Archives

Abre a nova fábrica de pensos de Nudesa no polígono industrial de Silleda

Vista aérea da nova planta de Nudesa en Margaride. Foto: CEDIDA

A marca de pensos Nudesa abre unha nova fábrica no polígono industrial de Silleda para modernizar a súa forma de producción, así como para abordar novos mercados e productos. A súa visión centrouse no deseño dunha empresa que incorpora as últimas tecnoloxías, e a informatización e automatización de todos os procesos. Ademais, esta fábrica conta coas últimas innovacións en pensos medicamentosos, co cal, asegura a máxima calidade de producto e unha maior seguridade alimentaria.

A nova planta de NUDESA duplicará a capacidade de produción actual ata as 28.000 toneladas mensuais de penso, cun proceso totalmente automatizado. A empresa dezá, con máis de 30 anos de historia e unha facturación no último exercicio que chegou aos 124,5 millóns de euros, prevé que comezarán a subministrar en maio penso elaborado na nova planta. 

Fondevila indicó que con esta segunda factoría se duplicará la producción hasta las 28.000 toneladas de pienso mensuales, permitiendo además mayor eficiencia y calidad en el granulado gracias a un proceso 100 % automatizado.

A infraestructura contou cunha forte inversión que non só lle permite aumentar a capacidade de producción, senón que lles vai permitir “explorar novos mercados, con productos tecnolóxicamente mellorados. Deste xeito, o noso departamento de I+D poderá investigar no deseño de novos productos, que nos permitan dar resposta aos novos retos que nos plantexan os clientes”, sinalan desde Nudesa.

Nesta nova industria todos os procesos estarán informatizados e automatizados “desde a recepción da materia prima ata a carga do penso nos camións, cuestión que mellora a eficiencia enerxética e permite unha maior precisión dos procesos”, explican. Así mesmo, isto tamén permitirá a eliminar a posibilidade de contaminación cruzada cos pensos medicamentosos, “que aínda que na actual fábrica tampouco existe, neste caso o proceso será moito máis sinxelo”, avanzan.

Ademais, esta nova aposta na comarca do Deza recibiu o terceiro premio internacional ‘Steel Lion Award’ pola estructura da súa nave almacén. “Felicitamos a Calmesa Estructuras todo o seu traballo e agradecemos a dedicación a todo o seu equipo de traballo”, agradecen desde Nudesa.

Nudesa

Nos seus inicios era unha empresa familiar dedicada á alimentación animal, e especializada no sector porcino. Hoxe en día, é unha empresa líder e punteira no sector que ten como obxectivo fundamental “ofrecer o mellor alimento posible aos animais, e conseguir que estes pensos sexan aproveitados da maneira máis eficiente e sostible”, engaden.

Ademáis de vender pensos para porcino, vacún, aves, coellos, cordeiros, cabalos e mascotas, ofrecen unha serie de servizos aos seus clientes; desde asesoría técnica porcina ou servizos veterinarios, a servizos de enxeñería e de análise de laboratorio. Deste xeito, Nudesa engloba un equipo multidisciplinar que “axuda ao gandeiro con asesoría técnica, nutrición, sanidade, instalacións, etc. para que a súa explotación sexa sá, rentable e sostible”, detallan desde a entidade.

Xornadas de portas abertas da nova fábrica

Durante esta semana, 10, 11 e 13 de abril, Nudesa está a organizar unhas xornadas de portas abertas na nova fábrica no polígono industrial de Silleda enfocada a todas aquelas persoas e empresas relacionadas co sector. Ademáis dun percorrido polas instalacións, a entidade levará a cabo diversas charlas sobre retos e desafíos do sector. A invitación que fai a empresa é válida para dúas persoas e será necesario inscribirse a través do 986 58 12 00 ou enviando un mail a nudesa@nudesa.com.

Mércores 10 de Abril. Xornadas para Sector Porcino
17:00 Benvenida
Afrontando retos xuntos con Mar Lara, veterinaria de Nudesa
Perspectivas de futuro con Pep Font, veterinario e fundador empresa SIP
18:00 Visita instalaciones
18:30 Cóctel despedida

Xoves 11 de Abril. Xornadas para Vacún de Leite
11:00 Benvida
Futuro da producción de leite en Galicia con Gonzalo Domingo, veterinario de Nudesa
Novos desafíos: nutrición animal e sustentabilidade con Xan Rodríguez, Técnico de Alltech
12:00 Visita instalacións
12:30 Cóctel despedida

Xoves 11 de Abril. Xornadas para Vacún de Carne
17:00 Benvida
A nosa aposta: A Calidade con Sem Rodríguez, veterinario de Nudesa
Pasado, presente e futuro do vacún de cebo con Pepe Roquet, Director Técnico de Altech
18:00 Visita instalacións
18:30 Cóctel despedida

Sábado 13 de Abril. Xornadas para Distribuidores
17:00 Benvida
Manual puntos críticos e APPCC e outros puntos de interese
Rega avicultura e actualidade con Cistina Toubes, responsable de calidade de Nudesa
18:00 Visita instalacións
18:30 Cóctel despedida

Fotos do interior da nova planta e das xornadas de portas abertas: 

 

Case a metade da produción de penso de Asturias e Cantabria xa está controlada por Galis, o sistema galego de seguridade alimentaria

Galis, o sistema de seguridade alimentaria creado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), amplía a súa presenza no norte de España con dúas novas adhesións, os asturianos Almacenes Francos e a galega Naturleite, polo que o modelo sectorial xa realiza controis a case o 50?% da produción de Asturias e ao 45% da de Cantabria. En Galicia a porcentaxe roza o 100%. A incorporación destas dúas factorías supón un paso máis na aposta de Galis por ofrecer a todos os fabricantes de pensos un modelo de control sectorial de materias primas rigoroso e eficiente. “É un novo reto para o sistema porque significa que cada vez hai máis fábricas que nos dan a súa confianza “, indica Bruno Beade, director de Agafac e xerente de Galis. O acordo alcanzado con Almacenes Francos e Naturleite permitirá a estas factorías ter á súa disposición toda a infraestrutura e a tecnoloxía en seguridade alimentaria de Galis, que é pioneira en España nos controis de calidade realizados desde o propio sector, unha actividade que incrementa a seguridade da cadea alimentaria. Actualmente, Galis reúne a un total de 58 fábricas de alimentación animal, 53 das cales están en Galicia. O resto das factorías adscritas atópanse no Principado de Asturias, Cantabria e Portugal. O salto internacional de Galis produciuse en 2023 tras o acordo asinado con Cevargado, fábrica situada no distrito do Porto, que desde entón somete as materias primas coas que elabora os seus pensos aos estritos controis de seguridade que Galis realiza desde hai 18 anos.

Sobre Galis

O sistema Galis foi creado en 2005 pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) e ten o seu laboratorio no porto da Coruña. As súas análises axudan a detectar posibles contaminacións nas materias primas (millo, trigo, soia, etc..) a través de controis baseados en puntos de control críticos das fábricas e empresas adheridas ao programa, que abarca a totalidade do proceso, involucrando aos axentes responsables da fabricación e tamén ao sector veterinario, agrícola e gandeiro.

“Logramos que a vaca sexa máis eficiente coa mesma ración e que produza entre 1,5 e 2 litros máis de leite ao día”

Josef Rous é director xeral BODIT, a empresa creadora de Optipartum C+, un produto natural a base de encimas que logra mellorar a eficiencia enerxética das vacas, incrementando entre 1,5 e 2 litros de leite a produción diaria por vaca coa mesma ración. Esta semana visitou Galicia, onde Optipartum C+ está a ter unha gran acollida entre os gandeiros Que traballo desempeñas actualmente en BOTIT, a empresa creadora de OPTIPARTUM C+? Son Josef Rous, director xeral dunha empresa especializada en produtos alimentarios para rumiantes na República Checa, chamada BODIT. O meu pai e eu creamos esta empresa en 1992 e a multinacional británica AB Agri adquiriuna en 2015. A miña función é supervisar o crecemento dese negocio, e síntome máis satisfeito cando estou en granxas e con distribuidores no estranxeiro axudándolles a utilizar e lograr melloras no rendemento do gando grazas a nosa nosa exclusiva oferta de produtos para rumiantes. Por que decidiches centrar o teu traballo en desenvolver un produto que mellore a eficiencia alimentaria dos rumiantes? Encántame traballar con animais xa que sempre dan unha resposta honesta. Poderíase dicir: "as vacas non menten". Temos 2 ou 3 produtos únicos para rumiantes, e o que mellora a eficiencia alimentaria é o máis popular, xa que é unha maneira fácil para de que os gandeiros gañen máis diñeiro. Sempre me fascinou observar os animais -”pensar como unha vaca”- e ler libros antigos que os gandeiros consultaban na época comunista. Inspireime niso para establecer o que creo que é unha tecnoloxía única, efectiva e fácil de usar, e que é 100% natural. Neste sentido, que cantidade de almidón en media poderíase estar a perder nas explotacións de gando leiteiro e que impacto económico podería ter isto? Para facilitar as cousas na granxa, animamos aos gandeiros (ou ao seu nutrólogo) a realizar unha simple inspección física dos excrementos das vacas. Isto é para que vexan o cambio na consistencia das feces despois de usar a tecnoloxía que ofrecemos. Máis recentemente, a medida que melloramos a formulación do produto para poder utilizar só 40 gramos de Optipartum C+/vaca/día, levamos a cabo algunhas análises de laboratorio das feces, medindo especificamente a porcentaxe de almidón que contiñan. O que notamos foi que mesmo nos rabaños de alto rendemento, onde non hai material físico aparentemente visible nas bostas, as vacas excretan entre un 3 e 4% de almidón en base a materia seca.
 “O almidón que se perde a través das feces das vacas redúcese nun 40% despois de 30 días utilizando Optipartum C+”
Despois de 30 días, utilizando as mesmas vacas numeradas, puidemos mostrar unha caída de máis do 40% en almidón nos excrementos. Tamén debemos lembrar que existe un 'efecto fibra' coa tecnoloxía (de aí o cambio físico das bostas despois de 10 días) e é a mellora combinada do almidón e parte da fibra o que resulta na liberación de máis enerxía da mesma ración. O impacto económico que esperaremos ver é de entre 1,5 e 2 litros de leite adicionais ao día ao cabo de entre 30 e 60 días. Isto lógrase facendo que a vaca sexa máis eficiente coa mesma ración, e sen que o gandeiro ou o nutrólogo realicen cambios na ración do rabaño. O noso enfoque é traballar coa ración que o gandeiro e o seu asesor estableceron (e demostrar o que as súas vacas realmente poden lograr con esa ración) cunha simple adición diaria de 40 gramos por vaca ao día de Optipartum C+ Que diferenza a Optipartum C+ do resto de produtos do mercado? Do único que podo falar é de Optipartum-C+. É unha mestura 100% natural de máis de 5 enzimas naturais diferentes. Cando se lles dá ás vacas, vemos un efecto sinérxico dentro do rume. Non é un aditivo sintético baseado en transxénicos; é simplemente un ingrediente alimentario que contén altos niveis de encimas naturais que actúan simultaneamente no rume. En lugar de comparar características con outros produtos, preferimos "escoitar ás vacas" e ver como melloran a súa eficiencia alimentaria co produto. Estamos máis interesados no que o gandeiro ve en termos de máis leite que en comparar a nosa tecnoloxía con outros produtos de rendemento. O que é importante dicir é que antes de que un gandeiro comece a usar Optipartum-C+, gústanos preguntar se está a usar algo na súa ración que se dirixa especificamente ao almidón e algo de fibra. Aquí é onde encaixa Optipartum-C+: traballar coa ración existente, dunha maneira diferente e complementaria. Como actúa este produto no sistema dixestivo da vaca para lograr un mellor aproveitamento do almidón e a fibra? De que porcentaxes de eficiencia podemos estar a falar? Mencionei anteriormente o impacto que vemos nos niveis de almidón nas feces. Creo que a mellor redución da excreta de almidón que teñamos visto é do 46%. Para ser xustos, unha vez que medimos a caída de almidón no esterco en varias granxas, puidemos ver o modo de acción e logo simplemente centrámonos na produción de leite como a nosa medida preferida de rendemento. Ver as melloras nas bostas é un bo indicador da eficacia do noso produto, pero é o aumento na produción de leite a medida máis importante de mellora do rendemento. A análise in vitro utilizando líquido ruminal demostra inequivocamente que o efecto encimático atópase dentro do rume.
“Optipartum-C+ é un produto fácil de usar, non hai que cambiar a ración, e os resultados son entre 1,5 e 2 litros máis de leite ao día por vaca”
Afirman que con Optipartum C+ as vacas logran aumentar a produción até 2 litros de leite diarios coa mesma ración. Con que datos o certifican? A nosa media típica de aumento de leite en granxas reais en funcionamento é de entre 1,5 e 2 litros. Unha das razóns do éxito de Optipartum-C+ non é só o fácil que é de usar, senón tamén o fácil que o fixemos para que os gandeiros midan o seu rendemento nas súas propias granxas. Utilizamos probas con rabaños completos para facilitar a tarefa aos granxeiros, quen logo simplemente o engaden a todas as racións da granxa. Non recompilamos ningún dato adicional dos que o gandeiro xa recompila. Simplemente mostramos como se está comportando o seu rabaño en cada etapa da lactación o día 1 e comparámolo con vacas nas mesmas etapas de lactación o día 30 ou 60. Usando as cifras de rendemento e porcentaxe de graxa do propio granxeiro, simplemente mostramos a diferenza. Non utilizamos enfoque estatístico, nin informes con 3 decimais. A maioría das veces, o gandeiro xa sabe e pode comprobar por si que o rendemento das súas vacas aumentou antes de que revisemos os datos con eles. Cales son as recomendacións para administrar este produto a animais? Temos que porllo fácil. Non o “administramos”; como é un ingrediente do alimento, simplemente o “suplementamos” ás vacas. Os gandeiros son persoas ocupadas con moitos detalles diferentes cos que lidar cada día. Hai un criterio simple que cumprir, porque sabemos onde funciona a tecnoloxía e onde non. Se unha ración contén un mínimo de 20 % de almidón (base de materia seca), entón sabemos que debemos agregar Optipartum-C+ á TMR. Se a ración é inferior ao 20% de almidón, aínda veremos cambios nas excretas e a vaca dixerirá o almidón (e algo de fibra) de maneira máis eficiente; porén, non hai suficiente almidón dispoñible para mover a agulla do leite. A nosa estratexia é simple: alí que se alimente ás vacas con millo, podemos esperar de maneira confiable que o almidón supere o 20% na ración e, por tanto, simplemente seguimos o millo en todo o mundo. Curiosamente, o Reino Unido, debido á súa dependencia do ensilaxe principalmente de pasto, é un mercado moi pequeno para esta tecnoloxía.
 Fornécese a razón de 40g/vaca/día en racións con silo de millo engadíndoo directamente no carro mesturador
Lembremos: estamos a incorporar Optipartum-C+ para producir máis leite. Fornécese como unha fariña seca moída grosa e de fluxo libre que se agrega directamente ao carro mesturador ou se premezcla nunha premezcla ou mestura concentrada. Fornécese a razón de 40g/vaca/día. Non recomendamos agregalo en gránulos compostos. Como inflúe a calidade da ensilaxe de millo nos resultados de Optipartum C+? Sabemos que Optipartum-C+ é unha ferramenta moi valiosa para que a utilicen os gandeiros a principios de outono, no caso de que necesiten alimentar con silo de millo inmaduro. Centrámonos no millo (almidón) en lugar da ensilaxe de pasto, xa que sabemos que se o almidón non alcanza o 20%, independentemente da fibra na ración, non vemos a resposta do produto na produción de leite. A medida que mellora a calidade do silo de millo, seguimos vendo a resposta do leite, o que nos leva de novo á simple medida da porcentaxe de almidón, en lugar da a calidade do almidón, que determina se Optipartum-C+ dará resultados. Cando empezas a notar os primeiros resultados? Existen variacións nas porcentaxes de graxa e proteína do leite? Se empezamos a empregalo o día 1, cara ao día 10 veremos como as feces cambian, volvéndose máis suaves e cremosas. Esta é unha medida moi importante xa que mostra ao gandeiro que as súas vacas están a responder positivamente a Optipartum-C+. Estamos a iniciar o cambio na eficiencia das vacas coa mesma ración. Non vemos ningún cambio no leite debido a Optipartum-C+ durante polo menos 3 semanas. Para o día 30, podemos empezar a ver o cambio observando os datos de cada vaca. Se as medias e os datos do tanque só están dispoñibles, entón utilizamos unha proba de alimentación de 60 días. Cada ración e rabaño é diferente, e vemos diferentes efectos sobre a porcentaxe de graxa e proteína segundo a época do ano e os días en leite de cada vaca do rabaño. Se a ración é capaz de producir máis graxa, normalmente esperamos ver que o cambio comece entre o día 30 e o día 60. Se realizamos unha proba entre setembro e decembro, entón é moi importante medir a porcentaxe de graxa para o rendemento xeral das vacas. Non adoitamos ver un cambio na proteína do leite, pero o que pode suceder é que a urea no leite baixe, como efecto indirecto ao liberar máis enerxía da ración.
 Optipartum-C+ permite mellorar o balance enerxético da vaca, e por tanto mellora a fertilidade
Ademais do aumento da produción, que outros efectos destacarías da administración de Optipartum C+? Optipartum-C+ permite mellorar o balance enerxético da vaca, co que podemos ver unha serie de melloras ademais dos cambios na produción de leite e dos sólidos. Os gandeiros infórmannos dunha mellora na fertilidade e nas taxas de crecemento como resultado da mellora do estado enerxético. Tamén veremos unha caída na cetose. Gústanos dicir que Optipartum-C+ axudará a que as vacas boas sexan mellores, non fará que as vacas malas sexan boas. Debido ao desfasamento de 3 semanas entre a alimentación de Optipartum-C+ e a adaptación da vaca aos cambios ruminais, recomendamos aos gandeiros que consideren comezar a engadilo á ración 3 semanas antes do parto. Isto significa que as vacas se adaptan a el antes da lactación, de modo que cando comecen a muxilas, non teñamos que esperar outras 3 semanas para que produzan máis leite. Que oportunidades e desafíos ve na gandaría leiteira para aumentar a eficiencia alimentaria e tamén reducir as emisións de metano? O sector da gandería de vacún de leite necesita seguir atopando novas formas de mellorar a eficiencia alimenticia, logrando producir máis con menos. Sabemos que Optipartum-C+ axuda a reducir a pegada de carbono, xa que producimos máis leite sen máis enerxía nin insumos de penso. O importante é que, como gandeiros, sigamos medindo os insumos e os produtos con precisión. Se non medimos, non podemos facer xestión. As emisións de metano tamén deberían ser unha área de atención á hora de producir leite. Un dos desafíos que enfrontamos coa produción e redución das emisións de metano nas granxas é a nosa capacidade para medir as melloras e saber canto deberiamos reducir as emisións de metano en relación con cada litro de leite producido.

As vantaxes de Axcelera-C, un produto para mellorar o desenvolvemento dos tenreiros

Que destacaría do resto de produtos que a súa empresa desenvolveu para rumiantes? A nosa outra tecnoloxía de alimentación emblemática e única é Axcelera-C. Trátase dun pellet cun 40% de lactosa para tenreiros. Sabemos que o noso obxectivo na crianza de tenreiros é desenvolvelos de monogástricos a rumiantes da maneira máis eficiente posible. Normalmente utilizamos dúas ferramentas: leite líquido e alimento inicial. Axcelera-C é unha terceira ferramenta para usar con leite e penso inicial. Debido a que ten un 40% de lactosa, os tenreiros de tan só 4 días recoñecerana como "leite" e comerana, 2 semanas antes que unha toma inicial. Acelera o desenvolvemento do rume e a inxesta inicial de alimento, o que significa que os tenreiros alcanzan unha inxesta diaria de alimento sólido de 1,5 kg máis rápido que a alimentación convencional, acelerando o crecemento dos tenreiros até o destete e máis aló. Para os granxeiros que usan niveis máis altos de leite e enfróntanse a unha caída no crecemento e a condición ao destete (a caída do destete), podemos usar Axcelera-C só 10 días antes e 10 días despois do destete (20 % mesturado con alimento inicial), para axudar a eliminar a depresión do destete nos tenreiros. En que liñas de investigación ou novos produtos estades a traballar de cara ao futuro? Seguimos enfocándonos en mellorar aínda máis a eficiencia alimenticia, particularmente durante os períodos de estrés por calor, cando o consumo e a produción de leite redúcense de forma habitual. Do mesmo xeito, estamos a empezar a centrarnos no uso de Optipartum-C+ como medio para substituír a enerxía contida na graxa desviada, para obter unha vantaxe de sustentabilidade tanto económica como ambiental. Que impresión tes das granxas galegas que visitaches? Foi un verdadeiro pracer visitar a varios gandeiros galegos. Están moi orgullosos dos seus rabaños, mostran unha gran atención ao detalle e teñen a fortuna de vivir nunha terra cunha excelente combinación de choiva e clima cálido, perfecta para producir unha forraxe excelente. Tamén é moi positivo atopar tantas explotacións relativamente xuntas.
 “Compartimos a filosofía dos gandeiros galegos de facer as cousas o máis fáciles posibles para así ter menos posibilidades de cometer erros”
Unha cousa que notei, que non vin tan consistente como noutras áreas do mundo, é como os gandeiros en Galicia simplifican moito máis a ración: Teñen o silo de millo, o silo de herba e o depósito para o penso, cando noutros países compran os ingredientes do penso por separado, así como os correctores e aditivos e logo mestúranos todos. Isto demostra que compartimos a mesma filosofía de facer as cousas o máis simples posible na granxa. Se é fácil de facer, farase ben e haberá poucas oportunidades de cometer erros. Algo máis que queiras engadir? Creo que a mensaxe final é reiterar a nosa filosofía, que é facer as cousas simples, alcanzables, mensurables e manexables. Os gandeiros son persoas ocupadas, polo qque calquera cousa que fagamos para axudar a mellorar o desempeño das vacas ou do rabaño debe facerse de tal maneira que faga a vida máis fácil, non máis complexa ou propensa a cometer erros. Necesitamos traballar cos gandeiros e as súas vacas para o beneficio xeral das vidas dos animais e dos seus propietarios.

Distribución en España

  • Develatt é o distribuidor oficial para España de OPTIPARTUM C+
  • En Galicia: Animalvit distribuidor para Galicia
Contacto: Pablo Carro  telf. 647599782, pablocarro@animalvit.com

Galicia lidera a produción de pensos para vacún en España

A produción de pensos en España alcanzou 37,5 millóns de toneladas en 2022, segundo os datos do último informe de produción de pensos, achegados polas Comunidades Autónomas. Este informe elaborouse no marco da Comisión Nacional de Coordinación en Materia de Alimentación Animal (CNCAA). Nel reflíctese a redución da produción de pensos en España nun 2,6 % con respecto a 2021, unha cifra inferior á que se produciu a nivel europeo, cunha caída do 3,8 %, segundo os datos da Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (FEFAC). Cataluña e Aragón seguen a liderar a clasificación cunha produción de 7.837.568 e 5.816.491 toneladas, respectivamente. Representan deste xeito o 20,9 e o 15,5 % sobre o total de pensos producidos no pasado ano. A pesares diso, ambos sufriron unha caída do 5,4 % respecto a 2021. Pola súa banda, Galicia é a 5ª Comunidade con máis produción, cun total de 3.210.029 toneladas, que supoñen un 8,5 % sobre o total de pensos producidos. A comunidade galega sufriu unha caída de 2,6 % respecto de 2021. Producións por especies A produción de pensos de porcino é a que ocupa o primeiro posto na clasificación, supoñendo un total de 18.211.767 toneladas, que supoñen un 48,49 % da produción total de pensos. Aínda así, tivo unha baixada do 4 %. Os seguintes pensos compostos producidos son de bovinos, nunha cantidade moi inferior: 7.788.606 toneladas, o cal tamén sufriu un descenso respecto de 2021 de 1,6 %. A continuación, España ten unha produción de pensos para avicultura de 7.289.141 t, que conseguiu manterse e incluso tivo unha subida do 0,6 %. Cabe destacar que a produción de pensos para coellos foi o que máis ascendeu con respecto a 2021, en concreto un 7,5 % e actualmente suma unha cantidade de 477.199 toneladas. En contraposición a estas cifras, España ten escasa produción de pensos para peixes, tan só 161.835 t, que supoñen un 0,43 % sobre a produción total. Esta cifra tamén contemplou un descenso do 3,9 %. Pensos producidos por CCAA Abordando por Comunidades Autónomas, Galicia lidera a produción de pensos para bovino (1.466.533 t), mentres ten unha produción moi inferior para porcino (834.701 t) e para aves (797.844 t). Polo contrario, é baixa produtora en pensos para coellos, tan só 52.453 t, para equino con 10.485 t e xa de xeito residual para ovino e caprino, con 3.134 t. Pola súa banda, Cataluña lidera a clasificación en produción de pensos para porcino, con 4.829.677 t e séguelle Aragón cunha produción de 4.044.139 t, logo xa entra Castela e León cunha cantidade bastante inferior: 2.645.281 t. Nos pensos para aves, Cataluña volve a ser a gran produtora sacando 1.402.771 t e logo xa se sitúa Andalucía con 1.134.249 t e Castela A Mancha con 804.869 t. Mentres, na elaboración de pensos para ovino e caprino destaca Castela e León, con 475.267 t e séguelle Andalucía, con 353.950 t e Castela A Mancha con 315.8222 t. A Comunidade que máis pensos obtén para coellos é, de novo, Cataluña con 77.444 t e logo xa se sitúan Castela e León e Aragón cunha produción de 67.580 e 58.549 t, respectivamente. Incremento no consumo de materias primas O consumo de materias primas para pensos ao longo do ano 2022 foi de 38.088.199 t, o que supón un aumento do 3,9 % respecto das 38.889.393 t consumidas en 2021. Dentro dos grupos de materias primas, os cereais e produtos derivados seguen sendo os máis numerosos, cun 68,83 %, dato lixeiramente máis alto que o de 2021 (68,2 %). Séguelle o grupo das oleaxinosas e produtos derivados, que alcanza unha 17,04 % fronte ao 17,2 % de 2021. Dentro dos cereais, cabe destacar que o millo (10.036.251 t), o trigo (6.461.436 t) e a cebada (5.908.747 t) son os máis empregados, e representan o 58,9 % sobre o total de materias primas consumidas. Así mesmo, deses tres tan só o millo tivo un incremento respecto de 2021, chegando a aumentar o 22,4 %; xunto co sorgo, que foi o que máis subiu, un 97 %, chegando a empregarse un total de 257.777 t en 2022. Polo contrario, o centeo, a avena e a cebada sufriron unha caída de 26,5, 24,5 e 22,2 %, respectivamente. Dentro dos grans de oleaxinosas, a faba de soia segue sendo a máis empregada, cun total de 403.119 toneladas en 2022 e dentro das fariñas de extracción destaca a fariña de soia con 4.273.564 t usadas. En tubérculos, raíces e produtos derivados, a polpa de remolacha é o que máis se engade nos penso, un total de 287.592 t; en tanto en forraxes, destaca a alfalfa (fariña/concentrado proteico ou alfalfa deshidratada/fenificada)con 324.896 toneladas.

Máis do 90% das materias primas para facer pensos en Galicia pasan polos controis do Galis

O control das materias primas para asegurar unha alimentación sa e axeitada para o gando, permite a obtención de produtos con todas as garantías sanitarias para o seu consumo. É por iso que se estableceron unha serie de organismos e sistemas que, como sucede en Galicia, analizan a maioría de produtos destinados a pensos gandeiros e evitar así "elementos non desexados". Galis, o sistema de control alimentario creado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) para extremar o control na elaboración de pensos para gañado, realiza case un milleiro de análises por ano. Así, durante o pasado exercicio, o laboratorio -situado en terreos do Porto da Coruña- analizou un total de 947 mostras, procedentes na súa maioría de barcos que chegaron aos portos de Galicia. Tamén examina materia prima doutras zonas da península. Na actualidade, Galis controla o 96% da produción de pensos de toda Galicia mediante estas análises rápidas destinadas a comprobar que as materias primas non superen os límites establecidos pola Unión Europea, que é a encargada de ditaminar que ingredientes pódense utilizar nos pensos e cales non. Deste xeito, obtéñense de forma precisa parámetros nutricionais moi diversos: grao de humidade, perfil de proteínas, acedo láctico, acidez, impurezas, nivel de calcio, fósforo, potasio… de cada unha das materias primas. Os resultados destes exames son esenciais porque os fabricantes dispoñen de valiosa información para extremar a calidade dos seus produtos e garantir a seguridade de todo o proceso da cadea. O millo, o cereal máis vixiado Das 947 mostras analizadas o pasado ano por Galis, 202 corresponderon a millo, a materia que máis se descarga nos portos galegos (sobre todo no peirao da Coruña) e tamén a máis vixiada ao ser a máis susceptible de conter substancias indesexables, un termo co que os técnicos se refiren a substancias como dioxinas, micotoxinas ou materiais pesados. Seguíronlle as fariñas de soia con 123, a cebada con 75 e moi de preto o trigo e a colza con 71 mostras cada unha. Ademais de Galis, en España hai outros cinco sistemas de seguridade de carácter sectorial. Son os sistemas de Cataluña (Qualimac), País Vasco (Aplika Epea), Castela e León (Segacyl), Murcia (Pensa-Q) e Andalucía (Sicalia). O sistema galego non só é un dos decanos -creouse en 2005- senón tamén é líder indiscutible en canto a controis realizados, xa que en Galicia realízanse cada ano unhas 1.000 mostras sobre unha produción de 3,2 millóns de toneladas de pensos. Con todo, Galis destaca non só pola cantidade de mostras realizadas e polo amplo abanico de parámetros analizados, senón pola incorporación de sistemas de alerta rápida de última xeración. Neste sentido, o seu laboratorio dispón da tecnoloxía NIRS (Near Infrared Spectroscopy) que permite máis precisión e rapidez con resultados garantidos nun prazo máximo de 24 horas.

Tormenta perfecta: mala colleita española de cereais e posible fin do corredor do Mar Negro

O sector gandeiro enfronta os próximos meses con incertidume, pois as perspectivas actuais para os prezos de pensos e forraxes son negativas. España enfronta unha colleita de cereais catastrófica, que se estima en 10,7 millóns de toneladas, polos 18 da tempada anterior e os 23,9 de hai dúas campañas. En trigo brando, espérase unha colleita do 57% en comparación co 2022, en tanto en cebada do 64%. Tamén no millo para pensos agárdase unha diminución de case un tercio da produción. As consecuencias da mala colleita para as granxas galegas son dobres. Dun lado, unha menor dispoñibilidade de palla, calcúlase que polo menos un 60% menos que o ano pasado, co que a pouca palla que haberá terá un prezo elevado. Doutro lado, a perspectiva de que os prezos de pensos e cereais se incrementen nos próximos meses.
España precisará importar máis de dous terzos dos cereais que consume cada campaña, segundo as previsións de Cesfac
A Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) estima que España terá que importar un mínimo de 23 – 25 millóns de toneladas de cereais, para cubrir a demanda interna para consumo humano e alimentación animal, que ascende a 35 millóns de toneladas. Ese aumento do esforzo importador xerará previsiblemente problemas loxísticos, sobre todo no transporte da materia prima desde os portos ata as fábricas do interior da Península. Cómpre tamén ter en conta o escenario actual de mercado mundial, pois a partir desta semana Rusia anunciou que cancela o corredor do Mar Negro, que permitía a exportación de cereal ucraíno. Se ese corredor se chegase a pechar, habería consecuencias importantes nos prezos e dispoñibilidade de cereais.
Os prezos de futuros de trigo e soia disparáronse nas últimas horas tras anunciarse o fin do corredor do Mar Negro
Os mercados de futuros de comercialización de soia, trigo e millo xa se dispararon nas últimas horas, con aumentos que chegan a superar o 4% nos prezos a futuro no caso do trigo norteamericano, se ben, se o acordo do Mar Negro se chegase a reeditar, é previsible unha caída inmediata deses prezos. Perspectivas de produción mundial de cereais A parte positiva do actual escenario é que a nivel mundial, hai unhas aceptables expectativas de produción de cereais. Brasil moverase en cifras récord en soia e millo, co que se espera que sexa o principal exportador de millo nos próximos meses, aínda que prevense dificultades loxísticas, a modo de embudo, no almacenamento da materia prima e no seu embarque. As perspectivas semellan tamén positivas a nivel da UE, coa excepción de España e Polonia, e en principio tamén en Estados Unidos e Canadá, á espera de ver como se comporta a meteoroloxía en agosto. No lado negativo, empeorando colleita, estarían Arxentina, China ou Australia. A previsión da CESFAC é que haxa suficiente materia prima no mercado, pero advirten tamén de que a partir do 2025, se non cambia a normativa europea que quere evitar a importación de materias primas producidas en zonas deforestadas, pode existir un problema de suministro.

