Archives

O prezo do leite no campo subiu en Europa catro veces máis que en España no último ano

A cadea do leite en España funciona dun xeito anormal. En tanto en Europa, o leite se revalorizou de media un 8,4% no campo no periodo maio 2020 – maio 2021, en España a suba foi só dun 1,8%. As cooperativas lácteas apuntan directamente á gran distribución como responsable de bloquear os prezos do mercado en toda a cadea granxa – industria – supermercado. Así as cousas, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias demanda medidas do Ministerio de Agricultura para regular o sector lácteo, de xeito que a situación non se convirta nun “sálvese quen poida”. En concreto, Agaca pide que se apliquen de xeito inmediato e práctico ferramentas políticas ligadas ó Acordo Lácteo do 2015, que permitan unha remuneración axeitada en tódolos elos da cadea. “É clave buscar a sustentabilidade na cadea de valor, actuando sobre a práctica real de competencia, para evitar que os oligopolios da distribución fixen as rendibilidades fóra da lóxica dos mercados como sucede neste momento” -cuestionan-. “No último ano, en España o leite subiu de media no campo un 1,8%, mentres que no mesmo período subiu en países coma Irlanda un 22,6%, Bélxica un 19,3%, Países Baixos un 15,4%, Polonia un 13,4%, Alemaña un 10,5%, e así sucesivamente”. Comparativa do aumento de prezo do leite nos distintos países de Europa no último ano. “A esta situación únese a práctica real do dumping”, critica Agaca, que entende que os países de Centroeuropa están enviando os seus excedentes a España, principalmente en forma de queixos, a baixos prezos cos que non pode competir a industria española. Para as cooperativas, a situación de baixos prezos e de importacións europeas está provocando o deterioro de toda a cadea do leite: “Estes abusos de oligopolio da gran distribución e as prácticas tradicionais entre países da UE de “dumping” levan a que o os gandeiros reduzan produción en España no que vai de 2021, e a que sigan os abandonos de explotacións lácteas nunha media entre o 5% e o 6% anual. Esta situación non é sustentable, pero non nos resignamos ao “sálvese quen poida” das autoridades”, advirten. A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) apunta en especial ós movementos da gran distribución como responsable da actual situación: “Os movementos iniciados a finais do pasado ano pola gran distribución anunciando e impoñendo unilateralmente unha baixada de prezos do leite na cadea de valor comezan a causar estragos nas rendibilidades das explotacións lácteas galegas ante a escalada das materias primas de alimentación animal, a suba constante dos custos enerxéticos e demais custos”.
"A gran distribución impuxo a finais do pasado ano baixadas de prezos na cadea de valor, o que comezou a causar estragos na rendibilidade das granxas" (Agaca)
Frente a esta situación, as cooperativas piden unha urxente actuación do Ministerio: “As cooperativas lácteas non se resignan a esta situación e solicitan urxentemente que o Ministerio interveña na cadea do sector e aplique a Lei da Cadea Alimentaria, pois coñece os prezos das materias primas de alimentación animal, a suba dos custos enerxéticos e demais custos; coñece os prezos do leite pagados aos gandeiros, dispón do Estudo da Cadea de Valor e Formación de Prezos na Leite Líquida Envasada de Longa Duración (LELD); coñece os prezos de cesión da industria láctea e os prezos dos derivados lácteos no punto de venda da gran distribución, así coma os beneficios das mesmas”, expoñen. “O Ministerio -continúa Agaca- pode, por tanto, determinar facilmente quen ten unha posición dominante de oligopolio e intervir inmediatamente para que a cadea de valor láctea sexa sustentable. Sen sustentabilidade económica da cadea láctea non é posible a sustentabilidade ambiental e social que evite o baleirado do medio rural”. “Para as cooperativas lácteas é fundamental recuperar o espírito do Acordo Lácteo e usar as ferramentas políticas de intervención acordadas no mesmo para promover unha acción no sector que apele á sustentabilidade económica na cadea de valor e na defensa dos gandeiros e cooperativas”, valora Agaca. Por último, as cooperativas piden tamén unha reformulación da figura das organizacións de produtores de leite, “para, cos apoios públicos necesarios, facelas efectivamente reguladoras nun mercado libre e sen excedentes puntuais, e mellorar racionalmente a lexislación que afecta á figura dos primeiros compradores lácteos. Debemos buscar a eficacia operativa destes organismos previstos na normativa e cumprir co mandato normativo comunitario do “Paquete Lácteo”, adaptando o mesmo á realidade práctica e operativa do sector en España”.

O Sindicato Labrego pide solucións ós impagos de Tegestacín

Nunha concentración diante da Consellaría do Medio Rural en San Caetano, o Sindicato Labrego Galego vén de denunciar a situación en que se atopan granxas de distintas comarcas ás que a industria Tegestacín SL adebedaría entre dous e catro meses dos pagamentos polo leite subministrado, segundo a organización agraria. No escrito presentado por rexistro faise notar ademais a presenza, entre as persoas xestoras da Tegestacín, de persoas que "anteriormente xestionaron Lácteos Tambre, S.L., Lácteos Merza, S.L., Logística Alimentaria S.L., empresas que se adicaron á recollida de leite e que tiveron situacións de impago ás explotacións", sosteñen. O Sindicato Labrego lembra que Tegestación ten recibido axudas públicas -”máis de 350.000 euros da Consellaría en 2018”-, polo que pide que as axudas se condicionen a que as empresas non teñan casos de impago coas granxas. O SLG reclama o ademais que se lle retire a licenza de primeiro comprador de leite ás industrias que presenten impagos coas granxas. Cuestionan tamén que os contratos entre industrias e gandeiros non están a resultar eficaces. Este mes, Unións Agrarias xa protagonizara outra concentración ante Tegestación para reclamar as débedas dos produtores.

Que logrará a etiquetaxe en orixe dos lácteos ante unha balanza comercial negativa de 1,9 millóns de toneladas?

