Archives

Saen novas axudas para apoiar ás agrupacións de xestión conxunta e ó asociacionismo forestal

A Consellería do Medio Rural sacou tres liñas de axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) e ao asociacionismo forestal. A primeira liña de axudas destínase para a organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das AFXC. A segunda, é para apoiar as asociacións sen ánimo de lucro que teñan por obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais. Por último, conceden axudas para a creación e apoio das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta. As dúas primeiras liñas de axudas teñen un prazo de solicitude de 30 días hábiles, mentres que para a terceira o prazo amplíase a 45 días, contados hábiles, contados desde o próximo luns, incluído. Divulgación das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta Poderanse beneficiar destas axudas asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidades de montes veciñais de man común. Serán subvencionables os gastos imputables ás actividades divulgativas que acrediten a asistencia mínima de 10 persoas, excepto aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais ou gráficos. Recibirán a axuda por recursos humanos (gastos de persoal en materia de coordinación ou administración; custos de relatores, gastos de aloxamento e desprazamento), gastos de publicidade para a difusión da actividade, ou gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil. Para esta liña, asignouse un crédito total de 200.000 euros. Este importe distribúese como segue: 160.000 euros para o ano 2024 e 40.000 euros para o ano 2025. Comercialización conxunta de produtos forestais Nesta segunda liña de axudas, poderanse beneficiar asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais sempre que, con anterioridade á publicación da orde, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela. As actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para facer traballos vinculados coa comercialización conxunta de produtos forestais, a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionadas será o 31 de xullo de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre unha data posterior á resolución de concesión da axuda e a data límite de xustificación, salvo que a actuación estea supeditada á inspección previa. A entidade beneficiaria poderá concertar con terceiros a execución total ou parcial das actuacións que constitúen o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. Esta segunda liña conta cun orzamento de 400.000 euros, e distribúese en 320.000 euros para o ano 2024 e 80.000 euros para o ano 2025. Creación de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta A terceira das liñas de axudas destínase para a creación das agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta de terreos dedicados á actividade forestal. Estas axudas tamén apoiarán a aquelas agrupacións xa inscritas no correspondente rexistro, a fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan. As actuacións que serán subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (SOFOR). Para esta liña asignouse un crédito total de 1.798.931 euros, que se divide en 1.439.145 euros para o ano 2024 e 359.786 euros para o ano 2025.

Xinzo de Limia convértese estes días no centro do sector da pataca na Península

Sete localidades de España e Portugal participaron este xoves no acto de Irmandamento Hispano-Luso de Pobos Produtores de Pataca, evento que representa unha alianza entre territorios para utilizar a pataca como elemento dinamizador, así como para defender o seu cultivo, impulsar os intercambios comerciais e consolidar a industria.  A alianza selouse na localidade ourensá de Xinzo de Limia e nela participan ademais as localidades de El Carpio (Valladolid), Soto de Cerrato (Palencia), La Bañeza (León), Coristanco (A Coruña), Valle de Losa (Burgos) e Montalegre, na rexión portuguesa de Trás-os-montes. O irmandamento foi promovido polo medio especializado agrario CAMPO, cuxa empresa editora será a encargada, a partir de agora, de coordinar as distintas accións promovidas no marco desta alianza. O irmandamento tamén conta, como patróns, coas compañías Patacas Meléndez, Argotractors, Esplet, CoopBarroso, Prodeleco, Interagro de Patacas, Regaber, que apoian o acordo e colaborarán en accións futuras.  “Esta alianza de pobos produtores é unha iniciativa pioneira na Península Ibérica, que busca pór en valor un cultivo tan estratéxico como a pataca. O Irmandamento favorecerá a colaboración entre todos os axentes que forman parte do sector e profundará na unión territorial das distintas zonas produtoras. Estamos convencidos de que esta colaboración será beneficiosa para todas as partes”, sinalou o director de CAMPO, Máximo Gómez.  Os concellos involucrados comprométense a posibilitar o intercambio de experiencias, iniciativas e solucións aos seus problemas comúns “co fin de lograr un coñecemento recíproco máis amplo, a difusión dos seus atractivos e os diferentes proxectos relacionados co sector”, ampliou. Nese sentido, os concellos comprométense a apoiar a organización de encontros sociais e agrarios “que redunden na formación integral dos municipios”, detallou. En particular, fomentarase o desenvolvemento de xornadas técnicas da pataca, eventos gastronómicos, monográficos e feiras, que fomenten a participación e o coñecemento cidadán.

