Archives

Que opinan os propietarios forestais sobre o proxecto de Altri?

A planta de celulosa e fibra téxtil proxectada por Altri en Palas de Rei (Lugo) está nos últimos meses no foco do debate social e político polos seus posibles impactos ambientais. Desde a perspectiva forestal, a lóxica apunta a que os propietarios beneficiaríanse dunha maior competencia polo recurso (eucalipto), pero cal é a súa opinión sobre o proxecto?. Unha enquisa interna elaborada pola Asociación Forestal de Galicia entre os seus socios revela que os pareceres son diversos e plurais. Hai interese no proxecto dunha nova planta de transformación de eucalipto en Galicia?. Si, pero tamén hai preocupacións polo impacto ambiental da industria ou pola ecoloxía e ordenación do monte galego, onde o aproveitamento do eucalipto convive co das coníferas e as frondosas. Na asemblea da Asociación Forestal de Galicia, celebrada onte en Guitiriz (Lugo), fixéronse públicos os resultados provisionais da enquisa, que se mantén aberta e se completará nas próximas semanas. O 52,4% dos socios que responderon están de acordo coa instalación dunha nova industria de transformación de eucalipto en Galicia, pero tamén hai un 40% que se manifesta en contra e un 7,6 % que di non ter opinión suficientemente formada ó respecto.
Unha maioría de propietarios apoia unha nova industria de transformación do eucalipto en Galicia, pero considérase pouco axeitada a ubicación de Palas de Rei
Polo que se refire á localización da planta, ao 41% non lles parece axeitada a localización de Palas de Rei, ao 34,2 % parécelles ben e o 24,8 % non se pronuncia. É destacable esta última porcentaxe: unha cuarta parte dos propietarios prefire non opinar sobre a localización, o que apunta ó recoñecemento dunha falta de coñecemento obxectivo sobre os impactos da planta, máis alá do debate público sobre a cuestión, que en xeral percíbese que parte de premisas ideolóxicas. A Asociación Forestal de Galicia (AFG) subliña que os resultados da enquisa e os comentarios recollidos, como parte da mesma, reflicten a pluralidade de pensamento e a diversidade de opinións dos socios, tanto propietarios particulares como representantes de comunidades de montes. A AFG sinala asimesmo que, en calquera caso, hai consenso en que, de establecerse a industria, os controis do impacto ambiental deben ser extremadamente rigurosos, velando polo cumprimento da normativa nos ámbitos local, autonómico, nacional e da Unión Europea. En canto ó perfil das persoas socias que responderon a enquisa, un 76% das que contestaron manifestaron ter eucaliptos nas súas propiedades, en tanto outro 24% non traballa con esa especie.

A Asociación Forestal de Galicia impulsa a creación dunha decena de agrupacións de xestión conxunta do monte para superar o minifundio

Asemblea da AFG. A Asemblea da AFG en Guitiriz orientouse principalmente a facer balance da actividade da Asociación no último ano, así como das liñas de traballo en marcha. Unha das principais cuestións que se abordou é o traballo que está desenvolvendo a Asociación Forestal de Galicia para impulsar unha serie de agrupacións de xestión conxunta do monte. A creación das agrupacións é unha vía importante para mellorar a rendibilidade dos aproveitamentos en propiedades particulares, pois axuda a superar os problemas derivados do minifundio. A AFG comezou xa a apoiar a creación de arredor de dez proxectos de agrupacións de xestión conxunta nas catro provincias galegas, en distintas fases, desde iniciativas en fase inicial a proxectos xa consolidados. Entre os proxectos que se están poñendo en marcha figura en Lugo un en Momán (Xermade, Lugo), xunto cun proxecto de consolidación da Sofor de Monte Candedo (Meira, Lugo). En Pontevedra, están un en Barcela (Arbo, Pontevedra), un en Mondariz, un en Moalde (Silleda) e un en Saiáns (Vigo); en tanto na Coruña cómpre destacar o proxecto de consolidación da Sofor de Cuns (Serra de Outes), e en Ourense un proxecto de nova agrupación en Piñor. Contexto das agrupacións As agrupacións de xestión conxunta son un instrumento definido na Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Trátase dunha figura orientada a promover, dun xeito voluntario, o manexo en conxunto de superficies forestais dun mínimo de 10 hectáreas, sen reestruturación da propiedade. Con este instrumento búscase superar problemas derivados do minifundio, de cara a avanzar cara a unha silvicultura máis profesional, con economía de escala e cunha planificación forestal e ambiental do territorio.

Mellora da fiscalidade forestal

Outro dos focos da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia situouse nas necesidades estratéxicas do sector, en especial na mellora da fiscalidade forestal. A AFG incide en que a xestión do monte polos silvicultores é a mellor vía para reducir o abandono das masas e previr os incendios forestais. Por tanto, entende que é preciso que se incentiven os traballos silvícolas cunha fiscalidade máis atractiva. As propostas da AFG céntranse en tres liñas: 1. Permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos). A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de turnos longos, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias. En aproveitamentos de turnos longos, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa pagan ata catro veces máis no Imposto da Renda que os que estean en Estimación Obxectiva. O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ó real. Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciará unha serie de accións ante as Administracións públicas. 2. No caso dos montes veciñais, proceder a unha exención parcial do imposto de sociedades nos aproveitamentos forestais de turnos longos. Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias. 3. Establecer deduccións dun mínimo do 20% do IRPF para os investimentos no monte. A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes.

Os impactos de Altri no territorio, a análise nun debate na USC

O grupo de innovación docente Ruralia da USC aborda os posibles impactos e as consecuencias que o proxecto Altri podería ter en caso de chegar finalmente a instalarse en territorio galego, no marco dunha mesa redonda que se celebrará o vindeiro 23 de abril, a partir das 19.00 horas, na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus Terra. Esta sesión, incluída no ciclo ‘Na EPSE queremos saber’, promovido polo grupo Ruralia, contará como relatores con tres docentes e investigadores no Campus Terra da USC, tal e como son Eduardo Corbelle, Montserrat Valcárcel e Manuel A. Rodríguez Guitián. Estes abordarán nas súas respectivas intervencións os posibles impactos que a macro-planta de Altri podería ter en distintos ámbitos: modelo forestal, recursos hídricos e flora e hábitats naturais. O doutor Enxeñeiro de Montes e profesor da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría Eduardo Corbelle, que centra a súa liña de investigación principal na xestión de terras, tratará na súa intervención o impacto que esta industria pode ter no afondamento do modelo forestal baseado no eucalipto e a produción de madeira de baixo valor. A actual parlamentaria autonómica Montserrat Valcárcel, doutora en Enxeñaría Agrónoma é profesora na área de Hidráulica e Hidroloxía da USC, explicará o impacto que o consumo de auga que precisa o proxecto Altri pode ter a nivel da bacía do Ulla. Asemade, o tamén docente da área de Produción Vexetal da USC e doutor en Bioloxía Manuel A. Rodríguez Guitián, analizará os informes de avaliación sobre a flora e hábitats que forman parte da documentación sometida a exposición pública e a súa transcendencia no marco dunha iniciativa empresarial declarada como “proxecto industrial estratéxico”.

Posicionamento do sector agrogandeiro sobre a planta de Altri en Palas de Rei

Jacobo Feijóo, Miguel Tomé e Félix Porto, na rolda de prensa de UUAA este martes en Lugo A intención da pasteira portuguesa Altri e a madeireira galega Greenalia de crear unha planta de produción de celulosa e lyocell no municipio lucense de Palas de Rei crea división no sector agrogandeiro galego, pois mentres os sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, así como a Federación Rural Galega, se opoñen ao proxecto, a Asociación Agraria de Galicia e Agromuralla defenden que se trata dunha iniciativa positiva para a comarca que non ten por que poñer en risco a continuidade das explotacións da zona. O día 17 deste mes de abril remata o prazo para presentar alegacións ante a solicitude da empresa para lograr a Autorización Ambiental Integrada que lle ten que conceder a Xunta de Galicia, o primeiro paso documental que precisa Altri para seguir coa tramitación administrativa do proxecto e o sindicato Unións Agrarias anuncia que, igual que van facer outros colectivos, ten previsto presentar alegacións polas “dúbidas” que suscita e a falla de información da empresa en aspectos relevantes.
O día 17 de abril remata o prazo para presentar alegacións dentro do procedemento de Autorización Ambiental Integrada
“O proxecto actual non se parece en nada ao proxecto inicial de fibra textil sostible presentado fai 2 anos na Cidade da Cultura por parte de Altri e da Xunta e que tiña aspectos innovadores que convertían esa fábrica en única en Europa”, asegurou este martes en rolda de prensa en Lugo Jacobo Feijóo, responsable de desenvolvemento rural e sector forestal do sindicato.  “Inicialmente tratábase dun proxecto de alto valor engadido no que se ía producir tecido a partir de fibras vexetais, máis unha unidade de reciclaxe de fibra, o que ía axudar a todo o sector textil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a ser máis competitivo e a dar ese salto de sostibilidade que ten que dar este sector, considerado o segundo sector industrial máis contaminante”, indicou.
A día de hoxe atopámonos cun proxecto que é distinto ao presentado fai dous anos: dunha planta de fibras téxtiles pasouse a unha celulosa estándar
“Pero o proxecto que temos hoxe enriba da mesa non é máis que unha celulosa estándar, onde un 70% da produción sería para pasta de papel e un 30% para lyocell, é dicir, fibra sen o produto ou tecido acabado”, detallou, polo que “non se dá unha integración nin co sector téxtil nin con outros sectores”. Por exemplo, no proxecto de Altri non se contempla tampouco a posibilidade de complementar a planta cunha biorrefinería que aproveite toda a parte que non é celulosa, é dicir, as lixivias do proceso, para convertelas en polímeros e outros produtos de alto valor engadido, como produtos biolóxicos alternativos a herbicidas ou fitocidas convencionais. Aspectos medioambientais “O proxecto actual plantéxanos moitas dúbidas medioambientais ante a falta de transparencia da empresa. Compartimos a preocupación de moitos colectivos polas emisións contaminantes á atmosfera e polo uso sostible dos recursos hídricos, xa que non se contemplan as medidas prometidas inicialmente para economizar o uso da auga”, alertou Jacobo.
Na documentación presentada non se contempla ningún aspecto innovador para reducir o consumo de auga nin a pegada medioambiental a respecto das fábricas actuais
“Non se pecha nin sequera o ciclo para producir papel en Palas de Rei, senón que hai que gastar enerxía para secar a pasta de papel e despois volver a humedecela en destino para transformala e facer o papel”, alerta. O cambio de uso da planta a respecto do proxecto anunciado inicialmente condiciona tamén o consumo de auga, xa que, explicou Jacobo, “o consumo de auga para facer fibras téxtiles é moito menor que para facer pasta de papel, non ten nada que ver”.
A produción de fibras téxtiles consume moita menos auga que a produción de pasta de papel
“O consumo de auga nunha celulosa é enorme porque hai un momento do proceso no que hai que facer unha dilución, mentres que para producir fibras non hai que facer esa manta e necesítase moita menos auga porque se utilizan disolventes orgánicos para separar as celulosas das hemicelulosas”, detallou. Abastecemento de materia prima UUAA expresou as súas dúbidas tamén en relación ao abastecemento da madeira de eucalipto necesaria para cubrir as necesidades da planta, un total de 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto, o 20% da produción anual desta especie na comunidade, posto que “no momento no que se proxectou a planta non houbera aínda a sentenza clarificadora do Tribunal Supremo que despexou a permanencia de Ence en Pontevedra, polo que o escenario mudou, porque intuímos que no posicionamento estratéxico de Altri contábase con que Ence tivera que pechar, polo que terían garantido o abastecemento de materia prima”, argumenta Jacobo.
A planta de Palas de Rei consumiría o 20% da madeira de eucalipto producida cada ano en Galicia
O responsable do sector forestal dentro de UUAA considera, neste sentido, que “as dúbidas en relación a asegurar madeira de eucalipto suficiente son probablemente as están a retrasar a decisión definitiva de investimento por parte da empresa”, ademais do acceso aos fondos europeos Next Generation.
Non vemos encaixe nos fondos Next Generation porque non hai innovación de produto nin de proceso nin se trata dun proxecto de economía circular
“Non hai innovación de produto nin innovación de proceso nin se reduce tampouco a pegada ambiental dentro dun proxecto de economía circular, polo que temos dúbidas tamén sobre o encaixe que esta fábrica pode ter nos PERTEs industriais, que é unha condición que a propia Altri sempre puxo para seguir adiante co proxecto”, lembrou. Afectación sobre as explotacións agrogandeiras UUAA calcula que nun radio de 50 km arredor da planta (abarcaría un total de 83 concellos) habería neste momento unhas 9.600 explotacións (2.500 de leite e 7.090 de carne), que representan o 36,9% das existentes en toda Galicia e que dalgún xeito se verían afectadas pola presenza desta industria celulosa.   Félix Porto, coordinador sectorial de Unións Agrarias e responsable dos servizos xurídicos do sindicato, alertou da “difícil convivencia” das explotacións máis próximas, sobre todo das que están en produción ecolóxica, cunha industria das características da proxectada por Altri.
Transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa
“O proxecto que nos presentaron ao principio tiña aspectos atractivos, por iso non lle dixemos que non, pero non podemos apoiar o proxecto actual, que non se parece en nada ao que nos presentaron inicialmente, no que se falaba de producir 600.000 toneladas de fibras téxtiles ao ano cando hoxe do que se fala é de producir 400.000 toneladas de pasta de papel. É dicir, transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa. Polo tanto, estamos en contra do proxecto que nestes momentos temos enriba da mesa”, concluíu Félix. “O que máis preocupa nas explotacións ecolóxicas son as posibles emisións á atmosfera e o seu impacto na calidade dos pastos e tamén os problemas de acidificación dos solos por chuvia ácida que se puidera producir”, alertan desde UUAA.
O cambio de uso de terras agrarias para plantar eucaliptais é ilegal e desde xuño deste ano vai estar controlado mediante teledetección
En canto á posible presión que a nova celulosa puidera implicar para a transformación de superficies agrogandeiras en novos eucaliptais, Jacobo advertiu que a propia Lei de Montes do ano 2012 prohibe calquera tipo de forestación de terras agrarias tanto para plantar piñeiros como eucaliptos, ao igual que está prohibido cortar masas de frondosas para convertelas en eucaliptais. “Se alguén está pensando en facer algo disto ou ten esa tentación xa lle dicimos que non o faga porque desde xuño deste ano estará perfectamente controlado a nivel de teledetección a través do Inventario Forestal Continuo de Galicia”, dixo.

“Trátase dunha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra que vai afectar a máis de 30 km á redonda”

O Sindicato Labrego alerta das consecuencias, afectacións e impactos que tería sobre a poboación e o territorio nun radio superior aos 30 km "unha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra, de case 400 hectáreas de extensión”, como é o caso da proxectada por Greenfiber, unha sociedade participada ao 75% por Altri e ao 25% por Greenalia. Margarida Prieto alerta dos “prexuízos derivados da extracción de case medio cento de millóns de litros diarios de auga limpa do embalse de Portodemouros e o verquido diario de 30 millóns  de litros de auga con substancias químicas á Ría de Arousa sobre o medio ambiente e sobre as actividades económicas existentes no territorio”. “Dende o Sindicato Labrego Galego estamos poñendo tódolos nosos esforzos en parar esta xigantesca fábrica de celulosa. Non imos permitir que un macroproxecto industrial contaminante se instale no corazón do noso país e resulta até bochornoso pensar que en pleno século XXI, coa conciencia ecolóxica que se supón que temos como sociedade e, por ende, como institucións públicas, se poña sobre a mesa a posibilidade de destinar 250 millóns de euros do erario público para enriquecemento dunha empresa que vai degradar a calidade de vida”, di Margarida.
Segundo a documentación que está en exposición pública, a planta proxectada por Altri precisaría captar do encoro de Portodemouros máis de 40 millóns de litros diarios de auga
Neste sentido, o SLG pon a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas para a súa presentación diante da Xunta de Galicia. Afectación sobre as Reservas da Biosfera Desde o SLG veñen de solicitar informes de afección ás tres Reservas da Biosfera situadas no radio de acción da macrofábrica de celulosa de Altri e Greenalia (a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel).
Desde o SLG poñemos a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva
A designación das reservas de biosfera son competencia da directora xeral da UNESCO a través do programa intergobernamental MAB, sendo o seu Consello Internacional de Coordinación o que toma a decisión. “Preocúpannos por exemplo as posibles consecuencias para a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, declarada pola UNESCO fai tres anos, no 2021”, advirte Margarida. Estas demandas de información e posicionamento por parte das Reservas da Biosfera engádense aos informes sobre as unidades produtivas agrarias prexudicadas requiridos polo SLG o pasado xoves 21 de marzo á Consellería do Medio Rural.

