Archives

Xuntanza Abelleira este sábado en Arzúa

A localidade de Arzúa será o lugar onde se celebre a Xuntanza Abelleira este sábado, 16 de marzo. Os diferentes actos realizaranse dentro do Mercado Centro Multiusos "Terra do Queixo". Aproveitando o encontro, celebrarase a votación para a nova Xunta Directiva da Asociación Galega de Apicultura. A nova edición abrirá as portas ás 10:00 da mañá o sábado 16 de marzo e ás 10:30 realizarase a presentación de candidaturas para a Xunta Directiva. Haberá dúas asembleas extraordinarias e outra ordinaria. As urnas estarán abertas de 10:30 a 13:30 e o escrutinio da votación será entre as 13:30 e as 14:00. Pola tarde impartiranse tres conferencias. A primeira estará a cargo de Josep María Bas, quen falará sobre o control do tártago na poboación de abellas. Seguidamente Eloy Álvarez será quen imparta a conferencia sobre a vespa velutina. Por último, Carlos Zafra será o experto que imparta a palestra sobre a varroa. A exposición e venda de produtos estará aberta desde as 10:00 até as 19:00.

Curso de iniciación á apicultura na Pobra do Caramiñal

A Asociación Galega de Apicultura organiza un curso de iniciación á apicultura. Este curso celebrarase na Pobra do Caramiñal o día 9 de marzo de 10:00 da mañá até as 19:30 horas da tarde. Aprenderanse os primeiros pasos como coñecer unha colmea, conceptos e manexos básicos e, se o tempo o permite, visitarase un apiario. Para participar no curso hai que anotarse, pois o número de prazas é limitado, no enderezo dagabarbanza@elmuelle.es. A matrícula para entrar será de 5€ para socios da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e para non socios o prezo será de 15€.

Nace a Asociación de Criadores de Apis Mellifera Iberiensis de Galicia

A finais de novembro de 2023 tivo lugar en Outeiro de Rei (Lugo) a constitución da Asociación de Criadores de Apis Mellifera Iberiensis de Galicia, co obxectivo de agrupar as principais asociacións de apicultoras e apicultores galegas, cooperar con elas en cadanseu Programa de selección da abella negra galega (Panega) e máis axuntar as e os criadores de abellas nais de Galicia, así como de defender e promocionar a abella negra galega, co propósito de conservar e mellorar a nosa abella local. Os seus fins, especificados nos seus Estatutos, son os seguintes: a) A defensa global e a conservación da subespecie de abella Apis mellifera iberiensis. b) Fomentar programas de cría, conservación e selección da abella negra galega. c) Participar na caracterización da raza Apis mellifera iberiensis e na implantación e no funcionamento do seu libro xenealóxico e programa de mellora. d) Cooperar coas asociacións de apicultores de Galicia na promoción e difusión da abella negra galega. e) Colaborar con centros de investigación, universidades e outras entidades implicadas no desenvolvemento de programas de mellora apícola e dar a coñecer os avances obtidos. f) Agrupar os criadores galegos da Apis mellifera iberiensis para asesoralos tecnicamente e defender os seus dereitos e intereses comúns.» A composición da primeira Xunta Directiva de Amiga é a seguinte: Presidente: Marcos Varela Lorenzo Secretario: Xosé Manuel Durán Orús Tesoureiro: Alberto Vidal Gándara Vogal 1: Benito Martínez Viéitez Vogal 2: Benigno Basteiro Rodríguez. A constitución desta asociación foi necesaria para podermos representar Galicia e integrarnos na Confederación española de criadores de Apis mellifera iberiensis (na que hai xa unhas sete federacións autonómicas), co fin de elaborar un programa de cría uniforme en toda España e chegar a xestionar perante o Ministerio con competencias na materia e a Administración estatal o necesario recoñecemento oficial como raza e xestionar o libro xenealóxico desta. Como sinalan os seus fins, esta asociación Amiga ponse á disposición dos criadores e das criadoras de Galicia e das entidades apícolas para colaborar en posibles actividades relacionadas con este tema da selección da abella negra galega, na que AGA está involucrada. O contacto con Amiga para coñecer esta entidade, demandar información sobre os seus dereitos e intereses comúns a respecto da cría de raíñas galegas, solicitar a ficha de inscrición ou asociarse a ela é o seguinte: criadoresamiga@gmail.com. Polo de agora, a cota anual asociativa aínda está pendente de establecer por parte da asemblea xeral. Con esta ocasión, tamén se vos comunica que o Grupo Operativo Panega de AGA, no que hai inscritas 28 persoas para a testaxe de raíñas, se poñerá en marcha neste mes de decembro, das que haberá que seleccionar 10 abelleiros/abelleiras titulares e 5-10 suplentes repartidos pola xeografía galega. Ademais da xente con experiencia demostrada, estamos a ver de agrupar algunhas persoas testadoras por veciñanza comarcal para poderen compartir apiarios de selección e teren máis opcións de resultar seleccionadas.

Gañadores do concurso Meles V Estrelas

A Asociación Galega de Apicultura convoca a Quinta Edición do Concurso Meles V Estrelas co que se quere premiar o traballo dos e das apicultoras galegas recoñecendo a calidade do seu produto. Ademais, este concurso busca ser unha plataforma de valorización tanto do traballo como do mel producido en Galicia. “E sen esquecer que o que gaña connosco sempre gaña no panorama español e mundial” sinalan desde a Asociación.

A listaxe das persoas gañadoras deste ano no concurso de Meles V Estrelas é a seguinte:

Na categoría de mel de bosque:

-Ouro, para o mel de AIALMA, José Antonio Pazos González. Souteliño, Laza.

-Prata, para o mel de VALDABELLA, Sonia González Rodríguez. A Porqueira.

-Bronce, para o mel de CASA SEVERA, Miguel Rodríguez Pérez. A Pobra de Brollón.

Na categoría de mel de castiñeiro:

-Ouro para o mel de ECOMEL, Amable Pérez Diz. Muíños.

-Prata para o mel de MEL A CASOA, María Isabel López Pérez. O Piornedo.

-Bronce para o mel de DOCE BÁGOA, Johnny Trigas Rodríguez. Cameixa, Boborás.

Na categoiría de mel de queiroga:

-Ouro para o mel de CASA PRÍNCIPE, José Luis Pérez Fernández. Navia de Suarna.

-Prata para o mel de MEL DO VAL, Iago Fernández Pena. O Valadouro.

-Bronce para o mel producido por D. Andrés Pérez Costa, de Cedeira.

Na categoría de mel multifloral:

-Ouro para o mel de MEL DE MODEIRAS, Cristina Rubiños Aguirre. O Valadouro.

-Prata para o mel producido por D. Manuel Casal Rodríguez. Santiago.

-Bronce para o mel de O MEL DE BREA, María del Mar Brea Botana. A Estrada.

Todos estes meles foron seleccionados durante o proceso de cata celebrado o 29 de novembro. O comité de cata estivo constituído por:

Elena Quián Casal – Profesora técnica de Hostalaría e Turismo.

David Abalo Bacariza – Xefe de cociña e encargado do restaurante ” La Radio” de Pepe Solla.

Mª Fe Sixto Pernas – Xerente do Museo do Mel no Valadouro, apicultora e socia de AGA.

Iago Roca Agra – Apicultor e socio de AGA.

Joaquín Lozano Parejo – Veterinario de AGA. e membro do Comité Organizador.

Noela Torres Treviño – Técnica de AGA e membro do Comité Organizador.

A entrega de premios celebrouse o día 15 de decembro no CIFP Compostela, (Hostalería) situado en Lamas de Abade, Santiago.

