Archives

Convocadas axudas do Ministerio para proxectos de investigación no sector apícola

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convoca as subvencións, cun orzamento de 519.464 para 2024, para impulsar proxectos de investigación aplicada no sector apícola e os seus produtos. O obxectivo é mellorar as condicións de produción e comercialización dos produtos apícolas en España e que o sector poida afrontar con máis facilidade os retos aos que se enfrontan. Segundo o extracto da resolución do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), a contía máxima da axuda será de ata 300.000 euros por proxecto subvencionable e convocatoria no caso de proxectos plurianuais de tres anos de duración; ata 200.000 euros no caso de dous anos; e ata 100.000 euros no caso dos proxectos cun ano. Estas axudas correspóndense á Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) e inclúe numerosos tipos de intervencións, entre elas a colaboración con organismos especializados para desenvolver programas de investigación neste sector, fundamentais para favorecer a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. A investigación aplicada e a innovación preséntanse como unha das estratexias máis eficaces para mellorar a competitividade e rendibilidade do sector apícola, cun impacto directo sobre a economía das empresas que a aplican ao contribuír a reducir o custo de produción e incrementar o valor engadido de maneira directa. A estas axudas poden optar tanto entidades asociativas (como cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación, agrupacións de defensa sanitaria e agrupacións de calquera destas figuras) como organismos e equipos de investigación especializados (centros públicos de I+D, centros públicos e privados de I+D sen ánimo de lucro ou centros tecnolóxicos, entre outros), que realicen programas de investigación no sector da apicultura e os produtos apícolas. Os beneficiarios deben cumprir cos requisitos establecidos no artigo 3 das bases reguladoras (Orde APA/111/2024, do 8 de febreiro). As solicitudes de axuda cumprimentaranse segundo o modelo dispoñible na sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación () e presentaranse no prazo de 20 días hábiles contados desde mañá, día 21. Na sede electrónica atópanse dispoñibles distintos documentos para o enchemento das solicitudes, así como os datos de contacto para resolución de dúbidas.

Anúncianse axudas de 1,5 millóns de euros para o sector apícola, que se abrirán o 8 de xaneiro

A Consellería do Medio Rural anuncia que sacará unha orde de axudas destinada ao sector apícola galego cun orzamento de case 1,5 millóns de euros. A finalidade destas axudas é mellorar a competitividade do sector a través da modernización e a optimización de equipamentos. Tamén busca loitar contra a perda de poboación das abellas e outros insectos polinizadores como consecuencia da expansión de patoloxías, o incremento de especies inimigas, como a vespa asiática, ou o cambio climático. O orzamento total para estas axudas é de 1.457.810 euros para actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, período da campaña apícola. Entre os gastos subvencionables desta orde de axudas están os servizos de asesoramento e asistencia técnica; os tratamentos contra a varroase; a adquisición de produtos para incrementar a vitalidade das colmeas en estados de risco para a supervivencia da colonia; a renovación e acondicionamento de ceras; a adquisición de material necesario para a captura, eliminación, disuasión e control da avespa velutina ou doutras especies exóticas invasoras; ou os investimentos en equipamentos que permitan a adaptación a fenómenos climáticos adversos das explotacións apícolas, para a cría e adquisición de raíñas ou para a mellora de maquinaria. Ademais, tamén se inclúen aquelas accións destinadas a mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade, facendo maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización; e sobre a posición dos apicultores na cadea de valor. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura estima que dos 100 cultivos que proporcionan o 90 % da alimentación mundial, 71 deles dependen da polinización de abellas e a produción de certas froitas, sementes e froitos secos, que podería decrecer en máis do 90 % sen a presenza dos insectos polinizadores. En Galicia, a actividade das abellas ten un grande efecto na produción de cultivos de polinización entomófila, como a maceira, a cerdeira ou o tomate, de aí a importancia de apoiar este sector, valora a Xunta. Os fondos procederán nun 50 % do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga), cunha achega de 743.905 euros, e o restante repartirase a partes iguais con fondos procedentes do Ministerio de Agricultura e da Xunta, con 371.952,5 euros. A orde de axudas do 2024 publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 8 de xaneiro e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte a que sexa recollido no DOG.

Así reparte a Xunta 1,4 millóns en axudas aos apicultores galegos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas convocadas pola Consellería de Medio Rural para mellorar as condicións xerais da produción e comercialización dos produtos apícolas, enmarcada na Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC). Esta liña de axudas reforzouse, ampliándose de 1,3 millóns de euros a máis de 1,4 que se lle concederon a 25 beneficiarios, nos que se inclúen asociacións apícolas, sociedades e produtores autónomos. Estas axudas contemplan cinco liñas de intervención. A primeira está orientada a servizos de asesoramento, asistencia técnica, formación, información e intercambio de mellores prácticas, en particular mediante actividades de colaboración en redes, para apicultores/as e organizacións de apicultores/as. Neste caso, é subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apiculturas, así como de persoal de administración. Tamén se pode financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións para divulgación. A segunda liña de intervención serve para loitar contra os invasores e as enfermidades das colmeas, en particular a varroose ou a vespa velutina; para previr os danos ocasionados por fenómenos climáticos adversos e fomentar o desenvolvemento e a utilización de prácticas de xestión adaptadas a unhas condicións climáticas cambiantes; para repoboar as colmeas mediante a cría de abellas ou para a racionalización da transhumancia. Esta convocatoria conta cunha terceira liña de actuación, que contempla axudas para os laboratorios na análise de produtos apícolas, a perda de abellas ou as caídas na produtividade, e de substancias potencialmente tóxicas para as abella;, financiar a contratación de servizos de análise do mel e de produtos apícolas por apicultores/as e agrupación de apicultores/as, a adquisición de equipos e outro material para análise ou a contratación de servizos de análise de abellas, os seus produtos e outras matrices das colmeas para a detección de praguicidas. A cuarta liña contempla a promoción, comunicación e comercialización, incluídas accións e actividades de vixilancia do mercado destinadas, en particular, a sensibilizar aos consumidores sobre a calidade dos produtos apícolas. Darase axuda para estudos de viabilidade económica e/ou de custos de produción das explotacións apícolas, estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas e/ou novas formas de presentación ou actividades de información e promoción do consumo do mel e produtos apícolas. Por último, a quinta liña é relativa a actuacións para aumentar a calidade dos produtos, na que se engloban accións de promoción, creación e mantemento, incluíndo, no seu caso, os gastos de certificación, de figuras e normas de calidade dos produtos apícolas por parte das agrupacións de apicultores/as ou o seguimento da cadea de calidade dos meles no mercado. Os beneficiarios destas axudas son persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas tamén as integrantes de explotacións de titularidade compartida, e as agrupacións de apicultores. Algúns dos requisitos esixidos para a obtención destas achegas foron levar realizado actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ser titular dunha explotación de máis de 15 colmeas a título individual ou 50 colmeas se solicitan axudas para realizar a transhumancia. Para o caso das agrupacións de apicultores, a solicitude debeu incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

Ligazón á publicación da resolución no DOG

Convocadas as axudas da Xunta para produción e comercialización de produtos apícolas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural destinada á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, enmarcada na Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan Estratéxico Nacional da Política Agraria Común (PAC), que ten como obxectivos principais contribuír á protección da diversidades, mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor e modernizar o sector. O orzamento destas achegas para esta nova convocatoria é de 1.323.229,98 euros, e prevese unha ampliación presupostaria en base á repartición sectorial entre todas as comunidades autónomas que se vén de aprobar, de arredor de 100.000 euros máis. No marco destas axudas, a orde contempla cinco liñas de intervención. Así, na primeira -orientada a servizos de asesoramento, asistencia técnica, formación, información e intercambio de mellores prácticas, en particular mediante actividades de colaboración en redes, para apicultores/as e organizacións de apicultores/as- será subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Tamén se poderá financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. Na segunda liña, subvencionaranse Investimentos para loitar contra os invasores e as enfermidades das colmeas, en particular a varroose ou a vespa velutina; para previr os danos ocasionados por fenómenos climáticos adversos e fomentar o desenvolvemento e a utilización de prácticas de xestión adaptadas a unhas condicións climáticas cambiantes; para repoboar as colmeas mediante a cría de abellas ou para a racionalización da transhumancia. Na terceira liña, sobre as actuacións para prestar axudas aos laboratorios na análise de produtos apícolas, a perda de abellas ou as caídas na produtividade, e de substancias potencialmente tóxicas para as abellas, financiarase a contratación de servizos de análise do mel e de produtos apícolas por apicultores/as e agrupacións de apicultores/as, a adquisición de equipos e outro material para análise ou a contratación de servizos de análise de abellas, os seus produtos e outras matrices das colmeas para detección de praguicidas. Na cuarta liña, sobre promoción, comunicación e comercialización, incluídas accións e actividades de vixilancia do mercado destinadas, en particular, a sensibilizar aos consumidores sobre a calidade dos produtos apícolas, darase axuda para estudos de viabilidade económica e/ou de custos de produción das explotacións apícolas, estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas e/ou novas formas de presentación ou actividades de información e promoción do consumo do mel e produtos apícolas. Por último, na quinta liña -relativa a actuacións para aumentar a calidade dos produtos- englóbanse accións de promoción, creación e mantemento, incluíndo, no seu caso, os gastos de certificación, de figuras e normas de calidade dos produtos apícolas por parte das agrupacións de apicultores/as ou o seguimento da cadea de calidade dos meles no mercado. Poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas titulares de explotación apícolas, incluídas tamén aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida, e as agrupacións de apicultores. Algúns dos requisitos para a obtención destas achegas é levar realizado actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ser titular dunha explotación de máis de 15 colmeas a título individual ou 50 colmeas se solicitan axudas para realizar a transhumancia. Para o caso das agrupacións de apicultores, a solicitude deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG); é dicir, até o 8 de xuño.  

