Archives

En todo o 2023 a Xunta realizou 28 inspeccións e impuxo 7 sancións por incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

Os contratos entre viticultores e adegas son os que máis inspecciona de oficio a Consellería A Xunta de Galicia levou a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 un total de 28 inspeccións de oficio en relación ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, 20 delas no sector do viño, 7 no sector vacún de leite e 1 no de leite cru de ovella. Ademais foron revisados un total de 250 contratos. Segundo os datos feitos públicos este mércores durante a reunión do Consello Asesor da AICA, a Comunidade Valenciana (0), Murcia (4), Navarra (11), Estremadura (12), Cantabria (13), Asturias (16), Canarias (18), Aragón (19), Baleares (20), País Vasco (20) e A Rioxa (27) levaron a cabo o ano pasado menos inspeccións de oficio que Galicia; fronte ás 44 de Cataluña, as 47 de Andalucía, as 49 de Madrid, as 73 de Castela-A Mancha ou as 324 de Castela e León. Destas inspeccións deriváronse un total de 167 sancións, das que 7 foron impostas en Galicia, todas elas ao elo da cadea que representa a industria alimentaria: 4 delas á industria cárnica bovina por non formalizar contratos por escrito, 2 ás adegas vitivinícolas polo incumprimento dos prazos de pago e 1 á industria láctea por non incluír nos contratos todos aqueles extremos que por lei han de conter. En canto ás denuncias presentadas, en todo 2023 a Xunta de Galicia tan só investigou 2 no sector da produción avícola de carne.
O 62% das denuncias presentadas ante a AICA desde a súa creación acabaron en imposición de multas
Desde a súa creación, a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura e encargado de velar polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria coa colaboración das comunidades autónomas, recibiu un total de 210 denuncias, das que 130 acabaron en sanción. Un total de 23 destas multas corresponden ao sector lácteo, derivadas de 44 denuncias presentadas, a maior parte por produtores e organizacións de produtores. Outras 23 sancións corresponden ao sector vitivinícola, mentres a maior parte (57 en total) proceden do sector das froitas e hortalizas. Un 40% máis sancións en 2023 Ao longo do 2023, a AICA impuxo un total de 382 sancións a operadores da cadea alimentaria, o que supuxo un aumento do 40,4% en comparación co ano precedente. Case a metade delas (un 48%) corresponderon a infraccións por incumprimento de prazos de pago, sobre todo, na parte maiorista.
O ano pasado a AICA impuxo 382 sancións ao amparo da Lei da cadea alimentaria, un 40,4% máis que en 2022, ás que hai que sumar outras 167 das comunidades autónomas (+33,6%)
Tamén foron obxecto de sanción a ausencia de contratos ou a falta, nos que si se realizaron, de elementos mínimos como, por exemplo, o prezo do produto motivo de transacción. As modificacións unilaterais non pactadas por contrato e a destrución de valor na cadea alimentaria tamén aparecen na listaxe dos principais motivos de penalización. Por sectores, os que rexistraron máis infraccións con sanción foron o de froitas e hortalizas, que acaparou 165, seguido do vitivinícola (96), o de aceite de oliva (40), bovino (37), oliva de mesa (19) e lácteo (17). A estas sancións hai que sumar as aprobadas polos organismos autonómicos que tamén teñen competencias no control e vixilancia do cumprimento da Lei da cadea alimentaria. O ano pasado impuxeron 167 sancións, un 33,6% máis que en 2022. Estas últimas recaeron principalmente en empresas do elo da industria alimentaria.

Reparto de competencias de inspección entre o Ministerio e as comunidades autónomas

Primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano, celebrada esta semana Todas as sancións impostas no 2023 son froito dos controis de oficio da AICA e as comunidades autónomas, así como das investigacións realizadas en ambos os casos tralas denuncias recibidas por supostos incumprimentos da Lei da cadea. A AICA, en concreto, investigou durante o pasado exercicio 32 denuncias, un 39,1% máis que no 2022, e as comunidades autónomas, outras 18. O ministro de Agricultura, Luis Planas, subliñou durante a primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano a necesidade de que se traslade aos organismos de control e vixilancia do funcionamento da Lei da cadea alimentaria toda irregularidade comercial que se constate. Remarcou o carácter confidencial das denuncias e precisou que o ano pasado, case dous terzos das recibidas e investigadas terminaron en sanción.
A AICA vixía as relacións entre empresas de distintas comunidades e os gobernos autonómicos os contratos que se asinan dentro do seu territorio
En total, as denuncias e as actuacións de oficio durante 2023 traducíronse no control dun total de 2.371 relacións comerciais da cadea alimentaria, o que representa un 59,4% máis que nos doce meses anteriores, segundo o Informe da actividade inspectora e de control de AICA no ámbito da cadea alimentaria en 2023. A AICA ten competencia sancionadora en relacións comerciais que teñen lugar entre empresas con sedes en distintas comunidades autónomas ou nas que, por razóns de rastrexabilidade previsible do produto obxecto do contrato, exceda do ámbito autonómico. Os organismos de inspección de cada comunidade autónoma, pola súa banda, controlaron no seu territorio outras 2.871 relacións comerciais, segundo o Informe da actividade das comunidades autónomas en 2023. O ministro, durante a sesión inaugural do encontro, resaltou “o bo funcionamento de cadea alimentaria”. Descontos non acordados previamente nos contratos O ministro aproveitou para lembrar que desde o 30 de xuño de 2023 é obrigatorio inscribir no Rexistro de Contratos Alimentarios, ao que se accede a través dunha aplicación da web de AICA, os contratos alimentarios con produtores primarios e agrupación de produtores. Ao seu xuízo, o devandito rexistro converteuse xa nunha “ferramenta determinante” para o labor de inspección deste organismo.
Ao longo de 2024 priorizarase o cumprimento de contratos alimentarios, con especial atención á modificación do prezo a partir de descontos
O ministro tamén avanzou que ao longo de 2024 a actividade da AICA priorizará a comprobación e o cumprimento dos contratos alimentarios, con especial atención á modificación do prezo a partir da aplicación de descontos non acordados previamente. Tamén se dará preferencia ao control dos sectores con máis risco de que as súas liquidacións e pagos non sexan superiores ao custo efectivo de produción, así como á vixilancia de cancelación de pedidos. Cambios legais a nivel español e na UE O ministro de Agricultura confirmou ademais durante a apertura da primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano que a conversión deste organismo en axencia estatal traducirase “nunha maior estrutura, con máis medios humanos e materiais para desempeñar as súas funcións”, o que lle permitirá “reforzar significativamente a súa capacidade inspectora”. O ministerio quere dar unha resposta rápida a unha das principais preocupacións dos agricultores e gandeiros que se mobilizaron estas semanas, o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria en todos os elos, para que nas relacións comerciais, sobre todo nas que participan os agricultores e gandeiros, o prezo sexa xusto, supere o custo efectivo de produción e asegure a viabilidade económica dos operadores.
A conversión da AICA en axencia estatal dotaraa de máis persoal e medios para reforzar significativamente a súa capacidade inspectora
Luis Planas explicou que a posta en marcha da axencia estatal require da aprobación dunha norma con rango de lei, polo que o Goberno estuda na actualidade o menor percorrido temporal para a súa creación, ben a través dun texto legal ad hoc ou mediante a introdución dunha disposición adicional na futura Lei de prevención das perdas e o desperdicio alimentario. A futura Axencia Estatal de Inspección da Cadea Alimentaria manterá o acrónimo de AICA. Prevense ademais modificacións lexislativas sobre prácticas comerciais na Unión Europea. De feito, a Comisión presentou a mediados do pasado mes de decembro unha serie de propostas a medio prazo para revisar a Directiva de prácticas comerciais desleais de 2019 e o Regulamento da Organización Común de Mercados Agrarios (OCM) que, en boa medida, seguen a senda emprendida a nivel nacional en países como Francia ou España. O Executivo comunitario propuxo a instauración do Observatorio de custos de produción, marxes e prácticas comerciais, e a implementación de novas regulacións para garantir o cumprimento das prácticas comerciais a nivel transfronteirizo.
 

Unións Agrarias solicita que Competencia e a AICA investiguen ás industrias cárnicas por pactar prezos ás ganderías de carne por debaixo dos custos

