Archives

España baixa un 10,6% as emisións de amoniaco, o que reduce presión sobre o xurro

O agro español marcha polo bo camiño no cumprimento dos compromisos comunitarios de emisións agrarias. O Ministerio de Agricultura calcula que España reduciu un 10,6% as súas emisións de amoniaco con respecto ó ano 2005, segundo os datos que se deducen do sistema informático Ecogan, dirixido principalmente a medir as emisións das ganderías intensivas. Agricultura destaca o esforzo do agro na mellora de prácticas en materias como fertilización ou alimentación animal, o que sinala que permitiu reducir as emisións. “España non só cumpre por segundo ano consecutivo co compromiso de reducións fixado na ‘directiva de teitos’, senón que triplica os compromisos de diminución de emisións que tiña para todo o periodo 2020 – 2030, que se situaban no 3%”. De cara ó futuro, o Ministerio subliña a importancia de continuar desenvolvendo a ferramenta Ecogan, un sistema informatizado que permite estimar as emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro dunha granxa ao longo do seu proceso produtivo. A plataforma do sistema Ecogan compila ademais as mellores tecnoloxías dispoñibles (MTD) para contribuír á redución de emisións das granxas. A información recollida polo sistema contribúe a facer os cálculos de emisións agrarias en España en amoniaco, óxido nitroso e outros gases nitroxenados. Flexibilidade para as aplicacións de xurro na Cornisa Cantábrica Os cálculos que apuntan a un descenso das emisións de amoniaco en España danlle máis aire á Cornisa Cantábrica en materia de aplicación de xurros, xa que España ten certa marxe no cumprimento das esixencias comunitarias. Tal e como avanzou o Ministerio recentemente, as granxas poderán seguir aplicando o xurro con sistemas como o prato invertido, sen necesidade de empregar inxectores ou tubos colgantes, como se lexislara nun principio. https://www.campogalego.gal/xunta-autorizara-o-uso-prato-invertido-como-sistema-de-aplicacion-de-xurros-en-galicia/

Blue Cycle: Aumento do poder fertilizante do xurro e redución de emisións

A sustentabilidade das producións gandeiras é un dos principais retos aos que se enfrontan as nosas explotacións. Os compromisos ambientais (European Green Deal) advirten da necesidade de mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Tamén de reducir as achegas de fertilizantes nitroxenados e fosfóricos de síntese.

Aínda que non é un gas de efecto invernadoiro (GEI), o amoníaco é outro dos gases contaminantes xerados como consecuencia da actividade agrogandeira suxeito a limitacións de emisión (Directiva UE/2016/2284). O informe de proxección de emisións de amoníaco realizado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica en marzo de 2019 propón unha redución do 45 % das emisións para o sector de vacún de leite.

Para completar o novo marco legal sinalaremos a entrada en vigor do RD 1051/2022 sobre Nutrición Sustentable dos Solos Agrarios que obriga ás granxas a estableceren plans de abonado en función dos rendementos forraxeiros esperados tendo en conta as analíticas de solo e do xurro.

Debemos considerar o xurro como o recurso principal e prioritario sobre o que debe gravitar a nutrición dos nosos cultivos. Será clave a xestión, o manexo e a valorización dos xurros

O desafío que expomos con Blue Cycle é aumentar o valor fertilizante dos nosos xurros á vez que nos minimizamos as emisións nocivas.

Caracterización do valor nitroxenado do xurro

Unha UGM xera 20 m3 de xurro ao ano cun contido medio de MS do 12%, que pode variar se á fosa chegan augas pluviais ou de limpeza das instalacións, ou pola adición de material de camas ou outros restos vexetais (Castro, 2002).

En canto ao seu valor nitroxenado, o xurro contén dúas fontes repartidas ao 50%: unha de orixe inorgánica, en forma de amoníaco que procede da fracción líquida; e orgánico en forma de péptidos, aminoácidos ou N asociado a lignocelulosa contidos na fracción sólida.

O amoníaco caracterízase pola súa alta volatilidade. É en gran medida responsable dos cheiros, outro dos impactos que máis sensibiliza á poboación. O nitróxeno orgánico libérase máis lentamente despois de sufrir procesos de mineralización.

Razóns para aditivar o xurro con Blue Cycle.

Con respecto ao nitróxeno do xurro, o desafío está en tratar de evitar as perdas por volatilización do amoníaco que contén. Cubrir as fosas ou aplicar o xurro con incorporación ao terreo son algunhas medidas que contribúen a mitigar as súas perdas.

Un paso máis nesta dirección é aditivar o noso xurro con Blue Cycle. Blue Cycle contén tecnoloxías que permiten fixar o amoníaco e retelo no xurro de forma estable. Grazas a iso, dispomos de máis N dispoñible para os cultivos e minimizamos os cheiros en granxa ou durante a súa aplicación ao chan.

En caso de porcino, acreditáronse diminucións do nivel de amoníaco no ambiente do 44%

En probas levadas a cabo en aplicacións directas de Blue Cycle á fosa de xurro, neste caso de porcino, acreditáronse diminucións do nivel de amoníaco no ambiente do 44% con aumentos do valor nitroxenado do xurro do 16% fronte a control.

Blue Cycle contén ademais tecnoloxías que contribúen a acelerar a descomposición da fracción sólida do xurro, facilitando o seu biodispoñibilidade para os cultivos. A consecuencia máis inmediata e visible é o aumento na fluidificación do xurro. Grazas a iso, podemos evitar en gran medida ter que bater na fosa antes de cargar. Tamén se minimizan as obturacións nos circuítos de aplicación localizada das cisternas. Desde o punto de vista agronómico, unha pradaría tratada cun xurro máis fluidificado vainos contribuír a obter mellores rebrotes. Tamén minimizaremos os riscos de contaminación clostrídica nos ensilados resultantes.

Blue Cycle, modo de emprego

Como anticipamos, Blue Cycle é un mix de aditivos tecnolóxicos para o tratamento das dexeccións gandeiras. Trátase dunha presentación líquida para diluír en auga.

A dosificación farase atendendo ao volume de xurro xerado e ao desafío co que nos atopemos (costra relevante, fortes cheiros, etc). En todo caso, recoméndase que se sigan as prescricións do provedor.

Blue Cycle non necesita activación, podéndose preparar a dilución xusto antes da aplicación. A cantidade de auga empregada será a adecuada para garantir unha repartición homoxénea pola zona a tratar. Unha vez preparada a dilución, pode aplicarse nos corredores, emparrillados, canles ou directamente á fosa.

Para máis información:

Daniel Baizán. Product Manager Blue Cycle Delagro

daniel.baizan@delagro.org / 636264718

Radiografía sobre o sector porcino: retos e cifras das granxas de porcos

“Dise que o porcino é un sector estratéxico. Nós así o cremos, pero é certo que cada vez botamos máis en falta o apoio da Administración”, recoñece Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Productores de Ganado Porcino (Anprogapor) ao comezar a analizar a situación que atravesa o sector de porcino español. O colectivo de criadores participou este ano no XXV Monográfico de gando porcino, celebrado en Silleda (Pontevedra) no que compartiu cos participantes unha análise sobre os principais retos do sector a curto e medio prazo. O sector experimentou grandes dificultades para trasladar ao consumidor o incremento de prezos que se rexistrou nos custos de produción derivados do aumento de custos das materias primas e enerxía por mor da guerra de Ucraína. “Non fomos capaces de trasladar o incremento real dos custos de produción ante o medo á caída do consumo”, recoñecen desde Anprogapor. Así, tanto o gandeiro como as industrias estiveron asumindo ese incremento dos prezos”, valoran na asociación.
“Aínda que nos últimos meses esteamos con prezos bos arrastramos perdas tanto do 2022 como do 2021”: Miguel Ángel Higueira, Anprogapor
Nos últimos meses estivéronse rexistrando prezos moi bos, unha tendencia que xa se demostraba no mes de marzo, cando se rozaban os 2 euros por quilo antes de Semana Santa, unha data que adoita marcar diferenza. “Aínda que agora esteamos con prezos bos arrastramos perdas tanto do 2022 como do 2021”, apunta Higuera. Así, lembraba como en 2021 se rexistraron unhas perdas de 20 euros por porco ou a comezos do ano pasado cifrábanse unhas perdas de entre un 30 e 10%. “Estes fluxos de tantos cambios afectan dunha forma moi significativa ás economías dos gandeiros”, explica. Miguel Ángel Higuera, director de Anprogapor durante a súa participación nas xornadas de porcino en Silleda (Pontevedra).

As cifras de produción en Europa

As crises dos últimos anos provocaron unha baixada xeral da produción de porcino en Europa. En concreto, produciuse unha redución do 4% do censo no número de nais no último ano e dun 5,2% no número total de animais. As cifras dos principais países produtores tamén demostran esa caída das cifras do porcino. Así, en Dinamarca produciuse unha redución do 12% do censo total de animais. En Alemaña foi do 10% e en Polonia do 6%.
España é un dos países onde menor caída da produción de porco se rexistrou, cunha baixada do 1%, mentres que en países como Alemaña foi do 10%
Mentres, España foi un dos países onde esta baixada do censo total de animais foi máis contida, apenas un 1% no censo total e só un 0,9 % no número de nais. Cabe lembrar que España sitúase como o primeiro produtor de Europa, con practicamente o 20% da produción total. “Dentro do contexto europeo, España é un dos países que mellor está a aguantar”, valora Higuera. A situación de España está a xerar incluso certo rexeitamento nalgúns países de Europa aos que está a chegar carne de porco española a un prezo moi competitivo, o que limita o crecemento e que os propios produtores deses países poidan incrementar o seu prezo. “Estamos a atoparnos inimigos dentro do noso sector en países aos que exportamos a carne de porco. A nosa competitividade está a conquistar moitos mercados”, apunta Higuera.
“A competitividade do sector porcino español está a conquistar moitos mercados”: Miguel Ángel Higuera, Anprogapor
Tamén hai países onde os datos de Eurostat reflicten un destacado crecemento, como ocorre con Italia, que experimentou un aumento do número de nais de case un 25%, contando con 141.000 nais máis nun ano. Aínda que os datos italianos crean certa suspicacia entre o sector, debido a que Italia é un dos países onde xa se rexistraron casos de Peste Porcina Africana (PPA), o que adoita levar parello unha caída do número de animais, debido aos sacrificios que se derivan desta infección. Algunhas fontes apuntan a que este incremento pódese deber a un cambio no rexistro estatístico.

Os retos a curto prazo

O sector afronta a curto e medio prazo retos significativos que están a xerar certa preocupación pola viabilidade de moitas granxas, xa que afectan a distintos piares da actividade. A entrada en vigor de novas normativas en 2027 e a limitación á creación de novas granxas está a poñer en xaque a continuidade e renovación do sector, tal e como coinciden en sinalar tanto desde Anprogapor como desde a Federación Galega de Porcino (Fegapor). A alimentación dos animais, as esixencias en cuestións ambientais e de benestar animal ou os riscos sanitarios por ameazas como a peste porcina son as principais dificultades ás que o sector busca facer fronte.

Alimentación animal

Unha das maiores preocupacións é a dificultade para conseguir pensos e cereais para alimentar aos animais a un prezo competitivo. Ademais das consecuencias derivadas da guerra de Ucraína que afectaron ós prezos e fluxos de cereal mundial, a nova normativa europea que quere poñer coto á entrada de produtos procedentes de zonas deforestadas pode ter un impacto directo no sector, xa que a entrada de soia pode verse afectada e traer consecuencias tamén para o abastecemento desta materia prima, fundamental na dieta dos porcos.
Preocupa que a soia poida verse afectada polas novas limitacións europeas aos produtos procedentes de zonas deforestadas e ter un impacto significativo nos pensos dos porcos
Témese que as limitacións postas por Europa leven a que grandes produtores de soia como Brasil ou Arxentina se centren en exportar a países como a China, onde non existen limitacións neste sentido, tendo en conta ademais que o mercado europeo supón menos do 20% das súas exportacións. Así, conseguir soia a prezos competitivos pode resultar difícil e ademais podería ter un efecto rebote tamén nos custo doutros cereais.

Medio Ambiente

As novas normativas impulsadas desde Europa no marco das estratexias do Pacto Verde e da Granxa á Mesa, que perseguen a neutralidade climática para 2050, supoñen tamén novos desafíos para o porcino. O sector presentou xa unha folla de roteiro ao Ministerio de Transición Ecolóxica na que se inclúen unha serie de medidas para chegar a cumprir ese obxectivo na devandita data. Está a poñerse o foco en temas como a calidade do aire, onde reducir as emisións de amoníaco é unha das claves, xa que as cifras manexadas por España sitúanse aínda por encima do baremo estipulado por Europa para lograr a neutralidade climática.
“Seguimos sumando certificacións que ao final non retornan valor algún ao gandeiro, mentres que supoñen presións indirectas por parte da distribución”: Anprogapor
Cuestións como a xestión dos estercos ou a redución de consumo de recursos hídricos e de carbono son temas que tamén haberá non só que cumprir, senón que demostrar mediante certificacións. “Preocúpanos ter que seguir sumando certificacións que ao final non retornan valor algún ao gandeiro, mentres que supoñen presións indirectas por parte da distribución, como xa estamos a vivir agora”, matiza Higuera.

Benestar animal e novas normativas

Xunto co medio ambiente, as novas normativas en materia de benestar animal tanto a nivel nacional como europeas supoñen tamén desafíos significativos. Unha das últimas normas españolas que entrou en vigor estipula cambios no espazo dos animais, esixindo unha redución da densidade das granxa. “A nivel estatal perderase un 7% das prazas e esperemos que nos concedan dous anos de moratoria para a súa entrada en vigor”, apunta Higuera. A redución da densidade e a mellora do benestar animal é ademais unha esixencia europea vinculada á PAC, o que condicionou que se tramitase este Real Decreto con tanta celeridade, segundo explican desde Anprogapor. Mentres, Europa prepara para finais deste ano unha actualización da normativa de benestar animal, o que deriva na aprobación de 4 normativas que poden afectar a gran parte da cadea. Así, prevese que haxa novas esixencias para os animais en granxa, con regulación para cada unha das especies, actualizacións na regulación do transporte de animais, os procedementos no sacrificio e a etiquetaxe da carne.
Solicitaron que as granxas actuais poidan ter un período de transición de 15 anos para axustarse aos cambios que se barallan nas novas normativas de benestar animal
Aínda que vaian coñecéndose as esixencias a finais deste ano, estímase que ata o 2027 non entrarán en vigor. “Está a pedirse que as granxas actuais poidan ter un período de transición de 15 anos para axustarse aos cambios que se barallan, pero as novas instalacións deberán cumprir coa normativa desde o 2027”, explica Higuera. Desde Anprogapor, así como desde outras organizacións do sector, recriminan que as recomendacións de expertos en materia de benestar animal non teñen en conta o impacto económico que estas medidas teñen no sector e que pode orixinar unha maior concentración das empresas e a eliminación das granxas de menor tamaño que non poden facer fronte aos investimentos que supoñen estas esixencias.

A ameaza da peste porcina

En materia de seguridade animal tamén haberá cambios a curto prazo. Un dos máis inmediatos é a entrada en vigor en xaneiro do 2024 do Real Decreto 306/2020 que supón incrementar as medidas de bioseguridade das granxas. Nelas inclúese desde contar cun valado perimetral das instalacións, incluídas as balsas de esterco que se sitúen fóra das instalacións da granxa, así como arcos de desinfección, vestiarios con diferenciación de zonas, control de visitas, entre outras. Outro dos aspecto a nivel sanitario nos que se pon o foco é a redución de antibiótico, que supón non superar en 2023 os 110 mg/PCU en España. Aínda que se procedeu xa a unha redución significativa, pasando dos 400 a situarse en 159 mg/PCU, aínda debe seguirse coa diminución. Tamén preocupa a nivel sanitario o avance de infeccións como a Peste Porcina Africana, en especial polo incremento da poboación de xabaril, un foco de contaxio da enfermidade.

