Archives

2021: Un gran ano para as gandarías de vacún de leite en pastoreo e con pouco uso de penso

Grazas á suba do prezo do leite na maior parte do mundo, o 2021 será un gran ano para as contas das gandarías de vacún de leite en pastoreo e para as que producen as súas propias forraxes con pouca dependencia externa no uso dos pensos. Non así, para aquelas moi intensivas e que empregan altas cantidades de penso por vaca e para as que o prezo do leite permanece estancado ou mesmo á baixa, pois a suba do prezo do penso -ao redor dun 50% no último ano- afogará as súas contas. Esta é a principal conclusión do relatorio ofrecido por Torsten Hemme, director executivo do IFCN, o observatorio internacional do sector lácteo, na última edición da conferencia One Ideas de Alltech, celebrada en formato online o pasado mes de xuño debido ás restricións sanitarias impostas pola pandemia do Covid19. Torsten Hemme explicou que “a suba do prezo do penso no último ano viuse compensada na maior parte de países por un incremento do prezo do leite, de ao redor de 11 dólares por tonelada se comparamos abril deste ano con abril de 2020”. A previsión que manexa o IFCN para este 2021 é que o prezo do leite a nivel internacional mantéñase nos 0,34 euros de media por litro cun máximo de 0,37 euros. Iso si, os prezos do penso prevese tamén que se manteñan elevados polo menos para os próximos 12 meses.

Un gran ano para as gandarías en pastoreo

Porén, a rendibilidade das granxas de vacún de leite neste ano será moi variable segundo o país. “As granxas de países nas que o prezo do leite segue o mercado internacional á alza, e teñen unha alta produción de forraxes propias -sexa en pastoreo ou cultivadas-e e teñen pechado o prezo do penso a longo prazo, beneficiaranse enormemente desta situación. Pola contra, aquelas que dependen máis da compra de alimentos externos e están ademais en países onde o prezo do leite non subiu, sufrirán este ano”, detallou o responsable do IFCN. Neste sentido, puxo como exemplo a situación en catro países: -Nova Zelandia: Cun sistema de alimentación baseado case en exclusiva no pastoreo, terá un dos mellores anos para as súas gandarías, porque os prezos do leite subiron pero os prezos da terra permanecen estables. -Estados Unidos e Brasil: Os prezos do leite en orixe nestes dous países con sistemas de manexo do gando máis estabulados permanecen baixos pero o prezo das materias primas para o penso disparouse. -China: O aumento dos prezos nacionais do leite foi incluso maior que o aumento en termos absolutos do prezo mundial do leite mundial. E os prezos dos pensos, por suposto, aumentaron, pero a economía agrícola en China neste momento é moito mellor que o ano pasado.

Previsión de prezos para 2021:

En canto ás previsións de prezos do leite para este ano, o IFCN prevé que se manteñan altos a nivel internacional e oscilen nunha pinza situada entre os 0,34 euros de media por litro cun máximo de 0,37 euros. “Este aumento de prezo podería compensar o aumento do prezo dos pensos. A boa nova é que todos os mercados de futuros predín para todo 2021 un prezo do leite superior aos 0,34 euros por litro pero a mala é que o para os próximos 10 a 16 meses o prezo do penso manterase elevado”, engade Torsten Hemme. Neste escenario, o director do IFCN conclúe que “as granxas con terra propia e produción de forraxe propia son as gañadoras, mentres que as que compran gran parte do alimento sairán perdendo”.

As últimas innovacións en gandaría e agricultura daranse cita a próxima semana na Alltech ONE Virtual Experience

Alltech deu a coñecer o elenco de conferenciantes maxistrais que destacarán na Alltech ONE Virtual Experience, cando o programa dixital se inaugur este luns 18 de maio de 2020. Esta experiencia virtual ofrece aos participantes visións perspicaces baixo demanda que transcenden a cultura e o sector agroindustrial, presentando solucións guiadas pola innovación, para vencer retos na agricultura, a gandaría, no mundo dos negocios e na nosa vida cotiá.

Cady Coleman, exastronauta da NASA e Coronel das Forzas Aéreas estreará a experiencia virtual cunha presentación en streaming o luns 18 de maio. Cady Coleman pasou un total de 180 días na Estación Espacial Internacional levando “o teletraballo” a outra fronteira. De formación química, cun doutoramento en ciencias e enxeñaría dos polímeros, Coleman é pioneira da investigación en ciencias dos materiais, en biotecnoloxía, en ciencias da combustión e en física dos fluídos. É unha apaixonada defensora da importancia da inclusión, da colaboración e da innovación na resolución de problemas. Ela presentará un debate cautivador acerca da vida no espazo, a resiliencia e o permanecer conectados desde calquera dominio.

A Alltech ONE Virtual Experience tamén contará con David McWilliams, economista e profesor adxunto de Economía Global, no Trinity School of Business, do Trinity College, en Dublín. McWilliams dedicou a súa vida profesional a facer que a economía sexa alcanzable, cun toque de humor e enmarcándoa nun contexto histórico. Renombrado entre os economistas máis influentes do mundo, McWilliams analiza o risco das operacións, a conduta humana e o éxito en adaptarse a mercados cambiantes. Compartirá os seus profundos puntos de vista acerca de como se tomarán as decisións empresariais no medio da disrupción global.

Jessica Adelman, CEO de ESG Results, tamén se incorpora ao panel de conferenciantes para ofrecer as súas perspicaces reflexións sobre as tendencias entre os consumidores. Adelman exerceu numerosos postos de liderado nos sectores da alimentación, da distribución, a agricultura e a gandaría, incluíndo máis recentemente o de vicepresidenta de asuntos corporativos para Kroger Co., traballando como directora xeral de asuntos corporativos, directora xeral de comunicacións, directora xeral de sustentabilidade e tamén como presidenta das Fundacións Kroger. Ela compartirá os seus profundos coñecementos acerca dos hábitos duradeiros do novo consumidor que xurdirá tras o confinamento.

Para explorar a seguinte fronteira da produción de alimentos, Jack Bobo, CEO de Futurity, tamén se une á Alltech ONE Virtual Experience. Bobo traballa con empresas da agroalimentación para comprender mellor as tendencias alimentarias e as actitudes dos consumidores, para que poidan situarse e prosperar nun mundo cada vez máis complexo. Compartirá a súa perspectiva sobre os desafíos e as oportunidades que xurdan na seguinte era da agricultura e a gandaría.

O maxistral panel de conferenciantes tamén inclúe ao Dr. Frank Mitloehner, profesor e especialista en calidade do aire, na Extensión Cooperativa do Departamento de Ciencias Animais, da Universidade de California, en Davis. Mitloehner abordou con éxito a narrativa negativa que rodea ao impacto que ten a industria agropecuaria sobre o medio ambiente, por medio dunha comunicación clara e con datos, ilustrando as relacións existentes entre as actividades humanas, a dixestión animal, a produción de alimentos e a química da atmosfera. Ofrecerá unha análise exhaustiva, separando os feitos reais dos ficticios, salvando as brechas na comunicación.

O Dr. Mark Lyons, presidente e CEO de Alltech, pecha con broche de ouro o destacado panel de conferenciantes, cun chamamento á colaboración para mellorar a xestión das explotacións agropecuarias e a produción de alimentos, o benestar humano e o dos animais e a conservación dos recursos naturais. Compartirá a súa visión  Planet of Plenty /Un planeta de fartura xunto coa promesa, a posibilidade e a oportunidade que todos nós temos- Todos Xuntos-para dar forma ao futuro do noso planeta.

“O noso mundo cambiou considerablemente ao longo dos últimos meses”, expuxo Lyons. “Quizais sexa hoxe máis importante que nunca ser innovador e estar conectados a medida que abracemos a seguinte normalidade. Estamos a desexar compartir saberes cautivadores ademais da inspiración que brinda a Alltech ONE Virtual Experience, de modo que sexa alcanzable para todos”.

Haberá, en streaming, unha conferencia maxistral distinta na Alltech ONE Virtual Experience cada día ás 15:00 hora local, a partir do luns 18 de maio até o venres 22 de maio. As persoas inscritas poderán participar en coloquios con oradores selectos directamente tras as súas presentacións. As persoas inscritas que non poidan conectarse ás presentacións programadas en streaming, poderán acceder posteriormente a elas baixo demanda.

Tamén, a partir do 18 de maio, estarán dispoñibles os temas das diferentes sesións, que explorarán os retos e as oportunidades en  temas agroalimentarios, entre os que se inclúen os agronegocios, a acuicultura, o vacún de carne, a agronomía, o sector leiteiro, o futuro da alimentación, o gando porcino e a avicultura. Na axenda tamén atoparán oportunidades adicionais para participar en coloquios e en paneis especiais de debate, ademais de ofertas de entretemento.

As persoas inscritas terán acceso 24/7 a todas as presentacións con contidos en exclusiva e actualizados mensualmente.

Consulta aquí o programa completo da Alltech ONE Virtual Experience

A análise das colleitas de 2018 de Alltech revela a presenza de niveis elevados de micotoxinas en toda Europa

As micotoxinas expoñen unha gran preocupación aos produtores, xa que teñen propiedades tóxicas que afectan á calidade dos pensos e alimentos, así como á saúde e ao rendemento dos animais. As mostras de colleitas de toda Europa enviadas en 2018 ao laboratorio de servizos analíticos de micotoxinas 37+® de Alltech revelaron a presenza de niveis elevados de micotoxinas, en especial de deoxinivalenol (DON), acedo fusárico e fumonisinas, en rexións onde se rexistrou un exceso de precipitacións durante a floración e polinización ou choivas ao final da tempada tras un período de estrés hídrico e térmico. Este resultado detectouse por igual en grans e forraxes.

“As micotoxinas proliferan en condicións cambiantes, con ausencia de choivas, precipitacións excesivas ou, ás veces, ante unha situación seguida da outra, o que crea a tormenta perfecta para que se produza a contaminación”, alertou o Dr. Max Hawkins, apoio técnico global do equipo de control de micotoxinas de Alltech®. “Os episodios meteorolóxicos extremos acontecidos este ano por todo o mundo provocaron un aumento da incidencia de micotoxinas en moitos países”, engade.

En Europa, o clima de maio a xullo foi seco e similar á seca, en especial no norte. Estas condicións influíron no tipo de micotoxinas ás que deben facer fronte os produtores. Con todo, o mes de agosto veu acompañado dun cambio de clima, levándose consigo a maior parte da seca, pero traendo un exceso de choivas no momento da colleita do millo, o  que a miúdo leva un aumento da contaminación por tricotecenos e micotoxinas de Fusarium.

Os maiores niveis de contaminación débense ao DON, o ácido fusárico e as fumonisinas

As mostras de forraxes de toda Europa presentaron un nivel elevado de micotoxinas, o que pode afectar o rendemento dos rumiantes. O 100 % das mostras europeas de ensilado de herba estaban contaminadas con ácido fusárico, mentres que as micotoxinas detectadas no 100 % das mostras de ensilado de millo foron os tricotecenos de tipo B. Estas micotoxinas comportan problemas para os ruminantes, xa que poden ser prexudiciais para a saúde do rumen e a súa función.

“O ensilado de millo adoita ser o máis problemático, xa que este cereal permanece máis tempo nos cultivos e está exposto a máis factores ambientais que poden favorecer a proliferación de micotoxinas”, explicou o Dr. Hawkins. “O risco de contaminación por micotoxinas tamén é maior, xa que non colleitamos tan só o gran, senón tamén a planta, o que se traduce nunha maior cantidade de micotoxinas na colleita final”.

En Europa, a maior ameaza para o trigo e a cebada son os tricotecenos de tipo B. Estas micotoxinas detectáronse en máis do 56 % das mostras de trigo, no 70 % das mostras de cebada e no 100 % das mostras procedentes de Croacia, Serbia e España. En media, a análise das mostras de millo revelou a presenza de tres tipos distintos de micotoxinas, na súa maioría fumonisinas. Estas micotoxinas poden ser especialmente daniñas para os porcos de cebo (crecemento e acabado).

As micotoxinas de cando en cando atópanse de forma illada e a inxesta de varios tipos pode dar como resultado unha interacción con efectos acumulativos, ou mesmo sinérgicos, que aumentan o risco total para a saúde e o rendemento dos animais. En consecuencia, o animal pode manifestar unha resposta moito máis potente da que cabería esperar tras a exposición a un só tipo de micotoxina.

A análise anual das colleitas realizado por Alltech, que leva a cabo coa análise de detección de micotoxinas Alltech 37+®, ofrece unha avaliación dos contaminantes presentes nas materias primas e dos riscos potenciais que poderían supor para o gando. Entre os laboratorios situados en Lexington (Kentucky) e Dunboyne (Irlanda), o programa de control de micotoxinas de Alltech analizou máis de 26 000 mostras de alimentos e pensos para detectar a presenza de máis de 50 micotoxinas diferentes. Implementar un programa de control que logre optimizar o rendemento e a saúde dos animais é crucial para ser consciente do risco que carrexa a contaminación por micotoxinas. Para obter máis información sobre o control de micotoxinas, visite knowmycotoxins.com.

Os 5 piares da nutrición mineral do gando

Os chamados minerais traza, especialmente o cobre, o ferro, o manganeso e o cinc, son imprescindibles para unha correcta nutrición do gando posto que interveñen en case todos os procesos bioquímicos do organismo. Sirva como exemplo que o cobre ou o cinc son imprescindibles para máis de 400 encimas do organismo. As súas deficiencias ou os seus excesos teñen graves consecuencias na saúde, debido a que se necesitan cantidades mínimas, estamos a falar de miligramos e mesmo de microgramos. O seu exceso, por tanto, provoca problemas de toxicidade e poden interactuar negativamente con outros minerais. Ademais, o mecanismo para o seu transporte e absorción polo organismo é complexo, e vanse perdendo ao longo da vida produtiva do animal. As deficiencias rara vez se manifestan clinicamente pero, sen embargo, cando se proporcionan estes minerais traza ao gando melloramos a capacidade de crecemento, a fertilidade e o sistema inmunitario, con menos problemas de enfermidades. Porén, o organismo desenvolveu mecanismos de protección no intestino e no torrente sanguíneo para impedir que minerais presentes de forma moi abundante na natureza, como o aluminio ou o ferro, sexan absorbidos en exceso. Este obstáculo pódese salvar se os minerais preséntanse en forma orgánica, xa sexa a través das plantas ou ben quelados a través dun proceso industrial; é dicir, se están ligados fortemente a unha molécula orgánica, o que permite “enganar” ao organismo e que cheguen aos puntos de absorción. Neste sentido, segundo Josep Roquet, veterinario e director técnico de Alltech Spain, os 5 piares da nutrición mineral en gando que se deben ter en conta son:

1) Requirimentos: A xenética dos animais cambiou e tamén as súas necesidades de microminerais

As cantidades de minerais traza ou microminerais que se acheguen na ración ao gando deben estar adaptadas aos seus requirimentos para que o animal poida expresar o 100% do seu potencial xenético e manteña en bo estado o seu sistema inmulóxico. Neste sentido, Josep Roquet advertiu que “o problema é que os estudos que temos sobre necesidades de minerais en gando son de hai 40 anos cando as vacas producían 20 litros ou os polos tardaban 60 días en sacrificarse”. “Sen embargo, os animais de hoxe en día necesitan a metade de comida para facer os mesmos quilos de carne, co que lles estamos en moitos casos achegando a metade dos minerais que necesitan”, advertiu. Ademais, lembrou que os animais máis produtivos son os que requiren maior cantidade de minerais. Así, lembrou un estudo realizado en porcino por Mahan e Newton en porcas no que se confirmou que as porcas con maior produción de bacoriños son as que maiores carencias de minerais traza presentaban. O estrés é outro dos factores que inflúen na perda de microminerais, algo que se pode evitar cando estes se presentan en forma orgánica. Así, Josep Roquet lembrou un estudo realizado por Nockels no que conclúe que os becerros sometidos a estrés e aos que se lles subministrara sulfato de cobre presentaban unha retención deste mineral de só a 3,3% fronte ao 8,1% dos que non foran sometidos a tensión. Pola contra, cando a fonte de mineral era quelato de cobre, unha fonte orgánica, a retención era do 15 e do 14,3% respectivamente, ao ter maior capacidade de retención polo organismo. Noutros minerais traza, como o cinc, a fonte tamén é determinante para a biodisponibilidade do mesmo. Así, un estudo realizado en polos revela que a biodisponibilidade deste micromineral na tibia varía o 22 ao 91%.

