Archives

“A partir de agora en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar”

Gerardo Rivero, en primeiro termo, durante as recentes xornadas organizadas por Agromuralla O Real Decreto 666/2023 sobre Medicamento Veterinario e o Real Decreto 992/2022 de Uso Sostible de Antibióticos son dúas das novidades lexislativas que afectarán a partir deste ano ás granxas e aos veterinarios que as levan, co punto de mira posto na diminución do uso de antibióticos nas ganderías. “Nesta última negociación da PAC houbo presións en Europa para condicionar as axudas da PAC a España ao compromiso e esforzo do Goberno español na redución de antibióticos”, explica Gerardo Riveiro, xefe de servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Xunta. Entre as funcións neste ámbito do veterinario de explotación, que a maioría de ganderías deberán designar antes do vindeiro 18 de maio, está a identificación dos antimicrobianos de que deberán aplicarse de maneira prioritaria na granxa, o rexistro dos tratamentos, a valoración do consumo habitual de antibióticos da explotación e a elaboración de informes trimestrais, a identificación das causas que puideran ter orixinado un incremento puntual no consumo, a supervisión das medidas para a almacenaxe e conservación dos medicamentos dos tratamentos en curso e dos sobrantes dos tratamentos anteriores, así como o plan de xestión dos residuos de medicamentos.
O veterinario de explotación deberá elaborar un informe trimestral de consumo de antibióticos e establecer medidas correctoras para as granxas que superen a media nacional
“O Real Decreto 992/2022, que empeza a aplicarse xa este ano, vai crear complicacións en determinadas explotacións, porque inicia as comparacións entre ganderías”, recoñece Gerardo. “Aquelas que estean por enriba da media van ter que poñer en marcha medidas concretas de control e hixiene”, indica. Secado selectivo   No ano 1998 aprobouse un primeiro Real Decreto 1749/1998 que abriu o camiño ao control e redución de medicamentos. Desde entón, a vixiancia sobre o uso de antibióticos nas granxas e o seu control nos produtos de consumo foise incrementando. “Fai moitos anos que en Galicia se miran as quinolonas en vacún de leite. Esas análises nas mostras do Ligal levou a que hoxe os residuos de quinolonas no leite practicamente teñan desaparecido”, afirma Gerardo, que destaca o camiño andado polo sector neste eido.   “Nos anos 90 a normativa europea falaba de 400.000 células somáticas e a media das granxas de leite en Galicia era de 700.000 células, pero hoxe os tempos cambiaron. Iso permite que non sexan necesarios antibióticos en todos os casos á hora de secar as vacas. Hoxe non se pode facer un secado en sábana a todas as vacas; hai que ir cambiando totalmente a maneira de traballar”, asegura o responsable da Xunta. Asociación estratéxica entre gandeiro e veterinario A restrición ao uso xeralizado de antibióticos obriga ao tratamento individualizado dos animais e unha maior presenza do veterinario na explotación. Aínda que “a prescrición non sempre implica ter que ir ver a vaca”, indica Gerardo. “Hai unha serie de casos nos que se pode emitir unha receita sen exame clínico se o facultativo ten un coñecemento exhaustivo da explotación, pero independentemente de que se vaia á granxa ou non temos que cambiar o xeito de traballar e xustificar por que facemos as cousas”, di.
É imprescindible tal como se puxeron as cousas que o veterinario e a gandería teñan unha relación continua
“Hoxe xa non se pode traballar se non hai unha asociación entre o veterinario e o gandeiro. A nova regulamentación invertiu a carga da proba e fai que o veterinario teña que poder demostrar en todos os casos a necesidade e xustificación do tratamento. Restrinxiuse moito o criterio facultativo; se o veterinario non pode demostrar unha relación estable coa explotación practicamente non pode traballar”, recoñece. Restricións a medicamentos habituais como o calcio A partir de agora, en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar, algo que até este ano non era necesario. Iso, engadido a que o gandeiro non poderá ter no seu poder un medicamento se non ten a correspondente receita, fai que non poida haber no botiquín das explotacións produtos que até agora eran habituais, como por exemplo calcio. “O Regulamento europeo establece que os medicamentos poderán utilizarse exclusivamente nas condicións que estableza a súa ficha técnica, e o calcio pon na súa ficha técnica que é de uso exclusivo de veterinarios, por iso se prohibe a dispensación ao público”, xustifica Gerardo.
A partir de agora, en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar, algo que até este ano non era necesario
“Somos todos unha cadea, desde os veterinarios de campo ás Autoridades de supervisión e control oficial e todos temos que facer o noso traballo. No noso caso somos unha especie de policía sanitaria que trata de verificar que se cumpren as normas. Grazas a iso non hai fronteiras aos produtos dentro do territorio comunitario. Estamos ao servizo do mercado interior e no noso caso somos unha especie de auditoría ao sistema de produción de alimentos de orixe animal de Galicia”, di. O xefe de servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Consellería pon o énfase na necesidade de que os prospectos e fichas técnicas dos medicamentos estean actualizados e pon como exemplo as reaccións detectadas provocadas pola vacina da lingua azul. “A povidona, que é o que se cre que provoca a reacción cruzada, non estaba declarada na lista de ingredientes. A min paréceme iso gravísimo. En canto tivemos constancia desa circunstancia polas queixas dos veterinarios que estaban detectando eses problemas puxemos unha queixa inmediatamente á Axencia Europea do Medicamento”, indica.

“Chámame a atención o atrasados que estamos aínda hoxe na xestión dos residuos veterinarios”

O Plan de Uso Racional de Medicamentos Veterinarios, derivado do Real Decreto 634/2023, o mesmo que regula a designación do veterinario de explotación e a elaboración do Plan Sanitario Integral, obriga a que todas as explotacións gandeiras conten cun plan de xestión de residuos de medicamentos. “Chámame a atención o atrasados que estamos a día de hoxe en Galicia na eliminación e destrución de medicamentos. Isto é algo que me preocupa e que vai traer problemas, porque estes residuos son fonte de resistencias e vannos atacar por aí no asunto da redución de antibióticos”, indica Gerardo Rivero.
A miña proposta é que as cooperativas se convirtan en xestores de residuos e unha vez ao ano fagan recollida polas granxas
“A miña proposta para solucionar isto é que as cooperativas se convirtan en xestores de residuos e unha vez ao ano fagan recollida polas granxas”, propón para avanzar nesta materia, tendo en conta o número de granxas existentes na comunidade e a súa dispersión polo territorio. Normas alonxadas da realidade do sector “Cambian as normas porque cambiou a sociedade e a sensibilidade do lexislador, que está cada vez máis lonxe do campo”, asegura. “Os produtores e os veterinarios estamos en minoría e ás veces o lexislador, tanto europeo como español, vénse arriba á hora de ditar normas”, considera.
Fai 50 ou 60 anos había nenos con raquitismo por non ter un vaso de leite que levar á boca, pero iso os veganos de hoxe de 30 ou 40 anos non o saben
“Fai 150 anos que o lobo non come a unha persoa pero vai acabar pasando. Porque nunha poboación excesiva de lobos esas son as consecuencias. Sábeo calquera persoa con coñecementos de bioloxía, pero non o sabe o lexislador”, quéixase. Como exemplo dese distanciamento evidente entre as normas que emanan de Bruxelas e o sector produtor, Gerardo pon o Regulamento 2019/6 da UE sobre Medicamentos Veterinarios, que inclúe tamén outras cuestións que teñen que ver con aspectos de benestar animal. “Neste Regulamento a UE é draconiana con gandeiros e veterinarios”, asegura.

Que cambios supoñerá ter que contar cun veterinario de explotación?

Entre o paquete de normativas en materia de sanidade animal aprobadas nos últimos meses desde a Unión Europea para as ganderías, un dos cambios significativos é a obrigación de contar cun veterinario de explotación. Este foi precisamente un dos temas tratados na última edición dos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva, en Lalín, debido ás dúbidas que suscita este requisito da normativa. “Moitas das ganderías galegas xa están a cumprir boa parte dos requisitos que se esixen agora coa figura do veterinario de explotación”, apunta Ignacio Arnáiz, responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), durante as xornadas celebradas na capital dezá. Aínda así, ter que incorporar un veterinario de explotación supoñerá trámites burocráticos específicos e cambios para boa parte das ganderías.
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa” (Gloria Martínez, coordinadora de Xundeva)
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa, podendo ver todos os informes dos distintos profesionais que traballen na gandería”, exemplificaba a veterinaria Gloria Martínez Sanz, veterinaria e coordinadora dos servizos veterinarios da ADS Xundeva. Gloria Martínez e Ignacio Arnáiz na presentación realizada nesta edición dos Encontros Gandeiros de Xundeva.

Obrigacións para os gandeiros e os veterinarios

Aínda que está por concretar por parte da Administración, estímase que as ganderías deban de dispoñer deste veterinario de explotación a partir do 15 de maio do 2024, xa que esta foi a data provisional que se fixo pública coa aprobación da norma. Estas son algunhas das obrigacións que se lle presentan ao titular da gandería ao ter que incorporar esta figura de veterinario de explotación: -Este veterinario de explotación debe ser un profesional ou empresa que dispoña de servizos veterinarios para todas as especies da gandería. “Pode contarse cun só veterinario da granxa que xestione todas as especies ou poden nomearse varios veterinarios de explotación para as distintas especies”, indica Martínez Sanz. -Será o titular da gandería quen deba acreditar que conta con este profesional ou empresa mediante un modelo de declaración responsable. -O titular da granxa deberá comunicar a designación ou cesamento deste veterinario de explotación. Para iso dispón dun prazo de 7 días hábiles. -No caso de cesamento do veterinario de explotación, o titular da granxa dispón dun prazo de 3 meses para designar a un novo profesional para o cargo e de novo terá que comunicalo á Administración. -O propietario da granxa debe proporcionarlle ao veterinario ou facilitarlle que obteña no seu nome a información necesaria sobre a situación epidemiolóxica da súa gandería. -O titular da gandería tamén debe asegurarse de que todas as persoas que traballen na granxa co gando teñan unha formación adecuada e suficiente. Así, deberán acreditar unha formación mínima de 20 horas nun prazo de 6 meses contados desde o comezo do seu traballo na granxa. Estes cursos xa se impartiron en distintas Oficinas Agrarias Comarcais e está previsto que sigan ofertándose. Estarán exentos de recibir esta formación aqueles traballadores que acrediten un mínimo de experiencia práctica de 3 anos no manexo de gando bovino. Tampouco deberán tomar esta formación mínima os traballadores que xa teñan un título técnico de Produción Agropecuaria ou o título técnico superior en gandería e asistencia en sanidade animal. Pola súa banda, o veterinario de explotación comprométese a cumprir unha serie de funcións na granxa: - Todas as ganderías, independentemente da especie que sexa, deberán contar cun Plan Sanitario Integral (PSI) en formato dixital ou papel que debe elaborar o veterinario de explotación, o persoal veterinario da ADS ou a integradora ou entidade asociativa á que se pertenza. -Este Plan Sanitario Integral debe incluír actuacións sanitarias, de hixiene, bioseguridade e o uso racional de antibióticos. “É fundamental que o PSI estea adaptado á especie e ás características da gandería”, apunta a veterinaria Gloria Martínez Sanz.

Como debe ser o Plan Sanitario Integral (PSI)

Un dos requisitos imprescindibles que se pedirá ás ganderías e que está asociado á figura do veterinario de explotación é o Plan Sanitario Integral (PSI). Este Plan debe adaptarse ás diferenzas existentes entre os distintos tipos de granxas e responder ás necesidades e características de cada gandería. Así, dependerá de cada especie, tipo de explotación, sistema produtivo, situación epidemiolóxica e características particulares da gandería. “No caso de que convivan na mesma gandería diferentes especies, pode establecerse un plan sanitario único ou ben propoñerse plans sanitarios específicos para cada unha delas e baixo a responsabilidade de máis dun veterinario”, explica a veterinaria Martínez Sanz. Ademais, no caso das ganderías pertencentes a unha ADSG que teña asignado un veterinario de explotación distinto do veterinario da ADSG, o Plan deberá contemplar como mínimo un programa sanitario da ADSG.
O Plan Sanitario Integral debe actualizarse cada 5 anos ou cada vez que haxa cambios destacados na granxa
Este Plan debe actualizarse polo menos cada 5 anos e sempre que se modifiquen substancialmente as instalacións ou as prácticas de manexo na gandería. Debe estar asinado tanto polo veterinario da explotación como polo propietario. Ademais, é o propietario da gandería o responsable de que se cumpran as medidas que se recollen neste Plan.

Decálogo do Plan Sanitario Integral

O Plan Sanitario Integral debe contar cun contido mínimo para asegurar as medidas sanitarias imprescindibles na gandería. A continuación recóllese un decálogo de accións para incluír no devandito Plan: 1. Medidas de hixiene e bioseguridade. Neste apartado inclúense todas as accións preventivas que teñan que ver co control de acceso de animais á gandería ben sexa recría, reposición externa, animais alleos á granxa, animais en corentena… Tamén se contemplan as medidas de prevención en relación ao persoal da granxa e alleo a ela, así como vehículos. Neste apartado deben figurar tamén medidas que contemplen un control sobre a hixiene e a bioseguridade da alimentación do gando, así como á subministración e calidade da auga. Inclúense ademais, medidas específicas sobre o manexo dos animais. “Deben figurar protocolos para a separación do gando enfermo ou en corentena”, especifica a veterinaria. Neste apartado deberán aparecer ademais as medidas que adopta a granxa con respecto da xestión dos residuos sanitarios, así como a revisión periódica de certos aspectos das instalacións ou a recollida e almacenamento dos cadáveres, entre outros aspectos. 2. Plan de vixilancia e control de parasitos internos e externos dos animais. 3. Protocolo de vixilancia do estado sanitario dos animais. “A detección temperá é fundamental, xa que tratar de forma rápida marca a diferenza”, explica a veterinaria. 4.Programa de mostraxe rutineira fronte ás enfermidades obxecto de control na granxa. “Deben incluírse tamén os animais de nova incorporación á gandería”, detalla Martínez Sanz. 5. Plans de vacinación que se realicen na granxa. 6. Plan dun uso racional dos medicamentos. “Nas ganderías está a facerse xa un uso moi controlado dos medicamentos”, apunta a veterinaria. 7. Plan de cumprimento e control de hixiene do leite nas ganderías. 8. Plan sanitario da ADSG, se o veterinario de explotación designado é distinto ao da ADS. 9. Plan sanitario en relación coas enfermidades de declaración obrigatoria ou que sexan de interese para a propia gandería, a comarca, provincia ou comunidade autónoma. 10. Visitas zoosanitarias. O veterinario da explotación debe realizar de maneira presencial o seguimento sobre as medidas recollidas no propio PSI e o Plan de Benestar animal da granxa. “O veterinario emitirá as recomendacións que considere oportunas á persoa titular da gandería sobre as deficiencias que observe ou o uso de antibióticos na granxa”, explican os técnicos. As visitas zoosanitarias realizaranse unha vez cada 6 meses nas ganderías cun risco alto, cada ano nas granxas de risco medio e cada 18 meses nas que teñas un risco baixo. “A autoridade competente será a que determine o nivel de risco para cada gandería”, apuntan.

“A redución de antibióticos en vacún no 2022 foi moi positiva”

Raquel Gómez, durante as xornadas organizadas pola Cooperativa Central de Frades O Real Decreto de Uso Sostible de Antibióticos prevé actuacións en función do consumo de antibióticos en cada granxa. Raquel Gómez Gómez, da subdirección xeral de Sanidade e Hixiene Animal do Ministerio de Agricultura, explicou recentemente nunha xornada técnica organizada pola Cooperativa Central de Frades as implicacións que estes controis terán para as ganderías. Ata o de agora, a adhesión ao PRAN (Plan Nacional de Redución de Antibióticos) foi voluntario para as explotacións, pero a partir de agora todas as granxas deberán cumprir o Real Decreto 992/2022, polo que se establece o marco de actuación para un uso sostible de antibióticos en especies de interese gandeiro, o que converte a redución deste tipo de medicamentos en algo obrigatorio para todas as ganderías. A base desta nova normativa atópase no establecemento de niveis medios de consumo de antibióticos por especies de gando e na vixilancia e control daquelas explotacións que máis se afasten desta media. Indicador de referencia O termo "consumo habitual" fai referencia ao valor medio de uso de antibióticos nunha explotación, calculado a través da cantidade de antibiótico utilizada ao longo do ano (trimestre en curso e os dous anteriores). “O cálculo faise desta forma para que se temos unha enfermidade un mes non se dispare a estatística xeral da explotación”, explica Raquel. A partir do sumatorio dos consumos habituais de todas as explotacións nun ano, dividido entre o número total de explotacións, calcúlase o indicador de referencia nacional, é dicir o consumo medio anual de antibiótico por especie.
O índice nacional de referencia publicarase o 1 de xuño de cada ano
Despois, establécense uns rangos para situar ás explotacións en función da súa situación con respecto ao indicador de referencia nacional, é dicir, catalóganse todas as ganderías en función de se consomen anualmente máis ou menos antibióticos que a media das granxas desa especie. 5 categorías de explotacións As explotacións que se sitúen por enriba da media en consumo de antibióticos, clasificaranse en 5 estratos en función da súa porcentaxe de desviación: inferior ao 5%, entre o 5 e o 26%, entre o 26 e o 51%, entre o 51 e o 100%, e máis do 100%.
Se a desviación non supera o 5% non será necesario establecer ningunha medida correctora
As ganderías que consuman ata un 5% máis de antibióticos que a media de granxas da súa mesma especie non terán que realizar ningunha actuación adicional. As que se desvíen da media entre o 5 e o 26% deberán adoptar medidas para a diminución do uso de antibióticos en función das recomendacións que realice o veterinario de explotación dentro do Plan Sanitario Integral da granxa. Cando o consumo de antibióticos supere en máis do 26% á media de granxas, a explotación quedará baixo supervisión das autoridades sanitarias das comunidades autónomas, que avaliarán as medidas correctoras establecidas. Esas ganderías disporán dun prazo de 6 meses para reducir o seu uso de antibióticos.
A partir dun 26% por enriba da media nacional de uso de antibióticos haberá que enviar ás autoridades sanitarias unha avaliación da situación e as medidas correctoras a aplicar
En caso de persistir o problema, a explotación arríscase a sufrir restricións ao movemento de animais cando o seu consumo duplique a media establecida no indicador nacional de referencia. Pero neste momento o 77,8% das ganderías de leite e o 86% das de carne atoparíanse dentro do rango do 5% de consumo de antibióticos superior á media, polo que non terían que adoptar ningunha medida correctora. Redución do 50% para 2030 O consumo total de antibióticos en gando bovino en España sitúase en 85 toneladas anuais. “Foi moi positiva a redución de antibióticos en 2022, sobre todo en pensos e en auga”, destaca Raquel. A UE fixouse como obxectivo lograr reducir á metade o consumo de antibióticos no ano 2030 para o que o Real Decreto español establece medidas reforzadas para aquelas granxas que no prazo de dous anos non consigan unha diminución no uso de antibióticos.
O consumo total de antibióticos en gando bovino en España sitúase en 85 toneladas anuais
Poñerase especial énfase en baixar o uso de antibióticos do grupo B, que inclúe ás cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración, ás fluoroquinolonas e ás polimixinas, cuxo consumo non poderá ser superior nun 25% á media das explotacións desa especie. O uso desta categoría de antibióticos, considerados perigosos polas implicacións en canto a resistencias de bacterias en humanos, reduciuse considerablemente no último ano (un 58% no caso das fluoroquinolonas e un 56% no caso das cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración). En canto ao modo de aplicación, no conxunto do gando bovino destaca sobre todo a redución producida en pensos medicamentosos (-84,5%) e tratamentos en auga de bebida (-36%). O descenso acentuouse sobre todo en 2022.
A final de ano estará aprobada a nova clasificación de antibióticos a prescribir
Por tipos de explotacións, nas ganderías lácteas está a aumentar a utilización de inxectables, mentres nos cebadeiros cárnicos redúcese considerablemente o uso de pensos medicamentosos. Nas ganderías de vacún de leite diminuíu á metade o uso de antibióticos do grupo B nos últimos dous anos, aínda que como contrapartida incrementáronse os de categoría C (macrólidos nun 74% e aminoglicósidos nun 5,5%) e D (penicilinas naturais nun 61% e trimetoprimas nun 15%). Valoración trimestral do consumo de antimicrobianos A normativa en materia de antibióticos obriga a introducir as prescricións en PRESVET, no módulo de Xestión de Gandeiros. Hai un prazo de dous meses para subir os datos e corrixir os erros que puidesen producirse nas prescricións. A través de PRESVET poderán obterse distintos informes trimestrais en relación ao consumo de antimicrobianos na explotación e o veterinario deberá facer unha valoración trimestral sobre as causas que puidesen orixinar un incremento no consumo (enfermidade emerxente ou calquera outra patoloxía que poida estar a causar un aumento de tratamentos con antibióticos).
É obrigatorio meter as prescricións en PRESVET no prazo de dous meses
Estes informes resultantes deberán conservarse durante un mínimo de tres anos ao dispor das autoridades sanitarias. En caso de consumo de antibióticos na granxa superior ao indicador de referencia nacional (media de consumos de todas as granxas da mesma tipoloxía a nivel nacional), o veterinario da explotación deberá identificar as causas e establecer medidas para emendar as deficiencias que observe ou para reducir o consumo global de determinados grupos de antibióticos na explotación. A través de PRESVET tanto o gandeiro como o veterinario poderán obter datos e estatísticas da explotación, que será sometida a un maior control.  “O Informe T4, que estará dispoñible o 1 de marzo do ano seguinte, será o que nos dea o consumo anual da explotación e será o que use a autoridade competente para meter ás distintas ganderías nos programas de control oficial de riscos”, explica Raquel.

Nomeamento e funcións do Veterinario de Explotación

O Real Decreto de Uso Sostible de Antibióticos está intimamente relacionado co Real Decreto 364/2003 sobre o Veterinario de Explotación, xa que aínda que a normativa de antibióticos entrou en vigor o pasado 2 de xaneiro, non será realmente do todo aplicable ata que o faga a nova normativa que regula as visitas zoosanitarias e o Plan Sanitario Integral das ganderías. Esta nova norma, xa publicada no BOE, conta cun prazo dun ano de adaptación nos seus diferentes aspectos: nomeamento dun veterinario de referencia da explotación e elaboración dun Plan Sanitario Integral da granxa. “O Regulamento Comunitario R(UE)2016/429, que é de obrigado cumprimento en todos os Estados membros, asigna determinadas responsabilidades ao gandeiro en materia de vixilancia e sanidade animal, que deberá cumprir a través do veterinario de explotación, que é unha figura diferente ao veterinario habilitado pola Administración para campañas de saneamento ou programas de erradicación de enfermidades”, explica Raquel.
Non é o mesmo un veterinario de explotación que un veterinario habilitado pola Administración para campañas de saneamento ou erradicación de enfermidades
Entre as obrigas do titular da explotación atópanse as de manter unha saúde adecuada da cabana gandeira, facer un uso prudente de medicamentos e adoptar as oportunas medidas de bioseguridade na granxa. O gandeiro e todos os empregados que traballen cos animais da explotación deberán ter coñecementos básicos en materia de sanidade animal en relación ás principais enfermidades, boas prácticas e resistencias antimicrobianas.
O titular da explotación ten a obriga de notificar casos de sospeita de enfermidades graves na súa granxa e adoptar medidas para evitar a súa propagación
En caso de detectar situacións anómalas na granxa, como casos de mortalidade anormal ou indicios de enfermidade grave, o seu titular ten a obriga de comunicalo á autoridade competente en materia sanitaria; así como adoptar as medidas necesarias para facilitar o seu control e evitar a súa transmisión e propagación. Exentas as ganderías con menos de 5 UGM Os gandeiros deberán designar un veterinario de explotación, que terá entre as súas responsabilidades a redacción do Plan Sanitario Integral da granxa, a formación e concienciación do titular e os empregados da explotación en materia de sanidade, benestar animal, saúde pública e resistencias antimicrobianas, así como a implantación e seguimento de medidas a adoptar en materia de prevención e detección temperá de enfermidades, mellora da bioseguridade para evitar a súa entrada e propagación, así como outras relativas ao seu control e erradicación.
A norma afecta a todas as ganderías de vacún con máis de 5 UGM, que dispoñen dun ano de prazo para designar un veterinario de explotación e contar cun Plan Sanitario Integral
Cando nunha explotación traballan varios veterinarios (clínica, reprodución, calidade de leite, etc), a gandería deberá designar a un deles como veterinario de explotación aos efectos da redacción do Plan Sanitario Integral da granxa, a súa aplicación e supervisión e demais obrigas. Se a explotación pertence a unha Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) poden ser varios veterinarios os que figuren como veterinarios da explotación. O cesamento deberá ser comunicado por vía dobre á Administración, tanto por parte do gandeiro como por parte do propio veterinario, no prazo de 7 días. Plan Sanitario Integral O veterinario de explotación debe deseñar e supervisar a execución do Plan Sanitario Integral da granxa, que debe incluír como mínimo un plan de hixiene e bioseguridade, un programa de vacinación dos animais e de vixiancia e control de parasitos, así como medidas de redución de antibióticos e uso racional de medicamentos.
Deberán dispoñer de programa sanitario todas as explotacións, salvo as de autoconsumo, e deberá actualizarse cada 5 anos
Deberán dispoñer de programa sanitario todas as explotacións, independentemente da especie, salvo as de autoconsumo. Este Plan Sanitario Integral deberá actualizarse sempre que se produzan cambios significativos na granxa (instalacións, manexo, censo, orientación produtiva, etc) e como mínimo cada 5 anos. Visitas Zoosanitarias Outra das patas principais do Real Decreto son as visitas zoosanitarias por parte do veterinario de explotación, que deberá realizar controis na granxa, cunha periodicidade que variará en función da clasificación da explotación: unha vez cada seis meses para ganderías con risco alto; 1 vez ao ano para ganderías de risco medio e 1 vez cada 18 meses en caso de risco baixo.
Cada dous anos as autoridades sanitarias analizarán o risco de enfermidades de todas as ganderías
Esta análise de risco das ganderías realizarase cada dous anos por parte das autoridades sanitarias en función do tipo de establecemento, a situación epidemiolóxica da especie de gando en cada momento e aspectos individuais da granxa como resultados en controis anteriores ou datos declarados de consumo de antibióticos. As visitas zoosanitarias do veterinario de explotación están enfocadas á prevención de enfermidades e detección precoz de sintomatoloxía e signos clínicos de enfermidades, así como a prestar asesoramento en materia de bioprotección.

Investigadoras galegas colaboran nun proxecto estatal para vixiar as resistencias aos antibióticos no sector da cunicultura

Investigadoras do Laboratorio de Referencia ‘E.coli’ da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC coordinados pola profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía Azucena Mora Gutiérrez, colaboran de xeito activo na vixilancia de resistencias a antibióticos no sector da cunicultura, no marco do proxecto e vixilancia de bacterias patóxenas clínicas incluído entre as actuacións estratéxicas contempladas no Plan Nacional fronte á Resistencia a Antibióticos (PRAN). "Esta nova liña de actuación de vixilancia de resistencias en veterinaria redundará nunha mellora do seu control, ao tempo que servirá como ferramenta apropiada e de utilidade para que os facultativos veterinarios clínicos poidan prescribir antibióticos a partir da disposición previa de información epidemiolóxica agregada", sinala Mora Gutiérrez. A tamén directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) da Fundación Rof Codina explicou asemade que o novo compromiso contraído polo Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da USC coa Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) implica que o citado grupo de investigación do Campus Terra desenvolverá ao longo do presente exercicio traballos relacionados con técnicas microbiolóxicas encamiñados á caracterización xenotípica e fenotípica de resistencias en cepas de Escherichia coli illadas en procesos entéricos en coellos. "A información e os resultados das análises microbiolóxicas de illados de ‘E. coli’ incorporaranse logo ao mapa epidemiolóxico, ao tempo que se achegará un cumprido informe coas conclusións", relatou. A encomenda realizada pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios ao Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ da USC constata en certa medida a xa acreditada experiencia do LREC en ámbitos relacionados coa identificación e tipificación de cepas de ‘E. coli’ implicadas en procesos colibacilosis en animais de produción. Asemade, alén desta bagaxe científica xenérica, a profesora Azucena Mora tamén puxo en valor o traballo específico desenvolvido con coellos polo persoal do Laboratorio de Referencia de Escherichia coli no ámbito das resistencias, no marco do Grupo Operativo TIRAC (estratexias nutricionais destinadas a eliminar/reducir o uso terapéutico de antibióticos). Este traballo específico en coellos, no que están implicados os doutores Vanesa García Menéndez e Isidro García Meniño, a bolseira de iniciación á investigación do Campus Terra da USC Sofía Travers Rama, e a investigadora en estadía Alba Martínez Laorden, da Universidade da Rioxa, segundo explicou a profesora Mora Gutiérrez, desenvolverase ao longo do presente exercicio 2023 nos laboratorios de que dispón o LREC na sede universitaria luguesa.

“O leite galego é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado”

Roberto Lorenzana, nas instalacións do Ligal en Mabegondo O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) é unha Asociación sen ánimo de lucro, creada en xuño de 1989, na que teñen presenza paritaria os representantes do sector industrial e produtor do leite de Galicia. A actividade principal do laboratorio son as análises das mostras de leite cru para a determinación da súa composición e calidade hixiénico-sanitaria, sendo unha ferramenta fundamental tanto para o pago por calidade como para o Control Leiteiro. O carácter multiservizo do laboratorio busca dar resposta ás necesidades do sector lácteo no seu conxunto, implementando desde a súa creación servizos adicionais como analítica de forraxes, calidade da auga ou identificación de patóxenos causantes da mamite.
O LIGAL analiza unha media de 10.000 mostras diarias
O número de mostras anuais realizadas cos equipos de alto rendemento do laboratorio ascende a 3,1 millóns, cun promedio por día de traballo no entorno das 10.000 mostras procesadas. Coñecemos máis en detalle o seu traballo. – Cal é a función que xoga o LIGAL no sector lácteo galego? – A función principal pola que se crea o LIGAL era dar unha resposta independente e transparente ás distintas partes, tanto aos produtores como ás industrias, pero co paso dos anos convertémonos nun laboratorio multiservizo e tentamos dar unha resposta o máis integral posible ao conxunto do sector lácteo galego. A nosa actividade principal seguen sendo as analíticas do leite producido nas explotacións lácteas para o establecemento do pago por calidade diferencial. Un día de traballo normal no LIGAL analizamos no entorno das 10.000 mostras, sobre as que se obteñen case 80.000 resultados paramétricos que emitimos aos nosos clientes, principalmente gandeiros e operadores lácteos. As nosas analíticas pódense dividir en dous grandes bloques: un sería a composición físico-química do leite (contido graxo, proteico, etc) e o outro o paquete de calidade hixiénico-sanitaria e de control de residuos no leite. – Das análises do LIGAL depende en boa medida o prezo final do leite que cobran as explotacións. Poden estar tranquilos os gandeiros galegos da imparcialidade e fiabilidade dos resultados? – Absolutamente. A imparcialidade está fóra de toda dúbida. O LIGAL créase no ano 1989 para dar unha resposta á problemática das mostras do leite, que até ese momento estaban só nas mans da industria, é dicir, para que a análise fose fiable, independente e trazable. Ademais, supuxo a incorporación do resto de parámetros do pago por calidade até ese momento non incluídos no sistema.   O poder nos órganos de dirección desde a creación do LIGAL está repartido ao 50%. En consecuencia, para que algo sexa aprobado no seo da Xunta Directiva ou da Asemblea ten que ser apoiado polo 75% dos votos, o que leva a que ten que haber consenso entre ambas partes, unha parte non ten capacidade para impoñer ningunha decisión á outra.
Os gandeiros poden estar absolutamente tranquilos coa imparcialidade e a fiabilidade dos resultados
En relación á fiabilidade, boa parte dos nosos ensaios, non só a totalidade dos de pago por calidade, senón tamén moitos outros, están acreditados pola ENAC. Están referenciados a normas internacionais e este organismo, a Entidade Nacional de Acreditación, acredita que se fan as cousas correctamente. Iso é un indicativo claro da nosa aposta pola calidade e independencia e de que hai unha absoluta trazabilidade e transparencia nos procesos de análise. – Os gandeiros quéixanse de que a toma de mostras e o sistema de custodia está en mans das industrias que lles recollen o leite. Hai garantías dabondas para o produtor? – O sistema de toma de mostras está regulado por un Real Decreto de obrigado cumprimento, que di, entre outros aspectos, como hai que facer a toma de mostras nas explotacións e como teñen que ser transportadas ata os operadores. Desde a nosa óptica, o sistema funciona razoablemente ben, pero sempre pode haber algúns matices a mellorar. De feito, estamos traballando sobre un novo bote e os automatismos internos asociados, que vai aportar novas garantías e información adicional que creo que nos vai permitir dar un salto cualitativo nese sentido.
Ao longo deste ano melloraremos o sistema de toma de mostras nas explotacións e a súa trazabilidade; teremos un novo bote que vai aportar máis garantías e información adicional
Levamos tempo traballando neste novo sistema e eu confío que a mediados de ano ou no terceiro trimestre poidamos implementalo, aínda que durante algún tempo coexistirán os dous sistemas. A súa posta en marcha vainos obrigar a facer cambios tamén no sistema automatizado de análise das mostras. – Nalgunhas ocasións tense demandado un sistema de dobre mostra lacada, unha delas para o gandeiro, como existe por exemplo noutras comunidades. Por que non se implanta? – É un sistema complexo. Está implantado en Castela-A Mancha, polo tanto, con moitas menos explotacións que aquí, onde estamos focalizados nos 6.000 produtores lácteos de bovino, mentres que alí traballan sobre todo con ovella e cabra. No LIGAL aseguramos os procesos de análise das mostras que recepcionamos no laboratorio, non facemos directamente nin a toma de mostras nin o transporte ata os operadores. Como indiquei antes, estas fases están reguladas polo Real Decreto de referencia. Pero non quere isto dicir que o LIGAL non actúe sobre elas. De feito. actuamos sen previo aviso ás partes por medio do servizo de inspección, tanto en paralelo sobre as rutas como no peirao de descarga na industria, verificando aleatoriamente os aspectos normativos de toma de mostra e control de temperatura de transporte. 
Calquera produtor que teña algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico pode chamar ao LIGAL e nós actuamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste
Dentro das rutinas de análise desas 10.000 mostras que se están analizando diariamente entre pago por calidade e Control Leiteiro temos un control estatístico en tempo real sobre as mostras. É dicir, a medida que se están facendo as análises estanse referenciando aos datos que temos da explotación para ver se se desvía significativamente ou non da súa poboación de referencia. Ademais, calquera das partes pode chamar ao LIGAL se tivese algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico e nós actuariamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste para verificar se é coincidente coa poboación que temos do gandeiro dentro do laboratorio.   A realidade é que un número moi reducido de produtores poñen en dúbida a praxe da toma de mostra e, tralas nosas actuacións a petición de parte, as diferenzas non son significativas respecto da práctica totalidade dos resultados de referencia.  O LIGAL conta con equipos de última xeración para as analíticas que realiza – Ademais das mostras de leite, do total de mostras que analizades, cantas son de alimentación animal, calidade da auga ou sanidade animal? – No último ano sumaron unhas 80.000 mostras en conxunto estes tres aspectos, das que boa parte delas son para a detección do patóxeno causal das mamites.    – Fálanos un pouco dese papel de apoio prestado aos técnicos que traballan nas explotacións, por exemplo veterinarios ou nutrólogos. – Son dúas áreas de traballo que temos máis aló do noso traballo rutineiro de análise do leite cru. Temos por un lado a liña de alimentación animal e por outro a de control de mamites. As ecuacións coas que traballamos para as análises de silos de herba, silos de millo e outras materias primas que entran na ración do gando foron desenvoltas nun traballo colaborativo xa iniciado na década dos 90 do pasado século co CIAM que segue na actualidade e responden á realidade da nosa produción forraxeira. Non pode haber unha alimentación de precisión se non hai precisión nos resultados analíticos, que son a base dos sistemas de nutrición, polo que estas melloras logradas grazas ao esforzo entre o centro de referencia en investigación agrogandeira e o LIGAL redundan nunha mellora da economía e rendibilidade das nosas explotacións lácteas. 
A identificación dos microorganismos causantes de mamitis por espectrometría de masas ofrece a máxima fiabilidade no resultado a un coste moi reducido
Na liña do control das mamites infecciosas tamén somos moi activos e facemos a identificación do patóxeno causal a través dun equipo de espectrometría de masas e non recurrimos a unha identificación visual simple, recomendando apoiar esa identificación nun antibiograma, que vai indicar cal é o antibiótico máis acaído para tratar ese patóxeno. É dicir, procuramos emitir informes completos que axuden á toma de decisión dos veterinarios clínicos. – O control da mamite mediante a identificación do patóxeno causante a través dos antibiogramas pode ser unha ferramenta moi útil para a efectividade dos tratamentos. É unha práctica xa estendida no sector ou aínda é minoritaria? – O sector está cada vez máis sensibilizado con este tipo de cuestións, non só os gandeiros senón tamén os técnicos que os asesoran. Evidentemente os veterinarios clínicos son os primeiros interesados en que os tratamentos que prescriben funcionen. Esa liña está trazada desde hai tempo, tanto por parte da Axencia Europea do Medicamento como por parte do propio Ministerio en España.

