Archives

Finca Mouriscade impulsará unha técnica reprodutiva emerxente en vacún

Africor Pontevedra organizou unha xornada en Mouriscade (Lalín, Pontevedra) na que, entre outras cuestións, se expuxo a situación actual da Gandería Mouriscade, propiedade da Deputación de Pontevedra. Héctor Martínez, xefe da sección de Gandería na Finca, foi o encargado de explicar como foi a evolución nos últimos anos e cales son as principais novidades que ofrecerán proximamente. Martínez lembrou o plan de reactivación da Finca que se puxo en marcha, a través do que empezaron coas poxas, tanto en Feiradeza como as que agora organizan cunha ordenanza propia. “O ano pasado foi a primeira, hai uns días tivemos a segunda edición e irémolas organizando segundo teñamos animais sobrantes”. Así indicou que aproximadamente, dos 200 animais que teñen, 140 son recría e dos nacementos que hai, o 90 % son femias, “por iso se levarán a cabo de maneira frecuente as poxas”. “Nós somos un centro de investigación e de experimentación”, presumiu Martínez. Por iso, ofrecen as súas instalacións para calquera asociación ou empresa que queira realizar as súas investigacións. Actualmente contan con campos de ensaio de millo, praderías e outras especies forraxeiras. Ademais, están inmersos nun novo proxecto con cebada híbrida, na que se avaliará como se comporta tanto en produción como en dixestibilidade. Realizan probas con insecticidas FMC para o control da Mythimna unipuncta, una oruga defoliadora “que segue estando presente e que nos causou un gran problema”.
“Dentro de pouco haberá un grave problema no relevo dos veterinarios. Tan só un 1 % se especializa en animais de produción”
Outro dos convenios que destacou foi con Conafe, co que monitorizan os animais para estudar a eficiencia alimentaria e temas de saúde. Así mesmo, resaltou o convenio coa facultade de veterinaria, “que é moi importante”. Martínez puxo o foco nisto “porque temos un grave problema: actualmente tan só o 1 % dos licenciados se quere dedicar a veterinaria de produción, non se sabe que vai pasar cando nos xubilemos”. Incide en que fai falla atopar motivación para que os veterinarios se queiran especializar neste ámbito. Escolas de formación Entre os traballos que realizan destacou as escolas que realizaron, xunto a Fefriga e o Club de Xóvenes Gandeiros, para novos gandeiros. “É moi satisfactorio e alentador ver a tantos mozos e mozas traballando durante todo o día con tanto entusiasmo”, sinalou Martínez. Engadiu que estas escolas volverán a repetirse este ano. Nese mesmo sentido, engadiu que tamén as charlas informativas e as visitas son outro punto forte, “sobre todo para dar a coñecer o traballo que fan os gandeiros e gandeiras”. As naves da granxa da Finca Mouriscade rehabilitadas recentemente. Cedida Servizos e tarifas Entre os servizos que ofrecen, proximamente contarán cun novo: a aspiración transvaxinal de ovocitos (OPU-Ovum pick-up), con fecundación in vitro. Este servicio permitirá obter descendentes a idades máis temperás e tratar individuos que non responden a transferencia embrionaria (MOET). Tamén facilitará a descendencia de vacas con infertilidade estra-ovárica e de femias preñadas. Este servicio estará dispoñible á volta do verán. Ademais, indicou diferentes servizos para os que estableceron novas tarifas. Deste xeito, fixaron unha tarifa xeral e outra específica para as ganderías que son da provincia de Pontevedra. No caso da venda de embrión “decidimos reducir o prezo segundo pasaban uns días”. Así, ata o día 45 dende a saída á venda, o prezo para as ganderías da provincia é de 165 euros, mentres que para as demais de 220 euros. Do día 46 ao 120, a tarifa baixa a 140 euros e 200 euros, respectivamente. Finalmente, a partir do día 121 os prezos quedan en 105 e 150 euros. Unha das novidades nas tarifas céntrase no servizo de conxelación de embrións, polo que cobrarán 10 euros. O custo dos resto de servizos queda da seguinte maneira: preparación receptora 17 euros, transferencia de embrión 25 euros, preparación de donante 160 euros, recolleita de embrións (Flushing) 150 euros e o novo servizo que implantarán a partir do verán de aspiración transvaxinal de ovocitos (OPU) 60 euros. Cabe destacar que agás a venda de embrións, o resto de servizos só se xestionan para as ganderías de Pontevedra. Xestión da web e compra de embrións Na exposición, Héctor explicou paso a paso como facer un rexistro da explotación a través da páxina web de Finca Mouriscade ou da sede electrónica da Deputación. Nos puntos clave, destacou que o rexistro se realice como “persoa solicitante” e tamén “indicar un correo electrónico que se mire asiduamente, porque aí faranse notificacións importantes”. Tamén, hai que ter en conta que se poden poñer máis dunha persoa autorizada para entrar a facer os trámites na páxina web, “así, unha persoa pode estar autorizada en varias ganderías, por exemplo, un técnico”. Unha vez se cobren todos os datos, dende Finca Mouriscade validan a gandería, “é dicir, comprobamos que a gandería existe e que está ben rexistrada”.
Se se detectan irregularidades na compra de embrións por parte das granxas da provincia, haberá sancións
A compra de embrións só estará dispoñible para os usuarios que se rexistraron previamente e estarán a venda ás 10 da mañá do día seguinte da recolecta. “Se hoxe fago a recolecta, realizo un mailing para que todas as persoas rexistradas poidan acceder mañá ás 10 da mañá á compra dos embrións. Queremos igualdade de condicións”. Durante os primeiros 14 días naturais só poden comprar os gandeiros de Pontevedra e cada gandeiro só vai poder adquirir dous embrións por recolecta. A efectividade da reserva estará condicionada ao pago do embrión en 5 días naturais. Os gandeiros que solicitan no mesmo trámite a implantación do embrión, disporán de seis meses para retiralo, mentres que os que non ou son de fóra da provincia teñen 30 días. “Con isto queremos evitar que queden os embrións eternamente e logo haxa problemas”. Como calquera regulamento, o mal uso ou o uso non adecuado do servizo leva unhas sancións. Se detectan que algún gandeiro compra embrións con bonificacións para Pontevedra, pero acaban en terceiros e noutras provincias, implica a perda por parte do gandeiro durante 3 anos da bonificación. Ademais terá unha multa e pagará o embrión ao prezo ao que estaba para outras provincias. Se o gandeiro non fai o pago durante os 5 días, o embrión volverá estar dispoñible e non poderá acceder a el esa mesma gandería. Por outro lado, a gandería que non realiza os pagamentos de forma reiterada, restrínxenlle o servizo durante o ano seguinte. Martínez destacou a importancia de xestionar todo isto polas vías electrónicas, “que sabemos que é algo complexo e que causa moitas dúbidas, pero facilita moito o traballo para as ganderías e para nós”.

Quinta mellor granxa de España en calidade xenética

O deputado provincial de Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, participou hoxe na clausura da xornada organizada pola asociación de gandeiros AFRICOR na Finca Mouriscade, en Lalín. O deputado sinalou o compromiso do goberno da Deputación de Pontevedra co sector primario e rural, “un dos nosos distintivos e grandes valores como motor para o desenvolvemento económico do noso territorio, da man da innovación tecnolóxica e o respecto ao medio”. Cubela puxo en valor o “boísimo momento” que está a vivir a Finca Mouriscade, propiedade da institución provincial, como “quinta mellor granxa de España en calidade xenética, pechando 2023 como o ano no que se venderon máis embrións en toda a súa historia, ou abrindo a finca á cidadanía cun programa de visitas guiadas”. Ademais, Jorge Cubela lembrou a importancia de avanzar no reto demográfico para facer que a gandaría “sexa un sector atractivo para as novas xeracións, implicando a mocidade no rural para facerlles ver que aquí hai futuro e que os precisamos para facerlle fronte ao despoboamento”.

Xornada técnica de Africor Pontevedra o 10 de abril

O vindeiro mércores, 10 de abril, AFRICOR PONTEVEDRA organiza na Finca Mouriscade, en Lalín, a súa xornada técnica dirixida a ganderías de vacún de leite. As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente chamando ao 986 580 462 Velaquí o programa:

A Finca Mouriscade inicia a venda directa de embrións a través da súa renovada web

A Finca Mouriscade, dependente a Deputación de Pontevedra, acaba de presentar a súa renovada web na que se inclúen novos servizos directos para as ganderías, como a venda online de embrións. A presentación do reformado portal web realizouse este venres no marco da xornada técnica con gandeiros organizada por Africor Pontevedra nas instalacións do laboratorio da Finca, situada en Lalín. A web segue a manter o mesmo enderezo: mouriscade.depo.gal. Entre as novidades, na súa páxina de inicio inclúe as 4 áreas que forman a Finca Mouriscade: o laboratorio de análise de alimentación animal, a granxa, a planta de biogás e as terras de cultivo (que ademais de producir forraxe para alimentación do gando empréganse como campos de ensaios de cultivos). Coa renovación da web, ademais de incorporar novas seccións, buscan ofrecer transparencia e aumentar o acceso directo a servizos ás ganderías, en especial ás da provincia de Pontevedra, que contarán con importantes vantaxes.

A venda online de embrións

Na sección adicada á Granxa destaca a venda de embrións, un servizo que agardan ter totalmente operativo no próximo mes, xa que está pendente a publicación oficial dos novos servizos e tarifas no Boletín Oficial da Provincia, así como ultimar algúns apartados na web. Polo momento, xa é posible consultar os embrións dispoñibles e tramitar a súa compra chamando á Granxa Mouriscade, un procedemento que despois se fará totalmente online. No apartado para a venda dos embrións inclúese un listado actualizado dos embrións dispoñibles. Ademais de contar cunha imaxe do animal, os gandeiros dispoñen dunha folla de datos proporcionada por Conafe, así como dun informe de avaliación xenómica americana e canadense. Na web inclúese un listado actualizado dos embrións dispoñibles con datos detallados sobre os animais. “Pretendemos que o gandeiro teña toda a información posible dispoñible para facer a compra do animal que quere. Queremos aportar a máxima transparencia e garantías á venda de embrións”, indicou durante a presentación da web o xefe de sección da Gandería da Finca Mouriscade, Héctor Martínez Sanz, que se está a encargar da posta en marcha da web xunto cun equipo de traballadores do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.

O procedemento

Unha vez que estea activa a venda online, o gandeiro interesado deberá rexistrarse previamente na sede electrónica para logo poder realizar a compra dos embrións. Con este rexistro pretenden evitar posibles fraudes na compra deste material. “Búscase ter un servizo de venda transparente e garantir a igualdade de acceso”, indica Martínez.
Só poderán mercar os embrións gandeiros en activo, con CEA e rexistro sanitario
Para rexistrarse deberán dispoñer de certificado dixital. Só poderán rexistrarse gandeiros en activo, para o que pedirán o número de CEA e a acreditación sanitaria, para asegurarse así que teñen animais. Os gandeiros poderán nomear un representante, como pode ser o veterinario da granxa, para realizar estes trámites.

Prezos dos embrións

Os prezos dos embrións é un dos temas pendentes da publicación da ordenanza e que non se fixeron públicos na presentación realizada na xornada. Martínez adiantou que as ganderías da provincia de Pontevedra terán prezos bonificados. Ademais, o prezo dos embrións reducirase de xeito automático co paso do tempo para evitar que queden embrións atrás na venda e favorecer o acceso á mellora xenética de todas as ganderías.
As ganderías da provincia terán prezos bonificados e poderán contratar a implantación do embrión
Só as ganderías da provincia de Pontevedra terán a posibilidade de contratar a implantación do embrión. Se se contrata este servizo o transporte será gratuíto. Mentres, no resto de casos o transporte correrá a cargo do comprador. O pago dos embrións deberá realizarse nos seguintes 7 días. De non efectuarse o pago, os embrións volverán a estar dispoñibles na web. Para evitar que de xeito reiterado se faga o procedemento da compra na web e non se remate o pago, cando se realicen impagos reiterados haberá penalizacións para eses gandeiros á hora de facer novas compras, co gaio de evitar que se bloqueen deste xeito embrións.

Restricións

Para favorecer o acceso á compra para as ganderías da provincia e ó mesmo tempo garantir o acceso a estes embrións de alto valor xenético a todo o sector, tamén estableceron unha serie de vantaxes e restricións para a compra: - Nos primeiros 14 días da posta á venda dos embrións, só poderán mercalos ganderías da provincia de Pontevedra. - A partir do día 15 a venda ábrese ó resto de ganderías. -Só poderán mercarse 2 embrións por día. Deste xeito pretenden evitar o acaparamento por parte das ganderías. -Non está permitida a revenda, cambio ou cesión dos embrións. Ademais, os embrións mercados con bonificacións para a provincia de Pontevedra só poderán implantarse en vacas da provincia.

Sistema de alertas

Dende a Granxa Mouriscade activarán un sistema de alertas da posta á venda de novos embrións. No momento en que teñan a previsión de realizar un flushing mandarán un email de aviso a todas as ganderías rexistradas da provincia de Pontevedra, para facilitar que todas elas teñan coñecemento de que disporán de novos embrións. Na web tamén se disporá dunha cronoloxía dos flushings que se van realizando.

Mellora xenética na Granxa Mouriscade

A renovación do portal web é unha das liñas de traballo incluídas no Plan para reactivar a Granxa da Finca Mouriscade. O Plan, iniciado hai dous anos, busca volver situala como un dos centros de referencia en mellora xenética do gando frisón. A nova web culmina un traballo de mellora xenética e pon agora estes esforzos a disposición das ganderías de vacún de leite. Neste programa de mellora xenética levouse a cabo a compra de material con alto valor xenético procedente dun núcleo de doantes de elite de mercados nacionais e internacionais. Ademais, fixeron unha aposta clara polos índices xenómicos nacionais GICO, americano (GTPI) e o canadense (GLPI). Tamén incluíron entre os criterios de selección a produción de leite A2A2 e a Kappa caseina BB. Martínez tamén recordou que a venda de embrións é un dos métodos destacados para a mellora xenética do rabaño, xa que con estes procedementos redúcese o risco de enfermidades, os custos derivados das corentenas de introducir novos animais na granxa, así como da compra e transporte dos mesmos. Xunto coa posta en marcha da nova web, no Plan de reactivación da granxa incluíuse a posta en marcha do laboratorio móbil, que se iniciou recentemente. Ademais, tamén está previsto a venda directa de animais mediante poxas públicas. Teñen pensado realizalas nas instalacións da propia granxa experimental de Mouriscade, aínda que por agora está pendente da tramitación do procedemento por parte da Administración.

Africor Pontevedra organiza unha xornada técnica o vindeiro venres

Africor Pontevedra organiza o vindeiro venres, 17 de marzo, unha xornada técnica en Finca Mouriscade (Lalín). As inscricións poden realizarse chamando ao 986 580 462 Velaquí o programa:

4.900 euros, prezo máximo da Poxa de Gando Frisón Feiradeza 2022

Esta tarde celebrouse en Lalín (Pontevedra) a XIII Poxa de Gando Frisón Feiradeza 2022, na que finalmente participaron un total de 18 animais de xenética Holstein, todos eles procecentes da Granxa Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra. O prezo de saída foi de 1.600 euros por animal e o prezo medio situouse nos 2.700 euros. O prezo máximo conseguiuno Mouriscade Horizon Araceli, unha vaca de alto valor xenético que foi adquirida pola gandería de O Páramo (Lugo), Pena Guisande SC, por 4.900 euros.  Deixamos aquí os prezos acadados por cada animal: -Mouriscade Fortune Telva: 2.900 euros -Mouriscade Salvame Leasy: 3.300 euros - Mouriscade Ciclo-P Dalila ET: 3.300 euros - Mouriscade Bi Battle Silda: 2.300 euros - Mouriscade Horizon Araceli: 4.900 euros - Mouriscade Horizon Estela: 2.400 euros - Mouriscade Clun Concha: 3.400 euros - Mouriscade Clever Vianda: 2.900 euros - Mouriscade Bi-Battle Alba ET: 2.800 euros - Mouriscade Horizon Tarela: 2.300 euros - Mouriscade Modesty Luci: 2.300 euros -Mouriscade Fortune Toraya: 2.400 euros - Mouriscade Supertoro Endrina: 2.500 euros - Mouriscade Modesty Amora: 2.500 euros - Mouriscade Jedi Paquita: 2.400 euros - Mouriscade Bandares Dixi ET: 2.000 euros - Mouriscade Jedi Dora: 2.600 euros - Mouriscade Supertoro Marta: 2.100 euros  

-Resultados da XXXVIII Feiradeza e do Open Internacional de raza Frisoa.

“Feiradeza será o primeiro certame de gando frisón que se celebra en Galicia tralo inicio da pandemia”

Este ano, o certame de gando frisón Feiradeza terá lugar no mes de setembro e será o primeiro concurso destas características que se celebra en Galicia dende o inicio da pandemia. Coñecemos tódolos detalles desta edición da man de Avelino Souto Rozados, concelleiro responsable da área de Agricultura e Feiras de Lalín, departamento que organiza a cita. Souto, ós seus 22 anos mantén un estreito vínculo con este certame, ó participar dende cativo tanto como manexador como cos animais da súa gandería, cunha ampla traxectoria de recoñecementos. Esta é a primeira edición na que se encarga por completo da organización do certame. -Como se presenta esta edición de Feiradeza? -Esta edición vai ser diferente e novidosa. Queremos darlle un cambio ó certame e este ano estamos a dar os primeiros pasos. Aínda hai certa incerteza en canto ás limitacións que haberá debido á evolución da pandemia, pero independentemente diso introducimos novidades. Un dos principais cambios é o traslado de ubicación da pista do certame, tamén contaremos por primeira vez con maquinaria, fixemos varias melloras en temas que afectan ós gandeiros e ós animais participantes. Ademais, por primeira vez, entregaranse as distincións do concurso autonómico de Fefriga. -Unha das novidades deste ano é o cambio de data, xa que celebrarase do 10 ó 12 de setembro. Por que se acordou este cambio con respecto das últimas edicións? -Aínda que este ano sexa en setembro, a feira sempre vai ser o primeiro fin de semana completo do mes de xullo. Este ano decidiuse atrasala polo Covid-19. Así, agardamos que para o ano xa poidamos retomar a data habitual.
“O Multiusos Lalín Arena é o espazo ideal para potenciar Feiradeza”
-Tamén hai un lixeiro cambio de ubicación este ano, que mesmo xerou xa certas críticas dende algúns partidos da oposición. A que se debeu esta modificación? -Decidimos trasladar os actos centrais do certame ó Multiusos Lalín Arena. É un cambio que obedece á nosa aposta por impulsar a feira, xa que queremos que vai tendo máis afluencia de público e participantes, polo que necesitábamos un espazo que se axeitara para iso. O Multiusos Lalín Arena é o espazo ideal para potenciar Feiradeza. Como ben di o nome, é un multiusos e como tódolos Arenas de Europa, son instalacións que acollen diversidade de actividades: dende concertos, galas, eventos deportivos (que representan o 95% da actividade), así como concursos de animais, como os de cans, que xa houbo no Lalín Arena, e agora teremos tamén un de vacas. Creo que non debería xerar maior debate, o resto é parte do xogo político e no que non vou entrar. -Entón, o traslado para o Lalín Arena non é puntual? Pretendedes seguir mantendo de cara a vindeiras edicións? -Por suposto, mentres estea ó fronte da organización do certame a miña aposta é por esta ubicación para os actos centrais do certame, porque por agora considero que é a máis adecuada. O gando seguirá estando nas instalacións do Campo da Feira Novo, situadas a carón do Lalín Arena, pero o certame levarase a cabo no multiusos.
“É un gran logro poder contar este ano co Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2021”
-Acolle non só o certame de Feiradeza, senón o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2021, que se celebrara en Silleda noutras edicións. Hai intención de que se manteña tamén vinculado a Feiradeza este certame? -Este ano tivemos a oportunidade de acoller o certame de Fefriga, logo de negociacións e de alcanzar un consenso. É un gran logro poder contar con este certame, que nos axuda a potenciar Feiradeza. En vindeiras ocasións non podo garantir que se vai celebrar en Lalín, xa que non depende só de min, a decisión está condicionada por distintos factores e hai outros municipios interesados. -E na organización máis en detalle do certame Feiradeza, con cantos animais agardan contar este ano? -Tivemos aberto o prazo de inscrición ata o día 29 de xullo. As previsións son bastante boas xa que a xente está moi animada para retomar os concursos. Feiradeza será o primeiro certame de gando frisón que se celebra en Galicia tralo inicio da pandemia e o segundo en España. Polo momento temos xa confirmadas ganderías coruñesas de Zas, Mazaricos, Santa Comba, así como da zona de Lugo procedentes da Pastoriza, e ganderías da comarca do Deza habituais dos certames, como Gandería Rato, Casa do Rei ou Manteiga, entre outras.
A poxa é outro dos aspectos que queremos potenciar, por iso a pasamos ó domingo pola tarde e teremos animais de alta calidade
-Contades para esta edición de novo con colaboración da Finca Mouriscade? -Viña sendo habitual que para Feiradeza houbese colaboración por parte da Deputación de Pontevedra a través da Finca Mouriscade e nesta ocasión aínda máis, posto que xa se comprometeron a proporcionar alomenos 10 exemplares para a poxa, ademais de premios para os gandeiros. É moito de agradecer que contemos con estes animais de tan boa calidade procedentes de Mouriscade, porque cabe recoñecer que se estes animais estivesen en ganderías sería máis difícil que se chegasen a poñer á venda, polo alto valor que teñen para as granxas. A poxa é outro dos aspectos que queremos potenciar, por iso a pasamos para o domingo á tarde e teremos animais de alta calidade. -Hai cambios tamén na propia organización do concurso en cuestións que afecten directamente ós gandeiros con respecto dos últimos anos? -Aumentamos moito tanto os premios como as axudas á participación. Ademais imos traer peladores máis profesionais que en anos anteriores. Outra das novidades neste ámbito é que as vacas van entrar no recinto feiral xa o venres pola mañá e esa mesma tarde xa se vai ter actividades. Este ano o concurso das becerras vai ser xa o sábado en quenda de mañá, no canto de pola tarde, como era o habitual.
"Incrementamos os premios por seccións para que participar en Feiradeza non supoña para os gandeiros un gasto extra, cando sirven de referencia para o sector"
-Que axudas percibirán os gandeiros que participen? -Os participantes van recibir 150 euros por vaca e 75 por cada becerra. Tamén imos incrementar os premios por seccións. O obxectivo con estes incrementos é que participar en Feiradeza non supoña para os gandeiros un gasto extra, xa que estes animais serven de referencia para o sector. Tentamos, alomenos compensar o gasto que supón que veñan participar, para que todo o sector poida gozar dun día de concurso. -Que orzamento manexades este ano para Feiradeza? -Este ano o orzamento é bastante máis elevado que noutras edicións e imos manexar arredor de 80.000 euros. Hai que ter en conta que tamén contamos coa colaboración de Fefriga, o Concello y empresas colaboradoras. -Inclúese un certame de manexo de tractores antigos, que nos pode adiantar desta sección? -Aínda que este ano aínda sexa dun xeito modesto, imos tentar ter xa maquinaria e tamén tentaremos levar a cabo un concurso de tratoristas, que se fará o sábado ás 16.30 horas e que tamén levarán premio.
"Tentamos profesionalizar Feiradeza e ó mesmo tempo conseguir achegala á poboación en xeral"
-Haberá tamén unha parte dedicada a maquinaria, que tipo de maquinaria agardan ter exposta? -Teremos maquinaria exposta nos exteriores do Lalín Arena e o campo da Feira Novo e haberá un stand para cada unha desas empresas. A maiores, no interior tamén haberá outros stands do sector, xa non so de maquinaria senón tamén de empresas de enerxía, de venta de seme, de sementes... Tentamos profesionalizar Feiradeza e ó mesmo tempo conseguir achegala á poboación en xeral. Así, tamén teremos xogos para os cativos, con monitores, na tarde do sábado e o domingo pola mañá. Teremos outras actividades relacionadas co leite e o gando, para que serva de aproximación ós máis novos, mentres os adultos se interesan polas actividades programadas e os stands. -En que medida condicionou o Covid-19 esta cita? -Polo momento xa nos fixo cambiar a data habitual. Ademais, é tradición que Feiradeza remate cunha comida de fraternización entre os gandeiros participantes. Aínda que está prevista facela, o coronavirus fai que estea no aire. Tamén temos que controlar os aforos, polo que establecemos só dúas entradas para telas controladas e poder levar un seguimento do número de asistentes que hai en todo momento, para limitar o acceso cando se exceda do permitido. Neste sentido, imos enviar invitacións ós gandeiros para garantir que eles poidan asistir xa que, aínda que queremos que o resto da sociedade tamén atope neste certame unha aproximación á gandería de vacún frisón profesional, temos que priorizar que os gandeiros poidan, polo menos, asistir a aquelas seccións, como o concurso ou as poxas, que máis interese teñan para eles. -Logo da polémica que se suscitou na última edición, cando unha das vacas da súa gandería familiar, gandería Midón, resultou gañadora do certame, valorades participar este ano en Feiradeza? -No 2019, cando se suscitaron esas críticas por parte da oposición, xa o comité organizador me amosou o seu apoio e propuxo saír na miña defensa. Agora volveron reiterarme o seu apoio. Todo o mundo do sector gandeiro sabe ben como funcionan os concursos e que esa decisión non foi amañada, o que quedou demostrado cando a vaca volveu gañar nun certame tan importante como o de Asturias. Este ano volverán participar vacas da gandería familiar, si é certo que eu non vou participar e pasear as vacas, vou a estar colaborando na organización, con roupa de traballo e apoiando este certame. Non vou pasear as vacas para evitar certas polémicas, aínda que tamén podo adiantar que este ano non vou gañar, xa que non temos ningunha vaca para gañar.

"No 2020, concedéronse máis de 20 licenzas para granxas, o que evidencia o puxante que é o sector en Lalín"

-Á marxe de Feiradeza, que medidas de apoio ao sector primario tedes impulsado dende o departamento de gandería no Concello de Lalín? -Un dos aspectos que puxemos en marcha e que está funcionando moi ben é o sistema para conceder licenzas para actividades agrogandeiras e que se está impulsando non só en Lalín senón en distintos concellos. Así é que, o ano pasado se tramitaron en tempo todas aquelas licenzas que estaban pendentes de acceder a subvencións. O ano pasado concedéronse máis de 20 licenzas para granxas, o que evidencia o puxante que é este sector na capital do Deza. Ademais, dende o Concello impulsamos, en colaboración con Xuncoga, un servizo de substitucións para os gandeiros. Tamén estamos a colaborar coa Sociedade de Caza de Lalín e estamos pendentes de asinar un convenio para o control de fauna como o xabaril, dados os importantes danos que está a causar tanto a gandeiros como a agricultores. Ademais, aínda que as competencias municipais neste senso son limitadas, estamos asesorando e orientando á xente que se achega ás dependencias municipais con interese por temas agrarios ou gandeiros. Temos unha oficina no Concello dedicada a estes temas. É unha xestión que moitas veces asumo persoalmente, porque me gusta poder axudar á xente nun ámbito que me apaixona e do que tamén teño certos coñecementos. -A nivel autonómico e político, hai poucos días Feijoo confiábache unha nova responsabilidade dentro do Partido Popular ó nomearte novo responsable de coordinar a área de Medio Rural. Como asumes esta nova responsabilidade? -A verdade é que aínda non aterrei no cargo, pero síntome fondamente agradecido de que pensaran en min e que ademais queiran que esta tarefa a asuma unha persoa que estea vinculada estreitamente ó sector como é o meu caso, xa que a pesar das responsabilidades municipais, eu sigo levantándome e muxindo as vacas, atendendo os animais... Gustoume moito que a maioría das felicitacións que tiven foran do sector gandeiro e non só de Lalín, senón de todo Galicia e mesmo de fóra. Dende un punto de vista político, proporcióname unha gran ledicia contribuír a trasladar que no Partido Popular tamén hai xente do rural, xente con ganderías, xa que os partidos de esquerdas venden que só eles son os do rural, e esta é unha demostración de que non é así.
"Na xestión da fauna salvaxe a xente dos territorios que conviven con estes animais teñen moito que aportar e son parte da solución"
-En que aspectos queres centrarte? -Entre as miñas prioridades atópase un tema complexo, pero que é preciso abordar: o abandono do rural. Creo que para combatelo hai que apostar por fomentar proxectos que xeren oportunidades de calidade e rendibilidade no rural. É un gran reto. Outro dos temas que me preocupa é a xestión da fauna salvaxe, como o xabaril, que en zonas como o Deza está a causar grandes estragos; pero tamén o lobo. Aínda que poida xerar controversia, creo que na xestión desta fauna a xente dos territorios que conviven con estes animais teñen moito que aportar e son parte da solución, polo que hai que escoitalos. Ademais dos problemas que o aumento desta fauna está a xerar nas ganderías, estes danos desmotivan ós gandeiros a seguir e ós mozos a iniciarse nesta actividade, e contribúen ó abandono do rural. Tamén quero apostar por seguir impulsando a profesionalización do sector, sen que isto implique unha aposta por granxas cada vez máis grandes, senón profesionais en canto á formación. Aínda que se mellorou moito, considero que é preciso seguir nesta liña.

Paralízase o control leiteiro na Coruña e Pontevedra durante o tempo que dure o estado de alarma polo coronavirus

Os controladores visitan unha vez ao mes as gandarías e toman mostras de cada vaca durante o muxido As explotacións lácteas galegas quedarán sen control leiteiro durante o tempo que dure o estado de alarma motivado polo coronavirus COVID-19. Africor Coruña comunicou este luns aos seus asociados a "suspensión temporal do Control Leiteiro" ante o "agravamento da pandemia do coronavirus" e a "negativa e desconfianza dos gandeiros ós que se visitaran nas súas explotacións". En Pontevedra solicitaron xa un ERTE para o conxunto do cadro de persoal e desde Africor Lugo están buscando unha fórmula que lles permita tamén suspender o servizo co menor prexuizo posible para os traballadores. "Decidimos suspender temporalmente o Control Leiteiro desde hoxe, 23 de marzos de 2020, e até que a situación se normalice", explica o aviso colgado na páxina web de Africor Coruña e remitido ás gandarías. O parón inclúe todo o traballo de campo e de oficina, incluída a realización do control leiteiro, a extracción de mostras para xenotipos e filiacións e a venda e reparto de doses de seme. Desde Africor Coruña habilitan un teléfono para posibles dúbidas durante este periodo. É o 666 820 242. Africor Coruña acorda suspender a súa actividade cando menos durante as vindeiras tres semanas, até despois de Semana Santa, aínda que o reinicio das visitas ás granxas está condicionado polo levantamento das medidas excepcionais decretadas tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia.
Africor Coruña mandou unha comunicación aos seus socios avisando da suspensión do Control Leiteiro desde este luns e até que a situación se normalice
A decisión, que inclúe a presentación dun ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) que afecta a 29 traballadores, foi comunicada xa aos gandeiros socios na provincia da Coruña e implica que non se poderán completar os datos do control leiteiro deste mes de marzo, xa que unha parte das explotacións terían que recibir a visita dos controladores nesta derradeira semana, nin  tampouco os do vindeiro mes de abril. Á espera da aprobación do ERTE presentado Unha decisión semellante foi adoptada na provincia de Pontevedra. Rafael Méndez Guerra, presidente de Africor Pontevedra, confirmou a Campo Galego a solicitude de despedimento temporal da totalidade do cadro de persoal, un total de 15 persoas entre controladores e persoal de oficina. No seu caso están agardando a ver se o ERTE solicitado é aprobado ou non polas autoridades laborais para facer a comunicación ás explotacións, aínda que Rafael recoñece que "a maior parte dos gandeiros non quere que lle vaimos controlar estes días", o que os obrigaría a parar aínda que o Expediente de Regulación Temporal de Emprego non fose autorizado.
Moitos gandeiros conviven con persoas maiores na casa e decidiron restrinxir as visitas ás explotacións por temor á transmisión do virus
"Estamos intentando rematar o control leiteiro deste mes mentres non chega a resposta ao ERTE, a nosa intención é acabar este mes a toma de datos e despois igual hai que habilitar o mes de agosto para substituir ao de abril", explica.  Cada visita de campo dos controladores ás explotacións ten lugar cun intervalo de entre 22 e 33 días desde a anterior e no mes de agosto non se controla como consecuencia das vacacións do persoal. Un cento de traballadoresReal Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma non impide as visitas de técnicos ás explotacións, cuxo funcionamento está considerado actividade esencial e polo tanto garantida a súa continuidade. De feito, Africor Lugo, Africor Coruña e Africor Pontevedra mantiveron a semana pasada o traballo dos controladores e os seus desprazamentos ás granxas, pero as reticencias mostradas por unha parte dos gandeiros por temor á transmisión do virus fixo que este luns na Coruña e Pontevedra tomaran a decisión de paralizar as visitas.
O cese temporal da actividade supón o despedimento de 29 traballadores na Coruña e 15 en Pontevedra
Africor Lugo é a única das tres asociacións provinciais que continúa polo momento a prestar o servizo aínda que o seu presidente, José Carlos Vega, admite que "está claro que haberá que parar". "Non sabemos aínda que día ou de que maneira se fará, que é o que se está mirando neste momento, tratando de buscar unha fórmula na que mellor saiamos todos", explica. A situación de Africor Lugo é diferente á dos outros dous Africores, dado que é o que máis traballadores ten. A Asociación que preside José Carlos Vega e da que Ramiro Fouz é secretario executivo dálles servizo a 1.380 ganderías socias a través dun cadro de persoal de 51 empregados, segundo se recolle na súa última memoria anual publicada, a do ano 2018.
A Xunta Directiva de Africor Lugo celebrou unha xuntanza a mediados da semana pasada na que se tomou a decisión de continuar polo momento
Isto implica que pasarían do tope fixado en 50 empregados para os despedimentos por causa maior sen custo para as empresas afectadas, recollido nas medidas económicas aprobadas polo Goberno central para paliar os efectos da crise sanitaria. Até o momento Africor Lugo non mandou notificación algunha aos gandeiros e a Xunta Directiva celebrou a mediados da semana pasada unha reunión co Comité de Empresa na que se tomou a decisión de continuar polo momento realizando o control leiteiro na provincia de Lugo, aínda que José Carlos Vega considera que será inevitable parar nos vindeiros días, entre outros motivos porque "non ten sentido controlar unhas explotacións e outras non". A paralización dos controis deixaría sen traballo a case un cento de persoas en toda Galicia, encargadas da súa realización. No caso de Africor Coruña afrontarán un ERTE que afectará á totalidade dos seus 29 controladores e técnicos. No caso de Africor Pontevedra serán 15 persoas as damnificadas, aos que se sumaría o medio cento de Lugo no caso de decidiren finalmente parar tamén.

Subministro mensual de datos e información a 2.700 explotacións en toda a comunidade

Os tres Africores galegos dan servizo a un total de 2.737 gandarías: 1.380 en Lugo, 913 na provincia da Coruña, 430 en Pontevedra e 14 na provincia de Ourense, que son atendidas desde Africor Pontevedra. No seu conxunto, controlan anualmente un total de 1,8 millóns de toneladas de leite, o que equivale ao 70% do leite muxido en Galicia e ao 27% do total producido en España. As Asociacións Provinciais de Gandeiros para o Control de Rendementos (Africor) son asociacións sen ánimo de lucro que veñen realizando desde o ano 1992 o control leiteiro oficial nas distintas provincias. Os controladores visitan mensualmente todas as explotacións asociadas durante a realización do muxido, recollendo datos de produción, reprodución e mostras de leite de cada vaca, o que permite obter unha información que, unha vez procesada, é remitida ao gandeiro en informes con periodicidade mensual.
Sete de cada 10 litros de leite producidos en Galicia pasan polo Control Leiteiro
Toda esta información serve para unha mellor xestión das gandarías asociadas, tanto a nivel reprodutivo como sanitario, para o control da alimentación, a orientación sobre a mellora xenética, a recría, etc. Asimesmo, con esta información realízanse as avaliacións xenéticas oficiais a nivel nacional, que permiten valorar tanto ás vacas coma aos touros utilizados na inseminación artificial. O control leiteiro é a actividade principal desenvolvida polos Africores e ten carácter oficial, ao estar integrada no Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), entidade que coordina a realización do control leiteiro oficial en Galicia. A maiores realizan outras actividades, como o Programa de Acoplamentos, extracción de mostras para xenotipar animais, xestión de envío de datos á árbore xenealóxica ou reparto de seme.

¿En que comunidades avanza máis o xenotipado en vacún de leite?

O xenotipado das xatas, xunto que coa utilización de touros xenómicos e a transferencia embrionaria preséntanse como as principais vías de mellora xenética en vacún de leite de cara ao futuro. Sen embargo, mentres que a utilización de seme de touros xenómicos xa está moi popularizada (en 2018 ao redor do 70% do seme utilizado en España en vacún de leite foi de touros non probados), a transferencia embrionaria e o xenotipado son estratexias de progreso xenético que aínda teñen moito percorrido no noso país. Neste sentido, José Antonio Jiménez, xefe de departamento técnico de CONAFE, explicou na última xornada técnica de Africor Pontevedra os avances que permite esta técnica para unha gandaría. Como punto de partida, destacou que “a clave da mellora xenética sempre é a boa recollida de datos para, sabendo os obxectivos que nos marcamos en cada gandaría, utilizar os datos para tomar decisións acertadas”.
 “O xenotipado é unha das principais vías para mellorar o progreso xenético vía materna”
Centrándose xa no xenotipado, destacou que “é a principal vía para acelerar a mellora xenética do rabaño, seleccionando mediante probas de análises do ADN ás mellores becerras para recriar ou procurar que nos deixen descendencia frisoa, e así mellorar a rendibilidade do noso rabaño”. Así, mentres que grazas á utilización de touros xenómicos o ICO dos machos de raza Holstein pasou dunha media de 2.000 puntos no ano 2009 a 4.300 puntos en 2017, o das femias tamén aumentou pero menos: duns 1.800 puntos ICO a 3.000 puntos, sendo o xenotipado una das principais vías para mellorar o progreso xenético vía materna. Neste sentido, o responsable técnico de CONAFE lembrou que “a nivel europeo realizáronse máis de 500.000 xenotipados o pasado ano, unha cifra que baixa a só 15.000 en España”. “Isto sitúanos nunha desvantaxe competitiva fronte ao resto de gandarías europeas”, advertiu.

Cataluña e o País Vasco, á cabeza de España en xenotipado

En canto á implantación desta técnica no territorio estatal, Cataluña lidera claramente o ranking, con preto de 5.000 xenotipados en 2018, seguida de Navarra, cuns 2000, Galicia con outros 2000 e o País Vasco cuns 1.500. Porén, se se analizan os datos en relación á cabana gandeira, por provincias soamente Barcelona, Xirona, Navarra, Guipúzkoa, Álava e Córdoba superan o 15% de xenotipado.

Que información proporciona o xenotipado dunha tenreira?

O xenotipado dunha becerra proporciona á gandeiro información sobre o potencial xenético do animal tanto desde o punto de vista morfolóxico, produtivo e tamén de saúde, así como a porcentaxe de fiabilidade de cada un dos caracteres. Velaquí un exemplo:

Resultados de xenotipado en granxas

José Antonio Jiménez puxo como exemplo dos efectos do xenotipado os resultados de 4 anos nun grupo de granxas do País Vasco, en canto a redución de enfermidades relacionadas con malformacións. “O máis destacado é que grazas ao xenotipado descendeu do 10 ao 5% os casos de Brachiospina, e tamén, pero de forma máis moderada, doutras enfermidades recesivas. As porcentaxes de enfermidades causadas por haplotipos tamén caeron e nos caracteres produtivos, mellorou tamén a porcentaxe de animais que producen leite con máis aptitude queixeira, é dicir, cos xenes Betacaseína A2A2 e Kappacaseína”, destacou o responsable do departamento técnico de CONAFE. Resultados de 4 anos de xenotipado en granxas do País Vasco: Os resultados doutro estudo realizado en granxas de Cataluña tamén mostras nas gandarías que xenotiparon máis do 25% da recría tiveron un maior progreso xenético, de até o 30% respecto das que non o realizaron:

Máis de 100 gandeiros participan na Xornada Técnica de Africor Pontevedra

Algo máis dun cento de gandeiros asistiron este venres pola mañá en Agolada á “IV Xornada Técnica: A mellora no manexo do gando bovino de leite e de carne”, organizada pola Asociación O Parapeto, en colaboración con AFRICOR Pontevedra, a Consellería de Medio Rural e o Concello de Agolada. Nas xornadas, que se celebraron no auditorio Manuel Costa Casares, abordáronse temas de actualidade para os gandeiros de vacún de leite, como son a recría das xatas, a mellora xenética e o uso de antibióticos. Así, David Otero Lavandeira, veterinario de vacún de leite de Nanta, explicou as claves para mellorar na recría, e que pasan, entre outros, por un bo encalostrado, unha alimentación intensiva en leite, o destete progresivo e unha socialización dende idades temperás. Pola súa parte, José Taboada, gandeiro e veterinario asesor de ALLFEED, explicou como é posible traballar sen antibióticos no vacún de leite, a través de medidas como a selección xenética das vacas, a mellora do benestar animal, da alimentación e do emprego de produtos e novas ferramentas tecnolóxicas como as que ofrece a súa empresa. Por último, José Antonio Jiménez, xefe de departamento técnico de CONAFE destacou a importancia da mellora xenética para aumentar a rendibilidade das explotacións. Neste sentido, e partindo dunha boa recollida de datos en cada granxa, defendeu a necesidade de aplicar programas de mellora xenética, marcándose uns obxectivos para cada explotación. Así, destacou o importante avance que supuxo o incremento do emprego dos touros xenómicos para acelerar o proceso de mellora do ICO da cabana gandeira española. Como exemplo, destacou que neste 2018 arredor do 70% das inseminacións en vacún de leite que se fixeron en España foron con touros xenómicos, e só o 30% restante con touros probados. Ademais, incidiu na necesidade de que os gandeiros empregan máis o xenotipado das becerras, para así poder optimizar e acelerar a mellora xenética tamén pola vía materna.

Concurso escolar sobre medio rural

Fotos dos premiados no concurso de debuxo de AFRICOR Pontevedra No transcurso da xornada, houbo un pequeno recital poético da gandeira e poetisa de Taboada (Lugo), Ana Vila Portomeñe, e tamén se entregaron os premios do concurso escolar de debuxo Africor 2018, no que participaron 60 nenos e nenas do colexio público de Agolada. O primeiro premio foi para Sabela Méndez Diéguez, de Ventosa; o segundo foi para Óscar Blanco Enríquez, de Trabancas e o terceiro galardón correspondeu a Jesús Río Vilariño, de Belpellos. A “IV Xornada Técnica: A mellora no manexo do gando bovino de leite e de carne” foi clausurada por José Carlos Vega Rodríguez, presidente de Fefriga e vicepresidente de Conafe, e polo delegado territorial da Consellería de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo. Como remate á xornada celebrouse una xantar na parrillada Agolada, con sorteo dunha becerra, de doses seminais e doutros agasallos.

Fotos da xornada: 

Presentan o programa da xornada de Africor Pontevedra sobre vacún de leite

Este venres tivo lugar a presentación da “IV Xornada Técnica: A mellora no manexo do gando bovino de leite e de carne”, que se celebrará o 30 de novembro no concello pontevedrés de Agolada, e que está organizada pola Asociación O Parapeto, en colaboración con AFRICOR Pontevedra, a Consellería de Medio Rural e o Concello de Agolada. O lugar elixido para a presentación do cartaz da xornada foi a parroquia de San Miguel de Brocos, co encoro de Portodemouros ao fondo. Na presentación participaron Eva Ramos e Brais Oro, dous mozos gandeiros de Agolada, e Rafael Méndez, presidente de Africor Pontevedra e membro da Asociación O Parapeto. Esta xornada está e terá lugar no Auditorio Manuel Costa Casares, A asistencia é libre e gratuíta. O programa da xornada é o seguinte: 11:00 Inauguración: – José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural. -Ramiro Varela Peón, alcalde de Agolada. 11:15 Importancia do benestar animal nas xatas. David Otero Lavandeira (Veterinario Vacún de Leite de NANTA). 12:00 Traballar sen antibióticos no vacún de leite ¿É posible?. José Taboada (Gandeiro e Veterinario asesor de ALLFEED). 12:45 Pausa café. (Degustación de queixo ecolóxico e viños, por cortesía de Cooperativa Cobideza). 13:00 Resultados e novidades do programa xenómico. José Antonio Jiménez (Xefe de departamento Técnico de CONAFE). 14:00 Horas. XANTAR en PARRILLADA AGOLADA (Prezo 7 euros). (CHURRASCO DE BECERRO FRISÓN NA PARRILLADA DE AGOLADA) Clausura: -Héctor Miguel Martínez Sánz. Tenente alcalde do Concello de Agolada. -José Carlos Vega Rodríguez. Presidente de Fefriga e Vicepresidente de Conafe Ao remate terá lugar o sorteo dunha becerra, de doses seminais e doutros agasallos.

Programa da xornada de Africor Pontevedra sobre mellora no manexo do gando vacún

O día 30 de novembro celebrarase no concello pontevedrés de Agolada a “IV Xornada Técnica: A mellora no manexo do gando bovino de leite e de carne”. Esta xornada está organizada pola Asociación O Parapeto, en colaboración con AFRICOR Pontevedra, a Consellería de Medio Rural e o Concello da Golada e terá lugar no Auditorio Manuel Costa Casares,

A asistencia é libre e gratuíta. O programa da xornada é o seguinte:

11:00 Inauguración:

– José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural.

-Ramiro Varela Peón, alcalde de Agolada.

11:15 Importancia do benestar animal nas xatas. David Otero Lavandeira (Veterinario Vacún de Leite de NANTA).

12:00 Traballar sen antibióticos no vacún de leite ¿É posible?. José Taboada (Gandeiro e Veterinario asesor de ALLFEED).

12:45 Pausa café. (Degustación de queixo ecolóxico e viños, por cortesía de Cooperativa Cobideza).

13:00 Resultados e novidades do programa xenómico. José Antonio Jiménez (Xefe de departamento Técnico de CONAFE).

14:00 Horas. XANTAR en PARRILLADA AGOLADA (Prezo 7 euros). (CHURRASCO DE BECERRO FRISÓN NA PARRILLADA DE AGOLADA)

Clausura:

-Héctor Miguel Martínez Sánz. Tenente alcalde do Concello de Agolada.
-José Carlos Vega Rodríguez. Presidente de Fefriga e Vicepresidente de Conafe

Ao remate terá lugar o sorteo dunha becerra, de doses seminais e doutros agasallos.