Archives

Silleda acolle ata este sábado Enerxétika, a feira de enerxías renovables

A cuarta edición da feira de enerxía Enerxétika, conta con 270 firmas de 17 países, o que supón un 4% máis que na última cita, celebrada en 2022. Delas 110 son expositores directos de España, Portugal, Francia, México e Israel, un 23,6% máis. Podes consultar aquí o listado de expositores. Entre estes expositores estarán presentes empresas de enerxías convencionais e renovables e dos ámbitos da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial ou servizos. Enerxétika 2024, que conta co patrocino de Red Eléctrica, incluirá un atractivo programa onde as xornadas serán unha peza clave. Serán preto de 70 que se agruparán en 27 xornadas que profundarán en temas como almacenamento de enerxía e transición enerxética en Galicia, a biomasa como unha oportunidade estratéxica para Galicia, política enerxética en Portugal, o mercado eléctrico chileno, hidróxeno verde, rehabilitación enerxética integral de edificios, mobilidade eléctrica, instalacións de autoconsumo ou xeotermia, entre moitos outros. Podes consultar aquí o programa completo de xornadas. Ademais, o programa volverá contar co SIE, o Salón de Innovación Enerxética, espazo que se centra en poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia e as enerxías renovables, e que nesta ocasión mostrará 11 proxectos. Sumaranse destacados encontros sectoriais de entidades que apostan pola feira para reunirse e levar a cabo diversos actos. Por outra banda, a feira acollerá unha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética. Incluirá zonas temáticas con demostracións, actividades, paneis informativos e espazos de proxección tanto para aprender sobre enerxía en xeral como para coñecer medidas de aforro e eficiencia aplicadas á nosa vida cotiá. Desenvolverá ademais un programa específico para escolares. Outra interesante proposta para público xeral será a posibilidade de probar vehículos eléctricos, híbridos e de hidroxeno de última xeración e prestixiosas marcas.

Granxas desconectadas da rede eléctrica: Unha opción para non depender do prezo da luz

O autoconsumo eléctrico é xa unha posibilidade real para as explotacións gandeiras. Os avances logrados nos últimos anos na tecnoloxía empregada nos paneis fotovoltaicos e o desenvolvemento das baterías fai posible que unha granxa de polos, de porcos ou de vacas leiteiras poida estar totalmente desconectada da rede eléctrica.

En Galicia existen xa casos deste tipo, desenvoltos pola empresa Ecogal, unha das compañías líderes no sector das enerxías renovables. “Máis de 500 explotacións gandeiras teñen confiado nos últimos 10 anos nos nosos servizos para dotarse de instalacións de enerxía solar, a inmensa maioría delas están conectadas á rede, pero outra parte, que representa xa o 7% do total, son instalacións illadas da rede”, explica Manuel Varela, socio de Ecogal.

Boa parte das explotacións que optan por desconectarse da rede eléctrica son de porcino, pero tamén as hai no sector da avicultura, tanto granxas de polos e pavos como de galiñas (por exemplo, unha de 14.000 poñedoras totalmente illada existente en Rodeiro) e no vacún de leite, con casos de ganderías máis de 100 vacas totalmente autosuficientes enerxeticamente.

Cun investimento de 15.000€ logras unha instalación de porcos illada, porque os consumos enerxéticos son menores que en avicultura ou en vacún de leite

Non depender dunha compañía subministradora ten vantaxes, como a de non estar condicionado polas flutuacións de prezo do mercado eléctrico, cuxas subas moitas veces pon en risco mesmo a propia viabilidade das granxas polo encarecemento dos custos de produción.

Problemas frecuentes en Galicia: baixa potencia contratada e mal estado das liñas

Pero o feito de ser independente enerxeticamente tamén resolve outros problemas derivados do mal estado das liñas, as deficiencias de mantemento e a saturación dos transformadores, o que provoca en moitos casos caídas de tensión.

“Os paneis fotovoltaicos axudan moito nos finais de liña sobre todo, porque se consume a enerxía onde se produce e hai que ter en conta que as perdas por transporte son elevadas. E se se acompañan os paneis de baterías físicas, a estabilidade da rede mellora moito”, explican en Ecogal.

É habitual que haxa un desfase de máis do 50% entre a potencia de consumo e a contratada e iso limita moito o número de placas que se poden poñer

Un dos problemas frecuentes en moitas ganderías á hora de poñeren enerxía solar nos teitos das súas naves é o desfase entre o consumo real necesario e potencia contratada. “En Galicia atopámonos coa baixa potencia eléctrica contratada, sobre todo en granxas que levan 20 anos funcionando, e que foron aumentando tanto ao gando como ás máquinas que precisan no día a día pero sen incrementar a potencia”, indican.

Iso fai que o tamaño da instalación solar fotovoltaica non permita cubrir todas as necesidades da explotación. “É unha limitación importante porque non podemos instalar máis potencia da que teñen contratada e adecuar as instalacións para poder pedir un aumento de potencia xa supón máis gasto”, recoñece Manuel, que aclara que “é raro que poidamos instalar nunha granxa a mesma potencia de consumo que teñen contratada; o habitual é que teñan un desfase de máis da metade”, explica.

Estudo pormenorizado de consumos

A posta en marcha dunha instalación de enerxía solar fotovoltaica nunha gandería comeza sempre cun estudo de consumos da explotación, que é máis pormenorizado no caso das instalacións illadas. “Non tes plan B, polo que non pode fallar nada”, recoñece Manuel.

“Hai que facer un compendio entre medidas correctoras e instalación de placas fotovoltaicas. Nós o primeiro que miramos ao chegar a unha granxa son as medidas de eficiencia enerxética a implementar. Hai que axudar ao gandeiro a optimizar o seu consumo. Son pequenos investimentos comparados cos da propia instalación solar”, asegura.

Hai que axudar ao gandeiro a optimizar o seu consumo; o quilovatio máis intelixente é o que non se consume

“Moitas veces non se trata de producir moita enerxía, senón de reducir primeiro o consumo para que a necesidade de produción de enerxía sexa menor”, recomendan desde Ecogal, que fan fincapé na sensibilización social. “Hai que avanzar na cultura do aforro enerxético e a boa utilización da electricidade, ao igual que se fai co consumo de auga”, din.  

Medidas de eficiencia enerxética no muxido e enfriamento do leite

“O quilovatio máis intelixente é o que non se consume e unha gandería só con medidas correctoras pode correxir entre o 15 e o 20% do seu consumo. É un plus que nós lle ofrecemos”, explica Manuel.  

A sala de muxido e o tanque de frío do leite representan entre o 70 e o 80% do consumo dunha explotación leiteira. Por iso, din en Ecogal, é o primeiro punto onde hai que centrar os esforzos en materia de eficiencia enerxética.

A sala de muxido e o tanque de frío representan entre o 70 e o 80% do consumo eléctrico dunha explotación leiteira

“Hai moitos consumos ocultos nas granxas”, din. Por exemplo, “hai moitos motores de salas de muxido que non teñen aínda variadores de frecuencia e xeran moita enerxía reactiva que agora penaliza na factura. Iso cunha simple batería de condensadores, que custa 1.500€, pode correxirse. Esa granxa amortiza ese investimento en só 5 meses co que aforra na factura, porque ademáis de eliminar os cargos pola enerxía reactiva, o consumo tamén baixa porque o motor arrinca moito máis despacio”, explican.

No caso dos tanques de frío, unha medida interesante son placas as intercambiadoras que extraen o calor do leite que vén da sala de muxido, co que quentan auga ao tempo que arrefrían o leite, reducindo tamén o consumo do tanque.

ECOGAL

Teléfono: 982603270

Email: administracion@ecogal.es

Web: www.ecogal.es 

Francisco Gallardo (Gandería Gallardo SC): “Cargamos as baterías cos paneis solares e chéganos para todo o día”

Gandería Gallardo SC é unha explotación leiteira cun cento de vacas en muxidura ubicada no concello de Mazaricos que está totalmente desconectada da rede. Tomaron esa decisión polas dificultades que atoparon para o enganche do establo novo á liña eléctrica que lles pasaba xusto por diante, un problema que se repite con moita frecuencia en Galicia.

“Cando hai 4 anos fixemos a nova nave solicitamos o enganche á compañía eléctrica a unha liña que nos pasaba pegada. Puxemos dous postes, un para o enganche e outro para o transformador. Gastamos 23.000 euros, pero despois non lles valeu e querían 14.000€ máis”, quéixase Francisco Gallardo, que xunto ao seu fillo Adrián está á fronte desta granxa.

Gastamos 23.000€ para o enganche da luz. Puxemos todo o que nos mandaron (dous postes, un transformador) e despois non lles valeu e querían cobrar outros 14.000€

Ese proceso coincidiu ademais coa suba do prezo da electricidade, que chegou case a duplicarse, polo que optaron por paralizar o enganche á rede e seguir subministrándose dun xerador de gasóleo que mercaran como solución de urxencia.

“Como non nos daban enganchado empezamos a traballar cun grupo electróxeno e decidimos seguir con el. Desa maneira a nós non nos afectaba a suba da luz, porque con 1.500€ ao mes en gasóleo amañabamos, cando moitas granxas nesta zona chegaron a pagar 5.000 e 6.000 euros ao mes naquela época”, aclara Francisco.

Teñen unha potencia fotovoltaica instalada de 32 Kw, suficiente para o funcionamento de todo o establo

Pero para reducir o gasto en combustible e asegurar un subministro máis continuo e estable optaron o ano pasado por instalar placas solares e implementar distintas medidas de aforro enerxético na sala de muxido e a leitería coas que baixar o consumo.

Investiron en total 81.000€, dos que case recuperaron a metade a través das subvencións do Inega. “Polas baterías danche o 70% e polas placas no noso caso foi o 30%”, aclaran. 

Instalar máis baterías para aproveitar a produción dos paneis fotovoltaicos

Gandería Gallardo SC é unha explotación con relevo xeracional que ten previsto aumentar nos vindeiros anos o número de vacas en produción. De feito, instalacións como a sala de muxido xa quedaron previstas para iso.

Instalaron o sistema de placas solares e baterías de almacenaxe da enerxía producida no mes de setembro pasado

Ao aumentaren ás cabezas de gando tamén aumentará o consumo do establo, da sala de muxido e da leitería. Para ter cuberta esa demanda teñen pensado instalar máis baterías de almacenaxe da enerxía producida polas placas solares, xa que “moitas veces cortan a mediodía porque as baterías están xa a tope e non temos onde acumular máis”, recoñece Francisco.

“Cargamos as baterías coas placas solares e se non nos chega acende o xerador de maneira automática, pero a maioría dos días non é necesario que funcione, chéganos co que producen as placas solares”, explica Francisco.

Aforro importante

Poñer os paneis solares coas baterías supúxolles un aforro importante, xa que “o mesmo gasóleo que antes gastabamos nun mes chéganos agora para tres meses e no verán contamos con surtirnos unicamente das placas”, di.

O sistema compleméntase co xerador que xa tiñan na explotación, como garantía en caso de días anubrados ou con pouca produción de enerxía solar, e está totalmente automatizado, de maneira que se o nivel das baterías baixa do 20% acende o xerador para recargalas.

O mesmo gasóleo que antes gastabamos nun mes chéganos agora para tres, e no verán contamos con surtirnos unicamente das placas

Aínda que non sexa necesaria a súa contribución para cubrir o consumo enerxetico da explotación, o xerador está programado igualmente para que prenda 15 minutos todas as semanas como xeito de que o grupo electróxeno estea sempre a punto para entrar en funcionamento en calquera momento que sexa preciso. “Desa maneira non te atopas que cando o necesitas non arranque por falta de uso ou de mantemento”, razoa Francisco.

Medidas de eficiencia enerxética

En paralelo aos investimentos na produción e almacenaxe da enerxía fotovoltaica, fixeron tamén melloras en materia de aforro enerxético na gandería, sobre todo destinadas á redución de consumos na sala de muxido e ao aproveitamento da calor xerada polo tanque do leite.

“O maior consumo dunha granxa de leite é o de muxir e enfriar o leite. Os investimentos en reducir ese consumo desquítanse rápido, porque non é o mesmo que o motor da sala estea a 1.400 voltas que funcionando a ralentí a 300 e non é o mesmo que o tanque tarde hora e media en arrefriar o leite que o faga en media hora”, argumenta Francisco.

Coa instalación dunha batería de condensadores no motor da sala de muxido lograron reducir 12 kw ao día de consumo

“Nós puxemos un variador de frecuencia para o motor da sala de muxido e unha batería de condensadores, mentres que na leitería instalamos un intercambiador de placas, un recuperador de calor e un acumulador de auga quente, que almacena a auga quente que precisamos para lavar a sala de muxido ao mesmo tempo que o tanque arrefría o leite, reducindo tamén o consumo do tanque de frío, pois o leite entra nel a 18 grados en vez de facelo a 33”, explica.

Maior confort para o gando e máis produción

Teñen previsto tamén empregar a auga quente xerada durante o proceso de enfriamento do leite para os bebedoiros das vacas, de maneira que no inverno ao non estar tan fría beban máis e produzan máis leite.

Como nos sobraba enerxía, no mes de setembro tivemos os ventiladores funcionando todo o tempo e as vacas non notaron calor de ningún tipo

Dispoñer de enerxía a custo cero fai tamén que poidan ter en funcionamento, por exemplo, os ventiladores máis tempo sen medo a incrementar o consumo e a factura da luz, mellorando deste xeito o confort e a produción de leite das vacas pola minimización do estrés por calor do gando. 

“No mes de setembro facía calor e puxemos os ventiladores a funcionar en continuo para baixar a temperatura do establo aproveitando a produción de enerxía dos paneis fotovoltaicos, que nos estaba sobrando; se tiveramos que pagar a luz seguramente non os teriamos posto tantos días”, contan.

“Instalar paneis solares nunha gandería de leite pode aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz”

A factura da luz segue a ser un dos gastos fixos máis importantes nas explotacións leiteiras.  Ao incremento do prezo da enerxía engádese un maior consumo, a medida que as ganderías aumentan o seu tamaño e automatizan procesos como o muxido ou a alimentación do gando.

Neste contexto, a instalación de paneis fotovoltaicos é unha boa opción. Permite ás granxas producir unha parte da electricidade que consumen, reducindo o custo mensual e gañando en autosuficiencia de cara a futuras alzas de prezos.

Analizamos coa axuda da empresa Ecogal Renovables, algunhas das vantaxes deste tipo de investimentos nas explotacións, as diferenzas entre muxir en sala ou en robot á hora de consumir a enerxía producida e o uso de ferramentas como as baterías virtuais para optimizar o aproveitamento dos quilowatios xerados ao longo do día.  

10 anos de experiencia e instalacións en 500 granxas

Ecogal é unha empresa galega especializada en enerxías renovables, autoconsumo eléctrico e eficiencia enerxética que leva desde o ano 2012 instalando paneis solares tanto en vivendas como en naves industriais e explotacións agrogandeiras.

Os paneis solares instalados por Ecogal teñen 25 anos de garantía de produción, coa man de obra de substitución incluída na garantía

Coa garantía que dá traballar coas mellores marcas a nivel internacional, Ecogal é unha das empresas que máis instalacións fotovoltaicas leva feito na comunidade, con máis de 500 granxas tanto de vacún de leite como do sector porcino e avícola, aínda que as explotacións leiteiras concentran o 80% das instalacións, explica Manuel Varela, socio de Ecogal.  

No caso dunha gandería de leite, “unha instalación media en Galicia pode rondar os 15-20 kw/h para 100 vacas en muxidura”, conta. O custo total, sen subvención, situaríase entre os 15.000 e os 20.000 euros e “permitiría aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz da granxa, dependendo de onde estea situada”.

O custo sen subvención para unha explotación de 100 vacas en muxidura, con 20 kw de potencia contratada e un consumo de 42.000 kw/h/ano sería duns 20.000€

O número de paneis a instalar dependerá de factores como o número de animais ou o volume de consumo eléctrico da granxa. “O primeiro que facemos é unha análise dos consumos da granxa para compaxinar a curva de carga da explotación coa curva de produción da instalación fotovoltaica”, explica Manuel. A potencia que ten contratada a gandería tamén limita a instalación, xa que legalmente non é posible instalar unha potencia superior á potencia máxima admisible, que vén marcada no boletín eléctrico que ten a explotación.

Compensación de excedentes

Axustar a produción de enerxía ao consumo real da granxa permite sacar o máximo partido ao investimento realizado. Pero nas ganderías de leite danse picos de consumo en momentos concretos do día, que coinciden coa muxidura e o enfriamento do leite, que desequilibran esa balanza.

Para poder aproveitar a enerxía producida e non consumida en horas de menor demanda, existen distintas posibilidades. “Hoxe hai medios para aproveitar ao máximo a enerxía que produce a instalación ao longo do día, como pode ser a través da compensación de excedentes”, explica Manuel.

Non estamos con ningunha empresa comercializadora porque pensamos que non é compatible con prestar un servizo independente aos nosos clientes

Consiste en que a granxa verte á rede a enerxía xerada, que é mercada pola compañía eléctrica e descontada da subministrada. “No modelo normal de autoconsumo o habitual é que o que che sobra do mes cho compensen nese mes, pero xa hai máis de 50 compañías que che gardan os excedentes dun mes para poder gastalo o resto do ano”, detalla.

Estas opcións, coñecidas como baterías virtuais, permiten que os excedentes dos meses de máis produción se garden por exemplo para o inverno, cando o menor número de horas de sol fai caer tamén a xeración de enerxía lograda.  

Cunha boa compensación de excedentes é posible cubrir as muxiduras da mañá e a tarde coa enerxía producida ao mediodía

“Non estamos con ningunha empresa comercializadora porque pensamos que non é compatible con prestar un servizo independente aos nosos clientes, pero cunha boa compensación de excedentes é posible cubrir as muxiduras da mañá e a tarde coa enerxía producida ao mediodía”, asegura Manuel.

Colocación de baterías

A curto prazo, a colocación de baterías como complemento aos paneis fotovoltaicos converterase en imprescindible, opinan desde Ecogal. “A potencia que se está instalando en España está a ser moita e iso está a saturar a rede polo día e a provocar unha demanda brutal pola noite. Para compensar xeración e consumo as baterías son unha boa opción”, explica Manuel Varela.

“Estamos instalando moitísimas baterías físicas, que tamén están subvencionadas”, aclara. “Nunha explotación con 20 kw de potencia habería que poñer 60 kw de acumulación. O custo desa batería é duns 30.000 euros”, conta.  

As baterías, tanto físicas como virtuais, son un complemento indispensable para optimizar a rendibilidade da instalación

“As baterías físicas, acompañadas de baterías virtuais, permiten optimizar a rendibilidade da instalación. Son unha boa combinación, porque as baterías físicas acumulan polo día para descargar pola noite e se sobra enerxía acumúlase na batería virtual”, indica, polo que este sistema permite ás granxas rendibilizar os excedentes.

Peculiaridades das granxas con robot de muxido

As granxas de leite cada vez están máis tecnificadas: robots de muxido, robots para arrimar a comida, robots de alimentación. Esa mecanización e automatización dos traballos leva a un aumento do consumo eléctrico nas explotacións, que é posible compensar coa colocación de paneis fotovoltaicos.

A robotización das granxas leva a un aumento do consumo eléctrico

Dependendo do modelo, o consumo pode situarse entre 3 e 5 kw/hora por robot, o que equivale a  70-110 kw/hora ao día. “Os máis novos son moito máis eficientes, e reducen entre un 30 e un 50% o consumo con respecto aos modelos máis antigos”, explica Manuel.

“O consumo eléctrico no robot é máis alto que nunha sala, pero o que fai o robot é un autoconsumo instantáneo máis directo, e loxicamente o aforro é maior que mediante a acumulación, porque perdes un 20-25% de peaxe na compensación virtual, xa que as compañías eléctricas cobran a 13 céntimos a enerxía consumida e compensan a 11 céntimos a xerada”, detalla.

O robot fai un uso máis directo da enerxía producida, polo que se evitan as peaxes da compensación virtual

Con ratios de 58-62 vacas por cabina, os robots teñen consumos practicamente continuos durante todo o día, “porque ese robot vai estar parado só unha ou dúas horas fronte a 22 horas de consumo”, indica.

No caso de explotacións con robots de muxido, en Ecogal aconsellan facer uso de baterías físicas e virtuais, así como contar cun sistema de alimentación alternativo para maior seguridade, evitando deste xeito que o robot poida quedar parado por unha caída na liña.

Subvencións até o 31 de decembro

O equipo técnico de Ecogal encárgase de toda a tramitación das axudas e da instalación dos paneis fotovoltaicos

Neste momento están dispoñibles subvencións para a instalación de enerxías renovables nas explotacións agrogandeiras. Trátase de fondos europeos Next Generation que xestionan as comunidades autónomas (no caso de Galicia a través do INEGA) e que se poden pedir até o 31 de decembro.

Facemos instalacións chave en man, nas que acompañamos aos nosos clientes en todos os trámites

“Hai axudas importantes, é unha mágoa que as ganderías non as aproveiten porque as reducións na factura son importantes”, destacan na empresa Ecogal, que facilitan aos gandeiros todo o proceso. “Facemos instalacións chave en man. Acompañamos aos nosos clientes en todos os trámites e papeleos, tanto das autorizacións e permisos como das subvencións”, asegura Manuel.

A subvención é do 35% e pode chegar ao 50% para instalacións de menos de 10kw/h en concellos de menos de 5.000 habitantes

En función do tipo de instalación e do lugar onde estea ubicada a granxa as porcentaxes de axuda varían entre o 35 e o 50%. “Instalacións de menos de 10 kw teñen máis axuda e en concellos de menos de 5.000 habitantes teñen un aumento da contía da subvención dun 5% adicional sobre o custo elixible, que é de 1.188 euros por kw en instalacións de menos de 10 kw e de 910 euros en instalacións de 10 a 100 kw”, detalla.

ECOGAL

  • Teléfono: 982 603 270
  • Email: administracion@ecogal.es
  • Web: www.ecogal.es

Maricarmen Barreiro Irimia (Gandería O Campo): “Puxemos os paneis solares pensando sobre todo na posibilidade de poñer robots de muxido nun futuro”

Vista aérea da gandería O Campo, no concello de Castro de Rei, cos paneis fotovoltaicos instalados no teito

Maricarmen Barreiro Irimia está á fronte da Gandería O Campo, ubicada na parroquia de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei. Están muxindo a día de hoxe 180 vacas, pero non descartan seguir medrando cando o seu fillo Aarón se incorpore, dentro dun par de anos.  

Esta explotación investiu nos últimos anos na ampliación e modernización do establo e na incorporación de tecnoloxía para facer máis doado o traballo diario, como unha amamantadora para as becerras ou un arrimador da ración para as vacas en produción.

Pero todas esas melloras levaron aparellado un aumento do consumo de luz, que se converteu nun gasto fixo importante cada mes, con facturas próximas aos 2.000 euros.

Investimos 50.000€ e recibimos unha subvención polo 50% do importe

Para tratar de rebaixar esa cifra, optaron por instalar paneis fotovoltaicos nos teitos da nave principal. “Puxémolos hai dous anos, para intentar aforrar no custo enerxético da granxa. Naquel momento estaba a luz carísima, aínda segue hoxe, pero daquela aínda estaba máis”, lembra Maricarmen.

A instalación é de 63 kw/h, pensada para cubrir case o 100% do consumo da explotación, uns 80.000 kw/hora/ano. O custo total da instalación foi de 50.000€ e recibiron unha subvención do 50% do INEGA, polo que o investimento final ao que tivo que facer fronte esta gandería foi de 25.000€. 

“Paréceme un complemento imprescindible de cara aos robots”

Foi un investimento que fixeron pensando no presente, pero tamén no futuro da granxa. “Puxemos os paneis fotovoltaicos pensando sobre todo na posibilidade de poñer robots de muxido nun futuro”, explica.

“Neste momento as horas de muxir coincídennos de noite, porque muximos ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, polo que non estamos usando a enerxía que xeran os paneis solares nin para muxir nin para enfriar o leite, que é cando temos os maiores picos de consumo. Por iso neste momento estámoslles sacando menos rendemento ca nos meses da primavera ou o verán, cando hai máis horas de luz”, indica.

Estamos mirando como aproveitar mellor a enerxía que producimos, porque neste tempo as horas de muxir, tanto pola mañá como pola tarde, coincídennos de noite

Para aproveitar mellor a enerxía que producen nas horas centrais do día, están a mirar distintas opcións para poder empregala nos momentos de maior consumo. “Levamos pouco tempo vertendo á rede e estamos mirando para vender os excedentes vía compensación, é dicir, por medio dunha batería virtual, ou ben colocar baterías físicas para facer uso da enerxía xerada durante o día nas horas nas que muximos”, explica.

A recente aprobación dunha normativa europea que regula a Autorización de Explotación vai facilitarlles a obtención dos permisos, xa que a partir de agora no prazo máximo dun mes, por silencio administrativo positivo, as instalacións fotovoltaicas cunha potencia superior aos 15 kw lograrán directamente a autorización, un trámite que antes moitas veces se retrasaba ou mesmo encallaba nalgunhas ocasións.

Que alternativas ó petróleo se presentan para a maquinaria agrícola?

O petróleo segue sendo hoxe a enerxía máis recorrente no agro, aínda que hai anos que se iniciou timidamente a transición verde na procura doutras alternativas máis sostibles e respectuosas co medio ambiente. Son xa moitas as granxas que botaron man de sistemas como os paneis solares para a produción de electricidade e comézase a procurar un aproveitamento e transformación do xurro con fins enerxéticos. Porén, a transformación enerxética aínda é unha materia pendente. Segundo os datos que manexa a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO), o sistema alimentario segue a empregar un 30% de toda a enerxía utilizada no mundo. Ademais, o petróleo segue sendo fundamental. En países coma Estados Unidos, da enerxía empregada no sistema alimentario, o 21% céntrase na produción agrícola. A crise de abastecemento de combustibles, que abarca dende o petróleo, ao carbón ou o gas, que se está a vivir nos últimos anos urxe agora a procurar alternativas viables para a produción agrogandeira. Que enerxías se empregarán a curto prazo para a produción alimentaria? Esta foi a pregunta en torno á que xirou a xornada técnica celebrada recentemente no Museo vivo e integrado do campo e da locomoción agraria (Muvicla), situado en Láncara, Lugo. Media ducia de expertos de distintos eidos realizaron unha radiografía da situación actual no agro e sinalaron algunhas das alternativas que xa se están a introducir no agro.
Entre as alternativas que se contemplan no sector agrario para o petróleo atópase o bioetanol ou o hidróxeno
Países coma Francia comezaron xa a apostar por empregar o bioetanol para a maquinaria agrícola. Tamén o uso do hidróxeno se amosa como unha alternativa a ter presente para os tractores do futuro. Ademais, a xestión do xurro e o seu aproveitamento abre a posibilidade a un combustible procedente do agro.

A crise de abastecemento de combustibles

Un dos condicionantes que está obrigando a procurar alternativas para o petróleo no agro é a crise de abastecemento de combustibles fósiles que se está a detectar nos últimos anos. “Estamos ante a tormenta perfecta, cun problema anticipado dende hai décadas, pero ante o que non se quixo reaccionar, xa que obriga a facer cambios moi profundos. Ademais, agardábase que a transición cara a enerxías renovables fose sinxela, o que non está a resultar así”, explica o investigador do CSIC, Antonio Turiel Martínez durante a súa intervención telemática na xornada de Láncara. A crise do petróleo iniciouse xa no 2014 cando deixou de ser rendible economicamente esta explotación e as compañías reduciron os investimentos que realizaban para buscar novos xacementos. Dende o 2018 agudizáronse estas consecuencias, afectando non só ó petróleo senón tamén ós sucedáneos que se foran introducindo. “No peor dos escenarios, entre o 2018 e 2025 podería producirse unha caída da produción do 50%. Abonda comparar outros momentos históricos como a redución do 4% coincidindo coa crise do 2008 ou a do 20% durante a II Guerra Mundial para darnos conta da importancia desta redución”, sinala Turiel. Unha das consecuencias máis directas é a escaseza de diésel, que xa se está a notar e que motiva o incremento dos prezos que está a experimentarse nos últimos anos.
As dificultades para abastecerse de petróleo, carbón ou gas están a traer consecuencias directas ó non se ter feito a transición a enerxías renovables
Xunto coa crise do petróleo, tamén se están a detectar limitacións noutros combustibles como o carbón, no que tamén se acadou o máximo de explotación no 2014; ou o gas, onde Europa acadou o máximo de abastecemento por terra, logo de que os dous principais provedores (Rusia e Alxeria) tamén tocasen o máximo de produción hai xa 10 anos. Aínda que para Turiel non cabe dúbida de que nun futuro toda a enerxía que se consumirá procederá de renovables, tamén sinala que moitas das alternativas que se están propoñendo agora non chegaron a desenvolverse por completo e mesmo pode que non cheguen a facelo. “Os vehículos eléctricos están lonxe de poder explotarse a unha escala masiva por cuestións como a escaseza de materiais que existe”, detalla o experto.
“Non é só desenvolver maquinaria que empregue novas enerxías, senón que estes combustibles deben estar dispoñibles. Debe haber unha loxística e seguridade de poder acceder a estes combustibles para os produtores”: Santiago Sousa, enxeñeiro agrónomo
Nesta mesma liña, o enxeñeiro agrónomo Santiago Sousa, incidiu na importancia de que o cambio de maquinaria con enerxías alternativas ó petróleo tampouco supoña dificultades para os gandeiros á hora da súa xestión diaria. “Estamos vendo avances significativos na maquinaria, cunha aposta pola tecnoloxía e amparados en mellorar a eficiencia, pero tampouco se debe de esquecer que esta enerxía ten que estar dispoñible, debe haber unha loxística e seguridade para repoñela”, sinala. “Unha explotación agraria ou gandeira ten que poder adquirir esa nova maquinaria, pero tamén mantela en funcionamento, non só pola eficiencia da máquina, senón pola seguridade desa enerxía”, destaca.