Un estudante do Campus Terra de Lugo desenvolve un sistema para mellorar a ventilación e controlar o amoníaco en granxas de porcino

A procura de modelos de explotación gandeira máis sostibles e respectuosos co medio ambiente e apropiados para a progresiva mellora do benestar animal centra a temática da tese de doutoramento desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra por Eugenio Losada Vázquez, baixo a dirección dos profesores da área de Electrotecnia do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Rodríguez Rodríguez e Dolores Fernández Rodríguez. A investigación de doutoramento presentada por Losada Vázquez, que está estruturada en tres artigos de investigación publicados en revistas de impacto, abrangue un gran número de variables produtivas, ambientais e enerxéticas, cuxa interacción harmónica incide directamente no funcionamento das instalacións de climatización presentes en explotacións porcinas de transición para a cría de leitóns (6-20kg p.v.), nas que conviven ventilación e calefacción para o acondicionamento do aire. “As explotacións deste tipo localizadas en áreas de clima oceánico teñen que adaptarse a grandes variacións das condicións ambientais óptimas dos leitóns a medida que medran, o cal require gran elasticidade dos sistemas de control ambiental, así como demandas enerxéticas importantes”, sinala o investigador, que considera de vital importancia a predicción fiable de parámetros relacionados coa temperatura ou coa concentración de amoníaco e aire. Daquela, Eugenio Losada define nesta tese novas estratexias de baixo custo que se poden implementar facilmente en explotacións convencionais en aras a lograr un máximo rendemento co menor uso posible de recursos centrándose no benestar animal e a eficiencia produtiva. Logo do estudo e medición previa de variables ambientais (humidade, concentración de CO2, concentración de NH3, velocidade e renovación do aire; produtivas (peso dos animais, consumos de penso e auga) e enerxéticas (consumo de sistema de calefacción e de ventilación), a investigación relaciona este abano de parámetros coa súa adaptación ao crecemento dos leitóns ao longo do seu ciclo vital. Os resultados destas pescudas indican que unha ventilación eficaz que controle os niveis de humidade relativa mellora o ambiente interior e reduce os consumos enerxéticos entre o 33% e o 47% por kg de leitón producido. Outra das cuestións abordadas nesta tese de doutoramento afecta ao aforro enerxético. Neste caso, Losada Vázquez valida un modelo de media móbil integrada autorregresiva (ARIMA) para a predición da temperatura interior na zona animal dunha explotación porcina de transición convencional.Así, logo de 292 días de estudo, o investigador conclúe que a aplicación do modelo predictivo en sistemas de climatización permite reducir o consumo enerxético, coa consecuentes melloras ambiental e económica.

Amoníaco

O amoníaco ambiental nas granxas de gando porcino non se adoita controlar, a pesar de que presenta unha dobre vertente como elemento nocivo ou contaminante, dada a súa influencia tanto no benestar animal e na saúde dos propios traballadores, como na contaminación atmosférica. Esta problemática levou a diversos autores a establecer límites para estas concentracións, pero a súa medición é custosa e require equipos con elevada demanda de mantemento para un funcionamento aceptable. Diante desta realidade, a investigación desenvolvida por Eugenio Losada propón a determinación de niveis de concentración ambiental de amoníaco (NH3) a través doutras variables de máis fácil medición e baixo custo. Para iso obtivéronse os patróns diarios da concentración NH3 na zona ocupada por animais dunha explotación de transición convencional e a súa relación coa temperatura de consigna definida nos sistemas de climatización. Mediante estes patróns, explica Losada Vázquez, a concentración de NH3 pode incorporarse en sistemas de control convencionais coa temperatura como variable de entrada única aplicando un algoritmo sinxelo baseado nas variables utilizadas polo sistema de climatización.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da USC Francisco Maseda Eimil presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Eugenio Losada Vázquez. O profesor da Universidade de Oviedo Pedro Álvarez Álvarez e o tamén docente da Universidade Politécnica de Madrid Fernando Ruiz Mazarrón completaron a composición dun xurado que outorgou a esta tese de doutoramento a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Cambio climático: como traballa o campo para reducir a súa pegada de carbono?

O cambio climático e os seus efectos é un dos maiores condicionantes da agricultura e gandería actual, por iso a redución da pegada de carbono e as prácticas sostibles ambientalmente son temas presentes tanto no día a día das granxas e explotacións agrícolas como nas políticas agrarias. Europa traballa sobre estes retos ambientais e climáticos con estratexias como o Pacto Verde, a iniciativa Da granxa á mesa e a de Biodiversidade para 2030. As novas políticas Agrarias Comúns (PAC) que se aplicarán entre 2023 e 2027 teñen tamén presente estes desafíos.

A agricultura xoga un papel fundamental para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio comunitario da UE en 2050

Nesta liña, o Consello informal de Ministros de Agricultura da Unión Europea (UE), debatía a principios de febreiro sobre modelos agrícolas e forestais que contribúan a reducir a pegada de carbono, dado o papel fundamental do sector da terra e a agricultura para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio comunitario da UE en 2050.

A versión inicial do Plan Estratéxico da PAC presentado por España a finais de novembro do pasado ano, coñecido como PEPAC, aborda a redución do impacto ambiental e inclúe entre os seus obxectivos a diminución das emisións de gases contaminantes de efecto invernadoiro (GEI), así como o aumento da captura de carbono. “O sector agrario é un sector moi vulnerable para os efectos do cambio climático. A adaptación é clave á sustentabilidade económica, social e ambiental”, recolle o PEPAC.

Agricultura baixa en carbono

En concreto, o PEPAC inclúe o Obxectivo Específico 4, que busca contribuír á atenuación do cambio climático e a adaptación aos seus efectos, así como á enerxía sostible e no que se definen as prácticas máis axeitadas para conseguir unha agricultura baixa en carbono. A nova PAC mira á gandería en extensivo non só por ser unha vía para lograr esta redución das emisións, senón porque é ademais unha forma de aumentar a materia orgánica e a capacidade de sumidoiro de carbono no solo, posto que a mitigación da pegada de carbono tamén se consegue mediante a captura de carbono atmosférico e a súa fixación nos solos.

“Neste sentido o ecoesquema sobre pastoreo extensivo fomenta esta práctica sostible de xestión da terra e os recursos pastables, ademais contribúe a impulsar as producións sostibles, pois ao establecer criterios de xestión evita tanto o infrapastoreo como o sobrepastoreo, achegando materia orgánica ao chan e contribuíndo á captura de carbono”, detalla o Plan Estratéxico da PAC.

A gandería extensiva, a agricultura de conservación e as cubertas vexetais son métodos incluídos no PEPAC para incrementar a captura de carbono

Xunto coa gandería extensiva, a agricultura de conservación, con sementeira directa e unha xestión sostible dos insumos de regadío, tamén busca minorar as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. “Este modelo agrícola consegue a mitigación mediante o aumento de carbono orgánico do solo e a optimización dos insumos de fertilización”, detalla o borrador inicial do PEPAC.

O mantemento de cubertas vexetais tamén é outro dos métodos incluídos no PEPAC para lograr a captura de carbono, á vez que contribúe a evitar a erosión e desertificación. “Mediante o impulso do pastoreo extensivo búscase aumentar o carbono orgánico do chan, obxectivo que tamén se procura coas cubertas vexetais espontáneas ou sementadas en cultivos leñosos”, recolle o PEPAC.

Ademais tanto a agricultura de conservación, como as cubertas vexetais espontáneas ou de cultivos leñosos, así como a rotación de cultivo cunha xestión sostible do regadío e o fomento da biodiversidade en terras de cultivo contribúen á mitigación do cambio climático pola boa xestión da fertilización e ó xerar deste xeito menos emisións de óxido nitroso e de amoníaco.

España conta xa cun rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono, que recolle os esforzos das empresas e organizacións españolas no cálculo e redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Redución de emisións

Á marxe da captura de carbono que poden supoñer determinadas prácticas agrarias, para diminuír a pegada de carbono están a centrarse esforzos en fomentar a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Neste sentido, as granxas levan tempo traballando tanto no cálculo da súa pegada de carbono como en estratexias que lle permitan unha redución deste impacto ambiental. Nos últimos anos, en España impulsáronse normativas relacionadas tanto directamente coa granxa como coa xestión do esterco.

No que respecta ás actuacións nas granxas, destacan as revisións das normativas de ordenación gandeira, con novas normas para as ganderías porcinas (RD 306/2020), avícolas (RD 637/2021) e prepárase tamén unha para o gando vacún que se atopa aínda en plena tramitación. Todas elas buscan a redución das emisións de amoníaco na granxa con estratexias centradas na nutrición, os aloxamentos dos animais e o almacenamento do esterco.

As novas normas de ordenación gandeira e a xestión dos estercos e xurros están a ser ferramentas claves para reducir as emisións de gases contaminantes no sector agrogandeiro

En canto á xestión dos estercos e xurros, desde o Ministerio de Agricultura están a traballar nunha base legal para a nutrición sostible nos solos agrarios. Esta estratexia inclúe un plan de abonado baseado nun balance de nutrientes e que debe ser realizado baixo asesoramento técnico especializado. Este programa tamén inclúe a xestión conxunta de auga e fertilizantes. Ademais recolle a obrigación de aplicación localizada de xurros, a limitación no uso de urea e outros amoniacais e o apoio a prácticas favorables á protección do aire e o solo, para conseguir desta maneira unha redución das emisións de gases ao lograr unha optimización da fertilización dos solos.

Como reducir as emisións? (III) Manexo e eficiencia produtiva

A responsabilidade das emisións na gandería divídese principalmente entre o sistema dixestivo dos ruminantes (42%), estercos e xurros (15%) e manexo do chan e produción de forraxes (uso de fertilizantes, labra e sementeira, uso de pradeiras, etc.), que provoca o 38% das emisións. Por tanto, as emisións entéricas supoñen unha parte principal no cómputo global de gases. Lograr maior eficiencia produtiva, un rabaño máis san e melloras dixestivas e en materia de conversión de alimento dos animais permite diminuír as emisións de metano propias do sistema dixestivo do gando vacún.
Maior optimización produtiva e un rumen máis eficiente permiten reducir as emisións de metano entérico
Os avances no campo da xenómica e a mellora xenética, que abren a vía á selección non só por aspectos meramente produtivos senón tamén de eficiencia ambiental (emisións por quilo de carne ou leite producida), introducen un campo aínda incipiente pero prometedor en canto ao seu potencial para mitigar de forma considerable os gases de efecto invernadoiro imputados á produción gandeira.

XENÉTICA, REPRODUCIÓN E MANEXO:

Toma de datos para unha gandería de precisión A recollida de datos e a obtención de información na explotación é esencial para tomar decisións baseadas en evidencias. A gandería de precisión consiste en utilizar as tecnoloxías dispoñibles na actualidade para mellorar o control da granxa e do rabaño, abarcando un amplo rango de ferramentas de monitoraxe, manexo, alimentación, control de comportamento, etc. Aínda que se desenvolveu máis en vacún leiteiro estabulado, tamén hai xa aplicacións dispoñibles para pastoreo. A aplicación destas tecnoloxías contribúe a optimizar o funcionamento da gandería, facéndoa máis eficiente e evitando emisións derivadas desas ineficiencias, o que pode contribuír a reducir as emisións de metano nun 20%. Selección de reprodutores A selección de femias e machos idóneos para a mellora xenética do rabaño é unha das estratexias de redución de emisións que pode ser implementada a menor custo, xa que ao mesmo tempo mellora a rendibilidade da explotación, cun efecto a longo prazo, xa que os avances neste campo teñen un efecto acumulativo nas seguintes xeracións.
As avaliacións xenéticas de caracteres relacionados coas emisións xa están dispoñibles, aínda que polo de agora estes datos raramente figuran nos programas de mellora xenética
Utilizar animais con alto valor xenético (tanto femias como machos) axuda a mellorar a produtividade pero tamén pode contribuír a diminuír as emisións se un dos valores de selección que se teñen en conta é o da súa eficiencia na conversión, o que equivale a unha menor inxesta de alimento por quilo de carne ou de leite producido. As avaliacións xenéticas para algúns caracteres relacionados coas emisións xa están dispoñibles, aínda que estes datos non figuran por agora de forma xeneralizada nos programas de mellora xenética.
Seleccionar animais máis fértiles reduce os períodos improdutivos, do mesmo xeito que lograr un maior crecemento comporta menor tempo e, por tanto, redución de emisións
Outro dos aspectos relacionados coa mellora da eficiencia produtiva tería que ver coa redución dos períodos improductivos dos animais, en aspectos como aceleración do crecemento da recría ou redución do intervalo entre partos. Mellorar o benestar As melloras no benestar animal contribúen a incrementar a produtividade e reducen a intensidade das emisións. A diminución da tensión do gando, avances na súa confortabilidade, mellora da súa saúde e lonxevidade, redución de enfermidades e mortinatalidade das crías son estratexias beneficiosas desde o punto de vista tanto produtivo como de descenso de emisións.
As enfermidades do gando teñen un potente efecto de incremento da intensidade das emisións
Con todo, algúns aspectos relacionados co benestar animal, como é o caso do pastoreo, pode, en determinadas circunstancias, se non está xestionado adecuadamente, estar ligado a un aumento de emisións, especialmente de óxido nitroso. Ademais, se a densidade nos sistemas de pastoreo alcanza un determinado limiar (que variará co tipo de ecosistema de pasto) pódese exceder a capacidade dos pastos para operar como sumidoiro de carbono e provocar o efecto contrario. Estratexias de aloxamento A intensificación do en espazos pechados e o incremento da densidade (nº de animais por unidade de superficie) busca a maior rendibilidade do sistema baseada na optimización dos recursos, polo que pode contribuír a diminuír as emisións relativas de gases de efecto invernadoiro. A redución das emisións nos sistemas intensivos tamén pode lograrse a partir de factores adicionais como a mellora da dixestibilidade da dieta, posto que este aloxamento implica unha alimentación desligada do pastoreo e normalmente baseada en dietas concentradas.
O aumento da densidade pode comprometer o benestar, debido ao incremento da competencia e tensión social
Doutra banda, un acceso ao pasto restrinxido (confinamento) diminúe a proporción de enerxía para o mantemento. Ademais, o confinamento permite capturar excretas o cal, en termos xerais, diminúe as emisións de óxido nitroso. Aumento da lonxevidade Aumentar a vida útil das femias reprodutoras axuda a reducir o número de animais de reposición necesarios. Os animais de reposición consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo, facendo que aumenten así as emisións do rabaño.
Os animais de reposición consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo
Mellora da fertilidade Aumentar a fertilidade das femias reprodutoras axuda a reducir o número de vacas nodriza no rabaño para ter unha determinada produción. Os animais improductivos que non paren no seu tempo consomen recursos e emiten gases de efecto invernadoiro durante o seu período non produtivo, facendo que aumenten así as emisións do rabaño.
Os animais improductivos cunsumen recursos e xeran metano e esterco
Mellora da saúde Un rabaño que goce de boa saúde maximiza a súa capacidade produtiva optimizando os recursos e diminuíndo os refugallos. Os problemas de saúde tales como enfermidades, pero tamén lesións, provocan que se necesiten máis animais para producir a mesma cantidade de produto. A mellora da saúde permite unha mellora da eficiencia produtiva do rabaño, de modo que se pode producir máis alimento con menos animais.
Un peor estado físico e de saúde do gando produce unha menor inxesta de alimento e maiores requirimentos de enerxía para o mantemento
Un peor estado físico e de saúde do gando produce unha menor inxesta de alimento, unha redución na capacidade de dixerir os alimentos e maiores requirimentos de enerxía para o mantemento. Pola contra, as melloras na saúde dos animais tamén melloran os resultados produtivos, o que se traduce nunha maior eficiencia no uso dos recursos. Ademais, unha mellor saúde reduce a taxa de reposición por eliminación involuntaria, por tanto, esténdese a vida produtiva media do rabaño.

