Archives

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia organiza unha xornada formativa este mércores en Lugo

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia organiza este mércores unha xornada formativa aberta a todo o público que poida estar interesado nos cambios normativos en relación coa ordenación bovina e nas novidades do rexistro de usos autorizados de produtos fitosanitarios e na futura aplicación do Caderno Dixital. As xornadas enmárcanse dentro da celebración da Asamblea Xeral Ordinaria, que a asociación celebra no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (Campus Terra). A Xunta Directiva considera fundamental seguir apostando pola formación dos asesores rurais que integran o colectivo, un dos principais obxectivos que persegue a asociación, pioneira a nivel nacional no desenvolvemento dos AKIS, siglas en inglés dos Sistemas de Coñecemento e Innovación en Agricultura (SCIA), que comprende a organización combinada e transferencia de coñecemento entre as persoas, organizacións e institucións que empregan e xeran saber para o seu uso no ámbito agrogandeiro. “A nosa Asociación é a única entidade que representa ao asesoramento agrario non comercial, e que desempeñan un papel fundamental no traballo diario cos nosos/as agricultores/as e gandeiros/as a través das propias entidades de aconsellamento, cooperativas, sindicatos agrarios ou pequenas consultorías técnicas de índole autónoma na que traballamos como profesionais libres. Somos unha peza fundamental no motor técnico da profesionalización agraria en Lugo e de toda Galicia”, indica Elena Piñeiro, a presidenta da Asociación. “Tivemos oportunidade de participar activamente nos grupos de traballo de desenvolvemento do metodoloxía AKIS, a través do órgano de coordinación a nivel estatal, e tamén no ámbito europeo dentro da rede i2CONNECT, plataforma que traballa para impulsar as competencias dos/as asesores/as e as súas organizacións para involucrar e apoiar aos agricultores e aos silvicultores en procesos de innovación interactivos en toda a Unión Europea. O ano pasado colaboramos igualmente no proxecto KICAP, impulsado dende a Fundación Juana de Vega para aproveitar as oportunidades da PAC dentro do contexto galego”, afirma Elena. Dende a Asociación tamén se organizaron actividades formativas co apoio da área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao longo de todo o pasado ano, que permitiron afondar no desenvolvemento dos plans de abonado, para coñecer a nova normativa legal que permita a adaptación para levar a cabo unha nutrición sostible nos chans agrarios, así como cursos da aplicación Xeaga, e da propia aplicación informática que desenvolverá o decreto do caderno dixital en Galicia. Tamén poideron coñecer como se realiza o traballo de asesoramento na rexión de Baviera, a través dun programa de intercambio que lles permitiu reflexionar sobre o seu propio traballo de asesoramento, coñecer os sistemas, métodos, medios, ferramentas útiles, ideas de proxectos, etc.., que se aplican noutras rexións da UE e que poidesen ser transferidos á área e rexión de cada un. Dende a Asociación apoian as reivindicacións de todo o sector encamiñadas a propoñer un alivio da carga burocrática pola aplicación da normativa europea a nivel local, e que propicien unha simplificación administrativa nos procedementos vencellados a toda a metodoloxía de traballo no ámbito do asesoramento agrario. PROGRAMA DA XORNADA FORMATIVA E DA ASAMBLEA XERAL ORDINARIA: Día 28/02/2024 - CHARLAS E ASAMBLEA XERAL 9:30-10:30 h. POÑENCIA DE DE SANIDADE ANIMAL: “Os cambios normativos en relación coa ordenación bovina (bioseguridade, formación, medicamentos, etc..) e a plataforma SIGE”. Poñente: D. JESUS CANTALAPIEDRA ALVAREZ. Doutor en Veterinaria. Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. 10:30-12:30 h. POÑENCIA DE SANIDADE VEXETAL “Normativa e marco legal do asesoramento fitosanitario. Rexistro de usos autorizados en fitosanitarios: onde consultar e novidades do rexistro. Novas datas de Caderno de Explotación Dixital e novidades Axenda 2030.” Poñentes: Dª. ÁNGELES ESTEVEZ ALONSO. Xefa de sección do Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense. Dª. DIANA GONZALEZ FERNANDEZ. Xefa da Área de Sanidade Vexetal en Santiago de Compostela. D. VÍCTOR NOVO VÁZQUEZ. Xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal en Santiago de Compostela. 13:00- 14:00 ASAMBLEA XERAL (só para os/as socios/as)

Asesores rurais de Galicia e de Alemaña efectuaron este ano un programa de colaboración

A USC e o Ministerio de Agricultura de Baviera colaboraron nun programa de intercambio de asesores rurais. Esta acción efectuouse durante este 2023 contando co apoio das institucións nomeadas. No seu caso, a USC interveu como Órgano Rexional de Certificación CECRA para a acreditación de Asesores Rurais en España. Intercambiáronse catro asesores rurais por cada entidade. Esta acción permitiulles reflexionar sobre o seu propio traballo de asesoramento, coñecer os sistemas, métodos, medios, ferramentas útiles, ideas de proxectos, etc., que se aplican e desenvolven noutras rexións da UE e que puidesen ser transferidos á área e rexión de cada un. Ademais, este intercambio era unha actividade formativa obrigatoria para que os asesores poidan obter o Certificado Europeo CECRA, que acredita as súas competencias como asesores rurais no ámbito europeo. A delegación alemana que visitou Galicia en outubro conformábana Frank Trauzetel, director da Axencia de Agricultura de Landshut; Matthias Hillmeier, responsable da Coordinación do Asesoramento da Axencia Estatal de Agricultura de Passau e Katrin Patermann, responsable de formación de agricultores da FUEAK (Academia Estatal para o Liderado na Agricultura, Bosques e Agroalimentación en Baviera). Os catro asesores galegos que se desprazaron a Baviera foron Antonio Bestard Roselló. Susana Trastoy Polo, Miguél Angel Francés López e María Elena Piñeiro Sotelo. O obxectivo deste intercambio era coñecer como se realiza o asesoramento rural noutra rexión europea, acompañar ao asesor anfitrión no seu traballo diario e coñecer a súa entidade e organización, visita a explotacións, participar en reunións de traballo e workshop final de estancia. Intercambio na FUEAK O desenvolvemento das actividades para os asesores galegos realizouse na Academia Estatal para liderado en Alimentación, Agricultura e Selvicultura (FUEAK) e no Centro de Formación Agrícola de Landshut Schönbrunn. Esta entidade promoveu e favoreceu a realización deste intercambio. Trátase dunha Academia creada polo Ministerio de Agricultura, na o ano 1959, para a formación e capacitación dos asesores rurais públicos de Baviera e a formación dos docentes e profesores de agricultura; co transcorrer do tempo, converteuse nun centro de servizos integral, ao servizo do Ministerio de Agricultura de Baviera, pero tamén ao doutras administracións.

A Xunta exclúe á Asociación de Asesores Rurais de Galicia no Comité de Seguimento do PEPAC

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia anuncia que a Consellería de Medio Rural rexeitou a súa solicitude de inclusión no Comité de Seguimento do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC). Alegaron a través do propio presidente do Comité de Seguimento Rexional e Autoridade de Xestión do PEPAC en Galicia, Joaquín Macho Canales, que a Asociación carece dun vínculo directo cos obxectivos do PEPAC e que non é representativa de ningún sector ligado directa ou transversalmente. A xunta directiva da Asociación manifesta a súa frustración pola decisión e valora trasladar a súa demanda á propia Comisión Europea para que lle ofreza amparo. A CE está na actualidade traballando en proxectos de desenvolvemento dos modelos AKIS tanto a nivel nacional do territorio español como da propia Unión Europea, polo que este rexeitamento “supón unha oportunidade perdida para implicar a todos os axentes que desenvolven a súa actividade ao redor do rural galego”. Formación durante 2023 O colectivo desenvolveu durante a presente anualidade 2023 unha formación sobre a “Elaboración dun plan de abonado”. que se impartiu os días 6 e 10 de novembro e o dia 1 de decembro.  Para as vindeiras semanas ten previsto realizar un curso sobre a pegada de carbono no sector agrogandeiro, os días 11 e 18 de decembro. Asemade, a asociación impartirá un formación sobre SIEX -XEAGA o día 15 deste mes e noutra data por determinar.  Asistentes ao curso sobre elaboración dun plan de abonado Esta actividade está encadrada no traballo fundamental que desenvolven entidades como esta para o desenvolvemento das potencialidades do sector primario en provincias como a de Lugo, "na que a gandería ten un importante peso territorial e económico e representa tamén un referente académico". Retos para 2024 Dende a Asociación resaltan en Galicia o asesor rural ten unha grande importancia, xa que a “meirande parte dos nosos agricultores e gandeiros están vencellados a un modelo familiar no que a relación de confianza nas persoas que os asesoran é fundamental no ámbito do propio asesoramento rural”. Dende o colectivo indican que o ano 2024 vai a ser moi importante en canto a responsabilidade, carga de traballo e cambios tanto para os técnicos da Administración coma para os Asesores que están no campo. Este traballo verase marcado pola implantación do caderno dixital na maior parte das explotacións; o novo período de axudas de plans de mellora, incorporacións e axudas as pequenas explotacións; a PAC 2024 ou a obrigación do veterinario de explotación e o SIGE con entrada en vigor en xaneiro, entre outras medidas. “As persoas cualificadas que traballamos nestes campos somos moi poucas e está resultando moi complicado poder aumentar o persoal”, indican. A falta de persoal cualificado vai facer que en un período moi curto de tempo se vexan reducidos considerablemente os Fondos Europeos que chegan a Galicia. “Estamos convencidos que entre todas as partes implicadas, si hai vontade, podemos buscar solucións, sendo moi importante que podamos planificar o ano 2024, e dese xeito poder evitar solapes de tramitacións e cargas de traballo imposibles de afrontar”, conclúen dende a Asociación.

Pasos a dar en Portugal para lograr un sistema de innovación agraria sólido e fortalecido

Reunión de membros do AKIS portugués o pasado 26 de maio no Polo de Innovación de Vairão (Vila do Conde)

Na avaliación da actual situación dos AKIS en Portugal identificáronse certos signos de debilidade comúns a outros países da UE: financiamento insuficiente, falta de coordinación, afastamento do sector e entre algúns actores relevantes.

Superar esas barreiras iniciais e fomentar unha maior relación entre os distintos axentes implicados na xeración e transmisión de innovación é unha prioridade para o Ministerio de Agricultura de Portugal no actual período PAC.

Ana María Ribes forma parte do equipo de dinamización da Rede Rural Nacional de Portugal, que ten unha función importante á hora de acompañar o desenvolvemento da rede AKIS do país. “Neste momento o AKIS en Portugal atópase algo fragmentado e imos tentar modificar esa situación, tratando de involucrar máis aos técnicos e asesores agrarios para conseguir que a difusión da innovación e o coñecemento chegue de forma máis rápida aos produtores”, avanza.