“A presenza de inhibidores no leite galego é residual”

– Nos máis de 30 anos transcorridos desde a creación do LIGAL, como evolucionou a calidade do leite producido en Galicia? – Houbo unha mellora sobresaínte en relación aos datos de partida. Pasamos dunha situación inicial a comezos dos 90 na que a metade das explotacións tiñan nalgún momento do ano recontos altos de células ou bacterioloxía á situación actual, na que a nosa calidade está ao nivel das principais rexións produtoras da UE, tendo ademais en conta que A Unión Europea é máis restritiva nos umbrais de calidade hixiénico-sanitaria do leite no contexto mundial. A calidade físico-química responde ao tipo de acopio que quere facer a industria láctea das explotacións aprovisionadoras en relación, entre outros, ao contido en graxa e proteína do leite. Por outro lado está a calidade hixiénico-sanitaria, é dicir o reconto bacteriolóxico e de células somáticas.
A calidade hixiénico-sanitaria mellorou ostensiblemente, o que nos sitúa neste momento ao nivel das principais rexións produtoras de leite no contexto da UE
O sector lácteo leva moitos anos implicado na mellora continua da calidade hixiénico-sanitaira e do control dos residuos, adaptándose aos cada vez máis esixentes requerimentos normativos. Desde o ano 1989 no que se creou o LIGAL e se arrinca coas analíticas no ano 1990, a mellora na calidade hixiénico-sanitaria foi espectacular, cunha redución do reconto bacteriolóxico no 90% e á metade o do contido en células somáticas. – En que aspectos habería que seguir incidindo ou mellorando? – Extremar a boa praxe nas rutinas de muxido e as condicións hixiénicas de manexo dos animais e seguir mantendo moita atención aos requerimentos de enfriaxe do leite. – Cres que debería facerse a nivel de granxa maior fincapé na mellora das rutinas de muxido e na formación do persoal encargado destas tarefas? – É certo que cada vez hai máis problemas para contratar persoal para traballar nas explotacións lácteas e sobre todo persoal que teña os coñecementos e a formación previa, polo que hai un período de demora na súa adquisición. Sería necesario incidir nos aspectos formativos e tamén no control por parte dun responsable da explotación dos momentos críticos, e un deles é o momento do muxido. – E en canto á presenza de antibióticos?            – A mellora na presenza de inhibidores bacterianos, principalmente antibióticos, tense producido en paralelo á calidade hixiénico-sanitaria e hoxe falamos de niveis residuais. A mellora acelerouse sobre todo a partir da implantación no ano 2008 do protocolo de inhibidores. O 100% das cisternas son analizadas desde o punto de vista dos parámetros hixiénico-sanitarios e de residuos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite e tamén nas explotacións, nunha porcentaxe próxima ao 100%, se están analizando diariamente eses parámetros. – Existe aínda marxe de mellora na utilización de antibióticos nas explotacións leiteiras? – Hai que facer unha defensa da boa praxe na utilización de antibióticos en bovino de leite en comparación con outras especies. A mellora de novo é continua, todos os anos se avanza, pero é certo que cando chegas aos niveis residuais que temos acadado é máis difícil que baixen. – Galicia conta con protocolos diferenciais de actuación ante resultados positivos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite. Como funciona? – O protocolo de autocontrol actualmente vixente remóntase ao ano 2007-2008. Noutras zonas de produción do Estado cando hai un resultado positivo comunícase á Autoridade competente e a actuación queda nas súas mans, o que implica a introdución dun certo factor de demora. Nós somos máis rápidos, primando non ter o leite retido máis tempo do estritamente necesario. Para iso facemos unha actuación na explotación por medio do servizo de inspección do LIGAL que implica unha proba rápida ao produtor para ver se o novo leite que se está a muxir é apto e cumpre cos requerimentos de control de residuos e é válido para volver a ser integrado na cadea alimentaria. No caso de resultar negativa esta nova mostra, ese leite queda liberado para que poida ser entregado á industria. En caso de que resultase positivo, entón si que se bloquearía ese tanque e pasaría o procedemento a mans da Autoridade competente.
Os índices de positivos actuais a inhibidores xa son moi difíciles de mellorar
Ademais dos protocolos habituais tamén temos protocolos específicos reforzados en colaboración coa Administración. Un deles é o das quinolonas en leite e outro o de control da aflatoxina M1. Estamos moi sensibilizados con cuestións que afecten á seguridade alimentaria, intentamos ser proactivos para adiantarnos a posibles riscos emerxentes que poida haber, porque o peor que lle pode pasar a calquera sector é unha alerta grave de seguridade alimentaria, porque xa non será un problema puntual dunha explotación, senón que se converte nun problema do sector lácteo galego no seu conxunto. – Nos casos que detectades, cantos son debidos a neglixencias ou malas praxes e cantos a descoidos? – Ninguén entrega voluntariamente un leite que sabe que ten residuos de inhibidores. Eu estou convencido de que boa parte dos moi poucos resultados positivos que se están producindo a inhibidores do crecemento bacteriano débense a descoidos, por exemplo porque unha vaca que está a tratamento pasa ás rutinas de muxido ou porque non se cumpre estritamente o tempo de supresión. – Cando o consumidor na súa casa bebe un vaso de leite, pode ter a certeza de que é un produto absolutamente seguro? – Por todo o que comentamos e tamén complementados polas actuacións das Autoridades competentes, podemos asegurar que o leite é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado e, por extensión, do que os consumidores poden ter maior garantía de control e trazabilidade na súa produción. Todo o leite de Galicia está controlado desde que se produce ata que se descarga nos centros de transformación dos operadores lácteos. As características propias da produción de leite, continua e diaria, requiren un importante esforzo neste sentido pero a nosa actividade dá como resultado este control e trazabilidade da cadea de produción de leite. – Que papel xogou e xoga o Control Leiteiro na modernización e profesionalización vivida polo sector lácteo galego nos últimos anos e que aspectos consideras interesante introducir no Control Leiteiro para seguir afondando nesta mellora? – O Control Leiteiro é un piar fundamental na liña de mellora das nosas explotacións lácteas ao poder ter monitorizadas as nosas ganderías a nivel de vaca individual, contribuíndo á mellora xenética e aportando información sobre a calidade sanitaria dos animais de produción. Ademais, novos parámetros monitorizados sobre cada unha das nosas vacas abre novas liñas de traballo, algunhas están en desenvolvemento e permitirannos seleccionar aos animais en base á súa produción de metano, por exemplo. – O LIGAL conta con tecnoloxía punteira. Podemos dicir que é un centro que está na vangarda a nivel europeo? – Eu penso que si. Os nosos equipamentos, calibracións e desenvolvementos ad hoc están á vangarda e en consonancia coas liñas de traballo que se están seguindo nos centros de investigación dentro de Europa. Por exemplo, a relación entre dieta e calidade do leite ao conseguir extraer da analítica do leite a información sobre a orixe alimentaria; ou a pegada de CO2, medida pola compoñente de metano, que estamos empezando a desenvolver, en ambos casos en colaboración coa AGACAL-CIAM. O LIGAL non deixa de ser un reflexo do que é o potente sector lácteo galego. Catro de cada 10 litros que se producen en España saen das nosas explotacións lácteas cara os operadores e estas unidades de produción representan o 56% das de todo o Estado.

Xornadas sobre estratexias para o uso sustentable de antibióticos en vacún de leite

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña) organiza unhas xornadas sobre estratexias para o uso sustentable de antibióticos en vacún de leite. Ao longo de tres días (xoves 13 de abril, xoves 11 de maio e venres 26 de maio) diferentes expertos explicarán as claves de tres áreas que inciden no uso sustentable e eficiente dos antimicrobianos nas ganderías de vacún de leite: -A adaptación ao Real Decreto 992/2022 para un uso sostible dos antibióticos. -A prevención da mamite e o secado selectivo. -O valor das Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADS). As persoas interesadas en asistir poden chamar ao 981 733 051 ou enviar un email a info@fonteboa.es Velaquí o programa completo:

O Campus de Lugo estuda a contaminación dos solos derivada do uso de antibióticos no gando

Investigadores do grupo Unidade Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) pertencentes ao Dpto. de Edafoloxía da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC estudan os efectos ambientais que pode provocar a contaminación derivada do uso de antibióticos ionóforos (monesina, narasina, salinomicina e lasalocid) utilizados como anticoccidios, a través dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. “Estes fármacos son moi tóxicos para os humanos e so se usan en veterinaria, chegando a liberarse por feces e ouriños ata un 90% do composto administrado, o cal acaba na fosa dos xurros e chega o solo mediante a aplicación como fertilizantes, podendo acadar posteriormente as augas e cultivos. Do mesmo xeito que sucede cos fármacos empregados en saúde humana que acaban nos lodos de depuradora de aguas residuais e poden incorporarse aos solos a través da aplicación destes residuos, os antibióticos ionóforos usados en produción animal acaban concentrados nos xurros, que logo se empregan en áreas de cultivo”, relata Álvarez. O proxecto ‘Problemas ambientais do uso de antibióticos ionoforos en produción animal: Diagnóstico adsorción-desorción, efectos sobre os microorganismos e control con bioadsorbentes’, conta con máis de 200.000 euros de financiamento do Plan Estatal de Proyectos de Generación del Conocimiento (Ministerio de Ciencia e Innovación) e ten un período de execución de tres anos, segundo indica a coordinadora do grupo de investigación Uxafores e investigadora principal do proxecto, Esperanza Álvarez. O equipo de investigación que está a desenvolver este proxecto está composto, ademais dos dous investigadores principais xa nomeados, polas doutoras María Fernández Sanjurjo, Ana Barreiro Buján, Carolina Nebot, as estudante predoutorais Raquel Cela e Ainoa Míguez e a Técnica de laboratorio María Jesús Vázquez Celeiro. Ademais están colaborando neste proxecto investigadores das Universidades de Granada e Jaén e dúas universidades de Marrocos. O obxectivo deste traballo pasa por facer un diagnóstico sobre a presenza destes contaminantes emerxentes en xurros, solos e cultivo, estudar o seu comportamento no solo (degradación, retención), o efecto sobre os microgroorganismos e propoñer medidas de control para evitar o seu paso a cadea trófica utilizando subproductos da industria forestal (cinzas de combustión de madeira, corteza de piñeiro) e agroalimentaria (cuncha de mexillón) que actúen como bioadsorbentes destes fármacos. “A análise dos efectos ambientais provocados por este tipo de contaminantes emerxentes e dos seus potenciais riscos para a saúde humana e animal xustifica esta investigación”, asegura Álvarez, quen, de seguido, indicou que a primeira fase deste proxecto centrarase na análise de xurros, solos e diferentes cultivos de diferentes comarcas de Galicia de gandería e agricultura intensiva para coñecer o grao de concentración por este tipo de substancias, así como para determinar a capacidade de adsorción e desorción (retención ou liberación) dos solos respecto dos antibióticos ionóforos usados como anticoccidios, así como os efectos negativos sobre a actividade microbiana do solo.