2) Interaccións con outros minerais: Os proteinatos son os que máis garantías ofrecen

Mapa de interaccións entre os minerais:

As interaccións entre minerais é unha problemática importante que provoca menor actividade biolóxica, problemas de retención, e por conseguinte problemas ambientais ao excretarse nas dexeccións. Esta problemática pódese evitar cos bioplexes ou minerais quelados, en forma orgánica, xa que se protexe ao mineral de interaccións con outros minerais mentres viaxa polo tracto gastrointestinal até o seu punto de absorción. Dentro da minerais traza orgánicos, os bioplexes ou proteinatos (froito da reacción de proteínas hidrolizadas con minerais) son os que máis garantías ofrecen en canto a ausencia de interaccións, mesmo no caso de correctores. Este é posible grazas ao tipo de ligazón, que garante a máxima estabilidade da unión mesmo nas condicións de PH do estómago e do intestino. Pola contra, os minerais orgánicos con unións febles poden ocasionar nos pensos e correctores inhibición de encimas, destrución de vitaminas e aumento da oxidación. Isto levou á Comisión Europea ha establecer unha nova clasificación dos minerais orgánicos, distinguindo os hidrolizados de proteína dos hidrolizados de aminoácidos, ao presentar forzas de unión e comportamentos distintos. Como se indicou anteriormente, a fonte dos microminerais é clave para a súa absorción ou biodisponibilidade polo organismo do animal. Así un estudo realizado en polos confirmou que o lévedo selenizado permite triplicar a biodisponibilidade de selenio no organismo das aves: Ademais, e tal e como se observa na táboa anterior, a forma orgánica do selenio en forma de fermento é a que afecta a máis xenes que inciden na produción animal.

3) Medioambiente: Evitar problemas de toxicidade dos microminerais

O exceso de cobre, cinc e doutros microminerais no solo débese en moitos casos a un sobreaporte desta minerais traza nos pensos do gando e que, ao non ser absorbidos polo organismo do animal, acaban no esterco e no xurro. “Isto é xa un problema en países como China, onde estudos concluíron que só o 4% das mostras de esterco de porcino cumprían os límites máximos recomendados de cinc. O exceso de cinc ou de cobre provoca moitos problemas na fertilidade do chan, como redución da capacidade de nitrificación e de mineralización da materia orgánica”, advertiu o director técnico de Alltech Spain. A problemática levou á Comisión Europea a reducir os límites máximos de minerais, como o cobre, o cinc ou o ferro nas racións dos animais: “E posiblemente volverán reducirse os niveis máximos, tanto de cobre como de cinc, para esta e para outras cabanas gandeiras”, advertiu Josep Roquet. Neste sentido, destacou que en ensaios realizados por Alltech substituíndo totalmente os minerais inorgánicos por bioplexes en broilers lográronse os mesmos índices de crecemento, pero cunha importante redución da presenza de Cobre, Cinc ou Hierro nas excreccións:

4) A importancia de que os minerais que se subministran ao gando non conteñan impurezas

Josep Roquet advertiu de que “as fontes inorgánicas de minerais poden estar contaminadas de forma natural por cadmio, arsénico, chumbo, mercurio...todas elas sustancias prexudiciais para a saúde”. Neste sentido, destacou que os minerais orgánicos fabricados por Alltech cumpren cun estrito sistema de calidade que analiza o 100% das mostras tanto á entrada das materias primas como á saída dos bioplex xa elaborados para garantir que cumpren os límites da normativa.

5) TRT: O reemprazo de minerais inorgánicos por orgánicos é viable

Josep Roquet concluíu que “a substitución total dos minerais na súa forma inorgánica pola súa forma orgánica é viable e é o futuro, porque se mantén ou aumenta a produtividade e a lonxevidade dos animais e redúcense notablemente as emisións ao solo”. Como exemplo, lembrou un estudo realizado en vacún de leite no que se concluíu que o emprego de minerais orgánicos aumentou un 4,8% a produción de leite a 305 días.

Futuro: Lograr que as forraxes e cereais conteñan todos os minerais que precisa o gando

Por último, o director técnico de Alltech Spain, avanzou que unha liña estratéxica de futuro “pasa porque as forraxes e o resto de cereais que alimentan aos animais conteñan todos os minerais que necesitan, e iso pódese lograr mediante a suplementación de minerais aos cultivos”. “Que os animais coman directamente das forraxes os minerais que necesitan”, concluíu.  

¿Como incrementar a graxa do leite con pequenos cambios?

Incrementar a produción de leite, pero sobre todo de sólidos, fundamentalmente graxa, debería ser un obxectivo para todos os gandeiros, tendo en conta que a industria láctea pagará cada vez máis segundo o extracto seco do leite. Neste sentido, a multinacional Alltech organizou o pasado mes de xuño no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha xornada sobre mellora das calidades do leite. O relatorio correu a cargo de Jud Heinrichs, profesor na Universidade de Pensilvania, e un referente internacional en alimentación de vacún de leite. Dunha forma didáctica, explicou as claves para mellorar o rendemento de graxa do leite mediante o manexo diario:

-Tamaño da partícula de forraxe:

Un picado excesivo do silo de millo ou do silo de herba penaliza a produción de graxa a través da rumia da fibra. O tamaño ideal sería entre un mínimo de 4 mm e un máximo de 19 mm, pois desa forma favorécese tamén a mestura da ración. “Hai que evitar que a vaca escolla no pesebre, e iso débese moitas veces a un mal uso do carro mesturador, que incorporou tamén coitelas para picar máis a forraxe, cando o picado deberíase realizar unicamente na colleita, e o carro limitarse a mesturar”, subliñou Jud Heinrichs.

-A importancia do PH ruminal:

Un rume san permite que a vaca absorba ben os nutrientes e poida producir leite con niveis altos de graxa e de proteína. Neste sentido, o profesor estadounidense recomendou “non chegar a unha situación de acidose, na que se deterioran a vellosidade do rume, aínda que sexa puntual, porque penaliza a inxesta, a absorción de nutrientes e a produción, e é moi difícil recuperar a situación previa”. A este respecto, lembrou que “o ideal é manterse nun nivel de PH ruminal de 6”, e advertiu de que no caso das vacas en produción ás que se lle subministra o penso por separado -por exemplo nas que fan pastoreo- ao comer o penso dúas ou tres veces ao día durante o muxido, e dixerilo dunha forma rápida, o que se provoca é unha baixada do PH ruminal até 5,2, que posteriormente ao volver dixerir pasto volve subir a até o 6,8. Ademais, advertiu de que “con PH ruminais baixos paralízase o crecemento das bacterias encargadas de dixerir a fibra da forraxe, e baixa a produción de ácido acético, precursor da graxa do leite, e prodúcese unha depresión da cantidade de proteína global no rume, ademais dunha redución da inxesta de materia seca”. “É moi frecuente que cando hai unha menor inxesta de comida por parte das vacas a gandeiro tenda a picar máis a ración, pero desa forma a graxa e a proteína do leite non van subir”, engadiu. Por outra banda, Jud Heinrichs destacou que comparando o carro mesturador co sistema de pastoreo, o primeiro adoita ser entre un 5 e un 15% máis eficiente para a produción de graxa en leite, debido a que “o aproveitamento dos nutrientes da forraxe, en termos de carbohidratos é mellor, e ao non dar o penso só as oscilacións do PH ruminal tamén son menores, de entre o 5,8 e o 6,2”. Tanto nun caso como noutro, engadir fermentos vivos á ración pode ser unha solución efectiva para corrixir as oscilacións do PH ruminal e mellorar o funcionamento do rume.

Variación do PH no rume en pastoreo, entre 6,8, cando está pacendo o gando, e 5,2, cando come o penso: 

Fonte: Jud Heinrichs

-Proporción de penso e forraxe na ración:

Segundo Jud Heinrichs, a forraxe debe representar un mínimo do 55% do peso da materia seca da ración. “En Estados Unidos no pasado traballouse con racións con máis concentrado que forraxe, alimentando ás vacas coma se fosen porcos, pero iso abandonouse porque provocaba menores niveis de graxa e de proteína en leite e máis problemas de acidose”, explicou. Neste sentido, o profesor da Universidade de Pensilvania explicou como afecta a relación de forraxe e concentrado da ración ao cociente entre ácido acédico e acedo propiónico. “Cun 100% de forraxe non se cubrirían as necesidades nutricionais, sobre todo de enerxía, dunha vaca de alta produción de leite. E cunha proporción de 60% de concentrado e 40% de forraxe teriamos un cociente de 2,3:1 , e por baixo dese cociente non deberiamos pasar. O ideal é un 65% de forraxe, pero tendo en conta a forraxe efectiva, o que come a vaca, porque podemos estar nunha ración teórica dun 60% de concentrado e un 40% de forraxe, pero a real ser dun 50% cada un”, explicou Jud Heinrichs.

Influencia da proporción de forraxe e penso da ración na producción de ácido acético e propiónico no rume: 

Fonte: Jud Heinrichs

-Evitar o amontoamento:

O amontoamento do gando pode deberse a que hai menos prazas que animais ou porque as vacas acceden mal ao pesebre, de forma que cando o fan van realizar unha comida grande e de forma rápida, provocando unha baixada do PH ruminal, que posteriormente se vai recuperando a medida que a vaca realiza comidas máis pequenas. Cando a corte está saturada e as cornadizas son de autotrabantes, e non de libre acceso, a situación aínda empeora. “O amoreamento é unha situación bastante frecuente que provoca que gandarías que poderían producir leite cun 3,8% de graxa, estean nun 3,5, e iso é bastante diñeiro”, asegurou. A este respecto, recomendou pasar máis tempo observando o comportamento das vacas para ver se todas comen ao mesmo tempo, se escollen os alimentos e por tanto non se corresponde a ración sobre o papel coa real, medir cantas horas están as vacas fose do pesebre ou se a ración no carro realízase sempre da mesma forma.

-O robot de muxido:

Coa instalación do robot o normal é que a vaca sexa muxida entre 4 e 5 veces ao día, e reciba cada vez a súa dose de penso. Con todo, Jud Heinrichs advertiu de que se non varía o tipo de penso as calidades de graxa en leite poden baixar debido a unha diminución do PH ruminal. Neste sentido, as recomendacións de Jud Heinrichs son pór no robot o mínimo de penso, o xusto par que a vaca vaia muxirse -a media está entre 4 e 5 quilos de penso en robot por vaca e día-; elixir un penso con máis amidón, máis dixestible, e en formato pellet, con máis fibra, mentres que o penso máis proteico iría no carro mesturador.
<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

“É clave que os gandeiros logren forraxes moi dixestibles e con baixa lignina”

