Archives

318 proxectos contarán con axuda dos fondos Leader en Galicia para os anos 2023 e 2024

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, resolveu as axudas para a execución de proxectos ao abeiro da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2023 e 2024. Así, foron aprobados 318 proxectos encaixados nas estratexias de desenvolvemento local, que permitirán mobilizar investimentos por importe de 36.504.040,02 euros, cunha axuda pública de 14.891.938,47 euros. Os beneficiarios das axudas son as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, as entidades públicas de carácter local ou comarcal (concellos, mancomunidades ou consorcios ) e as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades. Os tipos de proxectos agrúpanse en produtivos e non produtivos -solicitados por concellos ou ben por entidades privadas-. Dentro dos proxectos produtivos, lévanse a cabo tanto investimentos de produción agraria como de transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, diversificación das explotacións con actividades non agrarias ou mellora, ampliación e modernización de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias.

Proxectos non produtivos

No apartado de non produtivos englóbanse os proxectos que afecten, interesen ou beneficien dalgún xeito ao conxunto da poboación ou da sociedade en xeral, pero que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica, incluíndo actividades de animación e formación para incrementar a empregabilidade da poboación activa do territorio. A porcentaxe de axuda pública pode chegar como máximo a un 50% no caso dos proxectos produtivos, dependendo do tipo de proxecto, e ao 100 % nos non produtivos. Neste caso, aprobáronse 318 proxectos, dos cales, 153 foron produtivos, que supoñen un investimento total de máis de 29 millóns de euros, para os que se concedeu unha axuda pública de preto de 11 millóns de euros. Pola súa banda, 118 foron proxectos non produtivos impulsados por concellos, para os que se investirán 5,3 millóns de euros e aos que foron concedidos preto de 3 millóns de euros en axudas. En canto aos proxectos non produtivos de natureza privada, aprobáronse un total de 47 por un importe de 1,8 millóns de euros, que recibirán unha achega de 1,1 millóns de euros. Todas estas entidades, tanto públicas como privadas, dispoñen de prazo ata finais do 2024 para a súa execución. En canto á tipoloxía dos proxectos aprobados, no que atinxe aos produtivos, estes van desde os establecementos turísticos ou de restauración ata os dedicados á transformación e comercialización de produtos agrícolas ou forestais (nomeadamente as carpintarías). Dentro das iniciativas non produtivas privadas, subvenciónanse as actuacións de distintos tipos de asociacións culturais, deportivas ou sociais, así como de comunidades de montes veciñais en man común. No apartado de proxectos non produtivos públicos, as entidades beneficiarias (fundamentalmente concellos) recibirán axuda para o desenvolvemento de actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural, etnográfico e ambiental, así como de mellora de equipamentos e dotacións.

Distribución por provincias

No reparto por provincias, a da Coruña reúne 90 proxectos en total -cun investimento de preto de 12 millóns de euros e cunha axuda de máis de 4 millóns de euros-; Lugo, pola súa banda, conta con 89 proxectos -por un importe de máis de 10 millóns de euros e cunha achega de máis de 4,1 millóns de euros-. A provincia de Ourense suma 78 proxectos -para os que se investirán preto de 8 millóns de euros, cunha axuda de preto de 4 millóns de euros- e, por último, na provincia de Pontevedra aprobáronse 61 proxectos, que suporán un investimento total de preto de 7 millóns de euros, cunha axuda pública de 2,7 millóns de euros. Cómpre lembrar que o programa Leader se deseña e executa en colaboración cos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural existentes en Galicia, que son entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Existen 7 GDR na provincia de A Coruña, 6 en Lugo, 6 en Ourense e 5 en Pontevedra. A dotación económica da convocatoria de axudas distribúese por GDR conforme ás estratexias de desenvolvemento local.

Dúas propostas de xestión territorial gañan os Premios Rafael Crecente

A candidatura gañadora dos VI Premios Rafael Crecente foi a presentada pola doutora e enxeñeira agrónoma lucense Marta Gómez Fandiño. Esta proposta abordou un estudo sobre a recuperación de terras agrarias de Galicia a través das denominadas ‘Aldeas Modelo’. Pola súa banda, o investigador vasco Akaitz Sarasola Mugertza, ligado á Fundación José Miguel de Barandiaran, gañou o segundo galardón pola súa iniciativa de recuperación dunha hectárea de superficie de castañal de Koate, en Lizartza (Guipúzcoa). Premiados nos VI Premios Rafael Crecente. Foto de LaboraTE O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemeto Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) celebraron a sexta edición destes galardóns, que se crearon en memoria do profesor e investigador na sede universitaria luguesa Rafael Crecente Maseda. O acto estivo presidido polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López. Tamén participaron o director do Ibader, Pablo Ramil Rego; a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, así como o deputado provincial delegado da área de Participación Cidadá, Iván Castro. A cerimonia serviu para lembrar a figura e o legado de Rafael Crecente como precursor e referente no ámbito da xestión territorial de Galicia. A proposta de Gómez Fandiño recibiu un premio dotado cunha gratificación económica de 2.000 euros. Destaca por responder aos criterios establecidos nas bases dun certame que naceu co obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible. A estes criterios tamén se axustou a iniciativa de Sarasola Mugertza, que recibiu o segundo galardón dotado con 1.000 euros. Así mesmo, o xurado tamén outorgou un accésit a Vanessa Miramontes Viña pola proposta ‘Emprendemento e enerxías renovables: as comunidades de enerxías renovables como base dun desenvolvemento rural sustentable’. Relatorio impartido por Antonio Turiel. Foto de LaboraTE Durante a sesión de entrega dos premios, as persoas asistentes desfrutaron do relatorio ‘O futuro da enerxía’, a cargo do doutor en Física Teórica pola Universidade Autónoma de Madrid, divulgador e investigador científico no Instituto de Ciencias del Mar do CSIC, Antonio Turiel. No acto, o director do Ibader lanzou xa a apertura da próxima edición dos Premios Rafael Crecente.

A Xunta de Galicia, a través do GDR Comarca de Lugo, aproba axudas por valor de 470.124,84 euros

Un momento da Xunta Directiva do GDR-4 na que se aprobaron os proxectos da última convocatoria

O Grupo de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo aprobou na súa última Xunta Directiva as axudas solicitadas polas persoas empresarias, emprendedoras, asociacións e entidades locais que presentaron as súas solicitudes en 2021-2022 dentro das zonas rurais Leader que xestiona: os municipios de Castroverde, Friol, Outeiro de Rei, Guntín, Rábade, O Corgo e a zona rural de Lugo.

Segundo explica o presidente do GDR-4 Comarca de Lugo, o Alcalde de Friol, José Ángel Santos, en total aprobáronse axudas por un importe de 470.124,84 euros, todas elas destinadas a loitar contra o despoboamento e conseguir a dinamización de zonas rurais, que son dous dos principais obxectivos deste grupo operativo.

Loitar contra o despoboamento e lograr a dinamización das zonas rurais son dous dos principais obxectivos

Estas subvencións van do 50% ao 90% a fondo perdido do orzamento total elexible de cada proxecto. Estas axudas, tramitadas e xestionadas polo GDR, están financiadas nun 75% polo FEADER (Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural); un 2,5% polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación; e un 2,5% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Xunta de Galicia.

Na convocatoria 2021-2022 (última ata o momento deste período) disponse dun orzamento equivalente ao das axudas concedidas, unha cifra totalmente insuficiente para o montante de proxectos solicitados a través do GDR Comarca de Lugo, evidencian.

Investimentos en dinamización rural por importe de máis de 3 millóns de euros en 5 anos

A Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo, constituída o 3 de xuño de 2016, busca fomentar o desenvolvemento rural no seu territorio como promotora de todo tipo de proxectos. Ademais, ao estar constituída como Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR-4), tamén é o axente encargado de xestionar os fondos LEADER no seu territorio, conxuntamente coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Xunta de Galicia.

Os investimentos en dinamización rural desde a creación do GDR-4 Comarca de Lugo ascenden a 3.048.179,73 €, sendo algúns exemplos destacados de proxectos realizados durante estes anos a Casa da Galbana, Hotel Cultural con Encanto; a clínica Mourin Saúde; o Punto de Atención á Infancia (PAI) do Corgo; ou as Xornadas do Cidadán Dixital; entre outros.

Cursos de formación e iniciativas de sensibilización social

Ademais de investimentos en proxectos produtivos e non produtivos, este ano desde o GDR-4 organizaron unha serie de actividades formativas coa colaboración da AGACAL, tales como inseminación de gando bovino; curso de aplicador de produtos fitosanitarios; transporte no benestar animal; iniciación e mellora da gandería de vacún de carne; e iniciación e mellora da gandería de ovino/caprino.

Con independencia do plan Leader, o GDR-4 participa en iniciativas tanto a nivel galego como a nivel estatal, estando adherido á Rede de Normalización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e estando tamén involucrado na loita contra a violencia de xénero, organizando talleres e actividades para axudar a identificar situacións deste tipo no ámbito rural.

Hotel Cultural con Encanto Casa da Galbana Clínica Mourín Salud Punto de Atención á Infancia do Corgo Xornadas de formación Cidadán Dixital

A Xunta convoca os premios AGADER ás iniciativas de desenvolvemento rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases e a convocatoria dos XII Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. A Consellería de Medio Rural destina para estes galardóns 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas. Os premios procuran recoñecer iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se recolle nas bases e na convocatoria. As categorías destes premios son as seguintes: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de loita contra o abandono de terras e a favor da súa recuperación e posta en valor.

Criterios de valoración

Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que deberá reinvestir na iniciativa para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada que executaran un proxecto en Galicia. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende mañá. Quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader, que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios ou que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura. Así mesmo, tampouco poderán concorrer aqueles proxectos que estean relacionados coa exportación a terceiros países ou estados membros. Valorarán a influenza da iniciativa na actividade económica do territorio e na creación do emprego. Así mesmo terán en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarán tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

- Consulta aquí as bases completas dos premios.

Permutas voluntarias de fincas: proxecto piloto do GDR Comarca de Lugo no concello de Friol

Reunión auspiciada polo GDR da Comarca de Lugo o pasado 22 de novembro entre distintos propietarios dentro do proxecto piloto de permutas voluntarias de fincas no concello de Friol Galicia segue perdendo superficie agraria, un grave problema que se acelerou na última década, sen que as sucesivas leis, normativas e organismos fosen capaces de poñerlle freo a este fenómeno. A Xunta acaba de dar luz verde á entrada no Parlamento da futura Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, pero mentres o seu desenvolvemento normativo non se produce, o sector demanda medidas prácticas urxentes que permitan ás ganderías dispoñer de terras e gañar en resiliencia e rendibilidade. Case un terzo das terras das explotacións que pechan non se incorpora ás que continúan en activo. Non se trata tan só de dispoñibilidade, senón tamén de tamaño das parcelas, porque ás veces aínda que haxa fincas dispoñibles non se poden aproveitar incorporándoas á superficie agraria das ganderías da zona se están lonxe ou se son pequenas. Esta falta de superficie dispoñible é un freo para a mellora da produtividade e rendibilidade das explotacións e mesmo supón un risco para a súa viabilidade futura. A terra, que foi o gran factor limitante para as ganderías de leite e de carne galegas no pasado e ségueo sendo na actualidade, aínda o será máis no futuro dadas as novas limitacións ambientais fixadas pola UE e os novos condicionantes para acceder ás axudas da PAC.
Cada granxa galega ten de media 25 hectáreas, repartidas nunhas 60 parcelas, cunha superficie de 0,4 hectáreas por finca
Á fragmentación da propiedade (que fai que sexa pouco rendible traballar moitas leiras polo seu pequeno tamaño e a súa dispersión) engádese a escasa mobilidade de terras en Galicia, o que dificulta o crecemento e redimensionamento das explotacións que continúan en activo ao impedir o incremento parello das cabezas de gando e da superficie agraria útil da que dispoñen. As explotacións de leite galegas dispoñen dunha media dunhas 25 hectáreas de superficie agraria, a metade do que manexa de media unha granxa leiteira no resto de Europa. E esa imposibilidade de incrementar a superficie agraria en paralelo ao número de cabezas de gando levou á intensificación do sector lácteo galego, acentuando a súa dependencia de factores externos, como os incrementos de prezos dos cereais a nivel internacional.
Galicia continúa unha tendencia á concentración produtiva que evidencia as dificultades existentes para a mobilidade da terra
Galicia segue incrementando a súa produción láctea e, con case 2,9 millóns de toneladas anuais, produce preto do 40% do leite de todo o Estado e sitúase como décima rexión produtora de leite da UE. Con todo, esta produción está concentrada cada vez máis nunha menor superficie do territorio. Os 20 concellos maiores produtores de leite en Galicia (por esta orde: Mazaricos, A Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito, Mesía, Guntín, Pol, Chantada, Trazo, Rodeiro, Lugo, Silleda, Taboada, Guitiriz e Tordoia) suman a metade da produción de leite de Galicia. Superficie Agraria Útil (SAU) dedicada á producción de leite por municipios. FONTE: Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo 2020-2025 (Fundación Juana de Vega) A produción de leite en Galicia foise comprimindo nunha zona cada vez menor do territorio e hoxe en 220.000 hectáreas de SAU, que equivalen ao 8% do territorio galego, está o 40% da produción de leite de España. Neste contexto, a escaseza de base territorial en Galicia en comparación coas grandes rexións lácteas de Europa é unha das debilidades máis significativas do sector lácteo galego. Un factor que se ve agravado ademais polo minifundio, xa que as 200.000 hectáreas que manexan as granxas leiteiras galegas (equivalentes ao 28,5% da SAU da comunidade pero ao 36% da SAU dos municipios con produción láctea) están divididas en medio millón de parcelas distintas. Demanda unánime do sector Nos últimos anos tanto o sector agrario como gandeiro demandan de forma continua a posta en práctica de instrumentos útiles, prácticos e dinámicos que permitan impulsar a reorganización da propiedade a nivel local sen ter que esperar a macroprocesos longos e custosos, como as concentracións parcelarias, hoxe chamadas reestruturacións parcelarias, pero que seguen sendo un foco de conflito entre veciños, que fan que se dilaten no tempo, xerando continuas queixas en distintos puntos de Galicia onde se iniciaron, como sucedeu con protestas nos últimos meses en lugares como Agolada, Curtis ou Friol. A Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego 2020-2025, presentada recentemente pola Xunta, propón a recuperación de 35.000 hectáreas de terras agrarias para as granxas de leite. Esa medida permitiría que as explotacións galegas continuasen medrando nos próximos anos cunha menor dependencia de compras de alimento externo. O aumento da base territorial á conta de minguar a gran cantidade de terras que hai abandonadas posibilitaría reducir ademais a presión da carga gandeira, que é especialmente significativa nos 20 concellos galegos con maior produción láctea, pois sitúase en ao redor de 2,05 unidades de gando maior por hectárea, existindo nalgún deles cargas próximas a 3 UGM por hectárea.

Proxecto piloto xa en marcha en Friol

Ante as dificultades para avanzar na mobilidade da terra mediante os procesos de concentración parcelaria implementados até o de agora, o Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo, de forma conxunta co Concello de Friol, está a levar a cabo un proxecto piloto de reorganización agraria mediante permutas voluntarias entre propietarios. Este mecanismo concíbese como complementario a calquera outro de reestruturación, pero é de sumo interese para áreas locais puntuais que están infracultivadas e podería servir de espello no que mirarse para outras zonas de Galicia. Permitirase o acceso á terra das explotacións existentes así como a agrupación de superficie para facilitar deste xeito tamén o relevo xeracional nas granxas, a maiores do valor engadido xerado para aqueles propietarios que non cultiven ou exploten as súas terras, pois revalorízaas e ponas no mercado.
Trátase da primeira iniciativa para a reorganización da propiedade mediante permutas agrarias ao amparo da Lei de 2015 de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia
Este proxecto definirá a propiedade mediante permutas voluntarias entre particulares reorganizándose unha vez finalizado unha superficie total de máis de 30 hectáreas de terreo, poñendo en práctica por primeira vez un instrumento definido legalmente desde 2015. A iniciativa busca propiciar o intercambio de parcelas entre os titulares con modificación da xeometría das mesmas, seguindo a normativa de aplicación en vigor nestes momentos, a Lei 4/2015 de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga). "O Proxecto Piloto de Permutas Agrarias Voluntarias, que se inicia no Concello de Friol, definirá as parcelas a permutar, e abarcará unha superficie aproximada inicial de 30 hectáreas. A reestruturación da propiedade mediante permutas voluntarias, levará a cabo o intercambio de terras agrarias entre particulares a nivel local, mellorando a superficie agraria das explotacións da comarca", explica Paz Rodríguez, xerente do GDR da Comarca de Lugo. Reorganización das parcelas nun prazo de 6 meses A ferramenta permitirá executar nun prazo aproximado de 6 meses a reorganización de terras nunha zona, coa modificación da xeometría das parcelas agora existentes, e por tanto dos lindes, accesos e valados existentes e da propiedade das mesmas. As zonas para o proxecto piloto sitúanse no Concello de Friol e os traballos para realizar consistirán na aproximación ao perímetro de actuación, estudo de caracterización da zona, análise da titularidade dos terreos, anteproxecto de reestruturación, coa súa posterior tramitación ata obter a resolución aprobatoria da Dirección Xeral de Infraestruturas, para finalmente proceder á reformulación, marqueado e traslado a catastro, protocolización notarial e inscrición rexistral. O rexedor municipal de Friol, José Ángel Santos, impulsa este proxecto co obxectivo de dar maior rendibilidade ás explotacións do concello, como leva anos facendo xa a entidade local coa subvención do 50% dos gastos notariais a aqueles veciños que permuten as súas fincas, medida que tivo unha gran acollida desde a súa implantación. Agora, con este proxecto piloto, dáse un paso máis, tratando de poñer en práctica por primeira vez en Galicia un instrumento xa definido desde 2015 na actual Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria e que aínda non se puxo en práctica ata o momento. "A posta en marcha de iniciativas coma esta, de permutas agrarias entre particulares é unha necesidade evidente que se vén detectando desde fai anos, e agora, desde o Concello de Friol, e co apoio da Consellería do Medio Rural, e de Agader, vaise converter nunha realidade. Queremos dar resposta ás demandas dos gandeiros, dar a coñecer un dos moitos instrumentos que temos para a reorganización da propiedade, facela máis rendible e que vexamos que é unha realidade nun prazo curto de tempo", destaca.

