Archives

Gandería Pose SC: Un exemplo de mellora da calidade de vida e dos rendementos grazas á robótica

No lugar de Campelo, na parte alta do concello coruñés de Coristanco, sitúase unha das últimas ganderías de vacún de leite da zona: Gandería Pose SC, un referente na comarca en aposta pola robotización para suplir a falta de man de obra no sector e para gañar en calidade de vida. Esta gandería familiar está formada por Adolfo Porteiro Pose e a súa dona Dolores Rial Souto, e polos seus dous fillos, Daniel Porteiro Rial, incorporado no ano 2006, e a súa irmá, Cristina, que decidiu incorporarse tamén á SAT familiar no 2017. Como moitas outras ganderías de Galicia, a evolución desta granxa foi meteórica, pasando en apenas 30 anos dunha explotación de subsistencia a unha empresa moderna que incorpora a última tecnoloxía, e todo iso investindo capital propio, sen préstamos nin axudas. “Os meus avós paternos nos anos 70 xa tiñan eles 2 ou 3 vacas e vendían algún leite que levaban en bidóns a tres quilómetros para que llos recollese o leiteiro. No 84 casaron os meus pais e colleron eles a explotación con 6 vacas e unha cuadra de amarre en praza fixa, con capacidade para 16 vacas. Foron aumentando pouco a pouco, sempre investindo do diñeiro aforrado e procurando facer nós as obras para aforrar custos. E no 1995 fixemos o primeiro establo libre para 40 vacas, que mantiñamos en pastoreo, aínda que seguiamos muxindo en circuito”, explica Daniel. Esa era a explotación cando se incorporou no 2006 e que de xeito incansable continuaron mellorando nos seguintes anos: no 2008 dobraron o establo, facendo unha ampliación con estrutura metálica para outras 40 prazas e no 2009 mercaron o carro mesturador propio e abandonaron o pastoreo. De novo no 2011 volveron ampliar o establo en 30 plazas e aumentaron a fosa de xurro a unha capacidade de 1,2 millóns de litros. No 2017 construíron unha nova ampliación para as xovencas e a recría e no 2019 incorporaron 2 robots de muxido Lely Astronaut.

“Fixemos todo sen axudas, só recibimos unha para a compra dos robots de muxido”

“Todas as obras -destaca Daniel- intentamos facelas nós e con aforro propio, coa axuda de veciños para os traballos máis duros e recorrendo a profesionais cando era necesario. Non pedimos plans de mellora porque obríganche a pasar polo banco e a facer as obras todas xuntas, non están ben adaptados á realidade das granxas familiares en Galicia. A única axuda que solicitamos, e que nos concederon, foi o plan de mellora para a compra dos 2 robots de muxido. E a miña axuda de incorporación, uns 20.000 euros, investímola daquela en comprar cota, que visto co tempo foi un erro”. A día de hoxe Gandería Pose SC conta con 230 cabezas de gando, das que 120 son vacas en muxido, e o resto vacas secas e recría. A base territorial está formada por unhas 85 hectáreas, das que 25 son en propiedade, e o resto cedidas polos veciños, xa que nesta aldea foron pechando sen relevo todas as ganderías de vacún. Sementan unhas 40 hectáreas a millo, 34 a pradeira permanente de raigrás inglés e 11 hectáreas de pradeiras naturais en zonas de braña, onde só recollen un corte de herba seca no verán.

“Empregando nabos ou chícharos como abono verde mellora bastante o rendemento do millo”