Xornadas técnicas sobre a pataca

Inauguración oficial de Alimagro 2023 Alimagro continuou este venres coa Xornada Técnica de Pataca organizada por CAMPO, da man do concello de Xinzo de Limia. Rega por goteo, conservación dos tubérculos ou a dixitalización foron algunhas das cuestións que abordaron os expertos. Rega por goteo: rendibilidade e eficiencia Aínda que noutros países, o sistema de rega por goteo está moi instaurado nas explotacións de pataca, non é o caso do noso país. Con todo, algúns agricultores empezan xa a interesarse por este método, na procura de solucións que lles permitan ser máis eficientes. Guillermo Pellegrino, da compañía Netafim, analizou as vantaxes da rega por goteo en pataca. Para a súa compañía, trátase do "máis eficiente método de subministración de auga e nutrientes aos cultivos". Grazas a esta práctica entrégase a auga e os fertilizantes directamente á zona radicular do cultivo, "na cantidade correcta e no momento axeitado". Por tanto, "cada planta recibe exactamente o que necesita, cando o necesita para desenvolverse de forma óptima". "Grazas ao goteo, os produtores poden ter mellores rendementos mentres aforran auga, así como fertilizantes e enerxía", destacan desde Netafim. "Nalgunhas explotacións de Castela e León lográronse un aumento de até o 20% na produción, cun aforro de auga dun 25%", explicaba Guillermo. Dixitalizar o cultivo e o seu camiño até o consumidor "A tecnoloxía demostrou ser un gran aliado para o agricultor. Solicitar e analizar os datos das nosas explotacións permítenos observar a evolución dos nosos cultivos e axudarnos a axustar as velas", como así o sinalou Manuel Gil, responsable da compañía Hipatec para o norte de España. Esa dixitalización é a que vai permitir a todo profesional relacionado coa pataca alcanzar a máxima eficiencia, por exemplo, no consumo de auga, na realización de regas coa máxima eficiencia e en aspectos crave da conservación, como a medición da humidade relativa ou a temperatura. Hispatec é experta en ERP, como se denomina aos sistemas informáticos destinados á administración de recursos. Unha das súas prioridades é "a redución dos custos de produción" e, de feito, dispón dun pormenorizado estudo dos custos de grandes compañías de ambos os lados do Atlántico, como explicou Manuel. Dentro desa análise tómanse en consideración as contas de explotación de tres anos antes de traballar con Hispatec e tres anos despois. O resultado é, de media, un incremento do Ebitda (beneficio antes de intereses, impostos, depreciacións e amortizacións) do 75%, segundo Manuel Gil. No caso da pataca, a súa ERP "está preparado para obter un escandallo dos custos de produción, algo que é fundamental no mundo agrario", subliña. Como conservar a pataca? Tamén falará de conservación Carlos García, da compañía Agrofield, para quen este será "un ano para conservar moito máis produto que o anterior". Para el a solución comercial para a pataca española pasa por "regular a actividade, é dicir, por almacenar o produto con garantía"s. "Pero temos pouca infraestrutura para facelo de forma adecuada", advirte. Hoxe a conservación durante meses require tres elementos: unha nave pechada, caixóns e frío, "pero só o 10% dos almacéns españois reúneos", segundo el. Todo cambiou, de modo que son moi poucos o que aguantan coa pataca até febreiro ou marzo. "Quen o consiga é capitán xeral porque a súa competencia non será capaz", recalca. "Terás unha plusvalía quizá de 15 céntimos o quilo, de modo que para ti será rendible o esforzo e o investimento de ter un bo sistema de conservación con frío". O novo escenario obriga a todos a reformular a súa actividade e empezar a facer ben as cousas. Por exemplo, atrasar a sementeira das variedades para conservar, "porque só se actuamos en data de sementeora, en elección de variedades, en fertilización e en data de arranque estaremos en condicións de atender ao mercado durante máis tempo", destaca o responsable de Agrofield.

