Archives

Terras Gauda impulsa un proxecto para a restauración da biodiversidade dos solos

Niño no medio un viñedo de Terras Gauda A sustentabilidade ambiental centra un novo proxecto de I+D+i impulsado pola adega Terras Gauda e centrado en restaurar a biodiversidade dos chans. Con esta iniciativa de cooperación internacional, na que participa unha adega biodinámica de Arxentina, a firma galega pretende seguir facendo unha aposta de valor pola diferenciación no mercado. O proxecto, denominado Bettersoil, ten como obxectivo "mellorar a saúde integral do viñedo grazas á reactivación da biodiversidade microbiana probablemente reducida”, en palabras de Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico da adega galega. O proxecto desenvólvese no marco de EUREKA, unha iniciativa europea intergobernamental de impulso á I+D+i cooperativa. Terras Gauda lidera o proxecto, no que perticipan tamén a Universidade de Vigo e o INTA (Instituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria) de Mendoza (Arxentina), e que conta cun orzamento total de 700.000 euros grazas a unha axuda cofinanciada de fondos FEDER da Unión Europea. A novidade neste novo proxecto de I+D+i de Terras Gauda é que o pon en marcha en colaboración con Finca Von Wigstein (Alpamanta), unha adega arxentina que practica a vitivinicultura biodinámica e está situada en Mendoza, aos pés da cordilleira dos Andes, co valor experimental que supón dispoñer dos resultados de aplicar técnicas de intensificación ecolóxica entre unha adega do Hemisferio Norte e outra do Hemisferio Sur con climas, chans e variedades moi diferentes.
Galicia e Arxentina son zonas xeográficas con características edafolóxicas e climáticas completamente distintas, polo que o valor científico do proxecto é maior ao compartírense resultados máis amplos e reveladores
Así pois, o maior valor científico virá dado pola comparativa entre as conclusións obtidas por Terras Gauda e pola adega de Arxentina. Partimos de dúas latitudes contrarias: Hemisferio Norte-Hemisferio Sur, con viñedos a diferentes altitudes 50-170 metros no caso de Terras Gauda, ao redor de 950 no de Alpamanta; chans de lousa que achegan notas minerais fronte a tres tipos de texturas: areas, arxilas e limos; variedade branca, Albariño, en contraposición de tinta, Malbec, condicións climáticas tamén diferenciadas, así como as formas de cultivo. Unha información de sumo interese para corroborar a eficacia de introducir a intensificación ecolóxica no viñedo para mellorar a biodiversidade dos chans. Intensificación ecolóxica Terras Gauda traballa xa en verificar como e en que magnitude implementar manexos de intensificación ecolóxica mellora o funcionamento do sistema chan-planta dun importante agro ecosistema como é o viñedo. Farao observando os efectos directos nas comunidades microbianas do chan e a rizosfera (a parte de chan en contacto coas raíces vivas e que está baixo a influencia destas) e, indirectamente, na saúde e produtividade da vide, así como na calidade das uvas e do viño elaborado coas mesmas. A intensificación ecolóxica é un conxunto de técnicas que abarcan accións conxuntas levadas a cabo no viñedo e consideradas de forma holística: osixenación precisa do chan mesmo na liña de cepas, uso de diversas cubertas vexetais, eliminación manual de brotes superfluos, abonado exclusivo con vermicompost e redución ao máximo da aplicación de fitosanitarios, entre outras.
A restauración da microbiota estimula a capacidade do sistema inmunitario vexetal para facer fronte de forma natural aos microorganismos prexudiciais para a vide
A adega analizará os cambios producidos pola aplicación destas técnicas no chan, a vide e o viño final realizando unha vinificación comparativa coa uva procedente dunha parcela testigo. “Cremos que os cambios na microbiota do chan veranse reflectidos nos microorganismos que nos atoparemos na parte aérea, fundamentalmente nas poboacións de fermentos e bacterias que tanto inflúen na vinificación”, prosegue Emilio Rodríguez Canas. Por último, “a restauración da microbiota levaranos a un mellor equilibrio dos elementos esenciais para o chan e para as plantas. Isto desencadeará unha resposta específica na vide, a resistencia inducida, que estimula a capacidade do sistema inmunitario vexetal para facer fronte de forma natural aos microorganismos prexudiciais para a vide”, explica o director enolóxico.

Inicio da vendima a próxima semana

Instalacións da adega Terras Gauda O vindeiro luns 7 de setembro Terras Gauda iniciará a vendima coa previsión de que a colleita será excelente. A uva está nun momento óptimo de maduración e de calidade, debido ás boas condicións meteorolóxicas das últimas semanas, o que tamén incide na produción, máis elevada que en 2019. A adega prevé superar os 1,7 millóns de quilogramos na recolección para elaborar máis de 1,5 millóns de botellas dos viños Terras Gauda, Abadía de San Campio, Terras Gauda Etiqueta Negra e A Mar.
Terras Gauda revé superar este ano os 1,7 millóns de quilos de uva colleitados
A vendima desenvolverase baixo estritas medidas para velar pola seguridade dos traballadores, que realizarán o seu labor en grupos pequenos e identificados co obxectivo de evitar riscos de contaxio de coronavirus.

Curso sobre agricultura ecolóxica en Lalín

Lalín acollerá este verán un curso sobre agricultura ecolóxica, organizado pola Asociación de Montes Baixos, en colaboración co Sindicato Labrego Galego (SLG). Está financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolmento Rural: Europa inviste non rural, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. A iniciativa desenvolverase entre o 23 deste mes ata o 27 de agosto.

O curso é de 20 horas repartidas en cinco sesións e impartirase os luns en horario matinal, de 10.00 a 14.00 horas.

Os interesados poderán obter máis información e inscribirse a través do correo electrónico lalin@sindicatolabrego.com ou a través do teléfono 986 792 268, chamando de 10.00 a 14.00 horas.

“No futuro as granxas de leite ou serán moi intensivas ou ecolóxicas”