Estas son as medidas que reclaman os apicultores á Xunta para un control efectivo da vespa velutina

Representantes de todas as asociacións apícolas galegas consensuaron un documento de propostas conxunto Os apicultores galegos piden a Xunta que tome en serio o problema da velutina e adopte medidas efectivas para loitar contra unha praga que leva máis de 10 anos instalada en Galicia pero que se multiplicou este ano, segundo denuncian os produtores de mel e recoñece tamén Seaga, a empresa pública encargada de xestionar os avisos para a retirada de niños na comunidade.  Logo do desenvolvemento de distintos métodos, desde arpas eléctricas, pértegas ou escopetas de balíns, hoxe o sector aposta polo trampeo primaveral para a captura de raíñas e o control remoto de niños primarios por medio de troianos para aminorar a praga. A velutina colonizou xa a práctica totalidade do territorio galego, ameazando a viabilidade das explotacións apícolas e afectando tamén a outros sectores como o do viño ou o da froita. O congreso celebrado esta fin de semana en Chantada, coa presenza de máis de 250 asistentes, serviu para xuntar a todas as asociacións apícolas de Galicia cun obxectivo común: esixir á Xunta un plan coordinado que vaia moito máis aló do que se está a facer neste momento.
Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores
Representantes da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), Asociación Abellas Nais e Casa do Mel de Goente quixeron facer patente o seu malestar e descontento coa xestión levada a cabo até o de agora por parte da Administración galega, que adica 1,2 millóns de euros ao ano á retirada de niños e nin un só recurso a campañas oficiais de trampeo e captura de raíñas. Unidade do sector “Queremos ir da man e que as Administracións implicadas, que son todas, sexan conscientes do problema que temos e actúen poñendo en marcha os mecanismos que poidan ter unha posibilidade real de cambiar o rumbo da continua e preocupante sangría que estamos a padecer”, afirman desde AGA, organizadora do congreso.   O resto de asociacións tamén destacaron a importancia desa “busca de unidade y de colaboración entre todos os actores (todos os niveis da Administración, cidadanía e por suposto os apicultores) para combater a praga”.
Isto é unha auténtica guerra na que se necesita unha estratexia, non podemos seguir facendo guerra de guerrillas
Esther Ordóñez, representante da Agrupación Apícola de Galicia, e presidenta da IXP Mel de Galicia, defendeu que “sen a unión do sector non podemos loitar contra a vespa velutina nin contra os meles que veñen de fóra”, outro dos graves problemas que atravesa o sector, con tres anos consecutivos de descenso no prezo de venda da produción a granel. Cambiar as prioridades Os reproches cara a Administración galega foron continuos, tanto pola súa inacción en todos estes anos como polo destino dos fondos asignados a loitar contra a praga pero, sobre todo, por non escoitar e ter en conta a opinión do sector. Pablo Piñeiro, de APLA insistiu en que  “aquí non estamos para buscar culpables, aínda que non hai que esquecelos; estamos para aportar solucións”, mentres Manuel Ferreira, da Casa do Mel de Goente lembrou que os apicultores levan “12 anos pelexando coa velutina e facendo propostas á Administración pero nunca nos escoitaron”, queixouse.
Abellas Nais, APLA, Agrupación Apícola de Galicia, Casa do Mel de Goente e AGA farán chegar á Xunta un documento conxunto con propostas
Unha das conclusións do congreso é que o sistema actual de retirada de niños é “só un parche” que se demostrou inútil para frear o avance da velutina, porque "só se actúa sobre os niños que se ven, que son unha pequena parte dos existentes na realidade", polo que é necesario, din, mudar as prioridades. “Cando algúns de nós empezamos a eliminar niños non tiñamos máis que os nosos traxes de apicultor e unha corda para atar á cintura ao subir ás árbores. Esperemos que este congreso sirva para que os apicultores empecemos a ver a luz porque o que se fixo ata agora por parte da Xunta foi un tiracartos”, asegurou José María Bello, de AGA. Trampeo masivo a vindeira primavera José María Bello, durante unha das ponencias do congreso Sen deixar de actuar sobre os niños secundarios que se detectan de xeito masivo nos meses de xullo, agosto e setembro, os apicultores e expertos participantes piden á Xunta que atalle o problema moito antes, cunha campaña de trampeo para capturar raíñas á saída do inverno e comezos da primavera e a eliminación dos niños primarios que estas fundadoras crean. Os apicultores esixen que, á vista do alto número de niños que houbo este ano, a campaña de trampeo da vindeira primavera sexa “masiva e coordinada”, coa implicación directa dos Concellos e da cidadanía para cubrir a maior extensión de territorio posible.
O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente porque non podemos cubrir todo o territorio, os Concellos teñen que implicarse
“O trampeo só por parte dos apicultores é insuficiente, porque colocando trampas só nós nos colmeares non reducimos a poboación de velutinas, ese ten que ser un lugar máis de trampeo doutros moitos”, asegura José María Bello.  “É necesario un trampeo en base a datos e cunha campaña xeralizada e organizada que ten que estar dirixida pola Administración. Se tomamos os datos que ten Seaga de retirada de niños deste ano, podemos trampear 300 metros á redonda, que é o radio de pecoreo inicial das raíñas fundadoras. Dese xeito redúcese de xeito considerable a zona de trampeo”, explicou. “Os apicultores non podemos estar trampeando todo o territorio. Sempre mostramos a nosa disconformidade coa inclusión do trampeo no Plan Apicola, sendo unha carga máis para o sector e detraendo recursos para o que é realmente a nosa actividade”, insistiu.   O exemplo de Asturias Ademais de abelleiros galegos, o congreso xuntou tamén a expertos e produtores chegados doutras comunidades onde a vespa velutina tamén está a facer estragos, como Asturias, Cantabria ou Castela e León. “A nós chegounos máis tarde; levamos un par de anos pelexando con ela pero este ano foi bestial”, recoñeceu Luis López, vicepresidente da Asociación Berciana de Apicultores, que insistiu en que, dada a súa expansión, “cada ano que non se fai nada son 10 anos perdidos para eliminar a praga”.
En Galicia estamos moi por detrás da ferramenta informática que usan en Asturias, é necesario implementala aquí
O exemplo de Asturias, onde hai creado un Comité Asesor que coordina as actuacións a levar a cabo contra a velutina, estivo presente durante todo o congreso. O éxito asturiano radica na implicación de todas as Administracións e en facer partícipe a toda a sociedade da estratexia de loita contra a vespa a través dunha aplicación informática (avisAP) na que se poden notificar os avisos e facer un seguemento das actuacións levadas a cabo, dentro das que se están a probar distintos métodos.
A solución pasa polo envío de troianos para matar os niños que non se ven
O Goberno do Principado e a Asociación Asturiana de Apicultores puxeron en marcha este ano un proxecto piloto para a inactivación de niños a través do seu control remoto por medio da captura e envío de vespas pintadas no abdome con Fipronil, un biocida empregado para combater as pulgas en cans e gatos e que se mostrou moi efectivo para matar as larvas da velutina. Os resultados deste ensaio son “prometedores”, explicaron os seus responsables. Os apicultores galegos apostan tamén por este novo método para combater a praga. “A solución pasa polo control remoto, pasa por matar o que non se ve, porque un punto clave é atallar os niños que hai nos montes e sobre os que non se fai nada. Hoxe en día Seaga está atendendo só á punta dun iceberg, porque se está priorizando un problema de seguridade cidadá. Pero iso aos apicultores non nos soluciona nada”, insistiu José María Bello.

