Archives

Resultados prometedores no uso de descartes de algas galegas como abono e antimildio

O proxecto Algaterra chega ao seu fin. Tras máis de dous anos de traballo, nos que as entidades participantes neste proxecto, lideradas pola empresa PORTO-MUIÑOS S.L., traballaron no desenvolvemento de novos fertilizantes e bioestimulantes baseados en extractos de algas, pódese concluír que os resultados alcanzados neste proxecto son alentadores. ALGATERRA naceu co obxectivo de elaborar novos insumos agrícolas a partir de descartes procedentes do procesado de algas para uso alimentario, que puidesen ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica, como en agricultura convencional sustentable; de tal forma que a partir destes descartes se xerase un novo valor engadido para estes recursos ecolóxicos de alta calidade. Desde hai xa varios anos España lidera o sector da agricultura ecolóxica en Europa, dedicando unha gran extensión de terreo a este tipo de cultivos. Os insumos utilizados neste tipo de agricultura deben superar dous importantes hándicaps, cumprir coa normativa vixente e ser de fácil alcance para os agricultores do sector. Neste sentido, e partindo da ampla experiencia e tradición que os agricultores da costa galega teñen, en canto ao uso dun recurso tan natural e ecolóxico como son as algas mariñas aplicadas como fertilizantes nas súas plantacións, xurdiu a idea do proxecto ALGATERRA. Algunhas das especies de algas seleccionadas para desenvolver este proxecto foron wakame (Undaria pinnatifida), leituga de mar (Ulva rígida) ou kombu (Laminaria ochroleuca), pertencentes a distintos grupos de algas con propiedades ben diferenciadas entre si, e que proceden de descartes dos procesos produtivos da empresa PORTO-MUIÑOS: leituga de mar (18 toneladas/ano), wakame (16 toneladas/ano), musgo de mar (1 tonelada/ano) e Saccorhiza polyschides (500 kg/ano), ), ademais doutras especies en menor cantidade. Baixo as premisas de mínimo procesamiento do produto para evitar a perda das súas propiedades, e a produción dun menor impacto no medio ambiente, desenvolvéronse os novos insumos agrícolas a partir destes subproductos que conteñen grandes beneficios para as plantas e o chan. Inicialmente traballouse na produción de extractos de algas a escala laboratorio e piloto para aplicar en cada cultivo, realizando así mesmo ensaios de crecemento inducido, de tal forma que se puidese coñecer o rango de actividade e de toxicidade dos mesmos; así como ensaios para atopar as doses óptimas. Tras realizar as correspondentes análises de control de calidade sobre as algas almacenadas, e en base aos valores medios de nutrientes, metais e microbiolóxicos obtidos, as algas preparadas nos seus diferentes formatos (como fertilizante en campo, como compoñente de substrato de cultivo e como bioestimulante) ensaiáronse en campos de plantación de pataca, leituga e vide. As formulacións e o cálculo das doses realizáronse en función das necesidades nutricionais de cada cultivo, tendo ademais en conta os resultados de análises dos solos e as características nutricionais das algas. Os resultados do emprego das algas, xa sexa como compoñente de substrato ou como fertilizante, son prometedores. Cabe destacar especialmente a súa capacidade de aumentar a aireación do substrato a medida que a dose de algas é maior, o cal resulta moi útil para airear substratos que tenden ao asolagamento. Os efectos das algas deshidratadas como fertilizante mostraron efectos similares ou mellores que o tradicional esterco de vacún en cultivos de leituga e pataca. Así mesmo, os ensaios con bioestimulantes están a dar uns resultados significativamente positivos e moi prometedores nos cultivos obxectivo do proxecto, como o incremento do 74% da produción de pataca comercial con respecto á mostra de control ou o aumento do 48% no peso da leituga con respecto a parcelas control. Nas seguintes fotografías pódese apreciar o diferente aspecto da plantación da pataca variedade Agre nunha parcela da unha das entidades participantes neste proxecto. Por unha banda, na imaxe da esquerda pódese observar o aspecto da parte aérea do cultvo de pataca no que non se aplicou ningún tratamento (parcela testemuña); na imaxe da dereita apréciase o cultivo de pataca no que se aplicou un dos extractos de algas ensaiados como bioestimulante (B2). Nos ensaios na vide non se observaron diferenzas significativas entre a testemuña e as plantas con fertilizante de algas, pero si ao aplicar os bioestimulantes, tanto en maceta como en campo. Observouse un efecto positivo, aumentando a lonxitude do brote e tamaño das follas. Un dos resultados máis prometedores do proxecto é o potencial do extracto de algas como axente protector e/ou preventivo contra enfermidades fúnxicas da vide, xa que se observamenor incidencia de Mildiu cos bioestimulantes, especialmente se se aplican antes que o inóculo de fungo. Segundo isto, e en base aos resultados obtidos nas probas realizadas durante a execución do proxecto ALGATERRA, pódese determinar que a aplicación de principios activos procedentes de algas mariñas aos diferentes cultivos cos que se traballou exerce efectos positivos sobre as plantas a moi baixa concentración. En consecuencia, pódese concluír que ALGATERRA preséntase como unha alternativa viable para dar resposta á demanda dos agricultores en sistemas de agricultura ecolóxica, facendo máis sustentable de maneira ambiental, social e economicamente a actividade ao redor da industria das algas mariñas galegas, no marco dunha economía verde e circular. Na execución do proxecto ALGATERRA, ademais da empresa PORTO-MUIÑOS, S.L., participaron tamén a Universidade de Santiago de Compostela a través do Grupo de Investigación de Agronomía e Ciencia Animal, a Misión Biolóxica de Galicia, FEUGA, Horta da Lousa, Riveiro Ecolóxicos e Adegas Terra de Asorei. O proxecto está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas pola Consellería do Medio Rural co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Algaterra presenta o proxecto para usar descartes de algas como insumo agrícola e funxicida nas viñas