ACTUAR SOBRE O FUNCIONAMENTO DO RUMEN:

Incorporación de suplementos que reducen as emisións de metano O metano prodúcese no rumen mediante a actividade das arqueas metanoxénicas que utilizan gran parte do H2 xerado pola fermentación anaerobia de carbohidratos para reducir CO2 a CH4. Pódese modular o funcionamento do rumen dos animais a través da adición de aceites vexetais e taninos; ácidos orgánicos como o malato ou o fumarato; e extractos fitoxénicos como os organosulfurados, de microalgas (Asparagopsis taxiformis) ou sintéticos como o 3-NOP na alimentación ou na auga de bebida.
A redución pode chegar ata o 30-40%, expresada por quilogramo de materia seca inxerida, pero a súa utilización en doses elevadas reduce a inxesta do animal
Os aceites esenciais posúen un efecto antimicrobiano, antioxidante e melloran a absorción de nutrintes e o índice de conversión. O modo de acción dos taninos consiste en evitar a degradación da proteína a nivel ruminal e posteriormente favorecendo a súa liberación no intestino. As saponinas posúen un efecto anti-protozoario como principal modo de acción. Froito diso reducen as emisións de metano en torno ao 6%, aínda que as bacterias ruminais desenvolven a habilidade para inactivar as saponinas tras un período de tratamento superior a 2-3 semanas. Na súa maioría estes suplementos non adoitan reducir as emisións de metano per se pero en moitos casos incrementan a produtividade e a eficiencia do rabaño; por tanto, a intensidade das emisións (por unidade de produto) vense reducidas. Hai moitos produtos xa no mercado (como é o caso de extractos de plantas) pero ningún está rexistrado oficialmente, ata a data, como aditivo zootécnico para reducir as emisións. O custo dos compostos é outro escollo para a súa utilización. Aditivos que optimizan a función ruminal Trátase do emprego de compostos (extractos de plantas fundamentalmente) que exercen un efecto modulatorio sobre a microbiota ruminal, de maneira que o perfil de fermentación anaerobia favorece a produción de propionato a expensas da de acetato.
A produción de propionato consome H2 mentres que a de acetato xérao, de aí o efecto redutor da produción de CH4
Dentro dos aditivos para optimizar a función ruminal tamén estarían incluídos os probióticos. O máis utilizado en animais adultos para modular a función ruminal é o fermento (Saccharomyces cerevisiae). O seu principal modo de acción consiste en consumir osíxeno ruminal e favorecer un ambiente anaerobio estrito. O fermento non adoita reducir as emisións de metano. A vantaxe desta estratexia nutricional radica en que favorece a degradación da fibra e incrementa o pH ruminal, permitindo así evitar procesos de acidosis ruminal e a consecuente baixada nos índices de conversión. Moitos destes aditivos (como os fermentos ou os aceites esenciais) adóitanse utilizar de forma habitual nos pensos comerciais de animais de alta produción (caso das vacas leiteiras) debido a que melloran a produtividade e preveñen acidosis. A súa aplicación en tenreiros de cebo podería ser tamén rendible. Acelerar o desenvolvemento do rumen a idades temperás O ruminante cando nace carece de rumen funcional, xa que se alimenta a base de leite que pasa directamente ao omaso e dixírese posteriormente. Durante as primeiras semanas de vida o rumen vaise desenvolvendo e colonizando por unha complexa mestura de microorganismos procedentes do alimento, da auga, do chan ou as feces, e do contacto con animais adultos.
Esta estratexia ten por obxectivo acelerar o desenvolvemento anatómico, microbiolóxico e funcional do rumen para que o animal aproveite de forma eficiente, canto antes, o alimento sólido
No caso de tenreiros mamóns procedentes de explotacións de leite, ao carecer de contacto con animais adultos o desenvolvemento do rumen atrásase pero se se consegue modular a microbiota ruminal nas primeiras semanas de vida, esta permanecerá no animal adulto, permitindo minimizar a tensión e retardación de crecemento durante o destete e mellorar os seus niveis produtivos. As estratexias a empregar incluirían aditivos fitoxénicos, probióticos ou cambios na alimentación e estarían especialmente indicadas para animais separados da nai tralo parto e criados con leite artificial.
MÁIS INFORMACIÓN: 

Francia obrigará ao enterrado do xurro para 2025…pero con excepcións

Francia, primeiro produtor agrícola da Unión Europea, é o segundo emisor de amoníaco, correspondendo o 42% das emisións á gandaría bovina, tanto de carne como de leite. O seu obxectivo é reducilas nun 13% para o ano 2030 con respecto aos niveis de 2005. Neste sentido, o plan nacional de redución de emisións de contaminantes atmosféricos (AEE) do Goberno francés contempla as seguintes medidas:

1) Redución da volatilización do NH3 ligada ao esparexido de fertilizantes:

-Promover os sistemas para espareer o xurro que emitan menos amoníaco ou en enterrado do mesmo, co obxectivo de suprimir o esparexido mediante sistema con prato ou abanico para o ano 2025, tendo en conto en todo caso os riscos para a calidade dos solos (zonas con pendente, con chans pedregosos...etc). -Fomentar a súa substitución por formas de fertilizantes minerais menos emisores e, adaptando as prácticas e métodos de subministración: En concreto, exponse a autorización para utilizar urea en determinadas condicións, a partir da campaña 2019-2020, co fin de limitar, de febreiro a abril, a súa volatilización, segundo os termos definidos nunha guía nacional de boas prácticas agrícolas. -Limitar a queima de residuos agrícolas ao aire libre.

2) Avaliar e reducir a presenza de produtos fitosanitarios no aire:

- Lanzar unha campaña exploratoria e despregar vixilancia a longo prazo e dirixida sobre sustancias prioritarias.

3) Apoiar ao sector gandeiro para reducir as emisións de amoníaco:

-Axudar aos investimentos para reducir a volatilización do amoníaco na gandaría e ao esparexer fertilizantes. Para iso traballarán na implementación dun fondo de financiamento da transición enerxética de 10 millóns de euros en axudas para financiar proxectos para reducir a volatilización de NH3. - Proxectos piloto de difusión de tecnoloxías e prácticas eficientes: Execución da convocatoria de proxectos "Agr'AIR", cofinanciada por ADEME (10 millóns de euros) e MAA (10 millóns de euros a través de PCAE); promoción de operacións colectivas con miras a difundir e implementar accións reproducibles e duradeiras para reducir as emisións de NH3 e / ou partículas (1ª edición en 2017).

4) Desenvolver e difundir boas prácticas agrícolas en favor da calidade do aire:

-Publicación dunha guía de boas prácticas para reducir as emisións de NH3 segundo o previsto na directiva europea "NEC". - Estudo da integración de criterios a favor da calidade do aire nas diferentes etiquetas. -Capacitación dos diversos actores do mundo agrícola en boas prácticas -Integración da calidade do aire no sistema agroecológico -Desenvolvemento con organismos intermediarios dunha estratexia francesa para integrar mellor a calidade do aire na próxima PAC.

5) Desenvolvemento dunha guía de boas prácticas agrícolas, difundindo as mellores prácticas agrícolas para reducir as emisións de amoníaco

6) Axudas modernización de naves e equipamento gandeiro para reducir as emisións de amoníaco:

-Para cubrir pozos de xurros: elegible para o plan de modernización de naves gandeiras (PMBE) desde 2012, logo para o PCAE. -Para o desenvolvemento de equipos esparcidores: máis eficientes e menos propicios á volatilización de partículas (mangueiras, etc.).

Descarga aquía a guía do goberno francés para reducir as emisións de amoníaco nos distintos sectores gandeiros

Como reducir as emisións? (II): Alimentación e xestión de pastos

Lograr diminuír os gases de efecto invernadoiro que produce a actividade gandeira é unha tarefa que require un enfoque multidisciplinar que atenda distintos aspectos do manexo do gando e os cultivos, xa que xunto á adecuada xestión de estercos e xurros e ás estratexias para a redución dos niveis de emisións provocadas pola fermentación entérica dos ruminantes, unha alimentación eficaz en relación aos obxectivos produtivos sería a terceira pata esencial na ecuación da redución da contaminación e a sustentabilidade ambiental das granxas. Na produción de carne de vacún existen dous modelos diferenciados de explotacións: o das ganderías extensivas de vacas nodriza, que utilizan o pasto como base principal da alimentación do gando, e o dos cebaderos de tenreiros, un modelo intensivo no que os concentrados teñen maior protagonismo. A optimización na produción e aproveitamento do pasto e a aposta por praderías permanentes capturadoras de carbono no primeiro caso e o axuste da ración, o incremento da dixestibilidade da dieta e o uso de fontes de proteína locais no segundo, son estratexias encamiñadas a lograr unha maior sustentabilidade produtiva, con menores niveis de emisións por unidade de produto.

PASTOS E CULTIVOS:

Aumentar o tempo de pastoreo O Ministerio de Agricultura vén de anunciar que a gandería extensiva constituirá o primeiro dos ecoesquemas para a futura repartición dos fondos europeos da PAC no periodo 2023-2027, dos que dependerá o 20% das axudas, do mesmo xeito que o fomento do pastoreo é un dos obxectivos do Plan do Sector Lácteo 2020-2025 aprobado pola Xunta o mes pasado, polo que sacar o gando a pacer será un aspecto que comezará a pesar de maneira notable tanto nas explotacións de leite como de carne nos vindeiros anos.  Aumentar a proporción do tempo que os animais se atopan no exterior das naves, aumenta a cantidade de dexeccións que se depositarán directamente na pradeira. Desta maneira, os nutrintes achegados pola alimentación retornan ao chan a través da deposición en forma de esterco e ouriños. A condición de que a carga gandeira sexa adecuada á oferta do pasto, unha maior duración do pastoreo permitirá unha distribución homoxénea das dexeccións na superficie do pasto, o que favorece unha menor emisión de metano e óxido nitroso en relación ao almacenamento do esterco e/ou xurro e o seu posterior tratamento e aplicación durante as operacións de abonado en campo. Ademais, co pastoreo dificúltase o contacto da ureasa presente nas feces coa urea nos ouriños, retardando por tanto a emisión de amoníaco.
As emisións de amoníaco durante o pastoreo son baixas, xa que o nitróxeno amoniacal total nos ouriños depositados directamente nos prados é absorbido rapidamente polo chan
Será importante controlar a intensidade do pastoreo dado que, cunha elevada carga animal, poderíase dar lugar a maiores emisións de óxido nitroso, debido a que as feces se atopan máis expostas ás condicións ambientais, pola compactación do chan provocada polo pisamento dos animais. Este efecto sería moito máis desfavorable en condicións de chan húmido e temperaturas tépedas, caso de Galicia, nas que se favorecen os crecementos microbianos en anaerobiosis e, por tanto, as emisións de metano e óxido nitroso.
Será importante controlar a intensidade do pastoreo dado que, cunha elevada carga animal, poderíase dar lugar a maiores emisións de óxido nitroso pola compactación do chan provocada polo pisamento dos animais
Aínda que xeralmente considérase que unha dieta forraxeira se asocia a maiores emisións de metano do rumen, será preciso avaliar o posible efecto positivo do consumo de dietas forraxeiras de alta calidade ou dos taninos presentes en moitas das especies arbustivas existentes. Ademais, a alimentación dos herbívoros en pastoreo supón unha menor necesidade de suplementación con cereais, soia, etc, e deste xeito redúcense as emisións que é preciso imputar á produción e transporte destes insumos. Os pastos permanentes actúan como sumidoiro de carbono en maior medida que unha pradería de sega e as vantaxes do pastoreo increméntanse na medida que se realice en terras marxinais que non compiten coa agricultura, utilizando a gandería ligada ao territorio como sistema de limpeza de leiras ou montes, un método que reduce o uso de combustibles fósiles necesarios para a súa roza mecánica. Establecer pastoreo rotacional Considérase que os pastos, co manexo apropiado, teñen un importante potencial para a loita fronte ao cambio climático, xa que se considera que unha taxa de crecemento anual do 0,4% das reservas de carbono do chan nos primeiros 30-40 cm de chan reduciría significativamente a concentración de dióxido de carbono na atmosfera. Demostrouse que o pastoreo rotacional contribúe á fixación de grandes cantidades de carbono no chan, debido a que unha boa distribución do pastoreo aumenta o contido en carbono do chan, polo aumento en materia orgánica e pola redución da erosión das parcelas.
O establecemento dun calendario de pastoreo adecuado facilita a fixación de grandes cantidades de carbono no chan, o que mellora a cantidade e calidade do pasto de maneira considerable
Ademais, as estratexias de pastoreo rotacional e o establecemento dun calendario de circulación do gando polas distintas parcelas optimiza o aproveitamento do pasto dispoñible na explotación, xa que permite o descanso das parcelas pastoreadas e, se a carga gandeira está ben axustada, mellórase a produción de pasto, en cantidade e calidade. Incorporar leguminosas Sementar pratenses leguminosas proporciona unha mellora na calidade do pasto, e unha redución na necesidade do uso de fertilizantes, xa que estas fixan nitróxeno no chan e contribúen a incrementar a súa fertilidade, coa consecuente resposta positiva na produción de pasto.
Os animais que pacen pastos con leguminosas producen menos emisións de metano que os que o fan en pastos ricos en gramíneas, lográndose reducir ata un 20% das emisións de metano
Os animais que aproveitan pastos ricos en leguminosas producen menos emisións de metano que os que o fan en pastos ricos en gramíneas. Esta redución de emisións explícase pola presenza de taninos condensados, unha menor proporción de fibra, unha maior inxesta de materia seca e un paso máis rápido polo rumen.
A estratexia de incrementar a cobertura de leguminosas fronte ao abonado nitroxenado é especialmente interesante en épocas ou zonas de maior seca
A presenza de leguminosas reduce as emisións de óxido nitroso nos sistemas de pastoreo, xa que o nitróxeno atmosférico fíxase nos rizomas das leguminosas, e non queda libre para reaccionar. Ademais, en mesturas optimizadas de gramíneas e leguminosas, as gramíneas toman nitróxeno das raíces das leguminosas, polo que se depende menos da fertilización externa. A maiores dos beneficios ambientais e a redución de custos de fertilización, esta práctica pode supoñer tamén unha redución no custo de alimentación do gando ao suplir as leguminosas parte das necesidades proteicas que achegan insumos como o concentrado a base de soia.
Aínda que as leguminosas contribúen a fixar carbono, a necesidade de resembra cada poucos anos dalgunhas variedades provoca a liberación do carbono do chan e é pouco viable en zonas pendentes ou terreos pedregosos
A presenza de leguminosas nos pasteiros contribúe a fixar carbono, xa que esta fixación depende da dispoñibilidade de nitróxeno. Con todo, algunhas variedades de leguminosas, como a alfalfa ou algúns trévoles, requiren unha resembra cada poucos anos, de maneira que parte das vantaxes derivadas da redución de gases de efecto invernadoiro que achegan as leguminosas poderían verse penalizadas cunha liberación de carbono do chan cada vez que é labrado no proceso de resembra, algo que non é viable en zonas de montaña de gran pendente ou en terreos moi pedregosos. Uso de técnicas de non laboreo ou de mínima labra O manexo do chan ten influencia directa sobre as emisións de CO2, xa que se pode estimular a súa produción e acumulación na estrutura porosa do chan a través dos procesos de mineralización da materia orgánica. Pero a acción mecánica da labra supón unha rotura dos agregados do chan, coa consecuente liberación do dióxido de carbono atrapado no seu interior e a súa posterior emisión á atmosfera.
Ao manterse a estrutura do chan, diminúense as perdas de CO2 á atmosfera e auméntase a materia orgánica, o que aumenta a capacidade produtiva do terreo
As técnicas de non laboreo ou labra mínima baséanse na realización de sementeira directa,deixando que o chan quede cuberto en máis dun 30% da súa superficie. Desta forma, mantense a cobertura vexetal do chan durante todo o ano e prevens a erosión. Outra modalidade de resembra con menor impacto sobre a estrutura do chan é a sementeira en superficie e introdución posterior do gando para facilitar a incorporación da semente ao chan mediante o pisado.  Preservar as superficies de pastoreo Cando o pastoreo se realiza nunhas condicións de equilibrio pasto-gando, cunhas cargas gandeiras elevadas, conséguense unhas achegas de carbono ao terreo, que provocan o secuestro de carbono no chan.
Cando se xestiona a superficie de pastoreo de maneira optimizada, redúcense tanto as emisións de dióxido de carbono como de óxido nitroso
A magnitude do secuestro depende do tipo de chan, así como do tipo de vexetación existente e serve para compensar unha parte das emisións de gases de efecto invernadoiro producidas na propia explotación. Ademais, as superficies pastoreadas requiren menos traballos de maquinaria agrícola e necesitan igualmente menos achegas de fertilizantes inorgánicos de sínteses.
A preservación temporal das superficies de pastoreo dispoñibles durante a maior parte do ano implica unha redución da necesidade de conservar forraxes
A mellora e preservación temporal das superficies de pastoreo dispoñibles durante a maior parte do ano implica unha redución da necesidade de conservar forraxes, dado que os animais teñen a posibilidade de consumir pasto fresco, coa consecuente diminución do uso de maquinaria e as perdas de nutrintes asociadas á ensilaxe ou á conservación de herba seca. Para iso deberá adoptarse unha estratexia multidisciplinar con diversas medidas a aplicar en cada caso: • Un plan integral de mellora do pastoreo, mantendo unha porcentaxe de leguminosas. • Un control da altura do pasto, tanto á hora da entrada do gando na parcela, que será duns 9-16 cm aproximadamente, como no momento da saída dos animais, que se fará cando a altura do pasto caese ata os 5 cm; o obxectivo destas decisións é evitar sobrepastoreo e permitir unha rexeneración do pasto na superficie pastoreada. • Mellorar a resiliencia do ecosistema fronte ás secas mediante a aplicación de técnicas que melloran a capacidade de retención de auga no chan, como pode ser o caso do deseño en liña clave (keyline) considerando as curvas de nivel. • Aumentar a diversidade vexetal para garantir a produtividade en distintas condicións climáticas e/ou momentos do ano (distintas fenoloxías). • Produción de cultivos (cereais, leguminosas, etc.) sobre praderías (pasture-cropping) ou outras superficies mecanizables. Aproveitamento e conservación da paisaxe agroforestal O uso de sistemas silvopastorís para a produción gandeira ten indubidables efectos beneficiosos en materia de mitigación do cambio climático. A compatibilidade de produción herbácea co mantemento das masas forestais aumenta o secuestro de carbono e evita a liberación en masa que se produciría de xerarse incendios forestais favorecidos pola falta de limpeza das leiras ou masas arbóreas.
As rozas da matogueira necesarias para o mantemento da superficie herbácea, faranse preferentemente mediante o uso de gando, evitando a introdución de maquinaria
Pero a conservación da paisaxe agroforestal debe seguir unha serie de recomendacións: • As rozas da matogueira necesarias para o mantemento da superficie herbácea, faranse preferentemente mediante o uso de gando, valorando a especie máis adecuada a introducir en función do estado inicial e a súa evolución, evitando na medida do posible os medios físicos ou mecánicos mediante a introdución de maquinaria. • Apostar pola diversificación de especies (cabalar, caprino, ovino, vacún e porcino) en función do tipo de parcela, para complementar o aproveitamento adecuado do pasto/mato • Han de conservarse as masas arbóreas, evitando que o gando as deteriore • Fomentar o aproveitamento estacional de pastos que favoreza o crecemento da vexetación herbácea • Deben manterse cargas gandeiras equilibradas en función do pasto xerado e tipo de gando Establecer plans de fertilización As doses de fertilizante por encima das necesidades dos cultivos conduce a un exceso de nitróxeno, coa consecuente redución da eficiencia no uso de nitróxeno e perdas ao aire e auga. En termos de contaminantes gaseosos, as aplicacións de fertilizantes nitroxenados están asociadas ás emisións de óxido nitroso e amoníaco, polo que se a dose se axusta ás necesidades do cultivo as emisións de amoníaco e as perdas por lixiviación de nitratos ser verán reducidas.
Un exceso de fertilización levará a perdas de nutrintes en forma de emisións, mentres que unha fertilización insuficiente provoca unha redución na produtividade, polo que axustar a fertilización ás necesidades reais dos curtivos permite gañar eficiencia e reducir custos
Nun Plan de Abonado, débese coñecer, mediante a realización de analíticas, con que nutrintes conta o chan e as necesidades nutricionais do cultivo segundo os rendementos previstos que se queiran alcanzar, para estimar a cantidade e tipo de nutrinte que será necesario aplicar. Teranse en conta as achegas do pastoreo, se as houbese, e priorizarase o uso de fertilizante orgánico producido na explotación fronte á adquisición de fertilizante nitroxenado mineral. Mellorar o pH do chan O último paso do proceso de desnitrificación nos chans, é dicir, de redución de óxido nitroso (N2O) a nitróxeno molecular (N2), depende en gran medida do pH do chan. Este proceso inhíbese progresivamente cando o chan se acidifica por baixo de 7. Así, isto quere dicir que o encalado de chans acedos a pH próximo a 7 fai que a redución de óxido nitroso sexa máis eficiente e, dese xeito, diminúan as emisións directas procedentes do chan.
En chans acedos con pH inferior a 7 o encalado demostrou entre un 49 e un 66% de redución en emisións de óxido nitroso
Por tanto, pódese mellorar a capacidade de absorción de nutrintes dos chans acedos e a emisión de gases de efecto invernadoiro encalando para axustar o pH aos niveis necesarios dos diferentes cultivos. Os beneficios do encalado en chans acedos, como os que abundan en Galicia, inclúen unha maior dispoñibilidade de nutrintes, unha mellor estrutura do chan e maiores taxas de infiltración, o que redunda nunha maior produtividade e menor risco de contaminación de augas. Uso de fertilizantes orgánicos O emprego de emendas orgánicas, abonos en verde mediante trituración de nabos ou chícharos, ou técnicas de rotación de cultivos fijadores de nitróxeno fronte ao uso de fertilizantes de síntese química permite optimizar os ciclos de nutrintes, evitando o custo económico e ambiental de utilizar fertilizantes sintéticos.
Os abonos orgánicos, a rotación de cultivos fijadores de nitróxeno e o abonado en verde mediante trituración de nabos ou chícharos son técnicas especialmente recomendadas en climas húmidos onde as perdas de nitróxeno nos fertilizantes de sínteses é maior
Os fertilizantes químicos son menos efectivos en climas húmidos que as achegas de emendas orgánicas, xa que se estima que o 1,6% do nitróxeno aplicado por fertilizantes de sínteses en climas húmidos vaise emitir en forma de óxido nitroso, fronte a un 0,6% para o resto de inputs de nitróxeno de procedencia orgánica. Nas zonas secas, sen embargo, calcúlase que aproximadamente se emite un 0,5% do nitróxeno, xa sexa procedente de fertilizantes de síntese ou de estercos ou xurros. Por tanto, substituír o uso de fertilizantes inorgánicos por orgánicos reduce as emisións directas de óxido nitroso, especialmente nos climas húmidos. Utilizar fertilizantes inorgánicos de baixa emisión As emisións de óxido nitroso provintes dos chans pódense reducir a través da aplicación de prácticas encamiñadas a mellorar a capacidade do cultivo en captar nitróxeno e competir con outros procesos que conlevan unha perda de nitróxeno no sistema chan-planta.
Os inhibidores da nitrificación poden reducir ata un 50% as emisións directas de óxido nitroso, aínda que en zonas máis húmidas a súa eficiencia é menor
Isto pódese facer mediante o uso de fertilizantes de liberación lenta, o uso de fertilizantes amoniacais fronte aos fertilizantes con base de nitrato, a través do uso de inhibidores da nitrificación e combinacións de fertilizantes ureicos con inhibidores da ureasa. En xeral, estes fertilizantes adoitan ter un custo máis elevado, con excepción da urea, aínda que neste caso hai que considerar o custo engadido dos inhibidores da ureasa.
O uso de urea debe ir unido á aplicación de inhibidores da ureasa para evitar que se produzan emisións altas de amoníaco
Os fertilizantes amoniacais ou os de base ureica, fronte aos fertilizantes con base de nitrato, reducen as emisións de óxido nitroso. Con todo, no caso da urea, pode darse como contrapartida unha emisión moi alta de amoníaco, polo que para evitar estas emisións de amoníaco, os fertilizantes ureicos deben ir acompañados sempre de inhibidores da ureasa.

ALIMENTACIÓN E MATERIAS PRIMAS:

Mellora da dixestibilidade da dieta O incremento da achega de concentrado e a alimentación con forraxes de boa calidade son as dúas opcións máis amplamente utilizadas desde o punto de vista nutricional. O incremento dos aportes de concentrado reduce as emisións debido a que propicia unha fermentación propiónica de modo que o propionato actúa como sumidoiro de hidróxeno evitando que se desvíe cara á produción de metano.
O uso de leguminosas forraxeiras é unha estratexia que permite reducir as emisións ata un 10%
A alimentación con forraxe de boa calidade permite incrementar a dixestibilidade do alimento e alcanzar maiores rendementos, orixinando unha redución das emisións por unidade de produto de ata un 30% en comparación coa alimentación con forraxe de baixa calidade. O uso de leguminosas forraxeiras é unha estratexia que permite reducir as emisións ata un 10%. Axustar os niveis de proteína O exceso de proteína é excretado (principalmente polos ouriños) en forma de urea. Unha parte desta urea volatilízase en forma de amoníaco (NH3) e, posteriormente, outra parte pérdese en forma de óxidos de nitróxeno (por exemplo óxido nitroso N2O) e lixiviación de nitratos en auga. Ademais, o animal ruminante precisa de gastar enerxía para desfacerse deste exceso de enerxía, o que podería mesmo ter efectos produtivos negativos.
O exceso de proteína é excretado en forma de urea mentres que os niveis baixos reducen a produción
Polo contrario, unha dieta excesivamente baixa en proteína pode limitar a síntese de proteína microbiana ruminal, así como os parámetros produtivos. Por tanto, é preciso axustar o nivel de proteína (e enerxía) en cada unha das etapas produtivas, mediante unha correcta estimación das necesidades nutricionais e a análise frecuente dos alimentos, e en animais de alta produción tamén se pode suplementar con aminoácidos esenciais se a calidade da proteína dietética é baixa. Utilizar fontes locais de proteína A proteína importada (soia principalmente) posúe unha elevada pegada de carbono debido a que a súa produción adoita implicar deforestación no seu lugar de orixe, elevado uso de fertilizantes industriais e un transporte intercontinental.
Substituír suplementos proteicos importados como a soia por produtos locais como chícharos, colza, alfalfa ou forraxes de leguminosas permite reducir a pegada de carbono
Por iso, o uso de alimentos proteicos locais ou rexionais tales como o uso de leguminosas en gran (chícharos, colza, etc.), pellet de alfalfa ou forraxes de leguminosas, permite reducir dita pegada de carbono. Neste sentido, alimentar con silo de millo ou de leguminosas permite reducir as emisións en comparación co silo de raigrás. A forraxe de colza tamén reduce as emisións aínda que os efectos son variados sobre a produtividade. Combinar millo e silo de legumes incrementa a inxestión e reduce as emisións por unidade de produto.
Alimentar con silo de millo ou de leguminosas permite reducir as emisións en comparación co silo de raigrás
Dada a menor calidade proteica das alternativas á soia, os niveis produtivos pódense ver afectados negativamente se non se fai un correcto racionamento da dieta. Doutra banda, a dependencia do mercado exterior de soia redúcese, o que permite traballar con prezos da ración máis estables. Utilizar subproductos agroindustriais, residuos vexetais e alimentos novos Os subproductos agro-industriais (bagazo de cervexa, destrío de froitas e verduras, como por exemplo mazá de sidra, subproductos de cítricos, polpa de remolacha azucareira, etc.) representan unha fonte barata de alimento para ruminantes xa que doutro xeito non poden ser utilizados por ningunha outra especie de animais.
O uso de alimentos novos como o penso alcalinizado ou o pellet de palla poden supoñer unha ferramenta en sistemas de cebo
O problema é que na súa maioría deben ser consumidos a nivel local ou rexional xa que o seu transporte non é rendible (polo elevado contido en auga) e a iso hai que engadir que estes produtos son frecuentemente estacionais e de difícil almacenaxe ou conservación. Sen embargo, son produtos interesantes que permiten achegar carbohidratos facilmente fermentables (reducindo así a formación de CH4 no rumen) a baixo custo, facilitando diminuír a subministración de forraxe, e, ao tratarse de subproductos ou residuos doutros procesos industriais, a súa pegada de carbono é moi reducida. O uso de alimentos novos como o penso alcalinizado ou o pellet de palla poden supoñer unha ferramenta en sistemas de cebo. Alimentación de precisión As necesidades nutricionais dos animais cambian ao longo do ciclo de produción, polo que subministrar o nutrinte apropiado no momento apropiado pode representar unha estratexia para maximizar a produción e reducir as emisións de metano.
Observouse en vacún de leite que realizar racións personalizadas pode incrementar a produtividade e reducir as emisións de metano nun 15-20% e a excreción de nitróxeno nun 20-30%
A monitorización do rabaño e o acceso ao big data facilita a toma de decisións e a xestión da explotación, pero en sistemas de alimentación combinada de pastos e dieta requírese de tecnoloxía avanzada para poder monitorizar os pastos. Mellorar a conservación de forraxes e ensilados A recolección de forraxe nunha etapa temperá de madurez aumenta o seu contido de carbohidratos solubles e reduce a lignificación das paredes celulares das plantas, o que aumenta a súa dixestibilidade e diminúe a produción de CH4 entérico por unidade de MS dixestible, reducindo as emisións de GEI.
Nos procedementos de ensilaxe prodúcense perdas de materia seca, que oscilan entre o 5 e o 25%
Un mal proceso de secado e recollida da herba seca pode supoñer perdas de ata o 12% da materia seca dispoñible, mentres que na ensilaxe, dependendo de como fagamos as cousas, pode oscilar entre o 5 e o 25%. Mellorar estes procesos permite reducir a perda de materia seca e aumentar a calidade nutricional da forraxe co mesmo custo. Os aditivos que con frecuencia se utilizan para mellorar a preservación do silo, especialmente de millo, poden ser unha ferramenta de xestión importante para reducir as perdas durante o almacenamento, particularmente en ensilaxes de baixa calidade. Con todo, algúns aditivos poden contribuír significativamente ás emisións netas de gases de efecto invernadoiro do silo.
MÁIS INFORMACIÓN: 

Como reducir as emisións? (I) Xestión do purín e o esterco

O obxectivo en 2050 é que a gandería de vacún de carne logre secuestrar tanto carbono como produza A interprofesional do vacún de carne, (Provacuno), acaba de publicar un Código de Boas Prácticas Medioambientais coas que conseguir reducir progresivamente os gases de efecto invernadoiro xerados polas explotacións co obxectivo de que a gandería logre ser climáticamente neutra en materia de carbono en 2050. O obxectivo é secuestrar o CO2 equivalente aos gases de quecemento global que xera no seu proceso produtivo. A preocupación ambiental aumenta na sociedade (e por tanto tamén no consumidor), polo que a diminución da pegada ambiental e a contaminación converteuse nunha necesidade na que, pese ao esforzo dos gandeiros e o seu intento de adaptación progresiva nos últimos anos, aínda existe marxe de mellora.
Metano, amoníaco ou nitratos son termos que estarán no día a día dos gandeiros nos próximos anos
Aínda que frear o quecemento global é unha necesidade humana a nivel planetario que afecta a todos os sectores económicos, desde distintos ámbitos e de maneira interesada focalizouse sobre a gandería a lupa das emisións de gases de efecto invernadoiro, unha mensaxe que calou mesmo nas elites gobernantes, de forma que as normativas europeas e estatais poñen xa o acento sobre a diminución de emisións, ao mesmo nivel que sobre os aspectos nutricionais dos alimentos, en documentos como a Estratexia da Granxa á Mesa, presentada o pasado mes de maio, en plena pandemia sanitaria, pola Comisión Europea. Metano, amoníaco ou nitratos son termos que estarán no día a día dos gandeiros nos próximos anos. A pesar de que os últimos datos do inventario do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico feitos públicos o pasado marzo, atribúenlle ao sector da carne de vacún tan só o 3,6% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro en España, o sector vacún está obrigado a reducir, por exemplo, as súas emisións de amoníaco un 40% na próxima década, segundo o listón legal colocado polo Goberno español no Plan de Proxeccións de Emisións de Gases Contaminantes á Atmosfera.
Aínda que están pensadas para explotacións de carne, moitas das medidas son tamén aplicables a ganderías de leite
Trátase dun obxectivo que non é doado de lograr e para o que ata o de agora non existía un documento de referencia, de carácter práctico, con medidas a aplicar nas explotacións. A través deste Código de Boas Prácticas que acaba de ser presentado, as explotacións contarán cunha ferramenta de base científica para saber que facer en cada caso, en función das características particulares de cada gandería, e os seus efectos. Esquema resumo das principais medidas a aplicar para reducir as emisións da ganadería de vacún A guía, elaborada por 17 expertos integrados na Red Remedia e pertencentes a 7 institucións e centros de investigación españoles (CSIC, INIA, Neiker, Universidad Autónoma de Barcelona, Universidad Politécnica de Valencia, Universidad de Córdoba e Basque Center for Climate Change), recolle un total de 37 medidas de mitigación de emisións estruturadas en 5 grandes bloques: alimentación; mellora do funcionamento do rumen; xenética, reprodución e manexo; xestión do esterco e pastos e cultivos. A guía foi elaborada por investigadores pertencentes á rede científica Remedia, que desde o 2012 engloba a expertos que traballan na mitigación do cambio climático nos sectores agrario, gandeiro e forestal Dentro de cada bloque identificáronse as medidas dispoñibles, describindo brevemente o fundamento destas, os efectos sobre os diferentes gases de efecto invernadoiro, así como a dispoñibilidade tecnolóxica e económica de cada medida. Con esta información, preténdese que cada produtor poida identificar as medidas máis aplicables en termos custo-beneficio á súa explotación. Iniciamos en Campo Galego unha serie de catro artigos nos que tentaremos desagregar cales son estas posibilidades de actuación a nivel de granxa e os seus efectos redutores, empezando pola xestión de xurros e estercos, un aspecto clave e que sufrirá modificacións coa próxima entrada en vigor do Decreto de Nutrición Sostible de Cultivos redactado polo Ministerio de Agricultura.

TRATAMENTO E APLICACIÓN DE PURÍNS:

Cuberta de balsas de xurros As balsas de xurros son fontes relevantes de emisión de metano. Cubrir estas balsas evita a emisión descontrolada deste gas. Esta técnica funciona mellor cando a cuberta é estanca e se equipa a balsa cun sistema de recuperación do biogás co seu aproveitamento para a xeración de enerxía ou cunha chama piloto que queime a mestura de gases producida, xa que se xeraría dióxido de carbono (CO2), tamén contaminante pero cun efecto invernadoiro 24 veces menor que o metano (CH4).
As cubertas estancas permiten a recuperación de biogás e reducen as perdas de nutrintes do xurro, aumentando a súa capacidade fertilizadora
Ademais, ao reducirse as emisións de óxido nitroso (N2O), a súa capacidade como fertilizante increméntase ao aumentar o contido en nitróxeno do xurro, permitindo así reducir o uso de fertilizantes sintéticos. Manter costra permanente nas balsas ou fosas de xurro A presenza de costra natural nos depósitos de xurro relaciónase coa redución das emisións de amoníaco, xa que evita o contacto do xurro coa atmosfera, diminuíndo a circulación de aire sobre a superficie emisora. Considérase que o uso de material orgánico nas camas (serrín, palla, etc) favorece a súa formación, do mesmo xeito que a forma de enchela, frecuencia e condicións climáticas da contorna.
A costra evita o contacto do xurro coa atmosfera e reduce as emisións de amoníaco ata nun 60% na fase de almacenamento
Ademais da redución de emisións de amoníaco, o metano pode verse tamén disminuído pola creación de zonas aeróbicas nos primeiros centímetros da superficie, onde o CH4 se converte en CO2 pola acción das bacterias metanotróficas.
Ao reducirse significativamente as perdas de nitróxeno en forma de amoníaco, a capacidade fertilizante do xurro vese incrementada
Ao reducirse significativamente as perdas de nitróxeno en forma de amoníaco, a capacidade fertilizante do xurro vese incrementada, pero este feito obriga a optimizar a aplicación en campo para minimizar as perdas de amoníaco e óxido nitroso. Aplicación de xurro mediante tubos colgantes Consiste na aplicación localizada dos xurros mediante tubaxes que o depositan na superficie do chan. Trátase dunha técnica deseñada para reducir as emisións de amoníaco, e, por conseguinte, as emisións indirectas de óxido nitroso, e é unha das opcións permitidas para a aplicación do xurro trala restrición das aplicacións en abanico.
Destinado principalmente ao abonado de praderías, ao evitar emisións e perdas de nutrintes asociadas ao esparexemento mediante sistema de prato, permite aproveitar mellor a capacidade fertilizante do xurro
O obxectivo desta técnica é reducir a superficie de xurro en contacto coa atmosfera. É aplicable principalmente en cultivos herbáceos en fases iniciais de crecemento e a súa principal vantaxe é ser un sistema pouco intrusivo co cultivo. Aplicación de xurro mediante inxección Do mesmo xeito que a aplicación do xurro mediante tubos colgantes, a inxección no chan é unha técnica deseñada especialmente para reducir a emisión de amoníaco. Combina un arado que abre regos na terra cunhas mangueiras que depositan o xurro no rego aberto e é outra das posibilidades permitidas pola nova normativa sobre fertilización de chans agrícolas.
En comparación co método de tubos colgantes, é unha técnica que reduce máis as emisións de amoníaco, pero ten un maior custo enerxético e de desgaste de maquinaria, existindo dificultades para aplicala en chans pesados de textura arxilosa
Existen dificultades ao realizar inxección de xurro en chans pesados de textura arxilosa pola súa menor permeabilidade e facilidade de encharcamiento, dado que a humidade do terreo é un factor que favorece as emisións. En comparación co método de tubos colgantes, é unha técnica que reduce máis as emisións de amoníaco, pero ten un maior custo enerxético e de desgaste de maquinaria. Separación sólido-líquido de xurros A colocación dun sistema de separación da fracción sólida e líquida do xurro permite facer unha xestión diferenciada de ambos compoñentes: a parte sólida pode someterse a un proceso de compostaxe que incrementa o seu valor fertilizante ou permite a súa reutilización nas camas como material de recheo de cubículos, mentres que a redución do contido en materia orgánica da parte líquida diminúe de forma moi importante as emisións de metano debidas á fermentación nas balsas ou pozos de xurro.
A separación do xurro e a xestión diferenciada da parte sólida e líquida permite realizar un uso agronómico máis eficiente
Para ser máis efectiva, a separación ha de facerse canto antes, preferiblemente sobre xurro recentemente excretado ou que leve pouco tempo almacenado. Do mesmo xeito, para evitar a emisións secundarias de amoníaco deben usarse técnicas como a aplicación e enterrado rápido da fracción líquida resultante. Compostaxe A compostaxe é un tratamento aeróbico que se aplica sobre o esterco ou sobre a fracción sólida do xurro que permite lograr un abono orgánico estabilizado en termos de nitróxeno, cunha maior concentración de nutrintes (elevada concentración de nitróxeno de liberación lenta), diminución de patóxenos e redución de cheiros.
Compostar aumenta o valor fertilizante do esterco e reduce á metade as emisións de metano
Respecto a un almacenamento estándar do esterco, este sistema reduce á metade as emisións de metano e trala aplicación en campo o compost aminora de maneira significativa as emisións de óxido nitroso, compensando as emisións acumuladas durante o proceso de compostaxe.
Ao tratarse dun abono estabilizado con elevada concentración de nitróxeno de liberación lenta, as emisións de amoníaco en campo redúcense significativamente ata compensar as que se producen no proceso de compostaxe
A compostaxe relaciónase co aumento das emisións de amoníaco debido á mineralización do nitróxeno orgánico durante o proceso. Estas emisións poden supoñer ata un 45% do contido inicial do nitróxeno incluído no esterco. Estas emisións nitroxenadas poden reducirse cubrindo a pila para compostar para limitar a transferencia ao aire, evitando un excesivo número de volteos no proceso e mediante a compactación do montón de esterco. Extracción de biogás A dixestión anaerobia é un sistema de tratamento que potencia a produción de metano procedente do xurro en condicións controladas co obxectivo de aproveitalo para a obtención de enerxía mediante a súa combustión, habitualmente nun motor de coxeración (producindo enerxía térmica e eléctrica).
As plantas de biogás reducen en gran medida a emisión de metano procedente do xurro, non así a carga de nitróxeno e as emisións de amoníaco nos efluentes digestados
É importante someter o xurro a este proceso de dixestión anaeróbica canto antes para evitar emisións de metano anteriores que diminúan o seu potencial na planta de biogás. O habitual é utilizar a co-dixestión con outros substratos, idealmente de dispoñibilidade local, que complementan o potencial dos xurros para xerar biogás. Aínda que é unha tecnoloxía madura e dispoñible no mercado, a clave da súa viabilidade económica depende do valor da enerxía obtida. En España é, a día de hoxe, unha técnica pouco viable polo seu elevado custo e as limitadas primas existentes actualmente a este tipo de enerxía, polo que o investimento necesario só é asumible por granxas ou agrupacións de certo tamaño. Uso de adhitivos inhibidores da nitrificación Os procesos microbiolóxicos polos que se produce óxido nitroso pódense modificar grazas ao uso de aditivos químicos. Existen dous tipos de aditivos inhibidores: • Inhibidores da nitrificación: que inhiben a oxidación de amonio (NH4+) a nitrato (NO3-). Os animais que reciben estes inhibidores co alimento excretáno sen alterar os ouriños, polo que poden exercer a súa función sobre as excretas. • Inhibidores da ureasa: impiden o paso de urea a amonio, polo que presentan gran potencial para reducir as perdas de amoníaco por volatilización. Estes inhibidores téñense aplicado tanto ao chan como ao esterco almacenado. Os inhibidores da ureasa reducen a volatilización de amoníaco, xa que este non chega a formarse e, por tanto, tamén as de óxido nitroso, ao ser o amoníaco un precursor deste.
O uso de inhibidores da nitrificación reduce as emisións de óxido nitroso asociadas aos ouriños en máis dun 60% e pode aumentar a produción de pastos cando se utilizan con animais en pastoreo
Os inhibidores da nitrificación reducen de forma directa a emisión de amoníaco, pero poden aumentar o amonio dispoñible no chan, polo que provocaría un aumento das volatilizacións deste gas a longo prazo.

ALMACENAMENTO E XESTIÓN DE ESTERCOS:

Aumentar a frecuencia na retirada do esterco A cama profunda (almacenamento durante longos períodos de tempo) pode ocasionar maiores emisións de óxido nitroso e metano, ao acumularse maior cantidade de material degradable e facelo en condicións de compactación (ausencia de osíxeno). Retirar frecuentemente a cama (frecuencia de polo menos 1 vez ao mes) impediría que se emitisen estes gases no aloxamento interior.
Retirar polo menos unha vez ao mes o esterco das camas evitaría a emisión de óxido nitroso e metano
Aínda que as emisións do esterco sólido son relativamente baixas, a súa retirada frecuente reduce a xeración de metano, ao diminuír as condicións anaeróbicas necesarias, así como de óxido nitroso, xa que estas redúcense pola menor cantidade de substrato orgánico dispoñible. Con todo, o problema destas emisións non desaparece, senón que se traslada aos estercoleiros, onde poden continuar se non se fai un adecuado manexo do esterco almacenado. Almacenamento de esterco sólido É recomendable o amontoado do esterco sobre unha superficie de formigón ou dun chan compacto e impermeable. En ambos casos, é convinte recoller as drenaxes mediante un canalización, para o seu almacenamento nun depósito específico, xa que recoller estes lixiviados reduce o risco de contaminación de acuíferos.
Protexer os estercoleiros cunha cuberta para impedir a acción directa do sol, ben sexa introducíndoos dentro dun alpendre ou cubrindo a superficie do esterco, reduce as emisións de amonio (NH4)
Débese cubrir o estercoleiro cunha cuberta, con independencia da recomendación de cubrir tamén o propio esterco con palla ou cun plástico flexible para evitar o contacto directo co aire. A redución das emisións de gases producirase como consecuencia de impedir o contacto directo entre o esterco e o aire, que é o lugar o que se produce a liberación de metano (CH4). Dita emisión diminúe substancialmente por baixo dos 10ºC de temperatura ambiental e aumenta por enriba dos 25ºC.
A emisión de metano, que se produce en contacto co aire, diminúe por baixo de 10ºC e aumenta substancialmente por enriba dos 25ºC
Realizáronse estudos sobre o impacto de distintas medidas de manexo do esterco e as porcentaxes de redución de emisións que se conseguen: cando se mantén o esterco sobre un chan impermeable, e cun sistema de drenaxe, a porcentaxe de redución de emisións oscila entre un 0 e un 3%; se cubrimos o esterco con palla ou cun plástico, estabilizado fronte á radiación ultravioleta, a porcentaxe de redución valorouse entre 2 e 5%. Todas estas medidas contribúen tamén a aumentar o valor fertilizante do esterco. Abonado mediante incorporación do esterco ao terreo O esterco debe enterrarse ou mesturarse coa terra no momento da súa aplicación ou nas 4 horas seguintes. Enterralo despois das doce horas supón unha perda importante do nitróxeno achegado, pola súa volatilización como óxido nitroso, polo que enterrar o esterco canto antes fai que o nitróxeno retido no chan aumente, aumentando desta forma a capacidade fertilizante do esterco.
O esterco debe enterrarse ou mesturarse coa terra no momento da súa aplicación ou nas 4 horas seguintes
Outras precaucións na aplicación do esterco son: • Non aplicalo en chans húmidos, ou en momentos de risco de choiva, nos que se facilita a liberación de óxido nitroso. O mesmo ocorre se se aplica en lugares asolagados, nevados ou xeados. • Analizar as características do terreo no que se vai a aplicar, especialmente se hai pendentes ou proximidade a leitos de auga, mananciais ou pozos, para previr que se produzan escorrentías ou arrastres. • Aplicar o esterco cando o requiran os cultivos e na dose apropiada.
MÁIS INFORMACIÓN: 

A Comisión Europea focaliza na gandeiría a súa cruzada contra as emisións agrícolas