Segunda fase: Estudo de bioadsorbentes como a cinza de madeira, a cortiza de piñeiro ou a cuncha de mexillón

Unha vez recompilados estes datos respecto das propiedades e do comportamento dos solos fronte a este tipo de contaminantes emerxentes, os investigadores implicados neste proxecto do Ministerio de Ciencia e Innovación comprobarán se algúns materiais residuais/subproductos tales como cuncha de mexillón, cortiza de piñeiro ou cinzas de biomasa, poden actuar como bioadsorbentes e controlar a contaminación derivada dos antibióticos ionóforos. “A elección destes tres bioadsorbentes como potenciais inhibidores ou mitigadores da contaminación relacionada con antibióticos ionóforos apóiase en resultados de experimentación xa realizados con outros antibióticos empregados en saúde humana”, dixo Álvarez, quen salientou o efecto bioadsorbente da cortiza de piñeiro e das cinzas de biomasa. A catedrática do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Esperanza Álvarez sinalou neste senso que, o éxito destes compostos bioadsorbentes naturais fronte aos efectos nocivos dos antibióticos ionóforos, abriría múltiples posibilidades para eliminar este tipo de axentes contaminantes nos seus focos de orixe, tal e como poden ser as plantas de tratamento de lodos de depuradora, fosas de xurro ou tamén engadíndoos ao solo para potenciar a súa capacidade de retelos e evitar que pasan as augas e os cultivos. Esta é unha liña de traballo que o equipo de Edafoloxía da EPSE desenvolve desde hai anos en colaboración cun equipo de investigación da Facultade de Ciencias de Ourense liderado polo catedrático Manuel Arias Estévez, centrada na contaminación por distintos antibióticos usados en medicina humana e veterinaria, da que xa teñen publicados varios artigos e capítulos de libro.

O Goberno fixará un límite no consumo de antibióticos das ganderías

O Consello de Ministros aprobou este martes, a proposta do Ministerio de Agricultura e do Ministerio de Sanidade, un real decreto que establece unha serie de medidas nacionais para favorecer un uso sostible de antibióticos en todas as explotacións gandeiras, entre as que se inclúen as de acuicultura, con excepción das explotacións de autoconsumo, así como as explotacións de pequeno tamaño. A nova norma establecerá un valor de referencia nacional de consumo. Este límite no consumo de antibiótico definirase en función da especie e a clasificación zootécnica. As ganderías deberán manterse por baixo do devandito consumo e se supera o tope terán que adoptar medidas en función da porcentaxe de superación, seguindo as recomendacións do veterinario de explotación. O Sistema Informático Central de Control de Prescricións Veterinarias de Antibióticos (Presvet) na actualidade xa permite o coñecemento por parte do gandeiro dos datos de consumo de antibióticos na súa explotación, información necesaria para comezar a abordar canto antes a problemática das resistencias antimicrobianas. Esta información servirá para que os titulares da explotación e veterinarios sexan conscientes da súa posición relativa en consumo de antibióticos e teñan tempo de planificar medidas para reducir o consumo nos casos nos que sexa necesario.

Reducir o consumo de antibióticos, unha prioridade

Para deseñar estas medidas, o ministerio mantivo diversas reunións coas comunidades autónomas e os sectores afectados. A resistencia aos antimicrobianos é un dos principais problemas sanitarios existentes na actualidade, e foi unha prioridade para a Unión Europea (UE) desde que en 2011 estableceu un Plan Director de Acción sobre Resistencias Antimicrobianas, que estimulou a posta en marcha de plans nacionais de actuación. En 2020 a Comisión Europea publicou a Comunicación da Estratexia «Da granxa á mesa» para contar cun sistema alimentario xusto, saudable e respectuoso co medio ambiente, na que se avogaba pola redución das vendas de antimicrobianos co obxectivo de alcanzar reducilas nun 50 % en 2030. Así mesmo, desde o Ministerio lembran que resulta imprescindible abordar a sanidade animal desde a perspectiva one health (unha soa saúde), iniciativa global cuxa finalidade é garantir un enfoque holístico á hora de facer fronte ás ameazas para a saúde dos animais, os seres humanos, as plantas e a súa contorna. A venda de antimicrobianos en España é superior á media europea, polo que é necesario abordar o seu uso nas explotacións gandeiras con urxencia, motivo polo cal, este real decreto forma parte do armazón lexislativo recolleito no plan estratéxico para a aplicación da nova Política Agraria Común (PAC) en España.

Innovación como solución ao problema das resistencias antimicrobianas en cunicultura

A redución do emprego de antibióticos en cunicultura é o principal reto ao que se enfronta este sector na actualidade. Non é tarefa fácil. A enfermidade dixestiva máis importante en coellos, a enteropatía epizoótica, leva provocando altas taxas de mortalidade en granxas de engorde de coellos desde os anos noventa. Con iso, as explotacións ven minada a produción e, en consecuencia, as perdas económicas son considerables.

A estratexia habitual para a prevención da incidencia da enfermidade durante o cebo pasa polo uso de varias moléculas de antibióticos nos pensos de gazapos (a enteropatía epizoótica “golpea” tras o destete).

Con todo, dentro dos seus plans para avanzar nun modelo de produción máis sostible, a Unión Europea estima prioritario reducir o emprego de antimicrobianos para previr a aparición de resistencias. Na propia estratexia ‘Da granxa á mesa’, a Comisión Europea marcaba, como obxectivo concreto, lograr unha redución do 50% nas vendas de antimicrobianos destinados a animais de granxa.

No mesmo sentido reman os profesionais e institucións españolas. Un exemplo é o ‘Acordo para Reducir o Uso dos Antibióticos en Cunicultura (ARAC)’ asinado en 2019 polos representantes das asociacións nacionais de veterinarios e profesionais do sector xunto ao Plan Nacional de Resistencias a Antibióticos (PRAN), no marco do Programa REDUCE específico para a cunicultura. O seu argumento principal é conseguir reducir un 30% o consumo de antibióticos nun período máximo de dous anos.

O sector sostén que, grazas a este acordo, está a producirse unha redución paulatina da utilización de antibióticos en explotacións. Con todo, tamén se rexistrou un incremento das taxas de mortalidade durante o período de cebo. Por iso témese que a falta de alternativas reais aos antibióticos sexa un lastre fatal para o mantemento do sector a curto e medio prazo.

Á súa vez, a entrada en vigor do RE: 2019/6 sobre medicamentos veterinarios deu lugar a unha redución importante do consumo de antibióticos, o que produce, se cabe, un maior reto na cunicultura

A solución pode pasar por limitar a incidencia dos trastornos dixestivos dos coellos mediante o deseño de pensos que se adapten mellor á fisioloxía dixestiva do gazapo recentemente destetado.

Aparece TIRAC

Neste contexto nace TIRAC (‘Técnicas Innovadoras para a Redución de Antibióticos en Cunicultura’), un grupo operativo supraautonómico cuxa finalidade é reducir o consumo de antibióticos fronte a problemas dixestivos dos coellos de cebo asegurando a súa saúde e rendibilidade para o gandeiro.

O proxecto está coordinado por De Heus Nutrición Animal SA, e nel participan a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Porto-Muiños SL, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través dos grupos de investigación en Medicina Animal (ImedA), Anatomía Patolóxica Veterinaria (GAPAVET), Investigación en Sanidade Animal (INVESAGA), Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) e Seguridade Alimentaria (LREC) e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM), a través do grupo de investigación Produción Animal (PRAN). Criadores de Coello de Naraba Sociedade Cooperativa, PROGACUN-Asociación de Produtores de Coellos de Galicia e a Granxa J. Echegoyen SLU son membros subcontratados. O orzamento total do GO é de 492.580,38 euros, e a subvención total é de 485.043,58 euros.

A iniciativa está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Pesaxe de coellos realizado durante a investigación.

Os traballos de TIRAC, que se están desenvolvendo en Galicia, Comunidad de Madrid, Castilla León, Navarra e La Rioja, céntranse, concretamente, no estudo de diversas estratexias nutricionais en coellos relacionadas cunha formulación en pensos cun baixo nivel de proteína e un moderado nivel de fibra soluble, xunto coa incorporación de macroalgas e/o extractos de algas.

Todo iso co obxectivo de mellorar a saúde intestinal dos animais e, por tanto, permitir unha redución do emprego de antibióticos.

Paralelamente, preténdese conseguir unha carne de mellor calidade (cun perfil lipídico cardiosaludable, un maior contido mineral e potencial antioxidante) e valorizar o sector de produción de algas.

O grupo operativo avaliará a problemática real das granxas e prioridades sanitarias do sector; identificará e valorará as mellores algas e extractos de algas que favorezan a saúde intestinal dos gazapos; e valorará o efecto de certas estratexias nutricionais (niveis de proteína, perfil de aminoácidos e equilibrio entre fibra soluble e insoluble) na patoloxía dixestiva, resultados zootécnicos e uso de antibióticos no cebo de coellos.

Á conclusión destes traballos preténdese obter, por unha banda, información actualizada e de primeira man do sector cunícola español e a súa situación sanitaria; por outro, unha liña de pensos para coellos adaptados ás necesidades do destete, que mellorará a saúde intestinal dos gazapos e que reducirá o emprego de antibióticos; e un inventario de algas/extractos de algas de interese na formulación de pensos.

Entre os destinatarios dos estudos que está a levar a cabo o grupo operativo atópanse todos os elos da cadea agroalimentaria, desde a produción (granxas, cooperativas e explotacións cunícolas), a industria (fabricantes de alimentación animal) e centros tecnolóxicos, centros de investigación e universidades, ata as administracións públicas e os consumidores finais e público en xeral.

Etapas do plan

No momento da redacción deste artigo, os traballos centrábanse na realización de dúas probas nas que se combinarán os mellores resultados de dous ensaios previos: un baseado na realización de dúas probas con distintos niveis e tipos de fibra dietética (soluble e insoluble), e outro baseado na realización doutras dúas probas con distintos niveis e tipos de proteína e aminoácidos dixestibles. Coa combinación deses resultados, o GO pretende comprobar que é posible a produción de coellos de cebo sen antibióticos.

Estes ensaios realizaranse en dúas explotacións diferentes co obxectivo de separar o efecto granxa e asegurar o comportamento das dietas en distintas condicións de sanidade e manexo e verificar a repetibilidade dos resultados obtidos.

Unha das granxas participantes no estudo.

O plan de traballo de TIRAC comprende tamén un importante labor de divulgación a nivel rexional, nacional e europeo para trasladar á sociedade os resultados e a transferencia de solucións expostas polo grupo operativo.

Enquisa a cunicultores

No plan de traballo do GO destaca a enquisa realizada a cunicultores co fin de obter información sobre cales son os seus programas sanitarios, a xestión que fan da aplicación de antibióticos e outras prioridades sanitarias do sector, como prácticas de manexo, nutrición e zootécnicas.

Os resultados da mesma confirman que a enteropatía é a enfermidade que máis perdas económicas produce ao sector.