Félix Porto e Xosé Ramón González na rolda de prensa O luns desta semana Unións Agrarias presentou denuncia ante a AICA española e a galega e ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia polo que consideran “venda a perdas que as industrias galegas están a forzar no sector cárnico de vacún”. “Cun diferencial de máis dun euro entre o que custa producir un quilo de carne e que as explotacións están a percibir por el; e vista a homoxeneidade duns prezos que, ao igual que acontecía no leite, se lles impoñen a produtoras e produtoras de xeito unilateral e sen marxe para a negociación; entendemos que hai indicios máis que de sobra para que as administracións e os organismos competentes inicien actuacións, investiguen a fondo e actúen para poñer couto a unhas prácticas que atentan contra a rendibilidade e o mantemento das explotacións cárnicas de vacún do noso país”, xustifican dende Unións. Os datos feitos públicos pola Xunta de Galicia, correspondentes a un estudo de custos encargado pola administración autonómica á Fundación Juana de Vega, son a base que sustenta a denuncia realizada por Unións Agrarias. “E é que de acordo coas cifras feitas públicas en 2023, tras o forte incremento dos custos de produción que a invasión de Ucraína e a seca trouxeron ao sector produtor, producir un quilo de carne de vacún custaba o ano pasado 7,60€. Porén, o prezo que as explotacións galegas percibiron foi tan só de 6,20€”, explican. Engaden dende Unións Agrarias que “non se trata dunha situación nova, pois xa en 2022 outro estudo realizado polo mesmo organismo tamén a instancias da Xunta cifraba ese custo de produción en 6,20€; un euro por debaixo dos 5,20€ que daquela cobraron as granxas”. Á marxe das sancións que "este comportamento xeralizado e reiterado" podería carrexar para as máis de 100 industrias cárnicas que operan en Galicia, Unións Agrarias pretende que a súa denuncia “sirva de punto de atención para que as cousas comecen a facerse doutro xeito”. Por iso, reclama que todas as industrias englobadas dentro de Asogacarne sexan investigadas e insta ás administracións a habilitar a xa tan demandada figura do mediador. “Non pretendemos que se sancione a ninguén, senón que se constate a realidade que tanto tempo levamos denunciando e que as administracións activen os mecanismos pertinentes para frear este tipo de comportamentos que impiden que as gandeiras e gandeiros cobren prezos xustos polas súas producións", precisan. Dentro da IXP Ternera Gallega comercialízanse anualmente 60.000 becerros dunha media de 200 quilos. Unhas cifras que, segundo os cálculos de Unións, elevan ata os 12 millóns de euros ao ano o diferencial entre os custos de produción que soportan as explotacións e os ingresos que perciben polo seu traballo. Unhas cifras ás que habería que sumar as correspondentes ao 30% da produción que se comercializa á marxe da Indicación Xeográfica Protexida.

Alcampo, Vegonsa e Central Lechera de Lugo reciben sancións da AICA por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) impuxo en xaneiro 34 novas sancións por infraccións ao incumprir a Lei da Cadea Alimentaria que en total suman 136.424,6 euros, principalmente por incumprimento dos prazos de pago e non formalizar por escrito os contratos alimentarios, segundo a publicación correspondente da Axencia de Información e Control Alimentario (AICA). Entre as compañías sancionadas atópase a cadea de distribución Alcampo, que recibiu a multa de maior contía, de 39.600 euros, por «resistencia, obstrución, escusa ou negativa ás actuacións da Administración», segundo se detalla no documento. A segunda maior multa recaeu sobre Central Lechera de Lugo (18.001 euros) polo mesmo motivo. Precisamente, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla así como Unións Agrarias, denunciaron o pasado ano «importantes débedas» da empresa Central Lechera de Lugo (Grupo Santé) cos produtores de leite. Entre as empresas galegas sancionadas pola AICA tamén se atopan Vego Supermercados S.A.U., con 3.001 euros, Avícola Barreiro SL, con outros 3.001 euros, e Vinícola de Chantada, SA (VITASA), cunha sanción de 1.800,60 €. O motivo no caso destas tres empresas é o incumprimento nos prazos de pago. Precisamente, a maioría das sancións (até 22 do total de 34) débense ao incumprimento dos prazos de pago, con multas de 1.800,60 ou 3.001 euros, segundo os casos. Tamén se sancionaron infraccións por «non formalizar por escrito os contratos alimentarios», con multas que variaron entre os 1.800,60 os 3.001 euros. No 2023, a AICA impuxo sancións por preto de 376.000 euros por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria.

Xa é obrigatorio para industrias alimentarias e produtores usar o Rexistro de Contratos Alimentarios: Claves para utilizalo

O 20 de decembro de 2022 aprobouse o Real Decreto 1028/2022, polo que se desenvolve o Rexistro de Contratos Alimentarios en España. Trátase dun rexistro dixital no que deben inscribirse obrigatoriamente aqueles contratos alimentarios que subscriban as empresas cos produtores primarios e as agrupacións destes, e as súas modificacións, antes da entrega do produto obxecto do contrato (leite, carne, uva…etc).

Aínda que xa é posible subir documentos a ese rexistro, é desde o pasado venres, do 30 de xuño, cando é obrigatorio que os compradores de materias primas usen este Rexistro de Contratos Alimentarios, coa carga de traballo administrativo que iso vai implicar.

O non cumprimento desta normativa implicará importantes sancións de entre 3.000 e 1.000.000 de euros. “Existe unha gran preocupación e incerteza por parte de moitas empresas produtoras e comercializadoras, especialmente aquelas que moven volumes importantes, xa que, coa nova normativa, cada vez que realicen calquera compra aos seus provedores terán que cumprimentar o contrato ou adenda correspondente, realizar a sinatura dixital e subilo ao Rexistro de Contratos Alimentarios da AICA, o cal podería consumir moito tempo e retardar significativamente o negocio”, conta Daniel Cerqueiro, CEO de Docuten Tech, unha empresa galega que ofrece solucións a industrias agroalimentarias e produtores para cumprir dunha forma sinxela, eficaz e rápida con esta nova obrigación legal.

“Esta tarefa pode reducirse a segundos grazas a Docuten”

Así, Daniel destaca que “esta nova normativa fará que as xestións administrativas limiten o ritmo das operacións destas compañías, que é o realmente importante. Afortunadamente, esta tarefa, que levará aproximadamente uns 15 minutos por cada contrato de compra se se fai de maneira manual, pode reducirse a segundos grazas a Docuten, unha solución completa que desenvolvemos con varios dos nosos clientes no sector alimentario”.

De acordo co representante deste software, con Docuten pódese automatizar o proceso, desde a sinatura dixital dos contratos e adendas até o envío automático desa documentación e modificacións ao rexistro, garantindo o cumprimento da normativa vixente. “A verdade é que estamos a recibir un gran interese por parte do sector”.

A solución: firma dixital + automatización do proceso de subida ao rexistro

O proceso de automatización comeza co contrato entre comprador e provedor. Docuten é unha ferramenta que permite enviar os contratos e asinalos dixitalmente por ambas as partes, comprador e provedor, de forma totalmente legal e segura.

“As empresas do sector deben ter en conta que a propia Lei da Cadea Alimentaria indica unha serie de campos que deben estar incluídos, de forma obrigatoria, nos contratos cos provedores. En caso de facelo de maneira física, en papel, é complexo asegurar que eses campos serán cumprimentados polos provedores antes de ser asinados e rexistrados na AICA. En Docuten, contamos cun sistema de plantillas que favorece que eses campos sempre sexan cubertos correctamente, a través da creación de contratos tipo editables e a validación dos campos obrigatorios”, sostén Daniel Cerqueiro.

“Despois de que os documentos estean asinados dixitalmente, a nosa solución permitirá comunicarse automaticamente co rexistro alimentario, sen necesidade de acceder á páxina web do Rexistro Alimentario e subir os contratos un a un”, engade.

Deste xeito, “o cliente só terá que iniciar o proceso clicando nun botón da aplicación e o noso sistema realizará automaticamente estes 3 procesos”, asegura o representante deste software.

“Ademais, a normativa recolle a obrigatoriedade de conservar, durante 4 anos, non só o contrato, senón tamén a documentación relacionada, incluída a correspondencia. En Docuten, como Prestador Cualificado de Servizos de Confianza, axudamos a cumprir co anteriormente exposto, xa que podemos evidenciar as comunicacións dixitais, os anexos, así como garantir a inalterabilidade do documento asinado e a súa custodia, durante 4 anos, como obriga a lei, nunha plataforma 100% segura e legal”, afirma Daniel.

Seminario o próximo día 12 en Santiago organizado con CLUSAGA

O mércores 12 de xullo, celebrarase no edificio FEUGA, en Santiago de Compostela, un seminario sobre “Como automatizar o Rexistro de Contratos alimentarios na AICA e cumprir coa lexislación vixente”.

Este evento presencial, organizado por Clusaga en colaboración con Grant Thornton e Docuten, quere aclarar as cuestións que máis preocupan ás compañías do sector respecto ao novo rexistro de contratos alimentarios.

Así, no evento informarase sobre as seguintes cuestións:

-En que consiste o novo Rexistro de Contratos Alimentarios: obrigacións e obxectivo.

– Marco legal da nova lei e obrigacións legais que teñen as empresas do sector alimentario en relación co novo rexistro alimentario.

– Solución tecnolóxica que permite dixitalizar e automatizar todo o proceso, cumprindo coas esixencias da nova lei. Desta maneira, ademais das multas correspondentes, redúcense custos e erros.