Bico de Xeado ou os veciños de Lucenza entre os premiados por AGADER ao desenvolvemento rural

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé felicitou aos oito galardoados na undécima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. Tras coñecerse o fallo do xurado, a directora xeral felicitounos e agradeceulles a súa contribución á dinamización do rural galego, consolidando iniciativas innovadoras que ademais de crear emprego son unha fonte de riqueza para o noso agro. En total son oito os proxectos seleccionados que recibirán un premio de 10.000 euros cada un, cifra que deberán reinvestir na iniciativa gañadora co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias.

Premiados

Na categoría de iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio vai para a asociación Educando en Familia, de ámbito provincial lucense, polo seu traballo no acompañamento educativo ás familias con nenos entre cero e seis anos. Ademais, entre os seus obxectivos está potenciar a igualdade entre homes e mulleres como valor transversal en todas as actividades, adaptándoas ás circunstancias de cada familia. No sector agrogandeiro, o gañador é a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña polo seu proxecto “Bico de Xeado”, unha iniciativa que apostou pola transformación do leite da súa propia granxa para crear un produto de valor engadido e diversificar así a súa oferta. Na categoría de mocidade, destinada a persoas con menos de 40 anos, o galardón é para Fontes de Mané S.L. polo seu campamento turístico “Cabanas da Ulla”, localizado no concello coruñés de Touro. O proxecto procura a simbiose entre a actividade forestal e os servizos turísticos e campismo de alto confort nun entorno rural. No apartado de innovación tecnolóxica, a vitoria foi para o grupo tecnolóxico Arbinova S.L., pola súa peme BETA Implants, localizada no municipio pontevedrés de Salvaterra do Miño. Esta empresa, cunha actividade única a nivel internacional, deseña e fabrica implantes e próteses para o sector da traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria. Na categoría de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibe o premio Aspadeza, de Lalín, polo seu centro de prestación de servizos a persoas con discapacidade intelectual. Na actualidade atenden diariamente a 36 usuarios e 57 familias da comarca do Deza. Na sección de turismo, álzase co galardón “Enoturismo María Manuela S.L.”, no concello de Touro. Trátase dun complexo de cinco cabanas elevadas e unha adaptada para persoas con mobilidade reducida que se integran coas particularidades da zona, promocionando produtos locais e actividades que dinamizan a contorna. Na categoría de proxectos culturais e de recuperación patrimonial do medio rural, o premiado foi para a asociación de veciños de Puxedo pola recuperación material e patrimonial da súa aldea, ubicada no concello de Lobios, en pleno corazón do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés. E, por último, na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras, o gañador deste premio é a asociación veciñal de Lucenza pola recuperación dos montes comunais ubicados nesta parroquia do concello de Cualedro. Ademais de concienciar aos veciños da importancia de manter limpos e ordenados os montes para anticiparse aos incendios forestais, esta asociación recuperou a actividade gandeira no monte de Chairas con máis de 40 cabezas que fan de rozadores naturais no monte.

“Vimos no cáñamo industrial un xeito de darlle valor á terra, con boas producións e de calidade”

Gerardo Lázara xunto algunhas pacas de cáñamo industrial. Logo de que seus pais, que contaban cunha gandería de vacún de leite en Silleda (Pontevedra), se xubilaran, Gerardo Lázara buscaba unha alternativa para aproveitar as terras da familia, no canto de deixalas a barbeito. Interesouse polo cultivo dalgúns dos superalimentos, tan en auxe nos últimos tempos, como a chía ou a quinoa e tamén polo cáñamo industrial. As primeiras probas amosáronlle o potencial de Galicia para o cultivo do cáñamo e decidiu apostar por el. Tras 8 anos de investigación e cultivos experimentais, leva 2 anos xa dedicado de xeito profesional a este aproveitamento. Na tempada pasada, xunto con outros produtores, a súa firma Celtic Hemp Deza colleitou 30 hectáreas de cáñamo industrial.
Tras 8 anos de investigación e probas, prepáranse para incrementar a produción e colleitar 200 hectáreas
Agora prepárase para dar o salto a unha maior profesionalización e volume e pasar a contar con 200 hectáreas en distintas zonas do interior de Galicia, principalmente na comarca do Deza, así como en Pontevea ou Vedra. Contará tanto coas terras propias, así como con fincas alugadas, ademais de formalizar contratos con distintos produtores. “É moi importante manexar un volume grande para poder ofrecer ós compradores, xa que con pequenas cantidades é moi difícil a súa comercialización”, concreta Gerardo Lázara. Planta en flor de cáñamo industrial. O cultivo do cáñamo aínda arrastra as consecuencias das prohibicións que durante anos se estipularon polas semellanzas coas variedades con THC, o compoñente psicotrópico. “A simple vista as plantas non se diferencian, é preciso facer analíticas para saber que teñen un contido por debaixo do 0,2% de THC, o permitido en España”, indica o produtor. En España a produción do cáñamo é moi reducida e non existen industrias para a súa transformación, mentres noutros países como Francia ou Estados Unidos hai unha importante industria e mercado. “En Galicia, o clima axúdanos a poder ter unha boa produción e lograr un produto de calidade”, reivindica Gerardo.

Galicia, unha terra ideal para o cultivo

O cáñamo, que xa foi cultivado antigamente en Galicia, aínda que poucas referencias se atopan ó respecto; adáptase moi ben ó clima galego. “É un cultivo moi adaptable e en Galicia dáse moi ben pola humidade que temos. Dependendo das fincas poderase obter un maior rendemento, pero polo que estivemos vendo pode cultivarse en moi distintas condicións”, indica o produtor.
É unha planta cun ciclo semellante ó do millo, pero no que acada os 4 metros de altitude en pouco máis de 100 días
Ten un ciclo moi semellante ó do millo pero con menos esixencias e sen apenas depredadores. Seméntase no mes de marzo e recóllese a mediados de agosto, aínda que pode prolongarse en función da meteoroloxía. “É unha planta cun desenvolvemento moi rápido, cun ciclo de pouco máis de 100 días acada os 4 metros de altura”, comenta. Pese a que lle gustan as zonas con humidade, non precisa de rego. “Abóndalle coa humidade ambiental, por iso desenvólvese mellor en fincas próximas a ríos ou regatos”, aprecia o produtor. Plantación de cáñamo nunha finca en Silleda. Tampouco están empregando ningún tipo de abono químico e prefiren prescindir dos xurros. “Preferimos empregar estercos ou materia orgánica para evitar ter que recorrer a granxas en ecolóxico que nos garanticen unhas condicións dos xurros, xa que ó destinarse, en boa parte, a usos terapéuticos debe pasar unhas estritas analíticas”, concreta. Do mesmo xeito, prescinde de empregar ningún tipo de herbicida. “Cun marco de plantación axeitado conseguimos que a herba acabe quedando atrás e non supoña un problema para o desenvolvemento das plantas”, especifica Gerardo.
“Cun marco de plantación axeitado conseguimos que a herba non supoña un problema para o desenvolvemento das plantas”
Así, aínda que conten cunha produción en ecolóxico, polo momento tampouco teñen este distintivo do Consello Regulado de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), dada a pouca presenza que ten o cultivo en Galicia. “No canto de poder ofrecernos asesoramento dende o Craega, eramos nós os que a raíz das nosas investigacións tiñamos información e aínda tiñamos que pagar por este selo”, recrimina o produtor. Outra das vantaxes do cultivo é que en Galicia, polo momento, non ten moitos depredadores. O carácter acaricida e fúnxico da propia planta, sumado ó olor que desprenden, convérteno nun repelente para moitos insectos. “Detectamos que na floración hai moitas abellas que van a elas, pero non hai moscas, nin mosquitos, nin vespas velutinas...”, indica.
Nin o xabaril nin outra fauna salvaxe lle causou danos, polo momento, nas plantacións
Tampouco para a fauna silvestre de maior tamaño é unha alternativa apetecible, polo momento. A diferenza doutros cultivos, como o millo, tampouco o xabaril fai estragos nas plantacións de cáñamo. “Vimos algúns carreiros de atravesar as fincas, pero non tivemos danos en ningunha das parcelas”, comenta.