“Altri pon en risco a 4.000 explotacións e á denominación de orixe do queixo Arzúa-Ulloa”

Para a Federación Rural Galega, o proxecto de celulosa que a empresa Altri pretende instalar na comarca da Ulloa supón “un grande perigo para a actividade agropecuaria da zona, non soamente para a comarca da Ulloa, senón tamén para as comarcas de Arzúa, Terras de Melide, e O Deza”. “Estas catro comarcas contan con 4.087 explotacións pecuarias, o que supón un 18,6% do total das existentes en Galicia (21.980), e unhas 90.187 cabezas de gando vacún ou o que é o mesmo, aproximadamente o 21% das 430.232 existentes na comunidade. Todo este potencial produtivo vaise ver ameazado no caso de que ao final se acabe instalando esta macroplanta de celulosa no concello de Palas de Rei, o mesmo que a Denominación de Orixe do queixo Arzúa-Ulloa, con mais de 20 empresas transformadoras e a segunda en produción de queixo de todo o Estado español”, asegura Elías Somoza.
A creación da planta de Altri tería un efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia directa coa terra agraria
Pero desde a Fruga pensan ademais que a planta de Altri non tería consecuencias unicamente na zona directamente afectada, senón que tería “graves efectos” sobre todo o sector agropecuario galego. O motivo sería o “efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia coa terra agraria”, din. “Non debemos esquecer que a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,93 ha, cando a media española é de 26,14 ha, e que desde hai xa bastantes anos Galiza vén perdendo terra agraria, entanto a superficie forestal vén aumentado e dentro dela a dedicada ao eucalipto”, insiste Elías. “Non é economía circular, senón economía de enclave” “Este proxecto de Altri quéresenos vender como modelo de economía circular, cando o que realmente é, é una economía de enclave. A verdadeira economía circular é aquela que pecha os ciclos produtivos. Debemos ter de conta que Galicia é a primeira produtora de leite do Estado español e unha das dez máis produtoras da UE, entanto a industria galega do leite soamente supón o 10% da española. Deste xeito sobre o 45% do leite producido en Galicia sae para fóra para ser transformado noutros territorios. Dotar a Galicia dunha industria láctea propia e competitiva si que sería economía circular”, argumenta o responsable da Fruga. “Todo indica que a política da Xunta de Galicia quere renunciar a utilizar con carácter produtivo o noso territorio, pondo en risco o futuro das explotacións agrarias desta zona e de proxectos de agricultura ecolóxica implantados nela”, quéixase.

“Se se cumpre a normativa non tería por que afectarnos ás granxas da zona”

Carlos Dablanca, membro da directiva de Agromuralla e socio da gandería leiteira SAT San Miguel, ubicada no mesmo concello de Palas de Rei, a uns 15 km de onde Altri quere instalar a súa planta, pon o foco no cumplimento da normativa para facer posible a continuidade da actividade agrogandeira na comarca coa presenza dunha industria deste tipo. “Din que as esixencias medioambientais son altísimas, pero é necesario que se vixíe para que se cumpra a normativa”, asegura. “Non pode ser que os requisitos para producir as granxas se estean a endurecer en materia de emisións ou outro tipo e despois se abra a man no caso dunha planta coma esta”, razoa.    En canto ao consumo de auga previsto por parte de Altri, Carlos considera que “primeiro hai que garantir o subministro á poboación e tamén ao gando, porque para nin primeiro son os animais antes que as plantas de celulosa e se hai auga para Altri tamén a ten que haber para as vacas”, reclama.
A produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira, deberían convivir perfectamente
Defende que a produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira. “Deberían convivir perfectamente”, asegura, e reclama “que se mobilice terra agraria que está parada ou abandonada”. “Na nosa parroquia, por exemplo, non temos concentración parcelaria e temos dificultades para atopar superficie produtiva axeitada”, recoñece. Risco de novas plantacións SAT San Miguel traballa neste momento unhas 140 hectáreas para cultivos como millo ou raigrás e ten dificultades para poder ampliar a súa base territorial na zona, pero Carlos non cre que a presenza de Altri empeore a situación.
Hai que mobilizar a terra que está parada e vixiar que non se fagan plantacións ilegais
“Se hai unha regulación e esta se cumpre, a presenza ou non de Altri non tería por que implicar unha maior presión sobre a forestación de terras agrarias na comarca. Sería un problema se a Xunta abrira a man ás plantacións de eucalipto, pero eu non concibo que se plante nunha zona agrícola, aínda que pasou nos últimos anos porque a Administración fixo a vista gorda”, di. Por iso, pide que se vixíe o cumprimento da Lei de Montes e da moratoria aprobada fai tres anos ás plantacións de eucalipto para evitar o avance sen control desta especie. “O problema son as zonas de monocultivo cando se dan en grandes extensións, como acontece en algunhas parroquias do concello de Palas que están xa masificadas de eucalipto porque a agricultura e a gandería desapareceron”, exemplifica.
O monocultivo de eucalipto é un problema, porque non hai barreiras naturais contra os incendios
“A xente planta porque abandona a gandería, non por que veña Altri, porque se non é Altri será Ence”, considera, e defende que o monte debe ter tamén unha vocación produtiva porque “onde hai plantacións arde menos”. “Na zona da Rede Natura da Serra do Careón, que divide o concello de Palas con Toques, cada 4 ou 5 anos hai incendios, en parte porque non deixan tocarlle ao monte e está abandonado”, di. Carlos é comuneiro do monte veciñal Berbetouros Norte, onde contan con distintos usos, desde produción de madeira (unhas 50 hectáreas a piñeiro e 5 a eucalipto) a aproveitamento agrogandeiro. “Temos unha gran parte do monte a pastizal desde fai 40 anos. Son en total unhas 54 hectáreas, porque agora vimos de transformar 20 hectáreas de forestal, que estaban a piñeiros, en pastos para os comuneiros”, explica. A maiores, tamén teñen alugadas 15 hectáreas durante 30 anos á empresa murciana Bioflytech que, logo de acometer un investimento de máis de 20 millóns de euros, está a comezar a producir distintos produtos a partir das larvas da mosca soldado, como graxa ou fariña de proteína. Carlos destaca que esta industria vai crear 50 postos de traballo. 

“Unha planta de nova creación vai ter moitas medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”

Desde a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) o seu presidente, Francisco Bello, mostra a súa “satisfacción” pola creación dunha nova industria forestal en Galicia. “Como organización agraria defensora tamén do sector forestal galego, Asaga non pode máis que apoiar e manifestar a súa satisfacción por que apareza en Galicia unha empresa innovadora que mellore o aproveitamento da materia prima forestal de Galicia para facer celulosa e biocel a partir de eucalipto”, afirma. “Todos os produtores forestais de Galicia teríanse que ver favorecidos, ademais da comarca da Ulloa, beneficiada polos postos de traballo directos e indirectos tan necesarios nesa zona, como en todo o rural galego”, asegura Paco.
Todos os propietarios de monte de Galicia veranse favorecidos por unha empresa innovadora que mellorará o aproveitamento da materia prima forestal
No que respecta á instalación en si da planta e á preocupación medioambiental manifestada desde algúns sectores, desde Asaga móstranse tranquilos. “Damos por seguro que unha empresa de innovación que vai crear unha nova planta de cero non só o vai facer cumprindo a normativa galega, estatal e europea en materia de medio ambiente, senón que vai ir máis alá do que obriga a propia lei. Por ser un proxecto innovador que parte de cero, vai tomar moitas máis medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”, conclúe.