Ana María Ribes, Rede Rural Nacional de Portugal: “Imos dar máis formación aos técnicos para que ese coñecemento chegue ao agricultor”

“Foi identificada a necesidade de dar máis formación aos técnicos e asesores nas áreas que foron priorizadas neste novo Plan Estratéxico da PAC para poder transmitirllas ao agricultor, en temáticas como innovación, ecorreximes ou adaptación ao cambio climático”, detalla.

Búscase tamén unha maior integración e aproveitamento de recursos. “O asesoramento público e o asesoramento privado neste momento en Portugal non están interrelacionados, non teñen ligazón entre si, e aparentemente o servizo público é máis feble á hora de transmitir innovación. Por iso estamos a crear grupos de traballo nos que participan técnicos públicos e privados para favorecer esa relación”, explica Ana María Ribes.

Dar valor aos asesores

A nova PAC reforza o rol dos asesores no fortalecemento dos AKIS e no achegamento do coñecemento para a súa posta en práctica no sector agroalimentario. Os asesores agrarios pasan a ser deste xeito facilitadores da innovación.

Rui Almeida é consultor privado e leva anos traballando en proxectos para mellorar a coordinación do sistema de innovación agrícola tanto en Portugal como a nivel da UE, onde se busca unha valorización do traballo e cualificación dos asesores agrarios.

“Un dos nosos puntos débiles en Portugal é a promoción da adopción real da innovación. Xa se fai moita investigación e xa hai agricultores involucrados, pero o que falta é consolidar a adopción desas novas prácticas máis a longo prazo e por parte do conxunto do sector”, asegura.

Ana María Ribes, durante a xornada celebrada en Vila do Conde

Rui Almeida, consultor agrario: “Dentro do AKIS cabemos todos; o obxectivo é desenvolver investigación e innovación para resolver os problemas dos agricultores ou responder a futuras oportunidades”

Para lograr ese obxectivo, considera, “o máis importante é contar cun servizo de asesoramento técnico forte, formado e capacitado para responde a estes desafíos. Os asesores son unha peza chave non só para identificar oportunidades e ameazas conxuntamente cos agricultores, senón para estar dentro dunha rede que permita resolver eses problemas ou potenciar esas oportunidades que aparecen”, insiste.

I2Connect: un AKIS europeo integrado e eficiente

Rui Almeida, explicando o proxecto I2connect aos asistentes

Ese é precisamente o obxectivo de I2connect, un proxecto no que Rui participa e que está financiado polo programa de investigación e innovación da UE, Horizonte 2020. I2connect busca a creación dunha plataforma de asesores a nivel europeo, inventariando quen son os técnicos que traballan no ámbito da innovación agraria nos distintos países e cal é a súa experiencia para poder compartila co resto.

“Buscamos dotar aos asesores de capacidade e coñecemento para poder traballar en innovación interactiva, que é a innovación baseada na interacción dos diferentes axentes, onde cada paso é froito da discusión conxunta, logrando así sumar o coñecemento de cada un e onde o resultado final é moito máis democrático e moito máis útil e utilizable por todos”, destaca.

Dentro deste proxecto realizouse unha completa análise de cal é a situación de partida en cada país. “En Portugal o noso AKIS está cada vez máis maduro. Houbo unha evolución moi grande nos últimos 10 anos e actualmente podemos ver un cambio de percepción importante. Cuestións como a innovación xa non son vistas como algo inalcanzable, senón como algo necesario para facer fronte a desafíos como as alteracións climáticas ou as novas políticas europeas en distintos ámbitos”, asegura Rui.

Con todo, defende que “é necesario traballar en conxunto e en aspectos innovadores en produto, novos procesos ou novos servizos para que nos próximos anos poida ser realmente un apoio chave ao sector agrícola, forestal e tamén á industria agroalimentaria”.

O papel da formación na modernización agraria

No triángulo Ciencia-Innovación-Educación, este último vértice atópase algo máis desconectado do sistema. Constátase a existencia dun certo distanciamento cos actores vinculados á formación profesional e tamén á formación continua do resto de actores AKIS. Isto a pesar de que este é un aspecto moi relevante para o sector agrario nesta década, pois a formación agraria alcanzará especial relevancia para facer fronte a retos como a remuda xeracional, o cambio climático ou a dixitalización.

Zulmira Campelo traballa no ámbito docente dentro da Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP), que creou unha academia para a formación dos seus socios. É un proxecto recente que busca contribuír á asistencia e capacitación dos titulares de explotación e as persoas que se incorporan á actividade.

“É moi importante que os agricultores teñan formación porque estarán máis capacitados para conseguir desenvolver unha agricultura máis sostible e con maior valor engadido”, afirma.

A AJAP é unha das principais organizacións de produtores de Portugal e trata de servir de nexo de unión entre os agricultores e as institucións, tanto a nivel estatal como europeo. Por ese motivo está representada tamén en Bruxelas. Neste sentido, Zulmira destaca o papel destas entidades como “trasmisores ao terreo” das novas políticas da PAC.

Fenda xeracional

Outro dos obxectivos principais da AJAP é axudar aos agricultores para aproveitar os fondos dispoñibles en materia de innovación para contribuír deste xeito á modernización do sector da agricultura e a gandería en Portugal.

Pero non sempre a porta das explotacións permanece aberta á innovación e á adopción de tecnoloxía que derive nun aumento da produtividade, a sustentabilidade e a comunicación entre agricultores e consumidores.

Zulmira Campelo, Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP): “Identificamos a falta de motivación para a innovación entre a maioría dos nosos agricultores maiores”

“Hai unha loita entre xeracións entre novos agricultores, que queren avanzar, e a xeración máis antiga, que é maioría, e máis remisa aos cambios. Non sei se se trata dunha barreira física, cultural ou de que tipo”, recoñece Campelo.

Accións demostrativas e de transferencia

Aplicación da metodoloxía Lego para identificar as principais barreiras do sistema de innovación agraria

Un dos grandes problemas a día de hoxe da formación agraria é a ausencia dunha oferta integrada, pois existe unha gama de coñecementos dispersos en termos de aprendizaxe, onde o saber teórico carece de medidas orientadas á transferencia de coñecemento.

Zulmira Campelo, Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP): “Falta transferencia de información desde a investigación ao agricultor”

Identificouse a necesidade de innovar nas fórmulas de difusión e os intercambios de coñecemento a través de accións prácticas, espazos de encontro e livinglabs. As visitas demostrativas son actividades moi ben acollidas polos agricultores e gandeiros, dado que se produce dentro dun proceso de transferencia do coñecemento entre iguais, onde uns agricultores mostran in situ, nas súas explotacións comerciais, os resultados da implantación de novos procesos ou tecnoloxías para a mellora da produtividade e sustentabilidade das explotacións. A partir deste tipo de actividades xéranse redes que conectan aos agricultores entre si.

Implementar as Demo Farms

Para favorecer os ecosistemas de innovación aberta, desde Europa proponse o establecemento dunha rede de explotacións demostrativas que poidan facer de polos de innovación para fomentar a mellora da rendibilidade, a produtividade e a sustentabilidade dos produtores a través de exhibicións, intercambio de mellores prácticas, casos de éxito e debate sobre asuntos de actualidade, seguindo o exemplo do Teagasc en Irlanda.

“Implementaremos granxas experimentais porque estas Demo Farms xogan un papel importante á hora de diseminar o coñecemento e a innovación. Permiten un intercambio con quen xa experimentou os resultados desas novas técnicas, algo que resulta fundamental para que outros agricultores adopten esas melloras nas súas explotacións”, asegura Ana María Ribes.

Acelerar a innovación: clave para a competitividade e sostibilidade do sector agroalimentario en Galicia

Reunión de representantes dos distintos axentes que participan no Sistema de Coñecemento e Innovación Agrícola (AKIS) de Galicia o pasado 12 de maio na sede da Fundación Juana de Vega

O Sistema de Coñecemento e Innovación Agrícola, en inglés Agricultural Knowledge and Innovation Systems (AKIS), fai referencia ao conxunto de axentes involucrados na transferencia de coñecemento e innovación no sector da agrícola. Facer que traballen de forma coordinada e colaborativa é un dos grandes obxectivos da nova PAC.

Poden ser compoñentes dun AKIS todos aqueles actores públicos e privados, con e sen ánimo de lucro, relacionados co sector agroalimentario: administracións (estatal e comunidades autónomas), agricultores e gandeiros, organizacións profesionais agrarias, cooperativas, federacións de cooperativas, entidades de asesoramento público e privado, investigación, formación superior e profesional, empresas de subministracións e tecnolóxicas, ONGs, fundacións etc. Os AKIS, pola súa propia estrutura flexible, varían entre países, rexións e sectores.

Impulso do AKIS en Galicia

Durante este 2023, a Fundación Juana de Vega, no seu papel de axente tractor do AKIS galego e promotora do desenvolvemento rural na comunidade, desenvolveu diversas xornadas para achegar propostas co fin de contribuír ao fortalecemento e mellor articulación deste ecosistema e, con iso, fortalecer a transferencia do coñecemento e a innovación no sector agroalimentario.

Neste marco, o pasado 12 de maio reuniu na súa sede de San Pedro de Nós (Oleiros) a distintos axentes que contribúen á innovación agraria en Galicia. Neste artigo repasamos as conclusións da xornada, na que se analizaron os retos do Sistema de Coñecemento e Innovación Agrícola (AKIS) en Galicia.

Barreiras de acceso para as explotacións

Os agricultores e gandeiros galegos manifestaron botar en falta un ambiente ou ecosistema máis propicio para o intercambio de experiencias e achácase á falta de rendibilidade económica das explotacións a súa dificultade para asumir o custo das actividades de innovación.

Por iso, deberá realizarse un esforzo para permitir que aqueles sectores e tipoloxías de explotacións (pequenas e familiares) que poidan requirir dun maior apoio para o acceso a asesoramento, o reciban e non queden á marxe das redes creadas.

A excesiva carga burocrática e a desconfianza cara á administración son tamén limitantes para a implementación de novas prácticas

Así mesmo, a percepción da administración como axente sancionador limita a capacidade de establecer relacións de confianza co resto de actores, especialmente cos agricultores e gandeiros, por exemplo para o acceso e intercambio de datos fiables en aspectos clave das súas explotacións, como poden ser os económicos e de rendibilidade.

Máis investigación aplicada

O futuro do sector agroalimentario pasa pola xeración e transmisión de coñecemento orientado ás necesidades do sector. Con todo, nas distintas mesas de debate quedou patente a distancia existente en numerosas ocasións entre a ciencia e a investigación agraria coas necesidades dos agricultores e gandeiros.

Por iso, os programas públicos de investigación e innovación a nivel estatal e rexional deberían contemplar mecanismos de captura das demandas dos agricultores e favorecer a utilización de metodoloxías de co-creación para a xeración de proxectos conxuntos de I+D orientada, entre agricultores e investigadores, tecnólogos e asesores agrarios.

Asesores agrarios: unha peza estratéxica do sistema

O papel dos asesores agrarios é particularmente importante nos AKIS, xa que teñen un claro impacto nas decisións dos agricultores e gandeiros. Representan unha das principais fontes de información para a toma de decisións dos agricultores, desempeñando un papel chave na vinculación da ciencia e a práctica.

Pero o enfoque predominante ata o de agora seguía un modelo lineal, orientado á provisión de solucións prescritas, no cal o agricultor ou gandeiro ten un papel pasivo na adopción da tecnoloxía ou as técnicas recomendadas.

O obxectivo da nova PAC é superar este modelo lineal de asesoramento a través da implementación dun modelo de innovación interactiva no que as solucións son co-desenvolvidas xunto aos produtores, respondendo ás demandas e necesidades expresadas por estes, que participan na toma de decisións, de modo que teñan un papel activo na solución aos seus problemas.

Así, durante a xornada celebrada na sede da Fundación Juana de Vega, quedou patente a necesidade de encarar a dificultade que poden ter os asesores que traballan a pé de explotación para estar ao día dos avances científicos e técnicos, e tamén dos cambios normativos e administrativos.

A reorientación do papel das oficinas agrarias comarcais antóllase fundamental para reforzar os mecanismos de asesoramento técnico imparcial a agricultores e gandeiros

Outro patrón común é a falta de relación entre o asesoramento privado e o público. Debido á escasa interacción dentro do sistema AKIS, a maioría de actores participantes son as empresas de inputs, que desenvolven actividades de asesoramento con fins comerciais.

O asesoramento público atópase en mans das oficinas agrarias, herdeiras do antigo servizo de extensión agraria, aínda que este papel foise desdibuxando das súas funcións, máis orientadas na actualidade á xestión administrativa e cumprimento da PAC.

Só en Canarias, as oficinas agrarias dependentes dos Cabidos Insulares continúan prestando asesoramento técnico público aos agricultores. En Galicia, a reorientación do papel das oficinas agrarias comarcais antóllase fundamental para reforzar os mecanismos de asesoramento técnico imparcial a agricultores e gandeiros.

Unha nova gobernanza dos AKIS

España parte dun AKIS máis disperso e fragmentado en relación a outros países da UE, debido a que as competencias en materia agrícola están transferidas ás comunidades autónomas, pero esta descentralización pode axudar a abordar os problemas e oportunidades do sector desde a base.

Así pois, a fragmentación e descentralización dos AKIS en España non debe supoñer unha debilidade. É máis, con adecuados mecanismos de coordinación e de implicación dos distintos actores nos distintos niveis (rexional e estatal), permitirá reforzar os AKIS e a xeración de sinerxias entre os territorios.

Desde o Ministerio de Agricultura, a través do novo Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), búscase implementar unha nova gobernanza dos AKIS coa que lograr a mellora da coordinación e promover unha cooperación reforzada, na que estean recoñecidos os principais actores, cunha especial atención ao papel dos asesores agrarios.

A nivel estatal creouse un Órgano Nacional de Coordinación AKIS, que traballará conxuntamente cos que se cren a nivel autonómico

A nivel estatal creouse un Órgano Nacional de Coordinación AKIS, que traballará conxuntamente cos que se cren a nivel autonómico, e redactouse un Real Decreto para a coordinación dos AKIS que está en fase de exposición pública.

“No Ministerio de Agricultura estamos convencidos de que o futuro do sector agroalimentario e o medio rural pasa polo fomento da xeración e transmisión de coñecemento orientado ás necesidades do sector e polo fortalecemento das relacións entre todos os axentes que interveñen na súa xeración, para acelerar os procesos de innovación”, asegura Cristina Simón Palacios, da Subdirección Xeral de Innovación e Dixitalización do MAPA.

Dúas ferramentas para apoiar o intercambio de coñecemento entre asesores, produtores e investigadores

LinkedIn agrarioEntre as novas ferramentas previstas no PEPAC destaca a plataforma de intercambio de coñecemento ou back office para o asesoramento agrario, que se presenta como un instrumento útil para mitigar os efectos da fragmentación e dispersión do sistema, permitindo recompilar dos asesores a pé de campo cales son as necesidades agrícolas máis urxentes e compartilas co resto de actores AKIS, en particular cos vinculados coa investigación e formación.

Prevese que esta nova Plataforma de asesores AKIS estea operativa despois do verán e conte cun espazo para que os asesores se poidan rexistrar e expor dúbidas. Ademais dun repositorio con información de interese e un servizo de apoio específico a profesionais do asesoramento agroalimentario, búscase crear unha contorna colaborativa, unha especie de LinkedIn agrario que conecte a investigadores, asesores e produtores.

Grupos operativos. Doutra banda, os grupos operativos constituíronse ao longo dos últimos anos como uns excelentes instrumentos de co-creación que reforzaron os vínculos entre os seus integrantes, o que posibilitou promover novos proxectos e permitiu reforzar a colaboración público-privada para prover solucións en beneficio do sector.

Para o novo período da PAC, haberá 75 millóns de euros para grupos operativos supraautonómicos con convocatorias previstas en 2023 e 2025. A maiores, as propias comunidades autónomas financian, mediante fondos FEADER, grupos operativos de carácter autonómico. Á marxe da PAC, existen fondos específicos para I+D+i na UE, actualmente chamados Horizonte Europa, ao que tamén se poden acoller proxectos agrícolas.

Camiño de non retorno

Ademais de poñer en común fortalezas, debilidades e oportunidades para ter unha visión de conxunto do sector, as xornadas organizadas pola Fundación Juana de Vega representan un punto de partida para fomentar o traballo coordinado e colaborativo entre todos os axentes implicados e cumprir así un dos grandes obxectivos da nova PAC.

A Fonsagrada acolle un curso de formación para novos produtores

A Fonsagrada acolleu este mércores un encontro de proxectos labregos da Montaña, unha iniciativa organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, en colaboración co Sindicato Labrego Galego (SLG), que se desenvolveu ao longo da mañá e da primeira hora da tarde na tenda da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon). A cita atraeu a uns 20 profesionais do sector e incluíu unha visita guiada, xa pola tarde, á granxa de David Outeiro. O obxectivo principal desta actividade é “reunir a distintos labregos e labregas do territorio e a outra xente relacionada co sector para que compartan experiencias e fagan comunidade coa idea de elaborar unha estratexia LEADER coa que potenciar os seus proxectos e sacarlles un maior rendemento”, expón Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. A xornada comezou as 10.30 horas cun café de benvida, ao que seguiu a presentación dos distintos proxectos labregos. Foron un total de 19 os que se expuxeron e valoraron, desde varias gandarías ecolóxicas de distintas especies animais -vacas, porcos, ovellas, cabras, polos ou coellos- ata proxectos de turismo e produción agroalimentaria ou mesmo a iniciativa do Departamento de Produción Animal da Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente, todos os labregos e labregas participantes fixeron unha posta en común analizando as necesidades que existen na zona da Montaña e estudaron varias das propostas para intentar melloralas e atopar solucións idóneas a todas as problemáticas que se lles presentan no seu día a día ás súas explotacións. Logo dun pequeno xantar, que incluíu a degustación de produtos de Asgafon, a xornada continuou pola tarde cunha posta en común de todo o que se falou durante a mañá para tirar conclusións e valorar se algunhas delas poden ser incluídas na futura estratexia LEADER do GDR. Este encontro de proxectos labregos finalizou coa visita á granxa de David Outeiro.

Valoracións dos participantes

Os labregos e labregas que se achegaron á tenda de Asgafon para coñecer outras realidades e ofrecer a súa visión sobre as súas explotacións agroalimentarias na Montaña fixeron unha valoración moi positiva desta iniciativa posta en marcha polo GDR Montes e Vales Orientais e o Sindicato Labrego Galego. David Outeiro, propietario da granxa ecolóxica de vacas cachenas, onde practica a coñecida como gandaría rexenerativa, foi un dos que expuxo o seu proxecto vital e empresarial, que se iniciou no 2021 cando se veu “da cidade de Lugo ata Mazaeda, na Fonsagrada, terra de orixe de miña nai, para poñer este proxecto en marcha porque creo nun futuro no medio rural para a mocidade”, sinala. Outeiro considera “esencial que os proxectos labregos asentados no territorio teñan unha relación co programa LEADER e os GDR que os xestionan os poidan ter en conta”, ao tempo que asegura que é tamén importante “facer este tipo de actividades para intercambiar necesidades, opinións, formación e sobre todo ter unha convivencia e un coñecemento mutuo”, conclúe. Pola súa banda, Dora Cabaleiro, labrega, membro do Sindicato Labrego Galego e copropietaria da Cooperativa Ribeiregas, en Negueira de Muñiz, tamén amosou a súa gratitude pola organización deste encontro. “Estou moi feliz de que se fixera esta iniciativa porque me parece moi importante que, na situación de colapso que vivimos na actualidade, se estean buscando fórmulas para unha transición agroecolóxica e que nesta se teña en conta a produción primaria, xa que os labregos e labregas somos os que custodiamos o territorio”, subliña. Cabaleiro aplaude “calquera iniciativa conxunta, colaborativa e participativa que faga rede deses proxectos, que os poña en contacto e sirva para planear xuntos cales son as necesidades que temos no territorio, polo que vexo moi positivo para a comarca este primeiro encontro e agardamos que sexa semente de próximas colaboracións”, demanda.

Curso sobre instalacións para asesores en gando vacún de leite e carne

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en coordinación coa Subdirección Xeral de Planificación da Extensión Agraria, oferta un novo curso de formación de asesores, neste caso, especializado no gando vacún de leite e carne. O módulo comeza hoxe no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo) e continuará con visitas en xullo a varias explotacións gandeiras. Este curso de formación está enmarcado no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, co obxectivo de formar aos asesores públicos, para que poidan prestar unha mellor atención á cidadanía. Así, este novo módulo está orientado a tratar os diferentes aloxamentos e instalacións complementarias dentro dos sectores lácteo e cárnico do vacún. As charlas, destinadas a persoal técnico e asesor da Consellería, comezan hoxe co tratamento, principalmente, do deseño das instalacións gandeiras ou a tipoloxía dos aloxamentos. O curso continuará no mes de xullo con visitas a unha granxa de leite e a varias explotacións de vacún destinadas á produción de carne, con sistemas de manexo diferentes.