Un grupo de 22 produtores franceses de leite, da asociación bretona ADAGE 35, visita estes días granxas lácteas galegas en sistemas de pastoreo e produción ecolóxica, para coñecer o traballo de asesoramento desenvolvido por Xestión Agrogandeira e Natureza. Aurélien Leray é un deles. Este gandeiro ven de incorporarse en xaneiro deste ano como socio nunha granxa de vacún de leite en ecolóxico de Bretaña. Pero a súa experiencia é ampla no sector tanto como técnico asesor de pastoreo e tamén a nivel sindical. ¿Como é a gandería de vacún de leite ecolóxico da que es socio? A nosa granxa está situada a uns 15 quilómetros ao sur da cidade de Rennes, capital da Bretaña. Contamos con 60 hectáreas de base territorial, das que 56 son pradeiras, 2 son de millo forraxeiro e outras 2 dunha mestura de cereais. Con esta base territorial producimos todas as forraxes para alimentar a 45 vacas frisoas e máis as xatas que temos. Só mercamos algunha forraxe nos anos secos. Unha vantaxe importante foi o sistema de secado da forraxe que puxemos en marcha entre varios gandeiros. Mediante ventiladores, secamos o feo a granel e iso permítenos ter unha forraxe de alta calidade, que incluso nos meses de inverno permite que as vacas produzan 20 litros diarios, só con herba seca. ¿Como xestionades o pastoreo? As vacas están en pastoreo día e noite de marzo a primeiros de agosto e logo dependendo do que chova no outono, do 15 setembro ao 15 de novembro. É dicir, 6 meses ao ano aliméntanse só con pasto, e o resto con suplemento de herba seca e algo de penso. En concreto, no verán reciben 10 kilos de feo e no inverno 17 kilos de herba seca e 1,5 kilos de penso caseiro feito cos nosos cereais. Con esta alimentación, e grazas á boa xenética do rabaño que fomos seleccionando, cada vaca produce arredor de 7.000 litros por ano, cun pico de 28 litros diarios na primavera e arredor de 19 na seca estival e no inverno. As calidades andan na media: 3,8 % de graxa e 3,2% de proteína. As xatas e as xovencas criámolas en base a pastoreo, para reducir custos, e veñen parindo cunha media de 30 meses. O teu caso é un pouco atípico, porque te incorporaches a unha explotación de vacún de leite sen aportar nin terras nin gando... Si, o día 1 de xaneiro deste ano incorporeime como socio e traballador na explotación dun gandeiro que xa coñecía de Adage 35, a asociación na que era técnico. O que fixen foi mercarlle a metade da granxa por 158.000 euros. Para iso, solicitei un empréstito ao banco a devolver en 12 anos. O noso obxectivo é ser moi bos dende o punto de vista técnico, traballar pouco e gañar o máximo posible ¿E que te está a chamar a atención da túa visita a Galicia? O que me chamou a atención, e tamén ao resto de gandeiros do grupo, é a cantidade de penso que se segue utilizando, algo que en Bretaña é o primeiro que se trata de reducir cando te pasas a ecolóxico, pero tamén en convencional. E aquí non é raro escoitar 2,5 toneladas por vaca e ano, cando en Francia é común estar por debaixo de 1 tonelada.
 “Sorpréndeme a cantidade de penso que se utiliza aquí"
Outro aspecto que nos sorprende é que en Galicia a transmisión das granxas só é de pais a fillos e que as granxas son gratuítas para eles; é dicir, que non lle compran a granxa aos pais. En Francia, non é así, porque para os poderes públicos a granxa ten un valor económico e ten que haber unha compra-venda. Se é por herdanza, a fiscalidade é moi gravosa. Paréceme que é positivo que promovan instalacións gandeiras fóra do marco familiar e que os poderes públicos axuden a estes emprendedores. Do contrario, cada vez se reducirá máis o número de explotacións e a poboación no rural, pois en moitos casos os fillos dos gandeiros non toman o relevo na explotación. Outra cousa que nos chama moito a atención son as plantacións de eucaliptos e o minifundismo galego. Dá a impresión de que dende a Administración galega non houbo unha preocupación de que as granxas aumentasen produción ao mesmo tempo que aumentaban a súa base territorial. En Galicia os prezos do leite ecolóxico están neste momento en arredor dos 50 céntimos o litro. ¿Como están en Francia? ¿Prevese unha baixada de prezos nos próximos anos? Na nosa granxa vendémoslle o leite a Biolait, unha organización dos propios produtores que lle recolle o leite ás arredor de 1.000 granxas socias, sendo os primeiros en recollida en Francia. O prezo medio que percibimos é de 46 céntimos o litro, e Lactalis, un pouco para facernos a competencia, estao pagando a 50 céntimos, o mesmo que en Galicia. E aínda así, esta industria láctea segue gañando diñeiro. A clave para os produtores é controlar a oferta, para que non baixen os prezos.
 “En Francia o leite ecolóxico tamén se paga a 50 céntimos”
Os contratos que temos son de 2 anos para o período de conversión, máis 5 anos. ¿O período de conversión é o mesmo en Francia que en Galicia: 2 anos? Aos gandeiros ofrécennos dúas posibilidades para o período de conversión a ecolóxico: 2 anos pasando a terra e o rabaño a ecolóxico, igual que en Galicia, ou facelo de forma non simultánea. É dicir, primeiro pasar a terra e logo o rabaño os últimos 6 meses. Desta maneira, podes vender o leite en ecolóxico 6 meses antes. Pero establécese que non poderás vender o rabaño como biolóxico, ata que pasen tres cuartos da súa vida en eco. En Galicia non hai un criterio claro en canto á utilización de razas para producir leite en ecolóxico. ¿Que recomendarías? Na nosa gandería temos Frisonas porque é unha raza moi boa para ecolóxico, sempre que se seleccionen con boas patas, ubre e saúde. Sen embargo, se o que se fai é agrupamento de partos, deixando de muxir dende Nadal ata a primavera, para que coincida o pico de lactación coa máxima dispoñibilidade de pasto, son mellores os cruces de Frisona, Montbelicarde e Roxa Sueca. En canto á Jersey, é unha raza que permite moita autonomía e ademais as súas xatas poden parir sen problema con 2 anos. ¿Como ves o futuro para os produtores de leite en Francia, tanto en convencional como en ecolóxico? Antes do 2015 os gandeiros en Francia e en toda Europa estaban desexosos de que se suprimiran as cotas e fixeron grandes investimentos, a veces con pouco acerto, para comezar a producir o máximo de leite. Pero se deixas de limitar a produción, o que fas é inundar o mercado con leite e tirar cos prezos, e iso foi o que pasou no 2015.
“Co modelo ecolóxico quedarían máis granxas no rural”
Agora mesmo en Francia hai tres tipos de granxas de vacún de leite en convencional. Por unha parte están os que fixeron grandes investimentos pero mal planificados e agora están coa auga ao pescozo, e as granxas son dos bancos. O segundo tipo serían os emprendedores, con granxas moi intensivas e tecnoloxía punta, que se salvan, traballan moito e moven moito diñeiro pero no peto quédalles pouco. E logo os que fixeron inversión meditadas, que cando había diñeiro gardaron, e non mercaron o que non precisaban. Este último grupo neste momento está pensando ou en irse para o convencional moi intensivo e punteiro tecnolóxicamente ou pasarse a ecolóxico. Se todos se van para intensivo e tecnoloxía punta van traballar moito e gañar o xusto. E o outro modelo, o de pastoreo e en ecolóxico, supón reducir a cantidade de leite no mercado, pero teñen máis marxe e favorecen que queden máis granxas no rural. Acumulas unha longa experiencia en asesoramento en pastoreo en Adage 35. ¿Cales son os erros máis comúns que se cometen na xestión do pasto? O primeiro aspecto a coidar é que se estás en convencional e queres facer pastoreo non podes ir só, deberías ir con asesoramento dun profesional para evitar erros. Outro aspecto a ter en conta é evitar o sobrepastoreo, principalmente cara finais de xuño e comezos de xullo. Nesa época é común ver como os gandeiros aceleran o ritmo de pastoreo e pelan as pradeiras rapidamente. Iso vai provocar que se estrague o sistema radicular da pradeira, que acumule menos reservas e que o solo quede máis compactado, co cal o pasto renovará peor cando volvan as choivas. Pola contra, cando empeza a diminuír a velocidade de produción de pasto o que hai que facer é baixar o ritmo de rotación e suplementar con forraxe ao gando. As mesturas coas que traballamos nas pradeiras en Bretaña son 15 kilos de Festuca alta, 5 kilos de raigrás inglés diploide e tardío e 5 kilos de trevo branco. Se as terras son profundas cambiámolo por trevo máis anano. Logo hai que adaptarse á realidade climática e aquí en Galicia a festuca, a alfalfa ou o dactylo poderían ser boas opcións porque medran cando fai calor, algo que non ocorre co raigrás inglés. É certo que a festuca ou o dactylo fai baixar a produción de leite por vaca, pero é mellor ter unha vaca que produce menos pastoreando que unha que produce máis dándolle forraxe.