Mesa redonda: novos retos do sector

A xornada debateu sobre cuestións como a escaseza de auga, as achegas da I+D aplicada á agricultura, a Lei da Cadea Alimentaria ou a campaña 2023 na península ibérica. Na mesa participan José González, conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia; Servando Álvarez Pousa, director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, pertencente ao INORDE; Roberto García, responsable de Unions Agrarias; José Manuel Gómez, presidente do Consello Regulador do IXP Pataca de Galicia; Juan Manuel Coello, director de Operacións de Patacas Meléndez; Daniel Alves, responsable da cooperativa portuguesa Coopbarroso, e a agricultora, Mónica Míguez. José González, conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, lembrou que "o abandono é o peor inimigo da conservación do territorio e do medio ambiente, polo que temos que aliñar os compromisos ambientais coa sustentabilidade económica e social dos agricultores", Así mesmo, destacou que a agricultura ten futuro Galicia "porque temos terra e temos auga". Todos os axentes implicados 2temos que traballar xuntos para buscar a sustentabilidade e a rendibilidade do sector". Na parte administrativa, sinalou o traballo que se está realizando en modernización do regadío que será exemplo a nivel nacional. "É un primeiro paso, que continuará coa dotación de 35 millóns de euros no futuro", afirmou Un dos retos da pataca en Galicia é a necesidade de "ligar a maior cantidade de pataca posible ao IXP Pataca de Galicia, para poder protexer ao produtor e ao produto galego", concluía o conselleiro. En canto á marca de calidade, "somos conscientes de que producir un cultivo de calidade é máis caro que a produción tradicional", afirmaba José Manuel Gómez, presidente do Consello Regulador do IXP Pataca de Galicia. O obxectivo do IXP é seguir integrando produtores e almacenistas á Pataca de Galicia e, despois, 2meter nos mercados un produto de calidade". Roberto García, Unions Agrarias, puxo de relevo algunhas cuestións chave no sector: "Temos que partir de que os agricultores continúen coa actividade e isto conséguese se teñen unha rendibilidade económica. O segundo elemento é dispor dunha Política Agraria que favoreza ao agricultor e que non o limite. En terceiro lugar, que as etiquetaxes non leven a confusións ao consumidor. E por último temos que facer un esforzo por regular a produción de pataca, evitando a competencia desleal dentro do sector". "Na zona norte de Portugal traballamos en dimensións moito máis pequenas que aquí", explicaba Daniel Alves, responsable da cooperativa portuguesa Coopbarroso. Desde a súa cooperativa, están a traballar para fomentar o cultivo de pataca entre os agricultores da zona. "Produtor e industria deben ir da man no desenvolvemento do sector agrario" Juan Manuel Coello, director de Operacións de Patacas Meléndez, opinou sobre a evolución da relación entre estes dous elos da cadea. "No últimos cinco anos viñemos asinando contratos cos agricultores, que respectan e cumpren a Lei de Cadea Alimentaria", contaba Coello. Ao mesmo tempo destacou a importancia de realizar un labor importante na promoción da pataca. "Estamos a ver como o consumo está a decaer. Neste sentido, as marcas de calidade son unha boa ferramenta. É unha das tarefas pendentes que temos en Castela e León, por exemplo", sinalaba. Servando Álvarez, do INORDE, quixo pór de relevo a "sustentabilidade social". "Os agricultores teñen que facer o seu traballo loitando contra moitas cuestións, como pragas, malas relacións coa industria ou restricións normativas, e, por desgraza, séguese vendo como unha profesión de segunda", denunciaba. "É certo que moitas veces non sentimos consentidos", coincidía Mónica Míguez. A agricultora destacou o esforzo que os produtores están a facer para profesionalizarse e reclamou "a necesidade de contar con máis formación". "Entre todos temos que loitar por conseguir un sector máis profesionalizado. Aquí tamén é importante o papel das administracións e a IXP, como xanela para promoción dos nosos produtos de calidade", concluía Mónica.  

Axudas para comunidades de augas, asociacións veciñais e de mulleres rurais

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas dirixidas a financiar obras ou a adquisición de equipamentos por parte de comunidades de augas e asociacións de veciños ou de mulleres rurais. As obras subvencionables atinxen ós inmobles de propiedade das entidades ou sobre os que teñan cedido o dereito de uso, así como ás traídas de augas veciñais.