Claves sobre o cultivo de alfalfa en Galicia

O cultivo de alfalfa en Galicia como forraxe para as ganderías de vacún de leite é aínda minoritario, porén hai granxas que levan anos apostando por esta leguminosa para alimentar o seu gando. En días pasados, alumnado do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa (Coristanco, A Coruña) e gandeiros de distintas zonas de Galicia coñeceron de primeira man esta forraxe con ganderías que levan tempo cultivándoa. Na xornada formativa e técnica, organizada en colaboración coa firma Limagrain, tamén abordaron aspectos sobre o seu cultivo.
“A alfalfa é unha forraxe que se adapta moi ben ás condicións de clima e solo de Galicia”
“A alfalfa é unha forraxe que se adapta moi ben ás condicións de Galicia, tanto ó solo como ó clima”, reivindica Pablo Amado, enxeñeiro agrónomo e delegado comercial de Limagrain, que participou na xornada. “Só aquelas terras que tenden a anegarse non son recomendables para o cultivo desta leguminosa”, concreta Antonio Boado, distribuidor na zona da Coruña para Limagrain e gandeiro. Antonio é ademais un gran coñecedor deste cultivo, xa que leva anos optando por cultivalo para alimentar o seu gando. Entre outras vantaxes, a alfalfa (Medicago sativa) proporciona un gran aporte de proteína na alimentación do gando, ademais de ter unha dixestibilidade alta e ser palatable para as vacas. Está confirmado tamén que incluíla na ración das vacas en muxido permite incrementar a produción de leite.
A alfalfa está incluída como cultivo mellorante dentro da nova PAC e se se emprega para a alimentación do gando pódese acceder ó pago por cultivos proteicos
Ademais, a alfalfa está incluída como cultivo mellorante dentro da nova PAC e se se emprega para a alimentación do gando tamén se pode acceder ó pago por cultivos proteicos, polo que moitas ganderías están a valorar comezar a traballar con esta forraxe. Participantes na xornada organizada pola EFA Fonteboa e Limagrain Ibérica, durante unha visita a un campo de alfalfa.

Preparación da terra e sementeira

Un dos aspectos máis importantes a ter en conta no cultivo da alfalfa é a súa implantación. “A sementeira é o momento máis crítico, en parte polo pequeno tamaño da semente e o lixeira que é en comparación con outras leguminosas e gramíneas que se cultivan habitualmente en Galicia”, explica Amado. Nesta fase de sementeira e preparación previa da terra, recollemos algúns aspectos a ter en conta para lograr o éxito do cultivo: -Elección da parcela. Debe optarse por parcelas cunha boa profundidade do solo. “Hai que ter en conta que as raíces da alfalfa poden chegar ata 5 ou 6 metros de profundidade”, detalla o enxeñeiro agrónomo. Canto maior profundidade teña o solo mellor será a produción que se logre. Así, en solos cunhas boas condicións pódese lograr unha produción anual de 18 toneladas de materia seca por hectárea e acadar un 20% de proteína bruta. -Evitar predios que se aneguen. É un cultivo que non resiste en terreos que terminen anegados, mentres que en condicións favorables mantense 5 anos sen necesidade de renovar a pradeira e ter que volver sementar. “Cun manexo axeitado mesmo se pode lograr que se manteñan ata 7 anos tendo boas producións”, incide Amado.
Cun manexo axeitado e en parcelas cunha boa profundidade de solo pode lograrse unha produción anual de 18 toneladas de materia seca por hectárea e que se manteña ata 7 anos sen renovar a pradeira
-Revisar o pH do solo. É recomendable realizar unha analítica previa á sementeira para coñecer as necesidades do solo. Aconséllase cultivar alfalfa en solos que teñan un pH mínimo de 6,5, polo que se se sitúa por debaixo desta cifra, como acontece en moitos predios de Galicia, esta deficiencia corríxese cun bo encalado antes de sementar. -Precísase labrar a terra antes da sementeira. Aconséllase facer labores de subsolado e labores de esmiuzado do solo. Logo destes proceso recomendan unha compactación previa á sementeira, que preferiblemente se debe facer con rolos acanalados. -Sementar cedo. A alfalfa adoita sementarse na primavera ou no outono. No caso das sementeiras que se fan a comezo do outono, recoméndase facelas cedo, xa en setembro, para que a planta chegue ó inverno nun estado óptimo. -Sementar a pouca profundidade. A alfalfa require sementarse de xeito superficial, nunca a máis de 1,5 centímetros de fondo, pero é preferible facelo a unha profundidade de 1 centímetro. Para este labor o apeiro que mellor se adapta son as sementadoras de liña, ben sexan de botas ou de discos. -Dose de sementeira. Recoméndase empregar unha dose aproximada de 40 quilos por hectárea, co obxectivo de lograr unhas 400 plantas por metro cadrado. -Tamén é aconsellable pasar o rolo compactador antes e despois de sementar a alfalfa.

Fertilización e tratamentos fitosanitarios

A alfalfa é un cultivo que require pouco aporte de Nitróxeno e ten altas necesidades en canto a Calcio, Fósforo e Potasio. O Calcio debe aportarse antes de sementala, corrixindo o pH da terra cun aporte de Calcio se é preciso. A aplicación de Fósforo e Potasio debe realizarse anualmente, despois da corta, xa que tamén axudará ó rebrote. “Tradicionalmente sempre se dixo que a alfalfa non toleraba o xurro, pero hoxe en día vemos que nalgunhas ganderías están facendo aplicacións moderadas, ata un máximo de 30 metros cúbicos por hectárea, que resultan beneficiosas”, apunta o técnico.
Algunhas ganderías están a facer un aporte moderado de xurro que lles proporciona bos resultados para a alfalfa
Á hora de aplicar tratamentos fitosanitarios é preciso ter en conta o ciclo da planta, xa que no inverno adoita producirse unha parada vexetativa, que pode aproveitarse para realizar determinadas aplicacións, ou mesmo poden aplicarse antes de sementala. Así, recomendan aplicar un herbicida preventivo antes da sementeira, para eliminar a competencia doutras herbas. “Pode cultivarse con outras especies, pero o que se adoita facer é cultivar a alfalfa soa para conseguir producións altas e un bo aporte de proteína”, concreta Amado. Se se opta por cultivala soa adoita aplicarse un herbicida preemerxencia e logo empréganse herbicidas para controlar a competencia tanto de folla estreita como ancha. “As especies de folla ancha adoitan controlarse no inverno, durante a parada vexetativa da alfalfa”, detalla.

A sega e conservación da alfalfa

Á hora da sega e conservación da alfalfa, os técnicos tamén apuntaron algunhas claves para mellorar a conservación desta forraxe. Hai que ter en conta que é unha leguminosa na que se desprende con facilidade a folla, a parte que contén maior calidade, polo que o ideal é segar e deixar estendido, sen deflectores. Debe agardarse arredor dunhas 24 horas, en función da época de corta da sega, ata que o contido de humidade sexa o adecuado para ensilala. Tamén é recomendable empregar rolos ou acondicionadores de caucho. De non contar con eles, é aconsellable non segar nas horas centrais do día, para evitar que se perda tanta folla.
No primeiro ano de implantación da alfalfa é recomendable agardar ata que se produza a floración dun elevado número de plantas antes de realizar o primeiro corte
Ademais, no primeiro ano de implantación da alfalfa é recomendable agardar ata que se produza a floración dun elevado número de plantas antes de realizar o primeiro corte. “Deste xeito asegurámonos que a planta acumula reservas nas raíces que favorecen o rebrote”, explica. É habitual que a alfalfa proporcione entre 4 e 5 cortas anuais, polo que aquelas que coincidan co silo de herba poden ensilarse xuntas. Para o resto, o máis aconsellable é facer pacas e encintalas. “A alfalfa ten altos contidos de proteína e baixos contidos de azucre, polo que a súa ensibilidade é menor que un raigrás”, apunta o técnico. Para aquelas ganderías que opten por ensilar a alfalfa nun silo de trincheira é recomendable engadirlle conservantes ou inoculantes para lograr un bo ensilado.

Radiografía sobre o sector porcino: retos e cifras das granxas de porcos

“Dise que o porcino é un sector estratéxico. Nós así o cremos, pero é certo que cada vez botamos máis en falta o apoio da Administración”, recoñece Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Productores de Ganado Porcino (Anprogapor) ao comezar a analizar a situación que atravesa o sector de porcino español. O colectivo de criadores participou este ano no XXV Monográfico de gando porcino, celebrado en Silleda (Pontevedra) no que compartiu cos participantes unha análise sobre os principais retos do sector a curto e medio prazo. O sector experimentou grandes dificultades para trasladar ao consumidor o incremento de prezos que se rexistrou nos custos de produción derivados do aumento de custos das materias primas e enerxía por mor da guerra de Ucraína. “Non fomos capaces de trasladar o incremento real dos custos de produción ante o medo á caída do consumo”, recoñecen desde Anprogapor. Así, tanto o gandeiro como as industrias estiveron asumindo ese incremento dos prezos”, valoran na asociación.
“Aínda que nos últimos meses esteamos con prezos bos arrastramos perdas tanto do 2022 como do 2021”: Miguel Ángel Higueira, Anprogapor
Nos últimos meses estivéronse rexistrando prezos moi bos, unha tendencia que xa se demostraba no mes de marzo, cando se rozaban os 2 euros por quilo antes de Semana Santa, unha data que adoita marcar diferenza. “Aínda que agora esteamos con prezos bos arrastramos perdas tanto do 2022 como do 2021”, apunta Higuera. Así, lembraba como en 2021 se rexistraron unhas perdas de 20 euros por porco ou a comezos do ano pasado cifrábanse unhas perdas de entre un 30 e 10%. “Estes fluxos de tantos cambios afectan dunha forma moi significativa ás economías dos gandeiros”, explica. Miguel Ángel Higuera, director de Anprogapor durante a súa participación nas xornadas de porcino en Silleda (Pontevedra).

As cifras de produción en Europa

As crises dos últimos anos provocaron unha baixada xeral da produción de porcino en Europa. En concreto, produciuse unha redución do 4% do censo no número de nais no último ano e dun 5,2% no número total de animais. As cifras dos principais países produtores tamén demostran esa caída das cifras do porcino. Así, en Dinamarca produciuse unha redución do 12% do censo total de animais. En Alemaña foi do 10% e en Polonia do 6%.
España é un dos países onde menor caída da produción de porco se rexistrou, cunha baixada do 1%, mentres que en países como Alemaña foi do 10%
Mentres, España foi un dos países onde esta baixada do censo total de animais foi máis contida, apenas un 1% no censo total e só un 0,9 % no número de nais. Cabe lembrar que España sitúase como o primeiro produtor de Europa, con practicamente o 20% da produción total. “Dentro do contexto europeo, España é un dos países que mellor está a aguantar”, valora Higuera. A situación de España está a xerar incluso certo rexeitamento nalgúns países de Europa aos que está a chegar carne de porco española a un prezo moi competitivo, o que limita o crecemento e que os propios produtores deses países poidan incrementar o seu prezo. “Estamos a atoparnos inimigos dentro do noso sector en países aos que exportamos a carne de porco. A nosa competitividade está a conquistar moitos mercados”, apunta Higuera.
“A competitividade do sector porcino español está a conquistar moitos mercados”: Miguel Ángel Higuera, Anprogapor
Tamén hai países onde os datos de Eurostat reflicten un destacado crecemento, como ocorre con Italia, que experimentou un aumento do número de nais de case un 25%, contando con 141.000 nais máis nun ano. Aínda que os datos italianos crean certa suspicacia entre o sector, debido a que Italia é un dos países onde xa se rexistraron casos de Peste Porcina Africana (PPA), o que adoita levar parello unha caída do número de animais, debido aos sacrificios que se derivan desta infección. Algunhas fontes apuntan a que este incremento pódese deber a un cambio no rexistro estatístico.