Podes inscribirte no evento nesta ligazón

Para máis información:

Daniel CerqueiroDocuten Tech S.L.,T: (+34) 655 679 169
daniel.cerqueiro@docuten.com
www.docuten.com

 

Os contratos do leite deberán presentarse ante a Administración antes do inicio da recollida nas granxas

A actual situación de incertidume e volatilidade dos prezos do leite está a retrasar a sinatura de contratos no campo. As distintas empresas agardan ata o último momento para tratar de coñecer antes o que está a facer a competencia e adiviñar as tendencias que veñen de Europa. Esta situación evidenciouse claramente na última renovación de contratos, acometida a finais de abril, con ofertas de última hora e recollida de leite sen contrato nos primeiros días do mes de maio. Pero este tipo de prácticas será máis difícil que se repitan desta volta na renovación de agosto. Dado que a maioría de empresas optaron por unha estratexia a curto prazo, renovando en primavera contratos só por catro meses, tocaría asinar de novo a finais de xullo, pero a entrada en vigor hoxe do Real Decreto 1028/2022, polo que se desenvolve o rexistro de contratos alimentarios, obrigará a adiantar a negociación coas granxas.
En maio foron habituais as ofertas de última hora e a recollida de leite sen contrato
A partir deste 30 de xuño, calquera contrato agroalimentario deberá estar rexistrado na AICA con anterioridade á súa entrada en vigor. A industria compradora será a responsable de subir á plataforma da Axencia de Información e Control Alimentario o documento completo, con todas as súas páxinas e asinado polo produtor, como mínimo un día antes de que se faga efectiva a recollida de leite na explotación. Arma de dobre fío para o produtor Aínda que a priori este cambio normativo está pensado para favorecer aos produtores, na práctica pode volverse en contra dos gandeiros, que non poderán estirar a negociación e o tirapuxa coa industria á que subministran ante o risco de non poderlle entregar finalmente o leite, unha ameaza habitual por parte das empresas que raramente se cumpría até o de agora.
As industrias ameazaban con non recoller o leite pero rara vez se cumpría
Até a entrada en vigor deste novo Real Decreto, a industria compradora dispoñía dun prazo de 15 días para rexistrar o contrato logo da data da súa sinatura e entrada en vigor, unha marxe de seguridade que agora desaparece. Do mesmo xeito, calquera modificación, adenda ou cambio de prezo que se produza durante a súa vixencia tamén as hai que comunicar á AICA. A norma afecta só aos contratos, non ás ofertas previas, froito da negociación entre as partes. 15 días para aceptar a oferta No campo, existe un gran descoñecemento de como é a dinámica de negociación dos contratos e os prazos legais establecidos. A presentación das ofertas aos produtores por parte das industrias deben chegar cunha antelación mínima de dous meses á finalización do contrato en vigor, segundo o establecido no Real Decreto 95/2019, polo que se regulan as condicións de contratación no sector lácteo. Unha vez presentada a oferta (o gandeiro asina normalmente que a recibiu), dispón de 15 días para aceptala, comunicándoo por escrito á empresa. Se non o fai, transcorrido ese prazo, a oferta considérase automaticamente rexeitada na súa totalidade.
A maioría das ofertas iniciais presentadas polas industrias xa expiraron, ao non seren aceptadas polos gandeiros nos 15 días seguintes
Este cambio foi introducido o ano pasado a través dunha modificación do chamado Paquete Lácteo, xa que con anterioridade o produtor tiña que comunicar tamén o seu rexeitamento por escrito, do contrario o que se entendía rexeitado era a duración da oferta (1 ano), pero non nos termos de prezo e as demais condicións, que permanecían vixentes e aos que o gandeiro se podía acoller en caso de non recibir unha proposta mellor.
As industrias presentan unha oferta de arranque de negociación e se non ten resposta positiva por parte do gandeiro veñen directamente co contrato para asinar, sen facer unha contraoferta
Esta circunstancia supón tamén un cambio substancial no proceso de negociación, xa que na actualidade, ao entenderse rexeitada por completo en todos os seus termos, a industria non está obrigada a manter as condicións máis aló dos 15 días posteriores á súa presentación, podendo presentar finalmente un contrato con peores cláusulas ou mesmo deixando de recoller a esa granxa sen darlle outra alternativa. “Moitos gandeiros cren que se despois traes un contrato peor que a oferta inicial pode acollerse a ela, pero non é así, porque a oferta xa caducou”, explica o responsable de compras dunha empresa que recolle leite en Galicia.

Contratos asinados a posteriori cos matadoiros

No sector da carne, a obriga de subir os contratos con carácter previo á compra dos becerros nas ganderías podería acabar cunha práctica estendida: a de asinar o contrato a posteriori á entrega do xato. Este modus operandi de boa parte dos matadoiros que operan en Galicia coarta na realidade o poder de negociación dos produtores, que se ven abocados a asinar o contrato co prezo fixado pola industria logo de que o animal teña sido xa sacrificado, aínda que no documento figure unha data anterior. O feito de que esta documentación teña que estar a partir de agora nas mans da AICA con carácter previo á entrega do xato impedirá esta práctica fraudulenta.

Que se está facendo para mellorar a posición do agro na cadea comercial?

A situación actual dos mercados alimentarios caracterízase por un elevado nivel de concentración da gran distribución comercial, cun gran poder de negociación, fronte a unha industria máis atomizada e con menor poder de negociación dos prezos e das condicións. Esa situación de desprotección aumenta aínda máis no último elo da cadea, as explotacións agrarias e ganderías.

“Esta realidade fai que sexa preciso equilibrar o poder de negociación ó longo da cadea”, explica José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, unha das entidades galegas que está a traballar de xeito activo nesta liña.

Cómpre lembrar que o fortalecemento do papel dos produtores ao longo da cadea é un dos obxectivos prioritarios marcados pola PAC no novo ciclo 2023-2027. Tanto institucións públicas como entidades ligadas ao sector agrario están a implicarse nesta liña de traballo, por medio de medidas, organismos e ferramentas específicas.

Debullamos a continuación o papel que están desempeñando na cadea alimentaria distintas entidades públicas e tamén as organizacións de produtores, un instrumento impulsado por Bruxelas como vía para fortalecer a posición do agro na cadea de valor. É de destacar que son entidades ás que se lle recoñecen excepcións na normativa de competencia da UE, no sentido de que se lles permite negociar e pactar prezos en conxunto para as producións dos seus asociados.

O papel da AICA

Dende a súa creación no ano 2014, a axencia española AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios) realizou máis de 6.700 controis de oficio en toda España, a maioría no sector da froita e hortalizas (1.763), seguido do sector do viño (1.216) e o lácteo, onde efectuaron 1.048 controis. Nestes 9 anos de traxectoria, a AICA tramitou un total de 1.978 expedientes de sanción, onde a maior parte deles débense a incumprimentos dos prazos de pago e á falta de contratos escritos entre as partes.

Expedientes sancionadores tramitados pola AICA dende a súa creación no 2014.

Coa última modificación da Lei de mellora da cadea alimentaria, introducida en 2021, as comunidades autónomas pasan a asumir funcións de control no seu territorio, que ata o momento desenvolvía exclusivamente a AICA.

Galicia: o Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais

Con este fin, Galicia habilitou a finais do ano pasado o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais. “A posta en marcha do novo servizo está producindo unha maior concienciación por parte dos operadores da cadea alimentaria na necesidade do cumprimento das obrigas legalmente establecidas nas súas relacións comerciais”, indican dende Medio Rural.

As principais actuacións coas que nace este servizo son:

– Mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea agroalimentaria.

– Ofrecer un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais.

– Fortalecer o sector produtor e potenciar actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias.

– Garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria.

– Elaborar un observatorio de prezos e de custos de produción.

– Manter un intercambio de información e coordinación coa AICA e outras comunidades autónomas.

“Este servizo permitirá obter un coñecemento máis profundo do funcionamento da cadea alimentaria en Galicia e das relacións comerciais dos seus operadores. Iso permitirá detectar posibles desequilibrios no sistema e buscar medidas correctoras en colaboración cos membros da cadea”, explican dende Medio Rural.

Os primeiros controis realizados pola Administración galega prestaron especial atención ós contratos e ás prácticas comerciais abusivas, eixos da Lei de Mellora da Cadea Alimentaria. “Ata o momento, as actividades desenvolvidas centráronse en labores informativos e de inspección realizadas cos operadores de diversos sectores da cadea alimentaria”, indican.

Control da cadea de valor en Portugal

Portugal tamén aborda xa no Plan Estratéxico da PAC a necesidade de mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor, unha liña de traballo na que xa vén traballando dende o 2011 por medio da Plataforma de Acompañamento das Relacións na Cadea Alimentaria, un órgano impulsado polo Goberno portugués, con participación de distintos Ministerios (Economía, Agricultura e Mar, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio).

A Plataforma creouse co obxectivo de fomentar o equilibrio na cadea alimentaria, promovendo o diálogo para aumentar a transparencia e un axeitado reparto do valor entre os sectores da produción, da transformación e da distribución dos produtos agrícolas e agroalimentarios.

No marco do traballo da Plataforma, creouse no outono do 2022 o Observatorio de Prezos Nacional e Sostible, orientado a facer un seguimento das cotizacións medias dos produtos agroalimentarios, tanto dos vexetais como dos procedentes da gandería. O obxectivo do Observatorio é facer unha comparación de series homólogas entre a evolución dos prezos ó produtor e dos prezos ó consumidor, con actualizacións mensuais.

Co Observatorio gáñase en transparencia do mercado e facilítase o traballo da Autoridade de Seguridade Alimentaria e Económica (ASAE), creada no 2005 para velar polo cumprimento da normativa na cadea alimentaria, entre outros cometidos. Desde setembro do 2022 a marzo deste ano, a ASAE inspeccionou un total de 1.223 operadores económicos e cursou 93 denuncias por especulación e 115 procesos por infraccións administrativas.

A maiores das medidas de control gobernamentais, son de destacar tamén as medidas de autorregulación pactadas pola cadea agroalimentaria de Portugal, con participación de asociacións de todos os elos (produción, transformación e distribución). En concreto, o sector impulsou un Código de Boas Prácticas na Cadea Alimentaria, que inclúe un mecanismo de mediación e resolución de litixios entre as partes.

As organizacións de produtores (OP) en Galicia e Norte de Portugal

Con gran importancia na teoría para fortalecer a capacidade de negociación do agro, a aplicación práctica das organizacións de produtores foi polo de agora limitada en Galicia, con presenza puntual en sectores como o leite e o vacún de carne.

En Galicia, hai unha OP recoñecida en vacún de leite, Ulega, se ben con pouca incidencia no volume de leite negociado. Tamén hai OPs en proceso de inscrición en vacún de carne, como as ligadas a Gandeiros Galegos de Suprema ou a Unións Agrarias.

No Norte de Portugal, en cambio, hai 20 organizacións de produtores recoñecidas, de distintos ámbitos: 5 de froitas e produtos hortícolas, 5 de froitos secos (castaña, améndoa), 3 de viño, 3 de leite, 2 de carne, 1 de vacún de carne e produtos apícolas, e 1 de aceite.

Unha das organizacións de produtores que está a operar no norte de Portugal é a xerada hai 3 anos no seo da cooperativa vitivinícola Favaios, situada na rexión do Alto Douro e considerada unha das máis grandes e recoñecidas do país, cunha traxectoria de máis de 70 anos.

“Convertémonos nunha organización de produtores porque deste xeito podíamos obter vantaxes económicas. Foi un paso máis no camiño da Cooperativa e que os produtores aceptaron de bo grao, ó ver que era unha vía positiva, que tamén lles redunda a eles en apoios adicionais do 5-10% nas axudas da PAC que reciben”, sinala Mário Monteiro, presidente da adega cooperativa Favaios.

En Galicia, varios colectivos de gandeiros de vacún de carne están traballando na actualidade para constituír organizacións de produtores que lles axuden a ter unha mellor posición de negociación na cadea alimentaria.

É o caso de Gandeiros Galegos de Suprema: “Os socios demandan constituír unha organización de produtores para tratar de salvar as ganderías, xa que os custos de produción están afogándonos e non damos subsistido”, explica Santiago Rego, gandeiro e presidente da Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema, unha asociación que se constituíu hai un ano e que na actualidade conta cuns 600 socios, boa parte deles da provincia de Lugo.

A asociación calcula que ten o apoio xa do 50% dos produtores para botar a andar a OP este ano e que logo se sigan sumando máis produtores. O seu obxectivo é conseguir mellores prezos para a carne das súas ganderías.

En Galicia creouse a ferramenta Conta Láctea para calcular os custos de produción nas granxas e establecer un prezo acorde.

Ferramentas para proporcionar maior transparencia

Para promover maior facilidade nas negociacións -individuais ou colectivas- entre as partes, un dos eixos nos que cómpre avanzar é no coñecemento dos custos de produción. Con este obxectivo, en Galicia creáronse dúas ferramentas informáticas: Conta Láctea e Contacarne, desenvolvidas pola Fundación Juana de Vega, cun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural.

