Archives

Como traballan as granxas do primeiro produtor de leite de Europa?

Protesta dos gandeiros alemáns en novembro contra a política agraria do Goberno federal A finais de novembro 5.000 tractores colapsaron as rúas de Berlín para protestar contra as medidas medioambientais decretadas polo Goberno federal e contra as novas restricións ao uso de fertilizantes, unha situación que se suma á importante seca dos dous últimos anos no país xermano e a uns prezos do leite que non cubren os custos de produción no principal país leiteiro da Unión Europea. As ringleiras de tractores na capital alemá serviron para evidenciar as dificultades polas que está a pasar o sector lácteo neste país e a imprescindible adaptación que os gandeiros se están a ver na obriga de facer para salvar as súas explotacións. Esas adaptacións pasan por lograr maior lonxevidade e producións vitalicias, así coma unha redución dos custos de alimentación a base da mellora nas forraxes. Analizamos coa axuda de Rebeca Cembranos, asesora de granxas de leite en Saxonia, que participou este ano nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro, como se traballa nas explotacións de leite de Alemania e cales son os retos aos que se enfrontan.
O prezo base en Alemania é de 30 céntimos e contan con primas por calidades, por baixar de 300.000 células e por non usar transxénicos na alimentación, co que o prezo final pode chegar a 35 céntimos
O prezo base en Alemania, fixado sobre calidades do 4% de graxa e do 3,4% de proteína, sitúase neste momento nos 30 céntimos. Co pago por calidades (graxa e proteína) e cos suplementos por baixar das 300.000 células somáticas (0,5 céntimos por litro), por cantidade e, desde fai tres anos, tamén por non incluir na alimentación transxénicos (cunha prima dun céntimo en litro), unha explotación co 4,2% de graxa e o 3,7% de proteína podería chegar a un prezo final duns 35 céntimos. Con eses prezos, os gandeiros alemáns practicamente non cobren os custos de produción, que se sitúan arredor dos 42 céntimos, polo que lograr vacas máis lonxevas e produtivas e unha redución de custos na alimentación e na recría tornouse unha necesidade no país xermano. Produción media de 8.843 quilos O rendemento leiteiro medio en Alemania, cunha cabana de 4 millóns de vacas, sitúase en 8.843 quilos por animal, cun 4% de graxa e un 3,45% de proteína. Baviera é o lander con máis produción de leite e xunto a Baixa Saxonia e Renania-Norte-Westfalia aglutinan máis da metade da produción leiteira do país.
En Saxonia a media de vacas por explotación é de 280 e o rendemento leiteiro por vaca e ano é 1.000 litros maior que a media do conxunto de Alemania
En Saxonia o rendemento das explotacións é maior que a media do país. As 172.946 vacas que hai nesta rexión producen de media 9.794 quilos ao ano, cun 3,95% de graxa e un 3,41% de proteína. Saxonia é un lander situado ao leste de Alemania, limitando xa con Polonia e a República Checa. A rexión ten 4 millóns de habitantes, o que representa o 5% da poboación total de Alemania e conta con unhas 170.000 vacas, que tamén equivalen ao 5% da cabana total do país. Desde o ano 1995 até o 2018 o número de cabezas diminuiu en Saxonia nun 28% e o número de explotacións reduciuse máis da metade (53%), quedando hoxe 617 granxas nesta rexión, polo que a concentración de vacas por explotación aumentou até unha media de 280 cabezas por granxa na actualidade. Maiores rendementos leiteiros en granxas de máis de 500 vacas Sala de muxido xiratoria automática nunha explotación con 500 vacas en produción As explotacións saxonas teñen de media 280 cabezas e a taxa de reposición é do 36%, sendo a porcentaxe de eliminación ao primeiro parto do 25%. A vida útil producindo leite das vacas é de 31 meses (2,5 lactacións), cunha produción vitalicia media de 26.610 quilos (14,9 quilos por día de vida). "Aínda que os maiores rendementos leiteiros alcánzanse en granxas con máis de 500 vacas, entre outros motivos porque na maioría delas fanse tres muxidos, a vida útil diminúe co aumento do número de animais por explotación. En Saxonia, o 27% das vacas están en granxas de entre 200 e 500 animais e é neste tipo de explotacións nas que se logran producións vitalicias máis altas", indicou Rebeca Cembranos. A maioría das granxas en Saxonia son cooperativas agrarias (a rexión formaba parte da Alemania do leste) ou nalgúns casos na actualidade tamén empresas privadas. "Case non hai xa explotacións familiares", aclarou. E entre o 30 e 40% das granxas investiron en novas instalacións nos últimos anos. "Hai subvencións estatais para que as granxas melloren no benestar animal. Aínda que os gandeiros saben que iso vai no seu beneficio e mellora o rendemento económico das explotacións, co prezo do leite que hai hoxe non lles permite en moitos casos facer eses investimentos sen axuda", explicou. Produción por día de vida Neste contexto de baixos prezos, acadar producións vitalicias medias por explotación superiores a 40.000 quilos de leite por vaca fanse necesarias para garantir o futuro das granxas en Alemania, asegurou. Para esta especialista en nutrición, a produción por día de vida no cómputo vitalicio total é un dato fundamental a ter en conta para avaliar a rendibilidade dunha explotación. "Segundo diversos estudos, se dividimos o total de litros producidos por un animal entre os días que pasou na explotación, contados desde o seu nacemento até o momento no que abandonou a granxa, a partir de 15 litros de produción por día de vida entramos en zona de ganancia e por debaixo de 15 esa vaca deu perda", explicou.
"Por enriba de 15 litros de produción por día de vida unha vaca comeza a dar ganancias, por baixo desa cifra dá perdas", asegura Rebeca Cembranos
Puxo como exemplo tres das granxas que ela asesora, que nos últimos 12 meses lograron superar os 40.000 quilos de produción vitalicia por vaca. Entre as tres contan cunha media de 685 cabezas, unha taxa de eliminación do 23% (15% na primeira lactación) cunha vida útil por vaca de 46 meses (3,8 lactacións) e unha produción vitalicia media de 42.239 quilos por animal (19,2 quilos por día de vida). "É posible alcalzar producións vitalicias por enriba de 40.000 litros e producións por día de vida de arredor de 19 litros en granxas tanto de 300 vacas como de 1.000 vacas e dá o mesmo que estean a 2 muxiduras, a 3 ou con robot, a clave é lograr taxas de reposición por debaixo do 25% no conxunto do rabaño e do 15% nas primeirizas", asegurou. A alimentación representa máis da metade do gasto total das granxas alemás A alimentación supón máis da metade dos custos de produción nas granxas alemás, cun gasto en concentrado que duplica o gasto en forraxes. "A mellora da calidade e o aumento da cantidade de silo de millo e de herba é determinante para a redución dos custos de alimentación e para lograr altos niveis de produción vitalicia", asegurou Rebeca. En total, o alimento do gando supón en Saxonia entre 12 e 18 céntimos por litro de leite producido.
O custo máis alto de produción en Alemania é o alimento, que supón entre 12 e 18 céntimos por litro de leite
A grande maioría das explotacións teñen a súa propia maquinaria e o departamento de produción vexetal é o que se encarga da produción de forraxes e ensilados, a base de herba, raigrás e millo. Boa parte das explotacións producen tamén cereais e usan a palla resultante para as camas. En canto á climatoloxía, en Saxonia a temperatura media anual é de 8,6 grados centígrados, prodúcense 733 mm de precipitacións e teñen 1.627 horas de sol, aínda que nos últimos dous anos acusaron unha importante sequía cun incremento da temperatura media de 1,7 grados e unha redución dun terzo das precipitacións e con notables diferenzas entre o norte e o sur da rexión. O segundo custo máis importante: a reposición O custo medio da recría nas explotacións de Alemania é de 1.800 euros, uns 2 euros diarios, e o valor das vacas de desvelle ronda os 600 euros O seguinte gasto en importancia nunha explotación alemá sería o custo de reposición de animais. A cría dunha xovenca en Saxonia, con taxas de reemprazo do 36% de media nas granxas, sitúase entre os 60 e os 80 euros mensuais. "Nos 24 meses que tardamos en criar unha xovenca non xera ningún ingreso, polo que son as vacas en produción as que teñen que aportar o crédito para criar as becerras, polo que a redución de custos comeza aquí, baixando as perdas por mortinatalidade", indicou. Considerou "aceptables" porcentaxes por debaixo do 2% de mortes de becerras ao nacemento, do 8% na fase posterior de recría e do 5% en vacas adultas. En Alemania, estímase que o custo de producir unha xovenca a parto é de 1.800 euros, pero Rebeca explicou que estes custos mesmo son maiores en Saxonia, onde se situan entre 2.000 e 2.200 euros. "Tendo en conta que en Alemania o valor medio dunha vaca de desvelle é duns 600 euros, estamos financiando os restantes 1.200 euros por xovenca coa produción de leite da granxa, polo que a diferenza entre alcanzar unha produción vitalicia de 40.000 litros por vaca a quedarse en 26.000 serían 1,5 céntimos por litro de leite, é dicir, uns 150 euros máis de ingresos por vaca e ano polo aforro que logramos na reposición", calculou. CUSTO DE REPOSICIÓN EN ALEMANIA (Custo en euros dunha xovenca a parto) Alimento                                      1.021 - Leite maternizada e penso        360 - Forraxe                                        661 Veterinario e medicamentos         42 Inseminacións                                29 Persoal                                           396 Instalacións                                   117 Outros custos (auga, intereses)   197 TOTAL                                        1.802€ Manexo e aproveitamento do excedente de palla nas camas Para as camas empregan unha mestura a partes iguais de palla picada, auga e carbonato cálcico En terceiro lugar en importancia en Alemania sitúanse os custos de persoal. "Algunhas explotacións teñen gastos elevados en man de obra", afirmou. Por iso, as granxas están investindo na automatización e robotización dos sistemas de muxido para aforrar en persoal. O material máis frecuente empregado nas camas é unha mestura de palla, auga e carbonato cálcico a partes iguais. "As granxas teñen moita palla da produción de cereal e para aproveitar esa palla fan unha mestura no carro para os cubículos", explicou Rebeca. "Queda algunha granxa que ten aínda camas de goma ou colchoneta e que a maiores emprega carbonato cálcico, serrín ou palla picada pero o que xa case non se ve, son unha excepción, é compost seco ou area", engadiu. Comercialización Tres compañías controlan a recollida e comercialización do leite en Saxonia. A principal é Sachsenmilch Leppersdorf, que recolle diariamente 1,5 millóns de quilos de leite e vende leite, iogures, postres, queixos, manteiga, nata e tamén fai produtos industriais como leite en pó ou soro. Existe tamén unha cooperativa formada por gandeiros, Heinrichsthaler, que produce unicamente queixos, dos que envía o 50% á exportación. Recolle entre 300.000 e 500.000 quilos de leite ao día. Máis ao sur de Saxonia atópase Hainichen-Freiberg, cun volume de recollida semellante e que ten nos iogures e todo tipo de postres lácteos o seu produto estrela.

"O 80% das explotacións fallan no pisado do silo, que é clave para a súa boa fermentación e conservación"

O peso da máquina empregada multiplicado por tres é a cantidade máxima de herba ou millo que é capaz de pisar nunha hora Rebeca Cembranos asesora desde fai 5 anos en Alemania a explotacións de leite na rexión de Saxonia. Enxeñeira técnica agrícola de formación e especialista en nutrición, falou nas xornadas de Seragro sobre como lograr boas calidades nos ensilados con custos de produción aceptables e a importancia que isto ten para que as granxas xermanas cheguen a alcanzar producións vitalicias medias de 40.000 quilos por vaca. Á hora de producir os ensilados temos que ter en conta dúas cousas, que son cantidade e calidade, e a primeira é a cantidade de forraxe que logramos por hectárea, que é algo determinante para reducir os custos. "Un dos obxectivos que nos marcamos foi aumentar o rendemento por hectárea. A practica habitual en Alemania é sementar o raigrás en outono e colleitalo en abril para botar xa o millo. Con este sistema de rotación lógranse rendementos de 6 toneladas de materia seca por hectárea co raigrás e 14 co millo, é dicir, 20 toneladas de materia seca por hectárea e ano", explicou.
"Para lograr a mesma cantidade de materia seca que obtemos cunha corta de raigrás temos que facer tres cortes de herba nunha pradeira permanente"
Rebeca desmentiu tamén que botar millo sexa caro, en base a un estudo de custos realizado pola asociación de cooperativas de Alemania. "Para lograr 7 toneladas de materia seca por hectárea temos que facer tres cortes de herba nunha pradeira permanente, cun custo resultante final de 172 euros por tonelada de materia seca. No caso do raigrás cunha soa corta logramos 6,5 toneladas de materia seca e o custo por tonelada é de 94 euros. Se botamos millo, o custo de sementalo é maior, duns 1.014 euros por hectárea, pero logramos máis do dobre de cantidade de materia seca, 14 toneladas por hectárea, polo que o custo por tonelada baixa até 73 euros", asegurou. 1,9 céntimos máis barato o litro de leite alimentando con silo de millo Por iso, dixo, se estimamos o consumo alimenticio por vaca e ano en 5 toneladas de materia seca, se a alimentamos cunha ración na que a metade sexa silo de herba de pradeira e a outra metade silo de millo o custo anual de alimentación por animal será de 610 euros, mentres que se a ración está formada por un 50% de silo de raigrás e o outro 50% de silo de millo o custo final baixa até os 415 euros por vaca. "Esta diferenza representa 1,9 céntimos por litro de leite producido, ou o que é o mesmo, uns 190 euros por vaca e ano", asegurou.
"A decisión de cando facer a corta da forraxe condiciona a produción de leite durante todo o ano"
En relación á calidade do ensilado, afirmou que é fundamental a decisión de en que momento facer a corta da forraxe. "O óptimo no silo de raigrás sería que tivese entre 420 e 450 gramos de fibra neutro deterxente por quilo de materia seca e no caso do silo de millo entre 340 e 380 gramos", indicou. E engadiu que desde fai tres anos están traballando tamén co parámetro da dixestibilidade da fibra neutro deterxente (FND) ás 30 horas, xa que este parámetro indícanos a capacidade de consumo que ten a vaca con ese ensilado. "É posible alcanzar dixestibilidades do 70% no silo de raigrás e do 60% no de millo, mentres que no silo de herba de pradeira permanente a dixestibilidade baixa até o 47% porque nos prados permanentes hai distintas variedades de herbas con crecementos diferentes e é difícil atopar o momento óptimo de corte para lograr altas dixestibilidades", argumentou.
"Incrementar un 10% a dixestibilidade da fibra neutro deterxente do silo supón un aumento na produción de leite de 1,5 litros"
"Ao teren maiores dixestibilidades, co silo de raigrás e de millo logramos aumentar a inxesta de materia seca e incrementar o rendemento leiteiro, polo que diminuimos os custos de produción", asegurou Rebeca. "O incremento da dixestibilidade da fibra neutro deterxente un 10% implica un aumento na produción de leite de 1,5 litros", cuantificou. Recomendacións de cando facer a corta O raigrás pode agardarse a que teña un 28% de materia seca para segalo porque non afecta á dixestibilidade da fibra "Hai unha decisión á que o gandeiro ten que outorgar vital importancia e é o momento do corte do millo ou do raigrás, porque iso inflúe despois na produción de leite da granxa os 365 días do ano", dixo. Os catro pasos fundamentais que hai que ter en conta para lograr un bo ensilado son a madurez e o grao de crecimento da planta, a altura de corte, o picado e o pisado, enumerou. En pradeiras permanentes recomendou facer a corta cando a fibra bruta estea entre os 220 e os 240 gramos por quilo de materia seca. No caso do raigrás dixo que se pode agardar un pouco máis, a entre 280 e 300 gramos, xa que neste caso o aumento da fibra bruta non fai diminuir a dixestibilidade tanto como na herba da pradeira e o incremento de volume colleitado optimiza os custos de produción da forraxe. "O raigrás en Saxonia córtase cando a materia seca está por enriba do 28%. O problema para esperar máis moitas veces é que hai que botar o millo e non se pode agardar máis tempo", indicou. A maioría dos gandeiros en Alemania o que fan é cortar unha mostra e levala a analizar ao laboratorio para saber cal é o momento óptimo de sega tanto no caso da pradeira como no do raigrás, dixo. Altura de corte, picado e pisado son aspectos fundamentais En canto á altura de corte, recomendou entre 7 e 8 centímetros para que a cantidade de lignina non sexa moi alta dentro da planta. O picado vai en función da cantidade de materia seca da planta e será máis curto canta máis seca estea.
Os picados curtos permiten facer un mellor pisado no silo, no que inflúe o peso da maquinaria empregada e a velocidade
O último paso sería o pisado, fundamental para a correcta fermentación. "É onde se decide realmente a conservación e calidade do ensilado e sen embargo é onde cometen o erro o 80% das explotacións", dixo. "O problema en Alemania é que as granxas mercan máquinas que teñen un rendemento de corte e picado en campo impresionante pero logo o pisado é deficiente no silo porque non son capaces de pisar todo ese material que chega do campo. O factor limitante no ensilado é a capacidade de pisado, de nada serve ter moito rendemento no prado se logo non son capaz de compactar todo iso, as capas deben ser como máximo de 30 centímetros pero se son de 10 mellor que de 20", afirmou. E deu unha regla de ouro para o pisado: "A velocidade da maquinaria que pisa ten que ser de 2 a 3 quilómetros por hora e o seu peso multiplicado por tres é a cantidade máxima de herba que pode pisar nunha hora". "Deste xeito asegurámonos que a fermentación e a conservación van ser as idóneas. Lógrase unha boa fermentación cando os niveis de acético están por debaixo do 3%, o butílico está ao 0%, e o láctico entre o 8 e o 12%", indicou. O machacado do gran de millo inflúe na degradabilidade do almidón no rumen O obxectivo do picado sería que o 70% dos graos quedasen moídos No caso do do millo, a selección da variedade, o momento do corte e a altura de corte son decisións que inflúen na dixestibilidade da fibra neutro deterxente do silo logrado, dixo. Nos silos de millo ten tamén relevancia a degradabilidade do almidón no rumen para que este sexa absorbido pola vaca. Rebeca asegurou que canto máis tempo pase o millo no silo maior é a velocidade de degradación do almidón e "iso hai que telo en conta á hora de formular as racións porque non é o mesmo un silo que se abre ás 4 semanas de facelo que o que se abre aos 10 meses", insistiu. Tampouco serve orientarse para decidir o corte do millo unicamente no estado da mazorca. "Hai quen se fixa só en que a mazorca teña un porcentaxe do 60% de sustancia seca para empezar a cortar, pero eu sempre digo que o almidón é unha cousa que podemos mercar de xeito relativamente barato, pero hai unha cousa que non podemos mercar e que se decide en campo, que é a dixestibilidade da fibra, polo tanto tamén hai que ver que o tallo da planta teña un grado de humidade axeitado", defendeu. O corte do millo debe ter en conta a humidade tanto da mazorca como do tallo A altura de corte no caso do millo, dixo, hai que fixala sempre sobre o terreo. "Hai que ir á terra e decidir alí se se corta a 20, a 30 ou a 40 centímetros buscando o punto medio entre calidade, é dicir, que teñamos unha alta dixestibilidade, pero tamén que obteñamos un rendimento por hectárea que nos permita reducir os custos de produción", afirmou. En canto ao picado, defendeu picados o máis curtos posibles, de 8 milímetros, porque se deixa pisar moito mellor no silo, dixo. E lembrou que a regla de ouro do pisado da herba tamén serve para o millo. Tamén falou do procesado do gran no silo de millo. "O noso obxectivo debería ser que o 70% dos grans queden moídos e atravesen un tamiz de 4,75 milímetros porque esa é a superficie que precisan os microorganismos no rumen para poder dixerir o gran. Temos que traballar iso para poder aumentar a absorción de materia seca e que o gran non acabe nos excrementos sen ser dixerido, porque cando calculamos a ración calculamos a cantidade de almidón inxerida pero non temos en conta a que se perde porque non é aproveitada", concluíu.

