Archives

Curso en Ourense sobre xenética e crianza selectiva de abellas

A Agrupación Apícola de Galicia organiza un curso sobre xenética e crianza selectiva de abellas melíferas. A formación, de carácter teórico e práctico, terá lugar os días 15 e 16 de abril na Valenzá, no concello ourensán de Barbadás. O curso será impartido por Ernesto Guzmán Novoa, entomólogo, veterinario e Director do Centro de Investigacións en Abellas da Universidade de Guelph, en Canadá. Para asistir ao curso é imprescindible anotarse, a través do número de watsapp 646788215. O custo é de 20 euros para socios e de 70 euros para para persoas non socias da Agrupación Apícola de Galicia.

Estas son as medidas que reclaman os apicultores á Xunta para un control efectivo da vespa velutina

Representantes de todas as asociacións apícolas galegas consensuaron un documento de propostas conxunto Os apicultores galegos piden a Xunta que tome en serio o problema da velutina e adopte medidas efectivas para loitar contra unha praga que leva máis de 10 anos instalada en Galicia pero que se multiplicou este ano, segundo denuncian os produtores de mel e recoñece tamén Seaga, a empresa pública encargada de xestionar os avisos para a retirada de niños na comunidade.  Logo do desenvolvemento de distintos métodos, desde arpas eléctricas, pértegas ou escopetas de balíns, hoxe o sector aposta polo trampeo primaveral para a captura de raíñas e o control remoto de niños primarios por medio de troianos para aminorar a praga. A velutina colonizou xa a práctica totalidade do territorio galego, ameazando a viabilidade das explotacións apícolas e afectando tamén a outros sectores como o do viño ou o da froita. O congreso celebrado esta fin de semana en Chantada, coa presenza de máis de 250 asistentes, serviu para xuntar a todas as asociacións apícolas de Galicia cun obxectivo común: esixir á Xunta un plan coordinado que vaia moito máis aló do que se está a facer neste momento.
Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores
Representantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), Asociación Abellas Nais e Casa do Mel de Goente quixeron facer patente o seu malestar e descontento coa xestión levada a cabo até o de agora por parte da Administración galega, que adica 1,2 millóns de euros ao ano á retirada de niños e nin un só recurso a campañas oficiais de trampeo e captura de raíñas. Unidade do sector “Queremos ir da man e que as Administracións implicadas, que son todas, sexan conscientes do problema que temos e actúen poñendo en marcha os mecanismos que poidan ter unha posibilidade real de cambiar o rumbo da continua e preocupante sangría que estamos a padecer”, afirman desde AGA, organizadora do congreso.   O resto de asociacións tamén destacaron a importancia desa “busca de unidade y de colaboración entre todos os actores (todos os niveis da Administración, cidadanía e por suposto os apicultores) para combater a praga”.
Isto é unha auténtica guerra na que se necesita unha estratexia, non podemos seguir facendo guerra de guerrillas
Esther Ordóñez, representante da Agrupación Apícola de Galicia, e presidenta da IXP Mel de Galicia, defendeu que “sen a unión do sector non podemos loitar contra a vespa velutina nin contra os meles que veñen de fóra”, outro dos graves problemas que atravesa o sector, con tres anos consecutivos de descenso no prezo de venda da produción a granel. Cambiar as prioridades Os reproches cara a Administración galega foron continuos, tanto pola súa inacción en todos estes anos como polo destino dos fondos asignados a loitar contra a praga pero, sobre todo, por non escoitar e ter en conta a opinión do sector. Pablo Piñeiro, de APLA insistiu en que  “aquí non estamos para buscar culpables, aínda que non hai que esquecelos; estamos para aportar solucións”, mentres Manuel Ferreira, da Casa do Mel de Goente lembrou que os apicultores levan “12 anos pelexando coa velutina e facendo propostas á Administración pero nunca nos escoitaron”, queixouse.
Abellas Nais, APLA, Agrupación Apícola de Galicia, Casa do Mel de Goente e AGA farán chegar á Xunta un documento conxunto con propostas
Unha das conclusións do congreso é que o sistema actual de retirada de niños é “só un parche” que se demostrou inútil para frear o avance da velutina, porque "só se actúa sobre os niños que se ven, que son unha pequena parte dos existentes na realidade", polo que é necesario, din, mudar as prioridades. “Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores. Esperemos que este congreso sirva para que os apicultores empecemos a ver a luz porque o que se fixo ata agora por parte da Xunta foi un tiracartos”, asegurou José María Bello, de AGA. Trampeo masivo a vindeira primavera José María Bello, durante unha das ponencias do congreso Sen deixar de actuar sobre os niños secundarios que se detectan de xeito masivo nos meses de xullo, agosto e setembro, os apicultores e expertos participantes piden á Xunta que atalle o problema moito antes, cunha campaña de trampeo para capturar raíñas á saída do inverno e comezos da primavera e a eliminación dos niños primarios que estas fundadoras crean. Os apicultores esixen que, á vista do alto número de niños que houbo este ano, a campaña de trampeo da vindeira primavera sexa “masiva e coordinada”, coa implicación directa dos Concellos e da cidadanía para cubrir a maior extensión de territorio posible.
O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente porque non podemos cubrir todo o territorio, os Concellos teñen que implicarse
“O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente, porque colocando trampas só nós nos colmeares non reducimos a poboación de velutinas, ese ten que ser un lugar máis de trampeo doutros moitos”, asegura José María Bello.  “É necesario un trampeo en base a datos e cunha campaña xeralizada e organizada que ten que estar dirixida pola Administración. Se tomamos os datos que ten Seaga de retirada de niños deste ano, podemos trampear 300 metros á redonda, que é o radio de pecoreo inicial das raíñas fundadoras. Dese xeito redúcese de xeito considerable a zona de trampeo”, explicou. “Os apicultores non podemos estar trampeando todo o territorio. Sempre mostramos a nosa disconformidade coa inclusión do trampeo no Plan Apicola, sendo unha carga máis para o sector e detraendo recursos para o que é realmente a nosa actividade”, insistiu.   O exemplo de Asturias Ademais de abelleiros galegos, o congreso xuntou tamén a expertos e produtores chegados doutras comunidades onde a vespa velutina tamén está a facer estragos, como Asturias, Cantabria ou Castela e León. “A nós chegounos máis tarde; levamos un par de anos pelexando con ela pero este ano foi bestial”, recoñeceu Luis López, vicepresidente da Asociación Berciana de Apicultores, que insistiu en que, dada a súa expansión, “cada ano que non se fai nada son 10 anos perdidos para eliminar a praga”.
En Galicia estamos moi por detrás da ferramenta informática que usan en Asturias, é necesario implementala aquí
O exemplo de Asturias, onde hai creado un Comité Asesor que coordina as actuacións a levar a cabo contra a velutina, estivo presente durante todo o congreso. O éxito asturiano radica na implicación de todas as Administracións e en facer partícipe a toda a sociedade da estratexia de loita contra a vespa a través dunha aplicación informática (avisAP) na que se poden notificar os avisos e facer un seguemento das actuacións levadas a cabo, dentro das que se están a probar distintos métodos.
A solución pasa polo envío de troianos para matar os niños que non se ven
O Goberno do Principado e a Asociación Asturiana de Apicultores puxeron en marcha este ano un proxecto piloto para a inactivación de niños a través do seu control remoto por medio da captura e envío de vespas pintadas no abdome con Fipronil, un biocida empregado para combater as pulgas en cans e gatos e que se mostrou moi efectivo para matar as larvas da velutina. Os resultados deste ensaio son “prometedores”, explicaron os seus responsables. Os apicultores galegos apostan tamén por este novo método para combater a praga. “A solución pasa polo control remoto, pasa por matar o que non se ve, porque un punto clave é atallar os niños que hai nos montes e sobre os que non se fai nada. Hoxe en día Seaga está atendendo só á punta dun iceberg, porque se está priorizando un problema de seguridade cidadá. Pero iso aos apicultores non nos soluciona nada”, insistiu José María Bello.