Bruxelas focaliza o problema das emisións agrícolas no sector gandeiro ao afirmar que o 70% das emisións proceden da gandería (metano e ácido nitroso). Ademais, indica, o 68% das terras agrícolas están destinadas á produción animal (39,1 millóns de hectáreas de cereais e oleaxinosas e 70,7 millóns de hectáreas de pasteiros en 161 millóns de hectáreas de terras agrícolas nos 27 países da UE, segundo os datos de Eurostat relativos a 2019). Dentro do Pacto Verde Europeo e nun dos seus documentos esenciais, o da Estratexia Da granxa á mesa –impulsada pola comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, e non polo comisario de Agricultura, Janusz Wojciechowski–, a Comisión Europea pretende reducir o impacto ambiental e climático da produción animal mediante o desenvolvemento dunha produción gandeira que mellore o benestar dos animais e reduza a pegada ambiental. No Plan de Acción da Estratexia Da granxa á mesa, que conta cun total de 27 medidas, tres delas fan referencia especificamente ao sector gandeiro: por exemplo, a avaliación e revisión da lexislación vixente en materia de benestar animal, así como a relativa ao transporte e ao sacrificio de animais (prevista para 2023); a proposta de revisión do Regulamento de aditivos para pensos a fin de reducir o impacto ambiental da gandería (2021); e a iniciativa da UE sobre a captura de carbono en chans agrícolas (prevista no terceiro trimestre de 2021).
A lexislación en materia de benestar animal, transporte e sacrificio será modificada no 2023
"A Comisión está a levar a cabo unha revisión do programa de promoción da UE para produtos agrícolas, con miras a aumentar a súa contribución á produción e o consumo sostibles, e en consonancia coa evolución das dietas. En relación coa carne, esa revisión debería centrarse no modo en que a UE pode utilizar o devandito programa de promoción para apoiar os métodos de produción gandeira máis sostibles e eficientes en materia de carbono", propón Bruxelas.
Bruxelas pretende reducir a dependencia da soia importada con proteínas vexetais cultivadas na UE, así como con produtos de orixe mariña como as algas ou os desperdicios de peixe
Para axudar a reducir o impacto ambiental e climático da produción animal, evitar a fuga de carbono a través das importacións e apoiar a transición en curso cara a unha gandería máis sostible, a Comisión facilitará a comercialización de aditivos alimentarios sostibles e innovadores. Examinará as normas da UE para reducir a dependencia de materiais de alimentación críticos (por exemplo, soia cultivada en terras deforestadas en lugares como Brasil) mediante o fomento de proteínas vexetais cultivadas na UE, así como materiais de alimentación alternativos, por exemplo algas e subproductos da bioeconomía como o desperdicio de peixe. "Facilitarase asímesmo a introdución no mercado de aditivos sostibles e innovadores para pensos que axuden a reducir a pegada de gases de efecto invernadoiro e a contaminación da auga e do aire asociadas", anuncia o Executivo comunitario. Alternativas á carne na dieta Bruxelas pretende reeducar aos europeos na súa forma de comer, modificando hábitos de consumo e reequilibrando a dieta da poboación cara a un maior consumo de vexetais en detrimento de outros produtos de orixe animal, como a carne ou os derivados lácteos, argumentando beneficios para a saúde e o medio ambiente. "En xeral, as dietas europeas non están en liña coas recomendacións dietéticas nacionais, e a contorna alimentaria non garante que a opción saudable sexa sempre a máis doada. Se as dietas europeas estivesen en liña coas recomendacións dietéticas, a pegada ambiental dos sistemas alimentarios reduciríase significativamente", xustifica o Executivo comunitario.
Se as dietas europeas estivesen en liña coas recomendacións dietéticas, a pegada ambiental dos sistemas alimentarios reduciríase significativamente, afirma a Comisión Europea
Pero a UE dá mesmo un paso máis aló. De feito, o programa Horizonte Europa "fomentará a investigación para aumentar a dispoñibilidade e o abastecemento de proteínas alternativas, como as proteínas vexetais, microbianas, mariñas e baseadas en insectos, e os substitutos da carne", avanza a Comisión. Maiores restricións aos antibióticos na produción gandeira Vendas de antibióticos por cabeza de ganado en España en comparación coa media comunitaria Para desenvolver o Pacto Verde e a Estratexia Da granxa ao garfo a UE aprobará en 2021 unha lexislación máis restritiva en materia de uso de antibióticos, pesticidas e fertilizantes químicos. Calcúlase que as resistencias aos antibióticos provocan a morte de 33.000 persoas cada ano no conxunto da Unión Europea e que, de seguir a tendencia actual, en 2050 morrería máis xente por resistencias bacterianas que por cancro.
As vendas de antibióticos en España en 2016 foron as segundas máis altas na UE despois de Chipre e son 2,5 veces superiores á media da UE
"As vendas en axentes antimicrobianos veterinarios en mg por cabeza en España aumentaron ata 2014 e diminuíron en 2015 e 2016. As vendas en España en 2016 –350mg por cabeza– foron as segundas máis altas na UE (despois de Chipre) e son máis de 2,5 veces máis alta que a media da UE –que se sitúa por baixo de 150mg–", indica a Comisión Europea. España, moi lonxe dos obxectivos fixados para redución de amoníaco Evolución das emisións de amoníaco en España e no conxunto de países da UE Do mesmo xeito que nos obxectivos de redución do uso de antibióticos España atópase moi atrasada a respecto do resto de países da UE, o noso país tamén se atopa moi por detrás da evolución comunitaria na minoración das emisións de amoníaco á atmosfera. As emisións de amoníaco (NH3) da gandería constitúen, ademais dunha perda económica para o gandeiro, un dano ao medio ambiente pola contaminación do aire, os chans e as augas e un dano para a saúde. E é que a agricultura e a gandería son responsables en España do 91% das emisións de amoníaco, sobre todo o sector porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España. Para atallar este problema, Bruxelas, a través do Protocolo de Gotemburgo, estableceu un réxime de teitos nacionais, ou cotas de emisións de amoníaco, de forma que a partir do ano 2020 deberanse reducir as emisións nacionais nun 3%, respecto ao ano 2005, e nun 16% a partir do ano 2030.
España é o país da UE que máis se desvía dos obxectivos fixados no Protocolo de Gotemburgo, superando nun 47% os valores de emisións fixados
Con todo, no último inventario remitido en marzo de 2019, o Estado Español superaba, en 165 kt de NH3, o límite de 353 kt asignado na Directiva de Teitos para España entre 2010 e 2019, o que equivale a un 47% por encima do acordado, sendo España o Estado da UE que en maior proporción se desviaba dos valores de emisións fixados. Hai unha tendencia á baixa na emisión total de amoníaco da agricultura na UE desde 1999, cando roldaban os 4 millóns de toneladas anuais, aínda que están a aumentar desde 2013, situándose en 2016 en 3,6 millóns. "España está moi lonxe de alcanzar os obxectivos de emisión de NH3 para 2020 (-3% en comparación con 2005) e 2030 (-16%) segundo o establecido pola Directiva NEC. En 2016, as emisións de NH3 aumentaron un 0,8% en comparación con 2005. En xeral, a emisión en España é bastante estable no tempo, fluctuando entre 400.000 e 500.000 toneladas. Hai unha diminución na emisión de amoníaco entre 2003 e 2012, pero aumenta de novo a partir de 2013", reprocha a Comisión Europea a España.
Segundo a Directiva NEC, España debe reducir as emisións de amoníaco un 3% en 2020 e un 16% en 2030 en comparación con 2005
A Directiva (UE) 2016/2284 de Teitos Nacionais de Emisión (NEC), relativa á redución das emisións de determinados contaminantes atmosféricos, en concreto, dióxido de xofre (SO2), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), amoníaco (NH3) e partículas finas (PM2,5), impón a elaboración, adopción e aplicación, a cada Estado membro, de programas nacionais de control da contaminación atmosférica e o seguimento das emisións e os seus efectos. Co fin de cumprir os compromisos nacionais de redución de emisións e evitar as sancións de Bruxelas, o Goberno español aprobou en 2019 o Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, que fixa prioridades, obxectivos e medidas para os distintos sectores, entre eles a agricultura e a gandería. Deseñado para o horizonte 2020-2030, inclúe un catálogo de 50 medidas agrupadas en 8 paquetes sectoriais: mix enerxético; transporte; industria; eficiencia enerxética en vivendas, comercios e oficinas; residuos; agricultura; restos de poda e gandería. Medidas incluídas no Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica Entre outras medidas, inclúese a alimentación multifase en todas as especies gandeiras e o axuste do contido en proteína bruta tendo en conta as necesidades dos animais, medidas de xestión de estercos, como a evacuación frecuente do esterco almacenado no lugar de cría dos animais e a incorporación de medidas de redución de emisións de amoníaco en establos e granxas de nova construción para gando bovino, porcino e avícola ou en obras de ampliación ou modificación das instalacións existentes.
O Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica obriga a axustar o contido en proteína bruta da alimentación en función das necesidades dos animais
No Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica o Ministerio para a Transición Ecolóxica insiste en cargar sobre o sector de vacún a responsabilidade de reducir as “cotas de emisións” de amoníaco nos próximos anos, cos gastos para os gandeiros que isto suporá tal e como se expoñen algunhas das medidas, mentres permite que o porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España, siga incrementando a súa cota nacional de emisións, segundo se contempla no Plan de Proxeccións por sectores presentado hai un ano. Balance de fósforo e nitróxeno No Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica tamén se fixa o límite do 30% das necesidades de nitróxeno na achega de forma ureica, a prohibición de aplicación do xurro en abanico, o enterramento de estercos, o establecemento de plans de abonado, o balance de nitróxeno dos chans e o rexistro de operacións no caderno da explotación. O balance bruto de nutrintes proporciona unha estimación do impacto potencial da agricultura na calidade da auga e a súa posible contaminación. Os indicadores baséanse na contaminación por nitratos e fosfatos. "Cando o nitróxeno (N) e o fósforo (P) se aplican en exceso, poden causar contaminación e eutrofización das augas superficiais e subterráneas. O excedente de nitróxeno en España varía entre 27 e 40 kg N/ha por ano entre 1995 e 2015. O excedente de fósforo diminuíu lixeiramente co tempo de 6 kg/ha/ano en 1995 a 4 kg/ha/ano en 2015", indica a análise da Comisión Europea. Excedente de fósforo e nitróxeno nos solos agrícolas en España en comparación coa media da UE En Europa países como Irlanda, Holanda ou Alemaña teñen problemas de contaminación de acuíferos por fertilizantes. No caso español, Bruxelas destaca que o 46% das analíticas de auga subterránea en España en 2012 foron de alta calidade fronte ao 32% de mala calidade, que o 14% das terras agrícolas en España estaban baixo contratos para mellorar a xestión da auga en 2017 e que a área en risco de erosión do chan en 2012 en España situábase un 9,6% por encima da media da UE. A nivel rexional, a taxa de perda de chan é a máis alta no sur de España e menor no norte. A orientación que Europa está a darlle á nova Política Agraria Común (PAC), que se espera para o 2022, elevará os requisitos que terán que cumprir as explotacións. As ganderías terán que medir as súas emisións e comprometerse a reducilas, tanto de gases de efecto invernadoiro, caso do CO2 ou do metano, como doutros gases que afectan á saúde, como o amoníaco. O Ministerio está a traballar nunha ferramenta informática, Ecogan, que permitirá calcular as emisións de cada granxa e valoraranse nos pagos da PAC as medidas de mitigación que poderán adoptar as gandeirías.
A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de redución é unha das cuestións que se establecerán na próxima PAC
"A Comisión promoverá o obxectivo de cero contaminación por fluxos de nitróxeno e fósforo dos fertilizantes mediante a redución das perdas de nutrintes en polo menos un 50%, á vez que garante que non haxa deterioración na fertilidade do chan. Isto dará como resultado a redución do uso de fertilizantes en polo menos un 20%. Isto lograrase implementando e aplicando a lexislación ambiental e climática comunitaria na súa totalidade, identificando cos Estados membros as reducións de carga de nutrintes necesarias para lograr estes obxectivos, aplicando unha fertilización equilibrada e un manexo sostible de nutrintes, e administrando mellor o nitróxeno e o fósforo ao longo do seu ciclo de vida. Con esta fin, a Comisión traballará cos Estados membros para desenvolver un Plan de Acción de Manexo Integrado de Nutrintes en 2022", anuncia o Executivo comunitario no documento da Estratexia de Biodiversidade para 2030, a outra das patas fundamentais do Pacto Verde xunto á Estratexia Da granxa ao garfo. A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de redución é unha das cuestións que se establecerán na próxima PAC a través de ecoesquemas, uns pagos adicionais cos que se quere incentivar ao sector para implicarse na mitigación do cambio climático e na conservación da biodiversidade. Entre os compromisos de xestión ambiental que deberán cumprir as explotacións dentro da "condicionalidade reforzada" da futura PAC estarían o complimiento da Directiva de Nitratos e a Directiva Marco da Auga, o uso da Ferramenta de Sustentabilidade Agrícola para Nutrintes, que proporcionará servizos adicionais para o manexo sostible de cultivos (auga, pesticidas, micronutrintes) e o establecemento de faixas de amortiguación de 5 metros de ancho ao longo dos cursos fluviais, algo con gran incidencia en Galicia, dado o importante número de ríos e regatos existentes.
Ademais das faixas de protección sen abono de 5 metros en leitos fluviais, primarase que en certas zonas non se supere un máximo 13 kg de nitróxeno, 40 de fósforo e 40 de potasio por hectárea de terra de cultivo ao ano
A maiores, primarase a aplicación por parte das explotacións doutras medidas voluntarias, coñecidas como eco-esquemas, como a limitación da fuga de nutrintes mediante o establecemento dunha cuberta vexetal que evite o chan espido no inverno antes dos próximos cultivos de primavera ou a introdución de cambios nos sistemas de cultivos herbáceos cara a un enfoque máis eficiente no uso de insumos en certas áreas definidas en base á Directiva Marco da Auga, o que incluiría a limitación do uso de nutrintes a un máximo 13 kg de nitróxeno, 40 kg de fósforo e 40 kg de potasio por hectárea de terra de cultivo por ano e o uso reducido de pesticidas (un máximo 3 doses de produtos de protección de planta utilizados por hectárea durante unha tempada de cultivo). Aumento da carga gandeira por perda de superficie Bruxelas fai fincapé nos valores dos pastos permanentes tanto como reservorio de biodiversidade como sumidoiro para a captura de carbono, polo que fomentará este tipo de praderías na nova PAC 2021-2027, pero alerta de que en España, "o 30% dos pasteiros ten un estado de conservación desfavorable-inadecuado e só o 15% estaba nun estado favorable en 2012". Estas porcentaxes son valores medias para toda España, explicando que as áreas máis favorables atópanse no norte do país, mentres que a dehesa no suroeste de España indícase como máis desfavorable.
A Comisión Europea anuncia para o terceiro trimestre de 2021 a presentación dunha Iniciativa da UE sobre a captura de carbono en chans agrícolas
O número total de ganderías diminuíu entre 2005 e 2016 en España de aproximadamente 1.080.000 a 945.000. O tamaño medio das explotacións mantívose estable entre 24 e 25 hectáreas no mesmo período de tempo pero en conxunto a área agrícola total diminuíu nestes anos de 25,7 millóns de hectáreas en 2005 a 23,7 millóns de hectáreas en 2016.
En 10 anos perdéronse 2 millóns de hectáreas de superficie agraria pero a cifra de cabezas de gando mantívose estable en 14,5 millóns
Dado que "o número de unidades gandeiras mantívose bastante estable no tempo en España, en ao redor de 14,5 millóns de cabezas, a densidade de gando (calculada como o número total de unidades de gando por área agrícola total utilizada) aumentou de 0,56 en 2005 a 0,61 en 2016", indica a Comisión Europea.
A área agrícola de pastoreo extensivo representa no conxunto español un terzo do total da Superficie Agraria Útil aínda que o estado de conservación dos pastos permanentes é inadecuado, destaca Bruxelas
Entre tanto, a área agrícola de pastoreo extensivo (área de baixa produción gandeira por baixo de 1 cabeza por hectárea de área de forraxe) mantívose estable entre 2005 e 2013, ao redor do 33% do total da Superficie Agraria Útil. Árbores, sebes e peches verdes para lograr maior biodiversidade "Cos anos, a Política Agrícola Común (PAC) agudizou o seu enfoque no coidado do medio ambiente e o clima, con certo éxito. Entre outras cousas, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) do sector agrícola da UE diminuíron, os agricultores reduciron significativamente o uso de fertilizantes á vez que aumentan os rendementos e, nalgúns aspectos, a protección dos hábitats de vida silvestre mellorou", destaca Bruxelas, que con todo chama a atención sobre a diminución das especies de aves e polinizadores. O indicador de aves de terras agrícolas está deseñado como un barómetro de cambio para a biodiversidade das paisaxes agrícolas en Europa. O indicador é un índice composto que mide a taxa de cambio na abundancia relativa de especies de aves comúns en sitios seleccionados e os recontos de poboación levanse a cabo por unha rede de ornitólogos voluntarios. A lista de especies da UE cobre actualmente 39 especies que dependen das terras de cultivo para alimentarse e aniñar e non poden prosperar noutros hábitats. En España, este índice de aves de terras agrícolas diminuíu un 16%, pasando de 100 en 2000 a 84,2 en 2008.
Non se poderán arar os pastos permanentes en Rede Natura e haberá que manter un mínimo dun 5% da SAU con árbores ou estanques
Para frear esta deterioración, a futura PAC incide na conservación de hábitats e paisaxes de forma que a actividade agrícola e gandeira contribúa á protección da biodiversidade. Entre outras medidas, na condicionalidade post 2020 será necesario manter un mínimo dun 5% das terras agrícolas dedicadas a sebes, árbores en liña, peches verdes ou estanques (de forma opcional, primado con máis fondos, poderá incrementarse esta porcentaxe de SAU da explotación ata o 10%) e prohibirase cortar sebes e árbores durante a tempada de reprodución e cría de aves (de abril a xullo). Ademais, prohibirase converter ou arar todos os pasteiros permanentes existentes nos lugares declarados como Rede Natura 2000, algo que nunha rexión como Galicia tamén terá enorme incidencia, dada a alta porcentaxe de territorio incluído dentro da Directiva Hábitats.

O sector agrogandeiro español produce o 8% do total de emisións agrícolas da UE

Comparación da evolución dos gases de efecto invernadero en España e a media da UE O sector agrogandeiro español produce 39 millóns de xigatoneladas equivalentes de CO2 anuais, o 8% do total da UE. "As emisións totais de gases de efecto invernadoiro da agricultura (incluídas as emisións das terras de cultivo e os pasteiros) mantivéronse estables en España entre 1995-2016 mentres descendían un 12% no conxunto da EU-28, aínda que fluctuaron entre un máximo de 39,4 millóns de xigatoneladas equivalentes de CO2 en 2004 e un mínimo de 30,6 millóns de xigatoneladas en 2016 en España. Ademais, a participación da agricultura nas emisións netas totais españolas tivo altibaixos e desde 2004 é inferior á media da UE", destaca a Comisión Europea no documento de avaliación da situación por países previo á aprobación dos respectivos Plans Estratéxicos Nacionais da PAC 2021-2027. Na actualidade, o 12% dos gases de efecto invernadoiro que se producen no conxunto da UE proceden da agricultura e a gandería mentres a produción e o uso de enerxía no resto de sectores representa máis do 75% das emisións causantes do quecemento global na UE, onde o 40% do consumo enerxético corresponde aos edificios e onde o transporte representa outro 25% das emisións totais.
A gandería sería en España responsable do dobre de emisións que a agricultura, segundo os datos do Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro
Segundo un estudo recente elaborado pola consultora internacional Liken Carbon Hub e publicado pola Fundación Naturgy, en España a gandería sería a causante o 8% das emisións de gases de efecto invernadoiro, o dobre que as prácticas agrícolas, que equivalerían a outro 4% do total de gases causantes do quecemento global. O estudo recolle a evolución das emisións de gases de efecto invernadoiro desde 2005 ata 2018, extraídas fundamentalmente do Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro (INGEI), que engloba as actividades agrogandeiras dentro da apartado "Agricultura". As emisións agrupadas neste epígrafe engloban principalmente as seguintes actividades ou fontes xeradoras de emisións: As emisións procedentes da gandería: • Fermentación entérica: recolle as emisións de metano (CH4) xeradas nos procesos de fermentación entérica que ocorren no sistema dixestivo de certas especies animais. • Xestión do esterco: recolle as emisións de CH4 producidas polo esterco ata o seu destino final. O valor das emisións depende da cantidade de excreta e do seu tipo de xestión. As emisións procedentes das prácticas agrícolas: • Cultivo de arroz, esencialmente vinculadas á emisión de CH4, producida como consecuencia das especificidades do seu cultivo. • Chans agrícolas, que comprende todas as fontes de nitróxeno que se aplican ao chan e que son emisoras de óxido nitroso (N2O) por vía directa e indirecta (por deposición e lixiviación ou escurrimiento). • Queima de residuos agrícolas no campo. • Emenda calcaria: esta actividade contabiliza o dióxido de carbono (CO2) que se libera tras a aplicación de carbonatos de calcio e magnesio aos chans agrícolas para corrixir a acidez. • Aplicación de urea: esta categoría contabiliza o dióxido de carbono (CO2) que se libera trala aplicación de urea aos chans agrícolas. Só se considara a urea sintética, xa que o CO2 procedente de urea animal é bioxénico e non computa no Inventario Nacional. • Outros fertilizantes que conteñen carbono. No subsector da agricultura a principal actividade emisora está representada polos chans agrícolas (30% das emisións), que integra as fontes de nitróxeno que se aplican ao chan e que son emisoras de óxido nitroso (N2O) xa sexa por vía directa ou indirecta (por deposición ou lixiviación). No pediodo estudado, aumentaron porcentualmente as emisións consecuencia da fertilización química con produtos a base de urea e diminuíron as que proceden do encalado das terras, así como das queimas de restos ou residuos agrícolas.
A emisión de CH4 e N2O por hectárea de SAU en España está por baixo da media da UE
Procedentes da gandaría, as emisións de CH4 procedentes da fermentación entérica e da xestión de esterco constitúen, cunha achega de 44% e 22% das emisións, as dúas categorías con maior participación nas emisións totais. As emisións agrícolas reducíronse un 20% na UE "O cambio climático e a degradación do medio ambiente son unha ameaza existencial á que se enfrontan Europa e o resto do mundo. Para superar estes retos, Europa necesita unha nova estratexia de crecemento que transforme a Unión nunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, onde deixen de producirse emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050, o crecemento económico estea disociado do uso de recursos e non haxa persoas nin lugares que queden atrás", defende o organismo comunitario no documento da Estratexia Da granxa ao garfo, que xunto coa Estratexia sobre Biodiversidade, son as dúas pezas fundamentais do Pacto Verde Europeo.
O obxectivo do Pacto Verde Europeo é que a UE sexa climáticamente neutra en 2050
O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta para dotar á UE dunha economía sostible na próxima década, que inclúe accións en distintos ámbitos, tales como a industria, o transporte, a produción e eficiencia enerxética ou a agricultura e a gandería. "A UE é a única gran economía do mundo que estableceu unha lexislación que abarca todos os sectores da economía para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de conformidade co Acordo de París e o sector agrícola europeo é o único no mundo que reduciu as emisións (un 20% comparado con 1990, de 543,25 millóns de xigatoneladas de CO2 equivalente en 1990 a 438,99 millóns de xigatoneladas en 2017 segundo os datos de Eurostat)", indica a Comisión Europea destacando os logros e o historial da UE en materia de acción polo clima. "A crise do coronavirus puxo de relevo a importancia dun sistema alimentario sólido e resiliente que funcione en todas as circunstancias e sexa capaz de garantir aos cidadáns o acceso a unha subministración suficiente de alimentos a prezos alcanzables. Tamén nos fixo moi conscientes das interrelacións entre a nosa saúde, os ecosistemas, as cadeas de subministración, as pautas de consumo e os límites do planeta. É evidente que debemos facer moito máis para manter a saúde, tanto a nosa como a do planeta. A pandemia en curso non é máis que un exemplo. O aumento recorrente das secas, as inundacións, os incendios forestais e as novas pragas é un recordatorio constante de que o noso sistema alimentario está ameazado e debe ser máis sostible e resiliente", defiendeu a Comisión o pasado 20 de marzo na presentación da súa Estratexia Da granxa ao garfo.
A UE é líder mundial na loita contra o cambio climático e o sector agrícola europeo o único que reduciu as súas emisións, destaca a Comisión Europea
A Comisión Europea parece desta forma decidida a seguir reducindo as emisións contaminantes, non só na agricultura e a gandería, seguindo deste xeito un camiño xa iniciado timidamente desde os anos 90 e con máis ímpeto na última década, trala crise económica de 2008. Os datos corroborarían a modernización da economía comunitaria en base á redución de emisións e loita contra o cambio climático, pois no período 1990-2018 descenderon no conxunto da UE un 23% as emisións de gases de efecto invernadoiro mentres o PIB do conxunto da UE incrementouse un 61% neste mesmo tempo. Para facer efectivo o Pacto Verde Europeo, a Comisión prevé a aprobación dunha Lei do Clima Europea para transformar as promesas en obrigacións xurídicas vinculantes para todos os Estados membros da UE. Esta Lei do Clima converterá desta forma en lexislación obrigatoria para os distintos gobernos nacionais o obxectivo de neutralidade climática para 2050, con obxectivos a cumprir a partir de 2030, como son reducir a emisión de gases causantes do quecemento global entre un 50 e un 55% comparado cos niveis de 1990. Calendario para a aplicación do Pacto Verde Europeo O Pacto Verde Europeo, presentado pola Comisión Von der Leyen o 11 de decembro de 2019, establece unha ambiciosa folla de ruta cara a unha economía circular climaticamente neutra, na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos. Segundo a folla de ruta e o calendario previsto, presentado pola Comisión Europea o pasado mes de decembro para a posta en marcha das distintas accións do Pacto Verde Europeo, a aplicación da estratexia Da granxa ao garfo en coordinación coa reforma da PAC para o período 2021-2027 completaría no próximo ano o seu corpo lexislativo en materia de redución de antibióticos, pesticidas e fertilizantes químicos, segundo o seguinte cronograma: Ecoloxizando a PAC: Estratexia Da granxa ao garfo • Exame dos proxectos de plans estratéxicos nacionais, con referencia ás ambicións do Pacto Verde Europeo e á estratexia Da granxa á mesa: 2020-2021 • Estratexia Da granxa á mesa: primavera 2020 • Medidas, mesmo lexislativas, para reducir significativamente o uso e o risco de pesticidas químicos, así como o uso de fertilizantes e antibióticos: 2021 A estas medidas en materia de produción agrícola e gandeira únense outras en distintos sectores, entre as que se atoparían a nova Estratexia Forestal da UE, prevista para este ano 2020, así como medidas de apoio das cadeas de valor que non conleven deforestación, ou o Plan de Acción de Contaminación Cero para o aire, a auga e o chan, previsto para 2021.

A nova normativa para as granxas de porcino: valoración do sector en Galicia

Á marxe dos cambios que a crise do coronavirus está a deixar no funcionamento das granxas, o sector porcino adáptase nestes meses tamén ás modificacións que trouxo a actualización da normativa sobre a ordenación de granxas de porcino, aprobada a comezos de febreiro. A revisión incide en medidas coas que conseguir unha redución do impacto ambiental, incrementar a bioseguridade ou o benestar dos animais. A crise do coronavirus, ademais de mudar as rutinas de traballo para extremar as medidas de seguridade para os traballadores fronte ó Covid-19, tamén demorou a aplicación da nova normativa. “Aínda que está aprobada dende comezos de ano e ten cambios significativos, agora mesmo estáselle prestando máis atención ó tema sanitario polo coronavirus e está todo bastante parado”, explica José Antonio Vidal, presidente da Federación Galega de Porcino (Fegapor).
A crise do coronavirus demorou a aplicación dos cambios que introduce a nova normativa
A opinión compártena outros profesionais do sector que aínda non viron que os cambios que introduce a normativa comezaran a estar presentes no día a día. “Polo momento non se viron cambios nas granxas, en parte pola crise do coronavirus e tamén debido a que moitas das medidas non serán obrigatorias ata o 2022”, indica Beatriz Toimil, veterinaria da Agrupación de Defensa Sanitaria de Porcino (ADS) Deza (Pontevedra). Mesmo hai certa preocupación dende a Federación Galega de Porcino porque a crise do coronavirus faga descoidar outras ameazas que afectan directamente ó sector, como a peste porcina africana. “Preocúpame que o coronavirus eclipse outros problemas, se baixe a defensa e poidan pagalo os nosos animais”, reflexiona Vidal.

Reducir as emisións na granxa

Os cambios máis significativos que introduce a nova normativa teñen que ver co impacto ambiental que xeran as granxas e céntranse en conseguir unha redución das emisións de gases contaminantes, en particular do amoníaco, así como dos gases de efecto invernadoiro. Agárdase que coas medidas se consiga unha redución das emisións de cerca do 21% a partir do 2023. Este foi tamén un dos aspectos que máis controversia xerou entre os produtores. “No seu momento xa se presentaron alegacións tanto dende asociacións como dende a Federación, agora que o decreto está aprobado o único que queda é adaptarse e tentar cumprilo coa maior rigorosidade”, indica Vidal.
Prevén que a instalación e a cobertura das fosas de xurro e de esterco sexa un dos cambios que provoque maiores gastos nas granxas
Dende a Federación apuntan que adaptarse ós novos requirimentos que estipula a normativa en materia ambiental suporá un desembolso económico importante para os gandeiros, aínda que polo momento non contan cunha estimación do que pode supor. “O único que temos claro é que cando os inspectores cheguen ás granxas, inicien un expediente e dean un prazo de 3 meses para realizalo, entón poderemos ver o custo real que vai supor, porque non será o mesmo para as granxas novas que para aquelas que xa teñen 25 anos”, valora o presidente da federación galega. Consideran que a instalación e cobertura das fosas do xurro e de esterco será un dos aspectos que vai supor maiores gastos para os produtores. Ademais, a obrigatoriedade de baleirar as fosas máis regularmente provocará unha maior necesidade de terra na que botar os xurros. Neste senso, Vidal critica a falta de apoio por parte da Administración para buscar solucións para os xurros. “Non hai un compromiso serio das Administracións para darlle saída ós xurros como poden ser as plantas de tratamentos, similares ás de destrución de cadáveres”, reclama. No sector tamén hai produtores que estiman que a nova normativa apenas suporá cambios. “En materia ambiental a norma autonómica xa estaba obrigando a levar a cabo accións como as que recolle agora o decreto, pode que noutras comunidades o noten máis, pero en Galicia xa estabamos traballando nesa liña”, apuntan.

Benestar animal

A mellora do benestar animal é outro dos piares do novo marco legal e un dos aspectos onde as granxas galegas xa levan anos traballando. É o caso, por exemplo, de firmas como Nudesa, situada en Silleda (Pontevedra), e con granxas tanto de cebo como de nais repartidas por toda Galicia. “Nós xa levamos anos traballando en melloras en materia de benestar animal en tódalas nosas granxas”, explican dende a directiva de Nudesa. Así é que a empresa leva recibindo o premio Porc d’or durante os dous últimos anos polas melloras que está introducindo na cría dos seus animais. Unha opinión semellante teñen dende Fegapor. “En materia de benestar animal, as granxas galegas están bastante adaptadas, é cuestión de suplementar as medidas coas que xa estamos traballando”, apunta Vidal. Un dos aspectos que pode representar maiores esforzos para os produtores é a solta das porcas na fase de parto. A firma Nudesa ensaia sistemas que permitan maior liberdade ós bacoriños e ás porcas sen riscos. Tamén a eliminación do raboteo, o corte do rabo dos porcos para evitar a caudofaxia, as lesións por mordeduras entre os animais, é outro dos puntos que pode ocasionar maiores dificultades para as granxas. A nova normativa incide, ó igual que a norma autonómica, en evitar o raboteo e só se pode optar por el cando o resto de medidas que se poidan implantar na granxa non estean a resultar eficaces e se produzan lesións. “O raboteo en moitas ganderías é inevitable e demostralo vai ocasionar máis gastos e perdas ós produtores, posto que hoxe xa nin nos matadoiros se admiten animais que sufriran mordeduras de pequenos”, explica Vidal.
“O raboteo en moitas ganderías é inevitable e demostralo vai ocasionar máis gastos e perdas ós produtores": José Antonio Vidal, presidente Fegapor
Prevese que os gandeiros, no caso de ter que optar polo raboteo para evitar lesións, teñan que presentar documentación que o acredite. “Atallar a caudofaxia nas granxas non é unha solución doada, non abonda con separar os porcos que comezan a morderse e pode provocar perdas importantes”, sinala. Nalgunhas granxas, como as de Nudesa, levan tempo traballando nesta liña para conseguir criar os animais sen ter que optar polo raboteo. “Xa non solo as granxas de cebo, senón nas de nais tamén estamos conseguindo evitar o raboteo”, detallan dende a firma, que leva anos probando diferentes estratexias para mellorar o benestar dos animais nas súas instalacións.

Veterinario de granxa

Outro dos cambios que introduce a nova normativa estatal é a figura do veterinario de granxa, que será o responsable de asesorar sobre aspectos relacionados coa sanidade e o benestar dos animais. “Todo parece indicar que este veterinario vai ter que asumir máis responsabilidades en cuestións das que, ata o momento, non se encargaban estes profesionais”, indica a veterinaria da ADS, Beatriz Toimil. Ademais, tamén se habilitará un rexistro, o chamado Sistema Integral de Xestión de Gando de Porcino, que conterá datos detallados da xestión da granxa e que deberá actualizarse cada 5 anos. A efectos prácticos, dende as granxas estiman que o veterinario de granxa tampouco traerá cambios significativos no día a día das súas ganderías, posto que xa traballaban cun profesional ou un equipo encargado do asesoramento en temas sanitarios dos animais.
"A maioría das ganderías xa contaba con medidas de bioseguridade": Beatriz Toimil, veterinaria da ADS
A norma tamén incide en incrementar as medidas de bioseguridade nas instalacións para reducir os riscos sanitarios, un campo no que as granxas galegas tamén implementaron nos últimos tempos. “Podía haber algunha granxa que aínda non contara cun peche perimetral axeitado, pero a inmensa maioría xa dispón destas medidas de bioseguridade dende hai anos”, explica a veterinaria. Ó igual que nas medidas de bioseguridade, a redución do uso de antibióticos tamén foi un dos cambios máis significativos que se levaron a cabo nos últimos tempos nas granxas de porcino en intensivo e sobre o que a nova norma segue a incidir, ó esixirlle ás ganderías un Plan de uso racional de antibióticos. “A redución dos antibióticos nos pensos foi moi importante e cada vez trabállase máis na prevención, con aportes de alimentos probióticos ou prebióticos cos que os animais estean máis sans e evitar ter que tratalos con antibióticos”, refire Toimil.

Os condicionantes ambientais que se aveciñan nas ganderías

A gandería verase afectada nos próximos anos por unha serie de restriccións ambientais que se están comezando a perfilar. A cuestión de fondo é que a Comisión Europea embarcouse nun ambicioso plan para reducir tanto as emisións de efecto invernadoiro como as de gases que afectan á saúde humana, caso do amoniaco ou o óxido nítrico. Son dúas cuestións que impactarán de cheo na gandería. O borrador do plan estatal 2019-2022 para o control da contaminación atmosférica prevé unha serie de restriccións ambientais na gandería, unha cuestión que preocupa moito ó sector. A inquietude polos condicionantes ambientais que se aveciñan púxose de manifesto nunha xornada sobre o sector lácteo organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), na que o director xerente de Agaca, Higinio Mougán, enumerou algunhas cuestións previstas, como a prohibición da aplicación de xurros en abanico, cambios nas naves gandeiras e nas foxas de xurro, a limitación da fertilización con urea ou a modificación da dieta das vacas para reducir a inxesta de proteína.
O Goberno está desenvolvendo normativas sectoriais en porcino e avicultura e prevé tamén unha regulación específica para o bovino
Para o director de Agaca, que botou en falta unha clase política máis comprometida co agro, é preciso que alomenos tódolos condicionantes que se aveciñan sexan consensuados co sector, de xeito que se poidan aplicar de xeito gradual e co menor impacto posible sobre as ganderías. O que sucedeu hai dous anos coa normativa que nun principio prohibiu de súpeto as aplicacións de xurro en prato ou canón é para Higinio Mougán un exemplo do que non debe volver a pasar. Medidas sen lóxica non abordadas previamente co sector. En Galicia, existe tamén un malestar claro pola proposta gubernamental de penalizar a gandería de vacún no plan de reducción de emisións, en tanto ó porcino, principal actividade emisora de amoniaco en España, permitiríaselle seguir medrando en emisións. O director de Agaca, Higinio Mougán, na xornada sobre o sector lácteo. O borrador do plan nacional de control da contaminación atmosférica 2019-2022, que estivo recentemente a exposición, márcase o obxectivo de reducir as emisións de amoniaco na gandería nun 22% no 2025 e nun 45% no 2030. Para elo, prevense as seguintes limitacións para a gandería:

Establecemento de plans de abonado e fertilización

Os plans de abonado por explotación serán obrigatorios no agro a partir dunha determinada superficie, que se definirá en función do tipo de cultivo. Ese plan calculará as necesidades totais de nitróxeno e limitará a parte que se poderá aportar en forma de nitróxeno ureico, pois este ten maiores perdas de amoniaco á atmósfera. No caderno de explotación xa habilitado para rexistrar as aplicacións de fitosanitarios, está previsto que os produtores teñan que consignar tamén as aplicacións que fan de fertilizantes e xurros.

Limitación do uso de urea

O etiquetado dos fertilizantes obriga a declarar e garantir os contidos en nitróxeno nas súas distintas formas (ureica, amoniacal e nítrica). Restrinxirase a aplicación de nitróxeno en forma de urea, tanto en solucións nitroxenadas coma en compostos NPK. Prevese tamén un impulso a boas prácticas, como a aplicación dunha rega inmediata tras a distribución de fertilizantes químicos, o que contribúe a incorporación do nitróxeno ó solo. Espérase ademais que aumente o uso nos fertilizantes de tecnoloxías coma inhibidores da ureasa ou recubrimentos.

Prohibición de aplicar en abanico puríns, abonos orgánicos con humidade superior ó 40% e lodos

O escenario debuxado para o futuro é que no 2030 un 80% dos puríns se estean repartindo cun sistema de tubos colgantes ata o solo, quedando no mínimo a distribución habitual hoxe en día, cun sistema de abanico. De xeito complementario, o plan aspira a que un 80% dos puríns sexan enterrados antes de 24 horas, a fin de reducir as emisións de gases á atmósfera.

Reducción da proteína na ración dos animais

Fomentarase unha alimentación que limite a proteína bruta en función das necesidades dos animais, pois por exemplo, en vacún de leite, non son iguais as necesidades proteícas dunha vaca na primeira fase da lactación que na súa última fase ou nunha vaca seca. A menor proteína, menos inxesta de nitróxeno e menores emisións de amoniaco nas dexeccións gandeiras. O obxectivo da Administración é fixar unhas pautas de alimentación nas normas sectoriais que se están desenvolvendo na actualidade para porcino e avicultura, así como na normativa de ordenación que se prevé desenvolver para as ganderías bovinas. Esa normativa, a parte de cuestións ambientais, abordará cuestións de benestar animal e bioseguridade, entre outras.

Manexo dos estercos nas ganderías

Nas instalacións de gando porcino e bovino, deberase retirar o esterco das instalacións alomenos dúas veces á semana, o que reducirá as emisións de metano e amoniaco.

Cambios nas instalacións do gando e nas foxas de xurros

O plan de control da contaminación atmosférica prevé que se establezan medidas que contribúan a reducir as emisións tanto nas naves gandeiras e foxas de xurro existentes, como nas de nova creación. Estas últimas terán que cumprir con novos condicionantes, unha vez que se aproben as correspondentes normativas. A normativa europea xa enumera unha serie de técnicas que contribúen a reducir as emisións, pero está por ver que obrigas se fixan na regulación estatal. Cuestións como a cobertura das foxas de purín ou a reducción do vento na súa superficie por medio de barreiras naturais coma árbores son algunhas das posibilidades para limitar emisións. Xornada sobre o sector lácteo desenvolvida onte por Agaca en Santiago.

Proban unha nova empacadora de biomasa forestal coa que reducir os custos silvícolas

O grupo de traballo e innovación Biofore celebra o próximo luns, día 22 de abril, unha xornada formativa en Pazos de Borbén (Pontevedra) sobre un proxecto co que reducir os custos dos tratamentos silvícolas a partir dun maior aproveitamento da biomasa residual. O grupo procura avaliar o rendible que resulta o emprego dunha empacadora de biomasa forestal “fixteri”, desenvolvida por unha empresa finlandesa, fronte á maquinaria forestal que se está a empregar na actualidade. O proxecto estudará os tempos e rendementos de traballo que permite esta empacadora para comprobar se resulta útil para as características dos montes galegos. Por iso, realizarán probas en montes dos municipios de Zas e Pazos de Borbén. Na presentación do proxecto participarán representantes dos distintos organismos que integran o grupo de traballo. Así, asistirán Érika Martínez Carreira, socia e directora de proxectos en Letme Soluciones e coordinadora do Grupo de Innovación Biofore; Juan Castro Ínsua, doutor enxeñeiro no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; Bárbara Álvarez Bezadío, do departamento técnico de Ecocelta Galicia; Jesús Martínez Ben, xerente de Sistemas de Desarrollo Integral del Territorio; e Luís Ortiz Torres, catedrático da Universidade de Vigo. Ademais, na sesión levarase a cabo unha demostración práctica da unidade empacadora de biomasa forestal. Esta máquina funciona sobre un autocargador e deixa o produto no chan embalado en film de plástico biodegradable.

Usos da biomasa residual

Por outra parte, o proxecto tamén procura atopar usos potenciais para esta biomasa forestal residual que contribúan a reducir os custos que implica a silvicultura. Na actualidade, como apuntan dende Biofore, a maior parte desta biomasa residual non madeireira remata sendo queimada de xeito controlado ou queda no monte nas zonas de actuación, sen facer un uso eficiente da mesma, pese a que é un recurso cun gran potencial. Un dos usos que se contemplan para o emprego da biomasa residual céntrase no seu aproveitamento como unha fonte de enerxía, un tipo de aproveitamento que suscita gran interese ó presentarse como unha alternativa fronte a outras enerxías máis contaminantes. De feito, un estudo recente desenvolvido en Galicia e no norte de Portugal xa constatara que o mato e os restos de poda de kiwi e viñedo poden empregarse como biocombustibles. Doutra banda, tamén se baralla o aproveitamento dos restos de madeira e mato para usos tanto agrícolas como gandeiros. No proxecto estúdase o emprego da biomasa como fertilizante natural, ben de forma individual ou con adición doutros restos orgánicos como poden ser algas ou froitas. No proxecto estudarase o uso da biomasa para as camas das vacas. Xunto co seu uso a modo de abono, o proxecto tamén propón analizar se a biomasa resulta unha alternativa viable para empregar como cama para as vacas e se pode contribuír a reducir as emisións de amoníaco á atmosfera e a fixar carbono ó solo. O grupo de traballo probará ademais a eficiencia da biomasa como filtro biolóxico para os xurros de porco mediante varios módulos constituídos por filtros biolóxicos para obter un efluente depurado. A xornada celebrarase no Centro Cultural de Pazos de Borbén en horario de 10.00 a 13.00 horas e a demostración levarase a cabo no monte Ermida, situado no municipio. Para participar na visita de campo é preciso reservar praza enviando un email a resina@letme.es ou chamando ó teléfono 680 208 320.

Como reduce as emisións de amoníaco unha granxa de Holanda?

Rudie Freriks é un gandeiro holandés que conseguiu reducir as emisións de amoníaco da súa granxa de vacún de leite nos últimos catro anos a base de aplicar medidas específicas nos procedementos que levaba a cabo. Con estas actuacións conseguiu que a súa granxa fose máis eficaz sen necesidade dunha gran inversión, como recoñece. No 2011, cando decidiu participar nun proxecto, asesorado pola Universidade de Wageningen, para reducir as emisións de amoníaco, Rudie tiña na súa explotación 80 vacas e 35 animais de recría e dispoñía dunhas 37 hectáreas de terra ( 32,5 ha de herba e 4,9 ha de millo). A súa produción de leite daquelas situábase nos 720.000 quilos de leite ó ano. Situada en Luttenberg, unha pequena aldea na provincia de Overijssel, ó leste dos Países Baixos, o futuro da granxa de Rudie estaba condicionado polas emisións de amoníaco, xa que a lexislación holandesa puxo especial interese na preservación dos espazos naturais protexidos baixo a Rede 2000. “Se reducía con medidas de control as emisións de amoníaco non tería que investir na miña granxa”, xustifica o gandeiro. Pero máis alá da redución das emisións, outro dos obxectivos de Rudie era que a súa granxa seguise a ser rendible.

Onde se producen as emisións de amoníaco na granxa?

“Se queres controlar as emisións de amoníaco, o primeiro é coñecer de onde proceden na túa explotación, e eu gastei tempo niso”, explica o gandeiro. As principais fontes onde se concentra o amoníaco son na granxa e nos xurros. Pero tamén nos campos e na produción das súas forraxes.
Na granxa producíanse unhas emisións de amoníaco de 3,93 quilos por tonelada de leite
Dado que a súa intención non pasaba por reformas nas instalacións e xa empregaba un equipo de baixas emisións para inxectar os xurros, procurou unha estratexia para reducir o amoníaco nos seus campos. Fontes onde se localiza o amoníaco na explotación.   As emisións totais da granxa no comezo do programa eran de 2.891 quilos ou de 3,93 kg por tonelada de leite. Unha vez que se coñece as emisións de amoníaco que se producen na granxa, o gandeiro comeza a traballar nunha redución potencial das emisións. Inicialmente estipula unha redución do 12% das emisións, aínda que o seu obxectivo era lograr conseguir un 20% menos de emisións de amoníaco. Para conseguir esta redución das emisións, Rudie incidiu en controlar catro factores na súa granxa: -Incrementar a idade das súas vacas de leite en medio ano. Para iso reduciu o número da recría, pasando de 7 a 5 por cada 10 vacas en muxido. Tamén procurou facer que as súas vacas de leite fosen máis eficientes. Con isto pretendía reducir un 5% as emisións. -Controlar o aporte de enerxía e proteína na ración. A clave estaba en conseguir máis enerxía coa mesma proteína para que a ración fose máis eficiente o que se traduciría nun 5% menos de emisións de amoníaco. -Reducir a proteína da ración da recría que suporía o 2% menos de emisións. -Ademais, na súa primeira estimación, o gandeiro procuraba mellorar a produtividade das súas pradeiras, aínda que probablemente non tivese efectos adicionais. Rudie contemplaba esta mellora, xa que o ano anterior fora especialmente malo para a recollida de forraxes posto que só recollera 7 toneladas de herba seca por hectárea logo dunha primavera e dun verán moi húmidos. O gandeiro marcaba este obxectivo tamén para garantir a viabilidade da súa explotación.

A urea, un indicador sensible ás emisións de amoníaco

Á hora de levar á práctica estes obxectivos de redución do amoníaco, Rudie detectou que precisaban contar con algún indicador diario no que ir vendo como se traducían na explotación os cambios que se ían facendo, sen ter que agardar un ano para comparar os datos. “Logo de tanto tempo xa non sabes o que fixeches e o que puido ser positivo ou negativo”, apunta. Por iso, a pesar de que contaba xa con programas cos que recoller diversos datos da súa explotación, a urea, a proteína que a vaca non utiliza para o seu mantemento e que se descompón en amoníaco, resultaba un bo indicador dos cambios, sobre todo, daqueles introducidos na ración. Así, controlando a urea podía valorar tanto os cambios da ración na saúde da vaca e ver se estaba sendo efectiva ó tempo que lle permitía valorar as reducións de amoníaco que se producían. Recompilación dos datos de produción de leite, graxa, proteína, urea e amoníaco na granxa. A analítica dos seus resultados permitiulle ó gandeiro establecer que, se os valores de urea se atopaban entre 15 e 20 o resto dos valores, como a produción de leite e as calidades da mesma, tamén se mantiñan estables. Porén, nalgúns períodos nos que o amoníaco se reduciu ata valores de 11 e 10 as súas vacas deixaron de producir tanto leite e o nivel de proteína tamén diminuíu.

Medidas a aplicar para reducilas emisións

Ao longo destes catro anos algunhas das medidas que Rudie levou a cabo na súa granxa para reducir o amoníaco foron evoluindo. No primeiro ano, os cambios centráronse en: - Mellorar a eficiencia da alimentación da recría centrándose en aportar a proteína precisa para que non se malgastase -ao ser excretada polas feces e polos ouriños- e se incrementase a taxa de amoníaco. - Incrementar a produción de herba, xa dende o primeiro corte. - Cambiou a composición da ración, reducindo a porcentaxe de proteína e mellorando a súa dixestibilidade. - Tamén adecuou a alimentación das vacas secas, centrada en palla e en concentrado. Xa nos seguintes dous anos, o gandeiro continuou a facer modificacións que afectaron sobre todo á ración: -Optou por empregar un plan de fertilización. Aínda que xa planificaba os seus abonados, este plan permitiulle organizalos en base ás estacións e conseguindo en cada época que se traducise en conseguir unha redución do amoníaco. -Reduciu a fertilización na primavera para conseguir reducir tamén a proteína bruta que estaba a incrementar os valores de amoníaco, ó producirse un exceso de proteína da herba primavera na dieta das súas vacas. -Na ración, concentrouse en controlar a proteína bruta para que non houbese picos de urea. -Comezou a limitar menos o pastoreo das súas vacas. Estes cambios tamén lle permitiron incrementar o número de vacas en muxido, pasando a 96, dez máis ca ó principio do programa e incrementar a súa produción. Mentres os cambios na ración non afectaron nin á graxa nin á proteína, as emisións de amoníaco reducíronse. -Tamén apostou por mellorar a eficiencia da súa gandería mellorando a fertilidade e reducindo a porcentaxe de recría.

Os efectos da redución na explotación

Logo da recompilación de datos e poñer en práctica as distintas medidas para a redución do amoníaco, Rudie tamén avaliou os custos que o programa e as accións levadas a cabo tiveran na súa explotación para valorar cales son as máis efectivas e rendibles. Na seguinte gráfica detállase o custo de cada unha delas e a eficiencia no aforro de emisións de amoníaco. Gastos e ingresos que conlevaron as medidas para reducir as emisións de amoníaco. Reducir as emisións nas instalacións é unha das actuacións coa que se consegue maior efecto sobre o amoníaco, aínda que tamén supón un importante investimento e foi unha das que Rudie descartou dende un principio. Porén, as accións desenvolvidas na súa explotación convertéronse non só nun xeito de reducir as emisións senón, nalgúns casos, tamén foi o modo de aumentar os ingresos. É o caso, por exemplo, da redución da recría, unha medida coa que sumou beneficios e restou emisións. Outra das medidas que máis beneficios deixaron foi o incremento do tempo de pastoreo.