Jud Heinrichs é un dos investigadores máis prestixiosos a nivel internacional en estudo da alimentación de gando vacún de leite. Profesor na Universidade de Pensilvania, é o co-inventor de Penn State Forage e do TMR Particle Size Separator, dous instrumentos utilizados por moitos nutrólogos e gandeiros en todo o mundo para coñecer o valor estrutural das forraxes dunha maneira sinxela e barata. Recentemente participou no congreso de ANEMBE en Vigo e nunha xornada organizada por Alltech no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). No teu relatorio falaches da importancia do tamaño de partícula no corte do millo e da herba durante o ensilado para que a vaca poida aproveitar ao máximo o valor estrutural da fibra da forraxe para garantir saúde ruminal e incrementar a produción de sólidos no leite, especialmente graxa. Cales serían os tamaños recomendados? Para o silo o tamaño ideal sería entre un mínimo de 4 e un máximo de 19 mm pois desa forma mellórase tamén moito a mestura da ración, aforrando tamén tempo na execución da mestura. Ademais, a fibra é moito máis efectiva. Cales serían as claves no manexo das forraxes para aumentar a produción de graxa no leite? A clave é lograr que a fibra sexa dixestible: baixa lignina e alta dixestibilidade. Debemos centrarnos na dixestibilidade da fibra das forraxes. Falas dunha proporción de alimentos na ración dun 50% de forraxe e dun 50% de concentrado. Cal sería a proporción ideal, falando de saúde ruminal? A miña recomendación sería chegar a un 60% da materia seca da ración a partir de forraxe e o ideal ao 65%, e o resto de concentrado. Debería ser o obxectivo da ración. Pero para chegar a esa proporción deberiamos lograr forraxes de moi boa calidade. En que calidades vos movedes en Estados Unidos en canto a silo de millo e silo de herba? É moi parecido a aquí: en silo de millo un 30% de materia seca, un 45% de fibra neutro deterxente e unha proteína de entre o 7 e o 8%. Temos a percepción de que en Estados Unidos a maioría das granxas contan con miles de vacas. Que hai de certo? A maioría das gandarías de vacún de leite en Estados Unidos son de tipo familiar e non son ese tipo de granxas de miles de vacas. Si é certo que na costa Oeste poden ser máis grandes, pero a maioría das granxas de Estados Unidos localízanse nas rexións do centro e na costa Este e son de tipo familiar, de tamaño pequeno. É certo que en California ou Arizona hai granxas de miles de vacas, pero a maioría en Estados Unidos son granxas familiares, e son explotacións igualmente competitivas. Cal é a media de produción de sólidos no leite en Estados Unidos? Está a cambiar tamén o tipo de leite que pide a industria? Cada vez prodúcese máis leite no mundo e o comercio cada vez é maior. O que pide a industria é leite con cada vez máis graxa e proteína porque é o que realmente ten valor e é o que ten cada vez maior demanda, non mover auga quente dun lugar a outro do planeta, iso sobra. Que fortalezas e debilidades ves nas gandarías de vacún de leite de Galicia? As fortalezas é ter boas forraxes e explotacións familiares. As vacas e o millo forraxeiro e o penso son os mesmos que en Estados Unidos. A clave é que os gandeiros participen na cadea de valor, industrializando o seu leite, porque iso dá estabilidade e maiores prezos do leite. Do contrario, son as industrias as que fixan as condicións de canto leite compran, a quen llo compran e a que prezo. Esa é a principal limitación para moitos gandeiros en todo o mundo. É un paradoxo que mentres que os gandeiros cada vez teñen marxes cada vez reducidas as industrias lácteas logran récords de beneficios.

Así funciona o TMR Particle Size Separator, un sistema sinxelo para coñecer o valor estrutural da fibra das forraxes ou da ración completa

Jud Heinrichs impartiu no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha xornada sobre mellora da calidade do leite a través da alimentación, que finalizou cunha demostración práctica do TMR Particle Size Separator, o separador de partículas do que é coinventor e que permite medir de forma sinxela e barata a calidade estrutural da forraxe. O separador consiste nun caixón rectangular con 4 reixas no seu interior de distinto calibre, de entre 4 e 19 milímetros, que peneiran a forraxe ou a ración completa separando os compoñentes por tamaño de partícula. Desta forma estímase a fibra efectiva de calquera ingrediente ou ración completa. O resultado final son 4 moreas con distintos tamaños de partícula, de maior a menor tamaño. “O obxectivo é que a maior parte da forraxe estea nos montóns 2 e 3, para lograr niveis adecuados de fibra efectiva. Se a maior parte da forraxe está no montón 1, o de maior tamaño, a vaca terá que pasar moito tempo remoendo e baixará a inxesta de materia seca”, explicou Jud Heinrichs. Os obxectivos aproximados para cada unha das peneiras, para o caso dunha ración total, son: -Primeira morea (> 19 mm): aquí quedarían as partículas máis groseiras, aquelas que limitan a inxesta. Sobre a ración total, non debería representar máis do 8% do peso do total da mostra expresado en materia tal cal. -O segundo e o terceiro montón, (entre 4-8 mm) deberían representar entre o 40 e o 70% do peso da mostra. -No cuarto montón (<4 mm) que se corresponde co alimento máis fino, non debe representar máis do 40% do total. É o amidón da forraxe, que é mellor que estea repartido nas moreas 2 e 3. Segundo Henrique Prado, representante de Alltech no noroeste peninsular, “o obxectivo é achegar os niveis adecuados de fibra efectiva para asegurar saúde ruminal, sen comprometer os niveis de inxesta e, por tanto, de produción”.

