Archives

Novos cursos para gandeiros sobre xestión empresarial en Sergude e Monforte

Os centros de formación agroforestal de Sergude (Boqueixón) e Monforte de Lemos acollen dúas xornadas para gandeiros sobre a xestión das súas explotacións. A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza estas formacións centradas na optimización fiscal e a formación económica. A primeira xornada será no CFEA de Sergude o mércores 7 de febreiro e a segunda será o xoves 8 en Monforte. O horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. Para participar é preciso inscribirse no teléfono 881 996 279 ata completar aforo. Tres bloques formativos O primeiro bloque centrarase na tributación básica e a optimización fiscal. Ofrecerase coñecemento sobre as diferentes formas que teñen para emprender e desenvolver a súa actividade gandeira a través das súas propias vantaxes e inconvenientes e a súa fiscalidade. Tamén lles permitirá identificar medidas ou incentivos que facilitarán a redución da súa factura fiscal. O segundo versará sobre a contabilidade para non financeiros e facilitará formación para comprender conceptos básicos que favorezan a súa toma de decisións e o deseño de estratexias relacionadas coa súa explotación gandeira. Tamén permitirá aos participantes ler os estados financeiros básicos (balance de situación e conta de resultados) e entender a súa relevancia para xestionar a súa actividade de modo dilixente. Poderán implantar ferramentas financeiras básicas que lles ofrezan que lles ofrezan información sobre a rendibilidade, liquidez e solvencia do seu negocio. O terceiro módulo formativo, titulado “xestionar de modo eficiente” ofreceralles coñecemento sobre as ferramentas informáticas que faciliten a xestión diaria do seu negocio. Poderán deseñar un sistema de indicadores e gráficos (cadro de mando) cos que obter unha visión xeral, obxectiva e en tempo real da súa explotación, que lles axudará na súa toma de decisións ao instante.

O IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario celebrarase o vindeiro 2 de febreiro en Sergude

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón, acollerá o vindeiro día 2 de febreiro o IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, que organiza a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural. Neste evento presentaranse os principais resultados dos proxectos financiados ao abeiro da orde de axudas para o apoio a proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías da convocatoria 2021 e finalizados na anualidade 2023. Tamén haberá un avance da vindeira convocatoria para 2024 da orde de axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea para a Innovación (AEI). Ao longo da xornada, que dará comezo ás 09,30 horas, tamén será presentado o proxecto europeo AgriFoodTEF por parte do consorcio galego liderado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e Gradiant, e que busca incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario, poñendo o foco no caso galego na produción láctea. Esta iniciativa comezou en 2023, logo de que a Comisión Europea fixera unha convocatoria para apoiar unha única rede paneuropea de espazos controlados de probas de intelixencia artificial para o sector agroalimentario e dende este ano conta coa participación galega a través do nodo español. Cabe sinalar que os proxectos tipo TEF están enmarcados no Programa de Traballo 2021-2022 do Programa Europa Dixital (DEP). En España -á parte de Galicia-, tamén participan as comunidades autónomas de Andalucía e Cataluña. Os interesados en asistir a este foro de innovación poderán inscribirse no seguinte enlace: https://forms.gle/ymBaRtuuGiqd8jGV8. Para máis información, pode consultarse a web da Axencia, na seguinte ligazón: https://agacal.xunta.gal/gl ou solicitala a través do correo electrónico forodeinnovacionagraria.agacal@xunta.gal.

Publicados os proxectos innovadores no ámbito agrario que recibirán apoios da Xunta

Entre os proxectos beneficiados atópase un sobre cultivo de variedades de trigo autóctono en ecolóxico O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta semana senllas resolucións da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se fan públicas as axudas de 2022 para o apoio de proxectos piloto de innovación, así como a grupos operativos de innovación. En concreto, foron 11 os beneficiarios dos proxectos de innovación cun total de1.358.283,13 euros en achegas; e 25 os grupos operativos apoiados, por un valor total de 6,1 millóns de euros. Proxectos de innovación Entre as iniciativas apoiadas, destacan proxectos para a mellora do cultivo en ecolóxico de trigo autóctono e a produción de fariña de millo nixtamalizada a partir de recursos xenéticos propios de Galicia. Tamén destaca un proxecto sobre cultivos sustentables a partir de variedades autóctonas. Relativo ao sector gandeiro, destaca unha iniciativa para o incremento da eficiencia en gandarías de ruminantes e valorización dos seus produtos, así como outro proxecto para o desenvolvemento de novos produtos cárnicos de porco celta. Tamén resultou beneficiaria unha iniciativa para a creación dunha plataforma dixital sobre a adopción de modelos enerxéticos innovadores en explotacións gandeiras.
Foron apoiadas iniciativas de cultivo de trigo autóctono en ecolóxico, desenvolvemento de novos produtos de porco celta e proxectos de viticultura e enoloxía no Ribeiro e Rías Baixas
No sector vinícola, foron aprobadas axudas para un proxecto de itinerarios innovadores en crianzas oxidativas de viños galegos, outra iniciativa sobre a explotación do potencial de garda dun terroir histórico do Ribeiro con cultivo sustentable do viñedo. Tamén, un proxecto de tratamentos fitosanitarios en viñedos da denominación de orixe Rías Baixas. Por último, foron beneficiarios tamén destas axudas unha iniciativa para a elaboración dun xardín vertical con planta viva e un proxecto sobre o aforro na auga de rega mediante novas tecnoloxías.  Cómpre lembrar que desta convocatoria puideron beneficiarse organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea  agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector. Grupos operativos O listado dos 25 grupos operativos apoiados pode consultarse na resolución do DOG.

Como a Política Agraria Común favorece a cualificación dos produtores

Ademais de apoiar a renda dos agricultores e de garantir á sociedade europea alimentos nutritivos e seguros, a Política Agraria Común busca unha transformación do sistema produtivo nos vindeiros anos cara á mellora da eficiencia, a sustentabilidade e a dixitalización.

Para acadar estes obxectivos, é fundamental a transferencia de coñecementos e novas técnicas cara aos produtores, algo no que fai fincapé a nova PAC para o período 2023-2027 a través do denominado AKIS, o sistema de asesoramento e innovación agraria do que forman parte tanto entidades de carácter público como privado.

Entre as submedidas que compoñen a PAC hainas que focalizan directamente o esforzo sobre a investigación e, en concreto, a investigación de tipo aplicado destinada a agricultores, gandeiros e selvicultores.

 “O principal obxectivo da PAC non é a investigación agraria; aínda así contribúe de forma decidida á investigación a través dos fondos de cooperación”, destaca Javier Iglesias, do sindicato Unións Agrarias.

A PAC contribúe de forma decidida á investigación a través dos fondos de cooperación

No ámbito da PAC búscase unha investigación eminentemente aplicada para resolver problemas concretos do sector e para mellorar a súa posición nun mundo cada vez máis competitivo. Esta medida específica de cooperación integra tanto proxectos piloto como grupos operativos.

“Son distintas maneiras de enfocar dun xeito colaborativo problemas ou melloras para aportar solucións ao mundo agrario”, defende Manuel López Luaces, xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) a entidade pública dependente da Xunta de Galicia encargada da coordinación dos fondos da PAC para formación agraria na comunidade.  

A AGACAL é o organismo encargado de desenvolver as submedidas da PAC relativas a investigación, formación e asesoramento agrario en Galicia

A AGACAL conta con 350 traballadores e dela dependen centros de investigación agraria de referencia en Galicia, como o CIAM de Mabegondo, ou 6 centros de Formación e Experimentación agraria repartidos polo territorio (Ribadeo, Becerreá, Monforte, Guísamo, Sergude e Lourizán), que ofrecen formación regrada complementada con formación continua.

“No último ano fomos capaces de ofertar ata 299 prazas para ciclos formativos do ámbito agrario e forestal. Estamos facendo unha aposta moi importante por conseguir man de obra para o sector agrario a través da formación dos nosos futuros mozos e mozas agricultores”, destaca Manuel.

Investigación colaborativa e achegada á realidade

En Portugal, os proxectos de formación e investigación financiados a través da PAC obrigatoriamente teñen que integrar aos produtores e ás súas asociacións, conta María Custódia Correia, xefa de división da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural e responsable da Rede Rural Nacional de Portugal. “Apóiase o desenvolvemento experimental con proxectos de innovación en consorcio nos que participan investigadores e produtores”, explica. Deste xeito, di, “están dirixidos cara ás súas necesidades”.

En Portugal desenvólvense proxectos de innovación en parcería que ademais de investigadores teñen que integrar obrigatoriamente a produtores

A investigación que se financia coas axudas da PAC é tanto básica como aplicada, dirixida aos problemas que realmente lles preocupan aos produtores. “En xeral en Galicia a investigación agraria está moi próxima á realidade e necesidades do sector, non só produtor, senón tamén agroindustrial e, de feito, algunhas iniciativas empresariais xurdiron da investigación”, lembra Javier.

Agás a viticultura e a enoloxía, así como o sector forestal, que contan con instalacións específicas (a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, e o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, respectivamente), o resto da investigación agraria da AGACAL desenvólvese no CIAM de Mabegondo, o buque insignia en materia de investigación agraria en Galicia.

Entre o ano 2020 e 2022 desenvolvéronse no CIAM un total de 54 proxectos de ámbito español e europeo, buscando sobre todo proxectos colaborativos que involucren ao sector nunha investigación de carácter aplicado.”O 90% da investigación que se realiza é investigación aplicada e a petición do sector”, explica Manuel. 

Dentro do universo agrario existente en Galicia, o CIAM investiga sobre produción de leite, novas tecnoloxías, puríns, mitigación de gases de efecto invernadoiro, secuestro de carbono, estratexias para frear o mato, producións gandeiras, recursos autóctonos, cereais, etc.

En Galicia temos unha capacidade investigadora moi grande e os resultados poñémolos ao servizo do sector

As instalacións de Mabegondo dispoñen de 320 hectáreas de terreo con campos de ensaio, invernadoiros e distintos tipos de rabaños de gando. “Somos capaces de abarcar todo o abano de necesidades que nos demanda o sector”, insiste Manuel.

No bienio 2020-2022 o EVEGA estivo implicado en 16 proxectos relacionados coas variedades minoritarias, a valorización de residuos, a viticultura ecolóxica, uso de fitosanitarios, cultivos sostibles, resistencia a enfermidades, etc. Destaca a parte de conservación de recursos fitoxenéticos, con preto de 60 variedades galegas de vide.

A produción de castaña en Galicia foi desenvolta en grande medida grazas a Lourizán. As 23 variedades galegas de produción de castaña foron propostas para rexistro grazas ao traballo deste centro, que tamén desenvolveu 32 clons para madeira e patróns híbridos. No período 2020-2022 Lourizán estivo involucrado en 22 proxectos de carácter nacional e europeo.

Transferencia de coñecemento

“Hai un esforzo moi importante pola transferencia dos coñecementos que realmente se poden trasladar ao campo. Do que se trata é de poñer en contacto a través dunha comunicación directa dos centros de coñecemento, a través dos seus investigadores e tecnólogos, co sector, non só co produtor final, senón tamén cos asesores que ao final teñen que facer de cadea de transmisión deses coñecementos cara ao ámbito agrario”, opina Manuel. 

Nos últimos anos as novas tecnoloxías están acelerando o proceso de transferencia e variando as formas de traslado. Pero desde Unións Agrarias Javier Iglesias reprocha que “en xeral os mecanismos de transferencia do coñecemento desde os grupos de investigación non son de todo eficientes, sobre todo no relativo á inmediatez”, afirma.

Tamén a responsable da Rede Rural Nacional de Portugal recoñece que “o sistema precisa e pode ser mellorado con novas formas de divulgación, especialmente reforzando a aprendizaxe entre iguais, de produtor a produtor, apoiando visitas técnicas a explotacións e granxas de referencia tanto dentro do país como noutros Estados membros da UE”, defende.

A nova PAC promove o intercambio entre produtores a través de visitas e estancias formativas en explotacións modelo

A transferencia de coñecementos cara ao produtor final vaise reforzar neste novo período con medidas específicas para iso. “A PAC apoia claramente a transferencia do coñecemento xerado, tanto pola vía dos apoios aos grupos operativos como tamén a través de apoios dirixidos á cualificación dos produtores”, asegura María Custódia.

En Portugal, a Rede Rural Nacional promove o espallamento da información e o coñecemento entre os distintos axentes. “A divulgación aos produtores ten sido unha das prioridades. Creáronse os Centros de Competencia, 24 en total, que reúnen a produtores, empresas, centros de I+D, entidades públicas, organizacións do sector, municipios e outros socios, co fin de desenvolver axendas de innovación que expresen as necesidades reais dos produtores e axuden á transferencia do coñecemento xerado”, explica. “Na definición de prioridades, na programación de plans de acción formativas e no desenvolvemento de actividades o que se busca é crear e diseminar coñecemento útil”, asegura María Custódia.  

En Galicia, no período 2020-22 desenvolvéronse máis de 1.000 accións formativas financiadas a través da PAC e dirixidas ao sector e no novo período haberá máis de 3 millóns de euros focalizados exclusivamente na formación a demanda dos agricultores, avanza Manuel. “As solicitudes parten precisamente de entidades e organizacións de produtores. Polo tanto, estes programas de formación teñen un enfoque eminentemente aplicativo e práctico”, insiste. 

A PAC financia e promove unha formación continua que permite aos agricultores e gandeiros adaptarse aos novos desafíos, como son a dixitalización e o coidado do medio ambiente

Dous dos ámbitos nos que a formación promovida pola PAC fai fincapé son o da sustentabilidade medioambiental e o da dixitalización dos sistemas produtivos. “A sustentabilidade foi xa unha prioridade no período comunitario 2014-2020, apoiando tanto desde o segundo piar como desde o primeiro medidas na procura de técnicas de produción máis sustentables e ese esforzo aínda foi reforzado na nova PAC. No caso da dixitalización, en Portugal existe unha Estratexia Nacional para a dixitalización da agricultura e o Plan Estratéxico da PAC inclúe varias medidas que buscan afondar na utilización das novas tecnoloxías por parte dos produtores”, destaca María Custódia.

Pero aínda que “as tecnoloxías chegaron para quedar”, Manuel insiste en que “as novas tecnoloxías hai que interpretalas para converter os datos que proporcionan en información útil e, por iso, a formación dos equipos humanos é fundamental”.

Lugo acolle un curso sobre benestar animal no transporte

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza en Lugo un curso sobre o benestar animal no transporte. O obradoiro celebrarase no edificio administrativo da Xunta en Lugo a partir do vindeiro venres 18 de novembro en horario de 16:00 a 21:00 horas. A duración total do curso será de 20 horas lectivas repartidas en catro días. Así, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria pretende proporcionar aos alumnos do obradoiro a formación e capacitación necesaria en benestar durante o transporte de animais vivos. Para iso, abordaran aspectos técnicos e prácticos recollidos no propio Decreto da Consellería do Medio Rural polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

Inscrición

Para facer a preinscrición no curso debe accederse á web da Consellería de Medio Rural no apartado de accións formativas para este 2022. A persoa que coordina o curso porase en contacto cos inscritos a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidos. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 988 ou enviarse un correo a oscar.cacharron.mojon@xunta.gal.

Curso práctico de aplicacións cartográficas en teléfono móbil para o ámbito agroforestal

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza en Becerreá (Lugo) un curso práctico de aplicacións cartográficas en teléfono móbil para o ámbito agroforestal. O obradoiro celebrarase no Centro de Formación e Experimentación Agraria de alta montaña de Becerreá a partir do vindeiro luns 21 de novembro en horario de 16:00 a 21:20 horas.

O obxectivo desta formación é que os alumnos obteñan os coñecementos necesarios para empregar OruxMaps e IGN-Mapas de España na definición das súas rutas e traxectos no acotamento dos terreos sobre os que traballen e na realización de operacións planimétricas.

O curso está dirixido á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

Para facer a preinscrición no curso debe accederese á web da Consellería de Medio Rural no apartado de accións formativas para este 2022. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 367 ou enviarse un correo a cfea.becerrea@xunta.gal.

Trazo e Curtis acollen cursos sobre competencias empresariais nas ganderías

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, celebrará a próxima semana dous cursos en Trazo e Curtis sobre competencias empresariais nas ganderías. A formación de Trazo empeza o vindeiro martes 25 de outubro e celebrarase no Centro Social Polivalente de Trazo. O taller de Curtis, pola súa banda, comeza o mércores 26 de outubro no Centro Etnográfico Río Mandeo. Ambos cursos desenvolveranse ao longo de 6 días en horario de 9:30 a 14:30 horas e terán unha duración total de 30 horas. O eixo central desta formación é dotar ós empresarios gandeiros dunha visión máis ampla do potencial sobre a súa actividade gandeira co fin de procurar un maior valor engadido e innovación nas súas actividades. Para iso, achegaranse coñecementos sobre ferramentas relacionadas especialmente co ámbito do control e a xestión dos custos que contribúan á mellora da eficiencia das ganderías. Así, darase formación relacionada coa aplicación informática Conta Láctea, creada pola Xunta para mellorar a xestión profesionalizada das granxas, así como para facilitar ós gandeiros o cálculo dos seus custos de produción e, consecuentemente, do prezo de venda do seu leite. O obxectivo último é mellorar a posición negociadora dos gandeiros en relación cos prezos dos seus produtos. Esta iniciativa formativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. As persoas interesadas en participar nestes cursos deberán formalizar a inscrición que figura xunto coa información do curso no catálogo de accións formativas deste 2022 da Consellería de Medio Rural. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 609 832 862 ou enviar un correo a atorres@epseaga.com. .

Curso de introdución á poda de exemplares xuvenís de castiñeiro en Lugo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza un curso en Lugo de introdución á poda de exemplares xuvenís de castiñeiro. O taller celebrarase o vindeiro venres 21 de outubro e terá unha duración de 4 horas. A formación impartirase en quenda de tarde, de 16:00 a 20:00 horas no polígono industrial das Gándaras (Lugo). O obxectivo desta formación é dotar aos alumnos dos coñecementos técnicos e prácticos para realizar unha poda adecuada de exemplares xuvenís de castiñeiro co fin de obter árbores rectas con destino a madeira de calidade. Así, o programa inclúe nocións tanto das técnicas e ferramentas a empregar neste tipo de exemplares como dos distintos tipos de poda dos mesmos. Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. As persoas interesadas en asistir poderán formalizar a inscrición localizando o curso no catálogo de accións formativas para este ano 2022 da Consellería do Medio Rural. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 620 ou enviarse un correo a distrito.forestal9@xunta.gal.

Curso sobre mantemento de maquinaria e útiles de xardinería e arboricultura

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un taller temático sobre mantemento de maquinaria e útiles de xardinaría e arboricultura. O curso impartirase no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, en Bergondo (A Coruña). Celebrarase ó longo de cinco días en horario de tarde, desde as 16:00 ata as 20:00 horas, a partir do vindeiro luns 17. O obradoiro contará cunha parte teórica, na que se abordarán temas como a revisión dos principais útiles de xardinaría empregados nos labores de mantemento de áreas verdes ou a identificación das avarías máis comúns. Ademais, terá unha parte práctica sobre a posta a punto de ferramentas como as tesoiras de poda, o cortacéspede, o escarificador, a rozadoira ou o cortabordos. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. As persoas interesadas en participar no curso deberán cubrir en liña a preinscrición que figura na documentación do curso no catálogo de accións formativas da Consellería de Medio Rural para este 2022. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043 ou enviarse un correo a cfa.guisamo@edu.xunta.gal.

Xornada sobre o cultivo de chícharo bravo en Galicia

O CIAM organiza unha xornada sobre o cultivo do chícharo bravo (altramuz) en gran en Galicia. A formación celebrarase o vindeiro día 21 de outubro en Lalín (Pontevedra). Na sesión abordaranse da man de expertos as posibilidades de aproveitamento deste cultivo en Galicia para poder fornecer ás fábricas de penso galegas ou mesmo ser aproveitado directamente polas ganderías para elaborar as súas propias mesturas de penso. Precisamente, a cooperativa de segundo grao lalinense Xuncoga, xa probou a cultivar hai anos chícharos para as mesturas dos seus pensos, aínda que a experiencia non tivo continuidade. A xornada terá lugar na Aula da Uned de Lalín, situada no polígono industrial da vila. As persoas interesadas en asistir poden cubrir este impreso cos seus datos persoais e deberán remitilo despois ó email: luis.urquijo.zamora@xunta.es. Tamén poden solicitar máis información sobre a xornada contactando co investigador Luis Urquijo no teléfono 881 881 852. A continuación detallamos o programa da xornada: 9:30 – 10:00 horas. Control de asistencia e reparto de información. 10:00 – 10:15 horas. Presentación do director do Agacal, José Luis Cabarcos Corral. 10:15 – 10:45 horas. O cultivo do chícharo bravo. Experiencia no Ciam. Luis Urquijo. 10:45 – 11:15 horas. Experiencias con chícharo bravo en Galicia. Fernando Almeida. 11:15 – 11:45 horas. O chícharo bravo en España. J.M. Mateos – Cañero. 11:45 – 12:15 horas. Descanso para o café. 12:15 – 12:45 horas. O chícharo bravo en Extremadura. CICYTEX. María José Lozano / Antonio García 12:45 – 13:15 horas. As proteaxinosas na industria do penso galega- Piensos del Sil. 13:15 – 13:45 horas. Mesa redonda.

Queixería Prestes desenvolve un proxecto piloto para valorizar o soro do leite

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou este xoves a queixería vilalbesa O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou este xoves a fábrica da queixería Prestes, beneficiaria dunha axuda de máis de 61.000 euros no marco da convocatoria do ano pasado para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal. En concreto, a achega serviu para valorizar o soro mesturado con auga derivado da elaboración dos queixos. Desenvolvido en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o proxecto consiste en recorrer ao nanofiltrado do soro para a obtención de produtos funcionais libres de alérxenos, como soro concentrado para alimentación infantil, manteiga para repostería, requeixo normal e de sabores ou fetiñas a partir de requeixo. Ao mesmo tempo, apóstase pola recirculación de ata un 80% da auga empregada, contribuíndo ao aforro de consumo hídrico e á redución da pegada de carbono.
A queixería vilalbesa recircula o 80% da auga que emprega
O director da Agacal aproveitou a visita para avanzar que en breve se comunicarán os beneficiarios da convocatoria deste ano, que contou cun orzamento de 2,4 millóns de euros. Tendo en conta que a intensidade da axuda acada ata o 80% dos gastos subvencionables, a contía máxima subvencionada en cada iniciativa pode chegar ata os 150.000 euros. Así mesmo, está a piques de resolverse a convocatoria para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), dotada con máis de 6,12 millóns, podendo acadar cada iniciativa unha contía máxima de ata 180.000 euros.
Están a piques de resolverse as axudas deste ano para desenvolvemento de novos produtos e melloras tecnolóxicas
Neste caso, os grupos operativos que se constituíron para a execución de proxectos son agrupacións formadas por un mínimo de dous actores interesados, orientadas á identificación de problemas concretos ou oportunidades nos sectores agroalimentario e forestal, a partir dos que se xeren iniciativas innovadoras. Así, o proxecto de innovación proposto debe xerar ou adaptar unha tecnoloxía nova que deberá representar un avance significativo fronte ás tecnoloxías utilizadas. Esta innovación tecnolóxica pode ser de produtos (bens ou servizos) ou de procesos de produción ou de xestión. A innovación de produtos dáse cando se introduce no mercado un produto novo ou significativamente mellorado nas súas características técnicas.

Cursos este sábado en Sergude sobre plantas aromáticas e elaboración de produtos naturais de limpeza

A árnica é unha planta silvestre que ten moitas aplicacións na industria cosmética e farmacéutica. / Arquivo. A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar dous cursos no Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, no concello de Boqueixón, sobre a transformación de produtos vexetais. Ambas iniciativas están dirixidas á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. Así, un dos cursos de formación tratará sobre a recolleita e as técnicas de manipulación de plantas medicinais e aromáticas. Celebrarase este sábado 10 de setembro en horario de mañá e tarde. O obradoiro aborda tanto aspectos teóricos como prácticos sobre a recolleita de plantas silvestres e as técnicas de procesado das partes aproveitables das herbas aromáticas e das medicinais.
O cultivo de plantas mediciñais volve estar en boga hoxe en día polas súas diferentes posibilidades de comercialización
Tamén se abordarán as principais características e técnicas de cultivo e recolleita destas plantas, que hoxe en día volven estar en boga e son grandes aliadas para os agricultores, dadas as súas diferentes posibilidades de transformación e comercialización. Ademais, tamén se abordarán os sectores que utilizan estas plantas e as diferentes normativas que afectan á produción e comercialización de produtos derivados das mesmas.  Elaboración de produtos ecolóxicos de limpeza O segundo dos cursos tratará sobre a elaboración de produtos ecolóxicos de limpeza cun obradoiro práctico. Dita formación comezará tamén este sábado 10 de setembro e continuará os vindeiros sábados 24 de setembro e 8 de outubro. O horario deses tres días será de mañá e tarde. Neste obradoiro abordaranse as vantaxes de elaboración de produtos propios de limpeza, tales como xabón en taco con aceite reciclado, lixivia de cinsas, deterxentes de plantas, suavizantes para a roupa e mesmo limpadores para mobles e outras superficies. Tamén se elaborarán produtos para a hixiene persoal, como pasta de dentes, desodorizante corporal, xel e crema hidratante. En todos estes casos, os produtos serán elaborados mediante o aproveitamento tradicional de certas plantas. Para participar nestes cursos é necesario facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios a través do seguinte enlace. O coordinador do curso poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881867331, ou enviar un correo a cursos.agacal.sergude@xunta.gal.

Curso sobre alternativas ao minifundio forestal

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo) organiza un curso sobre alternativas ao minifundio forestal. Na formación daranse a coñecer alternativas de xestión ás principais especies forestais e a importancia do asociacionismo como solución aos problemas derivados do minifundio. As persoas asistentes van adquirir coñecementos técnicos e profesionais para establecer un aproveitamento de arándanos, mazá para sidra e souto destinado ao aproveitamento de froito. A formación será impartida por Foresin, Consultoría de Enxeñería Forestal e Ambiental e conta coa colaboración de entidades como Agacal, entre outros organismos. O curso celebrarase os días 5, 6, 7, 8, e 9 de setembro en horario de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. Mentres, os días 10 e 17 de setembro a formación será de 9.00 a 19.00 horas. Impartirase no local social de Tuiriz, en Santa María de Toiriz, Pantón (Lugo). A asistencia é de balde e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición enviando un email a información@ƒoresin.es ou mercedes.fra.perez@xunta.es ou chamando ós teléfonos 680 208 320611 413 582 e 982 828 370 onde tamén poden solicitar máis información.  

Vai de Agro: o gran evento da co-innovación no sector agroalimentario e forestal

O 8 de setembro a sede de Feuga en Santiago de Compostela acollerá o evento “Vai de Agro. Co-innovando no sector agroalimentario e forestal”, que se enmarca nas actividades de divulgación dos proxectos de innovación AVIENERGY, MICOALGA-FEED, PROTEINLEG e TIRAC. Ademais de dar visibilidade ao traballo destes catro grupos operativos, o obxectivo desta xornada coordinada por FEUGA é presentar, nun formato dinámico e interactivo diferentes redes temáticas do sector, outros proxectos de innovación e proxectos piloto e multi-actor, que permitan non só dar a coñecer as iniciativas, senón tamén promover novas ideas e actividades no sector agroalimentario e forestal.

Os temas centrais que se tratarán no bloque dedicado a espazos de co-innovación serán a redución de antibióticos en gandería; unha alimentación máis sostible a través de proxectos que buscan, por exemplo, novas proteínas de alta calidade ou novos produtos de alto valor nutricional a partir de insectos; a revalorización de subproductos e residuos en agricultura e gandería mediante o aproveitamento enerxético das dexeccións ou creando novos insumos agrícolas para a mellora de cultivos en ecolóxico e innovación para a conservación da biodiversidade.

Vai de Agro contará coa presenza, a través dunha videoconferencia, de Inge Van Oost, Policy Officer e directora xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, que expoñerá aos asistentes as claves da estratexia europea de innovación en agricultura. Isabel Bombal Díaz, directora xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, será a encargada de abordar a temática referida ao presente e futuro do medio rural, poñendo o acento na importancia da innovación e a xeración de coñecemento. Por último, a xornada contará coa presenza de José Luis Cabarcos Corral, director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria dependente da Xunta de Galicia, que centrará a súa intervención nos instrumentos e iniciativas públicas para impulsar o medio rural en Galicia.

A xornada completarase con comida networking, área expositiva e encontros entre asistentes. Así mesmo, Vai de Agro incluirá no seu programa visitas demostrativas a proxectos de innovación, en concreto ás instalacións de Hifas da Terra para observar os avances técnicos ao redor dos proxectos Micoalga e Greencastanea e á Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), onde se desenvolven parte das actividades científicas de Proteinleg e Algaterra.

Esta xornada conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a participación e colaboración da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea (DG AGRI), a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).

Os proxectos de innovación AVIENERGY, MICOALGA-FEED, PROTEINLEG e TIRAC, están cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. GO AVIENERGY: orzamento total 583.672,84 euros, subvención total: 565.872,84 euros; GO MICOALGA-FEED: orzamento total: 524.847,66 euros, subvención total: 505.519,66 euros; GO PROTEINLEG: 556.947,36 euros, subvención total: 552.147,36 euros; GO TIRAC: orzamento total: 492.580,38 euros, subvención total: 485.043,58 euros.