Archives

A Xunta recoñece tres novas asociacións forestais de xestión conxunta no Bolo e en Parada de Sil

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal vén de recoñecer como agrupacións forestais de xestión conxunta as tres asociacións que xestionan os soutos de Tuxe e Cambela, no concello ourensán do Bolo e do souto Parada de Sil, situado nesta mesma localidade. En concreto, inscríbense 48 hectáreas do souto de Tuxe, 36,10 hectáreas do souto de Cambela e 110,14 hectáreas no souto de Parada de Sil, facendo un total 194,24 hectáreas. A Asociación de Propietarios de Soutos de Tuxe-A Senra é unhas das entidades recoñecidas e conta con 28 persoas socias e 134 parcelas catastrais. Por outra banda, a Asociación propietarios de Soutos de Cambela–Os Palmeiros agrupa a 16 socios e 136 parcelas catastrais, e a Asociación de propietarios de soutos de Parada de Sil Canón do Sil xestionada por 113 persoas socias e dispón de 827 parcelas catastrais, que en total suman 157 persoas socias e 1.097 parcelas catastrais. Estas asociacións teñen como obxectivo a xestión conxunta destes soutos. Cabe sinalar que, na actualidade, hai xa 19 entidades inscritas no rexistro de agrupacións forestais de xestión conxunta en Galicia cunha superficie total de 3.145 hectáreas, se ben estas agrupacións son as primeiras asociacións sen ánimo de lucro que xorden da iniciativa dos propietarios de soutos.

Tramitación electrónica

Tendo en conta toda a riqueza forestal da nosa comunidade e a potencialidade da xestión conxunta, a Xunta publicou a orde que regula a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta. Recoñeceranse as entidades cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais e xestionen unha superficie mínima de monte de 10 hectáreas, e deberán acreditar as disposición dos dereitos de uso cunha porcentaxe superior ao 70% da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa. Ademais, as persoas que formen parte da agrupación deberán asinar a cesión da planificación da xestión forestal ou ben a representación para a xestión e comercialización conxunta durante un prazo mínimo de 10 anos. O recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta pretende favorecer a xestión conxunta e sostible do terreos forestais, a súa recuperación e impedir o seu abandono, favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta, servir como instrumento para a conservación do medio ambiente, a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e adaptación contra o cambio climático, ademais da creación de emprego e aumenta da calidade de vida no medio rural.

Achegas para constituír agrupacións forestais de xestión conxunta

Para fomentar a creación destas agrupacións a Consellería do Medio Rural convocou, un orzamento de preto de 2,4 millóns de euros, axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal, en réxime de concorrencia competitiva, a través de tres liñas de axuda. En concreto a liña III é de axudas para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta, cunha asignación de crédito total de 1.798.931 euros; estando o prazo de presentación de solicitudes aberto hasta o día 10 de maio. Esta convocatoria de axudas está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica; concretamente contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do eixe III 1.2 do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos

Estes soutos forman parte do Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta dos Soutos posto en marcha pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. No marco desta iniciativa, seleccionáronse sete soutos en Lugo e Ourense en función de diferentes criterios técnicos, como son a representatividade das zonas de soutos de Galicia, a selección en concellos prioritarios da clasificación efectuada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a representatividade dentro da diversidade actual dos soutos, e outros valores adicionais coma os medioambientais e patrimoniais. O obxecto deste Plan de acción é a execución dos traballos necesarios para conseguir a recuperación do potencial forestal, co fin de impulsar un novo aproveitamento económico dos soutos que garantan a súa supervivencia. Os traballos deste Plan piloto seguen avanzando co recoñecemento destas Agrupacións forestais de xestión conxunta que incluíron os traballos de investigación da propiedade, tramitación administrativa para a constitución da agrupación e véñense complementando coa limpeza de pistas de acceso aos soutos, co obxectivo de acometer accións de rexeneración e mellora destes soutos tradicionais. Á súa vez, este Plan piloto forma parte das actuacións definidas no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña que contribúe ao fomento dos recursos forestais non madeireiros. O desenvolvemento deste programa é a ferramenta que guía e orienta as liñas de actuación coa finalidade de acadar os obxectivos no horizonte temporal 2021-2040 e foi presentado ao Consello da Xunta o 25 de maio de 2022. Establece cinco eixes de actuación as 36 actuacións que se desenvolverán entre os anos 2022 e 2040 para contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro.

Ampliado o prazo para solicitar as axudas para crear agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se modifica a convocatoria de axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal en réxime de concorrencia competitiva, cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros. O financiamento procese integramente da Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea -NextGenerationEU-. Estas subvencións, convocadas por primeira vez, contan con tres liñas de axuda. A primeira está centrada na organización de accións de divulgación sobre agrupacións forestais de xestión conxunta; a segunda, sobre o apoio á asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais; e a terceira é para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta. O prazo de solicitude das dúas primeiras amplíase un mes, ata o 12 de abril, mentres que a última son 40 días, ata o 10 de maio. Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a publicación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude, ou que aquelas persoas que non o fixesen con anterioridade, poidan solicitar algunha destas axudas tendo en conta as novas condicións. Ademais, tamén se modifica o prazo de execución das actuacións que son obxecto de subvención, pasando a ser desde a data de publicación da orde de convocatoria -o 12 de xaneiro de 2024- ata o 31 de xullo de 2025. O orzamento dispoñible para a primeira é de 200.000 euros e poderanse beneficiar asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidade de montes veciñais en man común. Na segunda liña de axudas, o orzamento é de 400.000 euros e as actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para facer traballos vinculados coa comercialización conxunta de produtos forestais, a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo.

Potenciar as agrupacións forestais de xestión conxunta

A terceira das liñas de axudas destínase á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta e contará cunha asignación total de 1.798.931 euros. Estas achegas destinaranse para a creacións destas agrupacións mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. Estas axudas tamén apoiarán a aquelas agrupacións xa inscritas no correspondente rexistro, a fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan. As actuacións que serán subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (SOFOR).

Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040

Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica, aprobado polo Decreto 140/2021, do 30 de setembro, que se estrutura en distintos eixos estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega. Concretamente, esta convocatoria de axudas contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Ligazón á orde no DOG

A agrupación da comercialización da madeira e da xestión dos montes, claves para o sector forestal

A xornada informativa que reuniu hai uns días en Cedeira a asociacións e propietarios forestais das comarcas do norte de Galicia saldouse cun balance positivo. O encontro, orientado a presentar as axudas que a Consellería do Medio Rural vén de convocar para apoiar ás asociacións forestais, suscitou un importante interese no sector, polo que en Cedeira estiveron presentes a gran maioría das asociacións de produtores de madeira (Promas) do norte galego. A reunión, organizada pola Asociación Forestal de Galicia, contou coa colaboración da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira e da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro. O encontro permitiu constatar que as Promas e asociacións forestais comparten unha idea común: a necesidade de fortalecer o agrupamento da comercialización de madeira e da xestión dos montes. Na reunión de Cedeira participou o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, e o xefe do servizo de Montes da Coruña, Iñaki Bergareche, que resolveron tódalas dúbidas das asociacións de produtores de madeira en torno ás distintas liñas de axudas convocadas. O traballo en conxunto no monte preséntase como a vía para aumentar a rendibilidade das cortas de madeira, así como para impulsar boas prácticas nos aproveitamentos. As asociacións de propietarios teñen a vontade de investir en infraestruturas, como cargadeiros de madeira ou básculas, así como en persoal e equipos técnicos que permitan mellorar a xestión forestal. Iso tamén facilitaría contratar a explotación e comercialización conxunta da madeira. Por ese motivo, as axudas que vén de convocar Medio Rural son ben recibidas polas Promas, pois por primeira vez contan cunha liña de apoios para a prestación de servizos ós propietarios forestais, o que consideran que pode favorecer o asociacionismo forestal. De cara ó futuro, as asociacións de produtores de madeira tamén valoran como unha posibilidade a ter en conta a creación de agrupacións de xestión conxunta no monte, unha figura que permitiría un manexo forestal optimizado, superando as dificultades que provoca o minifundio. O presidente da AFG, Antonio Rigueiro ofreceulle ás Promas e ás asociacións forestais das comarcas do norte de Galicia todo o apoio técnico que precisen para tramitar as solicitudes destas liñas de axudas. Contexto As comarcas de Ferrol Terra, Ortegal e a Mariña lucense conforman a principal área de aproveitamentos forestais de Galicia. En conxunto, cortan arredor de 3 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, máis da metade de todo o eucalipto extraído anualmente do monte galego.