Os retos a curto prazo

O sector afronta a curto e medio prazo retos significativos que están a xerar certa preocupación pola viabilidade de moitas granxas, xa que afectan a distintos piares da actividade. A entrada en vigor de novas normativas en 2027 e a limitación á creación de novas granxas está a poñer en xaque a continuidade e renovación do sector, tal e como coinciden en sinalar tanto desde Anprogapor como desde a Federación Galega de Porcino (Fegapor). A alimentación dos animais, as esixencias en cuestións ambientais e de benestar animal ou os riscos sanitarios por ameazas como a peste porcina son as principais dificultades ás que o sector busca facer fronte.

Alimentación animal

Unha das maiores preocupacións é a dificultade para conseguir pensos e cereais para alimentar aos animais a un prezo competitivo. Ademais das consecuencias derivadas da guerra de Ucraína que afectaron ós prezos e fluxos de cereal mundial, a nova normativa europea que quere poñer coto á entrada de produtos procedentes de zonas deforestadas pode ter un impacto directo no sector, xa que a entrada de soia pode verse afectada e traer consecuencias tamén para o abastecemento desta materia prima, fundamental na dieta dos porcos.
Preocupa que a soia poida verse afectada polas novas limitacións europeas aos produtos procedentes de zonas deforestadas e ter un impacto significativo nos pensos dos porcos
Témese que as limitacións postas por Europa leven a que grandes produtores de soia como Brasil ou Arxentina se centren en exportar a países como a China, onde non existen limitacións neste sentido, tendo en conta ademais que o mercado europeo supón menos do 20% das súas exportacións. Así, conseguir soia a prezos competitivos pode resultar difícil e ademais podería ter un efecto rebote tamén nos custo doutros cereais.

Medio Ambiente

As novas normativas impulsadas desde Europa no marco das estratexias do Pacto Verde e da Granxa á Mesa, que perseguen a neutralidade climática para 2050, supoñen tamén novos desafíos para o porcino. O sector presentou xa unha folla de roteiro ao Ministerio de Transición Ecolóxica na que se inclúen unha serie de medidas para chegar a cumprir ese obxectivo na devandita data. Está a poñerse o foco en temas como a calidade do aire, onde reducir as emisións de amoníaco é unha das claves, xa que as cifras manexadas por España sitúanse aínda por encima do baremo estipulado por Europa para lograr a neutralidade climática.
“Seguimos sumando certificacións que ao final non retornan valor algún ao gandeiro, mentres que supoñen presións indirectas por parte da distribución”: Anprogapor
Cuestións como a xestión dos estercos ou a redución de consumo de recursos hídricos e de carbono son temas que tamén haberá non só que cumprir, senón que demostrar mediante certificacións. “Preocúpanos ter que seguir sumando certificacións que ao final non retornan valor algún ao gandeiro, mentres que supoñen presións indirectas por parte da distribución, como xa estamos a vivir agora”, matiza Higuera.

Benestar animal e novas normativas

Xunto co medio ambiente, as novas normativas en materia de benestar animal tanto a nivel nacional como europeas supoñen tamén desafíos significativos. Unha das últimas normas españolas que entrou en vigor estipula cambios no espazo dos animais, esixindo unha redución da densidade das granxa. “A nivel estatal perderase un 7% das prazas e esperemos que nos concedan dous anos de moratoria para a súa entrada en vigor”, apunta Higuera. A redución da densidade e a mellora do benestar animal é ademais unha esixencia europea vinculada á PAC, o que condicionou que se tramitase este Real Decreto con tanta celeridade, segundo explican desde Anprogapor. Mentres, Europa prepara para finais deste ano unha actualización da normativa de benestar animal, o que deriva na aprobación de 4 normativas que poden afectar a gran parte da cadea. Así, prevese que haxa novas esixencias para os animais en granxa, con regulación para cada unha das especies, actualizacións na regulación do transporte de animais, os procedementos no sacrificio e a etiquetaxe da carne.
Solicitaron que as granxas actuais poidan ter un período de transición de 15 anos para axustarse aos cambios que se barallan nas novas normativas de benestar animal
Aínda que vaian coñecéndose as esixencias a finais deste ano, estímase que ata o 2027 non entrarán en vigor. “Está a pedirse que as granxas actuais poidan ter un período de transición de 15 anos para axustarse aos cambios que se barallan, pero as novas instalacións deberán cumprir coa normativa desde o 2027”, explica Higuera. Desde Anprogapor, así como desde outras organizacións do sector, recriminan que as recomendacións de expertos en materia de benestar animal non teñen en conta o impacto económico que estas medidas teñen no sector e que pode orixinar unha maior concentración das empresas e a eliminación das granxas de menor tamaño que non poden facer fronte aos investimentos que supoñen estas esixencias.

A ameaza da peste porcina

En materia de seguridade animal tamén haberá cambios a curto prazo. Un dos máis inmediatos é a entrada en vigor en xaneiro do 2024 do Real Decreto 306/2020 que supón incrementar as medidas de bioseguridade das granxas. Nelas inclúese desde contar cun valado perimetral das instalacións, incluídas as balsas de esterco que se sitúen fóra das instalacións da granxa, así como arcos de desinfección, vestiarios con diferenciación de zonas, control de visitas, entre outras. Outro dos aspecto a nivel sanitario nos que se pon o foco é a redución de antibiótico, que supón non superar en 2023 os 110 mg/PCU en España. Aínda que se procedeu xa a unha redución significativa, pasando dos 400 a situarse en 159 mg/PCU, aínda debe seguirse coa diminución. Tamén preocupa a nivel sanitario o avance de infeccións como a Peste Porcina Africana, en especial polo incremento da poboación de xabaril, un foco de contaxio da enfermidade.

A lei europea contra a ‘importación de deforestación’ terá impacto nas materias primas dos pensos galegos

A lei aprobada o pasado mércores, 19 de abril, polo Parlamento Europeo para evitar as importacións de materias primas e derivados que xeren deforestación en terceiros países, elevou a preocupación dos fabricantes de pensos galegos, que levan tempo advertindo de que a medida pode traducirse nunha subida de prezos nun momento onde o custo dos cereais é preocupante. Así se expuxo esta mañá na “XV Xornada Técnica para Responsables de Calidade das Fábricas de Galis” organizada pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) á que asistiron máis de 60 expertos e representantes do sector e que foi inaugurada polo director da entidade, Bruno Beade. A nova norma, que agora debe ser publicada no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) e que probablemente entrará en vigor o próximo mes de maio, prohibe a comercialización de produtos procedentes de zonas en risco de deforestación, entre os que se inclúe unha parte do aceite de palma ou da soia que se emprega nos pensos. Isto esixe novos requisitos de rastrexabilidade e datos de xeolocalización de cada explotación de orixe de produción da materia prima. O sector dos pensos calculaba o ano pasado que a maior parte das importacións de materias primas estaban libres de deforestación, pero admitía que había dúbidas sobre unha parte delas, por exemplo sobre o 29% das importacións de soia do Brasil. Co seu programa de autocontrol, os fabricantes de penso esperaban chegar ó 2030 cun 100% de compras de soia sostible, pero a nova norma obrigará a que iso suceda xa este ano. Un contexto de máximos históricos O sector considera que a lexislación engadirá aínda máis presión sobre os custos no sector de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados, á vez que lembran que xa se promocionan prácticas de produción responsable, como no caso da soia sostible. Neste aspecto, Ana Hurtado, da Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compuestos para Animales (Cesfac), explicou na súa intervención nas xornadas os principais puntos da nova norma e tamén as preocupacións do sector.
A lexislación engadirá aínda máis presión sobre os custos no sector de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados
Así, fixo fincapé no compromiso dos fabricantes de pensos coa sustentabilidade e o uso de fontes de proteína sostibles (palma e soia) para unha subministración responsable de pensos compostos. Con todo, asegurou que o novo regulamento “converte o compromiso nunha obrigación” polo que destacou a necesidade de entender “a trasposición da norma e os mecanismos de control”. Así mesmo, a experta advertiu de cuestións como problemas para o cumprimento dos requisitos legais por causas alleas á industria, falta de aprovisionamento por desvío cara a outras áreas cunha lexislación menos esixente e menor competitividade do sector por incremento dos prezos. Lei de Envases Pola súa banda, Paloma Sánchez, directora de Competitividade e Sustentabilidade na Federación Española de Alimentación e Bebidas (FIAB) disertou no seu relatorio sobre as obrigacións dos fabricantes de pensos con respecto ao Real Decreto de Envases e Residuos de Envases, mentres que Juan Gómez Apesteguía, responsable da área de Seguridade Alimentaria nas Produccións Gandeiras da Xunta, expuxo as melloras introducidas nas inspeccións oficiais. Os protocolos de análises das materias primas e o manexo dos kits de control foron abordados por Gerardo Fernández e Carlos Martínez, xefe da Unidade de Técnicas Cromatográficas dos Servizos de Apoio á Investigación (SAI) da UDC e experto na empresa DSM. https://www.campogalego.gal/europa-esixira-soia-libre-de-deforestacion/

Pautas para a correcta conservación do silo de herba

A conservación dos silos de herba é clave para lograr unhas forraxes de calidade. Por iso, tal e como apunta Silvia Rico, veterinaria nutricional da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada na comarca do Deza, é necesario coidar o manexo do silo dende que se realiza ata que se remata. “O obxectivo do ensilado é conservar a forraxe, sen perder a cantidade de alimento e evitando ó máximo as perdas do valor nutritivo”, explicaba Rico no marco dunhas xornadas para conseguir boas forraxes organizadas pola cooperativa O Rodo, de Rodeiro (Pontevedra). Así, trátase de conseguir un silo cun elevado valor nutritivo, altamente dixerible, debidamente conservado e palatable para o animal. Para lograr silos de herba de calidade, Rico recomenda evitar a presenza de osíxeno e prestar especial atención ós azucres, xa que son un aliado para a conservación das forraxes. A veterinaria Silvia Rico durante a súa participación nas xornadas na Cooperativa O Rodo.

A presenza de osíxeno, o maior inimigo dos silos

A presenza de osíxeno no silo é un dos maiores inimigos para a conservación da herba. Á hora do ensilado é preciso ter isto xa moi presente e tentar evitar que queden espazos de aire no silo. “Cómpre facer un bo enchido e compactación da herba cando se mete no silo para reducir ó mínimo a presenza de osíxeno. Canto máis pisado vaia o silo menos aire vai quedar e redúcense os riscos”, concreta a veterinaria. Facer unha boa compactación do silo contribúe ademais a reducir ó máximo as perdas de nutrientes en materia seca. Un silo cun frontal ben compactado adoita ter unha perda de nutrientes do 0,3% no primeiro día en que se abre o silo. Porén, se este frontal é moi irregular esta porcentaxe elévase a 1% nun só día de exposición. Ó cuarto día, nos silos moi irregulares esta perda chega a ser do 15%, mentres que nos silos cun frontal compacto, queda nunha perda do 6% cando leva os 4 días aberto.
Meter a herba cun grao de humidade axeitado e facer unha boa compactación é fundamental para reducir as perdas de nutrientes dos silos
No momento de facer o ensilado, tamén cómpre ter en conta a humidade da forraxe. “A herba non debe ir nin moi seca nin moi húmida, debe conter arredor dun 30-35% de materia seca”, explica a veterinaria. Con todo, recoñece que hai tendencia a meter moi húmida a herba. “Canto máis húmido se mete o silo máis efluentes vai haber, é dicir, maior perda de líquido, non só auga, senón nutrientes”, explica. Ó mesmo tempo, a auga fai un efecto tampón e evita que baixe a pH. Pola contra, tampouco é recomendable meter a herba moi seca, xa que entra máis aire ó silo e resulta máis difícil a compactación da forraxe. Tan importante coma o ensilado é o manexo que se fai do silo dende que se abre para consumir. “Dende que se abre o silo, hai un punto de contaminación alto no frontal do silo, polo que cómpre tentar reducir ó mínimo os riscos”, valora Rico. A veterinaria recomenda manter un frontal cunha superficie lisa e perpendicular ó solo, xa que deste xeito a superficie exposta é menor. Ademais, aconsella ir retirando a cuberta plástica de xeito paulatino. “Como máximo pode destaparse o plástico do silo que se prevé consumir en 3 días, non máis”, aclara. Tamén se debe consumir tendo unha densidade axeitada. No inverno de media consumiranse uns 15 centímetros e no verán chégase ós 20 centímetros. Ademais, para mellorar a calidade dos silos de herba tamén é recomendable ter ben dimensionado o silo en base ó número de animais e á inxestión de silo por exemplar que se vai facer. Contar cunha boa orientación do silo tamén contribúe a que as inclemencias meteorolóxicas non provoquen perdas.

Os azucres, claves para o silo

Os azucres son a principal fonte de alimento para as bacterias que producen o ácido láctico, que á súa vez é indispensable para a conservación do silo, xa que provoca que o pH baixe e se conserve o ensilado. Así, é fundamental segar a herba para ensilar antes do espigado, xa que é cando máis azucres ten a planta e proporcionará alimento ás bacterias. A veterinaria recorda como os silos feitos no inverno non terminan dando bos resultados, xa que a herba non chega a cumprir o ciclo e non está próxima ó espigado cando se sega, de xeito que case non contén azucres que permitan a produción do ácido láctico e a conservación do silo. Cómpre prestar atención ó frontal dos silos, para evitar perdas de forraxe. Na produción de ácido láctico non tódalas bacterias presentes no silo resultan igual de eficaces. “A velocidade e a eficiencia do proceso pode variar en función do número e o tipo de bacterias que haxa no silo”, explica a veterinaria. Nos silos tamén pode haber bacterias como E. coli ou Clostridium que son nefastas para a conservación do silo e que poden botar a perder a forraxe.
“Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”
O problema é que á hora de realizar o silo descoñécese que cantidade de bacterias eficaces ou prexudiciais para a conservación da forraxe hai na herba, de aí que se recomende o emprego de inoculantes, que aportan bacterias eficientes na produción de ácido láctico. Evitar a presenza de osíxeno tamén é determinante para conservar a maior cantidade posible de ácido láctico nos silos, xa que o aire favorece un desenvolvemento exponencial de fermentos, fungos ou das bacterias ineficientes, todos eles prexudiciais para a conservación do silo. “Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”, concreta a veterinaria. As variacións de inxesta dunha granxa poden ser un indicador de que o silo, sexa de herba ou de millo, está contaminado e dana ós animais, de maneira que reducen a cantidade de forraxe que comen.

¿Como avaliar a calidade dos silos?

Para avaliar se un silo de herba se atopa en boas condicións e é de boa calidade hai varios indicadores que poden proporcionar información ó respecto: -Características físicas. Observar a simple vista o silo xa pode aportar información sobre o seu estado. A cor debe ser semellante á do forraxe cando se ensilou. “Un silo de cor negra xa indica que non está ben conservado”, detalla a veterinaria. O olor tamén é un bo indicador. Así, o silo debe ter un olor ácido, pero que nos recorde a froita madura. Un silo con olor a podre revela que non se fixo do xeito correcto algún proceso. Tamén debe ter unha temperatura estable, xa que cando se eleva indica que hai presenza de osíxeno que está interferindo na conservación do silo. -Características químicas e biolóxicas. Os datos que nos poden facilitar as analíticas dos silos sobre as presenzas de bacterias e o perfil de fermentación resultan de gran utilidade para determinar a calidade do silo.

Dez claves para mellorar o ensilado de herba

“Facer un bo ensilado de herba é moito máis que segar e meter no silo a herba”. Así de contundente se amosa o responsable técnico da Cooperativa O Rodo, Daniel Rodríguez, á hora de falar do ensilado de herba. Precisamente a cooperativa agrogandeira de Rodeiro (Pontevedra), organizou recentemente unha xornada formativa para os socios na que, entre outros temas, ofreceron algunhas recomendacións á hora de realizar os ensilados, a ter en conta xa na próxima campaña de ensilado, que está a piques de comezar. “Se se quere ter unha forraxe de calidade hai que prestar atención a moitos factores, non só durante o ensilado”, explica o técnico. Así, nas últimas semanas, o técnico estivo a facer visitas nas ganderías socias da cooperativa para incidir na importancia de realizar un encalado axeitado para lograr forraxes de calidade e unha boa produción. Xornada técnica organizada na Cooperativa O Rodo na que entre outros temas se abordou o ensilado de herba. Recollemos algunhas das claves que apunta o técnico Daniel Rodríguez para mellorar os ensilados de herba:

1. Elección da semente.

A elección da semente debe adecuarse ás condicións edafoclimáticas de cada zona. Para os produtores de Rodeiro, o técnico recomenda optar por variedades que teñan un espigado tardío. Están a empregarse mesturas de raigrás con veza ou trevos, que axudan a incrementar a calidade da ración. “Introducir unha leguminosa co raigrás permítelle fixar nitróxeno para as gramíneas”, recorda o técnico.

2. Encalado das terras.

O encalado das terras é moi importante, dada a acidez media das terras galegas, con pH moi baixos que poden atoparse entre 4,2 e 5. Cos pH tan baixos só se adoita aproveitar arredor do 43% do Nitróxeno que se lle aporta á terra. “Co aporte de cal pode chegar a ter un pH de 6,5 ou 7 para que todo o nitróxeno que lle proporcionemos sexa o máis eficiente posible”, explica. O técnico incide na importancia de ter en conta minerais como o Calcio ou o Magnesio, xa que son determinantes para o aproveitamento do Nitróxeno. Na Cooperativa acostuman a traballar cun cal de orixe mariña, que como destaca Rodríguez ten unha reactividade carbónica co terreo moi eficiente. “Botándoo un mes antes de segar a herba xa fixo efecto para o ensilado, mentres que con cales de canteira, tardan máis en verse os efectos e haberá que esperar para as seguintes cortas ou para o ensilado do millo”, concreta. Ambas son solucións axeitadas para conseguir corrixir o pH da terra.

3. Fertilización.

Á hora de fertilizar a pradeira, Rodríguez pon especial atención en conseguir un abonado equilibrado, aportando distintos minerais que permitan o desenvolvemento óptimo da herba e o aproveitamento do abono que se lle proporciona. “De nada nos serve facer un gran aporte de Nitróxeno se non lle temos Magnesio e Xofre, xa que a absorción de Nitróxeno estará limitada”, indica. Rodríguez tamén recomenda planificar o ensilado da herba en base á fertilización que se fai da pradeira. Así, con algúns dos fertilizantes máis empregados, entre os 25 e 28 días estaría aproveitado ese abono. Mentres, se se opta por abonos con liberación máis lenta poden facer falta arredor de 40 días para o seu aproveitamento. “O día que se fertiliza a herba xa se pode fixar a data de ensilado, tendo en conta o fertilizante que se lle botou”, apunta.

4. Momento do corte da herba.

Escoller o momento axeitado para o corte da herba resulta tamén decisivo para lograr un silo de calidade. No caso do raigrás, o corte debe realizarse xusto antes do espigado, cando a concentración de azucres na planta é maior. “Para lograr un ensilado eficiente precisamos unha boa cantidade de azucres, que despois contribúen a ter unha forraxe máis dixerible”, detalla o técnico. A choiva é un dos factores que adoita condicionar a sega da herba. Rodríguez é partidario de adiantar a sega se hai previsión de precipitacións para as datas que se tiña previsto ensilar. “Se temos previsto segar a semana do 4 de maio e dá auga para eses días, é preferible ensilar a finais de abril antes que esperar a que volva escampar. Deste xeito, se son terras en rotación co millo poderemos adiantar a sementeira e se procuramos unha segunda corta o rebrote da herba comezará antes”, valora o técnico. A altura e o momento no que se corte a herba son claves para conseguir forraxe de calidade.

5. Altura do corte na pradeira.

Ó igual que acontece co millo, a altura do corte da herba vai condicionar o rendemento do ensilado, xa que ó segar alto pérdese cantidade de herba no silo, pero gáñase en calidade da forraxe. “Segar alto non é só gañar en calidade, tamén para favorecer un rebrote máis rápido da herba se se quere facer segundas cortas”, indica. O técnico ademais recomenda evitar os cortes moi baixos para reducir a presenza de terra nos silos, xa que provocan contaminacións pola presenza de clostridium, o que afecta á saúde dos animais. Rodríguez recomenda segar a unha altura de 6-7 centímetros do chan.

6. Manexo da herba no prado.

Tan importante coma a altura á que decide cortarse a herba é o tratamento de presecado que se lle fai no prado á herba. Debe prestarse atención ó manexo que se fai da herba á hora de estendela ou enrolala, para evitar que acabe levando terra para o silo. “De nada nos serve cortar alto se despois xuntamos terra cando enrolamos”, explica.

7. Presecado.

As primeiras horas trala corta son fundamentais para o secado das gramíneas. Nas dúas primeiras horas é cando máis auga se consegue que perda a herba, xa que os estomas (parte da planta que está en contacto co ambiente) permanece aberta e facilita o secado. Así, mentres os estomas permanecen abertos chegan a perderse uns 100 litros de auga por tonelada cada hora. Porén, cando os estomas se pechan redúcese a 20 litros por tonelada á hora. Recoméndase a sega con acondicionado ou un uso áxil de maquinaria acondicionadora (hileradoras e similares) nas dúas primeiras horas trala sega.