‘Fibra téxtil á galega: modelo de negocio’

O mercado de fibra téxtil natural, neste caso baseado en fibras obtidas de celulosa da madeira, preséntase coma un modelo auspiciado pola inxente demanda de consumo, derivada da “fast fashion” con “conciencia ecolóxica”, que obriga ao sector téxtil a procurar produtos alternativos aos derivados do petróleo. Con este modelo non se pretende axudar a parar unha demanda téxtil desaforada, que continuará a provocar un dos maiores impactos ambientais a nivel planetario e con graves problemas sociais, senón que a idea que subxace é continuar a consumir para manter os niveis económicos empresariais e as demandas de consumo, pero con fibras naturais, menos impactantes, pero a veces sen reparar moito en ver como se produce e o impacto que xeran. Tampouco parece que sexa un modelo onde a recircularidade, a reciclaxe e a incorporación de fibras téxtiles obsoletas e de corta vida teña un papel predominante na produción de novas fibras.
"Preténdese producir 'fast fashion' con fibras naturais con menor impacto ambiental, pero sen preocuparse moito en como se producen"
Modelo tractor e de enclave A priori, a confluencia da presenza en Galicia de materia prima forestal abundante para obter a celulosa precursora da fibra, xunto coa existencia de empresas multinacionais comercializadoras téxtiles, a posible asociación con empresas con tecnoloxías avanzadas e a existencia dun importante polo de fabricación téxtil no norte de Portugal poden artellar un marco de referencia de ámbito europeo en biotéxtil, se se entende como proxecto transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Porén, isto deixa algunhas cuestións cando a visión focaliza en Galicia:
  • Parece un modelo con dependencia de tecnoloxía e coñecemento externo, con escasa implicación do tecido empresarial innovador e de investigación local no desenvolvemente do proxecto.
  • Escasa integración con outras cadeas de valor engadido da industria da madeira en Galicia, non así no sector forestal, onde replica o modelo de aproveitamento de pasta de celulosa.
  • Falla de liderado político e sectorial galego para articular o proxecto. Desleixo da oportunidade para a creación dun consorcio público-privado con Xunta, empresas e propietarios forestais.
  • Impacto ambiental e mesmo socio-económico, aínda que sexa como a empresa Altri mesmo recoñece, “moderado”, e con necesidade de corrixir e controlar unha das zonas máis sensibles no interior de Galicia.
Modelo de xestión forestal Modelo de produción intensiva onde se precisa materia prima de crecemento rápido e baixa calidade para a trituración. Modelo baseado en monocultivo, de escaso diámetro e baixa calidade silvícola. Modelo que xa demostrou as complicacións que presenta para artellar un modelo de xestión forestal con silvicultura para a produción en cascada, mesmo con eucalipto, para obter madeira de calidade para outros usos con maior percorrido na cadea de valor e con maior vida útil, estes si, para dar tempo de captura de CO2 (madeira construción, mobles, carpintería). Situación do sector textil en Galicia. Cedida A priori, si se albisca unha maior competencia polo recurso, polo que se augura unha suba do prezo do eucalipto. Tamén é previsibile un descenso das exportacións da madeira en rolo de eucalipto, acorde cun aumento da demanda de consumo interno, nada desdeñable á vista dos consumos de madeira que presenta o informe de Impacto Ambiental de Altri. Ou non. Igual baixa, sempre é máis fácil poñer en común a dous que compran que a 600.000 que venden. En todo caso, parece previsible un incremento de produtividades por medio da silvicultura intensiva e mesmo con muda de especies: E globulus por E nites. Moratoria eucalipto Á vista dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, subliña que “Galicia conta cunha superficie de 1,5 millóns de hectáreas arboradas: 620.000 hectáreas de frondosas, 422.000 ha de coníferas e 409.000 ha de eucalipto”. Esta moratoria estará en principio vixente ata o 2025. Aínda non se chega ás 420.000 hectáreas de eucalipto. Será o momento de eliminar a moratoria? Modelo de financiación Dada a necesidade de financiación pública que expón a empresa promotora, esta situación é unha oportunidade, e mesmo pode ser unha esixencia, para a creación dun consorcio público privado coa Xunta, empresas e propietarios forestais que procure:
  • A aposta e un modelo silvícola e produtivo con maior percorrido e xeración de riqueza, sostible e socialmente inclusivo, que dispoña dun aproveitamento en cascada do recurso forestal, favorecendo a sinerxía da loxística e acopio para o subministro de trozas de calidade a empresas locais que poidan aproveitala para produtos de maior valor engadido como madeira sólida.
  • Onde xogue un papel importante a procentaxe de incorporación de outras madeiras como frondosas (bidueiro) e a mesmo primen aquelas propostas onde a madeira proceda de actuacións exemplares de multifuncionalidade.
  • Onde se faga unha aposta pola investigación e a innovación local, con claro desempeño de actuacións de impulso e acompañamento de grupos e de centros de investigación galegos.
  • Unha clara definición como empresa tractora, onde sirva de panca de emprendemento para outras oportunidades de valorización de madeira e mesmo dos refugallos do propio proceso (lignina) como doutros sectores en clara simbiose co sector téxtil, en vistas a unha bioeconomía real e que transforme a fábrica na ansiada biorrefinería que precisa o sector forestal galego.
  • Onde se garanta a presenza de todas as voces na toma de decisións, sobre todo as que afecten a xestión do territorio.
Modelo local Sorprendente localización da planta en Palas de Rei. Unha zona moi sensible, dende o punto de vista ecosistémico e de territorio, sen experiencias de xestión de macro proxectos industriais e onde non está moi claro como pode inferir o proxecto na estrutura produtiva da zona (eminentemente gandeira e agrícola). Ou mesmo como establececer enlaces e sinerxías cos condicionantes socioeconómicos da comarca. Se non se teñen en conta estas cuestións, ao final a fábrica pode ser un gueto fabril, onde os traballadores poden vivir fóra da comarca, achegarse pola turilante nova autovía e marchar para as súas casas sen tomar un só café no pobo. Pero a empresa aduce que fará as cousas ben e mesmo mellor que o que se demanda por Lei. Tamén pode subvencionar as camisetas do equipo de fútbol de Palas de Rei. Situación do mercado téxtil no norte de Portugal. Cedida Curiosamente, dita localización foi desbotada por Ence cando se plantexaba a súa marcha de Pontevedra. A priori, o proceso produtivo e os consumos son moi similares entre Altri e Ence. Tamén lembro que hai outras zonas de Galicia máis preto da costa (a loxística por barco parece fundamental), pero tamén moi preto do recurso forestal, con ampla traxectoria na xestión de grandes infraestruturas industriais e con redes loxísticas robustas e probadas, con opción de fondos. Modelo de integración social Por outra parte, o proxecto adoece de certo desleixo da empresa Altri en partillar, con quen van a ser os seus veciños de por vida, como queren entrar na comunidade e veciñanza de Palas de Rei. Aquí podemos poñer centos de referencias, como as protestas, asambleas informativas, artigos de opinión de todo tipo de colectivos, non precisamente todos ecoloxistas, que se senten ameazados polo proxecto. Os efectos medioambientais están sendo avaliados e mesmo postos en solfa polo movemento ecoloxista galego, con ADEGA ou a Plafaroma Ulloa Viva como referentes que, ademais, de xeito ben xeneroso e impagable, adican o mellor do seu tempo para alegar contra informes realizados por un tropel de técnicos e expertos ben pagados e con todos os medios ao seu dispor. De momento, Altri xa recoñece que faltou comunicación para explicar o proxecto e mesmo agora propón charlas informativas polas parroquias [Nota: o artigo foi escrito antes da suspensión da rolda de charlas de Altri]. Non é menor a cuestión, sobre todo, cando a empresa solicita a todos os seus veciños axudas e financiación para construír a fábrica. Iremos a escoitalas. Parece necesario artellar un diálogo de escoita activa, non só un diálogo normativo e administrativo (menudo xeito de comezar unha veciñanza de moitos anos) coas persoas de entorno onde se pretende localizar a fábrica, e mesmo con afectados, que directa ou indirectamente se senten ameazados pola implantación, a excepción do alcalde que na lóxica da despoboación do rural defende a fábrica en base o discurso de creación de postos de traballo. Esta é unha realidade en moitas propostas e estratexias industriais e sectoriais, onde non se ten en conta e mesmo se desacredita as opinións que poidan ser contratrias as establecidas polos interesados [non teñen o coñecemento suficiente, están manipulados, son unhas ecoloxistas ultra perroflautas urbanitas]. Pero, porén, si solicitan que todos financien, auspicien e mesmo feliciten a súa estratexia ou a súa proposta industrial. “Yo traigo el progreso y la riqueza, apártate”. Conclusións Ja, picaches. Non teño conclusións. Só faltaba que dende a miña inxenuidade dese latricas sobre a conveniencia dunha actuación deste calado. Este é un asunto complexo e con moitas cuestións tecnolóxicas aínda por concretar pola propia empresa (agardamos con expectación as charlas parroquiais que prometen impartir) e, ademais un proceso longo que precisa moito tempo e recursos para analizalos e para poder opinar con “rigor e criterio”, como demandan dende a empresa e dende un goberno autonómico que xa ten claro que é bo para Galicia e un establishment lobista, con tan fondas raíces que mesmo naceu no territorio. E os votos parece que lle deron a razón a Alfonso Rueda, que apoia este proxecto. Ou non?