Alternativas que están xa a incorporarse

O bioetanol, a obtención de combustible mediante cereais como o millo ou o trigo, é unha das alternativas que se presentan ó uso de derivados do petróleo ou o carbón no ámbito agrario. Dende a Asociación Española de Bioetanol (Bio-E), creada recentemente, apuntan que o bioetanol pode converterse non só nunha alternativa como combustible para a maquinaria agraria senón que abre unha nova demanda para os produtos do campo, e pode servir para incentivar o uso de terras de pouca calidade e evitar o abandono. “O bioetanol pode contribuír a xerar e manter emprego no rural e crear unha industrial rural que engada valor ós produtos agrícolas”, detalla José Ramón Freire, director xeral e fundador de Bio-E. En Europa estase a comercializar un combustible que incorpora un 10% de bioetanol e que está presente xa en 16 estados. En países coma Bulgaria, Romanía, Dinamarca está a ter unha gran penetración. Francia tamén está a realizar unha forte aposta polo bioetanol nos últimos anos, comercializado com E85. “O bioetanol en Francia contribuíu ó desenvolvemento dos agricultores ó proporcionarlle unha maior demanda para as súas producións”, concreta Freire.
En Francia, o prezo medio do bioetanol no 2020 estaba nos 0,68 euros por litro, o que supuña un aforro do 35% para os usuarios
O prezo medio do E85 en Francia estaba nos 0,68 euros por litro no 2020, o que supuña un aforro do 35% para os usuarios, segundo os datos manexados por Bio-E. No país galo pasouse de contar cunha rede dunhas 1.000 estacións nas que se podía repostar este combustible, a pasar a sumar máis de 2.500 no 2021. Compañías como Total xa anunciaron que terán dispoñible o bioetanol en tódalas súas gasolineiras ó longo deste 2022.
“O combustible do futuro para a maquinaria agraria será o hidróxeno. Teremos tractores accionados con pilas de hidróxeno”
Outra das alternativas que para algúns dos participantes no debate se presenta como unha opción de futuro é o hidróxeno. “O combustible do futuro para a maquinaria agraria será o hidróxeno, tractores accionados con pilas de hidróxeno, xa que entre outras vantaxes é das poucas alternativas que ofrece a autonomía requirida para a maquinaria no agro”, sinala Gema Flores Fernández, enxeñeira agrónoma en Massey Ferguson. Dende o sector da maquinaria está a avanzarse na investigación do emprego do hidróxeno, aínda que existen polo momento moitas limitacións para a súa utilización no agro. Un dos principais retos é conseguir que proporcione a potencia precisa para mover apeiros de grandes dimensións. Á marxe de procurar combustibles alternativos ó petróleo, no sector tamén están apostando por lograr un aforro conseguindo máquinas máis eficientes e tecnolóxicas. “As empresas de maquinaria agrícola estamos tentando que os nosos tractores e maquinaria sexan cada vez máis eficiente e tecnolóxica, para reducir o impacto ambiental e que o produtor poida conseguir un aforro de combustible”, apunta Flores. Outra das alternativas fronte ó petróleo para o sector agrario pode proceder do aproveitamento e transformación do xurro en biocombustible. “A xestión do xurro permitiría resolver un problema para moitas granxas ó tempo que se aproveita para producir enerxía”, apunta a doutora en veterinaria Olga Iglesias. “Debemos de ser punteiros en Economía Circular co aproveitamento do xurro”, apunta.

Souto Frade SC, innovacións buscando eficiencia enerxética e calidade de vida

Marcos e José Manuel Feás están á fronte desta explotación, que moxe 115 vacas e está a medrar Na parroquia de Santiago de Frade, no concello de Taboada, Marcos e José Manuel Feás decidiron dar continuidade á explotación familiar investindo nos últimos anos máis de 700.000 euros en innovacións tecnolóxicas e aumentando a capacidade produtiva da granxa para, deste xeito, diluir os custos fixos. Contan con tres robots de muxido e un sistema autónomo de alimentación e, apoiados no parque de maquinaria da cooperativa Aira e na xestión da recría en conxunto con outras dúas ganderías da zona, buscan ter calidade de vida. “O que queremos con todas estas innovacións é ter un horario de traballo razoable, como o que pode haber en calquera outro sector, poder marchar da granxa ás 8 da tarde e non ter que volver até o día seguinte pola mañá como en calquera outro traballo”, din.
Na explotación traballan tres persoas a xornada completa
Na explotación traballan a xornada completa tres persoas: un dos irmáns, Marcos, e unha parella contratada; mentras que José Manuel compatibiliza a súa profesión como enxeñeiro técnico agrícola nunha asesoría con labores de apoio na granxa familiar. De tres muxiduras en sala á instalación de robots Souto Frade SC é unha gandería familiar que pasou de muxir 30 vacas a ter hoxe 115. “Até hai dous anos estaba tamén a miña nai na explotación, pero agora está xubilada e continuamos na SC o meu irmán e máis eu. Inicialmente eu non estaba na granxa, senón que estaba o meu irmán e os meus pais, pero ao falecer o meu pai, hai 11 anos, o meu irmán veuse un pouco agobiado ao estar el só, e foi entón cando eu decidín incorporarme para apoialo”, explica José Manuel.
Pasaron de 30 vacas en produción no 2010 a 115 a día de hoxe
Foi entón, arredor do ano 2010, cando comezaron a medrar, facendo unha primeira ampliación do establo para albergar un total de 80 animais en produción. “Empezamos a facer tres muxiduras diarias en sala con esas 80 vacas e foi cando empezamos a mirar o de colocar robots, pero para un iamos moi pasados de número de animais e para dous moi curtos, por iso foi cando xa fixemos outra ampliación, hai 5 anos, deseñando o establo para 120 vacas en produción”, contan. Ter un horario de traballo “razoable” “Teño que recoñecer que inicialmente eu non era moi partidario dos robots, e non os recomendaba ás explotacións ás que asesoraba; parecíanme unha desculpa para escapar do traballo. Pero funme dando conta de que os robots podían ser útiles; non servían para deixar de traballar pero si para traballar doutro xeito, porque ao mellor require estar máis enriba do gando pero dun xeito máis flexible”, admite José Manuel.
Inicialmente eu era antirobot, parecíame unha desculpa para escapar do traballo
Marcos e José Manuel contan cun empregado e entre os tres levan a explotación, que moxe hoxe 115 vacas. Marcos é quen está máis no día a día da granxa e fai o traballo coa maquinaria, mentres que José Manuel realiza principalmente labores de xestión. “Eu considérome medio empregado”, di. Maior volumen para diluír gastos fixos José Manuel é enxeñeiro técnico agrícola. Traballou en Icos e en Agaca e neste momento compatibiliza o traballo na gandería familiar co de asesoramento e elaboración de proxectos para outras explotacións dentro de Agroxest, a oficina técnica que montou en Monterroso xunto a un compañeiro de carreira, Eloi Pérez. José Manuel formouse como enxeñeiro técnico agrícola e é un entusiasta das innovacións tecnolóxicas José Manuel é un entusiasta das innovacións tecnolóxicas pero admite: “cada vez cústame máis poñerme co ordenador, prefiro vir para aquí para xunto das vacas”. Parte do seu traballo como asesor consiste en analizar as circunstancias concretas de cada explotación e valorar cal é a dimensión axeitada en cada caso para acadar unha maior eficiencia produtiva, un criterio que tamén emprega na súa gandería.
No mes de xaneiro porán a funcionar o terceiro robot con recría propia e a compra de 30 animais
Por iso este ano acaban de acometer unha nova ampliación do establo para instalar un terceiro robot. “Vemos que os que somos temos capacidade para atendelo perfectamente e que gañar volumen é tamén unha maneira de diluír custos fixos, porque o sistema de alimentación valeríanos igual”, indican. Alimentación automática A finais do 2019 montaron un sistema de alimentación automatizado pioneiro naquel momento en Galicia. “Eu xa vira algúns fóra de Galicia, en Holanda e Alemaña, pero aquí non había aínda ningún. De feito, naquel momento déronnos unha axuda de innovación. Agora xa hai algún máis. como o que montou Finca Asunción ou tamén SAT A Campa”, explica José Manuel. O custo ronda os 180.000 euros, fronte aos 150.000 euros que pode valer un carro autopropulsado, pero os gastos de mantemento e reparacións son menores, considera. “O único gasto é o consumo de luz, que poden ser 5 euros diarios, pero ao non levar motor de combustión penso que se aforra en pezas e avarías”, di. Malia contar con múltiples mecanismos de protección, este ano unha tormenta entrou polo cable da sinal wiffi estropeando unha placa base e obrigando a ter parado o sistema mentras non era substituída a peza, pero solventaron grazas ao servizo que lles prestou momentaneamente, durante dous días, o carro da cooperativa Aira. 8 repartos de comida ao día Souto Frade optou para automatizar a alimentación polo sistema que oferta a empresa Triolet, unha compañía que se adica á fabricación de carros mesturadores e que está considerada punteira tamén neste campo a nivel europeo, aínda que a súa tecnoloxía estaba nese momento pouco introducida en España.  “Había varios sistemas pero este era o que mellor se nos adaptaba e pensamos que acertamos”, din. Contaban cun hándicap á hora de instalar o sistema automatizado de alimentación e era o pouco espazo dispoñible para colocar a unidade de almacenamento de forraxe. “Noutros sitios cargan cada varios días, pero nós temos pouco sitio e temos que desensilar case todos os días. Cargamos cada día e medio ou dous días a unidade de almacenamento, pero se seguimos medrando un pouco máis teremos que cargar todos os días. É un traballo que non leva moito tempo e deste xeito ten a vantaxe de que a forraxe que reciben as vacas vai máis fresca. Desde que puxemos en marcha este sistema notamos que perdemos moita menos comida, antes estropeábase máis a ración, ás veces fermentaba no pesebre, e iso agora non pasa e iso tamén son cartos, porque é comida tirada”, razoan.
Desensilan diariamente e a unidade encárgase de facer 8 repartos de comida entre as 9 da mañá e a 1 da madrugada
Unha vez depositados os tacos de silo de millo e de herba, a propia máquina encárgase de mestúralo co resto de ingredientes da ración e de repartirlla ás vacas no pesebre ao longo do día e a noite, con 8 pasadas por xornada. “Polo día repartimos cada 2 horas e pola noite facemos un último reparto á 1 da madrugada e non volvemos repartir ata as 9 da mañá do día seguinte para poder ter o comedeiro baleiro a primeira hora e poder limpalo”, explican. “Vemos tamén que aínda que fixeramos máis comida non a comerían, quedaría tirada, porque a capacidade de inxesta das vacas é a que é”, aclara José Manuel. Aforro enerxético En paralelo á automatización da granxa, Souto Frade apostou por incorporar sistemas de produción de enerxía renovable. “Temos 20 Kw de placas solares para venda de enerxía desde hai 10 anos, porque puxémolas no momento no que estaba subvencionada a venda da enerxía, e outros 15 Kw para autoconsumo. E tamén instalamos un muíño de vento para autoconsumo”, explica José Manuel. “Temos un consumo aproximado duns 6.000 Kw ao mes e coa produción propia que temos logramos rebaixar nun 30% a factura eléctrica da granxa”, conta. Tanto os robots de muxido como o sistema automático de alimentación provocan un consumo constante, co que sacan un maior partido tanto ás placas solares como ao muíño de vento.
A subida desde o mes de xuño foi tremenda, pasamos de pagar 900 euros ao mes a 1.800 e se non fora polas placas solares estaríamos en 2.500
Sen embargo, o cambio tarifario producido no mes de xuño e a escalada de prezos da enerxía a partir do verán fixo que a súa factura se disparara, duplicando o seu importe ao pasar duns 900€ mensuais antes do verán a 1.800 na actualidade. “Foi unha barbaridade o que subiu a luz e se non fora polas placas solares e o muíño de vento que temos estaríamos en 2.500 ou 3.000 euros ao mes de gasto”, quéixanse. Obxectivo: estabilizar a explotación Ao estar medrando, Souto Frade SC insemina a todas as vacas con frisón pero fai un uso limitado do seme sexado. “Empregamos algo só nas xovencas”, explican. Para poñer a andar o terceiro robot teñen previsto mercar un lote de 30 animais no mes de xaneiro e sumarlle unha ducia de xovencas de recría próximas ao parto. “A idea non é completalo de golpe, porque iso supón un desembolso económico importante”, admiten.
Ao librarnos de parte do traballo de recría temos capacidade para atender o gando dun terceiro robot e deste xeito diluir os custos fixos
En todas as melloras que foron acometendo nos últimos anos José Manuel calcula que investiron entre 700.000 e 800.000 euros. “É certo que para dedicarte hoxe a producir leite a este nivel necesitas moito investimento e está claro tamén que é un sector no que arriscas moito para lograr pouco máis ca un salario normal, pero polo demais é coma calquera outro negocio”, di José Manuel, que considera que “coma en calquera outra empresa se esperas a ter o diñeiro para poder investir ou medrar o ritmo vai ser moito máis lento, as melloras hai que financialas para chegar a elas antes”, opina. Mellorar a ventilación Souto Frade SC partía dunha nave antiga que precisou de sucesivas reformas e ampliacións para poder acoller as distintas innovacións tecnolóxicas incorporadas e aínda que o resultado final é unha instalación funcional, arrastra certas eivas estruturais difíciles de correxir.  “É unha nave moi vella na que fomos facendo obras, pero a metade inicial foi construída hai 26 anos. Como é bastante baixa témola aberta para facilitar a ventilación e ao retirar o establo antigo para facer a última ampliación para o terceiro robot pensamos que imos lograr mellorar un pouco a circulación de aire e reducir o estrés por calor que sofren os animais no verán”, indican.
A pouca altura da nave fai que a efectividade dos ventiladores sexa menor, polo que estudan complementalos cunha liña de aspersores
Dispoñen ademais de dous ventiladores grandes para mover o aire que se acumula no teito da nave. Téñenos programados para que arrinquen a partir de 24 graos. “Este tipo de ventiladores cubren unha gran superficie e xeran un movemento continuo do aire pero aquí ao ser un establo tan baixo o seu efecto nótase menos”, recoñecen. Por iso están pensando en complementalos con nebulizadores para pulverizar vapor de auga. Colchoneta de auga con carbonato e serrín por enriba Ao igual que acontece coa altura do establo, a dimensión dos cubículos é outro dos hándicaps que arrastran pola antigüidade das instalacións. “A min gústanme as camas baleiras e cando como técnico fago un proxecto dunha nave é o que recomendo aos meus clientes, e logo cada un que escolla o material que queira. Pero no noso caso aquí as instalacións non se adaptaban ben a iso. Estivemos usando area dous anos pero tivemos que cambiar. A area sae moi barata como material pero logo ten outros inconvintes nos que a xente moitas veces non repara ou dos que non bota contas, polo que ao final se sumas eses custos o que aforras por un lado gástalo por outro. Porque hai máis desgaste nas pezas do robot e na arrobadeira e hai que sacar a area acumulada da balsa de purín e da cisterna”, relata José Manuel.
Ao usar por debaixo a colchoneta reducimos dous terzos do gasto da mestura de recheo, pasamos de gastar 1.500 euros de carbonato ao mes a 500
Por iso, Souto Frade optou por unha solución mixta de colchoneta + carbonato para poder eliminar a area sen disparar o gasto das camas. Escolleron unha colchoneta de auga que evita que as vacas se rocen, algo habitual con outro tipo de colchonetas. “Nestas colchonetas de auga as vacas están como flotando, non están en contacto co cemento, e por enriba delas recheamos cunha mestura de serrín con carbonato. Ao usar a colchoneta reduces moito o uso de material de recheo e deste xeito usamos aproximadamente un terzo do que usaríamos se o cubículo estivese baleiro, sen colchoneta”, calculan.
Aínda que non son o ideal, neste tipo de colchonetas de auga as vacas están como flotando e non se rozan tanto como nas outras
En canto ao mantemento, tamén aforran algo de traballo, porque é máis doado. “Dámoslles unha pasada estirando o material de recheo tanto pola mañá como pola noite”, explican. Con todo, e malia as vantaxes económicas e de man de obra, na nova ampliación optaron por facer cubículos máis grandes e camas sen colchoneta. “Ao instalar o terceiro robot poderemos facer dous lotes. Penso que para vacas grandes funcionan mellor os cubículos baleiros. Para primeirizas, por exemplo, pode valer este sistema de colchoneta con recheo, están cómodas, aínda que non sexa o ideal”, insiste. Posibilidade de producir leite A2A2 Nesta gandería de Taboada móvense ao longo do ano entre os 36 e os 37 litros de media por vaca e día con promedios de 3,1 muxiduras diaras por animal. A materia graxa sitúase en 3,60% e a proteína en 3,45% e recóllelles o leite a cooperativa Aira. A posta en funcionamento a partir de xaneiro do terceiro robot permitiralles poder facer un lote de produción diferenciado, ben por idade ou por outras características. “Teriamos doado, por exemplo, seleccionar aqueles animais da granxa que tivesen un perfil de leite A2A2 e mandar ese leite a un tanque distinto”, exemplifican.
Móvense ao longo do ano nunha produción media de entre 36 e 37 litros, cun 3,6% de graxa e un 3,45% de proteína
Aínda que non teñen xenotipada a súa cabana, José Manuel considera que un terzo das súas vacas poderían estar producindo leite con Beta Caseína A2, producida de xeito natural por vacas co xen A2A2, sen que estea a ser valorizada pola industria que lles recolle o leite. “O do leite A2A2 foi algo que parecía que ía arrincar pero agora vexo que está algo parado. A propia cooperativa Aira fixo un estudo previo con 2 ou 3 granxas para ver que porcentaxe de animais darían ese perfil e viña saíndo que arredor dun 40% da cabana gandeira produciría leite A2A2. Desta maneira, ao instalar o terceiro robot, se finalmente iso sae adiante porque existe demanda, nós estariamos en condicións de poder ofertar esa materia prima diferenciada sen necesidade de cambiar de vacas”, argumenta.

Recría en conxunto con outras dúas explotacións veciñas para poder seguir medrando

Instalacións de Granxa Renota, que comezou a recibir gando das tres ganderías no mes de xullo Tres ganderías de Taboada –Souto Frade SC, Novoa SC e Luis Miguel Rojo Vázquez (a antiga Millán SC)– mercaron este ano unha explotación en desuso e habilitárona para facer a recría en conxunto, desconxestionando deste xeito as instalacións das tres ganderías, o que lles vai permitir a cada unha delas aumentar o número de animais en produción e reducir os custos da recría, cunha xestión máis eficiente ca realizada individualmente. O modelo é semellante ao que implementaron xa outras ganderías galegas desde fai anos, como por exemplo SAT Xercas en Xermade ou Ganxabar en Mazaricos. O estudo técnico de funcionamento foi realizado polos servizos veterinarios da cooperativa Aira, establecéndose unha cota fixa mensual por compra da instalación, que foi mercada a partes iguais (un terzo cada un) polas tres explotacións socias, e un pago por animal e día de estancia, fixado en 2,10€/día, cos que facer fronte aos custos de alimentación e outros gastos variables.  
Granxa Renota (Recría Novillas Taboada) comezou a funcionar no mes de xullo
Todos os servizos son externos, tanto os de alimentación como os veterinarios, prestados pola cooperativa Aira e para atender o gando dispoñen dun empregado, ao que pagan o seu salario entre as tres ganderías coa cota establecida de 2,10 euros diarios por becerra. “Se hai que tomar unha decisión estratéxica importante nun momento dado tomarémola nós, as tres ganderías socias, pero nós non podemos estar pendentes do día a día do centro de recría se queremos centrarnos en atender as vacas en produción que temos nas nosas granxas”, xustifica José Manuel.
A nave foi mercada a partes iguais polas tres ganderías socias e para o funcionamento teñen unha cota establecida de 2,10 euros por animal e día
A intención das tres ganderías é poder facer o destete das becerras xa nas instalacións de recría, aínda que para arrincar a súa posta en marcha inicialmente optaron por facer a fase inicial de lactación en cada granxa e enviar logo os animais xa destetados á nave de recría en conxunto, con entre dous meses e medio e tres meses de vida. “O ideal sería levar para alí as xatas xa de pequenas, porque sufrirían menos, pero preferimos empezar de forma máis escalonada”, explican. Os primeiros animais entraron no mes de xullo nas instalacións, que acollen neste momento unhas 40 xatas das tres granxas, e todos os meses levan media ducia de becerras unha vez destetadas. Tres anos no Rancho Las Nieves Souto Frade fai o destete nas súas instalacións antes de enviar as becerras á nave de recría en conxunto Neste momento Souto Frade aproveita o establo dun veciño que se xubilou, situado a 300 metros do deles, para ter as becerras pequenas, á espera de ter plenamente operativas as novas instalacións de recría en conxunto. Anteriormente, durante 3 anos esta gandería fixo a recría no Rancho Las Nieves de Zaragoza pero pararon de mandalas polo alto custo. “Empezamos a mandalas cando montamos os robots porque non tiñamos sitio aquí, pero despois coincidiu que viñera aquela baixada tan grande no prezo do leite no 2015 e non daba o que ingresabas polo leite para pagar alí a recría das xovencas, e foi entón cando quedou libre o establo deste veciño e decidimos traer todo para aquí e facer nós a recría”, contan.
Visto con perspectiva quizais foi un erro deixar de mandalas a Zaragoza, porque nestes últimos anos freamos un pouco a evolución da explotación, alí adiantabas dous meses e medio en cada xovenca
“Isto é algo dinámico e hai que ir adaptándose ás circunstancias. Naquel momento non nos quedaba máis remedio, era mellor pechar a granxa que seguir así, polo que foi unha solución, pero visto con perspectiva de 4 ou 5 anos despois, aquela decisión foi un erro, porque en centros de recría deste tipo obtés mellores resultados. Facendo a recría nós aquí perdíamos dous meses e medio de produción de leite en cada xovenca con respecto a estar no Rancho. De vir parindo as xatas con 23 ou 24 meses pasamos a 27 meses”, recoñece José Manuel, que agarda poder mellorar eses niveis ao pasar a facer a recría en conxunto nas novas instalacións, “que son moito mellores que as que temos agora nós, un auténtico luxo para as xovencas”, di. Necesidades de man de obra A maiores da comodidade e amplitude da nova nave de recría, outra das claves estará en contar con persoal específico para atendela. “Ti podes saber toda a teoría sobre a recría, pero ao final se non dispós do tempo necesario sempre cometes algún erro e eses pequenos erros son os que te penalizan”, considera.
Se unha becerra pasa unha semana con pneumonía despois xa non medra como tiña que medrar, son esas cousas as que te penalizan na recría
“Moitas veces a diferenza entre unha vaca que chega aos 13.000 litros de produción e unha que anda nos 10.000 raspados son cuestións deste tipo, porque se unha xovenca non arrinca ben no primeiro parto logo nunca vai dar de si todo o que debería, ou se unha vaca enferma e tardas en detectalo perdiche boa parte da lactación”, indica José Manuel. “O manexo condiciona en boa medida a produción dos animais”, conclúe. Pero para iso, di, hai que dispoñer de man de obra, que é algo do que carecen moitas explotacións. “Eu xa sei que separar as vacas que están en celo evita moitas veces accidentes do gando no establo, pero nós aquí non o facemos”, exemplifica. 90 hectáreas de superficie Das tarefas de sementeira e ensilado encárgase o parque de maquinaria da cooperativa Aira A limitada man de obra e a necesidade de máis investimento en maquinaria que requeriría fai que Souto Frade subcontrate a maioría dos traballos agrícolas. Hoxe manexan unhas 90 hectáreas de superficie, das que traballan máis intensamente unhas 70, mentres que outras 20, de peor calidade, empréganas para recoller forraxe seco. “Cultivamos millo en rotación con raigrás nunhas 35 hectáreas e outras 35 adicámolas a pradeira permanente de raigrás”, explica Marcos. “Maquinaria temos moi pouca, dependemos case todo de traballos contratados”, engade, aclarando que a súa gandería traballa habitualmente co parque de maquinaria da cooperativa Aira.
Do traballo agrario da granxa encárgase o parque de maquinaria da cooperativa Aira
“A nosa explotación, contando coa superficie propia en si, teriamos só para 80 animais, pero dámonos conta que na zona onde estamos cada vez hai máis xente que se xubila e pecha a explotación e as que quedamos temos posibilidade de facernos con esa terra para poder seguir medrando”, din.

Ábrese o prazo para solicitar novas axudas para instalación de enerxías renovables en vivendas

A convocatoria inclúe enerxías térmicas e produción de electricidade para autoconsumo en vivendas

A Xunta de Galicia abre esta semana o prazo de solicitude de novas liñas de axudas dirixidas ao autoconsumo e enerxías renovables no sector residencial e terciario destinadas a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. En total, cun orzamento de 17,2 millóns de euros, o obxectivo é chegar a 3.000 beneficiarios e crear ao redor de 300 empregos e está destinada fundamentalmente a fomentar a enerxía térmica e fotovoltaica en vivendas. 

Estas novas liñas de axudas súmanse ás dirixidas ao autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas, entre as que se inclúen as explotacións gandeiras, abertas no mes de outubro, polo que o orzamento total co que conta Galicia para fomento de enerxías renovables ascende a 37 millóns de euros.

Ás novas liñas de axudas poden acollerse tanto particulares como autónomos

En concreto, aqueles interesados xa poden solicitar os apoios ao autoconsumo e almacenamento eléctrico a partir de proxectos baseados en enerxías renovables, unha liña para a que o Goberno galego destina 11,5 millóns de euros. A intensidade destes apoios, de concorrencia non competitiva –é dicir, por orde de presentación de solicitudes–, varía en función da instalación pero calcúlase que poida permitir aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano e mobilizar 28 millóns.

As subvencións están destinadas fundamentalmente a enerxía térmica e fotovoltaica en vivendas 

Por outra parte, durante esta semana tamén se abre o prazo para a solicitude de axudas de enerxía térmica residencial. En concreto, desde este mércores 15 de decembro, activarase a convocatoria para apoiar proxectos de xeotermia e hidrotermia e o xoves 16 abrirase a referida a iniciativas baseadas en aerotermia. Así mesmo, a partir do venres 17 poderán solicitarse os apoios para proxectos de biomasa e enerxía solar térmica.

Esta liña de axudas de renovables térmicas vai dirixida ao sector residencial e conta cunha dotación de preto de 5,7 millóns de euros e, aínda que a intensidade da axuda tamén é moi variable, os apoios poden chegar aos 13.500 euros no caso de instalacións xeotérmicas de circuíto pechado. O obxectivo é mobilizar ao redor de 10 millóns de euros e acadar aforros económicos de 500.000 euros ao ano.

Esta nova convocatoria está financiada con fondos Next Generation da UE destinados á recuperación económica trala pandemia provocada pola covid-19

As peticións de axuda presentaranse directamente polo solicitante, agás no caso de persoas físicas que non realicen actividades económicas ou unha comunidade de propietarios, que o farán a través de entidades colaboradoras.

Mitigar a escalada de prezos da factura da luz

Caldeira de biomasa nunha vivenda

A través destas convocatorias, a Xunta segue a impulsar o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios –fogares, empresas e administracións– co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Así, estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.

As convocatorias, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, súmanse ás abertas en outubro e dirixidas a empresas e explotacións agrogandeiras, que cun orzamento de 19,8 millóns de euros buscan fomentar tamén o autoconsumo e o almacenamento enerxético.

Desde o mes de outubro está aberto tamén o prazo para proxectos de autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas e explotacións gandeiras

Deste xeito, entre as axudas para autoconsumo e fomento das enerxías renovables que se abren esta semana e as liñas que se convocaron en outubro para empresas, a Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destina 37 millóns de euros, o que se traducirá nunha mobilización de investimentos público-privados de 98 millóns de euros, aforros económicos de 10 millóns ao ano e a redución de 33.100 toneladas de emisións anuais de CO2 –equivalente a plantar 1.655.000 árbores–.

Convocaranse este mes axudas para reducir o consumo enerxético en explotacións agrarias

Este mes de xuño convocaranse axudas destinadas a implantar tecnoloxías que reduzan o consumo enerxético en explotacións agropecuarias. As subvencións, que convocará o Instituto Enerxético de Galicia con cargo ó Fondo Nacional de Eficiencia Energética, estarán dotadas de máis de 1,6 millóns de euros. Os apoios orientaranse en dúas direccións. Por un lado, as granxas poderán optar a accións en instalacións de ventilación, refrixeración, auga quente sanitaria e calefacción. Tamén a cambios na iluminación interior e exterior, así como a proxectos que inclúan dispositivos de enerxía térmica renovable en substitución doutros convencionais. En agricultura, subvencionaranse melloras nas instalacións de regadío, como o cambio dun grupo de bombeo por outro máis eficiente desde o punto de vista enerxético, a implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos, a modernización dos sistemas de control ou o cambio de baterías de condensadores. Calquera actuación que aspire ás subvencións deberá garantir unha reducción de consumo de polo menos o 10% en relación á situación previa. Serán axudas de concorrencia non competitiva, é dicir, a orde de presentación será decisiva para determinar que proxectos reciben apoios. Apoio a 420 proxectos para a implantación de enerxías renovables Esta liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellería de Economía, completa a convocatoria publicada a inicios de ano para a implantación de enerxías renovables nas granxas. Sobre esa convocatoria, que estivo aberta ata mediados de febreiro, Economía vén de anunciar que aumenta a dotación presupostaria prevista, pasando de 2,5 a 3,7 millóns de euros, para dar apoio a un maior número de proxectos. A previsión é a de financiar arredor de 420 proxectos no agro: 386 iniciativas de enerxía fotovoltaica, 10 de biomasa, 7 de minieólica, tres bombas de calor xeotérmicas e outras tres de aerotermia, ademais de 11 proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

O Goberno destina 30 millóns de euros a mellorar a eficiencia enerxética nas explotacións agropecuarias

O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), aprobou este mércores o Real Decreto que regula o programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias. Este programa, que conta cunha dotación de 30 millóns de euros, favorecerá o aforro enerxético e, con iso, a mellora da competitividade do sector, así como a utilización das enerxías renovables e a redución das emisións de CO2, contribuíndo ao cumprimento do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 que prevé a necesidade de medidas de apoio ao aforro enerxético, instalación de renovables e redución de emisións no sector primario. As axudas cubrirán até o 30% do custo necesario para a execución do proxecto. Os investimentos que se apoian contribuirán á xeración de emprego e a actividade económica, claves nun contexto de recuperación tras a crise provocada pola COVID-19. Esta liña de axudas financiarase con cargo ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e será coordinada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Tras a publicación deste Real Decreto no Boletín Oficial do Estado, cada comunidade autónoma deberá aprobar e publicar a súa convocatoria de axudas e designar ao órgano competente para instruír e resolver o seu proceso de concesión. O programa estará en vigor desde o día seguinte á súa publicación até o 31 de decembro de 2021. As subvencións concederanse de maneira directa por orde de entrada ás convocatorias que establezan as comunidades autónomas.

Actuacións que se subvencionarán

Entre as actuacións subvencionables destacan aquelas centradas na mellora da eficiencia enerxética das instalacións de rega como: ·        A substitución de grupos de bombeo por outros máis eficientes enerxéticamente ·        A implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos ou a substitución por equipos máis eficientes enerxéticamente en bombeos ·        A implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitorización da rede de rega que contribúan de forma directa ao aforro de enerxía ·        A instalación ou substitución de baterías de condensadores para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións eléctricas das estacións de bombeo. Non serán elixibles aquelas actuacións que contribúan ao incremento no consumo de auga ou da superficie regable. Tamén serán elixibles aquelas actuacións que contribúan á mellora da eficiencia enerxética e á utilización de enerxías renovables térmicas en explotacións agrarias como: ·        Actuacións sobre a envolvente térmica que reduzan a demanda de calefacción e refrixeración dos edificios agropecuarios, incluíndo solucións bioclimáticas ·        Actuacións nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria como as destinadas aos procesos de pasteurización e conservación de produtos perecedoiros, á climatización de naves de gando e invernadoiros, refrixeración en procesos de fermentación do viño, etc. ·        Mellora da eficiencia enerxética dos subsistemas de xeración, distribución, regulación e control e elementos terminais das instalacións térmicas, incluíndo o aproveitamento de calores residuais e novas redes de calor ·        Substitución de enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas (enerxía solar térmica, biomasa, enerxía xeotérmica, enerxía ambiente (aerotermia ou hidrotermia), bombas de calor ou unha combinación delas). Non se considerará elixible a substitución dun xerador térmico por outro que utilice combustible de orixe fósil ·        Reforma ou substitución de instalacións de iluminación interior e iluminación exterior ·        Renovación de motores para accionamientos mecánicos e outros servizos propios destas actividades

Requisitos para acceder ás axudas

Para que un proxecto sexa subvencionable deberá: ·        Conseguir e xustificar unha redución do consumo de enerxía final dun 10% con respecto á súa situación de partida ·        Xustificar o aforro de enerxía final mediante un dos métodos de cálculo do anexo V da Directiva 2012/27/UE, de 25 de outubro de 2012, e segundo a Recomendación (UE) 2019/1658 da Comisión de 25 de setembro de 2019

Destinatarios das axudas

Os destinatarios desta liña de subvencións serán aquelas persoas físicas ou xurídicas, privadas ou públicas, que sexan titulares dunha explotación agropecuaria; as Comunidades de Regadores e outras organizacións dirixidas á xestión de auga para a rega agropecuaria ou a xestión común doutros combustibles e fontes de enerxía para fins agropecuarios; os titulares de explotacións agropecuarias de regadío que utilicen redes de rega que necesiten consumo de enerxía eléctrica; calquera organización de produtores agropecuarios recoñecida, as comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo queda recollido na Directiva 2018/2001 sobre fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables; así como as empresas de servizos enerxéticos. A repartición orzamentaria por comunidades autónomas correspóndese coa distribución de explotacións agrarias e regadíos nos distintos territorios. Para a distribución territorial do crédito utilizáronse os seguintes informes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cos que se determinou a distribución orzamentaria: Rexistro Xeral da Produción Agrícola (REGEPA) de 2020 para explotacións agrícolas, do Sistema Integral de Trazabilidade Animal (SITRAN) de 2020 para as gandeiras, así como os datos de superficie de regadío da Enquisa sobre Superficies e Rendementos de Cultivos (ESYRCE) de 2019. En todo caso, constitúe un reparto inicial que poderá ser ampliado naqueles casos en que se esgote o orzamento inicial nalgunha Comunidade, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria. A repartición inicial indícase a continuación:n
CCAA REPARTO PRESUPUESTO (€) % reparto
   
Andalucía 8.511.895,3 28,37%  
Aragón 2.199.763,1 7,33%  
Asturias 91.422,1 0,30%  
Baleares 325.746,1 1,09%  
Canarias 699.806,5 2,33%  
Cantabria 48.935,7 0,16%  
Castilla La Mancha 4.167.573,0 13,89%  
Castilla y León 3.198.764,1 10,66%  
Cataluña 2.055.743,3 6,85%  
Extremadura 2.157.321,7 7,19%  
Galicia 1.769.887,2 5,90%  
La Rioja 445.247,5 1,48%  
Madrid 210.630,2 0,70%  
Murcia 870.692,5 2,90%  
Navarra 569.761,3 1,90%  
País Vasco 148.970,8 0,50%  
Valencia 2.527.839,6 8,43%  
TOTAL 30.000.000 100 %  

Convocadas as axudas para enerxías renovables e aforro enerxético no agro

O Instituto Enerxético de Galicia abre a convocatoria de axudas para a instalación de enerxías renovables no agro e para proxectos de aforro enerxético. O presuposto total das subvencións, dirixidas a explotacións agrarias, é de 2,5 millóns de euros e hai un mes de prazo para solicitalas.

Este é o primeiro ano no que as axudas son por concurrencia competitiva, isto é, non conta a orde na que se presenten, sempre que se presenten en prazo, senón que se puntuará cada solicitude e serán as máis valoradas as que reciban as subvencións.

A maior parte dos apoios oriéntanse a proxectos de enerxías renovables eléctricas (solar fotovoltaica ou minieólica), con 1,5 millóns de euros; en tanto que haberá 500.000 euros para enerxías renovables térmicas (biomasa, aerotermia, xeotermia, biogás e solar térmica) e outros 500.000 euros para iniciativas de aforro enerxético.

A contía da axuda será do 30% do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 por empresa. A intensidade da axuda aumentará un 20% no caso de pequenas empresas (recibirán un 50% do custo) e nun 10% en medianas empresas (40% do custo). O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable será de 5.000 euros.

Criterios de valoración
Os criterios de valoración que seguirá a Xunta para puntuar as solicitudes son os seguintes:

– Para proxectos de enerxías renovables, outorgaranse 30 puntos se a explotación agraria non se abastece con ningunha fonte de enerxía renovable da mesma tecnoloxía para a que se solicita a axuda. Do contrario, terá 0 puntos.

– Para proxectos de aforro enerxético, valórase a porcentaxe de redución do consumo en relación coa instalación preexistente. Valorarase con 1 punto por cada 1% de aforro, ata un máximo de 30 puntos.

– Outorgaranse 20 puntos para centros de traballo illados da rede eléctrica e 0 puntos ás conectadas á rede. Tamén se outorgará a puntuación máxima de 20 puntos ás explotacións que con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 soportaron investimentos en infraestrutura de tendido de liña e posteriormente a cederon á empresa distribuidora da zona.

– Recibirán 20 puntos as explotacións agrarias prioritarias do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

– Localización xeográfica do proxecto, ata 30 puntos. Valoraranse os proxectos que se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas utilizando os datos mais recentes dispoñibles polo Instituto Galego de Estatística da renda dispoñible bruta por habitante dos municipios galegos. En concreto, utilizaranse os datos correspondentes ao ano 2017, que se poden descargar da web do Instituto Galego de Estatística na sección Economía/Sistema Contas/Renda.

Claves para o aforro enerxético nas granxas

O consumo de enerxía é un dos custos a ter moi en conta nas explotacións gandeiras. Para reducir a factura da luz, as posibilidades pasan por implantar enerxías renovables ou sistemas de aforro enerxético. Repasamos as principais liñas nas que se pode actuar.

Nunha granxa de leite, os maiores consumos débense ó sistema de muxido (33%) e ó tanque de frío (22%), seguidos dos sistemas automáticos de limpeza (19%). Outros consumos menores son ventilación (5%), iluminación (4%) e outros.

En ganderías porcinas e avícolas, os sistemas de calefacción e refrixeración son precisos para manter as temperaturas óptimas de produción. O uso nestas explotacións de caldeiras de biomasa con pellets permite aforros de arredor do 50% en comparación co gasóleo, tendo en conta que un litro de gasóleo (0,8 euros) equivale a dous quilos de pellet (0,46 euros).

Nos próximos días, publicarase a orde da Xunta de Galicia pola que se convocan axudas para impulsar o aforro enerxético das explotacións gandeiras e agrícolas. Calquera persoa interesada en presentar unha solicitude, poderá facelo a través de firmas especializadas, como Tecgal Enerxías, coa que analizamos a continuación as vías que hai para reducir a factura en granxas de leite.

Oito vías para reducir a factura eléctrica en granxas de leite

1) Implantación de enerxías renovables: solar fotovoltaica e minieólica
A xeración de enerxía eléctrica con paneis solares fotovoltaicos pode reducir a factura en arredor dun 40% nas granxas que teñan robot e, por tanto, un consumo máis continuo de enerxía. En ganderías con sala de muxido, a baixada da factura pode rondar o 20 – 30%.

As instalacións de autoconsumo poden ademais canalizar os seus excedentes de produción á rede para ser compensadas por elo. Pódense facer instalacións sen excedentes, cun dispositivo que evite o verquido á rede, ou con excedentes. Neste último caso, as instalacións pódense acoller a compensación, se cumpren os requisitos, ou vender os seus excedentes no mercado (sen compensación na factura).

En lugares illados, sen conexión á rede, unha opción para complementar os paneis solares fotovoltaicos é a instalación dun miniaeroxenerador eólico.

2) Preenfriamento do leite
Tralo muxido, o leite está a 35º C, polo que debe ser arrefriado o antes posible para manter a súa calidade e propiedades organolépticas. O tanque de frío baixará a temperatura ata 6º C, pero se antes de chegar ó tanque de frío, pasamos o leite por un intercambiador de calor situado á entrada do tanque, logramos que ceda parte do seu calor a outro fluido (normalmente auga), co que conseguimos que o leite entre no tanque a unha temperatura de 15-20º C.

Esa menor temperatura de entrada no tanque supón aforros de consumo do grupo de frío de arredor dun 25%. Mellórase así ademais a calidade do leite, en tanto que a auga quentada no intercambiador de calor pode usarse para limpeza ou bebida do gando.

3) Recuperador de calor
A limpeza do circuito de muxido e do tanque debe facerse con auga a 60 – 70º C. Para reducir o consumo, pode instalarse un sistema que permita recuperar o calor extraído do leite durante o enfriamento e usalo para prequentar a auga de limpeza.

Con este sistema, pódese reducir o gasto enerxético para a produción de auga quente ata nun 70%, pois por cada litro de leite arrefriado pódense conseguir ata 0,7 litros de auga a 50ºC.

4) Situación do condensador do grupo de frío
O condensador do tanque de frío está habitualmente refrixerado polo aire ambiente. Por tanto, a menor temperatura exterior, menor consumo eléctrico. O emprazamento idóneo do equipo será no exterior da leitería, en lugar sombreado, preferentemente con orientación norte e boa circulación de aire. É tamén importante que estea limpo, sen follas por riba.

5) Variadores de frecuencia
É un sistema para controlar a velocidade de xiro en motores de corrente alterna por medio do control da frecuencia de alimentación subministrada ó motor. Trátase dun sistema de fácil instalación, válido para corrente monofásica e trifásica, e non precisa mantemento.

Nas bombas de baleiro do circuito de muxido, os variadores de frecuencia reducen a sobrecarga de velocidade da bomba, axustándose ás necesidades de muxido. O control preciso do baleiro do sistema mellora ademais a saúde da ubre e a calidade do leite.

6) Batería de condensadores
As baterías de condensadores son equipos que permiten compensar a enerxía reactiva. Que é a enerxía reactiva?. Trátase de enerxía que se consume na granxa, pero que non se aproveita para realizar un traballo útil. Os motores ou as lámparas fluorescentes, por exemplo, adoitan consumir enerxía reactiva, o que supón un recargo na factura eléctrica por enerxía realmente non empregada. As baterías de condensadores proceden a redistribuír a enerxía reactiva para evitar a súa perda.

7) Iluminación LED
A substitución de tubos fluorescentes por leds supón un aforro en iluminación superior ó 50%. Para optimizar a produción e benestar das vacas, a temperatura de color aconsellada na iluminación é de 6050 K, recomendándose que os animais teñan 16 horas de luz diarias.

8) Revisión de factura enerxética
É importante revisar a tarifa contratada, pois en función da potencia que teña a instalación, hai variacións na factura a ter en conta. Se se consume máis do 105% da potencia contratada, a factura encarécese sensiblemente.

Axudas 2021

A orde de axudas da Xunta para a implantación de enerxías renovables no agro e/ou medidas de aforro enerxético é inminente, pois nun Consello da Xunta de decembro xa se aprobaron as bases da convocatoria do 2021. A Xunta prevé destinar un total de 2,5 millóns de euros, que permitirán financiar arredor de 200 proxectos de aforro enerxético e de instalación de enerxías renovables (enerxía solar fotovoltaica, solar térmica, eólica, biomasa, aerotermia, xeotermia ou o biogás).

A contía das axudas será do 30 % do custo elixible no caso de grandes empresas, 40 % para medianas e 50 % para pequenas ata un máximo de 100.000 euros por proxecto e 300.000 por empresa, salvo nas instalacións de autoconsumo colectivo, nas cales se poderán alcanzar os 500.000 euros por proxecto e empresa.

Este ano por primeira vez as axudas serán de concorrencia competitiva co obxectivo de priorizar a implantación de instalacións renovables en explotacións agrarias que carezan delas, así como nas situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se terán en conta os datos do Instituto Galego de Estatística da renda dispoñible bruta por habitante nos concellos galegos.

Máis información

Convocadas as axudas para mellorar a eficiencia enerxética das vivendas

As axudas do Programa para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, reguladas polo Real decreto do 4 de agosto, poderán solicitarse desde este sábado. Tal e como se indicaba na Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, a partir do día 2 de xaneiro pódense solicitar estas axudas que por primeira vez xestionará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e para as que este ano se destinan os 8,5 millóns de euros, dos 17 millóns que recolle o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes e se regula a concesión directa das axudas deste programa ás comunidades autónomas ata o ano 2023. Os beneficiarios, que só poderán presentar as súas solicitudes por medios telemáticos, son os propietarios de vivendas e as comunidades de propietarios, que poderán acoller as incentivos para subvencionar actuacións de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, de uso de enerxías renovables, de mellora das instalacións de iluminación.

Beneficiarios

Os beneficiarios desta liña de subvencións son as persoas propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de vivendas e locais existentes nestes últimos edificios; as comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, así como as persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

Que se subvenciona?

Tal e como se recolle na resolución, establécense tres tipos de actuacións subvencionables: de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, aquelas que teñen entre os seus obxectivos reducir a demanda enerxética; de uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e das instalacións de iluminación, é dicir, as luminarias, lámpadas e equipamentos; sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de acendido e regulación do nivel de iluminación. Para o cálculo da contía subvencionable, haberá unha axuda base e unha adicional, que se determinará con base en tres criterios, como os criterios sociais (actuacións que se realizan en edificios de vivenda de protección pública; actuacións en inmobles situados en áreas de rehabilitación), a eficiencia enerxética e que se trate dunha actuación integrada (aplicarase a porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou máis tipoloxías de actuación). Por último, as axudas deste programa son compatibles con outras axudas concedidas para o mesmo fin, sempre que non se supere o custe da actuación e as outras axudas concedidas non conten con cofinanciamento de fondos europeos. Nese sentido, o IGVS destinará un millón de euros á liña de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e accesibilidade en vivendas, recollidas no Programa de fomento da mellora de eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas Plan 2018-2021.

SAT San Miguel, 20 anos de unión en busca de calidade de vida

De esquerda a dereita, Alejandro, Antonio, Carlos e Jesús, catro dos cinco socios da SAT "O que queriamos era mellorar e o que máis perdía ía gañar, tiñámolo todos claro". Así resume Carlos Dablanca a creación en 1998 da SAT San Miguel, en Camoucos, na parroquia de Berbetouros, pertencente ao concello lucense de Palas de Rei. Tan claro o tiñan que en menos dun mes tiñan a sociedade constituída e tal é a sintonía entre eles que nestes máis de 20 anos de traballo en conxunto sempre tomaron as decisións por consenso e sen necesidade nunca de facer unha votación.  "Un dos socios, José Manuel Iglesias, estaba nese momento facendo o curso de incorporación e faloume desa posibilidade de agrupar as granxas, algo que xa estaba funcionando noutros lugares. O 3 de setembro comezamos a falar entre os veciños e a finais de setembro estaba a SAT constituída", lembra Carlos. Ao proxecto sumáronse tamén Antonio Viña, Jesús Prieto e José Antonio Rodríguez, hoxe substituído polo seu fillo Alejandro trala súa xubilación fai tres anos.  Pero malia resultarlles doado tomar a decisión de unirse, o difícil viría despois. "Debémoslle moito a Caixa Rural, grazas a eles seguimos adiante. Foron 130 millóns de pesetas de investimento fai 20 anos. No Plan de Mellora só puideramos meter 100 millóns porque o sistema informático non deixaba meter máis e logo pedimos outros 45 millóns en créditos persoais", recordan.
Comezaron con 120 vacas e 700.000 litros de cuota e hoxe moxen 250 e producen tres millóns de litros ao ano
Destinaron os cartos a construir a nave principal, a sala de muxido, catro silos e a mercar vacas, que non entraban no Plan de Mellora. Os animais que cada un tiña nas súas explotacións valoráronos por igual, diferenciando só pola súa idade, e a maiores mercaron 2 camións de vacas da Bretaña francesa e outro de Holanda. "O 9 de decembro de 1999 metemos aquí as vacas, todos os anos o celebramos cunha comida", conta Carlos.  En total, empezaron muxindo 120 vacas para unha cuota de 700.000 litros; hoxe teñen o dobre de cabezas en produción e dan 3 millóns de litros ao ano, que venden a Pascual desde fai 6 anos. A explotación foi gañando en eficiencia e a día de hoxe permítelles ter un salarios dignos e tempo libre como en calquera outra profesión, que era realmente o obxectivo que os levou a constituir a SAT. Pero "os comezos foron fastidiados", recoñecen. "O empece foi difícil desde o punto de vista económico máis que organizativo. Metimos vacas que viñan de trabado e non se adaptaron, algunhas das que mercamos tamén fallaron e durante 6 meses non cobramos un peso", detalla Carlos. Incrementar a produción por vaca Os cubículos de fai 20 anos son moi altos e queren reformalos Ano e medio despois fixeron unha nave para a recría e trouxeron as xovencas para ela e logo pouco a pouco foron ampliando e mellorando aquelas instalacións iniciais até contaren hoxe con 500 animais en total, a metade deles en producción, aínda que a súa idea de cara ao futuro "non é aumentar en cabezas, é aumentar en litros cos mesmos animais", indican.  Para iso queren reformar os cubículos iniciais, construídos fai 20 anos con perfís moi altos, para rebaixalos e aumentar tamén a súa anchura, que neste momento é de 1,20 metros, para que deste xeito as vacas gañen en confort, benestar e produción. 
A nosa idea non é aumentar en cabezas, é aumentar en litros cos mesmos animais
Levan tamén uns meses probando distintos materiais para as camas, que na nave de produción principal é de colchoneta de goma con carbonato pero nunha ampliación que fixeron posteriormente para as vacas problemáticas, con cubículos máis anchos, cambiaron por unha mestura de serrín, corcho e carbonato que non os convenceu porque lles supuxo un incremento nos recontos de células somáticas.  A calidade hixiénico-sanitaria do leite é precisamente outro dos aspectos nos que poñen énfase, dado que a empresa que lles recolle prima a bacterioloxía. "Niso estamos sempre por debaixo de 10. Pascual por debaixo de 25 xa cho ten en conta e se baixas de 11 aplícache un extra", explica Carlos.   Probaron unha mestura de serrín, carbonato e corcho pero non os convenceu polo aumento de células que notaron Catro lotes de animais en produción Os animais en produción téñenos divididos en catro lotes: un é o das recén paridas, en cama libre de palla; outro o das vacas máis grandes en canto a tamaño, que están na zona de cubículos máis anchos; e logo estarían na nave principal dous lotes máis, un no que priman as primeirizas e outro no que hai vacas adultas fundamentalmente. 
Nós aproveitamos moito as vacas de desvelle, temos posto o corte en 25 litros
Os catro lotes, sen embargo, reciben a mesma composición na ración, coa única diferenza que nas primeirizas a cantidade é menor. A ración de produción está formada neste momento por 36 quilos de silo de millo, 8 de silo de herba, 9 de bagazo de cervexa, que traen da fábrica de Estrella Galicia, 5 de millo moído e 6 de fariña de colza. Contan con carro mesturador propio na explotación, que comparten con outra gandeiría da zona e dispoñen dun arrimador automático "que é de todos nós o que máis traballa da granxa, porque funciona 12 horas diarias e igual fai 10 quilómetros cada día", indica Carlos. Zona de posparto con cama libre de palla, sen cubículos, e capacidade para 28 animais A produción media anual por vaca é de 36 litros diarios, cun 3,60% de graxa e un 3,40% de proteína. "Non temos moita graxa porque a nós o que nos interesa é dar litros e non temos tampouco unha media de produción moi alta porque nós aproveitamos moito as vacas de desvelle, porque temos sitio e mentres tanto engordan para mandalas ao matadoiro, temos posto o corte en 25 litros", explica. Sen embargo, este ano a súa estratexia en canto ao reemprazo non lles resultou igual de rendible que en anos anteriores por mor da baixada de prezos das vacas para o matadoiro. "Aquí houbo vacas gordas de desvelle que deixaron 1.400 euros e agora tranquilamente ese tipo de animais están valendo 400 euros menos", lamenta Carlos. Ventilación e luminosidade A colocación dunha cumbreira transparente e a substitución dos ventiladores son os próximos proxectos As instalacións atópanse neste momento ao máximo da súa capacidade e non prevén facer máis ampliacións polo de agora para acoller a máis animais, o que os obrigaría tamén a ter que ampliar a súa superficie agraria ou a mercar máis insumos, pero si que pretenden seguir modernizando as naves feitas fai 20 anos.  A última ampliación que fixeron foi a construción o ano pasado dunha nave nova para a recría, o que lles permitiu liberar espazo para destinalo a unha zona de posparto con capacidade para 28 animais onde están tanto vacas como novillas recén paridas en cama libre de palla, sen cubículos. "Cando paren van para alí e están até que hai que facer sitio para que entre outra, normalmente pasan alí un mes e notámolo moito, xa non só porque hai menos baixas senón porque a vaca arrinca moito mellor no leite e produce máis durante a lactación que se a metes ao cubículo directamente da parideira", afirma Carlos. 
Pretenden incrementar a produción por vaca mellorando o benestar e comodidade do gando
Outra das obras que teñen solicitada é o cambio da cumbreira actual de uralita por unha de metacrilato transparente para gañar deste xeito claridade na parte central da nave, sobre o pasillo de alimentación, e fomentar deste xeito unha maior inxesta de alimento por parte dos animais. Tamén queren aproveitar para modificar o sistema de ventilación actual, formado por 13 ventiladores interiores, que serían substituídos por ventiladores exteriores conectados a uns conductos de ventilación mediante tubos de lona colgados do teito, que distribuirían o aire por toda a nave, co que lograrían unha maior eficacia na redución da temperatura no interior da granxa grazas a un reparto máis uniforme do aire, así como un importante aforro enerxético.   Recría propia Destetan aos 70 días e levan xa 12 anos empregando amamantadora nodriza Que a recría estivese máis cómoda foi tamén o que motivou a construción fai un ano nesta SAT dunha nova nave para as becerras pequenas. "Levamos xa 12 anos alimentando as xatas pequenas mediante amamantadora nodriza, pero dispuñan de pouco sitio e estaban moi amontoadas. Agora están moito máis cómodas. Destetámolas aos 70 días cunha curva de lactación cun máximo de 8 litros de leite e logo pasan para un lote no que están con penso e herba seca até que cumpren os seis meses, no que xa pasan a comer ración, unha específica para elas que lles facemos até os 12 meses. Despois desa idade comen xa a ración das vacas secas, a base de silo de herba e palla e algo de silo de millo, colza e fariña de millo", explica Carlos.
Para aforrar en palla fixeron a zona de comedeiro en cemento e a zona de descanso en cama quente
Nesta nova nave de recría as xatas están até os 6 meses en cama quente de palla, primeiro na zona da amamantadora e logo nun lote contiguo no que son alimentadas con penso e herba seca. "Foi algo que notamos tamén moito, na palla están moito mellor e ao estar máis cómodas tamén medran máis. O que si que fixemos foi separar a zona de comedeiro, na que non botamos palla e que se limpa cunha arrobadeira, da de descanso, onde estramos con palla, para así gastar menos palla e aforrar", conta. Tamén na zona que habilitaron para o posparto empregaron este mesmo sistema, cunha división que separa o lugar no que se deitan as vacas en palla da zona de cemento onde comen. As vacas secas e as xovencas preñadas dispoñen dun patio para poderen saír libremente ao exterior SAT San Miguel cubre as súas necesidades de reemprazo con recría propia, polo que neste aspecto tamén é autosuficiente. "Facemos a recría nós e recriamos todo seguindo o Programa de Acoplamentos de Africor Lugo", explican. Da reprodución encárgase José Manuel, cunha estratexia que busca maior lonxevidade a través de aspectos como a dureza de patas. A media de partos desta explotación é de 2,8 e o gando destaca pola facilidade de parto, xa que nos seus máis de 20 anos de historia só tiveron unha ducia de cesáreas. A parideira, igual que a zona da recría e outras partes da granxa, téñena sempre vixiada con cámaras, o que lles permite detectar o momento xusto do parto e poder intervir. "Xa temos salvado algunha cría grazas ás cámaras, xa que cando non estamos aquí e hai unha vaca próxima podemos facerlle o seguemento desde a casa ou a través do móbil", explican.  Empregan seme sexado só nas primeirizas e fan a primeira reprodución en función da configuración morfolóxica individual que cada xata. "Inseminamos por tamaño pero nunca antes dos 13 meses e se teñen pouco tamaño agardámoslles máis tempo", explica Carlos.  Unha vez preñadas e confirmadas as xatas pasan a outro lote no que teñen acceso libre a un patio exterior. Tamén o teñen as vacas secas, que dispoñen dunha finca de 4.000 metros para andar e coas que comparten logo instalacións as xovencas até o momento do parto. Secan as vacas en produción aos 7 meses (56 días de secado). "Se nese momento algunha está dando moito leite témola 5 días a auga e palla", indican. Nesta nave de preparto que comparten as vacas secas e as xatas preñadas dispoñen ademais dun sistema de rego con auga dos pasillos mediante un programador para deste xeito facilitar a súa limpeza.  Especialización nas distintas tarefas Ademais dos 5 socios actuais, SAT San Miguel ten a dúas persoas contratadas: un veciño de Bertetouros e un inmigrante de orixe marroquí ao que pagan 1.050 euros e ao que lle poñen vivenda, luz e auga de balde. "Cada un de nós ten unhas tarefas asignadas, aquí chegamos á mañá e cada un sabe xa o que ten que facer", explica Carlos, que fixo tres anos de formación agropecuaria e encárgase de todo o papeleo, facturación e provedores. "Ainda que sabemos facer de todo, desde o comezo tiñamos claro que nos tiñamos que especializar e cada un escolleu o que máis lle gustaba, deste xeito estás máis a gusto e tratas de mellorar", engaden. Por exemplo, José Manuel é o responsable da reprodución, Jesús encárgase do coidado da recría e o mantemento das camas e Antonio está centrado na maquinaria e o traballo de campo. 
Cada un escolleu o que máis lle gustaba, deste xeito estás máis contento no traballo e tratas de mellorar
Para muxir túrnanse entre todos. Muxen dúas veces ao día, ás 7 da mañá e ás 7 menos cuarto pola tarde, con dúas persoas na sala e unha máis facendo as camas e cambiando lotes. Malia que están barallando cambiar a cama, destacan unha das vantaxes dos cubículos con colchoneta: o seu doado mantemento. "Cunha hora á mañá e outra á noite temos 230 camas feitas", salienta Carlos.  Dispoñen aínda da primeira sala de 10x2 puntos paralela de muxido traseiro que montaron fai 20 anos pero que modernizaron e ampliaron a 14x2 puntos. Pasa xa das 47.000 horas pero atópase en bo uso. "Ten 20 anos pero fómola coidando: cambiamos o chan, os medidores, a identificación por chip e o sistema de retirada, co que gañamos en comodidade e limpeza", detallan. Non se plantexan pasar a tres muxidos diarios porque "muxir tres veces complícache máis as libranzas e perdes calidade de vida", asegura Carlos. "Os cinco socios fixemos isto coa filosofía de librar máis, non de gañar máis diñeiro. Antes de constituir a SAT eu levaba 10 anos sen librar un só día e o resto de veciños igual. Sempre tivemos claro que isto fundábase para vivir mellor. De pouco sirve facer cartos se non tes tempo libre para disfrutalos", engade. 
Muxir tres veces complícache máis as libranzas e perdes calidade de vida e isto fundouse coa filosofía de librar máis, non de gañar máis diñeiro
Por iso, teñen as distintas tarefas programadas por días para que as fins de semana haxa menos traballo que facer e que chegue con atender a muxir e á alimentación do gando. "Estramos e inseminamos sempre os venres", explica por exemplo Carlos. "Para tomar as decisións non eres ti só, tes que contar cos demais, é dicir, tes que consensuar as cousas, pero a nós cambiounos a vida totalmente. Agora libramos dous días á semana, o que traballa a fin de semana libra entre semana, e temos cada un un mes de vacacións no verán e unha semana en Nadal. Entendémonos ben no funcionamento da granxa porque compartimos os mesmos obxectivos, levamos 20 anos e nunca tivemos que votar unha decisión, a estratexia da explotación sempre a consensuamos entre todos", resumen en SAT San Miguel facendo balance destas dúas décadas de traballo en común.    

"Mercar os cereais a futuro permítenos obter bos prezos"

Almacén de materias primas de SAT San Miguel A busca da eficiencia a través da innovación, a mellora na comodidade e o manexo e a redución de custos foron sempre as máximas desta explotación de Palas de Rei. E aínda que aseguran que lles custa moito facer cambios, desde o inicio sempre estiveron dispostos a introducir novidades que contribúan a mellorar o seu rendemento sempre que a súa eficacia estea contrastada e demostrada previamente. "Somos moi reacios a facer cambios, cústanos moito, pero se algo vemos que funciona aplicámolo", aseguran. Unha das decisións polas que apostaron fai anos foi pola compra directa das materias primas en orixe, sen intermediarios. Xunto a outro medio cento de explotacións galegas, contan coa axuda da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que os asesora en canto a prezos e á hora de tomar as decisións de compra.  
Buscamos estabilidade nas compras das materias primas; nós a un ano vista sabemos o prezo do leite que imos ter
"Buscamos estabilidade nas compras das materias primas; nós a un ano vista sabemos o prezo do leite que imos ter. Levamos máis de 10 anos mercando o millo e a colza a futuro con CAP Coruña e melloramos moito niso. Antes eu o que facía era pedir todos os meses prezo a tres empresas de penso, pero desta maneira temos máis control sobre o que damos ás vacas e aforramos cartos", razoa Carlos. A obsesión pola redución de gastos é unha constante en SAT San Miguel, asesorados tamén por Seragro, que lles aporta o nutrólogo. "Sempre quixemos contar cun nutrólogo independente, que non pertencese por exemplo a unha empresa de pensos e todos os anos facemos tamén unha auditoría para ver onde podemos mellorar ou onde podemos axustar algo os gastos", di.
Logran que os custos de alimentación do gando estean por debaixo dos 20 céntimos por litro de leite
Por iso, a próxima modificación que queren facer é construír dous silos de 34.000 quilos para meter neles o millo e a colza, que agora teñen nun almacén aberto. "Os gatos e as pombas dannos problemas, por iso queremos pasar as materias primas que empregamos na ración a silos pechados, para ter menos desperdicio e tamén para liberar espazo no almacén, porque unha boa estratexia para aforrar cartos é mercar a palla en grandes cantidades cando hai abundancia, cando é un ano bo en produción, porque as oscilacións de prezo son importantes dun ano para outro en función da colleita, e para estrar é igual que a palla sexa do ano ou de dous anos. Pero para facer iso é importante ter onde almacenala", xustifica Carlos.   140 hectáreas de superficie agraria Plantación de millo a carón da explotación. Sementan 85 hectáreas, 50 en rotación con veza e cebada Xunto coa adquisición en orixe dos insumos e á economía de escala nas compras, outra das estratexias desta explotación para aforrar é a autosuficiencia nas forraxes. Dispoñen dun total de 140 hectáreas de superficie agraria: 70 propiedade dos socios, 20 que son titularidade da SAT, 30 en aluguer e 20 máis de monte comunal da parroquia.
Hai xente que é ela soa e ten máis tractores ca nós
Desas 140 hectáreas, 50 mantéñenas a pradeira permanente e nas outras 85 sementan millo, en 50 delas en rotación cun cultivo de inverno a base de veza con cebada. Levan máis de 10 anos botando esta mestura con bos resultados. "Funciónanos ben, logramos unhas colleitas duns 22.000 quilos por hectárea cunha proteína do 19% e unha moi boa dixestibilidade e sérvenos para preparar as terras para o millo. Este ano por exemplo cando xa tiñamos as terras preparadas en outono choveu moito e non demos labrado e cando foi de sementar o millo a terra estaba moito máis dura e chea de malas herbas", explica Antonio. O novo silo ten catro metros de altura por 60 de longo e 12,5 de ancho e almacena 50 hectáreas de millo O ano pasado construíron un silo novo para o millo, de grandes dimensións (60 metros de longo por 12,5 de ancho e 4 metros de alto) e con outra novidade, xa que no canto de rampa fixéronlle un peirao de descarga pola parte de arriba que lles facilita enchelo máis comodamente e con menos esforzo para a maquinaria. Custoulles 100.000 euros pero colléronlles nel 50 hectáreas de millo da última campaña cunha media de 46.000 quilos de materia verde por hectárea.   Outra das vantaxes dunha SAT como a que formaron estas cinco ganderías con respecto ás explotacións individuais é que "rendibilizas máis os investimentos, por exemplo en maquinaria", din. Dispoñen de 2 tractores de 180 cabalos, outro de 145, un de 90 e unha telescópica. "Hai xente que é ela soa e ten máis tractores ca nós", afirma Carlos.  Aproveitamento das distintas posibilidades do purín SAT San Miguel dispón de tres fosas de xurro cubertas máis unha balsa, cunha capacidade de almacenaxe total de catro millóns de litros. A balsa está a un quilómetro da explotación e téñena conectada cos pozos de purín da granxa por medio dunha tubería enterrada, de maneira que poden bombear ata ela o xurro no canto de ter que transportalo en cisternas.  Aínda que fan eles a maioría dos traballos agrícolas, contratan certas tarefas, como a sementeira do millo ou o picado e transporte dos ensilados. Cando están apurados tamén contratan un reforzo para esparexer o purín. "O que tentamos é facer as tarefas o máis rápido posible", xustifica Carlos. Pozo de purín dobre cuberto da explotación Pero ademais da capacidade como fertilizante do xurro, nesta explotación participaron nun ensaio pioneiro auspiciado por AGACA e a Universidade de Vigo para estudar as posibilidades de aproveitamento do purín para xerar biogás. A investigación, financiada con fondos europeos, consistiu en medir durante un ano, mediante un sinxelo sistema dunha balsa inchable (unha lancha de praia das que usan os cativos dada a volta e conectada a un tubo), as emisións producidas pola fermentación do xurro para estudar as posibilidades de aproveitamento dese gas unha vez extraído, almacenado e filtrado (as emisións conteñen ademáis dun 50% de metano outros compoñentes como dióxido de carbono).   Máis alá das posibilidades de utilización deste biogás como fonte de enerxía nas explotacións, a extracción do metano en si das fosas de purín suporía reducir de xeito importante as emisións contaminantes das ganderías, unha esixencia cada vez maior por parte de Bruxelas. Nesa aposta pola economía circular e o aproveitamento dos residuos, ao usar carbonato nas camas, "hai 20 anos que non encalamos as terras, así que o que gastas na cama volve á granxa por esa vía de aforro", din nesta SAT. Eficiencia enerxética Sistema de condensadores para eliminar a enerxía reactiva Dentro da minimización de custos nas explotacións, a redución da factura da luz mediante a introdución de medidas de eficiencia enerxética é un aspecto moi importante. Sábeno ben en SAT San Miguel, que levan moitos anos traballando neste campo. "Se podemos arañar algo niso sempre tentamos miralo", asegura Carlos. Fai 15 anos xa que colocaron un sistema para neutralizar a enerxía reactiva que xera o sistema eléctrico da granxa e que lles supuña un custo engadido na factura da luz de 70 euros ao mes. "O aparato de condensadores que instalamos custounos 1.200 euros hai 15 anos, xa o desquitamos con creces", evidencia.
O 70% da auga quente que gastamos sáenos gratis
Dispoñen tamén de iluminación led e dun sistema de preenfriado do leite que vai ao tanque, que reduce a temperatura coa que sae do muxido, o que ten efectos beneficiosos xa non só desde o punto de vista do aforro económico, senón tamén na calidade do leite, xa que a velocidade de enfriado do leite no tanque condiciona o desenvolvemento de microorganismos. "Instalamos condensadores, variadores de frecuencia e placas para rebaixar a temperatura do leite e aproveitar a enerxía que se xera no proceso de enfriado. Grazas a iso hoxe aforramos o 70% do gasóleo da caldeira que usamos para a auga quente e co dobre de cabezas estamos gastando en luz o mesmo que antes", resume Carlos.  

Axudas para domótica enerxética e electrodomésticos nos fogares

O Instituto Enerxético de Galicia vén de publicar as bases reguladoras para a concesión de axudas orientadas á renovación de electrodomésticos e á implantación de domótica enerxética nos fogares. As axudas deberán tramitarse a través das entidades colaboradoras. O prazo de solicitude comezará o 1 de xullo e rematará o 30 de setembro ou cando se esgoten os fondos, polo que é conveniente facer a solicitude nos primeiros días de prazo.

A dotación prevista para financiar a convocatoria é de 1,7 millóns de euros, dos que 1,3 millóns corresponden ó plan renove de electrodomésticos e 400.000 euros a domótica enerxética. O 40% dos fondos estarán reservados para beneficiarios que teñan a condición de consumidores vulnerables.

A cantidade subvencionable será como máximo dun 25% do prezo do electrodoméstico para o consumidor xeral, dun 50% para o consumidor vulnerable e dun 75% para o consumidor vulnerable severo. Para o consumidor xeral establécese un máximo de 150 euros por frigorífico – conxelador, e de 100 euros por conxelador ou lavalouza.

En domótica enerxética, establécese un máximo de 500 euros para un proxecto de monitorización térmica (sensores de temperatura, humidade, CO2 e/ou radón). A mesma cantidade se se opta por un proxecto de monitorización eléctrica (medidores de consumo, racionalizadores de potencia, fotocélulas e programación de acendidos, etc.).

Lebón SC, unha das primeiras explotacións en contar con robot de muxido en Galicia

Marcos López, na nave de produción da gandeiría Lebón SC de Samos Manuel López foi pioneiro en moitas cousas en Galicia. A súa gandeiría, Lebón SC, ubicada na parroquia de Suñide, no concello de Samos, foi das primeiras en contar cun robot de muxido na nosa comunidade e tamén das primeiras en apostar pola mestura húmida como sistema para a alimentación das súas vacas. Fai disto xa máis de 15 anos e agora, o seu fillo Marcos, que colleu o relevo na explotación familiar, está a facer investimentos en tecnoloxía e novas instalacións para non quedar atrás. Cóntannos como traballan para lograr medias de produción de leite de 44 quilos por vaca e día.
"Nunha viaxe a Holanda vira o robot nunha explotación dalí. Estabamos facendo un establo novo e xa non montei sala, pero tiveramos que agardar dous anos a que se venderan en España", lembra Manuel
"A clave está en seguir modernizándose e en mellorar o manexo", asegura Manuel, que lembra os dous anos que botou agardando a que venderan en España os robots de muxido que vira nunha viaxe a Holanda. "Comezaramos a facer un establo novo e inicialmente estaba pensado para poñer unha sala de muxido, pero nesas fora a unha viaxe a Holanda e vira o robot nunha explotación alí e cando volvín xa non montei a sala. Pero tivemos que agardar case dous anos polo robot, así que tiñamos aquí as vacas e levabámolas a muxirse todos os días á sala da cuadra vella, que está a 300 metros", recorda. Ao final aquel primeiro robot de muxido instalouse a finais do 2004 nesta explotación e foi un dos primeiros de Galicia en funcionar. "Puxérase outro noutra gandeiría en Arzúa", lembra Manuel. Lebón SC é unha gandeiría familiar que leva máis de 50 anos producindo leite. "Empezou coas vacas de leite meu pai nos anos 60, ía eu aínda á escola, comezou cunha pinta e cinco rubias", conta Manuel. Cando el asumiu o testigo, no ano 85, fixo o primeiro establo con estabulación libre e sala de muxido en forma de espiña de peixe, que logo cambiou por unha Auto Tandem de 6 puntos. No ano 98 Manuel e a súa muller, Consuelo, comezaron a facer unha nova nave que, con reformas e melloras, segue ser a base da explotación actual. No seu momento xa foi pensada para 140 vacas e para funcionar con robots de muxido, algo totalmente novidoso en Galicia. Mestura húmida de Aira para as vacas en produción Abaratan custos tendo as xovencas en pastoreo desde que están preñadas Xa daquela esta explotación producía de xeito intensivo e alimentaba ao seu gando mediante o sistema de cátering diario. "Levamos na mestura húmida máis tempo que nos robots. Nunha viaxe á Seo d'Urgell coa cooperativa Cogasar viramos o sistema e implantárase aquí. Eramos unha rareza naquel tempo, con cátering e robot", di. Hoxe manteñen esta modalidade para as vacas en muxido. "Estamos nunha zona na que non se dá moito o millo nin hai moito terreo dispoñible e aumentamos máis ás cabezas de gando que á base territorial", explica o seu fillo Marcos. A ración de produción sírvellela diariamente a cooperativa Aira, mentres que para as vacas secas e para a recría fan eles unha mestura seca, coa que alimentan unhas 135 cabezas de gando.
O custo da ración é de 8 euros diarios nas vacas en produción tendo en conta o cátering máis o punteo de concentrado no robot
Dispoñen en total dunhas 65 hectáreas de superficie agraria (23 propias e 41 alugadas e 2 pertencentes ao monte comunal), das que 18 "só valen para facer pastoreo", aclara Marcos. É nestas parcelas nas que teñen a recría unha vez que as xovencas están preñadas. No resto das fincas venden dúas cortas de herba para ensilado, nas que sacaron este ano uns 20.000 quilos de forraxe sumando as dúas cortas, e fan unha para herba seca, coa que logran sobre 3.000 quilos de herba seca en rolos. "Coa nosa produción de herba non nos chegaría para cubrir a alimentación e teriamos que mercar todo o resto, así que para iso xa o mercamos feito", xustifica a decisión de apostar polo sistema de cátering para produción. Pero aclara: "co cátering é fundamental lograr altas producións porque minimizas o custo da ración". No seu caso, a ración por vaca de leite sáelles a 8 euros diarios, tendo en conta os custos do carro de Aira e o concentrado do punteo do robot. 1,8 millóns de litros producidos en 2019 Lebon Calypso Elba vai polo oitavo parto e supera os 110.000 litros de produción vitalicia No ano 2019 a media de produción de leite desta explotación situouse en 44 quilos por vaca e día cunhas calidades que oscilaron entre o 3,50% e o 3,60% de graxa e entre o 3,20% e o 3,25% de proteína. "Entregamos a Leite Río e interésannos litros, porque as calidades non se valoran nin se pagan", afirma Marcos. A produción total deste ano chegou a 1,8 millóns de litros, o que supón un 20% máis que o ano anterior. No 2018 produciran 1.468.823 litros, que representa á súa vez o dobre que 10 anos antes (no 2008 a produción total nesta gandeiría foi de 750.000 litros). O promedio de cualificación morfolóxica do rabaño desta explotación situouse en 2018 en 81,76 puntos, cun ICO de 2.504 puntos e a media de produción de leite por vaca e ano foi nese ano de 11.395 litros. "Pero cando saian os datos oficiais de Africor de 2019 eses parámetros van subir moito", adianta xa Marcos.
"A produción non está reñida coa lonxevidade. Cada vez logramos que as vacas nos duren máis porque se mellorou o confort"
Malia lograr grandes producións diarias, esta gandeiría demostra que a produtividade non está reñida coa lonxevidade se o manexo e os coidados son os axeitados. "Cada vez logramos que as vacas nos duren máis porque se mellorou o confort. Temos inseminada unha vaca, Lebón Calipso Elba, con 8 partos e case 110.000 litros producidos e con 15.000 litros previstos para a oitava lactación", pon como exemplo Marcos. "Pariu todos os anos. As vacas boas son esas, as que non dan problemas e dan leite", engade o seu pai. Robots de última xeración Fai un ano substituíron os primeiros robots por dous Lely A5 Unha das claves para o incremento de produción que lograron en 2019 foi a substitución a finais de 2018 dos primeiros robots que instalaran por outros de última xeración, uns Lely A5. "Os novos robots son máis rápidos e teñen capacidade para absorber maior número de vacas", explica Marcos. Con 125 vacas en produción, acadan medias de entre 2,7 e 2,8 muxiduras diarias, aínda que aseguran que "iso é algo que non nos preocupa moito, miramos máis a produción que a media de muxidos, iso non nos obsesiona", din. "Chegamos a ter 72 vacas co primeiro robot que montamos no 2004. Estaba sobrecargadísima aquela máquina. Cinco anos despois trouxemos o segundo robot e repartimos o gando nos dous, logo fomos aumentando ás cabezas até completalos pero sen mercar vacas", explica Manuel.
"Nunha explotación familiar non nos podemos plantexar facer tres muxiduras diarias nunha sala"
O cambio dos robots antigos polos novos, que van instalados no mesmo sitio, fixérono en só 10 días. "Puxemos os vellos a funcionar ao lado mentres instalabamos os novos para poder seguir muxindo", conta Marcos, que afirma que "o robot non é a panacea, é un sistema máis que ten vantaxes e inconvintes a respecto da sala, porque por un lado tes máis flexibilidade horaria pero por outro tamén te pode chamar a calquera hora. Pero nós nunha explotación familiar non nos podemos plantexar facer tres muxiduras nunha sala", conclúe. E engade o seu pai: "o robot non che dá só mecanización e aforro de man de obra, apórtache tamén moitos datos de cada vaca e dache fiabilidade no muxido, porque non hai empregado que muxa como o fai o robot e sempre da mesma maneira", afirma. Cambiaron as camas de area polas de carbonato e serrín cando cambiaron os robots Co muxido diario resolto mediante os robots e coa alimentación solucionada en parte co servizo de cátering de Aira, o mantemento das camas é, xunto coa atención da recría, dous dos traballos diarios que máis tempo consomen. "Aquí a demanda de man de obra que temos débese ao sistema de recría, posto que temos animais en varios sitios diferentes. Nas camas estivemos con area até que puxemos os robots novos e nos pasamos a serrín con carbonato", engade Marcos. Novos investimentos  previstos Marcos, o seu pai Manuel e a súa nai Consuelo son os que atenden a día de hoxe a gandeiría, á que no 2018 se incorporou tamén a muller de Marcos, Noelia. Coa incorporación de Noelia acometeron unha serie de melloras na explotación, que incluíron a substitución dos robots e a construción de dúas naves, unha para as vacas secas e outra para instalar unha amamantadora. Pero queren seguir modernizando a explotación e os novos investimentos que teñen previsto facer son a incorporación da amamantadora, un arrimador automático para a comida, cubrir a fosa do purín e mellorar o illamento da nave de produción. "No Plan de Mellora metimos tamén unha báscula e o inxector de purín. Con iso imos esgotar o límite dos 500.000 euros de investimento", explica Marcos.
"Queremos mellorar o illamento da nave de produción porque cando fai calor no establo baixamos desde os 46 litros de media no inverno a 41 nos meses do verán"
O seu pai Manuel fora previsor. Tanto a capacidade da fosa de purín como a estrutura da nave de produción xa foran pensadas no seu día, fai xa 20 anos, para as vacas en produción que teñen hoxe e os robots novos están no mesmo sitio que estaban os vellos, pero queren mellorar o illamento do teito. "O teito é de uralita e no verán nótase o calor. Esa é unha das reformas que temos pensado facer, pero non sabemos aínda moi ben que solución adoptaremos para mitigar o estrés por calor. Nos meses do verán baixamos desde os 46 litros de media no inverno aos 41 litros. O que está claro é que cando hai calor no establo baixa a media de muxiduras, iso é matemático", explica Manuel. Mellora no confort das vacas secas Nave para as vacas secas construída no 2018 A última mellora que acometeron, en 2018, foi a construción dunha nave nova para acoller ás vacas que se atopan no periodo seco. "É fundamental mellorar o manexo das vacas secas para lograr altas producións nas lactacións e nós coa nave nova para as secas melloramos moito niso e xa se está a notar", asegura Manuel. A nova nave ten 42 cubículos e tres parideiras e foi construída nunha das cabezas da nave de produción para que o arrimador de comida que queren incorporar lles sirva para as dúas naves. Trátase dunha construción de estrutura metálica aberta polos lados e na que prima a funcionalidade. "Ao principio tiñamos as vacas secas na nave de produción pero logo liberamos ese sitio para poñer o segundo robot no ano 2009", conta Marcos. A nave de produción fora feita cunhas dimensións para 140 animais pero inicialmente só se puxeran 70 cubículos, que eran as vacas que tiñamos. Despois pouco a pouco foise dobrando", explica. Recría na propia explotación Ás xovencas danlles unha mestura seca que elaboran eles mesmos Lebón SC conta hoxe con 258 cabezas totais. Ademais das 125 vacas en muxidura teñen 21 secas e 112 animais totais nas distintas fases de recría, que fan na propia explotación. Na actualidade destetan aos dous meses e medio e teñen intención de incorporar unha amamantadora. Logo as becerras pasan a unha nave a uns 500 metros, que era unha antiga granxa de porcino, e onde as tenreiras están en cama quente en lotes de 4 ou 5 animais. Arredor dos 12 meses de vida lévanas a outra nave que teñen alugada xunto a 10 hectáreas de terreo e onde están até o momento de inseminar. Nesta cuadra instalaron unha antena para poder usar o detector de celo nas xovencas co mesmo sistema que se usa nos robots. Unha vez inseminadas e diagnosticadas saen a fóra a pastorear e aos 7 meses de preñadas volven á nave de produción ao lote de preparto. Da inseminación tamén se encargan eles mesmos. "Usamos algo de sexado nas xovencas, máis ou menos o 50% e poñemos carne nos descartes", explica Marcos. "Aquí hai vacas grandes pero non busco iso, de feito, é unha das cousas que lle miro ao touro, que non dea moita estatura", engade. Placas solares para reducir a factura eléctrica Pagaban unha factura de 800 euros de luz ao mes e instalaron 14,7 kW de pontencia fotovoltaica para reducila Outra das medidas polas que apostaron recentemente foi a instalación o pasado mes de setembro de placas solares cunha potencia de 14,7 kW para tentar aforrar na factura eléctrica. "Pagabamos 800 euros ao mes de luz, incluído o consumo da casa, con 2 robots, cepillos eléctricos e recuperador de calor do tanque", explica Marcos. O Inega non lles permite verter á rede a enerxía sobrante que xera a súa instalación e víronse obrigados a instalar un sistema antiverquido ou de inxección cero que lles supuxo un gasto engadido. "É algo que non entendo, é enerxía que se produce e que podía ser aproveitada", afirma Manuel, que pide á Administración que se actualice (a aprobación do Real Decreto 244/2019, que regula o autoconsumo de enerxías renovables, modificou diversos aspectos da normativa existente até o momento, un dos máis salientables é precisamente que agora pode venderse o excedente de produción de enerxía mediante a inxección á rede de transporte e distribución, aínda que o Inega non tivo aínda en conta este cambio) e lembra que cando puxo o primeiro robot a Consellería non admitía como mellora nas granxas esa innovación. Necesidade de man de obra A automatización da granxa permite a esta familia atender a gandeiría sen necesidade de ter empregados, aínda que a próxima xubilación de Manuel e Consuelo vai cambiar a situación actual. "Non temos traballadores externos neste momento pero queremos meter un porque os meus pais están a piques de xubilarse", explica Marcos. Para poder contratar traballadores non descartan aumentar o número de cabezas, aínda que aclaran que "a curto prazo a prioridade non é aumentar porque se van facer primeiro outros investimentos e queremos rematar antes esas melloras".
"Unha explotación familiar sen asalariados é moi complexa de xestionar, porque tes que atender a moitos aspectos. Nas granxas máis grandes ou de varios socios esa labor é moito máis doada"
"Creo que para medrar e poder xestionar ben unha granxa o futuro pasa por asociarse, porque senón é moi complicado de levar para unha persoa soa, e non digamos xa a tranquilidade que dá ser varios cando non estás ou colles unhas vacacións. Eu considero que unha explotación familiar sen asalariados é moi complexa de xestionar, porque tes que atender a moitos aspectos, polo que creo que nas granxas máis grandes ou de varios socios esa labor é moito máis doada", argumenta.