O martes 4 de xullo o proxecto de innovación Algaterra, conformado, entre outras entidades, por Muiños, CSIC-Misión Biolóxica de Galicia, Universidade de Santiago e FEUGA, celebra unha xornada gratuíta en Salcedo (Pontevedra), onde se explicarán en detalle as actividades impulsadas e os principais resultados e conclusións. Os asistentes poderán coñecer o proceso de preparación das formulacións desenvolvidas e os seus formatos (extractos, bioestimulantes) e as probas levadas a cabo en campo, que serviron para comprobar a súa eficacia no cultivo de produtos hortícolas como leituga, tomate e pataca, así como o seu efecto no aumento da resistencia a determinadas enfermidades fúnxicas en vide. Así mesmo, as empresas Horta da Lousa, Riveiro Ecolóxicos e Terras de Asorei mostrarán o seu punto de vista, experiencia e interese na participación neste tipo de iniciativas por parte do agricultor. A sesión finalizará cunha visita guiada polas instalacións da Misión Biolóxica, onde se mostrará aos asistentes os diferentes traballos e ensaios postos en marcha por este centro do CSIC. ALGATERRA é un proxecto piloto que ten como principal obxectivo elaborar novos insumos agrícolas con refugallos de algas mariñas que se producen na industria alimentaria, e probar a súa eficacia para ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica, como en reconversión e tamén para agricultura convencional sostible. Esta xornada enmárcase nas actividades de divulgación do proxecto, financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. A asistencia é gratuíta previa inscrición antes do 3 de xullo a través do formulario de rexistro. Máis información e programa: https://www.feuga.es/wp-content/uploads/2023/06/Programa-Evento-final-04.07.23.pdf ALGATERRA está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total: 182.964,40 €. Subvención: 146.371,52 €. Cofinanciamento UE: 75% Feader.