Busca de sinerxias con outros sectores e apoio na investigación

Público asistente ao congreso sobre a vespa velutina celebrado a fin de semana en Chantada Trala celebración do congreso esta fin de semana en Chantada, as 5 principais asociacións apícolas existentes en Galicia remitirán un documento conxunto á Xunta de Galicia coas súas propostas, entre as que está a creación, de maneira inminente, dun Comité Asesor con presenza de todas as Administracións, entidades e sectores afectados (Xunta, Concellos, Seaga, bombeiros, asociacións apícolas, etc). Seguindo o exemplo asturiano, ese Comité Asesor sería o órgano encargado de fixar a estratexia e as prioridades de gasto na loita contra a praga. Os produtores de mel insisten en que se trata dun “problema global” que afecta á biodiversidade medioambiental e á seguridade cidadá e que está a producir perdas económicas tamén noutros sectores, como o do viño ou o da froita.
Os abelleiros sempre mantivemos unha actitude de colaboración e de facer propostas, pero sempre caeron en saco roto
Ao mesmo tempo, considérase necesaria a adopción por parte da Xunta dunha ferramenta informática semellante á avisAP asturiana onde ademais de poder notificar a presenza de niños se poida facer un seguemento do seu estado, así como o rexistro da colocación de tampas. Nese sentido, pídese a implicación directa dos Concellos no trampeo masivo a vindeira primavera coa intención de cubrir o máximo de territorio posible, priorizando lugares con maior presenza de niños retirados e zonas onde quedaron niños sen retirar ou neutralizar (por estaren a gran altura, sobre cauces fluviais, etc), tomando para iso os datos dos que dispón Seaga. A investigación, solución ou enredo? As asociacións apícolas piden priorizar os fondos dispoñibles en accións que vaian encamiñadas a previr a aparición de niños secundarios, o que evitaría a súa retirada posterior nos meses de xullo, agosto e setembro. Trataríase, seguindo o símil dos lumes forestais, de “destinar máis a prevención para ter que gastar menos en extinción”.
Toda Francia está xa colonizada e en España a praga avanza cara a Meseta logo de estar xa presente en toda a cornixa cantábrica
Outra das controversias vividas durante o congreso estivo protagonizada polo debate xerado arredor dos escasos avances que se produciron até o de agora na investigación científica. Os apicultores queixáronse da pouca utilidade práctica dalgúns dos traballos levados a cabo, mentres os investigadores presentes revelaron a precariedade e a escaseza de recursos coa que traballan. No escrito de conclusións, as asociación apícolas defenden que debe haber unha dotación económica suficiente pero que esta debe ir destinada a investigación aplicada para o descubrimento de feromonas, parásitos ou fungos que sirvan para a loita biolóxica contra a vespa invasora, seguindo o exemplo do que se fixo co Torymus  sinensis fronte á avispiña do castiñeiro.

Programa da Feira Apícola Rías Baixas que terá lugar este sábado no Porriño

Despois de dúas edicións máis contidas e austeras marcadas pola pandemia da covid-19, a Feira Apícola Rías Baixas chega á súa trixésimo quinta edición con máis forza ca nunca da man dun extenso e ambicioso programa de actividades dirixidas tanto aos maiores coma os cativos da casa. Organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, xunto coa Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e o Concello do Porriño, este evento constitúe un importante encontro cos mellores profesionais do sector e unha cita indispensable para todas aquelas persoas afeccionadas ao mundo das abellas. A apertura da feira terá lugar este sábado 1 de abril, ás 10 da mañá, a mesma hora á que arrincarán as Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura, que terán lugar no Salón de Plenos do Concello entre as 10.00 h e as 20.30 h.
As catas, degustacións e obradoiros infantís terán lugar tanto en horario de mañá coma de tarde
No programa inclúense unha cata comentada da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria, así coma degustacións dos queixos e meles con certificación de orixe premiados nas Catas de Galicia 2022. Ademais da Feira do Mel e o xa tradicional mercado de artesanía Bee Happy Market, haberá obradoiros infantís, discoteca móbil e unha ruta de tapas que dará comezo o venres 31 de marzo.

PROGRAMA COMPLETO

Iniciativa solidaria para darlles alimento e reubicar as abellas afectadas polos lumes

A Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación Valdeorresa de Apicultores tecen rede de solidaridade para axudar aos apicultores/as afectados polos incendios forestais, buscando novas ubicacións ou mesmo alimento para as colmeas afectadas. Para as persoas ou entidades que queiran axudar ofrecendo alimento ou ubicacións para as colmeas chamar aos teléfonos  988 36 00 89 ou 646 78 82 15 ou enviar un email a oficina@planapicola.com Son moitas as colmeas e colmeares afectados polos lumes que afectan Galicia en estes últimos días na zona de Valdeorras, Quiroga, O Courel, Pobra de Brollón e Oímbra. Aínda non se teñen datos finais, posto que moitos apicultores non pudieron acceder aos colmeares, pero segundo a Agrupación Apícola de Galicia “estamos falando de miles de colmeas queimadas e outras moitas que van ter que reubicarse”. Precisamente, esta asociación acaba de publicar unha guía sinxela para axudar aos manexos dos colmeares e colmeas afectadas e ceden tamén alimento líquido e sólido para que aporten ás colmeas afectadas que o precisen. Ademáis, solicitan á Administracións axudas para as explotacións afectadas para pagar o movemento de colmeas, para alimentación das mesmas e para a perdas das explotacións. Dende a Agrupación Apícola tamén demandan que para a repoboación dos montes se utilicen especies autóctonas, que non promovan o lume e que sirvan de alimento para as abellas.