O sector apícola reclama axudas directas e maior control sobre a importación de meles

O apicultor e membro da executiva do Sindicato Labrego, Brais Álvarez, e o coordinador da Área de Apicultura da entidade, Diego Sánchez Agra, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha batería de demandas urxentes que o sector apícola galego trasladou ás Consellarías do Medio Rural e Medioambiente, así como á Delegación do Goberno. En primeiro lugar Agra e Álvarez salientaron a necesidade de que, ao igual que se outorgaron a outros sectores para paliar os efectos da guerra de Ucraína, as administracións públicas activen axudas directas por colmea ó sector apícola profesional. “Estas axudas directas contriburían a compensar parcialmente o sobrecoste de mantemento das colonias de abellas e a perda de produción, nun contexto de grave crise de mercado”, explicou o coordinador da área de apicultura no SLG. Demanda un importe de axuda de 10 €/colmea para o total de colmeas censadas no REGA a data 1 de xaneiro del 2022 e xestionadas por ATP, cun límite de axuda por explotación de 1.000 colmeas. Tendo en conta que nas granxas apícolas, tanto nos apiarios fixos como nos transhumantes, o combustible é un dos custes de produción que condicionan en gran medida a viabilidade dos proxectos, demandan a inclusión dos apicultores profesionais entre os sectores aos que se prorroga en 2023 a axuda de 20 céntimos por litro de combustible. Tamén reclamaron reducir a carga burocrática das ganderías, que condiciona a actividade profesional. “O MAPA debe atender con flexibilidade ás particularidades do sector na futura aplicación dos reais decretos de trazabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies animais, así como de veterinario de explotación e plan sanitario integral. Estas esixencias, que pretenden unicamente facilitar o traballo da Administración, non aportarán ningunha mellora ás granxas apícolas e ás persoas consumidoras, mentres que prexudicarán enormemente ás granxas apícolas familiares e profesionais”, advertiu Agra. O apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG, Brais Álvarez, abordou as preocupacións que no sector está a suscitar a entrada de meles de distintas calidades, e en ocasións de procedencia non transparente: “No momento de maior nivel de importacións de baixa calidade da serie histórica é imprescindible que os gobernos mostren a súa determinación de cara a facilitar información transparente ós consumidores sobre a orixe dos produtos apícolas que consumen”, reivindica. Dende o SLG apuntan que debe aproveitarse a próxima Presidencia española do Consello da Unión Europea para liderar a nivel europeo a modificación da Directiva do Mel e do Código Aduaneiro da Unión, co obxectivo de que a verdadeira orixe dos meles comercializados no Estado español se reflicta correctamente na súa etiquetaxe: “Esiximos un maior control da calidade dos meles importados, así como das posibles adulteracións e do mel envasado no mercado”, insistiu Álvarez. As demandas do sector apícola pasan tamén por esixir unha Política Agraria Común (PAC) na que poidan ter cabida os apicultores, por exemplo habilitando pagos asociados por número de colmeas, igual que se fai con outras especies gandeiras, así como establecer ecoesquemas para esta actividade agraria e non restrinxir as axudas do primeiro piar só á declaración de superficies, que non ten sentido na actividade das abellas. Ademais, dadas as circunstancias de afectación da Vespa velutina nos apiarios e os efectos do cambio climático, mesmo os abelleiros que non practican transhumancia vense na obriga de mover colmeas entre os distintos apiarios estantes, polo que dende o SLG reclaman que os compromisos de mantemento do número de colmeas declaradas para as axudas de agroambientais do segundo piar, poidan cumprirse no cómputo xeral dos apiarios dunha mesma persoa apicultora e non en cada un deles.

Campaña contra a vespa velutina

Ante o grave problema que está supoñer o avance e expansión da Vespa velutina en Galicia, non só para as colmeas, se non tamén para as producións de froita e viño, o apicultor Brais Álvarez criticou a deixadez por parte da Administración. Apuntan que o control do tártago asiático pasa pola elaboración dun Plan de Loita como Especie Exótica Invasora, coa implicación e coordinación de distintas áreas dos gobernos de Galicia e do estado español. De feito, con este obxectivo e na procura dunha maior implicación política nesta problemática, o coordinador do sector apícola, Sánchez Agra, anunciou o inicio dunha campaña conxunta dos distintos sectores afectados para reclamar unha loita real por parte das administracións.

Lalín celebrará a segunda edición da Feira Internacional de Apicultura o 28 e 29 de xaneiro

O concello pontevedrés de Lalín acollerá a finais deste mes a segunda edición de Alvariza, Feira Internacional de Apicultura. Celebrarase os días 28 e 29 baixo a Carpa do Cocido, que se instalará no Campo da Feira Vello do municipio, para acoller ó longo destes meses tanto este evento como os organizados arredor da Feira do Cocido. A cita apícola contará con 57 expositores, 11 máis que na primeira edición e consolídase así como un referente autonómico. Estarán presentes as principais asociacións apícolas de Galicia, que representan case ó 90% dos apicultores galegos. Ademais haberá produtores, empresas e especialistas procedentes doutras zonas de España, así como de Austria, Francia ou Macedonia. Como apuntou durante a presentación o organizador do evento, o apicultor lalinense David Liñares, a cita busca ser un atractivo para tódolos públicos. Ofrecerá actividades de interese tanto para apicultores experimentados, así como para aqueles abelleiros que comezan a achegarse ó sector e para un público xeral que poida coñecer e degustar produtos de mel, así como para os máis cativos. A feira contará con actividades o sábado 28 dende as 10.00 ata as 14.00 horas e entre as 16.00 e as 20.30 horas. O domingo a cita será só en quenda de mañá, entre as 10.00 e as 15.00 horas.

Relatorios apícolas

Aínda que por agora non se fixo público o programa definido de actividades, dende a organización xa confirmaron a participación de importantes referentes no mundo da apicultura. O sábado contarán cunha destacada investigadora que abordará a flora apícola. Ó longo da mañá o especialista francés Gilles Fert tratará temas como o manexo das colmeas na saída do inverno e durante a primavera. Pola tarde, o experto tamén abordará a importancia de traballar coa abella autóctona, así como as características a potenciar e seleccionar destas abellas, na procura dunhas colmeas con mellores rendementos. Na xornada do sábado tamén contarán co técnico macedonio Aleksandar Uzunov, especializado na selección xenética de abella negra e outra razas, que abordará en Lalín os caracteres herdados e selecionables nas abellas. O domingo, a IXP Mel de Galicia abordará as características da Indicación Xeográfica. Haberá un relatorio sobre a varroa, unha das principais enfermidades das abellas. Trataranse ademais as claves sobre alimentación apícola. Durante a fin de semana, o programa completarase con demostracións sobre o proceso produtivo do mel e exhibicións de equipamentos por parte de varias empresas.

Degustacións de mel e visita a alvarizas

O programa da Feira incluirá degustacións, catas de mel e exhibición de produtos elaborados con mel como cervexas, licores ou mesmo vinagre. Ó longo das dúas xornadas haberá demostracións culinarias que inclúen mel nas súas elaboracións e catas guiadas pola IXP Mel de Galicia, para coñecer os distintos tipos de mel producidos en Galicia. Ademais, dispoñerán dun espazo de cata libre chamado Recantos de Galicia, onde os asistentes poderán degustar diferentes meles galegas e maridaxes de queixos das principais queixerías da comarca do Deza. A cita incluirá ademais obradoiros para os cativos. Como na primeira edición realizarase unha ruta para visitar as alvarizas, apiarios pechados con lousas para protexer as colmeas dos ataques da fauna salvaxe e que se conservan no municipio, entre as que destacan as conservadas na Serra do Candán. Trala boa acollida da primeira edición, neste segundo ano a Feira busca seguir consolidándose como un referente, como sinalaron tanto o alcalde do Concello, José Crespo, como os edís Avelino Souto e Begoña Blanco durante a presentación, ó tempo que aseguraron o apoio do Concello de Lalín ó proxecto.

