Archives

Kergo Ozalid elixida Vaca Gran Campioa do Open Feiradeza 2023

Kergo Ozalid 6818 proclamouse esta mañá en Lalín (Pontevedra) como Vaca Gran Campioa do Open Internacional da Raza Frisoa, Feiradeza 2023, que se celebrou no Lalín Arena durante toda a fin de semana. O lugués, Bonet Cid, xuíz internacional de Conafe encargado de xulgar o certame, escolleu este animal como vencedora do Open Feiradeza entre outros motivos pola súa boa estrutura leiteira. O animal gañador é un exemplar procedente da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade (Lugo). Precisamente, minutos antes de ser escollida como mellor vaca, o gandeiro Abel Carballo Penas, propietario do animal, recibía a distinción como mellor manexador do concurso. A vaca Rey 946 Jacoby Mahendra da SAT Rey Miñotelo, da Pastoriza (Lugo), quedou como Reserva Gran Campioa do Open. Mentres, como vaca Gran Campioa de Feiradeza resultou gañadora Baroncelle Classic Rula, da gandería Rato, de Rodeiro (Pontevedra), que tamén na edición pasara acadara este premio con outro animal. Como vaca Reserva de Feiradeza resultou escollida Carballeiras Apply Whitney, un animal procedente da gandería lalinense SAT Carballeiras. Nesta 38 edición de Feiradeza participaron un total de 18 ganderías, todas elas galegas e boa parte da comarca do Deza, onde se asentan 9 das granxas. No concurso estaban inscritos uns 144 animais, aínda que finalmente non todos chegaron a entrar en pista por distintos motivos.  O sábado xulgáronse as seccións de xatas e xovencas.

Concurso de manexadores, xatas e xovencas

O certame de Feiradeza e o Open deron xa comezo o venres, co concurso de preparadores mozos de gando. Lorena Rodríguez Alvite, de Pol (Lugo) resultou a gañadora. En segundo posto quedou Xabi Montes Vilar, de Rodeiro (Pontevedra) e no terceiro posto situouse Simón Blanco Vázquez, de Dumbría (A Coruña). Na xornada do sábado foi quenda para os novos manexadores onde resultou campión Llorens Bosch Pons, como subcampión quedou Anxo Pérez Hermida e Claudia López García recibiu a mención de honra. Durante a xornada do sábado valoráronse ademais as seccións de xatas e xovencas. Rey 1085 Moovin Soly ET, de Rey de Miñotelo, foi elixida como Gran Campioa do Open Feiradeza 2023. Quedou na reserva Casa-Nova Motomami Mr Happen, da Gandería Carro SL, de Mesía (A Coruña). Na tarde do sábado celebrouse unha nova edición do concurso de manexo de tractores. Na tarde do sábado tamén se celebrou un novo concurso de manexo de tractores. Nesta demostración de habilidades coa maquinaria agrícola resultou como gañador Adrián Doval, veciño de Lalín que rematou o percorrido no menor tempo e sen tirar ningún obstáculo. Os tamén lalinenses Rubén Madriñán e Daniel González quedaron en segundo e terceiro lugar.

Premiados no resto de categorías de Feiradeza 2023

Sección xata Campioa Feiradeza 23

-Campioa: Carballeiras Moovin Concava. Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra) -Subcampioa: Baroncelle Ayden Daenerys. Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Sección xata Open

-Campioa: Casa-Nova Motomami Mr Happen. Gandería Carro (Mesía, A Coruña) -Subcampioa: Rey 1193 Haxl Zynal. SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo)

 

Sección xovenca Feiradeza 23

-Campioa: Carballeiras Hannas Lolita. Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra) -Subcampioa: Carballeiras Moovin Alicia. Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra)

 

Sección xovenca Open

-Campioa: Rey 1085 Moovin Soly ET. Sat Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo) -Subcampioa: Rey 1065 Thunderstorm Rosiña. Sat Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo)

 

Sección Mellor criador de xovencas Feiradeza 23

-Campión: Gandería Carballeiras (Lalín) -Subcampión: Gandería Rato (Rodeiro)

 

Sección Mellor criador de xovencas Open

-Campión: Gandería Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo) -Subcampión: Gandería Carro (Mesía, A Coruña)

 

Sección Xovenca Gran Campioa Feiradeza 23

-Campioa: Carballeiras Moovin Concava. Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra) -Reserva: Baroncelle Ayden Daenerys, Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Sección Xovenca Gran Campioa Open

-Campioa: Rey 1085 Moovin Soly ET. SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo) -Reserva: Casa-Nova Motomami Mr Happen. Gandería Carro (Mesía, A Coruña)

 

Sección Vaca nova Campioa Feiradeza 23

-Campioa. Baroncelle Classic Rula. Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra) -Subcampioa. Baroncelle Doorman Melania. Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Sección Vaca nova Campioa Open

-Campioa. Cundins Adele Moovin ET. Gandería Pistulario S.L. (Santa Comba, A Coruña) -Subcampioa. Casa nova Valan Doorman 1463. Gandería Carro. (Mesía, A Coruña).

 

Sección Vaca intermedia Campioa Feiradeza 23

-Campioa. Carballeiras Apply Whitney. Gandería Carballeiras. (Lalín, Pontevedra) -Subcampioa. Baroncelle Sidekick Princy. Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Sección vaca intermedia Open

-Campioa. Kergo Ozalid 6818. Gandería A Lagoa Serabel. (Xermade, Lugo) -Subcampioa. Rey 946 Jacoby Mahendra. Gandería Sat Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo)

 

Vaca en produción con lactación vitalicia de 65.000 quilos ou máis

1. Pozosaa Atwood 7128 Tamara. Gandería Casa Pozo. (Saa, Lugo) 2. Pozosaa Krusader 9450 Xela. Gandería Casa Pozo. (Saa, Lugo)

 

Mellor criador Feiradeza 23

Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra) Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra)

 

Mellor Criador Open

Gandería Carro (Mesía, A Coruña) Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Mellor descendencia de vacas

Casanova Electra Lamborgini. Gandería Carro (Mesía, A Coruña) Casanova Salma Crushabullet. Gandería Carro (Mesía, A Coruña)

O certame gandeiro Feiradeza celebrase este ano do 30 de xuño ó 2 de xullo

Lalín acollerá do 30 de xuño ó 2 de xullo a trixésimo oitava edición de Feiradeza, na que se inclúe o Open Internacional da Raza Frisoa. O certame foi presentado esta mañá polos concelleiros en funcións de Medio Rural e Facenda, Avelino Souto e Paz Pérez. No acto tamén participaron o presidente de Africor Pontevedra, Jesús Manteiga, e o xerente desta entidade, José Rodríguez. A cita contará de novo con ganderías de toda Galicia, procedentes de zonas gandeiras coma Santa Comba, Lugo, A Pastoriza ou do Deza. Ata o momento hai xa un total de 144 animais inscritos, aínda que este número pode variar aínda. En concreto, contan con 64 xatas, 17 xovencas e 63 vacas paridas. “Hai que recoñecer o esforzo e a predisposición dos gandeiros para participar en Feiradeza, xa que é un dos concursos con maior afluencia de animais en Galicia”, apunta Rodríguez Nesta edición, o concurso de gando frisón será xulgado polo lugués Bonet Cid Salgado, xuíz internacional de Conafe. Este ano, coma nas dúas edicións pasadas, haberá ademais un concurso de preparadores mozos xa o venres pola tarde. O sábado pola tarde terán un concurso de manexo de tractores, coa colaboración da empresa de maquinaria agrícola lalinense Maxideza.

Programa do certame

Venres, 30 de xuño 17.00 a 19.00 horas. Concurso de preparadores mozos. 19.00 horas. Inauguración oficial da feira. Sábado, 1 de xullo 10.00 a 14.00 horas. Inicio do Concurso coas seccións de Tenreiras e Xovencas. 16.00 horas. Concurso de novos manexadores. 17.00 horas. Concurso de manexo de tractores. Domingo, 2 de xullo 9.30 a 13.00 horas. Concurso de vacas adultas. 13.00 horas. Viño e pinchos para os asistentes, coa colaboración de Xenética Fontao. 14.00 horas. Entrega de premios e sorteos da xornada.

Sen poxa de gando

Esta edición de Feiradeza non haberá a tradicional poxa de gando, que era un dos grandes atractivos da cita. A decisión débese a que Finca Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra, que proporcionaba a maioría dos animais para a venda, ten previsto realizar unha poxa de gando frisón. Agárdase que esta poxa pública sexa xa no mes de xullo, pero a data non se fixo pública polo momento. Dende a organización de Feiradeza agardan que para a próxima edición se poida recuperar a poxa de gando, de xeito que se manteñan e coordinen as poxas organizadas pola Finca Mouriscade coa do certame. Con todo, a Deputación de Pontevedra, a través da Finca Mouriscade segue sendo un dos colaboradores da cita tamén nesta edición, con premios para os participantes e proporcionará ademais dúas xovencas preñadas que se sortearán. Nesta edición, Feiradeza destina a premios un orzamento de 10.000 euros.

Fontao xa produciu 10.000 doses de seme sexado e en abril comezará a ter seme de machos de raza rubia galega

Visita do conselleiro do Medio Rural, José González, a Xenética Fontao o pasado mes de setembro Xenética Fontao, empresa pública adscrita á Consellería do Medio Rural, iniciou o pasado mes de febreiro a produción en exclusiva de seme sexado para Galicia e España, prevéndose entre 30.000 e 40.000 doses anuais en exclusiva para distintas empresas e asociacións españolas. A día de hoxe, o laboratorio galego xa produciu 10.000 doses de diferentes touros e espérase alcanzar as 20.000 doses de seme sexado para principios do mes de abril. Neste período, a empresa producirá tamén outras 3.000 doses para a raza rubia galega. Agárdase tamén que a partir de abril comece a producir doses de seme para outras empresas e asociacións de gandeiros como son a asturiana ASCOL e a vasca ABEREKIN.
A produción de seme sexado é posible grazas á sinatura dun contrato coa multinacional americana Sexing Technologies
Ata o de agora ese seme sexado había que importalo dende outros países pero coa firma dun contrato público entre Xenética Fontao e a multinacional americana Sexing Technologies, en xuño do pasado ano,ubicouse un laboratorio de sexado nas instalacións que ten Xenética Fontao en Lugo. Desta forma, calquera outro organismo, laboratorio ou axencia que queira producir seme sexado terá que depender de Xenética Fontao. Centro de referencia Xenética Fontao convértese así dentro de España, pero tamén no ámbito europeo, nun centro de referencia nesta materia. "Galicia está na vangarda en materia de xenética animal, algo que contribúe decisivamente a consolidar a súa posición de liderado nacional e mesmo de referente a nivel europeo na produción de leite e de carne, en cantidade e calidade. O inicio da produción de seme sexado é de gran importancia para o sector bovino galego, xa que os gandeiros do eido lácteo apostan especialmente por contar con xovencas femias e os da carne preferentemente por machos. Con esta técnica, váiselles garantir ata nun 90% esta selección xenética, o que redundará, de forma moi importante, na mellora da competitividade das súas explotacións", destaca a Consellería do Medio Rural.  

Volven en marzo as poxas de gando frisón na provincia da Coruña

A Asociación Provincial de Control Leiteiro (AFRICOR) da provincia da Coruña recupera as poxas de gando, suspendidas dende abril de 2020 pola pandemia da Covid19. Estas son as próximas poxas de gando frisón organizadas pola asociación: - Poxa no Recinto Feiral de SANTA COMBA, o domingo 6 de marzo. - Poxa no Recinto Feiral de Mesón do Vento - ORDES, o domingo 13 de marzo. - Poxa en BOIMORTO no marco da Feira de MAGRECO, o domingo 27 de marzo. Todo asociado ao control leiteiro da provincia de A Coruña que estea interesado en anotar animais poñase en contacto con Africor.  

“Queremos que de Mouriscade saian embrións da máxima calidade para tódalas ganderías da provincia”