“É positivo que os grandes supermercados e industrias entren na agricultura ecolóxica”

Stéphane Bellon é un dos referentes en Europa en agricultura ecolóxica. Investigador do Institut National de Recherche Agronomique (INRA) francés desde o ano 1991 e desde o 1999 é responsable do programa de Agricultura Ecolóxica deste instituto de investigación pública. Experto en investigación en agroecoloxía e en agricultura ecolóxica, e en concreto nos procesos de conversión e de transición, así como en sistemas agrícolas complexos nos que se mestura fruticultura con horticultura. É tamén o presidente de “Agroecoloxía Europa”, asociación europea creada en xaneiro deste ano coa participación de 19 membros fundadores procedentes de 10 países. A pasada semana Stéphane Bellon participou en Lugo no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica/Agroecoloxía (Seae), celebrada baixo o lema «As leguminosas: clave na xestión dos agrosistemas e na alimentación ecolóxica». Que é a agricultura ecolóxica e que é a agroecoloxía para ti? Creo que a agricultura ecolóxica está ben definida a nivel internacional coas normativas da Unión Europea ou da Federación Internacional de Movementos de Agricultura Ecolóxica (IFOAM). Sería un modo de produción de alimentos que preserva o medioambiente e presta atención ao benestar animal....etc. O que máis define a produción ecolóxica é que non só é un produto cunha etiqueta senón tamén un proceso de produción. A agricultura ecolóxica para min serve ademais como campo de experimentación e innovación para os outros tipos de agricultura. E é un modelo vivo, que evoluciona día a día. En canto á agroecoloxía, xurdiu nos anos 30, e tivo especial incidencia en países latinoamericanos como Brasil, Chile ou Colombia. Trátase de producir con bases ecolóxicas sen necesariamente estar o produto identificado como ecolóxico. É dicir, contribúe ao que se chama en Europa a ecoloxización da agricultura. A agroecoloxía fomenta interaccións entre os actores en ciencias, prácticas e movementos sociais, facilitando o intercambio de coñecemento e de experiencias. Tamén está un elemento de políticas públicas, especialmente en Francia. A agronomía nas últimas décadas centrouse en exclusiva no agro como un espazo controlado e no que o único que importa é o que produce, pero sen prestar suficiente atención á conservación dos alimentos, ao seu valor nutricional ou ao transporte. Sen embargo, para min a agroecoloxía permite reconectar agricultura, alimentación e o medioambiente. É dicir, non concibe a agricultura como un proceso illado, senón integrado nun conxunto e prestando atención especial a cuestións como a fertilidade do chan, as interaccións das plantas cos microorganismos e cos insectos....etc.
“As producións en agricultura ecolóxica teñen menos oscilacións que en convencional”
Ademais, a agroecoloxía permite unha interrelación entre natureza, ciencia e sociedade. Neste sentido, a asociación Agroecoloxía Europa márcase como obxectivo mapear como é a agroecoloxía en cada rexión. Explorouse a relación entre a agricultura ecolóxica e a agroecoloxía, que son compañeiras de camiño, durante o XII congreso da Seae en Lugo. Unha das críticas que se lle fai á agricultura ecolóxica é que os seus produtos non son accesibles para todos os consumidores e que, sobre todo, non garante producións regulares e en cantidade como para alimentar a unha poboación mundial en aumento e cunha superficie agrícola que diminúe. ¿Que respondería a estas críticas? Sobre a variabilidade da produción entre ecolóxico e convencional teño dúbidas, porque está comprobado cientificamente que ten máis regularidade a produción da agricultura ecolóxica, polo menos a escala de fincas diversificadas. Do mesmo xeito, demostrouse que moitos sistemas agroecolóxicos son moi resistentes ao cambio climático e a outras incertezas. En convencional non solucionamos o problema da variabilidade das colleitas: se se miran a evolución dos rendementos, por exemplo, nos cultivos de trigo nos últimos 50 anos pódese observar un incremento medio das colleitas, pero a variabilidade permanece. Por exemplo, nun ano coma este en Francia hai un 30% menos de rendemento en trigo, en agricultura convencional. Ademais, o que se espera da agricultura non é só rendemento, porque do que nos alimentamos é de comida, non de rendemento. É dicir, temos que considerar que se espera da agricultura en todas as dimensións. Neste sentido, a agricultura ecolóxica si que é multifuncional: non soamente produce alimentos certificados para un mercado, senón que tamén contribúe ao benestar animal, á conservación do medioambiente, ao desenvolvemento rural...etc. Hai tamén tensións entre cantidade e calidade, entre produción e medioambiente. Por exemplo, a lei de rendementos decrecentes establece claramente que o máximo de produción non coincide co óptimo económico, porque hai que gastar máis insumos. Pero se o referente é a calidade ou a sustentabilidade ambiental, a produción óptima pode ser outra. É dicir, se soamente consideramos a cantidade como único referente, estarémonos a equivocar.
 “É positivo que os grandes supermercados e industrias alimentarias entren na agricultura ecolóxica”
É certo que a agricultura ecolóxica non acada os máximos de produción pero logra un gran equilibrio entre alimentos producidos, calidade, rendibilidade e preservación do medioambiente. O problema da fame no mundo non é un problema de cantidade de alimentos producidos, senón tamén de distribución e de pobreza. O sistema agroalimentario que se construíu en Occidente desde o final da Segunda Guerra Mundial foi eficiente para atender ao aumento da poboación, pero con moita dependencia dos agroquímicos e cunha alta fraxilidade. ¿A entrada da gran industria agroalimentaria na agricultura ecolóxica vai resultar positiva? Nos anos 2000 grandes supermercados e grandes marcas, que concentran a industria alimentaria a nivel mundial, entraron no mercado da agricultura ecolóxica. O resultado foi que hai máis presenza dos produtos orgánicos nos supermercados e grandes superficies, e considero que iso pode ser positivo para que outros consumidores poidan acceder a estes produtos. O feito de que empresas como Lactalis ou máis recentemente Danone entrasen no leite ecolóxico, pode ser positivo para gañar máis economía de escala ou de gama e mellor prezo para os consumidores, pero sempre que haxa un contrato xusto cos gandeiros. Tamén é importante destacar que hai importantes cooperativas que están moi activas para transformar o leite e carne ecolóxicas en produtos de valor engadido. Como esta a reforma da lexislación europea que regula a agricultura ecolóxica? A reforma da lexislación da produción ecolóxica en Europa está en marcha. É o resultado dunha avaliación da regulación anterior e dunha negociación tripartita. En 2015, e debido ás crises de prezos da carne e do leite, houbo moitas demandas de conversión a agricultura e gandería ecolóxicas. Agora mesmo estamos nun proceso de simplificación da lexislación europea e de adaptación para unha perspectiva de cambio de escala e de adaptación á dinámica do sector.
“O Orgánico 3.0 é unha proposta para sacar á agricultura ecolóxica do seu nicho”
É dicir, exponse o desafío de manter os valores da agricultura ecolóxica á vez que incrementamos a produción e a escala para que estes produtos cheguen a máis consumidores. Sen relaxar as regras, pero simplificando os trámites burocráticos. Cales son as perspectivas da agricultura ecolóxica en Europa? Hai un crecemento xeral en todos os países tanto en número de hectáreas como de produtores, pero o desafío é ver se a nivel social hai un reparto xusto e incide nunha mellor alimentación da poboación de cada país. Pero o desenvolvemento da agricultura ecolóxica non se limita aos datos de crecemento. Aínda que a investigación ten un papel que desempeñar, sobre todo na innovación e resolución de problemas, a construción do futuro tamén se fai cos actores. Neste sentido, durante xornadas de formación con cooperativas agrícolas, puiden ver como os socios eran capaces de entrar en varios escenarios, analizando as consecuencias de cada escenario para a súa propia empresa e para a súa organización. Hai tamén unha proposta de IFOAM para un “Orgánico 3.0”, para sacar o orgánico do seu nicho á corrente principal e situar os sistemas ecolóxicos como parte das múltiples solucións necesarias para resolver os enormes desafíos que enfronta o noso planeta e as nosas especies. Paréceme que a agroecoloxía é unha posibilidade real para pensar e acompañar estas perspectivas.

