Archives

A competencia exterior e as grandes plantacións barren aos pequenos produtores de arando de Galicia

O cultivo do arando en Galicia experimentou un importante crecemento na última década animado polos bos prezos deste froito -chegouse a pagar a ata 8 euros o kilo- e as boas condicións de solo e clima para a súa produción. A crecente demanda en España deste froito de moda atraeu a grandes inversores, tanto galegos, como é o caso de Horticina SL, con máis de 100 hectáreas no concello coruñés de Cerdido, como foráneas, caso de Surexport SL, empresa andaluza que rolda as 100 hectáreas de arando, amora e framboesa nos concellos lucenses de Begonte e Cospeito. Pero tamén foron ducias os pequenos emprendedores galegos que puxeron en marcha pequenas plantacións, de entre 1 e 5 hectáreas, atraídos polos bos prezos e falta de oferta no mercado. Porén, a entrada en producción de enormes plantacións en países como Polonia, Rumanía, Macedonia ou Portugal, con custos laborais moito máis baixos que en Galicia -a man de obra é o principal custo, xa que en produción requírense unha media de 10 persoas por hectárea para a recollida do froito-, está a tirar os prezos no mercado, barrendo aos pequenos produtores galegos. “Son países nos que a produción coincide coa galega, nos meses de xullo, agosto e setembro. Pero mentres a nós en Galicia producir un kilo de arando cóstanos sobre 4 euros como mínimo, no caso de Polonia -con máis de 12.000 hectáreas plantadas- póñeno no mercado a 2 euros o kilo. O consumidor ségueo pagando igual no supermercado, a 10 euros o kilo de media, e a distribución quédase cunha marxe comercial moitísimo maior”, resume un pequeño produtor de Lugo. Para coñecer como está a situación falamos con distintos produtores galegos:

Marcos López, produtor de Santa Locaia (Castro de Rei): “Decidín abandonar porque non podo seguir perdendo cartos”

Marcos López foi un dos pioneiros do cultivo de arando en Galicia. Este enxeñeiro agrónomo nado en Vigo, decidiu hai dez anos plantar 1,5 hectáreas de arando en Santa Locaia, no concello lugués de Castro de Rei. “Os primeiros anos foron bós porque vendía a unha cooperativa asturiana, Asturian Berries, que mo pagaba a entre 4,5 e 6 euros o kilo segundo fora achegándose máis a setembro a produción. Pagábamo a granel e só tiña que achegarllo a Vilalba”. Pero as condicións foron empeorando progresivamente a medida que entraba máis produto foráneo: “Hai dous anos os prezos xa baixaron a entre 3,5 e 4,5 euros o kilo e despois cambiou tamén o formato: pasaron de mercalo a granel a facelo en tarrinas e caixas que tiña que pagar eu. Probei con outros compradores pero non había moito onde elixir porque Superxport deixou de comprar en Galicia cando entraron en produción as súas plantacións e a única que quedaba, Eurobanan, coa que traballei o ano pasado, deixoume sen recoller varios días, e o arando é un produto perecedoiro, co que se non cho compran pérdelo, e ademáis tes que seguir pagándolle aos temporeiros, que no meu caso eran 20 e supúñanme un coste de 1500 euros diarios”, recoñece. Farto desta situación, Marcos cambiou de traballo e decidiu manter a plantación de arandos como unha segunda actividade, “pero retirándome”, como matiza”. Vende a particulares a entre 7 e 8 euros o kilo e se os veñen recoller eles a 4 euros. “Non lle vexo futuro aos pequenos produtores. O noso produto ten unha calidade infinitamente maior que a do foráneo, porque o recollemos no punto idóneo de maduración e ao día seguinte está no mercado, mentres que o que ven do resto de Europa, e xa non digamos o que procede de Perú ou Chile, foi recollido hai un mes, gaseado para que se conserve, e así se explica que non saiba a nada. Pero á gran distribución déixalle moito máis diñeiro e por iso nos sacan do mercado”, recoñece. Na súa opinión, o futuro para manter a produción de arando en Galicia pasa pola mecanización da recolección do froito.

Horticina: O maior produtor de arando de Galicia vese abocado a apostar pola mecanización para ser competitivo

A mecanización é precisamente a estratexia que está a seguir Horticina, o maior produtor galego de arando, para seguir sendo competitivo no mercado. No seu caso contan con 85 hectáreas en produción no concello coruñés de Cerdido, pero este ano plantaron outras 26 e teñen outras 150 hectáreas en propiedade para seguir medrando no futuro. “O mercado é global e vai a prezo, e tes competencia de Macedonia, Polonia e outros países, polo que debes ter un produto da máxima calidade, homoxéneo e cos menores custos de produción para ser competitivo. No noso caso apostamos pola produción ecolóxica e pola mecanización da recollida, que este ano chegará ao 50% da produción”, explica Miguel Mato, copropietario de Horticina. Ademáis da mecanización e do volume, unha terceira pata da estratexia de Horticina é reducir intermediarios. Así, comercialización eles mesmos a súa produción a través da marca Cool Berries, que venden por toda Europa. Como mostra de como cambiou o mercado nos últimos anos, Miguel Mato lembra que “cando empezamos hai case dez anos o prezo ao produtor podía chegar en setembro, e mesmo a finais de agosto, a entre 9 e 10 euros o kilo, mentres que agora o prezo máximo non chega aos 5 euros”.

Sonia López, Os Arandiños: “O futuro para os pequenos produtores pasa por facer produtos elaborados”

Sonia López é unha pequena produtora que comercializa a súa produción baixo a marca “Os Arandiños”. Conta cunha hectárea de cultivo en Belesar (Vilalba) e como mostra do desplome dos prezos no mercado conta que “cando empezamos no 2013 unha tarrrina de 125 gramos arandos chegaba a custar 3 euros e hoxe anda nos 0,90 céntimos, por riba dos nosos custos de produción”. Outra dificultade que comparta co resto de produtores é a escaseza de man de obra: “Este é un traballo moi intensivo en persoal para a recollida e o problema é que non atopas xente para traballar no campo”, advirte. No seu caso a súa estratexia é comercializar a nivel local e non só arando fresco senón tamén marmeladas e zumes. “O futuro para os pequenos produtores é ir a produtos elaborados de máis valor, e aínda así vainos ser moi difícil saír adiante porque lamentablemente o consumidor neste país vai a prezo, e dálle igual o sabor e se o arando ven de Galicia ou do Perú”, lamenta.

Ramiro Touceda, presidente de Berries Galicia: “A culpa é da distribución e dos consumidores, noutros países priorízase o produto nacional”

Ramiro Touceda é presidente de Berries Galicia, unha asociación que agrupa a unha vintena de pequenos produtores de arandos, amorados e outros froitos do bosque. Ademáis, é produtor na súa empresa agrícola familiar, Río Ulla Sat, no concello pontevedrés da Estrada. Á hora de describir a situación do mercado é pesimista e non se anda con rodeos: “O sector da horta está moi mal. Estámonos deixando comer polas grandes superficies que meten produto de fóra máis barato que lles deixa moita máis marxe, porque as esixencias salariais e medioambientais neses países son menores”, denuncia. Pero tampouco repara en críticas aos consumidores: “O consumidor en España en xeral compra por prezo e non lle importa nin a orixe, nin o sabor nin que desta forma non se estea deixando o diñeiro no entorno local. É algo que non sucede noutros países europeos, onde claramente se prima a produción nacional e o propio cliente se queixa ao supermercado se o produto non é local”.

Curso sobre alternativas ao minifundio forestal

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo) organiza un curso sobre alternativas ao minifundio forestal. Na formación daranse a coñecer alternativas de xestión ás principais especies forestais e a importancia do asociacionismo como solución aos problemas derivados do minifundio. As persoas asistentes van adquirir coñecementos técnicos e profesionais para establecer un aproveitamento de arándanos, mazá para sidra e souto destinado ao aproveitamento de froito. A formación será impartida por Foresin, Consultoría de Enxeñería Forestal e Ambiental e conta coa colaboración de entidades como Agacal, entre outros organismos. O curso celebrarase os días 5, 6, 7, 8, e 9 de setembro en horario de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. Mentres, os días 10 e 17 de setembro a formación será de 9.00 a 19.00 horas. Impartirase no local social de Tuiriz, en Santa María de Toiriz, Pantón (Lugo). A asistencia é de balde e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición enviando un email a información@ƒoresin.es ou mercedes.fra.perez@xunta.es ou chamando ós teléfonos 680 208 320611 413 582 e 982 828 370 onde tamén poden solicitar máis información.  

Curso en Moeche sobre froitos alternativos: soutos, maceiras e arandos

A Oficina Agraria Comarcal de Ferrol acollerá dende o 27 de xuño un curso de formación e adquisición de competencias sobre as diferentes alternativas aos minifundios e as producións de froitos alternativos aos principais cultivos. A acción formativa levarase a cabo ata o 9 de xullo e terá unha duración total de 45 horas ao longo de 7 días, con horarios tanto de mañá coma de tarde.

O obradoiro aborda aspectos teóricos e prácticos sobre diferentes áreas de coñecemento relacionadas co sector forestal, o minifundio e o aproveitamento de soutos, maceiras e plantacións de arandos, incluíndo unha serie de viaxes os días 2 e 9 de xullo a diferentes tipos de producións forestais. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, e tamén ás persoas con expectativa de incorporación, en concreto a xuventude do medio rural.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende mostrar solucións e alternativas ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais coma os arandos, as mazás de sidra ou as castañas, e que os participantes adquiran coñecementos para saber aproveitalos.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse nesta web. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico, comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 33 70 49, ou enviarse un correo a oac.seca.ferrol@xunta.gal.

A poda nas plantacións de arandos

A poda é unha das claves para lograr unha produción de calidade nas plantacións de arando, por iso foi tamén unha das primeiras accións formativas que organizaron dende a asociación Berries Galicia, que agrupa a produtores de toda a rexión. O seminario, de carácter práctico, celebrouse en días pasados nunha finca de arandos no concello coruñés de Teo. A iniciativa estaba dirixida ós socios do colectivo e contou cun técnico especialista neste tipo de plantacións procedente de Huelva, que ofreceu consellos prácticos á ducia de produtores que participaron na iniciativa. As limitacións pola sexta vaga do Covid-19 fixo modificar o programa inicial e que a sesión se celebrase integramente ó aire libre, segundo explicaron dende a organización. Unha das principais recomendacións realizadas polo experto á hora de podar as plantas de arandos, é adaptar a poda ás características da variedade que se traballa. É fundamental coñecer a planta para saber a que altura incidir en maior medida coa poda. Se contan con plantas fortes e con ramas robustas a produción pode localizarse na parte máis alta. Pola contra, se as varas son máis delicadas, cómpre realizar a poda de xeito que a produción remate localizándose na parte media ou baixa. A poda, xunto cun bo abonado, son imprescindibles para lograr unha produción de maior calidade. Deixar gran cantidade de gromos e polas nos arbustos provocará que gran cantidade de froito, pero de menor calibre. Dende a asociación Berries Galicia están apostando por mellorar as producións e ser competitivos para ampliar a venda directa das súas producións, non só de arandos senón doutros froitos vermellos. Tamén é importante realizar a poda na época axeitada. En Galicia, algúns dos produtores comezaron coa poda xa no mes de decembro, aínda que moitos optan por adiala e realizala entre os meses de xaneiro e marzo. Tamén hai plantacións nas que optan pola poda en verde, que levan a cabo xusto ó remate da colleita, nos meses de outubro e novembro. Outro dos aspectos que trataron nesta formación básica sobre os coidados do arando foi o abonado, non só previo á plantación, senón a necesidade de realizar un aporte puntual para garantir os nutrientes básicos da planta.

Curso sobre alternativas de xestión ó minifundio forestal en Camariñas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a vindeira semana no Centro de Iniciativas Empresariais de Camariñas un curso sobre alternativas de xestión ao minifundio forestal. A formación será impartida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural entre o mércores 13 e o sábado 23 de outubro en horario de mañá, cun total de 44 horas formativas distribuídas en sete xornadas. O obxectivo da iniciativa é amosar as posibilidades que ofrece o asociacionismo como solución ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais, como poden ser os arandos, as mazás de sidra ou as castañas. Nesa liña, pretenden proporcionar ós participantes coñecementos técnicos e profesionais precisos para establecer algún destes aproveitamentos. O programa inclúe contidos sobre a situación do sector forestal en Galicia e sobre a xestión forestal conxunta, ademais de especificidades sobre os cultivos mencionados. En relación ao castiñeiro, falarase de tratamentos silvícolas e de canles de venda da castaña, ademais de facerse unha análise económica deste tipo de aproveitamento. No que se refire ás maceiras para sidra e aos arandos, tratarase a xestión destas plantacións e tamén os aspectos comerciais de interese. Nesa dirección, a formación concluirá cunha visita a unha produción forestal froiteira, para que os alumnos poidan comprobar en campo os coñecementos adquiridos. A acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego. As persoas interesadas poden anotarse descargando aquí a solicitude de asistencia, que deben remitir cuberta ó enderezo electrónico ana.suarez.samaniego@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 997 285. O curso inclúese no programa de formación non regrada de Agacal e dentro do Plan de formación continua 2021, co que a Xunta busca incrementar a competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de accións formativas.

Consulta aquí outros cursos incluídos no Plan de accións formativas da Consellería de Medio Rural para o 2021

O Sindicato Labrego pide inspeccións laborais nos campos de arandos de Surexport

O Sindicato Labrego Galego empraza á Xunta a investigar e actuar ante os indicios de abusos denunciados públicamente nos campos de recollida de arandos da empresa Surexport. A organización agraria fíxose eco da denuncia pública realizada en redes sociais por unha traballadora, dende a súa experiencia como temporeira na Terra Chá. Segundo indica o Sindicato Labrego, a traballadora denuncia que as xornadas laborais eran de 12 horas, así como que había un incumprimento dos salarios acordados e unhas condicións sanitarias "deplorábeis". O relato recolle un ambiente en que "as ameazas de calquera tipo eran constantes" e dirixidas, especialmente, ás persoas migrantes. A organización agraria recolle a testemuña da traballadora na que acusa á firma de fomentar unha competitividade extrema, "coa ameaza de despedimento de non recollerse cantidades desorbitadas de arando". O Sindicato Labrego sinala que partindo dun contrato de 39 horas, a empresa presiona para facer horas extras que poden chegar a igualar as horas ordinarias dunha xornada e que, porén, son pagadas a seis euros, cando o estipulado é a doce euros. Esta traballadora denuncia que “nun campo en que traballaban unha media de 300 persoas, apenas había auga corrente para asearse", e que as instalacións obrigaban a comeren "hacinados, sen distancia de seguridade nen máscara". En base á denuncia da traballadora, “a empresa freta autocarros en que deslocaliza boa parte dese persoal de orixe migrante desde Huelva”. Nesta provincia é onde Surexport ten a súa orixe e nela ten protagonizado diversos conflitos sindicais e denuncias públicas polas condicións laborais das súas grandes extensións de invernadoiros, segundo sinala o Sindicato Labrego. A organización precisa que a última destas polémicas aconteceu esta mesma semana, cando un traballo do portal de investigación Danwatch sobre as condicións de traballo "inhumanas, abusivas e, en moitos casos, ilegais" nos campos levou a varias cadeas de supermercados danesas a suspenderen as súas relacións comerciais con varias empresas, entre as cales se atopa Surexport.

Posta en coñecemento da Consellaría de Traballoo

Ante esta denuncia, o Sindicato Labrego Galego reclama das administracións unha actitude activa de investigación dos feitos e salvagarda dos dereitos laborais. Reclaman o cumprimento claro das condicións do contrato e a desaparición de tratos degradantes ou inhumanos. Ademais de participar da denuncia pública destes feitos, o Sindicato Labrego vén de llos facer constar a través de rexistro á Consellaría de Traballo. “Unha situación como esta non pode ser lida como illada dun modelo, o da agroindustria e as grandes distribuidoras, volcado en dar prioridade ao lucro económico por cima de calquera outro criterio”, critican dende o Sindicato Labrego Galego.

Presentan a asociación de produtores Berries Galicia

Berries Galicia é unha nova asociación de produtores que busca chegar dun xeito máis directo ó consumidor para ofrecerlle un produto de maior calidade e galego. O colectivo, que se presentou este martes na Estrada (Pontevedra), escolleu como nome e marca rexistrada, Berris Galicia posto que están especializados neste tipo de froitos, entre os que se inclúen amorodos, arandos, framboesas, grosellas ou amoras. Polo momento contan xa con 15 asociados con plantacións na Estrada, Lalín, Silleda, Dodro ou Santa Comba, pero agardan sumar tamén das provincias de Ourense e Lugo. Procuran unir esforzos para conseguir unha comercialización máis directa, logo de ter detectado unha forte presenza de multinacionais que controlan o sector. Tratan de sumar esforzos para converterse nunha alternativa tamén para abastecer a mercados maioristas á hora de comercializar a súa produción. Aínda que comezaron centrados nos berries, o colectivo tamén está aberto a contar con outros produtores de horta. “Trátase de tentar reducir ó mínimo os intermediarios e de apostar por facer chegar un produto de calidade e galego ó consumidor”, explica o estradense Ramiro Touceda, presidente do colectivo. Xunto con Touceda, na presentación participaron boa parte da directiva, que integran o tamén estradense Javier Agrelo, que exerce de vicepresidente, o lalinense Heladio Cuíña tesoureiro da entidade, Anne Lanevschi produtora afincada na Estrada que é a secretaria e Carlos Vieites, de Teo, como vogal. Ademais, ó acto, que se celebrou na casa consistorial, asistiron os concelleiros de Promoción Económica, Óscar Durán; e de Desenvolvemento Rural, Anxos Pais. A administración local está a colaborar co colectivo entre outras cuestións coa cesión dun local para as reunións, situado no viveiro de empresas.

Abrir mercado pese á pandemia

O colectivo comezou a fraguarse xa a finais do 2019, pero a irrupción da pandemia adiou a súa presentación. Agora, coa campaña do amorodo a poucas semanas de comezar, á que seguirá a dos arandos no mes de xuño, están a presentar Berris Galicia para comercializar con este indicativo os seus froitos tanto nos mercados minoristas galegos como en grandes mercados como Merca Madrid, Merca Barcelona, Merca Zaragoza cos que se atopan en fase de negociación. Tamén están a traballar para distribuílos nas Illas Canarias. Outro dos obxectivos da asociación é conseguir dar resposta á falta de infraestruturas loxísticas para corresponder a demanda destes grandes mercados. “Queremos ser capaces de proporcionar produto fresco en menos de 24 horas en calquera destes mercados”, explican. Para iso, precisan centralizar a produción nunha nave, que queren situar nun punto céntrico, de xeito que se concentre nela a produción dos socios e dende alí se distribúa. O colectivo tamén está a traballar, en colaboración co Concello da Estrada, nunha sesión para divulgar os seus produtos no mes de xullo no novo mercado municipal. Agardan dar a coñecer non só os seus froitos ós consumidores senón distintas preparacións que se poden elaborar cos berries.

Os produtores galegos de arando temen que lles afecte o desplome dos prezos no sur de España

A punto de comezar a campaña de recollida do arando en Galicia, os produtores agardan que os prezos se manteñan estables coma en anos pasados e a crise de prezos e a caída rexistrada nas zonas do Levante nesta campaña non afecten, polo momento, a Galicia. O incremento do número de agricultores dedicados á produción de arando e a xestión dos intermediarios parecen estar detrás da caída dos prezos e do estoupido da burbulla do arando no sur, onde os prezos do quilo de arando en orixe chegaron a situarse en torno ós 2 euros. Por iso, aínda que non coíncidan as épocas de produción co arando producido en Galicia, os agricultores galegos miran con temor o acontecido dado o incremento das plantacións rexistrado nos últimos anos tamén no territorio galego.
Nesta tempada, o prezo do arando en zonas como Huelva caeu por debaixo dos custos de produción
Porén, o cultivo do arando en Galicia aínda continúa a ser reducido se se compara con zonas do Levante coma Huelva onde boa parte dos produtores de fresa optaron por cambiar a este froito ou por compaxinar ambos o que fixo incrementar notablemente a produción. A produción en masa está levando a que o cultivo do arando deixe de ser rendible nestas zonas e dende o sector agardan que se produza un reequilibrio das producións logo de non haber un control previo que regulara a súa proliferación.

Variedades máis tardías

Inicialmente pese ó incremento de produción de arando rexistrado no sur de España, a produción galega non se vería afectada ó non coincidir os ciclos de produción, posto que apenas se solapan no tempo. A non ser que a produción do sur de España se prolongue máis do habitual e a galega se adiante, son moi poucas as fincas galegas que coinciden coa campaña do sur, segundo explican dende o sector.
A campaña de recollida do arando en Galicia comeza a finais de xuño e prolóngase ata finais do verán
As variedades plantadas en Galicia comezan a producir, polo xeral, a finais de xuño e a tempada pode prolongarse ata outubro dependendo de como fose o inverno. A planta actívase cando a temperatura da terra chega ós 10 ou 12 grados e comeza o seu ciclo que determinará o comezo da produción do arando. “Dependendo de como veña o inverno, a tempada pode retrasarse entre unha ou dúas semanas ou adiantarse, pero adoita comezar arredor de finais de xuño”, explica Miguel Mato, un dos socios da maior plantación de arandos en Galicia, Horticina, que conta cunha extensión de máis de 80 hectáreas no concello coruñés de Cerdido, e cunha produción de arredor de 500 toneladas de arando. Entre as variedades con maior presenza en Galicia atópanse Aurora ou Duke, que son tamén diferentes ás plantas que se adoitan plantar no Levante, onde a produción comeza arredor de marzo e se prolonga ata o mes de xuño.
Certa preocupación ante unha caída de prezos polo incremento das plantacións en Galicia
“Aínda que a campaña non coincide case coa de Galicia, e no caso da nosa finca nunca se solapan, xa que aquí é máis tardía, preocúpanos o que acontece no sur e que o prezo poida chegar a baixar tamén na nosa campaña xa que aquí tamén hai cada vez máis plantacións”, comenta Mariana Soldavini, propietaria de Melide Arándanos, unha plantación de 7 hectáreas situada nese concello coruñés.

A competencia do norte de Europa

A competencia máis directa para os produtores galegos chega polos países do noreste de Europa, como Polonia ou Rumanía onde se están a incrementar as plantacións de arandos de variedades semellantes ás cultivadas en Galicia. “En países como Polonia estase plantando moito e pode chegar a afectarnos”, apunta Mato. Os produtores tamén alertan, como xa detectou o sector en campañas pasadas, que en boa parte das plantacións do noreste de Europa os salarios que perciben os agricultores son máis baixos, mesmo por debaixo dos custos de produción e sen garantías de que sexa rendible para os produtores. Esta baixa dos prezos fai que os arandos cheguen ó mercado internacional tamén a un prezo máis reducido converténdose nun forte competidor.
Nos últimos anos incrementáronse as plantacións en países como Polonia ou Rumanía que compiten co arando galego
Pola contra, os produtores galegos de arando contan con invernos máis estables que garante a produción, o que fai que os comerciais tamén prefiran optar polos arandos galegos. Ademais, algunhas destas plantacións galegas producen en ecolóxico o que para os produtores é tamén un valor para garantir os prezos. É o caso, por exemplo da plantación de Manuel Ángel Currás, de Ananos Organic, en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) de 1,5 hectáreas adicadas ó arando en ecolóxico.

Prezos fixados semanalmente

Polo de agora, ata que a campaña bote a andar non se fixará o prezo para os produtores, xa que se pecharán cada semana. “Polo do momento, non coñecemos cal será o prezo que teremos”, apunta Soldavini.
O prezo do arando en orixe ronda os 5 euros por quilo e pode chegar a máis de 20 euros no mercado
Así, a pesares de que o prezo do arando non será fixo ó longo da campaña, de media o ano pasado rondou os 5 ou 6 euros por quilo, según indican algúns dos produtores galegos. Porén, as variacións do prezo do arando en orixe ó do mercado chegan a ser do 200%, sendo habitual que acade os 20 ou 21 euros o quilo para o consumidor. Unha das claves ás que apelan os produtores para evitar, na medida do posible as variacións de prezos, é a profesionalización. “No noso caso apostamos por ter certificados de boas prácticas, como o Globalgap, que son garante de profesionalidade para o cliente e que nos axuda a conseguir un prezo que non sexa desfavorable para seguir producindo”, comenta Soldavini de Melide Arándanos.

Á expectativa dos acordos do Bréxit

Os produtores galegos coinciden en sinalar que hai un potencial mercado a nivel estatal e aseguran que se produciu un incremento do mercado nacional ano a ano e que cada vez máis se consume maior cantidade de arando no país. Pese a iso, boa parte da produción galega destínase á exportación a países de Europa onde hai un elevado consumo tanto de arando como doutros froitos vermellos. Precisamente, un dos principais consumidores deste froito é o Reino Unido, polo que os produtores tamén se manteñen pendentes dos acordos do Bréxit. “Agardamos que ó igual que se comercializa con países como Suiza que non están na Unión Europea, o Reino Unido estableza uns acordos que permitan seguir coas exportacións”, apuntan desde Horticina.

Galicia mantense como líder en España en produción de kiwi

Galicia mantense como principal área produtora de kiwi de España, con máis de 16.000 toneladas anuais. A estimación de superficie cultivada rolda as 700 hectáreas, contabilizando tanto os produtores profesionais como aqueles que se dedican a esta actividade de xeito complementario. Segundo datos da Consellería do Medio Rural, en Galicia hai rexistradas actualmente un total de 87 explotacións dedicadas ao cultivo de kiwi, amorodo e arando. A maior parte delas (48) corresponden ao kiwi e séguenlle en importancia as de amorodo, con 27 cultivos censados e, por último, as de arando, con 12 en total. Por provincias, este tipo de producións localízanse claramente na fachada atlántica, máis favorable á súa expansión polas condicións climáticas. Así, na Coruña rexístranse un total de 39 cultivos e en Pontevedra outros 36, mentres que en Lugo só hai constancia de 7 e en Ourense apenas 5. Nesta mesma liña, o caso do kiwi é paradigmático. Pontevedra acumula ata 27 explotacións, o 56,2% do total galego, e A Coruña conta con outras 16 (o 33,3%), mentres que Lugo só ten 5 e Ourense non dispón de ningunha. Así pois, as provincias atlánticas concentran case o 90% dos rexistros. O cultivo do kiwi iníciase en España no ano 1969, localizándose as primeiras plantacións en Galicia, máis concretamente nas zonas de Gondomar e Tui. Na comunidade funcionan hoxe en día dúas organizacións profesionais de froitas e hortalizas (Horsal e Kiwi Atlántico), recoñecidas legalmente desde os anos 2009 e 2012, respectivamente. Ambas teñen a súa sede na provincia pontevedresa. Arandos No caso dos arandos sobresae a explotación de Horticina, situada no concello coruñés de Cerdido. Constituída no ano 2001, esta empresa, que recibiu unha axuda de 250.000 euros de Medio Rural para mellorar as súas instalacións, conta actualmente con 23 postos de traballo, que conforman o seu cadro de persoal durante todo o ano. Pero, ademais, estiman que o total de traballadores contratados ao longo do ano 2017 situouse preto dos 200 e as previsións para a colleita de 2019 chegan ata os 1.200 empregados, a pleno rendemento. En canto á produción, a superficie que posúe actualmente ocupa 95 hectáreas, cun total de 320.000 plantas. As súas previsións cífranse en chegar ao millón e medio de quilos de arandos no horizonte de 2018-2019.

Galicia despega con forza na produción de arándano

A maior plantación de arandos de todo o Norte de España está en Galicia, e máis concretamente no concello coruñés de Cerdido, nunha comarca cunhas condicións idóneas para produción deste froito silvestre cada vez máis demandado no mercado. Horticina, unha empresa integrada por dous socios, o galego Miguel Mato e o suízo Alberto Amstutz, ten unha plantación de 82 hectáreas -das algo máis de 100 que hai en Galicia- e este ano sacará ao mercado a súa primeira produción de arandos. A elección deste froito silvestre, moi valorado no mercado europeo polas súas propiedades antioxidantes, foi consecuencia dun desastre natural. “Empezamos cunha plantación de camelia para planta ornamental pero o ciclón Klaus arrasouna no ano 2009 polo que os dous socios decidimos explorar novos tipos de cultivo para a zona”, explica Miguel Mato. Para iso desprazáronse ata Asturias, onde daquela había as plantacións de arandos máis profesionais do Norte de España, e entraron en contacto con Asturianberries, filial de Hortifruit, unha multinacional chilena do sector. “Presentámoslles un proxecto e gustoulles, xa que a nosa grande vantaxe é que producimos arandos nunha franxa de tempo, entre setembro e outubro, na que non hai produción no resto de Europa”, salienta Miguel. Ademais, os solos nesta zona, ao igual que na maior parte de Galicia, son ácidos, moi apropiados para a arandeira, e tampouco hai xeadas tardías, nos meses de abril e maio, que poderían estragar a colleita. “En Galicia producimos cando non hai arando no resto de Europa” “Empezamos plantando 10 hectáreas a finais de 2012 pero necesitábamos máis superficie para xustificar a construción dun centro de recollida en Galicia”, explica Miguel Mato. Foi por iso polo que decidiron plantar as 82 hectáreas da finca con arandeiras, un proceso que remataron en 2015. En total, o investimento dos dous socios de Horticina nesta plantación ascendeu a 2,3 millóns de euros. Elixiron 8 variedades, aínda que as principais foron a Highbush do Norte e a Rabbiteye, orixinarias de Oregón, en Estados Unidos, e que son as que máis se adaptan ao terreo de Galicia. A maior parte da planta mercárona en España pero tamén a importaron de Francia e de Holanda. Miguel Mato asegura que as esixencias da planta para lograr unha boa produción son poucas: “Necesítase un terreo cun PH de entre 4,8 e 5, de tipo francoareoso, con boa porcentaxe de materia orgánica e un mínimo de 400 horas de frío, é dicir, con temperaturas por debaixo dos 7 graos”. O marco de plantación elixido foi dunha distancia de entre 0,65 e 1 metro entre plantas, segundo as variedades, e a vida útil das mesmas estímase nun mínimo de 10 anos, aínda que hai exemplares que poden chegar aos 25.
“Prevese que a plantación produza 1,2 millóns de kilos de arandos ao ano”
Este vai ser o primeiro ano no que parte da plantación de Horticina entre en produción. “Os dous primeiros anos despois de plantar quitámoslle os arandos para que a planta teña un bo desenvolvemento das raíces e de formación da estrutura, para poder dar a produción estimada no futuro”, explica Miguel. Unha produción que se calcula entre 4 e 6 kilogramos de froito por arandeira e campaña, polo que a produción estimada para a finca en pleno desarrollo calcúlana en 1,2 millóns de kilos anuais de arandos. Grazas a que dispoñen de oito variedades de planta, a produción sairá ao mercado de forma escalonada: un 30% cara finais de xullo e un 70% en setembro e nas primeiras semanas de outubro. Comercialización a través dunha multinacional chilena A comercialización desta inxente colleita está asegurada grazas ao acordo asinado por Horticina con Hortifruit, polo cal a multinacional se compromete a mercar e comercializar toda a produción, que irá destinada ao mercado europeo, fundamentalmente a Reino Unido, Alemaña e a Suíza. Non obstante, Miguel Mato confia nun aumento do consumo interno en España nos próximos anos, “que xa pasou de 5 gramos por habitante en 2013 a 11 gramos no ano 2015”.
 “Toda a produción xa a temos vendida”
Miguel Mato recoñece que o acordo de Horticina coa multinacional chilena, asinado por un prazo de 10 anos, foi estratéxico. “É moi difícil -recoñece- facer nós tamén a comercialización xa que, aínda que poderíamos ter maiores prezos, ao ter unha produción tan grande nun período tan curto de tempo poderíamos atoparnos sen ter a quen venderlla”. Os prezos de compra están entre 2,5 e 6 euros o quilo, dependendo da calidade do froito e da época na que sae ao mercado. Este será o primeiro ano no que os arandos de Horticina cheguen aos consumidores europeos. “Esperamos recoller entre un 15 e un 20% da produción estimada, que chegará ao punto pleno cara 2017/2018”, avanza Miguel. Será nese momento, cando Horticina poña en marcha o seu centro de recollida nas propias instalacións da empresa. Na recollida a plantación chegará a dar traballo a ata 750 persoas Outra das vantaxes deste sector, é o elevado volume de empregos que xera. E é que a parte dos 20 empregos fixos que ten Horticina durante todo o ano, para esta campaña prevén que participen na recolección entre 80 e 100 persoas, parte delas persoal experimentado de Hortifruit que traballa nas plantacións de arandeiras de Huelva e que se desprazará a Galicia para ensinar ás novas incorporacións. E é que a recolección do arando débese realizar con moita delicadeza para preservar o “proon”, a fina cera blanquecina que é moi apreciada por conter unha elevada concentración de antioxidantes. Neste sentido, a colleita debe facerse sen aneis nos dedos, sen pendentes, coa cabeza cuberta e desinfectando as mans con frecuencia. En plena fase de produción, Horticina calcula que traballarán arredor de 750 persoas na recolección das súas 82 hectáreas. Un revulsivo económico para este concello rural, que tamén suporá un reto loxístico. Neste sentido, a empresa xa está a traballar co concello de Cerdido para darlle aloxamento aos traballadores temporeiros en vivendas do municipio. Recomendacións para os interesados en entrar no sector En canto ás recomendacións para aquelas persoas que poidan estar interesadas en investir no sector en Galicia, Miguel Mato recomenda que “por debaixo de 5 hectáreas non faría unha plantación, xa que ás grandes comercializadoras tampouco lles interesa”. Neste sentido, no seu caso aconsella asociarse cun comercializador importante “xa que blinda a produción, aínda que temos que ser conscientes de que nos vai esixir un produto homoxéneo, cun calibre bo e un subministro garantido”. Por outra parte, lembra que “hai que agardar dous anos ata empezar a recoller” e que “aínda que o manexo non é complicado, si que hai que seguir unhas pautas”. “Se alguén quere meterse no sector do arando, penso que quizás este sexa o momento”, conclúe.
Anterior
Siguiente
Aspecto da plantación de Horticina