Archives

Xornadas agroecolóxicas en Padrón para potenciar o aproveitamento da horta

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a COAG organizan unhas xornadas agroecolóxicas para potenciar o aproveitamento da horta. Están dirixidas a persoas traballadoras, autónomas e desempregadas. As datas en que se desenvolverán serán esta semana, 25, 26 e 27 de abril. Os horarios repartiranse da seguinte maneira: os días 25 e 26 as aulas serán de catro da tarde a oito, o día 27 será de dez da mañá a dúas do medio día. O lugar de encontro será o Local de Herbón (antiga escola unitaria) na estrada Rego da Manga, s/n, Padrón. A data límite para inscribirse será o 22 de abril podéndose contactar a través do enderezo electrónico: compostela@sindicatolabrego.gal As xornadas están financiadas polo Ministerio de Agricultura e contan coa colaboración do Concello de Padrón.

Xornada técnica sobre gandaría ecolóxica o 1 de febreiro en Curtis

O próximo 1 de febreiro celebrarase en Curtis (A Coruña) a VI Xornada Técnica de Produción gandeira ecolóxica, organizada por Ecofeed, marca líder no mercado galego no segmento de pensos ecolóxicos para gando vacún.

A cita será a partir das 11:30 horas no Centro Etnográfico de Teixeiro, co seguinte programa:

-Presentación da Xornada. Representantes do Concello de Curtis e de Campoastur

-Uso eficiente dos pensos ecolóxicos en vacún. Rafael Pardo de Andrade (Veterinario – Campoatur)

-Pastos e pradarías para produción ecolóxica. Carlos Garrido (Veterinario – Fertiprado)

-Caderno dixital aplicación á produción ecolóxica. Xisela Fernández (Enxeñeira Agrónoma – Agronovo)

Ao finalizar celebrarase unha comida no restaurante Perla do Muiño

As inscricións poden realizarse escribindo a rafaelpardodeandrade@gmail.com ou campoastur@campoastur.es ou chamando ao 679410087.

Por cuestións de organización a data límite para inscricións é o luns 29 de xaneiro

Na celebración da xornada colaboran Fertiprado, Agronovo Ecoloxía SL e o Concello de Curtis.

Un estudo calcula que pasar toda a produción española de alimentos ao sistema agroecolóxico permitiría crear un millón de empregos

A organización Amigas da Terra publica o estudo "O impacto no emprego da transición agroecolóxica en España" no que se analizan nove escenarios relacionados coa produción e o consumo de alimentos en canto á creación de emprego e conclúese que unha transición agroecolóxica pode incrementar o emprego no sector agrario en máis de 400.000 postos. Na actualidade o sector agrícola e gandeiro emprega a 799.000 persoas en España, a través dunha transición agroecolóxica cun cambio de dieta, reducindo o consumo de carne, chegaríanse a alcanzar 1.218.000 persoas empregadas, cifras similares á situación de España antes de a entrada na Unión Europea. Desta forma chegaríase aos 864.000 postos de traballo na agricultura e 354.000 en gandería, fronte ás actuais 599.000 e 199.000 respectivamente. O estudo baséase na anterior investigación de Amigas da Terra, "A urxencia dunha transición agroecolóxica en España" na que se comparan diferentes escenarios de produción e consumo de alimentos. Para a organización resulta revelador como a transición agroecolóxica cunha redución no consumo de carne, que implica unha menor cabana gandeira no noso país, pode xerar segundo o estudo 154 mil novos empregos no sector, debido fundamentalmente ao cambio do modelo gandeiro necesario para un escenario agroecolóxico. O incremento na cabana gandeira do pequeno ruminante supón un aumento na necesidade de man de obra, ata as 125 mil persoas empregadas en España, máis do triplo que na actualidade. Na mesma liña, na produción de monogástricos (avícola e porcino), que desenvolve na actualidade un papel relevante no sector gandeiro, o número de animais tería que reducirse de maneira significativa, xa que o sector está sobredimensionado en relación á capacidade biofísica dos ecosistemas españois. Con todo, dado que a necesidade de man de obra é maior na produción agroecolóxica (tres veces máis no caso do pito e cinco veces máis no caso do porcino), a necesidade de man de obra veríase menos afectada do esperado, ou mesmo se incrementaría, como ocorre no caso da produción aviaria. No caso da produción vexetal, a maior parte dos incrementos nos postos de traballo danse na produción de leguminosas e de hortalizas. En ambos os casos esto é debido ao incremento no número de hectáreas destinadas ao seu cultivo. No escenario agroecolóxico, a maior parte das 3,5 Mha de barbeito postas en produción acábanse repartindo entre estes dous sectores, onde traballarían 90 mil persoas na produción de leguminosas e 237 mil na de hortalizas. Andrés Muñoz Rico, responsable de Soberanía Alimentaria de Amigas da Terra, afirma que “as administracións públicas deben promover unha agricultura e gandería a pequena escala, baseadas principalmente nunha economía familiar, que protexa os ecosistemas e os recursos naturais, e que garanta unhas rendas mínimas para o desenvolvemento adecuado da actividade e a consecución dunha vida digna para as persoas que traballan nela. Especial importancia teñen os subsidios agrarios como a Política Agraria Común, PAC, que deben chegar a aqueles produtores que respecten o medio ambiente e os dereitos das persoas traballadoras". Amigas da Terra resalta a necesidade de avanzar cara a unha transición agroecolóxica e un cambio de dieta coa redución de consumo de carne. As evidencias sinalan a importancia de seguir esta dirección para facer fronte á crise ecosocial. Así afirma que a agricultura e a gandería deben guiarse pola soberanía alimentaria e a agroecología, e respectar os límites planetarios, centrándose na loita contra o cambio climático e no cumprimento da Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Campesiños e doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais.

Xornadas formativas sobre fruticultura ecolóxica

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organiza en outubro no concello coruñés de Betanzos un curso sobre fruticultura ecolóxica. A formación impartirase en horario de 16:00 a 19:30 horas os días 5, 10, 17 e 19 de Outubro. Para máis información ou inscricións chamar ao 687 645 907 ou escribir un correo a tecnicabetanzos@sindicatolabrego.gal

Xornada de portas abertas este venres no Centro de Formación Agraria de Sergude

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no lugar de Quián, en Boqueixón (A Coruña), acolle mañá unha xornada de portas abertas. A sesión será en horario de tarde e comezará ás 16.00 horas. Na xornada ofrecerase información sobre o ciclo medio modular para adultos de Produción Agroecolóxica. Ademais, a través dun percorrido guiado, os participantes poderán coñecer a riqueza en biodiversidade e recursos naturais que hai no espazo natural de Sergude, que conta con zonas de pasteiros, horta ecolóxica, froiteiras, así como gandería de vacún de leite, ovellas e cabras galegas, así como porco celta, cabalo pura raza galega e apicultura ecolóxica. A inscrición pode facerse no teléfono 647 60 85 85, aínda que non é imprescindible anotarse.

Xornadas sobre o futuro da gandería ecolóxica os días 5 e 6 de maio en Melide

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) organiza a VIII Reunión de Primavera titulada "A gandería ecolóxica cara ao ano 2030" que terá lugar os vindeiros 5 e 6 de maio en Melide. O venres 5 analizarán e debaterán da man de gandeiros, técnicos e investigadores os retos de futuro deste sector de cara ao ano 2030. O sábado 6 realizaranse visitas na zona de Melide e Arzúa a varios exemplos de produción e transformación de carne e leite ecolóxicos. As inscricións son de balde pero hai que realizalas antes do 1 de maio indicando a intención ou non de participar no xantar (15 €/persoa) en: sgpf.galicia@gmail.com Máis información: 686 620 154 Eloi 628 713 263 Victor Velaquí o programa:

Xornada sobre “Políticas locais para a transición agroecolóxica e a soberanía alimentar”

O vindeiro luns, 17 de abril, Día da Loita Labrega,  o Sindicato Labrego Galego organiza unha xornada en Toques baixo o título de "Políticas locais para a transición agroecolóxica e a Soberanía Alimentar". “Nesta xornada visibilizaremos propostas locais que camiñan cara a Soberanía Alimentar e convocamos a todas as persoas labregas, consumidoras responsables, concellos, grupos de desenvolvemento rural, institucións públicas, grupos de investigación... e toda aquela persoas que queiran participar”, destacan dende a organización. A inscrición é preciso facela online nesta ligazón: https://forms.gle/sHuUjkpZrrWPAifBA Velaquí o programa:

Curso sobre aproveitamento de plantas silvestres para a agricultura ecolóxica

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco, organiza o curso “A horta menciñeira”, no que se impartirá formación sobre aproveitamento de plantas silvestre en agroecoloxía. As aulas terán lugar os xoves de abril, maio e xuño en horario de 16:00 a 19:'00 horas. As persoas interesadas en asistir poden chamar ao 981 73 30 51 ou ao 649 587 935 O prezo do curso completo é de 100 euros e de 90 para socios da asociación EFA Fonteboa. Velaquí o programa completo:

Foro Labrego de Agroecoloxía o vindeiro sábado en Teo

O vindeiro sábado, 17 de decembro, celebrarase na Casa Común de Rarís, no concello coruñés de Teo, o VI Foro Labrego de Agroecoloxía. As inscricións poden facerse online na seguinte ligazón. https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSc6IWBKgHwsfZwJh7g_YWpHD4ZHsNv9E1ZIfN5KRCFruKpdXg/viewform Velaquí o programa: