Archives

“Bodegas Marqués de Vizhoja vai plantar 50 novas hectáreas de viñedo en Rías Baixas e relanzar a oferta de enoturismo”

-Estamos en Bodegas Marqués de Vizhoja, nunha contorna histórica e rodeados dunha das maiores plantacións de viñedo de Rías Baixas. Cal é a historia que hai detrás desta adega? Bodegas Marqués de Vizhoja xurdiu no ano 1968 e aínda non existía a DO Rías Baixas e o meu pai e o meu avó elaboraban este viño, comprando tamén uvas na zona do Tea. Houbo un premio moi importante e o premio foi unha folla de parra, e de aí o meu pai viu que a folla ía ser o selo de Marqués de Vizhoja. Observou ao seu ao redor e viu que todo eran marqueses e condes e por iso decidiu que ía ser o marqués da vide e da folla. Cando fixo as etiquetas coa folla do premio, déronse conta que puxeron o D por unha Z e ao meu pai gustoulle máis e deixárono así. Foi un erro pero saíu xenial e fonéticamente escoitábase mellor. -Contades con 40 hectáreas de viñedo, poucas adegas en Rías Baixas poden presumir de contar con tanto viñedo propio. Como foi o proceso de adquisición e plantación de viñedo no voso caso? Estamos en Galicia, e por tanto na terra do minifundio. E en Arbo, máis minifundio aínda... Nós queremos concentrar case todos os viñedos ao redor da adega, como os pagos franceses. Ter un castelo, no noso caso, aquí en Galicia é un pazo, cos viñedos ao redor. Agora mesmo temos unha ampliación de 50 hectáreas novas nun terreo por riba da adega, é dicir, seguimos no mesmo municipio, no mesmo pobo. Iso non é nada fácil co minifundio galego, ás veces compramos terreos de 500 ou 1000 metros cadrados.. É unha das grandes problemáticas e agora mesmo creo que se está dotando dunha serie de ferramentas para que a parte do campo en Galicia podámola atender mellor porque do contrario a xente non vai vir ao rural. Logo temos a problemática dos incendios, aquí padecémolo moito, un ano queimóusenos media hectárea, pero iso pásanos a todas as adegas. -Nos últimos anos grandes adegas de fóra de Galicia están a tentar asentarse tamén na DO. Rías Baixas. Coas características da vosa adega supoño que teriades máis dunha oferta de compra....Pódesnos comentar algo? Como valoras o momento actual que está a vivir a DO? A DO está a vivir uns anos moi bos, está a facelo francamente ben, co formato, inducidos tamén polas adegas....E estamos a competir cun prezo para dar o caché que necesita Rías Baixas. A uva ten un prezo bastante alto para o que é a uva a nivel de España. As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia. Pero ninguén me veu chamar á porta para comprar a adega, supoño porque van buscando adegas máis pequenas e alcanzables de comprar que a nosa.
 As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia
-Descríbenos como son os vosos viñedos e que características destacarías... Nós fomos uns pouco pioneiros no de ir a espaldeira e non a parra. O meu pai foi das primeiras persoas que apostaron polo sistema de espaldeira en Galicia. Temos un chan e orientación moi boa, chan granítico, estamos rodeados dun val, por iso queremos todo ao redor do noso propio val, aos pés do Río Miño, o cal nos dá unhas pequenas humidades, e estamos no interior de Rías Baixas, éntranos un pouco da brisa do Atlántico a traves do Miño pero somos unha zona de interior e cremos que a zona de Tea e Arbo é a mellor zona da DO. Rías Baixas e por iso aquí queren vir outras adegas e estanse asentando ao redor de O Condado. -Estamos no arranque da colleita 2024. Como foron os labores de poda e as primeiras fases do ciclo vexetativo desta campaña? Esta campaña como todas, temos moi claros as nosas formulacións e protocolos de traballo, están suficientemente claro como temos que actuar pero ás veces a climatoloxía xóganos boas ou malas pasadas. Este ano ía todo moi ben ata que veu un xaneiro que parecía verán case, chegando a temperaturas de case 30º na zona e empezou co seu ciclo vexetativo, daquela os fríos están a paralo un pouquiño e agora empezan os primeiros brotes. A climatoloxía é a que nos vai a dar os pasos a seguir, pois os nosos protocolos de actuación van en función da climatoloxía. -A fertilización xoga un papel clave o a produción e calidade da uva. Que protocolos seguides? Todos os anos facemos moitas analíticas de campo, de zonas. Hai que facelas e sobre iso actuamos. Cos abonos, con todo, imos estudando a planta día a día e imos facendo cambios. O que non se usa desde hai moitísimos anos son herbicidas nin abonos naturais de cabalo, coello... Porque creo que hai restos que non son bos, antibióticos... Usamos unhas técnicas moi exactas para conservar o medio ambiente e ter un solo que se protexa a si mesmo, trátase de volver á cultura dos nosos avós, e iso non o consegues nin nun ano, nin en dous nin en tres. Tentamos ser o máis ecolóxicos posibles. -Empregades abonos e emendas de Ecocelta. Que vos levou a empregar os seus fertilizantes e que vantaxes valorades? É unha moi boa compañía que aposta por ser o máis natural posible e potenciar os nosos solos, e son un dos nosos provedores. -En canto ao laboreo do chan, que protocolos seguides para o control da cuberta vexetal? Creo que o mundo, xa non só falo de Galicia, está a darse conta de que hai que ter chans vexetais, non podemos arar os solos e deixalos secos. Pola contra, se deixamos capas vexetais hai humidade, natureza, insectos... Teñen que ter vida, se os deixamos desprotexidos todo vai ser deserto, e co cambio climático moito peor. Por iso hai que seguir protocolos dependendo das zonas, non é igual unha zona máis alta ou unha zona máis baixa, ou segundo o tipo de inclinación.. Pero reitérome en que ten que haber capa vexetal e natureza sempre. -Que estratexias seguides en Marqués de Vizhoja para controlar o mildiu? Como todas as adegas, sulfatamos, non nos queda outra. Pero hai unha cousa clave, en 12 horas somos capaces de tratar todo o noso campo e iso é algo importantísimo. Porque pode chover, entrar fin de semana...e como entre a espora é moi difícil combatela. O ano pasado houbo zonas que foi un verdadeiro desastre, houbo xente que como nós, tivo unha colleita magnífica, de feito a DO aprobou un aumento de produción en campo, pero houbo xente que non chegou a recoller nada, porque se tardas dous días e éntrache a espora, estás acabado, e máis se entra o fin de semana e empezas a traballar o luns. Xa non es capaz de erradicala. Iso si, hai que investir en campo, traer tractores, desbrozadoras...
Co mildio se tardas dous días en tratar e entra a espora, estás acabado
-Estamos nunha zona onde xa foi detectada pola Xunta a presenza da Flavescencia Dourada. Como valorades as medidas adoptadas para frear a súa propagación? É outra enfermidade máis. O que vive do campo ten que convivir con isto. Isto non é novo e xa vén doutros países que o están combatendo. A Xunta está a xogar un bo papel, está a pór detectores polas zonas do Río Miño, pois vennos a través de Portugal, e hai que estar moi atentos, vixiar e educar ao persoal que temos en campo para que eles tamén vexan como é e sobre todo traballar con trampas que hai que estar a controlar constantemente. É unha cousa moi perigosa e temos que estar todos moi de acordo nos protocolos a seguir, porque do contrario poden vir os viñedos abaixo e sería un desastre económico para todos. -Que outras técnicas aplicades para mellorar a calidade da uva? O primeiro, cada planta é cada planta. Ti tes que estudar á planta, cada planta é única, como as persoas. Hai plantas moi antigas e outras que son máis novas, temos de todo tipo de idades, é un protocolo de aprender a observar á planta para sacarlle unha boa uva. E logo hai que facer podas en verde, tirar acios ao chan, e iso doe ás veces un pouquiño, pero hai saber que cargas lle podemos dar a cada planta, especialmente despois da floración. -Que rendementos logrades nun ano normal nos vosos viñedos? Comprades tamén uva a viticultores? Si, compramos uva, pero sempre ao redor da adega. Non compramos uva de fóra do Condado do Tea. Os rendementos en campo van variando, cada ano é distinto. O ano pasado foi bo, pero unha media normal pode ser entre 8 ou 10 mil quilos por hectárea. Pero reitérome en que depende da climatoloxía, é moi complicado. Este ano non sabemos pero gustaríame sabelo. -O voso viño máis coñecido é Marqués de Vizhoja. Que destacarías da súa elaboración e características? Cantas botellas vides elaborando e onde están os seus principais mercados? É un viño fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas por temas comerciais. É un viño afrutado, novo, un viño que nunca falla e que sempre che vai deixar quedar moi ben. Logo ten moi boa presentación e un prezo moi razoable, por iso véndense case 2 millóns de botellas. Logo está a Torre La Moreira, un albariño 100% que se elabora a partir das uvas das viñas de ao redor da adega e coas novas ampliacións. En canto a Señor da Folla Verde é o noso viño típico da subzona do Condado, é a nosa marca máis elitista, máis alto de gama e máis especial. -O prezo de venda ao público da botella de Marqués de Vizhoja está nos 4,65 euros. Como logrades ser tan competitivos en prezo mantendo a calidade? Con moito traballo, amor e ganas.
“A decisión de deixar o viño Marqués de Vizhoja fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas foi por estratexia comercial pura e dura”
-Este viño tamén se atopa fóra de DO. Rías Baixas. Que vos levou a non amparalo baixo o Consello Regulador? No ano 1985 o meu pai adquiriu o que é a finca A Moreira e aí é onde decidimos montar as adegas Marqués de Vizhoja que antes as tiñamos en Vigo. Desde aí foron pasando os anos e apareceu a DO Rías Baixas e o meu pai nun principio non quixo meterse por estratexia comercial e un tema de prezos. Marqués de Vizhoja xa vendía unha boa cantidade de viño por medio mundo e decide deixar que ese viño de autor seguise o seu camiño, e facer dúas novas liñas comerciais: unha Torre La Moreira, que é 100% albariño, e un Señor da Folla Verde que é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureira e 15% treixadura. Esa foi un pouco a estratexia comercialmente, por iso temos viños dentro da DO e Marqués de Vizhoja está fóra da DO, foi estratexia comercial pura e dura. -Dentro de DO tedes "Torre La Moreira" e "Señor da Folla Verde". Que destacarías destes viños -elaboración, cata, número de botellas- e como está a ser a súa acollida no mercado? Torre La Moreira é 100% albariño, está na DO só se vende en hostalaría e tendas especializadas e anda nunha franxa de 8-10 euros. Señor da Folla Verde é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureiro e 15% treixadura. É o noso viño máis elitista, comercialmente andará entre uns 13-15 euros. Estes dous viños son elaborados 100% con uvas dos nosos viñedos e implican coidados diferentes. -Completades o voso portfolio coa elaboración de licores, con formatos novos. Que vos levou a dar este paso e que destacarías destes produtos? No mundo licores temos o que hai que ter: augardente, licor de herbas, licor café e a nosa famosa e recoñecida crema. Decidimos facer unhas monodoses para os carajillos e sobremesas. Na hostalaría reenchíanse moitas botellas e o consumidor non sabe o que está a beber por iso fixemos estas monodoses antichorreo, é un invento que recibiu moitos premios a nivel mundial, é unha cousa moi específica que non hai en moitos sitios e é a mesma tecnoloxía que se usa no mundo farmacéutico. Fixámonos nos monodoses das salsas nas hamburgueserías e pensamos en facer algo parecido pero cunha tecnoloxía que asegure a calidade do produto.
 “As nosas monodoses de licor de herbas, licor café e augardente garanten ao cliente a autenticidade do produto”
A crema é o que máis nos custou elaborar, é a única crema galega de 19º. Hai moitas cremas no mercado que parecen leite ou nata, entón quixen elaborar unha moi boa crema. -Bodegas Marqués de Vizhoja tamén aposta polo enoturismo, unha área de negocio en Galicia na que aínda queda camiño para a súa profesionalización. Que destacarías da vosa experiencia e cales consideras que son as claves para que sexa unha actividade rendible para unha adega? Estamos vinculados co enoturismo porque temos un marco impresionante, un pazo, viñedos ao redor, e traballamos moito o enoturismo. Agora témolo paralizado porque estamos a preparar o pazo e un proxecto moi importante a nivel enoturismo. É un turismo que está en auxe, polo que temos que seguir sendo punteiros, e máis coa contorna impresionante que temos aquí.
“Imos plantar 50 novas hectáreas de viñedo”
-En que proxectos de futuro estades a traballar? As novas 50 hectáreas que temos para poder plantar e tamén hai uns marcos de plantacións, variedades, algúns cambios en tema campo. E logo o gran proxecto de enoturismo que temos entre mans. -Como ves a adega dentro de 10 anos? Vai seguir sendo unha adega 100% familiar e seguirei traballando pois terei 60 anos, e seguirán formándose e traballando os meus sucesores para cando chegue o día do relevo. -Por último e non menos importante, a viticultura é unha actividade que xera moita riqueza e emprego no rural. De que cifras estamos a falar no caso de Bodegas Marqués de Vizhoja? O rural hai que asentalo, somos galegos, vivimos diso. Nós, como empresa, queremos loitar por asentalo. Estamos nunha facturación duns 7 millóns de euros, unha das adegas máis importantes de Galicia. Temos 30 traballadores e no novo proxecto entrará un bo número de persoas que amen a terra. -Algo máis que queiras engadir? Convidar aos consumidores que sigan consumindo Marqués de Vizhoja, viños da DO Rías Baixas e viños galegos, seguir triunfando no mundo enteiro.

Bodegas Granbazán adquire 16 novas hectáreas nas Rías Baixas

Bodega Gran Bazán expándese adquirindo a parcela lindeira á súa adega, a Finca Tremoedo (Vilanova de Arousa), pasando a ter un total de 36 hectáreas, aumentando así a superficie de produción nun 55%.

A adega, baixo o liderado empresarial de Pedro Martínez (Bodegas Baigorri), conta co talento contrastado do seu enólogo, Diego Ríos, nomeado ‘Enólogo novo do ano en Rías Baixas’, que cumpre o seu quinto ano á fronte da adega. Bodega Granbazán afianza a súa política de crecemento e expansión empresarial coa adquisición da leira anexa á súa adega, en pleno corazón do Val do Salnés. Ata o de agora a adega contaba cun total de 15 hectáreas, despois de que hai uns anos adquiriuse a leira O Muro, de 5 hectáreas. Na actual fase de expansión incorpóranse 16 hectáreas máis de plantación, o que permite a Granbazán contar xa cunha superficie total de 36 hectáreas de Albariño. A operación de compra dos terreos considérase estratéxica para o grupo empresarial, xa que a súa proximidade á adega permite dar continuidade á calidade e identidade dos seus viños, que xa contan cun importante recoñecemento nacional e internacional pola súa personalidade, elegancia e polo alto potencial de envellecemento que presentan, que ata o de agora se caracterizaban por un rendemento de produción baixo, unha media de case 50 anos de antigüidade e chans de granito ricos en minerais do val do Salnés.

P.A./ 311: A última das xenebras galegas no mercado xa supera as 3.000 botellas

A nova proposta do destilador Pepe Albela, P.A./311, supera as 3.000 botellas da que considera, “a súa creación máis persoal”, segundo el mesmo define. Neste novo ano continuará co posicionamento no mercado galego desta xenebra até outubro, que como novidade inclúe na súa maceración uvas da variedade albariño parcialmente deshidratadas. A partir do mes de outubro, espera dar o salto a nivel nacional, centrándose nalgunha comunidade en concreto.  O mes das flores é o elixido por este mestre destilador para a posta de longo dos seus centros artesanais de destilación, na parroquia de San Miguel de Sarandón, no municipio de Vedra.  Un espazo que os amantes da xenebra e outros destilados, poderán coñecer da man do seu mestre destilador. “Non queremos facer a típica visita, queremos crear experiencias únicas, personalizadas e didácticas, onde os amigos e amigas que nos visiten, sentan como na súa casa e coñezan de primeira man todos os segredos da alquimia”, sinala. Deste xeito, “desde a vista, o olfacto, o gusto até o oído serán postos a proba durante a experiencia nos centros artesanais de destilación, con este gran autor presente”, detallan desde a marca. A xenebra P.A./311 é un produto elaborado en Galicia que acaba de saír ao mercado en decembro de 2023, e que está a ter unha gran acollida por parte do consumidor. “A resposta do público está a ser extraordinaria, estamos a superar as nosas expectativas tanto en Galicia como fóra, pois xa estamos a enviar a nosa xenebra a diferentes locais en Madrid”, explica Pepe Albela.

A DO. Rías Baixas aposta por duplicar o valor das súas vendas de aquí ao 2030

A Denominación de Orixe Rías Baixas presentou esta mañá en Pontevedra o seu Plan Director 2030, realizado por Boston Consulting Group, no que mostra a estratexia a seguir de cara a 2030. Un documento que foi presentado polo secretario e o presidente do Consello Regulador, Ramón Huidobro e Isidoro Serantes, así como polo director xeral e socio senior, Magín Yañez. O Plan Director estrutúrase en catro alicerces básicos dos que emanan as liñas estratéxicas que poderían multiplicar case por dous o valor en vendas do D.O. Rías Baixas (segundo os datos empregados para a execución do estudo, a facturación de Rías Baixas estaba en 160 millóns de euros). Ese catro alicerces básicos pasan por: -Máis volume sen perder calidade: aumentar a produción, mediante un crecemento controlado e complementado cunha estratexia de valor que asegure a máxima calidade dos produtos da D.O. Rías Baixas -Máis internacionalización: continuar a aposta pola internacionalización en países estratéxicos, mantendo o posicionamento nacional -Máis elaboración de viños premium: apostar polo segmento Premium a través dunha maior produción de viños de garda e de crianza: "Trátase dunha importante tendencia do mercado que representa unha excelente oportunidade para os viños de Rías Baixas polas súas calidades", segundo recolle o Plan Director. -Máis sustentabilidade e innovación: a través de, por exemplo, da implementación dunha ferramenta común da rastrexabilidade que aproveite os últimos desenvolvementos tecnolóxicos.

Percepción do consumidor

A Denominación de Orixe Rías Baixas é a segunda denominación española en volume de vendas de viño branco. O 66% dos viños de Rías Baixas véndense en España, mentres que o 34% restante faio no exterior, das que ao redor dun 50% expórtanse a Estados Unidos e Reino Unido. O consumidor valora, como elemento diferenciador, a calidade destes viños brancos. De feito, nun estudo realizado dentro do marco de análise do Plan Director quedou de manifesto que o consumidor, especialmente o internacional, percibe as Rías Baixas como uns viños de alta calidade. Segundo dito estudo, o consumidor español ten unha alta percepción de calidade dos viños de Rías Baixas, en comparación con outras Denominacións de Orixe competidoras. Internacionalmente, os compradores perciben unha calidade do máis alto nivel neles cun prezo máis baixo en comparación con outras denominacións de idéntico posicionamento. Hai que ter en conta que os consumidores estranxeiros valoran as variedades orixinais (como a albariño, que é autóctona), e tamén a alta calidade.

“A fortaleza dos viños de Galicia é a súa variedade, pero pode haber un problema cos altos prezos da uva”

Tim Atkin, o galardoado escritor de viños e Master of Wine procedente de Reino Unido, dedicou recentemente unha semana a profundar os seus coñecementos nos viños, as adegas e a viticultura do D.O. Rías Baixas. Atkin escribe para varias publicacións, incluíndo Harpers, Decanter, The World of Fine Wine, Gourmet Traveller Wine e The Drinks Business e é un do Tres Homes do Viño. Tamén é copresidente do International Wine Challenge e gañou máis de 30 premios polo seu xornalismo e fotografía. -Que che atraeu do mundo do viño e cando decidiches dedicarte a este sector, logrando ser un dos expertos máis recoñecidos a nivel mundial? En realidade, é unha historia longa, pero a resposta real, a curta, é que quería ser xornalista e presenteime a unha empresa de revistas para ser xornalista. Había unha vacante para traballar nunha revista de viños así que en realidade foi o azar, foi sorte que a revista na que me deron traballo en 1985, case hai 30 anos, fóra unha revista de viños! Podería ser unha revista de coches ou unha revista de música, ou peor, unha revista de dentistas que escribise sobre os dentes da xente e odontoloxía. Pero foi unha revista de viños que se chamaba “Wine and Spirit” (“Viño e Espírito”). É moi amable pola vosa banda dicir que son un experto en viño a nivel global e supoño que é algo que dicides vós, non eu. Realmente foi un traxecto longo, xa que foron máis de 35 anos, que estiven escribindo sobre viño. Os aspectos que sempre me pareceron máis atractivos son o viaxar, o viño en si mesmo, a comida, a historia, a socioloxía e máis que nada a xente. Así que eses son os aspectos que me resultan máis atractivos do mundo de viño. Espértome cada mañá e penso que teño moita sorte de dedicarme ao que me dedico. Estou a gravar esta entrevista xusto antes de coller un voo a Sudáfrica, volvendo de España onte, así que é moi bonito. -Recentemente estiveches na Denominación de Orixe Rías Baixas. Como valoras esta visita e que foi o que máis che sorprendeu? Estiven recentemente nas Rias Baixas por segundo ano consecutivo, esta vez estiven alí durante oito días. Creo que cada vez que vas a unha rexión, especialmente se vas a viñedos e falas cos produtores en particular, aprendes máis. E adquires máis coñecemento sobre o sitio que visitas, e non digo que sexa un experto nas Rías Baixas, pero cada vez que vou paso tempo falando coa xente en español, sobre a súa historia, a súa cultura e sobre todo sobre os anos de colleita e os seus viños, e o que está a pasar no mercado, aprendes máis. Moitas cousas sorpréndenme en realidade, creo que empecei a entender as subrexións mellor, e dentro das subrexións as subrexións dentro das subrexións, por dicilo así, as mais pequenas, esmiuzándoas e entendéndoas.
“Dos viños da DO. Rías Baixas sorpréndeme a súa enorme variedade e os seus tintos”
Co Salnés por exemplo, como de diferentes son as diferentes partes dos viñedos da comarca, dependendo da altitude e a exposición pero tamén segundo a proximidade ao océano obviamente, segundo a proximidade ás rías. Esa é unha das cousas, a outra cousa que me sorprendeu moito de novo, foi a calidade do viño tinto, incluso sendo menos do 2% e 1,5% do que se produce nas Rías Baixas, hai variedades xeniais, particularmente “Espadeiro” pero tamén “Caíño Tinto” e outras, están a producir viños realmente bos e esa é unha das cousas positivas, unha das vantaxes, se se pode dicir así, unha das pequenas vantaxes do cambio climático. Desta forma, estamos a vivir, que son estes anos de colleita temperáns, máis quentes, que fan posible madurar a uva tinta de maneira regular durante o ano nas Rías Baixas. En xeral, vin a máis xente este ano, gocei moito de comparar as diferentes colleitas, especialmente 2021 e 2022, as cales son obviamente estilos moi diferentes de viño, estiven aprendendo máis, co cal foi unha visita estupenda. E por suposto o marisco, meu deus! Simplemente encantoume comer esa comida outra vez, esquecéraseme o incrible que é a comida, e pasei máis tempo comendo marisco nesta visita ca nunca. Tamén falei cun percebeiro, xa sabes, alguén que recolle, creo esa é a palabra correcta, percebes. Ese traballo tan perigoso de estar nunha rocha no océano, e ensinoume un vídeo del mesmo facéndoo e fíxome apreciar o marisco incluso máis.
 “Creo que os albariños que mellor compiten cos de Galicia son os de Uruguai”
-O albariño tamén se cultiva noutras partes do mundo como Australia. Que diferencia ao viño de uva albariña elaborado en Rías Baixas? O Albariño, como dis, están a cultivalo tamén en diferentes partes do mundo, incluíndo Australia. Os lugares, na miña opinión, con máis potencial son Portugal, onde obviamente en parte unha uva portuguesa tamén, no Miño, no outro lado do río entre Portugal e o Vinho Verde. Creo que os albariños australianos están ben... pero considero que os mellores fóra de Galicia e do noroeste de España e Portugal, creo que veñen de Uruguai. Son viños que tamén en moitos casos cultívanse en terras de granito, terras graníticas e están máis preto do atlántico e creo que ao Albariño gústalle a proximidade atlántica, estar preto do océano. Entón, creo que os únicos que poden facer fronte á calidade dos de Galicia e do norte de Portugal serían os Albariños de Uruguai, particularmente os dunha área que se chama Maldonado, unha das comarcas máis frías de Uruguai. De todas as maneiras, sigo crendo que as Rías Baixas producen a maioría dos mellores albariños no mundo e é tamén a rexión que está asociada de maneira máis rápida e máis común coa variedade da uva. -Que valoración che merecen en xeral os viños galegos e cales consideras que son as súas fortalezas e os seus puntos febles para competir nun mercado global? Creo que os seus fortes son que obviamente é un clima frío, que como dixen dalgunha maneira está a beneficiarse do cambio climático, ten unha variedade de uva única, ou case única na Albariño pero tamén ten moitas outras variedades estupendas, como treixadura, todos os Caiños que mencionei, caiño tinto, caiño branco, espadeiro.... Quero dicir, que Galicia ten moitas, moitas variedades xeniais, que son pouco usuais, e nalgúns casos únicas de Galicia. Creo que ese é un moi bo punto forte, creo que a demanda de Albariño no mercado é grande, é significante e está a crecer. A xente realmente entende e gústalle o Albariño. É un viño que esta adecuado aos consumidores modernos.
“A fortaleza dos viños galegos é a súa gran variedade pero pode haber un problema cos prezos altos da uva e se se planta demasiado”
A debilidade creo que é plantar demasiado, demasiado rápido. Penso que as áreas de viñedos expandíronse moi rápido, e nalgúns casos as áreas plantadas non están necesariamente nas mellores localizacións. Creo que as mellores localizacións tenden a ser ou en pendente ou preto do océano, e creo que é importante que a rexión non se desenvolva, non se expanda demasiado rápido. O outro problema, e non é realmente culpa de Galicia, ou culpa das Rías Baixas, é o prezo da uva, creo que porque a demanda é tan grande, significa que os produtores dominan a rexión, e a maioría das adegas non teñen viñedos extensos propios, entón quere dicir que os produtores poden pedir prezos altos para as uvas, e estas son das uvas máis caras de España, probablemente as máis caras de España. Moito, moito máis caras que as que foron cultivadas en sitios como a Rioxa, e Ribera del Duero. E deberían de ser DO´s comparables incluso aínda que estean, obviamente producindo viño tinto de maneira predominante. Así que opino que a preocupación máis grande de Galicia, ou das Rías Baixas é que podería ser un viño demasiado caro. En resumo, a fortaleza dos viños galegos é a gran variedade, cunhas marabillosas DO´s , que son moi diferentes. -O Reino Unido é un de principais destinos de exportación dos viños galegos, mesmo desde a Idade Media. Que destacarías da situación do mercado neste momento? O mercado do Reino Unido é, en efecto, un mercado importante, especialmente para o Albariño, pero tamén para outros viños de Galicia, e foino desde hai moito tempo. No mercado británico agora mesmo eu creo que, como en moitos outros países, o consumo non está a aumentar, e penso que cos problemas que estivemos tendo coa economía e a inflación, a xente probablemente está a gastar menos en viño. Galicia debe ter coidado de continuar sendo un lugar que produce viño de alta calidade, pero que non estea percibido como demasiado caro. Esa sería a miña preocupación no mercado do Reino Unido neste momento. Pero o Albariño en particular, e Galicia en menor medida, teñen unha gran reputación, e a xente está cada vez máis interesada nos estilos de viños que se producen alí. - Cales son as tendencias en canto á demanda de viños? Creo que depende do consumidor, e depende do mercado. Pero considero que, se xeneralizamos, e é unha gran xeneralización, creo que a xente está a buscar viños cun lugar de procedencia con identidade, que veñan dalgún sitio cunha identidade forte, creo que cousas como os viños orgánicos e biodinámicos están a volverse máis importantes, Posiblemente nunha categoría máis pequena os viños naturais e os viños laranxas. Pero creo que o que se demanda son os viños de máis baixo alcol, que acompañan mellor coa comida, que son frescos, viños que son un pracer para beber. E de novo, iso vai a favor das que creo son as fortalezas naturais de Galicia. Así que penso que son boas novas para Galicia. -O mercado de viños tintos está a pasar por un mal momento, con arranque de viñas en Bordeus e vendimas en verde na Rioxa. Cal é a súa análise desta reestruturación? Non creo que sexa necesariamente o viño tinto que está a ter dificultades, creo que son esas dúas rexións en particular, Rioxa e Bordeus, son percibidas como bastante tradicionais, posiblemente uns pouco pasados de moda en estilo, e son ambas as rexións bastante grandes que producen moito viño, de calidade bastante variable. E mentres os mellores viños véndense a prezos altos, e definitivamente teñen mercado, os viños de prezos máis baixos poida que teñan dificultades para atopar mercado. Particularmente despois do COVID houbo unha especie de colapso no mercado, especialmente para o Rioxa en España, quizais é un viño que a xente non bebe tanto como adoitaba. Así que non creo que sexan realmente os tintos que estean a sufrir, creo que son os tintos de lugares específicos. Creo que dalgunha maneira é algo bo como a xente está a equilibrar a oferta e a demanda. Agora é responsabilidade dos Consellos Reguladores desas rexións o que decidan retirar, eu espero que simplemente preserven as mellores viñas vellas. O peor é que creo que se unha rexión retira as súas viñas máis vellas porque non producen cantidades tan grandes como as viñas mais novas ou a miúdo viñas máis novas con irrigación. Esa sería a miña preocupación.
“Non creo que haxa un problema de mercado cos tintos, senón con rexións vitícolas que son percibidas como anticuadas”
Non creo que sexan os tintos o que á xente non lle guste, como dixen, simplemente penso que certas rexións son percibidas como un pouco anticuadas. -O cambio climático parece que está a favorecer a viticultura en latitudes máis ao norte, como en Inglaterra. Como evoluciona a produción de viño no teu país? Está a axudar a Inglaterra? Si que o está facendo. Inglaterra é coñecida predominantemente polos viños espumosos, pero empezas a ver algúns viños brancos moi bos, pero mesmo viños tintos feitos de variedades xeniais como o Pinot Noir nun condado que se chama Essex, que está a ser cada vez máis coñecido como un bo lugar para producir Pinot Noir. Aínda así, a industria do viño de Reino Unido é bastante pequena, quero dicir, se a comparas con algo como Rioxa, verás que tes menos viñedos mesmo que en Galicia, ou que os da DO. Rías Baixas incluso.
“A superficie de viñedo en Inglaterra é pequena pero estamos a lograr brancos, e mesmo tintos, de moi boa calidade”
En todo caso, creo que a calidade é moi boa, e penso que a consistencia dunha colleita á seguinte, o cal é moito máis difícil de conseguir nun clima máis frio e húmido, creo que iso está a cambiar. Pero vale a pena lembrar que o cambio climático non é só que suban as temperaturas, tamén é variabilidade e o caos climático dalgunha maneira. Este ano tivemos un verán particularmente húmido en Inglaterra, en xullo e en agosto, e como sabemos non é o mellor para a uva, así que considero que é positivo en xeral para lugares como Galicia e tamén para Inglaterra, pero creo que, con certas excepcións, pois hai outras cousas que necesitamos ter en consideración. -Por último, se che preguntase por un viño e por unha paisaxe vitícola inesquecible, con cales quedarías? Creo que a resposta a iso é sempre, quen está a pagar? Se é outra persoa quen está a pagar o viño, probablemente hai máis posibilidades de que escolla algo máis caro, que eu non me podería permitir. O marabilloso do meu traballo é que non teño un estilo de viño favorito, ou un viño favorito ou mesmo unha rexión favorita, hai moitos lugares que me gustan, pero os lugares sobre os que escribo tenden a ser os lugares que máis gozo visitando. E son obviamente España, encántame España, profundamente. Sudamérica, especialmente Arxentina, Chile, Uruguai, vou a Bolivia este ano por primeira vez, e Sudáfrica. E eses son os lugares que eu tendo a visitar de maneira máis regular. E Francia, Borgoña, é probablemente o meu lugar favorito, pero tamén me gusta moito o viño do Val do Ródano. Son un gran bebedor de viño italiano especialmente, os viños de Barolo e gústanme moito os Riesling alemáns. Así que eses son os meus estilos de viño favoritos. Outro que mencionaría agora mesmo sería o viño tinto da illa grega de Santorini.

Prezos da uva na vendima 2023 en Galicia: Estabilízase a branca e caída da tinta

Coa vendima arrancando en tódalas Denominacións de Orixe, adegas e viticultores miran os prezos da uva que se marcarán nesta campaña. Nestes primeiros días da vendima aínda se están asinando contratos e fixándose prezos. As variedades brancas seguen mantendo unha gran demanda, sobre todo o Albariño e o Godello. Con todo, este ano os prezos parecen estabilizarse logo do boom que experimentaran o ano pasado, cando chegaran a pagarse a 3,5 euros. Prevese que esta campaña o prezo das uvas brancas en Galicia se poida chegar a pagar a 2,8 euros, segundo apuntan tanto industria coma produtores. Do mesmo xeito que aconteceu noutras campañas, haberá diferencias de prezos entre as distintas demarcacións e variedades. Mentres, as tintas acusan unha caída da demanda e do valor. Nalgunhas zonas xa se están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos e mesmo hai viticultores que deixarán sen recoller parcelas con Garnacha debido á baixada dos prezos.

Prezos por variedades e DO’s

Facemos un percorrido polas distintas DO’s para coñecer os prezos que se están pagando por variedades e territorios:

Rías Baixas

Na terra do Albariño esta uva, xunto con outras variedades brancas que se cultivan, segue a ter unha elevada demanda nesta campaña. Estímase que o prezo da uva Albariña se situará entre os 2,5 e 2,8 euros, lonxe dos 3,5 euros que chegaran a pagarse puntualmente o ano pasado, logo da entrada no mercado de novas adegas foráneas que demandaban máis uva e incrementaran o prezo.

Ribeiro

Nesta campaña no Ribeiro mantéñense os prezos en valores semellantes ós dos últimos anos, aínda que se aprecia unha lixeira suba con respecto da última vendima, segundo indican dende o sector. Así, as uvas brancas de variedades autóctonas situaranse arredor de 1,5 e 1,8 euros, en función da variedade e da calidade. En concreto, a Treixadura está pagándose entre 1,5 e 1,7 euros, según indican viticultores da zona. Mentres, as uvas de Palomino están a 0,85 euros.

Ribeira Sacra

Os prezos reséntense para as uvas tintas da Ribeira Sacra. “A saturación do mercado dos viños españois está pasando factura tamén ós viños galegos tintos”, explica Carlos Basalo, responsable da área de viticultura en Unións Agrarias. No caso das uvas de Godello, a variedade branca con maior demanda nesta denominación, os prezos mantéñense arredor dos 2 euros, mesmo poden superarse de xeito puntual naquelas uvas de maior calidade. “Na Ribeira Sacra cada vez hai máis Godello, está habendo un cambio importante cara a esta casta”, sinala Basalo.

Valdeorras

Nesta Denominación de Orixe, o Godello segue a marcar os prezos máis altos e as uvas desta variedade sitúanse unha campaña máis nun prezo de entre 1,8 e 2 euros. “O Godello en Valdeorras ten este prezo, se queres esta uva tes que pagalo, levan anos que se sitúa arredor dos 2 euros”, apunta Basalo. En canto ós tintos, os prezos da Mencía nesta campaña atópanse entre os 70 ou 80 céntimos, aínda que tamén se están pagando ata a 90 céntimos en función da calidade da uva, segundo apuntan os viticultores da zona.

Monterrei

Do mesmo xeito que en Valdeorras, o Godello tamén se sitúa arredor dos 2 euros en Monterrei. Aínda que tamén hai ofertas puntuais que mesmo se supera esta cantidade, aínda como recoñecen no sector, son casos moi puntuais. Mentres, nesta DO acúsase unha forte caída da demanda das uvas tintas. Agárdase que a maioría das uvas se paguen en torno ós 90 céntimos ou 1 euro, pero xa hai casos de adegas que están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos.

Caída da demanda dos tintos

Esta campaña parece que os maiores problemas se presentarán na venda dos viños tintos. Como sinalan dende o sector, unha das principais causas é caída da demanda dos viños tintos españois, como o Ribera del Duero e en especial a baixada experimentada nos últimos tempos do Rioja, debido á saturación do mercado destes viños.
“Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”: Carlos Basalo, responsable de viticultura de Unións Agrarias
“O problema é que cada día os viños galegos véndense en mercados máis globais polo que aféctanos tamén a baixada de demanda doutros viños, que pasan a ocupar o lugar dos nosos no mercado”, explican dende Unións Agrarias. Mentres os Riojas tiñan uns prezos máis altos que os Mencías galegos, convivían no mercado. Porén, ó saturarse o mercado do Rioja, estes están baixando os prezos e pasan a facer competencia directa cos Mencías galegos. “Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”, apuntan dende Unións. Mentres, outros viños galegos de variedades tintas como Sousón ou Brancellao, castas que marcan outras liñas de mercado, non están experimentando esa caída da demanda e mantéñense a prezos semellantes ós doutros anos.
Os viños brancos continúan á alza tanto a nivel mundial como en Galicia
Na situación contraria atópanse na actualidade os brancos, tanto a nivel mundial, onde están experimentando un moi bo momento, como en Galicia, onde os viños brancos teñen unha alta demanda. Dende distintos ámbitos apuntan a que isto se debe ó incremento do consumo dos branco por parte das mulleres, que comezan a achegarse máis ó mundo do viño e fano de man deste tipo de viños. Por outra banda, tamén o cambio climático, e o incremento das temperaturas, está motivando que se comece antes co consumo de brancos, máis asociados ó bo tempo e a un consumo estival. No caso dos brancos galegos, ademais dos esforzos de internacionalización que se fixeron dende as distintas DO’s e en especial por parte de Rías Baixas, a entrada de grandes grupos adegueiros foráneos nos últimos anos tamén está contribuíndo a esa expansión e a continuar aumentando o interese por estes viños. Tamén son significativos os recoñecementos que acadan os viños brancos galegos pola súa calidade, que están favorecendo que cada vez se coñezan máis fóra do territorio galego.

Vixiantes ante a entrada de uva foránea

A alta demanda e os prezos que se manexan para as variedades brancas provocan que haxa certa preocupación á entrada de uva de fora de Galicia, procedente de Portugal, onde o Albariño está pagándose a pouco máis de 35 céntimos; ou mesmo outras variedades como o Verdejo, dende Rueda. “Estamos reclamando que se extremen as inspeccións para que non chegue a entrar esa uva, xa que provocaría que se desvirtúen os brancos galegos”, indican dende Unións Agrarias. Neste senso dende Medio Rural, volveuse activar por quinto ano consecutivo os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe. No marco das accións do Plan de control de vendima 2023 inclúese o control da procedencia na entrada das uvas a adega. Nesta campaña participarán 18 controladores da Xunta que velarán porque se cumpra a lexislación durante a vendima.

Inaugurada en Cambados a Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas

A LXXI Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados, inaugurada este mediodía, contou coa presenza do presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes Serantes, que agradeceu o traballo “de todos os adegueiros e viticultores que participan nesta festa”. Nese mesmo momento abríronse ao público no Paseo da Calzada as 42 casetas onde 41 adegas da denominación de orixe mostrarán as súas elaboracións ao público até o vindeiro domingo 6 de agosto. As casetas pechan ás tres da madrugada. Isidoro Serantes agradeceu tamén a colaboración das distintas autoridades presentes nesta inauguración e convidounos “a que pasen polo túnel do viño, que estará aberto no salón José Peña desde mañá xoves até o sábado”. Un túnel que na súa duodécima edición acollerá un total de 164 marcas pertencentes a 66 adegas da denominación. Na inauguración da LXXI Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados participaron tamén o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López; e o alcalde de Cambados, Samuel Lago. O responsable autonómico de Medio Rural destacou que “71 edicións reflicten a importancia que ten a Festa do Albariño, que non deixa de ser a festa de exaltación dun produto extraordinario como é o viño albariño”. Por iso, José González convidou a todos os que se acheguen a Cambados a “consumir con moderación pero que saiban que detrás dunha botella de viño hai paisaxe, territorio, valor engadido, historia dunha comarca”. Finalmente, o alcalde de Cambados celebrou poder festexar a 71 edición da Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados xa que “estabamos impacientes de que chegase por todo o traballo de organización que leva e que quero pór en valor. Porque vemos o viño, vemos a festa, vemos as actuacións pero non valoramos o traballo que hai detrás, na organización e na elaboración dos viños”. Así mesmo, agradeceu a colaboración das distintas administracións e do Consello Regulador “para que esta festa sexa cada vez máis grande” e convidou a un consumo responsable porque “o viño sempre se goza con moderación e en boa compañía”.

Mañá xoves, inauguración do Túnel do Viño

A actividade no Paseo da Calzada, que se estenderá até o domingo 6 de agosto, combinarase coa XII Túnel do Viño Rías Baixas en Cambados, organizado polo Consello Regulador no Salón de Congresos e Exposicións José Peña e que constitúe unha contorna profesional para coñecer os viños que se elaboran na denominación de orixe. A inauguración oficial desta cita será mañá xoves 3 de agosto, ás 12:15 horas, e contará co presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director de AGACAL, José Luís Cabarcos, a deputada provincial, Ana Laura Iglesias; e as concelleiras de Igualdade e Turismo e Enoturismo do Concello de Cambados, Fátima Abal e María Cruz Leiro. Tamén estarán presentes a directora do Parador de Cambados, Meritxell Marcos, e o vogal do Consello Regulador, Antonio Crespo. Os visitantes poderán degustar 164 marcas pertencentes a 66 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. O horario de apertura das instalacións será de 11:00 a 15:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas, o xoves e venres, mentres que o sábado o horario será de 11:00 a 15:00 horas.

Rías Baixas prevé unha vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas prevé que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022. En concreto, os resultados do Informe de Estimación da Colleita falan dun rendemento medio de 10.507 kg. por hectárea. Isto, unido ao Informe Favorable emitido polo Órgano de Control, motivaron que o Pleno do Consello Regulador teña adoptado este martes o acordo de subir un 12,5% o rendemento por hectárea nesta vendima para todas as variedades amparadas polo regulamento, mantendo os niveis de control e calidade desta Denominación de Orixe. Deste xeito, cos datos do informe presentados hoxe, a estimación de produción para a colleita 2023 superaría os 46 millóns de quilos de uva na Denominación de Orixe Rías Baixas, aínda que é certo que o ciclo vitícola non está finalizado e a meteoroloxía podería condicionar este resultado. A documentación presentada onte ao Pleno constata unha boa taxa de brotación, unha elevada fertilidade, un bo callado e un tamaño de acio algo superior ao dunha colleita normal e en bo estado sanitario. En canto á data de inicio da vendima, dito informe prevé que se produza a principios do mes de setembro, dependendo da evolución do viñedo durante o mes de agosto e dos controis de maduración.

Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022

Para a elaboración deste documento, tal e como se atopa procedimentado no Manual de Calidade, o Departamento Técnico do Consello Regulador require a colaboración dos técnicos máis implicados no asesoramento vitícola da Denominación de Orixe, apoiándose, neste caso, na información facilitada por 30 técnicos de campo repartidos pola Denominación de Orixe, que supervisan máis do 50% da superficie produtiva (2.236 hectáreas das 4.449 hectáreas que hai inscritas neste momento no Consello Regulador de Denominación de Orixe Rías Baixas) e que se complementa coa información solicitada nas inspeccións de auditoría, tanto en observación directa como en percepción dos viticultores. Toda esta información trátase estatisticamente para obter un rendemento medio ponderado por subzona, que posteriormente se extrapola á totalidade da superficie amparada pola Denominación de Orixe. A data 1 de agosto de 2023, este Consello Regulador conta con 176 adegas inscritas. A superficie desta Denominación de Orixe crece en 114 hectáreas respecto do informe do ano pasado, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.

Innovación no viñedo: ferramentas para verificar variedades ou optimizar o uso dos fitosanitarios

Un robot con certo aspecto humanoide afánase por colleitar un acio de uvas. A imaxe inclúese na presentación do investigador e catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña Emilio Gil, no I Foro Uva e Viño, celebrado recentemente no Pazo de Toubes, en Cenlle (Ourense). O robot vese aínda como unha ferramenta moi afastada para utilizar nos viñedos galegos de forma habitual, a tenor dos chascarrillos que suscita entre os asistentes, pero o investigador afánase en reivindicar que pode non estar tan lonxe como se cre. “Os meus colegas están a traballar xa para que este robot sexa un aliado na vendima da uva de mesa. Poida que o que agora se ve moi afastado nuns anos sexa unha realidade”, apuntou no Foro de Cenlle, organizado por Isagri. A innovación nos viñedos está moi ligada á eficiencia e numerosos estudos céntranse en achegar solucións directas e prácticas a problemas cos que se atopan os viticultores e adegas no seu día a día. “Os viticultores son receptivos a integrar novas tecnoloxías e innovacións nos seus viñedos unha vez que llas mostras, pero é difícil que eles a soliciten inicialmente, en parte pola elevada idade da maioría dos nosos viticultores socios”, explican desde a adega Viña Costeira, que en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) levou a cabo distintas investigacións tanto en adega como nos seus viñedos.
“Investigación, formación e tecnoloxía deben ir da man. Ademais, temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores”
Á marxe dos avances que se van producindo, expertos como o investigador Emilio Gil inciden na importancia de que a investigación, formación e tecnoloxía vaian da man para asegurar unha transmisión do coñecemento e que os avances cheguen realmente ao campo ou a adega. “Ollo coa tecnoloxía, se non hai transmisión e formación. Temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores e ao sector. Podemos botar man de tecnoloxías desde os satélites, aos drons ou os móbiles que todos levamos encima”, insiste.

Verificar as variedades

Un dos traballos de investigación nos que están inmersos na Evega é a autenticación varietal, polos beneficios que pode significar para os viticultores, xa que ás veces xorden dúbidas sobre as variedades que hai na parcela, tanto nas novas plantacións como nas antigas. Na Evega teñen unha ampla experiencia na identificación de variedades, de feito foi pioneira na creación dun banco de xermoplasma a finais da década dos 80 para ter rexistrado o potencial xenético da Vitis vinífera, no que se incluían 67 variedades, das que se contaba con 15 variedades exclusivas de Galicia, tal e como informou a investigadora Emilia Díaz, unha das expertas destacadas da Evega. No marco destas investigacións sobre variedades impulsaron e colaboraron en distintos proxectos para a recuperación de castes, algúns centrados en variedades galegas. “Esta recuperación buscaba tamén introducir estas variedades dentro da canle da comercialización, para iso debía estar rexistrada e deben realizarse unha serie de estudos para incluíla no potencial vitícola da comunidade autónoma”, explica Díaz. Neste sentido, incluíronse recentemente Albilla do Avia e Ratiño e están a traballar en incluír algunhas máis como Carabuñenta.
Desenvolveron unha tecnoloxía que lles permite identificar as variedades xa en campo cun sistema sinxelo de amplificación
No marco de traballo por identificar variedades e atendendo á demanda dos viticultores, na Evega buscan autenticar as variedades xa en campo, dunha forma rápida. “Un dos nosos retos era desenvolver unha tecnoloxía sinxela, de maneira que non fose necesario para a súa identificación nin o instrumental nin persoal tan cualificado como requiren as análises de ADN tradicionais”, explica Díaz. Así, están a traballar nun sistema que lembra aos test empregados para o diagnóstico de Covid-19. “É unha tecnoloxía que nos permitirá autenticar as nosas variedades en calquera sitio, en campo, en viveiro…” detalla a investigadora. Só se precisa un pequeno aparello, un sistema de amplificación, unido a un teléfono móbil. Débese tomar unha pequena mostra do talo ou da xema da planta que permite a súa identificación. “Nin sequera é necesario que a planta teña follas para a súa identificación”, concreta.
Empezaron a traballan na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas
Nun primeiro momento comezaron a traballar na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas. “No caso da vide temos un sistema de marcadores moleculares moi amplo que pode permitir identificalos”, indica. Tamén están a traballar sobre a selección de variedades comerciais que ofrezan unha maior resistencia fronte ao cambio climático. Seleccionaron un total de 25 variedades e contan coa participación de adegas galegas como Martín Códax que plantará 2 parcelas experimentais.

Optimizar a xestión

A innovación chega ás veces de man de ferramentas que permiten un mellor manexo dos apeiros e solucións que temos xa dispoñibles, buscando unha produción máis sostible. É o caso, por exemplo, da ferramenta móbil Dosaviña, desenvolta pola Unidade de Mecanización Agraria da Universidade Politécnica de Cataluña, que permite optimizar a aplicación de tratamentos fitosanitarios.
A aplicación Dosaviña indica a dose de fitosanitario a aplicar ao viñedo en función do estado da planta e o tipo de equipo empregado
“Dosaviña permite determinar o volume óptimo de aplicación en función das características estruturais da vexetación e o tipo de equipo empregado”, explican desde a Universidade. Así, Dosaviña permite seleccionar os parámetros adecuados para unha correcta aplicación: velocidade de avance, presión de traballo, tipo e número de embocaduras. “Non ten sentido estar a traballar con recomendacións xenéricas de cantidades de produto sen axustala ás características da parcela, a rexión ou sen ter en conta a maquinaria empregada”, detalla Emilio Gil, un dos impulsores da ferramenta. Ademais, para o desenvolvemento desta aplicación, do mesmo xeito que noutros proxectos que están a levar a cabo, realizaron probas en parcelas de distintas zonas de Galicia. A aplicación inclúe tamén viñedos en espaldeira, como os empregados en moitas parcelas galegas.
Utilizar a aplicación Dosaviña permitiu un aforro de entre un 15 e 40% de produto fitosanitario tanto en grandes adegas como nas de menor tamaño
“Comprobamos que utilizar esta ferramenta permite un aforro significativo nas adegas que pode ir desde un 15 a un 40% de produto fitosanitario e non só en grandes adegas, senón en adegas de diferentes tamaños”, explica o investigador. Esta ferramenta está dispoñible de forma gratuíta e aberta para os viticultores. Ademais acaba de ser recoñecida como unha das aplicacións máis innovadoras. Cabe destacar que esta APP está pensada non só para viñedo, senón tamén para outros cultivo arbóreos.

Os viños D.O. Rías Baixas amosan a súa calidade nunha xira por Asia

Responsables da Denominación de Orixe Rías Baixas participan esta semana nun “Road Show” por Asia. Seúl e Tokio foron as capitais elixidas para promocionar estes viños atlánticos. Para iso contan cunha completa axenda deseñada e dirixida a prescritores asiáticos. Participan un total de 23 adegas da D.O. Rías Baixas cun completo programa que inclúe desde unha masterclass sobre estes viños, un xantar de traballo ata unha gran cata. Até alí desprazáronse o secretario xeral e a directora de márketing do Consello Regulador, Ramón Huidobro e Eva Mínguez. A primeira cita tivo lugar en Tokio este martes, 20 de xuño, e contou cunha participación de numerosos prescritores xaponeses no Meguro Gajoen Hotel. Alí tiveron a ocasión de degustar viños pertencentes a 13 adegas da denominación, así como de participar nunha masterclas, á que lle seguiu un xantar de traballo cuxo broche final foi unha gran cata. Ao evento non faltou o embaixador de España en Xapón, Fidel Sendagorta Gómez do Campillou. Tras a expectación xerada en Tokio, Seúl foi a seguinte parada desta viaxe da D.Ou. Rías Baixas por Asia. A capital de Corea do Sur protagonizou este xoves 22 de xuño unha xornada dedicada aos viños de Rías Baixas. Un total de 10 adegas participaron neste evento a través dunha masterclass, un comida de traballo que finalizou cunha gran cata destes viños. Os viños de Rías Baixas contan cun importante mercado en Asia. En 2022 exportáronse ao devandito continente un total 259.391 litros. Unhas vendas lideradas por Xapón, con 84.383 litros, durante 2022 no país do sol nacente venderon 46 adegas, séguelle Corea do Sur, con 37.193 litros, onde exportan 19 adegas, e finalmente están China e Hong Kong.

“Cada vez somos máis mulleres tanto en viticultura como en enoloxía”

Susana Gulín é responsable técnica de viticultura no grupo galego HGA Bodegas, con viñedos nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra, entre outras, e marcas recoñecidas como Altos de Torona e Regina Viarum. En colaboración coa cooperativa Delagro, falamos con ela sobre o seu traballo e sobre os retos aos que se enfranta a viticultura en Galicia, como son o cambio climático, a falta de man de obra e un marco regulatorio cada vez máis esixente. -Como foron os teus inicios na viticultura ? Comecei traballando na denominación de Orixe Ribeiro cunha beca da universidade fai 20 anos, actualizando o catastro de viñedo dos viticultores socios e proveedores da adega, identificando variedades, limitando as superficies...etc. Non foi tarea fácil dado o gran número de parcelas de viñedo de pequeño tamaño, distribuidas polas diferentes comarcas do Ribeiro. - Que te atraeu do mundo da viticultura para enfocarte neste sector? Cando comecei a adicarme xa de pleno no coidado do viñedo en campo, o coidado da cepa dende que se inicia a plantación ata que se recolle a primeira colleita é satisfactorio para calquera persoa viticultora. -Cales foron os principais retos ós que te tiveches que enfrentar na túa carreira? Polos inicios do ano 2000 iniciouse un proxecto de recuperación do potencial vitícola xuntando dereitos de viñedos que se estaban abandonando de viticultores que ían deixando a actividade dos viñedos menos productivos, menos accesibles ou complicados de traballar e xuntalos todos nunha única parcela. foi un reto, una forma de non perder esa superficie de viñedo na denominación. Foi algo novIdoso que ahora mesmo se está facendo de forma similar cos polígonos agrarios. -Dende o teu punto de vista, hai un aumento do número de mulleres en postos de responsabilidade na viticultura galega? Cando comecei a traballar no mundo da viticultura, había poucas mulleres en calquera posto da adega, comerciais, enólogas, viticultores ou postos de dirección, aínda que isto cambiou en poucos anos e é certo que cada vez somos máis mulleres tanto en viticultura, como en enoloxía. -Dende cando formas parte de bodegas HGA? Comecei no grupo HGA hai máis de catro anos, para min foi unha gran oportunidade de formar parte, xunto con todo o equipo de HGA, dos proxectos de crecemento en diferentes zonas de Galicia.
“Apostamos por fomentar a biodiversidade nos nosos viñedos, implantando cubertas vexetais, corredores verdes e caixas niños”
-En que consiste o teu traballo en HGA bodegas? O meu traballo é o de facer de nexo común dos diferentes viñedos, coordinar, e planificar todo o traballo nos viñedos do grupo en todas as denominacións de orixe nas que posúe viñedos, co fin de obter a mellor calidade das uvas para a elaboración dos nosos viños Altos de Torona en Rías Baixas e Regina Viarum en Ribeira Sacra. Coordino tamén os proxectos de investigación nos que estamos traballando. Un deles é “GREENSOILVIN” e consiste na implantación de cubertas vexetais, entre ringleiras das plantas, co obxectivo de reducir a erosión, e por tanto a perda de chan e nutrintes, especialmente nas viñas en pendente. Outro obxectivo é o aumento da biodiversidade, con moita máis fauna auxiliar, tanto de insectos polinizadores, ademáis de emprego da cuberta vexetal como abono verde no momento que se desbroza e se incorpora ó solo. -Descríbenos os viñedos nos que traballas..... Viñedos Altos de Torona e Regina Viarum son as dúas adegas ás que pertencen os nosos viñedos, espallados por distintas zonas de Galicia. Viñedos Altos de Torona está dentro da denominación de orixe Rías Baixas con viñedos en tres subzonas (Ulla, Salnés e Rosal), aínda que contamos con viticultores que nos abastecen de uvas de todas as subzonas de Rías Baixas. Deste xeito producimos viños brancos con tipicidades diferentes segundo a zona e a variedade. Temos preto de 200 hectáreas de viñedo e a principal variedade cultivada é o Albariño e otras como o Godello, Loureiro e Caiño Blanco. O viñedo ubicado no Rosal é un viñedo de máis de 20 anos disposto en empalizada, cun hábitat natural de máis de 91 especies de prantas e 71 de animais. O establecemento desta riqueza biolóxica enriquece a vide desde as súas raíces e favorece a obtención de viños únicos, integrados coa natureza. Na explotación existen tres corredores ecolóxicos plantados cunha gran variedade de especies arbóreas (bidueiros, freixos, cerdeiras, mirogueiros, sobreiras, carballos.) e temos instaladas caixas niño para morcegos e depredadores de couza do racimo. Estos corredores permiten asentar un gran número de especies e brindar acubillo na contorna do viñedo a insectos auxiliares que benefician o cultivo vide, sendo fauna auxiliar beneficiosa para combater pragas e xerando biodiversidade no medio. O uso de cubertas vexetais é necesario dada a disposición en pendente, evitando así a erosión e perda de solo. O viñedo ubicado na subzona do Ulla, a subzona máis norteña da Denominación Rias Baixas, está ubicado nun terruño singular cunha contorna natural e paisaxistica única, son solos arxilosos e profundos con maior capacidade de retención de auga e nutrintes. Ten un clima que achega una maduración máis serodia e un perfecto equilibrio entre maduración e acidez. Son viños elegantes, con estrutura, xa que os ciclos de maduración son máis longos e conséguese unha maior carga de polifenois durante a maduración. Regina Viarum é a adega situada na denominación de orixe Ribeira Sacra, en concreto na subzona de Amandi. Os nosos viñedos son un exemplo da chamada viticultura heroica xa que en boa parte deles o traballo faise a man, e as variedades principais son a Mencía e o Godello. -Cales son as enfermidades máis problemáticas para os vosos  viñedos  e cómo as combatides? O principal problema dos viñedos galegos son os fungos como o mildiu, o oídio, o black rot e a botrite, con maior ou menor incidencia segundo a zona. A afectación vai diminuíndo a medida que avanzamos cara á zona máis oriental de Galicia. Utilizamos unha plataforma web baseada en modelos matemáticos avanzados para a predición de enfermidades e que analiza diferentes datos meteorolóxicos, variedade cultivada, datos do solo e estados fenolóxicos...etc. Con toda esa información envíanos alertas en tempo real dos principais problemas do viñedo e infórmanos sobre a dinámica de protección. dos tratamentos aplicados. Trátase dunha ferramenta imprescindible para a xestión sostible dos viñedos, pois proporciónanos información útil para prever o risco asociado aos principais patóxenos do viñedo e tomar decisións racionais na xestión do cultivo.
 “Empregamos unha plataforma web para previr as enfermidades fúnxicas no viñedo. É unha ferramenta imprescindible para unha xestión sustentable do viñedo”
Os datos recollidos nesta plataforma web recóllense das estación instaladas en cada un dos viñedos cos sensores necesarios para a predición de enfermedades como son a temperatura, humidade foliar, precipitación, velocidade e dirección do vento, temperatura do solo, dous sensores de humidade de solo a diferentes profundidades para un control da humidade do solo. A couza do acio tamén é un problema xa que fai buratos nos bagos e isto provoca podremia nos períodos próximos á maduración. Para combatelas utilizamos para o seu control a técnica da confusión sexual, baseada no uso de difusores de feromonas sintetizadas para confundir o macho e evitar o apareamento. A técnica de interrupción do apareamento para o control da couza do acio é unha estratexia de control biotecnolóxico altamente eficaz, reduce o uso de insecticidas e cumpre co sistema integrado de xestión de pragas, evitando así eliminar outras especies auxiliares que realizan o control biolóxico natural do viñedo e axudando a controlar as poboacións de couzas e outras pragas. -Cómo afrontades os problemas relacionados coas enfermedades da madeira e que consellos darías para evitalas? O ataque destes fungos, que levan anos presentes nas vides, produce unha alteración interna da madeira da vide, xa sexa necrose ou podremia seca, o que leva a unha diminución do desenvolvemento, menor vigor, que pode acabar coa morte do planta. Unha das principais vías de entrada na planta é a través de feridas de poda. En Altos de Torona temos un protocolo para reducir a súa incidencia. Así, antes de recibir a planta para as novas plantacións, realizamos un control visual e físico, comprobamos que a zona de inserción do enxerto non está rota, realizamos un corte lonxitudinal e outro transversal para comprobar posibles necroses, analizamos a planta antes de plantar para comprobar que está libre de virus e incluso realizamos unha análise xenómica para verificar a variedade e o patrón. Se non é apta non a plantamos. A planta debe saír sa do viveiro, senón comprometerá o futuro dos viñedos. Unha vez plantadas, temos varias medidas preventivas como a desinfección das tesoiras de podar con agua oxigenada e o selado dos cortes de poda con esporas de Trichoderma, que son fungos antagónicos aos fungos que causan enfermidades da madeira. -Cómo consideras que debe facerse un abonado correcto do viñedo? A fertilización adecuada contribúe a asegurar unha nutrición correcta e equilibrada das plantas, e sempre debe facerse de forma razoada. Baseámonos na análise foliar, análise de solos que realizamos con frecuencia para facer un plan de fertilización razoado, estudiamos as imaxes satelitais para coñecer o índice de vigor dos viñedos, detectamos as carencias e aplicamos correccións só nas parcelas ou partes de parcelas que o precisen. A achega de nutrientes contribúe a compensar as perdas do viñedo derivadas das extraccións, como a vendima ou a poda. -Cara onde cres que irá a fertilización en base ás novas regulacións? A fertilización así como a aplicación de funxicidas está sendo cada vez máis controlada e regulada. Cada vez son máis as materiais activas sintéticas que se eliminan para cumprir os obxectivos de redución da Unión Europea, e isto lévanos cara a unha agricultura que promova a economía circular co obxectivo de reducir a dependencia de terceiros países. A nova normativa fomenta o uso de fertilizantes distintos dos empregados meramente para proporcionar nutrientes, como bioestimulantes que fan máis eficiente a absorción de nutrientes, tolerancia a diferentes tipos de estrés vexetal e mobilización de nutrientes do solo. A fertilización do futuro é cada vez máis sostible, técnica e eficiente, e cada vez temos máis ferramentas para iso.
“Estudiamos as imaxes por satélite dos nosos viñedos para realizar unha fertilizacion racional”
-Cómo afecta a nova regulación de fitosanitarios á viticultura? Cómo vos estades a adaptar a eles? Suporá un importante esforzo para os pequenos viticultores nesta materia pola obriga de cubrir o caderno electrónico dixital, que está previsto que se implante de forma progresiva a partir do 1 de xaneiro de 2024, para determinadas explotacións. Non obstante, no noso caso temos moito avanzado no que se refire ao compromiso co uso responsable dos fitosanitarios, fundamentalmente a través da aplicación da Xestión Integrada de Pragas dende o ano 2015. Temos una ferramenta dixital que nos permite facer o caderno de campo no que se anotan ademáis todos os traballos realizados no viñedo durante a campaña, operarios, apeiros, materias auxiliares…etc. Desta forma temos un control da trazabilidade de todos os viñedos dende a plantación ata a entrega de uva na adega. Ademáis, estamos implantando o control por GPS da flota de tractores, de forma que xeolocaliza a aplicación, axusta o caudal de caldo a aplicar según a velocidade de avance e detecta o mal funcionamento das boquillas.
 “Hai moita falta de man de obra especializada para traballar na viticultura”
-Ao longo da túa carreira, cales son os principais cambios que detectaches no sector no teu entorno? A viticultura de precisión está cada vez máis estendida. A viticultura sostible é o obxetivo principal ao que nos temos que dirixir e pouco a pouco os viñedos ecolóxicos van gañando terreo tímidamente. Cada vez hai unha maior conciencia ambiental, cunha estreita relación cultivo-paisaxe-poboación. Tampouco debemos perder de vista as condicións socioeconómicas. Se antes había problemas laborais, hoxe quizais sexa o problema máis importante. Non hai persoal disposto a traballar nos campos e, ademais, non hai man de obra especializada. Un problema actual é o cambio climático ou no seu concepto máis amplo, o cambio global, un mercado global. Para superar os retos aos que se enfronta e se enfrontará o sector vitivinícola, haberá que plantexar cuestións moi relevantes como a pouca dispoñibilidade de auga, a problemática das terras agrícolas, a perda de biodiversidade ou a enerxía. Outra cuestión moi importante é o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para afrontar con máis eficiencia os retos do futuro. O problema é que a tecnoloxía por si mesma non é suficiente, xa que o sector ten que saber utilizala correctamente e é aí onde entra a educación e a formación aplicada ó viñedo, formación dende as universidades ou dende a FP-DUAL.
“A brotación e a floración estanse a adiantar en ata 11 días respecto a fai 50 anos”
-Precisamente, como estades a notar o efecto do cambio climático nas viñas? O cambio climático, con vagas de calor cada vez máis intensas, está provocando desequilibrios entre a maduración alcohólica da uva (aumentos) e a fenólica (diminución de aromas e cor), menor acidez (custo de acidificación), reducindo a calidade dos viños. Obsérvanse desacoplamentos entre a madurez alcohólica e a fenólica. Isto obrigará á industria vitivinícola a realizar unha adaptación forzada para preservar a calidade e calidades do viño que bebemos na actualidade. As próximas décadas, quizais, traerán viños diferentes. A brotación e a floración estanse a adiantar en ata 11 días respecto a fai 50 anos, os ciclos principais do viñedo [brotación, floración, cuajado, envero e vendima] son máis rápidos, esas fases son máis curtas. Todo sucede máis rápido, e esa velocidade produce cambios fenolóxicos na uva que afectan á súa calidade, aromas e cor. En pouco tempo prodúcense chuvias máis concentradas e de gran volume, xunto con longos períodos de seca, o que dificulta o control das enfermidades do viñedo. As secas afectan a unha maior evapotranspiración da planta, as vides sudan e necesitan auga en momentos puntuais. -Que cambios prevés na viticultura nos próximos dez anos? A obtención de uva e viño requirirá cada vez máis coñecemento, capital científico e tecnolóxico de todo o proceso produtivo, dado que a viticultura tradicional non ten capacidade para afrontar as múltiples alteracións ambientais que se están producindo, ademais dos cambios lexislativos. -Qué oportunidades cres que ofrece o novo panorama regulatorio? Agora mesmo non hai suficientes profesionais para a transformación dixital que está a sufrir o campo. Precísanse técnicos capacitados para cubrir as necesidades de modernización dixital, sustentabilidade agraria, asesoramento ás explotacións...E coa realización dixital do caderno de campo, xurdirán aínda máis oportunidades dada a complexidade da súa realización.

Entrevista realizada coa colaboración de Delagro, cooperativa coa que colabora o grupo HGA

Gran Bazán, albariños atlánticos que coidan a biodiversidade

A adega Gran Bazán (Vilanova de Arousa, Pontevedra) foi unha das pioneiras en elaborar na D.O Rías Baixas albariños con maceración. Falamos co seu enólogo, Diego Ríos, e coa súa responsable de exportación, Cristina Domínguez, para contarvos como traballan. Gran Bazán distinguiuse tamén nos últimos anos por proxectos de conservación da biodiversidade. Así, entre outras medidas, traballan o viñedo con cubertas vexetais e eliminaron o uso de insecticidas, substituídos por trampas de feromonas. Entrega do selo Galicia Calidade a Gran Bazán. Outro fito da adega chegou no verán do 2022, coa recepción do selo Galicia Calidade, que se suma ós distintivos e recoñecementos que veu recibindo a adega nos últimos anos. Na Cata de Viños de Galicia 2022, por exemplo, o seu Don Álvaro de Bazán conseguiu alzarse co Acio de Ouro na sección de Viños de Colleitas anteriores, obtendo desta maneira o máximo recoñecemento na súa categoría. Mentres, o viño Limousin foi distinguido co Acio de Prata na categoría de Viños de Elaboracións con madeira.
  • Peza elaborada en colaboración con Galicia Calidade
https://www.campogalego.gal/adegas-granbazan-pioneiros-na-maceracion-da-uva-e-crianza-en-barrica-en-rias-baixas/

“O gran competidor do albariño de Rías Baixas en Estados Unidos é o Sauvignon Blanc de Nova Zelandia”

Estados Unidos é un mercado clave para os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. De feito, é o primeiro destino das vendas exteriores desta DO, con case 3 millóns de litros exportados na campaña 2021/2022, o que supón un 8% máis en volume pero un incremento do 19% en valor. Neste sentido, a estadounidense Natasja Mallory responsable de GREGORY+ VINE, participou recentemente na presentación do “Plan Promocional de Estados Unidos para 2023 do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas”. Falamos con ela sobre o presente e o futuro destes viños no mercado estadounidense. Como empezaches a coñecer o mundo do viño? Empecei estudando e traballando na alta restauración en Nova York a mediados dos 90 e posteriormente viaxei a París para ampliar as miñas prácticas en restauración e foi alí onde me namorei do mundo do viño e comecei a especializarme neste sector. No ano 1999 os dous socios fundadores de Lavinia propuxéronme que viñese traballar á súa tenda en Madrid, pois vían que había un nicho de mercado para os viños estranxeiros en España. Cal foi o teu primeiro contacto cos viños de Galicia? No ano 1995 no restaurante no que traballa en Nova York tiñamos en carta o albariño Martin Códax, e ese foi o meu primeiro contacto cos viños galegos. Posteriormente, cando vin traballar a España empecei a descubrir a ampla variedade dos viños galegos. Sei que elaborar un bo viño branco é máis difícil de conseguir que un bo viño tinto, porque é máis difícil maquillar ou corrixir en adega unha uva de calidade inferior. Admiro os viños brancos cun bo perfil, acidez, vivaces, con aromas que van do máis frutal ao máis mineral. Nese sentido, sempre me chamou a atención a variedade albariño, por ter un carácter varietal moi identificable e con moitos matices e por proceder dunha rexión, como Galicia e en concreto as Rías Baixas, onde é difícil lograr unha boa uva. Albariños elabóranse tamén en Australia ou California. Que diferencia lle achega o terroir das Rías Baixas aos viños elaborados con esta variedade? As Rías Baixas son a orixe do albariño e neste territorio a uva alcanza unha expresión moi singular. Ademais, os consumidores neste momento, especialmente os mozos, queren coñecer de onde procede o viño, como foi cultivada a uva, con que maridar o viño...etc, queren saber máis que o que lles di a etiqueta ou o que lles recomenda un catador. Neste sentido, este novo perfil de consumidor dálle unha vantaxe tremenda aos viños de Rías Baixas, porque contan con historia, cultura, o Camiño de Santiago, variedades propias, a propia xente...etc Os viños con Denominación de Orixe Rías Baixas no mercado norteamericano representan un 9,4% do total das exportacións españolas con Denominación de Orixe Protexida en valor e un 8,6% en volume. Como é mercado do viño en Estados Unidos, o primeiro mercado exterior para os viños de Rías Baixas, seguido de preto polo Reino Unido? En primeiro lugar hai que destacar que os viños de Rías Baixas en Estados Unidos teñen unha imaxe de calidade, e iso é primordial. A iso hai que engadir que teñen unha crecente presenza no mercado estadounidense, e é cada vez máis frecuente velos nas cartas dos restaurantes ou en tendas especializadas.
“Os estadounidenses beben menos viño pero mellor e máis caro”
Segundo conclúen varios estudos, unha tendencia do mercado norteamericano é a premiumización do viño. É dicir, o segmento dos viños con prezos de máis de 15 dólares a botella, é o que máis está a medrar en vendas, mentres que están a caer no grupo de viños de menos de 15 dólares. Non obstante, os viños de máis de 11 dólares a botella soamente representan o 25% do mercado en volume. É dicir, os estadounidenses beben menos viño pero mellor e máis caro. Esta tendencia creo que é un factor clave para que os viños de Rías Baixas sigan tendo éxito no mercado de Estados Unidos. Outro factor relevante é que desde o ano 2017 os viños brancos están a gañar cota de mercado nese país, cun crecemento do 2%. Tamén hai que destacar que o prezo medio dos viños brancos está a subir, e iso beneficia tamén aos de Rías Baixas. Cales son os principais competidores dos viños de Rías Baixas en Estados Unidos? O principal competidor do albariño de Rías Baixas en Estados Unidos é o Sauvignon Blanc de Nova Zelandia, é o único que creceu en vendas nese mercado o pasado ano. O perfil do albariño é máis parecido ao Sauvignon Blanc que o Chardonnay. Outros competidores son os viños brancos doutras rexións atlánticas como o Loira ou Bordeus, o grandes Rieslng de Alemaña ou Pinto Griggio de Italia e de Estados Unidos. Neste sentido, Cal sería a mellor estratexia para que os brancos de Rías Baixas compitan con éxito en Estados Unidos? En primeiro lugar, seguir comunicando e demostrando a alta calidade destes viños e en segundo lugar explicar a gran variedade de albariños que existe. É dicir, que hai moitas tipoloxías máis aló do branco novo que se bebe como moito dous ou tres anos despois da colleita. Por tanto, é preciso promocionar os grandes albariños de garda, de até 30 anos ou máis; os viños de crianza sobre lias, os espumosos, os que son elaborados noutro tipo de recipientes ...etc.

“Hai un futuro interesante nos tintos galegos para a elaboración de viños de garda, pero deben romperse tabús”

Fernando Zamora (Tarragona, 1960) é catedrático da Facultade de Enoloxía da Universidade Rovira i Virgili (Cataluña) e presidente da Comisión de Enoloxía da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV). Está considerado un dos maiores expertos na crianza de viños. Con el coñecemos algunhas das claves para ter en conta nesta elaboración, así como os retos que se presentan. Preguntamos tamén polas posibilidades que ofrecen as variedades galegas para lograr grandes viños de garda. -Que define un bo viño de garda? -Como o seu nome indica, é aquel que pode envellecer. É un viño elaborado non para ser consumido de forma case inmediata do seu embotellado, senón que é un viño que en botella mellorará lentamente durante o tempo e alcanzará o seu cenit aos 10, 15, 20 anos… A partir de aí debe manter a calidade que logrou ao chegar ao seu máximo e ir aos poucos envellecendo suavemente, ata que chega un momento que o perde todo. Un bo viño de garda é aquel que pode manter a súa calidade longo tempo, como mínimo 10 anos. -Nunha das súas últimas visitas a Galicia apuntaba que a cor é un dos indicativos dos viños de garda, dando conta do tempo e o estado dese viño. Pode proporcionar máis información só a cor? -A cor é un indicador da concentración de antocianos e tamén está relacionado co pH. En xeral, un viño pode envellecer mellor canto máis baixo é o seu pH e maior concentración de taninos e antocianos posúe. Isto relaciónase co corpo e cor do viño, pero non é tan fácil. Hai que ter en conta que se buscamos unha boa extracción durante a fermentación e maceración dos viños, extraendo máis do que correspondería os viños poderán envellecer pero serán astrinxentes, amargos, herbáceos, polo que non terán o maior interese. Trátase de lograr un equilibrio cunha extracción selectiva. Búscase sacar todo o bo da uva, para ter unha boa concentración e cor que lle permita manterse longo tempo, pero cun equilibrio sensorial adecuado.
“O Albariño e o Godello parece que teñen unha boa capacidade de garda, sobre todo no clima atlántico e coas choivas de Galicia, que fan que estes viños teñan unha gran acidez”
-Aínda que tamén hai viños de garda con variedades brancas, seguen predominando os tintos ou é xa unha barreira superada? -En viños tintos as cousas son máis fáciles de comprender, así é que analizando e catando un viño xa podes verlle o potencial. Con todo, cos viños brancos non resulta tan sinxelo. A acidez alta e o pH baixo son unha condición necesaria pero non suficiente, polo que para saber se vai envellecer ben hai que fixarse nas súas concentracións en polifenois e outros aspectos. Por iso, é máis difícil prever a capacidade para a garda dun viño branco. Hai moitos menos viños brancos de garda. -Aínda que, hai grandes viños de garda brancos... -É conocidísima a capacidade dos grandes Borgoña que aguantan longo tempo e teñen a vantaxe de ter climas máis frescos e pH máis baixos. Tamén hai variedades que teñen mellor envellecemento. Así, o Chardonnay presenta unha gran capacidade para o envellecemento. As variedades galegas, tanto o Albariño como o Godello parece que teñen unha boa capacidade de garda, sobre todo no clima atlántico e as choivas fan que estes viños teñan unha gran acidez.
“A madurez das sementes é moi importante, xa que se non están ben maduras poden achegar taninos extremadamente amargos que farían que o viño non teña o equilibrio adecuado”
-O cambio climático e o adianto da vendima está a xogar un papel fundamental para atopar o momento óptimo para a vendima de viños destinados a ser de garda. Está a resultar máis complexo para os viticultores e enólogos conseguir unha vendima adecuada? -O cambio climático está a xerar primaveras máis secas e veráns máis cálidos con ondas de calor brutais que provocan que a planta se paralice, é dicir que deixa de realizar a fotosíntese de forma que fisioloxicamente a uva non evoluciona e se deshidrata, o que provoca que aumente o grao e baixe a acidez, o que obriga a vendimiar antes. Desta maneira, atópasche que aínda que a madurez evolucionou moi rapidamente en canto aos parámetros de acidez, grao alcohólico probable ou o pH non ocorre o mesmo coas peles e as sementes. Nos tintos as sementes son moi importantes, xa que se non están ben maduras poden achegar taninos extremadamente amargos e que farían que o viño non teña o equilibrio adecuado. No caso de brancos, tintos e rosados, a pel tamén achega tanino que é importante e sobre todo achega os aromas, a parte máis nobre do viño. Se a pel non está ben madura, os aromas florais e froiteiros que se buscan non aparecen e no seu lugar aparecen aromas herbáceos e vexetais. Por outra banda, hai datos que demostran que o pH dos viños tamén se incrementou. Fixen unha pequena investigación nos últimos días e confirmei que o pH dos viños tintos en Rioxa desde 1960 subíu dunha media de 3,30 a 3,87. É arrepiante. Isto débese non só ao cambio climático senón a que houbo un cambio varietal en Rioxa, da Garnacha ao Tempranillo. Aínda así, a tendencia é clara e pódese ver noutras zonas, como o sueste de Francia, Australia… onde se observa que o pH aumentou e isto condiciona que os viños envellezan peor, de maneira que é máis difícil facer un viño de garda. O enólogo Fernando Zamora nunhas xornadas centradas nos viños de garda celebradas en Sober (Lugo). -Cales son as claves para lograr grandes viños de garda? -Unha uva madura e sa, é dicir que non teña ningún tipo de afección por botrite, podremia... O ideal sería que ademais esta uva tivese unha boa acidez, aínda que isto ás veces é complicado e hai solucións en adega, que son lícitas e legais como a acidificación con ácido tartárico que se extrae da propia uva e que poden permitir mellorar un pouco a falta de acidez. Logo hai que facer unha vinificación adecuada e sobre todo unha crianza adecuada. -Falar de viños de garda é facelo de crianzas, é o carballo francés unha das mellores opcións ou dependerá do viño co que se traballe? -No mercado, aínda que hai máis tipos, os maioritarios son o carballo francés (Quercus pretaea) e o carballo americano (Quercus alba). Entre os dous, a elección queda ao gusto. O carballo francés achega máis estrutura, de maneira que os viños envellezan un pouco mellor. Por outra banda, no plano aromático, o carballo americano achega sobre todo notas de coco, mentres que o francés achega aromas máis serios con notas de vainilla, especiadas que adoitan ser moi apreciadas polos catadores. Con todo, creo que é unha boa idea xogar cos dous carballos. Así, para un viño de garda interesante pódese apostar por un 70% de carballo francés e un 30% de carballo americano e pode que se logre un resultado mellor que só utilizando o carballo francés. Depende de cada viño e cada variedade. É unha cuestión empírica na que hai que probar. -Apuntou tamén nalgunha ocasión que os carballos que predominan en Galicia son unha madeira pouco adecuada para o envellecemento dos viños pola dureza tánica que achega. Hai outras alternativas nos carballos á marxe do francés e americano? -Está a probarse tamén con outros carballos. En España o Quercus pirenaica está a mostrarse como unha alternativa interesante. En Asia está a probarse co Quercus mongólica e en Francia tamén se traballa co Quercus robur para augardentes, xa que achega moita estrutura e pouco aroma, polo que xamais se debe usar para brancos e para viños tintos pode utilizarse un pouco, pero tampouco é a madeira máis adecuada.
“A madeira de castiñeiro dá demasiada estrutura e fai que os viños se endurezan. Son máis interesantes outras madeiras como a acacia, utilizada en brancos e que deixa notas de caldo de azucre e froitas de óso”
-E outras madeiras como o castiñeiro, poden ser unha opción para ter en conta? -Madeiras como o castiñeiro ou a cerdeira empregáronse, pero polo xeral son moi permeables ao osíxeno permitindo que os viños se oxiden máis rápido. No caso do castiñeiro dá demasiada estrutura e fai que os viños se endurezan un pouco. Son máis interesantes outras madeiras como a acacia, que se está utilizando sobre todo en viños brancos e deixa notas de caldo de azucre e froitas de óso. -E en canto ao tamaño da barrica, ata que punto inflúe contar con grandes barricas ou depósitos de menor tamaño? -En principio, canto maior é o recipiente menor é o impacto da madeira en aromatización ou achega de substancias estruturais ou micro osixenación. Canto máis pequena é a barrica, o viño vai mais rápido. Tradicionalmente en España utilizáronse as barricas de 225 litros e hai denominacións de Rioxa que só recoñecen esa medida. En Ribeira de Douro aceptouse a de 300 litros pero non aceptan máis. Para min, isto é un gran erro, xa que a barrica de 225 está pensada orixinalmente en Bordeus para a crianza de viños de Cabernet sauvignon en épocas que non acaban de madurar do todo. Na zona de Priorado, en Mon Sant que traballamos moito coa Garnacha, gústannos moito a barrica de 500 e mesmo os fudres de 2.000 ou 4.000 para esta crianza. -A que se refire con que é un erro quedar só coas barricas de 225? -Regulamentar en exceso non é bo. O termo reserva no resto do mundo significa que reservaches o teu mellor viño e logo falo como creas adecuado. En España quere dicir un mínimo de 3 anos de crianza, dos cales un como mínimo é en barrica. E non porque estea máis tempo en barrica un viño vai ser mellor, o que hai é que buscar o punto óptimo entre o equilibrio da madeira e a froita do viño e iso cada ano é diferente.
“Téntase que cando os viños saian ao mercado estean listos para beber, que aguanten, pero que non teñas que esperar para bebelos”
-É posible conseguir un gran viño de garda que permaneza en cubas de metal? -Pódese obter perfectamente aínda que non creo que se poida obter a complexidade que se logra en barrica. Pero pódense empregar técnicas como a micro osixenación e reprodúcese o que ocorre dentro dun barril de madeira. Por outra banda, tamén está autorizado o uso de fragmentos discretos de madeira (doias ou taboleiros de madeira) que se introducen dentro do viño e provócanse reaccións similares ás que ocorren nos barrís de madeira. Son técnicas que se utilizan conxuntamente e que son máis económicas. Aínda que non alcancen a complexidade dos grandes viños de garda, poden dar un viño interesante que aguante un tempo en botella de forma adecuada. O único problema niso é a competencia desleal. Se se utiliza barrica poderías poñer crianza, mentres que se se fai nun tanque de metal non poderías poñelo, xa que en barrica implica outros gastos maiores. -Está a apostarse máis por viños que terminan a súa evolución en botella? -Hai de todo. Hai que ir con coidado. Un viño de garda se entra prematuramente en botella pode ter problemas de falta de estabilidade, que dea un precipitado en botella moi rápido. O viño péchase e pode cheirar un pouco mal, polo que haberá que decantalo con moito tempo de antelación. Se pola contra, se embotella demasiado tarde, a madeira pode vencer ao viño. Creo que a aposta polos viños con crianza en botella era máis común no pasado. Actualmente, téntase que cando os viños saian ao mercado estean listos para beber, que aguanten, pero que non teñas que esperar para bebelos.
“Algúns dos viños de garda máis prestixiosos, onde a botella pode alcanzar os 4.000 euros, elabóranse en tanques de formigón”
-Está a volverse tamén ao uso de cántaros ou depósitos de formigón. Hai quen desconfía deste tipo de depósitos, que opinión ten respecto diso? -Non hai que ter medo. Os depósitos de formigón teñen un pasado complicado, xa que se utilizaba formigón armado, que ten no seu interior barras de ferro e en superficie era moi rugoso. Antes o formigón non era inerte, había unha filtración do ferro desas barras ao viño. O ferro como catalizador da oxidación, facía que evolucionase máis rápido. Ademais, collía sabores estraños. No caso de depósitos subterráneos, ás veces había filtracións. Hoxe en día, os depósitos de formigón son en superficie, deposítanse na adega, teñen unha superficie perfectamente cristalizada e non teñen ferro no seu interior. Son tanques marabillosos. Algúns dos viños de garda máis prestixiosos, onde a botella pode alcanzar os 4.000 euros, elabórase en tanques de formigón. -Temos en Galicia potencial para elaborar grandes viños de garda? -En brancos sen dúbida. En Galicia tedes os mellores viños brancos de España e un clima formidable. En tintos, está a mellorarse moito e mesmo vos estea favorecendo o cambio climático. Hai variedades recoñecidas como a Mencía, pero outras como o Sousón tamén teñen un potencial importante e xa se están utilizando para a elaboración de viños de garda no Douro (Portugal). Hai un futuro interesante nos viños tintos galegos, pero rompendo algúns tabús. -Que hai que deixar atrás? -Recordo que nunha charla impartida hai tempo en Galicia sobre madurez fenólica falaba sobre a necesidade de deixar que a uva madurase, pero dicían que non podían xa que había unha regra que dicía que os viños non podían superar unha certa gradación. Esta norma, que xa non está vixente buscaba evitar que entrasen viños de fóra. Isto era unha tolería. Hai que buscar unha madurez adecuada da uva. Afortunadamente hai elaboradores que están a facer xa un gran traballo en Galicia, en especial na DO Ribeira Sacra. Creo que os tintos teñen un potencial importante, sobre todo na Ribeira Sacra, xa que noutras zonas poden ser algo máis secundarios.

INFORMACIÓN RELACIONADA

-Claves para elaborar viños de garda.