Resultados do peneirado de distintas forraxes: 

Alltech presenta en Galicia a Keenan, o carro mesturador especial para forraxes

A empresa Alltech presentou este martes en Gandería Vieito, en Láncara (Lugo), o seu carro mesturador Keenan, unha nova máquina deseñada especialmente para as explotacións de vacún que producen forraxes propias. E é que as novidades que incorpora esta máquina permiten un mesturado óptimo de pacas e rolos de herba, entre outros, reducindo os custos de produción. Ante uns 50 gandeiros, os responsables de Alltech e de Keenan -empresa líder en solucións agropecuarias en Irlanda e adquirida recentemente por Alltech- presentaron en Láncara as principais innovacións da “Máquina Verde”. Así, grazas á tecnoloxía Meca-FibreTM, mellórase a calidade do corte e das mesturas obtidas grazas ás coitelas fixas e ás paletas almenadas. “Isto repercute nun aumento medio do índice de conversión nun 16%”, destacan desde Alltech. Ademais, a mesturadora Meca-FibreTM destaca pola súa versatilidade, xa que permite traballar con pacas enteiras e rolos, sen problemas de atascamentos. En canto á potencia necesaria para o funcionamento da mesturadora Meca-fibreTM, desde Alltech destacan que “é un 28 % menor que a doutras mesturadoras de capacidade similar, permitindo aforrar ata un 20% de combustible do tractor”. Desde a empresa incidiron tamén en que a incorporación gradual das fibras na mesturadora, mantén en bo estado o embrague do tractor. Racións homoxéneas e á carta A descarga da ración realízase a través dunha comporta tipo guillotina situada ao longo da máquina (con patente de Keenan) que garante unha descarga uniforme das racións, incluídas as máis fibrosas, sen compactala, e conseguindo unha ración homoxénea en todo o proceso da distribución. Outra característica que destacan os fabricantes de Keenan é que “grazas ao compartimento estanco da mesturadora Meca-fibreTM, poden engadirse a auga e a melaza á ración para mellorar o seu aproveitamento”. Por último, desde Alltech salientan que a mesturadora Meca-fibreTM permite preparar racións homoxéneas con alto contido en fibra para as vacas secas ou preparar pequenas mesturas específicas, como as racións secas para os tenreiros e os xatos. As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao correo: alltechspain@alltech.com Vídeo de funcionamento da mesturadora Meca-fibreTM:

Alltech selecciona titulados universitarios recentes para o seu programa formativo

O mundo podería estar ao alcance da man para estudantes de todo o planeta a través do cuarto Alltech Corporate Career Development Program, celebrado cada ano. Está aberta a convocatoria para o envío de solicitudes online do 17 de agosto ao 30 de setembro. Alltech invita a recentes titulados universitarios que teñan titulación de grao ou licenciatura, ou Máster, a enviar a súa solicitude para o programa, que comezará en febreiro para o grupo de 2016.

Atractivas oportunidades agardan a dez titulados universitarios de alto nivel entusiasmados por traballar con expertos nos campos da ciencia, a acuicultura, a agricultura e a gandaría, a mercadotecnia e as vendas, a ciencia veterinaria, as tecnoloxías da información, os negocios e a biotecnoloxía. Alltech ten como obxectivo formar futuros líderes na industria da agroalimentación, e valora o desenvolvemento do talento a longo prazo a través do Alltech Corporate Career Development Program, que empezou en 2012. A compañía de saúde e nutrición animal está presente a nivel global en 128 países, e vai camiño de converterse nun negocio de catro mil millóns de dólares nos próximos anos.

Unha oportunidade única na súa vida profesional

“Esta é unha oportunidade única que marcará un antes e un despois na vida dos recén graduados, permitíndolles interactuar con compañeiros de profesión doutros países, desenvolver tanto as súas habilidades técnicas como interpersoais, e compartir as súas ideas frescas e innovadoras” dixo a doutora Aoife Lyons, directora de iniciativas formativas en Alltech. “En anteriores edicións doCareer Development Program, os participantes traballaron nunha diversidade de campos, que inclúen auditoría interna en Latinoamérica, a coordinación das iniciativas formativas de Alltech, e o desenvolvemento do mercado da ciencia do cultivo en Alemaña. Loitamos ao máximo para conseguir combinar os intereses dos aspirantes seleccionados para o programa coas necesidades globais de Alltech”.

O Programa, de doce meses de duración, supervisado por mentores de Alltech e cun salario asignado, empezará cun período de formación intensiva na sede central mundial de Alltech, en Lexington, Kentucky, Estados Unidos, onde os titulados universitarios estudarán temas que inclúen a enerxía sostible, as comunicacións, a mercadotecnia e os negocios internacionais. A continuación, proseguirán a súa formación e desenvolvemento á vez que traballarán en varios proxectos clave para a compañía nalgunha das oficinas que Alltech ten no mundo, guiados e tutelados por directivos veteranos.

Experiencias dos estudantes en Alltech

Cody Hutchins, dos Estados Unidos, foi incorporado ao Programa o ano pasado, e actualmente encóntrase traballando en múltiples proxectos en Beijing, China. Un deles consiste nunha nova colaboración con cinco empresas punteiras para crear unha explotación porcina sostible; ademais, tamén está a axudar nunha estratexia comercial para os mercados da acuicultura e das algas en China.

“A miña experiencia en Alltech foi incrible, e non deixa de marabillarme coa cultura apaixonada que fai que a empresa creza” dixo Hutchins. “Alltech realiza o magnífico labor de equipar as persoas para actuar con celeridade cando xorden as oportunidades. O resultado é un ámbito vertixinoso, divertido e emocionante. Se queres unirte para resolver algúns dos problemas máis incitantes do noso mundo, mentres viaxas e aprendes a través da experiencia, non o dubides e envía a túa solicitude. ”

Invitamos aos titulados universitarios interesados a presentar a súa solicitude dentro do prazo que vai do 17 de agosto ata o 30 de setembro a través da páxina web Alltech Career Development Program. Os candidatos deberían ser persoas cun forte sentido de equipo, con excelentes habilidades para a comunicación e con gran soltura en inglés, ademais doutro idioma como vantaxe engadida.

Axudas para a instalación de enerxías renovables nas áreas rurais

O INEGA ven de convocar as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de enerxías renovables, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

A convocatoria para o ano 2015 é en réxime de concorrencia competitiva e a ela poderán presentarse empresas, familias, concellos, entidades sen ánimo de lucro e a propia Xunta de Galicia.

O orzamento das axudas é de 1,33 millóns de euros. Desta cantidade, 1 millón destínase a subvencionar proxectos de geotermia e a restante cantidade a proxectos de enerxía solar con fins térmicos e de aerotermia, un sistema de bombas de calor alimentadas por electricidade.

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Alltech presenta a gama Excellence en Figan

Alltech participará na próxima edición de Figan, Salón Internacional de Produción Animal, que se celebrará do 17 ao 20 de marzo de 2015 en Zaragoza. Esta será unha excelente oportunidade para presentar as súas novidades e as súas próximas iniciativas.

Unha empresa líder global dentro da industria da saúde e nutrición animal e unha das 10 compañías máis importantes en saúde animal do mundo; dedícase á procura de solucións científicas aos maiores desafíos da industria agropecuaria e do alimento.

Gama Excellence

Alltech presentará a nova gama de produtos Excellence. Unha nova liña que aportan unha nutrición de precisión ao alcance do gandeiro e que maximiza o potencial xenético dos animais. Excellence consegue unha máxima rendibilidade sen incremento de custo grazas ás súas cinco plataformas; dixestiva, proteica, micotoxinas, nutrición mineral e calidade, que xuntas axudan a maximizar a eficiencia e sustentabilidade das explotacións.

Aberta a convocatoria de Alltech para premiar aos mozos investigadores

Alltech abriu oficialmente a convocatoria 2015-2016 de Alltech Young Scientist,  a competición universitaria máis importante do mundo que premia  a innovación científica e a investigación experimental nas ciencias agroalimentarias.

“Nos últimos 10 anos, seguimos a estudantes de todo o mundo na súa investigación de temas, que van desde a detección da salmonela na carne e nas aves, ata as proteínas do gran de trigo enriquecidas con CO2”, dixo o Dr. Pearse Lyons, presidente e fundador de Alltech.

“Estas mentes novas e brillantes están revolucionando o xeito de abordar os retos do noso sector, e Alltech enorgullécese de promover a estes novos líderes nos seus obxectivos científicos”.

Os gañadores rexionais recibirán premios en efectivo; e oito finalistas serán invitados a participar na competición para recibir os máximos honores na conferencia internacional anual de Alltech sobre innovación en maio de 2016, en Lexington, Kentucky, EE.UU.

O primeiro premio para o gañador con título universitario é de 10.000 dólares, e o primeiro premio para o gañador que aínda estea cursando os seus estudos universitarios é de 5.000 dólares.

Prazo de presentación dos traballos ata o 31 de decembro

Os estudantes poderán presentar os seus traballos científicos en ámbitos como as ciencias animais, a agronomía, as ciencias dos alimentos, as ciencias do medio ambiente, a economía aplicada á produción de alimentos e a acuicultura. Os traballos serán xulgados por un panel de profesionais da industria. O período para inscribirse e presentar os traballos está aberto en internet ata o 31 de decembro de 2015.

Ademais da inscrición directa do estudante, o programa actualmente ofrece ás organizacións e departamentos universitarios dedicados á investigación a oportunidade de converterse en socios afiliados do Programa Alltech Young Scientist.

Como socio afiliado, os gañadores das competicións locais pasan pola vía rápida ás competicións rexionais do Programa Alltech Young Scientist e benefícianse dunha gama de prestacións académicas, orientadas á carreira universitaria.

Para máis información e para inscribirse no Programa Alltech Young Scientist, visite: AlltechYoungScientist.com e permaneza conectado co programa a través da páxina en Facebook (https://www.facebook.com/AlltechYoungScientist).

Vídeo de entrega de premios de 2014:

Colin Powell inaugurará a “REBELation Week” de Alltech

Xeneral de catro estrelas, que serviu baixo o mandato de catro presidentes de Estados Unidos, ocupando diferentes cargos que comprenden o de Conselleiro de Seguridade Nacional, Presidente da Xunta de Xefes de Estado Maior das forzas armadas e o 65º Secretario de Estado norteamericano. Colin Powell é estratega, diplomático e líder. O luns, 18 de maio, Colin Powell compartirá as súas reflexións sobre o liderado cos asistentes internacionais á cerimonia oficial de inauguración da REBELation Week de Alltech, en Lexington, Kentucky, EE UU.

“O xeneral Powell traballou sobre o terreo nalgúns dos recunchos máis inestables da nosa comunidade internacional, co fin de xerar confianza e desenvolver alianzas que sentaron as bases para a transformación. Un home coa forza multiplicadora do optimismo perpetuo, un home que ve potencial, posibilidade e oportunidade en lugar de crise; cústame pensar noutra persoa máis adecuada para inaugurar a nosa REBELation Week, dedicada á inspiración, innovación e ideas que cambian o mundo”, dixo o Dr. Pearse Lyons, presidente e fundador de Alltech.

Aberto o prazo de inscrición para asistir á REBELation Week

Por outra parte, abriuse o prazo de inscrición para asistir á REBELation Week de Alltech, cun desconto aplicable ata a medianoite do 7 de marzo. Están á súa disposición pases dun día, do mesmo xeito que unha tarifa especial para os acompañantes. Todas as actividades da REBELation Week están abertas ao público, aínda que é necesario rexistrarse por anticipado.

Para maior información, ou para solicitar unha invitación, póñase en contacto co seu representante de Alltech na súa localidade, visite www.alltech.com/REBELation  ou envíe un e-mail symposium@alltech.com. Únase á conversación en Twitter co hashtag #REBELation.