Busca de sinerxias con outros sectores e apoio na investigación

Público asistente ao congreso sobre a vespa velutina celebrado a fin de semana en Chantada Trala celebración do congreso esta fin de semana en Chantada, as 5 principais asociacións apícolas existentes en Galicia remitirán un documento conxunto á Xunta de Galicia coas súas propostas, entre as que está a creación, de maneira inminente, dun Comité Asesor con presenza de todas as Administracións, entidades e sectores afectados (Xunta, Concellos, Seaga, bombeiros, asociacións apícolas, etc). Seguindo o exemplo asturiano, ese Comité Asesor sería o órgano encargado de fixar a estratexia e as prioridades de gasto na loita contra a praga. Os produtores de mel insisten en que se trata dun “problema global” que afecta á biodiversidade medioambiental e á seguridade cidadá e que está a producir perdas económicas tamén noutros sectores, como o do viño ou o da froita.
Os abelleiros sempre mantivemos unha actitude de colaboración e de facer propostas, pero sempre caeron en saco roto
Ao mesmo tempo, considérase necesaria a adopción por parte da Xunta dunha ferramenta informática semellante á avisAP asturiana onde ademais de poder notificar a presenza de niños se poida facer un seguemento do seu estado, así como o rexistro da colocación de tampas. Nese sentido, pídese a implicación directa dos Concellos no trampeo masivo a vindeira primavera coa intención de cubrir o máximo de territorio posible, priorizando lugares con maior presenza de niños retirados e zonas onde quedaron niños sen retirar ou neutralizar (por estaren a gran altura, sobre cauces fluviais, etc), tomando para iso os datos dos que dispón Seaga. A investigación, solución ou enredo? As asociacións apícolas piden priorizar os fondos dispoñibles en accións que vaian encamiñadas a previr a aparición de niños secundarios, o que evitaría a súa retirada posterior nos meses de xullo, agosto e setembro. Trataríase, seguindo o símil dos lumes forestais, de “destinar máis a prevención para ter que gastar menos en extinción”.
Toda Francia está xa colonizada e en España a praga avanza cara a Meseta logo de estar xa presente en toda a cornixa cantábrica
Outra das controversias vividas durante o congreso estivo protagonizada polo debate xerado arredor dos escasos avances que se produciron até o de agora na investigación científica. Os apicultores queixáronse da pouca utilidade práctica dalgúns dos traballos levados a cabo, mentres os investigadores presentes revelaron a precariedade e a escaseza de recursos coa que traballan. No escrito de conclusións, as asociación apícolas defenden que debe haber unha dotación económica suficiente pero que esta debe ir destinada a investigación aplicada para o descubrimento de feromonas, parásitos ou fungos que sirvan para a loita biolóxica contra a vespa invasora, seguindo o exemplo do que se fixo co Torymus  sinensis fronte á avispiña do castiñeiro.

Día do Apicultor este sábado en Arzúa

O vindeiro sábado, 4 de febreiro, celebrarase en Arzúa, no recinto feiral “Terra do Queixo”, sito na Travesía da Feira desta vila, o Día do Apicultor, organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA). Desde as 09:30 horas da mañá e ata as 20 horas do serán, relatores e conferenciantes ofrecerán información sobre os diferentes aspectos da apicultura, con técnicas de manexo e selección das abellas e co propósito da valorización dos seus produtos básicos, os meles e a cera, sen esquecer a importancia da biodiversidade polinizadora. As charlas e conferencias desenvolveranse nas salas 3 e 4 do primeiro andar. Así mesmo, presentarase o Grupo Galego de Cría e Selección da Abella Negra (cfr.: https://apiculturagalega.gal/grupo-de-cria-e-seleccion-da-abella-negra-galega/), para o cal precisan a participación de apicultores con experiencia na selección que fornezan unha boa xenética, de criadores desas abellas nais e de persoas abelleiras que se dediquen a facer testaxes desas raíñas. “As portas de integración neste grupo están abertas para todos os interesados nalgunha das facetas expostas”, destacan desde AGA. Na planta baixa deste recinto feiral estarán localizados os servizos administrativos de AGA para calquera xestión ou para recoller material do Plan Apícola. Nela tamén acollerán un amplo abano de expositores de material apícola e produtos afíns, con participación duns 22 expositores de toda a Península Ibérica. Para os cativos e a xente miúda contarase cun extenso programa matutino e vespertino co obxecto de que desenvolvan as súas habilidades manuais a partir da apicultura. Velaquí o programa do Día do Apicultor 2023:

Resultados do concurso “Meles 5 estrelas”: Os mellores meles do país do 2022

Por cuarto ano a Asociación Galega de Apicultura-AGA convocou o Concurso Meles Cinco Estrelas. O comité de cata estivo presidido por Noela Torres, técnica de AGA e restauradora, que dirixiu o panel de cata composto por Begoña Balado Conde, concelleira de Turismo de Arzúa; José Luis González Portabález, apicultor e fabricante da cervexa con mel Esmorga (988); Peter Brea Rodríguez, socio de AGA, forestal e poeta; e Jose Luís Meixide Vilariño, biólogo e socio fundador da asociación, con longa traxectoria no mundo apícola e do mel. O xurado catou 65 mostras selecionadas, das que 14 eran de mel multifloral e 51 monoflorais, repartidas entre 10 de mel de bosque, 13 de castiñeiro, 7 de eucalipto, 18 de queiroga e 3 de silva, unha variada e completa representación de meles de toda Galicia. As gañadoras e os gañadores, todos socios de AGA, divídense nun primeiro, segundo e terceiro premio. No caso da silva, só se adxudicou o primeiro premio. As persoas premiadas foron as seguintes:

MULTIFLORAL:

-”MEL A CASOA”, de María Isabel López Pérez (Lugo) -”MEL SANTIRSO”, de Ricardo Bouzas Ferreiro (Zas- A Coruña) -”MEL A IALMA”, de José Antonio Pazos González (Laza- Ourense)

EUCALIPTO:

-José Benito Míguez Montouto (Lugo) -”O PODER DAS FLORES”, de Javier Carreiras Cuadrado (Alfoz- Lugo) -Ana María Castro Aneiros (Ferrol- A Coruña)

BOSQUE:

-“ECOMEL”, de Amable Pérez Diz (Muíños- Ourense) -“VALDABELLA”,de Cristalina Rodríguez Rodríguez (Verín- Ourense) -“MEL BONILLA”, de Bonifacio Luís Diz (Verín- Ourense)

CASTIÑEIRO:

-”CASA SEVERA”, de Miguel Rodríguez Pérez (A Proba do Brollón- Lugo) -Carmen Álvarez Álvarez (Folgoso do Courel- Lugo) -”A PAREDIÑA”, de Pedro Vázquez Álvarez (Folgoso do Courel- Lugo)

QUEIROGA:

-”MEL DO SOR”, de Ángeles Morán García e Rubén Amigo Bellas (Narón- A Coruña) -”O PODER DAS FLORES”, de Javier Carreiras Cuadrado ( Alfoz- Lugo) -”MEL VITUCO”,de Javier Vázquez Picos (Muras- Lugo)

SILVA:

-“LAGO DAS ENCROBAS”,de Santiago Botana Tasende (Cerceda- A Coruña) O concurso valoriza os meles do país e axuda a visibilizalos e posicionalos na comercialización. Os meles premiados co primeiro premio levarán un selo identificativo e estarán dispoñibles na tenda física de AGA en Arzúa, así como na súa nova tenda online, que se estreará en xaneiro de 2023. O resto de gañadores recibirán un diploma acreditativo que poderán usar como promoción e publicidade. O produto terá un prezo mínimo de 12 € o envase de 1 kg e 7 € o de ½ kg. Todos os meles promocionaranse en todos os eventos e actos realizados pola asociación.

Mostra Galega de Apicultura este sábado en Arzúa

Este sábado, 11 de xuño, celebrarase en Arzúa a Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), e que este ano chega á súa edición número 37. O amplo programa de actividades inclúe conferencias, mesas redondas e a tradicional feira apicola: 10.30 horas: «Artesanía alimentaria» como figura de calidade diferenciada do mel, por Xoán Miguel Concheiro Abal, Departamento de Protección da Calidade Diferenciada, Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Normatécnica do mel artesán, por Gonzalo Calvo Díaz, veterinario de AGA e experto en control da súa calidade. 11.30 horas: Presentación do libro "Reprodución apícola. Tratado do criador", por Marcos Varela Lorenzo, cunha introdución de Xosé Torres. Con esta ocasión, presentación do proxecto e da plataforma do grupo de criadores e seleccionadores de raíñas de abellas negras, por Xosé Manuel Durán Orús. 12.30 horas (primeira convocatoria) : Asemblea extraordinaria de AGA, coa seguinte orde do día: Punto 1.- Ratificación das persoas designadas polo Consello das DAGAs (D. Gustavo Ferreiro Martínez e D. Jorge Lema Fernández) na Asemblea xeral extraordinaria e ordinaria que tiveron lugar o día 26 de marzo de 2022 para a súa integración na Xunta Directiva de AGA. Punto 2.- Información no día da data sobre a xestión das naves do Centro do Queixo e do Mel. Punto 3.- Rogos e preguntas. 13.15 horas : Conferencia sobre a resistencia aos tratamentos de varroa, por Joel González-Cabrera, do Departamento de Xenética da Universidade de Valencia. 14.00 horas : Xantar abelleiro na polbeira de Santa María. 16.00 horas : Presentación de produtos alternativos ao tratamentos con vencionais de varroa, por Francisco Alonso e Filipa Pucariço, de Hifarmax, e por Miguel Capano, de Beevital. 17.00 horas : Mesa redonda sobre a xestión das explotacións apícolas en ecolóxico e convencional, a sú a viabilidade e o seu futuro, por varias socias e socios de AGA no eido afeccionado, semiprofesonal e profesional. 18.00 horas : Charla sobre o Agroseguro nas novas incorporacións á apicultura profesional e resolución de dúbidas sobre a póliza de seguros colectiva que ten subscrita AGA, por persoal de Ucoga. Feira apícola de 10:00 a 18:00

“Queremos revitalizar AGA e abrila a todos os abelleiros”

Xosé Torres Romar foi reelixido o pasado sábado como presidente da Asociación Galega de Apicultura Logo das turbulencias vividas nos últimos meses, o sábado pasado a Asociación Galega de Apicultura (AGA), celebraba en Arzúa unha asamblea extraordinaria para elixir a súa Xunta Directiva para os vindeiros 2 anos. Á fronte dunha das asociacións de abelleiros máis senlleiras de Galicia continúa Xosé Torres, que xa levaba 4 anos como presidente, pero mudan as persoas que o acompañan e albíscanse cambios no rumbo da asociación.    – Cal é a situación de AGA a día de hoxe? – Hai un cambio no equipo, con persoas comprometidas coa transparencia, o traballo e a claridade. Pensamos AGA en grande e aberta a todos os abelleiros. Foi a segunda asociación en crearse en Galicia, a primeira foi APLA de Lugo, pero nestes 40 anos de vida tivo enxamías e escisións e hoxe só representamos ao 33% do sector apícola galego.
Pensamos AGA en grande e aberta a todos os abelleiros
A nosa intención é revitalizar AGA para poder enfocar o territorio galego desde o punto de vista apícola dun xeito máis aberto. É necesario dinamizar a asociación nas provincias de Lugo e de Ourense a través das delegacións. A nivel interno temos que organizar e atender a estas dúas provincias, que están un pouco desconectadas. Temos abelleiros socios, pero temos que coordinalos e ofrecer a estes apicultores o que eles mesmos demandan ou precisan. – Existe fractura interna? – Hai diferentes pareceres e eu agardo que se poidan superar. A raíz dunha serie de desencontros internos acontecidos nos últimos meses presentáronse dúas candidaturas á Asemblea: AGA nova, que obtivo 173 votos, e AGA con futuro, que sacou 143. Era a primeira vez que isto acontecía e houbo unha concorrencia importante de socios e socias. Os resultados foron axustados pero eu non os entendo como división. A candidatura de AGA nova, que resultou vencedora, está formada por socios independentes, xente das delegacións e socios de Erica Mel. É, polo tanto, representativa da diversidade interna.    – Que camiño vai coller a Asociación? Vai haber maior separación entre AGA e Erica Mel? – O funcionamento ten que ser independente pero ten que haber unha relación fluída, dado que as dúas entidades son parellas. As dúas deben tirar no mesmo sentido pero cada unha con independencia e cun estatus de equiparación, en igualdade de condicións, algo que non se deu nos últimos anos, nos que se supeditou a asociación á cooperativa.
Nos últimos anos supeditouse a asociación á cooperativa
Os intereses tamén son distintos. A cooperativa está centrada no envasado e a comercialización de mel e a Asociación busca outras cousas, aportar formación e achegala aos socios e concienciar e dar a coñecer a apicultura entre a cidadanía. – Cales son os retos aos que se enfronta o sector apícola en Galicia? – Eu diría que son catro. O primeiro, a varroa, onde é necesaria unha viraxe cara aos tratamentos ecolóxicos e cara a poboacións de abellas máis resistentes por medio da selección xenética e a calidade das raíñas. En segundo lugar, a velutina, un problema ao que hai que darlle solucións sostibles e científicas. Xa hai universidades francesas, americanas e chinas investigando en como loitar contra ela a través de feromonas e temos que insistir ante as Administracións que fan falta tarefas de investigación pública coordinadas para o sector apícola. E, por último, o cambio climático e como lle está a afectar tanto ás abellas como ás colleitas das que se alimentan. Temos que traballar na mellora de calidade apícola nas abellas a través da selección xenética e a mellora das raíñas e evitar a degradación dos hábitats e a flora apícola.
Temos que tender pontes con todo o sector apícola galego para abordar os problemas común aos que nos enfrontamos
Todos estes son problemas nos que todo o sector apícola galego, tanto AGA como outras asociacións, temos que ir conxuntamente. As segas de pasto natural ou a corta temperá dos eucaliptos nítens, que fai que non se permita a súa floración, aféctannos a todos e haberá que actuar conxuntamente ante as Administracións públicas para que vexan que as colmeas e as abellas son un gando distinto, que non podemos estabular e que necesita un pasto natural e diverso. Non podemos ter en Galicia un deserto verde para as abellas, no que non teñan que comer. – As abellas dependen dos cultivos para alimentarse, pero os cultivos tamén dependen das abellas. Valóranse os servizos ecosistémicos que proporcionades os abelleiros? – Os insectos polinizadores son indicadores de prácticas agrarias e forestais axeitadas e unha das vías de ingresos pode ser ofrecer servizos de polinización de cultivos, como xa acontece noutros países europeos. De cara á sociedade, hai que defender ás abellas e aos insectos polinizadores como elementos de calidade ambiental e biodiversidade.
Os insectos polinizadores son indicadores de prácticas agrarias e forestais axeitadas
A nivel do sector apícola, é necesaria tamén unha viraxe da produción convencional cara á elcolóxica e da costa cara ao interior, a través da trashumancia de explotacións, unha práctica pouco extendida en Galicia pero con indubidables vantaxes, tanto para evitar a velutina como para aproveitar as floracións. Estes movementos poden darse a nivel individual ou bilateral entre apicultores, con acordos e intercambios entre apicultores de distintas localizacións. – Insistides en que AGA ten que atender igual ao que ten moitas abellas ou ao que ten poucas. – Si, porque os apicultores teñen que ter a máxima formación teñan poucas ou moitas colmeas, para coidalas o máis posible. Eu, por exemplo, teño unha explotación pequena, non vivo profesionalmente das abellas, nunca quixen pasar de 30 colmeas. Vivir das abellas non é doado e non todo o mundo o consegue.
Vivir das abellas non é doado e non todo o mundo o consegue
Queremos impulsar proxectos asociativos de ámbito colectivo e mesmo persoais socializados para extracción e comercialización do mel. Non ten sentido que se hai 4.600 abelleiros en Galicia haxa 4.600 locais de extracción. Hai que socializar eses equipamentos. É un mal que se repite noutros sectores tamén. Se nunha parroquia hai 13 casas haberá 13 tractores tamén. Non ten sentido. Hai que fomentar os locais de extracción conxuntos, sexa en locais colectivos ou arrendados a outros socios.
Queremos impulsar proxectos asociativos de extracción e comercialización de mel
Esa colaboración ten que servir tamén para incentivar a comercialización do mel por comarcas, aproveitando a riqueza e a variedade que temos en Galicia. Esa variabilidade dos distintos meles que hai é bo que chegue ao mercado.
É necesario establecer uns prezos mínimos para o mel galego e evitar a competencia desleal do mel sen etiquetaxe
Esa comercialización conxunta a nivel de comarca sería positivo para manter os prezos do mel e que non haxa competencia entre abelleiros. Porque hai mercado para todos, pequenos e grandes, pero ás veces o mel sen etiquetaxe supón unha competencia desleal e unha falta de valorización do produto. – Que papel ten que xogar o consumidor? – É un elemento clave. Nós queremos impulsar as feiras do mel, e particularmente nas grandes cidades, porque hai que acudir alí onde está o consumidor, promovendo os produtos das colmeas e explicando o papel das abellas no medio ambiente e a natureza.
Queremos impulsar as Feiras do Mel, particularmente nas grandes cidades
A Administración debe facer campañas de concienciación sobre o mel cristalizado non pasteurizado como garantía de ningunha alteración sufrida e debe poñer toda a infraestrutura coa que conta o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga), con sede en Lugo, ao servizo do sector, para que as probas e análises de mel que alí se realicen poidan ter unha validez oficial e non ter que recurrir a laboratorios de fóra de Galicia.  