Como teñen base territorial abonda non rotan as fincas a millo cunha pradeira de inverno, pero si sementan un abono verde para manter a fertilidade do solo “Notábamos que se non se botaba nada despois de ensilar o millo, no inverno lavábaas moito a auga da choiva, sobre todo nas costentas. Dende hai catro anos sementamos como abono verde nabos e chícharos, aínda que estes últimos non van tan ben nas zonas húmidas. O resultado é moi positivo: mellora a estrutra do solo, o millo arranca mellor e non lle afecta tanto a seca”, destaca Daniel. A sementeira é fácil e barata: despois de ensilar o millo botan xurro e a continuación pasan unha grade rotativa con sementadora automática. E ata o mes de abril, cando os trituran para incorporalos á terra, non volven tocarlle á finca. A calidade das forraxe é unha das preocupacións en Gandería Pose SC: no corte de herba do pasado mes de marzo logaron un 18,9% de proteína bruta e no millo sitúanse na media, cun 33% de almidón e un 32% de materia seca. En canto aos ciclos adáptanos á situación das fincas: nas situadas na baixa, sementan un 400 pero nas situadas arredor da granxa non suben dun ciclo 280 pois atópanse nunha zona fresca a 490 metros sobre o nivel do mar. Durante o ensilado coidan moito o pisado para garantir unha boa compactación, así como o picado, que o ano pasado realizaron co novo sistema “Shredlage®” , “cun resultado positivo, xa que se ven graos de millo enteiros”. Debido a que están afastados doutras ganderías, agás o ensilado das forraxes, todo o resto de traballos realízano eles, para o que contan cun parque de maquinaria composto por 3 tractores, un carro autopropulsado e unha telescópica de segunda man -”son as dúas máquinas que máis traballan da explotación”- e todos os apeiros necesarios para as labores agrícolas.

Incorporación dos robots de muxido “por necesidade”

En Gandería Pose SC a incorporación dos dous robots de muxido no 2019 foi unha necesidade motivada pola falta de man de obra. “A próxima xubilación dos meus pais e a dificultade de encontrar xente que queira vir traballar ás granxas para facer o muxido foi o que nos empuxou a comprar os robots. Estes últimos anos xa estábamos apurados muxindo 130 vacas, pois tiñamos unha sala de 8 puntos e levábanos dúas horas e media pola mañá e case tres horas pola tarde. Contemplamos a alternativa de instalar unha nova sala, pero a dificultade de man de obra fixo que a desbotásemos, mentres que cos robots eu e a miña irmá podemos atender perfectamente a granxa”, razoa Daniel. Os cambios que notaron coa incorporación dos dous Lely Astronaut foron fundamentalmente un incremento da produción: están nunha media diaria de 43,6 kilos por vaca con 3,1 muxidos e un reconto de células somáticas por debaixo de 200.000. As calidades son dun promedio de 3,55% de graxa e 3,29 de proteína, que recoñecen que son baixas pero que compensan co incremento dos litros producidos. Dende hai tres anos véndenllle a CAPSA os arredor de 1,5 millóns de litros anuais que producen.

Ración dos animais

Para lograr esas produccións as vacas en lactación reciben unha ración composta por 27 kg de silo de millo, 17 kg de silo de herba e 7 de penso, aos que hai que sumar o punteo do robot, uns 6,5 kilos de concentrado de media. Pola súa parte, as vacas secas reciben unha ración de 5 kg de palla, 10 silo de millo e 2 kg de concentrado.
“Dende que vacinamos contra a BVD e Cryptosporidium é raro que nos morra unha becerra”
A recría fana tamén nas propia granxa, prestando especial atención aos protocolos de vacinación para reducir a incidencia de enfermidades. Os primeiros 10 días de vida os becerros están en boxes individuais e reciben o leite en caldeiros. A continuación, e ata os 80 días, pasan a un curral compartido no que son alimentados con leite pola amamantadora, unha Lely Calm, coa que están moi satisfeitos. Ademais do leite, reciben penso e herba seca. Unha vez destetadas, as becerras están ata os 8 meses coa ración das vacas en produción e dende esa idade e ata que pairen con 24 meses reciben unha ración máis proteica con silo de herba, herba seca e penso. A baixa tasa de mortalidade e de morbilidade desta explotación atribúena en parte ás rutinas de vacinación: todas as vacas son vacinadas contra a BVD e os xatos cando nacen reciben unha vacina contra o Cryptosporidium . “Dende que vacinamos é raro que nos morra unha becerra”, precisa Daniel.

“Inseminando con Angus as vacas pairen sen complicacións e os xatos páganse ben”

No tocante á xenética, en Gandería Pose SC priman sobre todo a funcionalidade sobre o tipo. “Traballamos tanto con touros probados como con xenómicos, e buscamos sobre todo boas patas e bos ubres, porque queremos unha vaca funcional que dea poucos problemas”, aseguran. O seu plan é inseminar todas as xovencas con seme sexado e todas as vacas adultas con seme convencional de razas cárnicas. Neste momento, unha parte da recría xa a inseminan con seme sexado e o 50% das adultas con Angus, “unha raza que eliximos porque as vacas pairen pronto, sen complicacións, e os becerros teñen moi boa saúde e páganse ben, como un cruce con Limousin”.
“Ata agora preocupámonos de medrar, agora queremos mellorar a rendibilidade do que temos”
Como aspectos a mellorar na granxa sitúan sobre todo a eficiencia: “Ata agora preocupámonos de medrar, agora queremos mellorar a rendibilidade do que temos, e para iso queremos empezar a facer xestión de costes e aumentar a eficiencia dos animais para que produzan o máximo ao mínimo coste posible”, destacan. En canto ás obras, e agardan que sexan as últimas por uns cuantos anos, queren a curto prazo dobrar a capacidade da fosa de xurro e cubrila, así como conStruír dous nosos silos en trincheira, que se sumarán aos tres que xa teñen.

O gandeiro responde: “É fundamental producir forraxes de calidade a baixo custo e adaptar as vacas ás hectáreas que teñas”

Sénteste valorado na túa profesión por parte da sociedade? Sigo sentíndome pouco valorado porque o gandeiro é o último chanzo da cadea alimentaria. Sen embargo, hoxe a gandería de leite é unha actividade profesional na que tes que funcionar como unha empresa e saber de moitas cousas: veterinaria, agricultura, mecánica, xestión...etc. No meu caso estou moi satisfeito co meu traballo porque desde pequeno era o que me gustaba: ía á escola por forza e o meu ao chegar de volta á casa era andar coas vacas e cos tractores, polo que tan pronto puiden abandonei os estudios e incorporeime. Axudoume moito que son unha persoa inquieta e que me gusta buscar información, pero sen embargo, hoxe recoñezo que a formación é clave, sobre todo cando tes a oportunidade de visitar ou facer prácticas noutras explotacións. Cales son as claves da rendibilidade nunha gandería de vacún de leite? Paréceme que a clave é producir forraxes de calidade a baixo custo e adaptar as vacas ás hectáreas que teñas, porque non vexo normal muxir 300 vacas, tendo só 50 hectáreas de terreo e ter que comprar alfalfa, palla, e alimento de fóra. A clave é optimizar o terreo que tes.

As vantaxes da amamantadora Lely

Gandaría Pose é unha granxa de vacún de leite de Coristanco con 130 vacas en muxido. Desde fai uns dous anos empregan para a recría unha amamantadora LELY, o que lles supuxo importantes vantaxes no día a día. Cóntannos neste vídeo como é a súa experiencia:

Puntos críticos de control nas amamantadoras

As amamantadoras están cada vez máis presentes nas gandarías de vacún de leite co obxectivo de mellorar o crecemento e benestar das tenreiras e aumentar a eficiencia da man de obra durante a fase lactante. Estes sistemas de alimentación automatizada permítennos alimentar as xatas con maiores cantidades de leite, xa que poden beber con maior frecuencia dunha forma máis natural. Nas amamantadoras pódese controlar a cantidade de leite diario a administrar, o volume das tomas, a frecuencia de administración, e coñecer os consumos por tenreira de maneira individualizada, o que permite identificar as becerras de menor consumo. Ademais, pódense realizar destetes máis progresivo o que favorece unha mellor transición de monogástrico a ruminante. Doutra banda, numerosos estudos observaron que as tenreiras alimentadas en grupo presentan unha mellor socialización, con menores índices de estrés e maiores consumos de penso.