Jesús Manuel Manteiga, gandeiro de vacún de leite de Vila de Cruces leva apenas uns meses como novo presidente de Africor Pontevedra. Nunha visita á súa granxa coñecemos os proxectos para os vindeiros 4 anos e as liñas nas que xa comezaron a traballar. -Satisfeito co novo cargo de presidente, logo de varios anos na directiva de Africor Pontevedra? -Decidiuse que tiña que haber un cambio na presidencia por diferentes motivos, e os compañeiros acordaron que debía ser eu quen quedara de presidente, aínda que eu quería que fose outra persoa. Agora aquí estamos para intentar non defraudar a súa confianza nestes 4 anos. -En que liñas de traballo queres incidir nestes próximos anos? -Un dos eixes vai ser o proxecto coa Deputación de Pontevedra en relación coa Finca Mouriscade. Dende Africor levabamos tempo vendo que se estaban prestando poucos servizos e non se investía na granxa. Así foi que pasou de ser a finca número 1 por ICO de España durante varios anos a quedarse no posto 17, no 20 ou no 25 e todo por falta de inversión. Nós tiñamos un proxecto que xa intentáramos levar adiante na anterior lexislatura da Deputación e que agora parece encamiñado. -Que papel xoga Africor Pontevedra agora dentro deste proxecto? -Agora creouse unha mesa de expertos integrada por 2 representantes das cooperativas, da ADS, da propia Finca Mouriscade e da Deputación e tamén conta con 2 representantes de Africor Pontevedra, un deles é o técnico encargado dos acoplamentos, que xa leva anos traballando en mellora xenética na propia granxa de Mouriscade, e outro son eu. En tódalas decisións que se tomen, como a compra de embrións, Africor vai estar presente. -Xa está traballando entón esa mesa de expertos en cuestións como a compra de embrións? -Si, de feito queriamos formalizar a compra de embrións neste ano, pero temos o hándicap de que require moita burocracia, o que leva o seu tempo. Nós queriamos presentar o proxecto xa en marzo para ter tempo de formalizar estas compras, pero co Covid-19 atrasouse todo, e a presentación do proxecto foi en novembro. Agora temos un orzamento de 50.000 euros para a adquisición de embrións que estamos xestionando, pendentes das autorizacións e da tramitación.
“O interesante é que veñan para a Finca Mouriscade os mellores exemplares, cos que se poida ter unhas xovencas cunhas moi boas calidades e que acaben repartidas por ganderías de toda a provincia”
-En que aspectos credes que se debe mellorar na Finca? -Cremos que a Finca Mouriscade ten que ser un referente non só de Pontevedra, senón de Galicia e España. Nós queremos que de aí saian embrións da máxima calidade para mellorar as calidades gandeiras de tódalas ganderías. Sigue habendo bos exemplares agora mesmo que están contribuíndo a iso, pero xa hai un certo número de ganderías que están a par coa Finca. O interesante é que veñan para a Finca os mellores exemplares, cos que se poida ter unhas xovencas cunhas moi boas calidades e que acaben repartidas por toda a provincia. Trátase de mellorar o gando vacún de leite da provincia para que sexa máis rendible, tendo en conta as esixencias actuais e que cada vez os marxes do leite son máis reducidos. Tamén nesta liña demándase un laboratorio móbil para poder facer as implantacións dos embrións nas granxas cunhas garantías. Outra das peticións para a Finca é mellorar a difusión dos servizos que alí se ofrecen para que os gandeiros poidan ter información, polo que tamén pedimos que se mellore a súa páxina web. Son temas todos eles que están falados, pedidos e que agardamos se vaian cumprindo. -Outro dos aspectos nos que parece que se vai incidir en Mouriscade é nas poxas de animais e en reducir a cantidade de leite que se vende. -Nós sempre defendemos que na Finca Mouriscade hai que muxir vacas, porque ó telas é necesario, pero a súa rendibilidade non pode vir do leite e de facerlle competencia ós gandeiros. As vacas teñen que rotar. Na Finca non pode haber vacas con 5 ou 6 partos, eses animais fan moito máis nunha gandería e alí o que se ten que apostar é por xenética nova. O mundo da xenética deu un gran cambio, e Mouriscade quedou atrasado por esa falta de inversións. Agora estase apostando claramente pola xenómica e o seme sexado. Hai anos, valía moito máis un embrión dunha vaca MB ou Excelente, que tiña que ter tido xa tres partos, que o dunha becerra. Coa xenómica cambiou totalmente todo isto, e agora estase cotizando moito máis os embrións dunha becerra que os das vacas, porque xa sabemos como vai ser tanto esa becerra como os seus descendentes. O seme sexado foi outro dos grandes avances. O seme convencional quedou xa relegado, xa que a día de hoxe ninguén quere que lle nazan machos na súa granxa, salvo aqueles que poidan rematar sendo animais para posta en centros de recría. Ninguén quere pagar 400 euros polo embrión, para que logo che saia un macho e o vendas por 100 euros en Silleda, logo de mantelo 15 días. O que se buscan son femias para a recría da granxa.
“En Africor estamos buscando o xeito para que a Consellería de Medio Rural nos axude co xenotipado nas granxas”
-A xenómica é entón un dos puntos nos que se debe incidir tanto en Mouriscade como dende Africor? -Dende Africor e Afriga é un dos temas nos que queremos traballar. De feito, os presidentes dos 3 Africores estamos xa buscando o xeito para que a Consellería de Medio Rural nos axude no xenotipado nas granxas, que actualmente ten un custo de 30 euros por xovenca. Por exemplo, eu xa estou xenotipando tódolos animais que nacen na gandería, porque nos dá información tan útil como se son portadores de enfermidades ou a súa capacidade produtiva. -Débese transformar tamén o servizo de analítica de mostras que se ofrece ós gandeiros da provincia dende o laboratorio de Mouriscade? -As melloras sempre son positivas, só que nós vimos que a parte que estaba decaendo era a granxa, onde non se investía nada de cartos, mentres que no laboratorio si se viron inversións. Hai aspectos, como nas analíticas do leite, que antes incluían tamén os antibiogramas e que agora para telos hai que facelos a través de Ligal, que se poderían mellorar ou as demoras que vimos no verán, pero, en xeral, os gandeiros están conformes co servizo.
“A gandería non é a responsable de tódolos males do planeta, como parece que se quere responsabilizar”
-Tedes algunha demanda especial por parte dos gandeiros nos últimos tempos? -Unha demanda de todo o sector é dignificar o labor do sector gandeiro, que somos fundamentais para a sociedade. Temos que seguir mellorando en cuestións como o respecto ó medio ambiente, pero é un aspecto no que levamos moito tempo traballando. A gandería non é a responsable de tódolos males do planeta, como parece que se quere responsabilizar. Esta é unha profesión bonita, pero ten que ser tamén rendible economicamente, senón van seguir pechando granxas, o que xera problemas para os veciños derivados do abandono da actividade gandeira. -A cantos gandeiros dá servizo Africor Pontevedra? -Agora mesmo no control leiteiro atendemos a uns 470 gandeiros e temos un servizo de asesoramento en alimentación e en acoplamentos. Aparte axudamos tamén cando nos demandan colaboración en temas de xestión. O obxectivo é axudar ó sector na medida en que se poida. Ó longo do 2021 queremos intentar facer un reparto de seme a domicilio. En colaboración con Xenética Fontao, estamos mirando de mercar unha furgoneta para ofrecer este servizo. Outro proxecto no que tamén estamos traballando e que xa se valorara coa directiva anterior, é a unificación dos Africores de Galicia. Como cambiamos os presidentes das 4 organizacións acordamos darnos un tempo para asentarnos e despois comezar a traballar para facer un único Africor Galicia.
“Queremos unificar as catro organizacións nun único Africor Galicia”
-Con cantos controladores contan hoxe en día para este servizo? -Temos 11 controladores, 2 técnicos en alimentación e 1 especializado en acoplamentos que compaxina a súa actividade tamén como controlador. Despois está o xerente e unha persoa na oficina. -Coa evolución cara a sistemas de muxido que proporcionan un maior número de datos e información significativa ós gandeiros, quedan máis comprometidas algunhas das funcións de Africor? -É certo que ás veces a algúns gandeiros resúltalles difícil comprendelo e mesmo cuestionan o labor dos controladores, pero a verdade é que son totalmente compatibles e compaxínanse moi ben. Mentres que o robot de muxido che aporta datos, o control de Africor axúdache a contrastar eses datos coas súas analíticas. Ademais, o historial e a información dos animais que se fai a través de Africor e que resulta de utilidade para os gandeiros non cho aporta o robot. -Ademais de pola vinculación con Africor, gandería Manteiga é unha das habituais no certame morfolóxico Feiradeza, ves necesario introducir cambios para fomentar unha maior participación por parte de gandeiros da comarca e doutras zonas de Galicia? -Creo que si é preciso facer cambios neste tipo de concursos, sobre todo a nivel local como é o caso de Feiradeza. Vexo necesario que se equilibren as condicións de partida para os participantes, de modo que os gandeiros novos, que participen por primeira vez, non se atopen perdidos neste mundo pola súa inexperiencia en certames, aínda que teñan exemplares que poidan optar a premios. Creo que é preciso tamén máis formación no tema dos certames e dignificalos.
“Nos concursos creo que é necesario equilibrar as condicións de partida dos participantes, ofrecer máis formación e dignificar estes certames”
Ademais, houbo outros factores que na miña opinión influíron en que os concursos foran a menos, como a gran progresión que se fixo no sector, así como o incremento da carga de traballo nas ganderías. Tamén foi determinante a falta de apoio económico a estes certames por parte das administracións. Por moito que queiras participar, se cada ano che supón un gasto acabas por non ir. Creo que todos somos responsables, temos culpa, da caída destes concursos. -Como valoras a túa experiencia nos concursos? -Aínda que levamos anos participando, teño pouca experiencia en comparación con outros gandeiros da zona e cando comezamos descoñeciamos por completo este mundo. Recordo que cando nós comezamos chegamos a Feiradeza vimos que a xente alimentaba, lavaba, peiteaba as vacas ou as paseaba seguindo uns criterios que nós descoñeciamos por completo. A min ensinoume a pasear as vacas Avelino Souto, que era aínda un mociño, pero que xa levaba paseando animais en concursos dende cativo, e Manuel Donsión Silva, outro habitual de Feiradeza. Agora, a base de participar e do que nos gustan, na miña granxa xa tentei facer cambios nestes anos para seguir indo a concurso. Así é que decidimos ter dúas liñas de animais: por un lado os que temos en produción na granxa e por outro os que temos para participar en concursos. Eu vexo os certames como unha afección máis, como ó que lle gusta ir de caza. -Que perspectivas de futuro ves para o sector gandeiro? -Dende Africor, as perspectivas pasan por un Africor forte, centrado e unificado. Aínda que levamos pouco tempo, coincidimos en que tres dos presidentes somos gandeiros, vivimos das vacas e gústanos o noso traballo, así é que temos opinións moi semellantes. En canto ó sector, creo que o importante é conseguir deixar de depender das axudas. Critícannos polas subvencións e eu só pido para o prezo do leite o prezo de hai 32 anos máis a metade do que subiu o IPC, deste xeito poderemos eliminar as subvencións. Non pode ser que no ano 2020 esteamos a vender o litro de leite a 29 céntimos de base, cando no ano 1988 se vendía a 60 pesetas (36 céntimos), con tódolos incrementos que se viron nestes anos nos gastos.
“En Galicia, os gandeiros fixemos os deberes, quen non os fixo foi a industria, que só empaqueta o leite sen apostar polo valor engadido e logo págano os produtores con baixadas no prezo”
Creo que o sector gandeiro galego fixo os deberes e ten aínda capacidade para producir máis leite, seguimos sendo os maiores produtores de leite de España. Se alguén non fixo os deberes aquí foi a industria, que o único que fixo en Galicia foi meter o leite nun brick, non se molestou en transformalo e en apostar polo valor engadido e agora segue pagándoo cos gandeiros, con baixadas cando quere e empregando o leite como produto reclamo. Agora véñensenos novas esixencias, como as reducións de emisións que nos piden, a nova normativa dos tratamentos dos xurros, e nós estamos dispostos a seguir mellorando as nosas granxas, pero non pode ser que estas esixencias non se reflictan no prezo do leite que cobramos.
Vista das novas instalacións da gandería Manteiga.

Gandería Manteiga

Jesús atende en Oirós, Vila de Cruces (Pontevedra) a súa granxa de vacún de leite, na que tamén son socias as súas dúas fillas e a súa muller. Nos últimos anos acometeron a construción dunha nova granxa, na que actualmente conta con 160 cabezas de gando frisón. Nas novas instalacións optou por incorporar un robot de muxido, co que actualmente moxen 68 vacas. O cambio á nova granxa e ó novo sistema de muxido supúxolle un incremento de 10 litros de leite en cada vaca, “aínda que tamén se incrementaron os gastos”, matiza o gandeiro. Os plans a curto prazo na Gandería Manteiga pasan por dobrar o número de vacas en produción e instalar un segundo robot de muxido. Por este motivo está a fomentar a recría, e conta cunhas 50 becerras con menos dun ano. Tamén está apostando por xenotipar todo o seu gando, para lograr unha selección daquelas vacas con mellores características para as súas necesidades. A súa estratexia de futuro pasa ademais polas vacas A2A2, de xeito que está xa a inseminar tódalas súas vacas con touros deste tipo. Na actualidade, a media de produción da gandería sitúase nos 41 litros, cunhas calidades de 3,20 % en graxa e 3,40 % en proteína. “Na maioría das ganderías, a graxa é maior que a proteína, nós temos eses datos invertidos. Contrario ó que se puidera pensar tampouco é que teñamos acidose nas nosas vacas, senón non teríamos esta media”, explica o gandeiro. Estas cifras lógraas en base a unha ración composta por 30 quilos de silo de millo, 7 quilos de silo de herba da primeira corta, 5 quilos de silo de herba de segunda corta e 9 quilos de penso. A parte hai unha media 5 quilos de punteo no robot de muxido. A gandería manexa unha superficie de 50 hectáreas de terreo, 12 delas en propiedade. Preto da metade, unhas 22 hectáreas, destínaas cada ano ó cultivo de millo para o gando.

“Queremos que a fusión dos Africores se produza o antes posible para mellorar en competitividade e abaratar custos aos socios”

O gandeiro Manuel Sandamil ven de ser elixido presidente da Federación Frisona Galega (Fefriga), así como da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor Lugo). Formaba xa parte da directiva de Africor desde fai máis de 10 anos e trala decisión de José Carlos Vega de non continuar Manuel foi o máis votado na elección de postos para a Xunta Directiva da entidade, que comparte con outros gandeiros de distintos puntos da provincia nun órgano colexiado renovado. Manuel pretende seguir unha liña continuista en relación ao traballo realizado polo seu predecesor no cargo, tanto en Africor Lugo como en Fefriga. O principal obxectivo segue a ser materializar a fusión dos tres Africores galegos (Lugo, A Coruña e Pontevedra) nunha única entidade de carácter autonómico, unha tarefa que xa foi encetada no anterior mandato e que agarda que se poida materializar neste. "Imos traballar para que se poida producir o antes posible, aínda que sen présa, porque o interese de todos é a fusión pero son moitas cousas que haberá que ir vendo sobre a marcha e imos atoparnos problemas polo camiño aos que haberá que dar unha solución e solventar a través do acordo e a negociación", admite.
Pretendemos evitar duplicidades e abaratar custos de funcionamento e que ese abaratamento chegue tamén ás explotacións
O obxectivo de englobar nunha única entidade todos os servizos que a día de hoxe prestan os distintos Africores ás súas granxas socias, como o Control Leiteiro, o asesoramento en materia de acoplamentos ou a venda de seme, persegue "mellorar en competitividade e abaratar custos", explica Manuel. "O que se pretende é unificar todo nunha única sede e tratar de levar de xeito centralizado a organización de todos os servizos, partindo da base da necesidade de unificar criterios previamente nos Africores, que teñen estatutos e funcionamento diferenciado. Pero ao mesmo tempo tamén pensamos que é bo manter o resto de sedes dos Africores por unha cuestión de proximidade para a campaña de recollida de seme, por exemplo", adianta.

Adaptar o Control Leiteiro

Aínda que o sector leiteiro mantivo a actividade con normalidade desde o inicio da pandemia sanitaria provocada pola covid-19 como sector esencial que é, unha das consecuencias do confinamento decretado a finais do mes de marzo foi a suspensión momentánea do Control Leiteiro en toda Galicia, un servizo que os tres Africores prestan nun total de 2.700 explotacións de toda a comunidade. "A día de hoxe practicamente o 100% das granxas retomaron o Control Leiteiro, que parara momentaneamente pero se ese parón se prolongase durante máis de dous meses podería supoñer problemas para o rexistro", explica Manuel.
Malia a introdución dos robots en moitas explotacións, tratamos de adaptar o Control Leiteiro para que siga aportando datos interesantes ás granxas
Ten claro que este servizo, que fai anos era imprescindible para a obtención de datos por parte das explotacións, hoxe atópase coa competencia de robots e salas de muxido informatizadas en moitas ganderías e iso é un factor a ter en conta. "É certo que os robots en moitos casos dobran a cantidade de datos do Control Leiteiro, pero estamos tratando de adaptar o servizo para seguir aportando información de interese ás explotacións, sen esquecer que aínda que cada vez hai máis socios con robots ou salas informatizadas, tamén hai moitos outros que teñen salas de muxido convencionais aos que hai que seguir aportando datos", defende.
Penso que hai que seguir ampliando eses outros servizos que se prestan ás explotacións con cousas que o sector demanda
Con todo, máis alá da utilidade dos datos produtivos, morfolóxicos e reprodutivos que aporta o Control Leiteiro ás ganderías acollidas a el, o novo presidente de Africor Lugo destaca asemade o valor de servizos como o de apareamentos, testaxe de medidores ou reparto de seme. "Son outras facetas importantes e penso incluso que hai que ampliar máis eses outros servizos que se prestan e estamos dispostos a introducir novos servizos que as granxas nos demanden e que lles sexan de utilidade, ademáis de seguir sacando máis información de cada tubo de mostra que se toma", di.

Extender o xenotipado

Un deses servizos polos que Manuel aposta é polo de xenotipado, porque di, "hai que ir cos tempos". Por iso, pretende buscar vías que permitan facelo máis asequible para que se poida xeralizar o seu uso nas explotacións. "Hoxe o gandeiro ten que asumir o 100% do custo do xenotipado. A Administración tense que mollar, porque é o futuro do sector leiteiro e gandeiro galego", considera.
A Administración tense que mollar porque hoxe é o gandeiro o que asume o 100% do custo da proba xenómica e estamos falando do presente e do futuro do sector
O novo presidente de Fefriga pon o exemplo doutras comunidades. "En Cantabria o Control Leiteiro non lles custa nada aos gandeiros, págallelo a Consejería, e noutras comunidades páganlles o xenotipado. Sei que Galicia é distinto polo número de animais que ten, pero precisamente por iso debería ser un sector estratéxico para a Administración e apostar decididamente por el", argumenta. Manuel é consciente de que o número de explotacións leiteiras séguese reducindo en Galicia, e recoñece que posiblemente esa tendencia vaia continuar, di, aínda que destaca o feito de que se manteña o número de animais, un aspecto positivo que permite certo optimismo no sector. "O número de ganderías continúa baixando pero é importante que se conserve o número de animais. Pero para que isto poida seguir acontecendo precísase apoio da Administración para que as granxas que continuamos poidamos seguir incrementando o número de cabezas", afirma.

Dinamización de Fefriga

Outro dos campos de traballo habituais tanto dos Africores como de Fefriga sempre foron os concursos de gando, as subastas de animais ou as escolas de xuíces, actividades que tamén se viron afectadas polo coronavirus. "Queremos impulsar a dinamización de Fefriga, para que faga algunha actividade máis, pero nestes tempos iso non é doado, dado que por mor das restricións estase moi atado nese sentido. O que son os concursos e subastas está todo parado, o mesmo que as escolas de xuíces, e penso que vai ser complicado poder retomar todo iso durante un tempo, por desgraza semella que bastante tempo", lamenta Manuel. El xa participaba en concursos morfolóxicos coa súa gandería, SAT Sandamil, antes de fusionarse co resto de explotacións veciñas e constituír SAT A Vereda. Durante un tempo seguiron mantendo esta práctica, acudindo a certames como a Moexmu, o organizado por Fefriga a nivel autonómico ou o concurso nacional, e logrando un bo feixe de premios que hoxe locen nas paredes da oficina da explotación, pero levan xa dous anos sen participar nestes certames.
Hoxe o dos concursos profesionalizouse moito e hai menos gandeiros participantes, iso fainos menos atractivos
"Hoxe o dos concursos profesionalizouse moito, case hai que ter uns coidados e unha alimentación específica para as vacas que levas aos concursos e iso requíreche dedicarlle tempo, espazo e traballo. Nós agora estamos centrados no día a día da granxa, porque cando acadas un volume importante de animais tes que ir priorizando cousas. Iso mesmo penso que lle foi pasando a moitas outras explotacións, por iso hoxe nos concursos hai menos gandeiros participantes aínda que con máis animais, e iso fai menos atractivos os concursos", recoñece. Por iso, di, "hai que darlles unha volta e ver outras alternativas, aínda que veñen malos tempos para todo en xeral", lamenta. "Gustaríanos facer moitas máis cousas e cousas concretas coa xente máis nova, pero veremos como evoluciona isto", conclúe.

“Meu avó inculcoume a gandería e quero seguir apostando por bos animais, como xa facía el”

Cando o avó de Miguel Madriñán mercou as terras nas que se asenta hoxe a gandería Carballeiras, apostou xa por contar con animais con boa xenética na súa granxa. Hoxe, máis de 40 anos despois, Miguel segue coa mesma filosofía na granxa. “As primeiras vacas que se importaron para a gandería trouxeraas meu avó de Canadá. El quería ter bos animais na granxa e agora seguimos na mesma liña”, explica.
“Meu avó trouxera vacas de Canadá para a gandería porque quería ter bos animais na granxa e agora seguimos na mesma liña”
A mellora xenética é un dos piares desta gandería familiar situada na parroquia lalinense de A Veiga, (Pontevedra). Miguel é a terceira xeración desta SAT que integran xunto a el seus pais e seus tíos, e á que acaba de incorporarse tamén seu irmán Rubén. Nos últimos meses atópanse ademais inmersos en plena fase de expansión coa construción dunha nova nave para incrementar o número de cabezas desta gandería en intensivo. “A nosa intención é chegar a ter uns 250 animais en muxido”, detalla. Agora mesmo contan cunhas 360 cabezas de gando, con 185 vacas en muxido de raza Holstein e unha produción media anual de case 10.800 litros. A estas vacas en produción súmanse unhas 126 xovencas e a recría máis nova.

Aposta pola xenética

SAT Carballeiras Madriñán é un dos nomes habituais dos concursos morfolóxicos de gando de raza Frisoa, unha paixón que tamén o patriarca transmitiu ás novas xeracións. “Dende pequeno, meu avó inculcoume na gandería e en ir a concursos. Xa dende moi novo sabía que quería seguir coas vacas”, recorda Miguel. Na gandería teñen vacas destacadas en distintos certames como o de Feiradeza e tamén recibiron o recoñecemento ó seu labor como criadores. Miguel resultou en 2012 sétimo mellor manexador de Europa e terceiro mellor preparador, nun certame internacional celebrado en Inglaterra.
“Para nós, as vacas con boa xenética son tamén as máis rendibles na granxa”
“Agora cada vez participamos en menos certames, porque quítanos moito tempo, pero seguimos apostando pola xenética do mesmo xeito”, detalla. Este ano contaba volver acudir ó certame de Feiradeza con varios exemplares, pero a crise sanitaria do coronavirus fixo que, polo momento, se cancelase esta edición e xa comezou a pensar no vindeiro ano. “Para nós, as vacas con boa xenética son tamén as máis rendibles na granxa, por iso nos preocupamos por contar con animais con boas características”, explica Miguel. Miguel coa vaca Carballeiras Bruno Bruna, elexida Vaca Gran Campioa no concurso de Feiradeza en 2017. Un dos animais máis destacados da granxa foi Carballeiras Bruno Bruna, unha vaca que con 7 anos resultou vaca Gran Campioa en Feiradeza no ano 2017. Ese ano resultou moi destacado para a gandería, posto que colleitaron un importante número de premios nese certame. Xunto con esta vaca, Carballeiras Beemer Niura foi a Tenreira Campioa e Gran Campioa das Xovencas. Carballeiras Mccutchen Concava quedou coma a Vaca Nova Campioa e, por último, Carballeiras Hill Marta resultou Vaca Intermedia Campioa. "Foi un dos maiores logros nun concurso, xa que os nosos animais resultaron ser as campioas das distintas categorías do certame", recorda Miguel, que tamén levou o recoñecemento como mellor criador.
En 2017, as vacas da gandería resultaron campioas das distintas seccións de Feiradeza
Ademais, continúan prestando especial interese ós touros que seleccionan e tamén levan anos traballando cos seus propios embrións. “Miramos con lupa os touros que escollemos para as nosas vacas, fixámonos especialmente en que proporcionen boas ubres e boas patas”, sinala o gandeiro. Estas decisións son cousa tanto de Miguel coma de seu tío, José Manuel Madriñán, que traballou durante anos como cualificador e foi presidente de Africor Pontevedra. Ámbolos dous son os que se encargan principalmente da atención e das decisións que afectan ós animais na granxa. Teñen unha taxa de inseminación de 2,8 e só empregan touros americanos e canadienses para as súas vacas.

Colaboración entre ganderías

Levan tempo apostando por conseguir embrións de boa calidade dos exemplares que teñen na granxa ou mediante a colaboración con outros gandeiros. É o caso da Gandería Rato, de Rodeiro, coa que comparten varias vacas a medias para a produción de embrións. Algúns dos animais nos que poñen especial interese para a reprodución proceden de poxas coma a de Curtis (A Coruña) ou a de Vegadeo (Asturias), ó tempo que tamén importan embrións procedentes de Europa e América. Lote de vacas de alta produción da gandería. Tanto José Manuel coma Miguel queren ademais rendibilizar os animais na granxa. “Para nós non se trata de priorizar lograr boas medias globais de produción, senón conseguir aproveitar o potencial de cada vaca”, detalla José Manuel, ó tempo que indica que seguen muxindo vacas que pariron hai máis de 2 anos e que continúan a producir 25 litros de leite, mentres que no rabaño tamén dispoñen de vacas cunha produción media de 57 litros. “Noutras ganderías, estas vacas xa as terían vendido, nós preferimos conseguir que teñan unhas boas condicións, que nos sigan dando leite mentres que á hora de botar contas iso sexa rendible”, explica. “Sen estas vacas, a nosa media, que agora está nuns 34 litros por vaca, seguro que había subir, pero para nós é mellor traballar deste xeito, sen desaproveitar o que nos pode ofrecer ese animal mentres está na granxa”, apunta Miguel. Na gandería, a ración das vacas en produción consiste en medio quilo de palla, 10 quilos de silo de herba, 23 quilos de silo de millo, e 14 quilos de penso. Mentres, a ración das xovencas é de 27 quilos de silo de herba, 2 de palla e 4 de silo de millo. Pola súa parte, as vacas secas reciben 3,5 quilos de palla, 14 quilos de silo de herba, 12 quilos de silo de millo e 2,5 quilos de penso.
O ano pasado incorporaron 23 xovencas de raza Jersey para diversificar o rabaño e incrementar a produción de sólidos
Actualmente, teñen unhas calidades de 3.29% de proteína e 4,16% de graxa e traballan para incrementar estes valores. Este é un dos motivos polo que decidiron incorporar un novo lote de 23 xovencas de raza Jerseys procedentes dunha gandería de Menorca. “Comprámolas o ano pasado no mes de febreiro a agora temos a primeira para parir”, explica o gandeiro. As xovencas de raza Jersey adquiríronas a comezos do ano pasado e agora comezan a parir as primeiras. Buscan diversificar o rabaño e non só apostar por incrementar a cantidade de leite senón a calidade. “A ver como se vai poñendo o prezo do leite, pero os sólidos están tendo cada vez máis importancia”, comentan. Dende o mes de abril véndenlle o leite a Inleit, que acaba de baixarlle o prezo 2 céntimos. “Vendémoslle sempre a Larsa, pero decidimos cambiar para Inleit porque o pagaba mellor, e veremos como vai indo agora”, valoran.

Unha ampliación en marcha

Este mes de agosto cúmprense 15 anos dende que comezaron a traballar na nave actual e agora atópanse inmersos en pleno proceso de ampliación para conseguir duplicar a capacidade das instalacións. En febreiro do ano pasado comezaron as obras dunha nave contigua de 28 metros de ancho e 60 metros de largo. “As chuvias do ano pasado atrasáronnos os traballos e as obras están condicionando moito o noso día a día na granxa”, indican os gandeiros. A ampliación supón unha inversión de 591.800 euros e obtiveron unha aportación de case 296.000 euros dentro dun Plan de Mellora con fondos europeos. Están ampliando as instalacións para duplicar a capacidade da granxa. Na nave nova nestes momentos teñen as vacas secas e a xovencas preñadas, así como os tenreiros máis novos, mentres a maior parte da recría aínda está nas antigas cortes, situadas a escasos metros. A estrutura das novas instalacións mantén as directrices da granxa actual, onde teñen as vacas en produción. “Como meu tío traballou moito tempo de cualificador vira moitas granxas e iso serviunos á hora de tomar decisións na construción da nave”, detalla Miguel.
As vacas en produción téñenas en camas de carbonato cálcico, mentres que as próximas ó parto están en cama de palla
As vacas en produción téñenas en camas de carbonato cálcico, que limpan 3 veces ó día e renovan e volven encher cada 10 días. Mentres, as vacas acabadas de parir e as xatas máis novas están en cama de palla. “As vacas acabadas de parir que teñen algunha complicación recuperan antes se están en cama de palla”, xustifica o gandeiro. Algúns dos tenreiros que teñen xa nas novas instalacións, aínda pendientes de rematar. As obras de ampliación da granxa tamén levaron parello o cambio do sistema de muxido. Pasaron dunha sala de muxido de 8x8 puntos a unha de 14x14 con saída rápida, da firma GEA. Na gandería contan con 3 traballadores que lles axudan tanto nas tarefas de muxido como na atención dos animais. “Polo momento, non temos problema de falta de persoal, o operario que menos tempo leva con nós vai xa para 6 anos, e o que máis, pasa dos 20 anos traballando na gandería”, apunta. Acaban de instalar unha nova sala de muxido.

A terra, a carón da granxa

A gandería manexa unhas 120 hectáreas de terreo, entre as fincas en propiedade e as que ten alugadas. A maior parte das terras atópanse nas proximidades da granxa. O avó de Miguel adquiriu xa en 1979 boa parte das terras a un cura, ó que tamén lle mercou as vellas instalacións, así como o rabaño de vacas que tiña o sacerdote e a maquinaria. “A miña familia non tiña nada aquí ata que meu avó mercou estas terras. Daquela, tiñan un rabaño dunhas 20 vacas na parroquia de Sello (Lalín) e decidiron traer todo para aquí”, concreta o gandeiro. Por iso, 10 hectáreas de terreo aínda as teñen na zona de Sello, onde vive a familia. A elas tamén se suman outras 21 hectáreas noutra parroquia lalinense próxima, en Castro de Cabras, no límite co concello de Rodeiro. O resto da terra que manexan atópase nas proximidades da granxa. Na finca enfronte da granxa, dunhas 15 hectáreas, teñen sementado millo e aínda teñen unha parte a herba que segaron en días pasados, sendo a terceira corta deste ano. Teñen unhas 72 hectáreas dedicadas ó cultivo de millo, onde previamente aproveitan para producir veza e avea. Adoitan ter unha produción de millo de 43.000 quilos por hectárea. Polo momento, en ningunha das súas fincas contan con sistemas de rega, pero non descartan instalalos nun futuro, sobre todo ante as secas que se están vendo este ano. Este ano fixeron 5 silos de herba e teñen outros 7 de silo de millo. No resto, teñen pradeiras permanentes de raigrás inglés, que renovan cada 3 anos. “Estamos logrando ata 3 cortas e con boas calidades, polo que decidimos seguir co raigrás inglés, xa que nos está funcionando moi ben”, valora. Miguel encárgase, xunto cos seu pais, de tódolos labores nas fincas. “Só contratamos puntualmente para meter o millo, do resto encargámonos nós”, explica. Ademais, seu pai tamén se encarga do transporte de palla dende Castela. SAT Carballeiras é tamén unha das socias da Cuma Gandeiros de Lalín, que integran ganderías coma Pérez, Blanco ou Vila, dende hai arredor de 13 anos. “A Cuma permíteche comprar maquinaria moi grande, o que despois che facilita facer ben o traballo”, valora Miguel. Deste xeito, aínda que non traballan con ningunha cooperativa da zona, teñen un amplo abano de maquinaria. Na Cuma dispoñen de 2 tractores, un carro mesturador, unha cuba de 26.000 litros, unha grade rotativa ou un remolque do esterco, entre outros apeiros.

Paralízase o control leiteiro na Coruña e Pontevedra durante o tempo que dure o estado de alarma polo coronavirus

Os controladores visitan unha vez ao mes as gandarías e toman mostras de cada vaca durante o muxido As explotacións lácteas galegas quedarán sen control leiteiro durante o tempo que dure o estado de alarma motivado polo coronavirus COVID-19. Africor Coruña comunicou este luns aos seus asociados a "suspensión temporal do Control Leiteiro" ante o "agravamento da pandemia do coronavirus" e a "negativa e desconfianza dos gandeiros ós que se visitaran nas súas explotacións". En Pontevedra solicitaron xa un ERTE para o conxunto do cadro de persoal e desde Africor Lugo están buscando unha fórmula que lles permita tamén suspender o servizo co menor prexuizo posible para os traballadores. "Decidimos suspender temporalmente o Control Leiteiro desde hoxe, 23 de marzos de 2020, e até que a situación se normalice", explica o aviso colgado na páxina web de Africor Coruña e remitido ás gandarías. O parón inclúe todo o traballo de campo e de oficina, incluída a realización do control leiteiro, a extracción de mostras para xenotipos e filiacións e a venda e reparto de doses de seme. Desde Africor Coruña habilitan un teléfono para posibles dúbidas durante este periodo. É o 666 820 242. Africor Coruña acorda suspender a súa actividade cando menos durante as vindeiras tres semanas, até despois de Semana Santa, aínda que o reinicio das visitas ás granxas está condicionado polo levantamento das medidas excepcionais decretadas tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia.
Africor Coruña mandou unha comunicación aos seus socios avisando da suspensión do Control Leiteiro desde este luns e até que a situación se normalice
A decisión, que inclúe a presentación dun ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) que afecta a 29 traballadores, foi comunicada xa aos gandeiros socios na provincia da Coruña e implica que non se poderán completar os datos do control leiteiro deste mes de marzo, xa que unha parte das explotacións terían que recibir a visita dos controladores nesta derradeira semana, nin  tampouco os do vindeiro mes de abril. Á espera da aprobación do ERTE presentado Unha decisión semellante foi adoptada na provincia de Pontevedra. Rafael Méndez Guerra, presidente de Africor Pontevedra, confirmou a Campo Galego a solicitude de despedimento temporal da totalidade do cadro de persoal, un total de 15 persoas entre controladores e persoal de oficina. No seu caso están agardando a ver se o ERTE solicitado é aprobado ou non polas autoridades laborais para facer a comunicación ás explotacións, aínda que Rafael recoñece que "a maior parte dos gandeiros non quere que lle vaimos controlar estes días", o que os obrigaría a parar aínda que o Expediente de Regulación Temporal de Emprego non fose autorizado.
Moitos gandeiros conviven con persoas maiores na casa e decidiron restrinxir as visitas ás explotacións por temor á transmisión do virus
"Estamos intentando rematar o control leiteiro deste mes mentres non chega a resposta ao ERTE, a nosa intención é acabar este mes a toma de datos e despois igual hai que habilitar o mes de agosto para substituir ao de abril", explica.  Cada visita de campo dos controladores ás explotacións ten lugar cun intervalo de entre 22 e 33 días desde a anterior e no mes de agosto non se controla como consecuencia das vacacións do persoal. Un cento de traballadoresReal Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma non impide as visitas de técnicos ás explotacións, cuxo funcionamento está considerado actividade esencial e polo tanto garantida a súa continuidade. De feito, Africor Lugo, Africor Coruña e Africor Pontevedra mantiveron a semana pasada o traballo dos controladores e os seus desprazamentos ás granxas, pero as reticencias mostradas por unha parte dos gandeiros por temor á transmisión do virus fixo que este luns na Coruña e Pontevedra tomaran a decisión de paralizar as visitas.
O cese temporal da actividade supón o despedimento de 29 traballadores na Coruña e 15 en Pontevedra
Africor Lugo é a única das tres asociacións provinciais que continúa polo momento a prestar o servizo aínda que o seu presidente, José Carlos Vega, admite que "está claro que haberá que parar". "Non sabemos aínda que día ou de que maneira se fará, que é o que se está mirando neste momento, tratando de buscar unha fórmula na que mellor saiamos todos", explica. A situación de Africor Lugo é diferente á dos outros dous Africores, dado que é o que máis traballadores ten. A Asociación que preside José Carlos Vega e da que Ramiro Fouz é secretario executivo dálles servizo a 1.380 ganderías socias a través dun cadro de persoal de 51 empregados, segundo se recolle na súa última memoria anual publicada, a do ano 2018.
A Xunta Directiva de Africor Lugo celebrou unha xuntanza a mediados da semana pasada na que se tomou a decisión de continuar polo momento
Isto implica que pasarían do tope fixado en 50 empregados para os despedimentos por causa maior sen custo para as empresas afectadas, recollido nas medidas económicas aprobadas polo Goberno central para paliar os efectos da crise sanitaria. Até o momento Africor Lugo non mandou notificación algunha aos gandeiros e a Xunta Directiva celebrou a mediados da semana pasada unha reunión co Comité de Empresa na que se tomou a decisión de continuar polo momento realizando o control leiteiro na provincia de Lugo, aínda que José Carlos Vega considera que será inevitable parar nos vindeiros días, entre outros motivos porque "non ten sentido controlar unhas explotacións e outras non". A paralización dos controis deixaría sen traballo a case un cento de persoas en toda Galicia, encargadas da súa realización. No caso de Africor Coruña afrontarán un ERTE que afectará á totalidade dos seus 29 controladores e técnicos. No caso de Africor Pontevedra serán 15 persoas as damnificadas, aos que se sumaría o medio cento de Lugo no caso de decidiren finalmente parar tamén.

Subministro mensual de datos e información a 2.700 explotacións en toda a comunidade

Os tres Africores galegos dan servizo a un total de 2.737 gandarías: 1.380 en Lugo, 913 na provincia da Coruña, 430 en Pontevedra e 14 na provincia de Ourense, que son atendidas desde Africor Pontevedra. No seu conxunto, controlan anualmente un total de 1,8 millóns de toneladas de leite, o que equivale ao 70% do leite muxido en Galicia e ao 27% do total producido en España. As Asociacións Provinciais de Gandeiros para o Control de Rendementos (Africor) son asociacións sen ánimo de lucro que veñen realizando desde o ano 1992 o control leiteiro oficial nas distintas provincias. Os controladores visitan mensualmente todas as explotacións asociadas durante a realización do muxido, recollendo datos de produción, reprodución e mostras de leite de cada vaca, o que permite obter unha información que, unha vez procesada, é remitida ao gandeiro en informes con periodicidade mensual.
Sete de cada 10 litros de leite producidos en Galicia pasan polo Control Leiteiro
Toda esta información serve para unha mellor xestión das gandarías asociadas, tanto a nivel reprodutivo como sanitario, para o control da alimentación, a orientación sobre a mellora xenética, a recría, etc. Asimesmo, con esta información realízanse as avaliacións xenéticas oficiais a nivel nacional, que permiten valorar tanto ás vacas coma aos touros utilizados na inseminación artificial. O control leiteiro é a actividade principal desenvolvida polos Africores e ten carácter oficial, ao estar integrada no Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), entidade que coordina a realización do control leiteiro oficial en Galicia. A maiores realizan outras actividades, como o Programa de Acoplamentos, extracción de mostras para xenotipar animais, xestión de envío de datos á árbore xenealóxica ou reparto de seme.

“Buscamos vacas para concursos e rendibles na granxa xa que, ó fin, vivimos do leite”

A vaca Rey 474 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, proclamouse como a gran vencedora dos concursos morfolóxicos de gando frisón celebrados hai uns días no marco da Feira Internacional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro, en Silleda (Pontevedra).

Logo de impoñerse como campioa na sección de vaca xoven, este animal de menos de 30 meses, conseguiu tamén ser a Vaca Gran Campioa no XXVIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa “Fefriga 2019”. Precisamente unha vaca tamén desta mesma gandería da Pastoriza, xa resultara vencedora na edición anterior deste certame galego.

Estes non foron os únicos premios para esta vaca nesa xornada en Silleda xa que finalmente, na celebración do Open Internacional Frisoa GandAgro, proclamouse tamén como Vaca Gran Campioa. Falamos con José Alberto Iglesia, da granxa familiar Rey de Miñotelo, para coñecer máis sobre esta vaca gañadora.

Que valoración facedes da participación nesta edición do certame autonómico e internacional de gando frisón?
A verdade é que estamos moi satisfeitos porque con esta vaca a nivel individual logramos uns resultados impresionantes. Para ser unha vaca de primeiro parto, de menos de 30 meses, que conseguira proclamarse vaca gran campioa de Galicia e vaca gran campioa internacional é todo un logro, sobre todo co nivel que había en Silleda onde estaban as mellores vacas de Galicia pero tamén de Asturias, Cataluña, Cantabria ou Portugal.

É unha vaca xa con experiencia neste tipo de certames?
De xata xa participou en máis dun certame e foi acadando moi bos resultados, pero realmente cando comezou a destacar foi no pasado concurso rexional de Santa Comba onde xa gañou a primeira sección de vaca xove e foi vaca xove campioa do concurso. E nese mesmo certame unha irmá desta vaca foi xa elixida como Vaca Gran Campioa de Galicia na edición do 2018. Son vacas que criamos na explotación e cuxa avoa procede dun embrión importado dende Canadá.

O propio xuiz do certame, Giuseppe Beltramino, aludía á traxectoria de futuro que se lle presenta a esta vaca ó acadar estes resultados sendo tan nova. Hai algúns aspectos nos que vaias incidir en canto á súa preparación para vindeiros concursos morfolóxicos?
Vou seguir coidándoa igual que ata o agora. É unha vaca que, a pesar de levar pouco máis de tres meses de parida, tivo unha evolución moi boa e creo que vai seguir evolucionando. Nós imos seguir cos mesmo métodos de traballo que temos agora na explotación aínda que, iso si, con máis ilusión e gañas, logo destes bos resultados.

Dende cando participades en concursos morfolóxicos?
O meu pai comezou a participar en concursos deste tipo nos anos 90 pero cando realmente empezamos a apostar por participar dun xeito máis profesional foi a partir do ano 2004. Ese ano fomos ó concurso de Moimenta, que foi cando empezamos a meternos de cheo nestas competicións. Ó ano seguinte decidimos xa ir ó rexional e logo tamén fomos ó nacional, a Xixón. A partir de ahí, os concursos de Galicia que son abertos á participación de ganderías de Lugo adoitamos facelos todos. Algún ano tamén temos saído a participar en concursos internacionais. Estivemos competindo xa en certames de Bélxica, Italia ou Francia nos últimos anos.

Que vos aporta participar neste tipo de certames?
Realmente os concursos son unha forma máis de traballo xa que son unha maneira moi importante de coñecer gandeiros que están procurando nas súas explotacións o mesmo que buscas ti. Os concursos son unha forma de estar en contacto con outras ganderías.

Que buscades entón para a vosa gandería?
Gústanos ter vacas gañadoras de concurso pero, ó mesmo tempo, estes animais son tamén vacas funcionais na granxa. Búscanse vacas con moi boas características pero que conten, ademais, con moi boas patas e moi bos ubres. Procúranse vacas que sexan capaces de gañar concursos pero que tamén resulten animais moi rendible nunha explotación, xa que, ó fin, todos vivimos do diñeiro do leite que producen as vacas e non de participar nos concursos.

“A vaca que gaña na pista ten que ser campioa na sala de muxido”

O italiano Giuseppe Beltramino criouse nunha granxa de Turín dun centenar de vacas frisoas, unha explotación na que aínda segue involucrado xunto aos seus irmáns. Traballa como director de exportacións da firma italiana especializada en xenética de vacún Intermizoo e tamén ten colaborado con algúns dos mellores criadores europeos como instalador profesional. Giuseppe é xuíz oficial da asociación nacional italiana da raza Frisoa (Anafi) desde hai doce anos e este pasado sábado foi o responsable de avaliar ás máis de 160 vacas inscritas no XXVIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga 2019 e o XXXV de Frisoa Gandagro 2019, celebrados ambos no marco da Feira Internacional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-Gandagro, en Silleda (Pontevedra). ¿Que calidades valoraches en Rey 747 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, que foi a vaca Gran Campioa de Galicia, que tamén foi a vaca Gran Campioa do Concurso Internacional? Realmente é unha vaca de nivel internacional, tal e como comentei xa no concurso e con algúns criadores. É unha vaca á que resulta difícil atoparlle defectos. É unha vaca para competir en Europa ou en todo o mundo. Ten traxectoria de futuro? Desde logo, é unha vaca con moito futuro. Antes de xulgar un concurso, un xuíz espera sempre atoparse este tipo de vaca, este tipo de perfección, xa que así é moito máis fácil facer o traballo.
"As vacas galegas teñen moito carácter leiteiro e calidade de óso. Nótase que hai un traballo xenético desde hai moitos anos"
Son realmente este tipo de vacas de concurso factibles nunha explotación? Si, por suposto. É unha vaca grande, pero tampouco demasiado, e non fai falta tampouco que sexa máis grande xa que agora tentamos que a raza non sexa de maior tamaño. Nos últimos tempos estase a tentar controlar a estatura dos animais para que sexa máis fácil o seu manexo e coidado. Neste caso é realmente unha vaca moi correcta. Que teñen as vacas galegas para chegar a ser campioas? As vacas galegas teñen moito carácter leiteiro e moita calidade de óso. Nótase que hai un traballo de selección xenética desde hai moitos anos xa. En que aspectos crees que se debería seguir mellorando en Galicia? Simplemente hai que seguir, do mesmo xeito que estamos a facer no resto de sitios, axustando o tamaño para non ter exemplares de moita altura. Como en toda a raza Holstein, o futuro en Galicia pode estar nunha vaca cunha estatura un pouco menor. Que opinión tes da evolución morfolóxica das vacas Holstein en Galicia? Paréceme que as vacas galegas son moi boas, non é a primeira vez que estou en Galicia e eu mesmo comprei xa en Galicia unha das vacas da miña explotación que é, ademais, á que máis cariño lle teño. É unha vaca que comprei no 2014 a Marcelino Pozo. Por iso, xa non me sorprende ver tan boas vacas en Galicia. Creo que se está facendo un moi bo traballo por parte dos gandeiros galegos.
"Como en toda a raza Holstein, o futuro en Galicia pode estar nunha vaca cunha estatura un pouco menor"
Precisamente esa vaca galega, criada en Lugo, e que se converteu na mellor desa edición en Cospeito e só un ano despois tamén validou o título como mellor frisoa produtora de leite en Italia, logrou máis títulos? Despois diso foi dúas veces mención de honra no concurso Swiss Expo, en Suíza, un dos concursos europeos de maior nivel internacional. Tamén foi á confrontación europea en Francia en 2016. É unha vaca que gañou moitas veces na súa sección e é un animal que xoga un papel moi importante. Segues téndoa na explotación? Por suposto que segue na nosa gandaría e recentemente vendemos a Holanda unha filla, unha tenreira, que gañou en Swiss Expo xa a primeira sección, que é moi longa e difícil. Que tipo de vacas che gusta ter na túa gandaría? Busco para a miña gandaría o mesmo que cando exerzo de xuíz nos certames. Busco vacas correctas, de moito leite, vacas moi femininas, con calidade de óso. Procuro vacas que se muxan fácil e que teñan esa natureza leiteira. Como xorde a túa vinculación cos concursos morfolóxicos? Empecei a concursar co meu irmán cando tiña 15 anos e as primeiras veces que saímos da rexión normalmente quedabamos de últimos ou case nos derradeiros postos. Pero seguimos aguantando, traballando sen perder nunca o ánimo e agora a verdade é que imos tendo bos resultados, aínda que sempre se pode mellorar e seguimos traballando para iso. Aínda que para nós agora na explotación non é só un tema de gañar concursos senón de contar cun nivel alto cada ano, logo aínda que quedes terceiro non pasa nada se vas asegurando ano tras ano estar nese nivel. Hai moito nivel, criadores moi bos, polo que o importante é contar con vacas de alto nivel, que estean en boas condicións de saúde e benestar.
"Cando as gañadoras son vacas que producen moito leite todo o mundo debería de estar dacordo e recoñecer a súa calidade"
Nun momento en que a pureza da raza Holsteien e os concursos están no punto de mira, que lle replicarías? Os concursos ás veces teñen razón á hora de elixir boas vacas, outras veces non. Cando as gañadoras son vacas que producen moito leite todo o mundo debería de estar dacordo e recoñecer a súa calidade . A vaca que gaña na pista ten que ser campioa na sala de muxido. Se a vaca non saca moito leite, aínda que a morfoloxía sexa correcta non pode gañar. Unha vaca gañadora ten que sacar moito leite e aguantar moito tempo na granxa. Logo é tamén un tema de ambiente, a vaca ten que estar nunhas condicións de benestar adecuado, hai que coidar tamén a súa alimentación. Se a vaca come ben, vive ben, traballa ben e saca boas producións e puntuacións.

Rey 747 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, triunfa en Cimag-Gandagro 2019

A vaca Rey 747 July High Octnae, propiedade da S.A.T. Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo) foi hoxe a gran vencedora ó lograr o premio Vaca Gran Campioa Internacional no XXXV Open Internacional de Gando Frisón celebrado no marco da III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-Gandagro 2019, que pecha hoxe as súas portas logo de tres días.

Esta vaca, que competía na sección xóvenes ata 30 meses, fíxose tamén co título de Gran Campioa de Galicia no XXVIII Concurso Autonómico. Neste mesmo concurso galego, outra vaca de Lugo, neste caso Cid Debutante Chona, da Gandería Cid, de Barreiros, foi a Reserva Gran Campioa.

Namentres, a Reserva Gran Campioa do certame internacional foi Quintana Julia Windbrook, unha vaca da gandería Cudaña, de Valdaliga, Cantabria.

Mellores criadores

Por outra banda, a distinción de Mellor Criador Internacional, foi tamén para a gandería cántabra, Cudaña, de Valdaliga, e como subcampión resultou a Gandería Manteiga, de Vila de Cruces (Pontevedra). Esta última alzouse tamén como Mellor Criador de Galicia. O recoñecemento como subcampión do concurso autonómico foi outro dos galardóns que logrou a gandería Rey de Miñotelo, de Lugo.

Gandería Manteiga, de Vila de Cruces, seleccionada Mellor Criador Galego.

En canto ó galardón de Mellor Gandería de Nova Participación Internacional recaeu na gandería El Campgran, de Manlleu (Barcelona). Nesta mesma categoría no concurso autonómico o gañador foi Gandería Gestoso, de A Estrada (Pontevedra).

Nesta mesma xornada, escoulleuse tamén a Xovenca Gran Campioa, que no caso do certame autónomico foi a Casa-Nova Electra Lamborgini da gandería Pérez &Carro &Miguel Ríal, de Lalín (Pontevedra). Namentres, Cudaña Amok Solomon ET, da explotación cántabra Cudaña, de Valdaliga foi a gañadora nesta categoría no certame internacional.

Como novidade nesta edición, premiouse por primeira vez ó Mellor Criador de Xovencas, que no caso do certame internacional foi El Campgran, de Manlleu (Barcelona) e no autonómico resultou gañador Gandería Carro de Mesía, A Coruña.

Nesta edición, os certames contaron cun total de 164 animais inscritos procedentes de ganderías de Galicia, Cantabria, Portugal así como de Asturias e Cataluña. O xuíz italiano Giuseppe Beltramino, cunha ampla experiencia neste tipo de eventos, foi o encargado de evaluar e decidir as gañadoras de ambos concursos organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia.

Próximas poxas de gando frisón en Galicia

Este fin de semana iníciase en Ordes o calendario 2019 de poxas de gando frisón en Galicia, organizadas polas Africor de A Coruña e de Lugo. Trátase dunha excelente ocasión para mercar animais de alta cualidade produtiva e estatus sanitario procedentes de ganderías galegas, co que o diñeiro tamén queda en Galicia. O calendario de poxas para os vindeiros meses é o seguinte: -24 de febreiro. Poxa en Mesón do Vento (Ordes). Organizada por Africor Coruña, a poxa comezará ás 11:30 horas no Recinto Feiral de Mesón do Vento. Consulta aquí o catálogo de animais. -9 de marzo. Poxa no Recinto Feiral de Santa Comba. Organizada por Africor Coruña. -9 de marzo. Poxa en Chantada, no Mercado Gandeiro. Está organizada por Africor Lugo. -17 de marzo. III Poxa de Elite de Gando Frisón en Curtis (A Coruña). Organizada polo Concello de Curtis. -31 de marzo. Poxa en Boimorto no marco da feira de MAGRECO. Organizada por Africor Coruña. A medida que se acheguen as datas iremos publicando o catálogo de animais das distintas poxas.

Axudas da Deputación da Coruña para o xenotipado das mellores vacas da provincia

A Deputación da Coruña subvencionará a realización de probas xenómicas ós mellores animais por ICO da provincia. A axuda, que lle foi concedida a Africor Coruña, non cubre o total dos custos pero si rebaixa considerablemente o gasto que deben enfrentar as granxas. Africor Coruña, a entidade que agrupa ás ganderías en control leiteiro, calcula que se beneficiarán dos apoios arredor de 80 explotacións lácteas. O xenotipado dos animais ou proba xenómica permite aumentar a fiabilidade dos datos do animal con respecto ós índices de pedigree, permitindo unha toma de decisión nun período de tempo menor e con moita mais seguridade. Inclúe ademais a filiación dos animais cos seus proxenitores xenotipados, determinación de xenes recesivos que puideran dar lugar a malformacións, determinación das proteínas lácteas (beta caseína A1 e A2, kappa caseína...) que determinan o tipo de leite producida polo animal, que pode ser máis axeitado para a produción de queixos (leites BB) ou ser máis dixerible, no caso do leite A2. Estas probas afectarán a unhas 80 explotacións no control leiteiro da provincia, posuidores dos mellores animais por ICO e realizaranse durante os meses de febreiro e marzo.

Fefriga e as Africor galegas inician un proceso de fusión para optimizar recursos e ter máis relevancia

Este pasado venres reuníronse na sede da Federación Frisona Galega (FEFRIGA) en Santiago de Compostela, as Xuntas Directivas das 4 AFRICOR (Asociación Provincial de Control Leiteiro). Durante a mesma e a nivel informativo, acordaron por unanimidade iniciar un proceso de fusión das 4 AFRICOR e FEFRIGA. O seguinte paso consiste en que as Africores informarán aos seus respectivos socios que son os que teñen a última palabra en asemblea. Segundo fontes da negociación, “o obxectivo é optimizar os recursos técnicos e humanos e sermos máis eficientes para as ganderías socias, tanto nas funcións de control leiteiro como no xestión do libro xenealóxico da raza frisona”. A fusión unha nova entidade xurídica tamén permitirá dar máis peso aos produtores lácteos galegos tanto nas negociacións coas administracións como dentro de CONAFE, a asociación nacional de raza frisoa. “É un proceso lóxico de sumar forzas que nos beneficiará a todas as ganderías socias. Empezouse a falar entre as directivas hai medio ano e, se os socios e socias dan o seu apoio, debería permitir que dentro dun ano estea creada esta nova asociación galega de ganderías de raza frisoa”, sinalan as mesmas fontes. Na actualidade das 7.500 ganderías de vacún de leite de Galicia, unhas 2.600 son socias dunha Africor, sendo en xeral as máis profesionalizadas, e representando máis do 50% da produción láctea de Galicia.