“As granxas en Alemaña invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias automatizadas”

O pasado mes de febreiro un grupo de técnicos galegos das empresas Xesga, Seragro e Adial visitaron tres granxas de alta tecnoloxía no estado de Saxonia, no leste de Alemaña. Así, en Brademburgo visitaron Watenbourg Company "Lansingk", propiedade dun gandeiro de orixe holandesa que rexenta unha gandaría de preto de 1 .000 vacas que son muxidas por dezaseis robots. A segunda das granxas visitadas foi Lausitzer Hügelland Agrar AG, unha antiga cooperativa saxona que instalou unha sala rotativa robotizada que nos seus 21 puntos moxe unhas 500 vacas . E a terceira, tamén en Sajonia, foi Wesenitzal, unha explotación que dispón dun sistema de alimentación de carro mesturador robotizado " Lely vector". A visita estivo guiada por Rebeca Cembranos Bruzón, unha enxeñeira agrícola española que traballa desde hai anos para algunhas das granxas de vacún de leite máis punteiras do estado alemán de Saxonia, unha das principais rexións europeas produtoras de leite. Con ela falamos de como é a produción nestas granxas. Como xurdiu o teu interese pola gandaría de vacún de leite? O meu interese xurdiu xa na Universidade cando na materia de Racionamento calculabamos as racións para vacún leiteiro, vacún de carne, porcos, galiñas poñedeiras... E que che levou a traballar en Alemaña? A razón de traballar en Alemaña foi o balonmán. Tanto en España como en Alemaña dediqueime profesionalmente a xogar a balonmán. Con 25 anos deime conta que se quería algún día desempeñar un traballo relacionado coa miña carreira non debía de deixar moito tempo entre os estudos e o mundo laboral. Así que aproveitando a mala situación económica do club alemán naquel momento funme a xogar a un club da 3ª Liga alemá co obxectivo de que me buscasen traballo a cambio de xogar no seu equipo. Alí coñecín a Thomas Mitzscherlich, enxeñeiro agrónomo, que me ensinaría tanto a práctica como a teoría do traballo que hoxe exercito. A el débolle que hoxe despois de 6 anos gozar asesorando ás explotacións e axudando a optimizar os seus recursos. Cóntanos como é o traballo que desempeñas nas granxas alemás.. O traballo que desempeño baséase nunha análise continua dos parámetros de produción; sanitario, manexo, nutricional e económico. A visita “in situ” é a que nos revela onde se atopan eses problemas e finalmente adóptanse as súas medidas e solucións. Como valorarías o nivel sanitario da cabana alemá de vacún de leite? O nivel sanitario das granxas alemás é moi desigual. Non se pode dicir que unha granxa con instalacións antigas teña un estado sanitario peor ou mellor que unha granxa moderna co confort máis alto para o animal. A diferenza está no manexo, a sensibilidade na alimentación e sobre todo no persoal. Na rexión de Saxonia o rendemento medio de leite por vaca de matadoiro é de 26.640 kg ao longo da súa vida e o rendemento medio por vaca viva na granxa de 20.734 kg. Estes parámetros varían moito entre granxas. As miñas mellores explotacións alcanzan un rendemento medio de 40.000 kg de leite por vaca de matadoiro ao longo da súa vida e case 30.000 kg de leite por vaca viva en produción. ¿Como son en xeral as granxas nas que traballas: número medio de vacas, produción media por vaca, calidades medias do leite, número de partos....etc? As vacas que asesoro teñen de media sobre 500 vacas lactantes máis a reposición, así que en total, uns 1.000 animais. A produción media por vaca e en 305 días de produción, que é como se mide en Alemaña, corrixida a 4 % graxa e 3,4% de proteína está entre 10.500 e 11.000 kg.