Maior risco sanitario

Sen embargo, ao pasar a traballar en grupos, e non de forma individual, auméntase o risco sanitario. E é que ao estar xuntas existe un maior contacto, de forma que as tenreiras comparten ambiente, tetinas, bebedoiros e comedeiros. Isto provoca que o risco de transmisión de enfermidades sexa maior, xa que bacterias como a Salmonella spp., Mycoplasma spp. e outros patóxenos entéricos que se transmiten pola saliva, poden contaxiarse dunha a outra a través das tetinas. Ao que se suma un maior risco de contaxio vía fecal-oral como resultado da mestura de animais. Outra desvantaxe de traballar en lotes é o aumento da competencia entre as tenreiras, máis acusado os casos nos que os lotes presentan bastante diferencia de idade. Polo que para poder aproveitarse de todos os beneficios que nos pode achegar a incorporación deste sistema de alimentación na granxa, e diminuír os posibles inconvenientes, débese traballar moi intensamente nos seguintes puntos de control:

1) Puntos iniciais de control antes de introducir na amamantadora

Comezando a traballar nas becerras antes de introducilas nas amamantadoras, só deben entrar aos parques animais sans e con vitalidade: -Xatas ben encalostradas -Tenreiras sen patoloxías previas -Adaptadas previamente á mesma leite -Adaptadas á alimentación con tetina Recoméndase introducir as becerras con 10-14 días de vida, obténdose mellores resultados de crecemento e saúde cando se introducen con polo menos dúas semanas de vida.

2) Puntos de control do ambiente

É moi importante que antes de comprar e pór en funcionamento as amamantadoras, tanto se as naves son de nova construción ou se reutilizan instalacións antigas, determinemos cal é a mellor disposición para favorecer unha correcta ventilación, calidade do aire e evitar correntes directas sobre as becerras que aumentarían o risco de problemas respiratorios. Pódense optar por sistemas de ventilación natural (con chemineas, xanelas laterais, cortinas, ventiladores...) ou sistemas de ventilación forzada (cando a ventilación natural non sexa suficiente). Tamén se debe controlar a densidade de becerras nos parques, para saber os m2 de cama e m3 de aire necesarios para o número de tenreiras que imos introducir en cada lote, que tamén poden diminuír o benestar das tenreiras e aumentar o risco de enfermidade. Neste sentido, as recomendacións son un mínimo 3,5 m2 /tenreira e un número de xatas por lote máximo de 25 tenreiras. Obtendo mellores índices de crecemento e saúde nos lotes de menos de 20 tenreiras. Unha vez postas as amamantadoras en funcionamento, deberanse establecer protocolos de encamado e limpeza dos patios. Unha das grandes vantaxes de traballar en lotes no canto de con boxes é que a eficiencia de traballo para estas tarefas é maior, polo que se poden implementar estas tarefas con maior frecuencia que nos aloxamentos individuais, mellorando o confort e hixiene das instalacións. Ademais, o ambiente é un dos grandes problemas cando traballamos en lotes, xa que se aumenta a humidade relativa ao ter máis densidade e maiores niveis de amoníaco polo incremento de dexeccións e de ouriños.

3) Puntos de control do Plan Nutricional

Pódese utilizar no programa nutricional tanto leite en po como leite de vaca, con sistemas ad libitum ou de alimentación restrinxida. Se se utiliza leite de vaca recoméndase pór un pasteurizador intermedio para mellorar a calidade bacteriolóxica do leite e evitar a transmisión de axentes patóxenos. Cando traballamos con leite en po débese realizar a calibración automática, cantidade de leite en po e auga, unha vez ao día; e unha vez ao mes unha calibración manual, para asegurarse que a báscula funcione correctamente e que a concentración administrada sexa constante todos os días. Débense instaurar os programas de alimentación adecuados para cada idade, con picos de leite de até 10l /día por animal, prestando especial coidado aos límites inferiores de consumo, para evitar que se mamen e amoreamentos na entrada das amamantadoras. Tamén se debe de ir aumentando de forma progresiva o volume a medida que medran as tenreiras. Recomendacións límites máximo-mínimos por toma: - Aos 5 días: mínimo de 1 litro e máximo de 2 litros de leite por toma. - Aos 10 días: mínimo de 1,5 litros e máximo de 2,5 litros de leite por toma. - Aos 41 días: mínimo de 1,5 litros e máximo de 3 litros de leite por toma. Tamén se debe programar un destete progresivo durante polo menos 14 días controlando o consumo de penso, que debe ser de alta calidade, para estimular o consumo e manter o crecemento tras o destete.
Auga de calidade dispoñible en todo momento
Incluído dentro do programa nutricional, non debemos esquecernos de controlar a calidade da auga. As becerras deben ter auga dispoñible en todo momento, e moi especialmente en programas altos de alimentación, para que a tenreira poida dixerir correctamente a cantidade de sólidos administrada. Para monitorizar a calidade desta, recoméndase tomar mostras de auga polo menos unha vez ao ano, tanto da auga utilizada para preparar o leite na amamantadora, como da que está a disposición dos tenreiros nos patios.