Novas trampas selectivas contra a velutina

Asistentes ao Día do Apicultor e á Asemblea de AGA celebrada en Arzúa o pasado sábado As eleccións para escoller á Xunta Directiva de AGA e as charlas con motivo do Día do Apicultor congregaron este sábado en Arzúa a numeroso público, con máis de 400 asistentes chegados de toda Galicia. Nas conferencias da mañá tratáronse temas de actualidade nesta época do ano para o sector apícola, como son o trampeo primaveral para capturar raíñas de velutina e a confección de núcleos e novos enxamios de abellas. Antonio Rojo, veterinario de Chantada, presentou aos asistentes unha trampa selectiva para capturar raíñas de velutina. O prototipo, que está en probas, está feito de plástico e conta cun sistema que evita que os insectos entren en contacto co líquido atraínte. Isto fai que só as velutinas caian na trampa, posto que outros insectos máis pequenos poden saír por uns buratos ao efecto na parte baixa da trampa, polo que non collen as velutinas, que quedan atrapadas sen poderen saír. As claves dun bo trampeo Dous apicultores, Rafael Díaz e José María Bello, deron tamén pautas de trampeo e eliminación de niños de velutina. Sen trampeo os ataques ás colmeas serían máis agresivos e mentres non haxa outros métodos, é imprescindible levar a cabo unha labor constante neste eido nos meses da primavera, defenderon. Pero ten que ser un trampeo moi selectivo, con buratos de entrada de 9 milímetros, que son dabondo para que a velutina entre, e 6 mm na saída, para permitir escapar a outros insectos.
O trampeo terá lugar de comezos de marzo a finais de maio, cambiando o líquido atraínte cada 15 días e movendo as trampas en función das floracións
O trampeo é necesario desde comezos de marzo até finais de maio, en función das comarcas. Máis aló colocar trampas non ten moito sentido, hai que ir ao outros sistemas de defensa das colmeas, como a colocación de arpas eléctricas, aseguraron. Para que as trampas atraian ás velutinas, hai que repoñer o líquido cada 12-15 días para que sexan efectivas e é recomendable movelas en función da floración que teñamos na contorna, comezando polas camelias, pasando logo polas froitas de óso e máis adiante polos cítricos. Necesidade de facer núcleos a comezos da primavera Marcos Varela apicultor e autor do libro Tratado do criador. Reprodución apícola foi o encargado de falar dos distintos métodos para multiplicar colonias de abellas. Debido á alta mortandade existente, hoxe calquera explotación apícola, independentemente do seu tamaño, ten que ter un método de renovación das súas raíñas para evitar as enxamías, para seleccionar o material xenético e para ter reposto de novas colonias.
Hai métodos sinxelos en función das celas reais que crean as propias abellas para reproducir naturalmente
Existen métodos sinxelos para aproveitar as celas reais que fan as propias colmeas para seleccionar e criar delas e reproducilas desta maneira de xeito natural aproveitando as realeiras para crear novos enxames e novas raíñas.
Hai que traballar dun ano para outro creando repostos para as colonias da abellas que van morrendo
Pero a clave está en traballar dun ano para outro no reposto das colonias de abellas, facendo na primavera enxames para renovar as raíñas e as colonias. Este proceso debe iniciarse unha vez que comeza a haber abázcaros no apiario, para garantir a fecundación das novas raíñas, pero nas zonas de costa a partir de agora xa se pode facer. De abril a xullo sería o periodo ideal se as condicións acompañan, porque despois a presenza de velutinas limita estes traballos.  

A Asociación Galega de Apicultura celebra este sábado a súa asemblea máis difícil, marcada pola división interna

Unha das charlas técnicas no último Día do Apicultor celebrado no ano 2020 A Asociación Galega de Apicultura (AGA) naceu no ano 1980 e tivo un papel fundamental para o mantemento, a renovación e a profesionalización do sector apícola galego. Pero a entidade atravesa un momento delicado, marcado pola división interna. Este sábado AGA celebra en Arzúa unha asamblea na que escollerá a súa Xunta Directiva para os vindeiros dous anos, logo da dimisión de parte dos seus membros. En catro décadas, estas son as primeiras eleccións que se celebran no seo da entidade con máis dunha candidatura.
AGA conta neste momento con 1.557 socios e socias, que representan un terzo dos apicultores dados de alta en Galicia
Preséntanse dúas candidaturas: AGA Nova 2022, encabezada polo actual presidente en funcións, Xosé Torres Romar, e AGA con Futuro, encabezada polo expresidente Abel Yáñez Armesto. Integran a lista de Xosé Torres Marita Puga González, José María Bello Santos, Maruxa Blanco Touriño, Victorio Tasende González e Joaquín Jozano Parejo. Pola súa banda, a de Abel Yáñez está formada por Rafael M. Díaz Nieto, Manuel Rodríguez Gómez, José María Martínez Ares, José Ramón Suárez Estévez e Xesús Feás. Acusacións mutuas Nos últimos días as dúas candidaturas están a poñerse en contacto cos socios e socias na busca de apoios de cara á votación deste sábado, mentres se cruzan acusacións mutuas. AGA Nova 2022 di presentarse para “limpar os vicios históricos ocultos e impostos de mala xestión” e para “aclarar a malversación de fondos de AGA descuberta no 2021”; namentras AGA con Futuro acusa ao actual presidente de “sementar infundios e discordias” e defenden a tradicional vinculación entre AGA e Erica Mel, a cooperativa xurdida no seo da entidade en 1990 e encargada de envasar e comercializar a produción dos socios.
A cooperativa Erica Mel está formada por 265 socios de AGA
As discrepancias xurdiron ao longo do 2021 sobre a implantación do proxecto A Botica das Abellas para a creación dunha nova liña de produtos derivados do mel encamiñados ao fortalecemento do sistema inmune en colaboración co Enredo do Abelleiro e continuaron en relación á xestión do Centro de Divulgación do Queixo e do Mel de Arzúa posto en marcha a través dun convenio entre AGA, Erica Mel e o Concello de Arzúa no ano 2008. As diferenzas quedaron patentes no derradeiro Consello Apícola da entidade, celebrado o pasado 17 de xaneiro, e que levou á dimisión da meirande parte da Xunta Directiva, entre eles o vicepresidente de AGA e presidente de Erica Mel, Manuel Gutiérrez, así como do ata entón voceiro de AGA, Xesús Asorey.

Programa do Día do Apicultor

Dadas as circunstancias da pandemia da covid-19 no mes de xaneiro, este ano a celebración do Día do Apicultor, organizado por AGA, tivo que atrasarse para poder celebralo coas máximas garantías sanitarias. Terá lugar este sábado a partir das dez e cuarto da mañá na Polbeira de Santa María, en Arzúa, e incluirá dúas charlas técnicas sobre o control da vespa velutina e sobre a cría de raíñas.  Son dous temas de plena actualidade e vixencia no comezo da primavera, tanto o trampeo de raíñas velutinas e a súa valoración práctica, como os beneficios da cría de raíñas e da formación de núcleos nos apiarios, e serán impartidos por socios de AGA expertos nestas materias.  Palestras: 10:15 horas:
  • Presentación dunha trampa selectiva para cazar raíñas de Vespa velutina, por Enrique Rojo Rojo, veterinario de Chantada.
  • Debate sobre a necesidade e eficacia do trampeamento primaveral, por varios socios representativos desta técnica.
11:00 horas:
  • Beneficios da cría de raíñas e necesidade da formación de núcleos nos apiarios, por Marcos Varela Lorenzo (autor do libro Tratado do criador. Reprodución apícola).

Xornada online sobre manexo de masas vexetais para apicultura

A asociación forestal Frouma, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura e o Sindicato Labrego Galego, organiza este mércores ás 7 da tarde unha xornada online sobre a importancia das masas vexetais na apicultura. A formación será impartida por Xesús Asorey, Rebeca Vázquez e Diego Sánchez, que falarán da relación entre a abella e as plantas, que dá lugar aos distintos tipos de meles; do efecto dos pesticidas nas abellas; e do manexo das masas vexetais para a apicultura. As inscricións para seguir a xornada poden realizarse cubrindo o seguinte formulario

Estes son os mellores meles do 2021 no concurso “Mel 5 Estrelas”

O pasado 23 de novembro escolléronse en Arzúa os Meles 5 Estrelas colleitados polos apicultores e apicultoras galegos. O Concurso de Mel 5 Estrelas, organizado pola Asociación Galega de Apicultura, estase consolidando como un dos concursos de referencia no país, mantendo ano tras ano unha elevada participación, cunha gran diversidade nas mostras e un mel da máxima calidade. Entre eles foron seleccionados cinco meles como os mellores do 2021, que recibirán o selo “Mel 5 Estrelas” e serán promocionados durante un ano por feiras de toda Galicia. O III Concurso de Mel 5 Estrelas, organizado pola Asociación Galega de Apicultura, celebrouse este ano cunha elevada participación dos apicultores e apicultoras de Galicia. As mostras seleccionadas, que pasaron á fase final do concurso, foron sometidas a cata polo xurado, que estivo presidido por Amparo Pardo, xerente do Museo O Enredo do Abelleiro, e composto por André Arzúa, restaurador e xerente de Espazo Abella; Dolores Rodríguez, apicultora e socia de AGA; Joaquín Lozano, veterinario de AGA e Noela Torres, restauradora e técnica de AGA. Foron en total 63 mostras de mel, provintes das catro provincias, que participaron nas diferentes categorías: 20 como multifloral e 43 monoflorais, repartidas entre castiñeiro, queiroga, silva e mel de bosque, unha variada e completa representación de meles de todo o territorio galego. A categoría de eucalipto quedou este ano fora do concurso por non chegar ó mínimo de mostras necesarias. Os gañadores e gañadoras foron:

Multifloral:

1º premio: Mª Josefa Durán Casal, Monfero (A Coruña) 2º premio: Javier Roo Muradas, Beariz (Ourense) 3º premio: Iago Fernández Pena, O Valadouro (Lugo)

Mel de bosque:

1º premio: Amable Pérez Diz, Muiños (Ourense) 2º premio: Xabier Sotelo Fernández, A Pobra de Trives (Ourense) 3º premio: Miguel Morales Añel, Allariz (Ourense)

Monofloral de castiñeiro:

1º premio: Javier Carreiras Cuadrado, Alfoz (Lugo) 2º premio: José Luis Esteban García, Lugo 3º premio: José Antonio Pazos González, Laza (Ourense)

Monofloral de queiroga:

1º premio: José Luis Pérez Fernández, Navia de Suarna (Lugo) 2º premio: Andrés Pérez Costa, Cedeira (A Coruña) 3º premio: Iván Marrube Rodríguez, Alfoz (Lugo)

Monofloral de silva:

1º premio: David Souto Gago, Verín (Ourense) 2º premio: Iván González Álvarez, Monforte (Lugo) 3º premio: Diana Iglesias Laso, Baltar (Ourense) Os meles premiados en primeiro posto de cada categoría irán identificados cos selos “Mel 5 Estrelas”, para recoñecelos como os mellores meles do ano 2021. A Asociación Galega de Apicultura comprará ademais un lote deses meles a cada unha das persoas gañadoras, por un valor de 1.200 €, que destinará á súa promoción nas feiras e outros eventos apícolas que se realizan durante o ano por toda Galicia. Tamén se poñerán á venda a través da tenda online “Máis que Mel”, á que se pode acceder á través da web www.ericamel.gal.

Botes de fibra vexetal de caña de azucre, unha novidade para facilitar os envíos de mel

