Archives

Publicada a listaxe das axudas aprobadas de agroambiente e clima

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) coa relación de solicitudes aprobadas e denegadas das axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 para a campaña 2023. Estas axudas, que xestiona o organismo pagador adscrito á Consellería do Medio Rural, correspóndense coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, en concreto ás partidas de agroambiente e clima. O Fogga aprobou un total de 26.207.224,70 euros na campaña de 2023 dentro destas achegas, que están cofinanciadas ao 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O número de beneficiarios ascende a 6.345 na nosa comunidade autónoma. A relación de solicitudes estará publicada na web do Fogga, na seguinte ligazón: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/beneficiario_de_axudas_pac/campana-2023. Ademais, póñense a disposición das persoas interesadas as resolucións completas das solicitudes mediante a aplicación para teléfonos móbiles «Sga@pp», dispoñible en Google Play ou en App Store, e no «Portal de axudas PAC» a través da seguinte ligazón: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac. Contra as resolucións, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Fogga no prazo dun mes desde o día seguinte ao desta publicación.

Medio Rural comprométese a triplicar as axudas para agricultura ecolóxica este ano

A Xunta dotará con 9 millóns de euros anuais as axudas para fomentar a agricultura ecolóxica, empezando polas correspondentes a 2023 e deica 2027, ata un total de 45 millóns de euros para este período da Política Agrícola Común (PAC). Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, no marco da reunión mantida hoxe coas organizacións profesionais agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia -Asaga- e Federación Rural Galega -Fruga-) e co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) por este motivo. O conselleiro puxo en valor este esforzo orzamentario, que supón un incremento anual de máis do 130 % sobre o presuposto previsto inicialmente para 2023, que era de 3,9 millóns de euros, e unha subida do 183 % en relación co destinado no 2022, polo que de facto case se multiplica por tres con respecto ó pasado ano. Neste sentido, José González trasladou que tamén se incrementará en 3,5 millóns máis anuais a partida de Extensificación das explotacións gandeiras, dentro das axudas agroambientais, dirixidas ás ganderías extensivas, “que contribúen á anticipación aos incendios forestais”. Esta liña de achegas tamén contén un complemento de 1,5 millóns para o pastoreo en concellos con presenza do lobo. Desta forma, o total por ano destas axudas alcanzará os 13,65 millóns de euros (fronte aos 10,15 millóns que estaban previstos para este 2023, incluíndo dito complemento), ata un total de 68,25 millóns no conxunto do período de cinco anos. Fondos suficientes A partir destas cifras, o conselleiro amosou o seu convencemento de que son fondos máis que suficientes para chegar a todos os potenciais solicitantes e reafirmou o obxectivo da Xunta de que ninguén quede sen axuda. Por iso, segundo engadiu, faise un importante esforzo para dar unha resposta moi firme á espectacular evolución que está experimentando a produción ecolóxica. Nesta mesma dirección, o conselleiro considerou especialmente importante asegurar que ningún produtor quede fóra nesta convocatoria de 2023, porque nela hai que orzamentar o compromiso de permanencia por un período de cinco anos. Este foi, ademais, un compromiso que se asumiu por parte da Xunta en sede parlamentaria e mesmo diante de todo o sector na xuntanza do Consello Agrario do pasado 16 de xaneiro. Crecemento do sector Con esta liña de actuación, o conselleiro sinalou que se amosa a toma de conciencia da Xunta sobre o crecemento “extraordinario” rexistrado neste sector nos últimos tempos e, de maneira sorprendente, no último ano, e que se actúa en consecuencia. Nesa liña, na última década a superficie ecolóxica inscrita en Galicia rachou todas as expectativas e aumentou un 127 % ata superar as 45.500 hectáreas no primeiro semestre de 2022. José González deu máis datos e sinalou que se pasou das 32.000 ha de comezos de 2021 a preto de 49.000 ha a 1 de xaneiro deste 2023, segundo os datos que aporta o Craega. Por último, cabe puntualizar que se trata, en todo caso, das axudas do segundo piar da PAC (desenvolvemento rural), que incrementaron a súa contía global de 31 a preto de 40 millóns de euros no último ano. Ademais, todos os agricultores e gandeiros galegos con dereitos -tamén os que traballan en ecolóxico- van percibir as axudas directas do primeiro piar, así como as do segundo piar que corresponden ás zonas con limitacións naturais e as de razas autóctonas. Ambas tiveron tamén un incremento respecto da convocatoria anterior.

