Archives

Posicionamento do sector agrogandeiro sobre a planta de Altri en Palas de Rei

Jacobo Feijóo, Miguel Tomé e Félix Porto, na rolda de prensa de UUAA este martes en Lugo A intención da pasteira portuguesa Altri e a madeireira galega Greenalia de crear unha planta de produción de celulosa e lyocell no municipio lucense de Palas de Rei crea división no sector agrogandeiro galego, pois mentres os sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, así como a Federación Rural Galega, se opoñen ao proxecto, a Asociación Agraria de Galicia e Agromuralla defenden que se trata dunha iniciativa positiva para a comarca que non ten por que poñer en risco a continuidade das explotacións da zona. O día 17 deste mes de abril remata o prazo para presentar alegacións ante a solicitude da empresa para lograr a Autorización Ambiental Integrada que lle ten que conceder a Xunta de Galicia, o primeiro paso documental que precisa Altri para seguir coa tramitación administrativa do proxecto e o sindicato Unións Agrarias anuncia que, igual que van facer outros colectivos, ten previsto presentar alegacións polas “dúbidas” que suscita e a falla de información da empresa en aspectos relevantes.
O día 17 de abril remata o prazo para presentar alegacións dentro do procedemento de Autorización Ambiental Integrada
“O proxecto actual non se parece en nada ao proxecto inicial de fibra textil sostible presentado fai 2 anos na Cidade da Cultura por parte de Altri e da Xunta e que tiña aspectos innovadores que convertían esa fábrica en única en Europa”, asegurou este martes en rolda de prensa en Lugo Jacobo Feijóo, responsable de desenvolvemento rural e sector forestal do sindicato.  “Inicialmente tratábase dun proxecto de alto valor engadido no que se ía producir tecido a partir de fibras vexetais, máis unha unidade de reciclaxe de fibra, o que ía axudar a todo o sector textil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a ser máis competitivo e a dar ese salto de sostibilidade que ten que dar este sector, considerado o segundo sector industrial máis contaminante”, indicou.
A día de hoxe atopámonos cun proxecto que é distinto ao presentado fai dous anos: dunha planta de fibras téxtiles pasouse a unha celulosa estándar
“Pero o proxecto que temos hoxe enriba da mesa non é máis que unha celulosa estándar, onde un 70% da produción sería para pasta de papel e un 30% para lyocell, é dicir, fibra sen o produto ou tecido acabado”, detallou, polo que “non se dá unha integración nin co sector téxtil nin con outros sectores”. Por exemplo, no proxecto de Altri non se contempla tampouco a posibilidade de complementar a planta cunha biorrefinería que aproveite toda a parte que non é celulosa, é dicir, as lixivias do proceso, para convertelas en polímeros e outros produtos de alto valor engadido, como produtos biolóxicos alternativos a herbicidas ou fitocidas convencionais. Aspectos medioambientais “O proxecto actual plantéxanos moitas dúbidas medioambientais ante a falta de transparencia da empresa. Compartimos a preocupación de moitos colectivos polas emisións contaminantes á atmosfera e polo uso sostible dos recursos hídricos, xa que non se contemplan as medidas prometidas inicialmente para economizar o uso da auga”, alertou Jacobo.
Na documentación presentada non se contempla ningún aspecto innovador para reducir o consumo de auga nin a pegada medioambiental a respecto das fábricas actuais
“Non se pecha nin sequera o ciclo para producir papel en Palas de Rei, senón que hai que gastar enerxía para secar a pasta de papel e despois volver a humedecela en destino para transformala e facer o papel”, alerta. O cambio de uso da planta a respecto do proxecto anunciado inicialmente condiciona tamén o consumo de auga, xa que, explicou Jacobo, “o consumo de auga para facer fibras téxtiles é moito menor que para facer pasta de papel, non ten nada que ver”.
A produción de fibras téxtiles consume moita menos auga que a produción de pasta de papel
“O consumo de auga nunha celulosa é enorme porque hai un momento do proceso no que hai que facer unha dilución, mentres que para producir fibras non hai que facer esa manta e necesítase moita menos auga porque se utilizan disolventes orgánicos para separar as celulosas das hemicelulosas”, detallou. Abastecemento de materia prima UUAA expresou as súas dúbidas tamén en relación ao abastecemento da madeira de eucalipto necesaria para cubrir as necesidades da planta, un total de 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto, o 20% da produción anual desta especie na comunidade, posto que “no momento no que se proxectou a planta non houbera aínda a sentenza clarificadora do Tribunal Supremo que despexou a permanencia de Ence en Pontevedra, polo que o escenario mudou, porque intuímos que no posicionamento estratéxico de Altri contábase con que Ence tivera que pechar, polo que terían garantido o abastecemento de materia prima”, argumenta Jacobo.
A planta de Palas de Rei consumiría o 20% da madeira de eucalipto producida cada ano en Galicia
O responsable do sector forestal dentro de UUAA considera, neste sentido, que “as dúbidas en relación a asegurar madeira de eucalipto suficiente son probablemente as están a retrasar a decisión definitiva de investimento por parte da empresa”, ademais do acceso aos fondos europeos Next Generation.
Non vemos encaixe nos fondos Next Generation porque non hai innovación de produto nin de proceso nin se trata dun proxecto de economía circular
“Non hai innovación de produto nin innovación de proceso nin se reduce tampouco a pegada ambiental dentro dun proxecto de economía circular, polo que temos dúbidas tamén sobre o encaixe que esta fábrica pode ter nos PERTEs industriais, que é unha condición que a propia Altri sempre puxo para seguir adiante co proxecto”, lembrou. Afectación sobre as explotacións agrogandeiras UUAA calcula que nun radio de 50 km arredor da planta (abarcaría un total de 83 concellos) habería neste momento unhas 9.600 explotacións (2.500 de leite e 7.090 de carne), que representan o 36,9% das existentes en toda Galicia e que dalgún xeito se verían afectadas pola presenza desta industria celulosa.   Félix Porto, coordinador sectorial de Unións Agrarias e responsable dos servizos xurídicos do sindicato, alertou da “difícil convivencia” das explotacións máis próximas, sobre todo das que están en produción ecolóxica, cunha industria das características da proxectada por Altri.
Transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa
“O proxecto que nos presentaron ao principio tiña aspectos atractivos, por iso non lle dixemos que non, pero non podemos apoiar o proxecto actual, que non se parece en nada ao que nos presentaron inicialmente, no que se falaba de producir 600.000 toneladas de fibras téxtiles ao ano cando hoxe do que se fala é de producir 400.000 toneladas de pasta de papel. É dicir, transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa. Polo tanto, estamos en contra do proxecto que nestes momentos temos enriba da mesa”, concluíu Félix. “O que máis preocupa nas explotacións ecolóxicas son as posibles emisións á atmosfera e o seu impacto na calidade dos pastos e tamén os problemas de acidificación dos solos por chuvia ácida que se puidera producir”, alertan desde UUAA.
O cambio de uso de terras agrarias para plantar eucaliptais é ilegal e desde xuño deste ano vai estar controlado mediante teledetección
En canto á posible presión que a nova celulosa puidera implicar para a transformación de superficies agrogandeiras en novos eucaliptais, Jacobo advertiu que a propia Lei de Montes do ano 2012 prohibe calquera tipo de forestación de terras agrarias tanto para plantar piñeiros como eucaliptos, ao igual que está prohibido cortar masas de frondosas para convertelas en eucaliptais. “Se alguén está pensando en facer algo disto ou ten esa tentación xa lle dicimos que non o faga porque desde xuño deste ano estará perfectamente controlado a nivel de teledetección a través do Inventario Forestal Continuo de Galicia”, dixo.

“Trátase dunha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra que vai afectar a máis de 30 km á redonda”

O Sindicato Labrego alerta das consecuencias, afectacións e impactos que tería sobre a poboación e o territorio nun radio superior aos 30 km "unha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra, de case 400 hectáreas de extensión”, como é o caso da proxectada por Greenfiber, unha sociedade participada ao 75% por Altri e ao 25% por Greenalia. Margarida Prieto alerta dos “prexuízos derivados da extracción de case medio cento de millóns de litros diarios de auga limpa do embalse de Portodemouros e o verquido diario de 30 millóns  de litros de auga con substancias químicas á Ría de Arousa sobre o medio ambiente e sobre as actividades económicas existentes no territorio”. “Dende o Sindicato Labrego Galego estamos poñendo tódolos nosos esforzos en parar esta xigantesca fábrica de celulosa. Non imos permitir que un macroproxecto industrial contaminante se instale no corazón do noso país e resulta até bochornoso pensar que en pleno século XXI, coa conciencia ecolóxica que se supón que temos como sociedade e, por ende, como institucións públicas, se poña sobre a mesa a posibilidade de destinar 250 millóns de euros do erario público para enriquecemento dunha empresa que vai degradar a calidade de vida”, di Margarida.
Segundo a documentación que está en exposición pública, a planta proxectada por Altri precisaría captar do encoro de Portodemouros máis de 40 millóns de litros diarios de auga
Neste sentido, o SLG pon a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas para a súa presentación diante da Xunta de Galicia. Afectación sobre as Reservas da Biosfera Desde o SLG veñen de solicitar informes de afección ás tres Reservas da Biosfera situadas no radio de acción da macrofábrica de celulosa de Altri e Greenalia (a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel).
Desde o SLG poñemos a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva
A designación das reservas de biosfera son competencia da directora xeral da UNESCO a través do programa intergobernamental MAB, sendo o seu Consello Internacional de Coordinación o que toma a decisión. “Preocúpannos por exemplo as posibles consecuencias para a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, declarada pola UNESCO fai tres anos, no 2021”, advirte Margarida. Estas demandas de información e posicionamento por parte das Reservas da Biosfera engádense aos informes sobre as unidades produtivas agrarias prexudicadas requiridos polo SLG o pasado xoves 21 de marzo á Consellería do Medio Rural.

“Altri pon en risco a 4.000 explotacións e á denominación de orixe do queixo Arzúa-Ulloa”

Para a Federación Rural Galega, o proxecto de celulosa que a empresa Altri pretende instalar na comarca da Ulloa supón “un grande perigo para a actividade agropecuaria da zona, non soamente para a comarca da Ulloa, senón tamén para as comarcas de Arzúa, Terras de Melide, e O Deza”. “Estas catro comarcas contan con 4.087 explotacións pecuarias, o que supón un 18,6% do total das existentes en Galicia (21.980), e unhas 90.187 cabezas de gando vacún ou o que é o mesmo, aproximadamente o 21% das 430.232 existentes na comunidade. Todo este potencial produtivo vaise ver ameazado no caso de que ao final se acabe instalando esta macroplanta de celulosa no concello de Palas de Rei, o mesmo que a Denominación de Orixe do queixo Arzúa-Ulloa, con mais de 20 empresas transformadoras e a segunda en produción de queixo de todo o Estado español”, asegura Elías Somoza.
A creación da planta de Altri tería un efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia directa coa terra agraria
Pero desde a Fruga pensan ademais que a planta de Altri non tería consecuencias unicamente na zona directamente afectada, senón que tería “graves efectos” sobre todo o sector agropecuario galego. O motivo sería o “efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia coa terra agraria”, din. “Non debemos esquecer que a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,93 ha, cando a media española é de 26,14 ha, e que desde hai xa bastantes anos Galiza vén perdendo terra agraria, entanto a superficie forestal vén aumentado e dentro dela a dedicada ao eucalipto”, insiste Elías. “Non é economía circular, senón economía de enclave” “Este proxecto de Altri quéresenos vender como modelo de economía circular, cando o que realmente é, é una economía de enclave. A verdadeira economía circular é aquela que pecha os ciclos produtivos. Debemos ter de conta que Galicia é a primeira produtora de leite do Estado español e unha das dez máis produtoras da UE, entanto a industria galega do leite soamente supón o 10% da española. Deste xeito sobre o 45% do leite producido en Galicia sae para fóra para ser transformado noutros territorios. Dotar a Galicia dunha industria láctea propia e competitiva si que sería economía circular”, argumenta o responsable da Fruga. “Todo indica que a política da Xunta de Galicia quere renunciar a utilizar con carácter produtivo o noso territorio, pondo en risco o futuro das explotacións agrarias desta zona e de proxectos de agricultura ecolóxica implantados nela”, quéixase.

“Se se cumpre a normativa non tería por que afectarnos ás granxas da zona”

Carlos Dablanca, membro da directiva de Agromuralla e socio da gandería leiteira SAT San Miguel, ubicada no mesmo concello de Palas de Rei, a uns 15 km de onde Altri quere instalar a súa planta, pon o foco no cumplimento da normativa para facer posible a continuidade da actividade agrogandeira na comarca coa presenza dunha industria deste tipo. “Din que as esixencias medioambientais son altísimas, pero é necesario que se vixíe para que se cumpra a normativa”, asegura. “Non pode ser que os requisitos para producir as granxas se estean a endurecer en materia de emisións ou outro tipo e despois se abra a man no caso dunha planta coma esta”, razoa.    En canto ao consumo de auga previsto por parte de Altri, Carlos considera que “primeiro hai que garantir o subministro á poboación e tamén ao gando, porque para nin primeiro son os animais antes que as plantas de celulosa e se hai auga para Altri tamén a ten que haber para as vacas”, reclama.
A produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira, deberían convivir perfectamente
Defende que a produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira. “Deberían convivir perfectamente”, asegura, e reclama “que se mobilice terra agraria que está parada ou abandonada”. “Na nosa parroquia, por exemplo, non temos concentración parcelaria e temos dificultades para atopar superficie produtiva axeitada”, recoñece. Risco de novas plantacións SAT San Miguel traballa neste momento unhas 140 hectáreas para cultivos como millo ou raigrás e ten dificultades para poder ampliar a súa base territorial na zona, pero Carlos non cre que a presenza de Altri empeore a situación.
Hai que mobilizar a terra que está parada e vixiar que non se fagan plantacións ilegais
“Se hai unha regulación e esta se cumpre, a presenza ou non de Altri non tería por que implicar unha maior presión sobre a forestación de terras agrarias na comarca. Sería un problema se a Xunta abrira a man ás plantacións de eucalipto, pero eu non concibo que se plante nunha zona agrícola, aínda que pasou nos últimos anos porque a Administración fixo a vista gorda”, di. Por iso, pide que se vixíe o cumprimento da Lei de Montes e da moratoria aprobada fai tres anos ás plantacións de eucalipto para evitar o avance sen control desta especie. “O problema son as zonas de monocultivo cando se dan en grandes extensións, como acontece en algunhas parroquias do concello de Palas que están xa masificadas de eucalipto porque a agricultura e a gandería desapareceron”, exemplifica.
O monocultivo de eucalipto é un problema, porque non hai barreiras naturais contra os incendios
“A xente planta porque abandona a gandería, non por que veña Altri, porque se non é Altri será Ence”, considera, e defende que o monte debe ter tamén unha vocación produtiva porque “onde hai plantacións arde menos”. “Na zona da Rede Natura da Serra do Careón, que divide o concello de Palas con Toques, cada 4 ou 5 anos hai incendios, en parte porque non deixan tocarlle ao monte e está abandonado”, di. Carlos é comuneiro do monte veciñal Berbetouros Norte, onde contan con distintos usos, desde produción de madeira (unhas 50 hectáreas a piñeiro e 5 a eucalipto) a aproveitamento agrogandeiro. “Temos unha gran parte do monte a pastizal desde fai 40 anos. Son en total unhas 54 hectáreas, porque agora vimos de transformar 20 hectáreas de forestal, que estaban a piñeiros, en pastos para os comuneiros”, explica. A maiores, tamén teñen alugadas 15 hectáreas durante 30 anos á empresa murciana Bioflytech que, logo de acometer un investimento de máis de 20 millóns de euros, está a comezar a producir distintos produtos a partir das larvas da mosca soldado, como graxa ou fariña de proteína. Carlos destaca que esta industria vai crear 50 postos de traballo. 

“Unha planta de nova creación vai ter moitas medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”

Desde a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) o seu presidente, Francisco Bello, mostra a súa “satisfacción” pola creación dunha nova industria forestal en Galicia. “Como organización agraria defensora tamén do sector forestal galego, Asaga non pode máis que apoiar e manifestar a súa satisfacción por que apareza en Galicia unha empresa innovadora que mellore o aproveitamento da materia prima forestal de Galicia para facer celulosa e biocel a partir de eucalipto”, afirma. “Todos os produtores forestais de Galicia teríanse que ver favorecidos, ademais da comarca da Ulloa, beneficiada polos postos de traballo directos e indirectos tan necesarios nesa zona, como en todo o rural galego”, asegura Paco.
Todos os propietarios de monte de Galicia veranse favorecidos por unha empresa innovadora que mellorará o aproveitamento da materia prima forestal
No que respecta á instalación en si da planta e á preocupación medioambiental manifestada desde algúns sectores, desde Asaga móstranse tranquilos. “Damos por seguro que unha empresa de innovación que vai crear unha nova planta de cero non só o vai facer cumprindo a normativa galega, estatal e europea en materia de medio ambiente, senón que vai ir máis alá do que obriga a propia lei. Por ser un proxecto innovador que parte de cero, vai tomar moitas máis medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”, conclúe.

Experiencias de veterinarios e gandeiros coa EHE: “Somos conscientes de que esta enfermidade vai causar estragos”

Emilio Buenadicha, Javier Sabín e José Taboada, xunto a Roberto López, portavoz de Agromuralla A enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) é a gran espada de Damocles sobre as cabezas de gando vacún das explotacións galegas para este 2024. Coa chegada da primavera e o aumento das temperaturas, os insectos culicoides que actúan de vectores do virus comezan a multiplicarse e con eles aumenta o risco de contaxio do gando. Como cando foi da pandemia da covid-19 en humanos, o ano pasado déronse moitos paus de cego no tratamento dos animais afectados por EHE. Desa experiencia previa é necesario aprender para enfrontar a ameaza este ano. Tres veterinarios que loitaron contra a enfermidade en Galicia e Castela e León no 2023 contaron nunha recente xornada organizada pola asociación Agromuralla algunhas das claves para entender como se comporta o virus e deron algúns consellos para enfrontar as súas consecuencias nas granxas tanto de leite como de carne.  
Emilio Buenadicha, veterinario clínico en Salamanca

“Non é certo que a EHE afecte só a animais inmunodeprimidos”

