Archives

Labrecos: un modelo circular e sostible de horta en ecolóxico

Labrecos é unha cooperativa de traballo asociado que se atopa no municipio de Oza-Cesuras. Adícase á horta e á cría de carne en ecolóxico, e encara o seu futuro coa idea de potenciar sistemas agroforestais. Os tres membros que a compoñen contemplan estes tres elementos como un todo que permite obter unha produción de horta en ecolóxico dunha maneira moi rendible, con productos de calidade, e sen a necesidade de abonos orgánicos externos. A comercialización dos seus productos fundamentase nos ciclos curtos. Unha das vías é a venta directa aos consumidores, tanto particulares como restaurantes, que se adaptan á temporalidade da producción. Outra das vías importantes é a venda a comedores colectivos, principalmente colexios, a través de iniciativas como a de Ecocomedores, coa que non só se pretende achegar a rapaces e rapazas productos de horta en ecolóxico, senón que tamén se procura concienciar sobre a importancia de consumir alimentos sostibles e sen residuos. Esta liña de concienciación trasládase tamén a outro proxecto de Labrecos, en conxunto coa Asociación Raíña e Os Biosbardos, que consiste en crear grupos de consumo nos colexios da bisbarra, facendo chegar unha dispoñibilidade conxunta das 3 hortas a familias, profesores ou incluso veciños das escolas. Iso permitiría que o modelo de comedor ecolóxico que seguen na escola sexa extensivo ás casas. Cómo traballan en Labrecos? En Labrecos traballan no marco da agricultura ecolóxica certificada, co selo do Craega, e ademais oriéntanse a primar o traballo manual, no lugar do mecánico, para favorecer o máximo posible a biodiversidade do solo. “Unha das nosas premisas é deixar que a natureza funcione como ten que facelo, e para iso, optamos por técnicas de loita biolóxica contra as pragas ou por métodos de agricultura rexenerativa para manter un solo húmido, esponxoso e así reducir o seu desgaste”, explica unha das socias cooperativistas, Raquel García.
"A nosa premisa é deixar que a natureza funcione"
A cría dos animais para esta Cooperativa, ademais de complementar a súa actividade económica, representa unha das fontes principais de fertilizantes para os cultivos. “Controlamos a compostaxe do esterco, controlamos que non teña sementes, e botamos o que realmente lle fai falta á planta. Isto tamén nos permite un control das pragas porque se utilizamos a cantidade de materia orgánica axeitada, cunha trazabilidade desde o propio orixe na Cooperativa, reduce a aparición de problemas”, detalla o socio cooperativista Aitor Lata. Desta maneira, o coidado dos solos é unha das claves da horta en ecolóxico de Labrecos, posto que “a base é ter unha terra sa, cunha riqueza en materia orgánica e en microbioloxía e a partir de aí, a planta é unha consecuencia”, agrega outro dos socios, Iván Lata. Nestes momentos, a pesar de que a maior parte da produción está en invernadoiro, a Cooperativa tamén ten unha pequena parte de horta exterior na cal están implementando técnicas concretas de agricultura rexenerativa, como a coberteira con herba cortada, que evita a solarización do solo, para así manter o solo húmido e capaz de desenvolver a aparición de microorganismos. “Tan só hai que mirar o que pasa no monte, o solo está cuberto por varias capas de follas, dando lugar a unha compostaxe en superficie que favorece a proliferación de biodiversidade”, compara Aitor Lata.
"A idea de que a horta en ecolóxico non é produtiva é un gran bulo. Só sucede iso se segues aplicando os esquemas da produción convencional"
En canto á planta certificada en ecolóxico, Labrecos fai a súa propia planta a través de sementeira, na medida do posible. Aínda así, “sempre hai algunha planta que che sae mal, e a relativa incipiencia do mercado en ecolóxico fai que algunhas veces sexa complicado conseguir planta en Galicia, sobre todo antes. Agora coñecemos a un compañeiro asentado en Cerceda co que colaboramos e nos vai moi ben”, sinala Iván Lata. Con todo isto, os rendementos da produción de Labrecos vense afectados polo seu xeito de traballar? A resposta pola parte dos seus socios é un rotundo non. “Iso de que a agricultura en ecolóxico non é productiva é un gran bulo, é incorrecto, tan só é menos productiva se continúas aplicando o sistema de produción convencional. Se continúas coas mesmas prácticas de maltratar o solo, arar co tractor, etc. si que é menos productiva porque non tes o salvavidas do saco de abono. Tan só hai que ser máis coidadoso”, afirma. A comercialización da producción A producción en ecolóxico de Labrecos ten diferentes vías de chegar ao consumidor final. Unha delas é a través da venda directa a particulares, pola cal, unha vez á semana, e en función da súa produción, os socios de Labrecos achegan unha cesta a cada cliente. “Esta fórmula permítenos ter unha proximidade co consumidor, para obter un feedback sobre a nosa colleita”, amplía Raquel García. Sobre a adaptación das cestas ós produtos de tempada, desde Labreco inciden na adaptación do consumidor. “O que observamos é que a nosa gama de clientes foise adaptando á temporalidade dos cultivos cada vez con menor inconveniencia, e se unha semana, por calquera fenómeno non podemos entregarlles a cesta, van entendelo”, concreta. Outro dos puntos de venda para a producción da Cooperativa é a iniciativa Ecocomedores, isto é, o suministro ós comedores escolares, que “xa estaba na nosa mente antes de iniciar o proxecto”, avanza Iván Lata. “Esta iniciativa é moi importante porque non só estamos alimentando aos nenos e nenas dun xeito saludable, senón porque estamos dándolle de comer aos nosos clientes de futuro”, comenta. “Aínda así, nun primeiro momento non nos vimos con forza para xerar os alimentos necesarios para abastecer un comedor escolar cun número de alumnos elevado, pero a raíz dun proxecto piloto do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que recadou a varios productores de proximidade, contactou de novo co grupo unha escola infantil de Novo Mesoiro, comezamos por aí, e fomos chegando a máis centros ata a situación actual”, explica Iván Lata. Proxectos de futuro de Labrecos Nestes momentos os socios da Cooperativa van continuar pola formación en sistemas agroforestais. “O ideal sería que no momento da plantación do apartado de horta tamén se poñan unha serie de liña de árbores, para que, co tempo, as árbores colonicen ese terreo e formen un monte. Unha vez suceda iso, levarase a horta a outra superficie para facer o mesmo”, detalla Iván Lata. Esta orientación está motivada pola problemática da auga, posto que “desde Labrecos vemos que a seca do verán está en certo modo alimentada pola falta de árbores, é dicir, non hai materia orgánica nos solos e polo tanto non hai retención, da igual o que chova", conclúe.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Cítricos Rías Baixas, un cultivo insólito que se revela exitoso en Galicia

A iniciativa de Cítricos Rías Baixas comezou no 2016, cando Óscar herdou unha terra a monte adicada ao cultivo de eucalipto para madeira: “Queríamos quitar o eucalipto e buscar un novo produto que dera riqueza á zona e que se puidera expandir. Entón, esta parcela, que ten case 3 hectáreas, dividímola en tres fases, e nunha delas, como zona piloto, plantamos 250 árbores de limoeiros. Despois, no 2017, fixemos outra ampliación de 500, e despois, cubrimos toda a extensión das 3 hectáreas, con 600 máis. Aqui, agora mesmo, temos 1450 limoeiros”, destaca Óscar. Despois de cubrir a terra herdada de limoeiros e ante a demanda dun cliente, decidiu facerse con outro terreo dunha hectárea para plantar 500 plantas de lima de Tahití, que representa un 80% das árbores desta finca, e outros cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, o pomelo, o limón vermello, a lima kaffir, o limequat, o concuat e o limón tigre rosa, dirixidos principalmente ao consumo en hostelería.
A plantación incorporou cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, que pode chegar ós 100 euros cada Kg.
“Na finca herdada non houbo problemas, pero na finca onde plantamos a lima e as outras variedades de cítricos, si que tivemos bastantes problemas, porque isto é todo minifundio, parcelas moi pequenas. Queremos aumentar o tamaño da finca pero é difícil, porque para chegar a esa hectárea houbo que comprar case a 10 propietarios", explica. Sobre as novas variedades de cítricos, destaca o seu interese: "As variedades menos comúns aquí, como o caviar cítrico, empregado principalmente en alta cociña, pode chegar a un prezo de 100 euros/kilo”, sinala. “Temos tres liñas de comercialización: hostelería, froiterías e un maiorista. Non hai ningún problema para a venda, xa que existe unha forte demanda de produto galego, vendemos todo o que producimos. Os cítricos son un potencial para Galicia. Temos unhas condicións moi boas, o único que hai que modificar un pouco son as terras, pero cun pequeno coñecemento si que se pode facer unha boa produción” asegura Óscar.
"Para aumentar unha hectárea, tivemos que chegar a acordos con 10 propietarios"
En ecolóxico desde o 2018 Di Óscar que ainda que actualmente non se asocie a Galicia cos cítricos, se buscamos na historia, si que houbo cítricos en Galicia desde hai moito tempo. “Para nós, os primeiros anos foron dificiles, pois existe un forte descoñecemento sobre o cultivo do cítrico en Galicia, e non foi doado dar cun técnico agrónomo que soubese, o que fixo que as primeiras plantacións foran con retraso, algo que xa non está acontecendo coas novas plantacións nin cos aumentos que estamos facendo”.
"Os cítricos foron un cultivo histórico en Galicia, pero cando comezamos nós, faltaba coñecemento na materia"
“Ao principio comecei con produción convencional -sinala Óscar-, pero no 2018 pasámonos á produción ecolóxica e no 2021 comezamos a empregar técnicas de agricultura rexenerativa. Toda esta evolución foi grazas á incorporación de Víctor, técnico especialista nestas técnicas. Despois de facer varias analíticas e distintas probas con abonos, fomos chegando ao punto no que estamos agora, cun nivel de acidez e auga na terra óptimos. Estamos nun punto moi bo pero sempre hai posibles melloras” di Óscar. Víctor, o técnico agrónomo formado na Escola Forestal de Lourizán que se incorporou no 2018 ao proxecto, cóntanos un pouco máis sobre a evolución da plantación: “No tema da agricultura ecolóxica pecamos un pouco de inexperiencia, pero fomos probando e a verdade é que nos deu moi bo resultado. Conseguimos pór a terra moi ben, cambiar a estrutura da terra, para que os cítricos se adaptaran mellor a esta zona. Aquí axúdanos moitísimo o microclima que temos nas Rías Baixas, e tamén as orientacións Sur das terras, cun arco solar moi amplio e aproveitando practicamente todas as horas de sol”.
"Dá a impresión de que temos todo desmadrado de herba, pero é unha vía para que a natureza nos favoreza"
Unha das bases do proxecto sitúase na agricultura rexenerativa. “Hai un par de anos que empezamos a aplicar técnicas de agricultura rexenerativa, intentando que a natureza nos favoreza e non ir en contra dela. Como podedes ver, temos todo con herba, que parece desmadrado, pero é o que nós queremos conseguir. Isto axúdanos a ter unha capa fértil no chan moito máis grande, reter moita máis auga e así ter que consumir menos, porque as plantas o que fan é que a terra reteña máis auga, e que os alimentos para as plantas se aproveiten mellor, con máis retencións de CO2, e así as plantas teñen moitos menos problemas de fungos e de insectos”, apunta. Víctor fálanos sobre o seu proceso de adaptación ós cítricos: “Tiña coñecementos de agricultura ecolóxica e de árbores frutais pero non específicamente de cítricos. Cada árbore necesita as súas cousas. Pero simplemente é dar co sistema e co que necesitan. Nós aquí conseguimos ter un ecosistema moi bo para os limoeiros, simplemente tratalos ben, facer as podas e abonados que necesitan, sempre con fertilizantes ecolóxicos”, subliña. “Se algunha vez as árbores teñen algún problema, sempre lles axudamos con produtos que nós mesmos facemos. Por exemplo, para o pulgón (‘Aphididae’), utilizamos a ortiga. Para abonar utilizamos abonos das granxas de aquí de cerca. Sempre utilizamos recursos locais para que a colleita vaia mellor”, conclúe. Dixitalización e mecanización a curto prazo Victor asegura que o maior problema que teñen agora mesmo é a falta de electricidade: “ O feito de que non chegue a corrente fai que teñamos que vir aquí todos os días, para regar, para controlar as plantas, para facer todo… Dentro dun tempo, esperamos que curto, teremos aquí corrente e poderemos dixitalizar os sistemas de rego por internet. Tamén instalaremos cámaras para controlar as plantas. Pasa o mesmo coa auga. Nós aquí regamos por gravidade pero cando poidamos dixitalizar a plantación, xa poderemos distribuir os regos desde a casa”.

Ouro de Limón: un mel diferente

Victor cóntanos que a idea de colocar colmeas na plantación de limóns xurdiu como un método para facilitar a polinización: “Sacamos un pequeno produto, Ouro de Limón, que é o nome comercial que recibe o mel que producimos. Simplemente é o resultado dun aproveitamento das abellas de cara á plantación. É un mel que está moi bo, pero non podemos falar dun mel monofloral porque temos moitas especies ao redor, pero creo que o limón apórtalle singularidade. Temos aquí moitas árbores autóctonas e foráneas como eucaliptos, carballos, castiñeiros, ou flor de azahar, entre outras”.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Os Biosbardos e Gandería Roidiz, dous modelos de éxito en agricultura rexenerativa

As I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa, organizadas pola Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI, concluíron este venres con saídas técnicas a campo á hortícola Os Biosbardos, en Cambre, e á Gandería Roidiz, nas Pontes de García Rodríguez. A hortícola “Os Biosbardos • Cultura de Leira” é un proxecto de agricultura ecolóxica baseado no manexo rexenerativo, en concreto na permacultura e na agricultura sintrópica. Miguel Roig, o seu promotor, é o que se define como un novo entrante no sector agroalimentario: alguén que, sen experiencia nin vinculación previa, decidiu converter a inquietude pola terra na súa profesión. Os Biosbardos naceu en 2019, xusto antes da pandemia, cando Miguel decidiu virar á súa traxectoria profesional no sector TIC e dedicarse a cultivar e coidar 5 hectáreas de leiras no lugar de Lendoiro (Cambre). Actualmente, tras superar a fase de asentamento do seu proxecto e cun equipo sólido co que colabora man a man, Os Biosbardos continúa medrando e ofrecendo verduras e froitas de calidade e proximidade. Repolos, pementos, berenxenas, porros, cebolas, tomates cando é a tempada, allos tenros, kale, verzas, mazas, cítricos, etc. No caso dos porros, empregando as técnicas da agricultura rexenerativa conseguiron multiplicar por catro a produción en menos espazo. “Onde antes plantabamos tres pezas, agora medran doce”, explica Miguel. Ao grupo da visita sumáronse os expertos convidados ás Xornadas Franscesc Font, Ana Digón, Edith Uhía e Jaime Otero. Pola súa banda, Gandería Roidiz é unha granxa de longa tradición familiar dedicada, principalmente, á produción de leite de vacún. Desde o 2017, coincidindo coa incorporación dunha nova socia, Teresa Molina Santiago (técnica en Paisaxismo e Medio Rural e licenciada en Publicidade e RR.PP), fixeron un gran cambio no sistema produtivo apostando pola ecoloxía. Desde este momento, traballaron para mellorar a calidade das pradeiras con labranza cero, unicamente co pastoreo controlado e achegas das propias dexeccións dos animais. “Nestes oito anos de andanza co modelo rexenerativo foron, e seguen a ser, moitos os retos afrontados, pero con bos resultados”, explica Teresa. A esta visita acudiron Antonio Tucci e Xan Pouliquen, que fixo unha cata do solo para amosar in situ o cambio, a mellor, conseguido. Recentemente crearon unha marca, Amoreleite, para nun futuro próximo pechar o ciclo de produción na propia granxa e elaborar os seus produtos lácteos para distribuílos en circuítos curtos de alimentación. Por que? Coa convocatoria das I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa, a Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI quixeron, por unha banda, sumarse ao debate e ser partícipes dun cambio de paradigma na xestión agropecuaria que xa se practica con éxito en todo o mundo aínda que non é maioritario. Pola outra, o obxectivo foi ofrecer unha nova formación aos profesionais do sector de Galicia para que teñan o coñecemento necesario e poidan elixir se dar o salto da agricultura convencional á rexenerativa. A primeira parte das Xornadas tivo lugar onte entre o MUNCYT e a DOMUS coas sesións científicas e divulgativas impartidas por 7 expertos galegos e nacionais referentes en agricultura e gandería rexenerativas. Os relatores foron Edith Uhía Castro (bióloga, permacultura e divulgadora), Xan Pouliquen (agroecólogo e asesor agrario), Antonio Tucci (asesor e gandeiro rexenerativo), Francesc Font (agricultor, fundador e CEO de The Regen Academy), Jaime Otero (agricultor sintrópico), Xavier Domene (investigador do Centro de Investigación Ecológica y Aplicaciones Forestales (CREAF); e a divulgadora e presidenta da Asociación de Agricultura Regenerativa, Ana Digón. Esta última xustificaba a necesidade deste foro argumentando un feito obvio: “O sistema agroalimentario está en crise total, non se sostén, e temos que implementar alternativas que non son utopías porque xa estamos vendo resultados reais. Temos que construír a resiliencia dos sistemas agrolimentarios empezando polo solo, que é a base de toda a vida.” Que é o manexo rexenerativo? O manexo rexenerativo é unha práctica integral de xestión agrícola que pon unha forte énfase na mellora e rexeneración do solo, incluíndo o seu compoñente biolóxico. Esta transición, indican os expertos, non só ten implicacións ambientais ao facer que a agricultura e gandería sexan máis resilientes ao cambio climático e teñan un menor impacto na saúde ambiental e humana, senón que tamén garante a viabilidade económica dos produtores ao permitirlles aumentar as colleitas e reducir os custos de produción, especialmente en combustible e agroquímicos. Algunha das técnicas que se empregan son: mínima labranza da terra, uso de cobertura e abonos verdes, fertilizantes orgánicos, pastoreo planificado, mellor aproveitamento da auga, en particular da de chuvia, ou busca do equilibrio mineral e microbiolóxico do solo.

Xornadas sobre xestión rexenerativa do solo os días 22 e 23 de febreiro na Coruña

Os vindeiros 22 e 23 de febreiro celebraranse as "I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa. A ciencia do coidado do solo nas prácticas agrícolas e gandeiras". Están organizadas pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Fundación CorBI e contan coa colaboración da hortícola Os Biosbardos - Cultura de Leira, Soñando en Verde, Gandería Roidiz; do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), a través do MUNCYT; e do Concello da Coruña a través da rede de Museos Científicos Coruñeses. O obxectivo que se persegue con estas xornadas é coidar e restaurar o solo para conseguir un proceso de rexeneración integral, abundante e resiliente que beneficie tanto ao medio como á vida das persoas e a súa alimentación.   AXENDA Público profesional Xoves, 22 de febreiro | Sesión científico-técnica MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología de España) | A Coruña 9.00 -9.30h. Recepción e entrega de documentación. 09.30 – 9.45h. Benvida e presentación. 09.45 – 10.15h. «Que é iso do manexo rexenerativo?» | Edith Uhía Castro, bióloga e permacultora 10.15 – 11.30h. «A vida do solo: produción e rendibilidade con técnicas rexenerativas» | Xan Pouliquen, asesor agrario 11.30 – 12.00h. Pausa café 12.00 – 13.15h. «Transición cara á gandería rexenerativa» | Antonio Tucci, gandeiro e biólogo ambiental 13.15 – 14.15h. Xantar 14.15 – 15.30h. «Agricultura rexenerativa 360» | Francesc Font, The Regen Academy 15.30 – 16.45h. «Agricultura sintrópica. Un posible camiño cara á un futuro abundante» | Jaime Otero, agricultor 16.45 – 18.00h. «Biodiversidade edáfica como motor e consecuencia da agricultura rexenerativa» | Xavier Domene, Centro de Investigación Ecológica y Aplicaciones Forestales (CREAF) Venres, 23 de febreiro | Saídas técnicas a campo (máx. 30 persoas por grupo) Opción A: gandería | Gandería Roidiz: As Pontes de García Rodríguez Opción B: agricultura | Os Biosbardos: Cambre 10.00 – 13.30h. Plan de traballo: 1. Visita e presentación do proxecto escollido. 2. ReFlexión sobre a aplicación dos contidos expostos na sesión sesión científico-técnica. 3. Revisión de problemáticas comúns. 4. Búsqueda de sinerxías e solucións. Público en xeral Xoves, 22 de febreiro | Divulgación científica Museo Domus | A Coruña (charla de libre acceso) 19.00 – 20.30h. «Os 7M da rexeneración dos solos, economías e vidas rurais» | Ana Digón, Asociación de Agricultura Regenerativa

Inscrición nesta ligazón

Que posibilidades de ingresos por captura de carbono ofrece a agricultura e gandería rexenerativa?

O chan é o maior almacén terrestre de carbono, pero ata o momento non se tiña en conta o carbono acumulado no solo agrario. Nin como redutor, para o cómputo de emisións das granxas, nin para os mercados voluntarios de carbono, nos que empresas pagan por secuestro de CO2 para compensar a súa pegada climática. Ata o de agora, en España o mercado voluntario de carbono só admitía a capacidade de absorción de CO2 de determinadas superficies forestais. Pero esa realidade está a cambiar e desde Bruxelas comézase a mirar para os chans agrícolas non só desde a óptica da produción de alimentos, senón tamén desde o punto de vista ambiental e na súa consideración de sumidoiros de carbono.
Prevese que o desenvolvemento do mercado de carbono agrario sexa moi rápido e que o 2024 sexa o ano clave
“É un tema que está aínda na cociña. Todo o sector está esperando pola regulación da UE, os  últimos documentos de traballo da Comisión Europa son do pasado mes de marzo e pénsase que o 2024 pode ser o ano clave, porque se prevé que a posta en marcha do mercado de carbono agrario teña un desenvolvemento moi rápido”, asegura Jacobo Feijóo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) -ligada a Unións Agrarias-, que tramita contratos de venda de carbono forestal de propietarios e comunidades de montes.   O mercado de carbono albíscase como unha oportunidade engadida de obter ingresos da actividade agrogandeira e de contrarrestar a súa fama contaminante, poñendo en valor a súa labor medioambiental como sumidoiro de carbono. Pero existe “preocupación” por que estes novos criterios “non distorsionen a verdadeira prioridade do sector agrario, que é producir alimentos”, advirte Jacobo Feijoo.
Non se pode distorsionar a verdadeira prioridade do sector agrario, que é producir alimentos (Jacobo Feijoo)
“O enfoque verde da PAC está moi ben, pero non se pode esquecer o enfoque produtivo, non vaia ser que agora nos poñamos a producir carbono e deixemos de producir alimentos en cantidade suficiente para alimentar á poboación e para garantir prezos xustos, tanto para os produtores como para os consumidores”, defende Jacobo. A Xunta posiciónase ante a próxima regulación europeo A Xunta anunciou como unha das súas medidas para este ano a posta en marcha dun mercado de carbono propio a nivel galego. En Galicia estase a comercializar xa neste momento carbono forestal dentro do Rexistro estatal creado a partir da aprobación do Real Decreto 163/2014, pero agora o Goberno galego quere crear unha regulación alternativa, no que teñan collida outros proxectos. Como gran novidade, no novo Rexistro galego prevese a inclusión da capacidade de secuestro de carbono dos solos agrícolas e da madeira estrutural empregada na construción. Tamén de masas arboradas sometidas a silvicultura que se demostre que capturan un dióxido de carbono adicional, en comparación con masas sen xestión. Se ben, aínda que os sistemas de cómputo e certificación deste mercado autonómico poidan basearse en estándares internacionais, o secretario xeral de Asefoga advirte do “arriscado” de ir por diante da regulación comunitaria.
A medio prazo, os mercados locais de carbono van ter que converxer na metodoloxía europea para que eses créditos sexan intercambiables entre axentes da UE
“Pode ser contraproducente ir por libre, porque hai que ver a credibilidade que pode ter un rexistro propio da Xunta. Que un banco suízo merque uns dereitos en Galicia depende de que ese crédito de carbono sexa homologable dentro do sistema da UE. Así que unha vez que a Comisión Europa diga como se mide o carbono agrario, haberá que adaptarse a iso, por ese motivo igual era mellor agardar e non lanzar un barco que despois pode quedar varado na area. O que está claro é que calquera mercado que se poña en marcha ten que ser internacional, a nivel da UE como mínimo”, argumenta. Aumento da materia orgánica no chan Para este novo modelo de compensación de emisións que usa o solo agrario como sumidoiro, teríase en conta unicamente a cantidade de carbono que se lograse incrementar a través de prácticas favorecedoras, non o carbono acumulado que xa hai na actualidade.
Computarase o incremento da profundidade do solo, é dicir, a materia orgánica que se logre acumular na capa de terra superficial
Galicia é un lugar privilexiado en canto a niveis de carbono no chan, multiplicando os niveis medios doutros territorios. A razón está na grande cantidade de biomasa, principal fonte de carbono, e nos baixos niveis de pH do chan.
O feito diferencial do solo galego para a captura de carbono é a grande cantidade de biomasa e o pH ácido
Pero o feito de que os solos galegos sexan ricos de por si en materia orgánica pode ser prexudicial á hora de cuantificar o carbono que pode ser comercializado (só aquel que se logre incrementar), fronte a outros territorios que parten de niveis moito máis baixos de carbono acumulado na actualidade, xa que só computaría o aumento dos centímetros da capa de terra superficial con materia orgánica, non a presente ou depositada a día de hoxe. “Nos solos galegos movémonos entre un 5 e un 6% de materia orgánica nos primeiros 50 centímetros de chan. Cunha xestión boa de conservación de carbono podes chegar a unhas 300 toneladas/hectárea de stock máximo que das acumulado. Podes meter máis materia orgánica, pero os microorganismos descompóñena”, explica Jacobo. Primas a través da PAC ou mercado voluntario? A valorización do carbono forestal xa está en marcha desde fai anos na UE, a través dun mercado voluntario e de rexistros oficiais de dereitos, pero no caso do carbono agrario está por ver cal é o modelo polo que se decanta Bruxelas, se por un modelo similar ao forestal ou por incluír a captura de carbono na Política Agrícola Común (PAC). “No ámbito forestal hai un mercado voluntario no que un terceiro, normalmente unha compañía privada, compra os dereitos que tes inscritos nun rexistro oficial. Nos solos agrarios imos ver por que modelo se decanta a Comisión Europea, se por ir ao mercado cos créditos de carbono xerados ou por pagos na PAC pola cantidade de carbono que almacena a explotación”, plantexa. Dentro dos ecorreximes da PAC para o actual período 2023-2027 xa se establece unha categoría titulada Agricultura baixa en carbono, na que se inclúen pagos adicionais por tres prácticas beneficiosas: pastoreo extensivo, sementeira directa e cubertas vexetais en cultivos leñosos, como o olivar. Pero Jacobo aclara que “son pagos indemnizatorios, que te compensan polo que perdes de produción, por exemplo por non facer laboreo, pero non son pagos incentivadores para que captures carbono nin a PAC entra a cuantificar tampouco canto capturas para pagarche por esa cantidade”, indica. Sen embargo, o sistema podería cambiar nas futuras reformas da PAC. Compensación das emisións gandeiras Até agora, os métodos de cálculo de emisións da gandería non tiñan en conta a capacidade de secuestro que ten o chan, polo que a produción gandeira, tanto a intensiva como a extensiva, saía sempre mal parada nos cómputos oficiais, como emisora neta de gases contaminantes de efecto invernadoiro. “É inxusto, porque ti non podes equiparar un motor de explosión co metabolismo dun animal. Un coche ten emisións netas, mentres que na vaca é unha emisión circular, con balance neto cero. Desde o punto de vista científico esas emisións non son un problema, senón unha necesidade, xa que a materia orgánica ten que volver á atmosfera para seguir o seu ciclo, por iso non é lóxico contabilizar as emisións metabólicas”, argumenta Jacobo.
Até agora, os métodos de cálculo de emisións da gandería non tiñan en conta a capacidade de secuestro que ten o chan
Existe un movemento internacional, no que se inclúen diversos países e membros da comunidade científica, que está a tratar de incidir no Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ONU para que o cómputo sobre as emisións do gando sexa 10 veces inferior cando se trata de gandería extensiva con respecto á gandería intensiva. Deste xeito, os métodos de cálculo de emisións nas explotacións gandeiras poderían comezar a ter en conta de cara ao futuro o carbono que as granxas son capaces de secuestrar a través do chan nas súas pradeiras ou terras de cultivo e resultar en balances positivos de carbono, en función do tipo de granxa e as súas prácticas.  Redución por sectores Dentro do chamado Pacto Verde Europeo a Comisión Europea presentou pouco antes de que comezara a guerra de Ucraína o paquete lexislativo Fit for 55, que propón reducir de cara a 2030 un 55% das emisións de efecto invernadoiro con respecto ás producidas en 1990. A normativa europea obriga a que haxa unha contabilidade de carbono por sector, de maneira que cada sector económico sexa neutral no 2050, é dicir, sexa capaz de compensar as súas emisións capturando tanto carbono como emita e Galicia podería converterse no sumidoiro natural para as emisións da agricultura española.
Galicia podería converterse no sumidoiro natural para as emisións da agricultura española
Dentro desta obriga de mitigación, a curto prazo o sector primario español ten que facer un importante esforzo para cumprir coas esixencias comunitarias, tendo que reducir 43.000 toneladas equivalentes de CO2 de cara a 2030, procedentes sobre todo da agricultura. Unha parte desa redución podería lograrse estendendo prácticas como a sementeira directa ou as rotacións con especies mellorantes para diminuír o uso de fertilizantes nitroxenados de orixe química, pero outra parte dependería da capacidade de compensación que poida ter a gandería extensiva, sobre todo na cornixa cantábrica, pola maior capacidade dos seus solos para actuar como sumidoiro natural de carbono.

“Xa hai compañías dispostas a pagar polo carbono agrario”

A falta por definir o funcionamento e alcance do mercado de carbono agrícola, xa existen neste momento intermediarios dispostos a mercar os créditos de carbono xerados polas explotacións agrogandeiras. “Xa hai algunha compañía disposta a pagar polo carbono agrario; con nós xa se puxeron en contacto”, recoñece o secretario xeral de Asefoga. Empresas doutros países, como a estonia eAgronom ou a alemá Climate Farmers, están xa asentadas en España, ofrecendo os seus Programas de Carbono, nos que calculan o potencial de secuestro da explotación (esixen un mínimo de 50 ha de superficie), axudan a implementar prácticas para incrementar esa capacidade e comercializan os créditos xerados a través da sinatura dun contrato co produtor, a cambio dunha comisión do 35%.
En países como Holanda, con escasa superficie de monte, entidades como Rabobank están xa a comercializar créditos de carbono agrario
Estas empresas preséntanse como impulsoras da agricultura rexenerativa en Europa, que se define como un conxunto de medidas que actúan mellorando o solo e a súa capacidade de captura de carbono. “A rexenerativa é un tipo de agricultura que vai un paso máis aló da agricultura ecolóxica, porque pretende non só non facer dano ao ecosistema, senón tamén restaurar o solo”, explica Jacobo Feijóo.
A agricultura e gandería rexenerativas defínense como un conxunto de medidas que actúan mellorando o solo e a súa capacidade de captura de carbono
Entre as prácticas agrarias, a fundamental é non arar a terra, porque arar osixena, o que oxida e mineraliza a materia orgánica. A cuestióon é que o carbono, cando se secuestra no chan por partículas finas (arxilas), dura centos de anos almacenado se non se libera co laboreo. Tamén contribúen a aumentar o carbono do solo o mantemento de cubertas vexetais, os aportes de materia orgánica ou as rotacións con especies mellorantes.
Multinacionais do sector da alimentación, como Unilever ou Nestlé, están a primar a redución da pegada de carbono das súas granxas provedoras
A utilización de gando en modelos extensivos é tamén unha práctica que mellora a capacidade de secuestro de carbono do chan. Os animais, ao pisar, axudan a incorporar carbono e a activar os ciclos de nutrientes, que se ven favorecidos polos abonos orgánicos que depositan, pero o modelo de pastoreo debe ser rotacional para non provocar compactación e liberación do carbono almacenado no chan.

Curso de agricultura rexenerativa en Redondela

O Sindicato Labrego Galego ofrece a partir do 17 de outubro un curso de formación sobre Agricultura Rexenerativa. A formación impartirase os días 17, 18, 24 e 25 de outubro en Redondela. O prazo para inscribirse remata o día 15 de outubro. Lugar Edificio Multiusos da Xunqueira (Paseo da Xunqueira, s/n, Redondela) Horario 16:30h a 20:30h (16 horas) Máis información e inscricións condado@sindicatolabrego.gal 669 808 418

Xornada no CIAM sobre como mellorar os solos a través da agricultura rexenerativa

Diversos expertos explicarán o vindeiro día 22 no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) como mellorar a vida e a fertilidade dos solos agrícolas con técnicas de agricultura rexenerativa para aumentar as produccións e a rendibilidade. Farano nunha xornada de formación gratuíta organizada polo grupo operativo “Carne de Vacún a Pasto” para afondar nunhas prácticas, as da agricultura rexenerativa, que se están abrindo paso non só na produción ecolóxica senón tamén en convencional. Ademáis, estas prácticas están apoiadas pola Unión Europea na nova PAC para lograr unha agricultura máis sustentable e resiliente.

Programa:

Inscrición na xornada "A vida do solo: aumentar producións e rendibilidade con técnicas rexenerativas"

 

Sementeira directa de millo con aplicación localizada de purín: unha opción pioneira en Galicia

Sementeira directa de millo sobre pradeira nunha parcela a carón do establo de Gandería Barbeiro en Lagoa (Alfoz) As limitacións ao uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios, impulsadas desde a Comisión Europea, condicionarán nos vindeiros anos a sementeira do millo, o principal cultivo agrícola que se leva a cabo en Galicia. Ante esta nova realidade, hai explotacións galegas que se están adiantando, coa adquisición de maquinaria de última xeración que permite levar a cabo unha sementeira de precisión, con redución no uso de insumos, ao tempo que se evita danar a estrutura do solo mediante técnicas de mínimo laboreo. Gandería Barbeiro, con dúas granxas na actualidade na Mariña, ubicadas en Lagoa (Alfoz) e Arante (Ribadeo), está a empregar nesta campaña de sementeira do millo unha sementadora combinada de precisión que prepara a terra, fertiliza mediante a aplicación localizada do purín e sementa nunha soa pasada.
A cabeza tractora autopropulsada é holandesa e o apeiro de fabricación italiana
Esta máquina, a primeira que vén para España, combina unha cabeza tractora autopropulsada, de fabricación holandesa, con cisterna de purín e un apeiro de orixe italiana. “O strip-till é o único en Europa que traballa con inxección de purín máis sementeira de millo”, explica Juanjo Fraga, administrador de Casa Barbeiro SL, a gandería familiar en Alfoz, e Narxosé SLU, adquirida en Ribadeo no 2018.

Sementeira directa

A sementeira directa avanza no cultivo de cereais e oleaxinosas en distintos países e gaña terreo tamén en España pero non é habitual a día de hoxe no cultivo de millo en Galicia. “É un sistema que se está utilizando bastante fóra, en países como EEUU ou Brasil. É unha mestura de laboreo convencional e sementeira directa, mediante un sistema de laboreo en liñas que leva acoplado unha sementadora de millo”, explica Juanjo.
En EEUU e Brasil estase usando bastante este sistema
Unha das vantaxes é a axilización dos traballos de preparación da terra previos á sementeira e o aforro de tempo e combustible. “Cunha soa pasada vou facer  todas as labores. Acabas de ensilar e ao día seguinte estás botando o millo. Iso facilítanos as cousas. Traballamos directamente enriba da pradeira; antes había que arar, gradar, abonar e sementar. Parte deses traballos contratabámolos, agora farémolo todo nós cunha única máquina”, destaca. Fertilización só con purín das terras do millo A fertilización das terras do millo é un dos usos máis habituais que se dá ao purín en Galicia. As explotacións leiteiras reservan boa parte do xurro almacenado no inverno para o momento da sementeira, pero a entrada en vigor, a partir do vindeiro 1 de xaneiro, do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, dificultará esta práctica, cando menos debido á prohibición do uso de cisternas de prato ou abano e á limitación nas unidades máximas de nitróxeno por hectárea permitidas nos plans de abonado.  
Acabas de ensilar e ao día seguinte estás labrando o millo; iso facilítanos as cousas
Por iso, a aplicación localizada do purín na mesma liña de plantación permite un aproveitamento máis eficiente do poder fertilizante do xurro pola planta e unha redución no uso de abonos de síntese química. “Nós este ano non imos usar nada de abono mineral para labrar o millo ao estarlle metendo o purín localizado por debaixo. A profundidade de sembra é a habitual, pero inxectas o purín entre 23 e 30 cm e a semente vai arriba. Ao romper a estrutura do chan para a semente é máis doado enraizar, porque non ten suela de labor e profundiza máis. O terreo queda medio acolchado ao pasar por el”, explica. Juanjo agarda tamén poder eliminar boa parte do uso de herbicidas habituais na sementeira do millo por medio dunha escolla axeitada dos cultivos en rotación. “Este ano onde tiñamos raigrás metemos un glifosato con insecticida e non botamos nada máis, pero onde botaramos veza con cereal no inverno non aplicamos nada porque pensamos que non o vai necesitar, porque ningunha das dúas, nin a veza nin o cereal, rebrota e a nosa idea é seguir rotando coa veza de cara ao futuro”, argumenta.

Mínimo laboreo

A aposta de Gandería Barbeiro polo mínimo laboreo ten que ver tamén cos beneficios agronómicos para a estrutura do solo. “Estamos intentando darlle unha volta ás nosas granxas cara a sostibilidade, apostando pola agricultura rexenerativa”, di Juanjo, enxeñeiro agrónomo de formación. A sementeira do millo en Galicia está sempre condicionada pola climatoloxía. A integral térmica marca o inicio da campaña e as chuvias obrigan en ocasións a retrasar a preparación das terras. A sementeira directa, sen embargo, non se ve tan afectada. “En Alfoz aínda que chova algo con este sistema podes traballar igual porque é chan areoso. En Ribadeo é máis complicado porque ten máis arxila”, explica.

Na procura da máxima produtividade nas terras

O cultivo das terras é parte esencial do proxecto de crecemento das granxas de Lagoa e Arante, que están en proceso de ampliación para achegarse ás 500 vacas en produción en cada unha delas. Este ano botarán un total de 190 hectáreas de millo en distintas ubicacións, boa parte delas fincas arrendadas en distintos concellos da comarca coas que foron nos últimos anos incrementando a superficie agraria a medida que medraban en número de cabezas para deste xeito tratar de ser o máis autosuficientes posible na alimentación do gando.
Este ano imos botar 190 hectáreas de millo. A nosa idea é rotar con veza
Para tratar de incrementar a produtividade das parcelas, a súa intención o ano que vén é reducir a distancia de plantación. “Ata agora labrabamos con dúas separacións, a 60 e 75 cm. Este ano estamos traballando con 8 regos a 75 centímetros entre liñas, pero reducindo a 13 centímetros a distancia entre semente e semente dentro do rego para meter máis plantas por hectárea. Para o ano que vén imos probar a traballar a 12 liñas con separación de 50 cm entre rego e rego”, avanza Juanjo.

Unha técnica pouco implantada en Galicia

A sementeira directa acadou no 2021 un total de 845.000 hectáreas en España, o que supón un incremento do 65% na última década, cunha implantación destacada en cereal (case 750.000 hectáreas), o que equivale ao 12% da superficie total de cultivo, segundo os datos dun estudo recente elaborado polo Ministerio de Agricultura. Por comunidades autónomas, destaca Castela e León, mentres en Galicia é residual. Segundo os datos da Enquisa sobre Superficies e Rendimientos de Cultivos (ESYRCE), no ano 2021 labráronse en Galicia un total de 707 hectáreas mediante sementeira directa, o que representa unicamente o 0,8% das terras de cultivo da comunidade. Por provincias, Lugo concentra a meirande parte das hectáreas labradas con esta técnica (428 ha). A empresa Agroamb, de Ponte de Outeiro (Castro de Rei), leva facendo sementeira directa varios anos nas terras que xestiona. Por superficie, a Lugo séguena A Coruña (152 ha), Ourense (109) e Pontevedra (17).
A sementeira directa emprégase xa no 12% da superficie destinada a cultivo de cereal en España, pero só no 2,3% do millo forraxeiro
No caso do millo forraxeiro, labráronse con sementeira directa no 2021 no conxunto de España tan só 2.181 hectáreas, o que representa o 2,3% das 94.000 hectáreas que se sementan cada ano (71.000 só en Galicia). Novo ecorrexime na PAC A nova PAC inclúe un ecorrexime denominado Agricultura de conservación: sementeira directa, que se paga a 87,72€ por hectárea nas primeiras 30 hectáreas. A partir dese limiar aplicaríase degresividade, co que os importes a percibir reduciríanse, aínda que nunca poderán ser inferiores ao 70% do importe planificado. A maiores, hay un complemento adicional de 25€/ha por facer a sementeira directa nas mesmas parcelas que o ano anterior. Este complemento non estaría afectado pola degresividade. A sementeira directa atópase encadrada dentro das prácticas da agricultura de carbono, ao favorecer a conservación dos solos, permitindo reducir as emisións de CO2, e aminorando os riscos de erosión do chan. Para cobrar o ecorrexime esíxese rotación de cultivos no 40% da superficie total pola que se solicita o ecorrexime.

Formación en agricultura rexenerativa en Ribadeo

O Sindicato Labrego Galego e a COAG organizan o vindeiro fin de semana, 8 e 9 de outubro, un curso de agricultura rexenerativa en Ribadeo. A formación impartirase na Finca A Pumarega, en Covelas, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas o sábado, mentres que o domingo será de 9:30 a 15:30 horas. As persoas interesadas en inscribirse teñen que enviar un email lourenza@sindicatolabrego.com ou chamar ao 982 121 376 ou 698 159 667

Curso de gandería rexenerativa en Chantada

O Sindicato Labrego Galego e a Coordinadora de Agricultores y Ganaderos (COAG) organizan do 6 ao 8 de setembro en Chantada un curso de gandería rexenerativa, impartido polo biólogo e gandeiro Antonio Tucci. A formación impartirase en horario de mañá e tarde e incluirá visitas prácticas. As persoas interesadas en asistir poden chamar ao 982 440 804 ou enviar un correo a chantada@sindicatolabrego.com

Curso de agricultura rexenerativa en Vedra

O Sindicato Labrego Galego organiza un “Curso de agricultura rexenerativa” a cargo de Antonio Tucci. Impartirase na casa da estación de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra-A Coruña) do 27 de outubro ao 10 de novembro en horario de 15:30 a 19:30 horas. Inscripción previa chamando ao 981 554 147 ou enviando un email a formacion@sindicatolabrego.gal