Archives

Campaña de sidra 2021 en Galicia: altas producións e de calidade

Coa campaña de recollida da mazá de sidra xa rematada, Galicia pecha unha das mellores colleitas dos últimos anos, aínda que con certa disparidade entre as diferentes zonas produtoras. Así, para comarcas como A Estrada, un dos referentes na produción galega de mazá de sidra, esta foi mellor campaña que a do 2019, cando lograran uns moi bos rendementos. Mentres, en zonas da Coruña e Lugo, as xeadas reduciron en parte a colleita agardada. Do mesmo xeito que os produtores, tamén dende a fábrica Custom Drinks, asentada en Chantada (Lugo), e principal destino da produción de mazá galega, en especial da ecolóxica, aseguran que se tratou dunha campaña moi boa. “Non foi de récord, mais sitúase entre as mellores. Houbo cantidade e moi boa calidade”, valora José Luis Olmedo, responsable de Innovación da fábrica chantadina, propiedade de Hijos de Rivera.
“Non foi unha campaña de récord, mais sitúase entre as mellores. Houbo cantidade e moi boa calidade”: José Luis Olmedo, Custom Drinks
Hai varios factores detrás destas boas producións: É un ano impar, ano de carga e de recuperación da colleita, logo de que o ano pasado a vecería reducise considerablemente a cantidade de mazá. Os pomares atópanse nun bo estado sanitario, sen case incidencia dalgunhas das pragas habituais como o verme da mazá. Ademais as condicións meteorolóxicas deste ano contribuíron a que o froito chegase ó final da campaña en moi boas condicións e se lograsen boas producións.

Comarca de Tabeirós

Na Estrada, unha das principais comarcas produtoras de mazá de sidra en Galicia, este ano lograron unha moi boa colleita. Dende a cooperativa Ullama, a principal cooperativa de mazá de sidra da Estrada, cuxa produción é toda ecolóxica, destacan que este ano conseguiron mellores producións que as do 2019.
“Cada ano imos incrementando a produción, a maior parte deles son maceiras novas que aínda están chegando ás cifras agardadas”: Miguel Soto, técnico de Ullama
Pecharon a colleita na primeira quincena de novembro cuns 850.000 quilos de mazá recollidos na cooperativa. En toda a comarca de Tabeirós producíronse preto de 1,5 millóns de quilos, dos que uns 200.000 quilos son de mazá en convencional e o resto corresponde a pomares en ecolóxico. “Cada ano imos incrementando a produción, a maior parte deles son maceiras novas que aínda están chegando ás cifras agardadas”, explica Miguel Soto, técnico de Ullama.

Provincias de Lugo e A Coruña

Dende a Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal) recoñecen que esta foi unha boa campaña, pero apuntan a que está por debaixo das cifras que manexaron no 2019. Así, estiman que recolleron un 20% menos que aquel ano.
“Aínda hai moitas plantacións nas que non se valorou a incidencia das xeadas, a pesar de que é determinante á hora de escoller a parcela para un pomar”: Francisco Otero, Afrugal
Nesta colleita comercializaron uns 500.000 quilos de mazá a través da cooperativa Cabrinfolla, deles uns 250.000 quilos proceden de pomares en ecolóxico. “Este ano nos concellos de Xermade e Vilalba moitos pomares quedaron machacados polas xeadas”, explica Francisco Otero, presidente do colectivo. “Aínda hai moitas plantacións nas que non se valorou a incidencia das xeadas, a pesar de que é determinante á hora de escoller a parcela para un pomar”, explica o especialista na produción de mazá.

Conseguir contratos homologados

Os produtores están a buscar selar coa industria novos contratos homologados, similares ós que se estipulan para o viñedo, que poidan ofrecerlle estabilidade e maiores garantías. “Buscamos contar con contratos que garantan a recollida e que os prezos se axusten á situación do mercado, xa que no sector primario estamos vendo que todos os custes están a subir”, explican dende Ullama. Nesta campaña os prezos en Galicia mantivéronse nos 0,30 euros para o quilo de mazá ecolóxica, un prezo que os produtores galegos ven preciso subir, dados os coidados e limitacións que ten este tipo de produción. Mentres, as mazás en convencional estaban nos 0,24 euros o quilo. Ademais da mazá que se vende en Galicia, case a metade da produción galega ten como destino Asturias, onde os prezos foron máis elevados, aínda que tamén hai que ter en conta os custos do porte que asumen os produtores e que tentan reducir con envíos agrupados, que fan máis rendible a venda.
Os produtores buscan contar con contratos que lle ofrezan estabilidade e garantías de recollida
Dende o sector reivindican a necesidade de comezar a valorar as distintas variedades e calidades no prezo que se lle paga ó produtor. “Se o mercado marca diferencias para incrementar a calidade, dende as cooperativas tamén podemos comezar a traballar naquelas liñas que teñan maior interese”, valora Otero. Na Estrada, este ano xa realizaron unha colleita máis selectiva, diferenciando por variedades para lograr coller a mazá no momento óptimo, comezando a recollida polas variedades máis delicadas.

Sen case incidencia de pragas

Nos últimos anos estase vendo un incremento tanto dos pomares en ecolóxico como da demanda desta mazá. En Custom Drinks, principal industria especializada na elaboración de sidra en Galicia, están a facer unha clara aposta por esta mazá para a produción da súa sidra Maeloc. “Nesta campaña, máis do 70% da mazá que procesamos era ecolóxica. Estamos a ver os resultados dos esforzos por conseguir que os produtores apostasen por este modelo de xestión dos pomares, máis respectuoso co medio ambiente”, detalla Olmedo. Á marxe da incidencia das xeadas e a inestabilidade do verán, que fixo que as primeiras mazás fosen máis baixas de azucre, como detallan na industria, houbo unha campaña con moi boa calidade. O tempo solleiro do mes de outubro e novembro propiciou que as mazas non caeran antes de tempo e mesmo que o azucre se incrementase. Ademais, propiciou que os traballos se levasen a cabo en mellores condicións, sen ter que realizar as recollidas pasadas por auga.
Este ano o verme da mazá non foi problema en Galicia. Case non houbo danos e os ataques conseguiron atallarse con rapidez
Os pomares atopábanse nun moi bo estado sanitario esta campaña e mesmo houbo una menor afección dalgunhas das pragas habituais da mazá como o verme, provocado pola Cydia Pomonella, unha bolboreta que realiza as súas postas entre lusco e fusco nos días en que a temperatura se mantén por encima dos 15 graos. “Este ano o verme da mazá non foi problema en Galicia. Case non se produciron danos e só houbo ataques puntuais que se conseguiron atallar moi rápido”, explica Francisco Otero, quen se encarga de coordinar as tarefas de seguimento da incidencia da praga en colaboración tanto coa industria como coa Consellería de Medio Rural. De feito, teñen unha rede de trampas para comprobar a presenza deste insecto en doce puntos das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. A primavera fresca motivou que este ano a incidencia desta bolboreta fose case nula. “En 12 anos, esta foi a primeira vez que tivemos unha presenza tan baixa”, detalla Olmedo. Dos 300 exemplares que adoitaban recoller habitualmente nas trampas de Sada ó longo da tempada, que se prolonga entre os meses de abril ata setembro, este ano non chegaron nin a recoller unha cuarta parte de insectos. “Agora estamos expectantes para ver como se desenvolve a próxima campaña e se realmente ó non se realizar tantas postas tamén é menor a incidencia e a presencia do verme da mazá aínda que as condicións lle poidan ser máis favorables que nesta campaña”, valora Otero.

Colleita de mazá de sidra 2020, balance de produción e prezos

Os anos pares seguen a ser sinónimo de baixas producións en boa parte dos pomares galegos. Coa colleita de mazá de sidra recén comezada, as previsións afástanse dos 9 millóns de quilos do ano pasado. “Contamos ter arredor dun 40% menos do que conseguimos na campaña de 2019”, explica Francisco Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), unha entidade que agrupa a máis de 30 produtores, sobre todo das provincias de Lugo e A Coruña.
“Contamos ter arredor dun 40% menos do que conseguimos na campaña de 2019”, (Francisco Otero, Afrugal)
En comarcas coma A Estrada, unha das zonas con maior tradición deste cultivo, as previsións seguen na mesma liña que amosan dende Afrugal. Agardan recoller arredor duns 500.000 quilos de mazá nas preto de 100 hectáreas de maceiras. Na cooperativa Ullama, a principal cooperativa de mazá de sidra da Estrada, cuxa produción é toda ela ecolóxica, prevén recoller uns 300.000 quilos. “A primavera foi moi mala e a seca tan grande que houbo no verán fixo que as maceiras tiraran a froita, un mecanismo de protección da propia árbore, para evitar secar”, explica Miguel Soto, técnico de Ullama.

Primeiras entregas

A recollida de mazá comezou xa en plantacións da zona de Lugo e Pontevedra, onde produtores con variedades máis temperás empezaron a recollida. “Nalgunhas zonas había xa mazá no chan, o que fixo que iniciasen a colleita”, concretan dende Afrugal. “A campaña iniciouse con entre 10 e 14 días de adianto con respecto doutros anos”, sinala Otero.
A campaña iniciouse con case 15 días de adianto con respecto doutros anos
Esta mesma semana, dende a cooperativa Ullama enviaban o primeiro tráiler de mazás para a planta procesadora Custom Drinks, situada en Chantada, propiedade de Hijos de Rivera. Esta sidrería está a ser o principal destino da produción de mazá actual de Galicia. Esta semana iniciaron a recollida de mazá cos grandes produtores tanto de Ullama como de Afrugal e a vindeira semana teñen previsto comezar a recibir mazá de produtores máis pequenos. A mazá galega tamén remata nas sidrerías asturianas, que este ano agardan ter moi pouca colleita, co que iniciaron as pescudas en Galicia con varios meses de antelación. Así, mentres que outros anos os compradores asturianos chegaban á comunidade a mediados deste mes, unha vez iniciada a recollida en Asturias, este ano xa nos meses de verán visitaron pomares galegos ante as perspectivas de que a colleita ía ser escasa. Xunto coas grandes sidrerías, pouco a pouco comezan a afianzarse proxectos de elaboración de sidra artesanal en distintas zonas da comunidade, boa parte deles cunha produción propia e maioritariamente en ecolóxico.

A pegada do Covid-19

A pandemia do coronavirus tamén está a deixar a súa pegada na campaña de recollida da mazá e obriga a tomar medidas preventivas para evitar contaxios, tanto na recollida da mazá nos pomares como nas entregas nas fábricas. “Estamos adaptándonos á nova situación, tomando medidas moi rigorosas para controlar os accesos á planta”, detalla José Luís Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Investimentos Corporativos SL. Ó mesmo tempo, ó ser un ano de menor produción, isto estalles permitindo ter un fluxo de entrada da mercadoría máis tranquilo, o que lle facilita adoptar as medidas preventivas.
A paralización da hostalaría deixou á fábrica de Chantada cunha maior cantidade de sidra ó comezo da campaña
O parón de 3 meses na hostalaría e a redución das vendas durante este ano por causa do coronavirus fixo que nestes momentos se atopen con maior cantidade de sidra na fábrica do que cabía agardar. “Nunca nos atopáramos cun parón destas dimensións, no que as vendas se paralizasen por completo, polo que agora toda a nosa rede comercial está facendo un importante esforzo para darlle saída á produción que temos”, apunta Olmedo. A estacionalidade da produción da mazá de sidra en Galicia motiva que na sidrería, igual que noutras plantas, traballen sempre cun certo marxe para garantir o subministro. Con todo, polo momento, pese a contar con stock de sidra están a mercar a mesma mazá que tiñan previsto. “A día de hoxe non lle dixemos a ningún produtor que non queríamos mazá. Estamos a mercar todo o que tiñamos previsto, para non quedar desabastecidos en canto a demanda se reactive”, explica Olmedo.
“A día de hoxe non lle dixemos a ningún produtor que non queríamos mazá”, (José Luís Olmedo, Custom Drinks)
Os prezos tamén parecen manterse, por agora, similares ós da campaña pasada. Mentres a mazá en ecolóxico se sitúa nos 0,30 euros, a producida en convencional págase entre os 0,22 e 0,24 euros o quilo. “Sobre a mesa estivo a idea de baixar os prezos pola situación do coronavirus e a baixada das vendas, pero decidimos facer un esforzo grande por manter os prezos para os nosos produtores, porque temos que seguir remando todos na mesma dirección para tentar remontar esta situación”, indican dende Custom Drinks. No caso dos compradores asturianos o prezo medio sitúase entre os 0,29 e os 0,30 euros. Porén, algúns pequenos produtores detectaron máis dificultades para vender a súa produción, pese a ser ano de poucas mazás e mesmo apuntan a que os prezos baixaron ata os 0,21 euros en convencional. A pandemia do coronavirus tamén está obrigando a extremar as precaucións na recollida da mazá. A reorganización das cuadrillas en grupos máis reducidos, así como a fixación dun protocolo na recollida para reducir o contacto entre o persoal ó mínimo ou a realización das probas do coronavirus ó persoal que participa na recollida foron algunhas das medidas adoptadas pola cooperativa Ullama.

Os coidados do pomar

O sector tamén comeza apostar pola mecanización dos traballos de recollida, incorporando maquinaria como a que se emprega noutras zonas cunha fonda tradición na produción de mazá para a sidra. Ó mesmo tempo, os produtores empezan a ver a necesidade de incorporar sistemas de rego nos pomares ante as secas que están condicionando a súas producións. Así, este verán produtores da Estrada optaron por realizar regas con cisternas para evitar maiores danos nos pomares. “Os produtores que barallen plantar maceiras deben comezar a ter en conta que teñan posibilidade de regalos, xa que os pomares máis novos son os que máis sofren as consecuencias das secas, os máis vellos van resistindo mellor”, recomendan dende Ullama. Pola súa banda, dende Afrugal insisten na importancia de realizar aclareos nas plantacións e regular a produción mediante podas e un control da floración para conseguir ter unha produción máis regular, sen tanta variedade entre os anos pares e os impares. “Hai xente que xa o está conseguindo. Mesmo hai produtores en zona do interior, sen unha tradición froiteira, que non están a ter esa diferencia dos anos pares ou que invertiron a tendencia, conseguindo maior produción nos anos pares”, explica Otero.
O conselleiro de Medio Rural, José González, visitou esta mañá un pomar na Estrada.

Polígono agrario para produción de mazá en Tabeirós-Terra de Montes

Por outra banda, a Xunta ultima a creación dun polígono agrario para impulsar a produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Así o afirmou o conselleiro de Medio Rural, José González, durante a visita que realizou esta mañá a unha plantación da Estrada para coñecer a recollida de mazá e reunirse coa Asociación de Sidreiros da Estrada. O conselleiro sinalou que se está a traballar na mobilización de máis terras para que se poidan aproveitar para a plantación de maceiras. González apuntou que “toda a comarca reúne unhas condicións agronómicas idóneas para estas froiteiras. Interesa moito mobilizar terra para un produto que xa ten a súa venda asegurada”.
O primeiro polígono para maceiras de sidra conta cunhas 100 hectáreas e localízase en Cerdedo-Cotobade
O titular de Medio Rural concretou que teñen xa localizado un primeiro polígono para maceiras para sidra dunhas 100 hectáreas en Cerdedo-Cotobade, mentres que na Estrada están a buscar outras localizacións. González enmarcou a iniciativa na estratexia de mobilización de terras que está a levar a cabo a Consellería de Medio Rural, recuperando parcelas abandonadas ou infrautilizadas para incrementar a súa capacidade produtiva. Neste senso están traballando tamén en polígonos para o viñedo nas 5 denominacións de orixe, para pasteiros en Cualedro (Ourense) ou para a plantación de cereal na IXP Pan Galego así como para horta e ganderías en Curtis (A Coruña). Na súa visita, González tamén comprobou de primeira man a mecanización dos traballos de recollida da mazá pola que están apostando xa algúns produtores na Estrada. O conselleiro destacou non só a mecanización da recollida, senón tamén a aposta pola produción ecolóxica que proporciona maior valor engadido.

A plantación de Narón na que se acadou o récord de colleita de mazá de sidra: 45 toneladas por hectárea

Nas plantacións de mazá de sidra os anos impares son sinónimo de abundancia, mentres os pares a produción adoita ser máis reducida. Pese a ter iso moi presente, Rubén Ramos Ramos recoñece que a colleita do ano pasado foi mellor do agardado e contaron cunha moi boa produción ó acadar máis de 45 toneladas por hectárea de media. Nas 2 hectáreas que ocupa a plantación no concello coruñés de Narón recolleron uns 95.000 quilos de mazá. “Hai que ser moi consciente de que non tódolos anos van ser así, este ano a ver se conseguimos chegar polo menos á metade”, recoñece o produtor.
Na última colleita, nas 2 hectáreas que ocupa a plantación recolleron uns 95.000 quilos de mazá
O obxectivo no que traballa Rubén é conseguir unha media bianual de 35 toneladas por hectárea. As cifras manexadas o ano pasado acercan máis esa meta. “Unha boa plantación a pleno rendemento debería poder lograr esa produción de media cada dous anos”, indica. Porén, ata chegar aquí recorda que hai un longo traballo no que os primeiros anos apenas se conseguen beneficios. “De toda a xente que veu visitar a plantación porque estaba interesada en facer un pomar, creo que ningún se decidiu a facela, posto que os 3 primeiros anos dá moito traballo e gastos, sen case ingresos. Hai que estar convencido de querer facela”, aclara o colleiteiro.

Asesoramento e formación para comezar

A plantación realizouna, xunto cun socio, no ano 2012, logo de participar nun curso organizado polo Concello de Narón e impartido polo enxeñeiro agrónomo e presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), Francisco Otero Otero. “Foi un curso moi completo que se prolongou durante todo o ano e no que fomos vendo os coidados que requiría a plantación en cada etapa”, rememora o produtor. Logo desta formación optou pola plantación de mazá de sidra, xa que se axustaba máis ó que procuraba ó requirir menos mantemento que os pomares dedicados á mazá de mesa. “Eu xa contaba cunha pequena finca con maceiras, pero decidímonos a buscar unha parcela na que dispor dunha plantación profesional”, detalla. Conseguiron alugar dous predios consecutivos a pouca distancia da súa vivenda, o que lle permite compaxinar a actividade co bar familiar que atende. “Para ser rendible economicamente tes que facer unha plantación mínima dunha hectárea”, explica Ramos.
Plantaron 1.200 maceiras de 5 variedades recoñecidas pola DO Sidra de Asturias
Plantaron unhas 1.200 maceiras de cinco variedades das recoñecidas pola Denominación de Orixe Sidra de Asturias. “Naquel momento decidímonos polas variedades asturianas que mellor se adaptaban á climatoloxía de Galicia en base ós resultados que se obtiveran nos campos de ensaio da Consellería e porque aínda non había moita información para optar polas variedades galegas”, detalla o produtor. Así, contan con maceiras semiácidas da caste De la Riega e Perico; outras dúas variedades ácidas: Raxao e Durona de Tresali, e unha caste ácida amarga, a Regona. “Unhas castes son máis sans ca outras, pero estamos contentos cos resultados que nos están ofrecendo. Adáptanse moi ben ás características de Galicia”, sinala Ramos. As chuvias do outono pasado dificultaron a recollida da gran cantidade de mazá que tiveron. As maceiras plantáronas nun marco de 6x3 metros e son árbores en patrón de nova xeración clonados de MM106. “Son maceiras moi resistentes a enfermidades e que entran en produción moi rápido”, detalla.

Os primeiros anos, os máis duros

Coa plantación acadando a plena produción, Rubén recorda como os primeiros anos son nos que se require maior traballo para conseguir formar os árbores. O labor de arqueado, básico para a produción, é unha das fases de maior traballo e máis importante, xa que condicionará os resultados que se terán e os danos nas árbores. Trátase de conseguir que as ramas formen un ángulo de 90 graos co tronco, polo que cada unha delas fíxase ó chan con arames. “De cada maceira terás que fixar 7 u 8 arames tensados para conseguir a forma que queres”, concreta o produtor. Con este proceso acometido nos primeiros anos de vida da árbore e realizado entre os meses de setembro a novembro, conséguese guiar a árbore e definir a estrutura que se adapta mellor para a produción de mazá de sidra. “Se o arqueado se fai correctamente conséguese que as ramas non rompan coa carga das mazás”, explica Ramos. Este ano as maceiras tiveron menos flor, polo que agarda unha produción máis reducida. Xunto con estes traballos, para definir a estrutura da árbore tamén realizan podas complementarias cada ano. “Estes patróns non son moi vigorosos, co que non acadan grandes alturas e non é preciso podar moito”, detalla. Nos traballos de mantemento da plantación tamén se inclúen o abonado, que recomenda realizar cada 2 anos para compensar as carencias que poida ter o solo. Acostuma aportar o cal que precise a terra, ó tempo que realiza un abonado a base de potasio e fósforo. A análise da terra e o aporte necesario para garantir bos resultados na produción da froita foi unha das primeiras accións que fixeron na plantación. “Ó principio pódese pensar que abonda con ter boas árbores e de boa raza para lograr boas producións, pero é fundamental coñecer as características dos solos para poder facer os aportes precisos, e iso foi o primeiro que fixemos”, concreta Ramos.
"É fundamental coñecer as características dos solos para poder facer os aportes precisos antes de plantar as maceiras"
Teñen a plantación cercada, para evitar os danos nas froiteiras, pero actualmente teñen algunha incursión da fauna salvaxe na parcela que, aínda que deixa evidencias, non causa perdas na colleita. “O xabaril ten zonas nas que entra e ten moi malladas e fozadas, pero non nos dana as árbores. Tamén os corzos entran, pero agora non causan danos”, detalla. Porén, nos primeiros tempos tiveron que colocar protectores para os roedores (similares ós que se empregan para os corzos, pero de menor altura), para facer fronte a unha sobrepoboación de coellos na zona que rillaba as maceiras. No inverno, tamén adoitan darlle algún tratamento fitosanitario para atallar a aparición de fungos. Acostuma empregar cobre e repetir a súa aplicación na primavera se detectan afeccións nas árbores. “Os 3 primeiros anos é cando máis coidados require tamén en canto a tratamentos fitosanitarios”, apunta Ramos.
O ano pasado as maceiras soportaron unha gran carga de mazás sen chegar a producirse danos nas árbores.

Cabrinfolla, clave na comercialización

A produción comercialízana a través da cooperativa Cabrinfolla, creada por asociados de Afrugal para poder comercializar a mazá e procurar alternativas para a súa transformación. A maior parte das mazás de sidra que chegan a Cabrinfolla destínanse ó mercado galego, onde un dos principais compradores é a fábrica Custom Drinks que Hijos de Rivera ten en Chantada (Lugo) e onde se elabora a sidra da marca Maeloc. Porén, algunha da produción galega tamén se destina a Asturias.
A maior parte das mazás que comercializa Cabrinfolla destínanse ó mercado galego
“Contar co apoio da cooperativa para comercializar a produción para nós resultou clave”, destaca o produtor. De feito, tamén agardan que a través da asociación poidan atallar outras dificultades que se lle presentan ós produtores como é lograr man de obra para a recolleita da mazá. “Algúns socios probaron xa sistemas de recolleita mecanizada, pero polo momento nós seguimos recollendo á man”, explica. Pese ós bos resultados que están colleitando xa na plantación, Rubén non baralla ampliar o pomar, xa que debe compaxinalo co bar que rexenta en Narón. Poren, recoñece que é unha actividade rendible e da que goza: “se tivera feito o curso sendo máis novo, había facer unha plantación máis grande e centrarme só nas maceiras”, conclúe o produtor.

Alertan da necesidade de tratar contra o verme da mazá

A Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) recomenda no seu aviso fitosanitario deste venres de que xa comezou a primeira xeneración do verme da mazá (C. pomonella) polo que é necesario realizar un tratamento.

Recomendacións: 

En maceiras de sidra en floración, debemos respectar esta época sen tratamentos a fin de protexer a actividade das abellas e demáis insectos polinizadores. Nas variedades nas que xa estamos en fase de caída de pétalos (estados H-I), debemos dar unha aplicación dun funxicida sistémico (curativo), xunto co que aplicaremos un insecticida se atopamos gromos afectados por pulgóns, tanto verde como cincento. É preciso recalcar, que debemos ter en conta a duración da efectividade do producto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto. Podendo suceder que un tratamento nunha semana cubra a súa efectividade durante dúas máis. Así en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa). Especial atención ás comarcas de A Estrada (Pontevedra) e Chantada (Lugo) xa que prevemos un ataque da primeira xeneración nos vindeiros días ( A Estrada entre o 23-24 de maio e Chantada os días 27-28 de maio.), polo que debemos aplicar un tratamento cun insecticida-larvicida. Recoméndase alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia. Recomendacións dos técnicos de AFRUGAL de insecticidas contra o verme da mazá: Produción Integrada: -Clorantraniliprol (ovicida + larvicida) -Fenoxicarb (ovicida + larvicida) Agricultura Ecolóxica: -Bacillus thuringiensis -Spinosad -Virus da granulopse da carpocapsa

Observacións:

Dúas variables meteorolóxicas, a temperatura e a humidade, marcan de maneira moi destacada a evolución dos parásitos que afectan á fruticultura. Nos últimos anos, están a darse temperaturas máis altas durante os meses de primavera e verán (este ano é un claro exemplo). Como consecuencia desto, prolongaron a súa actividade en varias semanas, o que provoca un aumento no número de xeneración e na intensidade dos danos. Horas de frío: As xemas, para sair do repouso necesitan unha cantidade específica de frío invernal que restaure a capacidade da xema para hincharse e medrar. Temperaturas por debaixo de 7ºC son as efectivas. Polo tanto, a duración media de repouso dunha determinade especie denomínase “necesidades de frío”. Este ano non acadamos a cantidade necesaria de horas-frío, polo que os síntomas que imos atopar serán: floración escalonada, perda de xemas, e polo tanto, disminución da colleita. Este desaxuste na floración provoca dificultade na polinización e que os froitos sexan de tamaño máis pequeno.

Coidados das maceiras durante estas semanas

A Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) ven de publicar o seu primeiro informe fitosanitario deste ano, no que fai unha analíse da situación sanitaria das maceiras e ofrece unhas recomendacións dos tratamentos e coidados a aplicar durante estas semanas.

Recomendacións: 

En maceiras que estén en estado fenolóxico igual ou anterior a C-C3 (orella de rato), podemos aplicar un tratamento funxicida a base de cobre que ten como finalidade previr os ataques de fungos cando a xema está a hincharse. Este sería o caso de casi todas as variedades sidreiras (agás De la Riega). En maceiras que superen o estado fenolóxico C-C3 e até o estado de botón rosa (E2-F)(todas as variedades de mesa), é imprescindible un tratamento preventivo cun funxicida de contacto, mellor que un funxicida sistémico, xa que no estado actual das maceiras, temos pouco desenrolo vexetativo, o que perxudica a absorción do mesmo. Este funxicida de contacto, pode ir unido a un insecticida que controlaría o ataque do pulgón cincento. En maceiras de mesa en floración, debemos respectar esta época sen tratamentos a fin de protexer a actividade das abellas e demáis insectos polinizadores. Nas variedades de mesa nas que xa estamos en fase de caída de pétalos (estados H-I), aplicaremos tamén un tratamento funxicida pero cun produto sistémico, xa que dispoñemos de máis superfície foliar. Recoméndase alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia. Confusión sexual en Cydia pomonella ou verme da mazá Debemos de proceder á colocación de difusores de fermona de Cydia pomonella (Verme da mazá), como método biotecnolóxico para o control desta praga, xa que se debe de colocar ao inicio do vóo para que sexa eficaz. Este método de loita consiste en dispoñer de numerosos difusores de feromonas distribuidos pola plantación. A feromona é a substancia química que emiten as femias para atraer aos machos. Ao poñer moitos puntos de emisión desta feromona, interfírese a comunicación entre machos e femias dificultando o encontro e, en consecuencia, os ovos non son fecundados. Observacións: As xemas, para sair do repouso necesitan unha cantidade específica de frío invernal que restaure a capacidade da xema para hincharse e medrar. Temperaturas por debaixo de 7ºC son as efectivas. Polo tanto, a duración media de repouso dunha determinade especie denomínase “necesidades de frío”. Este ano non acadamos a cantidade necesaria de horas-frío, polo que os síntomas que imos atopar serán: floración escalonada, perda de xemas, e polo tanto disminución da colleita. Este desaxuste na floración provoca dificultade na polinización e que os froitos sexan de tamaño máis pequeño.

Recomendacións dos técnicos de AFRUGAL:

Agricultura ecolóxica: Insecticida: Aceite de neem (azadiractina 1%). Funxicida de contacto: Polisulfuro de Calcio. Produción Integrada: Insecticida: Azadiractina 3,2% ou Flonicamid. Funxicida de contacto: Captam ou Mancozeb. Funxicida sistémico: Tebuconazol ou Metil-Tiofanato.

Estados fenolóxicos da maceira según Fleckinger:

O texto completo está disponible no seguinte enlace: http://fruticultoresgalicia.blogspot.com/p/informes-fitosanitarios-2020.html

Recomendacións para o coidado das maceiras nestes días

A Consellería de Medio Rural ven de publicar un novo informe fitosanitario no que ofrece unhas recomendacións para o coidado das maceiras durante estas semanas.

Mazá de mesa e sidra

As condicións meteorolóxicas cambiantes, con presencia de humidade relativa alta, xunto con brétemas e orballo, abócanos a unha situación de perigo respecto dos fungos (moteado e oidio), polo que se recomenda un tratamento a base dun funxicida de contacto (infeccións secundarias) que pode ir unido a un insecticida. O feito de ter superado o limiar de tolerancia  do verme da mazá (C. pomonella),  en todas as estacións, agás en Ribadeo, fai necesaria a aplicación dun tratamento insecticida-larvicida para esta plaga que está na primeira xeneración das dúas que ten no ano. No caso das Mariñas de Betanzos (Estación de Guísamo), xa está comenzando a segunda xeneración do verme (>600 grados/día), e tendo superado o limiar de tolerancia, cómpre aplicar un tratamento insecticida-larvicida durante esta semana. Para acadar unha boa actividade insecticida, é necesario efectuar a aplicación antes do nacemento das larvas, requerindo un coñecemento exacto do estado evolutivo da praga en cada parcela. Non obstante, os técnicos da Xunta lembran que naquelas plantacións de mazá de mesa (patróns EM-9), nas que teñamos presenza de Aphelinus mali, evitaremos tratamentos insecticidas para respectar a súa actividade contra o pulgón laníxero. Nas plantacións de mazá de sidra, non se nos dá esta problemática polo emprego de patróns resitentes a esta praga. É preciso recalcar, que debemos ter en conta a duración da efectividade do producto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto, podendo suceder que un tratamento nunha semana cubra a súa efectividade durante dúas máis. Así, en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa). Recoméndase: -Alternar materias activas co fin de evitar a aparición de resistencias. -Alternar substancias con diferente modo de acción. -Cumplir co número máximo de aplicacións que ten autorizadas cada produto. -Respectar con rigor os prazos de seguridade.

Recomendacións dos técnicos de Afrugal

Para combater o moteado e oídio, así como o verme da mazá, os técnicos da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal) recomendan: En maceiras en agricultura ecolóxica: -Insecticida: Aceite de Neem, spinosad, virus da granulopse da carpocapsa ou Bacillus thuringiensis. -Funxicida: Polisulfuro de calcio 18% (dose 2%) ou Polisulfuro de calcio 38% (dose 1,2%) Nas que están en produción integrada: -Insecticida: Clorantraniliprol 20%, Metil-clorpirifos. -Funxicida: Captan, Tiram ou Metiram

Recolección:

Estanse a recoller as variedades Ambassy, Lafayette e Initial. Respecto ó ano 2018, obsérvase un adianto na data de maduración duns 10-12 días.