O decreto que obrigará á etiquetaxe en orixe do leite e dos produtos lácteos a partir de xaneiro é un dos poucos froitos visibles dun acordo lácteo que o sector gandeiro considera fallido. Unións Agrarias presentou hoxe un balance do acordo lácteo e aproveitou para trasladar propostas de traballo. Unha das prioridades para a organización pasa por aproveitar a oportunidade da etiquetaxe en orixe dos lácteos, de xeito que haxa unha campaña institucional que promova a calidade e garantías sanitarias da produción española. A balanza comercial de España en leite presenta un déficit de case 1,9 millóns de toneladas de leite equivalente, segundo os cálculos de Unións Agrarias. No 2017, importáronse lácteos por un volume de 3,4 millóns de toneladas de leite e exportáronse por volume de 1,5 millóns de toneladas. Esa diferenza de 1,9 millóns de toneladas poderíase recurtar en teoría con aumentos progresivos da produción das ganderías españolas, se ben o sector é consciente de que non é tarefa fácil.
A baixada da importación de leite e produtos lácteos en cisternas é o gran obxectivo da etiquetaxe en orixe. Máis difícil será competir cos queixos importados
O principal obxectivo céntrase en reducir as importacións de leite en cisternas, así como de produtos lácteos para a súa transformación industrial en España. Tamén se espera que a entrada de leite e outros lácteos envasados queden retratados ante os consumidores pola ausencia da mención á orixe española nas etiquetas. Máis complicado preséntase o panorama nos queixos, que copan as dúas terceiras partes das importacións españolas en leite equivalente. Os liñais de queixos das grandes cadeas da distribución están dominados polos queixos europeos, unha competencia en prezo e variedade de oferta ante a que o sector queixeiro español de vacún vese impotente. Tres anos do acordo lácteo Este mes cumpriuse o terceiro aniversario do acordo lácteo e tamén se cumpre outro aniversario, o do ano que hai que non se reúne a comisión de seguemento do acordo, que en principio ía ter reunións trimestrais, con participación das industrias, cooperativas, cadeas de distribución e organizacións agrarias firmantes. Unións Agrarias urxe ó Ministerio de Agricultura a reactivar a comisión de seguemento do acordo e marca tres temas prioritarios.
"O leite no supermercado non debería baixar de 68 céntimos e temos tódolos días ofertas no entorno dos 55 céntimos" (Roberto García, Unións)
O primeiro, o xa falado da campaña para promover o leite en orixe. O segundo, a abordaxe da situación da cadea de valor do leite, “cuns grupos de distribución que seguen usando o leite como produto reclamo e cunhas industrias que están aumentando beneficios a conta dos gandeiros”, cuestiona o secretario xeral de Unións, Roberto García. E un terceiro punto, a negociación de prezos do leite no campo en liña coa tendencia á alza que se está a rexistrar en Europa. O balance que fai Unións Agrarias dos tres primeiros anos do acordo lácteo é claramente negativo, marcados pola banalización do leite nos supemercados e por uns prezos do leite no campo que non se corresponden -din- cos beneficios das industrias. “O prezo do leite no supemercado non debe baixar de 68 céntimos e estamos vendo ofertas tódolos días no entorno dos 55 céntimos”, cuestionan. A organización agraria apunta tamén á revalorización que experimentou a graxa láctea nos últimos anos, da que considera que se beneficiaron as industrias en moita maior medida que os gandeiros. Unións agarda que nos próximos meses as organizacións de produtores cobren peso real na negociación do leite no campo, unha vez que se publique o decreto de reforma do Paquete Lácteo. “É unha mágoa que aquí en Galicia teñamos unha Consellería que en lugar de apoiar ás organizacións de produtores, se adica a boicotear a Ulega -a organización de produtores impulsada por Unións Agrarias-, deixándonos tódolos anos á marxe das axudas que convoca para OPs”, critica Roberto García.

Agricultura valora alternativas para equilibrar a cadea de valor do leite

O carrusel de medidas que se sucederon no sector lácteo nos últimos anos demostraron polo momento unha limitada eficacia para equilibrar a cadea de valor do leite. Os gandeiros teñen agora contratos coas industrias e organizacións de produtores que os poden representar, pero carecen de poder para negociar os contratos, ata o punto de que as industrias ignoran ás organizacións de produtores. Pola parte das cadeas de distribución, a cousa tampouco está mellor, cunha tendencia á baixa nos últimos anos dos prezos dos produtos lácteos, que presionan ó resto da cadea. O Ministerio de Agricultura está a valorar cos axentes do sector posibles medidas a adoptar. As previsións apuntan a que o decreto de reforma do Paquete Lácteo, xa encarrilado polo anterior Executivo, publicarase este outono. O obxectivo é reforzar a posición dos gandeiros na negociación coas industrias, con medidas como a de obrigar a que as industrias só poidan negociar coas organizacións de produtores o leite das ganderías asociadas ás mesmas.
O prezo do leite nos supermercados caiu un 2% no primeiro semestre do 2017, último periodo con datos
Acordo Lácteo Outra ‘patata quente’ coa que se topou o Ministerio é o Acordo Lácteo, que demostrou polo de agora unha escasa eficacia para equilibrar a cadea de valor. Os prezo do leite e dos produtos lácteos evolucionan á baixa e continúan usándose para atraer clientes ás cadeas de supermercados. Durante o primeiro semestre do 2017, o prezo do leite líquido no supermercado caeu un 2% en relación ó mesmo semestre do ano anterior. Desde as cadeas da distribución adoitan apelar á libertade de mercado, pero o argumento non é aceptado polo sector gandeiro. O reto, desde o punto de vista de organizacións agrarias e cooperativas, pasa por establecer unha cadea de valor sostible que garanta unha rendibilidade mínima para ganderías, industrias e cadeas de distribución. Se os supermercados continúan a presionar o prezo do leite e dos lácteos á baixa, o avance cara a sostibilidade é inviable, razonan. Así as cousas, Agricultura está a consultar cos axentes do sector se queren continuar traballando no marco do Acordo Lácteo. A alternativa pasa por establecer mesas sectoriais no marco da Ley de la Cadena Alimentaria. Desde a Unión de Pequeños Agricultores, matriz estatal de Unións Agrarias, reuníronse recentemente co ministro, Luis Planas, para trasladarlle a necesidade de equilibrar a cadea de valor e rematar con problemas como as vendas a perdas que se detectan nas cadeas de supermercados. O responsable de Gandería de Upa, o lalinense Román Santalla, agarda avances na materia. Sobre o acordo lácteo, Santalla sinala que os logros son escasos, se ben destaca a importancia de manter unha mesa de diálogo entre industrias, cadeas de distribución, organizacións agrarias e cooperativas. “É importante ter unha mesa diálogo e sobre todo escoitar as realidades e solucións que presenta cada parte da cadea”, subliña. É un foro do que aquí en Galicia se carece desde hai anos e por parte de Unións Agrarias-Upa hai interese en manter alomenos unha interlocución con industrias e supermercados a nivel estatal.

Trascende unha nova ‘oferta lixo’ de leite ao día seguinte da reunión do acordo lácteo

Os casos de abaratamento do leite na cadea de valor están sucedéndose nas últimas dúas semanas. O último trascendeu hoxe, un día despois de que industrias lácteas e cadeas de distribución se comprometeran ante o Ministerio a manter prezos sostibles do leite ao longo de toda a cadea. A nova oferta, que se coñeceu a través do sector gandeiro, corresponde a unha promoción de leite Solar, envasada por Río, que se comercializa no supermercado Plenus (Grupo Cuevas), de Quiroga, que abriu este mes. A oferta de leite sitúase en 46 céntimos litro no caso do desnatado, 49 céntimos o semidesnatado e 52 céntimos o enteiro. Esta promoción súmase ás detectadas nos últimos días nos cash de Gadis e Eroski, se ben no caso de Vegalsa-Eroski a promoción foi retirada de inmediato, unha vez que se advertiu da situación. Gadis, pola súa banda, mantén a promoción. Promoción actual do cash de Gadis. Desde o sector gandeiro considérase que a estratexia de abaratamento na que se están embarcando as cadeas de supermercados leva a un calexón sen saída, que rematará na caída dos prezos do leite no campo, de non adoptarse medidas. Cómpre lembrar que o estudo da cadea do valor do leite impulsado pola Interprofesional Láctea hai un par de anos concluía que, cos prezos actuais no campo, a cadea de valor do leite estaría asumindo perdas no caso de que o prezo final no supermercado fose inferior a 71 céntimos. A situación actual é que as ofertas a menos de 60 céntimos están xeneralizadas, con casos puntuais de promocións a menos de 55 céntimos e incluso por baixo dos 50. Reunión da comisión do acordo lácteo Na reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo, que se desenvolveu onte en Madrid, o Ministerio de Agricultura restoulle importancia ó problema da banalización do leite, atribuíndo os casos que están xurdindo a situacións puntuais non xeneralizables. Agricultura pediu un compromiso de estabilidade por parte de industrias lácteas e cadeas de distribución e animou ós supermercados a subscribir un código de boas prácticas na contratación alimentaria. Desde o sector gandeiro, o secretario de Ganadería de Upa, o lalinense Román Santalla, que tamén estivo presente na reunión, advertía onte de que as ofertas a baixos prezos teñen que rematarse. “Pode ser que nalgúns casos haxa promocións de leite próximo á data de caducidade, pero nesas situacións o protocolo pasa polo seu envío a bancos de alimentos, non por facer promocións que deterioran o mercado e a imaxe do produto. O Ministerio ten que tomar cartas no asunto”, concluía.
Actualización (19-III-2018) O Grupo Cuevas precisa que a promoción de leite Solar no seu establecemento de Quiroga é unha "oferta puntual" ligada á apertura do supermercado. A cadea destaca que sempre se caracterizou pola "defensa dos produtos do rural galego", que teñen preferencia nos seus liñais, e lembra que os prezos de mercado adoitan estar condicionados polas políticas das grandes distribuidoras.

A cadea láctea aborda as vendas de leite a baixo prezo

O abaratamento do leite que se vén rexistrando nas cadeas de distribución ao longo dos últimos anos centrou parte do debate da comisión de seguemento do acordo lácteo, un órgano no que participan industrias, cadeas de distribución, cooperativas, organizacións agrarias e o Ministerio de Agricultura. A posición do sector gandeiro é clara. Demándase que se erradiquen as ofertas agresivas, que presionan os prezos á baixa no campo e deterioran a imaxe do produto. Por parte do Ministerio, sinálase que só un 2,6% do leite se vende no supermercado a menos de 55 céntimos, polo que entende que non se pode falar dun problema xeralizado.
"Cando alguén vende barato, é ou porque outro lle paga mal a outro ou porque vende a perdas" (Román Santalla, Upa)
Para as organizacións agrarias, sen embargo, é tamén preocupante que nos últimos dous anos se xeneralizaran as ofertas a menos de 60 céntimos nas cadeas da distribución, con situacións puntuais a menos de 55 céntimos. “Cando alguén vende barato é ou porque outro lle paga mal a outro, ou porque está vendendo a perdas” -expón o secretario de Gandería de Upa, Román Santalla.- “Non hai máis posibilidades e ningunha das dúas é boa. Pedímoslle ó Ministerio que comece a sacar tarxetas. O Ministerio sabe que empresas están incumprindo e eses datos teñen que ser públicos”, demanda Santalla. Recollida na primavera Outra preocupación das organizacións agrarias sitúase nas cisternas a baixos prezos que se teñen detectado no campo nos últimos meses. “Son cisternas puntuais de restos de primeiros compradores ou de cooperativas, pero hai que evitar que ese leite remate nun brik vendido a baixos prezos porque deterioraría o mercado. Demandóuselle ás industrias que ese leite vaia para po”, destaca o secretario de Gandería de Upa, tamén secretario comarcal no Deza de Unións Agrarias-Upa. “Como nota positiva, hai que dicir tamén que para esta primavera houbo un compromiso das industrias de que todo o leite terá recollida, pero pola nosa parte advertímoslles de que teñen que manter tamén os compromisos de compra cos primeiros compradores. Non nos serve que usen a primeiros compradores para deixar leite no campo”, critica Santalla. Identificación da orixe na etiqueta Na reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo, houbo un interese de toda a cadea por coñecer como marcha a posta en marcha da normativa que obrigará a identificar a orixe do leite. Desde o Ministerio sinalouse que se están ultimando os trámites e espérase que a normativa entre en vigor antes do verán. Esta primavera abordarase tamén como se redefine o selo Productos Lácteos Sostenibles (PLS). Para as organizacións agrarias, é importante que ofreza maiores garantías de sostibilidade da cadea.

Unións denuncia que o acordo lácteo estase incumprindo e apela á Administración a que actúe

O sindicato Unións Agrarias advirte de que as ganderías de vacún de leite de España, e en especial as de Galicia, atópanse nunha situación de vulnerabilidade se se volve producir unha nova crise de prezos do leite como a de 2015. E atribúeno a que industria, e de maneira especial, a distribución, incumpriron o acordo lácteo asinado hai dous anos e medio, precisamente para que aquela situación non se volvese repetir. Así o asegurou este mércores en rolda de prensa en Santiago o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, quen estivo acompañado polo responsable de gandería do sindicato, Javier Iglesias, e polo secretario xeral da Unión de Pequeños Agricultores (UPA), Lorenzo Ramos. Como principais incumprimentos que lastran a sustentabilidade do sector, Roberto García citou que “segue sen indicarse por lei a orixe do leite, tanto no brik como nos derivados lácteos, malia que o Ministerio de comprometeu a elo”. Países como Francia, Portugal ou Italia xa obrigan a incluír na etiquetaxe onde foi producido o leite, para garantir o dereito á información do consumidor e evitar fraudes. Outro punto clave no que o Acordo Lácteo está a ser papel mollado é que “segue sen existir sustentabilidade económica da cadea de valor, ou só para algunhas partes: porque si que se prohibe que a distribución venda a perdas, pero iso non se traslada nin á industria nin aos gandeiros”. “É dicir, non é ilegal que a industria obrigue ao gandeiro a vender o litro de leite a 20 céntimos, nin que a distribución force á industria a que lle venda o brik a 45 céntimos, e ademais ese produto será vendido ao consumidor co selo de Producto Lácteo Sostenible (PLS) do Ministerio de Agricultura”, criticou o secretario xeral de UUAA.
Roberto García: “Pode repetirse esta primavera o de primeiros compradores pagando o leite a 20 céntimos en Galicia”
O terceiro incumprimento é o do compromiso de regular os primeiros compradores, unha figura especialmente presente en Galicia. Así, Roberto García advertiu de que “a Administración, sobre todo a Xunta, segue sen esixir a estes tratantes do leite dispor dun aval que protexa aos gandeiros en caso de impagos”. Con este escenario de incumprimento do acordo lácteo, o responsable de Unións advertiu de que o sector produtor de leite segue estando nunha situación de gran vulnerabilidade se se volve producir unha baixada de prezos do leite como a de 2015. “Malia que os prezos dos contratos para este ano parecen que seguirán sen cambios, se seguimos cun mercado no que o consumo interno de leite non se recupera, a produción segue aumentando e os almacéns están ateigados de leite en pó, na primavera podemos volver atopar primeiros compradores actuando como testaferros da industria e mercando leite polo rural galego a 20 céntimos”, advertiu Roberto García. Ante esta situación, demandoulle ao presidente da Xunta que “cumpra o seu compromiso persoal co sector lácteo cando anunciou que a Xunta publicaría un decreto galego de primeiros compradores se o Ministerio non o facía”.

“O decreto de xurros é ilegal e non ten base científica”

Por outra parte, o secretario xeral de Unións advertiu de que o decreto de xurros do Ministerio, que penaliza para cobrar a PAC o esparexido con sistemas de prato, abano ou canón, “non ten base científica e ademais é ilegal”. Así, asegurou que “na condicionalidade das axudas da PAC non se inclúen as emisións de amoníaco ao aire para cumprir o Protocolo de Paris, e polo tanto non se pode penalizar por iso aos gandeiros”. “É arbitraria e ilegal a normativa do Ministerio e, se non a recorre a Xunta, farémolo nós”, advertiu. Ademais, Roberto García lembrou que en canto ás fontes de emisións de amoníaco en España “a agricultura e a gandería son responsables só do 30%, e destas o 68% corresponden a fertilizantes de síntese, unha industria con moito poder á que o Goberno non toca. E se analizamos a parte dos xurros gandeiros, a maioría das emisións, o 17%, corresponden ao sector porcino, o 9% ao vacún de carne e só o 4% ao vacún de leite, que , sen embargo, é o que resulta máis perxudicado”. Axudas da PAC: Non á cofinanciación nacional e que as axudas vaian para os agricultores e gandeiros activos Por último, Roberto García tamén se referiu á reforma da PAC que se aveciña tras o Brexit e o novo marco orzamentario da Comisión Europea a partir do ano 2020. Neste sentido, demandou que as axudas se destinen únicamente aos agricultores e gandeiros en activo e que o goberno de España se opoña tanto a un recorte do orzamento da PAC como a que sexa cofinanciada con axudas propias dos estados membros. “Se xa hoxe un gandeiro francés cobra de media o triplo de axudas que un galego, coas axudas estatais a competencia desleal sería maior nun mercado que se di único”, advertiu.

“As granxas temos un traballo ben feito, fallaron outros”

A gandeira vilalbesa Lupe Prado vén de ser reelixida no Congreso de Leite do Sindicato Labrego como responsable do sector na organización. Falamos con ela sobre a situación da produción en Galicia e as perspectivas de futuro. Aténdenos nunha pausa de traballo na súa explotación, unha sociedade que crearon dúas familias hai 11 anos, cando as sociedades agrarias (Sat) aínda eran unha fórmula pouco habitual. A gandería manexa na actualidade un rabaño de 215 animais, 120 en muxido, e cultiva 122 hectáreas a herba, millo e desde o pasado ano tamén a sorgo. “O sorgo poñémolo como alternativa ó millo. Na nosa zona dáse ben o millo, pero temos o problema do xabarín”, conta. - Comecemos falando da cuestión que vos preocupa sempre ás explotacións, o prezo do leite. Que perspectivas lle vedes para este ano? - É a pregunta do millón de todas as campañas. Temos uns supostos contratos coas industrias, pero un contrato ten que ser acordado entre dúas partes e a realidade é que máis do 90% dos contratos son imposicións que se asinan forzadamente. Se te negas a asinar, tes enriba unha ameaza de non recollida do leite.
"A especulación goberna o sector. Non sabemos que vai pasar co prezo do leite; na nosa explotación asinamos un contrato de 3 meses que mantén o prezo"
O problema de fondo é que nunca vimos unha Administración que vixilara esta situación. No seu día tiñamos unha Mesa do Leite en Galicia na que industrias, organizacións agrarias e Administración podiamos falar, pero iso desapareceu. Por enriba, a Consellería presume estes días do que subiu o leite no último ano, cando seguimos á cola de España no prezo do leite. Non sabemos o que vai pasar porque a especulación é a que goberna neste sector. Na nosa explotación, vimos de asinar con Reny un contrato de 3 meses que mantén o prezo, pero dado que o anterior contrato que tiñamos era de 6 meses, hai que pensar que nos reducen o tempo de contrato porque pensan que o leite vai baixar. Se pensaran que vai subir, farían un contrato máis longo. - A cuestión é que a produción está aumentando en toda Europa nos últimos meses, o que fai prever caídas do prezo do leite. Desapareceron as cotas, pero non segue a ser necesario un control da produción? - Non podemos ter máis produción que consumo porque iso lévanos a crises. Nós apostamos polo control da produción e a regulación de mercados. A política láctea da UE ten que ter en conta ás persoas que hai detrás de cada explotación, que deben poder vivir do seu traballo. Estamos vendo que tras o fin das cotas continúa o peche de explotacións e a desaparición de postos de traballo. Agora que vimos dunha praga de lumes, non está de máis lembrar que os lumes déronse sobre todo onde menos explotacións e actividade rural hai. Somos as granxas, as de leite e as doutros sectores, as que coidamos o medio e fomentamos que haxa vida no rural. - Chama a atención a situación de abandono da terra que se rexistra en moitas comarcas, en tanto a maioría das explotacións lácteas seguen apretadas pola falta de base territorial. - É unha situación incrible que en pleno século XXI, nunha Galicia desenvolta, sigamos sen resolver a ordenación do territorio. Precisamos políticas que garantan que cada explotación dispoña dunha base territorial equitativa para desenvolver a súa actividade, pero non hai un modelo nin propostas. Correxir o problema da falta de superficie agraria é cuestión de ganas e compromiso. Dísenos que temos que aumentar base territorial para ser competitivos, pero permítese a forestación ilegal de terras agrarias e proxectos mineiros que acaban con explotacións.
"Parcelas agrícolas que nós cultivamos algún día a herba e a millo están agora a eucaliptos. Foron denunciadas pero os eucaliptos seguen aí"
Coa forestación de terras agrarias, na nosa explotación temos casos moi preto. Estamos nunha parroquia que rematou a concentración hai uns 15 anos e parcelas agrícolas que nós cultivamos algún día a herba e a millo están agora con eucaliptos. Esas parcelas están denunciadas, pero os eucaliptos seguen alí, pódense ver. E esta situación dáse igual en moitos outros sitios. - No voso Congreso do Leite, outra cuestión na que apuntastes a necesidade de medidas é a do relevo xeneracional. Que perspectivas vedes no sector? - Hai explotacións con xente maior que non teñen quen veña detrás. Esa é unha preocupación moi clara e faltan políticas axeitadas para que a xente moza teña ganas de seguir coas explotacións familiares. Teñen que verse políticas favorables ó desenvolvemento do sector. - Volvendo ó tema do prezo do leite, cres que os proxectos cooperativos de Clun e Dairylac e outros de industrias, como o de Goodleit, poden contribuír a darlle máis estabilidade ó sector? - A realidade é que temos cooperativas que comercializan elas o leite e que lle pagan ás granxas prezos máis baixos. Cando as cooperativas naceron, fixérono cun compromiso e traballo dos gandeiros, pero hoxe en día as cooperativas acabaron sendo unha industria máis, non están dando solucións reais ós problemas do sector.
"O Acordo lácteo foi un documento no que o Goberno lle pide boa vontade ás outras partes, pero nada cambiou"
- Deixas poucas vías de esperanza para o sector. Ves algún motivo para o optimismo? - Hai que dicir que as granxas temos un traballo ben feito, fallaron outros. Se queremos vivir dignamente do noso traballo, temos que poñernos as pilas e comprometernos a loitar polo que é noso. - Ese ambiente de mobilización desapareceu tras a frustración que supuxo para o sector o acordo lácteo do 2015… - O acordo lácteo, que non asinamos, foi simplemente un documento no que o Goberno lle pide boa vontade ás outras partes. Entretanto, seguimos con contratos que son imposicións e co uso do leite como produto reclamo nas cadeas de distribución. Necesitamos un prezo de referencia do leite, non un prezo fixo, pero si un prezo que teña en conta os custos de produción. Pagar por debaixo dos custos de produción é ilegal pero faise.

Agricultura retiraralle o selo lácteo PLS ás industrias con sancións

O selo Productos Lácteos Sostenibles (PLS) reformularase en breve para establecer unha nova normativa de certificación. Agricultura prevé endurecer os requisitos para que as industrias lácteas poidan utilizar o logo nos seus envases. En canto a norma entre en vigor, todas aquelas industrias con sancións firmes da Agencia de Información y Calidad Alimentaria (Aica) nos anteriores 12 meses ou con expedientes abertos nos últimos 6 meses deberán retirar o selo dos seus produtos. Esta medida, que figura no borrador do proxecto de certificación do selo PLS, non é menor, pois máis dunha cuarta parte de todas as sancións acordadas pola Aica correspóndenlle ás industrias lácteas por diversos incumprimentos. O borrador da nova normativa estipula tamén que os contratos das industrias cos gandeiros deberán ter un mínimo de 6 meses. A mesma duración deberá establecerse nos contratos mercantís que deberán subscribir as industrias cos primeiros compradores intermediarios dos que se provean. Agricultura esixirá ademais unha serie de requisitos ligados ó concepto de sostibilidade, como a inscripción das empresas no rexistro de pegada de carbono do Ministerio, a presentación dunha memoria anual sobre responsabilidade social corporativa (RSC) ou a adhesión ó código de boas prácticas de contratación comercial. Sostibilidade económica Con todo, o sector gandeiro bota en falta no borrador a aclaración do que é prezo sostible do leite. Organizacións como Unións Agrarias avogan porque o selo PLS sirva para identificar o leite que é pagado a “prezos sostibles” no campo e que se vende tamén a “prezos sostibles” na gran distribución, pois entenden que non é de recibo que haxa briks a menos de 60 céntimos no supermercado que se están a comercializar co logo PLS. O sector gandeiro e industrial están a facer aportacións ó borrador do proxecto de certificación do selo PLS e haberá que agardar para comprobar que decisións toma o Ministerio sobre as propostas que lle chegan de toda a cadea de valor do leite.

A Xunta publicará un decreto galego de primeiros compradores se o Ministerio non o fai este mes

A Consellería do Medio Rural amaga con publicar o seu propio decreto de Primeiros Compradores no sector lácteo ante a pasividade do Ministerio de Agricultura, que leva xusto un ano cun borrador de decreto atascado. Así o anunciou este martes a conselleira Ánxeles Vázquez durante a reunión do Consello Agrario Galego -a primeira nun ano-, o órgano oficial de interlocución entre a Xunta e as organizacións agrarias. En febreiro de 2016 o Ministerio de Agricultura presentou o borrador do Decreto de Primeiros Compradores de Leite e, aínda que a súa aprobación se anunciaba como inminente, leva máis dun ano de demora, sen explicacións por parte do Goberno Central. Este atraso repercute de forma negativa principalmente en Galicia, onde ao redor do 30% do leite producido é recollido polos primeiros compradores, unha figura polémica á que as organizacións agrarias acusaron de deteriorar os prezos en conivencia con algunhas industrias e de recorrentes casos de impagos aos produtores lácteos. Neste sentido, tanto a Xunta de Galicia como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) levan nos últimos meses urxindo ao Ministerio a que publique o decreto no BOE para darlle estabilidade ao sector produtor. Ante a pasividade e falta de resposta do Ministerio, a conselleira do Medio Rural anunciou que se este mes de febreiro non se publica o decreto estatal a Xunta de Galicia elaborará o seu propio Decreto de Primeiros Compradores de Leite. Así o confirmaron a Campo Galego varias das organizacións agrarias que participaron na reunión, aínda que dende a Consellería do Medio Rural prefiren non avanzar máis información. A Xunta comprométese a presentar un borrador de Lei Agraria de Galicia e outro de desenvolvemento da Metaga neste primeiro semestre De feito, o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez, opta por destacar como principal punto da orde do día do Consello Agrario Galego o anuncio da Lei Agraria de Galicia. O compromiso da Consellería é presentar o borrador no primeiro semestre e aprobar nesta lexislatura esta norma, que en palabras da conselleira “amparará ao agro de xeito transversal”. Ademais, comprometeuse a que a lei someterase ao diálogo no Consello Agrario co obxectivo de que “saia adiante co maior consenso posible”. Ademais, a conselleira do Medio Rural informou de que no primeiro semestre deste ano presentaranse os borradores para o desenvolvemento da Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga).

Unións pide avais para os impagos dos primeiros compradores

O sindicato Unións Agrarias saúda o anuncio da conselleira do Medio Rural de redactar unha norma de rango autonómico de control dos primeiros compradores do sector lácteo se antes de finalizar o presente mes no se concreta unha similar por parte do Ministerio de Agricultura. Para a organización agraria esta actuación “resulta urxente dado o goteo constante de impagos aos gandeiros por parte dos chamados tratantes do leite que logo de deixar a centos de familias sen cobrar o leite, decláranse insolventes co que as posibilidades polo que as posibilidades do produtores de liquidar as débedas son nulas”.
Unións: “A norma galega debe esixir aos primeiros compradores dispor de avais para evitar impagos”
Por este motivo Unións agarda que “no ordenamento previsto se recolla a necesidade de dispoñer de avais para poder comercializar o leite das granxas”. “Por outro lado, debe de haber unha responsabilidade solidaria das industrias naqueles casos nos que sexan clientes exclusivos ou superen unha porcentaxe do volume de negocio con ese primeiro comprador”, engaden dende a organización agraria. Finalmente Unións levou ao Consello Agrario a esixencia de sancións para os que incumpren coa definición de sustentabilide ao longo da cadea de valor do leite. “Neste sentido, existen propostas de sustentabilidade aceptadas por produtores, industria e administración, que definen cales son os custes en cada chanzo da cadea, polo que só é necesario que este se aplique, polo menos a aqueles que asinaron o acordo de setembro e así todos poidamos vivir no sector e se deixe de formar o prezo do leite na distribución de xeito inverso”, explican dende o sindicato. O Sindicato Labrego defende que nas axudas da Xunta a industrias lácteas e adegas se primen ás que non teñen impagos cos produtores Pola súa parte, dende o Sindicato Labrego Galego lembran que “o decreto de primeiros compradores é unha gran necesidade para Galicia”. “Hai entramados societarios que sistemáticamente deixan impagos aos gandeiros e logo volven aparece con outro nome, e aínda así seguen recibindo axudas da Xunta”, denuncia a secretaria xeral do Slg, Isabel Vilalba. Neste sentido, dende a organización agraria reclámanlle á Consellería do Medio Rural que “un parámetro básico para que podan acceder ás axudas é que estean ao día no pago aos produtores, e o mesmo se podería aplicar para a adegas, primado a aquelas que asinan contratos homologados cos viticultores e non tiran cos prezos”.
Slg: “Hai primeiros compradores con impagos que se benefician das axudas da Xunta”
Ademais, Isabel Vilalba reclamou que o Decreto de Primeiros Compradores “máis que poñer o foco na esixencia dun volume mínimo comercializado, debería prestar máis atención a darlle garantías ao gandeiro ante os impagos e ante prezos por debaixo dos custos de produción”. A este respecto, a secretaria xeral do Sindicato Labrego tamén reclamou á Xunta “que haxa unha definición de sustentabilidade dende Galicia”. “Debería haber un estudo dende Galicia dos custos de produción do leite coa nosa realidade, e non fiar ao que faga o Ministerio tendo en conta a realidade de Soria ou de Andalucía. Para iso, a Xunta debería repor as prazas dos investigadores que se xubilan no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, onde si se fixeron no pasado estes estudos”, asegura Isabel Vilalba. Por último, a secretaria xeral do Sindicato Labrego critica que a Xunta “non tivera convocado o Consello Agrario Galego dende hai un ano, cando por estatutos se debería reunir cada catro meses”.
 

Denuncian a Carrefour por regalar 6 litros de leite por 25 euros de compra

A Organización de Produtores de Leche (Opl) denuncia certas ofertas realizadas por algunhas superficies comerciais, nas que se regala o leite, por unha compra dun importe determinado. En concreto, refírese á campaña de Carrefour en Medina de Rioseco (Valladolid) pola que durante a próxima semana anuncia que regalará 6 litros de leite da súa marca branca por 25 euros de compra, unha oferta que a multinacional francesa ha repetido noutras ocasións. Tras a denuncia da Opl, a cadea de supermercados retirou a súa oferta do seu muro de Facebook. Desde a organización gandeira critican que “deste xeito non se está cumprindo o acordo asinado o 23 de setembro de 2015, onde industria, distribución e Ministerio de Agricultura mostraron o seu compromiso (...) a non banalizar o produto e darlle o seu xusto valor na cadea, cousa que con ´promocións´ ou ´ofertas´ coma esta nin moito menos se cumpre e parécenos unha vergoña”. “Carrefour e Lactalis incumpren claramente o acordo” O presidente da Opl, José Alberto Martín, lamenta que con esta situación “seguimos vendo que ese acordo só foi un escaparate e nada se está cumprindo, nin por parte da distribución nin tampouco por parte da industria, ao non trasladar ao gandeiro parte da subida acordada”. Neste sentido, citan o caso de Lactalis, da que sinalan que como a outra multinacional francesa da distribución, Carrefour, “incumpren clara e descaradamente o acordo”. Asemade, lembra que os produtores tampouco viron ningún tipo de sancións exemplares ás empresas incumpridoras. Ademais, desde a Opl advirten que “os gandeiros estamos cansados de acordos que non serven de nada e máis aínda vendo como os prezos do leite noutros países tanto de Europa como de fóra presentan, estes meses, distintas subidas, mentres en España a gran maioría de granxas aínda non percibiu nin un céntimo á alza”.

A Interprofesional pídelle ó Ministerio avances na sostibilidade da cadea do leite

O novo presidente da Interprofesional Láctea (INLAC), José Armando Tellado (Capsa), mantivo un encontro coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para trasladarlle os obxectivos principais cos que está a traballar. Entre eles, Tellado destacou a necesidade de avanzar no acordo lácteo asinado en setembro do 2015 e pediulle ó Ministerio que se implicase en concretar o concepto de “sostibilidade”, que figura na redacción de dito acordo. A INLAC considera prioritario centrarse na definición e cuantificación do que se entende por “sostibilidade” no sector, pois o acordo comprometía ás distintas partes (grupos de distribución, industrias e gandeiros) nunha cadea de valor do leite sostible, na que as distintas partes percibisen remuneracións que garantisen o seu futuro. Desde a Interprofesional lembran que elaboraron un estudo, a través dunha consultora externa, que podería ser útil para precisar os niveis de sostibilidade. A entidade tamén lle trasladou ó Ministerio a necesidade de redefinir a utilidade do selo PLS (Producto Lácteo Sostenible) en relación a cuestións coma orixe, sostibilidade e transparencia para o consumidor. Campaña de promoción Outra das cuestións nas que se centrará o traballo da INLAC é na promoción dos beneficios do leite e dos produtos lácteos, de cara a revertir a tendencia actual de descenso do consumo. O organismo ten previsto iniciar esta primavera unha campaña de promoción que se extenderá tamén ó longo do 2018. No encontro, o presidente da INLAC estivo acompañado polo vicepresidente do organismo, Ramón Artime (Asaja), e pola directora xerente da Interprofesional, Águeda García-Agulló. Tellado, por último, aproveitou para agradecerlle a ministra a súa participación en actos de promoción dos lácteos nas escolas.

O novo presidente da INLAC reúnese coa conselleira do Medio Rural

O director xeral de Capsa (Clas, Larsa), José Armando Tellado, é novo presidente da Interprofesional Láctea desde o pasado 24 de outubro. Tras o seu nomeamento, está a manter encontros institucionais para trasladarlle ós axentes do sector os seus obxectivos ó fronte da Interprofesional, un organismo no que participan industrias lácteas, cooperativas e organizacións agrarias. No marco deses encontros, Tellado reuniuse estes días coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Na reunión, o presidente da INLAC destacou como principais liñas de traballo a promoción dos lácteos, de cara a aumentar o seu consumo, e a valorización do sector. O encontro, no que tamén participaron a directora xerente da Interprofesional, Águeda García-Agulló, e o director xeral de Feiraco -e membro da directiva da INLAC-, José Luis Antuña, serviu tamén para analizar en conxunto a situación do sector lácteo galego e do resto de España. Acordo lácteo Tellado trasladoulle á conselleira que unha das súas prioridades pasa por potenciar ó máximo o acordo lácteo asinado en setembro do 2015, pois considera que é unha canle de diálogo importante entre os integrantes das cadeas de produción e transformación -integrantes da INLAC- coa distribución. En canto á promoción do leite, o presidente da Interprorfesional avanzoulle á Xunta a nova campaña que iniciarán este ano: 'Di si a los lácteos a todos los que dicen NO a los lácteos'. Tellado tamén lle agradeceu á Xunta a súa implicación na celebración en Galicia do Día Mundial dos Lácteos na Escola, unha efeméride promovida en España pola Inlac que trata de sensibilizar á poboación escolar da importancia do consumo de leite na infancia.

“O Acordo lácteo non se está a materializar en melloras para os gandeiros”

Pasado un ano da sinatura do Acordo lácteo, é tempo de balances. Das opinións que trascenderon estes días, a do Ministerio é a máis positiva, en tanto as organizacións agrarias ven máis sombras que luces. A asociación Terra e Leite, creada para reivindicar a importancia estratéxica do sector lácteo galego, é tamén das que atisba poucos progresos na situación do sector. Nun texto publicado na súa web, Terra e Leite incide en que o Acordo lácteo non se está a materializar, no curto prazo, en melloras para os gandeiros. “O Acordo non aportou nada ou moi pouco. Complicou a xestión da compra tanto para o gandeiro como para a industria, unha parte dos contratos segue a facerse por periodos moi curtos e segue habendo gandeiros sen contrato”, analizan desde a asociación. “En xeral o balance non é bo. A normativa publicada pola Administración conseguiu desvertebrar aínda máis a relación entre gandeiros e industrias, co agravante de deixar libre á distribución na súa estratexia”.
"A normativa desvertebrou aínda máis a relación gandeiro - industria, co agravante de deixar libre á distribución"
Os problemas de fondo da cadea láctea continúan sen afrontarse, segundo a visión de Terra e Leite. “O sector lácteo carece de estratexia e semella que se espera a que os problemas se resolvan sos. Os principais actores da cadea van por libre e as diferentes administracións públicas limítanse a capear o temporal”, valoran. “Como xa dixemos no seu momento, é imprescindible dotar de transparencia á cadea de valor ao longo de todos os seus ellos, de tal xeito que, igual que coñecemos todo entre industrias e produtores, coñezamos tamén o prezo real que a distribución paga a industria, incluíndo cargos extras”, sinala a asociación na súa web, nun texto elaborado inicialmente para o xornal El Progreso.
"No ánimo de ver aspectos positivos, o seguemento do Acordo pode facilitar un marco de diálogo para os axentes do sector"
Terra e Leite conclúe que o Acordo polo de agora non tivo influencia no día a día das explotacións lácteas. “No ánimo de ver aspectos positivos, o seguemento do Acordo pode constituír un marco de diálogo entre os axentes do sector, e o feito de que se incorporara unha organización que non asinara inicialmente, a UPA, valorámolo positivamente”. Perspectivas En canto ás perspectivas do sector para os próximos meses, a asociación incide en que hai que esperar unha recuperación, tanto pola redución da oferta global de leite como pola suba dos prezos internacionais de materia graxa e proteína. Terra e Leite enmarca a crise láctea en Galicia nun contexto global e sinala que a recuperación producirase de xeito global. “Os prezos en España están nos niveis de Europa. É máis, se comparamos con algúns países como Alemaña, Irlanda, Holanda ou Polonia temos un prezo superior. Estamos no nivel de Francia”.

O Acordo lácteo, bo rumbo, pouco gas

O primeiro ano do Acordo lácteo, suscrito en setembro do 2015 entre industrias, produtores, distribución e Ministerio de Agricultura, sáldase con un balance de luces e sombras. O sector gandeiro considera positiva a folla de ruta que establece o pacto, pero advirte de que son necesarios maiores avances. A formación dunha cadea de valor sostible desde a granxa ata o punto de venda final continúa a ser o principal reto, aínda sen resolver. “Precisamos estabilidade. Non pode ser que no campo hai un mes ningunha industria che quería levar o leite e que agora anden pelexándose por el” -cuestiona Román Santalla, de Unións Agrarias-Upa.- “Temos un país no que a maior parte da produción emprégase en leite líquido e queixos, polo que hai marxe para ter un acordo interno que nos dea estabilidade a todas as partes e que non se vexa afectado pola volatilidade dos mercados internacionais”, reflexiona.
"Hai un mes non che quería o leite ninguén e agora andan pelexándose por el. Necesitamos máis estabilidade" (Román Santalla, Unións Agrarias)
Prezos de cesión da industria á distribución Un dos puntos de conflicto do sector sitúase na contratación entre industrias e cadeas de supermercados. O Ministerio de Agricultura, tal e como comprometera no Acordo lácteo, está a recabar desde o pasado mes de xuño os datos dos prezos de cesión do leite entre industrias e distribución, de cara a analizar se hai cadeas de supermercados que están presionando á baixa os prezos, tal e como se denuncia desde o sector. Os datos individualizados de cada grupo de distribución non poden trascender pola normativa de Competencia, se ben Agricultura anunciou a elaboración dun informe xenérico sobre a contratación entre industrias e distribución. O sector agarda a coñecelo e pide tamén a intervención do Ministerio para resolver os problemas que vaia detectando.
Agricultura xa dispón dos datos dos prezos de cesión do leite entre industria e distribución
“Agora que o leite comeza a subir no campo, o lóxico é que as cadeas de supermercados paguen máis por el, pero preguntei na comisión de seguemento do Acordo lácteo que tivemos onte e o Ministerio di que os prezos entre industria e distribución mantéñense estáticos” -apunta Santalla-. “Se queremos unha cadea de valor sostible, ten que haber unha traslación de prezos ó longo de toda a cadea”. Identificación da orixe Outro foco de conflicto radica na identificación da orixe do leite e dos produtos lácteos. As organizacións agrarias avogan por unha identificación obrigatoria, a imaxe do que xa se está a facer en Francia, pero desde o Ministerio hai reticencias a esa obrigatoriedade e destácanse os avances na sinalización voluntaria. Hai un ano, os folletos promocionais dos supermercados só identificaban a orixe do 15% dos lácteos. Agora esa porcentaxe subiu ó 62%.
O Ministerio destaca que en España os prezos no campo caíron un 3% no último ano, cando a media na UE foi do 13%
O Ministerio de Agricultura, de todos os xeitos, traballa nun real decreto sobre a etiquetaxe dos lácteos que lle trasladará ó sector previsiblemente este outono. Prezos no campo O balance que se fai do primeiro ano do acordo lácteo por parte do Ministerio é máis positivo. Agricultura incide en que os prezos do leite no campo en España resistiron mellor a crise. En Europa, a caída media de prezos no último ano foi do 13%, en tanto en España a caída quedouse no 3%. Por primeira vez nos últimos anos, o prezo medio do leite en España sitúase por riba da media da Unión Europea, segundo destaca o Ministerio. A redución das ofertas de leite a baixos prezos nas cadeas de distribución é outro dos logros sobre os que incide Agricultura. O punto que si obtén a unanimidade de todos os axentes da cadea apunta á necesidade de impulsar campañas de promoción de consumo. Agricultura anunciou na reunión de onte unha campaña de consumo nas escolas que todo o sector coincidiu en considerar como positiva.