Trátase de dúas aplicacións informáticas para uso das ganderías de leite e de vacún de carne,respectivamente. Foron deseñadas para un funcionamento sinxelo e intuitivo, de xeito que ó introducir unha serie de datos técnicos e económicos da granxa se poidan estimar os custos de produción.

A Conta Láctea suma xa máis de 450 usuarios de alta e mesmo se deseñou un módulo de usuario profesional, -xestor de varias granxas-, atendendo á demanda do sector. “Outras comunidades como Cantabria acaban de incorporar tamén esta ferramenta, que resulta de gran utilidade para establecer os custos de produción e defender a correcta aplicación da Lei da Cadea Alimentaria”, informa José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega.

Medio Rural cambia a normativa para poder darlle axudas a industrias sancionadas pola AICA

En xaneiro publicouse a convocatoria autonómica de axudas para investimentos das industrias agroalimentarias, unha liña de apoios na que este ano se especificaba, por primeira vez, que “non se concederán nin pagarán axudas a solicitantes que fosen obxecto de sanción firme grave ou moi grave con base no previsto na Ley 12/2013 de la cadena alimentaria”. En resumo, a normativa excluía ás empresas que fosen sancionadas de xeito grave pola Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), encargada de velar polo cumprimento de contratos e pagos na cadea alimentaria. Pero as regras de xogo acaban de modificarse. Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha modificación nas bases das axudas para suprimir ese artigo. A Consellería argumenta que, “con posterioridade á publicación da orde, realizouse unha análise máis profunda dos efectos da aplicación deste novo requisito nas iniciativas empresariais do sector agroalimentario. Nesa análise, púxose de manifesto que o novo requisito podería ter consecuencias desproporcionadas para as empresas, xa que a amplitude da tipoloxía das sancións graves recollidas na Lei 12/2013 podería dar lugar a que a perda establecida da posibilidade de obter subvencións, ou o reintegro delas, constituíse unha penalización excesiva, carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida” Por todo iso, a Xunta sinala que “co obxecto de manter a debida proporcionalidade nas actuacións, considérase aconsellable suprimir o referido requisito desta liña de axudas”. Críticas de Unións Agrarias A decisión de Medio Rural xerou a indignación de Unións Agrarias, que en nota de prensa tacha de “inaceptable” que a Xunta dea marcha atrás e levante o veto a que industrias sancionadas reciban axudas públicas. “Incumprir a Lei de Cadea Alimentaria seguirá sen ter apenas consecuencias para as industrias”, lamenta a organización. Unións lembra que esta é a primeira ocasión en que se incluíu nas bases un veto expreso aos solicitantes “que foran obxecto de sanción firme grave ou moi grave nos dous últimos anos en base ao previsto na Lei da cadea alimentaria”. Ademais, establecíase a obriga de devolver a contía percibida no caso de que os beneficiarios fosen obxecto de sanción nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda. A organización considera que o mantemento deste veto, xunto ao endurecemento das sancións cometidas polas industrias e a publicidade das mesmas son medidas indispensables para garantir o cumprimento da Lei de Cadea. Este primeiro trimestre do ano, cómpre lembrar que a AICA fixo pública por primeira vez unha lista de empresas sancionadas, entre as que figuraba unha industria láctea asentada en Galicia, Inleit, que semanas despois recibiu a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Primeira lista de empresas agroalimentarias sancionadas pola AICA

A Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), encargada de vixilar os contratos na cadea alimentaria, desde o campo ata as cadeas de distribución, vén de facer pública a súa primeira lista de sancións emitidas, as correspondentes ó primeiro trimestre do 2023. Con anterioridade, a AICA só comunicaba o número de sancións en cada sector e o importe das sancións, pero non o nome das industrias e empresas multadas. Desde as organizacións agrarias viñan reclamando que o nome das empresas sancionadas tiña que ser público, algo ó que finalmente accedeu a AICA. Na relación de 69 multas, aparecen por parte galega a industria láctea Inleit e a cadea de supermercados Froiz. No caso de Inleit, trátase dunha multa de 9.000 euros por unha variación unilateral á baixa do prezo do leite contratado coas granxas, sen pacto previo coas ganderías. A sanción que se resolveu agora corresponde a un episodio do 2020. En canto a Froiz, trátase dunha multa de 3.000 euros por incumprimento dos prazos de pago. Na lista das sancións, predominan as multas por este último motivo, o incumprimento de prazos de pago, e pola falta de contratos escritos entre as partes, unha cuestión pola que foron sancionadas varias industrias cárnicas en Castilla y León.