Sen sementeira en España

Á hora de comezar co cultivo de cáñamo un dos primeiros obstáculos que Gerardo atopou veu coas dificultades para facerse coa sementeira, posto que en España non hai semente certificada. Este é un mercado que copa Francia, que leva anos de adianto no cultivo da planta, logo de ser máis flexible nas restricións e non chegarse a perder o seu aproveitamento, como aconteceu noutros países. Planta de cáñamo industrial. “Despois de probar diferentes sementes optamos por dúas francesas coas que se conseguen unhas boas producións tanto para o aproveitamento da fibra, como das sementes ou das flores”, explica Gerardo. Na última campaña recoñece que obtiveron uns bos rendementos, xa que no caso da flor situáronse nunha produción de 200 quilos por hectárea e nas sementes acadaron case os 700 quilos. Ademais, toda a semente que se planta ten que ser certificada para garantir que se trata das variedades legais. “Ten que vir en sacos pechados e cos distintivos para garantir a súa trazabilidade”, apunta. Tampouco se poden aproveitar as sementes que se produzan na plantación, senón que é preciso adquirilas cada ano.
“Nos primeiros anos tiven que mercar a semente a 14 euros o quilo”
Todo isto provoca que se incremente o prezo da semente que oscila entre os 7 e os 12 euros o quilo, aínda que estes prezos poden aumentar polo efecto dos especuladores e a alta demanda cando se achega a época de sementeira. “Nos primeiros anos xa tiven que mercar a semente a 14 euros”, recorda. Gerardo adoita empregar uns 40 quilos de semente por hectárea que planta cunha sementadora da herba ou do millo.

O secado, o punto máis crítico da produción

Pese á inversión inicial que poida supoñer a sementeira, despois os gastos ó longo do crecemento da planta son mínimos. Ademais, do cáñamo chega a aproveitarse case toda a planta para diferentes usos. Por unha banda colléitase a semente e a flor, que se empregarán tanto para alimentación humana como na industria farmacéutica ou na cosmética.
A recolleita da flor e a semente realízaa cunha colleitadora de gran de millo, con pequenas adaptacións
A recollida faise no mes de agosto e nestes primeiros anos Gerardo estivo a empregar unha colleitadora do gran, semellante ás utilizadas para o millo, aínda que “tivemos que facerlle algunhas modificacións para adaptala”, concreta. Agora, co previsible incremento da produción, para a próxima tempada tamén agarda adquirir unha nova máquina. Tanto a semente como a flor deben someterse a un proceso de secado que, sen dúbida, é o punto máis crítico do cultivo. “Ata o de agora faciámolo case dun xeito artesanal, co que implica moita man de obra”, detalla. Na última campaña contratou 8 persoas que se encargaron da colocación das plantas para o secado. Boa parte deste proceso realizouno nas instalacións de Viveiros Marcos Antonio, tamén de Silleda. “Cando nós precisamos secar a planta, o viveiro está xa en tempada baixa, polo que puidemos aproveitar os invernadoiros”, comenta. A ventilación da que dispoñían e a elevada temperatura que lograban permítelle secar a planta en 5 ou 7 días. “O ideal sería secala a escuras, pero polo momento estivemos empregando este sistema con bos resultados”, apunta. Nestes anos xa probou diferentes métodos de secado: penduradas, en horizontal ou con maquinaria de secado. A construción dun secadeiro é outra das inversións que Gerardo contempla para este ano, a fin de garantir o procesado de toda a produción que prevén manexar. Xa dispoñen dunha finca nas proximidades do recinto feiral da Semana Verde e prevén comezar coa construción da nave nos próximos meses. Ademais, traballan cunha firma de Tui, especializada en secadeiros industriais, para a adaptación dunha máquina que favoreza tanto o secado como a clasificación para proporcionar un produto de calidade. Trátase dunha máquina que funcionará a base de combustión de biomasa, que prevén obter tamén da zona do Deza. Nesta nova de expansión, Gerardo conta con 2 socios máis cos que fundou a firma Hemp Plastic Deza. De feito, entre a construción da nave e a adquisición de maquinaria, contemplan realizar unha inversión de preto de 450.000 euros. Por primeira vez, este ano solicitarán unha subvención á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para afrontar a inversión.

O volume de produción, un dos condicionantes

Ademais da semente e da flor, a cana da planta tamén se colleita para aproveitar as súas fibras, xa que é moi apreciada tanto polas súas propiedades para usos téxtiles como pola súa resistencia. Esta parte colléitase máis tarde e déixase madurando na leira mesmo ata que chegan as primeiras chuvias do outono. “Antigamente esta fibra somerxíase no río e aclarábase nun proceso semellante ó do liño”, apunta.
“A fibra consérvase moitos anos e mesmo mellora co paso do tempo”
Polo momento, Gerardo está centrado na comercialización da semente e da flor, ambos a granel, mentres que a fibra está a almacenala. A parte da fibra pódese tanto empacar, como facer rollos con ela ou gardala na palleira. “A fibra consérvase moitos anos e mesmo mellora co paso do tempo”, explica. O problema para a comercialización da fibra están sendo os baixos volumes que ata o de agora manexaba e o feito de que os principais mercados para estes produtos estean no estranxeiro ou esixan grandes cantidades e regularidade. “Preferimos almacenala ata contar cunha cantidade que nos permita garantir unha produción mínima ó ano”, especifica. A demanda para a fibra chega tamén por parte de empresas moi relacionadas con Galicia. “Distintas filiais que traballan para Inditex están interesadas na nosa produción polo auxe que están tendo as fibras naturais e pola calidade que ofrecen as nosas”, reivindica Gerardo. Mentres, no caso das sementes e das flores, boa parte da produción destínase a países como Estados Unidos, Suíza ou Alemaña, onde foron abrindo mercado.
Usos das distintas partes da planta de cáñamo industrial.

Mil e un usos para o cáñamo

O cáñamo está a ser unha planta moi valorada polos diferentes aproveitamentos que se poden facer das distintas partes por moitos e moi diversos sectores. O talo é moi apreciado para confección téxtil xa que as súas fibras teñen unha gran calidade e resistencia. De feito, esa é outra das súas vantaxes, sendo unha alternativa sostible ó plástico para sectores como a industria do automóbil, que xa as empregan para fabricar pezas como as defensas dos coches. “Máis do 30% das fibras que se empregan no sector do automóbil en países como Francia proceden do cáñamo”, concreta. Tamén as propiedades fúnxicas e acaricidas da planta fan que se estea a empregar moito na construción.
O cáñamo está a ser moi valorado como unha alternativa sostible ó plástico, así como polas súas propiedades terapéuticas
As flores teñen na industria farmacéutica e cosmética o seu principal mercado e o seu prezo de venda a granel sitúase entre os 5 e os 8 euros o quilo. As propiedades dos cannabinoides están a resultar moi interesantes para tratamentos contra o cancro, ó provocar unha resposta das células contra os tumores. “En países como Estados Unidos xa levan tempo empregándoos mesmo con terapias combinadas coa quimioterapia”, indica Gerardo. Os seus efectos relaxantes fan que sexa unha opción en tratamentos para doenzas como o párkinson, a fibromialxia, a hipertensión ou as dores menstruais. O sector da cosmética está a atopar tamén importantes aplicacións para o cáñamo. Mostra de roupa elaborada con fibras téxtiles de cáñamo. A semente, cun prezo de venta de entre 2 e 3 euros o quilo, destínase principalmente para o consumo alimentario xa que está considerado como un superalimento polo aporte dos 27 aminoácidos básicos que proporciona, sendo un dos poucos alimentos que os reúne. Coa sementes elabórase dende leite a diferentes aceites.
“As plantas de cáñamo son un potente purificador tanto do aire como da terra”
Pero ademais destes usos, Gerardo reivindica as vantaxes desta planta para a recuperación de terras contaminadas. “É un potente purificador tanto do aire como da terra, xa que é a que máis CO2 é capaz de absorber e transformar en osíxeno. E na terra fai un proceso semellante, de aí que se estea a empregar en ambientes contaminantes como Chernóbil ou Fukushima”, detalla. Ademais, Gerardo tamén destaca que se trata dun cultivo que pode servir como barreira natural fronte ós lumes, ó poder sementarse en zonas de monte e coincidir o seu ciclo coas épocas de maior risco de incendios forestais. Pese ós aproveitamentos que se poden facer do cáñamo industrial e o estendido que poida estar o seu uso, a gran semellanza coas variedades psicotrópicas fai que os produtores opten por identificalas e notificalas á Garda Civil para evitar confusións. “Nós preferimos colocar sempre sinais indicando que é cáñamo industrial”, apunta. Son plantacións ás que se lle esixe extremar a trazabilidade das sementes e que tamén se someten a distintas analíticas trala súa recollida.

Medio Rural convoca os premios Agader ás mellores iniciativas de desenvolvemento rural

A Consellería do Medio Rural convoca a undécima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. A dotación orzamentaria total é de 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas. Así, a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) establece as bases do galardón e recolle as oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; cultural e de recuperación patrimonial no medio rural; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de loita contra o abandono de terras e a favor da súa recuperación e posta en valor. Os premiados recibirán un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada, que executaran un proxecto en Galicia que teña contribuído de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende mañá. Quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader, que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios ou que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura. Así mesmo, tampouco poderán concorrer aqueles proxectos que estean relacionados coa exportación a terceiros países ou estados membros. Valoración Entre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

Convocadas as axudas do Plan Leader para iniciativas de desenvolvemento rural

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) vén de convocar as axudas do Plan Leader, que están dotadas de 6,6 millóns de euros para o periodo 2020 e 2021. As subvencións oriéntanse a apoiar proxectos no rural, tanto produtivos coma non produtivos. Calquera persoa ou entidade que queira recibir apoios do Leader deberá presentar o seu proxecto ante o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) que corresponda a súa comarca antes do 31 de xaneiro do 2020.

O presuposto previsto para a convocatoria das axudas Leader procede nun 75% de fondos europeos, nun 22,5% da Xunta e nun 2,5% de fondos estatais. O prazo de presentación de solicitudes é permanente durante todo o periodo de execución do Leader (2014-2020), pero a esta convocatoria concurrirán só aqueles proxectos presentados ata o 31 de xaneiro do 2020.

Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR e as persoas beneficiarias de proxectos produtivos poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50% da subvención concedida. No caso dos proxectos non produtivos, esta porcentaxe pode chegar ata o 90%.

Os fondos do Leader para o 2020 distribúense entre os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural segundo se indica no cadro de abaixo. Para o ano 2021 está previsto que cada GDR conte con idéntico presuposto ó deste ano. Entre os que reciben maior volume de fondos destacan o GDR Montes e Vales Orientais, con 273.000 euros; Sil Bibei Navea, con 254.000 euros, e Ribeira Sacra Courel con 237.000.

Distribución das axudas Leader para o 2020 entre os 24 GDR. No 2021 contarán cun presuposto idéntico ó deste ano.

Medio Rural define cinco instrumentos clave para a nova lei de recuperación de terras agrarias

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, presentou estes días as liñas xerais da nova lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias de Galicia no marco do Congreso Internacional de Desenvolvemento Rural e Turismo, que se desenvolveu en Santiago. Ante un público especializado e chegado de distintos países, Dubois detallou os instrumentos claves desta lei que o goberno levará ó Parlamento este mes de novembro. Segundo o director xeral, o Banco de Terras, xa en funcionamento, será unha das ferramentas principais para a mobilización e aproveitamento das terras agrarias na nova normativa. Dubois asegurou que “coa nova lei estableceranse medidas para mellorar a eficiencia do Banco de Terras”. Cunha estrutura e funcionamento semellante ó do Banco de Terras, crearase o Banco de Explotacións, que será outro dos piares da norma. Neste caso, procurarán elaborar un rexistro para pór en contacto ós agricultores e gandeiros que cesen a súa actividade con aquelas persoas interesadas en continuar aproveitando as súas instalacións e terras, co gaio de evitar o peche de explotacións e reducir o abandono.
Crearán un Banco de Explotacións para pór en contacto produtores que cesen a actividade con persoas interesadas en mantela
Pérez Dubois tamén adiantou que neste marco normativo crearanse novas ferramentas legais para fomentar a mobilización da terra. Unha destas ferramentas son os polígonos agroforestais, cos que se pretende recuperar o uso produtivo de terras que están abandonadas ou que se atopan por debaixo das súas posibilidades de uso. Ademais, esta medida tamén se contempla para o aproveitamento de terras que proporcionen produtos de valor engadido ou para a produción de forraxes en zonas abandonadas e que poidan ser empregadas por parte de cooperativas agrarias. Os proxectos de uso comunitario das terras é outras das ferramentas que dende Medio Rural pretenden pór en funcionamento. Trátase dun aproveitamento da terra que levarán a cabo os propietarios sen acometer ningún tipo de proceso de reestruturación. “Manteranse as mesmas parcelas salvo naquelas circunstancias nas que sexa preciso abrir camiños ou realizar obras para o desenvolvemento do proxecto”, concretou Dubois. Estas iniciativas contemplan un reparto dos ingresos e gastos do proxecto entre as persoas implicadas en función da situación e valor da terra. “Non se vai levar a cabo un intercambio de propiedades, salvo no caso de trocos voluntarios, nin se van asinar contratos de venda”, detalla o director xeral. Este tipo de proxectos están pensados para asociacións ou fundacións agroforestais sen ánimo de lucro centradas na xestión destas terras.
Medio Rural está a estudar a implantación das aldeas modelo en 20 núcleos rurais
A terceira das ferramentas que detallou Dubois son as chamadas aldeas modelo. Una iniciativa que a Consellería de Medio Rural xa está a estudar en 20 núcleos rurais. Un destes plans piloto levouse a cabo no concello de Cualedro (Ourense). “Trátase dun proxecto integral para a recuperación e a mellora das terras que se atopan nas proximidades dunha aldea”, indica Pérez Dubois. Ademais da recuperación da terra, a aldea modelo leva parellas outras actuacións nos núcleos para frear a despoboación, iniciativas que se levarán a cabo por parte doutros organismos do goberno baixo a coordinación de Agader.

O abandono da terra, unha problemática internacional

Á marxe da nova lei para a recuperación e posta en valor das terras agrarias de Galicia, no marco deste congreso tamén se presentaron outros proxectos levados a cabo no Instituto de Estudos do Territorio para contribuír á ordenación do territorio. Nestes momentos, tal e como destacou o director do instituto, Alfredo Fernández Ríos, están traballando no Plan Territorial Integrado da conca do río Eume (A Coruña), así como na Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia. “Nestes dous proxectos estamos a tentar integrar elementos de ordenación urbanística e do territorio para despois levar a cabo esa planificación do territorio e, en concreto, a ordenación do medio rural que ocupa o 90% do espazo galego”, concretou Fernández Ríos.
"O abandono da terra é un proceso complexo e gradual onde, ás veces, é difícil definir que é unha terra abandonada" (Margarida Ambar, enxeñeira agrícola)
No marco deste encontro internacional, tamén se puxo de relevo que o abandono da terra é unha problemática global e contra a que están actuando tamén noutros países. A enxeñeira agrícola Margarida Ambar encargouse de realizar un percorrido por distintos encontros internacionais que se levaron a cabo nos últimos 10 anos en Portugal, Budapest ou Belgrado para abordar esta problemática. Ambar matizou que "o abandono da terra é un proceso complexo e gradual, xa que ás veces, é mesmo difícil establecer o marco para definir cando unha terra se considera abandonada". A experta destacou que, ó longo destas sesións internacionais de análise, se ten incidido en que o abandono da terra non é unha cuestión centrada na agricultura ou a gandería, senón que é preciso abarcar un ámbito máis amplo e outros enfoques para poder propor estratexias para atallalo.

LevinRed, cosmética natural elaborada con viño do Ribeiro

Din que os momentos de crises son o xerme perfecto para reinventarse e atopar novas oportunidades, Patricia Rodríguez e Sofía Ferreiro, as impulsoras da firma de cosméticos naturais LevinRed, dan boa conta diso. Atravesaban unha mala época profesional, en traballos moi diferentes, cando estas dúas apaixonadas da cosmética decidiron valorar outras opcións máis apegadas ás súas orixes e combinar o viño coa súa paixón para crear LevinRed, unha liña de produtos cosméticos elaborados a base de viño.
Decidiron crear os seus cosméticos naturais a base do viño que elaboraban nun viñedo familiar de Leiro
Fillas de emigrantes galegos, regresaron á terra dos seus pais e dos seus avós, e puxeron en marcha unha iniciativa que comezaron a argallar xa no 2014. “Levounos moito tempo desenvolver e afianzar as bases do proxecto, por iso até 2017 non constituímos a empresa, pero en xullo dese mesmo ano xa saímos ao mercado”, explica Patricia Rodríguez. Así foi como comezou a funcionar LevinRed, pero a idea xurdira anos atrás nunha colleita abundante de viño do viñedo familiar que teñen en Leiro (Ourense), en pleno corazón do Ribeiro. “Ese ano tivemos unha colleita moi boa e foi cando valoramos aproveitar o viño dalgunha maneira. Pensamos entón en utilizar as propiedades antioxidantes do viño, grazas aos polifenoles da uva, para elaborar cosmética natural”, comenta Patricia. A vendima segue a facerse ó xeito tradicional e tentan reducir ó máximo os tratamentos no viñedo.

Un viñedo tradicional

Durante anos, a familia de Patricia coidara un viñedo familiar que é agora a base dos cosméticos de LevinRed. “A maioría de firmas de cosmética extraen directamente os polifenoles da uva, nós en cambio decidimos utilizar o viño”, concreta Patricia. Esa é precisamente un sinal de identidade dos seus produtos, xa que cada un dos cosméticos leva unha importante cantidade de viño.
Contan cunhas 1.500 cepas con variedades como Caíño, Brancellao, Tintilla ou Ferrol das que elaboran o seu viño
O coidado do viñedo, do que procede o ingrediente principal da súa cosmética, é unha tarefa fundamental. “Esmerámonos todo o ano en coidar do viñedo e procuramos que todo siga sendo o máis tradicional e natural posible”, comenta. Contan cunhas 1.500 cepas de distintas variedades de uva como Caíño, Alicante, Brancellao, Tintilla ou Ferrol. Con elas, adoitan elaborar entre 1.500 ou 2.000 litros de viño. Apenas utilizan tratamentos fitosanitarios para o coidado do viñedo co fin de conseguir un produto o máis natural posible e a vendima segue sendo unha tarefa familiar e veciñal. “A vendima é un dos momentos que máis nos gusta porque seguimos reuníndonos en familia para colaborar, de maneira que unha vez que terminamos coa nosa toca axudar ao resto”, indica Patricia. O viño segue o procedemento habitual baixo as indicacións dun enólogo para lograr a calidade que precisan e que queren transmitir aos seus cosméticos. Unha vez que teñen o viño, o laboratorio Iuvenor Lab, do Carballiño, encárgase de elaborar os distintos produtos. “Tamén tardamos en atopar un laboratorio que comprendese ben a nosa filosofía de traballo e co que conseguir un produto natural e que tivese todas as propiedades do viño”, detalla. Algúns dos produtos cosméticos que teñen agora mesmo no mercado, todos eles elaborados a base de viño.

Unha gama de produtos en aumento

Comezaron elaborando unha crema hidratante, logo foi quenda dun xabón exfoliante. “Empezamos a ver que os nosos clientes tamén nos demandaban un produto máis concreto para o coidado da pel, por iso sacamos o serum”, lembra Patricia.
No último mes sacaron ao mercado o seu último produto, un labial, do que xa venderon máis de 1.500 unidades
Hai pouco máis dun mes sacaron ao mercado o primeiro labial elaborado con viño tinto e xa esgotaron existencias. “Sempre sacamos unha primeira produción de 1.500 unidades, e en boa parte dos nosos produtos xa imos pola segunda remesa”, concreta. Nestes momentos atópanse xa traballando en novos produtos como un contorno de ollos, un peeling corporal, así como unha crema corporal que agardan saian ao mercado no próximo ano.

Abrirse pasos no mercado latinoamericano

Estas emprendedoras decidiron comercializar os seus produtos en puntos concretos que reivindiquen o coidado especializado e natural. Desta forma, os seus produtos véndense en exclusiva en determinados centros especializados de cosmética ou balnearios de cidades e vilas galegas como Santiago, Ourense, Pontevedra, Nigrán, Cambre ou Ponteareas así como noutros puntos da xeografía española como Madrid, Barcelona ou Marbella.
Comercializan os seus produtos en Suíza e ultiman os preparativos para vender en Latinoamérica
Aos poucos estanse abrindo camiño tamén no mercado internacional, e a súa cosmética está presente xa en Suíza da man dunha tenda especializada en produtos galegos. “A marca Galicia é moi valorada fóra das nosas fronteiras pola calidade dos produtos pero aquí aínda custa que a xente o aprecie”, recoñece. Nos últimos meses iniciaron unha nova expansión dos seus produtos cara ao mercado latinoamericano onde esperan ter presenza en breve na República Dominicana, así como en México ou Florida. “América Latina é un mercado que nos interesa especialmente pola importancia que o mundo da cosmética ten alí e polo que valoran os produtos naturais”, concreta Patricia. Parte dos viñedos cos que elaboran o viño que empregan nos cosméticos. Xunto ao mercado latino, tamén deron os primeiros pasos para adentrarse no xigante asiático aínda que recoñecen que “custa moito entrar en China e son procesos que van moi amodo”. Ademais das vendas en tendas físicas, optaron desde un principio por comercializar os seus produtos a través da tenda online. “Agora mesmo, as nosas vendas repártense e están equiparadas entre as tendas físicas e a venda a través da nosa páxina web”, detalla.

Unha oportunidade para o rural

Nestes 2 anos de traxectoria, LevinRed xa cultivou algúns recoñecementos como o Premio Mozos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que recibiron apenas un ano despois da súa posta en marcha. “O premio permitiunos, sobre todo, contar cunha contía económica para mellorar a nosa plataforma dixital e afianzar que estamos no bo camiño”, indica a emprendedora.
“Nós non somos exemplo de nada pero si queremos ser inspiración para quen baralle asentarse no rural”
Patricia lembra que, no seu caso, non puideron optar a ningún tipo de axuda e a falta de financiamento e a demora nas tramitacións burocráticas foron os maiores obstáculos que atoparon. “Nós non somos exemplo de nada pero si queremos ser inspiración para aqueles que barallen asentarse no rural, porque hai posibilidade de sacar adiante proxectos novos que respecten a tradición e que ofrezan un medio de vida e á vez eviten o abandono”, reivindica. A curto- medio prazo, o obxectivo destas emprendedoras non é só afianzarse no mercado e incrementar a súa gama de produtos, senón crear emprego no rural. Agora, a súa actividade inflúe nunha trintena de postos indirectos. “Gustaríanos contribuír a seguir creando futuro no rural”, destacan desde LevinRed.

Carabuñas, o aproveitamento gourmet do sabugueiro

Nelson Alonso e Eva González son xa para moitos ‘Os do Sabugueiro’ logo de que nos últimos anos impulsaran un proxecto innovador e artesanal, Veigas de Sabugueiro, centrado no aproveitamento e coñecemento deste arbusto caducifolio con gran presenza en Galicia. Cando comezaron a elaborar marmeladas de forma experimental no 2011, o sabugueiro era un máis dos sabores cos que traballaban. Pronto se decataron de que era o que máis chamaba a atención a cantos lle comentaban o seu proxecto e no 2014 decidiron centrarse nel. “Coñecíamos o sabugueiro silvestre e démonos conta do abundante que é, sobre todo nas ribeiras, e do pouco aproveitado que está”, comenta Nelson.
Elaboran marmeladas, xeleas, licores e mesmo cervexa a base do froito do sabugueiro e tamén coas flores
Foi entón cando empezaron a investigar sobre o sabugueiro e comezaron a ver que no resto de Europa se estaba a empregar moito, sobre todo en alimentación e farmacéutica. Así foron buscando as súas receitas propias e hoxe elaboran marmelada a base das vagas do sabugueiro pero tamén combinadas con laranxa e mazá. Empregando o froito tamén preparan licor e mesmo cervexa. Para esta última, eles axustaron as proporcións dos ingredientes e unha firma cervexeira encárgase de preparala. Algúns dos produtos que elaboran con sabugueiro. Comezaron coas vagas, pero pouco a pouco tamén foron experimentando coas flores e agora xa elaboran tamén unha xelea de flor. “Ten un sabor moi rico e peculiar, é moi delicada e aromática por iso permite unha maridaxe perfecta con queixos ou iogures”, apunta Nelson. Precisamente esta xelea serviulles para lograr a distinción como ‘Sabor máis orixinal’ do Forum Gastronómico da Coruña no 2017. No seu pequeno taller, situado en Sanguñedo, no municipio ourensán de Vilar de Santos, Eva e Nelson elaboran de xeito artesanal as súas conservas, que comercializan baixo o nome de Carabuñas, unha palabra galega “moi en desuso na nosa zona e que nos pareceu moi apropiado para o noso produto”, argumenta. Dende un principio tiveron claro tamén que querían ofrecer un produto ecolóxico por iso tamén o resto dos ingredientes como as mazás ou as laranxas proceden deste tipo de produción así como o espesante mariño que empregan conta con esta distinción ou o azucre de caña. O proceso para conseguir que as súas conservas tamén recibiran esta distinción foi arduo ó utilizar unha materia prima silvestre, porén, na actualidade contan xa co selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia (Craega).
Flor do sabugueiro

A flor do sabugueiro, a súa aposta de futuro

Á par de estar inmersos na elaboración de conservas e licores a base do sabugueiro, esta parella de emprendedores buscaban unha alternativa de futuro apegada ó rural, por iso decidiron comezar a plantar os seus propios sabugueiros para contar cunha produción estable. Polo do momento teñen xa dúas hectáreas de terreo da variedade de sambucus nigra adaptada ó clima de Galicia e que tamén abonda no norte de Portugal. Cos arbustos xa plantados, agardan que comecen a producir en dous anos, logo dun período de moita investigación e documentación. “Ó ser un cultivo que non se desenvolve de xeito profesional en Galicia tivemos que investigar sobre moitos aspectos, como o marco de plantación ideal, as mellores condicións para a súa plantación... porque non hai nada feito neste campo en Galicia”, detalla Nelson. A plantación permitiralles centrarse na flor, a súa aposta a longo prazo e de futuro. Polo de agora empregan a flor só para a elaboración de xeleas, pero a intención é comercializala e proporcionárllela a outros mercados. As flores, que se recollen no mes de maio, son un produto moi delicado e que se valora en fresco, polo que a súa recolleita debe ser rápida e precisan contar cun transporte refrixerado para evitar que se deteriore. Por estes motivos, polo de agora non están a comercializala. Neste senso agardan poder ampliar a plantación ata as 8 ou 9 hectáreas.

Produto de calidade grazas ás horas de sol

En canto ás vagas, ‘o caviar ou as perlas da terra’ a súa recolleita lévana a cabo nos meses de agosto e setembro, cando está madura e sométena a un proceso de ultraconxelado que lles permite empregala pouco a pouco. Só aproveitan a polpa para conseguir unha textura suave. Xa alcanzaron unha produción de en torno ás 15.000 marmeladas e están a centrar os seus esforzos en posicionar o sabugueiro e os seus produtos. “Cando a xente doutros países onde xa se comercializan produtos a base de sabugueiro proban os nosos sempre comentan que son moi ricos, e de calidade. As horas de sol que temos con respecto á outras zonas apórtanlle máis sabor”, puntualiza o artesán. Vagas de sabugueiro maduras. Pouco a pouco os seus produtos comezan a saír cara a mercados internacionais como Portugal, Suecia ou Inglaterra. “Cando comezamos propuxémonos que os primeiros anos, ata o de agora, estarían enfocados a formarnos e ir dando a coñecer os nosos produtos”, comenta Nelson. Agora atópanse case no punto de equilibrio para que o proxecto sexa rendible e poder centrarse só nel, xa que ata o de agora combinábano con outras actividades. Neste tempo, botaron man de programas de formación da Fundación Juana de Vega e tamén da proposta Agrobiotech impulsado polo Parque Tecnolóxico de Galicia. Boa parte deste proceso de aprendizaxe foi sufragado por financiación propia e cunha subvención por incorporación ó campo. En parte por iso, “estes recoñecementos que tivemos son tan importantes para nós, xa que ó ser unha empresa pequena e contar cunha reducida financiación é moito máis difícil logralo ó estar competindo con outras de maior tamaño e capacidade”, matiza. Cabe destacar que, recentemente recibiron tamén a distinción do Agader no apartado agrogandeiro, que “tamén supón unha aportación económica que nos axuda a seguir”, concreta.

Deixar atrás os prexuízos contra o sabugueiro

Nelson e Eva quixeron non só elaborar conservas a base de sabugueiro senón argallar un proxecto integral arredor deste arbusto por iso contan con catro liñas de acción nas que están a traballar. Xunto á alimentación e de xeito moi paralelo abordaron a investigación pero tamén apostan pola divulgación da cultura xerada arredor do sabugueiro e polo seu cultivo. Eva, Nelson e o seu pequeno Cibrán recollen flores de sabugueiro silvestre. Neste camiño a prol do sabugueiro tamén tiveron que superar as desconfianzas que en Galicia, o seu principal mercado, supón o consumo dos froitos do sabugueiro, xa que estivo máis asociado a usos menciñeiros ca alimenticios. “As limitacións das vagas do sabugueiro fronte a outros froitos silvestres como poden ser os arandos é que non se poden inxerir directamente, sen cociñalas antes, xa que en cru son tóxicas”, aclara Nelson. Unha vez cociñadas, as vagas son un aporte de vitamina C e antioxidantes que moitos descoñecen.

Venta directa e en tendas especializadas

O 80% dos produtos de Veigas de Sabugueiro teñen como destino o mercado galego. Contan xa con puntos de comercialización repartidos por toda Galicia. Na súa maioría trátase de tendas especializadas en produtos gourmet. Tamén están xa comercializándoos en cidades como Madrid ou Barcelona ou en puntos do País Vasco. Á marxe da venta física contan cunha tenda online na que tamén se poden adquirir as súas conservas. “Estamos traballando en renovar a nosa web para facela máis accesible e cómoda”, concreta Nelson e agardan ter dispoñible o novo deseño para finais de ano.

Trasdeza Natur: horta ecolóxica en fresco e en seco

Hai pouco máis dun ano que Trasdeza Natur botou a andar cun obxectivo claro: ser o máis sostible posible para ofrecer produtos directos da horta sen ningún tipo de tratamento químico. Ó mesmo tempo, a explotación procuraba respectar o medio e reducir os custes de produción para ser unha alternativa rentable e respectuosa. Esta horta ecolóxica situada en Cardigonde, na parroquia silledense de Cortegada, é, ademais, unha aposta clara pola transformación e a vangarda tecnolóxica, xa que tamén ofrece froitas e hortalizas deshidratadas, procesadas nunha máquina pioneira en Galicia e que funciona con enerxía solar. “Ó mesmo tempo que montabamos a horta, xa pensábamos nun proxecto de transformación, non queríamos quedarnos só coa horta”, explica María José Tallón, impulsora de Trasdeza Natur. Esta aposta pola sostibilidade e a tecnoloxía acaba de valerlle o premio de Innovación Tecnolóxica da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Trasdeza Natur busca ser sostible e autosuficiente. Ademais, procura alternativas para ofrecer produtos da horta non só en fresco
Dende sempre houbo horta para autoconsumo na casa de María José pero foi ó quedar sen traballo, nun dos últimos reaxustes de persoal da Semana Verde no 2014, cando comezou a pasar máis tempo na horta. Decidiu entón empezar a formarse para profesionalizar a súa horta de autoconsumo e convertela nunha oportunidade laboral. Varios cursos de agricultura ecolóxica, cooperativismo ou elaboración de conservas déronlle a esta economista de formación unha nova base sobre a que asentar o seu proxecto de horta sostible. “Non me vía con gran extensión de terreo, senón que enfocábao máis a transformar o produto, podendo desestacionalizalo para vendelo o resto do ano”, apunta Tallón.

Deshidratadora solar

Foi esa filosofía a que animou a María José e ó seu marido, Rosendo Estévez, que bota unha man polas tardes na horta, a buscar alternativas para ofrecer os seus produtos fóra de tempada. Pensaron entón en deshidratar as froitas e verduras para darlle saída ós excedentes. Buscaban unha deshidratadora que fose acorde co proxecto sostible que impulsaban, por iso procuraban unha máquina solar.
Un convenio coa USC permítelles contar cunha deshidratadora solar, namentres aportan datos do prototipo á Universidade
“Investigamos sobre este tipo de máquinas, pero aquí en Europa non había nada, en cambio en Sudamérica xa as están empregando. Estabamos a punto de mercar unha cando soubemos que na Universidade de Santiago tiñan un prototipo solar”, explican. Trátase dun aparato autónomo, cunha estrutura transparente case na súa totalidade e que dispón dunha placa solar que fai funcionar un ventilador en base á temperatura que se rexistre no interior. “Eles precisaban comprobar que se lle adaptaba a Galicia e nós podiamos ofrecerlles esa parte práctica”, detalla Tallón. A finais do ano pasado selaban un convenio de colaboración coa Universidade e esta é a primeira colleita que deshidratan. Os técnicos da USC visitan as instalacións periodicamente para comprobar o funcionamento do prototipo e eles apórtanlles tamén datos e mostras de froitas e hortalizas deshidratadas. Comezaron a principios da tempada deshidratando fresas e xa están probando tamén con tomates, pementos, cabazas e leituga. Tomates deshidratados.

Aperitivos e obleas naturais de hortalizas

As froitas e hortalizas entran na deshidratorada logo de ser lavadas e laminadas no taller anexo á horta. “Son naturais e conservan non só todos os nutrientes senón todo o sabor, aínda máis concentrado”, explica María José. Comercialízanas unha vez desecadas directamente como aperitivos naturais. Porén tamén están a facer probas para elaborar unhas obleas de hortalizas que se poidan empregar coma un envoltorio comestible ou alternativas pensadas para celíacos, a modo, por exemplo, de canelóns. Xa elaboraron estas obleas con fresas, cabazas e leitugas e continúan coas probas. Tanto particulares como a restauración están a ser clientes destas primeiras mostras.

Produtos Quilómetro Cero

Nos 6.000 metros cadrados de horta – non toda en produción actualmente- María José e Rosendo contan cunha ampla variedade de produtos. Froitas, verduras e hortalizas ofrecen unha alternativa variada ós seus clientes, boa parte deles da zona, o que fai que os seus produtos sexan ademais produtos de proximidade, con apenas emisións na distribución. “Comezamos con catro ou cinco e agora xa temos uns 17 clientes fixos”, explica Rosendo. Nunha zona rural e onde as hortas tradicionais son parte da paisaxe, estes agricultores non contaban que boa parte dos seus clientes foran precisamente os seus veciños. “Pensabamos que tiñamos que atopar unha alternativa de conservación dos produtos porque en fresco non íamos conseguir vender tanto porque todo o mundo ten horta”, recoñece Estévez. Porén, quedaron sorprendidos da boa aceptación que teñen as súas hortalizas e froitas. “A xente sabe como traballamos e veñen ata a horta e escollen a súas propias hortalizas en base ó que precisen”, comenta María José. “Moitos fan o encargo e cando volvemos a Silleda levámosllo”, explica Rosendo, que acaba precisamente de recibir unha encarga de fresas. Rosendo e María José recolleitan fresas na súa horta. “Moitos mércanos porque saben que non empregamos ningún tipo de praguicida nin herbicida, en cambio hai quen di que son verduras da casa pero logo emprégaos para controlar pragas”, apunta Tallón. Na súa horta optan só por remedios naturais para combater a incidencia de fungos, como aplicacións a base de leite, cola de cabalo ou estrugas, como explica Estévez, cunha ampla formación neste eido. “Nin sequera empregamos sulfato de cobre, que está permitido na agricultura ecolóxica, por non alterar a composición da terra”, puntualiza a agricultora.

Rotación e asociación de cultivos

Unha das maneiras coas que tentan reducir a presenza de pragas e a conseguinte perda de produción é a asociación de cultivos. Teñen a horta dividida en bancais que lles permiten alternar colleitas. Tamén optan pola rotación de cultivos para non empobrecer o terreo. “A sacha e o angazo son os nosos aliados”, apunta Tallón, un pouco desanimada porque este ano as condicións meteorolóxicas propiciaron que as herbas abonden pese ás horas invertidas sacando nelas. Os seus esforzos por aplicar prácticas sostibles lévanos a que optasen tamén por recoller de xeito manual o escaravello da pataca para evitar danos nos 1.000 metros cadrados da súa plantación. Tamén están a probar a deixar algúns do bancais sen cubrir con malla antiherba ou cubríndoos con restos de herba triga, empregada por unha queixería próxima, para procurar así distintas alternativas ós herbicidas. María José pronto recollerá a sementes das leitugas.

Recuperación de sementes

Trasdeza Natur é tamén un proxecto que busca poñer en valor os produtos da zona, por iso están afanados en recuperar variedades autóctonas. Polo do momento xa contan con tomate negro de Santiago ou tomate apimentado, entre outras. Por iso, tamén poñen especial coidado en contar coa súa propia sementeira. Dispoñen ademais dun invernadoiro no que fan as plantacións das súas sementes. Traballan xa para dotalo de placas solares para poder calefactalo ante invernos tan longos e duros como o pasado, e garantir as sementes.

De ultramarinos a taller de marmeladas

A casa natal de María José, situada ó pé do antigo camiño dos arrieiros, é agora outro dos puntos claves deste proxecto de horta ecolóxica. O espazo, que noutrora ocupou o ultramarinos e a fonda que xestionou a súa familia ó longo dos anos, é agora o taller onde se envasan as froitas e verduras deshidratadas e tamén se elaboran marmeladas ou xeleas. Tallón experimenta xa con combinacións como a marmelada de grosella con flor de sabugueiro, grosella negra con viño Mencía, xelea de fresa con pétalos de rosa ou de uva espiña. O acondicionamento do taller e os permisos precisos para poder procesar estas marmeladas e xeleas foi un dos trámites máis laboriosos da posta a punto de Trasdeza Natur, como explican os seus promotores. Calculan que a inversión no proxecto ascende xa a preto dos 40.000 euros. Por iso, os recoñecementos como o de Agader permítenlle “seguir avanzando e comprobar que o proxecto gusta, á par de que é un xeito de que a xente o vaia coñecendo”, apuntan.

Lagoa depuradora e composteiros

Lagoa para a depuración das augas do taller de envasado. O proxecto sostible de Trasdeza Natur inclúe tamén unha lagoa na que se depura a auga empregada no taller a base de sistemas de filtrado, decantación e depuración exercida por determinadas plantas. Inspirada na depuradora que opera en Cervo, esta lagoa conta cunha capacidade de algo máis de 6.000 litros e permite que reutilicen a auga para o rego da finca. Por outra banda, os restos das froitas e verduras que procesan no taller rematan nuns composteiros nos que elaboran compost e deste xeito retornan á horta. Xunto con este abono, tamén empregan o abono dunha explotación de burros próxima que lles permite obter un fertilizante de calidade.

Venta na páxina web

Un dos seguintes pasos que proxectan dar en Trasdeza Natur é a venta directa a través da súa páxina web, tanto de conservas, marmeladas como dos produtos frescos. Calculan tela operativa para finais deste ano. Tamén contemplan aumentar a superficie de horta e de froiteiras, e xa dispoñen de varias parcelas similares nas proximidades.

Convocaranse axudas a proxectos de cooperación de grupos de desenvolvemento rural

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) destinará 400.000 euros á primeira convocatoria de axudas para fomentar a realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (GDR). Así o anunciou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, antes de presidir a xuntanza do consello de dirección desta axencia na que se aprobou esta iniciativa. Segundo explicou a conselleira, trátase de que os GDR galegos poidan “abrirse ao mundo” e sumar sinerxias con grupos do resto de España, da Unión Europea e mesmo de terceiros países, para impulsar proxectos e estratexias en común. Así, entidades de diferentes territorios poderán agruparse para desenvolver iniciativas de promoción turística conxunta, de posta en valor dos seus recursos patrimoniais ou artesanais ou para fixar poboación en áreas con características de demográficas comúns, entre outros fins. Con estas achegas apoiaranse proxectos de cooperación que impliquen a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e materiais, pero tamén a execución dalgunha acción concreta, de xeito conxunto. Un exemplo desta colaboración podería ser a creación de guías turísticas en común, páxinas web ou aplicacións informáticas para a posta en valor dos seus recursos endóxenos. Medida Leader Neste encontro tamén se avaliou por parte dos responsables de Agader a situación actual e a evolución da medida Leader en Galicia. A conselleira amosou a súa satisfacción pola boa marcha deste programa, xa que só neste 2018 concorren un total de 924 expedientes (case 50 máis que na última convocatoria), cun orzamento total de investimento de 114 millóns de euros e que están a ser avaliados polos distintos GDR de Galicia (24 en total) para decidir a asignación e execución de proxectos. Neste intre están saíndo as resolucións de concesión, cun adianto de 50 días sobre o mesmo trámite da convocatoria anterior. Lembrou ademais a conselleira que no 2017 foron case 400 os proxectos con axuda do Leader en Galicia, que permitiron crear 23 postos de traballo e consolidar outros 223 empregos durante un período de cinco anos. E que nese mesmo exercicio a execución da medida con respecto aos fondos solicitados para o pago por parte dos promotores supera o 94%.