Archives

Apoios para que os Concellos doten de máis servizos ás aldeas modelo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución mediante a cal se aproban as bases reguladoras para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo. Estas achegas están dotadas dun orzamento total de 3 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades -1,5 millóns de euros para 2024 e 1,5 para 2025-, co fin de facilitar a execución dos proxectos. O obxectivo destas axudas é reforzar os servizos públicos e dotacións básicas proporcionados á poboación rural das aldeas modelo, favorecendo a implantación de actividades que xeren emprego e fixen poboación. As actuacións subvencionables a través desta liña de axudas son, entre outras, a rehabilitación de espazos públicos ou edificios destinados a servizos públicos, a mellora de vías públicas, as redes de servizos (alumeado, auga, saneamento, enerxía, comunicacións...), servizos asistencias e culturais ou a rehabilitación de elementos patrimoniais como hórreos, fontes, lavadoiros ou muíños. Neste sentido, estas achegas prestan especial interese á modernización dos núcleos rurais, polo que tamén se poderán empregar estas subvencións para dixitalizalos e implementar e-servizos mediante Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) específicas para a provisión de servizos no medio rural. Solicitudes Cada Concello poderá presentar unha única solicitude de axuda, que poderá incluír ata un máximo de tres proxectos diferentes a executar dentro da aldea modelo. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Por outra banda, serán subvencionables aqueles gastos vinculados coa construción, adquisición e mellora de inmobles, terreos e os custes xerais relacionados coa obra civil, a maquinaria e o equipamento. As axudas poderán cubrir o 100% dos custes subvencionables ata un importe máximo de 150.000 euros.

Proxectan dotar de redes de calor e paneis fotovoltaicos a dúas aldeas modelo

A Xunta incluíu a dúas aldeas modelo galegas, a de Mouteira Parada (Cerdedo, Pontevedra) e a de Infesta (Monterrei, Ourense), nun proxecto para a transición enerxética. Medio Rural está a impulsar a iniciativa 'Aldealix_Aldeas Modelo', que se integra no instrumento Interreg e que suporá a achega de case dous millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O seu obxectivo é promover a creación de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa no territorio rural como unha alternativa viable para producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento dos recursos dos montes da contorna. En concreto, estas comunidades inclúen redes de calor con biomasa complementadas con enerxía fotovoltaica, nas aldeas modelo dos concellos de Cerdedo-Cotobade (Parada-Mouteira) e Monterrei (Infesta), para as que se destinará un orzamento de arredor de 700.000 euros. Precisamente, o municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade acolleu hoxe a xornada de lanzamento deste proxecto europeo. Na súa clausura participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, xunto ao alcalde desta localidade pontevedresa, Jorge Cubela, e o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez. Novas solucións Neste foro, os representantes da Xunta coincidiron en destacar que este proxecto aproveita a iniciativa das aldeas modelo, e a gobernanza social creada neste instrumento de recuperación de terra agraria, co fin de promover o desenvolvemento de novas solucións que permitan mellorar a calidade de vida da poboación no rural, neste caso no eido da transición enerxética. Para iso, propón o desenvolvemento de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa nas aldeas, co obxectivo de producir enerxía de proximidade a partir do aproveitamento da biomasa dos montes da contorna e que carece de saída comercial. Así, o foco destas comunidades será o abastecemento de necesidades térmicas de vivendas e edificios públicos mediante a creación de pequenas redes de calor, que se complementarán coa xeración de enerxía eléctrica fotovoltaica. Contribúese á transición enerxética mediante o fomento das enerxías renovables á vez que se promove o emprego local vinculado á biomasa local forestal. O proxecto ten ámbito transfronteirizo (Galicia-Norte de Portugal) e, ademais do liderado da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, conta como socios coa Axencia Galega da Industria Forestal -ambas adscritas á Consellería do Medio Rural-, os concellos galegos de Cerdedo-Cotobade e Monterrei, os municipios portugueses de Arcos de Valdevez e Vila Pouca de Aguiar e a Comunidade Intermunicipal de Alto Támega, tamén do país luso.

“Vimos que isto se enchía de maleza e trouxemos vacas para ver se axudaban a limpar”