Sae a información pública o estudo de impacto ambiental da planta de Altri en Palas

A planta de celulosa e lyocell proxectada para Palas de Rei (Lugo) avanza novos pasos para a súa construción. Greenfiber, a firma promotora, participada por Altri e Greenalia, xa presentou o estudo de impacto ambiental e a lista de parcelas afectadas polas canalizacións de captación de augas e de verquido de augas residuais, que suman máis de 20 quilómetros. Xunto coa presentación do estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental, Greenfiber pediu a declaración de utilidade pública da instalación, o que permitiría executar expropiacións das terras precisas para completar a planta e as súas canalizacións. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a lista de propietarios afectados, que inclúe a veciños de Melide e Santiso (A Coruña), Agolada (Pontevedra) e Palas de Rei (Lugo). Captación e verquido de augas Unha das cuestións máis polémicas desde o punto de vista veciñal e desde o ambiental é o da captación e verquido de augas. É un escenario co que xa se contaba no 2022, cando se anunciou a planta, e que está a tensarse nas últimas semanas. Os veciños dos concellos afectados tachan de escurantista o proceso e están a reclamar máis información. Desde Agolada, propietarios afectados emitiron un comunicado días atrás cuestionando que non puidesen presentar alegacións ó proxecto de captación e verquido de augas, pois aseguran que o proxecto non foi exposto no Concello. malia que din que lle foi reclamado ó Goberno local en numerosas ocasións. Doutro lado, colectivos ecoloxistas como Adega advirten do impacto dos verquidos da planta no río Ulla, cun posible efecto na economía marisqueira da ría de Arousa. A instalación ten previsto captar 46.000 metros cúbicos de auga cada día do encoro de Portodemouros, á altura de Agolada, e prevese o verquido de 30.000 metros cúbicos de auga ó día. Greenfiber sempre defendeu que o verquido de augas se colocará antes do punto de captación, o que entende que posibilitará unha certa recirculación da auga verquida no proceso da planta, reducindo o impacto ambiental. As canalizacións de augas superarán os 20 quilómetros (12,5 km. para a de captación e 8,8 km. para a de verquido). Toda a documentación do proxecto poderá consultarse neste enlace. Produción da planta A solicitude de autorización ambiental da planta aclara tamén o proxecto de produción. Se nun inicio, hai dous anos, se falara da creación dunha instalación para a produción de fibras téxtiles (lyocell), a realidade é que a industria adicarase de xeito principal á produción de celulosa, que acaparará un 80% dos volumes producidos na súa primeira fase, en tanto o lyocell suporá arredor dun 20% da produción. En toneladas, espérase a produción nun inicio de 250.000 toneladas de celulosa e de 60.000 de lyocell. Cando a instalación estea en pleno funcionamento, a capacidade produtiva será de 400.000 toneladas de celulosa e de 200.000 de lyocell. Materia prima A materia prima para abastecer á planta será, como se esperaba, eucalipto globulus e nitens. Nun principio, a planta consumirá 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, e cando estea a pleno rendemento achegarase ós 2,4 millóns de metros cúbicos de eucalipto. Desde o punto de vista forestal, os propietarios ven a instalación como positiva, pois introduce maior competencia polo eucalipto galego, que tiña ata o de agora un mercado limitado, coas plantas de Ence en Pontevedra e Asturias como principais destinos, con partidas menores para as plantas portuguesas da propia Altri e Navigator e para instalacións do resto da península (Zaragoza, País Vasco). Por contra, desde a perspectiva dos ecoloxistas, témese que esa maior demanda se traduza nun aumento da superficie de eucalipto por medio de plantacións ilegais ‘consentidas’. Cómpre lembrar que a normativa actual prohíbe plantar eucalipto en superficies agrarias ou en substitución de masas de frondosas. Existe tamén unha moratoria ata o 2025 que ademais prohíbe substituír piñeirais por eucaliptais, se ben queda por ver como se resolve esa restricción a partir do próximo ano.

Altri aporta 2 millóns de euros ó fondo público – privado de prevención de lumes

O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio coa pasteira portuguesa Altri por medio do que a firma lusa aportará 2 millóns de euros a un fondo público – privado creado pola Xunta para mellorar a prevención de incendios forestais. O acordo terá unha duración de catro anos e inclúe obxectivos ligados coa ordenación dos montes, a restauración de zonas afectadas por lumes, a potenciación de agrupacións forestais e o fomento de recursos forestais, incluídos resina, mel e outros aproveitamentos, segundo detalla a Xunta en nota de prensa. A aportación de Altri súmase á que xa fixera Inditex, de 9 millóns de euros. A Xunta aspira a captar en total 18 millóns de euros das empresas privadas, ós que sumará outros 18 millóns de cartos públicos. O acordo con Altri, a parte de aspectos ligados coa prevención de lumes e a restauración de zonas afectadas, inclúe cuestións sobre mellora xenética forestal. A Xunta sinala que as actuacións neste ámbito poden consistir, entre outras, “no establecemento de hortos sementeiros, parcelas de investigación, estudos de campo, determinación de rodais selectos ou transferencia tecnolóxica de diferentes especies forestais”. Outro dos eixos de actuación será o fomento de agrupacións conxuntas de xestión forestal, co fin de reducir o minifundio do monte. Programa para fomentar o manexo de gando na prevención de lumes En relación cos lumes, o Consello da Xunta valorou tamén un programa de Medio Rural para fomentar o manexo de gando como sistema complementario ás rozas mecanizadas na prevención dos lumes. Para este 2024 anúnciase unha experiencia piloto, se ben non se concretou aínda onde se fará. Asimesmo, abordouse no Consello outro proxecto piloto para crear áreas cortalumes na comarca de Monterrei, afectada por incendios que en ocasións son transfronteirizos.

Avanza a consecución de fondos europeos para a planta de Altri en Palas de Rei

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou este martes a vontade “de artellar solucións” do ministro de Industria, Comercio e Turismo, Héctor Gómez, para garantir a viabilidade da planta de fibras téxtis sustentables que a multinacional portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei. “Expuxéronse fórmulas e solucións viables”, recalcou o presidente, que trasladou que estas se concretarán nunha futura reunión a nivel técnico. Durante a reunión que mantiveron ambos os dirixentes na sede do Ministerio, abordouse principalmente a situación do proxecto de Altri e a necesidade de que conte con financiamento de fondos europeos Next Generation con axilidade e nun importe suficiente. Esta fábrica crearía 2500 postos de traballo, outros 10.000 para a súa construción e atraería un investimento total de 900 millóns de euros. Altri confía en que entre o 20 e o 25% dese investimento proceda das axudas europeas; é dicir, entre 200 e 250 millóns de euros. A fábrica de pasta soluble e lyocell que a pasteira portuguesa Altri pretende construír en Palas de Rei consumiría entre 900.000 e 1,2 millóns de toneladas de madeira ao ano, fundamentalmente eucalipto, o que equivale a unha de cada 10 toneladas de madeira que se corta nos montes galegos (10 millóns de metros cúbicos o ano pasado, a metade, eucalipto). As previsións de ALTRI é comezar a construír a planta o vindeiro ano e estaría xa producindo dous anos máis tarde, en 2025, segundo o calendario previsto.

Seis cuestións que abre a planta de Altri en Palas: pros, contras e oportunidades

O anuncio de Altri de que proxecta ubicar unha planta de celulosa e fibras téxtiles (lyocell) en Palas de Rei (Lugo) xerou nas últimas semanas un amplo debate social e político. Primeiro, pola ubicación elixida, en detrimento doutras opcións, como a Mariña lucense ou As Pontes. Segundo, polas críticas ecoloxistas ó posible impacto ambiental da planta. E terceiro, polo apoio que esperta no sector forestal e economíco, con empresas galegas que previsiblemente entrarán no accionariado da nova planta. Analizamos seis cuestións a ter en conta no novo proxecto, incidindo en pros, contras, oportunidades e ameazas.

1) Demanda de madeira no monte

A factoría proxecta consumir nun comezo máis dun millón de metros cúbicos de eucalipto ó ano, o que representa arredor dun 18% da madeira de eucalipto que se corta na actualidade en Galicia. É ademais previsible que a curto prazo chegue a superar o consumo de 1,5 millóns de metros cúbicos anuais. Para os propietarios forestais, en principio é unha boa noticia que unha nova industria introduza maior competencia pola materia prima, pois ata o de agora o eucalipto galego tiña como comprador maioritario a Ence (Pontevedra e Navia), con cantidades menores que partían para as plantas de Navigator en Portugal, para a propia Altri e, de xeito residual, para outras plantas do resto do Estado e do estranxeiro. Queda por ver que sucede e como se reorganiza o mercado se pecha Ence Pontevedra e se a compañía decide compensar esa perda co aumento da capacidade produtiva de Navia, en lugar de cunha nova planta en Galicia. En calquera caso, unha cuestión que demostra a planta de Altri é que habería ubicacións alternativas en Galicia para a planta de Ence Pontevedra.

2) Abastecemento de eucalipto a Palas de Rei: un emprazamento estratéxico

Desde o punto de vista do emprazamento da planta,Palas de Rei pode considerarse estratéxico, pois nun radio de 60 km. ten o principal ‘graneiro’ de eucalipto de Galicia, o Distrito Forestal Santiago – Meseta interior, que este ano superou á Mariña lucense en cortas de eucalipto. Chega cun percorrido por estrada pola N-634 (Lavacolla-Teixeiro) ou polo treito de autovía Santiago-Arzúa para comprobar a dimensión acadada nos últimos anos polos eucaliptais na zona. Só o Distrito Forestal Santiago – Meseta interior corta xa cada ano preto dun millón de toneladas de eucalipto, practicamente a necesidade de materia prima que tería a planta de Altri. O Distrito de Bergantiños – Mariñas Coruñesas, o segundo en importancia en eucalipto na comunidade, tamén estaría relativamente próximo á planta (Betanzos está a 66 km. por estrada de Palas) e mesmo o eucalipto de Ferrol – Ortegal e o da Terra Cha terían destinos alternativos a Navia na planta de Palas. Outra cuestión a considerar é se a planta terá un efecto á hora de incentivar novas plantacións de eucalipto no interior de Lugo, en especial no Distrito Forestal Lugo – Sarria, que ata de agora lidera a corta de piñeiros en Galicia e ten escasas cortas de eucalipto. Coa moratoria do eucalipto e coa actual lexislación forestal, está prohibido substituír masas de piñeiros ou frondosas caducifolias por eucalipto. Pero vaise manter esa situación lexislativa de cara ó futuro?, vaise controlar o cumprimento da normativa?.

3) É posible producir lyocell con outras especies forestais, ademais do eucalipto?

Cando se anunciou o proxecto dunha planta de fibras téxtiles para Galicia, a Xunta eludiu indicar que se abastecería principalmente de eucalipto e informou de que se podería abastecer de diversas especies forestais e mesmo de materiais para reciclar. Na práctica, a expectativa do sector forestal a día de hoxe é que a planta de Altri se abasteza exclusivamente de eucalipto, con posibilidade de que Altri traballe tamén de cara o futuro a reciclaxe de téxtiles. O lyocell, sen embargo, pódese producir tamén a partir doutras especies habituais en Galicia, como o carballo ou o bidueiro. Un dos maiores produtores de lyocell a nivel mundial, a austriaca Lenzing (marca Tencell) produce lyocell en Centroeuropa principalmente a partir de madeira de faia obtida en rareos forestais. Lenzing defende que se trata dun modelo que promove unha silvicultura máis ambiental que as cortas a feito de toda unha masa forestal. No caso de Galicia, ese modelo podería ser aplicable a plantacións mixtas de eucalipto para madeira e para a celulosa. A opción do bidueiro Tamén cabe preguntarse se na comunidade sería posible un modelo similar ó da faia en Lenzing cunha frondosa caducifolia máis adaptada a Galicia, como o bidueiro. Desde un punto de vista técnico, sería posible. O bidueiro é unha especie habitual na Galicia atlántica. Trátase dunha árbore pioneira, que se dá ben en solos pobres con climas húmidos. Se se cultivase para madeira, precisaría de turnos de corta de arredor de 40 anos, con varios rareos intermedios. Esa madeira dos rareos podería ter saída na planta de lyocell. Se se contesta á pregunta desde unha perspectiva económica, o interese probablemente sexa escaso por parte de propietarios e da industria. Atendendo ós prezos do bidueiro para pasta de papel en Escandinavia, non chega ós 20 euros / tonelada (madeira en pé) -fronte ós 30 euros que ronda o eucalipto globulus-. O motivo é que se trata dunha especie que ofrece menores rendementos para celulosa que o eucalipto, isto é, precísanse máis toneladas de madeira para obter a mesma celulosa que no caso do eucalipto. Outro factor a ter en conta é a necesidade dunha silvicultura periódica (podas, rareos) no coidado dunha plantación ou rexenerado de bidueiros, o que é máis esixente para o propietario. Tamén é preciso considerar a ausencia dunha demanda actual para serrado de bidueiro por parte da industria e se habería interese nunha oferta de madeira como esa. Sobre a hipótese do uso doutras especies forestais para lyocell, unha última cuestión. Xa que como é notorio, a planta de Altri aspira a unha importante inxección de fondos públicos, sería posible que esos aportes de cartos públicos se ligasen a compromisos na diversificación de materias primas?. Se se considera que iso é posible e desexable, quedaría a parte de como convencer ós propietarios de que é interesante para eles tal esforzo de diversificación.

4) Lyocell, fibras ambientalmente sostibles

O lyocell é un tecido procedente dunha fonte natural e renovable, a madeira. A súa principal vantaxe é que a súa produción presenta un menor impacto ambiental que no caso doutros tecidos, como o polyester (con orixe no petróleo) ou o algodón, que precisa de regadíos, uso de pesticidas e ocupación de terras cultivables. Por poñer un exemplo, uns pantalóns de algodón mercados en España teñen de media unha pegada de auga de entre 2.800 e 4.900 litros, dos cales un 86% procede de regadío. En cambio, uns pantalóns de lyocell terían unha pegada de auga de entre 1.200 e 1.900 litros, dos cales o 95% procederían de auga da choiva, segundo as conclusións dun estudo de Daniel Chico (2013) e outros investigadores. A iso hai que engadir o papel de sumidoiro de carbono que xogan as árbores das que se obteñen as fibras téxtiles, permanecendo parte do carbono na propia roupa, que unha vez rematada a súa vida útil, sería compostable ou reciclable.

5) Que impacto ambiental pode ter a planta de Altri en Palas de Rei?

É unha cuestión por aclarar. Altri di que descartou a ubicación das Pontes polo impacto sobre o río Eume, pero á vez nega posibles impactos sobre o río Ulla. Se o Eume ten río abaixo das Pontes o parque natural das Fragas do Eume, o Ulla ten o espazo de Rede Natura Ulla-Deza, tres coutos salmoneiros e praias fluviais, a parte dos aproveitamentos marisqueiros da ría de Arousa. As plantas de celulosa costeiras, como as de Ence (Navia e Pontevedra) ou as portuguesas de Navigator e Altri, adoitan empregar emisarios submariños que afastan os efluentes da factoría varios quilómetros mar adentro. Coas plantas do interior, iso non é posible, o que adoita xerar problemas no entorno, sobre todo en épocas estivais nas que baixa o caudal dos ríos e os efluentes fanse máis visibles. É o caso por exemplo da planta de celulosa e papel de Torraspapel en Aragón.