Como as algas mariñas se están testando con éxito nos cultivos galegos

As algas mariñas son un importante recurso ambiental e no século pasado tamén foron valiosas a nivel agropecuario. Hoxe en día, a actividade agromarítima reduciuse ata o punto de romper en gran medida a conexión da alga coa agricultura. Por iso, xorde o proxecto Algaterra, baixo o obxectivo de elaborar novos insumos agrícolas cos descartes de algas mariñas que se producen na industria alimentaria, así como para probar a súa eficacia para ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica, como en agricultura convencional sostible. As características deste produto mariño ofrecen un valor fertilizante alto, “mellorando a actividade microbiana, xerando un solo máis vivo e polo tanto máis resiliente ante calquera estrés”, destaca María Elvira López, investigadora do grupo de agronomía e ciencia animal da Universidade de Santiago de Compostela -USC-, e parte integrante do proxecto Algaterra. O seu poder encalante, o aporte de macronutrientes ou a mellora da actividade biolóxica do solo “converten as algas no esterco do mar”, explica López. Unha das empresas base do proxecto foi Porto-Muíños S.L., unha firma familiar localizada en Cerceda (A Coruña) cuxa actividade principal é a recolección, cultivo, procesado e elaboración de produtos con algas mariñas. A proposta deste proxecto contou coa cooperación de FEUGA -Fundación Empresa-Universidad Gallega-, da USC, da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC -a través do grupo VIOR-, e das empresas Adegas Terras de Asorei S.L., Riveiro Ecológicos e Horta Da Lousa S.C. O valor fertilizante das algas para o cultivo A consideración das algas mariñas como o “esterco do mar” vén dada polas súas calidades fertilizantes, bioestimulantes e incluso funxicidas. “Tratase dun produto natural, sen sementes de adventicias nin patóxenos, con ficocoloides que melloran a estrutura do solo, aumentan a retención de auga, aumentan a capacidade de intercambio catiónico do solo e actúan como fitorremediadoras”, detalla Elvira López. Ademais, “aínda que as algas non teñen un alto nivel de fósforo, aumentan a súa dispoñibilidade para as plantas porque complexan o aluminio; isto tamén explica o seu poder encalante”, amplía a investigadora da USC. Do mesmo xeito, “aportan macronutrientes -especialmente potasio- e micronutrientes importantes para as plantas, como o ferro, o magnaneso, o zinc e o boro”, especifica. En función do tipoloxía de alga o aporte en % de nutrientes NPK -nitróxeno, fósforo e potasio- varía. Outra das características que ofrece o valor fertilizantes deste vexetal mariño é unha maior “resistencia a axentes abióticos, coma unha seca ou unha xeada, e a axentes bióticos desfavorables, coma pragas ou enfermidades, porque teñen determinados compoñentes que actúan como bioestimulantes”, concreta Elvira López. Primeiros ensaios con algas en frecos e novos produtos Nun ensaio anterior titulado “Efecto do abonado con algas na produción de pataca” (Pazos y López Mosquera, 1997) establecéronse unha serie de parcelas control, outras de esterco e superfosfato, e outras con diferentes doses de algas en fresco -20t/ha, 40t/ha e 60t/ha-. “Os rendementos con 20 toneladas eran equiparables aos terreos tratados con esterco e mineral, superiores a de control en calquera caso, e a medida que se aumentaba a dose de algas, aumentaba o rendemento de produción”, afirma a investigadora. Gráfico do estudo sobre o valor fertilizante da alga no cultivo de pataca A pesar de que os resultados en termos de produción eran positivos, o máis interesante dese traballo “foi poder ver como o que dicía a literatura se cumpría; vimos como nas parcelas abonadas con algas se incrementaba o pH do solo, debido ao incremento dos niveis de calcio e á diminución das cantidades de aluminio, e na mesma medida, aportando fósforo e potasio significativamente”, concreta a Elvira López. Táboa con datos característicos do solo 70 días despois da plantación da pataca Aínda que as algas en fresco manifestan bos resultados de estudo, tamén o fan aquelas feitas en compostaxe con restos de peixe e casca de pino. Así o probou o grupo de investigación ao que pertence Elvira López en colaboración coa empresa Pescados Rubén S.L. “Nas probas que fixemos mesturamos en volume unha parte de restos de peixe, unha parte de algas e tres de casca de piñeiro, outorgando, tras tres meses, bos valores NPK, 2,1% N, 0,6%P, e 0,7%K”, amplía López. A maiores dos nutrientes que aporta ao solo, outra das importantes funcións das algas é o seu valor como bioestimulante. “Teñen un gran número de compostos beneficiosos como fitohormonas, especialmente auxinas e citoquininas, bioactivadores, vitaminas, etc. que producen melloras do sistema radicular, no crecemento e nos rendementos, e unha maior resistencia a estreses”, salienta a investigadora. Variabilidade de auxinas e citoquininas en función da especie Aplicacións en campo Porto-Muíños foi a empresa beneficiaria do proxecto Algaterra, apostando polas algas mariñas como “recurso na elaboración de novos insumos agrarios”. A firma, que se adica á recolección sostible e cultivo de algas, viu a necesidade de “desenvolver distintos produtos con algas, como fertilizante de solos, bioestimulantes e funxicidas con aplicacións en distintos cultivos e en doses diferentes, como en viña, pataca, leituga e tomate”, expresan Antonio Muíños e Manuela Buján, do departamento de Innovación de Porto-Muíños. Imaxe dun parque de cultivo experimental de algas de Porto-Muíños En viña colaboraron coa Adega Terras de Asorei para facer “ensaios con abono de algas e bioestimulantes, levados a cabo pola Misión Biolóxica de Galicia”, explican Muíños e Buján. Neste caso, dividiuse a parcela experimental en fraccións de terreo de control, de abonado con algas, e tradicional, para probar os índices de fertilidade e enfermidade, e varias parcelas nas que se utilizaron diferentes doses de bioestimulantes de algas. “A respecto dos primeiros resultados poderanse valorar entre setembro e outubro, tras a vendima”, comenta Manuela Buján. Distribución das parcelas experimentais da Adega Terras de Asorei Con respecto ás probas con leituga e tomate, no proxecto colabora Horta da Lousa (As Encrobas, Cerceda), explotación produtora de cultivos hortícolas en ecolóxico. O procedemento seguido foi similar ao resto de estudos de campo, establecendo parcelas de ensaio e de control, incluíndo análises do terreo. “Comezouse ca recollida recentemente, e farase en varias etapas para chegar aos resultados finais; polo momento fixéronse medicións de clorofila e obsérvase un nivel maior dos produtos abonados con alga”, avanza Buján. “Outro dos ensaios realizouse con terras de pataca, neste caso coa colaboración de Oscar Riveiro, de cultivo en ecolóxico”, detalla a integrante do departamento de innovación de Porto- Muíños. “Nesta ocasión fíxose un deseño experimental en varias fincas, nunha delas probouse só o abono de solo, e noutra utilizáronse dous bioestimulantes diferentes con dúas aplicacións da mesma dose ata o momento e faltaría unha terceira”, sintetizan A. Muíños e M. Buján. “Aínda que ata setembro non podemos extraer conclusións, segundo o que se percibe principalmente pola parte do propietario, obsérvase diferencia na planta tratada con bioestimulante”, afirma.
Orixes As algas mariñas considéranse un recurso agropecuario e ambiental. Existe documentación gráfica de como no século pasado abundaba a actividade agromarítima, e de como a alga se utilizaba como un complemento para o gando. En maior medida, trátase dun recurso ambiental fundamental, e en definitiva dun “ecosistema que se debe manter; por iso, se recollemos alga é moi importante deixar unha parte na praia e actuar cos permisos correspondentes”, incide Elvira López. Imaxe de actividade agronómica e da recolección de algas Hoxe en día, en Europa o 1% da alga mariña utilízase para alimentación, o 24% para outros usos, incluíndo a agricultura, e o 75% restante para a extracción de coloides, supoñendo grandes diferencias con respecto ao contexto mundial. Gráficos sobre a distribución de usos de algas mariñas

Xornada este xoves sobre fertilizantes e bioestimulantes agrícolas a base de algas

Polas súas características, as algas están a ser grandes protagonistas dunha revolución no sector agroalimentario. A combinación do seu gran abano de aplicacións e o baixo impacto ambiental no seu cultivo, fan delas un produto de enorme interese para as empresas. Neste contexto nace ALGATERRA, un proxecto piloto que ten como principal obxectivo elaborar, con descartes de algas mariñas da industria alimentaria, novos fertilizantes e bioestimulantes con aplicación en agricultura. En concreto, o proxecto estudará os beneficios que estes novos insumos achegarán en produción e rendemento en cultivos ecolóxicos, convencionais sustentables e de recuperación, seleccionando, para iso, diferentes tipos de algas e extractos. Este evento online e gratuíto, enmarcado dentro das actividades do proxecto, servirá para dar a coñecer ALGATERRA entre os axentes do sector agroalimentario e público en xeral. Explicaranse, da man das entidades participantes no proxecto, os obxectivos, avances e resultados esperados, así como as actividades que se están levando a cabo. Un proxecto que nace co fin de dar resposta á demanda dos agricultores en sistemas de agricultura ecolóxica e que fará máis sustentable ambiental, social e economicamente a actividade en torno á industria das algas mariñas galegas, no marco dunha economía verde e circular. Cando: xoves, 28 de xullo, ás 12h. Onde: evento online, a través de Zoom. Duración: 1h Inscrición gratuíta: https://forms.gle/6UoBS2wgJaVnt9aG9 (enviarase link de acceso) Máis información: https://www.feuga.es/feuga-organiza-webinar-proyecto-algaterra/