José Antonio Castro é un dos veciños de Moreda (Folgoso de Caurel, Lugo) que colabora no proxecto da aldea modelo, contribuíndo ó coidado de vacas e porcos. A aldea modelo de Moreda está conformada por 38,8 hectáreas, nas que hai 73 parcelas de 44 propietarios. Falamos con el sobre a recuperación do gando no lugar. - Como xurdiu a idea de traer vacas de volta á aldea e como as xestionades? - Vimos que isto se enchía de maleza e tiñamos que facer algo. No 2015 vendéronse as últimas vacas e o meu pai foi o que propuxo traer vacas de novo, soltalas e probar, para que limparan algo. Fomos a Asturias e compramos 15 vacas. Un mes máis tarde voltamos a Asturias e esta vez trouxemos un boi e catro vacas máis vellas, para que guiaran ás máis novas. Sempre o xestionamos o meu pai, eu e tres veciños máis. A cousa foi aumentando, vimos que funcionaba, que o monte se mantiña limpo entre o que limpaban elas e nós. Por iso estamos moi agradecidos, especialmente despois do que pasou aquí cos incendios. Foi máis que nada por non ver o abandono. Nun principio queriamos Cachenas de Triacastela, pero despois coñecimos a Casina Asturiana e gustounos máis. É un gando moi dócil que se adaptou xenial e a penas teñen enfermidades. Aporte de herba seca ó rabaño de vacas este outono. - Como manexades o rabaño de vacas? - Aquí non podemos cebar porque non podemos facer ningunha nave, entón vendemos os becerros para recría. O rabaño anda entre fincas particulares e monte común. Penso que é un beneficio para todos porque fincas que non se ían explotar, polo menos mantéñense limpas. A idea é que anden soltas e recoller herba para pasar o inverno. Aquí o traballo de recoller a herba non é doado pola orografía do terreo. Antigamente usábanse as cabanas para deixar os rabaños, pero están todas destruidas, imos ver se podemos recuperar unha cabana polo menos. Só se meten no verán cando hai moita mosca e fai calor, de día métense nas cabanas e de noite saen comer. De vez en cando é verdade que desaparece algún becerro, pero non sabemos se foi o lobo ou non. - E respecto ós porcos celtas e á posta en marcha da aldea modelo? - Foi a raíz das vacas. Tiñamos un aziñeiral pegado ás casas no que as vacas non entraban. Preferimos para alí o porco celta porque se adapta mellor ao sitio. Foi un proceso de case dous anos, viñeron da Xunta a ver se o sitio valía ou non, e a verdade é que lles encantou, así que montaron unhas instalacións para porco celta, protexidas con arame eléctrico fronte ó lobo. A idea que temos agora é a de crear un obradoiro de elaborados, para poder vender e comercializar aquí esa carne. O proxecto do porco celta fixémolo porque todos os veciños estaban encantados, ninguén puxo problemas, con que un veciño non quixera xa non poderiamos facelo. A maior parte do proxecto de porco celta está en monte común, menos dúas ou tres fincas que son de particulares. Porco celta en Moreda. A creación da aldea modelo foi a través da Xunta e ela pon todo o necesario para montar a explotación do porco celta, despois somos nós os que temos que xestionar, son como unhas instalacións en aluguer. A aldea modelo ofrécenos tamén apoios complementarios, por exemplo en traídas de augas, en axudas para casas de turismo rural e outras. Penso que é unha boa axuda para vivir no rural, deixando claro que temos todos os nosos traballos, que podemos compaxinar coa xestión da aldea modelo, porque vivir só disto sería imposible. - Estades ubicados na Serra do Courel, ao pé da Devesa da Rogueira, que é un dos bosques atlánticos máis visitados e mellor conservados de Galicia. Que importancia ten para vós? - Para o pobo sempre foi un monte moi importante, de onde sacaban madeira que vendían para facer a escola, facer camiños… Fixéronse tamén plantacións de árbores que deron traballo á xente de aquí... Sempre se lle tivo un cariño especial e sempre se coidou. Hoxe en día segue sendo así e certamente atrae bastante turismo. A Devesa está super protexida, entón a idea é manter o que hai, manter limpas as rutas que ten, pero non abrir novas rutas e evitar que isto se masifique, como sucedeu nos Picos de Europa. Houbo unha época, hai 15 ou 20 anos, que houbera un ‘boom’ de xente, despois houbo un baixón e a raiz da pandemia, volveuse producir outro subidón e veu máis xente de fóra, sobre todo de Valencia, Andalucía e Madrid, pero o 80% dos visitantes son de Galicia, sobre todo da provincia de Pontevedra. - Que outras intervencións no territorio destacarías nos últimos anos? - Hai 4 ou 5 anos fíxose unha recuperación de soutos a través da Xunta e tamén todos os veciños tiveron que estar de acordo. Daquela limpamos e demoucamos os castiñeiros. A maioría deses soutos xa estaban abandonados e tamén abrimos camiños para poder acceder. Agora levamos catro anos con moi pouca produción de castañas e moitas castañas quedan sen apañar, entón imos intentar facer un paso do aziñeiral aos soutos para que os cochos aproveiten as castañas.

Aberta a convocatoria para o aproveitamento da aldea modelo de Infesta, en Verín

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución pola que se anuncia a convocatoria de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo de Infesta no concello ourensán de Verín. Esta aldea conta cunha superficie de 36,65 hectáreas, repartidas en 930 parcelas de 232 titulares. A partir de hoxe poderán presentarse as propostas para o desenvolvemento de actividade agraria nos terreos da aldea modelo de Infesta. Deste xeito, o prazo será de 15 días e abranguerá dende o 19 de agosto ata o 4 de setembro. Poderán presentar solicitudes as persoas físicas ou xurídicas, as administracións públicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas. Segundo se recolle na guía de ordenación produtiva, a actividade principal serán os cultivos leñosos -como o viñedo, a oliveira ou as árbores froiteiras- e cultivos agrícolas de ciclo curto e complementarios. Plantéxase como actividade secundaria a gandaría en extensivo combinada con estes cultivos. A aldea modelo da Infesta é unha zona óptima para a posta en produción dos terreos para cultivos leñosos ou cultivos complementarios á explotación gandeira. Así, as solicitudes presentadas valoraranse e seleccionaranse a través dun sistema de puntos, no que se terán en conta criterios como a súa superficie, a complementariedade con outros proxectos de aldea modelo, a creación de explotacións que incorporen a persoas mozas a proximidade entre o proxecto e os núcleos de poboación. A convocatoria está dispoñible na seguinte ligazón

Aberto o prazo para recibir propostas de aproveitamento das terras de 5 novas aldeas modelo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas a cinco aldeas modelo: Francos de Proendos (Sober, Lugo), Covelo (Taboadela, Ourense), Carzoá (Cualedro, Ourense), O Seixo (A Gudiña, Ourense) e Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra). Así, os interesados en poñer a producir estas terras terán un prazo de 15 días naturais para facer chegar as súas solicitudes, contados a partir de mañá.

No caso da aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, establécese unha zonificación dos terreos para definir como actividades principais a explotación gandeira en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto. Como actividade secundaria establécese para unha das zonas definidas a plantación de árbores para obtención de froito. Neste caso, a figura da aldea modelo abrangue un perímetro de 12,87 hectáreas, distribuídas en 119 parcelas de 70 propietarios, en torno ao núcleo que se busca poñer en valor.

Na aldea de Covelo, en Taboadela, establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible co aproveitamento das masas de frondosas caducifolias, así como cultivos agrícolas complementarios para o gando. Como actividades secundaria, establécense cultivos leñosos: froiteiras ou castiñeiro para froito. Neste caso, a aldea modelo conta cun perímetro de 15,05 hectáreas, distribuídas en 223 parcelas de 109 propietarios.

No caso da aldea de Carzoá, en Cualedro, perfílase como actividade principal os cultivos de horta e de ciclo curto e explotación gandeira. Como actividades secundarias, os cultivos complementarios ao aproveitamento gandeiro e tamén cultivos leñosos como froiteiras, fundamentalmente castiñeiro para froito. Tamén se establece un ámbito de protección integral no ámbito da contorna do xacemento catalogado de A Citá, deste xeito facendo compatible o aproveitamento agrario sustentable e a protección do patrimonio cultural. Neste caso, a figura da aldea modelo abarca un perímetro de 53,68 hectáreas, distribuídas en 389 parcelas de 215 propietarios.

Pola súa banda, na aldea modelo do Seixo, na Gudiña, na zonificación establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola. Como actividade secundaria, castiñeiro para froito empregando variedades micorrizadas para a obtención de cogomelos. Neste caso, a aldea modelo abrangue 30,6 hectáreas, distribuídas en 223 parcelas de 76 propietarios.

Por último, na aldea de Mouteira-Parada, en Cerdedo-Cotobade, apóstase, como actividades principais, por un sistema agroforestal, combinando prácticas de aproveitamento do monte con agricultura, así como por cultivos de ciclo curto. As actividades secundarias serían a xestión forestal activa, priorizando a protección das masas de frondosas, e os cultivos leñosos, tales como viñedo, oliveiras ou froiteiras. Neste caso, a figura abrangue unha superficie de 17,99 hectáreas, distribuídas en 427 parcelas de 109 propietarios.

Poderán presentar propostas de aproveitamento as persoas físicas, as Administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas. Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.

Canto ás propostas, deben axustarse á normativa sectorial que resulte de aplicación en cada caso e ás guías de ordenación produtiva aprobadas para cada aldea modelo. O prazo para que a Xunta dite resolución expresa e a notifique será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Enlace á resolución no DOG