8. Picado da herba.

Á hora de ensilar, o tamaño da herba é outro dos aspectos a ter en conta, xa que contribúe á conservación da forraxe. “Ó picar a herba, mellor se compacta despois no silo”, recorda o técnico. Recomenda o uso do picador ou remolque autocargador sobre todo nos primeiros cortes. Nas segundas ou terceiras cortas, cando a herba ten máis talo e resulta máis difícil o seu picado, pódese optar xa pola colleitadora.

9. O silo.

O estado do silo tamén inflúe na conservación da forraxe. Rodríguez recomenda empregar plásticos nas paredes dos mesmos para garantir que o silo das beiras teña a mesma calidade que o resto e evitar deste xeito as perdas de forraxe. Tamén insiste no emprego do rolo de pisado e en facer capas finas para conseguir unha axeitada conservación da herba. Á hora do pisado, cómpre encher en forma de U para non danar as lonas dos laterais e unha vez que o pisador se atopa na cima da herba debe facerse unha U invertida, para que as augas decorran e non se acumulen na parte superior. Tamén é importante que non sobresaia a herba por encima das paredes, xa que iso limitará o pisado desa zona e dificultará a conservación. “É fundamental pisar, pisar e volver pisar o silo”, insiste o técnico.

10. Selado e conservación do silo.

Para a conservación do silo, ademais do emprego de conservantes, é necesario asegurar o selado do silo, para o que aconsella empregar o film protector, previo ó plástico e á lona protectora. Tampouco hai que descoidar o mantemento que se fará despois do silo, unha vez aberto, xa que vai influír na calidade final da forraxe que inxiren os animais.

Camper, a gama de pensos de Nanta para a cría artesanal de galiñas, polos e coellos

Coñecedores das esixencias da cría caseira de aves e coellos, en Nanta desenvolveron unha liña específica de pensos, Camper, que se consolidou durante a última década como referente para a crianza artesanal de galiñas, polos, pavos e coellos. Trátase dunha gama elaborada 100% con materias primas nobres e extractos naturais, sen uso de aditivos químicos.

Camper caracterízase pola súa excelente palatibilidade e dixestibilidade, o que permite que aves e coellos expresen todo o seu potencial produtivo, cunha óptima calidade de canle e ovos.

A base de extractos naturais de plantas e aceites vexetais, a gama Camper destaca polo seu Plan Extract. É un innovador concepto nutricional que asegura o equilibrio da flora e a saúde dixestiva das aves e coellos, permitindo o seu adecuado desenvolvemento e crecemento, e garantindo o seu benestar.

A gama de Camper desenvolveuse nos últimos anos coa incorporación de produtos especializados e funcionais, como o Camper Functional, un alimento premium para galiñas de posta reforzado con Omega 3, cos beneficios asociados que isto supón non só para elas, senón tamén para o consumidor, que logra ovos enriquecidos en Omega 3, ácidos graxos cardiosaudables.

A gama de Camper inclúe tamén CamperCuni, un alimento 100 % vexetal para os coellos; Camper Aves Starter, para o correcto arranque de todo tipo de aves (poliños, pavos, perdices); CamperBroiler para o engorde tradicional do pito campero, CamperBroiler Iniciación, para o primeiro mes de vida dos poliños, e CamperPuesta, para as galiñas poñedeiras caseiras. Así como os suplementos vitamínicos e minerais para aves e coellos, CamperVit e CamperFort, respectivamente, para aqueles momentos de maiores requirimentos nutricionais.

Acerca de Nanta

Nanta é a compañía líder na fabricación e comercialización de pensos compostos na península ibérica. Comezou a súa actividade no 1968 e desde entón o alto grao de compromiso cos seus clientes e o mundo da produción gandeira en xeral, a tecnoloxía empregada e os seus programas de I+D+i e calidade supuxeron un auténtico motor de avance para este sector industrial. Unha clara vocación e aposta pola innovación que a compañía mantén e manterá no futuro.

Englobada dentro da multinacional Nutreco, Nanta conta con 22 centros de produción dotados de tecnoloxía punta e todos eles certificados na norma ISO 14001 de medio ambiente e ISO 45001 de prevención de riscos laborais.

Cabe destacar sobre todo a certificación de seguridade alimentaria FSSC 22000, garantía da seguridade e a calidade dos produtos da compañía. No seu portfolio de máis de 200 produtos atópanse alimentos para porcino branco e ibérico, para cunicultura e avicultura, para vacún de carne e de leite, ovino e caprino, e para a alimentación de cans, gatos e cabalos.

Alternativas forraxeiras, os ases na manga para as ganderías de vacún de leite galegas

“Deberíamos lembrar que o que lle serviu ós nosos avós para resistir igual nos pode servir tamén nas granxas hoxe a nós”. Deste xeito convidaba a reflexionar a investigadora e doutora pola USC Ana Isabel Roca Fernández ós gandeiros que asistían a unha xornada sobre alternativas forraxeiras para o vacún de leite que se celebrou na Granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea (Lugo). A investigadora pon o foco na situación que atravesan na actualidade as granxas, afanadas en reducir os custos de produción. “O campo galego precisa unha maior resiliencia e para iso as granxas deben facer un aproveitamento eficiente dos recursos forraxeiros”, explica. Facelo permitirá ás ganderías reducir os custos de alimentación e facer fronte a situacións inesperadas como as que se están a presentar co cambio climático ou que se derivaron da pandemia sanitaria ou o estoupido da guerra entre Rusia e Ucraína.
“Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal facer as granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”
E como lograr este mellor aproveitamento das forraxes nas granxas? A doutora Roca bota man do saber aprendido dos seus avós labregos, combinado coa súa formación académica e da experiencia que lle proporcionaron as estadías en países con sistemas produtivos e climas semellantes ó galego para facer unha recomendación clara: apostar por distintas alternativas forraxeiras para complementar as forraxes tradicionais. “Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal se consegue facer granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”, valora a experta.
En Galicia só o 4% das ganderías utilizan cereais de inverno producidos nas súas terras
Así, noutras zonas da Bretaña francesa, Nova Zelanda ou Irlanda, nas que a investigadora realizou estadías, están a apostar polo uso de alternativas forraxeiras para a alimentación do gando. Mentres que en Galicia tan só o 4% das ganderías de leite utilizan cereais de inverno producidos nas terras que xestionan. Pola contra, o 57% das granxas cultivan millo e o 52% empregan raigrás italiano.

Sota, cabalo e rei na ración do gando

A modo de exemplo gráfico e divulgativo, a investigadora fai unha comparativa da ración do gando e unha partida de naipes xogando á Brisca. A experta cualifica os cultivos de inverno coma os ases na manga dos que poden botar man as ganderías de vacún de leite. Recomenda así, deixar de optar só por gañar a partida da alimentación animal a base de empregar as figuras da sota, o cabalo e o rei. Senón recorrer ao emprego deles para paliar posibles situacións de déficit e condicións adversas. En base ao uso que os gandeiros fan dan forraxes nas explotacións galegas, a doutora Roca equipara a herba verde coa sota da baralla, mentres que o silo de herba sitúao coma o cabalo e o silo de millo coma o rei debido ao seu valor nutricional e o custo que supoñen para as ganderías o aporte destes alimentos, sendo, este un modelo de “xogo” fixo no cal non se teñen en conta ás alternativas. Seguindo coa comparativa entre os naipes e a alimentación do gando, o resto de trunfos da baralla constitúeno os pensos, con diferente fonte de materias primas, na ración das vacas. Cómpre ter presente que de media o custo do penso supón 5 veces ó da herba verde e 3 veces máis inversión económica que o silo de herba e de millo, de aí que a doutora Roca considere os pensos coma unha das estratexias menos adecuadas para gañar en resiliencia na granxa, ó estar suxeitos a maiores variacións nos prezos. Abonda ver como se dispararon os prezos dos pensos trala pandemia, pasando dun custo medio de 250 euros por tonelada a superar os 400 euros por tonelada na época postcovid. A investigadora recorda neste senso que en España adóitase empregar de media uns 400 gramos de penso por quilo de leite producido, mentres que noutros países da contorna con producións de leite semellante úsanse entre o 30 e o 40% menos de penso que o utilizado habitualmente en Galicia. A composición media das racións nas granxas de leite adoita estar composta basicamente por penso (33%), xunto con herba verde (15%), ensilado de herba (26%), ensilado de millo (14%) e forraxes secas (12%). Así, é que case non se empregan outras alternativas forraxeiras que poderían servir a modo de ases na manga para as ganderías á hora de reducir a dependencia que amosan dos pensos.

Os ases na manga para reducir custos na ración

Entre as alternativas forraxeiras que a experta recomenda empregar en Galicia atópanse cultivos de inverno, así como cultivos proteicos. “As alternativas forraxeiras poden xogar un papel importante na granxa na época de parada vexetativa da herba (no inverno), así como ante a seca do verán, cando logo dos partos da primavera as vacas están aínda en lactación”, argumenta a investigadora. Ademais, este tipo de cultivos son forraxes que xa teñen sido empregadas durante anos en Galicia, polo que a doutora Roca recomenda volver a botar man destas, posto que a maioría delas xa amosaron unha boa produción e atópanse ben adaptadas as condicións edafoclimáticas imperantes na rexión. Optar pola produción de forraxes de calidade na propia gandería é unha das practicas polas que a PAC contempla distintas liñas de acción, como as específicas para a xestión de pastos e a extensificación do vacún de leite, recollidas no DOG núm. 22 de 1 de febreiro de 2017. Á marxe disto, o Real Decreto 1075/2014 contempla tamén unha liña específica para a diversificación de cultivos, onde se poderían incluír estas novas alternativas forraxeiras, así como para a conversión e mantemento da agricultura ecolóxica. “As alternativas forraxeiras están chamadas a ser un piar básico da alimentación do gando vacún de leite no futuro e vano a ser”, reafirma a doutora Roca. As principais alternativas que se presentan son:

-Leguminosas forraxeiras

Teñen un bo crecemento invernal, o que facilita o seu ensilado. Ademais aportan un alto contido en proteína barata, no canto de mercar soia importada ou outras fontes de proteína, de xeito que ben sexa en monocultivo ou asociadas con cereais de inverno, permiten abaratar os custos de alimentación do vacún de leite. Por outra banda, este tipo de cultivos axuda a ofrecer unha ración máis equilibrada. “Coa asociación de leguminosas búscase paliar o déficit de proteína vexetal que a maior parte da granxas teñen debido á asociación entre raigrás italiano e millo”, detalla a investigadora. No caso de leguminosas pódese apostar por especies como a alfalfa, a veza, a esparcela ou a zulla. Tamén se poden empregar especies proteaxinoasas coma o chícharo, o faballón ou o chícharo tremoceiro.

-Gramíneas

Neste caso pódese optar por empregar o raigrás italiano híbrido. A doutora Roca recomenda sementar o raigrás italiano anual e realizar un ensilado nas épocas axeitadas para obter os mellores resultados.

-Cereais forraxeiros

Especies coma a avea, a cebada, o centeo, o trigo ou o triticale ofrecen un alto valor nutricional e son unha boa combinación para mesturar coas leguminosas. “Á hora de asociar leguminosas e cereais é recomendable empregar mesturas con chícharo polo excelente valor nutricional que este proporciona”, concreta a experta.
A doutora Ana Isabel Roca Fernández durante a súa participación na xornada celebrada na Granxa Gayoso Castro.

Estudos recentes con estas alternativas forraxeiras

A doutora Roca aproveitou para presentar en dita xornada, os datos obtidos en dous estudos realizados nos últimos anos sobre algunhas das alternativas forraxeiras, nas que testaron o tipo de forraxe e o método de aproveitamento. En concreto, compararon gramíneas (raigrás italiano), leguminosas (chícharo, faballón e veza) e cereais (avea, triticale e cebada), empregándoas tanto en verde como en ensilado e combinándoas. Entre as principais conclusións destes estudos convén mencionar que: -As forraxes en verde amosaron unha calidade excelente fronte ás ensiladas. -O uso de leguminosas resultou unha estratexia axeitada como alternativa ó raigrás italiano (a opción en combinación co millo pola que máis ganderías apostan na actualidade). As leguminosas son unha excelente alternativa para alimentar ó gando en produción de leite con altos requirimentos nutritivos nos 3 primeiros meses de lactación debido ó seu alto valor nutricional. -Recoméndase a introdución de leguminosas en monocultivo (tanto chícharo como faballón) polo seu alto contido en proteína bruta. -A avea en verde sería o único cereal recomendado pola súa calidade nutricional excelente. -A cebada sería o único que non se recomendaría para animais altamente produtivos, senón que sería mellor para as vacas secas. -Nas asociacións de leguminosas e cereais recoméndase o chícharo polo seu excelente aporte nutricional. -Destacaron o faballón, o chícharo, a veza e as combinacións de chícharo-veza, chícharo-triticale, a veza-cebada e veza-avea, pola súa excelente calidade nutricional.

Rotación con leguminosas nas ganderías: vantaxes e claves para o seu cultivo

A rotación con leguminosas é unha práctica realizada en Galicia por algunhas ganderías e que ofrece múltiples vantaxes, ó poder obter unha forraxe de calidade para o gando, así como polos beneficios que poden achegar estas especies para outras colleitas ou mesmo para a saúde dos solos. O aporte de nitróxeno é unha das principais vantaxes que asegura escoller leguminosas como cultivos forraxeiros, como apuntou o enxeñeiro agrónomo e gandeiro Miguel Fernández Labrada durante a súa participación nunhas xornadas realizadas na Granxa Gayoso, dependente da Deputación de Lugo, e nas que se abordaron alternativas forraxeiras para as ganaderías de vacún de leite. Un dos xeitos nos que proporcionar un aporte de nitróxeno ós solos é empregar as leguminosas como abono verde, é dicir, enterralas unha vez que acada o seu ciclo. “Cultivar unha leguminosa para enterrala vai aportar moito nitróxeno ao seguinte cultivo. Por exemplo o chícharo bravo, tamén coñecido como chícharo tremoceiro, así como a faba poden fixar 100 ou 150 quilos de nitróxeno no solo no período de inverno, de outubro a abril”, explica o enxeñeiro. Á marxe das leguminosas, como abonos verdes tamén se adoitan empregar crucíferas coma os nabos, pola súa acción bactericida; así como gramíneas que permiten enriquecer os solos con materia orgánica.
Optar polas leguminosas permite enriquecer os solos polo aporte de nitróxeno que proporciona e deixa dispoñibles nutrientes para outros cultivos
Por outra banda, a simbiose que logran as leguminosas coas bacterias rhizobium, que están naturalmente no solo, permiten un maior aproveitamento do nitróxeno. Como lembraba Fernández Labrada, o nitróxeno é un dos nutrientes máis importantes para o crecemento das plantas, máis necesario para lograr unha boa produción que outros nutrientes como pode ser o potasio ou o fósforo, presentes ambos nos fertilizantes complexos máis empregados. Nitróxeno fixado no solo e dispoñible en función dos cultivos empregados. Á marxe do aporte de nitróxeno que proporcionan, outra das vantaxes do uso de leguminosas é que son especies con raíces profundas, que adquiren nutrientes das capas máis fondas e achéganos á superficie, de xeito que enriquecen a capa superficial para outros cultivos. Ademais, as leguminosas protexen da erosión hídrica e compiten con outras sementes adventicias e conseguen mellorar a actividade biolóxica do solo. “As leguminosas tamén permiten un aporte de nitróxeno e doutros nutrientes dun xeito máis paulatino que cando se empregan fertilizantes químicos”, destaca.

Recomendacións para o cultivo das leguminosas

Algunhas das leguminosas máis empregadas polas ganderías galegas adoitan ser os trevos (branco, violeta, encarnado), a veza, alfalfa, así como os chícharos ou as fabas, entre outras. Unha das primeiras claves a ter en conta para o cultivo destas especies é proporcionar unha fertilización axeitada. “O aporte de nitróxeno non está recomendado para as leguminosas, agás cando non poida obtelo do aire, é dicir nos primeiros días trala sementeira ou logo dunha sega”, especifica Fernández Labrada. Nestes casos, o enxeñeiro agrónomo recomenda unha aplicación de 30 quilos por hectárea. Tamén cómpre ter presente que as leguminosas extraen máis minerais dos solos que o raigrás, especialmente Calcio, Magnesio e Fósforo. Un xeito de proporcionar estes minerais é empregando xurro de vacún de leite. Porén, debe aportarse na presementeira, evitando proporcionar xurro en coberteira, xa que o pisado que se precisa para abonar resulta contraproducente para moitas leguminosas, que logo teñen dificultades para continuar medrando. Ademais a aplicación directa do xurro sobre as leguminosas tampouco é recomendable, polas características destas especies. “O propio xurro pégase máis ás follas, impedindo a fotosíntese e se fai calor e vento pode chegar a crearse un ambiente moi acedo na folla e chegar a queimala”, concreta. Así, de querer aplicar xurro ás leguminosas é recomendable facelo con orballo ou previsión de choivas febles para que a auga o arrastre ata o solo e non quede na planta. Recomendacións de fertilización de leguminosas. Á hora de sementar as leguminosas, débese facer de xeito semellante ós procedementos seguidos con outras especies, aínda que recoméndase enterrar máis aquelas especies que teñan unha semente máis grande. Debe enterrarse sempre 1,5 veces o diámetro da semente. Na sega hai maquinaria que conta xa con rodos pensados para as leguminosas, posto que os acondicionadores de púas en V, pensados para romper os talos das gramíneas como o raigrás, resultan pouco axeitados para as leguminosas. “Usando estas V de ferro podemos chegar a perder case o 7% da biomasa de alfalfa. Por iso, se sementamos leguminosas puras é aconsellable non apertar case o acondicionador ou segar sen el”, explica.

Obter silos de leguminosas de calidade

Para conseguir ensilados de calidade con leguminosas é preciso ter en conta a capacidade tampón destas especies, que adoita ser alta, polo que tende a ser complexo lograr bos ensilados. A capacidade tampón ven determinada polo contido de azucres, polo que a máis azucres maior cantidade de ácidos se producirán. Tamén inflúe a alta cantidade de proteína que teñen as leguminosas, así como de Calcio e Potasio. “Para mellorar o ensilado pódense realizar mesturas con gramíneas e aportar ácidos, con conservantes químicos”, recomenda o enxeñeiro agrónomo. Outro dos aspectos a ter en conta para lograr silo de leguminosas de calidade é o risco de proliferación de clostridios, procedentes da contaminación por terra. Os clostridios consumen o ácido láctico e as proteínas do silo, pero que ademais de empeorar a calidade do ensilado supoñen unha ameaza para a saúde dos animais. “O clostridium crece en forraxes moi húmidos e con pH maiores de 4.2, polo que unha acidificación boa é básica”, concreta Fernández Labrada. Ó ser a presenza de terra un dos contaminantes do clostridios, cómpre traballar con apeiros altos, a máis de 6 centímetro do solo, e contar con prados ben nivelados. Tamén é importante ter as entradas ós silos sen terra.

A rendibilidade económica dos silos de leguminosas

O impacto económico e na alimentación das vacas que proporcionan os silos de herba é un dos factores que determina que sexan unha alternativa pola que apostar nas granxas. Para avalialo é preciso prestar atención a cuestións como a proteína e a enerxía que proporcionan ós animais e o custo que ten o cultivo. A estimación da inxesta de proteína e enerxía calcúlase coa capacidade de inxestión (FND), de xeito que a valores máis alto, a vaca síntese saciada antes e inxire menos quilos de silo ó día, co que a inxesta de nutrientes é menor. Por outra parte, se a forraxe é moi dixestible conséguese unha maior cantidade de nutrientes por cada quilo. Outro dato que será importante ter en conta é a fracción da fibra que a vaca non consegue dixerir (FAD), que debe ser o máis baixa posible. “Con silos con trevo podemos conseguir moi boas calidades e en especial con menor cantidade de fibra, de xeito que se poden aportar máis quilos na ración”, apunta o enxeñeiro agrónomo. Comparativa entre os silos de raigrás e leguminosas coma o trevo anual ou a veza. Compárase a proteína (PF), enerxía (UFL), capacidade de inxestión (FND) e dixestibilidade (FAD). Ademais de no aporte nutricional na ración, os custos de sementeira, fertilización e produción marcan a diferenza entre os silos con leguminosas ou só con raigrás. Un dos gastos máis elevados nos silos de leguminosas é a sementeira, mentres que se reduce de xeito notable o gasto en fertilizantes químicos. Tamén hai que ter presente que cos silos de leguminosas se consegue unha menor produción de materia fresca. “De elixir raigrás a trevo temos unha diferenza de 3.9 toneladas de materia fresca menos. Isto implica que cada tonelada producida custa 16 euros máis”, estima o experto. Así, nunha ración media na que se proporcionen 12 quilos de silo de herba, facelo cun silo de leguminosas suporá 19 céntimos máis por vaca e día. Coa diferenza de calidade que proporcionan as leguminosas o obxectivo sería conseguir un aforro de 435 gramos de penso, é dicir uns 17 euros por tonelada na fórmula ou que a vaca dea 0.2 litros máis, segundo os cálculos do enxeñeiro agrónomo. “Na miña opinión, é bastante fácil conseguir eses obxectivos. Se a FND é menor e a vaca pode comer máis silos, tanto de herba como de millo, e depender menos do penso. A maiores mellórase a dixestibilidade e calidade, polo que tamén pode conseguirse o aumento na produción de leite”, valora Fernández Labrada. Comparativa entre os custos de producir silos de raigrás ou trevo anual.

As leguminosas na nova PAC

A nova PAC tamén terá en conta ás leguminosas, de xeito que no ecoréxime P3, no que se aborda a rotación de cultivos con especies mellorantes, contémplase o pago de ata 85 euros por hectárea por facer rotación de cultivos na metade da superficie, incluír un 10% de especies mellorantes do cal, polo menos o 5% deben ser leguminosas. Ademais disto, o barbeito non pode supoñer máis do 20%. Tampouco será obrigatorio recoller as leguminosas, xa que o uso para abono verde tamén está aceptado. A nova PAC tamén contempla axudas para cultivos proteico (como a alfalfa, veza, avea ou chícharo tremoceiro...). Neste caso o pago é de 60 euros por hectárea, pero non se permite empregalo como abono verde.