4) Puntos de Control de Saúde

Ao traballar en lotes existe máis risco de transmisión de enfermidades, polo que como xa comentamos con anterioridade, un dos puntos críticos para diminuír a porcentaxe de becerras enfermas será traballar en prevención pondo especial atención ao encostrado, plans vacunais e a hixiene. Ademais, é importante realizar un diagnóstico temperán da enfermidade, tanto dos problemas dixestivos como respiratorios. Podemos aproveitar os parámetros rexistrados no software da amamantadora, para identificar que tenreiras non consumiron todo o leite asignado no día. Outra estratexia para realizar un diagnóstico máis precoz consiste en controlar as tenreiras que presentasen unha velocidade de consumo menor, xa que as becerras enfermas tenden a consumir máis amodiño, polo que identificalas e avalialas permitiranos porlles o seu tratamento específico. Cada vez son máis as amamantadoras que incorporan, á parte do control do consumo, outros sistemas automáticos de control, tales como monitorización da actividade, temperatura, scores de saúde, consumo de auga e penso, para facilitar a detección temperá da enfermidade nos tenreiros. https://www.foerster-technik.com/calf-feeding/automatic-calf-feeder/ Como a incidencia de enfermidade pode ser maior cando traballamos en grupo, é recomendable instaurar programas de prevención como a vacinación para controlar as diarreas, vacinando as nais no preparto e asegurándose da correcta administración do costro.
 É recomendable vacinar ás nais contra a diarrea vacinar ás tenreiras contra enfermidades respiratorias
Doutra banda, as vacinacións temperás para os problemas respiratorios permitirannos protexer as xatas nos períodos de máximo risco e previr os danos irreversibles a nivel pulmonar que poderán orixinar menores crecementos e menores producións futuras de leite. En conclusión, para poder beneficiarse de todas as vantaxes que nos pode proporcionar este sistema de alimentación automática, e diminuír os posibles riscos de maior incidencia de enfermidade e competencia, débese traballar e instaurar nas granxas protocolos e monitorizaciones dos todos os puntos de control críticos mencionados ao longo do artigo para optimizar o crecemento e saúde durante a fase lactante e transición das tenreiras.

Recomendacións para a limpeza, desinfección e mantemento da amamantadora

Outro punto clave será pór unha especial atención á limpeza, desinfección e mantemento do equipo de alimentación. E é que a maioría dos sistemas de limpeza dos equipos requiren dunha combinación de sistemas automáticos e manuais de limpeza. A) Limpeza automática: utilizar un deterxente adecuado en función da calidade (dureza) e da temperatura da auga utilizada para a limpeza. Pódense facer até catro limpezas ao día do circuíto. B) Limpeza manual: dos postos de alimentación, a unidade de mestura, o intercambiador de calor, as mangueiras, as tetinas... Facer unha especial énfase nas zonas difíciles de limpar como os tubos onde poden acumularse o leite e as bacterias, que deben substituírse antes de que mostren síntomas de desgaste ou agretamento.
É recomendable cambiar as tetinas cando sae o lote
Outro punto importante é a limpeza e desinfección das tetinas que son compartidas por todas as tenreiras do lote e nas que é fácil que se acumulen biofilms polo leite e a saliva. Polo que se recomenda ter dous pares de tetinas e limpar e desinfectar unha mentres a outra está en uso. É recomendable cambialas cando sae o lote ou cando se observe deterioración nas mesmas. Recoméndase realizar unha monitorización do reconto de bacterias, polo menos mensual do leite, á saída das tetinas, para poder valorar a hixiene do leite administrado. Obxectivo: < 100.000 ufc/ml