Trasládanlle ao Ministerio a situación crítica do sector do mel español

As organizacións profesionais agrarias, ASAJA, COAG e UPA, e Cooperativas Agro-alimentarias de España trasladaron nunha reunión co secretario xeral de Agricultura, Fernando Miranda, a grave situación que atravesa o sector apícola, derivada entre outros factores, da redución da colleita de mel e o incremento dos custos de produción. Piden ao Ministerio axudas directas coas que abordar a crise e evitar o peche de explotacións. A colleita de mel este último ano reduciuse un 50% como consecuencia, entre outras causas, da seca e a intensificación das infestaciones por Varroa. Ademais, o debilitamento das colmeas que vén arrastrándose os últimos anos provoca que un importante esforzo do traballo se centre na súa recuperación e non en producir mel. Esta diminución da colleita acompañada do importante incremento dos custos de produción, a subida dos carburantes e da alimentación suplementaria está a afectar severamente ao sector. A pesar desta falta de produción en España, ao contrario do esperable, o mercado está paralizado. Como sinalan as organizacións agrarias,aAs envasadoras e a distribución substituíron o mel español pola doutras procedencias, especialmente de China, aínda que tamén de Uruguai, Turquía ou Ucraína. "Mentres unha porcentaxe moi importante do mel nacional atópase aínda por vender, a importación non cesa a prezos cos que ningunha produtora ou produtor español pode competir, o que provoca que as poucas vendas e ofertas fáganse a prezos moi inferiores aos custos de produción actuais", aseguran as organizacións agrarias nun comunicado. Para liquidar esta situación, as organizacións solicitaron ao Ministerio habilitar de forma urxente unha axuda directa aos apicultores profesionais co fin de paliar as perdas que están obrigando ós abelleiros a abandonar a actividade. Tamén se solicitou incorporar aos apicultores profesionais entre os beneficiarios dos 20 céntimos por litro de combustible de axuda ao transporte.

Iniciativas solicitadas ao Ministerio de Agricultura

Á marxe das axudas directas e para evitar que esta situación se converta nun feito estrutural, as organizacións lanzaron unha serie de iniciativas para que sexan implementadas por parte do Ministerio: -Promover un cambio na etiquetaxe de orixe do mel, especialmente aproveitando a presidencia Europea do próximo ano. -Poñer en marcha unha campaña institucional que poña en valor o mel español entre os consumidores. -Incentivar a presenza destacada do mel español nos lineais, especialmente na gran distribución. -Adaptar a lexislación sanitaria á realidade e circunstancias da produción apícola, especialmente a profesional e trashumante. Concretamente sinaláronse os aspectos que se refiren ao veterinario de explotación, o plan sanitario, a identificación ou a certificación de movementos. -Solicitan un maior involucramento da administración e a investigación pública na resolución dos problemas asociados con Varroa, especialmente na procura de alternativas aos tratamentos actuais que están resultando ineficaces, co abelleiro ou a Vespa.

“Antes había 50 veciños, todos con vacas, pero agora só somos dous con animais”