A feira agroecolóxica NaturaLugo bota a andar con máis de 50 expositores e numerosos obradoiros

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez inauguraron este xoves a I Feira Agroecolóxica NaturaLugo, un evento co que o organismo provincial pon en valor a produción agroecolóxica da provincia. Esta feira, que se celebra en paralelo ao congreso internacional da SEAE, albergará, durante os días 22, 23 e 24, a máis de 50 expositores das catro provincias galegas, así como de Zamora, Toledo, Valencia e de Portugal. López Izquierdo sinalou “aproveitando a asistencia de centos de persoas e expertos ao Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica organizamos NaturaLugo, unha feira que esperamos que perdure no tempo, debido ao potencial deste sector na nosa provincia”. A Deputada animou tamén aos veciños a participar nesta feira e a “coñecer a grande variedade de produtos ecolóxicos que se producen na provincia de Lugo”. O organismo provincial ofrece, ademais, durante esta semana, 25 actividades e obradoiros nos que poderán participar de forma gratuíta máis de 800 persoas, apuntándose de forma gratuíta en www.deputacionlugo.gal. Obradoiros NaturaLugo terá lugar na planta baixa do Pazo de Feiras e Congresos mentres na primeira se celebrará o congreso de SEAE. Dentro da programación de actividades, deseñada para persoas de todas as idades, atópanse obradoiros de repostería vegana; rede de sementes; obradoiro de lá; contacontos para nenos; obradoiro de lá para nenos; obradoiro de relaxación; obradoiro de vermicompostaxe; teares; obradoiro de elaboración de queixo ecolóxico; obradoiro de cestería: obradoiro de elaboración de cervexa ecolóxica; obradoiro de fiado; obradoiro de cestería ou de conservas ecolóxicas, entre outros.

Avicultura e leite de vaca: as producións ecolóxicas con máis saída comercial en Galicia

A avicultura de carne e a orientada á produción de ovos son, xunto co leite de vaca, as producións en ecolóxico con máis saída comercial nestes momentos en Galicia, ao contar con canles de transformación e de distribución establecidas e dirixidas á exportación fóra da comunidade. Así se puxo de manifesto este mércores no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), que se celebra estes días en Lugo, e que nesta edición está dedicado ás leguminosas, coincidindo co ano internacional deste cultivo establecido pola ONU. Nunha mesa redonda sobre “Gandería ecolóxica en Galicia e alternativas agroecolóxicas de futuro”, Ernesto Sánchez, director técnico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) asegurou que “a finais deste ano confiamos en duplicar o número de ganderías de vacún de leite en ecolóxico que había en 2015”. “Isto foi posible fundamentalmente porque a comercialización está garantida”, segundo destacou o representante do Craega, grazas á aposta de Lactalis e de Leche Celta polo leite ecolóxico. Importantes crecementos para a avicultura ecolóxica Outra das ganderías en ecolóxico que está a experimentar un bo comportamento e con mellores perspectivas de futuro é a avicultura de carne e de posta. “As empresas comercializadoras infórmannos de que habería capacidade para colocar no mercado ata un 60% máis de polo e de ovos ecolóxicos, porque os demandan os consumidores”, destacou Ernesto Sánchez. O principal obstáculo: a falta de ordenación do territorio e de redimensionamiento das parcelas, un problema recorrente que lastra a competitividade do sector agrario galego. “Para unha granxa de polos ou de galiñas en ecolóxico necesítase bastante superficie, entre 3 e 4 hectáreas xuntas, para que as aves poidan estar ao aire libre, segundo o que marca a lexislación, e en Galicia atopar esas parcelas non sempre é fácil”, recoñeceu o representante do Craega. En canto á produción de ovos en ecolóxico, Ernesto Sánchez destacou como exemplo do crecemento deste sector que “se no ano 2009 a media de galiñas por granxa en Galicia era de 1.000, nestes momentos xa estamos a falar dunha media de 4.000 galiñas”. Ademais, destacou que “hai varios operadores que están a buscar máis granxas para integralas porque hai posibilidades reais de comercialización dos seus produtos, cunhas perspectivas de crecementos significativos nos próximos anos”. En canto ao vacún de carne, Ernesto Sánchez situou como a principal tarefa pendente “a de mellorar a comercialización, actualmente moi atomizada, polo que hai que concentrar a oferta para poder abastecer ao mercado”. Ademais, lembrou a necesidade de avanzar para poder comercializar Ternera Gallega de produción ecolóxica. Como conclusión final, o representante do Craega, situou como unha das principais debilidades da gandería ecolóxica en Galicia “as dificultades de comercialización, que veñen dadas pola falta dunha industria e de actividade comercial”.

“Moitos dos grandes viños europeos traballan coa biodinámica”