Entran tamén entre os gastos subvencionables os equipamentos precisos para o funcionamento da entidade, como mobiliario e equipos informáticos, audiovisuais ou de oficina. Pola contra, non se subvencionan gastos correntes coma alugueiros, facturas de luz, auga e teléfono. Tampouco elementos decorativos.

A partida total destinada ás axudas é de 2,5 millóns de euros. A axuda poderá acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.

Xestión do monte na Provenza francesa, problemas comúns con Galicia

A Asociación de Bosques Modelo de Provenza, en Francia, vén de desenvolver un encontro para amosar distintos sistemas de xestión das pequenas propiedades forestais na Provenza, unha rexión encadrada na zona mediterránea do país veciño. O evento, que se enmarca no proxecto Forest-in, contou con asistencia dunha delegación galega, na que participaron integrantes da Asociación Forestal de Galicia, entre outras entidades. A delegación galega coñeceu nos tres días do encontro distintos modelos de xestión do bosque, constatando que na Provenza hai problemas comúns ós que se dan no monte galego, coma son os incendios forestais, os atrancos derivados do minifundio ou a conflitividade ligada ó uso recreativo dos montes. O proxecto FOREST-IN, no que se enmarcou a viaxe da delegación galega á Provenza, ten como obxectivo promover boas prácticas de xestión forestal entre os propietarios de montes de pequena dimensión. A iniciativa, que inclúe diversos encontros e visitas, culminará tamén nos próximos meses o desenvolvemento dunha aplicación móbil (App) orientada a facilitarlle tutoriais ós propietarios forestais sobre boas prácticas. Minifundio, incendios e uso social dos montes O encontro desenvolto este mes na Provenza é o quinto do proxecto Forest-in e toma o relevo do realizado en Galicia no mes de xaneiro. Na Provenza, as visitas técnicas programadas permitiron comprobar como se xestiona o monte na rexión gala. Unha das cuestións a destacar radica nas fórmulas que se deseñaron en Francia para afrontar o minifundio forestal, que no país veciño é considerado un problema grave, a pesar de que teñen parcelas forestais de dimensión moi superior á galega. Paisaxe agroforestal na Provenza. “En Francia, existen fórmulas diversas para propiciar o manexo en conxunto de pequenas propiedades particulares. Por exemplo, unha vía é a agrupación de propietarios particulares con montes públicos, o que permite sinerxias como a comercialización de productos forestais de maneira conxunta”, explica Francisco Fernández de Ana, presidente da Asociación Forestal de Galicia, que participou na recente viaxe á Provenza. Outra das visitas programadas na Provenza centrouse en amosar como, en materia de prevención de lumes, se traballa na formación de barreiras agrícolas en torno ós núcleos de poboación. “Hai un programa para recuperar terras agrícolas abandonadas ao redor dos núcleos habitados e volvelas a poñer en produción, por exemplo con cultivos de horta”, detalla Francisco Fernández de Ana. “A maioría das experiencias que visitamos son positivas a nivel teórico, aínda que a nivel práctico, de aplicación en campo, teñen aínda moito camiño por percorrer. Ademais, temos que ter en conta que, aínda que experimentamos problemas comúns, existen importantes diferenzas entre o monte mediterráneo e o galego, cun carácter máis produtivo e madeireiro”, valora. A delegación galega constatou tamén na visita a conflitividade que se rexistra na Provenza polo uso recreativo dos montes. Esta rexión francesa, marcada pola presión turística da Costa Azul e por importantes núcleos de urbanos, caso de Marsella, rexistra problemas por usos sociais dos montes, non sempre autorizados, e por roubos de froitos do bosque, unha situación equiparable á que se dá en diversas zonas de Galicia. Participantes nas visitas forestais na Provenza. Sobre o proxecto FOREST-IN O proxecto FOREST-IN ten como obxectivo promover as boas prácticas e a educación forestal mediante a realización de talleres e visitas técnicas internacionais, tutoriais e a creación dunha aplicación móbil orientada a axudar ó propietario forestal no proceso de toma de decisións para unha xestión forestal sostible. FOREST-IN constituíuse como unha alianza estratéxica internacional para a educación forestal e conta con financiación do programa Erasmus +. O coordinador do proxecto é a Universidade de Aveiro (Portugal) e ten como socios á Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Bosque Modelo da Provenza.

Axudas para comunidades de regantes e asociacións veciñais e de mulleres rurais

A Xunta de Galicia convocou axudas dirixidas a comunidades de usuarios de augas, asociacións veciñais e colectivos de mulleres rurais. As subvencións oriéntanse a financiar investimentos, tanto de obra como de equipacións, en camiños veciñais, traídas de augas e inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñen dereito de uso.

A cantidade total prevista para as axudas é de un millón de euros. As solicitudes resolveranse por orde de entrada, ó tratarse de subvencións en concorrencia non competitiva. Cada proxecto poderá recibir un máximo de 12.000 euros no caso de investimentos en instalacións e de 5.000 euros se se trata de equipamentos.

Esta convocatoria publicouse o pasado venres 20 de xaneiro e o prazo de solicitude remata o 20 de febreiro.

Sat San Martiño: unha unión para garantir o relevo xeracional

Unirse para reducir custos de produción, mellorar marxes e a calidade de vida en forma de días libres. Con esta filosofía uníronse hai preto de dous anos 4 explotacións de vacún de leite da parroquia de Noche, no concello de Vilalba, para crear a Sat San Martiño. “Non viamos outro futuro que unirnos para ser máis competitivos e mellorar a nosa calidade de vida con días de libranza. Era a única forma de que os nosos fillos colleran o relevo na gandería”, asegura Isabel Lamas, que xunto a Andrés Prieto, Luis Lamas, Isabel Carreira, Pedro Sanjurjo, Diego Rodríguez e Luis Lamas forman os socios desta gandería. O punto de partida eran 4 explotacións familiares, con entre 40 e 60 vacas en produción, que xa vendían o leite por xunto. Hoxe a Sat San Martiño é unha das maiores ganderías de vacún de leite da Terra Chá, cuns 430 animais, dos que 230 son vacas en produción, e 170 son xovencas. As vacas adultas están nunhas modernas instalacións con capacidade para 300 vacas en muxido que inauguraron en marzo de 2015 e que supuxeron un investimento de 1,32 millóns de euros. As xatas e as xovencas permanecen nos antigos establos familiares.
“Ao unirnos axudamos a que os nosos fillos collan o relevo”
Despois de dous anos nos que a estratexia desta gandería se centrou en renovar e mellorar a xenética do rabaño a través da recría, a súa produción foise incrementando progresivamente pasando dos 90.000 litros mensuais de hai dous anos aos 230.000 litros do último mes. “Na primavera prevemos chegar aos 250.000 litros mensuais e a nosa intención é pechar este ano con 3 millóns de kilos de leite producidos”, asegura Andrés Prieto, presidente da Sat San Martiño. A produción media diaria sitúase nos 34 litros por vaca en dous muxidos e cunhas calidades que se sitúan en 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Véndenlle o leite a Lactalis, cun contrato que teñen que renovar este mes por un ano. “Coidamos as calidades para cumprir os mínimos establecidos pola industria, pois se as aumentamos teríanos que compensar o extra que nos paguen o incremento en gasto de alimentación e a baixada en produción que suporía”, recoñece Andrés. En canto á alimentación das vacas en lactación, Diego Rodríguez, responsable desta área e un dos mozos que está a tomar o relevo nesta gandería, explica que se compón de 15 kilos de silo de herba, 16 de silo de millo, 1 kilo de palla, 2 kilos de alfalfa e 14 kilos de penso. Para as secas a ración diaria é de 4 kilos de silo de herba, 7 kg de palla, 4 kg de silo de millo e 2 kg de penso. Serven a comida dúas veces ao día co seu propio carro mesturador, que adquiriron xunto con outra maquinaria cando se mudaron ás novas instalacións. Dende que utilizan touro coas vacas problemáticas melloraron a taxa de preñez Manexan unha base territorial dunhas 125 hectáreas, na que cultivan arredor de 60 hectáreas de millo forraxeiro -cuns rendementos na pasada campaña de preto de 35 toneladas de materia húmida por hectárea- e unhas 90 hectáreas de herba, entre pradeiras temporais e permanentes. “Procuramos aproveitar ao máximo a nosa base territorial, pero nesta zona é difícil porque non hai concentración parcelaria e somos varias ganderías competindo pola terra. Somos conscientes de que deberíamos ampliala, pero para irmos cultivar parcelas máis lonxe teríamos que facer os cálculos para ver se nos compensa”, explica o presidente da Sat San Martiño. En canto á xenética, buscan touros que melloren as calidades do leite pero tamén a morfoloxía (sobre todo patas e ubres), participando no programa de xenómica de Africor Lugo. Este programa aconsella aos gandeiros sobre os acoplamentos a realizar nas ganderías para optimizar a mellora xenética das explotacións á vez que evita a consanguinidade. Nas xovencas utilizan seme sexado, mentres que para as vacas con problemas de preñez están a empregar dende hai dous anos o seu propio touro, cuns resultados que valoran como “moi positivos”. “Tiñamos un problema importante de fertilidade, e dende que utilizamos o touro mellorou moito a preñez, que neste momento se sitúa nunha taxa do 60%”, explica Andrés. O touro cámbiano cada ano, fixándose moito en evitar a consanguinidade e en que teña uns índices Gico superiores a 4.000 puntos. Máis tempo libre e melloras nos marxes das compras, principais vantaxes da unión Como principais melloras que experimentaron coa unión, tanto Andrés como Isabel coinciden en que foi o tempo libre. “Especializámonos en grupos de dous en levar unha serie de tarefas, e conseguimos librar 1 día e medio á semana, agás nas épocas de forte traballo, e por agora temos 15 días de vacacións, o que supuxo unha mellora na calidade de vida respecto á situación anterior”, destaca Isabel. Pola súa parte, Andrés subliña que “os ingresos por Uta tamén aumentaron, xa que a produción media por vaca aumentou, e ao ter maior volume percibimos da industria láctea unha prima por cantidade e temos mellores prezos nos insumos”. Como exemplos, o presidente da Sat afirma que “só en prima por cantidade son 15 euros por tonelada -o que ven representando uns 45.000 euros anuais- e en penso, cun consumo mensual de arredor de 100.000 kilos, tamén conseguimos unha importante mellora no prezo”.
“Gañamos unha prima por produción de 15 euros por tonelada”
En canto ao futuro, o obxectivo de Sat San Martiño é seguir mellorando en manexo e en benestar animal. Así, para xuño deste ano teñen previsto ter rematadas as obras dos silos para o millo, así como as dunha nave adxacente ao establo na que recriarán as xatas ata os dous meses de vida. “Mercaremos tamén unha amamantadora e deste xeito esperamos mellorar bastante na recría das becerras”, destaca Andrés. Estes novos equipamentos financiaranos en parte grazas a unha axuda da Consellería do Medio Rural, que tamén sufragará a construción dunha unha areeira, dunha esterqueira e dun silo para o penso. Tamén ven necesario modernizar o parque de maquinaria co que contan, algo que de momento teñen adiado, “xa que a Consellería endureceu os criterios para que as sociedades podamos acceder ás axudas de compra de maquinaria agrícola en común, que agora se conceden case en exclusiva ás cooperativas”. Como conclusión, este gandeiro recoñece que “coa creación da SAT nestes dous anos demos un paso moi grande para asegura o noso futuro e o dos nosos fillos que queiran continuar coa gandería, xa que, a pesar das dificultades, melloramos en calidade de vida e en competitividade”.

“En Galicia temos que pensar en tirar os valados e unificar o territorio para xestionalo”

O presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, analiza a situación do monte galego co foco posto sobre grandes obxectivos como o asociacionismo forestal ou a necesidade de maiores apoios a investigación, formación e xestión silvícola. Aborda tamén nesta entrevista a recuperación das relacións con Medio Rural. Nuns días, a patronal galega da madeira ten prevista unha reunión coa nova conselleira, Ángeles Vázquez. Ojea xa avanza que Confemadera “quere estar e participar” nos órganos nos que se debate a política forestal do país. - Ao fío da elaboración do novo Plan Forestal de Galicia, as organizacións de propietarios advirten do contrasentido de que na comunidade se estea expandindo o eucalipto nitens, cando é unha especie con escasa demanda pola industria do papel e da madeira. Cal é a opinión do sector empresarial sobre esta situación? - Desde a industria entendemos que o Plan Forestal é o traxe que se lle fai a Galicia desde a perspectiva dun desenvolvemento forestal sostible. Pódese definir unha recomendación sobre diversas especies, tamén tendo en conta as características de cada zona da comunidade, pero dicirlle que non a unha especie non nos parece correcto. Tampouco avogamos por ningún monocultivo. No caso do eucalipto, poderiamos ter mesmo unha maior produción de madeira cunha menor superficie ocupada pola especie. O Plan Forestal debe definir que temos, que podemos conseguir e marcar pautas.
"É difícil dicirlle a un paisano que pode plantar que vaia ter demanda en 20 ou 30 anos. Ese non é o enfoque correcto"
- A cuestión que se preguntan os propietarios é que especies plantar que poidan ter demanda. O nitens agora semella que non a vai ter e por outra banda tamén hai dúbidas de que haxa unha industria en Galicia que demande frondosas de calidade, como podería ser o carballo americano ou o castiñeiro. - En España somos deficitarios no mercado da madeira e do moble. En conxunto, importamos máis do que exportamos. Polo tanto, hai demanda de madeira. O que sucede é que o sector madeireiro precisa de estabilidade no abastecemento e de bosques para grandes consumidores. Por outro lado, o mercado non se limita a Galicia. Podemos exportar, non hai que poñer barreiras. A cuestión é ter madeira de calidade en cantidades que permitan competir. Ese é o marco no que hai que pensar. É difícil dicirlle a un paisano que pode plantar que vaia ter demanda en 20 ou 30 anos, ese non é o enfoque correcto. Hai que pensar en políticas para o país. O principal é ter boas plantas e superficies de plantación axeitadas para facer unha boa xestión silvícola.
"A cuestión é ter madeira de calidade en cantidades que permitan competir. Hai que pensar en políticas de país"
- O problema do minifundio forestal é unha das vosas preocupacións, pero o asociacionismo forestal a través das Sofor (sociedades de fomento forestal), que permitirían agrupar a xestión de propiedades particulares, non remata de despegar. - En Galicia non podemos seguir pensando que imos facer no monte mentras teñamos centos de miles de hectáreas de monte abandonadas e un minifundio de 600.000 propietarios forestais para 2,5 millóns de hectáreas. Se non desenvolvemos superficies axeitadas para facer silvicultura, estaremos todos os anos falando do mesmo, do balance dos incendios do verán, que xa é un tema cansino. Precisamos dunha definición do territorio e se non se fai, será culpa de todos os axentes. En tanto non sexamos capaces de tirar os valados e unificar o territorio para xestionalo, pouco se pode facer. - Esta semana estivo a nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nun acto voso en Xinzo, na presentación da campaña ‘O monte é a nosa vida’. ¿Tedes perspectivas de recuperar o diálogo coa Xunta que rachastes na primavera pasada? - En realidade nunca houbo unha idea de irnos definitivamente. Foi un xeito de chamar a atención sobre un sector, o forestal, que entendiamos que non se tiña suficientemente en conta. Outros sacan os tractores a rúa, nós abandonamos temporalmente os foros de interlocución coa Administración, pero está claro que queremos estar e queremos participar. Imos iniciar agora un novo turno de conversacións.
"Nunca houbo a idea de irnos definitivamente dos foros de interlocución coa Xunta. Agora abriremos un novo turno de conversacións"
Nuns días reunirémonos coa conselleira e abordaremos cuestións como a que falabamos do asociacionismo. Pode ser o momento de abrir un camiño de traballo no monte en Galicia para valorar o percorrido que poden ter as figuras de xestión conxunta. Non é fácil, polas nosas características culturais, pero hai posibilidades, quizais pola vía das axudas fiscais ó asociacionismo. Temos que ver como podemos ser capaces de impulsalo. - De cara ós presupostos da Xunta do 2016, aumentan as partidas adicadas a investimentos produtivos no monte. Medio Rural destaca que se pasa de 25 a 51 millóns de euros. Estades satisfeitos con esa mellora? - Todo aumento presupostario, benvido sexa. As expectativas deben ser falar máis cada ano de xestión sostible e de investigación e non estar sempre co tema dos incendios. O problema do monte é político. A preocupación diaria dos políticos vén marcada por se hai moitos ou pouco incendios e a produción forestal queda á marxe dese escenario. Que se aumenten investimentos para adicalos a cuestións produtivas é positivo.
"O problema do monte é político. A preocupación diaria dos políticos é se hai moitos ou poucos incendios"
- Na loita contra os incendios, o sector calcula que cada ano se gastan arredor de 100 millóns de euros na comunidade. - Non sei a cantidade. O que está claro é que onde se valoriza o monte e onde se fai silvicultura non hai incendios. Aí está o mapa de lumes dos últimos anos para comprobalo. O investimento no monte ten ademais unha rendibilidade social en creación de emprego e en xente que non ten que emigrar. Para promover os investimentos, tanto na parte silvícola como na industrial, precisamos dun marco claro de xestión do territorio. En Galicia levamos 20 anos sen unha instalación industrial nova no sector da madeira.

Propostas para mellorar o asociacionismo forestal en Galicia

Odón López empezou o seu relatorio lembrando que “o problema da xestión forestal en Galicia é o minifundio: precisamos unha superficie mínima para que xestión forestal sexa sostible e rendible”. En concreto, situou o mínimo nas 25 hectáreas e o óptimo a partir de 60 hectáreas de monte. “As comunidades de montes por debaixo de 25 hectáreas de superficie non son sostibles”, subliñou. Neste sentido, salientou que unha xestión sostible do monte “implica que haxa unha regularidade nas rendas para que haxa unha xestión técnica e uns investimentos periódicos en silvicultura, defensa contra lumes, pragas e enfermidades”. Ademais, o xefe do Distrito Forestal IV do Barbanza, un dos máis activos en Galicia no asociacionismo forestal e no aproveitamento multifuncional do monte, lembrou que unha superficie mínima “tamén nos permitirá maior resiliencia en caso dunha adversidade -incendio, praga...etc- xa que o normal é que non afecte a toda a masa forestal e mellore prezos, xa que a partir dos 1.500 metros cúbicos os madeiristas pagan máis ao reduciren custos”. “Nin as UXFOR funcionaron nin as SOFOR están a funcionar” A este respecto, Odón López lamentou que as figuras que creou a Xunta de Galicia nos últimos anos para favorecer o asociacionismo forestal e, xa que logo, máis superficie e unha xestión sostible do monte, non funcionaron. “As SOFOR non están a funcionar -só hai 3 en Galicia- porque implican a creación dunha Sociedade Limitada, o que supón unha cuestión complexa para o propietario”, explicou o ponente. Ademais, advertiu de que “tampouco axuda que as SOFOR impliquen a cesión dos dereitos sobre as parcelas, abandonando o concepto de propiedade polo de participación; e a un propietario que vexa que no seu terreo lle toca unha devasa non o anima moito”. E en terceiro lugar, Odón López lamentou que “tanto as UXFOR como logo as SOFOR son dúas figuras que impoñen unha única filosofía para todo o territorio galego, cando existen grandes diferenzas na xestión, na propiedade e no tipo de monte entre as comarcas galegas”. Alternativas ás SOFOR Ante esta situación, o ponente explicou que están a xurdir outras figuras para facer sostible o aproveitamento forestal, como son as asociacións privadas de produtores de madeira, “con propietarios que comparten intereses e crean unha sociedade basicamente orientada para a produción de eucalipto e cunha filosofía de rendemento a curto prazo”. Outra figura alternativa son as cooperativas de servizos comúns, como xestión técnica e tratamentos silvícolas, a través do pagamento de cotas por parte dos asociados, pero sen unha verdadeira unión das superficies. Aspectos mínimos á hora de lexislar sobre asociacionismo forestal Ante esta situación, Odón López expuxo unha serie de aspectos mínimos que considerou necesarios ter en conta á hora de lexislar para que as figuras de asociacionismo forestal que impulsa a Xunta teñan éxito: -Un modelo que se adapte a todos os escenarios da realidade galega. -Que implique unha cesión de dereitos durante un tempo determinado. -Necesidade de seguridade xurídica para evitar que os asociados saian cando hai que achegar capital ou realizar cortas. -Ten que ser esixible a ordenación (a xestión sostible a través dun plan técnico ou documento simple) para garantir a sustentabilidade desa explotación forestal. -Obriga de certificación forestal. Por último, Odón López apuntou dúas consideracións que, na súa opinión, son claves para o éxito do asociacionismo forestal: a importancia dun liderado a nivel dos propietarios que impulse a súa asociación e a necesidade de que haxa consenso social e compatibilidade de usos (actividade gandeira, turística...etc).