Emilio Buenadicha é veterinario clínico en Salamanca, onde a EHE tivo unha importante afectación o ano pasado. En Castela e León, ao igual que na veciña Estremadura, a maioría das ganderías son explotacións de carne que teñen as súas vacas en extensivo. “Cando vai moita calor, as vacas vanse ás zonas máis húmidas e sombrías, que é precisamente onde se atopa o insecto”, explica. Estar desinfectando cando o gando está fóra non é unha labor doada e leva tempo, pero Emilio propono como unha primeira barreira de contención. “Os repelentes non son a panacea, pero algo axudan. Non é unha guerra perdida, pero incluso desinfectando moito, bañando ás vacas incluso a diario, en moitos casos non conseguimos frear a enfermidade e evitar que a EHE chegase a esa explotación”, relata.
O uso de repelentes non é a panacea, pero algo axuda
Outra das confusións existentes en relación á enfermidade é a que animais afecta. “Os animais máis débiles son máis propensos a sufrir casos clínicos como consecuencia da enfermidade, porque se o virus entra nunha vaca que xa está nun estado de carnes complicado vai ser máis difícil que saia adiante, porque vai estar un tempo sen comer, pero hai contaxios tamén en animais que están sans e fortes”, asegura Emilio. “Nun primeiro momento o Ministerio a nós díxonos que a enfermidade ía afectar só a eses casos de animais inmunodeprimidos, pero non é certo, afecta a todo tipo de animais, aínda que un animal forte deféndese mellor e resiste mellor a enfermidade e moitas veces pásaa sen sintomatoloxía (casos subclínicos) ou con sintomatoloxía máis leve”, conta. Non alongar o tratamento con antiinflamatorios En base á súa experiencia no tratamento da EHE o ano pasado, o veterinario salmantino recomendou “poñer antiinflamatorios en canto vexamos os primeiros síntomas clínicos”, aínda que advertiu tamén sobre as consecuencias de estender eses tratamentos no tempo. “Penso que é un problema, porque se unha vaca bota unha semana sen comer non sabemos se morren por non comer ou polo tratamento. Por iso o que nós empezamos a facer era se viamos que levaba 3 días sen comer deixabamos de pinchalas con antiinflamatorios e algunhas viamos que saían adiante, pero nos primeiros días si que os recomendo”, insiste. Garantir que o animal enfermo coma e beba Para Emilio, “é importante manterlles a comida e a inxesta de auga aos animais infectados”. “Se manteñen a rumia teñen menor problema para superar a enfermidade e tamén é vital que beban auga, que é case máis importante que a comida, porque se deshidratan moi rápido”, explica.
Vimos que os animais que eran capaces de beber e comer algo eran capaces de saír adiante; mentres que a vaca que se negaba era difícil recuperala, aínda que a sondaras
Para asegurarse de que comen e beben, recomendou en determinados casos separar os animais enfermos dos sans, para deste xeito telos máis vixiados e controlados. “Un dos problemas en réximes en extensivo que tiñamos nós era garantir que eses animais enfermos tiñan acceso á auga e estaban hidratados. Hai que vixiar aos animais infectados e unha das cousas que vimos que axuda bastante é o illamento dos animais positivos para facilitarlles o acceso á auga e á comida, porque os animais que eran capaces de beber e comer algo durante o proceso da enfermidade viamos que normalmente eran capaces de saír adiante, mentres que as vacas que se negaban a comer e beber era moi difícil recuperala, aínda que a sondaras”, aclara. Consecuencias na fertilidade do rabaño Máis alá de provocar caídas na produción e mesmo a morte ou danos irreversibles nos casos máis graves, unha das secuelas habituais da EHE dáse no ámbito reprodutivo. “Moitos gandeiros que pensaban que tiñan as vacas preñadas ven agora que saen en celo e moitos touros quedaron totalmente infértiles”, explica.
Moitos gandeiros que pensaban que tiñan as vacas preñadas ven agora que saen en celo
“No forte da enfermidade viamos abortos a término e tenreiros que nacían sen gañas de mamar. Agora estamos tendo problemas de malformacións en feto en vacas que estaban no último terzo da xestación”, detalla Emilio. Preocupación polo serotipo 6, que circula por Marrocos En comunidades como Estremadura ou Castela e León, moi afectadas polo serotipo 8 do virus, chegado dende Túnez no 2023, temen agora a entrada este ano do serotipo 6 procedente de Marrocos. “Hai case tanta preocupación por iso como polo que tivemos o ano pasado. Porque compañeiros da zona de Cádiz, que xa tiveran algún caso o ano anterior, comentan que o segundo ano a afectación baixa moito. Pero se vén un serotipo novo o cadro clínico pode variar”, alerta este veterinario salmantino.
Javier Sabín, veterinario e gandeiro da Capela

“Houbo moitos máis casos dos declarados”

Javier Sabín é veterinario en A Capela, onde traballa sobre todo en granxas de carne. Ademais, el mesmo é gandeiro e sufriu no seu rabaño a enfermidade, que se cebou nesta zona de Ferrolterra, unha das máis afectadas de Galicia o ano pasado. “Houbo moitos máis caos dos declarados. Moita xente non deu avisos por medo a peche e bloqueo das explotacións”, asegura Javier, que pide avanzar nun mapa epidemiolóxico para coñecer cal é a situación real da enfermidade en Galicia. “Gustaríame que se fixeran máis sangrados para tranquilizar aos donos dos animais, porque nas zonas onde houbo casos o ano pasado a inmunidade seguramente será maior, porque boa parte dos animais estiveron en contacto co virus”, argumenta.   Momento de estrés na granxa Ademais de veterinario, Javier é tamén gandeiro e lembra como un momento de preocupación e incerteza a entrada da EHE na súa explotación e o incremento da carga de traballo que supón facer fronte á enfermidade. “Teño vacas en extensivo en varios lotes e é un momento estresante porque tes que separar vacas; é un trastorno a nivel manexo”, asegura. Recomenda controlar ao día aos animais, ver que comen e beben e, se iso é así, “nunha semana por si sos superan a enfermidade”, di.
Nas explotacións que contan con sistemas de monitorización pode detectarse antes a EHE; vese unha caída de rumia antes de que aparezan os primeiros síntomas visibles na vaca
No seu rabaño conta con colares de monitorización do gando, o que permite unha detección precoz da enfermidade. Ista vantaxe, di, dáse sobre todo nas explotacións de leite, moito máis dixitalizadas polo xeral que as de carne. “Nas granxas de leite temos maior capacidade de reaccionar ante un cadro clínico. Moitas granxas xa teñen sistemas de monitorización e neles vese unha caída de rumia antes de que aparezan os primeiros síntomas visibles na vaca”, explica. Tanto en explotacións de leite como en ganderías de vacún de carne, Javier recomendou adiantarse á enfermidade e tomar certas decisións prevendo a posible afección da EHE en Galicia este ano. “Se estás cebando vacas para mandar a matadoiro, eu aconsello adiantar a súa saída antes de que cheguen os meses de calor, para previr que poidan coller a enfermidade e baixar, xa que logo non vai ser doado que recuperen eses quilos”, argumenta. “É necesario que se controle o transporte do gando” Á hora de previr a enfermidade e minimizar as súas consecuencias, Javier considera que “non por máis desinfectar van aparecer menos casos”. “Eu penso que a solución vai máis pola inmunidade do rabaño”, di en relación á vacinación, pois “cantos máis animais teñamos inmunizados menos circulación vai haber do virus e menor incidencia vai ter”.
O primeiro caso en Galicia foi en Abegondo, moi cerca dun matadoiro; branco e en botella
Pide ademais “que se extreme o control e a desinfección no transporte do gando”, como un dos factores de risco que estarían detrás, na súa opinión, da chegada da enfermidade a Galicia. “O primeiro caso que houbo en Galicia foi en Abegondo e moi cerca de alí está un matadoiro: branco e en botella”, afirma. Os movementos de animais poderían estar tamén detrás da entrada da EHE en España, dado que o serotipo 8 que circulou o ano pasado pola península procede de Túnez, un país ao que se exporta gando vacún en barco desde portos de Andalucía e o Mediterráneo.
José Taboada, veterinario e gandeiro de Portomarín

“En canto apagamos os ventiladores, a EHE empezou a afectar a vacas leiteiras estabuladas”

José Taboada ten unha explotación de leite en Portomarín e traballa tamén como veterinario noutras granxas, tanto na provincia de Lugo como na da Coruña. “Os casos que atendín eu foron sobre todo en granxas leiteiras, nalgún caso con máis da metade dos animais infectados”, explica. José observa un patrón claro nos contaxios en explotacións lácteas: “Nos meses de xullo e agosto a enfermidade afectaba sobre todo a vacas secas e xovencas que estaban fóra, máis que ás de produción que estaban dentro, porque tiñamos os ventiladores funcionando. Pero en canto apagabamos os ventiladores, en setembro, outubro e novembro, empezou a afectar sobre todo aos animais que estaban nos establos. Daba igual que fose unha granxa antiga ou moderna; as instalacións inflúen relativamente”, asegura.
No outono, en canto baixan as temperaturas, os mosquitos buscan refuxio nos establos; dá igual que sexa unha granxa antiga ou moderna; as instalacións inflúen relativamente pouco
Este cambio de incidencia débese, afirma, a que “o insecto transmisor busca tamén calor dentro a medida que baixan as temperaturas fóra. En pleno mes de decembro houbo un caso en Touro”, lembra.  Os efectos da entrada da enfermidade nas explotacións nótanse aínda varios meses despois de sufrir a EHE. “Estoume atopando agora moitos fallos en reprodución; houbo granxas que subiron unha dose ou dúas por vaca tranquilamente como consecuencia da enfermidade”, afirma. Problemas diagnósticos “Somos conscientes de que esta enfermidade vai causar estragos”, asegura José, que aposta por mellorar o diagnóstico. “Temos que ser cautos e sangrar para estar seguros, porque hai outras enfermidades con cadros hemorráxicos e respiratorios que se poden confundir coa EHE, como casos de clostridium”, exemplificou.
Hai máis control nas granxas de leite que nas de carne
Á hora de detectar a EHE este veterinario considera que “as granxas de leite xogan cunha vantaxe de 2 días na detección, o que implica coller a enfermidade moito antes”. “Hai máis control nas granxas de leite que nas de carne”, defende.   Anima ademais aos gandeiros afectados a notificar os casos, “porque senón a Administración segue no seu 1-2% de prevalencia e non sae de aí”, di. “Pasa o mesmo que coa vacina da lingua azul, que non se notifican os casos de abortos ou os shocks anafilácticos por choque con penicilina e para a Xunta non se producen”, comparou. Tratamentos alternativos José é certificador do selo ELUA, que obteñen aquelas explotacións que producen leite A2 e non empregan antibióticos e produtos desparasitantes no gando. “Eu son máis partidario de poñer antiistamínicos que antiinflamatorios no gando enfermo con EHE e gústame moito traballar con levaduras vivas e probióticos para volver a poñer a rumia a andar”, explica. Con todo, recoñece que non se acadan os mesmos resultados en todos os animais infectados. “Tiven casos de vacas que quedaron a cero litros e nunha semana estaban producindo no mesmo nivel ca antes e outras coa mesma pauta de tratamento que non se acabaron de recuperar e seguen con altibaixos”, admite.
Eu son máis partidario de poñer antiistamínicos que antiinflamatorios
En canto ás medidas de control, José remarca a necesidade de reducir os desprazamentos do gando. “Non poden vir sacrificarse vacas desde Cádiz a Galicia, porque iso está xerando transmisión. Non fomos eficaces na prevención, en frear o avance da enfermidade”, asegura.  A nivel de explotación, remarca que “se estamos todas as semanas sulfatando aos animais non nos queda un euro no peto”. “Hai que valorar as medidas desde o punto de vista custo-beneficio; iso supón outro protocolo máis nunha granxa que normalmente xa está chea de protocolos e saturada de traballo. Temos que xerar pautas e protocolos cómodos para os gandeiros”, defende.
Temos que xerar pautas e protocolos de desinfección cómodos para os gandeiros
Por iso, di, “nalgunhas granxas estamos metendo repelentes vía oral, de maneira que os animais os eliminan no suor e nos ouriños e existen tamén pedras de lamber específicas con plantas repelentes”, explica. Tamén funciona a plantación de determinadas especies de plantas no entorno dos establos, como a citronela, que actúa como repelente natural para os mosquitos. A loita biolóxica é outra das posibilidades, como a solta de moscas caníbales que comen as larvas dos culicoides. “Antes de que saltara a pandemia da covid-19 estabamos traballando nun proxecto en granxas de Castela introducindo morcegos, xa que un morcego pode comer até uns 10.000 mosquitos nunha noite”, di.  

“A industria está xogando con lume coas novas baixadas de prezo”

Acto informativo de Agromuralla sobre o Cártel do Leite celebrado este xoves en Lugo Resignación e cabreo a partes iguais entre os produtores de leite ante a decisión das empresas que lles recollen o leite de baixarlles o prezo de compra para os vindeiros meses e advertencia clara das consecuencias que esta baixada pode ter na produción. “As industrias están xogando a unha carta moi arriscada”, advirten desde a asociación de gandeiros Agromuralla, que convidan ás empresas a “recapacitar” e retirar os contratos á baixa se non queren verse nos vindeiros meses nunha situación de “desabastecemento” como a que se deu tralo verán de 2022.
Se temos problemas cos animais pola EHE e o prezo non axuda, a industria e os supermercados van ter desabastecemento como tiveron fai ano e medio
No transcurso dun acto con asociados para informalos da situación actual das reclamacións presentadas, o portavoz de Agromuralla, Roberto López, lembrou que enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) supón “un campo de minas para as explotacións que vai facer estragos nos vindeiros meses”, polo que, dixo, “se temos problemas cos animais non imos poder producir leite”. Cinismo das industrias e as cadeas de distribución Roberto López referiuse á actual proposta de renovación de contratos para a compra do leite por parte das industrias en Galicia, que inclúen baixadas xeralizadas de 2 a 5 céntimos, e asegurou que supón “un novo roubo ás explotacións porque o prezo do leite non baixou nos liñais dos supermercados”. O portavoz de Agromuralla lembrou as recentes declaracións de Joan Roig, dono de Mercadona, na presentación de resultados do exercicio 2023, no que a cadea de supermercados valenciana incrementou os seus beneficios un 40% mentres os seus provedores en Galicia (Naturleite e Entrepinares) baixaban o prezo do leite ás ganderías. “Así non se axuda ao sector agrogandeiro”, concluíu Roberto López respostando ás palabras de Joan Roig nas que defendía que os produtores tiñan que gañar diñeiro tamén.

En prazo até setembro para reclamar contra o Cártel do Leite entre 3 e 4 céntimos por litro entregado entre os anos 2000 e 2013 máis intereses

Trala confirmación por parte da Audiencia Nacional, en 9 sentenzas da sala do contencioso-administrativo comunicadas o pasado 21 de febreiro, da existencia dun Cártel Lácteo entre os anos 2000 e 2013 do que formaban parte algunhas das principais empresas por volume de recollida, Agromuralla asegura que “o xogo sucio por parte da industria e a distribución continúa”. A asociación, con presenza sobre todo na provincia de Lugo, onde estarían a maior parte dos afectados, recomenda aos gandeiros que aínda non presentaron reclamación que o fagan. O prazo legal para interpoñer as correspondentes demandas pola vía civil en concepto de danos e prexuízos continúa aberto até o mes de setembro, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea sentara xudisprudencia ao respecto ampliando o prazo de prescrición inicial, que finalizaba en xullo do 2020.   A contía económica da indemnización que podería corresponder a cada granxa sería de entre 3 e 4 céntimos por litro de leite vendido á industria entre os anos 2000 e 2013, máis os intereses correspondentes, que poderían mesmo duplicar esa cantidade.  
Poden interpoñer demanda explotacións que xa pecharon ou aquelas que entregaran o leite a unha industria que non pertencera ao Cártel
As granxas que estaban en activo neses anos, independentemente de que a día de hoxe teñan ou non actividade, poden reclamar eses cartos. Non é necesario tampouco que entregaran o leite a algunha das 8 empresas multadas no 2019 pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia por intercambiar información co ánimo de pactar prezos e provedores (un comportamento anticompetencia ratificado agora pola Audiencia Nacional), senón que aínda que se vendera leite a outra industria as 8 que formaban o Cártel do Leite (Pascual, Lactalis, Nestlé, Schreiber, Celega, Capsa, Danone e Puleva), estas terían que facerse cargo de maneira solidaria da indemnización, pois todas as granxas, as que elas recollían es as demais, teríanse visto afectadas pola baixada de prezo pactada. Máis de 50.000 granxas afectadas As reclamacións teñen que ser individuais e o proceso prevese aínda longo, de entre 2 e 6 anos para coñecer as primeiras resolucións dos tribunais, pois trala resolución da Audiencia Nacional espérase que as industrias recurran agora ao Tribunal Supremo. Neste momento máis de 12.000 granxas en toda España, 7.000 delas en Galicia, teríanse sumado a algunha das reclamacións en marcha, pero moitas outras poderían tamén presentar demanda, xa que se estima en máis de 50.000 as granxas afectadas polo Cártel do Leite, todas as explotacións con entregas que había no período 2000-2013. Arredor da metade destas ganderías estarían en Galicia.
O respaldo da Xustiza supón unha inxección económica e moral moi importante para o sector ao confirmar que durante moitos anos as industrias estivéronnos roubando
“As industrias acordaron prezos durante eses 13 anos e puxéronse dacordo para repartirse as granxas e evitar deste xeito que cambiaramos de empresa. Esa actuación ilegal das industrias fixo moito dano ao sector, provocando o peche de moitas explotacións e forzando á xente nova a desistir e a abandonar a actividade”, asegura Roberto López, portavoz de Agromuralla.   “Hoxe quedamos menos de 10.000 granxas de leite en España, polo que aquel dano é irreparable, pero as sentenzas da Audiencia Nacional e as reclamacións de danos e prexuizos que delas se derivan supoñen unha inxección económica e moral moi importante para o sector”, valora.

“Estamos aburridos da burocracia, nos despachos descoñecen o que é o agro”

As protestas do agro que se viviron en Europa nas últimas semanas mantéñense activas a nivel de Galicia e do resto de España. No caso galego, tralas tractoradas da pasada semana en Lugo e Ourense, a asociación Agromuralla desprazouse hoxe á Coruña para protagonizar unha manifestación a pé polas rúas da cidade ata a Delegación do Goberno. O colectivo pide un xiro radical nas políticas dirixidas ó agro. “Ténsenos que ter en conta á hora de facer as normativas porque nos despachos vemos que hai un absoluto desprezo e descoñecemento do agro” -opina o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez-. “Estamos aburridos de burocracia, para unha explotación pequena é inasumible cumprir con todos os requerimentos de burocracia e con todas as esixencias das novas normativas”, advirte. “A sociedade tense que preguntar por que cada vez pechan máis explotacións agrarias e quedan menos. Se algunha persoa nova se quere incorporar, atópase con zancadillas por tódolos lados”, cuestiona Pérez. A suba de custos foi outra das queixas do sector. O presidente de Agromuralla pronúnciase contra novas normativas, como a de xurros, a do veterinario de explotación ou a de benestar animal. Pérez pide ademais a derogación ou modificación da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible. “Non estamos en contra do medioambiente, somos conscientes de problemas como o cambio climático e somos os primeiros que estamos dispostos a traballar para mellorar as cousas, pero as normativas téñense que facer sentándose con nós”, defende. “Hai que dicir que xa basta e que as Administracións corrixan os erros. Os gandeiros e agricultores somos esenciais, somos os mesmos que alimentamos á poboación durante o coronavirus e somos os que coidamos a terra. Bótasennos culpas que non temos”, critica Pérez. Un dos carteis que exhibiron os gandeiros na protesta de Agromuralla. Convocatoria das organizacións agrarias Para mañá venres está previsto que as organizacións agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga) detallen a mobilización que teñen convocada para o próximo martes 20. As tres organizacións anunciaran xa hai semanas que aprazaban a protesta ata que pasaran as eleccións, para evitar que a mobilización se instrumentalizase ou se puidese ver como unha protesta con tintes políticos. Diferente é a opinión de Agromuralla, que hoxe se desprazou á Coruña para concentrarse ante a Delegación do Goberno: “Non entendemos por que non nos podemos manifestar antes das eleccións. En Europa e en España xa levan semanas de protestas. Serán os sindicatos os que teñan que explicar por que non se manifestan”, cuestiona Pérez. Para esta tarde, espérase que Agromuralla continúe con accións de protesta 'sorpresa'. Cabecera da protesta. Un dos carteis que se exhibiron na mobilización. Actualización En paralelo ás protestas de Agromuralla na Coruña e comarca, desenvolveuse en Madrid unha reunión entre o ministro Luis Planas e as organizacións agrarias Asaja, Coag e Upa, que acordaron un primeiro paquete de medidas para simplificar a PAC e as normativas asociadas, así como para aumentar os controis da cadea alimentaria.

Agromuralla anuncia unha manifestación a pé na Coruña para mañá, xoves 15

A asociación Agromuralla vén de anunciar esta mañá unha manifestación na Coruña para mañá, xoves 15, a partir das 12 horas. A mobilización dirixarase a pé desde o Coliseum (12 horas) ata a delegación do Goberno, onde se lerá un manifesto. Para as 16.30 h. anúnciase outro acto de mobilización, sen concretar. O obxectivo da manifestación, din, é manter viva a chama das tractoradas das últimas semanas en España, con mobilizacións no caso galego en Lugo e Ourense. Con esta convocatoria, Agromuralla desmárcase da protesta unitaria convocada polas organizacións agrarias da Cornisa Cantábrica para o martes 20 de marzo, tralas eleccións galegas. As organizacións agrarias Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga preferiron agardar ó remate da campaña electoral, para evitar unha posible instrumentalización da protesta, pero por parte de Agromuralla non o ven así. En nota de prensa remitida ós medios, o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, considera "insuficientes" os compromisos acadados por parte dos Gobernos das distintas Administracións para facer fronte á "situación de emerxencia que vive todo o sector primario", polo que fai un chamamento a "manter a presión" para que as reivindicacións dos produtores sexan "escoitadas e atendidas". A asociación enfoca as súas reivindicacións pola derogación da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, en liña coas demandas da polémica plataforma 6F. “Un dos motivos da protesta é solicitar a retirada da Axenda 2030, aprobada polo Goberno español en sintonía coa Estratexia da Granxa á Mesa da UE, pois afoga a agricultura e a gandería con imposicións imposibles de cumprir, como a nova normativa de xurros", sinalan en nota de prensa. En liñas xerais, Agromuralla pide a redución da burocracia, a reforma e simplificación da PAC, a modificación das normativas ambientais e un prezo xusto polos produtos en orixe. O acto está convocado por Agromuralla, pero o colectivo sinala que está prevista a participación de distintos colectivos e asociacións de produtores chegados desde distintos puntos de Galicia, en representación de sectores como o do leite, o da carne, o ovino, o porcino, a produción hortícola ou a pesca. Na súa nota de prensa, Agromuralla fai un “chamamento expreso” á participación das organizacións agrarias.

Tractoradas galegas contra a burocracia e o endurecemento de normas ambientais no agro

Protesta dos agricultores e gandeiros concentrados diante da Subdelegación do Goberno en Ourense A xornada de protestas de agricultores e gandeiros convocada este martes a nivel de toda España foi secundada en Galicia con tractoradas nas cidades de Ourense e Lugo. Os produtores esixen, entre outras cuestións, cambios na Política Agrícola Común, a derogación dos Reais Decretos de xurros, fitosanitarios ou Caderno Dixital, así como maior control das importacións de produtos procedentes de terceiros países. É unha mobilización que ten a súa razón de ser no sentir xeral que existe no agro sobre unha "excesiva burocratización". Tamén hai malestar polo que se consideran normativas cada vez máis restritivas a nivel ambiental e de benestar animal. A outra cara da moeda é a visión de Bruxelas, onde a PAC consume arredor dun terzo do presuposto comunitario. É unha aportación de tal dimensión que parte dos países da UE só están de acordo con esa financiación se leva aparellados compromisos ambientais ligados coa biodiversidade, o cambio climático e o benestar animal. Son as novas esixencias excesivas?. Queda claro que no agro así se percibe. As protestas organizáronse a través de grupos de whatsapp, á marxe das organizacións agrarias, se ben co apoio de asociacións do sector, como Agromuralla. En tanto as organizacións agrarias retrasan as protestas ata pasada á campaña electoral, "pois na nosa historia nunca nos manifestamos en campañas electorais", segundo lembran desde unha das organizacións, os produtores que saíron hoxe á rúa acusan de "pasividade" ás organizacións do agro. Desde Agromuralla piden "eleccións inmediatas no campo", que en Galicia levan case 20 anos sen celebrarse, para poderen elixir aos seus representantes nos foros e órganos de participación coas Administracións públicas, onde se dirimen asuntos do sector. 200 tractores en Ourense A protesta máis numerosa xuntou en Ourense a uns 200 tractores chegados desde distintos puntos da provincia, desde produtores de pataca e cereal da Limia a gandeiros de vacún de carne de Montederramo e Castro Caldelas. A primeira hora da mañá paralizaron o polígono industrial de San Cibrao das Viñas para despois dirixirse ao centro da cidade, até diante da Subdelegación do Goberno, blindada con furgóns policiais e medio cento de antidisturbios. A convocatoria das protestas en toda España ten carácter indefinido e os manifestantes permaneceron até ben entrada a tarde na capital ourensá. “Non sabemos aínda se marchamos ou se quedamos, temos que decidilo aínda”, explicaba a Campo Galego Javier, gandeiro de Montederramo.
En Ourense tivo lugar a protesta máis numerosa e os produtores non descartan cortar a autovía A-52 cos seus tractores
De todas as reivindicacións detalladas no Manifesto Estatal 6 de Febreiro, no seu caso, o que máis lles afecta, tendo en conta o seu sistema de produción en extensivo, son novos requisitos impostos nos ecorreximes da PAC ou esixencias como a do Caderno Dixital. O gandeiro pide tamén o control do lobo e que se free o Tratado de Libre Comercio con Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), que podería “inundar de carne de vacún o mercado europeo”, tirando aínda máis os prezos que cobran produtores coma el e que seguen estando, di, “por debaixo dos custos de produción”. No caso do grupo de tractores procedentes da comarca da Limia, as crecentes restricións no uso de produtos fitosanitarios e as novas normas en materia de abonado, así como a obriga de deixar sen labrar un 4% da superficie de cultivo para poder cobrar a PAC, son as queixas máis recurrentes. Desde a Comisión Europea, tralas protestas vividas nas últimas semanas en Francia e Bruxelas, xa avanzaron que valorarán eliminar para este ano o requisito ambiental de deixar un 4% das terras a barbecho. Tamén se van redefinir os obxectivos de redución de fitosanitarios. Excesiva burocracia Tractores aparcados a mediodía no Polígono Industrial das Gándaras, en Lugo En Lugo, máis de medio cento de tractores chegados de distintos puntos da provincia tomaron as rúas da capital. Participaron nas protestas gandeiros de carne e de leite. A asociación Agromuralla apoiou as marchas, nas que tamén había socios de Gandeiros Galegos da Suprema. Uns e outros quixeron facer escoitar a súa voz e “secundar o clamor dos agricultores e gandeiros de toda Europa contra as políticas que se aproban en Bruxelas", explicou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que participou na caravana de tractores que partiu do municipio da Pastoriza.
A asociación Agromuralla apoiou as marchas na provincia de Lugo
Barreiro esixiu cambios na Política Agrícola Común e nas normativas europeas que están "afogando ao sector primario". "Todas as normas que veñen de Bruxelas e que despois aplica o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia supoñen máis traballo e máis gasto para as explotacións", afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de "lexislar en contra do sector". Ao final de la tarde, coincidindo coa volta dos tractores cara aos seus lugares de orixe, ocasionaron cortes de tráfico e importantes retencións na autovía A-6 á altura de Nadela. Apoio da Xunta O conselleiro do Medio Rural, José González, manifestou o apoio da Xunta de Galicia aos produtores e esixiu ao ministro Luis Planas “que defenda con firmeza” aos agricultores e gandeiros galegos e españois diante das institucións europeas. Entre outras medidas, instou á Comisión Europea a unha “moratoria inmediata” da lexislación comunitaria ligada á nova PAC e que supón, dixo, “un conxunto de trabas burocráticas e esixencias medioambientais que poñen en perigo a sostibilidade económica das explotacións”.

Bloqueo de autovías no resto de España e en Portugal

As protestas secundadas en distintas comunidades autónomas supuxeron dificultades para o tráfico e o bloqueo dalgúns centros de abastecemento de alimentos. As tractoradas máis numerosas tiveron lugar en Lleida, onde centos de tractores cortaron a autovía A-2. Tamén houbo cortes en Castela e León e Andalucía, así como en Portugal, onde os produtores lusos cortaron a autoestrada A-3 entre Valença e Tui, impedindo o tránsito pola fronteira con Galicia.
Os agricultores e gandeiros lusos cortaron o tránsito na fronteira con Galicia
En Madrid, os agricultores e gandeiros dificultaron a entrada á capital e en Aragón impediron o normal funcionamento de Mercazaragoza, ao igual que en Logroño. En Andalucía, estivo cortado o acceso ao porto de Málaga.  Nova cesión de Bruxelas Logo de decidir a semana pasada, en resposta ás tractoradas en Francia e Alemaña, aprazar un ano máis a obriga de deixar sen labrar o 4% das terras de cultivo para poder cobrar a PAC, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, avanzou este martes unha nova cesión para tratar de acalar as protestas, que se seguen estendendo por outros países.
A Comisión Europea retira a Lei de Uso Sostible de Pesticidas, na que propuña unha redución do 50% dos produtos fitosanitarios no 2030
Von der Leyen anunciou diante do Parlamento Europeo a retirada da nova Lei sobre Uso Sostible de Pesticidas, coa que se pretendía reducir un 50% o uso de produtos fitosanitarios na UE en 2030, en sintonía cos obxectivos da Estratexia Da Granxa á Mesa. O Executivo comunitario aposta agora polo “diálogo” cos agricultores para reformular a normativa e por un “enfoque diferente” ao dos obxectivos xuridicamente vinculantes para os Estados membros.  
https://www.campogalego.gal/decalogo-de-reivindicacions-dos-sindicatos-agrarios-de-cara-mobilizacions-en-galicia/

Xornada sobre a EHE e os novos cambios lexislativos que afectan ás granxas leiteiras o venres 9 de febreiro en Lugo

Tractorada de Agromuralla no centro de Lugo en novembro do 2021 polos baixos prezos do leite A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla organiza o venres 9 de febreiro pola mañá no salón de actos da Escola Politécnica de Lugo unha xornada informativa sobre as últimas normativas que afectan ás granxas de produción de leite e sobre os perigos que supón a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) para o gando.  O programa inclúe como ponentes a técnicos da Administración que abordarán aspectos como os novos reais decretos sobre medicamentos, Plan Sanitario Integral e veterinario de explotación ou SIEX e Caderno Dixital. A segunda parte da xornada estará centrada na EHE, unha enfermidade emerxente que fixo notar os seus efectos en Galicia o pasado outono e que de cara a esta primavera ameaza gravemente ás explotacións de vacún, tanto de leite como de carne, debido ás súas graves consecuencias.
Agromuralla esixe axudas que cubran a totalidade dos gastos veterinarios pola EHE e o lucro cesante pola perda de produción, ademais da posible morte de animais
Para falar da EHE Agromuralla contará con especialistas como Alberto Prieto, investigador do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, e diversos veterinarios e gandeiros, tanto de Galicia como de Ávila ou Extremadura, lugares onde a enfermidade atacou de maneira moi importante en 2023. Novas esixencias en materia de abonado e benestar animal  O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que será o encargado de abrir as xornadas, explica que "este 2024 é un ano de moitos cambios no sector como consecuencia da entrada en vigor de novas normas de abonado, benestar animal ou dixitalización que condicionan de maneira importante a rendibilidade das explotacións leiteiras, polo que resulta fundamental contar con información precisa e de primeira man sobre a súa aplicación". Do mesmo xeito, desde Agromuralla esíxese á Administración "que contemple unha liña de axudas específica para facer fronte ás consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica nas explotacións que inclúa os custos veterinarios e de tratamentos, así como o lucro cesante por perda de produción, ademais da posible morte de animais". 

Solidariedade coas protestas de agricultores noutros países europeos, debido á "burocratización" da produción

José Luis Pérez Barreiro quixo mostrar tamén "a solidariedade dos gandeiros e gandeiras galegas" cos produtores de países como Francia ou Alemaña que estes días se manifestan cos seus tractores en demanda de melloras para o sector. Sobre a posible organización de protestas similares en Galicia, non as descartou e indicou que "neste momento estanse valorando todas as posibilidades". "O sector primario en toda Europa ten problemas comúns, como son unha excesiva burocratización e a falla de garantías dun prezo xusto para os alimentos que producimos", asegurou o presidente de Agromuralla.  "Todo o que vén de Bruxelas supón máis traballo e máis gasto para as explotacións; a día de hoxe xa pasamos máis tempo cubrindo papeis que atendendo aos animais ou ás terras", afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de "lexislar en contra do sector".  En relación á viraxe ambientalista da UE, o presidente de Agromuralla dixo que "as políticas verdes non poden supoñer ir en contra da seguridade alimentaria da poboación". "Somos os primeiros que queremos coidar o medio ambiente e, de feito, os agricultores e gandeiros somos os xestores do territorio e os que coidamos da natureza", insistiu.

Resposta de Agromuralla á FENIL: “Os que arruinan ás industrias lácteas son os seus directivos, non os gandeiros”

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla considera "intolerables e inaceptables" as declaracións do secretario xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas, Luis Calabozo, culpando ao prezo do leite en orixe da perda de competitividade do sector lácteo en España. 

Para o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, con este tipo de declaracións "as industrias tratan de poñer aos consumidores en contra dos gandeiros que producimos o leite, acusándonos de ser os culpables do encarecemento da cesta da compra, cando a realidade é que este ano baixáronnos un 20% o prezo que nos pagan polo leite aos produtores sen que baixara nada nos supermercados". 

Para producir necesitamos estabilidade nos prezos, porque unha xata non se cría en 5 meses nin un establo se paga nun ano

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Segundo denuncia Agromuralla, "as industrias lácteas teñen en marcha neste momento un complot para baixar o leite aos gandeiros" e contan "coa connivencia das Administracións públicas", pois "nin a Xunta nin o Ministerio están a mover un dedo en favor dos produtores, permitindo baixadas unilaterais impostas polas industrias e que incumpren a Lei da Cadea Alimentaria". 

"As empresas queren facerse ricas a costa dos produtores", denuncia Pérez Barreiro, que acusa á FENIL de propoñer "un sector lácteo terceiromundista para España, onde as industrias obteñan os seus beneficios a base de comprar a materia prima barata". 

As empresas queren un sector lácteo terceiromundista para España, onde as industrias obteñan os seus beneficios a base de comprar a materia prima barata

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

"Tanto as industrias como as cadeas de supermercados están a presentar as súas contas do ano pasado con datos de facturación récord en todos os casos", lembra o presidente de Agromuralla, que di que "os que arruinan as empresas lácteas non son os gandeiros senón os seus directivos".  

Cinismo coas importacións

José Luis Pérez Barreiro acusa tamén ás industrias de "cinismo" a respecto das importacións de leite, queixo e outros produtos lácteos. "As industrias son as principais culpables de que España sexa deficititaria en leite e son as primeiras en mercar fóra; de feito agora están a baixarnos o leite aos gandeiros en España porque prefiren traer leite e queixos baratos doutros países", di. 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80038" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

España é un país deficitario en produción de leite que se ve obrigado a mercar unha cuarta parte dos produtos lácteos que consume; é normal que aquí se pague máis polo leite que noutros países

Agromuralla considera normal que o prezo do leite en España sexa superior ao doutros países da UE que son excedentarios, caso de Alemaña, Francia ou Holanda e  lembra que "España é un país deficitario en produción de leite que se ve obrigado a mercar máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume". 

A produción total española é uns 7,3 millóns de toneladas e as importacións supoñen 2 millóns de toneladas máis, polo que "o prezo que se paga aos gandeiros debería reflectir esa realidade", argumenta Pérez Barreiro. 

"Os custos de produción das granxas seguen aumentando pola adaptación ás novas normativas"

Mentres os ingresos das granxas seguen baixando, logo de tres descensos no prezo do leite no que vai de ano, os custos de produción das explotacións non deixan de aumentar.

"O prezo do gasóleo para a actual campaña de ensilado do millo e sementeira das pradeiras disparouse até 1,30 euros o litro, as sementes multiplicaron o prezo, a palla segue polas nubes e a electricidade está volvendo a subir", enumera o presidente de Agromuralla, que pide que os contratos de compra do leite se referencien aos custos das granxas. 

O Caderno Dixital, a nova PAC ou a adaptación das cisternas de purín supoñen un encarecemento do que custa producir cada litro de leite que non se compensa vía prezo

Ademais do encarecemento dos insumos básicos, a adaptación aos requisitos da nova PAC e a entrada en vigor de normativas en materia materia de medio ambiente, benestar animal e dixitalización requiren investimentos aos produtores.  

"A adopción do Caderno Dixital ou a modificación das cisternas de purín para cumprir co Real Decreto de fertilización supón un encarecemento do que custa producir un litro de leite, sen que neste momento eses custos se vexan compensados vía prezo", asegura. 

Se os prezos seguen baixando camiñamos cara un novo desabastecemento polo peche masivo de granxas

Por iso, Pérez Barreiro apela á responsabilidade das empresas compradoras para garantir o relevo xeracional e o mantemento do sector produtor, porque, asegura, "se as granxas volvemos de novo aos números vermellos caerá a produción e pecharán máis explotacións". 

"Imos novamente camiño do desabastecemento, porque unha xata non se cría en 5 meses nin un establo se paga nun ano; necesitamos estabilidade de prezos e rendibilidade", defende. 

Agromuralla critica que “dende xaneiro aos gandeiros baixáronnos o prezo un 20% pero o leite para o consumidor segue igual”

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia que as granxas de leite volven estar "coa auga ao pescozo" despois de que as industrias lácteas lles volveran baixar o leite en setembro.  "Desde xaneiro baixáronnos o leite de media ás granxas un 20% pero nos supermercados segue ao mesmo prezo", explica o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro. Segundo amosan os datos do IPC do pasado mes de agosto, desde xaneiro produciuse unha suba dun 0,3% do leite enteiro nos liñais dos supermercados, mentres que o queixo incrementou o seu prezo un 2,2% e outros produtos lácteos un 4,3%, segundo os datos do INE. "Nos supermercados o leite e derivados lácteos seguen custando o mesmo, polo que as industrias e cadeas de distribución están aumentando as súas marxes a base de afogar aos que producimos o leite. É algo que debe saber o consumidor porque se está poñendo en risco o subministro dun ben básico de primeira necesidade", insiste Agromuralla.   

Peche do 40% das granxas desde o 2015

Agromuralla lembra que "España é un país deficitario en produción de leite" que se ve obrigado a mercar "máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume (a produción total española é uns 7,3 millóns de toneladas e as importacións supoñen 2 millóns de toneladas máis)", polo que "o prezo que se paga aos gandeiros debería reflectir esa realidade".  “Sen embargo, a escasa rendibilidade das explotacións impide o relevo xeracional e fai que nos últimos 8 anos pecharan en Galicia 3.800 granxas. Das 9.600 ganderías de leite que había na comunidade no ano 2015, hoxe quedan só 5.824, segundo os datos do Ministerio do pasado mes de xullo, o que supón o peche de 4 de cada 10 explotacións desde o final das cotas lácteas”, explican dende a asociación.     

Os custos de produción seguen aumentando

Mentres tanto, os custos de produción para as ganderías seguen altos, co gasóleo de novo en máximos históricos, o mesmo que as forraxes (encarecemento da palla pola seca e a escasa produción, dos rolos de silo de herba e do millo para ensilar en determinadas zonas). "A cousa empeza a complicarse de novo e os números empezan a apretarse outra vez", evidencia Pérez Barreiro.  Na súa opinión, “o incremento da produción de leite neste momento en Galicia é enganoso, xa que non se debe a unha maior rendibilidade das explotacións, senón á busca dunha maior economía de escala por parte das granxas”. "Xa perdemos toda a subida do ano pasado e ao reducirse as marxes por litro de leite faise necesario producir máis para gañar o mesmo, unha situación que nos obriga a facer investimentos e a vivirmos permanentemente endebedados", explica o presidente de Agromuralla. 

Desigualdade entre ganderías

Segundo explica a organización de produtores, as industrias lácteas aplicaron xa dúas baixadas este ano, nos meses de abril e xullo, con renovación de contratos a curto prazo e unha caída que vai dende os 8 aos 12 céntimos dende abril, dependendo da industria compradora e o volume producido pola explotación.  "Neste momento pode haber ata 8 céntimos de diferenza entre o que cobran unhas ganderías e outras, estase creando unha situación de desigualdade", asegura Pérez Barreiro. O prezo de compra dos actuais contratos varía entre os 42 e os 50 céntimos e tocaría renovar de novo antes de final de ano.

Posible adopción de medidas nos vindeiros meses

Dende a asociación de produtores lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por "abandonar aos produtores á súa sorte de cara ás sucesivas renovacións de contratos", polo que non descartan adoptar as medidas que se consideren necesarias "se as Administracións públicas non actúan en defensa dos gandeiros e continúan nesta liña de desleixo”.  "As Administracións públicas non son capaces de facer cumprir as leis que elas mesmas aproban e as industrias aprovéitanse diso e seguen campando ás súas anchas", denuncia Pérez Barreiro. "A Xunta segue sen facer público un índice oficial de custos de produción que sirva para retirar as axudas públicas a aquelas industrias que paguen por baixo dese prezo, situándose deste xeito a Administración galega a carón das industrias e non dos gandeiros; mentres a AICA, dependente do Ministerio, mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas e contratos aos gandeiros, en vez de actuar de oficio, como sería a súa obriga", considera Agromuralla. 

Agromuralla critica as propostas das industrias de baixar o prezo do leite ata 5 céntimos

Manifestación de Agromuralla polas rúas de Luno en novembro do 2021 polos baixos prezos do leite

A dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla acusa ás industrias lácteas de estar "enriquecéndose unha vez máis a costa dos produtores". "Resulta absolutamente inaceptable e intolerable unha nova baixada de prezos, como pretenden levar a cabo de xeito premeditado e coordinado todas as empresas que compran leite en Galicia", denuncia.

Agromuralla considera que "non existen razóns obxectivas de ningún tipo para unha nova baixada de prezo do leite en orixe máis aló da intención das industrias e as cadeas de distribución de facer caixa a costa de estrangular aos gandeiros". Agromuralla lembra que "España é un país deficitario en produción de leite" que se ve obrigado a mercar "máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume", polo que "o prezo debería reflectir esa realidade". 

Caída dun 30% do prezo do leite desde decembro

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

O día 31 de xullo vencen a maioría de contratos de compra de leite en Galicia e as ofertas de renovación das distintas empresas inclúen baixadas de entre 3 e 5 céntimos para os vindeiros meses. Trátase do terceiro descenso no que vai de ano, no que o prezo do leite pagado ás granxas caeu entre 15 e 20 céntimos, o que supón un descenso do 30% desde o mes de decembro, lembra Agromuralla. 

"Nos supermercados o prezo do leite segue custando o mesmo, polo que as industrias e cadeas de distribución están aumentando as súas marxes a base de afogar aos que producimos o leite. É algo que debe saber o consumidor", insiste Agromuralla. É previsible, en calquera caso, unha próxima baixada de prezos do leite no supermercado, en vista do movemento das industrias. Desde Agromuralla lembran tamén que "os insumos que temos que adquirir as granxas non baixaron na mesma proporción que o está a facer o produto que vendemos".

As granxas, sen capacidade real de negociación

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

A asociación de gandeiros denuncia ademais que os produtores seguen sen ter "capacidade real de negociación" e que os instrumentos legais establecidos ao respecto estanse a demostrar "inservibles na práctica". Neste sentido, lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por "abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación de contratos".

"A Xunta segue sen facer público un índice oficial de custos de produción que sirva para retirar as axudas públicas a aquelas industrias que paguen por baixo dese prezo, e xa non só iso, senón que modificou a normativa para permitir que industrias que incumpran coa lexislación vixente, poidan percibir axudas públicassituándose deste xeito a carón das industrias incumpridoras e non dos gandeiros; mentres a AICA, dependente do Ministerio, mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas e contratos aos gandeiros, en vez de actuar de oficio, como sería a súa obriga", denuncia Agromuralla.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80038" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Agromuralla apoia a manifestación dos gandeiros de vacún de carne o vindeiro martes en Lugo

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla, que reúne a produtores de leite das provincias de Lugo e A Coruña, mostra a súa solidariedade cos produtores de carne e acudirá o vindeiro martes 18 á manifestación que a asociación Gandeiros Galegos da Suprema ten convocada polas rúas de Lugo.  Desde Agromuralla comparten os motivos que levan á convocatoria das protestas: "as granxas de leite entendemos perfectamente os motivos que levan aos produtores de carne a manifestarse ante a situación actual de prezos baixos e altos custos de produción que están a sufrir".  "Estamos todos no mesmo barco, porque unha parte dos ingresos das granxas de leite proceden tamén da venda de carne, tanto vacas de desvelle como becerros", afirma Agromuralla, que pide aos seus asociados que acudan á manifestación deste martes.

Indefensión na negociación dos contratos do leite e dos xatos

Agromuralla insiste en que "a Lei da Cadea Alimentaria segue sen protexer aos produtores primarios". "Durante anos sufrimos nos prezos do leite a mesma situación que están a vivir hoxe os nosos compañeiros produtores de carne", asegura Agromuralla, que esixe unha "actuación decidida" das Administracións, tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura.  Agromuralla considera que tanto os produtores de leite como os de carne están en "desvantaxe" ante as industrias lácteas e o matadoiros á hora de vender os seus produtos. "Os gandeiros non temos capacidade ningunha de negociación dos contratos, demostrouse agora claramente na renovación dos contratos lácteos, cunha baixada unilateral por parte das industrias e o mesmo acontece coa compra das vacas e os xatos por parte dos matadoiros", din. 

Unha reforma da PAC insuficiente 

Ademais das marxes negativas que están a padecer neste momento os produtores de carne e que durante anos sufriron tamén os gandeiros de leite, a reforma da PAC que entra en vigor este ano é outro dos motivos de procupación para o sector. "A nova PAC para o período 2023-2027 segue sen beneficiar a Galicia, pois a maioría dos cartos seguen a ir para Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha cando a maior parte da produción gandeira está no norte de España", asegura Agromuralla, que denuncia ademais que "o reparto de fondos segue sen primar aos produtores profesionais que viven en exclusiva da actividade agrogandeira". 

Baixadas aos consumidores a costa dos produtores

Finalmente, Agromuralla critica a decisión das grandes superficies comerciais de "reducir os prezos dos alimentos a costa de castigar aos produtores". "Todos sabemos que as multinacionais da alimentación e as cadeas de supermercados non son ONG, senón que están para gañar cartos, os anuncios de baixadas de prezos son propagandísticos, destinados a enganar aos consumidores, pero a carga final desas medidas ímolas pagar coma sempre os produtores de base", denuncian. 

A Xunta reafirma o seu compromiso co sector e defende suprimir o IVE para a carne

Pleno do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne vacún de Galicia Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou esta mañá no Pleno do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Carne de Vacún de Galicia, logo da renovación do órgano. Alí, o conselleiro destacou o apoio do seu departamento aos selos de calidade en xeral e ao sector da carne en particular. Neste senso, puxo en valor -entre outras actuacións- a campaña de promoción a nivel nacional impulsada pola Xunta en colaboración co Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia para aumentar a sensibilización e o consumo dos produtos baixo este selo de Ternera Gallega Suprema. Nesta campaña investíronse 1,4 millóns de euros. Ademais, precisamente no tocante ao apoio institucional, sinalou que preto de 8.000 gandeiros da carne recibirán nas próximas semanas máis de 15,6 millóns de euros en axudas da Xunta para paliar as consecuencias no sector da invasión rusa de Ucraína, tal e como se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado venres, 31 de marzo. E concretamente, matizou, preto de 14 millóns dese importe serán para máis de 7.300 gandeiros do vacún de carne. Estas axudas véñense sumar a outras excepcionais do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión de Ucraína, achegas que foron xestionadas pola Xunta e que ascenderon a case 8 millóns de euros para o vacún de carne. Ademais, xa durante a pandemia, e coa finalidade de paliar os seus efectos, a Xunta convocou para este eido outros 9 millóns de euros en axudas. Finalmente, José González fixo referencia ao protocolo de entendemento que impulsou a Xunta entre toda a cadea de valor da carne para frear a venda a perdas entre os produtores da IXP Ternera Gallega. Neste senso, lembrou que entre todas as administracións se pode baixar a inflación con medidas como o IVE cero no que se refire á carne, sen ter que baixar os prezos que se lles pagan aos produtores para que as súas explotacións poidan seguir sendo rendibles.

Presentadas as primeiras demandas de gandeiros de Lugo contra o Cártel Lácteo en xulgados de Granada e Barcelona

Rolda de prensa conxunta de Eskariam e Agromuralla este mércores en Lugo A asociación de gandeiros Agromuralla e o gabinete xurídico Eskariam informaron este mércores do inicio do proceso xudicial pola vía civil contra o denominado Cártel Lácteo, coa presentación das primeiras demandas en distintos xulgados españois. Eskariam presentou a finais de 2022 as primeiras demandas de socios de Agromuralla dentro dun grupo de sete demandas testemuña rexistradas en varios xulgados de España. As reclamacións presentadas inclúen a 5 gandeiros da provincia de Lugo socios de Agromuralla e foron presentadas nos xulgados de Granada e Barcelona, onde se atopa o domicilio fiscal das empresas demandadas, Lactalis e Danone, dúas das principais industrias que formaban parte do Cártel Lácteo. O montante total destas dúas reclamacións é de 3,5 millóns de euros en indemnizacións
Estas demandas testemuña permítennos avanzar no proceso e non colapsar os xulgados, como pasaría presentando miles de demandas ao mesmo tempo
“Estas demandas, traballadas durante moitos meses, queren reflectir todas as particularidades que se poden dar dentro do denominado Cártel do Leite e facilitar a toma de decisións por parte dos diferentes xulgados. Dentro da nosa estratexia responsable, estas demandas testemuña permítennos avanzar no proceso e non colapsar os xulgados, como pasaría presentando miles de demandas ao mesmo tempo”, asegurou na rolda de prensa celebrada este mércores en Lugo David Fernández, CEO de Eskariam. Litigar en igualdade de condicións ás industrias Agromuralla, que reúne a máis de 200 produtores das provincias da Coruña e Lugo, foi no seu momento a primeira asociación de gandeiros que asinou un acordo de colaboración con Eskariam, un bufete especializado neste tipo de reclamacións colectivas, a fin de defender os intereses dos gandeiros nas demandas contra o Cártel Lácteo. “Hoxe contamos cun equipo legal que está á altura dos equipos legais que defenden ás industrias lácteas, polo que por primeira vez os gandeiros podemos acudir ao Xulgado con garantías e litigar en igualdade de condicións que as industrias e xa temos algúns indicios que inclinan a balanza ao noso favor”, asegura José Manuel Díaz, titular dunha granxa láctea en Láncara. Pendentes da resolución da Audiencia Nacional En 2015, a CNMC impuxo sancións a varias industrias do denominado Cártel Lácteo por valor de 88,2 millóns de euros. En xullo de 2019, a CNMC publicou a resolución definitiva do expediente sancionador contra as industrias lácteas, pero a día de hoxe os recursos presentados polas industrias seguen pendentes de resolución por parte da Audiencia Nacional. “Miles de gandeiros en toda España sofren este retraso”, denuncia Eskariam.
Confiamos enb que a Audiencia Nacional resolva este ano os recursos confirmando a sanción de Competencia por importe de 88,2 millóns de euros
"Confiamos en que a Audiencia Nacional resolva os recursos neste ano 2023 e que esa resolución sexa favorable aos gandeiros. Este é un camiño longo pero os pasos estanse a dar de forma racional e proximamente haberá sentenzas", afirmou Juan Álvarez, director de Operacións do bufete madrileño. “Neste tipo de reclamacións colectivas é de vital importancia que se sumen un número significativo de afectados. A día de hoxe, máis de 12.000 gandeiros en toda España decidiron presentar unha reclamación ás industrias que formaban o Cártel Lácteo. Deses 12.000 reclamantes, máis de 7.000 son gandeiros representados por Eskariam”, explica. Animan a reclamar a gandeiros xa xubilados Aínda así, estímase que máis de 30.000 gandeiros teñen dereito a reclamar. O prazo para poder facelo continúa aberto, en virtude a unha sentenza do 22 de xuño de 2022 do Tribunal de Xustiza da UE que amplía o prazo de prescrición, de maneira que todos aqueles gandeiros afectados que non reclamasen están aínda a tempo de facelo. "Dirixímonos a todos aqueles gandeiros que a día de hoxe non deron o paso de sumarse a esta demanda colectiva para que o fagan. Non existe risco algún de que as industrias lles deixen de recoller o leite", asegurou Juan Álvarez.
Unha sentenza de 2022 do Tribunal de Xustiza da UE ampliou a 5 anos o prazo de prescrición
“Os gandeiros non temos que adiantar cantidade de diñeiro algunha, só pagamos se gañamos e cando cobremos a indemnización, nunca antes, o que supón litigar sen risco algún para nós. Por iso animamos a todos os gandeiros en activo, aos xa xubilados e mesmo aos herdeiros de gandeiros falecidos a reclamar”, insistiu José Manuel Díaz. https://www.campogalego.gal/industrias-lacteas-adoptan-unha-postura-comun-de-baixar-o-leite-no-campo-un-minimo-dun-10/

Agromuralla sitúa en 60 céntimos o prezo mínimo de renovación dos contratos lácteos

A dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla di que o prezo do leite para todo o ano 2023 "non pode baixar de 60 céntimos". Agromuralla recomenda aos seus socios que non asinen contratos por baixo desa cifra e pídelles "que fagan uso do poder de negociación que lles ofrece a lei e unha coxuntura de mercado favorable na que segue faltando leite". Por iso, dende Agromuralla pídese aos produtores "que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo". 

Incremento desmesurado dos custos

Agromuralla afirma que "os custos de produción seguen á alza, polo que os prezos do leite teñen que manterse nos niveis actuais" para que as explotacións poidan facer fronte a estes incrementos e seguir producindo leite, xustifica o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro.  Segundo os datos facilitados pola asociación de gandeiros, en base aos custos reais das súas granxas socias, no último ano productos como os fertilizantes viron triplicado o seu prezo, pasando de 230€/tonelada en xaneiro de 2022 a 900€ a día de hoxe.  O mesmo aconteceu co gasóleo, que pasou no mesmo periodo de 0,73 céntimos a 1,32€ (unha suba do 81%), ou o recibo de autónomos, que se increntou ata nun 60%, os pensos (un 31,5%), os plásticos dos silos (un 31%), ou a electricidade (un 27%).  "Con estes custos de produción ningunha explotación láctea debería cobrar o litro de leite a menos de 60 céntimos porque estaría en risco a súa viabilidade económica", asegura Agromuralla, xa que "os custos das granxas están a subir en porcentaxes moi superiores á inflación media e á revalorización que se ten producido no prezo do leite", afirma José Luis Pérez Barreiro. 

Risco de caída drástica na produción de leite

A asociación de gandeiros aproveitou para mandar tamén unha mensaxe á industria láctea e aos consumidores. "Se as empresas queren ter garantido o seu subministro de leite o prezo pagado ao gandeiro non pode baixar porque do contrario estará en perigo toda a cadea láctea", din.  "Se o prezo do leite baixa de 60 céntimos as explotacións deixarán de ser viables", afirma Pérez Barreiro, o que levaría de novo ao que Agromuralla define como "Operación Chuletón", é dicir, "ao sacrificio masivo de vacas leiteiras". "A cabana gandeira non deixou de minguar no último ano, caendo en torno a un 8%, e sen vacas é imposible que se poida producir leite. Ese é o motivo de que a produción de leite caera un 3% no último ano en España", asegura o presidente de Agromuralla. Polo tanto, di, "neste momento segue faltando leite no mercado, unha situación que non se vai reverter a curto prazo".  "A falta de rendibilidade sufrida nos últimos anos fixo que o sector non sexa atractivo para as novas xeracións, que buscan outras alternativas laborais en vez de quedar nas explotacións. Hai un problema acuciante de relevo xeracional e seguen pechando granxas", evidencia José Luis Pérez Barreiro, que afirma que "só con prezos do leite que permitan unha vida digna aos gandeiros haberá mozos e mozas interesados en continuar producindo leite", asegura Agromuralla. 

Especulación cos alimentos básicos nos supermercados

En canto aos consumidores, Agromuralla dilles que "os gandeiros non son os culpables do incremento da cesta da compra", senón "as cadeas de distribución, que están a especular cos alimentos básicos incrementando as súas marxes de beneficio".  "É suicida tirar pedras contra quen che dá de comer, por iso non entendemos como moitas veces os agricultores e gandeiros somos atacados inxustificadamente por determinados sectores da sociedade", argumenta José Luis Pérez Barreiro.  Agromuralla quéixase da aprobación de novas normas e lexislación cada vez máis restritiva que fai que sexa máis difícil producir leite e a un custo maior. "Cada día temos máis dificultades para seguir coa nosa actividade diaria", afirma o seu presidente.  Ademais, a asociación de gandeiros acusa ao Goberno central de "amputar" o 4% do IVE ás granxas produtoras de leite como "medida propagandística e electoral que non serviu para baixar o prezo do leite nos liñais dos supermercados" e sen embargo "está a castigar aos produtores". "A rebaixa do IVE é un esforzo que fai integramente o gandeiro reducíndolle drásticamente o seu circulante ás explotacións", quéixanse. 

Críticas á Xunta e ao Goberno central

Desde Agromuralla lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por "abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación de contratos". "A Xunta dedícase a lanzar mensaxes triunfalistas e a facer públicos informes de dubidosa obxectividade situándose a carón das industrias e non dos gandeiros, mentres a AICA, dependente do Ministerio, mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas aos gandeiros, algo que limita claramente a capacidade de negociación das granxas", denuncia José Luis Pérez Barreiro. Agromuralla lembra que as industrias teñen obriga de facer chegar ao produtor a súa oferta con alomenos dous meses de antelación, un prazo que as industrias non están a cumprir, polo que pide á AICA que actúe de oficio ante este "incumprimento da lei". 

Agromuralla recómendalle ás granxas que non se apuren a renovar os contratos do leite

Ante a próxima renovación de contratos do leite no campo, que vencen maioritariamente a finais de marzo, Agromuralla acónsellalle calma ás granxas á hora de valorar as distintas opcións. “Hai prazo para asinar ata a finalización do contrato e non convén apurarse a tomar unha decisión”, valoran. A asociación lembra que a normativa actual dálle marxe ás ganderías á hora de renovar os contratos. Ata o ano pasado, unha vez que as granxas recibían a oferta da industria, tiñan 15 días para pronunciarse e, se non o facían, entendíase como renovado, pero agora iso xa non é así. É dicir, agora se o gandeiro non se pronuncia, a oferta entenderase en todo caso como non aceptada, explica Agromuralla nunha nota de prensa. Desde a organización subliñan que continúa escaseando o leite no campo, polo que consideran que as industrias lácteas terán que dar marcha atrás nos seus anuncios de baixadas de prezos. "Segue habendo falta de leite e se os prezos baixasen a produción volvería caer en picado", aseguran, polo que se desencadearía unha situación de "desabastecemento do mercado" no que habería empresas que se quedasen sen subministro. "O leite sería nese caso para as industrias que pagasen máis por el", argumentan. Do mesmo xeito, din, unha baixada en orixe provocaría un descenso de valor en toda a cadea, o que tamén prexudicaría ás industrias. Por iso, desde Agromuralla piden ás empresas "que non traten de meter medo con globos sonda que son inaceptables", e aos gandeiros "que non se deixen influenciar", incidindo na capacidade de negociación que contempla a lei a favor do produtor. Aumento de custos no campo Agromuralla defende que "os prezos para este ano teñen que manterse ou mesmo subir, dado que os custos de produción seguen a aumentar". "O gasóleo, a luz, os pensos e os fertilizantes continúan polas nubes", aseguran. Contratos a curto prazo A asociación é partidaria neste momento de que os seus socios asinen contratos a curto prazo "para que o leite non quede atado e haxa maior competencia entre as industrias". "O problema que houbo o ano pasado é que o leite en Galicia estaba maioritariamente vinculado a contratos a un ano, o que fixo que os prezos se mantivesen máis baixos que noutras comunidades autónomas e que industrias de fóra que tiñan falta de leite non puideran vir en busca del a Galicia porque non había dispoñibilidade na entrega por parte das granxas", argumentan. Por último, a asociación lembra que as industrias xa tiñan que terlle presentado ofertas ás granxas a día 1 de febreiro, segundo establece a normativa vixente, polo que considera que a gran maioría das industrias son nestes momentos susceptibles de ser denunciadas ante a Agencia de Inspección de la Cadena Alimentaria (Aica). https://www.campogalego.gal/os-contratos-leite-curto-prazo-ganan-peso-no-campo-pola-incertidume-mercado/