A Xunta defende o seu modelo de mobilización de terras mentres que a oposición critica a falta de medidas concretas no rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, compareceu na mañá deste martes día 11 de abril no pleno do Parlamento galego para abordar a recuperación da terra agraria en Galicia. Sobre este asunto, apuntou que desde o ano 2020 se teñen mobilizado arredor de 35.000 hectáreas mediante figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais ademais de concentracións parcelarias. José González defendeu a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, vixente desde o 21 de maio de 2021, como fundamental na loita contra o abandono do territorio e o despoboamento do rural e facer fronte aos incendios forestais. González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización. Outro obxectivo é reducir a complexidade da estrutura de propiedade en Galicia de cara á viabilidade económica das explotacións ampliando a súa base territorial. O conselleiro destacou que esta norma traballa da man da Lei de mellora da estrutura territorial de Galicia, mediante a que se seguen a decretar e rematar concentracións parcelarias. Uns obxectivos, apuntou, que tamén contaron co visto bo do propio Parlamento e dos axentes sociais, tales como as organizacións agrarias, as asociacións do sector primario e diferentes colexios profesionais.
González destaca que a Lei de recuperación busca dar solucións ás terras en estado de abandono ou infrautilización
Para conseguir ditos obxectivos, explicou o titular de Medio Rural, leváronse a cabo unha serie de análises encamiñadas a localizar tanto a demanda como a oferta de terra agraria. Unha vez identificada a demanda, buscáronse e identificáronse as zonas preferentes de actuación e desenvolver diferentes instrumentos de mobilización de terras. Instrumentos de mobilización e recuperación de terras O conselleiro José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo, que buscan poñer en marcha actividade económica orientada á produción de calidade, sempre desde o criterio da sustentabilidade social, económica e ambiental. Esa recuperación do territorio permite exercer a planificación preventiva do mesmo, freando así a afectación dos incendios forestais a través desa actividade agrogandeira. Un escudo natural que no pasado verán se puido comprobar cos lumes que pararon nas aldeas modelo de Parada dos Montes (Pobra do Brollón) e de Osmo (Cenlle). Tamén se busca rehabilitar de forma integral o núcleo das aldeas, de maneira respectuosa cos criterios de arquitectura tradicional. Estes plans nacen de cooperacións públicas e privadas. González lembrou que tamén se aposta polas “aldeas intelixentes”, coa conectividade dixital, a autosuficiencia enerxética e a s últimas tecnoloxías nas explotacións agropecuarias que as integran.
José González sinalou que para frear o despoboamento rural, estase a potenciar a figura das aldeas modelo para poñer en marcha actividades económicas orientadas á produción de calidade
Outro tema foron os polígonos agroforestais, sobre os que González matizou que son unha ferramenta decisiva para a recuperación de terras. Estas figuras permiten actuar en zonas de grande extensión e con diferentes características, actuando preferentemente nas concentracións parcelarias que presentan un abandono superior ao 50%. A Consellería tamén puxo en marcha un Plan de pastos de Galicia, mediante o cal se están a levar a cabo pastos e obras de infraestruturas asociadas co fin de poñer en valor terreos que poidan ser empregados para a actividade gandeira. A Consellería súmalle ademais o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, coa recuperación de soutos tradicionais, estreitamente ligado á posta en valor destas áreas. A figura legal para o desenvolvemento das ferramentas de recuperación de terras será o Banco de Terras. O Banco de Explotacións porá en contacto titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en incorporarse á actividade agrogandeira. Tamén teñen unha gran relevancia no marco da Lei de recuperación as permutas de especial interese agrario. Así, o conselleiro indicou que xa hai en marcha un proxecto piloto en Friol, ao que se lle prevé dar continuidade noutros puntos de Galicia. BNG, o rural galego ten nome propio: abandono O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas respondeu á intervención do conselleiro de Medio Rural que “sobran textos legais” e falta “proxecto de país” para impedir que as explotacións agrarias continúen pechando. Rivas cualificou de “insuficientes” as 10 mil hectáreas mobilizadas e denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo. Xosé Luís Rivas criticou as políticas agrarias do Partido Popular desde a reforma da PAC do 92. Estas levaron “a este país ao abandono da actividade agraria e a unha dependencia alimentaria e produtiva suicida”. Isto levou a que actualmente “Galicia xa non produce cereal” para facer o pan porque as comarcas cerealistas están “a toxo e matogueira”. O voceiro do BNG recordou o breve pero aleccionador periodo de tres anos e medio do goberno bipartito. Durante ese tempo apostouse pola mobilidade de terras coma prioridade urxente e comezou o labor cunha lei que activaba as terras infrautilizadas e as unidades conxuntas de xestión do monte. Un goberno, que difundiu todos os activos humanos e económicos “ás aldeas para promocionar e darlle vida a un rural”, cousa que “o Partido Popular se empeñou en esganar”.
O BNG denunciou “as longas demoras” en concentracións parcelarias, destacando as de Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo.
Segundo o representante nacionalista, a Xunta “leva 13 anos agrandando a desagrarización e o caos e despois do desastre de outubro do 17, presentan un texto legal pola porta de atrás” para promocionar as aldeas modelo. “Unha propaganda moi cara en investimentos e con escasos resultados” que non reverte a situación do rural en Galicia. Rivas apuntou informes parciais que vaticinan que en Galicia a porcentaxe media de terra agrícola abandonada nos próximos 10 anos será do 35%. Mentres que os informes globais, “os que facemos todos os días reflicten que cada ano pechan explotacións porque a recuperación non existe, e as súas políticas son maquillaxe barata que non leva a ningures”. Á parte, o deputado nacionalista destacou que o texto legal defendido polo conselleiro José González, ten un problema de horizonte porque non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos. Os grandes beneficiarios serán grupos empresariais e agrogandaría industrial. “Tres consorcios internacionais de capital estadounidense que controlan o 28% do rico territorio ucraíno. Dezasete millóns de hectáreas en mans de Cargill, Dupont e Monsanto”. O deputado do BNG urxiu a iniciar unha reestruturación da propiedade marcando dinámicas considerando a “propiedade agraria coma un ben social”. Mentres Galicia conta co 23% de SAU, en Bretaña alcanzan o 60% e en Irlanda, o 65%. Esas serían as porcentaxes ás que debería aspirar Galicia segundo Rivas. Por outra parte, tamén insistiu en que o rural galego ten un nome, abandono. “Abandono da actividade agrogandeira, abandono poboacional, caos forestal por exceso de biomasa e falta de relevo xeracional nas explotacións”.
O deputado nacionalista Xosé Luis Rivas destacou que o texto legal defendido polo conselleiro non facilitará terra agraria para pequenos e medianos proxectos
Na súa opinión, este abandono pode ser freado a través doutras políticas porque “sobran leis e falta un proxecto de país” para dotar as OACs de persoal formado, recursos financeiros ao Plan Integral, medidas cara un horizonte de soberanía alimentaria e recuperar poboación. Para todo isto, volveu a dicir o nacionalista, é necesaria “vontade política e non vender o noso país”. O grupo socialista denuncia: “Galicia ten 900.000 hectáreas abandonadas” O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta. En resposta á comparecencia do conselleiro do Medio Rural, Martín Seco denunciou a “falla de xestión, de programación, de persoal e de orzamento” para cumprir esta norma aprobada en 2021. A norma “podería quedar en nada” se o goberno galego continúa reducindo orzamentos, medios materiais e humanos e coa falta dun cronograma de actuacións para o cumprimento da Lei, apuntou Seco. O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria. O plan, segundo Seco, vén “sen ningunha novidade relevante co banco de terras, que segue a estar infrautilizado”, sen recursos nin persoal. Seco apuntou unha serie de puntos sen cumprir por parte de Medio Rural como non desenvolver o banco de explotacións, non elaborar o mapa de usos agroforestais e a falta de conclusión do catálogo de solos agropecuarios e forestais. Martín Seco engadiu ademais que “non se vai solucionar o problema de falla de superficie agraria útil con pequenas actuacións de recuperación de núcleos abandonados coas aldeas modelo”.
O PSdeG criticou a paralización da Lei da recuperación da terra agraria de Galicia polo desleixo da Xunta
O deputado do Grupo Socialista lembrou que aínda non se enviou o informe de avaliación bianual que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural debera enviar ao Parlamento, ao Consello de Xestión da Terra Agroforestal e á Comisión de Seguimento. Ademais, esta última Comisión segue sen estar constituída dous anos despois da aprobación da Lei, co que “demostran que non queren que o seu traballo teña unha avaliación independente”. O parlamentario socialista criticou atrasos na normativa de ordenación territorial e a “ausencia de iniciativas” sobre a mellora da estrutura das terras agrarias. Sobre isto, apuntou unha xestión caracterizada polos retrasos nos traballos de concentración parcelaria, con apenas 450.000 hectáreas, unha terceira parte do obxectivo.
O deputado do PSdeG sinalou o atraso dun ano para publicar o plan de acción anual para a recuperación agraria
Martín Seco finalizou a súa intervención denunciando o “bloqueo sistemático” da Lei de Montes Veciñais do goberno do socialista Laxe ou da Lei do Banco de Terras elaborada polo goberno de Touriño. Advertiu que hoxe Galicia ten 900.000 hectáreas de terra abandonada, das cales 400.000 poderían ter rendemento, e outras 50.000 son de alto valor agrario, pero, dixo, “en Galicia perdéronse case 9.000 hectáreas agrarias en 2020”.

Bota a andar a aldea modelo de Reboredo, en Pereiro de Aguiar, centrada na gandería de vacún

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe a aldea modelo de Reboredo, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén e do alcalde, Luis Menor. Alí puido comprobar a posta en produción de gando vacún en extensivo, da man da cooperativa Gandaría SMAD. Neste senso, José González lembrou que esta aldea modelo conta cunha superficie de 15,13 hectáreas arredor do núcleo que busca dinamizar, dividida en 158 parcelas de 95 propietarios. Así, para os vindeiros cinco anos, a Gandaría SMAD arrendou unha superficie de case 8 hectáreas co obxectivo de poñer a producir unha gandaría en extensivo de raza Rubia galega. Desta forma, sinalou o conselleiro, “a través desta práctica, conséguese recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais”. Precisamente, estes son os principais obxectivos destas figuras de mobilización de terra, que puxo en marcha a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. De feito, destacou José González, a día de hoxe están declaradas en Galicia un total de 21 aldeas modelo, que están a mobilizar 574 hectáreas de superficie. No tocante á provincia de Ourense, son 14 aldeas modelo as aprobadas -incluído a de Reboredo-, xunto coa de Trelle en Toén, que tamén se atopa nesta mesma comarca. A estas cifras, súmanse as hectáreas que se están a mobilizar nos 21 polígonos agroforestais -15 na provincia de Ourense- e nas permutas de interese agrario. Desta forma, dende Medio Rural destacan que desde que se puxo en vigor a Lei de recuperación estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de terra que estaba abandonada ou infrautilizada, tamén mediante a figura das permutas.

Dinamización dos núcleos rurais

Durante a súa visita, o titular de Medio Rural lembrou que o seu departamento puxo a disposición dos concellos axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. A convocatoria deste ano desta liña de axudas permanece aberta cun orzamento de algo máis de 2 millóns de euros. Con estas achegas, búscase un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Así mesmo, o concello do Pereiro de Aguiar foi beneficiario de dúas subvencións para esta aldea de Reboredo na convocatoria correspondente ao ano 2022. Así, a primeira das achegas foi para mellorar o alumeado público con sistemas de aforro enerxético na aldea, contando cunha achega da Consellería de algo máis de 48.000 euros. Mentres, a segunda achega, foi para a renovación das redes de saneamento e abastecemento do núcleo da aldea modelo, para o que contaron con case 49.000 euros.

Axudas para dotar e mellorar os servizos básicos nos concellos con aldeas modelo e polígonos agroforestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelos cun importe de algo máis de 2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cunha serie de requisitos, como que se teña declarado no seu territorio unha aldea modelo ou que se teña iniciado o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal. Algunhas das actuacións subvencionables son a instalación, ampliación ou mellora de infraestruturas (alumeado, enerxía renovable) e equipamentos; a rehabilitación de espazos públicos e elementos patrimoniais; as obras de construcción ou rehabilitación de edificacións de servizo público; a mellora de servizos asistenciais e culturais, así como a dixitalización de núcleos rurais e a implantación de e-servizos mediante tecnoloxías da información e a comunicación.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Ligazón á orde no Diario Oficial de Galicia:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230202/AnuncioO90-301222-0005_gl.html

Parada dos Montes, unha comunidade do Courel que busca renacer das cinzas

A Comunidade de Parada dos Montes (A Pobra do Brollón) resultou seriamente afectada polo gran incendio da Serra do Courel deste pasado verán, no que arderon máis de 12.000 hectáreas. O lume chegou ao monte comunal e calcinoulles 950 hectáreas de terreo forestal, das que unhas 500 estaban destinadas ao aproveitamento madeireiro. Agora, a comunidade quere repensar o seu proxecto para o monte. Distribución do territorio, proxecto futuro e problemas de base O proxecto forestal de Parada dos Montes conéctase coa propia aldea, que desde fai dous anos convertiuse nunha aldea modelo coa idea de recuperar os terreos privados que a rodean, agora transformados nun espazo cercado e limpo. Os terreos da aldea modelo son maioritariamente pastizais destinados á única facenda do lugar. “Agora mesmo teño oito vacas que son as que pacen todo o pobo, coma quen di. Eu págolle unha cantidade á Xunta polo seu uso, que logo reparten entre toda a veciñanza propietaria. A cambio diso temos as parcelas de preto das nosas casas limpas e cercadas, unha cuestión que evita que o lume chegue ás vivendas”, afirma Marisol Martínez, gandeira en Parada dos Montes.
“Coa aldea modelo temos as parcelas de preto das nosas casas limpas e cercadas, unha cuestión que evita que o lume chegue ás vivendas” (Marisol Martínez)
“Máis alá das vivendas e das fincas que rodean a aldea, atópanse, nun círculo máis aberto, os terreos privados que xa non teñen uso e que foron os primeiros en quedar abandonados; sobre estes non temos actualmente capacidade de xestión. A partir de aí, xa sería o territorio da Comunidade de Montes de Parada dos Montes”, explica Marcos Ferreira, secretario da comunidade e veciño. O monte veciñal está conformado por 950 hectáreas de monte clasificado, que estaban en distintas situacións. “As 600 hectáreas que estaban conveniadas coa Xunta destináronse a aproveitamento madeireiro, polo que hai diferentes especies de piñeiro -pinaster, sylvestris e radiata- de distintas idades. O resto do monte está sobre todo a raso e outras zonas pequenas teñen frondosas, aínda que a maior parte das frondosas corresponden a propiedades privadas. Por iso, cando a Comunidade colleu a xestión directa do monte, o que se atopou foi unha superficie moi grande dedicada á madeira de piñeiro”, detalla Marcos Ferreira.
“Cando a Comunidade colleu a xestión directa do monte, o que se atopou foi unha superficie moi grande dedicada á madeira de piñeiro” (Marcos Ferreira)
Tras a grande vaga de incendios deste verán, as 950 hectáreas dos veciños de Parada arderon por completo. “O proceso que se seguiu a partir disto foi chorar, logo cubicar a madeira queimada de diferentes formas -manualmente e con tecnoloxía lidar- e logo poxala. Unha vez se venda e se corte, toda a cantidade obtida destinarase a rexenerar o monte da Comunidade e a intentar xestionar aqueles terreos que están abandonados para darlles un uso, como por exemplo, para frutais”, amplía sobre o proxecto futuro comunal o secretario.
“Toda a cantidade obtida destinarase a rexenerar o monte da Comunidade e intentar xestionar aqueles terreos que están abandonados para darlles un uso, como por exemplo, para frutais” (Marcos Ferreira)
O problema que se atopa a comunidade de montes é a falta de poboación. “No núcleo non hai xente, polo tanto, se queremos manter xestionado o territorio e pretendemos resolver o tema dos incendios é fundamental que haxa xente que teña gando para controlar o territorio que nos rodea. Hai que pensar nun proxecto integral”, comenta Ferreira. Por este motivo, Marisol Martínez critica a falta de apoios que ve para o rural, “xa que din que o apoian pero seguimos tendo estes problemas; a xente non quere vir para os pobos e a actividade gandeira é necesaria, pero neste caso, son a única gandeira que queda aquí en Parada, e para chegar a fin de mes só co gando é moi complicado porque estamos vendendo a perdas”, valora. ”De seguir así, o futuro pinta moi complicado”. https://www.campogalego.gal/non-publicar-antes-por-exemplo-habia-50-vecinos-con-2-ou-3-vacas-cada-un-agora-so-somos-dous/

A recuperación de terras do abandono centra o debate dos presupostos de Medio Rural para 2023

A Consellería do Medio Rural vén de presentar no Parlamento o seu proxecto de orzamentos para o 2022. En cifras xerais, aumenta o seu presuposto un 5%, ata os 679 millóns de euros. O conselleiro, José González, apuntou como liñas estratéxicas para o 2023 a mesma folla de ruta que xa debuxara o pasado ano. Un dos eixos sobre os que insiste é a recuperación de terra agraria por medio dos instrumentos que figuran na Lei de Recuperación: aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta. Prevese ademais a posta en marcha no 2023 do xa anunciado Banco de Explotacións. Desde a publicación da Lei, Medio Rural iniciou os trámites para a creación de 10 polígonos agroforestais (7 en Ourense, 2 en Pontevedra e 1 na Coruña) e anuncia outros 11 con trámites previos. Igualmente, a Xunta sitúa entre os logros da Lei de Recuperación a consolidación de 21 aldeas modelo, con 7 máis en trámite. O instrumento pendente de implementar, que se prevé abordar no 2023, é o das agrupacións forestais de xestión conxunta, orientadas a combatir o minifundio forestal. O conselleiro anunciou no Parlamento que en breve se publicará un modelo de estatutos de agrupación forestal. A idea da Consellería é iniciar experiencias con estas agrupacións nos soutos de castiñeiros do Oriente galego, unha acción para a que prevé 1 millón de euros en apoios. En canto ós traballos dos polígonos agroforestais e aldeas modelo, Medio Rural prevé destinar máis de 9 millóns de euros. O conselleiro subliñou ademais que o seu departamento continúa co programa de concentracións parcelarias: “Este 2022 entregáronse os títulos de 28 concentracións e estamos a cumprir o compromiso de decretar unha nova reestruturación parcelaria por cada entrega de títulos, co cal remataremos o ano con 28 novas reestruturacións decretadas”, asegurou González. Para este 2023, a Consellería proxecta tamén iniciar a posta en marcha de polígonos cortalumes de iniciativa pública en áreas de recurrencia de grandes incendios. Son polígonos que terían por obxectivo crear discontinuidades nas masas forestais por medio de cultivos, pastos ou masas de frondosas caducifolias.
"A nosa superficie agraria útil está alugada na Ucraína e ó outro lado do Atlántico" (Xosé Luis Rivas, 'Mini')
Valoracións da oposición Desde os grupos de oposición, pola súa banda, calificaron de “propaganda” os polígonos agroforestais en marcha que anuncia a Xunta. “Falan de 9.000 hectáreas recuperadas, pero na práctica poden ser algo máis de 200 hectáreas, o resto son proxectos”, sostén o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’, que criticou que “non hai unha previsión orzamentaria suficiente para levar á práctica a Lei de Recuperación de Terras”. “A nosa superficie agraria útil está en Ucraína e ó outro lado do Atlántico, en tanto temos abandonadas áreas cerealistas de regadío como o Val de Lemos”, cuestionou ‘Mini’. O deputado demandou un Banco de Terras que sexa operativo na práctica á hora de mobilizar a terra abandonada e lembrou os datos que manexa a propia Xunta: “Temos máis de 700 concentracións parcelarias con 23.000 hectáreas abandonadas” (nas que máis do 50% da superficie está a mato). ‘Mini’ fixo tamén un repaso polo que considera un “caos” na ordenación do territorio, “con 50.000 hectáreas de terras agrarias forestadas ilegalmente” -cifrou- e “monte devastado por grandes incendios que non se está a restaurar. Nas Neves (Pontevedra) pódense ver aínda moitas zonas afectadas polos lumes do 2017 que seguen sen recuperar. Este ano temos 50.000 novas hectáreas queimadas que precisan de accións”, demandou. No ámbito forestal, si hai coincidencia do Bloque co conselleiro na necesidade de impulsar as agrupacións forestais de xestión conxunta (Uxfor na terminoloxía de ‘Mini’), así como os cortalumes verdes, “en marcos de 20x20 metros, de xeito que poidan ser pastoreadas por gando extensivo”, propón o grupo nacionalista, que suxire crear en Galicia un ciclo formativo de pastor nos Centros de Formación e Experimentación Agraria, dependentes da Xunta. O debate incluíu tamén un intercambio entre a portavoz popular, Elena Candia, e o deputado socialista Martín Seco. Candia aproveitou a súa quenda de palabra para cuestionar situacións das que culpou ó Goberno central, como a alza do gasóleo e da electricidade para as granxas, ou a Estratexia do Lobo; en tanto Seco sacou peito das axudas concedidas este ano polo Goberno central a máis de 18.000 ganderías en Galicia para afrontar o aumento de custos derivado da Guerra de Ucraína.

Subvencións 2023

A presentación do proxecto de presupostos no 2023 serviu igualmente para que o conselleiro debullase as liñas de subvencións e investimentos previstas para o próximo ano. En canto ás subvencións, son en boa medida continuistas das liñas dos últimos anos. Así, prevense 54,8 millóns de euros para plans de mellora de explotacións e incorporación de persoas mozas no agro, 30 millóns de euros para a industria agroalimentaria e 5 millóns para maquinaria agrícola en común. Entre as novidades do 2023, figura a convocatoria dunha liña de axudas para as ganderías afectadas pola rata toupa no interior de Lugo. Son apoios destinados á compra de forraxe e prevese para iso unha partida de 200.000 euros. Convocarase tamén no primeiro semestre a axuda xa anunciada en setembro para compensar ás ganderías de carne polos baixos prezos da carne e o aumento de custos. En materia forestal, entre outras partidas, programaranse arredor de 9 millóns de euros para instalación e mantemento de masas forestais, así como outros 3,8 millóns para o castiñeiro, incluíndo plantacións e restauración de soutos tradicionais. Continuarán tamén as liñas da Axencia Galega da Industria Forestal para apoiar a compra de maquinaria, así como a liña de subvención ás construcións en madeira.

Investimentos 2023

En materia de investimentos, estes son algúns dos principais proxectos anunciados polo conselleiro, a maioría xa coñecidos e algúns incluso presupostados no anterior exercicio, como o chamado ‘Espello do rural’, en Sergude, o apoio ó Banco de xermoplasma de Mabegondo ou a lonxa dixital de gando. - Primeira fase do ‘Espello do rural’, cun investimento de 4,7 millóns de euros no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. - Banco de xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo: 3,4 millóns de euros. - Oficinas Agrarias Comarcais, 6 millóns de euros no periodo 2023-2024. Para Lalín anúnciase unha nova oficina, cun presuposto de 3,7 millóns de euros, e para a de Lugo un investimento futuro de 2,8 millóns de euros; no 2023 redactarase o seu proxecto. - Novas motobombas e equipos para os servizos de extinción de incendios: 10 millóns de euros. - Novas bases das unidades de extinción de incendios en Muiños (Ourense), Rianxo (A Coruña), Mondoñedo (Lugo) e Lalín (Pontevedra), esta última cunha base de helicópteros. Mellorarase tamén a base de helicópteros de San Xoán de Río: 5,5 millóns de euros. Outros 1,9 millóns irán a unha nave de almacenamento e taller en Botos (Lalín) e a melloras na base de Verín. - Regadío da Limia, 2,3 millóns de euros. - Lonxa agropecuaria dixital, 400.000 euros. - Mercado dixital (Market place) para os produtos de explotacións agrarias: 500.000 euros. - Matadoiro móbil para reses menores (ovino, caprino, aves): 750.000 euros. - No ámbito da cooperación, Medio Rural prevé destinar máis de 10 millóns de euros ó plan Leader, xestionado polos 23 Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, así como 6,6 millóns de euros para grupos operativos e de innovación en materia agroforestal. - Para a promoción de produtos agrarios de calidad, programaranse 5,4 millóns de euros. González recordou a campaña en marcha, por importe superior ó millón de euros, destinada a promocionar a Ternera Gallega Suprema.

A Xunta anima aos gandeiros e agricultores galegos a ampliar a súa base territorial para saír máis beneficiados na nova PAC

A Xunta anima aos agricultores e gandeiros galegos a apostar polos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para así optar á axuda básica á renda da reserva nacional da Política Agraria Común (PAC) do próximo período 2023-2027. Dende Medio Rural destacan que “a instancias precisamente do Goberno galego, o borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda prevé que poidan solicitar estes dereitos superficies acollidas a ferramentas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta”. Cabe apuntar que estes dereitos de axuda básica á renda da reserva nacional substituirán no novo período da PAC aos actuais dereitos de pagamento básico, permitindo aos beneficiarios percibir a axuda básica á renda para a sustentabilidade e, no seu caso, as axudas complementarias redistributivas e para mozas e mozos. Para poder recibir estas axudas directas, cada dereito deberá xustificarse con 1 hectárea subvencionable, é dicir, con 1 ha de superficie agraria da explotación. Galicia vén sendo deficitaria en dereitos de pago, tanto no período de pagamento único 2007-2014 como no de pagamento básico de 2015-2022. Isto quere dicir que conta con máis hectáreas de superficie agraria útil aproveitada polas explotacións galegas que con dereitos de pago que permitan percibir axudas directas por esa superficie.

Cambios na nova PAC

Porén, no borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda, grazas ás observación feitas dende a Xunta, está prevista para o novo período da PAC unha ferramenta que contribuiría á diminución do referido déficit. Así, co obxecto de evitar o abandono de terras, poderán solicitar dereitos á reserva nacional os agricultores cuxas explotacións se atopen acollidas a programas de reestruturación relativos a algún tipo de intervención pública regulada por unha norma autonómica de rango de Lei para ese fin, tales como bancos de terras ou instrumentos de mobilización como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas. "Deste xeito, está previsto que poidan recibir dereitos da reserva nacional as explotacións galegas incluídas nalgunha das figuras da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, así como as que dispoñan de hectáreas subvencionables en réxime de arrendamento mediante o Banco de Terras de Galicia, unha razón máis para que os gandeiros e agricultores aposten por estas iniciativas", destacan dende Medio Rural.

Medio Rural recuperará 90 hectáreas de terra agraria no concello de Cerdedo-Cotobade

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou este sábado a aldea modelo de Mouteira-Parada, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, para supervisar os traballos de limpeza que se están executando. Alí, destacou que neste municipio recuperaranse preto de 90 hectáreas de terras agrarias a través de dita aldea modelo e do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, a aldea modelo de Mouteira-Parada vén de ser declarada de utilidade pública e interese social, o que permitirá axilizar a posta en valor das 17,97 hectáreas que ten este lugar. En concreto, dita aldea abrangue un total de 427 parcelas e 109 titulares. O seguinte paso á limpeza das terras que rodean esta aldea será aprobar o seu proxecto de ordenación produtiva, no que se delimitará -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia. Neste senso, o conselleiro sinalou que, finalmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo, aínda que todo apunta a que os usos das parcelas pasarán pola explotación da gando. Posteriormente, o conselleiro e a directora xeral visitaron a zona do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, onde está previsto recuperar 68 hectáreas en 1.534 parcelas. Dito polígono xa ten o acordo de inicio asinado e en breve publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Axudas proxectos en aldeas modelo

Durante a súa visita, o conselleiro destacou que se veñen de resolver as axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo -e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria-, as cales permitirán desenvolver 28 proxectos nun total de 14 concellos, por un importe de case 1,1 millóns de euros. Precisamente o concello de Cerdedo-Cotobade é un dos beneficiarios destas achegas para executar -por importe de case 39.000 euros- un proxecto de mellora do espazo e das infraestruturas públicas dentro da aldea modelo de Mouteira-Parada. Así, José González sinalou que estas achegas -que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia- teñen como obxectivo mellorar a prestación de servizos básicos locais que contribúan a consolidar os instrumentos de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de potenciar a actividade económica e social naquelas áreas territoriais delimitadas polo perímetro das aldeas modelo declaradas. Neste senso, José González destacou que grazas a esta liña de achegas, propiciarase a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a posta en marcha e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas que se localicen nesas áreas rurais. Desta forma, entre os proxectos aprobados figuran a mellora das redes de alumeado público; a humanización e a rehabilitación de espazos públicos como prazas, paseos e rúas; ou a pavimentación de vías públicas municipais. Tamén se contempla a rehabilitación de elementos patrimoniais tales como fontes, lavadoiros, muíños ou hórreos; a implantación e mellora de servizos asistenciais para a infancia ou os maiores; a dotación ou mellora de servizos culturais ou a dixitalización de núcleos rurais, entre outras accións. Por último, cabe destacar que en Galicia hai actualmente un total de 19 aldeas modelo declaradas para recuperar preto de 525 hectáreas distribuídas en case 8.600 predios de preto de 2.200 titulares, co obxecto de xerar actividade económica que contribúa a fixar poboación e a avanzar na anticipación aos incendios.

Arranca a posta en produción con vacún en extensivo na aldea de Meixide, no concello da Veiga

A Xunta informa de que vén de arrancar a posta en produción na aldea modelo de Meixide, no concello ourensán da Veiga, cunha explotación de vacún en extensivo. Esta figura de posta en valor -contemplada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- abrangue neste caso unha superficie de 71,25 hectáreas na contorna do núcleo de poboación que se busca dinamizar, distribuídas en 646 parcelas de 151 propietarios. A posta en produción que se vén de iniciar na aldea modelo de Meixide foi posible tras a resolución do pertinente procedemento de concorrencia competitiva para a selección da proposta de aproveitamento idónea para a zona. Este proceso arrancou tras a publicación da correspondente guía de ordenación produtiva, na que se delimitaban os usos máis acaídos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo. Así mesmo, acometéronse as obras e infraestruturas necesarias para a posta en produción, como peches perimetrais, pastores eléctricos, refuxios para o gando, comedeiros, bebedoiros, e o acondicionamento de camiños. Tamén se levaron a cabo os traballos de limpeza nos predios que asumiron o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.

Galicia presenta en Asturias as “aldeas modelo” no I Encontro de Aldeas do Século XXI

O subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, vén de debullar as particularidades e vantaxes das aldeas modelo recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia como figura para dinamizar e fixar poboación no rural. Así o fixo no 1º Encontro de aldeas do século XXI que se celebra en Asturias entre hoxe e mañá, con relatorios e visitas de campo. En concreto, o subdirector lembrou que xa están aprobadas un total de 19 aldeas modelo en Galicia, implementando deste xeito un dos principais instrumentos contemplados na norma que está a piques de cumprir un ano en vigor, xunto co dos polígonos agroforestais e o das agrupacións de xestión conxunta. Concibidas para recuperar, neste caso, contornas de núcleos poboacionais, as aldeas modelo buscan promover -segundo destacou- nova actividade económica no rural, aumentando a base territorial das explotacións e contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume. Tamén se referiu aos Espazos agrarios de experimentación, destinados á formación e experimentación de actividades agrarias de cara a lograr novas incorporacións ao sector primario nas aldeas. Na súa intervención, Alejandro Sánchez de Dios puxo de relevo que todas as ferramentas contempladas na Lei de recuperación son voluntarias e buscan poñer a producir parcelas en estado de abandono ou infrautilización, máis aínda cando se calcula que existen máis de 500.000 hectáreas de terra agraria en Galicia sen aproveitar. Así, os seus propietarios poderán arrendalas mediante o Banco de Terras de Galicia a alguén que as precise -no caso que nos ocupa, aos adxudicatarios da actividade ou actividades elixidas para a aldea modelo en cuestión-, beneficiándose economicamente da súa xestión ao tempo que se aseguran de que as súas parcelas están limpas, co conseguinte avance de cara á prevención de lumes.

Aldeas do século XXI

Organizado por CTIC Rural Tech e polo executivo do Principado de Asturias, o 1º Encontro de aldeas do século XXI está a acoller as exposicións de representantes do Goberno central e das comunidades asturiana, cántabra e galega, así como da Administración do veciño Portugal e de distintas asociacións de veciños de aldeas de Asturias. O obxectivo é analizar o papel que xogan estas aldeas na xestión do territorio, da biodiversidade, da paisaxe, das enerxías renovables ou da produción local de singularidades gastronómicas de alto valor engadido. A maiores, realizaranse visitas de campo ás aldeas asturianas participantes onde se están a desenvolver distintas iniciativas, para finalizar coas conclusións extraídas do encontro.