica. Así, durante a campaña do hemisferio norte, cuxa recolección comeza no mes de novembro, a produción con orixe en Galicia supón arredor do 60% do total. A eles súmase froita procedente das plantacións ubicadas no norte de Portugal, Asturias, País Vasco e Cataluña. Mentres, nos meses de verán, a través de Kiwi Atlántico tamén se comercializa kiwi producido en plantacións de Chile.