Consellos para manexar as colmeas despois dun incendio

A Agrupación Apícola de Galicia acaba de publicar unhas recomendacións para o manexo das colmeas despois dun incendio, unha situación que afecta a moitos apicultores e apicultoras das comarcas de Valdeorras, O Courel ou de Manzaneda que viron como estes días o lume afectaba a centos de colmeares. Estes son os consellos da Agrupación Apícola de Galicia:

1) Co incendio activo:

Recomendan acceder aos colmeares soamente no caso de ser seguro para facer o posible traslado das colmeas a un lugar máis seguro.

2) Con incendio activo pero con posibilidade de acceder ao colmear:

-Facer fotografías ao colmear para reclamar ao seguro, antes de tocar nada. -Comprobar o estado das colmeas: Nas colmeas queimadas: Acumular nun extremo do colmear os restos destas colmeas e mover o mel que puidera haber sobre a superficie do terreo, tendo coidado coa pillaxe do mesmo por parte doutras abellas. Nas colmeas parcialmente afectadas: Comprobar o estado dos marcos. Normalmente os cadros con mel tardan máis en fundirse pero tamén unha vez fundidos fan máis dano. Cambiar o bloque de abellas e os cadros salvables a colmeas novas ou a caixas en bo estado. Usar preferentemente cadros estirados mellor que estampados. Nas colmeas non afectadas: Comprobar o estado das abellas. Hai que ter en conta que as abellas pecoreadoras foron as máis afectadas polo que haberá despoboamento da colmea.

3) Conservación das abellas:

-Se as podemos mover, desprazalas a unha localización con vexetación e auga. Alimentalas os primeiros 15 días con líquido 2:1 ou 3:1 de relación entre auga e azucre e cunha punta de culler de sal cada 2 litros de alimento (sal común e/ou de potasio). -Se non as podemos mover teremos que pensar en buscar un emprazamento novo para os vindeiros anos e de momento irémolos alimentando coas seguintes pautas: Os primeiros 20 días alimentalas cunha mestura de auga e azucre en proporción 2:1 e mesmo 3:1, iniciando con 0,5 litros e aos 3 ou 5 días volver encher o recipiente onde lles depositamos a comida. Ir aumentando progresivamente a cantidade de alimento ata acadar 1 ou 1,5 litros, podendo espazor os períodos de reposición da comida cada 7 días. Nos seguintes meses alimentalas segundo a necesidade, incrementando a concentración de azucre e achegándolles algo de proteína (ou alimentos xa preparados) para evitar o decrecemento da colonia.

O manexo das masas vexetais como vía para mellorar a apicultura

A importancia para as abellas do manexo de masas vexetais e a necesidade de recuperación de cultivos autóctonos foi un dos eixes temáticos dunha xornada online sobre o mel organizada por Frouma, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura e o Sindicato Labrego. Algúns dos retos que enfronta o sector son o aumento da superficie de eucaliptais en Galicia, que se cortan antes de estar en idades de floración, a perda de especies froiteiras autóctonas ou a mingua do nabo e as coles nas hortas galegas. O manexo de masas vexetais En Galicia hai máis de 300.000 hectáreas de eucaliptos. Trátase dunha especie que podería ser interesante para a apicultura, pero polo momento iso só é demostrable na variante ‘globulus’, en masas adultas. O problema é que se precisan masas en floración, “moi difíciles de alcanzar no noso territorio debido a falta de estacións de cultivo propicias, ás quendas de corta moi curtas e á expansión do eucalipto ‘nitens’, cortado en turnos que imposibilitan o seu aproveitamento floral”, explica Diego Sánchez, do Sindicato Labrego. A procura dun mellor ecosistema para a apicultura, segundo os ponentes, está vencellado ao desenvolvemento de espazos como as fragas, as formacións de ribeira, os soutos ou as superficies herbáceas. Sánchez considera que “son necesarios incentivos fiscais que procuren unha re-aposta por unha 'industria' comarcal de matogueiras e uces, e no caso dos soutos é primordial a súa recuperación, tanto para froito como para a flora que se da neste entorno, moi beneficiosa a nivel apícola”.
“En Galicia a apicultura depende do monte, polo que debemos apostar pola súa mellora nos espazos propicios para a apicultura” (Diego Sánchez)
Os pisos herbáceos son outro expoñente para as abellas moi extenso no territorio. A riqueza floral dentro dos campos permite unha recollida de pole máis rica e con mellores resultados. Hoxe en día, un dos problemas ao que se enfrontan estas superficies son “a carencia dunha produción diversa de especies nos pastos, que se está relegando pouco máis que ao ‘ray grass’”, afirma Diego Sánchez. Ademais, entre as problemáticas tamén están “as cortas, que ao ser en rotación apenas existe floración, ou o uso de pesticidas, que cómpre diminuír”, critica o membro do SLG e de AGA. A desaparición de árbores froiteiras autóctonas é outro fito a ter en conta. “A mingua destes tipos froiteiros veu dado, en parte, nos procesos de concentración parcelaria, polo que se necesita a recuperación e rescate de variedades locais”, reclama Sánchez. Neste mesmo sentido, outro fenómeno que marca a produción apícola é a menor presenza de nabos e coles na horticultura galego. Segundo Diego Sánchez “son especies moi visitadas polas abellas que, tras o cambio de dieta do gando, están quedando relegadas a un segundo plano”.
“É necesaria unha recuperación de especies froiteiras autóctonas, así como de cultivos de nabos ou coles, moi frecuentadas polas abellas” (Diego Sánchez)
A relación entre abellas e plantas Abellas e cultivos benefícianse ademais mutuamente. No proceso de obtención do mel, “as abellas teñen un importante rol na polinización, o que as vincula co resto de biodiversidade e a produción de alimentos”, afirma Suso Asorey, membro de AGA e poñente na xornada. En Galicia, unha gran parte do territorio é monte, e en palabras de Asorey, “un sitio ideal para a produción dos nosos meles”. En paralelo á diversidade medioambiental galega, está a pluralidade de cores e sabores do mel, desde brancos a negros, pasando por diferentes tipos de marrón. “Esta variedade débese ao tipo de pole que se utiliza para a súa fabricación. Ao haber un 70% de pequenos produtores de tantas zonas diferentes leva a existencia de moitos meles”, especifica Xesús Asorey. En función do tipo de árbore, a proporción de pole ten que ser unha ou outra para que se poida atribuír o tipo de mel á planta. “O eucalipto ‘globulus’ de máis de 30 anos é interesante e o mel poderíase etiquetar se ten unha proporción de pole igual ou maior a un 70%”, comenta Asorey. Igualmente, este membro de AGA fai referencia ás dificultades que supón o cambio climático na produción de pole das árbores, e mesmo ás consecuencias da importación de meles, pois “é un produto que non aporta polinización local”.
“O mel podemos importalo, pero a polinización e os seu efectos positivos na biodiversidade non” (Xesús Asorey)

Pesticidas de alta perigosidade

A bióloga Rebeca Vázquez, pola súa banda, incidiu nos pesticidas de alta perigosidade. Son , por norma xeral, os que persisten durante moito tempo no espazo aplicado e nas zonas que o rodean. Isto ten consecuencias sobre as abellas “aportándolles cambios fisiolóxicos e sociais, como o síndrome do colapso das colonias”, detalla Vázquez. Parte dos pesticidas con maior impacto nas abellas xa se prohibiron e apareceron outros máis ecolóxicos, pero o problema non desapareceu. Desde o sector, recoméndase que os profesionais do agro atendan á etiquetaxe dos pesticidas, para escoller aqueles con menor impacto. Como pode axudar a PAC?. A política agraria pode ofrecer unha “condicionalidade mellorada”, segundo denominou Vázquez, baixo a finalidade de “protexer aos polinizadores e diminuír o uso de pesticidas”, reclama a bióloga. Algúns exemplos de melloras pode ser “o establecemento dunha guía de boas prácticas, evitar o uso preventivo dos fitosanitarios, ou crear hoteis para abellas para que así non sufran as consecuencias dos sulfatos”, aconsellou Rebeca Vázquez.

Belacolmea, cosmética natural con mel de Galicia

O Mel de Galicia e o Camiño de Santiago son os fundamentos da nova liña de cosmética, Belacolmea, que presentou a Agrupación Apícola de Galicia. Esta gama de produtos elaborada a base de mel galego están especialmente pensados para o coidado e benestar corporal dos peregrinos na súa andaina ata Compostela. Como ben explicaron dende a Agrupación, Belacolmea nace como unha liña de apicosmética especialmente formulada para o coidado da pel, que busca a prevención e solución de todas as alteracións que esta poida sufrir, a través de formulacións naturais específicas. Entre as bondades dos seus bálsamos e cremas destaca que concentran os beneficios terapéuticos dos produtos da colmea, ademais de ser aptos para todo tipo de cute, especialmente para peles sensibles ou con tendencia á deshidratación. Ademais, os apicosméticos da firma contan cos beneficios que proporciona o Mel de Galicia, herdando del a súa capacidade enerxética e as súas propiedades antisépticas, antioxidantes e rexeneradoras, perfectas para paliar as dores e as molestias que sofren moitos peregrinos tras longas camiñadas. Belacomea esta formada por toda unha gama de produtos destinados ao coidado corporal, a nutrición e a reparación da pel de zonas concretas, como son: bálsamo para pés, ApiReparador bálsamo corporal, ApiDor bálsamo corporal, xabón natural de mel e própole, crema reparadora de mans e unllas, crema facial anti-idade e crema corporal enriquecida. Instante da presentación de Belacolmea este martes no Centro de Acollida do Peregrino en Santiago. No acto de presentación dos produtos, que se celebrou no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino en Santiago, lembrouse tamén a estreita e histórica vinculación existente entre os camiñantes e os produtos da colmea. A apicultura é unha actividade cunha fonda tradición en Galicia, que forma xa parte do patrimonio cultural, botánico e etnográfico galego. Do mesmo xeito, tamén está documentado que os camiñantes que atravesaban Galicia para chegar a Compostela se beneficiaban dos produtos apícolas, servíndose do seu poder estimulante, de curación, cicatrizante e refrescante como remedio.

Novas datas no Camiño

Nun tributo a esta senlleira relación entre peregrinos e produtos da colmea, a Agrupación Apícola de Galicia anunciaba a súa presenza en forma de expositor ao longo de distintos puntos do Camiño de Santiago, sempre en estrito cumprimento das medidas de seguridade sanitaria. Nestes expositores, os peregrinos poderán obter información e un pack con tres mostras desta liña de apicosmética. Concretamente as datas e lugares serán os seguintes: Sábado 5 de xuño: A Laxe (Lalín). Sábado 9 de xuño: O Porriño. Sábado 14 de agosto: Pontevedra. Sábado 4 de setembro: Ribadiso (Arzúa). Sábado 18 de setembro: Dumbría Sábado 25 de setembro: O Cebreiro.

-Consulta aquí máis información sobre o catálogo de Belacolmea.

 

A Feira Apícola das Rías Baixas celebrarase online e contará con expertos internacionais e cata de meles

A Feira Apícola das Rías Baixas converterase este ano na primeira xornada inrternacional de apicultura que se celebrará en Galicia vía online. Organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, en colaboración coa Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, este evento ven celebrándose puntualmente cada mes de marzo no concello pontevedrés de O Porriño. Porén, as restriccións sanitarias motivadas pola pandemia da Covid 19 obrigaron este ano a realizala vía online. Deste xeito, terá lugar o sábado 20 de marzo, cun nutrido programa de actividades que se artellarán entre as 10.30 h e as 20.00 h. Entre elas, inclúese unha cata comentada en streaming dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia. Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do Panel de Cata de Mel de Galicia será a encargada de guiar este experiencia virtual. O prazo de inscrición na Feira Apícola está aberto e accesible a través da páxina web da Agrupación Apícola de Galicia. A asistencia é totalmente gratuíta.

Cata comentada online de meles da IXP Mel de Galicia

Todas as persoas que estean ademais interesadas en participar na cata comentada da IXP Mel de Galicia, deberán inscribirse nun formulario aparte, tamén dispoñible na web. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro día 15 de marzo, e o número de prazas está limitado a un máximo de 50 participantes. Cabe subliñar que existen dúas modalidades de participación: coma oínte —gratuíta— ou coma catador —coste de 5 euros e envío das mostras dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia a domicilio. So envío a Península—. Velaquí o programa, onde se pode consultar o contido, condicións e estruturación dos horarios.

Diversificación e novas tecnoloxías, claves para mellorar a rendibilidade dos apicultores

O Grupo de Investigación Plantas, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, está a participar nun proxecto que baixo o título “Innovación no proceso produtivo para unha apicultura sostible”. O seu obxectivo principal é incrementar a competitividade e sostibilidade deste sector a través tanto da diversificación da produción apícola como da redución dos custes desta produción. O proxecto, liderado pola Agrupación Apícola de Galicia e realizado en colaboración con empresas e apicultores do sector, está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, na convocatoria de 2020. A participación da Universidade de Vigo, que se prolonga desde este ano e ata 2022, está liderada por M. Carmen Seijo, profesora e investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo, e con ela dáse continuidade á liña de especialización do seu equipo no eido da apicultura. Sobre a relevancia de apostar pola innovación no proceso produtivo para unha apicultura sustentable a través de iniciativas coma este proxecto, o equipo participante da UVigo explica como “a apicultura é unha das actividades agrogandeiras de maior tradición en Galicia pero tamén unha das máis vulnerables aos cambios que suceden nunha contorna globalizada actual”. Entre eses cambios, poñen o aceno no efecto da dinámica climática sobre a fenoloxía das especies, afectando aos recursos nectaríferos e ao aproveitamento polas abellas, e nas consecuencias da entrada de especies invasoras como a Vespa velutina ou os efectos de Varroa destructor sobre as colonias de abellas. Tamén apuntan a necesidade de introducir novas tecnoloxías no sector para a mellora dos sistemas de manexo.

Dúas liñas de actuación

Neste contexto, as liñas de traballo do grupo de investigación BV1 están encamiñadas, tal e como apuntan as súas responsables, a “fomentar un sector apícola produtivo, competitivo, con alto grao de resiliencia ás ameazas e polo tanto economicamente viable”. O proxecto que desenvolven, detallan, ten dúas vertentes: a diversificación da produción apícola e a mellora dos seus métodos e técnicas de manexo, para facer fronte aos retos da apicultura actual. A primeira vertente diríxese á posta en valor de produtos da colmea como o pole e os propóleos. “A obtención de ambos produtos está cada vez máis introducida, constituíndo unha alternativa económica para os apicultores en anos de mala colleita de mel”, indican. A participación do grupo da Facultade de Ciencias céntrase neste eido na mellora do coñecemento das características destes produtos que dependen fundamentalmente da orixe botánica. “O obxectivo final é ter información sobre o produto para garantir a súa autenticidade e facilitar o seu etiquetado”, afirman. A segunda liña de traballo está relacionada coa introdución de novas tecnoloxías para facilitar o manexo das colmeas e baséase na instalación de sistemas de monitorización de colmeas que permitan obter datos para mellorar a xestión das explotacións apícolas. “En especial, estes sistemas de monitorización constitúen un método de seguimento en remoto das colonias, podendo proporcionarnos datos como o estado xeral da colonia, a entrada de fluxo de néctar ou a presión de velutina”, comentan as investigadoras. Deste xeito, apuntan, búscase “reducir as operacións dos abelleiros, reducindo con eles os custes operativos e os gastos directos, que dadas as características de Galicia representan case o 70% dos custes produtivos”. O plan de traballo do proxecto, indican por último desde a súa organización, inclúe liñas de actuación que converxen “na redución de custes para as explotacións, na diversificación da produción, no uso eficiente dos recursos, na mellora dos servicios de polinización nos ecosistemas agrarios, na redución do impacto do cambio climático na agricultura galega e no uso das novas tecnoloxías”.

Poden evitarse os enxames no apiario?

Cada primavera é habitual atopar enxames de abellas que abandonan a colmea na procura dun novo espazo no que establecerse. Os enxames son a resposta natural das abellas para a reprodución das colmeas, pero supoñen perdas moi significativas para os apicultores que buscan unha rendibilidade económica coa colmea. Por iso, cabe preguntarse se é posible evitar, ou alomenos, reducir os enxames que se producen no apiario. Os expertos e apicultores coinciden en sinalar que, pese ós esforzos que se fagan, hai diversos factores que provocan a enxamía das abellas, e algúns deles escapan ó control do apicultor. Porén, o manexo que se realiza das colmeas será determinante para reducir o número de enxames que cada tempada saian do apiario. “Aínda que é un proceso natural, vaise acentuar por mor da meteoroloxía e o manexo que fagan os apicultores do apiario”, explica José María Seijo Coello, presidente da Agrupación Apícola de Galicia.
“Aínda que é un proceso natural, pode acentuarse por mor da meteoroloxía e o manexo que fagan os apicultores”: José María Seijo, Agrupación Apícola
“Antigamente, cando a cera tiña unha maior importancia para o seu uso nas igrexas, dicíase que era un bo ano se saían moitos enxames”, detalla Suso Asorey, portavoz da Asociación Galega de Apicultura (AGA). Agora, o mel é un dos principais produtos que ofrece a colmea, co que os enxames, ó reducir o número de abellas que queda, diminúe a produción desa colmea. “Se o enxame sae cedo, ó comezo da primavera, aínda pode darlle tempo de facer unha boa colmea e mesmo chegar a producir ese mesmo ano”, apunta Asorey. Porén, se a súa saía é tardía e coa ameaza da velutina que hai, xa é máis difícil que produza para esa campaña, tal e como detallan dende AGA.
Na enxamía as abellas son moi pacíficas, ós riscos para a poboación son mínimos
Cómpre ter moi presente que, pese a que nos enxames se concentra unha gran cantidade de abellas, sobre todo naqueles que saen máis cedo, é un dos momentos nos que menos riscos supoñen para a poboación. “Na enxamía as abellas son moi pacíficas, así é que moitos apicultores non empregamos proteccións para collelos”, detalla Asorey. “É moi importante que a xente non se asuste e non opte por botarlles auga ou insecticida, porque sería acabar con elas”, aconsella Seijo, ó tempo que recomenda chamar a un apicultor para que se encargue de recollelo.

Por que saen os enxames?

Os enxames son a resposta natural da colmea a moitas das problemáticas que se lle presentan. Así, unha das causas máis habituais para que se produzan os enxames é a falta de espazo na colmea. Se os apicultores tardan en colocar as medias alzas ou as alzas, que lle aportan espazo extra, é probable que as abellas opten por dividirse, e metade da colmea, xunto coa raíña vella, abandona a colmea.
“Moitas veces os enxames débense a descoidos dos abelleiros, por non ter controlado o apiario”: Román Cid, Asociación Abellas Nais
“Moitas veces os enxames débense a descoidos dos abelleiros, por non ter controladas as abellas. A enxamía pódese controlar, en gran medida, con revisións periódicas do apiario”, apunta Román Cid, promotor da Asociación Abellas Nais, unha entidade que agrupa principalmente apicultores da provincia de Ourense. A raza das abellas é outro dos motivos polo que están a proliferar os enxames. “As razas foráneas de abellas que se foron introducindo en Galicia, moitas delas non adaptadas á climatoloxía, son máis propensas a enxamear”, indica Seijo Coello. Así, o aproveitamento dos enxames naturais contribúe a que se asenten estas razas con tendencia a enxamear. “As vendas de raíñas por internet fixeron que chegaran moitas razas de abellas foráneas que poden funcionar ben o primeiro ano, pero ó cabo de 2 ou 3 anos é cando se verán as aptitudes desa colmea”, concreta Seijo.
As razas foráneas de abellas que se foron introducindo en Galicia son máis propensas a enxamear
“As nosas abellas veñen de pasar toda a sua vida en cortizos, trobos ou covos, e eso quedou na súa xenética. E ese instinto, e outros, como o da agresividade,según os investigadores, transmíteno os zánganos”, detalla Cid. Por ese motivo, o apicultor xustifica que se deba evitar aproveitar esas colmeas con tendencia á enxamía, posto que cada primavera crian de 2.000 a 4.000 zánganos que transmitirán esa xenética. Unha raíña vella na colmea tamén pode ser a causa para que se produza un enxame. “Hai ocasións, que unha raíña con 3 anos decide enxamear para que así se renove a colmea”, indica Asorey. Nese caso, o apicultor pode atallalo se renova el directamente a raíña cada certo tempo. Ás veces, aínda que os coidados dos abelleiros sexan os axeitados, prodúcense enxames derivados das condicións climáticas, son debidos a un desequilibrio biolóxico dentro da colmea. Prodúcense cando nunha colmea forte a súa actividade se ve interrompida polas choivas, polo que as abellas do campo quedan sen función, ó non poder saír recolectar, e comeza un malestar na colonia, xa que o funcionamento non é o axeitado. “Cando se dan estas circunstancias as abella prepáranse para enxamear e o primeiro día que estea bo sae o enxame nas horas centrais do día”, explica Asorey. Así, é que os anos húmidos adoitan ser proclives para a enxamía, mentres que nos secos son máis escasos. Porén, un inicio de primavera chuviosa como a do mes de abril esta pode provocar, ademais, que as colmeas cheguen a morrer de fame ó permanecer moitos días sen poder saír ó campo e consumir as súas reservas de alimento.

A varroa, unha oportunista na enxamía

A presión que fai a varroa sobre a colmea é outra das causas para que se produzan enxame. “As abellas buscan coa enxamía a solución á varroa cando se sinten moi agobiadas por ela”, concreta Suso Asorey. Deste xeito, a enxamía resulta case un remedio natural contra esta enfermidade. “O enxame provoca que se rompa o ciclo natural da colmea, e o mesmo acontece coa varroa, posto que están sincronizados”, detalla Asorey. O enxame que marcha será o que leve a varroa consigo, mentres a colmea da que saíron queda limpa do ácaro. “Moitos abelleiros cando collen un enxame non lle dan tratamento e iso provoca que haxa moita mortaldade outonal e invernal a causa da varroa que ten”, explica Román Cid. Dende os 3 colectivos de profesionais coinciden en destacar a importancia de aplicar tratamentos para a varroa, se se descoñece a procedencia do enxame.
Recomendan aplicar un tratamento contra a varroa cando se colle un novo enxame cuxa procedencia se descoñece
“Dado que o 80% da varroa parasita a cría, se damos o tratamento cando se colle un enxame conseguimos que sexa moito máis efectivo posto que nese momento esa colmea aínda non terá cría onde se poida esconder a varroa”, concreta Seijo. Ademais, o tratamento poderá aplicarse nos 15 días seguintes xa que nesa marxe aínda non haberá cría na nova colmea.

Claves para reducir a enxamía

Pese a que non sexa posible controlar ó 100% os enxames no apiario, existen prácticas coas que os apicultores conseguen reducilos ou controlalos, realizando eles os seus propios enxames artificiais, co que evitar as perdas de produción de mel. “Sempre é mellor tentar que non nos enxameen e facer nós unha selección das colmeas que queremos dividir, e dividilas. Isto permítenos ter mellores raiñas e xenética se diriximos nós esa división”, explica Esther Ordóñez, veterinaria e presidenta da IXP Mel de Galicia. Ademais da colocación de novas alzas para ampliar o espazo da colmea, cando as abellas o precisen; é recomendable proporcionarlle cera renovada, tal e como recomendan dende a Asociación Apícola de Galicia. Tamén é aconsellable ter o baldón da colmea aberta. “Ás veces atópanse co baldón pechado, o que lles provoca que se eleve a temperatura da colmea, mentres que a ventilación na primavera resulta máis saudable”, concreta Seijo.
A renovación da cera, a colocación de novas alzas ou a selección xenética poden reducir os enxames no apiario
A selección xenética que poida ir facendo o apicultor tamén é unha ferramenta clave para reducir a enxamía. “Hai que evitar as raíñas que tenden a multiplicarse”, indica Seijo. Esta raza de abellas con tendencia a enxamear provocarán que non só saia da colmea un enxamie na tempada, senón que poidan chegar a producirse ata 2 ou 3 enxames, cada un máis pequeno, posto que en cada enxame saen aproximadamente a metade das abellas. “Hai abelleiros que aproveitan eses pequenos enxames, aínda que é un erro posto que están reproducindo abellas enxameadoras”, indica Román Cid. Porén, hai quen valora tamén aproveitar estes enxames cando se trata do segundo enxame que sae da colmea, aínda que sexa de menor tamaño meténdoo inicialmente nun portanúcleos. “Se o coidamos un pouco, alimentándoo, non hai porque desprezalo posto que para o segundo ano pode ser unha colmea que produza moito mel, ó ter unha raíña nova, de segundo ano. Se o enxame é moi pequeno, o mellor póde servirnos para renovar algunha colmea que non sexa moi produtiva ou que sexa agresiva”, valora Asorey. Nestes enxames de pequeno tamaño unha das prácticas máis recomendadas é xuntalo con outra colmea, un proceso que se recomenda facer de xeito paulatino, evitando que unhas abellas acaben matando ás outras, ó consideralas intrusas. Para que se vaian aclimatando aconséllase colocar o enxame dentro da colmea separado dunha folla de papel do resto das abellas. Deste xeito, unhas e outras abellas irán rillando pouco a pouco o papel que as separa, mentres se van acostumando e deixan de considerar ó enxame como un estraño.

A enxamía artificial

Os enxames artificiais, realizados polos propios apicultores, son unha das claves para reducir as perdas. “É preferible que sexan os propios apicultores quen fagan os enxames en boas condicións, aínda que ás veces resulta difícil introducir á xente nestas prácticas. A apicultura precisa de moita formación”, valora Román Cid, da Asociación de Abellas Nais. O apicultor recomenda planificar ben os enxames para que resulten colmeas equilibradas, cunha proporción de cría, e poboación exterior e interior semellante para ter un bo desenvolvemento. Cría artificial ou científica de abellas nun apiario. // Foto Abellas Nais. Mentres que os enxames naturais sairán ó longo da primavera, mesmo se poden producir dun xeito máis tardío xa no verán, á hora de facer os enxames na colmea o apicultor deberá adiantarse. “As condicións varían moito dunhas zonas a outras, polo que non se pode establecer un calendario fixo, posto que en zonas de costa xa en febreiro se poden superar os 12 graos de temperatura e poderá comezarse a traballar neles, mentres que nos vales faranse na primeira quincena de marzo e na zona de montaña agárdase ata finais de marzo ou comezos de abril”, concreta Cid. A selección xenética das abellas tamén resulta fundamental, posto que deben escoller raíñas pouco proclives á enxamía. A cantidade de raíñas que cría unha colmea é un dos indicadores para coñecer se ten esta tendencia. “Se se detectan entre 10 e 12 favos reais nunha colmea que estea sobresaturada, se se lle ofrece máis espazo é probable que non enxamee, mentres que se se contabilizan entre 50 e 60 a tendencia é a facer enxames”, especifica Seijo.

O Porriño acolle o sábado 21 a Feira Apícola Rías Baixas

O Porriño (Pontevedra) acolle o sábado 21 de marzo a XXXII Feira Apícola Rías Baixas organizada pola Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra. A cita contará con xornadas técnicas que se celebrarán no centro cultural do Porriño e un mercado centrado no mel e en produtos apícolas que terá lugar na Praza do Concello. Como previa á xornada do sábado, o venres celebrarase unha sesión de contacontos do mel de Galicia no colexio Ceip Antonio Palacios do Porriño. A actividade estará impartida por persoal do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia que ofrecerán unha aproximación ó mundo da apicultura e unha degustación. A continuación detállase o programa de actividades da xornada do sábado. 09.15 horas. Apertura da feira. 09.30 horas. Cobertura de agroseguro para a apicultura. Agropelayo – Albroksa. 10.00 horas. Alimentación das abellas. Influencia na produtividade e na saúde da colmea. Lourdes Martínez Soriano, enxeñeira agrónoma, experta en alimentación animal. Alltech Spain. 10.45 horas. Inauguración das xornadas por parte das autoridades. 11.00 horas. Actualización sobre varroa. Interrelación con outros factores. Paulo Mielgo. Director técnico en Vita (Europe) Vita Bee Health Reino Unido. 12.45 horas. Sanidade apícola. Novos datos de investigación. Raquel Martín Hernández, doutora en veterinaria e investigadora do Centro de Investigación Apícola e Agroambiental de Marchamalo (Ciapa – Iriaf Increcyt). 14.00 horas. Xantar de irmandade. As persoas interesadas deberán realizar a inscrición previa enviando un correo a apicultoresvigo(arroba)yahoo.es antes do 18 de marzo. 17.30 horas. Resistencias a amitraz: rumores e realidades. Que podemos esperar dos tratamentos para a varroa? Miguel Ángel Rodríguez Ramos. Responsable de Vetopharma – España. 18.30 horas. Apicultura en EEUU e Paraguai. Mecanismos de selección de abellas. Melanie Kirby. Universidade de Washington (USA). 20.00 horas. Peche das instalacións. Ademais, en horario de 10.00 a 20.00 horas haberá un mercado de venda de mel, produtos para a colmea, material apícola así como actividades lúdicas e produtos artesanais. As propostas previstas na Praza do Concello son as seguintes: 17.30 a 18.30 horas. Os disfraces do Mago Pirú, un espectáculo de balde e aberto a tódolos públicos. 18.30 a 19.30 horas. Degustación do Ouro Doce da natureza galega: Mel de Galicia. Cata de diferentes monoflorais pertencentes á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. A sesión será impartida por Beatriz Ríos, técnica do Consello Regulador IXP Mel de Galicia. A degustación será gratuíta e aberta a tódolos públicos ata esgotar existencias. 19.30 a 20.30 horas. Espectáculo de maxia do Mago Pirú. A activididade é gratuíta e destinada a tódolos públicos. Os espectáculos do estarán suxeitos a cambios en función da meteoroloxía.  

-Consulta aquí o programa completo da xornada.

 

Porriño acolle este sábado a Feira Apícola Rías Baixas

Data inicio: 22/03/2019 Data fin: 23/03/2019 Lugar: Centro Cultural de Porriño e Praza do Concello do Porriño (Pontevedra). A localidade pontevedresa do Porriño acolle este sábado, día 23, a XXXI Feira Apícola Rías Baixas organizada pola Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da provincia de Pontevedra. Esta cita co mel desenvolverase ó longo de todo o día no Centro Cultural e a Praza do Concello do Porriño. Levaranse a cabo dende xornadas técnicas ata actividades lúdicas arredor do mel, así como a venda de mel, material apícola e productos artesanais. Aínda que as actividades se concentran na xornada do sábado, o programa de actos arredor do mel comeza xa na mañá do venres, cunha sesión de contacontos para os cativos. Membros do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia encargaránse destas narracións centradas na apicultura e no mundo das abellas. A actividade concluirá cunha degustación comentada. O sábado, as xornadas técnicas centrarán boa parte da programación do día no que tamén haberá actividades lúdicas e unha cata de mel. O programa de actividades do sábado será o seguinte. 9:15 horas. Apertura da Feira 10:30 horas. Importancia da selección e protección da abella negra ibérica local. Benigno Basteiro Rodríguez, apicultor profesional, selección, cría e inseminación de raíñas. 12:00 horas. Inauguración das xornadas por parte das autoridades. 12:15 horas. A importancia da tributación fiscal na apicultura. Celia Graña Sánchez. Delegada en Galicia da Asociación Profesional de expertos contables tributarios de España. 12:45 horas. Resistencia ós acaricidas en Varroa destructor: descubrimento, control e prevención. Doutor Joel González-Cabrera, da ERI Biotecmed, Universidade de Valencia. 14:00 horas. Almorzo 17:30 horas. Solucións para apicultura: Vetopharma. Miguel Ángel Rodríguez Ramos, de Vetopharma. 18:30 horas. Taller de arpas contra a Vespa Velutina. Ó marxe das xornadas técnicas tamén están programadas as seguintes actividades lúdicas. 16:30 a 17:30 horas. Os disfraces do Mago Pirú. O Mago Pirú visita O Porriño con disfraces de Piolín e Super Mario. É unha actividade gratuíta e aberta a tódolos públicos. 17:30 a 18:30 horas. Degustación de Mel de Galicia. Poderán degustarse as diferentes monoflorais pertencentes á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. A sesión estará impartida por unha técnica do Consello Regulador. 18:30 a 19:30 horas. Espectáculo de maxia do Mago Pirú, tamén de balde e para tódolos públicos.

Xornada sobre calidade do mel

A Agrupación Apícola de Galicia organiza o vindeiro sábado, 15 de decembro, na localidade ourensá de Barbadás unha xornada sobre “Calidade do Mel”. O programa é o seguinte: 10:00 horas: “Métodos de control da calidade do mel, parámetros a analizar e interpretación de resultados”. María Carmen Seijo Coello. Universidade de Vigo. Campus de Ourense . 10:45 horas: “Procesado do mel: factores que afectan á súa calidade”. Maite Bruzos Simón, responsable de calidade nunha empresa apícola. 11:30 a 11:45 horas: Pausa café 11:45 horas: “Diferenciación dos tipos de mel: aspectos a ter en conta”. María Shantal Rodríguez Flores. Universidade de Vigo, Campus de Ourense. 12:30 horas. “Taller de análise polínica”. Grupo de Apicultura da Universidade de Vigo-Campus de Ourense. 16:30 horas. “Análise sensorial do mel. ¿Como e cando realizalo? ¿Que información achega a análise sensorial? . Beatriz Ríos Cebreiros. Formadora do panel de cata e técnica do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia. 17:15 horas. “Taller: Cata dos distintos tipos de meles monoflorais de Mel de Galicia”. Beatriz Ríos Cebreiros. Prezo: 5 euros para os socios da Agrupación Apícola de Galicia e 25 euros para os non socios. É preciso inscribirse nos talleres para a xestión dos grupos. Teléfono e whatsapp: 646 788 215

Recomendacións para o control da nosemose, unha enfermidade en expansión nas colmeas

A nosemose é, xunto á varroa e a loque, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas. Mentres que a varroa afecta tanto á cría como ás abellas adultas, a loque á cría, o nosema só afecta ás abellas adultas. Neste sentido, Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, impartiu recentemente unha charla sobre como controlar a nosemose, dentro dunha xornada técnica organizada pola Asociación Apícola Ourensá. O “nosema apis” é un parasito do tracto dixestivo das abellas adultas. É unha enfermidade moi contaxiosa e que se presenta en dúas formas: -Nosema aguda: provoca diarrea. É a que coñecemos de sempre. -Nosema crónica: non presenta diarrea, senón síntomas inespecíficos. Trátase dun nosema da Apis cerana que no ano 2005 tamén se detectou en Apis mellifera e dende entón está en expansión.

Síntomas:

Imos centrarnos máis nesta última, posto que é a máis problemática. Síntomas: Son síntomas inespecíficos, como xa dixemos: -Colmeas que non avanzan en primavera e onde as raíñas cambian continuamente. -Primeiro afecta ás abellas adultas e logo a todo o resto. As abellas non dixiren ben nin o mel nin o pole. Moitas delas morren fóra da colmea, isto fano por perpetuación da especie, pois debido á falta de pecoreadoras as abellas aínda que non chegan aos 21 días para ser pecoreadoras toman as tarefas das mesmas, para suplir a carencia. Prodúcese unha desorganización e finalmente incluso o colapso da colmea co tempo. -Pódense ver abellas con abdome máis reducido. -Cando a enfermidade está moi avanzada queda a raíña só cun pequeno grupo de abellas. -As feces das abellas parasitadas contaminan ao resto do enxame. Ao igual que no loque, non está autorizado o uso de antibióticos.

Ciclo do nosema:

Últimos avances sobre o nosema apis:

As conclusións do Workshop Nosema do Grupo Coloss (Prevention of honerybee Colony LOSSes) son que: -A enfermidade causada polo Nosema ceranae non é similar á causada polo Nosema apis. Por tanto, proponse diferencialas identificando á primeira como Nosemose Tipo A, máis fácil de detectar polas dexeccións na piqueira, da segunda, a Nosemose Tipo C, posto que non as ten. Esta última detéctase por probas en laboratorio. -A Nosema apis só se dá en outono e primavera, mentres que a Nosema ceranae ou crónica rexístrase todo o ano e resiste maiores temperaturas. Ademais, desta última pode haber reinfestacións en menos de 6 meses. -Para o control xogan un papel moi importante o manexo das colmeas, a renovación dos cadros e das raíñas. -Tratamento da Nosema ceranae é de manexo e só hai posibilidades con produtos “naturais”, que serían complementos alimenticios, hai varios no mercado. Claves: -Bo manexo das colmeas. -Limpeza e desinfección. -Unha correcta alimentación, con suficiente pole e néctar e unha fonte de auga.

Tratamentos:

Existen múltiples no mercado (Apiherb, Nosemaz, Vitafeed Gold, Nosevit, Nosestat, Hive Alive...etc). O Hive Alive, elaborado en Irlanda con extracto de alga mariña, timol e citronela, é o único que ten estudos científicos que avalan que mata a espora do nosema e serve tamén contra as viroses. Ademais, estimula a posta das raíñas. Polo demais, é clave incidir nas medidas de limpeza e desinfección das colmeas, en que estean ventiladas e separadas do chan. Tamén hai que lembrar a importancia de desinfectar os asentamentos e no caso de proporcionarlle alimentación suplementaria, que non conteña celulosa. Por último, sinalar que en Italia estase investigando o uso do ácido oxálico contra a nosema e que o néctar de castiñeiro tamén parece provocar unha baixada nas esporas de nosema.