Finca Cabreira: “As decisións importantes que tomamos sempre van da man dos técnicos”

Manuel Candamio, xunto ás súas vacas na nave construída en 2018, a última ampliación realizada Gañar en eficiencia como forma de reducir custos e adaptar a produción ao tipo de leite que demanda a industria para incrementar beneficios nun sector cada vez máis competitivo e profesionalizado. Esa é a filosofía de traballo de Finca Cabreira, unha gandería que aposta pola optimización dos distintos procesos que require a produción láctea a través da tecnoloxía. Manuel Candamio está á fronte desta explotación situada en Outeiro de Cela (Irixoa), que muxe 185 vacas neste momento. Tras titularse en Empresariais pola Universidade de Porstmounth e traballar no sector inmobiliario, Manuel incorporouse en 2013 á granxa que ata ese momento rexentaran os seus sogros, Emilio Freire e Fina Calvo, que acababan de xubilarse. Fíxoo coa intención de garantir a continuidade da explotación, na que a familia investira toda unha vida de esforzo e diñeiro. “Aínda que eu nunca traballara como tal na granxa, na casa sempre se falaba da gandería, polo que estaba familiarizado co día a día e coñecía ao persoal técnico que viña á explotación. Apoiado por eles e polos meus sogros decidinme a coller a granxa. Aos poucos funme incorporando, deixáronme facer e cando me dei conta estaba metido de cheo”, indica. Primeiro obxectivo: dimensionar a explotación Baixo unha mentalidade máis empresarial, o primeiro obxectivo para poder pasar dunha explotación de carácter familiar a outra máis profesionalizada era alcanzar un volume suficiente, Así, aquela gandería que Manuel colleu no ano 2013 foi aumentando de tamaño ata duplicar a produción a día de hoxe.
Nunha década duplicaron a produción e profesionalizaron a xestión para gañar en eficiencia
De forma paralela, a granxa foi tecnificándose ata converterse nunha moderna explotación dotada con sistemas de toma de datos, pero que conserva en uso aínda construcións con máis de 50 anos de antigüidade, que foron adaptándose e modernizándose. “Aproveitamos todo o que había e fomos ampliando. Aquí pode verse a historia da gandería en Galicia: o establo máis antigo é o que está a carón da casa e o máis moderno o que está máis afastado”, detalla.
Viamos que para poder continuar na actividade tiñamos que seguir medrando e modernizándonos
“A última nave, construída en 2018, fixémola porque viamos que se queriamos vivir con certa dignidade todos os que estabamos aquí metidos, tanto nós como os traballadores, necesitabamos ter comodidade e confort. E o volume o que che dá é a capacidade de poder contratar a máis traballadores e organizar quendas doutra maneira”, explica. De man de obra familiar a depender de persoal contratado Pero aumentar de tamaño significa pasar a depender de man de obra externa, algo que non abunda. “Eu creo que a dificultade para conseguir man de obra, sobre todo cualificada, é un problema moi serio a día de hoxe nas ganderías”, recoñece. Ante esta carencia xeralizada de formación entre a man de obra dispoñible no mercado laboral, apostan pola formación e a cualificación na propia granxa. “Tes que optar por contratar man de obra sen cualificar e formala ti. A nós aquí gústanos facer cursos de formación para os nosos empregados. Fixemos cursos de inseminación, de manexo de tenreiras, de técnicas de muxido. Aqueles aspectos que temos interese en mellorar buscamos a alguén que saiba realmente do tema para que nos forme aquí na propia explotación, para que sexa tamén unha formación adaptada ás condicións que temos aquí na granxa”, conta.
Adoitamos facer catro ou cinco cursos de formación ao ano na propia explotación para mellorar en distintos aspectos que consideramos necesarios
Manuel recoñece que non é habitual no sector ver este tipo de iniciativas pero el considera a formación como un aspecto básico para mellorar o funcionamento da súa granxa. “É certo que moitas veces tes a sensación de que estás a formar a xente que se cadra dentro de pouco marcha, pero por iso non vas deixar de formala. Para min é unha satisfacción ver como evolucionan de forma positiva os nosos traballadores”, argumenta. Tecnificación da granxa para reducir necesidades de persoal Xunto á formación continua, a estabilización do persoal é outra das prioridades desta explotación. “Este é un traballo monótono, de sábados, de domingos e de festivos e hai que lidiar con todos eses inconvintes”, admite. Neste momento esta gandería conta con 5 empregados ademais de Manuel e apoiáronse na mellora das instalacións para poder gañar calidade de vida. “Estivemos a estudar as distintas tecnoloxías que había dispoñibles e que nos podían permitir modernizar a granxa e ao final quedámonos coas que nos podían permitir ser máis eficientes e facer o traballo de forma máis cómoda. Tal como temos hoxe a explotación, dúas persoas son suficientes para atender o día a día da granxa”, indica.
Hai unha necesidade evidente de man de obra nas explotacións
Esas dúas persoas non necesariamente teñen que ser as mesmas pola mañá e pola tarde. De feito, en Finca Cabreira traballan cun sistema de quendas de mañá e tarde que permite aos seus traballadores realizar xornada continua e librar dous días á semana, ben xoves e venres ou sábado e domingo. Paso de tres a dous muxidos Finca Cabreira dispón na actualidade dun rabaño total de 220 vacas adultas, das que están a muxir a día de hoxe unhas 185, con picos por enriba de 190 noutros momentos do ano. Tras facerse cargo da explotación, Manuel tomou a decisión en 2015 de pasala a tres muxidos, un sistema que mantiveron ata 2022, cando ao cambiar de empresa compradora optaron por regresar de novo ao sistema de dous muxidos. “Empezamos a entregar o leite a Entrepinares. Como nos paga mellor as calidades, convíñanos obter menos litros e máis sólidos”, explica.
Fixemos unha aposta polas calidades ao pasar de entregar a Leite Celta a facelo a Entrepinares
Coa volta a dous muxidos perderon produción, pero reduciron tamén as necesidades de man de obra da granxa. “Estabamos en 43 litros con 3 muxidos e agora cústanos traballo manternos en 37 litros, pero pasamos dunha porcentaxe do 3,40 de graxa a 3,80 e do 3,30 a 3,40 de proteína”, detalla. Segundo obxectivo: gañar superficie agraria “Nestes momentos o noso obxectivo é estabilizar a explotación e centrarnos en conseguir un leite da mellor calidade adaptado á industria que nos recolle e tentar rendibilizar iso ao máximo, pero a nosa intención non é crecer no número de cabezas porque para iso teriamos que aumentar tamén en terras”, admite Manuel. Sementan 60 hectáreas a millo, nas que nunha parte fan rotación anual con raigrás e noutra parte con chícharo para abono verde. A maiores, dispoñen doutras 12 hectáreas a herba permanente.
Sementan 60 hectáreas a millo en rotación con raigrás e chícharo
“A falta de superficie é para nós un condicionante. Se puidésemos dispoñer de fincas útiles de tamaño grande e a poder ser preto da explotación as nosas condicións de produción serían moi diferentes, pero aquí a media de superficie por finca está entre 1 e 2 hectáreas”, explica. A maiores do pequeno tamaño das parcelas está o problema do xabaril. “Fainos grandes desfeitas, é moi desesperante”, afirma. Con eses condicionantes, non logran ser autosuficientes en materia de alimentación. “Millo compramos algo todos os anos, non moito, pero procuramos acabar a campaña con todos os silos cheos, polo que compramos xa na finca o que nos falta para completalos, porque iso é sempre unha garantía, dáche tranquilidade para todo o ano. Dependendo da colleita podemos comprar entre un 5 e un 15%. Este ano compramos pouco porque nos sobrou do ano anterior e ao final a campaña foi mellor do que se esperaba e fomos salvando”, conta. Un dos motivos para non verse afectados pola seca foi labrar cedo. “Somos sempre dos primeiros en sementar nesta zona; poñemos ciclos 500”, explica. Parte do traballo agrario fano eles mesmos. “Nós aramos e sementamos o millo pero despois contratamos todo o traballo de ensilaxe. Tiñamos un tractor e unha serie de maquinaria que seguimos usando, pero posiblemente cando cumpra a súa vida útil non volvamos comprar outra para centrarnos en atender o gando”, indica. Sala de muxido de 40 puntos Finca Cabreira conta cunha sala de muxido con 40 puntos que montaron cando muxían tres veces ao día coa intención de axilizar o proceso e asegurar a súa operatividade en todo momento. “Realmente son dúas salas de 20 puntos cada unha que non comparten nada do sistema, nin a bomba de baleiro nin a de descarga. Desa forma, ao ter un funcionamento independente, se temos unha avaría nunha parte podemos seguir traballando coa outra. Cando estabamos en tres muxidos non nos podiamos permitir ter a sala parada por calquera contratempo porque en caso de necesitar facer calquera reparación podíaseche xuntar un muxido co outro. Desta forma, en caso de avaría sempre estamos cubertos e a sala sempre está operativa”, razoa Manuel.
Muxen ás 7 da mañá e ás 6 da tarde. Acaban en hora e media
Ao ter o gando dividido en tres lotes e unha sala de muxido cunha capacidade importante reducen a presenza das vacas na sala de espera. “A nosa idea era muxir moi rápido para non molestar moito tempo ás vacas. Nunha hora e media acabamos de muxir as 180-190 vacas que temos normalmente en produción”, explica.
A maquinaria do sistema de muxido está nun túnel baixo a propia sala para evitar que os equipos se mollen e se estraguen
Para a almacenaxe do leite dispoñen dun tanque vertical de 30.000 litros e a maquinaria da instalación de muxido está nun túnel baixo a propia sala, o que evita que as bombas se mollen, se manchen e avaríen. “Na parte de arriba só están as pezoneiras, desta forma evitamos que o resto do sistema se estrague. Tivemos que facer algo máis de obra á hora de montar a sala pero ese investimento ímolo recuperar na duración dos equipos”, asegura Manuel. Apoiarse en asesoramento externo Aínda que afirma que “todos os galegos levamos no noso ADN o manexo da vaca”, Manuel é dos que se deixa asesorar porque considera importante contar con apoio externo de carácter profesional, destacando o gran nivel dos técnicos que axudan no día a día ás explotacións en Galicia. Traballan con Seragro para nutrición, calidade do leite, reprodución e podoloxía e da xestión da granxa encárgase a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. “Aquí calquera cambio que se fai é consultado para que as distintas decisións que tomamos conten cun aval técnico detrás”, recoñece.
As decisións importantes que tomamos na nosa explotación sempre van da man dos técnicos que nos asesoran
Os insumos cómpranos á cooperativa O Plantel, situada en Pederne e formada por 200 socios da comarca de Betanzos, que lles proporciona tamén o servizo de carro mesturador. “Fano dunha forma rápida, económica e eficiente e é unha carga de traballo que estamos a delegar neles e que nos permite a nós ter máis tempo para centrarnos noutras cousas”, argumenta. En vacas de produción teñen tres lotes: postparto, vacas adultas e primeirizas. “Xogamos con alimentación diferenciada en cada un dos lotes en función das súas necesidades e do que esperamos obter, con menor inxesta e unha comida máis enriquecida en posparto; máis inxesta en vacas adultas e menor inxesta en primeiro e segundo parto”, explica. Redución do consumo enerxético Nos cubículos da última ampliación utilizan area como material de recheo e nos máis antigos serrín con carbonato, dado que as fosas máis antigas non se adaptaban ao uso de area. A nivel de instalacións, di, “acabamos de facer uns investimentos bastante grandes e creo que temos capacidade de mellora sen meternos a máis gastos”. “Cando logremos rendibilizar os investimentos realizados poderiamos propornos melloras nas instalacións de recría para ter máis cómodos aos animais e traballar tamén nós máis cómodos”, avanza. Hai un ano apostaron pola instalación de placas solares, cunha potencia de 150 Kw/h, e un sistema de baterías que lles permitiu amortecer o forte incremento do prezo da luz producido desde entón. Contan tamén con intercambiadores de placas e recuperadores de calor para aproveitar ao máximo a enerxía xerada no proceso de arrefriado do leite. Ademais de lograr un aforro enerxético conseguen estabilizar antes a temperatura do leite no tanque, o que redunda nunha mellor calidade hixiénica. Futuro do sector Un fillo de Manuel, de 21 anos, está xa incorporado á explotación e ao seu pai gustaríalle que dese continuidade ao proxecto, aínda que prefire “non forzarlo”. “O gran problema que temos as ganderías a día de hoxe é a incerteza. É difícil saber que nos podemos esperar dentro duns anos pero creo que haberá concentración de explotacións e que as que queden serán cada vez máis eficientes”, prognostica.
O sector lácteo ten todo o futuro do mundo pero para iso as granxas deberemos superar novas esixencias
“É evidente que hai futuro neste sector e eu creo que este traballo será máis respectado do que é hoxe, aínda que para iso haberá que superar toda unha serie de novas esixencias a nivel de PAC, de xurros ou de benestar animal”, asegura.  

Aposta pola dixitalización da explotación e a monitorización do gando

Á vez que modernizou as súas instalacións, coa construción dunha nova nave, a reforma das máis antigas e a instalación dunha nova sala de muxido, Finca Cabreira deu pasos tamén nos últimos anos na monitorización do gando, o que lles levou a cambiar rutinas de saúde, reprodución e manexo na granxa. “Terminamos fai agora tres anos unhas instalacións novas que nos obrigaron a tomar decisións, porque deixamos de ser unha explotación familiar, sen practicamente man de obra contratada, a ser unha explotación cunha dependencia case total da man de obra asalariada. Isto fíxonos pensar que debiamos incorporar toda a tecnoloxía que houbese dispoñible no mercado para que nos axudase a mellorar e a darlle futuro ao noso proxecto”, argumenta Manuel. O cambio ás novas instalacións provocou ademais unha situación “complexa” na granxa. “Empezamos a ter unha serie de patoloxías, que se manifestaban basicamente no período seco e despois tamén no postparto e chegamos a estar preocupados”, recoñece.
A forma de traballo na granxa foi cambiando e fómonos adaptando a esta nova tecnoloxía que nos axuda a tomar decisións no día a día
Aconsellados polos técnicos que asesoran á granxa en materia de nutrición e reprodución decidiron substituír os podómetros por colares de monitorización. “Fixemos dous grupos de animais dos cales queriamos recibir información, por unha banda preparto, vacas secas e postparto e doutra banda as xovencas”, explica. “O que noto moitas veces na nosa explotación é que os gandeiros nos dedicamos continuamente a apagar lumes inmediatos do día a día, cando deberiamos dedicarnos a ter un obxectivo claro a máis longo prazo. Este tipo de tecnoloxía é útil para apagar lumes, pero axúdache sobre todo a tomar decisións a máis longo prazo”, valora.
Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na nosa granxa
A nivel de xestión da granxa, a información que achegan os colares en materia de nutrición e benestar axudan ao gandeiro para tomar decisións, por exemplo á hora de establecer as rutas e horarios do robot encargado de arrimar a ración ou para saber se é necesario instalar sistemas de arrefriado que reduzan o estrés por calor do gando. “Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na granxa. Estabamos nun momento delicado, con problemas que desapareceron bastante rápido, pero boto de menos un programa que unifique todos os datos e que o saiba manexar todo o mundo”, conclúe. Cambio de podómetros por colares Traballan con tecnoloxía de Allflex para a toma de datos. “Agora mesmo temos os colares nos grupos máis críticos, que son vacas que se van a secar, vacas secas, postparto e celos de xovencas, pero a nosa idea é ir substituíndo os podómetros, a medida que se vaian gastando, por colares”, avanza.
Nas xatas os colares usámolos para detectar celos e en vacas secas para evitar posibles patoloxías
“A vantaxe do colar é que é máis eficiente en detección de celos e dános información adicional que o podómetro non nos dá, por exemplo en rutinas de grupo, inxesta, tempo de descanso, rumia, que combina en forma de gráficas moi fáciles de entender e que permiten tomar decisións no día a día”, destaca. “Nas xatas os colares queriámolos basicamente para detectar celos, porque aínda que xa estabamos a traballar con podómetros, obrigábanos a que o animal tivese que pasar por un punto en concreto para descargar a información”. O receptor estaba situado nun dos bebedoiros, pero ao dispoñer de máis dun, creábanse distorsións na detección, algo que os colares solucionan, porque non traballan coa necesidade de que o animal pase por un lugar en concreto”, explica. Datos dous meses antes do secado selectivo En canto ás vacas en lactación, empezan a tomar datos dous meses antes do período de secado. “Dous meses antes do secado o software vai cargándose de datos e facilitándonos información”, indica. “Nas vacas secas non tiñamos ningunha información delas máis que o ollo do gandeiro e moitas veces cando nos dabamos conta de que había un problema xa era unha patoloxía avanzada que requiría nalgúns casos o uso mesmo de antibióticos, por tanto, para nós era fundamental ter datos deste lote de vacas secas”, insiste. Nesta explotación de Irixoa realizan secado selectivo, co que reduciron considerablemente o uso de antibióticos. “Seragro envíanos mes a mes as directrices sobre que vacas secar e con que e non temos habitualmente problemas, aínda que o verán pasado si notamos o estrés por calor no gando e estámonos propoñendo instalar ventiladores, porque tivemos perdas de inxesta e produción, baixou a fertilidade e as mamitis clínicas disparáronse”, recoñece. No lote de vacas secas, onde os animais pasan un máximo de dous meses, están tamén as xovencas próximas ao parto. Tras parir pasarían ao lote de posparto, con capacidade para 40 animais. “Son as vacas que temos que vixiar máis e tamén son as que muximos primeiro e a medida que van entrando vacas paridas imos sacando as que levan máis tempo”, explica. Detección precoz de enfermidades postparto “Antes de dispoñer dos colares o seguimento ás vacas paridas era manual. “Colliamos a todas as vacas que parían e mirabámolas cada dous días, cubrindo a man unha táboa con información sobre o seu estado de saúde, o que supoñía maior carga de traballo e menor fiabilidade dos datos, ao depender da subxectividade do observador. Xurdíannos dúbidas sobre se a vaca rumiaba ou non e sobre se as feces estaban ben ou non”, exemplifica. “Non era unha información obxectiva e non nos permitía ter un criterio claro de cando chamar ao veterinario ou non”, indica. “Agora podemos centrar a nosa atención unicamente nos animais que realmente o necesitan, porque o software sácanos unha listaxe das vacas que teñen algún problema. Ao resto das vacas nin as molestamos. Chamamos ao veterinario só para que veña a ver ese animal en concreto e o que facemos é revisar co veterinario diante do computador toda esa información e eses datos do estado do animal que nos achega o sistema antes de ir ver á vaca e diagnosticar a enfermidade e se é pertinente darlle un tratamento. Moitas veces o programa está a darche alertas antes de que a vaca manifeste síntomas ou unha baixada do leite, como ocorría antes, e nese momento cun tratamento preventivo estamos a evitar xa o problema”, valora. Tras aplicar o tratamento necesario, o sistema permite tamén realizar un seguimento e comprobar a evolución día a día do animal. “Iso achéganos unha gran satisfacción, de ver que esa vaca foi collida a tempo e puidemos salvala”, razoa. Mellora dos índices reprodutivos Con 220 vacas e 175 xatas, a mellora da fertilidade do rabaño era outro dos obxectivos desta explotación coa instalación de tecnoloxía de monitorización do gando. “Os colares, fronte aos podómetros, permitíronnos unha maior detección de celos e unha mellora en materia de fertilidade. O máis importante é que nos di cal é o momento óptimo da inseminación, algo importante ao utilizar seme sexado, que son doses de touros de alto valor xenético e cun custo elevado”, aclara Manuel.
Os colares danche máis seguridade á hora de utilizar seme sexado
No establo construído polos seus sogros en 1997 teñen o lote de primeirizas, con 70 animais, e as xatas, divididas en dous lotes: as que están para inseminar e as xa preñadas. Colocan os colares para detectar o celo nas xatas de cara á primeira inseminación, que realizan aos 12 meses se o animal cumpre as condicións corporais necesarias, situándose a media da granxa ao primeiro parto en 21 meses. “Os colares axudáronnos a mellorar bastante nese aspecto”, asegura. Programa de xenómica A principios de 2022 empezaron tamén cun programa de mellora xenética de ABS, GENEadvance, que consiste no xenotipado de todos os animais e a fixación de criterios de selección que no seu caso pasan por máis sólidos e aumento da lonxevidade. “Queremos vacas que nos dean graxa e proteína e que nos duren máis tempo sen darnos problemas”, indica Manuel.
Poñen seme sexado na maior parte das xatas, salvo as descartadas tralo test xenómico, e no 40% das vacas
“Pensamos que este programa vainos permitir un avance moi rápido, porque te centras só naqueles animais que che interesa, descartando o resto, permitíndonos corrixir erros que a xenómica che identifica e que se cadra non eras capaz de ver co pedigree. Agora só usamos seme sexado e de carne e podemos optar a touros de elite que só entran neste programa”, destaca. Rendibilizar os machos Na antiga sala de muxido habilitaron un espazo para ter os machos de cruces cárnicos con azul belga. “Estas doses custan tres veces máis que unha dose normal de azul belga pero son animais que en cebadoiro teñen un comportamento superior aos outros en conversión cárnica, uns 300 gramos ao día máis de ganancia de peso. Temos xa dous cebadoiros interesados en traballar con nós”, indica.
Os machos son encalostrados e reciben os mesmos coidados que as femias, non facemos distincións
A súa intención é poder comercializar directamente os seus machos, mediante acordos estables con estes cebadoiros, ofrecéndolles animais cun óptimo crecemento e que isto redunde tamén nuns maiores ingresos para a granxa. “Estamos a analizar cal é o mellor momento para a saída dos animais, tanto para o cebadoiro como para nós, e posiblemente sexa despois do destete. Fariámoslle ese labor ao cebadoiro”, engade. Os machos son encalostrados e aleitados cos mesmos protocolos que as femias, sen facer distincións nos coidados. “Traballamos con Xesga nun procedemento serio de desinfección dos boxes que nos obrigou a facer algún investimento en canóns de escuma e cada 3 días cámbianse todos os caldeiros, desinféctanse e quedan colgados do revés para que sequen. Procuramos ser metódicos pero cun sistema moi simple para que se faga e se cumpra”, indica. Pasteurizador para o calostro e o leite Dispoñen de pasteurizador e quentador de costro, que teñen sempre conxelado. “Cando nace unha cría lévase para o box e ponse o calostro a desconxelar para aplicarllo con sonda canto antes. Despois sóbese á nai para sacarlle o costro, que se analiza e se é de boa calidade pasteurízase e conxélase para ter reservas nese banco de calostro conxelado co que traballamos. Desta forma garantimos sempre a calidade do calostro que proporcionamos ás tenreiras”, detalla.
Dispoñen de costro conxelado que aplican con sonda (4 litros) ás tenreiras recén nacidas
Teñen tamén un taxi que pasteuriza o leite para ofrecerllo ás tenreiras á temperatura e condicións hixiénicas idóneas, así como lavalouzas para os biberóns unha vez realizada cada toma. Aos tres meses empezan a destetar. “Temos un procedemento bastante claro para todo o proceso de aleitado, identificando as tomas con cintas de cor verde (un biberón de 3 litros pola mañá e pola tarde), azul (un biberón de 4 litros pola mañá e pola tarde), de novo verde e finalmente amarelo (un biberón de 3 litros só pola mañá) previo xa ao destete”, detalla. Realizan o proceso completo de recría na propia granxa, para o que tiveron de reformar distintas naves, tanto antigos establos como almacéns e outras dependencias para acoller aos animais coa maior comodidade posible. “A recría require espazo”, afirma Manuel. Ese será o próximo obxectivo de Finca Cabreira.

Estas son as asociacións e cooperativas agrogandeiras que recibirán os 3,25 millóns de euros da Xunta para asesorar aos produtores

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural de 2022 para o asesoramento a persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Así, un total de 40 entidades galegas recibirán unha achega de 3,25 millóns de euros para axudar ás explotacións a que melloren os seus resultados económicos, ambientais e a súa capacidade de adaptación ao cambio climático. Porén, só 4 destas entidades copan o 56% destas axudas: Unións Agrarias-UPA, que recibe 948.600 euros; a lucense Taxo Asesogal -antiga Arza Enxeñería- que recibe 337.800 euros; a cooperativa CLUN, cunha axuda de 334.000 euros e a cooperativa AIRA, que percibirá 240.000 euros. Son subvencionables os custos en concepto de honorarios orixinados polos servizos prestados, entre os que se poden incluír os custos de persoal, viaxes, material e gastos de funcionamento. Nesta liña, as entidades que prestan estes servizos poderán recibir un importe entre os 800 e os 1.000 euros, en función da modalidade de asesoramento. Así, a través destas axudas da Xunta poderase financiar o asesoramento básico, o específico para a xestión da aplicación Contaláctea -implementada pola Xunta- ou o plan de xestión ambiental e loita contra o cambio climático do sistema integral de xestión de explotacións.

Listaxe das entidades beneficiarias:

Enlace á resolución no DOG

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Terractiva: un proxecto de apoio á incorporación de novos activos ao campo

O Centro de Promoción Rural-Escola Familiar Agraria (EFA) Fonteboa foi o lugar de presentación do proxecto Terractiva, unha iniciativa levada a cabo de xeito cooperativo entre diferentes organismos que procura crear un marco metodolóxico de cara a capacitación de entidades para o apoio á incorporación de novos activos ao campo, poñendo énfase especialmente sobre os modelos agroecolóxicos e sostibles. Deste xeito, a Xunta aportou 180.000 euros para facilitar o desenvolvemento desta proposta. Nesta liña, Terractiva aposta por producións cun alto potencial no sector agrogandeiro galego, a través do fortalecemento dos marcos de apoio, en particular, mediando e facilitando o acceso á terra ou aportando definición e acompañamento en itinerarios de incorporación a medida, aproveitando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais. Cabe sinalar que esta iniciativa nace da cooperación de diversas entidades que forman parte do grupo operativo que colabora para levar a cabo o proxecto. En concreto, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, a Fundación Juana de Veiga, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e a cooperativa Horsal. O proxecto executarase en 24 meses a través de cinco actividades principais: caracterización das novas incorporacións ao campo, ferramentas de apoio na identificación e acceso a terras de aptitude agraria, ferramentas para guía e acompañamento na incorporación, xestión e coordinación técnica e económico-administrativa e, por último, comunicación e divulgación das actividades e resultados do proxecto.

Críticas de técnicos e asesores gandeiros á falta de orzamento para produción ecolóxica

Segue o malestar no sector agrogandeiro vinculado á produción ecolóxica coa decisión da Consellería do Medio Rural de non incrementar a partida orzamentada para as axudas agroambientais deste ano destinadas ao fomento da produción ecolóxica dentro do segundo pilar da PAC.  Ás protestas dos sindicatos agrarios sumanse esta semana as queixas dos técnicos que asesoran aos gandeiros e de entidades que fomentan a extensificación das producións. A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de remitir cartas á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Comisión Europea para denunciar o “ataque frontal a unha das principais prioridades da PAC” que supón a falta de orzamento para agricultura ecolóxica neste ano 2022 e pedir a ampliación das partidas. Desde a SGPF consideran “grave” que “máis do 50% das solicitudes de axudas á gandería ecolóxica non vaian ser aprobadas nesta campaña”. “A causa dos criterios de priorización fixados pola Consellería, boa parte dos novos inscritos no 2021 así como importantes ganderías que levan máis de 10 ou 15 anos certificadas quedarán fóra das axudas”, asegura a nova presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Isabelle Gómez.
As cartas van dirixidas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda; ao ministro de Agricultura, Luis Planas, e ao Comisario europeo, Janusz Wojciechowski
Na súa carta ás institucións públicas, desde a SGPF explican que as axudas anuais que reciben os agricultores e gandeiros certificados polo CRAEGA débense “aos incrementos de custos que implica a produción ecolóxica e a menor rendibilidade desta fronte ás explotacións convencionais”. Sen convocarse desde o ano 2016 “Nos anos 2015 e 2016 puidéronse solicitar estas axudas para un período de 5 anos, rematando no 2019 e 2020 respectivamente, sendo prorrogadas nos anos 2020 e 2021. Soamente aquelas explotacións que entraron antes do 2016 na certificación ecolóxica puideron solicitar estas axudas, quedando fóra as que mudaron o seu xeito de produción nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020. Isto supuxo unha acumulación de explotacións sen axudas por falta de novas convocatorias”, detallan.
Estívose fomentando a conversión das explotacións e a superficie certificada polo CRAEGA aumentou en máis de 10.000 ha en só 2 anos
“No ano 2021 a Consellería do Medio Rural, a través do FOGGA, anunciou unha nova convocatoria de axudas no 2022 e desde a AGACAL realizáronse charlas formativas por todo o territorio galego coa finalidade de fomentar as novas incorporacións á gandería ecolóxica e informar dos trámites que se debían realizar antes do 31/12/2021 para poder solicitar a axuda no 2022”, lembra a SGPF. Froito da falta de convocatorias en anos anteriores e do fomento de novas incorporacións, no 2021 xerouse unha grande expectativa no sector e moitos agricultores e gandeiros decidiron certificar a súa produción á espera da nova convocatoria.
O orzamento necesario para cubrir todas as solicitudes sería 5 millóns de euros, pero a Xunta só puxo 3
“A Consellería do Medio Rural, aínda sabendo que a superficie solicitada ía incrementarse en máis de 12.000 hectáreas, o que implicaría un aumento do orzamento necesario en máis de 3 millóns de euros, incrementou o orzamento respecto da convocatoria de 2015 unicamente nun millón de euros”, critica Isabelle. “Todas as explotacións solicitantes deberon cumprir ao longo de 2022 as esixencias da axuda, entre elas facer a transición á gandería ecolóxica, cos seus custes de implantación e mantemento, e pagar os servizos de asesoramento necesarios”, indica, polo que solicita “que se incremente o orzamento da actual convocatoria 2022 para que todas aquelas explotacións que cumpran os criterios poidan ter as axudas”.

“Sentimos que a Administración non está cumprindo co que ata agora estivo promovendo”

Tamén a Asociación de Asesores Rurais de Galicia mostra a súa “preocupación” pola actual situación das axudas a explotacións en ecolóxico. “Todo facía prever un apoio total da Consellería do Medio Rural á agricultura e gandería ecolóxica e os gandeiros responderon. Moitos dos nosos socios séntense desilusionados e desamparados despois de volcarse en informar e animar aos nosos clientes para que deran o paso. A falta das axudas prometidas poden xerar problemas de falta de confianza nos asesores”, asegura a presidenta da asociación, Elena Piñeiro. “A transformación de convencional a ecolóxico supón un grande esforzo persoal e económico para os produtores, que teñen que realizar investimentos nas súas explotacións e pagar as taxas de certificación e o asesoramento específico”, asegura.
Estas axudas deberían ser o motor para afianzar o paso progresivo cara a unha gandería máis sostible en Galicia
Desde a Asociación de Asesores Rurais piden á Xunta que incremente o orzamento para que poidan ser aprobados todos os expedientes que cumpren os requisitos e que a Consellería deixe claro cales van ser os fondos planificados para o novo período da PAC 2023-2027. “O orzamento previsto para esta liña de axudas en 2022 foi de 3.180.000 euros, polo que o desfase entre o solicitado e o presupostado é de máis de 2 millóns de euros”, calcula a asociación. “Os técnicos temos que ter información veraz de se realmente vai haber fondos suficientes para impulsar a agricultura ecolóxica en Galicia para poder así dar un asesoramento de calidade e real”, conclúe Elena.

Como se traballa no campo para reducir a pegada ambiental das granxas?

A Unión Europea márcase o obxectivo, dentro da súa estratexia do Pacto Verde Europeo, de lograr no 2050 unha Europa climaticamente neutra, é dicir que non emita CO2, en todos os sectores, entre eles a produción de alimentos.

A nova Política Agraria Común (PAC) que se aplicará entre 2023 e 2027 ten tamén presente estes desafíos e quere contribuir a apoiar a innovación no sector neste eido. As limitacións, e tamén as penalizacións, ás emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, uns dos principais gases causantes do cambio climático, van chegar á granxas, tanto de produción de leite como de carne.

A agricultura e gandería xogan un papel fundamental para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio da UE en 2050

A nova PAC mira cara ao pastoreo, non só por ser unha vía para lograr a redución das emisións, senón porque é ademais unha forma de aumentar a materia orgánica e a capacidade de sumidoiro de carbono atmosférico no solo. A gandería extensiva, a agricultura de conservación (con sementeira directa), a rotación de cultivos e as cubertas vexetais son métodos para incrementar a captura de carbono.

O papel fundamental do asesoramento

Coa lupa da emisión de gases de efecto invernadoiro posta sobre o sector agrogandeiro, os produtores están a facer esforzos por reducir a pegada ambiental das súas explotacións, un camiño longo que se está a encetar en Galicia da man dos técnicos que asesoran ás granxas no seu día a día e que están chamados a ter un papel destacado na nova PAC.

O reforzamento dos AKIs, nomenclatura coa que a Política Agrícola Común designa todo o entramado de axuda externa ás explotacións, tanto de carácter público como privado, é precisamente un dos elementos novidosos para o novo periodo de axudas europeas que comeza no 2023.

O reforzamento dos AKIs é un dos elementos novidosos para o novo periodo de axudas europeas que comeza no 2023

Haberá fondos comunitarios para a posta en marcha dun sistema de asesoramento técnico profesional coma o que xa existe noutros países, como Irlanda, por medio do Teagasc. Do bo aproveitamento destes fondos dependerá en boa medida o avance na eficiencia e as boas prácticas medioambientais das granxas en lugares como Galicia.

Fondos da PAC para incentivar o cambio de modelo produtivo

Co obxectivo de avanzar nunha produción de alimentos máis respectuosa co medio ambiente e cara a unha agricultura e gandería que axuden a mitigar o quecemento global, a Unión Europea propúxose que a nova Política Agrícola Común, que estará en vigor no período 2023-2027, incentive determinadas prácticas beneficiosas co clima e a paisaxe, que serán definidas por cada Estado membro.

No caso español, a proposta de ecoesquemas, de adopción voluntaria por parte de agricultores e gandeiros, define 7 prácticas concretas que serán subvencionadas mediante axudas adicionais. Os ecoesquemas, tamén chamados eco-reximes, disporán dun orzamento anual de 1.107 millóns de €, equivalente ao 23% do orzamento das axudas directas.

O ecoesquema sobre pastoreo extensivo fomenta esta práctica sostible de xestión da terra e captura de carbono

Unha destas prácticas que se quere fomentar desde a PAC é o aumento da capacidade de sumidoiro de carbono dos pastos mediante o impulso ao pastoreo extensivo. As cubertas vexetais, a sementeira directa e a rotación de cultivos son outras das prácticas que se priman.

En concreto, o pastoreo pagarase en Galicia a 62,16€ por hectárea e a rotación de cultivos a 92,22€ por hectárea. A partir de 65 hectáreas de pastos e 30 hectáreas de cultivo cobrarase só o 70% do importe do ecoesquema. A carga gandeira deberá situarse entre 0,4 e 2 UGM por hectárea e deberá realizarse o pastoreo con animais propios durante un mínimo de 90 a 120 días ao ano.

Portugal é, xunto con Nova Zelandia, dos países produtores de leite no mundo con menor pegada de carbono

En Portugal, onde unha parte importante do leite se produce en base a pastoreo, caso por exemplo das Azores, a pegada de carbono sitúase en 0,89 quilos de CO2 por litro de leite, por debaixo dos niveis existentes en Galicia e dentro das recomendacións establecidas polo Panel Intergubernamental da ONU para o Cambio Climático, aínda que a crecente intensificación da produción láctea portuguesa nos últimos anos supón un risco tamén de incremento notable nas emisións.

Que é a pegada de carbono?  

Luis Cortiñas é asesor gandeiro e experto en xestión medioambiental, un campo no que leva máis de 15 anos traballando. “En si mesmo a pegada de carbono é a expresión dunha certa contaminación do aire. Mide a emisión de tres gases: CO2, metano e óxido nitroso. Pero a pegada ambiental dunha granxa, ademais da pegada de carbono, inclúe tamén a pegada hídrica e a afectación sobre a biodiversidade. A día de hoxe a pegada de carbono é quizais a máis solucionable pola tecnoloxía e o coñecemento, e para amañar a pegada de carbono non debemos derramar as outras dúas”, defende.

Ás veces por emitir menos metano podemos estar aumentando a emisión de óxido nitroso  

“Non vexo coherencia no que se está facendo, porque para amañar a pegada de carbono non podes cargarte as outras dúas, a pegada hídrica e a biodiversidade, nin podemos fomentar a liberación de óxido nitroso para reducir a de amoníaco, porque 1 quilo de óxido nitroso son 298 quilos equivalentes de CO2, non son os 25 do metano”, exemplifica.  

Non se están tendo en conta estas cousas, di, e existe un certo “tabú” á hora de falar da pegada de carbono das granxas. “O primeiro que hai que facer para poder mellorar é medir a realidade de partida, pero aquí este é un mundo que aínda está empezando”, asegura.

Un 40% de emisións por enriba das recomendacións da ONU

Luis realiza certificacións e auditorías e axuda ás granxas a mellorar neste eido. Recoñece que o sistema oficial de cálculo penaliza ás explotacións galegas, ao ter só en conta a pegada de carbono e non o uso dos recursos hídricos ou a xeración e mantemento da biodiversidade.

Somos unha potencia en materia hídrica e en biodiversidade pero oficialmente non se ten en conta

“Os datos que saen están a ser malos, de 1,4 kg de CO2 por litro de leite. A ONU asignounos un máximo de 1 e non se está a cumprir. Estamos un 40% por enriba do asignado polo Panel Intergubernamental da ONU para o Cambio Climático”, admite.

A nosa principal responsabilidade co planeta é producir comida, non capturar carbono

Luis é partidario de non obsesionarse con esas cifras, porque, di, “en Galicia estamos nun lugar no que se fas as cousas ben é doado estar por baixo de 1”. Ademais, defende, “secuestrar carbono hoxe é unha actividade industrial e non debemos obsesionarnos en competir con iso; a nosa principal responsabilidade co planeta é producir comida, non capturar carbono”.   

O cálculo que fai é que “coa produción de leite dunha hectárea deberiamos satisfacer a demanda de 32 persoas durante todo o ano, iso equivale a uns 6.500 litros por vaca. O que non chegue a ese nivel de produción non está a facer as cousas ben, por moi pouco carbono que emita”, argumenta.

Maior autosuficiencia alimentaria

Só por respirar unha vaca emite 2,3 toneladas de CO2, ao que habería que engadir as actividades asociadas de manexo e alimentación. Luis explica que “no que nós producimos temos boa pegada de carbono, pero temos tal dependencia dos insumos externos que é moi difícil reducir a pegada total da granxa”.

Un quilo de soia brasileira trae unha pegada de 3,70 kg de CO2

“O problema da soia non son os kilómetros, nin o é o flete; é a produción. A soia brasileira, que é a nosa gran fonte de subministro, ten unha pegada enorme, porque as terras da Amazonía son pobres e hai que abonar para producila. A soia producida en EEUU en boa terra, non ten esa pegada. Pero 1 kg de soia brasileira trae unha pegada de 3,70 kg de CO2, iso non o tes nun kilo de herba, por iso se eu uso 12 ou 13 kilos de materia seca de concentrado na ración, é moi difícil baixar de 1,40 kg de CO2 por litro de leite”, indica.

Do mesmo xeito, di, o millo é un cultivo emisor. “Estamos emitindo 300 kg de CO2 por hectárea de superficie de millo forraxeiro cultivada (70.000 en Galicia), cando no prado son 600 kg de captura anual por hectárea, unha captura natural en base á microbiota do chan”, detalla.

Unha hectárea de millo emite 300 kg de CO2, cando unha de prado captura 600 kg

Luis advirte que “a capacidade de desestocar é o dobre da que estoco” e chama a atención sobre determinadas prácticas prexudiciais, como deixar baleiras as terras do millo. “O manexo da terra non se fai moitas veces  con criterios agronómicos, senón mecánicos. Ao deixar a terra descuberta emito emisións pero, sobre todo, quedo sen terra. O dano que estamos facendo é brutal, porque estamos danando a estrutura do solo”, asegura.

Cambios na alimentación e o rabaño

Dentro do paquete de medidas a aplicar nunha gandería para reducir a pegada de carbono  é necesario traballar en distintos ámbitos. “Son cousas moi transversais e cada técnico no seu vai ter que aplicalo, pero polo xeral non hai un corpo técnico formado nestes aspectos”, di Luis, que asegura que “un terzo das accións teñen custo cero, é cuestión de cambiar hábitos, e noutro terzo o que gastas, recupéralo, é un investimento rendible”.

É necesaria formación técnica para mellorar o pastoreo e reducir a pegada de carbono

A primeira das medidas que propón é basear a produción de leite no prado para gañar autosuficiencia alimentaria. “Unha hectárea de prado permanente produce máis proteína que unha hectárea de soia”, asegura Luis, que defende que o prado debe producir, cando menos, 6,5 toneladas de materia seca ao ano, e que esta cantidade sexa a totalidade da fibra e o 90% da enerxía e a proteína que necesita a granxa (para 1,2 UGM).

Dado que para o cómputo como sumidoiro de carbono debe tratarse dunha pradeira de máis de 6 anos, é necesario traballar con resementeiras para reimplantar un tipo ou outro de herba en función da finca e o momento no que se vai pacer. “Ao prado están a pedírselle unhas funcións novas, de captura de carbono, que van máis aló de producir herba, e as sementes comerciais actuais non sabemos como se comportan nese longo prazo”, afirma.

Hai que adiantar a idade do primeiro parto e ir a vacas que duren máis anos producindo no establo

O seguinte paso sería manexar ben o pastoreo, para o que di, é necesaria formación técnica. “Hai que levar un control do que come a vaca, porque se non pace o suficiente hai que ir a suplementar no pesebre”, explica. Neste sentido, valora o feito de que se baixaran dous puntos o valor da proteína bruta nas dietas de leite, optimizando deste xeito a parte nitroxenada da ración. A inclusión de aceites esenciais e taninos poden axudar na asimilación do inxerido, pero Luis aclara que “unha vaca que pace xa os toma ela mesma”.  

A nivel de rabaño, “hai que ir a vacas que duren máis”, di. “Hai novos índices técnicos, como o de litros por día presente, que teñen que ser unha referencia. Unha produción de 12 litros por día presente fan falta só para non pasarse do quilo equivalente que aconsella o Panel climático da ONU. O primeiro parto ten que ser antes, polo que hai que facer ben a recría e empreñar antes as becerras, e os días de secado hai que reducilos, para que haxa poucos días escuros. Unha vaca que só produce a metade dos días que pasa na granxa non é eficiente”, asegura.

Non é normal que se abone en función da capacidade do tanque de purín

Outra gran vía para a redución da pegada de carbono das granxas de leite é a almacenaxe de xurro e esterco. Para iso, as instalacións deben ser as adecuadas. “Non é normal que se abone en función da capacidade do tanque de purín. Á hora de fertilizar, o primeiro é optimizar ben o que eu teño”, insiste Luis.  

A nivel enerxético, propón adaptar a potencia do tractor á necesidade do traballo. “Para que vou queimar 20 litros de gasóleo se o que estou a facer o podo facer coa metade?”, di. “A pegada de carbono o que detecta precisamente son as ineficiencias do ciclo enerxético”, conclúe.

O exemplo do selo de certificación climática Bas-Carbone en Francia

Luis Cortiñas asegura que o nivel de concienciación dos gandeiros galegos coa redución da pegada de carbono é aínda baixo. “Mentres iso non sexa trasladado ao recibo do leite é difícil convencer á xente”, recoñece. E pensa que “vai ser máis unha presión comercial que da PAC” a que faga avanzar neste ámbito.

O baixo nivel de concienciación ambiental dos gandeiros é unha das barreiras coas que se atopan os técnicos que asesoran ás granxas en Galicia

En Galicia as demandas do consumidor nos aspectos ambientais son aínda incipientes, pero noutros países europeos condicionan en moitos casos as decisións de compra. En Francia no ano 2000 creouse a asociación Bleu Blanc Coeur, recoñecida polos Ministerios de Agricultura e de Medio Ambiente e da que hoxe forman parte máis de 4.000 granxas que teñen unha pegada de carbono inferior a 0,8 kg de CO2.

O propio goberno francés puxo en marcha hai tres anos o selo de certificación climática Bas-Carbone, que busca identificar no mercado os produtos que contribúen á captura de carbono e á loita contra o cambio climático, primeiro paso para recompensar a eses produtores pola súa labor. 

“En zonas con moita carga gandeira haberá problemas para botar o xurro cando se aprobe o novo Decreto”

A redución e uso racional de fitosanitarios e fertilizantes son dous aspectos nos que a normativa europea se foi endurecendo nos últimos anos. Hai unha década introduciuse a obriga do caderno de fitosanitarios que cada explotación debe cubrir, onde se anota o nome do produto e a finca e data na que foi aplicado.

O incumprimento da normativa, en aspectos como o das franxas de protección a cauces de auga, está considerada unha falta grave, levando aparellado nalgúns casos mesmo a perda da totalidade da anualidade da PAC.

Nos últimos anos leváronse a cabo tamén distintas revisións das normativas de ordenación gandeira, con novas normas para as explotacións porcinas (RD 306/2020) e avícolas (RD 637/2021). Prepárase tamén unha para o gando vacún que se atopa aínda en plena tramitación.

As novas normas de ordenación gandeira e xestión dos estercos e xurros están a ser ferramentas claves para reducir as emisións de gases contaminantes no sector agrogandeiro

Todos estes cambios normativos buscan a redución das emisións de amoníaco na granxa con estratexias centradas na nutrición, o aloxamento dos animais e o almacenamento do esterco e o xurro producido. Neste ámbito, outro cambio lexislativo que se agarda é a entrada en vigor antes de final de ano do Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, en tramitación por parte o Ministerio, o que obrigará á realización de analíticas e a dispoñer de Plans de Abonado.

“En moitos casos neste momento estase abonando sen ter unha analítica de solos previa pero a partir da entrada en vigor do Decreto hai que ter analítica de todas as fincas, aínda que non ten por que ser o mesmo ano en todas”, explica Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia.

Neste momento estase abonando na maioría dos casos sen ter unha analítica de solos previa

Desde esta Asociación defenden un modelo de asesoramento ás granxas público-privado, con participación de organismos de carácter oficial e entidades de aconsellamento privadas, para que a realización dos plans de abonado non caia nas mans das empresas comercializadoras de abonos.

Problemas para botar o purín polos topes por hectárea

Elena advirte de que en zonas onde hai moita concentración gandeira, “haberá problemas para poder cumprir cos límites máximos que fixa o novo Decreto por falta de superficie dispoñible onde botar o purín”.

O novo Decreto agárdase antes de final de ano, implicando cambios importantes na xestión do xurro. “Desde o momento no que teñas que dicir en que fincas botas o purín vas ter unas concentracións máximas, podendo botar nunha finca máis ou menos purín en función do cultivo que teñas nela”, explica.

O límite será de 250 kg de nitróxeno en fincas de millo e 200 kg en pradeiras de menos de 5 anos

Por exemplo, o límite será de 250 kg de nitróxeno e 100 kg de fósforo por hectárea e ano para millo forraxeiro e 200 kg de nitróxeno e 100 de fósforo en pradeira de menos de 5 anos. “Nas zonas de concentración gandeira non vai haber terras dabondo e vai haber problemas serios para poder botar o purín. É máis condicionante o fósforo a día de hoxe que o nitróxeno, porque os solos en Galicia teñen xa unha concentración moi alta”, afirma Elena.

Por iso, recomenda ás granxas que se atopen nesta situación optar por sistemas de separación e tratamento do xurro, como os instalados na zona da Terra Chá en SAT do Ferreiro, Casa Carballo ou SAT A Vereda.

“Convencer ao gandeiro ás veces non é doado”

A UE obriga a reducir un 16% as emisións de amoníaco a partir de 2030. Para cumprilo, o Goberno español estableceu unha redución do 45% para o amoniaco procedente da produción de leite e unha parte importante desas emisións orixínanse na almacenaxe e aplicación do xurro, algo que en parte se resolvería coa separación da fracción sólida da líquida.

 “A parte sólida ten moitos beneficios porque é un esterco distinto ao tradicional, porque ao pasar polo separador queda un material que ti estendes na terra facilmente e a liberación dos nutrientes é lenta, polo que os lixiviados son practicamente inexistentes, porque os nutrintes están en fase sólida. Nótase na colleita, porque todo o que botas aprovéitase, esa é a diferenza”, afirma.  

Sepárase a fase sólida e pásase por un tambor que a hixieniza para poder usala na camas das vacas

A fase líquida podería empregarse para regar con ela. “Ten moi pouca fibra e pode botarse incluso cando o millo está nacido, porque non se pega á folla”, di. Pero malia ás vantaxes que ten o sistema de separación, “ás veces convencer ao gandeiro non é doado”, asegura Elena.

A Xunta convoca axudas por 3,5 millóns para dar asesoramento ás explotacións agrícolas e gandeiras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para o asesoramento a persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), esta convocatoria conta cun investimento total de 3,25 millóns de euros co obxectivo de axudar ás explotacións a que melloren os seus resultados económicos, ambientais e a súa capacidade de adaptación ao cambio climático. Así, poderán beneficiarse destas subvencións as entidades privadas recoñecidas ou autorizadas como entidades prestadoras de servizos de asesoramento inscritas no “Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia” e que dean servizo a titulares de explotacións agrarias que estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Serán subvencionables os custos en concepto de honorarios orixinados polos servizos prestados, entre os que se poden incluír os custos de persoal, viaxes, material e gastos de funcionamento. Nesta liña, as entidades que prestan estes servizos poderán recibir un importe entre os 800 e os 1.000 euros, en función da modalidade de axuda. Así, no caso do servizo de asesoramento básico, para o que se fixa unha achega de 800 euros, cubriranse aspectos como as obrigacións que debe cumprir a explotación, as prácticas agrarias beneficiosas para o clima e o medio ambiente, as medidas incluídas nos programas de desenvolvemento rural destinadas a fomentar a modernización das explotacións, os requisitos para a xestión integrada de pragas, as normas relativas á seguridade laboral relacionadas coa explotación agraria, o asesoramento específico para agricultores que se instalen por primeira vez, a información relacionada coa mitigación do cambio climático ou o asesoramento para o desenvolvemento de cadeas curtas de distribución, a agricultura ecolóxica e os aspectos sanitarios da cría de animais.

Asesoramento específico para xestionar a Conta Láctea

Mentres, o asesoramento específico para a xestión de Conta Láctea (a aplicación implementada pola Xunta para permitirlles aos gandeiros calcular os seus custos de produción e reforzar a súa posición negociadora fronte ás industrias) poderá subvencionarse con 1.000 euros. Por último, tamén 1.000 euros é a contía fixada para o servizo de asesoramento básico con plan de xestión ambiental e loita contra o cambio climático do sistema integral de xestión de explotacións. Os interesados poderán solicitar as axudas no prazo dun mes a contar desde mañá, día seguinte ao da publicación da orde no DOG; é dicir, até o 14 de novembro. Enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221013/AnuncioG0426-031022-0002_gl.html

Asesores agrarios de Galicia visitarán Navarra para mellorar a transferencia de coñecemento ao agro

Profesionais do asesoramento rural de Galicia visitarán o Instituto Navarro de Tecnoloxías e Infraestruturas Agrarias (INTIA), unha sociedade pública que traballa na transferencia de coñecemento e na innovación no sector agroalimentario. A actividade, que se desenvolverá entre o mércores e o venres desta semana, encádrase dentro das actividades que a Asociación de Asesores Rurais de Galicia desenvolve co apoio da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, que colabora coa entidade mediante unha achega de 5.000 euros. Os asesores rurais galegos coñecerán de primeira man os proxectos que o INTIA está a desenvolver no ámbito do asesoramento agrario, do control e certificación da trazabilidade, da promoción agroalimentaria, da xestión integrada de pragas ou da formación e do relevo xeracional. O programa inclúe tamén visitas á finca experimental de vacún de leite ecolóxico do INTIA en Roncesvalles e a ganderías e empresas de transformación da zona.

O INTIA, un referente no Estado español en asesoramento público e independente ao sector agrogandeiro

A deputada de Medio Rural Mónica Freire sinalou que “o INTIA é un referente do asesoramento agrario a nivel de todo o estado español”. “A Comunidade Foral de Navarra é a única que conta cunha entidade totalmente pública adicada ao asesoramento agrario de explotacións agrogandeiras e ao desenvolvemento rural. Por este motivo, a asociación de asesores rurais, a única que aglutina en Galiza ao sector do asesoramento privado profesionalizado e sen intereses comerciais de venta de produtos o de marcas, ten unha oportunidade para compartir de primeira man as súas propostas de modelo de asesoramento para o vindeiro período da PAC 23-27”, destacou Mónica Freire. A este respecto, dende a Asociación de Asesores Rurais de Galicia, que preside Elena Piñeiro, lembran que a Consellería de Medio Rural debe decidir o modelo AKIS a implantar nos vindeiros anos, baseado na metodoloxía dos sistemas de coñecemento e innovación agrícola (AKIS).