Un momento da feira de material apícola, con distintas tendas especializadas e casas comerciais presentes O coronavirus cambiou hábitos de consumo e de compra. Cunha poboación máis concienciada coa saúde, a demanda de produtos naturais coma os que producen as abellas aumentou, igual que o fixeron as compras a distancia. Pero os habituais tarros de cristal non se levan ben cos envíos e o transporte. Rachan, o produto derrámase e a experiencia de compra non é gratificante e non convida a repetila. Pero no mercado existen xa alternativas coma os botes de fibra vexetal de azucre, unha das principais novidades presentadas esta fin de semana en Arzúa dentro da Mostra Galega de Apicultura, unha cita de referencia que retomou a súa celebración logo dun ano sen facerse por mor do coronavirus.
A tendencia actual é envasar en plástico porque o cristal dá moitos problemas para os envíos
O presidente da Asociación Galega de Apicultura, Xosé Torres, foi o encargado de presentar os novos materiais dispoñibles para os envases de mel, un avance que vai facilitar as vendas por internet e os envíos a través de mensaxería con maior garantía e seguridade. Estes novos botes, que fabrica a empresa francesa Lys Packaging, están feitos de fibra vexetal, polo que ademais de absorber posibles golpes ou impactos, son biodegradables.
Os novos tarros, fabricados a partir de caña de azucre, son biodegradables e non rompen
"A tendencia actual é envasar en plástico porque o cristal dá moitos problemas para os envíos. Pero agora con este novo material temos unha alternativa ao plástico. En apariencia estes novos envases de fibra de azucre semellan cristal e son igualmente transparentes pero non rompen. Nós xa os probamos e funcionan. Estamos pensando mesmo deseñar un envase propio personalizado", explica Xesús Asorey, voceiro de AGA.
Este novo material non resiste altas temperaturas, polo que non é posible pasteurizar o mel, algo que xa non permite a IXP Mel de Galicia
Este tipo de material non resiste altas temperaturas, polo que non podería empregarse para outros produtos, como conservas ou marmaladas que precisen ir ao autoclave, mais no caso do mel, dado que a IXP Mel de Galicia non permite a pasteurización do mel, adaptaríanse ben para a súa utilización no canto dos tarros de cristal. "Se non se pasteuriza o envase non ten problema, non se pode quentar a 75 grados, pero 40 ou 45 resísteos perfectamente", indican desde AGA tralas probas realizadas na envasadora da cooperativa Erica Mel. Lugar de encontro e formación para os apicultores galegos A pandemia obrigou a medidas extraordinarias como control de aforo e celebración das actividades ao aire libre A presentación deste tipo de novidades e innovacións referentes ao mundo das abellas compatiu protagonismo a fin de semana en Arzúa coa formación técnica en aspectos como a sanidade apícola, a reprodución e alimentación das colmeas ou a loita contra a vespa velutina, ademais doutras actividades como a feira de material apícola ou as catas e demostracións de elaboración de produtos a base de mel.
O Foro de Apicultura reuniu durante o sábado e o domingo a 200 produtores de toda Galicia
Coma sempre, un dos puntos fortes foi unha vez máis o Foro de Apicultura, que reúne a produtores de toda Galicia. Esta 36 edición da Mostra celebrada en Arzúa estivo condicionada polas medidas que impón a covid-19, como o control de aforo e a inscrición previa, que obrigou a unha menor afluencia e a celebrar actividades de pequeno formato baixo unha fórmula novidosa, a das ponencias e charlas ao aire libre nunha serie de pequenas carpas habilitadas ao efecto para que en ningún momento se xuntaran máis de 20 persoas. Polas distintas carpas foron pasando especialistas nos distintos campos, coma Fina Gonell que falou da alimentación artificial das colmeas; Marcos Varela, especialista en reprodución e cría de raíñas; ou Antonio Pajuelo, experto en sanidade apícola, que centrou a súa ponencia na varroa.
O vindeiro 17 e 18 de xullo estréase a ruta de apiturismo do Courel
Outro dos puntos fortes foi o Foro de Apiturismo, onde foron presentadas as 7 rutas que amosan o patrimonio apícola galego. "Temos unha apicultura antiga que os que vivimos aquí non valoramos, pero á xente que vén de fóra parécelle algo extraordinario, e desde AGA pensamos que é algo que hai que potenciar e poñer en valor para que non se perda, porque senón en poucos anos esta cultura do mel podería estar desaparecida", argumenta Xesús Asorey. Con este obxectivo este ano vaise estrear a ruta do Courel, cun primeiro roteiro a modo de ensaio a fin de semana do  17 e 18 xullo. Haberá un microbús gratuito para ir e os interesados poden anotarse a través da páxina web de AGA ou ben chamando ao teléfono 981508142. Velutina: ningunha solución definitiva Ponencia de Sandra Rojas sobre distintos métodos para a loita contra a vespa velutina A vespa velutina segue a ser na actualidade unha gran ameaza para as abellas e a apicultura. En Arzúa puideron verse distintos inventos e solucións para tratar de minimizar o problema, desde trampas e distintos tipos de atraíntes ás tradicionais arpas eléctricas, piqueiras e frontais antivelutina, etc. "Cada quen traballa coa súa fórmula e a súa teoría, o que quere dicir que hai parches e ideas pero que definitivo non hai aínda nada", afirma Xesús Asorey.
A loita contra a praga é moi limitada porque non hai coordinación no trampeo primaveral e só se ven e se retiran un 20% dos niños que realmente hai
"A maioría de apicultores son favorables ao trampeo primaveral, pero os científicos xa non o son. E o problema é que non hai coordinación, o trampeo lévano os Concellos, polo que se un trampea pero o do lado non o fai, a loita é moi limitada", recoñecen desde AGA, que considera que "non pode achacarse exclusivamente ao trampeo o feito de que haxa un descenso da presión de velutina nun lugar ou ano concreto, pois as condicións climáticas fan que varíe  a presenza dun ano para outro e mesmo hai microclimas locais que favorecen máis ou menos a presenza da praga". A eliminación de niños por parte da Xunta tampouco resolve o problema, posto que só se ve o 20% dos niños que realmente hai, segundo un estudo francés. Mortandade inasumible Unha das charlas de formación sobre sanidade apícola con expertos como Antonio Pajuelo O principal problema neste momento en materia de saúde das abellas segue a ser a varroa. O control deste ácaro que parasita tanto nas abellas adultas como na cria, resulta fundamental para a supervivencia das distintas colonias do apiario, dado o nivel de reinfectación que se produce habitualmente entre unhas colmeas e outras.
A varroa segue a ser a día de hoxe o principal problema en materia de sanidade apícola e dificulta a produción en ecolóxico
A fin de semana en Arzúa estivo presente Véto-Pharma, que é na actualidade a única empresa a nivel europeo que se adica a investigar só en abellas. Até agora tiñan produtos como Apivar e agora están centrados na desparasitación das abellas en base ao ácido exálico ou fórmico, dado que os tratamentos convencionais contra a varroa dificultan a produción en ecolóxico. A grande mortandade que na actualidade se dá nas colmeas, con niveis que rondan entre o 30 e o 40% anual, está a obrigar aos apicultores a recurrir á reprodución para cubrir baixas. "A semana pasada os países da UE chegaron a un acordo que fixa que máis dun 10% de mortandade non é aceptable. Agora o que hai é que poñer medidas sobre a mesa para que iso sexa real e ese límite se cumpra", reclaman desde AGA, que poñen o foco na redución dos praguicidas.
A alta mortandade, que se sitúa entre o 30 e o 40% anual, súplese con reprodución por parte dos apicultores
A aposta pola reprodución e multiplicación das colmeas está a permitir que no último ano o censo de colmeas en Galicia se incrementase de forma importante, pasando de 175.000 a 200.000. O número de apicultores tamén se incrementou, pasando de 3.700 a case 4.600 produtores, segundo os rexistros da Xunta, que inclúe á apicultura como o sector gandeiro máis rexuvenecido, cunha media de idade de 41 anos, fronte a outros como o vacún de leite, onde a idade media dos titulares das explotacións se aproxima aos 60 anos. Cambio climático Novas colmeas e núcleos de polispán de alta densidade, que axuda a manter a temperatura da colmea "Hai interese e relevo xeracional pero a produción por colmea está baixando de maneira alarmante", matizan desde AGA, A media está na actualidade entre 12 e 15 quilos por colmea, a metade que hai 20 anos. "A produción está baixando, os tres últimos anos en picado. Está claro que o cambio climático e os plaguicidas está afectando á produción", asegura Xesús Asorey.
A produción por colmea está baixando de maneira alarmante nos últimos tres anos
Este ano é un claro exemplo de climatoloxía adversa. No que vai de primavera e comezo de verán o frío e a chuvia reduciu ao mínimo as floracións e apenas deixou traballar ás abellas. "Con esta climatoloxía tan irregular hai uns picos de serra que fai que o que as abellas xuntan unha semana teñen que comelo na seguinte. A día de hoxe o panorama de mel deste ano é catastrófico, pero as abellas son incribles e as colmeas poden aínda ser capaces de recuperarse", agardan. Alimentar ou non alimentar? Un momento da ponencia de Fina Gonell sobre alimentación suplementaria de colmeas Neste contexto de tempo cambiante e estacións meteorolóxicas irregulares, cobra importancia a alimentación suplementaria das colmeas. Con todo, é unha práctica pouco estandarizada e que se usa en moitos casos sen un criterio claro.
A climatoloxía irregular provoca picos de serra e o que as abellas producen unha semana teñen que comelo na seguinte. A día de hoxe o panorama de mel deste ano é catastrófico
"Hai moito desbaraxuste e descoñecemento do que hai que facer en cada momento. O mel ten que seguir sendo das flores porque senón non é mel, polo que de alimentar hai que facelo no outono, despois de sacar o mel, para que as abellas queden con reservas dabondo para pasar o inverno, pero na primavera debe ser a natureza a que dicte sentenza, moitas veces o apicultor o que pode facer é enganar á abella e é peor o remedio que a enfermidade", aseguran os expertos que interviron a fin de semana en Arzúa.

Demandas dos apicultores: un laboratorio de análises en Galicia e promoción en Europa

Actividades infantís dentro da Mostra Galega de Apicultura desta pasada fin de semana Os novos envases de fibras vexetais permitirían a exportación de forma máis sinxela do mel galego envasado e etiquetado en orixe no canto de a granel, como acontece en moitos casos na actualidade. En Galicia prodúcense, nun ano normal, uns 2 millóns de quilos de mel. Do total da produción, máis ou menos a metade, en torno a un millón de quilos, destínase ao mercado local, tanto a través da venda directa por parte dos apicultores como a través de tendas de proximidade. O resto véndese en circuitos máis longos, tanto no mercado español como europeo, pero só unha parte del vai envasado.
É unha mágoa que cada ano medio millón de quilos de mel marchen a granel de Galicia cara a Alemaña para ser mesturar con outros meles
"Estímase que cada ano medio millón de quilos de mel producido en Galicia marcha a granel para Alemaña para ser mesturado con outros meles e iso é unha mágoa", asegura Xesús Asorey. Por iso, desde AGA fixeron á Xunta de Galicia unha proposta para que unha parte dos novos fondos Next Generation que virán da Unión Europea para a recuperación económica trala pandemia da covid-19 se destinen a unha campaña de promoción forte do mel galego en Europa que lle permita abrir novas portas e chegar a novos mercados.
AGA propón facer unha promoción forte do mel galego en Europa durante tres anos con fondos Next Generation
"Contamos con unha IXP e os nosos meles están a ter unha moi boa valoración a nivel internacional en todos os concursos aos que se presentan. Todo iso é moi importante pero fáltanos promocionar ben o mel galego, que é un mel de moita calidade", defende o voceiro de AGA. Enviando as mostras a analizar a Granada Para a venda en circuitos máis longos, é moi importante contar con distintivos de calidade como é a IXP Mel de Galicia, pero a falta dun laboratorio público de referencia en Galicia está a obrigar ás envasadoras existentes a enviar as súas mostras de mel fóra da comunidade para garantir os criterios de trazabilidade e seguridade alimentaria no envasado.
Nós temos que enviar as mostras a analizar a Granada cando é un servizo que se podía dar aquí no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal que a Xunta ten en Lugo
"Temos a necesidade de contar en Galicia cun laboratorio para analizar o mel que se produce na comunidade. No noso caso, temos que mandar as mostras a Granada e iso é moi caro e non é operativo nin viable, cando é un servizo que se debera dar aquí. En Lugo hai un Laboratorio público dependente da Xunta que conta coa tecnoloxía axeitada para facer estas análises, só falta dotalo de persoal", reclama Xesús Asorey. Iso serviría para dar "tranquilidade ás envasadoras e trazabilidade ao consumidor", di.

Mostra Galega de Apicultura esta fin de semana en Arzúa

Unha das charlas formativas impartida nunha edición anterior da Mostra Galega de Apicultura antes da covid-19 Esta fin de semana, en concreto os días 3 e 4 de xullo, celebrarase en Arzúa, na sede do Centro do Queixo e do Mel e na carballeira anexa, a 36ª Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), que se centrará nun foro de apiturismo e máis nun foro formativo de apicultura, á parte da exposición e do visionado do vídeo sobre o apiturismo e o control da velutina, a exposición Máis que Mel!, a feira de material apícola e as visitas ao Enredo do Abelleiro. No Foro de Apiturismo haberá palestras sobre as distintas rutas de apiturismo a cargo de estudosos e especialistas na materia. Así, o sábado tratarase o apiturismo na Serra do Candán, na Costa da Morte, no Courel e na Serra do Xurés, e o domingo nos Ancares, na Ribeira Sacra, así como o patrimonio cereiro de Galicia.
Todo o programa está organizado tendo en conta as circunstancias que impón a covid-19, sendo necesario inscribirse previamente
En paralelo, desenvolveranse actividades propias da 36ª Mostra Galega de Apicultura, dentro da cal se celebrará o Foro de Apicultura 2021, por medio do Plan de Formación ao Agro Galego da AGACAL e financiado con fondos Feader. Todos os actos serán presentados polo actor e apicultor Avelino González e o xantar campestre será amenizado polo Mestre Cociña e o seu acordeón. Así mesmo, tamén haberá unha carpa para a xente miúda. Todo o programa está organizado tendo en conta as circunstancias especiais que impón a covid-19, sendo necesario inscribirse previamente na páxina de AGA para participar nas distintas actividades. Para o sábado o aforo está xa completo e só quedan prazas libres para o domingo.  Formación e novidades técnicas As accións formativas terán lugar ao aire libre en dez carpas instaladas tanto no Parque dos Polinizadores coma na carballeira lindante. Ao igual que o resto do progama, está organizado tendo en conta la situación de pandemia sanitaria.
As palestras sobre apicultura terán lugar ao aire libre en 10 carpas habilitadas
Tamén haberá carpas para a cata de meles IXP Mel de Galicia e a degustación de Meles Cinco estrelas de AGA, así como elaboracións. Na carpa de Máis que Mel!, disertarase coas persoas asistentes sobre a própole e o pole. E nas outras carpas trataranse temas de interese como a reprodución das abellas, a alimentación natural e complementaria das abellas, a sanidade apícola, o control do tártago Vespa velutina desde o punto de vista práctico e científico, a produción ecolóxica e as innovacións apícolas. Roteiros de Apiturismo En Galicia, arredor do mundo das abellas, desenvolveuse unha actividade milenaria, da que dan boa conta unha morea de construcións, denominadas alvarizas, alvares, oseiras, abelleiras ou cortíns, que xa forman parte da contorna paisaxística e do acervo cultural do noso pobo. A Asociación Galega de Apicultura (AGA) conta cun Programa de Apiturismo en toda Galicia, que permite realizar as visitas a estas paraxes de interese apícola, xa sexa de xeito individual ou en grupo, logo dunha solicitude na oficina central de Arzúa.
Este programa de turismo cultural e de natureza ofrece visitas a paraxes de interese apícola de distintas zonas de Galicia
Este programa de turismo de natureza e cultural ofrece visitas á apicultura de montaña dos Ancares e O Courel, á apicultura heroica da Ribeira Sacra, á apicultura de muros e lacenas da Costa da Morte e á apicultura con teitos de palla da Serra do Xurés, entre outros, así como aos sonados lagares, ás pías e ás eiras da cera das provincias de Pontevedra e Ourense.

Distincións 'Corenta anos facendo camiño'

O domingo día 4, ás 13.30 horas, entregaranse as distincións de AGA Corenta anos facendo camiño, que recaerán nas seguintes institucións e persoas: 1.- Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, polo seu apoio ao Programa de Apiturismo da Asociación Galega de Apicultura, con sete rutas de apiturismo postas en funcionamento no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. 2.- La Voz de Galicia, pola abundante información sobre a Vespa velutina nas súas páxinas desde a aparición desta praga para a apicultura. 3.- Concello de Allariz, pola cooperación con AGA na creación da Escola Galega de Apicultura. 4.- Concello de Arzúa, pola súa colaboración con AGA e Erica Mel desde a súa instalación nese concello. 5.- Concello de Oleiros, pola organización anual da afamada Feira do Mel. 6.- O Enredo do Abelleiro, Portodemouros, Arzúa, pola participación con AGA na elaboración do Concurso de Meles Cinco Estrelas. 7.- Irmáns Santiago e Ramón Leiras Pértega, polo seu traballo a prol da DAGA de Mondoñedo.

Programa completo: