Archives

Festa do Porco Celta en Friol o sábado 4 de maio

Este luns tivo lugar a presentación oficial na casa consistorial da sexta edición da festa, que será o sábado 4 de maio. A presentación estivo presidida polo Alcalde, José A. Santos, acompañado de membros do seu Equipo de Goberno, do director técnico de Asoporcel de ASOPORCEL (Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta) , e de varios criadores do municipio friolés, e parte da organización da citada festa. Os organizadores son Antonio Díaz, Manolito Roimil, Óscar Santos, Javier Serén e MVMC Carballo. Colaboran Tres Fuciños, Restaurante Roimil e MVMC Carballo. Patrocinan Concello de Friol e ASOPORCEL. Esta nova edición da Festa do Porco Celta levarase a cabo o primeiro sábado de maio, no pavillón municipal de Friol. Haberá campionato de tute que dará comezo ás 16:00 h. Ás 20:00 h realizarase unha exposición e venda de produtos de Porco Celta. Ás 20:30 h levarase a cabo unha demostración de corte de xamón realizada por cortador profesional. Haberá tamén un picoteo de benvida ás 21:30 h. Pasando xa á cea ás 22:00 h, con caldo de ósos e cocido de Porco Celta seguindo con baile amenizado por música en directo. Para poder participar no campionato de tute, que estará reservado a persoas que participen na cea, haberá que inscribirse con antelación e custará 30€ por parella. O prezo da cea é de 25€ por persoa, tendo que recoller os tickets cos membros da organización, con data límite o domingo 28 de abril. Reservarase mesa para grupos numerosos que a soliciten.

‘Da Escola á Granxa’ mostra aos máis novos a cría do porco celta

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) considera importante achegar aos máis cativos da familia á realidade do rural galego cos obxectivos de desmontar estereotipos en canto aos labores agrogandeiros e de facelos coñecedores do funcionamento do sector primario en xeral e dos diferentes sistemas de produción respectuosos co medio ambiente en particular. “Que a mocidade, como xeración consumidora do futuro, coñeza de onde proceden os alimentos que consumen e, por suposto, que aprendan a valorar os produtos galegos de calidade diferenciada, é para nós un eixe de traballo imprescindible”, aseguran os voceiros de Asoporcel, ao tempo que valoran moi positivamente a receptividade dos cativos e as cativas perante este tipo de actividades. En concreto, no que se refire a esta liña de traballo, a Asociación ofrece charlas e exposicións en distintos centros educativos e, entre outras iniciativas, formou parte por segundo ano consecutivo do proxecto “Da Escola á Granxa”, o programa de educación ofertado dende a área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través das Anpas para dar visibilidade a proxectos de emprendemento no rural. Na primeira convocatoria participaron as ganderías lucenses de Porco Celta: Finca A Rega (Alfoz) o MVMC de Carballo (Friol), Porco Celta de Couboeira (Mondoñedo) e Casa da Fonte (Pantón). Esta última repetiu este ano, e a ela sumáronse Casa Labradela (Xove), Fraga do Coto (Vilalba) e a Fundación Terreo (Ribeira de Piquín). Máis de 5.000 nenas e nenos de toda a provincia acudiron a algunha das 106 visitas organizadas, nas cales puideron coñecer de preto o potencial e o nivel de innovación do sector produtor lucense. Delas, dende a área Rural da Deputación de Lugo, organizáronse máis de 30 visitas a granxas de gando porcino autóctono na concorrencia das 2 convocatorias anuais. Adaptando o contido á idade dos asistentes, afondaron en aspectos como o valor do labor gandeiro, os motivos para fixar poboación no rural, as bondades da gandería extensiva para recuperar terras abandonadas e para previr os lumes no rural, o benestar animal e a calidade dos produtos que, como é o caso dos derivados do Porco Celta, son elaborados e comercializados por produtores locais que xeran valor engadido na contorna e axudan á fixación de poboación en áreas do rural interior e de montaña.

“Queremos sacar unha carne de máxima calidade só cos alimentos que producimos na explotación”

Dende os inicios de Asoporcel, o traballo pola recuperación desta raza autóctona foi constante. No ano 1999, o Porco Celta, cun censo moi reducido e espallado por toda a xeografía galega, estaba en serio perigo de extinción. Os traballos de recuperación nestas dúas décadas sitúannos a día de hoxe cunha cabana porcina de máis de 5200 animais e cun crecente número de explotacións, sendo a provincia de Lugo, e a Terra Chá principalmente, a que conta cun maior censo. Asoporcel iniciábase como unha entidade xestora do libro xenealóxico da raza, pasando a ofrecer a día de hoxe un servizo integral aos gandeiros. Actualmente, a xestión de axudas, plans de mellora e incorporación ou cursos de benestar pódense realizar a través da asociación. No último ano, comercializáronse baixo o selo de Porco Celta máis de 200 toneladas, sendo o outono e o inverno os meses por excelencia. Un volume que se consume practicamente en Galicia e que a medida que o aumento da produción o permita se poden ver as posibilidades de explorar outros mercados, nacionais e internacionais. Iván Rodríguez, veterinario e director técnico de Asoporcel explica que “froito da boa aceptación que está a ter o produto, pola súa calidade e tamén polo seu modo de crianza, é un sector máis atractivo para os novos gandeiros. Nos últimos anos tramitamos varias incorporacións de explotacións con maior tamaño, algunha con ata 300 animais”. Aínda así, a maior parte das granxas son de carácter familiar, cun censo reducido e nas que o traballo na explotación é un complemento de outra actividade principal.

“Seleccionamos femias que teñan arredor de 8 leitóns por parto para que os críen ben”

Unha destas explotacións, espalladas pola xeografía galega, é a que atenden Víctor Piñeiro e Rubén Gómez no concello de Cospeito. “Temos isto porque é algo que nos gusta e ao mesmo tempo sacamos un complemento económico. Aínda que levamos pouco tempo e parte dos beneficios os fomos reinvestindo na explotación podemos sacar unha renda complementaria coa granxa”, aseguran. Esta gandería de porco celta divídese en dous núcleos. Na casa de Victor, aproveitáronse unhas instalacións de vacún de leite para reformalas e facer 5 boxes individuais máis unha parideira onde albergar as porcas de cría. “O límite para non pasar a granxa industrial son 5 femias, por iso non pensamos en construír unha nave maior. Ao estar limitados neste aspecto, intentamos ter as mínimas perdas na época de partos xa que do traballo dunhas semanas depende o resto do ano. Ao mesmo tempo, seleccionamos femias que teñan arredor de 8 leitóns por parto para que os críen ben. En canto a xenética tamén inseminamos con aqueles porcos dos que nos parece que van saír mellores canais”, explica Victor acerca desta fase da crianza, na que prestan especial atención. Unha vez destetados, os leitóns pasan a unha finca ubicada preto da casa de Rubén. A partir dese momento pasarán preto dun ano, en réxime extensivo, ata ser comercializados. Ao mesmo que na explotación de porcas, no caso de cebo, o límite para non pasar a industrial está en 25 animais, polo que ademais dos porcos cebados tamén comercializan leitóns unha vez son destetados. “Nesta etapa centrámonos en darlles de comer cada día e revisar que non haxa problemas, é unha fase que nos dá menos traballo, ou que polo menos é un traballo máis flexible. Entran nestas parcelas unha vez os destetamos e empezan a comer ben e témolos ata que chegan a un peso entre 100 e 120 quilos de peso”.

“Todo o que comen é producido na propia explotación”

Un punto común á maioría de granxas de Porco Celta, favorecido tamén por non ser explotacións industriais, é a alimentación dos animais. “Queremos que o produto que finalmente comercializamos sexa de máxima calidade e criado de xeito natural. Para isto a alimentación é un punto primordial. Todo o que comen é producido na propia explotación”, comenta Víctor a pé de finca. Deste xeito a ración diaria está formada por 2 quilos de centeo moído, medio quilo de altramuz hidratado, remolacha, cabazas e outros produtos da horta segundo a dispoñibilidade, pasto e as landras que hai nos soutos da explotación. En total, para a alimentación dos porcos dispoñen dunha superficie de arredor de 6 hectáreas. Unha terceira parte do terreo está destinado á produción de altramuz, centeo, cabazas ou remolacha e o restante son soutos e praderías polas que van rotando os porcos durante a súa crianza. En canto á parte agrícola da explotación, Víctor comenta que “comezamos co altramuz asesorados polo enxeñeiro Fernando Almeida e estamos moi contentos co cultivo, tanto polo seu rendemento como pola calidade. É un cultivo que por esta zona xa se utilizara na época da colonización para mellorar as terras pero actualmente non se ve. Sementámolo en rotación co centeo, que tamén nos está funcionando ben en canto a rendementos. Co cultivo do altramuz queremos fixar nitróxeno para o cereal e así ser menos dependentes de abonos químicos e ter unha produción máis natural e sustentable”.

“Co centeo e o altramuz medran ben e ao mesmo tempo non engraxan excesivamente”

Víctor recorda que a alimentación, a crianza en extensivo e as propias características da raza dan como resultado un produto de máxima calidade. “A pesar disto tamén hai que ter en conta que o porco celta ten unhas cualidades especiais e que a alimentación inflúe directamente na calidade das canais. É unha raza xeneticamente adaptada a unha crianza en extensivo e a base de pastos, verduras e froitos polo que tende a engraxar bastante se empregamos certos cereais como o millo. Intentamos imitar do xeito máis fiel este tipo de alimentación complementándoa cos cereais que producimos na explotación. Co centeo e o altramuz medran ben e ao mesmo tempo non engraxan excesivamente”. Víctor e Rubén consideran que nos inicios “para ser rendibles temos que ser autosuficientes, empregando a base territorial e a maquinaria da que xa dispoñíamos. É unha explotación de pequeno tamaño e tardaríamos moito en recuperar inversións. A pesar disto, de cara a un futuro, se é un produto que vemos que ten boa saída como ata agora, non descartamos facernos con fincas ou material para poder ampliar o número de porcos”. O punto final da crianza do porco celta é a comercialización. Nesta explotación de Cospeito buscan a venta directa como a principal saída do seu produto. “Polo meu traballo de comercial teño contactos por toda Galicia e a quen vexo interesado convídoo a que nos veña visitar. Quero que os clientes vexan eles mesmos o xeito no que criamos os porcos. Tamén, a través da asociación, contactamos con todas as persoas que mostran interese no produto a pesares de que non todas se converten en clientes. Para darnos a coñecer, tamén nos gusta estar presente en feiras e actos de degustación”, explica. Campo de altramuz

Asoporcel reune a máis de 120 persoas nunha xornada técnica en Lugo

Esta mañá, o salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolleu V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia, organizada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel). Nesta edición, presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz, contouse coa presenza de máis de 120 asistentes, entre gandeiros membros da asociación e outras persoas interesadas nesta raza porcina autóctona galega. Na inauguración interviñeron José Barreira (presidente de Asoporcel), Miguel Fernández (área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural do Concello de Lugo), Francisco Cajoto (deputado da área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo) e Olga Iglesias (xefa territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo). O director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, José Balseiros, estivo presente na clausura. Durante as súas intervencións, os distintos representantes institucionais ratificaron o seu compromiso coa promoción desta raza e aproveitaron a ocasión para poñer en valor o labor de Asoporcel nos seus 25 anos de historia.

Economía das explotacións e promoción da raza

Pep Font (socio fundador de SIP Consultor) e de Senén Barral (responsable de comedores na Área de Innovación de Inditex) foron os relatores protagonistas da primeira metade da mañá. Falaron do cálculo do rendemento económico das granxas e da restauración sostible para colectividades como vía para o apoio ás razas autóctonas, respectivamente. A economía das explotacións foi eixe da exposición que ofreceu Font, quen presentou de forma profesional e práctica as formas para coñecer a marxe económica das ganderías, poñendo o foco en aspectos como a medición da produción, dos gastos e dos consumos co obxectivo de saber canto custa producir. Pola súa banda, Barral afondou en como están a traballar con produtos próximos de calidade nos comedores de Inditex. A área de Innovación á que pertence Barral xestiona catorce comedores de Inditex no mundo, situados maioritariamente en España. Como referentes mundiais en restauración sustentable, neles destaca a presenza e o impulso á recuperación de especies en perigo de extinción e de razas autóctonas, como o Porco Celta.

O futuro das razas porcina autóctonas de España

Na segunda parte da xornada tivo lugar, como novidade, unha mesa redonda centrada no presente e o futuro das razas porcinas autóctonas españolas. Moderada pola xornalista de La Voz de Galicia María Cedrón, interviñeron Moisés Noval, da Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta (AGCA); Pere Antoni Company, da Associació de Ramaders de Porc Negre Mallorquí; Agustín Fernández, dos Criadores Asociados de Chato Murciano (Cachamur); Fidel Pérez, da Asociación de Criadores de Cochino Negro Canario, e M.ª Cruz Castro, de Asoporcel. Neste primeiro encontro entre voceiros de cinco das principais asociacións porcinas do país, abordáronse aspectos como a situación actual da recuperación de cada raza, as súas características morfolóxicas e de manexo, os produtos derivados que se están obtendo, os distintos sistemas de comercialización adoptados e as actividades que están levando a cabo dende as asociacións para a conservación, o fomento e a mellora destas razas autóctonas.

Programa da V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) ofrecerá o sábado 25 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a súa V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia. Para a celebración do quinto aniversario da organización destas sesións formativas sobre a raza Porco Celta, que volverá presentar o xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz, Asoporcel ofrecerá dúas charlas técnicas e unha mesa redonda. Na primeira intervención, o socio fundador de SIP Consultors Pep Font afondará nas ferramentas para o cálculo do rendemento económico das granxas de porcino. Na segunda conferencia, o responsable de comedores na Área de Innovación de Inditex Senén Barral ofrecerá unha charla centrada na restauración sostible para colectividades como vía para o apoio ás razas autóctonas. Así mesmo, a mesa redonda, que tratará o futuro das razas porcinas españolas en perigo de extinción e estará moderada pola xornalista de La Voz de Galicia María Cedrón, contará coa participación de voceiros de cinco das principais asociacións de razas porcinas minoritarias de España. Ao remate das sesións, haberá no mesmo Pazo de Feiras e Congresos un xantar de traballo ao que están convidados todos os asistentes. A asistencia é de balde, pero é necesario realizar inscrición previa. As persoas interesadas en asistir pódense anotar chamando ao 982 226 252 antes do 22 de novembro ás 14:00 horas.

Inaugurada en Lugo a exposición ‘Crónica da pegada do porco celta en Galiza’

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, inauguraron no Mercado Municipal de Lugo a exposición 'Crónica da pegada do porco celta en Galiza', organizada pola ASOPORCEL en colaboración coa vicepresidencia da Deputación. Cristina López afirmou que “con esta iniciativa seguimos a potenciar o atractivo da Praza de Abastos e do Mercado Municipal”, e agradeceu á ASOPORCEL que escolleran esta ubicación para a súa mostra itinerante. A través desta mostra trátase de achegar ao público visitante e, en definitiva, aos consumidores, o labor desenvolvido polos gandeiros e produtores a prol da conservación e posta en valor desta raza porcina, ademais de informar das características e propiedades das súas viandas, chega ao Mercado Municipal do Concello de Lugo, despois de pasar polas instalacións da Biblioteca Intercentros e da Facultade de Veterinaria do Campus Lugo e na Feira ExpoLugo que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo os días 7 e 8 de Outubro. A mostra, que permanecerá accesible para calquera persoa durante o horario de apertura do Mercado Municipal, complétase cunha pequena galería expositiva na que se amosa material gráfico e documental procedente do Arquivo persoal de Juan Rof Codina, que está depositado na citada biblioteca da sede universitaria luguesa. A apertura desta mostra monográfica arredor da raza porcina celta e da súa evolución durante o último século espertou interese entre os membros dos postos do mercado e da praza de abastos, así como dos usauarios habituais das mesmas. A exposición está estruturada en diversos paneis informativos, nos que se conxugan textos e imaxes representativas da época na que o veterinario Juan Rof Codina (1874-1967) fixo a primeira caracterización do porco celta, tal e como se coñece o manual ‘El cerdo céltico y sus derivados españoles’, publicado en 1947. Esta obra, cuxo orixinal tamén permanece exposto nas instalacións da Biblioteca Intercentros, recolle por vez primeira a identificación das distintas variantes da raza de porco celta, segundo a área xeográfica e a configuración do terreo no que se atopan. Deste xeito, Asorpocel achega a través da mostra ‘Crónica da pegada do porco celta en Galicia’ unha ‘viaxe ilustrada’ sobre as distintas peripecias que acompañaron á raza porcina celta, que pasou de ser a raza dominante en Galicia a comezos do pasado século a pouco menos que desaparecer algunhas décadas despois por mor da incorporación doutras razas que ofrecían un maior rendemento e un crecemento máis rápido. Esta etapa de esquecemento comezou a remontar na década dos anos 80, cando a raza porcina celta estaba en serio perigo de extinción, aínda que o inicio da súa recuperación non se produciría ata dúas décadas despois, cando en 1999 se puxeron en marcha os medios técnicos e infraestruturas apropiadas para a súa recuperación e para rescatar o seu patrimonio xenético. Estas accións propiciaron o rexurdimento do Porco Celta, que hoxe, grazas ao empeño dos seus criadores e de Asoporcel, ve garantida a continuidade da raza e súa crecente valorización. A Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) conta coa axuda excepcional de 1815 euros por parte da área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, para os gastos asociados á montaxe desta exposición fotográfica itinerante

O futuro do sector cárnico en Galicia a debate este xoves na VII Reunión Casal de Armán

Expertos, académicos, empresarios e cooperativistas participarán o próximo xoves 8 de xuño na VII Reunión Casal de Armán para abordar o futuro do sector cárnico en Galicia. O encontro celebrarase, como ven sendo habitual, no Casal de Arman, en Ribadavia (Ourense). O encontro, organizado polo Foro Económico de Galicia, será inaugurado polo seu presidente, Emilio Pérez Nieto. O primeiro dos relatorios da mañá abordará a “Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030. Contexto xeral e principais medidas e accións”. Correrá a cargo de José Manuel Andrade Calvo e Alfonso Ribas Álvarez, da Fundación Juana de Vega, que exercen tamén de coordinadores da xornada. A segunda mesa da mañá abordará os “Retos e perspectivas de futuro do sector cárnico” e participarán Alberto Herránz, Organización Interprofesional Agroalimentaria do Porcino de Capa Blanca (Interporc), Javier Lóper, da Organización Interprofesional de Carne de Vacún (Provacuno) e Tomás Rodríguez, da Interprofesional do ovino e caprino (Interovic). A última presentación da mañá centrarase na produción galega con distintos actores do sector galego como empresas ou organizacións. Nesta mesa intervirán Emilio Rial (Coren), José Manuel Núñez Torre (Torre de Núñez), José Ramón González (Unións Agrarias), Pablo Meijomín Fidalgo (Fegapor), Jesús González Vázquez (Ternera Gallega). Pola tarde, será quenda para os produtores de razas autóctonas e pequenas producións en Galicia. Abordarán os problemas actuais e retos de futuro que se lle presentan. Participarán Iván Rodríguez Paz (Asoporcel), Laura Arias González (Acruga), José Ramón Justo Feijóo (Boaga), Amaia Santamarta (Ovica) e Isabel Casariego Vierna (Puraga).

-Consulta aquí o programa en detalle.

 

Axudas ás que poderán acollerse os criadores de Porco Celta coa nova PAC

O Porco Celta é a única raza porcina autóctona de Galicia, a cal se atopa en perigo de extinción. ASOPORCEL (Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta) nace en 1999 encamiñada á recuperación e conservación da raza Porco Celta e é a única entidade oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico de acordo co Decreto 149/2011, do 7 de xullo, polo que se establece o Catálogo Oficial de razas gandeiras autóctonas de Galicia. Co paso dos anos, ASOPORCEL quixo dar apoio e servir como ferramenta para os gandeiros, polo que desde o ano 2019 está oficialmente recoñecida e inscrita no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia, con número de rexistro EAX_19_075 e pode solicitar axudas da PAC, incorporacións de mozos, plans de mellora e axudas de pequenas explotacións. Até o momento, as granxas de Porco Celta tiveron escasa entidade produtiva e unha orientación económica de pequena renda complementaria, polo que a gran maioría dos criadores non eran conscientes da existencia dunha liña do PDR de fomento de razas autóctonas en perigo de extinción da que poderían beneficiarse. Este ano 2022, ao ser un ano “descolgado” entre dous períodos da PAC, púidose solicitar a axuda de Razas Autóctonas que non estaba aberta desde 2017, pasando de 8 solicitudes a 64 de Porco Celta en toda Galicia, das cales tramitou ASOPORCEL 51, é dicir, case o 80% do total. Como se comentou anteriormente, os criadores de Porco Celta xa tiñan acceso ás axudas de fomento de razas autóctonas en perigo de extinción na liña de Agroambiente e clima do PDR no anterior período da PAC, pero existen dúas modificacións con respecto á nova PAC. Por unha banda, sobe a prima de 175 a 200 € por UGM, o que se traduce de pasar de 87,5 € por porca reprodutora a 100 € e por outros porcos de 52,5 a 60 €. Doutra banda, redúcese o mínimo de UGM necesario para poder solicitar a axuda que pasa de ser de 5 UGM a 2,5 UGM. Nesta pasada campaña 2022, de forma excepcional o compromiso era por un ano, pero a duración do compromiso de cara á solicitude do ano 2023 e todo o novo período será de 5 anos como mínimo. En relación a isto será importante valorar cal será o censo mínimo que se comprometerán a manter durante o devandito período.
A nova PAC trae moitas novidades que repercuten positivamente nas axudas ás que poden acceder os criadores de Porco Celta
A nova PAC trae moitas novidades que repercuten positivamente nas axudas ás que pode acceder o porcino extensivo como é o caso de Porco Celta. Introdúcese no primeiro alicerce da nova PAC o sector porcino, por primeira vez poderá ser receptor de pagos directos a través dos ecoesquemas. O porco pasa a ser considerado un animal de pastoreo, polo que a gran novidade é que representa carga gandeira cando a explotación estea clasificada como extensiva do mesmo xeito que as especies de bovino, ovino, cabrún e equino. Desaparece o pago verde e, no seu lugar, aparecen os ecoesquemas. As explotacións de Porco Celta poderían acollerse aos ecorrexímes nos casos de que estean clasificadas como extensivas, xa que polo menos nas parcelas nas que os animais estean pastoreando poderán ter a opción de encaixar no ecorrexime de pastoreo e as demais parcelas da explotación poderán solicitar, entre os nove ecoesquemas existentes, aquel ao que mellor se adapten, podendo variar en cada campaña por ser unicamente un compromiso anual. Debido a que as explotacións de Porco Celta en extensivo pasan a representar carga gandeira, cabe esperar que poidan acceder ás axudas do PDR de Fomento de Pastos e as de Zonas de Montaña, a condición de que cumpran todos os requisitos establecidos. Cabe destacar que, para poder acceder a fomento de pastos do mesmo xeito que as demais especies, non se poderá abonar de ningunha outra forma que non sexa orgánica nin aplicar herbicidas.

Friol recupera a Festa do Porco Celta

Presentación da Festa do Porco Celta, con presenza do alcalde de Friol e os produtores Friol retoma o vindeiro día 15 a Festa do Porco Celta, que celebra a súa quinta edición, logo de tres anos de parón pola pandemia. Os organizadores, cinco produtores deste concello membros de Asoporcel, recuperan a cita, que serve para dar a coñecer a carne de porco celta, co mesmo formato que a última edición celebrada, a do 2019.  A cita, que se desenvolverá no pavillón municipal da localidade a partir das 4 da tarde, inclúe un torneo de tute, cea a base de produtos de porco celta e música. O menú deste ano é cocido e caldo de ósos e a maiores como novidade haberá filloas á pedra por parte dun grupo de filloeiras de Muimenta. O prezo da cea é de 25 euros e o prazo para apuntarse remata o domingo 9 de abril. 
A última edición celebrouse no ano 2019 e despois sufriu un parón pola pandemia
Os premios do campionato de tute son distintos lotes de produtos de porco celta, incluíndo un porco cebado para a próxima campaña, valorado en 550 euros. "A idea xurdiu para ensalzar o valor desta carne", explica Lito, da Comunidade de Montes de Carballo.  Explotacións de nova creación No concello de Friol hai 6 produtores de porco celta e 5 deles participan na organización da festa: CMVMC Carballo; Antonio Díaz, de Guldriz; Manuel Roimil, de Roimil; Óscar Santos, de Samede; e Javier Serén, de Friol.   A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carballo comezou hai 10 anos cun proxecto de ceba no monte, cunhas instalacións con capacidade para 100 animais. "Estamos metendo entre 50 e 60 animais cada ano. Entran no mes de marzo e están ata a idade de sacrificio, nos meses de novembro a xaneiro, cun mínimo de 8 ou 9 meses", explica Lito. 
Friol conta con 6 produtores de porco celta e 5 deles participan na organización da festa
O resto de explotacións son tamén explotacións de cría, con 5 reprodutoras. Nos últimos anos incorporáronse á actividade rapaces novos, como Óscar e Javier, creando novas explotacións. Óscar ademais fai produtos elaborados buscando dar maior valor engadido á súa produción. 

PROGRAMA COMPLETO:

Máis de 150 asistentes á IV Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta

Logo de dous anos de parón pola pandemia, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) retomou esta mañá no Pazo de Feiras de Lugo a celebración da súa sesión formativa sobre o Porco Celta en Galicia e fíxoo superando os rexistros da última reunión: máis de 150 persoas asistiron ás charlas desta edición. Na inauguración interviñeron Iván Rodríguez (director técnico de Asoporcel), Lara Méndez (alcaldesa de Lugo), Javier Arias (delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo), Mª Isabel Rodríguez (subdelegada do Goberno en Lugo) e Roberto Fernández (deputado da área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo). Todos os representantes das distintas institucións públicas fixeron fincapé no traballo que se desenvolve dende Asoporcel para defender e promover a raza porcina celta e felicitáronos polos premios en recoñecemento ao seu labor que recibiron nos últimos tempos. Así mesmo, ratificaron a súa intención de seguir apoiando a esta raza como o fixeron ata o de agora e incidiron no importante papel que xoga a asociación á hora de recuperar a biodiversidade, xerar emprego e fixar poboación no rural.

A influencia da xenética nas enfermidades emerxentes e as claves de manexo do porco celta

Entre os relatores desta edición, presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz, atopábanse os investigadores Guillermo Ramis (director do departamento de Produción Animal da Facultade de Veterinaria da UM) e Ignacio Ortolani (veterinario do departamento técnico e de formulación de Agrifirm España). Na súa exposición, Ramis abordou a influencia da xenética nas enfermidades emerxentes ou reemerxentes aparecidas nos últimos anos no porcino, cunha especial mención ás razas minoritarias e concretamente ao Porco Celta, sobre o que tratou a súa rusticidade e posible endogamia. Fixo, así mesmo, un repaso á influencia da xenética dos patóxenos e dos propios porcos. Pola súa banda, Ortolani centrouse nas claves de manexo da porca reprodutora de Porco Celta. En concreto, afondou nos aspectos sanitarios de maior relevancia e enunciou unha batería de pautas básicas e complementarias. Así mesmo, tamén tratou os criterios para un manexo correcto da alimentación, área na que achegou unha serie de recomendacións nutricionais axustadas a cada fase produtiva.

A situación actual da peste porcina africana e as especificidades da nova pac para o porco celta

Os outros dous relatores invitados a participar foron Francesc Accensi (profesor do departamento de Sanidade e Anatomía Animais da Facultade de Veterinaria da UAB e investigador do Centro de Recerca en Sanitat Animal) e José Manuel Ferreiro (xefe do Servizo Territorial do FOGGA en Lugo). Na súa charla, Accensi afondou nas orixes e na situación actual da peste porcina africana, unha enfermidade hemorráxica que a día de hoxe está producindo unha grave pandemia no porcino. Afondou, entre outros aspectos, no axente causal de dita enfermidade, así como nas claves para o seu control, que pasan por un diagnóstico precoz, pola aplicación de políticas de baleirado sanitario e polo reforzo da bioseguridade nas granxas. O relatorio de Ferreiro estivo fundamentalmente referido ao funcionamento global que se prevé para a nova PAC. Entre outros aspectos, tratou a transición do sistema de dereitos de pagamento básico cara ao de axuda básica á renda, as novas axudas que se crean e as que se redefinen. A maiores, expuxo as diferentes prácticas ás que se poden acoller as explotacións dentro dos ecorreximes e, por último, aludiu ás axudas agroambientais, nas cales se inclúe a liña de razas autóctonas en perigo de extinción, a máis relevante para os produtores de Porco Celta. Os voceiros da asociación subliñaron a súa satisfacción ante o éxito de convocatoria, así como ante o interese que amosaron os asistentes polos temas propostos, e, xunto co relevancia cada vez maior desta raza, apuntaron cara ás ganas dos membros da asociación de volver reunirse, logo de dous anos, como un dos factores decisivos para o gran volume de público presente.

Programa da IV Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta

Logo de dous anos de parón pola pandemia, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) retomará o sábado 26 de novembro, en horario de mañá no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, a celebración da súa sesión formativa sobre o Porco Celta en Galicia. Trátase da cuarta edición desta xornada que, desta volta, estará presentada polo xornalista da Televisión de Galicia Manuel Cruz. Nela contarase coas exposicións de catro relatores: Guillermo Ramis (director do departamento de Produción Animal da Facultade de Veterinaria da UM), Marta Bruguera (veterinaria responsable do servizo técnico de porcino de Agrifirm España), Francesc Accensi (profesor do departamento de Sanidade e Anatomía Animais da Facultade de Veterinaria da UAB e investigador do Centro de Recerca en Sanitat Animal) e José Manuel Ferreiro (xefe do Servizo Territorial do FOGGA en Lugo). Entre os temas centrais do programa atópanse as especificidades da nova PAC para as granxas de Porco Celta, a evolución e a situación actual da Peste Porcina Africana, as claves sanitarias e de alimentación para un correcto manexo desta raza e a influencia da xenética nas enfermidades emerxentes e reemerxentes aparecidas nos últimos anos en razas minoritarias como o Porco Celta. Ao remate das sesións, haberá no mesmo Pazo de Feiras e Congresos un xantar de traballo ao que están convidados todos os asistentes. A asistencia é de balde para todo o mundo, pero é necesario realizar inscrición previa. As persoas interesadas en asistir pódense anotar chamando ao 982 226 252 antes do 24 de novembro ás 14:00 horas.

Cales son os requisitos para o manexo en extensivo do Porco Celta?

As normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo estipuladas no Real Decreto 1221/2009, do 17 de xullo, establecen no artigo 4.1.f a necesidade de que nas explotacións porcinas extensivas exista un programa de manexo e rotación. O seu obxectivo é facer un aproveitamento racional do medio, evitando fenómenos que supoñan un deterioro do ecosistema de soporte, como a sobreexplotación. Este documento deberá ser aprobado pola autoridade competente, e así mesmo, só se poderán acoller a el aquelas explotacións nas que se críe en pureza a raza Porco Celta. Ademais, tan só terá validez se vai acompañado cos datos individualizados da explotación de acollida, seguindo o modelo exposto no anexo final do Programa de Manexo e Rotación para Explotacións Extensivas de Porco Celta, desenvolto pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel). Neste último inclúense os datos xerais da explotación acollida, a descrición do sistema de aproveitamento, o plan de rotación, o estudo da xeomorfoloxía e edafoloxía, e o estudo hidrolóxico que pasarán por un proceso de verificación de Asoporcel. Pero seguindo o Programa de Manexo 2022, ¿que información se debe incluír en cada apartado? Descrición do sistema de aproveitamento Partindo da identificación do titular e da explotación acollida -datos do titular, Rega, enderezo, coordenadas, raza e observacións- cómpre detallar o sistema de aproveitamento, no cal se deberá cumprir cunhas condicións xerais das explotacións en termos de extensión da superficie, densidade gandeira, infraestrutura, e de manexo da alimentación. En canto á extensión, as explotacións clasificaranse en función da súa orientación e capacidade produtiva, aínda que se asentarán sobre unha superficie sempre continua que terá unha dimensión mínima de 1 hectárea, a cal se deberá indicar segundo o Sixpac ou sistema de rexistro equivalente. A densidade gandeira terá un límite en función da clasificación en canto a capacidade produtiva coa que figure inscrita no Rexistro de explotacións. Deste xeito, non excederán a carga gandeira máxima de 2,4 UGM por hectárea calculada de acordo coas equivalencias da seguinte táboa: Táboa de equivalencia para a densidade porcina dunha superficie Na mesma medida, a granxa en cuestión deberá cumprir cuns requisitos de infraestrutura, baixo a finalidade de garantir unhas condicións hixiénico-sanitarias e de bioseguridade axeitadas. Por isto, a totalidade da superficie onde se asente o gando porcino estará pechada perimétricamente con postes verticais que poden ser de madeira tratada, formigón ou metal, sobre os que se tense unha malla de arame formada por grandes cadros pouco visibles desde lonxe. A súa altura mínima será de 1,5 metros, e deberase establecer un efecto de dobre valado, no que a parte interna pode ser unha cerca máis sinxela conformada por arames a diferentes alturas conectados a un pastor eléctrico. Efecto de dobre valado en peche perimetral de Porco Celta Unha vez pechada a totalidade da superficie de explotación no seu perímetro, deberase facer unha subdivisión en parcelas con arame conectado a pastor, ou similar, para a correspondente rotación. Cómpre destacar que as entradas asignadas para a recepción de vehículos de transporte deberán contar cun sistema eficaz para a desinfección das rodas e do resto do vehículo, así como para a desinfección de calzado de operarios e visitantes. As instalacións posteriores á entrada en vigor do Real Decreto 1221/2009 tamén deberán incluír un punto exterior para a carga e descarga, excepto aquelas permanentemente incluídas nun recinto pechado. Ao respecto, no eido das edificacións, deberán ir acorde ao estipulado no Real Decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativo ás normas mínimas para a protección dos porcos, e igualmente, deberán cumprir co ‘Programa sanitario e de benestar animal para o plan de aproveitamento con Porco Celta’ desenvolto por Asoporcel e aprobado pola Consellería. Por último, este apartado fai referencia a un manexo de alimentación que debe consistir no aproveitamento directo por parte dos animais dos recursos agroforestais durante todo o ano e mediante pastoreo. Poderá levarse a cabo tanto en parcelas de monte, como pasteiros, soutos, etc. Ademais, subministraráselles diariamente e en cantidade suficiente unha ración de mestura de cereais balanceada e formulada en función da idade e estado fisiolóxico e produtivo dos animais. Manexo da alimentación de Porco Celta Plan de rotación Entre os requisitos que se formulan no programa deste ano está o establecemento dunha rotación para garantir un aproveitamento axeitado do medio, evitando así que se produzan fenómenos de sobreexplotación ou erosión do mesmo. Esta xestión da superficie poderase levar a cabo de dúas maneiras diferentes, sempre sen superar a densidade gandeira máxima de 2,4UGM/Ha: por rotación de parcelas ou 'todo dentro-todo fóra'. No sistema de rotación de parcelas a explotación divídese en diferentes zonas mediante peches permanentes ou temporais, e segundo os exemplares vaian consumindo os recursos de cada zona delimitada, iranse rotando ás seguintes. Deberase facer un control periódico da piara, e deberase ter especial atención sobre o subministro de auga e alimento suplementario nas zonas que non dispoñan de recursos suficientes. A outra opción, 'todo dentro-todo fóra' mantén a superficie parcelaria sen divisións. Desta forma, os animais mantéñense dentro da parcela de 8 a 10 meses, e tras a súa retirada, que coincidirá coa saída dos mesmos da explotación, deixarase descansar a finca para recuperar os recursos da mesma, facendo visitas e controis habitualmente. Porco Celta nunha zona de castiñeiros En cada caso, deberase indicar o sistema empregado, o período de permanencia dos animais por parcela, e a orde de rotación entre parcelas. Tamén deberá constar onde terán lugar as diferentes fases produtivas, separando a zona de cubrición e xestación, a de partos, a de deteste e transición, e a de cebo. Estudo da xeomorfoloxía e edafoloxía, estudo hidrolóxico, e xestión ambiental A información sobre o solo e as súas características é outra das cuestións de importancia que rexistra o Programa de manexo. Para dar unha descrición completa do solo da parcela da explotación será preciso elaborar un estudo edafolóxico, no cal se describen as propiedades físicas do solo mediante a súa estrutura, textura, porosidade e densidade aparente; ademais dun estudo xeomorfolóxico, que describa a forma do terreo tendo en conta a súa pendente media, e a orografía. Existen ferramentas dixitais para proceder con ambos estudos: para a caracterización das propiedades físicas a incluír emprégase un programa GIS (Geographical Information System), de libre acceso, e o Sixpac para a información orográfica do terreo, e desta maneira completar o estudo xeomorfolóxico. Tamén será necesario facer un estudo hidrolóxico da explotación extensiva no que se especifiquen as distancias a puntos de auga que puideran verse afectados. Para iso farase unha consulta no Sistema de Información Xeográfica de Galicia. Empregando as capas de información que están dispoñibles faranse medicións de distancias desde a parcela, a través da referencia catastral, ata os puntos de auga existentes nas zonas máis inmediatas. Por último, hai que destacar a necesidade de realizar unha correcta xestión medioambiental, pola cal se controlarán e xestionarán os residuos xerados. Igualmente, deberá rexistrarse unha xestión de medicamentos e de produtos zoosanitarios utilizados, sempre de acordo á normativa vixente. É preciso facer fincapé en que a xestión de cadáveres farase nunha zona especialmente habilitada para ese fin nas instalacións, para ser posteriormente retirados por unha empresa autorizada. No relativo á xestión de estercos e xurros, deberase atopar un equilibrio entre unha utilización recorrente e segura como fertilizantes naturais, e de control de excedentes. Asumindo que a produción do esterco en porcino contén niveis de nitróxeno a razón de 60kg por UGM e ano, pódese estimar a produción máxima de nitróxeno de cada explotación en función da súa densidade -máximo 2,4 UGM por hectárea-.

A Deputación de Lugo achega 39.000€ a ASOPORCEL para o impulso da produción de porco celta na provincia

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co presidente da Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (ASOPORCEL), José Barreira Alonso, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 38.000€ á entidade. O acordo ten como obxectivo impulsar un plan de fomento da produtividade, competitividade e rendibilidade das granxas de porco celta. José Tomé Roca explica que este proxecto de ASOPORCEL impulsado pola Deputación ten como obxectivo facilitar aos gandeiros e gandeiras as ferramentas necesarias para que as súas granxas acaden a máxima rendibilidade e que a produción teña a mellor saída comercial. “Estamos a falar dun conxunto de ferramentas, como o asesoramento e formación dos gandeiros e gandeiras, o control da xestión dos aspectos sanitarios de produción, o control das medidas de bioseguridade, o mantemento das instalacións, o control da trazabilidade da produción e tamén aspectos comerciais e publicitarios”, subliña o Presidente. A finalidade do convenio é, polo tanto, avanzar na profesionalización do sector, asentar as ganderías existentes e atraer á xente nova para iniciar unha actividade gandeira que resulte atractiva como xeito de vida. Tomé Roca engade que “con este convenio tamén se contribúe a incrementar os servizos de ASOPORCEL na súa función de dinamizador da raza porcina galega, conservando moitos postos de traballo existentes na actualidade relacionados directa e indirectamente co porco celta”. Nese sentido, para a implantación do programa engadiuse un novo técnico veterinario ao cadro de persoal da asociación no 2020 e neste 2022 incorporouse un enxeñeiro agrónomo para completar as tarefas de asesoramento e servizos que se ofrecen aos socios e socias. O Presidente recalcou que esta “importante colaboración responde ao noso apoio ao sector primario como base e motor da economía da provincia, traballando da man do propio sector produtivo e tamén da Universidade. Un sector primario forte, diversificado, innovador e con valor engadido crea emprego sostible e contribúe a fixar poboación no rural da nosa provincia”. Nas súas palabras concretou que a institución provincial quere contribuír a “visibilizar, poñer en valor e impulsar a produción e a comercialización dos nosos produtos autóctonos de calidade, porque iso crea riqueza e emprego, sobre todo no rural”. ASOPORCEL ASOPORCEL é a primeira e única asociación que agrupa aos produtores de raza porco celta en Galicia. Constituída no ano 1999, é un axente clave no sector que dedica todo o seu esforzo á realización de actividades de promoción, formación, profesionalización e especialización do sector gandeiro galego, co obxectivo de lograr un actividade competitiva e sostible, contribuíndo así á mellora do nivel e da calidade de vida dos gandeiros e das súas producións. Na actualidade, a asociación conta con 141 granxas asociadas, e a maioría delas están situadas na provincia de Lugo, tendo 70 socios e 2.243 cabezas.

Medio cento de gandeiros de Asoporcel solicitarán este ano as axudas da PAC por primeira vez

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) vén de recibir a autorización para converterse en entidade con servizos de xestión e asesoramento (está inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia co número EAX_19_075). Deste xeito, está recoñecida de xeito oficial para axudar os seus socios en trámites como a correcta solicitude das subvencións ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (coñecidas como axudas da Política Agrícola Común). Para Asoporcel, este é un novo paso para a profesionalización do sector, así como para facer as ganderías máis rendibles e competitivas. Trátase pois dunha liña de traballo de gran valor para poder ofrecer ós seus asociados un asesoramento integral que lles permita manterse informados de todos os apoios dos que poden dispoñer para continuar coa súa actividade. “Esta liña de axudas será especialmente ben acollida tendo en conta a situación actual de incremento xeral dos costes de produción”, subliñan.

UNHA LIÑA ESPECÍFICA PARA RAZAS AUTÓCTONAS

Neste ano, Asoporcel tramitou preto de 50 solicitudes para as axudas da PAC, dato que contrasta fortemente coa convocatoria anterior, no que só a solicitaran 8 explotacións. “A inmensa maioría dos nosos socios descoñecían a existencia da liña de fomento de razas autóctonas en perigo de extinción, como é o caso do Porco Celta, que contempla a PAC”, explican os voceiros da asociación. Neste sentido, sinalan que “tamén se prestou asesoramento os gandeiros asociados que xa pedían a PAC e que non estaban aproveitando este concepto por non estar ao tanto de que cumprían os requisitos para poder solicitalo”. Ademais, engaden que se iniciaron conversacións co Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) para poder “adaptar os requisitos das axudas á realidade destas explotacións de cara ao novo período”. Por outra banda, cabe destacar o incremento de solicitudes de subvencións fronte á fauna salvaxe que realizaron neste 2022: un total de 24, fronte ás 5 do ano pasado. Tamén nos últimos meses se tramitaron dende a asociación 6 peticións de axudas a pequenas explotacións para profesionalizar e modernizar as granxas de Porco Celta, así como 4 expedientes de incorporación e mellora para mozos no agro. “Este último é un dato moi importante para nós en particular e para o agro en xeral, xa que estamos a falar de que xente moi nova está apostando por una volta ao rural e por facer da produción de Porco Celta a súa actividade principal”, salientan.