Seceda é un pequeno pobo da montaña de Lugo que se atopa na parte sur da Serra do Courel. Nel desenvolven a súa actividade Jorge Gallego e José Ángel Ibáñez, un gandeiro e un apicultor con pequenas explotacións que se viron afectadas polo gran incendio do verán. O gandeiro Jorge Gallego ten a súa principal finca nas Rozadas, na parte alta de Seceda, nun monte común onde fixo pastizais. A parcela divídese en catro partes que manexa nun sistema rotativo , a fin de facilitar a rexeneración do pasto. Neste espazo mantén un rabaño de vaca Rubia galega en réxime extensivo, nun pastizal de 30 hectáreas que está cercado cun peche de arredor de 10 quilómetros. Durante o incendio deste verán, uns 4 quilómetros do peche arderon, pois aínda que o lume non entrou nos pastos, si afectou ó monte circundante. A gandería ten hoxe en día un total de 34 cabezas, 26 vacas e 8 becerros. O seu modelo de traballo céntrase en vender os becerros para recría, posto que “intentouse cebalos pero era imposible porque daban perdas constantemente”, explica. Por iso, procura vendelos aos 3 ou 4 meses.
“Intentamos cebar os xatos, pero era imposible porque daban perdas constantemente” (Jorge Gallego)
No entorno de Seceda, tan só queda outro veciño con vacas, unha situación diferente a décadas atrás, cando había no pobo 50 veciños, case todos con animais. No pasado, Seceda tiña un sistema tradicional fundamentado na gandería e na apicultura, o que mantiña unha alta actividade sobre o territorio. Pero o envellecemento e a despoboación, igual que sucede no resto do Courel, levaron a un progresivo abandono das terras e á matorralización do monte. En Seceda, con todo, Gallego sinala que as dúas ganderías que permanecen probablemente xuntan máis animais dos que había cando o pobo tiña 50 veciños e en cada casa había 2 ou 3 vacas de media. Aínda así, o gandeiro destaca que lle ve “moi pouco futuro a este tipo de gandería en Galicia pola falta de apoios” e afirma que “sobrevivirán as máis grandes”. “No noso caso continuamos porque á miña parella fáltanlle un par de anos para xubilarse”, conclúe o produtor. De xeito paralelo ás vacas, Jorge Gallego xestiona un rabaño de ovellas que manteñen limpas as terras no entorno da aldea, nun espazo no que no seu día se cultivaba centeo.

Apicultura no Courel, o caso de José Ángel Ibáñez

Outro produtor que mantén a actividade en Seceda é o apicultor José Ángel Ibañez, que conta cun total de 37 colmeas. José Ángel leva vivindo na zona pouco máis de 9 anos, anteriormente viña de xeito esporádico ata que decidiu asentarse. Provén de Vigo, e animado polo encanto natural do entorno, optou por desenvolver un modo de vida ligado á apicultura no Courel. Complementa esa actividade con outros traballos debido a que “é complicado vivir só da venda de mel, xa que a produción baixou notablemente nos últimos anos”, sinala. O manexo das súas colmeas achégase o máximo posible ao ecolóxico, “aínda que non estamos certificados, simplemente facémolo por convicción”. De Seceda, o apicultor destaca a riqueza da súa vexetación. “As vantaxes que temos nesta zona xa estaban indicadas polo número de albarizas que había antigamente aquí. A floración non depende de especies concretas como o carballo ou o castiñeiro, senón que ata agora era moi continuada en distintas fases; por iso, o mel milflores de aquí é moi valorado, pero esta situación tamén permite ter un mel monofloral perfectamente”, subliña Ibáñez. Esta continuidade floral verase afectada polos incendios deste ano, que devastaron unha parte importante da vexetación próxima ás colmeas e chegaron a impactar nalgunha delas directamente. “Hai que pensar que unha masa forestal tan continua, sobre todo de piñeiros e mato baixo, nun verán tan seco coma o deste ano, pode derivar en incendios de gran dimensión como o que sufrimos”, critica.
“A floración non dependía de especies concretas como o carballo ou o castiñeiro, senón que era moi continuada en distintas fases” (José Ángel Ibáñez)
Como desvantaxes para a apicultura no Courel, Ibañez sinala que en ocasión son “zonas difíciles de explotar polo seu acceso e tamén pola presencia do oso, máis marcada nos últimos anos, polo que temos que empregar instrumentos de prevención como pastores eléctricos. Cómpre engadir de tódolos xeitos que, se un oso se asenta na zona tamén é sinal da riqueza de vexetación e biodiversidade, posto que non se asenta en calquera espazo, polo que é un indicador positivo”, valora Ibáñez.

Beneficiarios das axudas de apicultura 2022

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da convocatoria de axudas á apicultura para o ano 2022. En total, supoñen un investimento de 1.382.277,80 euros repartidas entre 24 persoas beneficiarias, das cales 9 corresponden a asociacións apícolas. Esta partida destinouse á asistencia técnica, tanto a persoas como a organizacións apicultoras, e á loita contra as agresións e enfermidades da colmea, de acordo coas características particulares do sector en Galicia. As actuacións subvencionadas inclúen a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia ás persoas apicultoras. Tamén comprende -no relativo á loita contra as enfermidades das abellas- a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas -co fin de mellorar a vitalidade da colmea- e a renovación ou purificación de cera, ademais da adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. As axudas foron concedidas en réxime de concorrencia competitiva e beneficiáronse tanto particulares titulares de explotacións apícolas, como asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Esta liña subvencións chegará a un total de 187.537 colmeas repartidas por todo o territorio. A continuación, exponse a lista das adxudicacións feitas: Persoas beneficiarias das axudas á apicultura neste 2022. Fonte: Xunta de Galicia

A próxima semana celébrase un curso de iniciación a apicultura en Becerreá

A Consellería do Medio Rural prevé celebrar a semana que vén un curso de iniciación á apicultura no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá. Está datada do 20 ao 23 de setembro, e a acción formativa constará dun total de 20 horas lectivas en horario de 9,00 a 14,00 h. O programa inclúe nocións sobre a bioloxía do enxame, o apicultor e a colmea, así como sobre a instalación do apiario, sobre a saúde das abellas e sobre o tipo de meles. Tamén se abordará a normativa a ter en conta e a prevención de riscos laborais na apicultura. O obxectivo é fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo ao mesmo tempo á sustentabilidade da economía rural. Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Precisamente, nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 370, ou enviarse un correo a mercedesfra@gmail.com.

Curso en Muras para obter maiores rendementos das explotacións apícolas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza no municipio lugués de Muras unha acción formativa de perfeccionamento da apicultura. O curso terá lugar os días 5, 6, 7 e 19 de agosto na Casa do Concello e no apiario didáctico desta localidade, en horario de mañá, das 9:00 horas ás 14:00 horas. O programa contén catro bloques de contido: unhas probas de selección, que abordarán diferentes destrezas como poden ser a limpeza e a produtividade no traballo apícola, e tres bloques formativos. Estes consisten en formación acerca da sanidade apícola, así coma nocións en cría de abellas raíña. O obxectivo que se pretende con esta formación é adaptar aos apicultores aos novos manexos para obter un maior rendemento das explotacións. Ademais, tamén se procura espertar a curiosidade da xente nova no relativo a este eido, para posibilitar así un relevo xeracional nesta profesión. Nesta páxina exponse a información referida ao curso, e mesmo se pode facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, está habilitado o teléfono 982 82 89 54, ou o correo maria.carmen.rego.martinez@xunta.es.

Mostra Galega de Apicultura este sábado en Arzúa

Este sábado, 11 de xuño, celebrarase en Arzúa a Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), e que este ano chega á súa edición número 37. O amplo programa de actividades inclúe conferencias, mesas redondas e a tradicional feira apicola: 10.30 horas: «Artesanía alimentaria» como figura de calidade diferenciada do mel, por Xoán Miguel Concheiro Abal, Departamento de Protección da Calidade Diferenciada, Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Normatécnica do mel artesán, por Gonzalo Calvo Díaz, veterinario de AGA e experto en control da súa calidade. 11.30 horas: Presentación do libro "Reprodución apícola. Tratado do criador", por Marcos Varela Lorenzo, cunha introdución de Xosé Torres. Con esta ocasión, presentación do proxecto e da plataforma do grupo de criadores e seleccionadores de raíñas de abellas negras, por Xosé Manuel Durán Orús. 12.30 horas (primeira convocatoria) : Asemblea extraordinaria de AGA, coa seguinte orde do día: Punto 1.- Ratificación das persoas designadas polo Consello das DAGAs (D. Gustavo Ferreiro Martínez e D. Jorge Lema Fernández) na Asemblea xeral extraordinaria e ordinaria que tiveron lugar o día 26 de marzo de 2022 para a súa integración na Xunta Directiva de AGA. Punto 2.- Información no día da data sobre a xestión das naves do Centro do Queixo e do Mel. Punto 3.- Rogos e preguntas. 13.15 horas : Conferencia sobre a resistencia aos tratamentos de varroa, por Joel González-Cabrera, do Departamento de Xenética da Universidade de Valencia. 14.00 horas : Xantar abelleiro na polbeira de Santa María. 16.00 horas : Presentación de produtos alternativos ao tratamentos con vencionais de varroa, por Francisco Alonso e Filipa Pucariço, de Hifarmax, e por Miguel Capano, de Beevital. 17.00 horas : Mesa redonda sobre a xestión das explotacións apícolas en ecolóxico e convencional, a sú a viabilidade e o seu futuro, por varias socias e socios de AGA no eido afeccionado, semiprofesonal e profesional. 18.00 horas : Charla sobre o Agroseguro nas novas incorporacións á apicultura profesional e resolución de dúbidas sobre a póliza de seguros colectiva que ten subscrita AGA, por persoal de Ucoga. Feira apícola de 10:00 a 18:00

Curso de selección e mellora xenética da abella negra autóctona galega

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- organiza un curso de mellora xenética e selección da abella negra autóctona galega. A acción realizarase a vindeira semana, os días 9 e 10 de maio, no Centro de formación e experimentación agroforestal de Becerreá (Lugo), en horario de 9:00 a 14:00 horas. A iniciativa constará de 10 horas lectivas, a metade teóricas e a outra metade prácticas. Deste xeito, para abordar a selección de exemplares, nas sesións tratarase a poboación de abellas, a cría, o comportamento de defensa, a tendencia á enxamia e a produción de mel. Tamén a mortandade natural por varroase, o nivel de infestación da varroa e como acometer tests de hixiene, co establecemento dunha colonia de ensaio a partir dun núcleo. Seguidamente, instruirase sobre a preparación da nova colmea, a súa forza e saúde, a selección de cadros de abellas, a transferencia de cadros na nova colmea e a comprobación do volume de abellas en comparación co alimento necesario. Por último, de cara á fase de reprodución, formarase sobre a cría de raíñas, a fecundación natural e a fecundación artificial. Máis aló do obxectivo concreto do curso, a acción persegue fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo á sustentabilidade da economía rural, así como impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente, facilitando a entrada no sector de apicultores adecuadamente formados. Nesa liña, quérese fomentar tamén a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura. Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. As persoas interesadas en participar neste curso poderán atopar aquí máis información e as solicitudes de preinscrición correspondentes que deberán remitir cubertas ao enderezo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.gal. Os interesados tamén poden obter información adicional no teléfono 982 828 370.

Cursos de fruticultura e apicultura en San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño, en colaboración coa Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume e a Asociación Casa do Mel, ofertará a partir do 30 de abril un curso de formación técnica centrado nas labores necesarias neste período ás árbores froiteiras, e outro focalizado no coidado avanzado das abellas. A súa asistencia require de inscrición a través do 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Por outra parte, esta semana arrancan as xornadas ‘Apostando polo Sector Primario’, como parte das actividades formativas que rodean a Feira de Plantación, e onde se abordarán as posibilidades económicas do rural. Ademais, o vindeiro luns publicarase a primeira convocatoria do plan de capacitación técnica para poder utilizar o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, situado en Moeche.

‘Perfeccionamento no manexo das abellas’

Esta formación terá lugar en cinco xornadas diferentes repartidas entre o 30 de abril, e o 1,7,8 e 19 de maio. Nelas, o enxeñeiro Iago Vilela abordará cuestións moi concretas sobre o coidado e reprodución das abellas. Trataranse temas como a sanidade apícola, probas de selección, cría de raíñas e formación de núcleos. A formación teórica impartirase na Casa da Xuventude, mentres que as prácticas faranse no apiario da Cortiña, en horario de 9:00 a 13:00 os catro primeiros días, mentres que o último -o 19 de maio- trasladarase á Casa do Mel de Goente con horario de 16:00 a 20:00h. A data límite para apuntarse é o 27 de abril ás 14.00h.Terán prioridade as veciñas e veciños de San Sadurniño e persoas asociadas á Casa do Mel. En ambos casos o obradoiro ten un prezo de 20€, mentres que o prezo para o resto de inscricións será de 40€. É necesario xuntar un grupo de 10 persoas como mínimo e de 20 como máximo.

‘Iniciación á fruticultura’

Esta cita formativa celebrarase entre o 21 e 28 de maio, e o 4 e 11 de xuño, co horario de 9.00h a 14.00h. O enxeñeiro técnico agrícola e especialista en fruticultura Luís Quinteiro encargarase de impartir este curso da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras. A actividade abordará a analítica e fertilización do chan, os tipos de poda, o control de pragas e enfermidades por medios convencionais e ecolóxicos, a aplicación de produtos fitosanitarios e os tipos de enxertado. A teoría darase na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos. O curso ten un prezo de 30€ para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA; para o resto, 60€. O número de prazas está limitado a 20 e o prazo de inscrición está aberto ata o 18 de maio ás 14:00h.