André Rodrigues Henriques da Silva, enxeñeiro agrónomo da Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Biodinámica e Biolóxica de Portugal, é un bo coñecedor da viticultura de Galicia. O pasado mes de novembro interveu un ano máis nas xornadas Viño Diversidade que se celebraron no concello ourensán de Castrelo de Miño, no corazón do Ribeiro. Nestas xornadas, organizadas polo Sindicato Labrego Galego e o Concello de Castrelo, André Rodrigues explicou os detalles da viticultura biodinámica. ¿En que consiste a viticultura biodinámica? A agricultura Biodinámica podemos cualificala coma unha rama da agricultura Ecolóxica, que non só se fixa na natureza terrestre, tamén ten en conta o resto do Cosmos, estrelas, planetas … e a influencia que estes exercen sobre os cultivos e sobre o home. A viticultura Biodinámica é pois todo aquel sistema que desenvolvemos para o cultivo da vide que ten en conta esas influencias, e que estudou e plasmou en varios libros Rudolf Steiner. Nestes manuais Steiner explica tamén como facer e utilizar unha serie de preparados biodinámicos que el formulou, e que son de gran axuda para o agricultor.
 “Para poder traballar coa Biodinámica hai que partir de ser un bo agricultor ecolóxico”
¿Que diferenzas ten coa viticultura ecolóxica? Para poder chegar a traballar ca Biodinámica compre ser un bo agricultor ecolóxico; por dicilo dunha forma sinxela , é un paso máis cara adiante na procura dunha agricultura máis independente, máis filosófica, onde non só importan os resultados senón a forma na que se obteñen eses resultados, como de conectados estamos realmente co noso entorno, e cal é o grao de respecto cara a el. Dende algúns sectores acúsase aos defensores da agricultura biodinámica de non utilizar métodos científicos e empíricos, senón de ser máis ben unha cuestión de fé. ¿Como os rebatería? A fé ten que ter unha base, canto maior é a base máis podes crer en ti mesmo e no que fas. Iso é valido para calquera faceta da vida, e na agricultura é fundamental. O agricultor biodinámico é unha persoa moi formada, con coñecementos, que experimenta e sobre todo que decide en base a esas experiencias. A día de hoxe moitos estudos de departamentos de investigación das mellores universidades de Alemania e Austria avalan os bos resultados da utilización, por exemplo, dos preparados para axudar á restauración de solos danados por fitofármacos, herbicidas etc. ¿Que lles diría aos que din que a viticultura biodinámica non é rendible económicamente para os viticultores que queren vender o viño a un prezo asequible? A alimentación, a boa alimentación ten un custe, como calquera outro ámbito da vida. O caro ou barato é sempre relativo, todo depende do que o consumidor considere prioritario: ao mellor eu prefiro comprar 6 botellas de viño de cultivo “convencional” coa súa correspondente dose de glifosato, metalaxil , mancoceb..etc, todos canceríxenos, a un módico prezo. Ou, pola contra, unha botella de viño que cubra os custes do traballo do viticultor que serán x, o xusto, e desfrutareina na miña mesa con total tranquilidade. Coma todo na vida é unha opción, e realmente hai mercados para todo. ¿Cales son as razóns  que frean aos viticultores á hora de incorporarse ao sistema biodinámico? A Viticultura Biodinámica require moito tempo de probas, moita formación, e sobor de todo ter alguén que te poida orientar e axudar. Recoñezo que non é fácil, pero non é imposíbel. En Galicia as enfermidades fúnxicas son o principal problema para a viticultura ¿Como se abordan en biodinámico e con que grao de eficacia? A biodinámica tal e como a esquematizou Steiner, agás a utilización de cola de cabalo e o preparado de Sílice, non contempla tratamentos antifúnxicos como nos os coñecemos. Xa dixen que a biodinámica é un complemento a maiores da viticultura ecolóxica, onde traballamos con xofres, cobres, extraccións hidroalcohólicas...etc.
“No viñedo galego, non é suficiente coa biodinámica, tamén precisamos as ferramentas que utiliza a ecoloxía”
A biodinámica céntrase máis en recrear as condicións idóneas para que os cultivos se desenvolvan da maneira máis natural posible e así fomentar as súas propias defensas. No caso do viñedo galego non é suficiente coas propias defensas, polo que debemos traballar coas ferramentas que nos dá a ecoloxía. Últimamente tamén está habendo problemas graves coas enfermidades da madeira na viña. ¿Que solucións se aportan dende a agricultura biodinámica? Moitas das enfermidades da madeira derivan dunhas malas practicas agrarias: moitos abonados, utilización de herbicidas que destrúen a microflora do solo, sustancias sistémicas que modifican o comportamento natural da planta...etc. Son moitos os factores que o home pon para que iso aconteza, pero a biodinámica está para axudar a rexenerar eses espazos danados. É tan só agricultura, pero boa agricultura.
 “Moitas das enfermidades da madeira derivan de malas prácticas agrarias”
¿Que rasgos diferentes lle aporta a viticultura biodinámica aos viños dende o punto de vista enolóxico? Non son enólogo, pero o que si sei é que as boas uvas poden facer bos viños e grandes viños, a agricultura biodinámica axuda a sacar o mellor da natureza, o mellor de cada viña, estea onde estea, non existen os milagres. ¿Como está sendo o crecemento da viticultura biodinámica no mundo? Alemania, Francia ou Australia están a ter un moi bo crecemento. En España e Portugal a crise está a frear de maneira moi notoria todos aqueles proxectos de reconversión de grandes áreas de viñedo convencional a biodinámico. Pero si aparecen cada día pequenos novos proxectos de viticultores que se deciden a mudar o xeito de traballar a viña.
“Moitos dos grandes viños europeos traballan coa biodinámica”
¿Que futuro lle ve en Galicia? Na Galiza temos un bo grupo de xente que está a experimentar e xa con moitos anos de experiencia no Ribeiro, en Monterrei, en Rias Baixas ou na Ribeira Sacra. Só temos que ver a cantidade de xente que acude ás formacións que se impartiron en Castrelo de Miño. ¿Que demanda hai de viños elaborados en sistema biodinámico? Non sei se hai moita demanda especifica de viños que poñan biodinámico na etiqueta, pero o que si sei é que hai unha grande demanda de bos viños. E moitos dos grandes viños europeos, aínda que eles nao digan, traballan coa biodinámica.