 “No conxunto de Alemaña a media de produción por vaca áchase en 9.843 kg con 4,04 % graxa e 3,45% proteína”
No estado alemán de Saxonia a media está en 9.794 kg de leite con 3,93% graxa e 3,41% proteína. No conxunto de Alemaña a media sitúase en 9.843 kg con 4,04 % graxa e 3,45% proteína. A media de tempo entre partos en Saxonia é de 404 días. Están a aumentar a súa produción e a súa cabana gandeira nos últimos anos? No estado de Saxonia obsérvase ambos os comportamentos. As granxas que apenas investiron nos últimos 20 ou 30 anos tenden a abandonar a produción gandeira e céntranse só no cereal. Doutra banda, explotacións que deron o paso de investir e que producen de forma rendible tenden a duplicar a súa cabana gandeira. Como  están os prezos do leite neste momento? Percibes optimismo nos gandeiros en canto a que é rendible neste momento producir leite? Actualmente o prezo base é de 30,5 cts e este é co 4% de graxa e 3,4 % de proteína. Iso significa que gandarías con boas calidades poden conseguir actualmente un prezo final entre 34 e 36 cts por kg. de leite neto. En canto ao optimismo, depende de cada gandaría. As explotacións que dominan a súa produción ven futuro no leite. Con todo, o gandeiro alemán non é máis que un produtor e que simplemente fornece o seu leite á industria láctea. Este tenta optimizar os seus recursos ao máximo e a industria conseguir a súa materia prima o mais barata posible.
“Actualmente o prezo base é de 30,5 cts e este é co 4% de graxa e 3,4 % de proteína”
¿Como adoita ser a ración nas gandarías de vacún de leite nas que traballas? Cando quilos de concentrado engaden de media na ración? Unha ración de alto rendemento ten entre 60 % de forraxe e o resto concentrados, correctores minerais e vitamínicos. Unha ración de alto rendemento onde o lote ten un consumo de 25 kg de materia seca ao día, ten entre 10 e 11 kg de concentrado. As principais forraxes son ensilados de herba tanto de pradaría como de ray grass, ensilado de millo, ensilados de alfalfa e ensilado de centeo. Está a estenderse a robótica nas gandarías de vacún de leite, tanto en muxido como en alimentación? Si, a tendencia é que as gandarías na zona de Saxonia invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias case ou totalmente automatizadas. O motivo que move a moitas granxas a investir na robótica é o feito de non atopar a persoal cualificado. Doutra banda hai explotacións que deciden investir en salas de muxido menos sofisticadas e invisten no seu persoal.
“A tendencia é que as gandarías na zona de Saxonia invisten cada vez máis en robots de muxido ou salas xiratorias case ou totalmente automatizadas”
En que aspectos crees que están a mellorar máis as gandarías alemás, e en concreto para as que traballas? Nas explotacións que teño a sorte de exercer o meu traballo estou a observar como crece a sensibilidade polo detalle na produción. A primeira vista realizan todas as gandarías o mesmo traballo, pero unhas alcanzan o 12.000 kg de leite e outras quedan no 9.800 kg de leite. A diferenza radica xustamente nesa sensibilidade polos detalles na produción. Cales son as principais fortalezas que destacarías das granxas para a que traballas? A principal fortaleza que destacaría das miñas granxas é a paixón e entusiasmo coa que tanto os xefes/as da produción como os propios traballadores levan día a día o seu traballo. Pola contra, ¿en que áreas crees que existe máis marxe de mellora? Dentro da produción, uns dos puntos máis importantes de mellora é a recría das xovencas, en especial o manexo do costro e os primeiros 70 días de cría das tenreiras ata que se destetan. En Alemaña, as perdas de vacas primeirizas nalgunhas granxas son de máis dun 30%. O tema ambiental é unha das preocupacións das granxas de vacún de leite? O tema ambiental en Alemaña está moi presente. O estado elabora unhas leis, sexan os decretos da fertilización, do abono, de cría de animais... que non deixan case marxe á produción e que en moitos casos significan un factor económico moi alto para o gandeiro e agricultor.

Imaxes das granxas de vacún de leite de Saxonia: 

SALA DE MUXIDO ROTATIVA CON 6 BRAZOS ROBOTIZADOS GRANXA CON 16 ROBOTS SISTEMA DE ALIMENTACIÓN UNIFEED ROBOTIZADO