Archives

Acruaga pon en marcha un programa de formación en márketing dixital para o sector vitivinícola

A Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das I.X.P. Augardentes e Licores de Galicia (ACRUAGA) retoma, co respaldo da Xunta de Galicia a través do Igape e en colaboración coa Galicia Business
School, a súa axenda formativa para os membros destes sectores produtivos galegos.

Tras o éxito do Programa Superior en Dirección e Xestión de Empresas Vitivinícolas, impulsado hai dous anos, ACRUAGA activa agora un Programa de Experto en Marketing Dixital que, durante varias semanas, se celebrará nas instalacións do Balneario de Laias, no municipio ourensán de Cenlle.

No acto oficial de apertura deste Programa, que tivo lugar esta mañá, participaron o director da Área de Internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borrás Massó; o director da Galicia Business School, Eduardo García Erquiaga e o tesoureiro de ACRUAGA, Juan Manuel Casares Gándara. Competitividade e internacionalización

Precisamente, no nome de ACRUAGA, Casares destacou que este Programa ten como obxectivo “contribuir a mellorar a competitividade e a internacionalización das empresas vitivinícolas galegas, e tamén do sector da augardente e dos licores tradicionais”. Neste sentido, o Programa Experto en Marketing Dixital permitirá a os que o realicen obter un certificado profesional recoñecido en máis de 60 países do Digital Marketing Institute (DMI) de Dublín.

Casares destacou tamén que o Programa, no que participan 25 membros do sector vitivinícola e dos licores e augardentes de Galicia, pertencentes aos consellos reguladores que conforman ACRUAGA, propón ademais “adaptar e modernizar as estratexias de marketing e vendas para que as bodegas e destilerías de licores e augardentes de Galicia poidan competir eficazmente nun mercado global, cada vez máis orientado cara ao dixital”.

Neste sentido, a través dos seus contidos de “alta calidade”, impartidos por un cadro docente de “gran nivel”, trasladaranse aos alumnos “ferramentas e coñecementos necesarios para incrementar as vendas e as ganancias no mercado dixital”.

Cunha duración de 57 horas repartidas en sete sesión presenciais que terán lugar os xoves de 09,30 a 18,30 horas, o curso permite -grazas á certificación DMI- que os seus alumnos poidan seguir tendo, tras a súa conclusión, acceso a contidos actualizados, cursos e webinars relacionados co marketing, transformación dixital e innovación.

Na súa intervención, Álvarez-Borrás destacou que con iniciativas coma esta “os consellos reguladores atopan puntos en común e establecen sinerxías, sen esquecer os seus elementos diferenciadores”.

Sobre ACRUAGA

ACRUAGA, entidade que organiza a acción, naceu en 2021 para dar cobertura a un convenio de colaboración asinado co IGAPE co obxectivo de promocionar a nivel internacional os viños e destilados amparados baixo selos de calidade diferenciados de Galicia.

A entidade, que impulsa accións de difusión dos produtos amparados, pero tamén formativas (como é o caso do Programa inaugurado hoxe), está conformada por seis organismos: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

Os viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia promociónanse de forma conxunta en París

Ata 150 referencias de viños, augardentes e licores certificados polas cinco denominacións de orixe vitivinícolas e a de augardentes e licores tradicionais de Galicia poderanse degustar dende este luns e ata o vindeiro mércores, no salón Vinexpo de París. Trátase dun dos foros sectoriais máis relevantes do mundo, no que os consellos reguladores galegos participan cun espazo expositor conxunto dentro dunha acción impulsada pola Xunta, a través do IGAPE, e a Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e a II.GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA). O stand disporá de varios espazos para que cada consello poida exhibir, de modo individualizado, os seus produtos. Tras a experiencia de 2022, na que os nosos consellos acudiron por vez primeira todos xuntos ao foro da capital francesa, estes volven participar aliñados neste foro para promocionar unha mostra representativa dos seus produtos, amparados baixo cada un dos seus selos de calidade. En relación a esta acción promocional, o novo presidente da asociación, Antonio Lombardía, máximo responsable do Consello Regulador da Ribeira Sacra puxo en valor a relevancia do foro parisino “de cara a visibilizar e dar a coñocer a magnífica calidade dos viños e augardentes galegos elaborados con variedades autóctonas, que contribúen a crear Marca Galicia e, ao tempo, posúen singularidades específicas que os fan únicos e diferentes entre si”.

Sobre ACRUAGA

ACRUAGA, entidade que organiza a acción, naceu en 2021 para dar cobertura a un convenio de colaboración asinado co IGAPE co obxectivo de promocionar a nivel internacional os viños e destilados amparados baixo selos de calidade diferenciados de Galicia. A entidade, que impulsa accións de difusión dos produtos amparados, pero tamén formativas, está conformada por seis organismos: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes e Licores Tradicionais. de Galicia

Adegas galegas fórmanse en enoloxía nunha xornada acreditada pola Wine & Spirit Education Trust

Un total de 25 representantes de adegas amparadas baixo os diferentes selos de calidade dos consellos reguladores de viños e augardentes galegos participaron hoxe no balneario de Laias, en Cenlle (Ourense), nunha xornada formativa en enoloxía homologada pola Wine & Spirit Education Trust (WSET). Esta acción foi impulsada dende a Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX Augardentes e Licores de Galicia (Acruaga), con respaldo da Xunta de Galicia, a través do Igape, e impartida por Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy. A iniciativa enmárcase nas accións de formación para o apoio á internacionalización do sector, que Acruaga impulsa co apoio do Igape. Unha das principais actividades formativas promovidas pola Asociación, no último ano, foi un programa orientado a directivos de empresas vitivinícolas e impartido por docentes da Galician Business School. Neste 2022, as accións formativas de Acruaga culminan coa organización do curso celebrado hoxe, que se corresponde cun nivel 1 da WSET (cualificación de nivel 1 en viños WSET). “Trátase dun curso de introdución para explorar os principais estilos de viño de forma práctica, desenvolvendo as habilidades sensoriais para describilos e elaborar maridaxes”, destaca Juan Gil de Araujo, presidente de Acruaga.

Aposta pola formación continua

Promover a excelencia, a internacionalización e a formación continua son parte dos obxectivos da asociación que aglutina aos cinco consellos reguladores de viños galegos e ao de augardentes. Neste sentido, o presidente de Acruaga abonda que a acción formativa desenvolvida ao longo do día de hoxe “dá reposta a unha forte demanda interna, por parte das adegas, de realizar en Galicia un curso homologado por WSET”. WSET (Wine & Spirit Education Trust) é unha organización con sé en Londres e estendida por todo o mundo que conseguiu converterse en referencia mundial na formación do viño. Os seus cursos caracterízanse por estar orientados a un enfoque internacional de viño.

Sobre Acruaga

Creada a principios de 2021, a Asociación de Consellos Reguladores do Viño, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga) naceu para dar cobertura a un convenio de colaboración asinado entre seis consellos reguladores da comunidade autónoma e o Igape, co obxectivo principal de impulsar a promoción conxunta no estranxeiro e favorecer a internacionalizacións dos viños, destilados, licores e augardentes galegos. Neste sentido, Acruaga promoveu ao longo de 2022 a presenza conxunta dos viños e augardentes galegos nas relevantes feiras internacionais de Vinexpo (París) e London Wine Fair (Londres). Proximamente, ademais, impulsará unha acción promocional común na capital de Holanda. Forman parte de Acruaga os consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, ademais dos II.XX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia