Archives

“Os cartos para agricultura ecolóxica son os que son e non hai máis”

“Levamos un ano enteiro cumprindo todas as condicións de ecolóxico, interésanos saber se imos ter algo de axuda ou nos imos quedar sen nada”. Así de directo se dirixiu ao director xeral de Gandería, José Balseiros, un produtor de carne ecolóxica da Fonsagrada, José Manuel, durante un acto organizado por Medio Rural en Friol para explicar os cambios da nova PAC. A xornada, que contou tamén coa presenza do subdirector do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Jorge Piñeiro, acabou sendo máis un foro de queixas e reproches de gandeiros que se sentían prexudicados polas últimas decisións da Consellería, tanto en agricultura ecolóxica, como en vacún de carne, que merece capítulo a parte. “Este ano aumentáronse os fondos un 57%, de 2 millóns de euros no ano 2021 pasamos a 3,2. Aínda así, van ser insuficientes, pero os cartos son os que son e non hai máis”, contestoulle Balseiros, que lle pediu aos afectados que agarden á resolución das axudas por parte da Consellería porque “que haxa un número determinado de axudas solicitadas non quere dicir que todas cumpran os requisitos; imos ver”, dixo Balseiros na xornada de onte.
Moitas solicitudes que hai este ano son do período de conversión e probablemente o vindeiro ano non sigan en ecolóxico (José Balseiros)
Algún dos afectados propuxo que se non chegan os fondos para o pago por ecolóxico se lles permita polo menos cobrar as axudas agroambientais, que percibían en moitos casos até agora, pero o subdirector do FOGGA aclarou que “se unha explotación está en ecolóxico non pode cobrar as agroambientais normais”, afirmou. “Pero se cumpren as condicións de ecolóxico, tamén cumpren as de agroambientais. Como é posible que queden sen nada?”, reprochoulle outro produtor, ao que Balseiros enseguida contestou: “Pensades que unha Administración pode dar as axudas que lle peta no momento que lle peta?. Non é así. Temos que cumprir normativas e regulamentos”, advertiu. Por iso, Balseiros aclarou igualmente que “non se poden prorratear os fondos”, tal como se propuxo desde o Craega, para repartir deste xeito os cartos dispoñibles entre todos os solicitantes. "Tamén cando a Xunta saca as axudas de eficiencia enerxética e cambio de xanelas en vivendas, esgótanse en media hora e hai xente que queda fóra", comparou Balseiros.
Tamén cando se sacan as axudas de cambio de xanelas en vivendas hai xente que queda fóra (José Balseiros)
“Hai uns criterios de priorización fixados no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) desde o ano 2015 e recollidos na orde deste ano, que son os que se van aplicar: por estar en zona de montaña (2 puntos) e en Rede Natura (1 punto). A igualdade de puntos, terase en conta o que menos proporción de pasto arbustivo e arborado ten e, se segue habendo empate, primaría o que ten máis superficie", detallou Piñeiro. As modificacións, de ser necesarias, de cara ao vindeiro ano Para o vindeiro período PAC 2023-2027, estes criterios manteranse, incorporando a titularidade compartida como factor de explotación prioritaria, avanzou o subdirector do FOGGA. Ademais, ante o importante incremento de solicitudes para axudas de agricultura ecolóxica que se produciu este ano (12.000 hectáreas máis), a Consellería do Medio Rural valorará a necesidade dunha posible modificación do Plan Estratéxico da PAC, co fin de poder dedicar no futuro máis fondos a esta medida, pero non para a convocatoria deste ano 2022. “Cara ao mes de marzo agardamos ter os datos que nos indiquen por sectores como vai saír a PAC, e facer trasvases entre sectores a través das modificacións pertinentes no Plan de Desenvolvemento Rural, vía Ministerio e a Comisión Europea, que é quen a ten que autorizar eses cambios”, aclarou Balseiros.
Os cartos son os que hai, e se se aumenta dun sitio haberá que sacar doutro (José Balseiros)
Pero o director xeral xa advertiu: “Os cartos son os que hai, e se se aumenta dun sitio haberá que sacar doutro. A modificación do PDR está prevista para iso, para trasladar cartos dunha medida excedentaria a outra deficitaria. Fíxose sempre e seguirémolo facendo, pero para este ano xa non é posible”, concluíu. De todos xeitos, e aínda que se mostrou aberto a facer estes cambios de cara aos vindeiros anos, insinuou que pode que non sexa necesaria a modificación, xa que prognosticou que as solicitudes o ano que vén serán menores. “Moitas solicitudes que hai este ano son do período de conversión e probablemente o vindeiro ano non sigan en ecolóxico”, afirmou. Ollo ao que vén Ante as críticas que estaba a recibir dos gandeiros, en varios momentos do acto, Balseiros sentiuse no disparadeiro e mostrouse doído: “Estades atacando a quen vos defende. Vós pensades que o voso inimigo somos nós?. O inimigo téndelo en dous sitios, no Ministerio de Transición Ecolóxica e en Europa, onde teñen un descoñecemento absoluto da vosa realidade. Xa veredes o que vén aí”, advertiu. “Nos entornos urbanos, estórbanlles as bosteiras das vacas; os vosos inimigos son os animalistas. É unha ola que vén e que hai que tentar parala como sexa. Porque se non houbera circunscricións electorais provinciais, xa estarían no Parlamento e nos próximos anos vai ser infinitamente peor”, opinou. “Co novo decreto de ordenación do sector vacún (que prepara o Ministerio), case ningunha explotación de leite en Galicia cumpriría a norma. E esperade ver a nova lei de benestar animal. Eu xa sei que vos interesan moito as axudas, pero eu creo que é moito máis importante combater estas cousas”, recomendou, nun dos momentos en que a xornada cobrou tintes de mitin político.
O voso inimigo son os animalistas, que non queren que haxa vacas nos establos nin galiñas nos galiñeiros
Sobre as liñas de agroambientais e ecolóxico, Balseiros afondou tamén en cuestións das negociacións que, con frecuencia, non saen á luz: “Tiñamos que ter gravadas algunhas conversas que tivemos en Madrid polo tema da carga gandeira. A proposta do Ministerio de Transición Ecolóxica era 0,5 Unidades de Gando Maior (UGM) por hectárea. Foi unha negociación moi complicada para dar chegado a 2 UGM/hectárea. O ministro de Agricultura, Luis Planas, paréceme unha persoa dialogante e razoable, e o director general, Fernando Miranda, tamén. Non podo dicir máis que boas palabras deles, pero cada vez que houbo reunións a 3 bandas co Ministerio de Transición Ecolóxica, sempre era o que mandaba”, contou Balseiros. Explotacións intensivas O subdirector do Fondo Galego de Garantía Agraria, Jorge Piñeiro, engadiu que a nova PAC é moito máis complexa ca actual porque “o Plan Estratéxico da nova PAC non é só un documento de reparto de axudas, senón que é tamén un documento de política agraria xeral que inclúe normas de fitosanitarios, antibióticos, abonado ou ordenación gandeira”.
O decreto de ordenación das granxas de vacún que prepara o Ministerio pode xerar un problema gordo en Galicia (Jorge Piñeiro, subdirector do Fogga)
“Vai haber, por exemplo, un real decreto paralelo de ordenación gandeira das granxas de vacún, con efectos importantes sobre as explotacións que no REGA (Registro General de Explotaciones Ganaderas) están actualmente como intensivas. En canto se aprobe este real decreto, haberá que facer un cambio de oficio no REGA porque senón córrese o risco de que todas estas explotacións deixen de cobrar a PAC. Pode haber un problema moi gordo en Galicia”, advirte Piñeiro. Para o subdirector do FOGGA, a esixencia medioambiental da PAC é “espectacular”. “O medio ambiente é unha política transversal que subiu de nivel en todos os aspectos. Son esixencias da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, que é tamén a que manda hoxe en día en Bruxelas”, afirmou. Será este un dos últimos períodos da PAC? Entre os reproches dos gandeiros e as preguntas máis técnicas de asesores pertencentes a entidades de aconsellamento, o acto foi collendo camiños diversos e mesturáronse grandes cuestións de política europea coas necesidades concretas dos gandeiros. “As esixencias ambientais que marca Europa fan que a produción se marche fóra. Neste momento prodúcense xa máis pementos de Padrón en Marrocos que en Galicia”, exemplificou Balseiros.
As esixencias ambientais fan que a produción se marche. Neste momento prodúcense xa máis pementos de Padrón en Marrocos que en Galicia
“Non quero que saiades de aquí coa sensación de que eu son pro-Brexit, pero estanvos abrasando. E eu penso que Europa está cavando a súa propia tumba, tal como está facendo as cousas, porque revestir todo de ecoloxismo desde un despacho está ben para os urbanitas, pero está acabando coa produción e levando ao abandono ao medio rural”, engadiu. “Estase falando de que este pode ser un dos últimos períodos nos que hai PAC, e iso non o decide Galicia. Os altos funcionarios da Comisión Europea non están pensando en pagarvos a vós, iso é o que pensamos todos. A PAC está para que os prezos dos alimentos non suban e ás veces non logramos subir os prezos precisamente porque está a PAC”, afirmou Balseiros. “Queren acabar coas axudas. A idea da UE de cara ao futuro é que non as haxa. Nós non queremos iso, pero a tendencia vai por aí. Os países do norte de Europa, os homes de negro, xa non querían poñer cartos para este período 2023-2027. Finalmente fixérono, pero cunhas condicións ambientais reforzadas para abonar as axudas”, asegurou. E para descargar responsabilidades sobre a Xunta, engadiu: “Non vos esquezades, ao final o Plan Estratéxico que aprobou a Comisión Europea foi o que mandou o Goberno central e hai unhas normas que veñen de Bruxelas, porque nin a condicionalidade reforzada nin os ecoesquemas os impuxo Galicia”, concluíu. https://www.campogalego.gal/o-sector-mais-beneficiado-pola-pac-vai-ser-o-da-carne-e-falso-que-saian-ganando-granxas-de-leite/

“O resultado da colaboración entre Carrefour e a IXP Ternera Gallega é excepcional”

O consumo de carne ecolóxica está previsto que siga medrando a ritmo de dous díxitos durante os próximos anos, abríndose unha oportunidade de mercado para os produtores. Esta foi unha das conclusións da III Xornada Técnica de Produción Gandeira Ecolóxica, organizada pola marca de pensos ecolóxicos Ecofeed o pasado 24 de xaneiro en Allariz. Un dos relatores invitados foi Francisco Piqueras, director de carnicería de Carrefour España. E é que a multinacional francesa foi unha das primeiras en apostar pola produción bio a comezos dos anos 90. “Desde 2016 medramos un 30% en referencias de produtos gandeiros bio e o obxectivo de cara ao 2022 é multiplicar por catro o número de referencias”, avanzou Francisco Piqueras. Neste sentido, a estratexia de Carrefour pasa por democratizar no prezo de acceso a estes produtos, suprimindo intermediarios e negociando directamente con produtores agrupados en cooperativas ou noutro tipo de sociedades, e por facelos máis accesibles nos supermercados con espazos propios e ben sinalizados. Falamos con Francisco Piqueras sobre as tendencias de consumo de carne en España, e en produción ecolóxica en particular. Estades a notar en Carrefour un repunte do consumo de carne ecolóxica? Si, o consumo aumentou de maneira positiva. Comer mellor e máis san é unha das preocupacións dos consumidores en todo o mundo. Os modos de vida e os hábitos de consumo cambiaron e hoxe en día o cliente preocúpase cada vez máis pola alimentación, pola orixe dos alimentos e polos modos de produción que respectan o medio ambiente. Como mostra diso Carrefour participou na III Xornada de Produción Gandeira Ecolóxica en Allariz na que a compañía mostra o seu compromiso pola carne galega ecolóxica e a súa aposta polos produtores locais e rexionais.
“En ecolóxico onde notamos máis demanda é en ovos, aves e vacún”
Cales son as especies nas que notades maior demanda? En xeral poderiamos dicir que é un maior consumo global de carne destacando ovos, aves e vacún; e máis lentamente año e porcino. Segue sendo o prezo unha barreira para democratizar o consumo de carne ecolóxica? A compañía puxo en marcha o programa Act for Food, unha serie de iniciativas concretas para comer mellor e para transformar o seu modelo a nivel mundial co fin de abordar estes novos desafíos alimentarios e satisfacer as novas expectativas dos consumidores. Por iso, Carrefour aposta por unha oferta alimentaria de calidade, con máis sabor, fiable, que preserve o “comer mellor”, o benestar, un estilo de vida saudable, e a un prezo razoable. Que perspectivas ou previsións ten Carrefour en España para o incremento do consumo e venda de carne en ecolóxico nos próximos anos? Carrefour prevé que nos próximos anos o consumo de carnes ecolóxicas terá un crecemento positivo. Neste sentido, Act For Food recolle iniciativas como a potenciación da gama BIO -que a compañía leva 15 anos comercializando-, a eliminación do IVE dos produtos frescos BIO para facelos máis accesibles, a colaboración con agricultores e gandeiros no desenvolvemento destes produtos, a sinatura de acordos de produción a longo prazo que garantan prezos accesibles, garantía de rastrexabilidade nos produtos de marca propia, a eliminación de 100 aditivos controvertidos, colaboración con máis de 110 produtores locais para garantir a frescura diaria da verdura de folla e a oferta de peixe fresco diario procedente de 66 lonxas españolas … entre outras. Notades diferenzas no perfil do consumidor de carne ecolóxica? Non hai un perfil específico. En liñas xerais os modos de vida e os hábitos de consumo cambiaron e hoxe en día o consumidor preocúpase cada vez máis pola alimentación, pola orixe dos alimentos e polos modos de produción que respectan o medio ambiente. En xeral, que tipo de corte e de envasado están a demandarvos máis os clientes de Carrefour? No que se refire á carne ecolóxica o despezamento de polo tradicional, con preferencia pola peituga, e en vacún os cortes máis vendidos son entrecosto e filete de primeira. En canto ao envasado o termoselado en aves e en vacún skin e slim fresh. Estades a atopar suficiente oferta en ecolóxico por parte dos gandeiros en España? Si, hai cantidades suficientes para a venda actual nas categorías de ovos, aves e vacún. Aínda que atopamos unha maior dificultade en porcino e cordeiro.
 “Temos dificultade para atopar provedores de porcino e cordeiro ecolóxicos”
Que requisitos teñen que reunir os vosos provedores? Os requisitos que teñen que reunir principalmente é que teñan volume suficiente de produción para abastecernos e estrutura de produción. Ademais, como estamos a falar de produto ecolóxico, necesitamos as certificacións correspondentes. Traballades coa IXP Ternera Gallega. Como valorades a colaboración e o resultado de vendas desta carne? O resultado e a colaboración con IXP Ternera Gallega é excepcional. Carrefour aposta polas empresas agroalimentarias locais que son unha peza crave no seu modelo de negocio, xa que contribúen a ofrecer unha variedade específica e local en cada un dos establecementos da cadea.
 “Estamos a traballar para introducir na nosa lineais carne da IXP de Vaca e Boi de Galicia”
Pódese comprar en Carrefour carne da IXP Vaca e Boi de Galicia? Actualmente non temos dispoñibilidade da IXP de Vaca e Boi de Galicia, debido á escasa produción actual, aínda que estamos a traballar con provedores de referencia para introducir nos nosos lineais esta gama da IXP. Si dispoñemos, desde hai moitos anos, nas nosas tendas da IXP de Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.

