Archives

“O que fagamos co costro ao nacer a xata vai marcar toda a súa vida produtiva”

Susana Astriz é investigadora científica do departamento de reprodución animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e leva 20 anos investigando os beneficios do calostro sobre a recría. Recentemente participou en Lugo na xornada técnica organizada por Africor Lugo e Vaca Pinta, na que lembrou a importancia que ten a recría, desde as fases máis iniciais, nas explotacións bovinas de leite. “O que fagamos nas primeiras semanas de vida coa tenreira vai marcar toda a produtividade vital da vaca, que ao final é o futuro da granxa. E nesas dúas primeiras semanas de vida da tenreira o máis importante é o que fagamos co calostro”, asegura. Cando unha vaca pare existe unha gradación nos cambios de composición do leite. A secreción das glándulas mamarias das femias mamíferas nas primeiras 24 horas postparto é o que recibe o nome de calostro. A partir de aí sería xa leite de transición. Que contén o calostro? “O calostro é moito máis concentrado que o leite, ten o dobre de graxa e 4 veces máis proteínas”, explica. Ese contido débese a que as inmunoglobulinas que contén o calostro son unha proteína, lembra.
O calostro é un líquido moi complexo que ten 4 veces máis proteínas que o leite e células vivas maternas
Ademais, indica, “ten células vivas maternas que pasan do sangue materno vivas ao calostro e de aí á tenreira e que teñen un efecto positivo”. Tamén contén factores de crecemento, como as citoquinas, “que son unhas substancias moi activas bioloxicamente e que actúan sobre as células intestinais da tenreira”, e oligosacáridos, “uns azucres moi pequenos pero moi importantes como alimento das bacterias intestinais que xa teñen as tenreiras cando nacen”. Funcións do calostro A primeira das funcións do calostro é nutritiva. “O calostro garante a supervivencia da tenreira nas primeiras 24 horas mesmo se a vaca pare a 20 graos baixo cero. Se toma un bo calostro superará o shock por frío porque se pare nesas condicións a vaca preparará máis calostro e máis nutritivo", explica Susana.
O parto debe producirse nun ambiente limpo, pero non estéril
A segunda das funcións é protectora. “O calostro é esencial para dotar á tenreira de protección fronte a retos víricos e bacterianos inmediatos. “A tenreira nace sen protección porque a placenta da vaca é moi grosa e non permite pasar aos anticorpos, como ocorre nos humanos. O sistema inmune nas primeiras 24 horas é moi féble e a tenreira nunca nace nun ambiente estéril: hai e-coli, enterobacterias e virus e a eses retos sen o calostro non é capaz de facerlles fronte”, asegura Susana. “A función protectora non a podemos suplir a día de hoxe por outro tipo de produto, como podemos facer coa alimentación. Aínda non demos coa clave para pasar inmunoblobulinas ao tenreiro doutra forma que non sexa a través dun calostro natural”, recoñece.
O calostro ten unha función nutritiva e protectora moi importante, que non podemos suplir a día de hoxe con ningún outro tipo de produto
A partir dun determinado nivel de inmunoglobulinas (5,1g/dl en sangue) a tenreira estaría protexida. Por baixo deses niveis consideraríase que existe un Fallo de Transferencia Pasiva (FTP). “O mínimo é 5,1, que equivale a 8,1% Brix, pero o óptimo sería 5,5”, aclara. Sen calostro a tenreira multiplica por 5 a mortalidade, fundamentalmente nos dous primeiros meses de vida, pero tamén terá máis risco no tramo post-destete. Tamén está demostrado, explica Susana, que terá maiores índices de enfermidade de adulta, ao multiplicar por 3,9 veces a súa morbilidade. Estimulante do crecemento Pero ademais da función nutritiva e protectora inmediata, o calostro é estimulante do crecemento da tenreira a curto, medio e longo prazo. “Hai efectos do que lle damos nas primeiras 24 horas que vemos no primeiro parto. Ata a segunda lactación dura o efecto do calostro”, afirma a investigadora do INIA.
O calostro non só é graxa, proteína e inmunoblobulina, hai moitas máis cousas que son moi importantes
A incorrecta administración de calostro atrasa o crecemento da recría e a idade ao primeiro parto. “Atrásase todo, porque unha tenreira con Fallo de Transferencia Pasiva crece peor, empreña peor e parirá máis tarde”, argumenta.
Ata a segunda lactación dura o efecto do calostro. Del depende que as células intestinais e inmunolóxicas sigan desenvolvéndose
Ao contrario, indica, as tenreiras con maior inxesta de calostro e de maior calidade, di, desenvolverán maior ganancia de peso, terán mellor eficiencia reprodutiva na primeira xestación, reducirase a probabilidade de eliminación na primeira lactación e terá maior produción de leite tanto na primeira como na segunda lactación, asegura a investigadora do INIA.  

Recomendacións de aplicación

1. Coidado da vaca seca “O coidado da recría comeza co coidado da vaca xestante, desde o mesmo momento da inseminación, para previr por exemplo un parto distófico. Hai que ter un coidado exquisito das vacas secas, minimizar os cambios e o estrés, para que estean tranquilas e o mellor coidadas posible. Todo o que sexa estrés vai reducir o crecemento, e nós debemos garantir un correcto desenvolvemento fetal para que as tenreiras nazan fortes”, indica.
Debemos garantir un adecuado desenvolvemento fetal e que as tenreiras nazan fortes e non acidóticas
Ademais, o estrés nas vacas próximas ao parto reduce a cantidade e calidade do calostro. “Unha vaca que sufra estrés antes do parto vai dar moita peor produción de calostro”, asegura Susana. O estrés por calor durante o período seco tamén condiciona a calidade do calostro. Por iso, dos partos de final do verán, nos que todo o período de secado tivo lugar con altas temperaturas, obtense peor calostro, conta. É necesario seguir determinadas pautas de vacinación durante o secado, levar unha alimentación específica de preparto con antioxidantes e sales aniónicas, evitar as distocias e controlar a trasmisión de enfermidades nai-tenreira como a neosporose, BVD e paratuberculose.
A paratuberculose transmítese a través do calostro e a pasteurización non garante a eliminación deste risco
“Hai transmisión a través do calostro de paratuberculosis. Se unha vaca sabedes que é positiva ese calostro non serviría, tampouco pasteurizado porque non garante eliminar todas as mycobacterias. Hai que ter isto en conta se queremos ir erradicando a enfermidade na explotación”, explica. 2. Hixiene na paridera En canto á paridera, a investigadora do INIA pide hixiene, aínda que, di, “non fai falta ser neurótico da limpeza e querer ter un ambiente estéril nunha granxa, pero si limpo”. Tralo parto, recomenda a desinfección do cordón umbilical cun chorro de povidona iodada líquida ao 7-10%. “Non valen sprays nin concentración maior, porque queima os tecidos”, alerta. Tamén é bo, di, secar á tenreira, se non o fai a nai. “Axúdalles a termorregularse”, afirma. E habería que colocar ao animal en postura de decúbito external (sentado sobre o peito) se el non adopta esa postura. Unha vez nada a tenreira e realizadas estas primeiras atencións, o manexo da recría continúa cos coidados do neonato nas primeiras 24 horas. “Temos que garantir que mantén un pH en sangue adecuado e non desenvolve acidose, e manter esa boa saúde aos primeiros 2 meses, que son os máis críticos desde o punto de vista sanitario”, argumenta Susana. 3. Manter á tenreira coa nai tralo parto O parto ten que producirse nun ambiente tranquilo. “Non debemos estresar nin á nai nin á tenreira. É bo que a tenreira estea coa nai unhas horas tralo parto. A tenreira absorbe mellor as inmunoglobulinas, aínda que lle deamos nós o calostro, se está en presenza da nai e para a vaca tamén é bo, teremos menos mamites”, asegura. En canto ao aloxamento posterior, “a partir dos 5 días as tenreiras están moito mellor en parella que en boxes individuais”, afirma.
A tenreira absorbe mellor as inmunoglobulinas se está coa nai e para a vaca tamén é bo, teremos menos mamites
Sobre cando actuar nun parto, recomenda facelo só en caso de ser necesario e no momento xusto. “Non hai que adiantarse, non hai que atender os partos que non necesiten ser atendidos, nin deixar 24 horas unha vaca que non consegue parir”, exemplifica. Tamén recomenda explorar á tenreira unha vez nada e coñecer as técnicas de reanimación para utilizar en caso de ser necesario. “Temos 4 minutos, máximo 5, para actuar no caso de que sexa necesario reanimar a unha tenreira para que unha anoxia nun animal que non é capaz de respirar non produza dano cerebral. Hai veces que por présa nin sequera miramos á tenreira”, di. 4. Muxir á vaca canto antes “A nai durante os últimos 15 días da xestación vai acumulando nas súas glándulas mamarias defensas e anticorpos do sangue materno que van pasando ao calostro. O pico máximo de transferencia de anticorpos da nai ao calostro ocorre durante as 48 horas previas ao parto, pero acumúlanse xa desde semanas antes. É un mecanismo alucinante da natureza, Non somos capaces de inducilo artificialmente”, recoñece Susana.
Non existe unha relación directa entre cantidade e calidade de calostro se non se superan os 8,5 litros; a partir dese volume, a máis cantidade peor calidade
Pero se non se muxe á vaca canto antes, a propia vaca reabsorbe esas inmunoblobulinas cara ao seu propio sangue. “Se pasan 6 horas xa só temos o 83% das proteínas de protección que había, pero se esperamos 10 horas xa baixamos ao 70% e ás 48 horas só quedarían o 10% dos anticorpos que tiñamos no momento de parir”, exemplifica. 5. Muxido hixiénico do costro É fundamental lograr un muxido hixiénico do calostro, insiste. “Cun calostro sucio estaremos a introducir patóxenos no organismo do animal. Se co calostro lle damos un e-coli, por exemplo, a esa tenreira estarémola a matar nós porque a bacteria chegará antes ao sangue que as defensas”, asegura. O reconto bacteriano total no calostro debe estar por baixo de 100.000 UFC/ml, aínda que o óptimo sería que fose inferior a 10.000, con menos de 1.000 UFC/ml de coliformes e menos de 20.000 UFC/ml de bacterias aeróbicas.
É recomendable pasteurizar o calostro sen exceder os 60ºC durante 60 minutos
Por iso, di, é recomendable pasteurizar o calostro cun pasteurizador adecuado que garanta que non se exceda a temperatura de 60 graos para non matar as defensas contidas no calostro. 6. Dar canto antes o calostro á tenreira É fundamental tamén subministrar canto antes o calostro á tenreira, porque só durante as primeiras 24 horas ese animal recentemente nado non dixire esas proteínas. “Nada máis nacer esas proteínas de protección que toma a tenreira no calostro pasan directamente ao seu sangue. Transcorridas as primeiras 6 horas absorberá xa só o 68% das inmunoglobulinas, pero se tardamos 24 horas a tenreira aproveitará unicamente o 10% das defensas incluídas no calostro”, explica.
É vital que muxamos o calostro a tempo e que llo deamos a tempo a tenreira. Unha vez pasan 24 horas a tenreira xa non absorbe a protección que contén o calostro, porque o dixire
Nas primeiras 6 horas sería suficiente que a tenreira inxerise 75 gramos de IgG, pero se tardasemos 12 horas en proporcionarlle o calostro sería necesario que tomase o dobre, xa que a porcentaxe de absorción redúcese á metade. “É prioritario muxir á vaca parida e dar ese calostro á tenreira. É urxentísimo e prioritario, todo o demais que haxa que facer pode esperar, mesmo muxir ou preparar a ración para o resto do gando”, afirma Susana.
Hai que ter paciencia coa tenreira, vale a pena investir unha hora en darlle o calostro
Considera que “merece a pena investir unha hora en darlle o calostro a unha tenreira recentemente nada” e explica que “unha postura adecuada durante a inxesta favorece a absorción das proteínas de protección”. 7. Dúas tomas mellor ca unha Para garantir unha adecuada transferencia de defensas á tenreira, é necesario que inxira como mínimo 225 gramos de inmunoglobulinas cun mínimo de 50 g/l de IgG no calostro, para lograr 10 gramos de inmunoglobulinas por litro de sangue do animal. Pero a veterinaria do INIA aconsella incrementar ao dobre ou mesmo máis esa transferencia. “Está demostrado que o aumento das cantidades de calostro inxerido diminúe a morbilidade, polo que canto máis calostro demos mellor”, di.
Dúas tomas de calostro nas 24 horas de vida mellor ca unha: a ganancia de peso aumenta e o índice de preñez na primeira xestación baixa de 2,13 pajuelas a 1,84
Habería que dar como mínimo 4 litros nas primeiras 6 horas de vida, ben nunha soa toma ou en dúas. A maiores, recoméndase fornecer á tenreira 2 ou 3 litros máis antes de que se cumpran as primeiras 24 horas de vida. “A pauta ideal serían 2 litros nas primeiras 2 horas de vida, 2-3 litros máis nas seguintes 4 horas e outros 2-3 litros máis antes das 24 horas”, detalla a veterinaria do INIA. 8. Manter doses máis baixas durante dúas semanas En ganderías de maior tamaño é habitual a administración do calostro vía sonda. “Se ides a sondar e ides dar 1 soa toma, mínimo 4 litros nas primeiras 6 horas, pero canto antes mellor. Só se sonda á tenreira unha vez, non se sonda para unha segunda toma de calostro e nunca se sonda o leite, é unha norma básica, porque iría ao rumen e fariades peor”, aclara.
Nunca se sonda o leite, é unha norma básica, porque iría ao rumen e fariades peor
Unha vez transcorridas as primeiras 24 horas, pódese seguir dando calostro á tenreira. “Aconsellamos manter a administración de calostro as dúas primeiras semanas, mínimo a primeira semana, mesturando un vaso de calostro no lactoreemprazante, por exemplo, ou no leite de transición que recibe. Iso mellora moito a incidencia de diarreas e problemas respiratorios”, asegura Susana, que aconsella evitar ter que dar antibióticos ás tenreiras, e sobre todo vía oral, para protexer a súa microbiota intestinal. 9. Ter calostro conxelado É necesario medir a calidade do calostro que se proporciona á tenreira para ter a certeza de que estará protexida con el. “Consideramos un calostro non aceptable por baixo de 50 g/l de IgG, equivalentes a 22% grados Brix, pero sempre é mellor un mal calostro que nada”, matiza. Estas medicións da calidade do calostro é mellor facelas cun medidor de graos brix que cun calostrímetro (densitómetro) por ser moito menos preciso ao depender da temperatura de medición.
Vacas con enfermidades leves, como coxeiras, dan peor calostro
Para garantir ter dispoñible sempre de calostro de boa calidade, unha boa opción é contar na granxa cun banco de calostro de vacas doantes seleccionadas. Os calostros de vacas primeirizas adoitan ser de peor calidade que os de vacas multíparas de 3 ou 4 partos, aínda que mellores que en segundo parto, polo que non deben descartarse os calostros das xovencas paridas sen antes medir a súa calidade. Os calostros de verán con temperaturas altas tamén son peores. “Baixa moito a calidade, por iso é bo ter conxelado calostro doutras épocas do ano. Non vale tampouco calostro dunha vaca que adiantou o parto ou que tivemos que muxir antes do parto, nin de vacas con mamitis nun cuarterón, porque dan peor calostro, do mesmo xeito que os calostros empeoran en vacas gordas ou con secados inferiores a 45 días ou superiores a 90 días”, describe.
Non muxades ás vacas antes do parto; se o tedes que facer por temas de ubre, ese calostro non vale
O calostro conservado en neveira (a unha temperatura de 5ºC) mantense durante 5 ou 6 días e nun conxelador (a -22ºC) pode durar entre 6 e 12 meses. Para desconxelalo hai que facelo ao baño maría a menos de 40 graos. “Senón cargámonos o calostro”, advirte. O quecemento no momento da toma ten que ser uniforme. 10. Necesidade de actualizar protocolos nas granxas Esta veterinaria leva 2 décadas formando a gandeiros en temas de recría e asegura que é necesario actualizar coñecementos sobre a aplicación do calostro (número de tomas, cantidade inxerida, momento óptimo de administración) e formar ao persoal da granxa sobre estas novas pautas.
É necesario garantir ás tenreiras unha adecuada cantidade-calidade de calostro e a súa administración no momento idóneo
“Cousas que se recomendaban hai 15 anos tivémolas que corrixir porque saen novas pautas e coñecementos en base a novos estudos e investigacións que se realizan en institucións como o INIA”, destaca.

 “O primeiro litro de leite que nos dá unha xovenca cústanos 3.000 euros”

As tenreiras e xovencas son “un valor económico directo que teñen as explotacións lácteas”, insiste Susana Astriz. “O primeiro litro de leite que nos dá unha xovenca de primeiro parto cústanos 3.000€, é o que vale hoxe no mercado unha xovenca que acaba de parir se a temos que comprar”, asegura. Por iso a investigadora do INIA defende a necesidade de poñer un maior coidado na recría e na correcta administración de calostro ás tenreiras neonatas como forma de aumentar a súa produtividade e lonxevidade.
O que queremos obter nunha granxa son xovencas sas e xeneticamente mellores, non ocupar a praza cun animal igual ao que descartamos
Hai que ter en conta que a primeira lactación só serve para amortizar o investido no proceso de recría e que as máximas producións danse sempre a partir da terceira lactación”, argumenta. “Coidar a recría é investir no futuro da explotación” “Se un gandeiro pensa nos 3.000€ que custa hoxe unha vaca cando está encalostrando entenderá que é algo prioritario, porque unha vez feito iso, se a tenreira chega sa aos 4 ou 5 meses de vida, despois non dará practicamente problemas”, asegura. Un bo encalostrado é o primeiro paso esencial para lograr nunha granxa animais de recría rendibles. “Temos que lograr que estean paridos antes dos 24 meses e sexan lonxevos, procurando deste xeito que o descarte na nosa explotación sexa voluntario. O obxectivo coa recría non é só garantir a taxa de remplazo da explotación, senón lograr que a vaca que ocupe a praza dentro de dous anos sexa máis eficiente que a que teño agora”, razoa.

Claves para o manexo do secado selectivo en ganderías de leite

Luis Miguel Jiménez, durante a súa intervención nas últimas xornadas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta A nova directiva europea sobre antibióticos impide facer un uso profiláctico xeralizado dos medicamentos antimicrobianos e en vacas produtoras de leite onde máis se usaban deste xeito era no secado. Por iso, nos próximos anos a terapia habitual aplicada en moitas ganderías para seca as vacas vai ter que sufrir modificacións. É un cambio de concepto ao que terán que habituarse os gandeiros e os técnicos que os asesoran. O papel dos veterinarios será clave á hora de escoller a que animais aplicar un secado convencional e cales son vacas candidatas a un secado sen antibióticos, e o labor dos gandeiros consistirá en aplicar dous protocolos diferentes nun caso e no outro.
Estamos nun proceso de adaptación tanto os gandeiros como os veterinarios
“Estamos nun proceso ao que nos temos que adaptar, tanto eles como nós, pero a nosa experiencia demostra que non existen demasiados problemas á hora de introducir nas granxas esta nova terapia de secado selectivo”, afirmou Luis Miguel Jiménez, da empresa especializada en calidade de leite Servet Talavera, nas últimas xornadas técnicas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta. Importancia do período seco para evitar infeccións intramamarias O risco de infeccións aumenta no período seco, onde se dan case o dobre de procesos infecciosos que na lactación. “É o período onde máis infeccións ocorren, sobre todo na fase de involución activa e na calostroxénese. Estas infeccións no período seco teñen consecuencias despois”, afirma Luís Miguel.
Moitas das mamites clínicas que ocorren na lactación proceden de episodios subclínicos acontecidos no período seco
O 25% das mamites clínicas que aparecen nos tres primeiros meses de lactación teñen orixe en infeccións subclínicas ocorridas no período seco. “Son múltiples os factores que favorecen a aparición destas infeccións: ao cesar o muxido non se produce o efecto arrastre que ten o propio leite e con iso desaparecen as medidas hixiénicas diarias que se aplican na sala dentro da rutina de muxido”, destaca.
Ao cesar o muxido, debido á presión intramamaria, a canle do pezón acúrtase e ensánchase, polo que é máis fácil que calquera bacteria poida acceder
Ao mesmo tempo, prodúcese un aumento da presión intramamaria e teñen lugar unha serie de cambios anatómicos no pezón. “O conduto do pezón acúrtase e dilátase, polo que é máis fácil que calquera bacteria atravese esa barreira que é a canle do pezón. O retraso na formación do tapón de queratina ao principio do secado incrementa o risco de infección e resulta habitual incluso que non se chegue a formar”, explica. É ademais un momento de gran inmunosupresión, no que a actividade dos neutrófilos se reduce notablemente, sobre todo nas dúas semanas anteriores ao parto, que constitúen o período máis crítico debido aos cambios hormonais da vaca, así como ao estrés e aos cambios nutricionais. Cambio de paradigma O método de secado máis frecuente ata o momento na maioría de ganderías consistía no tratamento de todos os cuarteróns para curar infeccións presentes e previr posibles novas infeccións. “Tanto os gandeiros como os veterinarios estabamos moi afeitos a facer este tipo de terapia, que se foi instaurando nas ganderías debido ao aumento de infeccións por Staphylococcus aureus e para curar as mastitis de verán causadas por Truperella pyogenes”, admite Luís Miguel.
Os antibióticos non poden servir para compensar unha falta de hixiene nas explotacións
Pero a normativa europea de uso responsable de antibióticos que entrou en vigor este ano (Regulamento UE 2019/6 sobre medicamentos veterinarios e Regulamento UE 2019/4 de pensos medicamentosos), impide seguir realizando estas prácticas con carácter xeralizado e na totalidade das vacas. Dentro do PRAN (Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos), o programa de prescrición e uso razoable de antibióticos no sector bovino de leite atópase na fase 2 (2022-2025) de redución de cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración, tras superar xa a fase 1 (2019-2021) de redución de quinolonas.
España atópase na posición número 7 a nivel europeo no uso de antibióticos veterinarios
España é o sétimo país europeo que máis antibióticos veterinarios consome, aínda que no caso de quinolonas e cefalosporinas ocupa a posición número 20 e desde 2016 a 2020 España reduciu un 56% as vendas de ABS por parte de laboratorios farmacéuticos, segundo os últimos datos dispoñibles. “O consumo baixou bastante. Pola incerteza que había moitos veterinarios non prescribiron quinolonas e cefalosporinas e as vacas seguiron producindo igual”, asegurou na súa conferencia o responsable do servizo veterinario de Servet Talavera. Granxas de alto risco A clave para establecer un protocolo distinto ao seguido ata o momento durante o secado está en diferenciar cada caso, en función do historial da explotación e da propia vaca. Unha gandería sería considerada de alto risco en caso de posuír un reconto de células somáticas en tanque superior a 250.000 nos últimos 2 meses, ter problemas de xermes contaxiosos (Streptococcus agalactiae, Staphylococcus aureus ou Mycoplasma bovis) ou atoparse nun período específico de risco (por exemplo por cambio de sala de muxido a robot).
Vai ser o veterinario o que teña a facultade de establecer se se pode usar ou non antibióticos no secado e en que casos
Nestes casos, coa necesaria prescrición do veterinario responsable da explotación, é posible seguir facendo un secado en saba (TVS convencional e selador interno en todas as vacas), aínda que coa obriga de implantar un programa integral de mellora da calidade do leite que derive finalmente na implantación da terapia selectiva de secado na granxa. Granxas de baixo risco Pola contra, as ganderías cun RCS de leite en tanque inferior a 250.000 células e sen presenza de patóxenos contaxiosos deben implantar unha terapia selectiva de secado que utilice ferramentas como o reconto individual, os cultivos e o rexistro de mamites clínicas como elementos fundamentais da selección.
O RCS individual, os cultivos e o historial de mamite clínica son as ferramentas clave na selección das vacas
Para obter o reconto individual de células somáticas de cada vaca poden usarse os datos de Control Leiteiro ou ben realizar test de California. As vacas que non presenten problemas secaríanse unicamente cun selador interno. En caso de presenza dun patóxeno maior nalgunhas vacas, estas serían susceptibles de ser tratadas con antibiótico. Probas a realizar A toma de decisións para decidir que tipo de estratexia se segue en cada caso, tanto a nivel de explotación como de vaca individual, baséase na obtención de información. Para iso, realizarase polo menos un cultivo anual a nivel de tanque ou unha PCR para detectar a presenza de xermes contaxiosos. Do mesmo xeito, 15-30 días antes do secado realizarase un cultivo microbiolóxico a vacas afectadas por un reconto celular alto ou por un test de California positivo.
Todas as granxas deben contar cun bo rexistro de mamites clínicas. Agora é obrigatorio
“Ademais, todas as granxas deben contar cun bo rexistro de mastitis clínicas. Ata o de agora un dos cabalos de batalla era que os gandeiros apuntasen os casos que se producían pero agora é obrigatorio, a Administración vaino requirir, e a nivel de toma de decisións en granxa é esencial porque é un criterio fundamental á hora de seleccionar ás vacas”, asegura Luis Miguel. Selección das vacas Para este veterinario, “que un gandeiro seleccione as vacas pode traer un grave problema, é fundamental que detrás desta selección estea un técnico”. En Servet Talavera teñen en conta os seguintes criterios para a selección de vacas ás que aplicar antibiótico:
  • Vacas con máis de 100.000 cél/ml en polo menos un dos últimos 3 controis antes do secado
  • Vacas cun caso de mastitis clínica na última lactación
  • Vacas infectadas cun patóxeno maior
Estar en Control Leiteiro facilita dispoñer de datos, aínda que Luis Miguel asegura que “unha explotación que non estea en Control Leiteiro tamén pode aplicar unha terapia selectiva de secado”. Na actualidade, un 43% das explotacións españolas están en Control Leiteiro e posúen un 52% das vacas produtoras de leite de España.
O 43% das explotacións e o 52% das vacas están en control leiteiro en España pero sempre necesitas un técnico que sexa o que che seleccione as vacas
“Se non hai control leiteiro unha ferramenta útil é o test de California, que habería que realizar nos 15 días anteriores ao secado para ver como está a vaca, pero esteas en Control Leiteiro ou non, sempre necesitas un técnico que sexa o que che seleccione as vacas”, aclara.
É fundamental que os gandeiros apunten todos os casos de mamites clínicas
En Servet Talavera traballan do seguinte modo: “os gandeiros mándannos a previsión de secado e nós facémoslles a selección das vacas. As que teñen un baixo reconto celular (menos de 100.000 cél/ml) e non tiveron ningún caso de mastitis clínica van só con selador”, explica.

"Deberíanse secar vacas por debaixo de 21 litros de leite ao día"

“O secado selectivo obriga a variar a forma de realización do secado e a establecer uns protocolos diferentes aos que se viñan facendo. Pero desde que o implantamos hai 12 anos o gandeiro é receptivo e adaptouse perfectamente”, asegura Luis Miguel Jiménez. Para mellorar a implantación da nova terapia selectiva de secado nas explotacións é importante unha protocolización que permita adaptarse á nova rutina. “Un tema importante, por exemplo, é estandarizar o uso dos seladores internos, porque é unha boa ferramenta para evitar novas infeccións. Tamén é fundamental facer un bo manexo da alimentación cando secamos á vaca. Ata o de agora facíase un secado brusco sen cambiar a ración porque era moi cómodo, pero agora é necesario facer unha redución da alimentación”, defende.
No secado selectivo é fundamental reducir a produción a través do manexo da alimentación
“Os secados graduais non os recomendamos, o que recomendamos é facer un secado brusco con redución da alimentación nos últimos 2 ou 3 días. Para iso hai que ter un lugar para separar a esas vacas e facer esta redución de inxesta. O que recomendamos é darlles a ración de vacas secas e auga. Hai xente que reduce a auga, pero iso non se debe facer”, asegura. Cos cambios na alimentación a vaca vaise a estresar e vai estar máis intranquila. “Pero iso é ata bo que ocorra, porque axuda a reducir os litros de leite. Deberíanse secar vacas por baixo de 21 litros de leite ao día. Noutros países europeos a produción é máis baixa e non teñen estes problemas á hora de facer o secado”, insiste. Protocolización do secado selectivo Ademais do manexo da alimentación, tanto nos días previos ao secado como durante todo o período seco, e do uso de seladores internos, existen outra serie de aspectos fundamentais a ter en conta para o éxito do secado selectivo e que afectan a todo o período seco. Por exemplo, o ambiente debe ser confortable e a vaca debe estar limpa e seca. “En cama fría de compost é importante airear. En caso de ter cubículos, a vaca vai estar moito máis cómoda en area ou carbonato que en colchoneta”, afirma.
Hai que coidar a alimentación durante todo o período seco, a nutrición debe ser adecuada, sobre todo en canto a vitamina E e minerais como o selenio
É necesario tamén evitar o amontoamento no lote de vacas secas. “O estrés por calor tamén é importante nas vacas secas, porque se está tensa vai haber menor produción na lactación, con menor proteína e máis risco de infeccións”, asegura. Luis Miguel recomenda vacinar contra mastitis colibacilar para reducir a incidencia e gravidade de mamites clínicas causadas por coliformes durante a lactación. Aconsella tamén adoptar medidas de bioseguridade en relación á recría. “As xovencas que paren e entran ao lote de produción pode ser un foco de entrada de infeccións, sobre todo cando veñen do prado”, indica. Proceso de secado Á hora de realizar o secado, tralo último muxido, hai que ser meticulosos. “Non son boas as présas. É importante tomarse o seu tempo e desinfectar ben. Despois, na aplicación do selador interno, introducir só a punta da cánula da maneira máis hixiénica posible e non masaxear nunca despois”, recomenda Luis Miguel. É importante tamén evitar as fugas de leite tralo secado, algo que está directamente relacionado coas infeccións intramamarias. “Estas fugas prodúcense sobre todo nos cuartos traseiros e con máis frecuencia nas vacas con máis produción”, explica. “Ata o de agora estabamos a suplir a falta de limpeza con antibióticos, secabamos a vacas de gran produción e non pasaba nada, pero agora si que pasa, agora podemos secar unha vaca con 35 litros e aos tres días tela patas para arriba”, alerta. Indicadores A partir dun secado aplicado correctamente, o obxectivo fundamental durante o período seco sería curar as infeccións presentes e previr novas infeccións tanto no período seco como na seguinte lactación.
Marcámonos como obxectivo que o 80% das vacas cheguen sas ao secado
Servet Talavera utiliza unha serie de índices de saúde de ubre para facer un seguimento das explotacións. Téñense en conta distintos parámetros, con obxectivos específicos concretos en cada caso:
  • Mastitis clínica inferior ao 25% anual e inferior ao 8% no primeiro mes de lactación.
  • Incidencia de novas infeccións ao parto inferior ao 15%: vacas que se secaron cun RCS inferior a 200.000 cél/ml e pariron cun RCS superior a 200.000.
  • Taxa de cronicidade no secado entre o 20 e o 30%: vacas que se secaron cun RCS superior a 200.000 cél/ml e pariron cun RCS superior a 200.000.
  • Taxa de curación no secado superior ao 75%: vacas que se secaron cun RCS superior a 200.000 cél/ml e pariron cun RCS inferior a 200.000.
“Un indicador relevante é a porcentaxe de vacas que chegan infectadas ao secado, xa que é un síntoma de como fixemos as cousas durante a lactación”, considera Luís Miguel. O obxectivo sería que a porcentaxe de vacas que chegan infectadas ao secado sexa inferior ao 20%.

Vantaxes da monitoraxe de tenreiras mediante dispositivos electrónicos

Becerras con crotais electrónicos no centro de recría Cowvet, na Comunidade Valenciana A aplicación de novas tecnoloxías en vacas en produción xeneralizouse nos últimos anos pero o seu uso avanza tamén, aínda que de xeito máis incipiente, no período de recría. Situado en Titaguas, en Valencia, o centro Cowvet empezou a utilizalas, con bos resultados, dentro dos protocolos de manexo das xatas. Coñecemos como xestionan, a través delas, o crecemento das tenreiras. Alejandro Pérez Navarro, que forma parte do equipo técnico deste centro valenciano, acaba de participar nas xornadas técnicas de Africor Lugo, que este ano por culpa da situación de pandemia celebráronse de forma virtual retransmitidas por Vaca Pinta, para contar en que aspectos focalizan a súa estratexia de traballo diario para lograr devolver ás explotacións xovencas que chegan ao primeiro parto con máis de 600 quilos de peso antes dos dous anos de idade.
Traballan para varias explotacións da zona de Levante, ás que recrían xatas que chegan ao primeiro parto con máis de 600 quilos de peso antes dos dous anos de idade
Para logralo, o centro de recría valenciano está a aproveitar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías aplicadas ao período de recría para optimizar as fases de crecemento e de inseminación mediante a utilización de crotais electrónicos así como de colares de actividade. O uso que fan destas novas tecnoloxías en Cowvet está baseado en catro piares e obxectivos fundamentais: control da lactación, control do crecemento, control da saúde e control reprodutivo.

1. Control da lactación

"A lactación é un período crítico que vai condicionar a vida produtiva da vaca", asegura Alejandro, xa que diversos estudos correlacionan a ganancia media diaria nesta etapa coa produción de leite futura. "Cada quilo de peso nas 8 primeiras semanas de vida equivale a un incremento de 500 quilos no leite producido", expón, de igual forma que a inxesta temperá de penso tamén está relacionada co desenvolvemento do rumen.
Cada quilo de peso gañado nas 8 primeiras semanas de vida equivale a un incremento de produción de 500 litros de leite
Aínda que no centro de recría valenciano non as utilizan, o uso de amamantadoras nesta etapa de crecemento a nivel de gandería permite precisión no volume das tomas, así como temperatura e concentración de leite constante. "Iso repercute positivamente na saúde da tenreira", afirma. O uso de amamantadoras tamén permite dar un maior número de tomas. "As últimas tendencias é a aumentar a cantidade de leite e concentración de lactoreemplazante", indica Alejandro, que destaca asimesmo que as amamantadoras permiten facer destetes á carta e individualizados a cada tenreira. "Ao aumentar a cantidade e concentración de leite non é aconsellable un destete abrupto, que é negativo para a tenreira, e coas amamantadoras pódense facer destetes progresivos acordes ás inxestas de pensos", valora.
Agrupar en idades precoces vai en consonancia coa lexislación europea en materia de benestar animal pero conleva maior risco de trasmisión de enfermidades
Pola contra, o uso de amamantadoras nodriza ten como desvantaxe o risco sanitario que supón traballar en grupo. "Nós recomendamos aos gandeiros aos que asesoramos nas súas explotacións a incorporación das tenreiras ás nodrizas ás 2 semanas de vida para evitar problemas na competencia por acudir á amamantadora e desta forma tamén as becerras xa terían pasado o período de maior risco de diarreas neonatais en boxes individuais", argumenta.

2. Control de crecemento

Báscula móbil de pesaxe dotada de dispositivo electrónico conectado aos crotais para o rexistro de datos O centro situado en Titaguas conta con crotais electrónicos, que permiten identificar a cada animal de forma individual e rexistrar o seu historial de pesos e medidas a partir dos datos obtidos mediante básculas electrónicas móbiles, que poden levar deste xeito aos distintos parques onde se atopan os lotes de animais en cada fase e que lles permiten facer unha toma de datos precisa. "O feito de non ter que usar follas de campo para apuntar axilízanos o proceso e fai que no menor tempo posible podamos facer estes controis", conta Alejandro.
Seríanos de gran axuda poder prever que momento é o óptimo para o destete
Están a traballar tamén na monitoraxe da rumia a través dos crotais electrónicos para axustar mellor o destete ao estado de desenvolvemento do rumen de cada animal. "Seríanos de gran axuda poder prever que momento é o óptimo para o seu destete porque o rumen dese animal xa está preparado", recoñece. "Midir o tempo de rumia individualizada e de grupo axúdanos a prever tamén posibles enfermidades e mesmo é posible tamén detectar o estrés por calor a través do xeito de respirar", avanza.

3. Control de enfermidades

En Cowvet están a usar tamén as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para a detección precoz de enfermidades. "Unha tenreira enferma reduce a súa ganancia media diaria, ten máis risco de ser descartada, incrementa a súa idade ao parto e producirá menos leite, polo que ter unha detección precoz das patoloxías é fundamental. Moitas veces esta supervisión da saúde das tenreiras realízase de forma visual e vai depender do adestramento e a subxectividade do operario que se encargue do seu coidado pero xa hai tecnoloxías incipientes que podemos utilizar", asegura Alejandro.
Os 6 primeiros meses son o período de maior risco para a saúde das tenreiras por episodios de pneumonías e diarreas
Ademais dos datos que achegan os crotais electrónicos, que sen embargo non miden a temperatura dos animais, neste centro de recría fan ecografías pulmonares para detección precoz de casos de pneumonía ata os 6 meses, que é o período de maior risco para a saúde das tenreiras. "Desta forma reducimos o uso de antibióticos e logramos un maior éxito nos tratamentos en caso de ter que aplicalos, baixando o número de animais crónicos, e previmos fallos na curva de crecemento das xatas, prestando máis atención a aqueles animais enfermos e monitorando a súa recuperación", conta.
Realizan tres controis ecográficos: á entrada dos animais, ao destete e aos 120 días, antes de mesturárense en lotes máis grandes
De forma rutineira nestes 6 primeiros meses de vida realizan tres controles ecográficos: "o primeiro á entrada dos animais nas instalacións, para ver que problemas poden traer (diarreas, febre, pneumonía); un segundo control ao destete, para ver se puido haber algún problema na lactación; e un terceiro control ecográfico aos 120 días, cando as tenreiras pasan a parques máis grandes, pasando de grupos de 6 a lotes 30-40 animais, porque son eses tres momentos cando máis risco de pneumonía vemos", recoñece Alejandro.

4. Detección de celos

A detección de celos en xovencas séguese facendo na maioría das explotacións mediante a observación visual pero este sistema ten algúns problemas, a xuízo do técnico veterinario do centro de recría valenciano. "Moitos celos ocorren durante a noite e a súa duración é máis curta polo que en moitas ocasións pasan desapercibidos", considera.
Moitos celos ocorren durante a noite e a súa duración é máis curta nas xatas polo que moitas veces pasan desapercibidos
Nos últimos anos produciuse tamén a trasposición da tecnoloxía dos podómedros de medición de actividade, con 30 anos de experiencia en vacas adultas, á recría. "Nós empezamos cos podómetros e agora facemos esta monitoraxe da actividade a través de colares, que miden en tempo real, cada un ou dous minutos, o que fai cada animal. "Esta tecnoloxía ten unha aplicación clara en reprodutivo, que permite baixar a idade da primeira inseminación e exercer maior presión na reinseminación en caso de non quedar preñada á primeira", destaca. O software que acompaña aos colares combina o aumento de actividade e o descenso de rumia, o que permite unha detección de celos máis precisa. "Este feito permite elixir o momento óptimo de inseminación para facela nas horas onde maior taxa de xestación existe, aumentando o éxito e reducindo o uso de doses de seme e de hormonas necesarias e dá vantaxes para a utilización do seme sexado, que ten unha vida útil menor que o convencional", indica Alejandro.
O aumento na detección de celos mediante esta tecnoloxía permite unha redución no uso de hormonas e sacar máis partido ao seme sexado
Estas tecnoloxías permiten tamén detectar patoloxías reprodutivas, como xovencas en anestro, celos irregulares ou detección de abortos en estados de xestación avanzados. Tamén reducir os falsos positivos en detección de celos, que provocan ás veces perdas embrionarias iatroxénicas por reinseminar animais que xa estaban xestantes. Segundo os datos facilitados por Alejandro en base ás probas realizadas en Cowvet, das 256 alarmas de celo no 92% dos casos eran correctas as deteccións, polo que a precisión destas aplicacións na detección de celos é elevada, de igual forma que o 93% das xovencas chegaron xestantes ao diagnóstico mediante ecografía realizado aos 28 días.

"Os sete primeiros meses son clave no desenvolvemento das tenreiras e na súa produción posterior de leite"

O centro valenciano está inmerso desde a primavera pasada nun proxecto de investigación financiado con fondos europeos centrado no desenvolvemento de estratexias de recría novas nas primeiras etapas de crecemento das tenreiras (a partir dos 15 días de vida) e a cuantificación da repercusión que estes novos sistemas de manexo teñen nos índices produtivos posteriores dos animais. Manexar ben ás becerras nos seus primeiros meses de vida ten unha incidencia fundamental na futura produción de leite dese animal. "A clave está nos sete primeiros meses das tenreiras, sobre todo desde que empezan a comer penso", considera Alejandro.
Para optimizar a recría poñen o foco no crecemento das xatas desde o destete ata os 7 meses e na detección de celos a partir do ano de vida
Por iso, o control dos animais é máis estrito e continuo nestes 7 primeiros meses, con 3 pesadas a maiores da inicial, á entrada dos animais nas instalacións con dúas semanas de vida. Nesta fase outro aspecto clave é evitar patoloxías respiratorias ou dixestivas para non prexudicar o crecemento potencial da tenreira, que pode chegar aos 1.200 gramos de peso diarios, baixando posteriormente a 800-900 gramos. Un centro creado no 2018 Os veterinarios valencianos Paco Sebastián e Xavi Valldecabres decidiron poñer en marcha en 2016 nunha gandería alugada un primeiro servizo de recría para algunhas das granxas nas que traballaban facendo asesoramento veterinario e que tiñan problemas de espazo para xestionar directamente a recría nas explotacións. Ao externalizarla, esas ganderías puideron aumentar o número de vacas en produción, tal como lles demandaba a empresa Danone, con industria na zona.
Buscaron unha zona de montaña a medio camiño entre o Levante e a Meseta onde suavizar as condicións de temperatura e humidade no verán
Pero a importante demanda fixo que no 2018 se trasladasen a unhas novas instalacións na localidade de Titaguas, onde hoxe está instalado o centro de recría, con máis de 1.000 animais na actualidade. Trátase dunha zona de montaña e a elección do emprazamento buscaba suavizar as condicións de humidade e altas temperaturas que se dan no verán no Levante e que fan diminuír os índices reprodutivos. Desta forma, grazas á localización elixida, poden seguir empregando seme sexado no verán nas xovencas, dado que as taxas de preñez mantéñense. A situación nesta zona rural a medio camiño entre o Levante e a Meseta permite tamén unha subministración idónea de materias primas. A alimentación dos lotes de xatas tralo destete baséase por unha banda en cereais procedentes de Cuenca ou Albacete e subproductos da industria agroalimentaria valenciana, como pulpa de laranxa ou bagazo de cervexa.

Plan de recría con obxectivos concretos

O obxectivo que se marca Cowvet é o de conseguir un animal adulto de 730-760 quilos de peso ao terceiro parto, que coincidiría entre o quinto e o sexto ano de vida do animal, en función dos índices reprodutivos posteriores da explotación propietaria. Para lograr este obxectivo, a xovenca debería parir no primeiro parto con entre 630-650 quilos de peso vivo, o que representaría un 82% do seu peso adulto total.
Ao final do período de recría debe lograrse o 55% do peso adulto do animal, é dicir, entre 401 e 418 quilos de peso vivo
"Para optimizar o período de recría deberiamos poder inseminar ás tenreiras aos 400 días alcalzando entre o 45 e o 50% do peso adulto no momento da primeira cubrición (entre 380 e 400 quilos) para lograr o seu primeiro parto entre os 22 e os 23 meses de vida. Desta forma estamos a optimizar o crecemento da tenreira pero non estamos a prexudicar a súa produción de leite futura", asegura Alejandro.

Recría en 5 fases

No centro de recría Cowvet dividen o crecemento das tenreiras en 5 fases distintas, con estratexias nutricionais diferentes: 1. Do nacemento ao destete Nesta etapa no centro valenciano teñen uns crecementos de entre 700 e 800 gramos diarios. "Nós consideramos que a calidade da xovenca non vai depender tanto da inxesta de leite e tentamos maximizar a toma de penso canto antes porque iso vai favorecer o desenvolvemento do rumen", asegura Alejandro. 2. Do destete a 6 meses "É unha etapa de alto potencial de crecemento, que hai que maximizar todo o que se poida, chegando a conseguir ganancias medias diarias de entre 1.000 e 1.200 gramos, unha cantidade comparable á dos xatos de cebo", explica.
A idade clave produciríase ao redor dos 400 días de vida da tenreira, cando alcanzaría a puberdade e recibiría a primeira dose de seme
3. Dos 7 aos 11 meses Unha sobrealimentación nesta fase sería contraproducente. "Hai que ter coidado neste momento co engraxamento dos animais, e hai moitos estudos que o demostran, porque hai unha relación negativa entre o engraxamento do ubre nesta fase e a produción futura desa vaca", indica Alejandro. Por iso nesta fase reducen o crecemento dos animais a 800 gramos diarios. 4. Dos 12 meses ao momento da inseminación, con 13-15 meses "Nesta fase volvemos recuperar niveis enerxéticos máis elevados para favorecer a saída en celo temperá da xata", detalla. 5. Preparto Tras confirmar a preñez do animal volven baixar a crecementos moderados de entre 800 e 900 gramos diarios.

Cinco controis de peso e medida

"Para lograr os obxectivos fixados no programa de recría de calquera explotación é necesaria a toma de datos durante as distintas fases e controis de crecemento periódicos, pero vemos que en moitas ocasións hai un déficit na recompilación tanto de pesos como de medicións. É un erro, porque estes datos axúdannos na toma de decisións, ao servirnos para verificar que o crecemento é o correcto, para elixir o momento adecuado da cubrición e tamén para seleccionar e descartar aqueles animais que non cumpriron cos obxectivos marcados", asegura Alejandro.
Hai un claro déficit tanto de pesos como de medicións nas explotacións que fan recría e é un erro
"Nós facemos pesadas individuais dos animais e noutros casos medicións á pelvis, máis cómodo que acceder á cruz", considera. Ao redor dos 138 cm de altura á pelvis sería o momento ideal para realizar a cubrición e coincidiría cos 400 días de vida. Alejandro defende este sistema individualizado e non o de facer a primeira inseminación a tempo fixo e recomenda facer un total de 5 controis de peso e medida a cada animal durante todo o período de recría: nacemento, destete, prepuberdade, inseminación e unha vez que pariu a xovenca. "No noso caso a primeira pesada realízase á chegada da tenreira ao centro e o último control á saída de volta cara á súa explotación de orixe, na fase de preparto, pero o ideal nas ganderías sería facer este control tralo parto", explica.

Protocolos de encalostrado e vacinación

O primeiro mes póñenlles chalecos ás xatas para que gasten menos enerxía en manter a temperatura corporal O centro de recría Cowvet marca uns protocolos de encalostrado e vacinación ás ganderías que lles envían animais para recriar e que han de cumprir. Ao chegar ao centro, tralas probas de BVD na granxa de orixe mediante análise de cartílago, as tenreiras pasan unha primeira valoración de peso e medida, un sangrado, así como unha inspección médica de constantes vitais e estado respiratorio mediante ecografía pulmonar para descartar patoloxías.
As tenreiras pasan a corentena en boxes individuais e tralo destete agrúpanse casetas de maior tamaño, de entre 4 e 6 animais, ata os 120 días
Os animais son aloxados en boxes individuais, separados un metro e medio uns doutros, onde pasan a corentena inicial durante a fase de lactación ata o destete. Dado que os boxes están no exterior, ao aire libre, no inverno abrigan as tenreiras o primeiro mes con chalecos para que se adapten á climatoloxía da zona de Titaguas, na que chega a nevar no inverno. Cando se dan estas condicións adversas, increméntanlles a cantidade de leite en po e soben de 38 a 40 graos a temperatura do lactoreemplazante nas tomas para evitar que se arrefríe. Optan por biberóns no canto de caldeiros e teñen especial coidado na hixiene e desinfección diaria de botellas e tetinas, que retiran para lavar e desinfectar todos os días, substituíndo aquelas tetinas que ven que teñen un burato demasiado grande, porque podería provocar pneumonía se a velocidade de inxesta é moi rápida.

Menos leite e máis penso

As tenreiras que están en Cowvet non inxeren máis de 700 gramos de leite en po ao día e a partir dos 30 días empezan a consumir xa cantidades significativas de penso. "Utilizamos leite formulado por nós, alto en proteína (27%) e baixo en graxa (17%). Esta porcentaxe de proteína é a idónea para alcanzar maiores crecementos nesta fase e o leite é baixo en graxa porque se a graxa é alta inhibe o consumo de penso pola súa saciedade ao animal", detalla Alejandro. Ademais, os sustitutivos lácteos baixos en graxa favorecen a preparación do rumen para a seguinte fase, dado que desta forma a tenreira terá unha maior cantidade de amilasa e, por tanto, unha vez destetada, contará cunha maior dixestibilidade do penso.
Usan un lactoreemplazante de formulación propia, alto en proteína pero baixo en graxa, para evitar que a saciedade inhiba a inxesta de penso e favorecer ao mesmo tempo a amilasa no rumen
En canto á estratexia de aloxamento, por motivos sanitarios, dado que se controla mellor aos animais, indica Alejandro, están en boxes individuais ata o momento previo ao destete, cando se xuntan os parques das casetas de 2 tenreiras para favorecer a súa socialización e a inxesta de penso. "Aos 45 días, retíraselles unha toma de leite, porque xa toman 1 kg diario de penso, pasando a tomar entón soamente leite pola mañá e aos 50 días sácaselles de forma abrupta", explica. "Con tantas tenreiras temos que facelo de forma sinxela e práctica, pero considero que ese protocolo de destete abrupto podería aplicarse tamén en ganderías individuais máis pequenas, non só en centros de recría como o noso, sempre que as cantidades de leite en cada toma non sexan elevadas", matiza.

Destete aos 50 días

Aos 42 días as tenreiras son sometidas a unha proba de tuberculose e paratuberculose e, a partir dese momento, ábrense os parques a cada dous boxes e iníciase o proceso de destete en grupos de 2 tenreiras. "A nosa filosofía é facer a lactación o máis curta posible, destetamos aos 50 días", indica Alejandro. Comezan a tomar forraxe a partir dos dous meses de idade, mesturado inicialmente co penso starter, xa en grupos de catro a seis tenreiras, unha configuración que se mantén ata os catro meses. Os lotes amplíanse entón a entre 28 e 32 animais ata os 7 meses de vida. Dispoñen de 10 metros cadrados por animal entre a zona cuberta e a que está ao aire libre e a alimentación baséase en mestura unifeed seca.
A nosa filosofía é facer a lactación o máis curta posible e que a tenreira empece a comer penso canto antes
A partir dos 8 meses de idade introdúcense na ración subproductos como pulpa de laranxa ou bagazo de cervexa e as tenreiras pasan a estar en parques máis grandes, de ata 150 animais, onde dispoñen polo menos dunha cornadiza por cabeza no comedero. O centro de recría conta cunha zona exterior de bosque con piñeiros para dar sombra e o clima seco da zona favorece o mantemento da cama quente de palla nas instalacións.

Inseminación a partir do ano de vida

A partir do ano de idade empezan a seleccionar aquelas tenreiras que poden ser inseminadas tras probas de peso e medida. Con 138 centímetros de altura na pelvis e 370 quilos de peso son enviadas ao lote de inseminación. É neste momento cando se lles instalan colares de actividade para detección de celos. Inseminan xeralmente con seme sexado e xenómico, aínda que iso é elección do gandeiro propietario do animal. Á hora de elixir touro decántanse por valores de produción, fertilidade e facilidade de parto.
As xovencas paren con entre 22 e 24 meses cun peso superior aos 600 quilos
"A recría hai que vela como un investimento, as tenreiras serán nun futuro as nosas produtoras de leite pero moitas veces nas explotacións a recría segue sendo aínda a gran esquecida. O gandeiro pon o esforzo e os recursos naqueles animais que están a producir leite, cando en realidade ten infinitos beneficios o coidado das tenreiras no período de recría, que son o futuro xenético da explotación e, se as coidamos como se merecen, serán vacas máis produtivas, con mellores índices reprodutivos e con maior lonxevidade", conclúe Alejandro.

SAT A Vereda, cara as 300 vacas en muxido con paso seguro

Manuel Sandamil, na nave de produción de SAT A Vereda, construída en 2011 e que agora van ampliar Se hai unha máxima coa que traballan en SAT A Vereda desde a súa constitución fai 9 anos é a de tratar de ser autosuficientes. Lógrano en aspectos tan importantes como o das forraxes ou o da recría, cuestións importantes para reducir custos e riscos e poder seguir medrando con seguridade de cara ao futuro. "Non te podes quedar estancado, hai que ir cos tempos, seguir mellorando e modernizándose", defende Manuel Sandamil, un dos socios desta SAT constituída por catro explotacións veciñas, tres pertencentes ao concello da Pastoriza e unha ao de Castro de Rei, na parroquia de Pacio, no lugar da Vereda, que dá nome á sociedade, onde construíron a nave de produción conxunta inaugurada en novembro de 2011. Poder cubrir as necesidades de alimentación da propia granxa e o reemprazo de animais necesario é unha garantía de cara aos novos investimentos que están a piques de afrontar, cunha ampliación da nave de produción para poder muxir 100 vacas máis, un espazo novo de preparto e a incorporación dun separador de purín e unha célula hixienizadora para poder reutilizar a fracción sólida como material para as camas. "A primeira fase logo de xuntarnos e constituír a SAT foi facer a nave nova para o gando, incluída a sala de muxido, a leitería e a zona de oficina e conseguir as fincas e a superficie necesaria para sermos autosuficientes. Agora que xa saímos dese primeiro investimento forte podemos acometer novos proxectos para ir modernizando e redimensionando a explotación", explica Manuel. Este ano, por exemplo, veñen de estrear tres silos de trincheira que remataron de facer xusto para poder ensilar neles a colleita de millo e están a piques de comezar as obras de ampliación das instalacións, algo que xa quedou previsto cando hai 9 anos construíron a nave, deixando o pasillo de alimentación nun dos laterais para agora poder desdobrar e que quede no medio. Chegar ás 300 vacas en produción Vista xeral das instalacións para as vacas en produción, que están divididas en dous lotes A día de hoxe SAT A Vereda conta con 430 cabezas de gando totais, das que 220 son animais en produción neste momento. "Movénomos entre 215 e 230 vacas en muxidura ao longo do ano", contan, pero a idea trala vindeira ampliación é poder chegar nun prazo de dous anos aos 300 animais en produción. "Queremos ir aumentando progresivamente para chegarmos ás 300 vacas. Non vai ser de golpe, porque queremos medrar en base á nosa propia recría. Nisto tamén somos autosuficientes e polas previsións que temos consideramos que imos poder cubrir perfectamente coa nosa recría a ampliación que imos facer", engaden.
A intención é que nos chegue a recría propia para completar a ampliación nun par de anos
Para iso están a recurrir ao seme sexado, tanto en primeirizas coma nas mellores vacas. "Levamos empregando seme sexado 4 ou 5 anos, pero nos últimos dous anos intensificamos unha miguiña a súa utilización pensando precisamente en medrar. Nas xovencas poñémolo no 90% delas e nas vacas só nas mellores. Penso que sempre é mellor medrar co que un ten aínda que hoxe se o que mercas son animais de aquí as condicións sanitarias do gando son boas e non hai problema", di. Unha parte da recría, externalizada por problemas de espazo Zona de recría, que teñen repartida entre a nave principal, o antigo establo dun dos socios e o Rancho Las Nieves O importante volume de recría co que contan neste momento, que suma un total de 166 animais, fai que as instalacións para acollelas quedaran pequenas. Ao igual que fan coas vacas secas, empregan para as xatas o antigo establo dun dos socios, que complementan co envío dunha parte dos animais ao Rancho Las Nieves de Zaragoza. "Tes o espazo que tes e non podes medrar tampouco todo o que queres. A alimentación chegaríanos, pero o sitio que temos para a recría non. Agora mesmo temos en Zaragoza 22 xovencas, o que representa máis ou menos un 15% dos animais de recría totais. Dous dos socios xa as mandabamos alí antes de facer a SAT e seguimos enviando as que non nos collen aquí. O resto das xatas recriámolas nós", conta Manuel.
Comezan coa primeira dose de inseminación a partir dos 13 meses e están logrando o primeiro parto nas xovencas antes dos dous anos
A externalización é para esta gandería unha necesidade por razóns de espazo máis que por obter mellores resultados. "Cando empezamos quizais houbese diferenza entre as que viñan dalá e as nosas, pero hoxe non, fomos mellorando o manexo e a xenética nas nosas e agora son animais similares, mesmo na idade de parto", explica. Comezan coa primeira dose de inseminación entre os 13 e os 14 meses e están logrando o primeiro parto nas xovencas antes dos dous anos. "A idade de parto está nos 23 meses e medio. Antes dos 13 meses non inseminamos e a partir desa idade decidimos en función do tamaño", detallan. Para detectar os celos axúdanse de podómetros, aínda que a primeira inseminación, tanto nas xovencas como nas vacas adultas é sempre programada. Están a empregar unha media de 1,2 doses nas xatas e 3 na media das vacas e a taxa de reposición do gando na granxa é do 27%, cun promedio de 2,5 lactacións por animal cando é descartado cara ao matadoiro. Touros uniformes cos que corrixir defectos do rabaño Tan só fan a proba xenómica a aquelas xatas que eles consideran que teñen potencial Teñen asignadas a maioría das tarefas da granxa e Manuel é dos que se encarga, por exemplo, da reprodución. "Inseminamos nós case todo e o que tratamos é de ver e identificar os defectos máis importantes que temos nos animais para tratar de correxilos. O que máis valoramos nos touros son aspectos como as patas, as ubres e os caracteres de saúde, pero procuramos que sexan touros o máis uniformes posibles, touros positivos a todo aínda que non sexan moi sobresaíntes en ningunha cuestión especial", describe.
O xenotipado é unha das cuestións que queremos incrementar
SAT A Vereda traballa con varias empresas de seme, tanto estranxeiro como con Xenética Fontao. "Collemos 4 ou 5 touros distintos tanto en sexado como en convencional e facemos os acoplamentos con Africor", indica. Aínda que empezaron a xenotipar algúns animais, polo momento é só unha parte minoritaria. Sen embargo, Manuel considera que é unha ferramenta interesante para atinar na toma de decisións en materia reprodutiva e mellora xenética da granxa, polo que recoñece que é un dos aspectos nos que queren avanzar. "Permíteche ter máis seguridade cando apostas por unha xata que consideras que ten potencial e tamén descubrir animais que doutro xeito igual pasaban desapercibidos", considera. Sete postos de traballo Na explotación traballan neste momento sete persoas. Ademais dos socios (Manuel Sandamil, Jesús Villamel, José Antonio Iglesia e Manuel Iglesia) traballa tamén a media xornada Maruja Anllo, a muller de Manuel Iglesia, que fai os reforzos para muxir, e contan con outros dous empregados a tempo completo cos que se atopan moi contentos. "Poucas explotacións poden dicir coma nós que teñen dous bos empregados", asegura Sandamil, consciente de que as dificultades para atopar man de obra cualificada é un dos graves problemas actuais de moitas ganderías. A organización das labores diarias na explotación faise en función das libranzas e dos turnos para muxir, con tarefas preasignadas das que se encarga cada un. "Vimos librando un día pola semana e unha fin de semana de cada tres e logo temos 15 días de vacacións no inverno e outros 15 no verán, que distribuímos en función de como teñamos o traballo e o forte das campañas", detallan. Moxen ás sete e media da mañá e ás seis e media da tarde, sempre cun mínimo de dúas persoas. Dispoñen dunha sala de muxido traseira de 2x16 puntos e lévalles dúas horas e cuarto muxir pola mañá e dúas horas pola tarde, sen contar o tempo de lavado. Entre 34 e 36 litros de media Entregan o leite a Reny Picot desde fai anos. "Antes estabamos en Pascual pero cando pechou a planta de Outeiro de Rei e decidiu rebaixar o volume de recollida que tiña en Galicia empezamos con Reny Picot e estamos con eles desde entón. Este ano en marzo cando nos tocou renovar o contrato tivemos até 4 ofertas para cambiar de empresa, pero decidimos seguir", explica Manuel. Valoran a estabilidade que lles ofrece. "Vendo o resto do panorama estamos ben, sen moitas fluctuacións ou grandes subidas e baixadas no prezo", engade.
Este ano en marzo cando nos tocou renovar o contrato tivemos até 4 ofertas para cambiar de empresa pero decidimos seguir en Reny Picot
A produción media de SAT A Vereda sitúase entre os 34 e os 36 litros de media por vaca e día, con porcentaxes do 3,90% de graxa e do 3,30% de proteína, un reconto celular que se move entre 160.000 e 180.000 e en torno a 10 en bacterioloxía. Respectan un periodo de secado de 65 días e o destete das becerras de recría ten lugar aos 70 días.  120 hectáreas de superficie Sementan entre 80 e 85 hectáreas a millo e nunha parte delas fan rotación con raigrás Ademais do traballo na nave de produción e de atender os lotes de vacas secas ou recría que teñen repartidos nos antigos establos dos socios, tamén se encargan, na medida do posible, de facer a maior parte dos traballos agrícolas. "Menos o picado do sillo de millo e de herba e a sementeira do millo o resto facémolo nós", explica Manuel. Contan cun total de 120 hectáreas de superficie, o 90% delas nun radio de 2 quilómetros. Aínda que as catro explotacións aportaron as súas fincas, a maior parte da superficie actual é alugada, nunha zona onde o prezo pode rondar os 300 euros por hectárea. "Por aquí de momento non abunda, vai pechando algunha explotación e vai quedando algunha finca, pero non é coma noutras zonas. Pero o custo diario de ter as terras lonxe tamén é importante e hai que valoralo", argumenta Manuel.
Nesta zona as fincas están caras, páganse a uns 300 euros por hectárea, pero o custo diario de ter as terras lonxe tamén é importante e hai que valoralo
As parcelas que están máis lonxe resérvanas para facer herba seca e no resto unha parte téñenas a raigrás para facer silo de herba e noutras 80 ou 85 hectáreas, dependendo do ano, sementan millo. Este ano botaron algo menos porque tiñan reservas da colleita anterior. "Somos autosuficientes en forraxe, só mercamos algo de palla e o penso, que ogallá non houbera que comprar, porque o prezo do leite non sobe pero o resto das cousas si", lamenta. Alimentación pola tarde A composición da ración de primeirizas e multíparas varía para axustala á súa capacidade de inxesta Nesta explotación de Castro de Rei fan dúas racións distintas para as vacas en produción, que teñen en dous lotes. "Facemos unha ración para as primíparas e outra para as adultas, que non varían moito, só as adaptamos un pouco ás súas necesidades e capacidade de inxesta, que son diferentes", explican. A das primeirizas leva 31 quilos de silo de millo, 10 de silo de herba, 10 de concentrado e 0,5 quilos de palla picada. No caso das multíparas, está composta por 36 quilos de silo de millo, 13 quilos de silo de herba, 11 quilos de penso e medio quilo de palla. A maiores elaboran outras dúas racións para as vacas secas e as xovencas. Neste momento SAT A Vereda non dispón de carro mesturador propio, polo que é un servizo que ten contratado cunha empresa externa. "Tiñamos nós carro, pero fai un ano estropeouse e estivemos valorando que facer e desde entón a alimentación fáinola unha empresa de servizos", conta Manuel.
O carro vén ás 8 da tarde. Para o verán véxolle vantaxes ao feito de que veña a esa hora
A externalización dese traballo levounos a ter que mudar os horarios habituais de alimentación do gando. "Antes faciamos nós as racións pola mañá pero agora o carro vén ás 8 da tarde. Non notamos maiores consecuencias máis que o feito de que antes tiñamos unha diferenza importante en litros na muxidura de pola mañá con respecto á da noite e agora iso nivelouse máis. Para o verán é certo que lle vexo vantaxes ao feito de que veña a esa hora, porque a comida non quece nas horas centrais do día", argumenta. Cambios nas camas Empezaron con area, agora empregan carbonato con serrín e cascarilla de arroz e queren pasar a usar compost Outro dos cambios que fixeron no último ano foi no material empregado nos cubículos. "Desde o inicio, desde cando fixemos a nave no 2011, tiñamos area, pero a area é moi boa nas camas pero non tanto fóra delas e este ano cambiamos a unha mestura de carbonato cálcico con serrín e cascarilla de arroz", explica Manuel. Con todo, o cambio de material é transitorio, xa que nos plans inmediatos desta explotación está a introdución do compost como material de recheo nas camas. "Queremos instalar unha célula hixienizadora para aproveitar o compost, xa a fomos ver a Italia. Aínda que o investimento é importante, eu penso que se se pode empregar o compost nas camas logo se rendabiliza", considera.
Bótate algo para atrás o medo a máis células ou problemas de mamite pero imos instalar unha célula hixienizadora para aproveitar o compost como material de recheo para os cubículos
A colocación do separador de purín ten un dobre obxectivo nesta gandería, por un lado tratar de reducir o custo económico de manter os cubículos e por outro avanzar no cumprimento das normativas medioambientais que se aveciñan. "A Xunta anunciou a instalación de catro plantas de tratamento, unha delas no concello da Pastoriza, pero eu penso que sempre vai saír mellor poder reutilizar o purín na propia granxa sen ter que levalo a ningún outro sitio", defende. Manuel, que xogou durante anos ao fútbol, unha afección que aínda non abandonou de todo, e é tamén piloto de ralies, non quere sen embargo riscos na súa faceta como gandeiro: "Bótate algo para atrás o medo a máis células ou problemas de mamite", di. Pero unha vez visto o seu funcionamento están decididos a incorporar o novo sistema.

Programa da Xornada Técnica de Africor Lugo

Africor Lugo organiza o vindeiro 6 de marzo a súa xornada xornada técnica anual, na que diversos expertos falarán sobre aspectos clave para a mellora da rendibilidade dunha gandería de vacún de leite. A asistencia é libre e gratuíta.

A xornada celebrarase na Facultade de Veterinaria de Lugo en horario de mañá e tarde. Comezará ás 10:30 horas Manuel Cerviño, de Boehringer, cun relatorio sobre “Bovikalc Dry, unha forma máis saudable de abordar o secado”. A continuación, Juan Cainzos, de Elanco, falará sobre eficiencia; e Luis Miguel Jiménez, de Servet Talavera, explicará as claves do benestar animal no período seco. A quenda de mañá pecharáa Alfonso Goris, de Clun, cunha ponencia sobre a importancia do plan de recría.

Xa pola tarde, as intervencións correrán a cargo de Rubén Mosquera, de Aira, que falará sobre a “Plataforma da receita veterinaria electrónica”; Javier López, de Xenética Fontao, cunha ponencia sobre xenómica, e Laura Elvira, de MSD Animal Health, quen explicará as bondades do descornado sen dor.

“Canto menos me enfado coas vacas máis leite dan”

Casa Crespo é unha gandería familiar situada en Outeiro, pertencente á parroquia de Santiago de Saa, no concello de Lugo, que basea a súa estratexia na produción intensiva, buscando obter o maior número de litros de leite de cada un dos seus animais. Eloy Luaces e a súa muller, Esther Lage, atenden esta gandería, con 40 vacas adultas e 33 xovencas en recría, e que destaca polas altas producións obtidas. Cando se lle pregunta cal é o seu segredo para lograr unha media de 14.419 quilos de leite por vaca en dous muxidos, Eloy responde que “o éxito ou fracaso dunha explotación vai no benestar animal” e asegura categórico que “eu canto menos me enfado coas vacas máis leite me dan”. E engade un segundo factor, ao seu xuízo, determinante: “que coman ben e moito”. “Iso é todo, non hai máis segredo”, apostilla. As vacas en produción de Casa Crespo comen unha media diaria de entre 23 e 24 quilos de concentrado por vaca e entre 6 e 7 quilos de materia seca de silo. As dúas cousas, penso e forraxe, téñenas a discreción. O sistema de alimentación é unha variante do sistema Kemper, aínda que no caso desta gandería non é a empresa Nanta a que lle subministra o penso, senón a cooperativa Aira. Eloy cambiou a herba seca polo silo de herba porque deste xeito aproveita mellor a produción das súas pradeiras. “No 2011 empecei con este sistema de alimentación dando herba seca pero despois paseime ao silo, porque do outro xeito só aproveitaba un corte para seco e non sabía que facerlle ao primeiro corte, ao da primavera. Desta maneira aproveito os dous cortes”, explica. O seu ensilado, sen embargo, leva moita fibra, porque agarda a que a herba estea medrada e leve xa espiga tanto no primeiro coma no segundo corte. Para lograr que a planta aguante verde máis tempo emprega un abono con composición nítrica e ureica, aínda que usa o abonado con moderación nas pradeiras “para que a herba non teña moita folla, porque non me interesa”, di. Ao pasar da herba seca ao silo tivo que cambiar a composición do concentrado para baixarlle á proteína, porque o silo aporta máis proteína que a herba seca “porque na herba seca perdes a folla, que é onde está a proteína”, aclara.
“En momentos de prezos baixos de penso e prezos altos de leite compito ben”
A cooperativa Aira faille o penso á carta, igual que o 80% das racións que saen da cooperativa, que xa son personalizadas. “Ao comer unha cantidade tan elevada de concentrado a súa composición ten que ser distinta, porque senón mataría as vacas”, indica Eloy, que explica que se trata dun penso baixo en proteína e con moita fibra, ao levar máis salvado e pouca cantidade de millo e de soia. Tamén ten menos corrector (unha concentración de 1,5 por mil), aínda que a cantidade realmente inxerida por vaca é elevada (uns 345 gramos de corrector por vaca e día). Casa Crespo leva sen variar a composición do concentrado 4 ou 5 anos e o prezo da súa mestura sae un pouco máis barata porque no penso a fibra custa menos que a proteína. Este é un factor importante, porque neste sistema de alimentación o prezo do penso inflúe moito no resultado económico final da granxa. “En momentos de prezos baixos de penso e prezos altos de leite compito ben e o rendemento é bo”, afirma Eloy, que pon como exemplo as comparativas dos distintos anos: “no 2011 gastei en penso o 52% do que cobrei de leite, mentres que no 2014, ano bo de prezo de leite, baixei até o 42%; en 2016 e 2017, sen embargo, xa subín até o 58%”.

Multiplicou por cinco a produción da explotación con só aumentar un 30% o número de vacas

A historia desta gandería é a de tantas outras en Galicia. Cando Eloy naceu, no ano 1965, na súa casa había media ducia de vacas rubias para a produción de carne. A comezos da década dos 70 o seu pai trouxo a primeira vaca pinta e en 1975 fixo o primeiro establo para 24 animais de produción de leite. En 1980 instalaron un circuíto de muxido e en 1991 incorporouse Eloy á explotación, que tiña nese momento 100.000 quilos de cota. Cinco anos despois, no 96, facían unha nova nave para 40 animais en estabulación libre que é aínda a usada a día de hoxe. No ano 2000 Casa Crespo comezou a usar o sistema de alimentación por carro mesturador (primeiro propio, logo dunha CUMA e máis tarde a través da cooperativa Agris). Eloy botaba millo, entre 6 e 8 hectáreas, e ensilaba na casa. Pero “o millo dá traballo e tamén é caro”, di, así que no 2011 decidiu pasar ao sistema de penso e forraxe que usa hoxe.
En abril a media diaria foi de 49,7 litros por vaca e día
Di que a el funcionoulle e dá un dato como exemplo da súa evolución: “cando eu me incorporei, no ano 91, produciamos 100.000 quilos de leite con 30 vacas, hoxe producimos 500.000 con só 10 vacas máis ca daquela”. Ano a ano Casa Crespo segue mellorando os seus resultados. A media de produción deste mes de abril está en 49,7 litros diarios por vaca, medidos no muxido da tarde, con 30 vacas en muxido e unha media de 123 días en leite. Esa cifra sobe no muxido da mañá, que no mes de marzo indicaba unha produción media diaria de 51 litros por vaca. Con eses niveis de produción, é difícil lograr calidades, así que a graxa está normalmente por baixo do 3% no cómputo anual e a proteína entre o 3,10 e o 3,20%. Desta explotación saíu no 2015 a vaca con maior produción de Galicia, Risa, que en catro partos subiu dos 80.000 litros producidos. A súa sucesora hoxe na granxa é Tara, que no último muxido da mañá marcou 49,2 litros (93 sumado o muxido da noite).

Detectar e atallar os problemas canto antes

Ao ser unha explotación de pequeno tamaño tamén lles permite facer un seguimento personalizado e exhaustivo de cada animal en produción. “Para conseguir un éxito de produción hai que observar moito o estado das vacas para detectar e atallar os problemas canto antes, ben sexa con prevención ou, de ser necesario, con tratamento. Aquí o ordenador de control somos nós, se detectamos na sala de muxido unha baixa na produción dunha vaca observamos que fai na saída, porque se se vai deitar é que está enferma. Non fai falla estar pendente delas as 24 horas do día, pero si estar alerta cando estás con elas, como por exemplo no momento do muxido. Nós ese seguimento personalizado a cada animal podemos facelo ao ser unha explotación pequena”, explica. Eloy. Prestan moita atención ás diarreas, que son o máis problemático do sistema de alimentación que emprega Casa Crespo, con penso e silo a discreción dos animais. “Son fáciles de corrixir se as detectas a tempo, se te anticipas ao problema resólvelo antes e con menor custo”, afirma. Os primeiros días, cando a vaca paire, son os máis problemáticos, porque a vaca multípara xa sabe onde está o penso e engúleo máis aló da capacidade do seu organismo para dixerilo. Esa enchenta de concentrado nos primeiros días xera nesta gandería algún problema de desprazamento de abomaso, así que para evitalo o que fan é ter durante o postparto, os primeiros dous ou tres días, as vacas paridas coas secas, onde reciben o penso racionado. “Antes de parir ás vacas secas xa as iniciamos no penso. Comezamos con 2 quilos por vaca e día e imos subindo até os 7 quilos no momento do parto. Desde que pare, nos dous ou tres días posteriores, seguimos incrementando paulatinamente esa cantidade para preparar ao animal ao seu posterior consumo a discreción”, conta. As vacas paridas e as secas reciben menos ración de penso

Box automatizado para a dispensación de penso e robot de muxido

Este problema resolveríase cun box automatizado de subministro de penso capaz de identificar a cada animal e aportarlle a súa ración individualizada. “É algo que se nos adaptaría moi ben, igual que un robot de muxido, xa que con vacas de altas producións coma estas, lograriamos máis de tres muxidos e, polo tanto, máis produción e tamén muxidos máis frecuentes, o que quere dicir ubres máis pequenos e menos problemas nas vacas”, argumenta Eloy. “Non me metín de momento por non investir máis”, admite. Ese tamén foi un dos motivos polos que no ano 2011 se pasou ao seu actual sistema de alimentación, ao permitirlle aumentar a produción co mesmo número de animais e, polo tanto, sen necesidade de facer ampliacións nas instalacións. Esas melloras en canto a robotización e automatización de tarefas, sen embargo, serían as primeiras que acometería Casa Crespo en caso de que o seu fillo Víctor, que até agora estaba estudando e botaba unha man esporadicamente na granxa, se incorporara. “O futuro da explotación depende del, se se incorpora estes 15 anos vindeiros poden ser bos, porque estamos nós, pero logo queda el só, e unha explotación non a leva un só, ese é un dos principais problemas das explotacións familiares”, considera Eloy.
“O principal problema do agro galego é o minifundio”
El e a súa muller Esther botan man do servizo de substitución da cooperativa Aira para poder ter algún descanso. “Úsoo bastante, porque días libres necesitámolos todos, pero unha cousa é substituírte puntualmente un par de días e outra cousa é levar a explotación e suplirte en todo por un período máis longo de tempo. Iso é moi difícil, por iso un dos graves problemas destas explotacións familiares dáse se tes un percance e necesitas a alguén por un período máis ou menos longo para que se faga cargo da granxa porque non podes traballar”, afirma. Outro dos problemas que describe, aínda que no seu caso non lle afecta en exceso, é o do pequeno tamaño das parcelas, o que dificulta a súa xestión. “O principal problema do agro galego é o minifundio, temos que empezar por aí e por mellorar os accesos ás fincas. Non fan falla autovías para chegar ás terras, pero os accesos teñen que ser decentes e permitir entrar á maquinaria”, reclama.

Facer o silo no momento óptimo e pechalo canto antes

Casa Crespo dispón de 19 hectáreas, todas en propiedade, destinadas na súa totalidade a pradeira. “Teño todo a raigrass, que renovo periodicamente, cando lle fai falla á pradeira, pero todos os anos renovo algo”, explica. Eloy conta con equipo de sementeira propio, igual que para a realización do resto de traballos agrícolas, que fai el na súa totalidade. “Teño maquinaria para todo, quizais en contra do criterio técnico de rendibilidade, porque o investimento feito en maquinaria é moi elevado, pero iso permíteme facer os traballos no momento óptimo e saco mellores resultados”, argumenta. Iso nótase, por exemplo, no ensilado, di. Aínda que dispón na explotación de silos de zanxa con paredes en formigón de cando botaba millo, prefire ensilar en rolos e conta con todos os apeiros necesarios, como rotoempacadora, remolque autocargador para transporte de 6 rolos cada vez e encintadora. “Fago rolos porque penso que a calidade do ensilado é maior, porque no rolo o fronte do silo sempre está pechado e nunca se estraga, o rolo sempre está fresco”, di. E á hora de ensilar “pouco máis tempo nos leva, porque traballamos tres explotacións en conxunto e facémolo fácil, un fai os rolos, outro carrexa e outro encinta na casa”, describe.
“O rolo non pasa unha hora desde que está feito no prado até que está encintado e colocado na casa”
Outra das cuestións ás que prestan especial atención é a minimizar o tempo que transcorre entre que o rolo está feito e encintado na casa. “O rolo non pasa unha hora desde que está feito no prado até que está encintado e colocado na casa”, indica. Usan para iso unha encintadora estática, xa que o transporte dos rolos é máis doado se se fai sen encintar.

Máis da metade dos descartes son voluntarios

Casa Crespo utiliza no 100% das xovencas seme sexado polo que conta con case tantas xatas en recría (33 neste momento) coma vacas adultas (40). “Teño moita reposición, a taxa é de máis do 40%, polo que elimino moitas vacas voluntariamente todos os anos”, describe. Cada ano manda ao matadoiro entre 12 e 15 animais, dos que máis da metade son descartes voluntarios, ben por problemas de patas, de ubres ou de preñez. “Temos como norma que se unha vaca aos seis meses de parida non está preñada pensamos se cubrila ou non, e na maioría dos casos non se cubre”, explica. Esta especie de norma só se incumpre en casos excepcionais, como cunha vaca que na segunda lactación chegou aos 40.000 litros de leite producido e non quedou preñada. Eloy desistiu aos 9 meses de parida e no último muxido antes de ir ao matadoiro aínda deu 18 litros. Grazas á taxa de reposición tan alta, a idade media das vacas en produción está entre 2,5 e 3 partos. Os animais teñen un pequeno patio para o verán, contan con camas de palla e carbonato e Eloy fixo recentemente un picado nos pasillos, xa que considera importante raiar os patios para evitar accidentes. Ademais dunha das explotacións galegas con maior nivel de produción por vaca, Casa Crespo está tamén entre as 200 mellores explotacións de España pola cualificación GICO das súas xovencas, segundo o ranking de Conafe. “A cualificación non é algo que me preocupe, o que busco no meu rabaño é leite e saúde e que non haxa percances graves”, resume Eloy.

“A fusión das cooperativas é imprescindible, é a única solución de futuro”

Eloy Luaces forma parte do Consello Reitor da nova cooperativa Aira, que lle subministra o penso e que tamén é a que lle recolle o leite desde o ano 2007. Pero a súa traxectoria no mundo do cooperativismo vén de moito máis atrás. Entrou na xunta directiva de Coseplan en 1992, un ano despois de incorporarse á actividade agraria, así que nestes 25 anos viviu xa catro procesos de fusión cooperativa. “Primeiro foi Coseplan, logo Planmiño, despois Agris e agora Aira”, describe. Considera ademais que “todo este proceso de fusión é imprescindible, senón estabamos mortos” e afirma categórico que “o futuro das cooperativas pasa pola fusión”, algo que considera “a única solución de futuro”. Entre as incógnitas de futuro por resolver no sector, Eloy define como un dos principais a incerteza de prezos do leite e di que “de xurdir unha oportunidade de transformación industrial interesante para o leite as cooperativas galegas deberían unirse e dar o paso”.
“De xurdir unha oportunidade para transformar o leite, as cooperativas galegas deberían unirse”
Chama a atención sobre a pouca valoración social que ao seu xuízo existe do leite e os produtos lácteos en comparación con outros alimentos. “O consumidor non está disposto a pagar polo leite o que paga por outros produtos da súa cesta da compra, cando se trata dun produto nutricional fantástico. Sen embargo, o leite é un moi bo alimento a un prezo moi asequible, se comparamos por exemplo un litro de leite cun quilo de froita ou con outros alimentos de uso diario. Porque, ¿cantos produtos hai hoxe en día a menos dun euro, como está o leite?”, pregunta Eloy. A este problema de prezo estable e xusto para a venda do leite, engade outros factores, como o relevo xeracional, os problemas para atopar persoal cualificado para traballar nas explotacións ou as trabas administrativas á hora de facer melloras e ampliacións, cuestións que ao seu xuízo están a lastrar o futuro e o medre de moitas granxas de produción de leite galegas.

Listado das mellores ganderías de vacún de leite da provincia de Lugo

Africor Lugo fai un recoñecemento ás mellores ganderías da provincia no pasado ano 2017. O obxectivo é destacar a aquelas que traballan pola súa mellora, en busca duns animais máis rendibles para a produción de leite e á vez máis lonxevos, que permitan producir leite, de boa calidade, durante moito tempo.

As ganderías premiadas este ano como mellores nalgunha destas tres categorías son:

-Mellor gandería por media de cualificación: CASA DE BAIXO, de Sarria cunha media de 88,2 puntos

-Mellor gandería por media de produción: CASA CRESPO, de Lugo con 14.419 quilos de leite por vaca

-Mellor gandería por media de índices xenéticos: CASA COCHERO, de Guitiriz cun ICO de 2.657 puntos 

Outras ganderías premiadas

Unha mención especial merecen as ganderías que destacan nos tres aspectos, así as ganderías que forman o grupo de mellores ganderías da provincia, son aquelas que están entre as cen mellores por produción, cualificación e índices xenéticos. A maiores, deben ter un intervalo entre partos e un reconto celular non superior á media da provincia. “Isto fai que sexan requisitos moi esixentes, o que abonda no mérito desta ganderías”, salientan dende Africor Lugo.

As ganderías premiadas como mellores da provincia son as seguintes:

Gandería

Concello        

Cualificación morfolóxica

Produción por vaca

Índices xenéticos

MASEDA POL             82,9           13.019       2.538
BAIXO HOLSTEIN SARRIA             88,2           12.296       2.506
TIO ANDRES SARRIA             82,7           12.577       2.397
CASA DO REGO LANCARA             83,0           12.126       2.408
VILAR DE SUSAO SARRIA             82,7           12.139       2.456
CARREIRA O INCIO             82,2           12.626       2.290
GRANJA SARA LUGO             82,1           11.947       2.347
SAT LODOS E PEREZ A PASTORIZA             81,3           11.981       2.469
TENDEIRO O PARAMO             81,9           11.788       2.280

Estas distincións serán entregadas o día 27 de abril en Lugo coincidindo coa celebración da asemblea da asociación.

Listado dos animais de raza Frisona que se poxarán este sábado en Chantada

Este sábado, 10 de marzo, ás 12 horas  terá lugar no mercado gandeiro de Chantada unha nova edición da poxa de vacas e xovencas de raza frisoa, organizada por Africor Lugo, o Concello de Chantada e a cooperativa Aira. Velaquí o listado de animais que sairán a poxa: Dende a organización destacan que “esta é a primeira poxa do ano na provincia de Lugo, unha gran oportunidade para os gandeiros que desexen mercar animais, pois alí poderán ver e comparar varios animais, vacas paridas e xovenca próximas e escoller aqueles que mellor se adapten ás súas necesidades”. “Ademais, dispoñendo da información máis completa -datos de Libro Xenealóxico e Control Leiteiro- e con probas sanitarias realizadas”, engaden desde Africor Lugo. Destacar tamén que Xenética Fontao obsequiará aos compradores con tres doses de ARMÓNICO e tres doses de CLUN por cada un dos animais adquiridos na poxa.

Gandaría Barbeiro, premio á mellor produción láctea da provincia de Lugo

Unha gandaría do municipio lucense de Alfoz foi premiada por Africor, o organismo que agrupa a todas as granxas incluídas no programa de Control Leiteiro, como a explotación con mellor produción láctea da provincia de Lugo, no transcurso da asemblea xeral ordinaria que celebra anualmente este organismo. Segundo informou o director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, na categoría de Mellor Produción levouse o premio a gandaría 'Barbeiro', do municipio de Alfoz, cunha produción media de "uns 14.000 litros de leite", o que supón un "40% máis que a media da provincia", explicou o director executivo de Africor Lugo. "Iso dános idea da marxe que aínda queda para buscarlle un maior rendemento ás vacas" das explotacións agropecuarias galegas, engadiu, porque no caso desta granxa de Alfoz alcanza "unha produción excepcional". A gandaría 'Quintián', do municipio do Páramo, fíxose co premio na categoría de Mellores Índices Xenéticos, no que se valora o potencial dos animais que hai na granxa para transmitir as súas calidades á súa descendencia. Trátase, precisou Fouz, dunha granxa cun "nivel xenético excepcionalmente alto", sensiblemente superior á media das 1.700 explotacións lucenses sometidas ao programa de Control Leiteiro, o que lle permite que "a recría responda perfectamente ás súas expectativas". Na categoría de Cualificación Morfolóxica, o premio foi para a gandaría 'Baixo de Hermida', de Sarria, unha granxa que "revalida ano tras ano este título", nesta ocasión "con 87,9 puntos", o que significa "roldar a perfección na morfoloxía da vaca frisoa". Trátase, engadiu, dun "criador excepcional". O premio Africor, que "compila todos estes aspectos, xunto con outros, de modo que o gañador ten que estar ben situado en todas as categorías", foi para a gandaría 'Maseda', de Pol, que tamén é unha granxa "habitual" nestes galardóns e de "referencia" na provincia. As ganderías premiadas como mellores da provincia son as seguintes:
GANDERÍA CONCELLO Cualificación morfolóxica Produción por vaca Índices xenéticos
MASEDA POL                     82,69                  13.545  2.243
CASA DE BAIXO SARRIA                     87,86                  12.635                     2.203
NODI BARREIROS                     83,51                  13.550                     2.086
VILAR DE SUSAO SARRIA  82,05                  12.436                     2.192
OUTEIRO CHANTADA                     83,58                  13.640                     2.044
CARREIRA O INCIO                     82,05                  13.703  2.040
LODOS E PEREZ A PASTORIZA                     81,52                  11.881                     2.136
VEGA CASTRO DE REI                     81,77                  11.564                     2.048
 

A produción de leite repunta ata os niveis de abril do pasado ano

A supresión do sistema de cotas supuxo un novo repunte da produción láctea na provincia de Lugo. As explotacións que están no programa de control leiteiro, 1.700 na provincia, recolleron case 74 millóns de litros no mes de abril. O director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, explicou que as 77.700 vacas muxidas e sometidas ao programa de control leiteiro nesta provincia acadaron unha produción de 31,5 litros diarios. Con esa cifra de produción por vaca, as granxas lucenses lograron unha media de 2.454.000 litros diarios, o que supón unha cifra de case 74 millóns de litros de leite producidos en todo o mes. Ramiro Fouz explicou que este novo repunte, asociado á supresión do sistema de cotas, elevou a produción a "niveis similares aos rexistrados en abril do pasado ano", cando a sobreprodución fixo saltar as alarmas sobre a posibilidade de que os gandeiros galegos fosen sancionados cunha nova supertaxa. En abril de 2014, a produción aumentara en España un 7,9% en relación ao mesmo mes do ano anterior. Galicia vólvese situar agora nos niveis de 2014, co que, se ben a produción aumenta en relación a marzo de 2015, probablemente se manteña en niveis similares aos de abril de 2014, segundo as cifras que manexa Africor Lugo. Os datos poñen luz sobre as dificultades de recollida formuladas polas industrias nas últimas semanas polo que se consideraba un exceso de oferta. En canto aos datos facilitados por Africor Lugo, Fouz tamén quixo incidir en que nestes momentos se está "a producir por debaixo dos custos de produción, a perdas, de modo que producir máis leva a perder máis diñeiro" e, polo tanto, a actual situación podería provocar "o peche de moitas explotacións". Información elaborada coa aportación de José Luis Ramudo (Lugo).

Africor desenvolve a primeira APP de España para consultar a produción láctea

Africor Lugo desenvolveu, en colaboración coa Diputación Provincial, a primeira aplicación para dispositivos móbiles (APP) activada en España que permite aos gandeiros consultar datos sobre a produción de leite das súas reses, co obxectivo final de facilitar a xestión das explotacións e aumentar a súa competitividade. A APP ten dúas seccións: un apartado de acceso público e outro só aberto aos 1.700 socios de Africor Lugo, para que poidan acceder en tempo real aos resultados do Control Leiteiro e a consellos sobre reprodución, coa finalidade de mellorar a xenética da cabana e evitar a consanguinidade. Para obter datos sobre cada un dos animais da explotación, o gandeiro só ten que introducir os últimos catro díxitos do crotal que levan as vacas nas orellas. Unha vez descargada a APP, non se necesita conexión a internet O director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, explicou que unha vez descargada a APP, os gandeiros poden obter a información que necesiten sen dispoñer de conexión a Internet. Esa circunstancia, pode ser realmente útil, engadiu, porque poderán consultar datos en zonas rurais con pouca cobertura ou ata dentro das cortes, onde poida que a cobertura tampouco sexa boa. En canto ao apartado de acceso público, calquera usuario poderá atopar información de carácter xeral sobre o sector lácteo en Galicia, tanto sobre normativas e axudas públicas como sobre a venda de animais, o que tamén contribuirá, en opinión dos promotores desta iniciativa, a “dinamizar a compra de reses criadas nesta provincia”. Dispoñible para Android e Windows A aplicación xa se pode descargar de forma gratuíta no teléfono móbil, a través de Apple Store ou en Google Play –para os teléfonos que utilizan o sistema Android-, e está dispoñible tamén na tenda de Microsoft para dispositivos que utilizan o sistema operativo Windows. O proxecto foi subvencionado pola Diputación de Lugo cunha axuda de 6.000 euros, unha cantidade que supuxo máis da metade do orzamento investido no desenvolvemento da APP. A presentación da APP aos medios desenvolveuse en SAT Os Foros, no municipio da Pastoriza pero ao público en xeral e aos gandeiros de leite, en particular, seralles presentada de forma máis pormenorizada nas VIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, organizadas por Africor, que se desenvolven mañá na Facultade de Veterinaria de Lugo.