Denegadas máis da metade das axudas para agricultura ecolóxica en Galicia

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) vén de facer público o listado de subvencións aprobadas e denegadas nas categorías de agroambientais, ecolóxico e razas autóctonas. A resolución do Fogga confirma o que xa se temía o sector. A insuficiente dotación de fondos para as axudas de agricultura ecolóxica deixa fóra dos apoios a un 55% das explotacións solicitantes. Por tanto, 318 dos 579 produtores que solicitaran as axudas quedan fóra. A falta de fondos afecta tanto a explotacións que xa levaban anos traballando en ecolóxico como a produtores en conversión, pero nestes últimos a porcentaxe de denegacións é moi superior. Un 83% dos que solicitaron a subvención para conversión a gandería ecolóxica vírona denegada (123 de 150 solicitudes), en tanto que na conversión a agricultura ecolóxica a porcentaxe de rexeitamento sobe ao 86% (29 de 34 solicitudes), segundo os datos que manexa o sector. En mantemento de axudas de agricultura ecolóxica, a porcentaxe de denegación é dun 61%, en tanto que o apoio para o mantemento de gandería ecolóxica tivo unha taxa de rexeitamento do 39%. Se se comparan estes datos cos de axudas denegadas para razas autóctonas ou agroambientais, tómase conta da dimensión do agravio. En razas autóctonas, quedaron fóra un 9% dos solicitantes, unha porcentaxe que sobe ó 17% en agroambientais. Desde o sector interpretan que as denegacións nestas dúas liñas poden considerarse ‘normais’, por incumprimentos que pode haber en parte das solicitudes ou por unha puntual falta de fondos. Distinto é o caso das axudas de ecolóxico, onde un 55% dos solicitantes quédase sen apoios pola insuficiente dotación de fondos da Consellería para esta liña, do que xa se viña avisando as últimas semanas. Ante a falta de fondos, os cartos distribuíronse atendendo ós criterios de priorización que figuraban na convocatoria, que puntuaba máis ás explotacións en zona de montaña e Rede Natura, así como as de maior dimensión e que non tiveran pastos arbustivos. Dáse o caso de explotacións do mesmo concello no que unha parte recibe os apoios e outra non, por factores como ter menos hectáreas ou presentar pastos arbustivos na superficie que aproveitan, “algo que en todo caso se debería premiar polo labor ambiental que fai o gando”, lamentan os afectados. Valoracións do sector Desde a Plataforma de produtores de agricultura ecolóxica, creada en decembro para afrontar esta crise de apoios públicos, consideran a resolución da Consellería do Medio Rural como “un desprecio para o sector da agricultura ecolóxica”. “É o último golpe que lle faltaba ó sector. A Consellería estivo promomionando estes últimos anos o paso das explotacións a ecolóxico e agora atopámonos con que máis do 80% dos produtores que están en conversión quedan sen apoio. Parécenos unha falta de respeto e un desprecio”, resume Xabier Fernández, un dos produtores da plataforma.
A Plataforma de produtores de agricultura ecolóxica baralla accións xudiciais contra a resolución de Medio Rural
Ante esta situación, a Plataforma ten previsto solicitar reunións cos tres grupos parlamentarios, así como co conselleiro do Medio Rural e co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. En último termo, barallan tamén recurrir á vía legal para interpoñer unha acción xudicial conxunta. Tanto organizacións agrarias como produtores viñan demandando nas últimas semanas que a Consellería do Medio Rural aportara máis fondos propios para paliar a insuficiente dotación das axudas de ecolóxico, pero finalmente a Consellería decidiu non facelo. No sector, de tódolos xeitos, non se tira a toalla e sinálase que Medio Rural está aínda a tempo de rectificar. Lémbrase como no 2020, antes das eleccións autonómicas, a Consellería de Medio Ambiente aprobara de xeito imprevisto un importante volume de axudas para prevención de danos do lobo que previamente denegara, no 2019, por falta de fondos.

Presentado o selo ‘Galicia Calidade Alimentaria’

A I Mostra de Calidade Alimentaria, organizada pola Consellería do Medio Rural, estase a celebrar no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón). No seu arranque presentouse o novo selo ‘Galicia Calidade Alimentaria’, que agrupa as diferentes D.O. e I.X.P de Galicia coa finalidade de dar apoio a excelencia recoñecida nestes produtos, afondando na súa promoción e procurando unha posta en valor cada vez maior. Este selo promocionase coma unha etiqueta de calidade nunha ampla variedade de produtos de mar a terra. Na presentación estaban presentes unha ampla gama deles, desde os diferentes queixos de D.O. ata viños galegos, acompañados de pan e outros produtos de I.X.P. R Uno de los puestos presentes en la apertura muestra que exhibe vinos de la D.O. Rías Baixas con pan Gallego de I.X.P. Marketplace, Écociña e Premios Nesta I Mostra tamén se presentaron iniciativas que buscan unha aproximación de novas posibilidades ao produto galego a través dun ‘marketplace’, un mercado dixital que pretende achegar ao consumidor á calidade alimentaria mediante o contacto directo con produtores locais para fomentar o consumo sostible, e así mesmo de calidade. A ‘Écociña’ foi outra dos proxectos detallados no Pazo de Quián, na idea de enfocar a hostalería do Camiño de Santiago cara obxectivos de sostibilidade. Para isto, a ‘Écociña’ ofrece como fórmula fundamental a utilización de produtos de calidade e certificados e unha idiosincrasia a favor do crecemento económico local e das comunidades sostibles. Panel explicativo a cerca de la Écociña y sus objetivos O desenvolvemento do rural e o reverdecemento desta parte de Galicia é unha meta a longo prazo que parte da posta en valor dos produtos locais e da concienciación do seu uso por parte dos negocios galegos e nacionais. Segundo Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, “o principal valor do medio rural é o que xere un emprego que fixe a poboación no territorio. Poñer en valor a calidade dos nosos produtos é o primeiro paso para iso”. Estes días tamén se están a entregar na I Mostra os premios Exceleite e os correspondentes ás Catas de queixos e meles recoñecidos, para facer fincapé na necesidade dunha alimentación saudable. Como parte disto, á saída do lugar de presentación da Mostra estaba a ‘gastroteca’, pola cal a cada un dos participantes se lle agasallaba cun pequeno menú conformado por produtos de calidade e recoñecidos polas marcas galegas. Seguindo o fío gastronómico, o broche final do día estivo de man de Marta Fernández, directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, quen conferenciou acerca de alimentos galegos de calidade seguido dun ‘showcooking’. Proxecto Buxo e outras actividades da axenda 2022 Esta xornada tamén serviu para a presentación do ‘Proxecto Buxo’, anunciado polo presidente da Xunta coma “un espello dun territorio ordenado e dun rural no que convive a tradición e a innovación e que aposta pola formación”. O lugar obxectivo é o Pazo de Quián, onde se poñerán a disposición do proxecto 100 hectáreas de terreo, así como a procura de espazos pensados para a mocidade. O contacto coa natureza galega converteuse noutro tema fundamental para as actividades da axenda 2022. Exemplo disto, foi a presenza de dúas representantes do Club de Debate, que estiveron na presentación como testemuñas do novo espazo que terán os seus integrantes para a realización de actividades, como o Torneo Nacional. En palabras de María Caamaño, membro da xerencia do club, “as nosas aspiracións son dinamizar este espazo e o propio Pazo, o cal chama a atención de compañeiros e compañeiras nosas de debate do resto de España”. Amosáronse outras actividades da axenda 2022, pola cal se aposta polo medio natural que rodea Galicia, e neste caso concreto, o Pazo de Quián, tales como rutas de sendeirismo.

Publicado o listado de beneficiarios das axudas agroambientais e ecolóxicas no 2020

O listado de persoas beneficiarias das axudas agroambientais e ecolóxicas no 2020 pode consultarse desde hoxe no portal do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Foron en total 3.977 produtores os que recibiron os apoios para este tipo de manexos por un importe total de arredor de 15 millóns de euros (12,9 millóns as agroambientais e máis de 2 millóns para as ecolóxicas). O listado inclúe as coantías percibidas por cada beneficiario, se ben cada persoa pode consultar tamén a resolución completa da súa petición a través do portal de axudas da PAC. No portal cada usuario pode acceder a súa resolución individualizada mediante certificado dixital, DNI electrónico ou chave 365. Tamén se pode acceder á resolución mediante a aplicación para teléfonos móbiles Sga@pp, dispoñible tanto en Google Play como no App Store.

Esta semana vindeira ingresaranse as axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da PAC 2020

Un total de 3.765 persoas beneficiáronse en Galicia das axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica correspondentes á campaña de 2020 da Política Agrícola Común (PAC), que suman 13,7 millóns de euros. Neste sentido, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dependente da Consellería do Medio Rural, vén de realizar as correspondentes transferencias para que os gandeiros e agricultores poidan recibir os pagos ao longo da semana que vén, segundo informa o departamento que dirixe José González. Destes 13,7 millóns de euros, algo máis de 11,8 millóns correspóndense ás axudas de agroambiente e clima, que benefician a 3.545 agricultores e gandeiros. En canto ás axudas de agricultura ecolóxica, o importe ascende a máis de 1,8 millóns de euros para beneficiar a 220 produtores. A convocatoria destas subvencións publicárase no mes de febreiro de 2020 a través dunha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se regulaba a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no marco da PAC.

Convocaranse novas agroambientais no 2022 e auméntase a prima de Zonas con Limitacións Naturais

O Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020 contará con 343,1 millóns de euros para a prórroga dos anos 2021 e 2022, á espera de que se poña en marcha o novo ciclo da PAC no 2023. A eses cartos hai que sumar 76,9 millóns de euros adicionais procedentes do Instrumento de Recuperación (Euri) posto en marcha pola UE a raíz da Covid-19. Son en total 420 millóns de euros para os que xa se perfilou un destino. O comité de seguemento do PDR de Galicia reuniuse onte para pechar a proposta de execución dos novos fondos, unha proposta que agora deberá ser revisada e validada por Bruxelas. Unha das principais novidades é que cos fondos do Instrumento de Recuperación, a Xunta propón convocar novas axudas agroambientais no 2022, para o que destinará 16,4 millóns de euros. As axudas agroambientais, que tiveron a súa última convocatoria no 2016, serán agora por un periodo dun ano, susceptible a prórrogas. Galicia tamén está á espera de ver como quedan os ecoesquemas da nova PAC en España, que se pecharán previsiblemente esta primavera e entrarán en vigor no 2023, pois pode haber ecoesquemas que se solapen coas axudas agroambientais e que obriguen a facer cambios nas mesmas a partir do 2023. Outro dos destinos do Instrumento de Recuperación no 2022 será a prima para Zonas con Limitacións Naturais e de Montaña (ZLN), que se financiará integramente cos fondos aportados pola UE para a Covid-19. Destinaranse ás ZLN no 2022 un total de 12,7 millóns de euros, segundo a proposta que a Xunta lle trasladará a Bruxelas. A maiores, en relación ó 2021, subirase a coantía de prima por hectárea para Zonas con Limitacións Naturais e de Montaña, de xeito que os gandeiros reciban maiores compensacións. Esta era unha demanda que xa se planteara no 2019 por parte de Unións Agrarias, polo que a organización felicítase da decisión adoptada de subir a prima para o 2022. De cara a este ano, Unións solicitou na reunión de onte do comité que se volvan a poñer en marcha axudas extraordinarias para a gandería de carne, dado que a crise da Covid segue afectando ós prezos e á demanda. A organización argumenta que polo de agora mantéñense restriccións de turismo, festas e restauración que fan precisos novos apoios. É unha cuestión que quedou sobre a mesa, á espera de ver a evolución das próximas semanas. Agricultura ecolóxica e investimentos nas granxas Xunto cos fondos comprometidos para axudas agroambientais e para Zonas con Limitacións Naturais, o Instrumento de Recuperación (Euri) conta con outros 47 millóns de euros que se destinarán a reforzar as tradicionais liñas do PDR, fundamentalmente a instalación de novos agricultores, o apoio á industria agroalimentaria e as axudas para plans de mellora e compra de maquinaria en réxime asociativo. Tamén se anuncia unha nova convocatoria de axudas de agricultura ecolóxica para o 2022, tanto para os produtores que xa están en ecolóxico como para aqueles que queiran facer a transición da produción convencional á ecolóxica. Outra liña menor destinarase a apoiar o asesoramento ás explotacións.

Medio Rural confirma que prorrogará as axudas agroambientais vixentes na PAC 2021

Logo de que este mes se confirmara en Bruxelas a continuidade das axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais (ZLN) no 2021 e no 2022, vaise aclarando o escenario para estas axudas en Galicia. A Consellería do Medio Rural, que xa consignara fondos para ambas medidas nos seus orzamentos para 2021, confirma agora que prorrogará as axudas agroambientais das persoas que eran beneficiarias ata o de agora. A decisión de Medio Rural implica que as explotacións beneficiarias das axudas agroambientais deberán seguir mantendo o mesmo manexo e compromisos que os últimos anos. A tramitación da prórroga das súas axudas farase a través da solicitude única da PAC 2021, segundo explican desde a Consellería. Desde Unións Agrarias advertiran precisamente hoxe en nota de prensa de que a falta de concreción da Xunta sobre estas axudas estaba xerando inquietude nas 4.000 ganderías beneficiarias das mesmas, a maioría explotacións en zonas de montaña. Reforma do PDR A organización agraria tamén pedía na súa nota que a Consellería lle presente a Bruxelas unha proposta para prorrogar o actual Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia no 2021 e no 2022, durante o periodo de transición ata a nova PAC, que se espera que entre en vigor no 2023. Aproveitando a necesidade de prorrogar o PDR, Unións plantea tamén a necesidade de reformalo para dotar de máis fondos á medida Covid co fin de destinar fondos adicionais para o sector de carne, en especial para o ovino e cabrún, que en Galicia só recibiu 62.700 euros en apoios, “con casos de axudas ridículas por explotación, nalgún caso de menos de 10 euros”, cuestiona a organización agraria.

Medio Rural confirma que haberá axudas para a gandería de carne polo coronavirus

A Xunta comprometera en xuño un total de 24 millóns de euros en axudas directas para o sector agrario polas perdas do coronavirus. Desde aquela, non se concretou aínda ningunha liña de apoio, o que xerou malestar entre as organizacións agrarias, en especial pola situación de baixos prezos que atravesa o vacún de carne. As axudas anúncianse agora cun carácter inminente. Días atrás, o Sindicato Labrego protagonizou unha concentración da súa Dirección de Vacún de Carne ante a Xunta e hoxe, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, informou sobre os contactos con Medio Rural en demanda das axudas para as ganderías. García asegura que nos próximos días se concretarán as axudas da Xunta para as granxas: “Temos o compromiso da Consellería de que nos próximos días sairá publicada no Diario Oficial de Galicia unha axuda directa para as granxas de vacún de carne, que nós queremos que sexa unha axuda por vaca nodriza, cunha maior coantía para as primeiras 20 da explotación”, explicou o secretario xeral de Unións en rolda de prensa. A Consellería do Medio Rural, consultada sobre esta cuestión, confirma que haberá tal axuda para as granxas de vacún de carne, se ben polo de agora non ofrece máis datos. Incógnita sobre as agroambientais e as ZLN Outra cuestión que preocupa a Unións Agrarias é a continuidade das axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais (ZLN) no 2021 e no 2022, durante o periodo transitorio ata a nova PAC, que entrará en vigor no 2023. Medio Rural asegurou o pasado ano en que confiaba en que habería fondos de Europa para estas axudas, pero é unha cuestión por concretar aínda a nivel europeo. Espérase que o escenario se aclare no Consello de Ministros de Agricultura de outubro.

Unións empraza a contractualizar o sector da gandería de vacún de carne

Os apoios para a gandería de vacún de carne, afectada pola caída de vendas da restauración e polo descenso do turismo, é unha cuestión que Unións considera prioritaria, pero a organización marca tamén retos noutros dous frentes, un ligado cos matadoiros e outro coas cadeas de supermercados. “Queremos que se cumpra a Ley de la Cadena Alimentaria e que os matadoiros teñan contratos coas granxas nos que se recollan prezos que cubran custos de produción” -avanza García-. “Faremos unha labor pedagóxica coas industrias cárnicas nas próximas semanas e se iso non funciona, denunciaremos os casos que sexa preciso ante a Axencia de Información y Control Alimentario (Aica), como facemos coas industrias do leite”. Sobre as cadeas de supermercados, o secretario xeral de Unións criticou que haxa algunha cadea galega que continúa sen comercializar ou sen visibilizar a carne de Ternera Gallega Suprema. “Debe haber á venda de xeito claro e diferenciado carne de Ternera Gallega Suprema. É unha cuestión de calidade alimentaria, de apoio económico ás granxas galegas e tamén un asunto de país, porque son granxas que exercen de cortalumes fronte ós incendios forestais”, subliñou. Decreto de xurros Por último, o secretario xeral de Unións insistiu novamente na necesidade de que o proxecto de decreto ministerial sobre fertilización sostible se adecúe ás características galegas. “Hai que diferenciar por sectores e territorios e buscar solucións razonables e técnicamente posibles”, concluíu.

“Xogámonos o futuro da gandería extensiva na reforma da PAC”

As vacas de José Luis Rodríguez, un rabaño de 70 animais cruzados, viven todo o ano no monte veciñal de Quéguas (Entrimo, Ourense), onde pacen principalmente uceiras e pastos arbustivos. É un ecosistema de gandería extensiva por excelencia, pois nas encostas de Quéguas, na Serra do Xurés, os prados son unha anécdota que a penas arrodean uns metros as casas da aldea. O resto son piñeiros, toxeiras e mato, que prestan alimento e refuxio ó gando. Os animais campean as súas anchas pola montaña, onde se encargan do control do combustible forestal tanto nos altos da Serra, a máis de mil metros de altitude, como nas ladeiras que descenden cara Quéguas, onde deixan o monte limpo por baixo de piñeiros e xestas. José Luis reivindica a función que prestan as súas vacas na prevención de incendios. “Somos unha das poucas zonas de Entrimo onde non ardeu nos últimos anos”, repasa o gandeiro, que avoga por maiores apoios para a gandería extensiva. Os animais deixan o monte limpo baixo o arborado. “Cando foi a anterior reforma da PAC, puxeron o coeficiente de pastos arbustivos (Cap), que foi moi perxudicial. Lembro que viñeron ver o monte os técnicos do Fogga e pregunteilles que lles parecera. Dixéronme que tiñamos o monte ben, pero despois puxéronnos un coeficiente do 25%”. recorda José Luis. Ese coeficiente do 25% tradúcese en que cada catro hectáreas que xestiona a gandería só conta como unha hectárea a efectos das axudas europeas. Para ter 80 hectáreas inscritas, José Luis manexa máis de 300 hectáreas do monte veciñal. O cambio do coeficiente arbustivo de pastos supúxolle tamén a perda das axudas agroambientais, un paradoxo se se ten en conta que o seu gando, encravado en pleno corazón do Parque Natural do Xurés. é un tradicional xestor do ecosistema de montaña. “O noso monte o que máis ten é uceira, pasto arbustivo, que é o que comen os animais, pero para o coeficiente de pastos desconta. A Administración o que quere é ver o monte todo limpo, pero iso no monte non pode ser. Herba pode habela dous meses no ano, en maio e xuño, así que se estivera o monte todo limpo, morrerían as vacas de fame”, conclúe o gandeiro. Gando no monte. Para mellorar o hábitat do gando, unha posibilidade pasaría pola creación de pastizais no monte. Hai zonas aptas para eles, pero nos últimos anos non se ten apoiado ningún pasteiro no Xurés. “O lóxico sería que non se deixara que os montes quedasen abandonados, que se apoie a creación de pastizais ou que se obrigue ós propietarios a ter conta das súas propiedades”, valora o produtor. Incógnitas Escarmentados trala última reforma da PAC, José Luis e o resto de produtores da Serra temen que a gandería extensiva volva saír perxudicada na próxima reforma da Política Agraria Común, que se rematará de negociar en Europa este outono – inverno. “Ou tiramos para adiante ou acabouse. Se volven recurtar no coeficiente de pastos ou se aumentan as esixencias de carga gandeira, alá imos todos”, valora o produtor. O pago básico da PAC esixe que as ganderías teñan unha carga gandeira mínima de 0,2 unidades de gando maior (UGM) por hectárea, pero en zonas con limitacións naturais, esa carga mínima subiuse a 0,7 UGMs por hectárea, o que perxudica á gandería extensiva, que se alimenta de pastos arbustivos e que precisa de amplas superficies. Manexo A alimentación do gando a base de pastoreo no monte compleméntase, no caso de José Luis, con palla mercada e tacos. “Normalmente, ás vacas paridas doulles tacos e palla, e ó resto só tacos. En inverno, en épocas duras, tamén lles aporto palla e tacos a todas, pero en xeral os animais poden atopar alimento e auga no monte todo o ano, polo que non é preciso”, valora. As vacas permanecen na montaña día e noite, pero están afeitas a baixar á mañá á nave dos becerros, onde lles dan de mamar e onde reciben despois a ración de complemento. Á noite, as vacas paridas adoitan volver baixar e o resto queda no monte, ata a mañá seguinte. Gando nun dos cobertizos a primeira hora da mañá. Os que non saen nunca das naves son os becerros, posto que o monte carece de peches, o que dificulta a xestión do gando, e a maiores está o perigo do lobo. “En xeral non temos problemas co lobo. Algún inverno poden matar unha vaca débil, porque os lobos saben buscar a forma, pero se te das de conta rápido e avisas, o normal é que te indemnicen”, recoñece José Luis. Os partos son tamén na corte, unha cuestión sobre a que José Luis leva tino, pois en ocasións os animais danlle problemas. “O anterior touro que tiña dábame máis complicacións. Agora merquei un touro máis pequeno, charolés, que me está indo mellor”, valora. Os becerros maman das vacas polo menos ata os 7 meses e cébanse os últimos meses, ata os 10. A maioría márcase en Ternera Gallega Suprema, salvo algún caso que, por motivos excepcionais, quede como Ternera Gallega. “Se non marcas os animais na Indicación Xeográfica, practicamente nesta zona quedan sen valor”, sinala José Luis. A pandemia tirou ademais cos prezos, que polo de agora non se recuperaron o necesario. A parte boa para a granxa é que antes de que comezase a crise asinou un contrato con Nova Frigsa, o que lle permite ter saída garantida para todo o gando.
José Luis Rodríguez co seu fillo Aarón.