“No futuro as granxas de leite ou serán moi intensivas ou ecolóxicas”

Un grupo de 22 produtores franceses de leite, da asociación bretona ADAGE 35, visita estes días granxas lácteas galegas en sistemas de pastoreo e produción ecolóxica, para coñecer o traballo de asesoramento desenvolvido por Xestión Agrogandeira e Natureza. Aurélien Leray é un deles. Este gandeiro ven de incorporarse en xaneiro deste ano como socio nunha granxa de vacún de leite en ecolóxico de Bretaña. Pero a súa experiencia é ampla no sector tanto como técnico asesor de pastoreo e tamén a nivel sindical. ¿Como é a gandería de vacún de leite ecolóxico da que es socio? A nosa granxa está situada a uns 15 quilómetros ao sur da cidade de Rennes, capital da Bretaña. Contamos con 60 hectáreas de base territorial, das que 56 son pradeiras, 2 son de millo forraxeiro e outras 2 dunha mestura de cereais. Con esta base territorial producimos todas as forraxes para alimentar a 45 vacas frisoas e máis as xatas que temos. Só mercamos algunha forraxe nos anos secos. Unha vantaxe importante foi o sistema de secado da forraxe que puxemos en marcha entre varios gandeiros. Mediante ventiladores, secamos o feo a granel e iso permítenos ter unha forraxe de alta calidade, que incluso nos meses de inverno permite que as vacas produzan 20 litros diarios, só con herba seca. ¿Como xestionades o pastoreo? As vacas están en pastoreo día e noite de marzo a primeiros de agosto e logo dependendo do que chova no outono, do 15 setembro ao 15 de novembro. É dicir, 6 meses ao ano aliméntanse só con pasto, e o resto con suplemento de herba seca e algo de penso. En concreto, no verán reciben 10 kilos de feo e no inverno 17 kilos de herba seca e 1,5 kilos de penso caseiro feito cos nosos cereais. Con esta alimentación, e grazas á boa xenética do rabaño que fomos seleccionando, cada vaca produce arredor de 7.000 litros por ano, cun pico de 28 litros diarios na primavera e arredor de 19 na seca estival e no inverno. As calidades andan na media: 3,8 % de graxa e 3,2% de proteína. As xatas e as xovencas criámolas en base a pastoreo, para reducir custos, e veñen parindo cunha media de 30 meses. O teu caso é un pouco atípico, porque te incorporaches a unha explotación de vacún de leite sen aportar nin terras nin gando... Si, o día 1 de xaneiro deste ano incorporeime como socio e traballador na explotación dun gandeiro que xa coñecía de Adage 35, a asociación na que era técnico. O que fixen foi mercarlle a metade da granxa por 158.000 euros. Para iso, solicitei un empréstito ao banco a devolver en 12 anos. O noso obxectivo é ser moi bos dende o punto de vista técnico, traballar pouco e gañar o máximo posible ¿E que te está a chamar a atención da túa visita a Galicia? O que me chamou a atención, e tamén ao resto de gandeiros do grupo, é a cantidade de penso que se segue utilizando, algo que en Bretaña é o primeiro que se trata de reducir cando te pasas a ecolóxico, pero tamén en convencional. E aquí non é raro escoitar 2,5 toneladas por vaca e ano, cando en Francia é común estar por debaixo de 1 tonelada.
 “Sorpréndeme a cantidade de penso que se utiliza aquí"
Outro aspecto que nos sorprende é que en Galicia a transmisión das granxas só é de pais a fillos e que as granxas son gratuítas para eles; é dicir, que non lle compran a granxa aos pais. En Francia, non é así, porque para os poderes públicos a granxa ten un valor económico e ten que haber unha compra-venda. Se é por herdanza, a fiscalidade é moi gravosa. Paréceme que é positivo que promovan instalacións gandeiras fóra do marco familiar e que os poderes públicos axuden a estes emprendedores. Do contrario, cada vez se reducirá máis o número de explotacións e a poboación no rural, pois en moitos casos os fillos dos gandeiros non toman o relevo na explotación. Outra cousa que nos chama moito a atención son as plantacións de eucaliptos e o minifundismo galego. Dá a impresión de que dende a Administración galega non houbo unha preocupación de que as granxas aumentasen produción ao mesmo tempo que aumentaban a súa base territorial. En Galicia os prezos do leite ecolóxico están neste momento en arredor dos 50 céntimos o litro. ¿Como están en Francia? ¿Prevese unha baixada de prezos nos próximos anos? Na nosa granxa vendémoslle o leite a Biolait, unha organización dos propios produtores que lle recolle o leite ás arredor de 1.000 granxas socias, sendo os primeiros en recollida en Francia. O prezo medio que percibimos é de 46 céntimos o litro, e Lactalis, un pouco para facernos a competencia, estao pagando a 50 céntimos, o mesmo que en Galicia. E aínda así, esta industria láctea segue gañando diñeiro. A clave para os produtores é controlar a oferta, para que non baixen os prezos.
 “En Francia o leite ecolóxico tamén se paga a 50 céntimos”
Os contratos que temos son de 2 anos para o período de conversión, máis 5 anos. ¿O período de conversión é o mesmo en Francia que en Galicia: 2 anos? Aos gandeiros ofrécennos dúas posibilidades para o período de conversión a ecolóxico: 2 anos pasando a terra e o rabaño a ecolóxico, igual que en Galicia, ou facelo de forma non simultánea. É dicir, primeiro pasar a terra e logo o rabaño os últimos 6 meses. Desta maneira, podes vender o leite en ecolóxico 6 meses antes. Pero establécese que non poderás vender o rabaño como biolóxico, ata que pasen tres cuartos da súa vida en eco. En Galicia non hai un criterio claro en canto á utilización de razas para producir leite en ecolóxico. ¿Que recomendarías? Na nosa gandería temos Frisonas porque é unha raza moi boa para ecolóxico, sempre que se seleccionen con boas patas, ubre e saúde. Sen embargo, se o que se fai é agrupamento de partos, deixando de muxir dende Nadal ata a primavera, para que coincida o pico de lactación coa máxima dispoñibilidade de pasto, son mellores os cruces de Frisona, Montbelicarde e Roxa Sueca. En canto á Jersey, é unha raza que permite moita autonomía e ademais as súas xatas poden parir sen problema con 2 anos. ¿Como ves o futuro para os produtores de leite en Francia, tanto en convencional como en ecolóxico? Antes do 2015 os gandeiros en Francia e en toda Europa estaban desexosos de que se suprimiran as cotas e fixeron grandes investimentos, a veces con pouco acerto, para comezar a producir o máximo de leite. Pero se deixas de limitar a produción, o que fas é inundar o mercado con leite e tirar cos prezos, e iso foi o que pasou no 2015.
“Co modelo ecolóxico quedarían máis granxas no rural”
Agora mesmo en Francia hai tres tipos de granxas de vacún de leite en convencional. Por unha parte están os que fixeron grandes investimentos pero mal planificados e agora están coa auga ao pescozo, e as granxas son dos bancos. O segundo tipo serían os emprendedores, con granxas moi intensivas e tecnoloxía punta, que se salvan, traballan moito e moven moito diñeiro pero no peto quédalles pouco. E logo os que fixeron inversión meditadas, que cando había diñeiro gardaron, e non mercaron o que non precisaban. Este último grupo neste momento está pensando ou en irse para o convencional moi intensivo e punteiro tecnolóxicamente ou pasarse a ecolóxico. Se todos se van para intensivo e tecnoloxía punta van traballar moito e gañar o xusto. E o outro modelo, o de pastoreo e en ecolóxico, supón reducir a cantidade de leite no mercado, pero teñen máis marxe e favorecen que queden máis granxas no rural. Acumulas unha longa experiencia en asesoramento en pastoreo en Adage 35. ¿Cales son os erros máis comúns que se cometen na xestión do pasto? O primeiro aspecto a coidar é que se estás en convencional e queres facer pastoreo non podes ir só, deberías ir con asesoramento dun profesional para evitar erros. Outro aspecto a ter en conta é evitar o sobrepastoreo, principalmente cara finais de xuño e comezos de xullo. Nesa época é común ver como os gandeiros aceleran o ritmo de pastoreo e pelan as pradeiras rapidamente. Iso vai provocar que se estrague o sistema radicular da pradeira, que acumule menos reservas e que o solo quede máis compactado, co cal o pasto renovará peor cando volvan as choivas. Pola contra, cando empeza a diminuír a velocidade de produción de pasto o que hai que facer é baixar o ritmo de rotación e suplementar con forraxe ao gando. As mesturas coas que traballamos nas pradeiras en Bretaña son 15 kilos de Festuca alta, 5 kilos de raigrás inglés diploide e tardío e 5 kilos de trevo branco. Se as terras son profundas cambiámolo por trevo máis anano. Logo hai que adaptarse á realidade climática e aquí en Galicia a festuca, a alfalfa ou o dactylo poderían ser boas opcións porque medran cando fai calor, algo que non ocorre co raigrás inglés. É certo que a festuca ou o dactylo fai baixar a produción de leite por vaca, pero é mellor ter unha vaca que produce menos pastoreando que unha que produce máis dándolle forraxe.

Menos do 2% do viñedo galego está en ecolóxico ou en produción integrada

Os viños certificados en ecolóxico ou en produción integrada avanzan moi timidamente, a pesar do crecemento deste nicho de mercado, sobre todo no mercado exterior, e de que a lexislación e os consumidores reclaman cada vez máis produtos alimentarios con menor presencia de resíduos. Así se puxo de manifesto na xornada organizada este xoves en Ribadavia pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) sobre “Xestión de pragas e enfermidades no viñedo (I)”. Diversos expertos e viticultores explicaron os principios da xestión integrada de pragas en viñedo así como da viticultura ecolóxica, dous tipos de produción certificada de carácter voluntario que ocupan en Galicia ao redor de 250 e 80 hectáreas, respectivamente, sobre un total de superficie vitícola en Galicia dunhas 26.000 hectáreas. É dicir, supoñen pouco máis do 1% da superficie, a pesar de que tal e como destacaron os relatores é posible facer viticultura ecolóxica en Galicia. Neste sentido, Ignacio Munilla Rumbao, de Asesoría Munilla Biodiversidade, explicou os principios ecolóxicos da produción integrada en viñedo, mentres que Juan Carlos Vázquez Abal detallou a aplicabilidade da xestión de pragas e enfermidades en produción integrada, un sistema de produción a medio camiño da produción ecolóxica que busca reducir ao máximo o uso de fitosanitarios e de agroquímicos, con prácticas respectuosas o medioambiente, esperando a uns limiares mínimos para realizar tratamentos. En Galicia a produción integrada en viñedo está regulada desde o ano 2005 e en adegas desde setembro do pasado ano, sendo unha das poucas comunidades, xunto con Andalucía e Cataluña, que contan con esta dobre certificación. Para os viñedos requírese estar inscrito no Rexistro Oficial de Operadores de Produción Integrada cun mínimo de 3 hectáreas por adega ou asociacións de viticultores cun mínimo de 3.000 metros cadrados de viñedo por cada viticultor e 10 hectáreas en total. Demandan un selo único estatal para os viños de produción integrada Unha das poucas adegas que máis forte apostou en Galicia por esta tipo de certificación é a cooperativa Viña Costeira, do Ribeiro, que desde o ano 2008 ten 50 hectáreas certificadas e auditadas anualmente en produción integrada. Susana Gulín, técnica de viticultura desta cooperativa, explicou que “este ano sairán ao mercado en España as primeiras botellas certificadas co selo de produción integrada”. Como debilidades da produción integrada en España, destacou que “está moi ligada ás axudas dos Programas de Desenvolvemento Rural de cada comunidade, e ao feito de que cada autonomía ten o seu propio selo de produción integrada, o que crea confusión no consumidor”. Outra das adegas que apostou pola produción integrada en Galicia é a Cooperativa Vitivinícola Arousana/Paco e Lola, que desde o ano 2010 traballa con este tipo de certificación, con 60 hectáreas certificadas no seu momento. Diego García, técnico de viticultura da cooperativa, explicou que a aposta por este tipo de viticultura realizouse a través do proxecto LIFE +Viñas Altánticas, impulsado pola Deputación de Pontevedra, e no que tamén participan as cooperativas Martín Códax e Condes de Albarei. O seu obxectivo é producir viño “sustentable” nos viñedos da D.O. Rías Baixas, da subzona do Salnés minimizando o uso de produtos químicos nunha zona de clima atlántico, tépedo e húmido que favorece o ataque de fungos como Mildiu, Oidium e Botrytis entre outras. Para iso ampliaron os puntos de medición meteorolóxica na comarca, tanto sensores como estacións, pasando de 6 a 20, o que lles permite aos técnicos das tres cooperativas emitir todos os xoves un boletín propio de avisos fitosanitarios para os socios. Ademais, a través da plataforma Viñas Atlánticas os socios dispoñen dunha completa información actualizada e fácil de entender -cuns avisos por cores- a nivel de parcela sobre os presenza de esporas de fungos e recomendacións para realizar tratamentos. Como conclusión, Diego García coincidiu en que “debería haber máis información ao consumidor sobre a produción integrada e un mesmo selo, senón é a nivel europeo, como a agricultura ecolóxica, polo menos a nivel estatal”. Por último, o técnico criticou que “seguimos practicando unha viticultura moi tradicionalista, cando o importante é que catro visitas ao viñedo fan máis que un tratamento”.

Experiencias en viticultura ecolóxica

A xornada da Evega tamén incluíu dúas experiencias de viticultores que están a traballar desde hai anos en ecolóxico na Denominación de Orixe Ribeiro: Bernardo Estévez e Adolfo Collarte, de Adegas Cumes do Avia. Ambos coincidiron en que a clave en viticultura ecolóxica é o coidado do chan e da súa fertilidade e actividade biolóxica. Neste sentido, Bernardo Estévez, que cultiva en biodinámico unhas 3 hectáreas de viñedo e optou por non estar certificado polo Craega, subliño que “a clave de elaborar un viño de terroir é respectando o chan, incluído o seu PH, e a flora da contorna”.
 Bernardo Estévez: “É clave formarse e contar cun bo asesor técnico para non ter perdas elevadas”
En canto ao abonado, no seu caso utiliza cubertas vexetais con gran diversidade e plantas autóctonas así como achega en acolchado de toxo e restos de limpeza do monte que aumentan a actividade migroorgánica do chan. “É unha forma lenta pero máis sustentable de xerar nutrientes para a vide”, destacou. Para fortalecer as vides e previr ou tratar as enfermidades fúnxicas, Bernardo Estévez explicou que emprega extractos hidroalchólicos, a partir da súa propia augardente e de plantas como salgueiro, ortiga, eucalipto ou milenrama, así como maceracións. “Isto permíteme usar doses moi baixas de cobre, ao redor do 20 ou o 25% dun tratamento normal”, destacou. Por último, á hora de realizar unha conversión dun viñedo convencional a un viñedo ecolóxico, Bernardo Estévez considerou clave “a formación e contar cun bo asesor técnico, pois pola contra haberá un gran risco de perdas elevadas nos primeiros anos”.
Adolfo Collarte: “En ecolóxico melloran as calidades organolépticas dos viños e reflíctese mellor o terroir”
Pola súa banda, Adolfo Collarte, de Adegas Cumes do Avia explicou que están certificados en ecolóxico no Craega desde o ano 2008. Destacou que o punto de partida foi elixir unha boa localización para plantar o viñedo: “No noso caso eliximos unha zona alta en ladeira e ben exposta ao sol, con boas condicións para traballar en ecolóxico”, asegurou. O que impulso a esta cooperativa de catro socios a optar pola viticultura ecolóxica “débese a razóns de tipo ambiental, de saúde, social pero tamén a que que en ecolóxico melloran as calidades organolépticas dos viños e reflíctese mellor o terroir”, destacou Adolfo Collarte. No seu caso, o abonado das viñas realízano mediante compost de restos forestais e de vides que aplican en superficie. Tamén empregan hidroalcohólicos, macerados ou xurro de ortigas. “O Craega permítenos utilizar un máximo de 6 quilogramos de cobre por hectárea e ano para tratar enfermidades fúngicas como mildiu ou oídio, pero con estes extractos conseguimos traballar cunha media de 2,5 quilogramos de cobre”, subliñou este viticultor.

“É positivo que os grandes supermercados e industrias entren na agricultura ecolóxica”

Stéphane Bellon é un dos referentes en Europa en agricultura ecolóxica. Investigador do Institut National de Recherche Agronomique (INRA) francés desde o ano 1991 e desde o 1999 é responsable do programa de Agricultura Ecolóxica deste instituto de investigación pública. Experto en investigación en agroecoloxía e en agricultura ecolóxica, e en concreto nos procesos de conversión e de transición, así como en sistemas agrícolas complexos nos que se mestura fruticultura con horticultura. É tamén o presidente de “Agroecoloxía Europa”, asociación europea creada en xaneiro deste ano coa participación de 19 membros fundadores procedentes de 10 países. A pasada semana Stéphane Bellon participou en Lugo no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica/Agroecoloxía (Seae), celebrada baixo o lema «As leguminosas: clave na xestión dos agrosistemas e na alimentación ecolóxica». Que é a agricultura ecolóxica e que é a agroecoloxía para ti? Creo que a agricultura ecolóxica está ben definida a nivel internacional coas normativas da Unión Europea ou da Federación Internacional de Movementos de Agricultura Ecolóxica (IFOAM). Sería un modo de produción de alimentos que preserva o medioambiente e presta atención ao benestar animal....etc. O que máis define a produción ecolóxica é que non só é un produto cunha etiqueta senón tamén un proceso de produción. A agricultura ecolóxica para min serve ademais como campo de experimentación e innovación para os outros tipos de agricultura. E é un modelo vivo, que evoluciona día a día. En canto á agroecoloxía, xurdiu nos anos 30, e tivo especial incidencia en países latinoamericanos como Brasil, Chile ou Colombia. Trátase de producir con bases ecolóxicas sen necesariamente estar o produto identificado como ecolóxico. É dicir, contribúe ao que se chama en Europa a ecoloxización da agricultura. A agroecoloxía fomenta interaccións entre os actores en ciencias, prácticas e movementos sociais, facilitando o intercambio de coñecemento e de experiencias. Tamén está un elemento de políticas públicas, especialmente en Francia. A agronomía nas últimas décadas centrouse en exclusiva no agro como un espazo controlado e no que o único que importa é o que produce, pero sen prestar suficiente atención á conservación dos alimentos, ao seu valor nutricional ou ao transporte. Sen embargo, para min a agroecoloxía permite reconectar agricultura, alimentación e o medioambiente. É dicir, non concibe a agricultura como un proceso illado, senón integrado nun conxunto e prestando atención especial a cuestións como a fertilidade do chan, as interaccións das plantas cos microorganismos e cos insectos....etc.
“As producións en agricultura ecolóxica teñen menos oscilacións que en convencional”
Ademais, a agroecoloxía permite unha interrelación entre natureza, ciencia e sociedade. Neste sentido, a asociación Agroecoloxía Europa márcase como obxectivo mapear como é a agroecoloxía en cada rexión. Explorouse a relación entre a agricultura ecolóxica e a agroecoloxía, que son compañeiras de camiño, durante o XII congreso da Seae en Lugo. Unha das críticas que se lle fai á agricultura ecolóxica é que os seus produtos non son accesibles para todos os consumidores e que, sobre todo, non garante producións regulares e en cantidade como para alimentar a unha poboación mundial en aumento e cunha superficie agrícola que diminúe. ¿Que respondería a estas críticas? Sobre a variabilidade da produción entre ecolóxico e convencional teño dúbidas, porque está comprobado cientificamente que ten máis regularidade a produción da agricultura ecolóxica, polo menos a escala de fincas diversificadas. Do mesmo xeito, demostrouse que moitos sistemas agroecolóxicos son moi resistentes ao cambio climático e a outras incertezas. En convencional non solucionamos o problema da variabilidade das colleitas: se se miran a evolución dos rendementos, por exemplo, nos cultivos de trigo nos últimos 50 anos pódese observar un incremento medio das colleitas, pero a variabilidade permanece. Por exemplo, nun ano coma este en Francia hai un 30% menos de rendemento en trigo, en agricultura convencional. Ademais, o que se espera da agricultura non é só rendemento, porque do que nos alimentamos é de comida, non de rendemento. É dicir, temos que considerar que se espera da agricultura en todas as dimensións. Neste sentido, a agricultura ecolóxica si que é multifuncional: non soamente produce alimentos certificados para un mercado, senón que tamén contribúe ao benestar animal, á conservación do medioambiente, ao desenvolvemento rural...etc. Hai tamén tensións entre cantidade e calidade, entre produción e medioambiente. Por exemplo, a lei de rendementos decrecentes establece claramente que o máximo de produción non coincide co óptimo económico, porque hai que gastar máis insumos. Pero se o referente é a calidade ou a sustentabilidade ambiental, a produción óptima pode ser outra. É dicir, se soamente consideramos a cantidade como único referente, estarémonos a equivocar.
 “É positivo que os grandes supermercados e industrias alimentarias entren na agricultura ecolóxica”
É certo que a agricultura ecolóxica non acada os máximos de produción pero logra un gran equilibrio entre alimentos producidos, calidade, rendibilidade e preservación do medioambiente. O problema da fame no mundo non é un problema de cantidade de alimentos producidos, senón tamén de distribución e de pobreza. O sistema agroalimentario que se construíu en Occidente desde o final da Segunda Guerra Mundial foi eficiente para atender ao aumento da poboación, pero con moita dependencia dos agroquímicos e cunha alta fraxilidade. ¿A entrada da gran industria agroalimentaria na agricultura ecolóxica vai resultar positiva? Nos anos 2000 grandes supermercados e grandes marcas, que concentran a industria alimentaria a nivel mundial, entraron no mercado da agricultura ecolóxica. O resultado foi que hai máis presenza dos produtos orgánicos nos supermercados e grandes superficies, e considero que iso pode ser positivo para que outros consumidores poidan acceder a estes produtos. O feito de que empresas como Lactalis ou máis recentemente Danone entrasen no leite ecolóxico, pode ser positivo para gañar máis economía de escala ou de gama e mellor prezo para os consumidores, pero sempre que haxa un contrato xusto cos gandeiros. Tamén é importante destacar que hai importantes cooperativas que están moi activas para transformar o leite e carne ecolóxicas en produtos de valor engadido. Como esta a reforma da lexislación europea que regula a agricultura ecolóxica? A reforma da lexislación da produción ecolóxica en Europa está en marcha. É o resultado dunha avaliación da regulación anterior e dunha negociación tripartita. En 2015, e debido ás crises de prezos da carne e do leite, houbo moitas demandas de conversión a agricultura e gandería ecolóxicas. Agora mesmo estamos nun proceso de simplificación da lexislación europea e de adaptación para unha perspectiva de cambio de escala e de adaptación á dinámica do sector.
“O Orgánico 3.0 é unha proposta para sacar á agricultura ecolóxica do seu nicho”
É dicir, exponse o desafío de manter os valores da agricultura ecolóxica á vez que incrementamos a produción e a escala para que estes produtos cheguen a máis consumidores. Sen relaxar as regras, pero simplificando os trámites burocráticos. Cales son as perspectivas da agricultura ecolóxica en Europa? Hai un crecemento xeral en todos os países tanto en número de hectáreas como de produtores, pero o desafío é ver se a nivel social hai un reparto xusto e incide nunha mellor alimentación da poboación de cada país. Pero o desenvolvemento da agricultura ecolóxica non se limita aos datos de crecemento. Aínda que a investigación ten un papel que desempeñar, sobre todo na innovación e resolución de problemas, a construción do futuro tamén se fai cos actores. Neste sentido, durante xornadas de formación con cooperativas agrícolas, puiden ver como os socios eran capaces de entrar en varios escenarios, analizando as consecuencias de cada escenario para a súa propia empresa e para a súa organización. Hai tamén unha proposta de IFOAM para un “Orgánico 3.0”, para sacar o orgánico do seu nicho á corrente principal e situar os sistemas ecolóxicos como parte das múltiples solucións necesarias para resolver os enormes desafíos que enfronta o noso planeta e as nosas especies. Paréceme que a agroecoloxía é unha posibilidade real para pensar e acompañar estas perspectivas.

Avicultura e leite de vaca: as producións ecolóxicas con máis saída comercial en Galicia

A avicultura de carne e a orientada á produción de ovos son, xunto co leite de vaca, as producións en ecolóxico con máis saída comercial nestes momentos en Galicia, ao contar con canles de transformación e de distribución establecidas e dirixidas á exportación fóra da comunidade. Así se puxo de manifesto este mércores no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), que se celebra estes días en Lugo, e que nesta edición está dedicado ás leguminosas, coincidindo co ano internacional deste cultivo establecido pola ONU. Nunha mesa redonda sobre “Gandería ecolóxica en Galicia e alternativas agroecolóxicas de futuro”, Ernesto Sánchez, director técnico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) asegurou que “a finais deste ano confiamos en duplicar o número de ganderías de vacún de leite en ecolóxico que había en 2015”. “Isto foi posible fundamentalmente porque a comercialización está garantida”, segundo destacou o representante do Craega, grazas á aposta de Lactalis e de Leche Celta polo leite ecolóxico. Importantes crecementos para a avicultura ecolóxica Outra das ganderías en ecolóxico que está a experimentar un bo comportamento e con mellores perspectivas de futuro é a avicultura de carne e de posta. “As empresas comercializadoras infórmannos de que habería capacidade para colocar no mercado ata un 60% máis de polo e de ovos ecolóxicos, porque os demandan os consumidores”, destacou Ernesto Sánchez. O principal obstáculo: a falta de ordenación do territorio e de redimensionamiento das parcelas, un problema recorrente que lastra a competitividade do sector agrario galego. “Para unha granxa de polos ou de galiñas en ecolóxico necesítase bastante superficie, entre 3 e 4 hectáreas xuntas, para que as aves poidan estar ao aire libre, segundo o que marca a lexislación, e en Galicia atopar esas parcelas non sempre é fácil”, recoñeceu o representante do Craega. En canto á produción de ovos en ecolóxico, Ernesto Sánchez destacou como exemplo do crecemento deste sector que “se no ano 2009 a media de galiñas por granxa en Galicia era de 1.000, nestes momentos xa estamos a falar dunha media de 4.000 galiñas”. Ademais, destacou que “hai varios operadores que están a buscar máis granxas para integralas porque hai posibilidades reais de comercialización dos seus produtos, cunhas perspectivas de crecementos significativos nos próximos anos”. En canto ao vacún de carne, Ernesto Sánchez situou como a principal tarefa pendente “a de mellorar a comercialización, actualmente moi atomizada, polo que hai que concentrar a oferta para poder abastecer ao mercado”. Ademais, lembrou a necesidade de avanzar para poder comercializar Ternera Gallega de produción ecolóxica. Como conclusión final, o representante do Craega, situou como unha das principais debilidades da gandería ecolóxica en Galicia “as dificultades de comercialización, que veñen dadas pola falta dunha industria e de actividade comercial”.

“Moitos dos grandes viños europeos traballan coa biodinámica”

André Rodrigues Henriques da Silva, enxeñeiro agrónomo da Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Biodinámica e Biolóxica de Portugal, é un bo coñecedor da viticultura de Galicia. O pasado mes de novembro interveu un ano máis nas xornadas Viño Diversidade que se celebraron no concello ourensán de Castrelo de Miño, no corazón do Ribeiro. Nestas xornadas, organizadas polo Sindicato Labrego Galego e o Concello de Castrelo, André Rodrigues explicou os detalles da viticultura biodinámica. ¿En que consiste a viticultura biodinámica? A agricultura Biodinámica podemos cualificala coma unha rama da agricultura Ecolóxica, que non só se fixa na natureza terrestre, tamén ten en conta o resto do Cosmos, estrelas, planetas … e a influencia que estes exercen sobre os cultivos e sobre o home. A viticultura Biodinámica é pois todo aquel sistema que desenvolvemos para o cultivo da vide que ten en conta esas influencias, e que estudou e plasmou en varios libros Rudolf Steiner. Nestes manuais Steiner explica tamén como facer e utilizar unha serie de preparados biodinámicos que el formulou, e que son de gran axuda para o agricultor.
 “Para poder traballar coa Biodinámica hai que partir de ser un bo agricultor ecolóxico”
¿Que diferenzas ten coa viticultura ecolóxica? Para poder chegar a traballar ca Biodinámica compre ser un bo agricultor ecolóxico; por dicilo dunha forma sinxela , é un paso máis cara adiante na procura dunha agricultura máis independente, máis filosófica, onde non só importan os resultados senón a forma na que se obteñen eses resultados, como de conectados estamos realmente co noso entorno, e cal é o grao de respecto cara a el. Dende algúns sectores acúsase aos defensores da agricultura biodinámica de non utilizar métodos científicos e empíricos, senón de ser máis ben unha cuestión de fé. ¿Como os rebatería? A fé ten que ter unha base, canto maior é a base máis podes crer en ti mesmo e no que fas. Iso é valido para calquera faceta da vida, e na agricultura é fundamental. O agricultor biodinámico é unha persoa moi formada, con coñecementos, que experimenta e sobre todo que decide en base a esas experiencias. A día de hoxe moitos estudos de departamentos de investigación das mellores universidades de Alemania e Austria avalan os bos resultados da utilización, por exemplo, dos preparados para axudar á restauración de solos danados por fitofármacos, herbicidas etc. ¿Que lles diría aos que din que a viticultura biodinámica non é rendible económicamente para os viticultores que queren vender o viño a un prezo asequible? A alimentación, a boa alimentación ten un custe, como calquera outro ámbito da vida. O caro ou barato é sempre relativo, todo depende do que o consumidor considere prioritario: ao mellor eu prefiro comprar 6 botellas de viño de cultivo “convencional” coa súa correspondente dose de glifosato, metalaxil , mancoceb..etc, todos canceríxenos, a un módico prezo. Ou, pola contra, unha botella de viño que cubra os custes do traballo do viticultor que serán x, o xusto, e desfrutareina na miña mesa con total tranquilidade. Coma todo na vida é unha opción, e realmente hai mercados para todo. ¿Cales son as razóns  que frean aos viticultores á hora de incorporarse ao sistema biodinámico? A Viticultura Biodinámica require moito tempo de probas, moita formación, e sobor de todo ter alguén que te poida orientar e axudar. Recoñezo que non é fácil, pero non é imposíbel. En Galicia as enfermidades fúnxicas son o principal problema para a viticultura ¿Como se abordan en biodinámico e con que grao de eficacia? A biodinámica tal e como a esquematizou Steiner, agás a utilización de cola de cabalo e o preparado de Sílice, non contempla tratamentos antifúnxicos como nos os coñecemos. Xa dixen que a biodinámica é un complemento a maiores da viticultura ecolóxica, onde traballamos con xofres, cobres, extraccións hidroalcohólicas...etc.
“No viñedo galego, non é suficiente coa biodinámica, tamén precisamos as ferramentas que utiliza a ecoloxía”
A biodinámica céntrase máis en recrear as condicións idóneas para que os cultivos se desenvolvan da maneira máis natural posible e así fomentar as súas propias defensas. No caso do viñedo galego non é suficiente coas propias defensas, polo que debemos traballar coas ferramentas que nos dá a ecoloxía. Últimamente tamén está habendo problemas graves coas enfermidades da madeira na viña. ¿Que solucións se aportan dende a agricultura biodinámica? Moitas das enfermidades da madeira derivan dunhas malas practicas agrarias: moitos abonados, utilización de herbicidas que destrúen a microflora do solo, sustancias sistémicas que modifican o comportamento natural da planta...etc. Son moitos os factores que o home pon para que iso aconteza, pero a biodinámica está para axudar a rexenerar eses espazos danados. É tan só agricultura, pero boa agricultura.
 “Moitas das enfermidades da madeira derivan de malas prácticas agrarias”
¿Que rasgos diferentes lle aporta a viticultura biodinámica aos viños dende o punto de vista enolóxico? Non son enólogo, pero o que si sei é que as boas uvas poden facer bos viños e grandes viños, a agricultura biodinámica axuda a sacar o mellor da natureza, o mellor de cada viña, estea onde estea, non existen os milagres. ¿Como está sendo o crecemento da viticultura biodinámica no mundo? Alemania, Francia ou Australia están a ter un moi bo crecemento. En España e Portugal a crise está a frear de maneira moi notoria todos aqueles proxectos de reconversión de grandes áreas de viñedo convencional a biodinámico. Pero si aparecen cada día pequenos novos proxectos de viticultores que se deciden a mudar o xeito de traballar a viña.
“Moitos dos grandes viños europeos traballan coa biodinámica”
¿Que futuro lle ve en Galicia? Na Galiza temos un bo grupo de xente que está a experimentar e xa con moitos anos de experiencia no Ribeiro, en Monterrei, en Rias Baixas ou na Ribeira Sacra. Só temos que ver a cantidade de xente que acude ás formacións que se impartiron en Castrelo de Miño. ¿Que demanda hai de viños elaborados en sistema biodinámico? Non sei se hai moita demanda especifica de viños que poñan biodinámico na etiqueta, pero o que si sei é que hai unha grande demanda de bos viños. E moitos dos grandes viños europeos, aínda que eles nao digan, traballan coa biodinámica.

O Parlamento acorda deseñar un plan de impulso á horta e á fruticultura

O conxunto dos grupos do Parlamento galego amosáronse hoxe de acordo na necesidade de deseñar un plan de impulso á horta, á fruticultura e á agricultura ecolóxica de Galicia. “En Galicia temos unhas condicións moi axeitadas para a produción de horta e de froita, pero moitas veces é complicado atopar na gran distribución produtos galegos e tampouco enviamos moitos para fóra. Sería preciso un plan para fomentar a horticultura, a fruticultura e a agricultura ecolóxica”, propuxo hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (Age) Antón Sánchez. Sánchez precisou que a aposta galega debía centrarse en “produtos de calidade” e en “circuitos curtos de comercialización”, tales como mercados locais, pero “sen desbotar” a gran distribución. A proposta foi ben acollida polo resto dos grupos da oposición e tamén polo grupo popular. “Temos un gran potencial en castes autóctonas que non se poñen en valor e que ademais se están perdendo”, sinalou a deputada do Bng Tareixa Paz.
Os grupos rescatan a idea dunha marca de calidade para a horta galega
Os deputados tamén lembraron que xa no 2008 se proxectara a posta en marcha dunha marca de calidade para a horta galega, aínda que nunca se chegou a implantar. No 2011, a Xunta mesmo anunciara a inminente creación do selo ‘A nosa horta’, que finalmente non viu a luz. “Hai moito por facer” -concluía Antón Sánchez.- “O máis importante é garantir o acceso á terra e apoiar ós que comezan. Tampouco temos formación específica para a horta e a fruticultura e, en canto á agricultura ecolóxica, é verdade que medra, pero naqueles sectores nos que é máis sinxela a conversión, coma o vacún de carne ou a castaña, pero non na horta nin na froita” -valorou o deputado de Age.- “Hai que facer un debate honesto e esperemos que o acordo de hoxe se traduza nalgo concreto”, rematou.

Pacto na UE sobre a regulación da agricultura ecolóxica

Os ministros de agricultura da Unión Europea chegaron onte a un acordo sobre a nova regulación da agricultura ecolóxica. As delegacións lograron pechar os dous puntos que seguían abertos: o xeito de actuar ante a presenza de substancias non autorizadas nun produto ecolóxico e os controis periódicos a realizar nas explotacións. Sobre os residuos de fitosanitarios, finalmente rexeitouse a idea proposta pola Comisión Europea de fixar albores ou límites máximos, para desclasificar dos orgánicos aos produtos por enriba desas marxes e dificultar a coexistencia nunha mesma explotación de produción ecolóxica e produción convencional. O texto aprobado acepta a eventual presenza desas substancias nos produtos ecolóxicos cando sexa froito dunha contaminación involuntaria -sobre todo pola existencia de parcelas próximas cultivas en convencional-, algo que debe determinarse tras unha investigación por parte das autoridades competentes. Non obstante, as contaminacións evitables impedirán que eses produtos sexan etiquetados como orgánicos. Os estados con límites de pesticidas poderán mantelos ata o 2020 O texto considera, non obstante, a posibilidade de que os Estados membros que conten agora con albores poidan mantelos ata decembro de 2020, sempre que con iso non se prohiba, limite ou impida a posta no mercado como orgánicos de produtos doutros países. Sobre os controis, prevese que teñan lugar cada ano sobre o terreo, pero que se poidan espazar ata os tres anos no caso daquelas explotacións para as que as avaliacións de risco conclúan que non é necesaria unha maior frecuencia. O seguinte paso para a aprobación definitiva do novo regulamento é o visto e prace do Parlamento Europeo, que aínda non se pronunciou, polo alto número de emendas (máis de 350) introducidas ao informe, que obrigarán a atrasar a súa votación a setembro. A superficie dedicada á agricultura ecolóxica na UE duplicouse nos últimos dez anos Nos últimos dez anos duplicouse a superficie da UE dedicada a producións bio, que en 2012 alcanzaba os 10 millóns de hectáreas. Segundo datos da CE, os países con máis extensión de producións orgánicas son España (1,8 millóns de hectáreas), Italia (1,1 millóns), Alemaña (1 millón) e Francia (970.000 hectáreas). En Europa hai máis de 186.000 producións ecolóxicas, que ocupan unhas 9,6 millóns de hectáreas, é dicir, o 5,4% da superficie agrícola. O Goberno español móstrase satisfeito co acordo Pola súa parte, a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio,Isabel García Tejerina, sinalou que España viu satisfeitas a maior parte das súas expectativas sobre a nova normativa de produción ecolóxica, A ministra indicou que o acordo avanza en algo tan importante para España como é que "as importacións de produtos ecolóxicos cumpran con requisitos similares aos que nos esiximos dentro da Unión Europea". García Tejerina incidiu na importancia de que as esixencias a terceiros países sexan similares ás dos produtores europeos, xa que iso ofrece garantías aos consumidores de produtos ecolóxicos e, ao mesmo tempo, protexe os produtores fronte á competencia desleal de terceiros países. Por outra parte, García Tejerina asegurou que "a sanidade na agricultura resulta fundamental". Por iso, a ministra defendeu no Consello o mantemento dun bo status sanitario, tanto para a sanidade animal como vexetal. Para a ministra, esta cuestión é moi importante para países como España, que ten unha riqueza produtiva fundamental. "É importante ter unha cabana e uns cultivos sans para poder abrir novos mercados e para protexer as nosas producións da posible entrada de enfermidades", recalcou.