Para os cunicultores enquisados, o problema da resistencia aos antibióticos afecta tanto os animais como ás persoas e ao medioambiente; é dicir, son receptivos a este problema.

Así mesmo, consideran que existe unha relación directa entre a aplicación dunhas correctas medidas de bioseguridade e un menor uso de antibióticos; non atopan unha forte presión por parte dos matadoiros e clientes para a redución de uso de antibióticos; opinan que a densidade de animais en cebo inflúe no consumo de antibióticos asociados a unha maior exposición a patoloxías; non atopan unha relación entre o manexo do esterco, a xestión da retirada de cadáveres ou o tipo de xenética, a orixe dos amimales e/o o seme e o maior ou menor uso de antibióticos; e si ven relación entre o manexo do ambiente con sistemas de calefacción, ventilación, cooling, etc., e un menor uso de antibióticos.

En canto á relación da taxa de mortalidade durante o cebo co tipo de patoloxía e factores ambientais, os resultados obtidos indican que as granxas con menor taxa de mortalidade (<7%) realizan un baleiro sanitario; as granxas con calefacción teñen unha porcentaxe de baixas máis baixo (<5%); e as granxas que non fan baleiro sanitario nin teñen calefacción teñen unha porcentaxe de baixas maior do 10%.

Se se analiza a relación da taxa de mortalidade durante o cebo con tipo de nave, ritmo de IA tras o parto e alimentación, vemos que as naves cun sistema de ventilación natural (66%) presentan maior taxa de mortalidade (>10%), mentres que, nas que o fan con sistema forzado (71%), a mortalidade é menor do 5%. A priori a restrición de penso puidese ser unha medida de manexo adecuada para reducir as incidencias de trastornos dixestivos; con todo, a mortalidade non se ve afectada por este tipo de manexo, de tal modo que, naquelas que teñen unha mortalidade de <5%, o 54% restrinxe o alimento, e as de >10% de mortalidade tamén o fan no 50% dos casos.

Por último, no que ten que ver coa relación da taxa de mortalidade durante o cebo coa idade ao destete e o número de bandas, os resultados da enquisa lanzan que as granxas con menor mortalidade presentan unha porcentaxe máis alta de destete aos 32-35 días e que as granxas con mortalidade >10% teñen a porcentaxe máis alta de destetes a idades inferiores aos 32 días.

Nova ferramenta do Ministerio de Agricultura para facilitar aos gandeiros o autocontrol do uso de antibióticos

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación desenvolveu unha nova ferramenta para facilitar aos gandeiros o autocontrol do uso de antibióticos na loita contra as resistencias antimicrobianas, dentro do Sistema Informático de Control de Prescricións Veterinarias de Antibióticos (PRESVET). Esta ferramenta permitirá a todos os titulares inscritos no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) que se incorporen a este novo sistema consultar os informes trimestrais de consumo de antibióticos das explotacións gandeiras que teñan estas prescricións fosen comunicadas a PRESVET. A información recollida nos informes mostrará o consumo habitual de antibióticos de cada explotación gandeira e permitirá comparalo, a nivel nacional, cos do seu mesma especie e clasificación zootécnica. Desta forma, os gandeiros poderán avaliar directamente o consumo nas súas explotacións. Ademais, dentro das funcionalidades, poderase autorizar a un ou varios veterinarios, rexistrados previamente en PRESVET, que poidan visualizar os informes das súas explotacións e facilitarlles o seu traballo de asesoramento en materia de resistencias antimicrobianas para que poidan propor medidas alternativas ao uso de antibióticos para combatelas. O módulo do gandeiro atópase accesible na web de PRESVET: https://servicio.mapa.gob.es/presvet Os gandeiros poderán rexistrarse no sistema mediante certificado electrónico, ou usuario e contrasinal identificándose mediante o NIF do titular REGA.

Claves para o manexo do secado selectivo en ganderías de leite

Luis Miguel Jiménez, durante a súa intervención nas últimas xornadas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta A nova directiva europea sobre antibióticos impide facer un uso profiláctico xeralizado dos medicamentos antimicrobianos e en vacas produtoras de leite onde máis se usaban deste xeito era no secado. Por iso, nos próximos anos a terapia habitual aplicada en moitas ganderías para seca as vacas vai ter que sufrir modificacións. É un cambio de concepto ao que terán que habituarse os gandeiros e os técnicos que os asesoran. O papel dos veterinarios será clave á hora de escoller a que animais aplicar un secado convencional e cales son vacas candidatas a un secado sen antibióticos, e o labor dos gandeiros consistirá en aplicar dous protocolos diferentes nun caso e no outro.
Estamos nun proceso de adaptación tanto os gandeiros como os veterinarios
“Estamos nun proceso ao que nos temos que adaptar, tanto eles como nós, pero a nosa experiencia demostra que non existen demasiados problemas á hora de introducir nas granxas esta nova terapia de secado selectivo”, afirmou Luis Miguel Jiménez, da empresa especializada en calidade de leite Servet Talavera, nas últimas xornadas técnicas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta. Importancia do período seco para evitar infeccións intramamarias O risco de infeccións aumenta no período seco, onde se dan case o dobre de procesos infecciosos que na lactación. “É o período onde máis infeccións ocorren, sobre todo na fase de involución activa e na calostroxénese. Estas infeccións no período seco teñen consecuencias despois”, afirma Luís Miguel.
Moitas das mamites clínicas que ocorren na lactación proceden de episodios subclínicos acontecidos no período seco
O 25% das mamites clínicas que aparecen nos tres primeiros meses de lactación teñen orixe en infeccións subclínicas ocorridas no período seco. “Son múltiples os factores que favorecen a aparición destas infeccións: ao cesar o muxido non se produce o efecto arrastre que ten o propio leite e con iso desaparecen as medidas hixiénicas diarias que se aplican na sala dentro da rutina de muxido”, destaca.
Ao cesar o muxido, debido á presión intramamaria, a canle do pezón acúrtase e ensánchase, polo que é máis fácil que calquera bacteria poida acceder
Ao mesmo tempo, prodúcese un aumento da presión intramamaria e teñen lugar unha serie de cambios anatómicos no pezón. “O conduto do pezón acúrtase e dilátase, polo que é máis fácil que calquera bacteria atravese esa barreira que é a canle do pezón. O retraso na formación do tapón de queratina ao principio do secado incrementa o risco de infección e resulta habitual incluso que non se chegue a formar”, explica. É ademais un momento de gran inmunosupresión, no que a actividade dos neutrófilos se reduce notablemente, sobre todo nas dúas semanas anteriores ao parto, que constitúen o período máis crítico debido aos cambios hormonais da vaca, así como ao estrés e aos cambios nutricionais. Cambio de paradigma O método de secado máis frecuente ata o momento na maioría de ganderías consistía no tratamento de todos os cuarteróns para curar infeccións presentes e previr posibles novas infeccións. “Tanto os gandeiros como os veterinarios estabamos moi afeitos a facer este tipo de terapia, que se foi instaurando nas ganderías debido ao aumento de infeccións por Staphylococcus aureus e para curar as mastitis de verán causadas por Truperella pyogenes”, admite Luís Miguel.
Os antibióticos non poden servir para compensar unha falta de hixiene nas explotacións
Pero a normativa europea de uso responsable de antibióticos que entrou en vigor este ano (Regulamento UE 2019/6 sobre medicamentos veterinarios e Regulamento UE 2019/4 de pensos medicamentosos), impide seguir realizando estas prácticas con carácter xeralizado e na totalidade das vacas. Dentro do PRAN (Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos), o programa de prescrición e uso razoable de antibióticos no sector bovino de leite atópase na fase 2 (2022-2025) de redución de cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración, tras superar xa a fase 1 (2019-2021) de redución de quinolonas.
España atópase na posición número 7 a nivel europeo no uso de antibióticos veterinarios
España é o sétimo país europeo que máis antibióticos veterinarios consome, aínda que no caso de quinolonas e cefalosporinas ocupa a posición número 20 e desde 2016 a 2020 España reduciu un 56% as vendas de ABS por parte de laboratorios farmacéuticos, segundo os últimos datos dispoñibles. “O consumo baixou bastante. Pola incerteza que había moitos veterinarios non prescribiron quinolonas e cefalosporinas e as vacas seguiron producindo igual”, asegurou na súa conferencia o responsable do servizo veterinario de Servet Talavera. Granxas de alto risco A clave para establecer un protocolo distinto ao seguido ata o momento durante o secado está en diferenciar cada caso, en función do historial da explotación e da propia vaca. Unha gandería sería considerada de alto risco en caso de posuír un reconto de células somáticas en tanque superior a 250.000 nos últimos 2 meses, ter problemas de xermes contaxiosos (Streptococcus agalactiae, Staphylococcus aureus ou Mycoplasma bovis) ou atoparse nun período específico de risco (por exemplo por cambio de sala de muxido a robot).
Vai ser o veterinario o que teña a facultade de establecer se se pode usar ou non antibióticos no secado e en que casos
Nestes casos, coa necesaria prescrición do veterinario responsable da explotación, é posible seguir facendo un secado en saba (TVS convencional e selador interno en todas as vacas), aínda que coa obriga de implantar un programa integral de mellora da calidade do leite que derive finalmente na implantación da terapia selectiva de secado na granxa. Granxas de baixo risco Pola contra, as ganderías cun RCS de leite en tanque inferior a 250.000 células e sen presenza de patóxenos contaxiosos deben implantar unha terapia selectiva de secado que utilice ferramentas como o reconto individual, os cultivos e o rexistro de mamites clínicas como elementos fundamentais da selección.
O RCS individual, os cultivos e o historial de mamite clínica son as ferramentas clave na selección das vacas
Para obter o reconto individual de células somáticas de cada vaca poden usarse os datos de Control Leiteiro ou ben realizar test de California. As vacas que non presenten problemas secaríanse unicamente cun selador interno. En caso de presenza dun patóxeno maior nalgunhas vacas, estas serían susceptibles de ser tratadas con antibiótico. Probas a realizar A toma de decisións para decidir que tipo de estratexia se segue en cada caso, tanto a nivel de explotación como de vaca individual, baséase na obtención de información. Para iso, realizarase polo menos un cultivo anual a nivel de tanque ou unha PCR para detectar a presenza de xermes contaxiosos. Do mesmo xeito, 15-30 días antes do secado realizarase un cultivo microbiolóxico a vacas afectadas por un reconto celular alto ou por un test de California positivo.
Todas as granxas deben contar cun bo rexistro de mamites clínicas. Agora é obrigatorio
“Ademais, todas as granxas deben contar cun bo rexistro de mastitis clínicas. Ata o de agora un dos cabalos de batalla era que os gandeiros apuntasen os casos que se producían pero agora é obrigatorio, a Administración vaino requirir, e a nivel de toma de decisións en granxa é esencial porque é un criterio fundamental á hora de seleccionar ás vacas”, asegura Luis Miguel. Selección das vacas Para este veterinario, “que un gandeiro seleccione as vacas pode traer un grave problema, é fundamental que detrás desta selección estea un técnico”. En Servet Talavera teñen en conta os seguintes criterios para a selección de vacas ás que aplicar antibiótico:
  • Vacas con máis de 100.000 cél/ml en polo menos un dos últimos 3 controis antes do secado
  • Vacas cun caso de mastitis clínica na última lactación
  • Vacas infectadas cun patóxeno maior
Estar en Control Leiteiro facilita dispoñer de datos, aínda que Luis Miguel asegura que “unha explotación que non estea en Control Leiteiro tamén pode aplicar unha terapia selectiva de secado”. Na actualidade, un 43% das explotacións españolas están en Control Leiteiro e posúen un 52% das vacas produtoras de leite de España.
O 43% das explotacións e o 52% das vacas están en control leiteiro en España pero sempre necesitas un técnico que sexa o que che seleccione as vacas
“Se non hai control leiteiro unha ferramenta útil é o test de California, que habería que realizar nos 15 días anteriores ao secado para ver como está a vaca, pero esteas en Control Leiteiro ou non, sempre necesitas un técnico que sexa o que che seleccione as vacas”, aclara.
É fundamental que os gandeiros apunten todos os casos de mamites clínicas
En Servet Talavera traballan do seguinte modo: “os gandeiros mándannos a previsión de secado e nós facémoslles a selección das vacas. As que teñen un baixo reconto celular (menos de 100.000 cél/ml) e non tiveron ningún caso de mastitis clínica van só con selador”, explica.

"Deberíanse secar vacas por debaixo de 21 litros de leite ao día"

“O secado selectivo obriga a variar a forma de realización do secado e a establecer uns protocolos diferentes aos que se viñan facendo. Pero desde que o implantamos hai 12 anos o gandeiro é receptivo e adaptouse perfectamente”, asegura Luis Miguel Jiménez. Para mellorar a implantación da nova terapia selectiva de secado nas explotacións é importante unha protocolización que permita adaptarse á nova rutina. “Un tema importante, por exemplo, é estandarizar o uso dos seladores internos, porque é unha boa ferramenta para evitar novas infeccións. Tamén é fundamental facer un bo manexo da alimentación cando secamos á vaca. Ata o de agora facíase un secado brusco sen cambiar a ración porque era moi cómodo, pero agora é necesario facer unha redución da alimentación”, defende.
No secado selectivo é fundamental reducir a produción a través do manexo da alimentación
“Os secados graduais non os recomendamos, o que recomendamos é facer un secado brusco con redución da alimentación nos últimos 2 ou 3 días. Para iso hai que ter un lugar para separar a esas vacas e facer esta redución de inxesta. O que recomendamos é darlles a ración de vacas secas e auga. Hai xente que reduce a auga, pero iso non se debe facer”, asegura. Cos cambios na alimentación a vaca vaise a estresar e vai estar máis intranquila. “Pero iso é ata bo que ocorra, porque axuda a reducir os litros de leite. Deberíanse secar vacas por baixo de 21 litros de leite ao día. Noutros países europeos a produción é máis baixa e non teñen estes problemas á hora de facer o secado”, insiste. Protocolización do secado selectivo Ademais do manexo da alimentación, tanto nos días previos ao secado como durante todo o período seco, e do uso de seladores internos, existen outra serie de aspectos fundamentais a ter en conta para o éxito do secado selectivo e que afectan a todo o período seco. Por exemplo, o ambiente debe ser confortable e a vaca debe estar limpa e seca. “En cama fría de compost é importante airear. En caso de ter cubículos, a vaca vai estar moito máis cómoda en area ou carbonato que en colchoneta”, afirma.
Hai que coidar a alimentación durante todo o período seco, a nutrición debe ser adecuada, sobre todo en canto a vitamina E e minerais como o selenio
É necesario tamén evitar o amontoamento no lote de vacas secas. “O estrés por calor tamén é importante nas vacas secas, porque se está tensa vai haber menor produción na lactación, con menor proteína e máis risco de infeccións”, asegura. Luis Miguel recomenda vacinar contra mastitis colibacilar para reducir a incidencia e gravidade de mamites clínicas causadas por coliformes durante a lactación. Aconsella tamén adoptar medidas de bioseguridade en relación á recría. “As xovencas que paren e entran ao lote de produción pode ser un foco de entrada de infeccións, sobre todo cando veñen do prado”, indica. Proceso de secado Á hora de realizar o secado, tralo último muxido, hai que ser meticulosos. “Non son boas as présas. É importante tomarse o seu tempo e desinfectar ben. Despois, na aplicación do selador interno, introducir só a punta da cánula da maneira máis hixiénica posible e non masaxear nunca despois”, recomenda Luis Miguel. É importante tamén evitar as fugas de leite tralo secado, algo que está directamente relacionado coas infeccións intramamarias. “Estas fugas prodúcense sobre todo nos cuartos traseiros e con máis frecuencia nas vacas con máis produción”, explica. “Ata o de agora estabamos a suplir a falta de limpeza con antibióticos, secabamos a vacas de gran produción e non pasaba nada, pero agora si que pasa, agora podemos secar unha vaca con 35 litros e aos tres días tela patas para arriba”, alerta. Indicadores A partir dun secado aplicado correctamente, o obxectivo fundamental durante o período seco sería curar as infeccións presentes e previr novas infeccións tanto no período seco como na seguinte lactación.
Marcámonos como obxectivo que o 80% das vacas cheguen sas ao secado
Servet Talavera utiliza unha serie de índices de saúde de ubre para facer un seguimento das explotacións. Téñense en conta distintos parámetros, con obxectivos específicos concretos en cada caso:
  • Mastitis clínica inferior ao 25% anual e inferior ao 8% no primeiro mes de lactación.
  • Incidencia de novas infeccións ao parto inferior ao 15%: vacas que se secaron cun RCS inferior a 200.000 cél/ml e pariron cun RCS superior a 200.000.
  • Taxa de cronicidade no secado entre o 20 e o 30%: vacas que se secaron cun RCS superior a 200.000 cél/ml e pariron cun RCS superior a 200.000.
  • Taxa de curación no secado superior ao 75%: vacas que se secaron cun RCS superior a 200.000 cél/ml e pariron cun RCS inferior a 200.000.
“Un indicador relevante é a porcentaxe de vacas que chegan infectadas ao secado, xa que é un síntoma de como fixemos as cousas durante a lactación”, considera Luís Miguel. O obxectivo sería que a porcentaxe de vacas que chegan infectadas ao secado sexa inferior ao 20%.

Como reducir o uso de antibióticos nas granxas de porcino?

Nos últimos anos o uso de antibióticos nas granxas estivo no punto de mira, en parte polo risco que a utilización destes medicamentos pode supoñer na aparición de patóxenos resistentes e as consecuencias que ten non só para o sector gandeiro, senón para a sociedade en xeral. Aínda que parece que son os antibióticos para uso humano os que maior contribución tiveron na aparición de patóxenos resistentes, búscase no sector gandeiro un aliado na loita desta problemática. As recomendacións específicas para un uso prudente dos antibióticos impulsadas desde Europa en 2015 foi un dos pasos significativos nesta liña. Pouco despois, no 2019 implantaríase a normativa que regula este uso e que entrou en vigor a principios deste mesmo ano. No caso de España, a aplicación desta normativa atópase aínda pendente de transposición e a publicación no Boletín Oficial do Estado, unha vez se responda ás alegacións presentadas por Colexios de Veterinarios e distintas asociacións. “O obxectivo que perseguen as novas normativas europeas que acoutan o uso de antibióticos é tratar o menor número de animais e evitar tratamentos colectivos sistemáticos”, explicaba o doutor en Veterinaria e profesor agregado da Universidade de Lleida, Lorenzo Fraile, durante a súa participación no XXIV Monográfico de gando porcino, celebrado en Silleda (Pontevedra) recentemente.
As novas normativas europeas que acoutan o uso de antibióticos buscan tratar o menor número de animais e evitar tratamentos colectivos sistemáticos
Con cada vez máis limitacións ao uso de antimicrobianos, o sector porcino busca estratexias para adaptarse sen que a rendibilidade das granxas e a saúde dos animais se vexa comprometida. Fraile sinalou algunhas das claves para trazar estratexias de éxito no control e uso dos antimicrobianos, así como iniciativas que xa se puxeron en marcha para optimizar os tratamentos e conseguir un uso máis eficaz dos antibióticos. Aínda que se busca reducir o seu uso, Fraile lembra que “os antimicrobianos son unha ferramenta fundamental para unha produción eficiente, sostible e rendible economicamente”.

Uso prudente de antibióticos: responsabilidade compartida

O novo marco xurídico europeo procura un uso prudente dos antimicrobianos, é dicir, buscan evitar o uso rutineiro destes tratamentos. “Débese abordar o uso dos antimicrobianos en cada situación e o veterinario será o último responsable que debe xustificar esta decisión”, puntualiza Fraile. Ademais, o uso profiláctico de antimicrobianos, é dicir, como método preventivo, está prohibido a efectos prácticos no porcino. Pero, como conseguir un uso prudente de antimicrobianos? Fraile apunta neste sentido na importancia que ten a implicación dos diferentes axentes do sector para conseguir este ‘uso prudente’ de antibióticos. Así, o investigador incide na necesidade de que veterinarios, gandeiros e a Administración participen dunha maneira activa, como única vía para conseguir este uso prudente. O experto, apuntou en Silleda as responsabilidades que cada parte do sector debe levar a cabo:

-Veterinarios:

Para lograr un uso prudente dos antimicrobianos, os veterinarios deben realizar un diagnóstico preciso, tanto en base ao caso clínico que presenta o animal como utilizando datos epidemiolóxicos. Tamén é necesario que os profesionais coñezan a sensibilidade dos microorganismos implicados e os produtos rexistrados para o seu tratamento. Ademais, son os veterinarios os que deben evitar o uso dos antimicrobianos fóra de etiqueta e sen cambiar medicamentos entre especies. Ademais, Fraile incide na importancia de que os veterinarios proporcionen datos de consumo ás autoridades para que se poidan manter actualizados os rexistros, así como describir os efectos adversos dos medicamentos. Así, no día a día, para lograr un uso máis prudente, os veterinarios deben prestar atención tamén ás medidas de prevención, á alimentación e o benestar na granxa. As medidas médicas preventivas, como a inmunización dos animais son fundamentais. “O veterinario debe valorar as vacinas dispoñibles no mercado e ser moi crítico coas autovacinas, tendo moi presentes que unha autovacina é un produto medicamentoso e que debe esixírselle as mesmas garantías que ás vacinas comerciais en canto a seguridade e eficacia”, apunta o investigador. Ademais, deberá prestar especial atención aos axentes que poidan causar as enfermidades.

-Gandeiros:

Pola súa banda, os gandeiros teñen un papel moi importante para conseguir unha utilización prudente dos antibióticos. En boa parte dos casos, os gandeiros encárganse de administrar o medicamento, polo que proporcionar a dose adecuada e cumprir de forma estrita a duración do tratamento indicado polo veterinario contribúe en gran medida a un uso prudente dos medicamentos. “Un 25% do uso prudente dun antibiótico é responsabilidade do gandeiro”, comenta o investigador.
“Un 25% do uso prudente dun antibiótico é responsabilidade do gandeiro”
Por outra banda, os granxeiros tamén poden contribuír a mellorar a eficacia dos tratamentos, xa que tamén poden describir os efectos adversos que detecten, o que axuda a ter constancia deles e revisar o medicamento ou a súa utilización en determinados casos. “Ao ano adoitan recibirse no Ministerio unhas 400 notificacións de efectos adversos. É un número moi baixo en referencia ao uso dos antibióticos e ás comunicacións que se reciben noutros sectores como o das mascotas, onde os donos de cans e gatos adoitan ser proactivos na comunicación destes efectos adversos”, concreta o investigador. Nas granxas de porcino, o gandeiro tamén contribúe a reducir o uso de antibióticos se mantén en óptimas condicións os factores ambientais que poden provocar enfermidades. Garantir unhas instalacións adecuadas, adoptando medidas de hixiene, desinfección e un manexo adecuado son medidas do día a día que permiten reducir os riscos. Así, levar a cabo accións de bioseguridade externa e interna, reducir as densidades da granxa ou practicar un manexo de todo dentro e todo fóra contribúe a reducir os riscos. “Prácticas como analizar as porcas cando se compran é unha boa medida para evitar a entrada de enfermidades na granxa”, explica o investigador.

-Administración

O investigador tamén sinala a importancia de que as Administracións teñan un papel activo na xestión e control do sector, tanto de granxas como de profesionais, de maneira que se contribúa a fomentar as boas prácticas. “Necesitamos que as Administracións exerzan de árbitros no sector e que penalicen os comportamentos inadecuados para conseguir un uso máis axustado dos antimicrobianos”, puntualiza.

En busca dun uso máis eficaz dos antibióticos

Á marxe das prácticas que tanto veterinarios, como gandeiros e Administración deben levar a cabo, Fraile insiste na importancia de afrontar outros desafíos para conseguir un uso prudente e eficaz dos antibióticos no sector. En primeiro lugar, apunta á necesidade de revisar en profundidade os programas de medicina preventiva para o control de enfermidades bacterianas. Neste sentido, recomenda prestar atención ao uso de vacinas. “A utilización de vacinas pode ser un gran aliado. Na avicultura vacínase moito e é dos sectores nos que menos se trata, a pesar diso, o 10% das camadas téñense que medicar”, apunta. Tamén incide en vixiar as medidas preventivas ambientais ou os antimicrobianos utilizados en prevención para optimizar as prácticas preventivas. Por outra banda, Lorenzo Fraile tamén insiste en que debería prestarse atención aos propios tratamentos antimicrobianos empregados hoxe en día, tanto aos inxectables, como aos administrados no penso ou na auga bebida. “Necesitamos comprobar que estamos a aplicar correctamente os tratamentos antimicrobianos”, sinala o experto. Outro dos eixos nos que o experto recomenda centrar esforzos é en integrar a monitorización da sensibilidade dos microorganismos que se deben tratar con antimicrobianos. Para isto, o veterinario debe tomar mostras, de maneira que poida identificar o patóxeno e así ter máis información para tratar. Neste sentido, Fraile propón traballar esta identificación con probas cuantitativas, a concentración mínima inhibitoria, que fronte a outras técnicas é máis reproducible entre laboratorios e axuda a predicir mellor o tratamento máis adecuado. A utilización destas análises permite unha selección de antimicrobianos a utilizar en base a criterios epidemiolóxicos. Neste sentido, a Axencia Española do Medicamento (AEMPS) propúxose crear unha rede de laboratorios veterinarios para que se traballe con este método dun modo homoxéneo. Así, cos datos solicitados confecionarase un mapa epidemiolóxico a nivel nacional, que xa están en marcha e que permitirá ter máis información dispoñible.

Microalgas e fungos: opcións para reducir o uso de antibióticos en granxas avícolas

As microalgas e os fungos poden converterse nun novo ingrediente da alimentación nas granxas avícolas dados os beneficios que achegarían á saúde dos animais. Esta é a proposta sobre a que traballa o grupo operativo e supra autonómico Micoalga-feed, que este xoves presentou, nun seminario en liña, os primeiros resultados do seu traballo. “Aínda que en gandería só se utilizan antibióticos para tratar animais enfermos e baixo a prescrición veterinaria, o interese por ter animais saudables e criados dunha forma sostible, así como as perdas económicas que supón este gasto e o risco de que se xere resistencia a antibióticos motiva que se estean investigando novas alternativas ao uso de tratamentos”, indican desde a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) un dos socios do proxecto.
Avaliarán a capacidade antimicrobiana, antiinflamatoria e inmunomoduladora destes alimentos para incluílos nos pensos
Así, o proxecto de innovación Micoalga-feed busca reducir o uso de antibióticos a través dunha alimentación natural baseada no uso de fungos e algas, que reforcen a inmunidade local e a flora intestinal das aves. Ademais de desenvolver pensos a base destes ingredientes, o grupo traballa en avaliar a capacidade antimicrobiana, antiinflamatoria e inmunomoduladora destes alimentos. Na súa fase final, o estudo tamén comprobará nas granxas a resposta dos animais ante estes novos compostos con algas e fungos.

Por que empregar fungos e microalgas?

O grupo apostou pola microalgas e os fungos para conseguir unha redución do uso de antibióticos na gandería polos beneficios que proporcionan. Así, os fungos permiten incrementar a capacidade antioxidante e reducen a resposta inflamatoria en animais. Ademais, melloran o rendemento de produción, grazas á presenza de compostos bioactivos na súa composición como polisacáridos, triterpenos, polifenoles, ergosterol ou adenosina. Pola súa banda, as microalgas desempeñan funciones bioquímicas e fisiolóxicas beneficiosas como a promoción do crecemento e funcións antioxidantes, antiiinflamatorias, antivirais e antimicrobianas. En concreto, no caso das microalgas ademais de ser unha fonte inesgotable de nutrientes como acedos, aminoácedos e proteínas tamén son unha fonte orixinaria de acedos graxos poliinsaturados Omega-3, que tamén son esenciais en todas as etapas da vida.
Traballan con sete variedades de fungos e dúas de microalgas
Á marxe da achega nutricional, as microalgas teñen outras vantaxes que as converte nunha opción competitiva e a ter en conta para a alimentación animal, tal e como sinalan desde Neoalgae, socio do proxecto especializado na produción de microalgas. Trátase dun cultivo que non precisa de terreos agrícolas e que polo tanto non compite coa nutrición humana. Ademais, crecen en case todo tipo de augas e teñen unha elevada produtividade. “O seu rápido ciclo de crecemento e cultivado diario garanten a máxima calidade”, explica David Suárez, biólogo da firma Neoalgae. Outra das vantaxes das microalgas é a súa capacidade para capturar CO2 e transformalo en osíxeno. “Aproximadamente o 70% do CO2 que se capta da atmosfera faise a través do citoplasma, que é como se chama a todos estes organismos fotosintéticos e microscópicos entre os que se inclúen as microalgas”, detalla Suárez.

Primeiros resultados

Aínda que o proxecto se atopa aínda nas súas fases iniciais, xa puideron obter os primeiros resultados que confirman o potencial das microalgas e os fungos para a alimentación de aves. Na empresa Neoalgae conseguiron xa cultivar todas as especies seleccionadas nun volume piloto, a modo de proba. Así, obtiveron biomasa seca das especies Arthrospira platensis e de Chlorella vulgaris. Ademais tamén traballaron xa con Hematococcus pluvialis, da que buscan aproveitar o subproducto da extracción polas achegas nutricionais que pode proporcionar. Nas próximas fases buscarán conseguir estes resultados tamén a nivel industrial para poder estender o uso das microalgas. Tanques para a obtención de microalgas na empresa asturiana Neoalgae. En canto ao uso de fungos, na fase do proxecto centrado na consulta bibliográfica desde Hifas Vet, un dos socios do proxecto, xa localizaron traballos previos que mostran os beneficios que ten incluír os fungos na alimentación tanto de pitos de engorde como en galiñas poñedeiras. No caso dos pitos, inxerir fungos favorece o seu crecemento, ademais de ter un efecto probiótico na microbiota intestinal. Ofrece ademais un alto valor nutricional cunha achega de vitaminas do grupo B e fibra prebiótica, así como un efecto antiviral e antioxidante. O consumo de fungos en galiñas poñedeiras tamén fomenta o crecemento e unha maior produción de ovos. Ademais, mellora a calidade do ovo, cun maior espesor da albúmina e un menor contido en colesterol na xema. Teñen ademais un efecto antibacteriano fronte a bacterias como a Salmonella spp. Ao mesmo tempo os fungos proporcionan un alto valor nutricional, en especial de vitaminas do grupo B e a fibra prebiótica, ó igual que nos pitos. No marco do proxecto, Hifas Vet xa obtiveron os núcleos a base de fungos que participarán no estudo e nas seguintes fases testarán a súa resposta fronte a patóxenos como E. coli e ampylobacter. “Polo momento, todas as mostras de fungos mostreados demostraron capacidade inmunomoduladora. Os fungos incrementan a expresión de citoquinas proinflamatorias ata 50-100 veces no plano basal e diminúenos no inflamatorio”, concreta Paloma López, veterinaria de Hifas Vet, involucrada no desenvolvemento do proxecto.
Fabricarán un penso a base de microalgas, outro con fungos e outro combinando ambos ingredientes
Unha vez desenvolvidos compostos a base de algas e fungos estudarán os seus beneficios nas granxas. Teñen previsto realizar un penso a base de microalgas, outro a base de fungos e outro combinando ambos. Ademais, de cada un dos dous tipos de pensos pretenden preparar 3 variedades. “ Uvesa encargarase de deseñar e validar os produtos desenvolvidos tantos con microalgas como con fungos por parte de Hifas Vet e Neoalgae en granxas para valorar o efecto desde un punto de vista epidemiolóxico, sanitario e produtivo”, apunta a veterinaria Elena Molinero, da firma Uvesa. A fase final do proxecto inclúe o estudo dos efectos na granxa, para poder cuantificar os beneficios que proporciona o consumo destes ingredientes nos pensos para a saúde dos animais.

Membros do proxecto e financiamento

O grupo operativo Micoalga-feed está integrado por un equipo multidisciplinar e de carácter supra autonómico integrado por 12 entidades. Ademais das 4 entidades solicitantes (Feuga, Hifas Vet, Neoalgae e Uvesa), tamén participan no proxecto o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Cataluña (Irta) e o Instituto Tecnolóxico da Alimentación (AINIA) , situado en Valencia, así como as Universidades de Vigo e Oviedo. O proxecto conta coa colaboración de distintas entidades do sector como a Asociación Española de Ciencia Avícola (Aeca), a Fundación Española para o Desenvolvemento da Nutrición Animal (Fedna), a Confederación Española de Fabricantes de Pensos Compostos para Animais de Compañía (Cesfac) e a Asociación Interprofesional Española de Carne Avícola (Avianza). Deste xeito, no proxecto participan entidades de Galicia, Asturias, Navarra, Cataluña e Valencia. O proxecto ten un orzamento de 524.847,66 euros, dos que 505.519,66 euros son subvencionados por fondos europeos Feader (80%) e polo Ministerio de Agricultura (20%).

Nace o primeiro certificado en España para granxas libres do uso de antibióticos

Desde este ano as gandarías e industrias agroalimentarias de España poderán certificar as súas producións como libres do uso de antibióticos e produtos desparasitantes farmacolóxicos grazas á certificación E.L.U.A.® .

Trátase dunha certificación que permite e garante a etiquetaxe de alimentos, que conteñan total ou parcialmente ingredientes cárnicos, lácteos, ovos ou mel, procedentes de gandarías libres de uso de antibióticos e desparasitantes farmacolóxicos en todos os seus procesos produtivos da vida dos animais. Ademais, certificación E.L.U.A.® tamén garante unha terceira categoría: produtos lácteos procedentes de gandarías de vacún que producen leite coa betacaseína do tipo A2, máis dixerible para o organismo humano.

Dar maior seguridade aos consumidores e xerar valor engadido nos produtos agroalimentarios

Desde Gav-allfeed®, empresa xestora da certificación E.L.U.A.®, destacan que “o obxectivo desta certificación é dar apoio e coñecemento de maneira clara aos consumidores de produtos alimentarios de orixe animal, de que poden consumir alimentos procedentes de explotacións ELUA®,  baseados en novos modelos de produción que permiten o uso de novos protocolos sanitarios libres de uso de antibióticos e/ou desparasitantes”. “Ademais, queremos apoiar a estas explotacións gandeiras e a todos os establecementos intermediarios até o consumidor, en achegar valor engadido aos seus produtos e aos seus sistemas de produción e comercialización, permitindo a etiquetaxe cun selo específico para iso”, subliñan.

Complementaria a outras certificacións

A certificación da marca E.L.U.A.®, é complementaria a outras certificacións ou marcas de calidade como benestar animal, produción ecolóxica, denominacións de orixe, especificacións de raza, sustentabilidade….., suxeitas a pregos de condicións complementarias.

Gav-allfeed®  empresa dedicada á nutrición animal, deseño de protocolos sanitarios en base naturopatía e xenética bovina, foi seleccionada como xestor da marca Elua®, na categoría técnico-veterinaria. Así mesmo, é responsable da aprobación dos produtos e protocolos sanitarios en base naturopatía ou actividade biolóxica, que contempla o regulamento da marca E.L.U.A.®,  na categoría dos distintos operadores, na formación técnico-veterinaria neste campo para operadores veterinarios aceptados na Marca ELUA® e como garante de cadea de custodia das mostras de leite das gandarías ELUA® para análise certificada do contido nutricional en caseína.

Pola súa banda, Kiwa España sl, pertencente ao grupo Global G.A.P.®, foi a empresa seleccionada para todos os procesos de auditoría que se implementan no regulamento da marca ELUA® 

Para maior información pódese acceder á web oficial  www.certificacionelua.com