Unha gandería que se recuperou dun baleiro sanitario

José Luis Rodríguez incorporouse á gandería familiar a partir do 2004, collendo o relevo de seu pai, que ata daquela tivera cachenas no monte. El decidiuse en cambio por gando cruzado de rubia galega, charolesa e outras razas cárnicas, pois eran animais nos que vía máis posibilidades de rendibilidade, á marxe de subvencións. Ao incorporarse, José Luis habilitou na parte baixa do monte unhas instalacións compostas dunha nave e de dous cobertizos, un para os becerros de cebo e outro para botarlle os becerros ás vacas. “En instalacións non é necesario gastar moito”, valora. “O investimento que si vexo necesario é en peches. Gustaríame facer polo menos un peche no alto, na fronteira con Portugal, porque o ano pasado fóronseme 25 animais para o outro lado e foi un lío dar con eles e facelos regresar, non das conta deles”, recorda o produtor. No tempo que leva coa gandería, o peor revés chegoulle no 2013, cando tivo que facer un baleiro sanitario por mor da tuberculose, o que supuxo a eliminación de 120 animais. Era o mes de xuño e en setembro José Luis baixou a Badajoz para repoñer o gando, decantándose novamente por animais cruzados de charolés e limusín. Desde aquela, non volveu ter ningún problema co saneamento gandeiro, pero comezar de cero por segunda vez non foi fácil. A diferenza entre Badajoz e o Xurés foi complicada de asimilar nun principio para o gando. “Chegaron no outono e custoulles adaptarse. En xaneiro e febreiro, en Extremadura os animais comen no monte o que queren e aquí o inverno é de pouco alimento na montaña, ata abril ou maio”, explica. Agora xa ten máis vacas de recría propia que das que trouxo de Extremadura. Son animais que se adaptan xa mellor á Serra e a gandería comeza a avanzar na selección xenética. “Unha gandería comezas a tela asentada ó cabo duns anos. Dos animais que trouxen, houbo que quitar gando bravo, outras vacas que non parían… Hai moito traballo detrás. De seleccionar non acabas nunca”, conclúe José Luis, un dos produtores que mantén viva a tradicional gandería extensiva do Xurés.

Polémica por unha carta de Medio Rural a beneficiarios de axudas agroambientais

As máis de 4.000 ganderías beneficiarias de axudas agroambientais, principalmente granxas de zonas de montaña, están a recibir unha carta da Consellería de Medio Rural para comunicarlles que poderán solicitar a axuda agroambiental no ano 2020. A Xunta aproveita a carta para criticar a información divulgada por “algúns medios de comunicación e organizacións”, pois entende que houbo informacións non veraces que advertían sobre a posibilidade de desaparición das axudas no 2020. A misiva está a suscitar polémica no sector, pois Unións Agrarias considera que se trata dunha “carta electoralista, pagada con fondos públicos, e que conta falacias e medias verdades”. A organización agraria lembra que o director do Fondo Galego de Garantía Agraria asegurou en setembro do 2019 nun acto público en Meira (Lugo) que non habería axudas agroambientais no 2020. “O conselleiro tamén esqueceu explicar na carta que estas axudas desapareceran do anteproxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2020”, continúa Unións en nota de prensa. “Só a presión de Unións Agrarias e doutras organizacións que participan no comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia levaron a que a Xunta cambiara de criterio e prorrogara as axudas”, conclúe. Unións cuestiona asimesmo que a “carta propagandística” agoche a reducción de axudas para as granxas de montaña e de zonas desfavorecidas. Outra cuestión que a organización cre que se oculta é a incertidume existente sobre a continuidade das axudas agroambientais para os anos 2021 e 2022, pois “a Xunta confía nunha solución da Comisión Europea e a última vez que a Xunta aplicou esa fórmula de fiar a prórroga de axudas á UE resultou na imposibilidade do pago das agroambientais nos anos 2015 e 2016”. Por último, a organización critica que a Consellería lle pida ás granxas un correo electrónico e un teléfono, pois entende que se está vulnerando “a normativa europea de protección de datos” con fins propagandísticos. “Resulta completamente intolerable tanto o fondo como as formas empregadas na carta dirixida aos produtores desde a Consellería. Emprega cartos públicos para unha campaña de propaganda que esparexe medias verdades, co ánimo de pór en cuestión o papel constitucional das organizacións agrarias”, pecha Unións a súa nota de prensa.