Créanse dúas novas agrupacións forestais de xestión conxunta no concello ourensán do Bolo

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este sábado os soutos de Tuxe e Cambela, no concello ourensán do Bolo, que se encontran dentro do plan piloto de recuperación e conservación de soutos tradicionais nas provincias de Ourense e Lugo e que van mellorar a súa xestión a través das agrupacións forestais de xestión conxunta, ferramenta incluída na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. O conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, e polo presidente da Asociación de Veciños da Rigueira Tuxe, Javier García, colectivo que constituirá unha agrupación forestal de xestión conxunta dentro deste plan piloto. Precisamente este sábado presentouse esta entidade que, ao igual que a que se formará en Cambela, encargarase de xestionar estes terreos, ambas con apoio da Xunta, como co resto de agrupacións que se están a constituír no territorio galego. O titular de Medio Rural puxo en valor o carácter pioneiro desta entidade, que será das primeiras en constituírse dentro de Galicia como agrupación forestal de xestión conxunta, unha ferramenta que será chave na mellora destes espazos tradicionais tan representativos do bosque galego.

Plan piloto

O conselleiro puxo en valor o plan piloto para o fomento, recuperación e conservación de soutos, que abrangue ata sete espazos forestais en concellos das provincias de Ourense e Lugo: O Bolo (Tuxe e Cambela), Parada de Sil, A Veiga, Folgoso do Courel, O Incio e Paradela. En conxunto, tal e como sinalou o conselleiro, o plan piloto actúa nunha superficie total de 356,38 hectáreas, das cales 47,99 se corresponden co souto de Tuxe e 36,32 co de Cambela. Unha vez seleccionadas as zonas de actuación, deuse comezo aos traballos, que incluíron a revisión do parcelario, os estudos previos de investigación da titularidade e o apoio técnico e posta en marcha de agrupacións de xestión conxunta, unha figura da devandita Lei de recuperación que segundo o conselleiro “encaixa perfectamente” con este plan. Así, trátase de mellorar a xestión destes espazos mediante o labor conxunto, cun enfoque sustentable, para recuperar e poñer en valor os terreos, impedir o seu abandono e previr incendios forestais.

A asociación A Croa de Camariñas convértese nunha agrupación forestal de xestión conxunta

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse  este martes con integrantes da Asociación de Propietarios Forestais (APF) A Croa de Camariñas, acompañado pola alcaldesa da localidade, Sandra Ínsua. Na xuntanza, que tivo lugar na sede do Concello desta localidade, o director xeral puido coñecer as liñas de traballo desta agrupación. Trátase dun colectivo veciñal que ten como obxectivo poñer en valor os montes da zona, incidindo especialmente en aproveitamentos como a resina ou os cogomelos, e darlle visibilidade ás necesidades dos enclaves naturais da contorna de Camariñas. Segundo explicou José Luis Chan, estas achegas contan con tres liñas de actuación. A primeira delas céntrase na organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta. A segunda liña de achegas buscará dar apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais. A terceira das liñas de axudas destínase concretamente á creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. As actuacións subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (Sofor). Nesta xornada, os invitados realizaron unha visita técnica a terreos da comunidade, para coñecer, entre outras cousas, o estado da rede de faixas de xestión da biomasa existentes e abordar, por parte da Consellería do Medio Rural, a posibilidade de establecer liñas de colaboración con esta agrupación, co fin de deseñar unha rede de infraestruturas preventivas e xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas.

Xornada de presentación das axudas para a xestión conxunta de montes de eucalipto

Cedeira acollerá a tarde do mércores 24 unha xornada orientada a presentar as novas liñas de axudas forestais que veñen de convocarse. Os apoios teñen especial interese para apoiar ás asociacións de produtores de madeira (Promas) do norte galego, tanto para a comercialización conxunta de madeira como para valorar a posibilidade dunha xestión conxunta de montes de eucalipto. A xornada, que dará inicio ás 17.15 horas, conta coa organización da Asociación Forestal de Galicia, da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira e da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro. O acto diríxese a propietarios e xestores forestais, así como aos representantes das asociacións de produtores de madeira do norte galego. A asistencia é libre, con inscripción previa (tel. 981 564 011 / 618 752 214 ou no mail afg@asociacionforestal.org).

Programa

17.15 horas – Acollida Julio Aneiros, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira. 17.30 horas - Os retos da xestión dos montes de eucalipto Antonio Rigueiro e Francisco Dans, presidente e director da Asociación Forestal de Galicia. 18 h. - As axudas ás agrupacións de xestión forestal conxunta Daniel Rodríguez, responsable económico da Asociación Forestal de Galicia. 18.30 h. - As axudas de apoio ás Promas e outras asociacións de comercialización conxunta de produtos forestais José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal. 19 h. - Debate Contexto As comarcas de Ferrol Terra, Ortegal e a Mariña lucense conforman a principal área de aproveitamentos forestais de Galicia. En conxunto, cortan arredor de 3 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, máis da metade de todo o eucalipto extraído anualmente do monte galego.

A recuperación de terras do abandono centra o debate dos presupostos de Medio Rural para 2023

A Consellería do Medio Rural vén de presentar no Parlamento o seu proxecto de orzamentos para o 2022. En cifras xerais, aumenta o seu presuposto un 5%, ata os 679 millóns de euros. O conselleiro, José González, apuntou como liñas estratéxicas para o 2023 a mesma folla de ruta que xa debuxara o pasado ano. Un dos eixos sobre os que insiste é a recuperación de terra agraria por medio dos instrumentos que figuran na Lei de Recuperación: aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta. Prevese ademais a posta en marcha no 2023 do xa anunciado Banco de Explotacións. Desde a publicación da Lei, Medio Rural iniciou os trámites para a creación de 10 polígonos agroforestais (7 en Ourense, 2 en Pontevedra e 1 na Coruña) e anuncia outros 11 con trámites previos. Igualmente, a Xunta sitúa entre os logros da Lei de Recuperación a consolidación de 21 aldeas modelo, con 7 máis en trámite. O instrumento pendente de implementar, que se prevé abordar no 2023, é o das agrupacións forestais de xestión conxunta, orientadas a combatir o minifundio forestal. O conselleiro anunciou no Parlamento que en breve se publicará un modelo de estatutos de agrupación forestal. A idea da Consellería é iniciar experiencias con estas agrupacións nos soutos de castiñeiros do Oriente galego, unha acción para a que prevé 1 millón de euros en apoios. En canto ós traballos dos polígonos agroforestais e aldeas modelo, Medio Rural prevé destinar máis de 9 millóns de euros. O conselleiro subliñou ademais que o seu departamento continúa co programa de concentracións parcelarias: “Este 2022 entregáronse os títulos de 28 concentracións e estamos a cumprir o compromiso de decretar unha nova reestruturación parcelaria por cada entrega de títulos, co cal remataremos o ano con 28 novas reestruturacións decretadas”, asegurou González. Para este 2023, a Consellería proxecta tamén iniciar a posta en marcha de polígonos cortalumes de iniciativa pública en áreas de recurrencia de grandes incendios. Son polígonos que terían por obxectivo crear discontinuidades nas masas forestais por medio de cultivos, pastos ou masas de frondosas caducifolias.
"A nosa superficie agraria útil está alugada na Ucraína e ó outro lado do Atlántico" (Xosé Luis Rivas, 'Mini')
Valoracións da oposición Desde os grupos de oposición, pola súa banda, calificaron de “propaganda” os polígonos agroforestais en marcha que anuncia a Xunta. “Falan de 9.000 hectáreas recuperadas, pero na práctica poden ser algo máis de 200 hectáreas, o resto son proxectos”, sostén o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’, que criticou que “non hai unha previsión orzamentaria suficiente para levar á práctica a Lei de Recuperación de Terras”. “A nosa superficie agraria útil está en Ucraína e ó outro lado do Atlántico, en tanto temos abandonadas áreas cerealistas de regadío como o Val de Lemos”, cuestionou ‘Mini’. O deputado demandou un Banco de Terras que sexa operativo na práctica á hora de mobilizar a terra abandonada e lembrou os datos que manexa a propia Xunta: “Temos máis de 700 concentracións parcelarias con 23.000 hectáreas abandonadas” (nas que máis do 50% da superficie está a mato). ‘Mini’ fixo tamén un repaso polo que considera un “caos” na ordenación do territorio, “con 50.000 hectáreas de terras agrarias forestadas ilegalmente” -cifrou- e “monte devastado por grandes incendios que non se está a restaurar. Nas Neves (Pontevedra) pódense ver aínda moitas zonas afectadas polos lumes do 2017 que seguen sen recuperar. Este ano temos 50.000 novas hectáreas queimadas que precisan de accións”, demandou. No ámbito forestal, si hai coincidencia do Bloque co conselleiro na necesidade de impulsar as agrupacións forestais de xestión conxunta (Uxfor na terminoloxía de ‘Mini’), así como os cortalumes verdes, “en marcos de 20x20 metros, de xeito que poidan ser pastoreadas por gando extensivo”, propón o grupo nacionalista, que suxire crear en Galicia un ciclo formativo de pastor nos Centros de Formación e Experimentación Agraria, dependentes da Xunta. O debate incluíu tamén un intercambio entre a portavoz popular, Elena Candia, e o deputado socialista Martín Seco. Candia aproveitou a súa quenda de palabra para cuestionar situacións das que culpou ó Goberno central, como a alza do gasóleo e da electricidade para as granxas, ou a Estratexia do Lobo; en tanto Seco sacou peito das axudas concedidas este ano polo Goberno central a máis de 18.000 ganderías en Galicia para afrontar o aumento de custos derivado da Guerra de Ucraína.

Subvencións 2023

A presentación do proxecto de presupostos no 2023 serviu igualmente para que o conselleiro debullase as liñas de subvencións e investimentos previstas para o próximo ano. En canto ás subvencións, son en boa medida continuistas das liñas dos últimos anos. Así, prevense 54,8 millóns de euros para plans de mellora de explotacións e incorporación de persoas mozas no agro, 30 millóns de euros para a industria agroalimentaria e 5 millóns para maquinaria agrícola en común. Entre as novidades do 2023, figura a convocatoria dunha liña de axudas para as ganderías afectadas pola rata toupa no interior de Lugo. Son apoios destinados á compra de forraxe e prevese para iso unha partida de 200.000 euros. Convocarase tamén no primeiro semestre a axuda xa anunciada en setembro para compensar ás ganderías de carne polos baixos prezos da carne e o aumento de custos. En materia forestal, entre outras partidas, programaranse arredor de 9 millóns de euros para instalación e mantemento de masas forestais, así como outros 3,8 millóns para o castiñeiro, incluíndo plantacións e restauración de soutos tradicionais. Continuarán tamén as liñas da Axencia Galega da Industria Forestal para apoiar a compra de maquinaria, así como a liña de subvención ás construcións en madeira.

Investimentos 2023

En materia de investimentos, estes son algúns dos principais proxectos anunciados polo conselleiro, a maioría xa coñecidos e algúns incluso presupostados no anterior exercicio, como o chamado ‘Espello do rural’, en Sergude, o apoio ó Banco de xermoplasma de Mabegondo ou a lonxa dixital de gando. - Primeira fase do ‘Espello do rural’, cun investimento de 4,7 millóns de euros no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. - Banco de xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo: 3,4 millóns de euros. - Oficinas Agrarias Comarcais, 6 millóns de euros no periodo 2023-2024. Para Lalín anúnciase unha nova oficina, cun presuposto de 3,7 millóns de euros, e para a de Lugo un investimento futuro de 2,8 millóns de euros; no 2023 redactarase o seu proxecto. - Novas motobombas e equipos para os servizos de extinción de incendios: 10 millóns de euros. - Novas bases das unidades de extinción de incendios en Muiños (Ourense), Rianxo (A Coruña), Mondoñedo (Lugo) e Lalín (Pontevedra), esta última cunha base de helicópteros. Mellorarase tamén a base de helicópteros de San Xoán de Río: 5,5 millóns de euros. Outros 1,9 millóns irán a unha nave de almacenamento e taller en Botos (Lalín) e a melloras na base de Verín. - Regadío da Limia, 2,3 millóns de euros. - Lonxa agropecuaria dixital, 400.000 euros. - Mercado dixital (Market place) para os produtos de explotacións agrarias: 500.000 euros. - Matadoiro móbil para reses menores (ovino, caprino, aves): 750.000 euros. - No ámbito da cooperación, Medio Rural prevé destinar máis de 10 millóns de euros ó plan Leader, xestionado polos 23 Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, así como 6,6 millóns de euros para grupos operativos e de innovación en materia agroforestal. - Para a promoción de produtos agrarios de calidad, programaranse 5,4 millóns de euros. González recordou a campaña en marcha, por importe superior ó millón de euros, destinada a promocionar a Ternera Gallega Suprema.