6) Valorización da lignina: o peche do círculo

No proceso de fabricación de pasta de papel e fibras téxtiles, desbótase a lignina, un dos principais compoñentes da madeira, que normalmente se queima en sistemas de coxeneración enerxética. Outra alternativa que proporcionaría maior valor é o emprego da lignina como unha materia prima para biorrefinería. Polo de agora Altri non se pronunciou sobre a posibilidade de crear unha biorrefinería en paralelo á planta de Palas, aínda que a posta en marcha dunha biorrefinería piloto si é un dos proxectos para os que a Xunta aspira a captar fondos Next Generation. Ence tamén tiña sobre a mesa a posibilidade de montar una biorrefinería en Pontevedra para extraer da lignina materiais como espumas e adhesivos verdes, orientados á industria da automoción, ou bioaceites e aromas, entre outras sustancias; pero non chegou a poñela en marcha polo de agora pola incerteza sobre o futuro da súa ubicación ao pé do Lérez. No resto de Europa, industrias de fibras téxtiles como Lenzing teñen as súas propias biorrefinerías para extraer o máximo potencial da madeira. No caso de Lenzing, produce sustancias para a industria alimentaria e farmacéutica, como ácido acético ou xilosa (azucre da madeira), entre outras. As Landas francesas, outra zona de gran produción madeireira, levan tamén anos cunha biorrefinería en marcha. Unha das asignaturas pendentes que viña tendo o sector forestal e da madeira en Galicia era o de lograr un maior valor engadido para as súas producións. Proxectos como a planta de fibras téxtiles ou iniciativas que están a desenvolver as industrias da madeira (a planta de CLT de Xilonor, liñas de madeira termotratada, etc.) están a avanzar nesa liña, pero sobre a mesa quedan outros retos pendentes, como o da biorrefinería.

A planta de fibras textís que Altri proxecta en Palas de Rei consumiría o 10% da madeira que se corta en Galicia

José Soares estreita a man do vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, en presenza do conselleiro do Medio Rural A fábrica de pasta soluble e lyocell que a pasteira portuguesa Altri pretende construír en Palas de Rei consumiría entre 900.000 e 1,2 millóns de toneladas de madeira ao ano, fundamentalmente eucalipto, o que equivale a unha de cada 10 toneladas de madeira que se corta nos montes galegos (10 millóns de metros cúbicos o ano pasado, a metade, eucalipto). Con esa materia prima, o complexo industrial, que ocupará unha parcela de máis de 200 hectáreas, fabricaría unhas 200.000 toneladas anuais de pasta soluble (DWP), que é a materia prima para diversas fibras textís, entre elas o lyocell, segundo detallou este martes en Lugo o director xeral da compañía, José Soares de Pina, nunha rolda de prensa acompañado polos conselleiros de Medio Rural, José González, e de Economía, Francisco Conde, que destacaron a “oportunidade” que supón para desenvolver o sector forestal galego, pechando o ciclo produtivo.
A planta precisa dun consumo de entre 3,5 e 4 metros cúbicos de madeira para fabricar unha tonelada de lyocell
“No mundo xa se consomen bastantes millóns de toneladas de madeira transformadas en fibras textís e é un sector cun importante potencial de crecemento nun mercado que evoluciona cunha dinámica extraordinaria”, asegurou Soares de Pina, que destacou que se trata dun proxecto “referente a nivel mundial”, dixo, porque non hai ningún complexo neste momento que cubra todo o proceso desde a madeira cortada até o produto final.
A produción irá destinada tanto a fábricas de roupa de Galicia e o norte de Portugal como ao mercado internacional (Marrocos, Turquía)
A ubicación da planta de fabricación en Galicia busca proximidade tanto de acceso á materia prima como de comercialización da produción. “Temos o único cluster téxtil que queda en Europa e temos que aproveitalo”, asegurou o responsable de Altri, que considerou o proxecto “estratéxico para Galicia e a península ibérica”. Producindo en 2025 A planta comezaría a construírse o vindeiro ano e estaría xa producindo dous anos máis tarde, segundo o calendario previsto, aínda que o responsable da empresa advertiu que “son proxectos moi complexos que requiren da certidume dunha serie de variables, pero neste momento de acordo coas nosas expectativas a finais de 2024 ou principios de 2025 estariamos empezando a producir se todo vai ben. Neste tipo de proxectos sempre hai imprevisibles, pero estamos planeando todo neste sentido”, asegurou.
Altri confía en que entre o 25 e o 30% dos 800 millóns de euros que custa a planta procedan dos fondos Next Generation
A decisión definitiva de investir ou non os 800 millóns de euros que require a construción da planta será tomada a finais deste ano e nela, o acceso aos fondos europeos Next Generation podería ser determinante. “Confiamos en captar unha parte importante de recursos, entre un 25 e un 30% do investimento total necesario, en función do encaixe que teña o proxecto dentro dos criterios de baremación que se fixen, pero sorprenderíanos moito non ter acceso a eses fondos”, afirmou Soares de Pina. Medio metro cúbico de auga doce por segundo A empresa estudou 46 posibles ubicacións en Galicia, 31 delas na provincia de Lugo, antes de decantarse por Palas de Rei. Tendo en conta que o 85% das cortas de madeira de eucalipto de Galicia teñen lugar no norte das provincias de Lugo e A Coruña, tanto A Mariña como As Pontes foron algunhas das opcións baralladas, aínda que descartadas finalmente por non cumprir con algún dos condicionantes técnicos da escolla.
A proximidade á materia prima non é tan determinante coma o acceso garantido a auga doce en cantidade suficiente
A Mariña foi unha das zonas estudadas desde o inicio. Hai bastantes criterios importantes, pero a proximidade á materia prima non é determinante, mentres que o acceso á auga doce é algo básico e crítico. Revisamos os datos históricos e na Mariña non conseguimos garantir o subministro de auga doce con caudal suficiente 7 días consecutivos sen colocar en perigo o abastecemento doméstico. Se miramos aos datos históricos dos últimos 10 anos teriamos cerca dun 20% do tempo que non se podería cumprir cos requisitos da planta, que precisa medio metro cúbico por segundo”, detallou Soares de Pina. Na zona do río Ulla, por contra, mapeando datos históricos habería dispoñibilidade, dixo. “Iso foi determinante”, insistiu. Non condicionados por Ence A proximidade a outras plantas, caso da de Ence en Navia, non foi un factor determinante, asegurou Soares de Pina, para descartar a ubicación da Mariña. Tampouco considera relevante a continuidade ou non de Ence en Pontevedra para o futuro do proxecto.  “A decisión vai ser con base ao acceso que podemos ter ao recurso dispoñible, non o que poidan facer outros competidores”, asegurou.
Estudáronse ubicacións en tres provincias: A Coruña, Lugo e Pontevedra
A compañía lusa posúe actualmente tres fábricas de pasta de papel en Portugal cunha capacidade para producir anualmente un millón de toneladas e dá emprego directo a 750 persoas. Impacto ambiental e paisaxístico reducido En Galicia, Altri estudou posibles ubicacións en Pontevedra, Lugo e A Coruña, onde se barallou a posibilidade das Pontes. Sen embargo, neste caso descartouse polo nivel de protección do río Eume e as Fragas do Eume. “É unha zona sensible desde o punto de vista ambiental”, argumentou. O argumento do impacto sobre o río Eume non serve sen embargo para a conca do Ulla, segundo o criterio de Altri. No caso de Palas de Rei, Soares descartou impactos relevantes sobre o territorio, tanto desde o punto de vista patrimonial e paisaxístico, polo paso do Camiño de Santiago, como sobre o río Ulla. “O impacto ambiental vai ser moi reducido”, dixo.  
A posta en funcionamento da planta implica a construción de infraestruturas para captar e devolver auga ao río Ulla
A posta en funcionamento da planta implica a construción de infraestruturas para captar e devolver posteriormente auga ao río Ulla e prevense medidas para reducir o consumo e a afectación sobre o caudal do río. “A captación de auga vaise facer augas abaixo da planta para aproveitar a que resulta da recirculación da planta, e estableceranse medidas para minimizar o consumo de auga. Nalgunhas das nosas plantas xa temos recirculando cerca dun 20% da auga nalgúns dos complexos e neste proxecto estamos plantexando ter un nivel de recirculación sensiblemente maior”, avanzou.
O tratamento que se dá á auga é tecnoloxía limpa que nos permite reutilizala no proceso. O impacto vai ser moi pequeno
Tamén asegurou que as emisións á atmosfera serán “adecuadas”, con medidas para minimizar as emisións de carbono e aproveitar parte desas emisións para xerar enerxía para a propia planta. “A maior parte das emisións son de vapor de auga, ao igual que as das plantas de celulosa, e nós tentamos minimizalas porque é enerxía perdida. Por iso, usar a menor cantidade de auga posible supón menor pérdida en emisións”, razoou.

“A fibra textil sostible esixe que a madeira estea certificada; este proxecto tennos que axudar a avanzar na certificación dos nosos bosques”

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou o impacto positivo que a planta de Altri vai ter no monte galego. “Partimos dun recurso propio de Galicia, onde se producen o 50% das cortas de toda España, que supoñen máis de 10 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano e temos aínda potencial de crecemento, así llo trasladamos a Altri”, explicou José González. “Este proxecto vén pechar o ciclo da madeira en Galicia e ten que contribuir á sostibilidade do recurso porque toda a materia prima ten que proceder de montes ordenados. É fibra textil sostible e esixe que a madeira estea certificada, polo que tennos que axudar a avanzar na certificación dos nosos bosques, dentro do Plan Forestal 2021-2040”, argumentou o conselleiro, que confiou en que o investimento de 800 millóns de euros traia consigo tamén o desenvolvemento de industria auxiliar no eido forestal.
Este é un caso de éxito de colaboración público-privada, un exemplo da Administración amigable que tratamos de impulsar
José González explicou que a materia prima que a planta de Altri vai consumir é fundamentalmente madeira de eucalipto,  “pero hai a posibilidade de utilizar outros mix de especies e tamén aproveitar residuos téxtiles, que se poderían reaproveitar neste proceso”, indicou. “Esta planta non ten parangón a nivel mundial, porque se pecha o ciclo e está cerca de onde se produce a madeira, polo que é financiable con fondos Next Generation porque cumpre dúas condicións: sustentabilidade e economía circular”, defendeu. Tramitación administrativa exprés Os responsables da Xunta insistiron en que o proxecto presentado “cumpre todos os requisitos que nos pide a UE para o acceso aos fondos Next Generation”. Así o indicou o vicepresidente e conselleiro de Industria, Francisco Conde. “Lograr fondos europeos vai servir para garantir a súa viabilidade financieira. Cumple cos criterios establecidos pola Comisión Europea e é un proxecto que xa coñece o Goberno de España porque foi un dos proxectos priorizados pola Xunta diante do Ministerio de Economía, tal como lle trasladei a semana pasada á vicepresidenta Nadia Calviño, coa que temos prevista unha xuntanza”, explicou.
Esta biofábrica de fibras textís vai xerar valor en toda a cadea monte-industria e pechar o ciclo do monte en Galicia
“Temos unha enorme oportunidade e a confianza que está trasladando Altri a Galicia ten que ser correspondida polas Administracións e que todas podamos colaborar para que este proxecto de enorme impacto na transformación forestal de Galicia poda culminar con éxito porque esta biofábrica de fibras textís vai xerar valor en toda a cadea monte-industria e pechar o ciclo do monte en Galicia”, afirmou o vicepresidente económico da Xunta.
Altri vai ter toda a colaboración por parte da Xunta para que este proxecto poida culminar con éxito
Unha vez identificada a ubicación e en paralelo á captación de fondos europeos, o proxecto entra na fase de tramitación dos permisos administrativos necesarios para a construción da planta. Utilizarase por primeira a figura de Proxecto Industrial Estratéxico, creada para axilizar a tramitación de proxectos de máis de 20 millóns de euros de investimento e máis de 100 postos de traballo. “Vai permitir a redución dos prazos á metade, incluída a avaliación de impacto ambiental e patrimonial e a tramitación urbanística para a súa construción”, avanzou Francisco Conde. A sociedade Impulsa Galicia, creada despois da pandemia da covid-19 e participada maioritariamente pola Administración galega xunto con Abanca, Reganosa e Sogama está a “acompañar e axudar” a Altri en todo o proceso de tramitación.  
Procederemos de maneira inmediata ao inicio da tramitación administrativa, reducindo os prazos á metade
O complexo que pretende construír Altri sitúase a 2 km do Camiño de Santiago pero o vicepresidente da Xunta descartou que isto poida botar para atrás o proxecto. “A tramitación incluirá os informes preceptivos e analizarase e avaliarase os diferentes impactos e no seu caso solicitarase á empresa as correccións precisas porque o complexo ten que adaptarse aos requerimentos ambientais e patrimoniais, pero hai vontade da empresa de cumplir e da Administración de ser garantista”, concluíu.

A pasteira portuguesa Altri elixe Palas de Rei para a súa planta de fibras téxtiles

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe a decisión empresarial de Altri de elixir Palas de Rei como a mellor localización posible para o complexo de fibras téxtiles, o proxecto Next Generation máis importante” da candidatura galega aos fondos europeos. Tras unha reunión co CEO da empresa, José Soares de Pina, Feijóo afirmou que con esta decisión, froito da análise técnica exhaustiva por parte de Altri, dáse un paso fundamental para avanzar neste proxecto, cumpríndose así, ademais, coa solicitude feita de xeito unánime polo Parlamento galego para que a fábrica se asentase na provincia de Lugo. “Estamos a falar dun investimento de algo máis de 800 millóns de euros e da creación de 2.500 empregos directos e indirectos”, precisou, incidindo na enorme importancia desta planta para a Comunidade, ao converterse na única fábrica de fibras téxtiles de España. Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que se trata dunha nova “desexada e traballada” desde hai moito tempo e fixo fincapé na necesidade de “pechar” este proxecto, sendo non só candidato, senón adxudicatario de fondos europeos. “Necesitamos ao Goberno central para pechar este círculo e apostar pola execución material e eficiente dos fondos, de acordo co regulamento dos mesmos”, abundou. Nesta liña, aseverou que a Administración autonómica, no seu ámbito de competencias, seguirá comprometida e traballando para avanzar en todas as fases do seu desenvolvemento. O titular do Goberno galego concluíu agradecendo a Altri a decisión de investir en Galicia, cun proxecto co que a Comunidade aspira a sumar o 3% da produción mundial de fibra sostible. Este proxecto, que forma parte do Polo para a Transformación de Galicia, foi impulsado pola Xunta de Galicia coa axuda da Sociedade Impulsa, mecanismo público-privado participado pola propia Administración autonómica (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). Esta sociedade encárgase de acelerar a maduración de novos proxectos empresariais tractores, como é o caso desta fábrica de fibras téxtiles, que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor das que poidan saír beneficiadas especialmente as pequenas e medianas empresas galegas.

Por qué Altri elixiu Palas de Rei?

Segundo Altri, a escolla da localización en Palas de Rei, estratexicamente localizada no centro xeográfico da Galiza, “obedeceu a estritos criterios técnicos, nomeadamente ambientais, hídricos, orográficos, proximidade do bosque e acceso a vías de comunicación”. A biofábrica pode ocupar unha área superior a 200 hectáreas, tendo a Altri xa garantido acceso aos terreos necesarios para a súa implementação. Altri prevé que esta planta poda ter capacidade para producir anualmente cerca de 200.000 toneladas de fibras téxtiles de base celulósica, arrancando inicialmente coa produción de aproximadamente 60 mil toneladas de lyocell. Esta biounidade industrial estaría capacitada para fornecer o cluster téxtil do noroeste peninsular, nomeadamente a INDITEX, contribuíndo para o reforzo da economía circular e descarbonização dun importante sector económico como é o do sector téxtil.